Leite

Francia multa a 11 grupos lácteos por pactar prezos de venda á distribución

A multa ascende a 192,7 millóns de euros. As empresas implicadas pactaban as subas que lle ían trasladar ás cadeas de supermercados nas marcas blancas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 13/03/2015 9:19 a.m.

Se hai uns días se coñecía que en España se sancionaba a 9 industrias lácteas por pactar prezos de compra ós gandeiros, agora trascenderon as sancións que as autoridades de Competencia de Francia lle aplican a 11 industrias lácteas galas por pactar os prezos de venda á distribución entre o 2006 e o 2012. As multas ascenden a un total de 192,7 millóns de euros. A autoridade francesa de Competencia sostén que as empresas se puñan de acordo nas subas que lle aplicaban ós supermercados, así como no reparto dos volumes que comercializaban a través das marcas blancas.

O acordo entre o sector foi liderado por catro industrias: Yoplait, Novandie, Lactalis e Senoble. As reunións de carácter reservado entre as industrias celebrábanse en hoteis que ían cambiando e mesmo en apartamentos privados. Os responsables das industrias contaban tamén para as comunicacións entre eles con liñas secretas de móbiles que estaban a nome doutras persoas, segundo indica Competencia.

As industrías púñanse de acordo nas subas que lle ían anunciar á distribución, así como na xustificación das mesmas. A colaboración das empresas Yoplait, que quedou exenta de sancións pola súa participación na investigación, e Senoble permitiu que autoridade francesa de Competencia dispuxera de abundante material probatorio das prácticas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Así, un diario secreto que levaba o representante de Yoplait nas negociacións indica como eran as reunións nas que se acordaban as subas. Nunha reunión do 4 de xullo do 2007, escribía: “O aumento dos prezos entrará en vigor o 1 de outubro nos seguintes termos: + 3% nos postres, + 4% no iogur, + 5% no queixo fresco e nata (…) Os participantes estiveron de acordo sobre a orixe dos incrementos de custos que poderían xustificar a suba ante os clientes”.

Do mesmo xeito, Yoplait asegurou que no 2011 se adoptou a decisión de anunciarlle un alza do 8% á distribución co obxectivo de acadar realmente unha suba do 6%, así como un aumento medio 2010-2011 do 10% dos prezos.

As industrias lácteas tamén se repartían os volumes que comercializaban a través de marcas de distribución e tiñan un pacto de non agresión para evitar a perda de suministradores. Se un grupo perdía un cliente, a empresa que obtivera contratos con esa cadea de supermercados adquiría unha débeda coa industria que perdera as vendas, establecéndose un sistema de compensacións entre elas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A autoridade francesa de Competencia estima que esas prácticas anticompetitivas perxudicaban en especial ós consumidores.

A contía das sancións foi a seguinte:

- Yoplait: 0 euros (por colaborar en primeira instancia).
- Senoble: 46 millóns de euros (acollida a medidas de clemencia en segunda instancia).
- Novandie (38,3 millóns de euros)
- Lactalis Nestlé: 56,1 millóns de euros
- Lactalis Beurres & Crèmes: 4 millóns de euros.
- Maître Laitiers du Cotentin: 22,9 millóns de euros.
- Yeo Frais: 12,9 millóns de euros.
- Laïta: 8,1 millóns de euros.
- Alsace Lait: 3,6 millóns de euros.
- Laiteries H. Triballat: 1,4 millóns de euros.
- Laitarie de Saint Malo: 300.000 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A situación de prezos dos produtos lácteos nas cadeas de supermercados francesas era unha referencia para o sector lácteo en España, que adoitaba comparar a banalización dos produtos lácteos nos supermercados españoles cos prezos máis altos que tiñan en Francia.

En España, ó coñecerse hai uns días as sancións de Competencia as industrias lácteas españolas, o sector produtor lamentou que Competencia non entrase a sancionar á distribución, á que se responsabiliza en España de prácticas que contribúen a presionar os prezos á baixa, de xeito que se perxudica a toda a cadea de aprovisionamento (gandeiros, industrias, etc.).

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada