Agroalimentación

Gadisa segue utilizando o leite como produto reclamo

A rede de establecementos Cash-Ifa, pertencente a Gadisa, oferta leite Camponuestro a 0,51 €

21/09/2015 9:22 p.m.

A rede de establecementos Cash-Ifa, pertencente ao grupo empresarial galego Gadisa, segue ofertando o leite como produto reclamo. En concreto, no seu folleto informativo de ofertas do 16 ao 29 de setembro, oferta leite Camponuestro a 0,51 €.

Incúmprese desta forma o compromiso expresado verbalmente polo propio presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro, o pasado xoves, día 17. Ante a ameaza dos gandeiros de bloquear o seu centro loxístico en Betanzos, Tojeiro comprometeuse de palabra a deixar de utilizar o leite como produto reclamo.

“Onte mesmo dei orde de subir o leite nos supermercados ata 59 céntimos. Tratamos sempre de poñer o prezo máis baixo posible para o consumidor, pero en circunstancias excepcionais como esta, estamos dispostos a colaborar cos gandeiros”, asegurou entón.

Gadisa é unha cadea galega de distribución que se distinguiu nos últimos meses por promocións que situaban o brik de leite en ata 50 céntimos. Desde a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego veñen reclamando que o prezo do leite para o cliente non debería baixar de 65 céntimos, para que o gandeiro, e o resto dos elos da cadea, reciban un prezo sustentable.

Neste sentido, o presidente da Unión de Consumidores de Galicia , Miguel López, subliñaba recentemente nunha entrevista en Campo Galego, a importancia dunha colaboración entre gandeiros e asociacións de consumidores para promover unha compra responsable de produtos lácteos.

Etiquetado
Ir a la portada