Apicultura

Galicia celebra este domingo o Día Mundial da Abella con múltiples actos

20/05/2018 10:09 a.m.

Galicia súmase este domingo á primeira celebración do Día Mundial da Abella, declarado pola ONU o pasado mes de decembro. Recoñécese deste xeito a importancia destes insectos para a vida no planeta, polo seu papel esencial como polinizadores da flora, tanto da salvaxe como dos cultivos para consumo humano.

E é que máis do 75 por cento dos cultivos alimentarios do mundo dependen en certa medida da polinización para obter rendementos e calidade. A ausencia de abellas e outros polinizadores eliminaría o café, as mazás, améndoas, tomates e o cacao, por citar tan só algúns dos cultivos que dependen da polinización.

En Galicia, e malia as ameazas como a Vespa Velutina ou a perda de biodiversidade coa expansión das plantacións de eucaliptus nitens, a apicultura é un sector en alza ao que se dedican de forma profesional ou semiprofesional miles de persoas. Mostra deste “boom” é a evolución do Censo Apícola de Galicia, que pasou dunhas 90.000 colmeas rexistradas en 2010 a arredor de 160.000 en 2017.

Na web www.worldbeeday.org pódense ver parte dos eventos que hai convocados ó longo do planeta.

Actos previstos en Galicia

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) festexará este día en Allariz no Festival Internacional de Xardíns, con motivo da creación da Escola Galega de Apicultura e o remate do Curso Superior de Apicultura Comercial. Ademais as DAGAs tamén celebrarán este día con varias actividades.

A continuación publicamos un resumo dos lugares e actividades a realizar.

Allariz:

Festival Internacional de Xardíns de Allariz. De 11 h. a 14 h.
Obradoiros, degustacións e información sobre os produtos apícolas e a loita contra a Vespa velutina, por parte do alumnado do Curso Superior de Apicultura Comercial, que atenderán a todos os abelleiros e abelleiras que se acheguen ese día.

Baiona:

Organizada por DAGA RÍAS BAIXAS celébrase este domingo a II Feira Apícola Val Miño. Será no da Paseo Ribeira, na entrada do Parador.

Narón:

DAGA Ferrolterra celebra Día Mundial da Abella no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros.

-Ás 10 h. "Técnicas de control da velutina por estacións", polo Grupo de Traballo de AGA.

-Ás 11.30 h. "Apiterapia, uso terapéutico dos produtos da colmea", por José Castro, apiterapeuta. Ó finalizar as charlas haberá un xantar de irmandande.

Actos da Asociación Apícola Ourensá e da Agrupación Apícola de Galicia

Tamén a Asociación Apícola Ourensá celebrou o Día Mundial da Abella na Casa Museo de Otero Pedrayo, en Amoeiro (Ourense). Ducias de persoas participaron pola mañá nun obradoiro de elaboración de fórmulas con própole

[caption id="attachment_65962" align="aligncenter" width="660"] Foto gañadora do  Concurso Apifotográfico da Agrupación Apícola de Galicia[/caption]

A Agrupación Apícola de Galicia tamén celebrou o Día Mundial da Abella co Concurso APIFotográfico no que participaron máis de 30 apicultores. O gañador foi Marcos López Fernández, coa súa foto facendo garda no seu apiario para cazar velutinas.

Tamén a Casa do Mel de Goente, en As Pontes, celebrou este domingo actos co motivo do Día Mundial da Abella.

[box style="0"]

A FAO lembra que “as abellas necesitan protección para garantir o futuro dos nosos alimentos”

A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) insta os países e ás persoas a facer un maior esforzo para protexer ás abellas e outros polinizadores, “ou arriscarse a sufrir unha diminución drástica da diversidade alimentaria”.

Neste sentido, a FAO advirte de que “as abellas están gravemente ameazadas polos efectos combinados do cambio climático, a agricultura intensiva, os praguicidas, a perda de biodiversidade e a contaminación”.

O Director Xeral da FAO, José Graziano da Silva, presente en Eslovenia para a cerimonia oficial de conmemoración do Día Mundial das Abellas, asegurou que os países deben adoptar políticas e sistemas alimentarios máis favorables aos polinizadores.

“Non podemos seguir centrándonos en aumentar a produción e a produtividade en base ao uso xeneralizado de praguicidas e produtos químicos que ameazan os cultivos e aos polinizadores”, advertiu Graziano da Silva.

“Debemos agora converter as nosas palabras en acción, e levar a cabo actuacións específicas para manter as abellas e outros polinizadores, asegurando así a súa supervivencia e, por conseguinte, nosa propia supervivencia”, dixo pola súa banda o ministro esloveno de Agricultura, Bosques e Alimentación, Dejan Židan.

A cerimonia oficial para o primeiro Día Mundial das Abellas celébrase este domingo na localidade eslovena de Breznica, a 50 km ao noroeste da capital, baixo o patrocinio do presidente de Eslovenia, Borut Pahor. Breznica é o lugar onde naceu en 1734 Anton Jansa, un apicultor e pioneiro da moderna apicultura. A súa data de nacemento, o 20 de maio, foi elixida para ser celebrada cada ano como Día Mundial das Abellas.

Eslovenia, xunto coa FAO, contribuíu a establecer o día internacional a través dunha resolución da Asemblea Xeral aprobada por unanimidade o ano pasado, co apoio de Apimondia -a Federación Internacional de Asociacións de Apicultores-, a Asociación de Apicultores de Eslovenia e o Ministerio esloveno de Agricultura, Bosques e Alimentación.

[/box]

Ir a la portada