Noticias de empresa

Gadis reparte 30.000 quilos de produtos entre 11 bancos de alimentos

17/04/2020 4:54 p.m.

Supermercados Gadis suma unha nova iniciativa á campaña #Gadiscolabora, que desenvolve no marco do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa. Nesta ocasión, a compañía fixa o seu obxectivo solidario en 11 bancos de alimentos de Galicia e Castela e León e outras organizacións benéficas. En total, a doazón ascende a 30.000 quilogramos de produtos non perecedoiros.

Os bancos de alimentos solicitaron, fundamentalmente, produtos básicos de alimentación atendendo ás carencias detectadas en fogares e diversas entidades coas que colaboran. En resposta a esta demanda, Gadis priorizou a entrega de leite, galletas, cereais, conservas, aceite, legumes e arroz, o que supoñen máis de 40.000 unidades de produto.

A compañía coopera de forma habitual cos bancos de alimentos pero quixo reforzar o seu apoio nestes momentos debido á perentoria situación que atravesan os máis vulnerables. O once entidades que percibirán a axuda son as da Coruña, Ferrol e Santiago (Banco de Alimentos Rías Altas), así como as de Vigo, Ourense, Lugo, Valladolid, León, Ponferrada, Ávila, Zamora, Salamanca e Palencia.

Gadis tamén quixo colaborar coa Cociña Económica da Coruña e Ferrol, así como do Fogar do Transeúnte de Ponferrada, ademais doutras organizacións benéficas de ambas as comunidades autónomas ás que está a prestar a súa axuda.

Estas iniciativas solidarias súmanse ás que está a levar a cabo Supermercados Gadis nestes días. A máis recente, a repartición de 300.000 botellas de auga para os profesionais sanitarios en hospitais públicos e privados de Galicia e Castela e León como recoñecemento ao extraordinario labor que están a desenvolver.

#Gadiscolabora é o eixo destas accións de RSC que mostran o compromiso social da compañía, brindando o seu apoio desde diferentes ámbitos de actuación e pondo de relevancia a súa proximidade á sociedade, un dos valores fundamentais da filosofía empresarial de Gadis.

Etiquetado
Ir a la portada