Desenvolvemento rural

Formación sobre a aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios en Monforte de Lemos

O curso organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria terá unha duración de 35 horas e celebrarase de xeito semipresencial a partir do vindeiro luns día 6

Campo Galego 02/09/2021 11:46 a.m.

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) vén de programar un novo curso arredor da aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios de nivel cualificado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos (Lugo). A formación desenvolverase de xeito semipresencial dende o vindeiro luns 6 ata o 30 de setembro en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Este curso, financiado pola Consellería de Medio Rural, vai dirixido a calquera profesional do sector primario que estea relacionado coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural que teñan expectativas de se incorporación ao sector.

Para garantir unha correcta aprendizaxe, este curso da Agacal terá unha duración de 35 horas e marcarase como principal obxectivo formar de xeito adecuado aos potenciais operadores de fitosanitarios coa fin de que acaden o nivel adecuado para cumprir coa normativa vixente. Nesa liña, aprenderáselles a facer un uso sostible destes produtos e tamén das proteccións antes os riscos derivados do seu uso.

Así, ao longo da súa programación abordaranse conceptos como as pragas dos cultivos e os seus métodos de control, a limpeza, regulación e calibración dos equipos técnicos e a correcta eliminación dos envases baleiros. Tamén se tratarán cuestións como a relación do traballo coa saúde e a normativa sobre prevención de riscos laborais.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Ese documento deberá remitirse finalmente ao correo electrónico maria.lourdes.diaz.fernandez@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 889 103 para máis información.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego. Os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

A acción formativa, organizada a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrarse de maneira semipresencial a partir do vindeiro luns día 6

Etiquetado
Ir a la portada