Agroalimentación

A Fonsagrada celebra esta fin de semana a súa Feira do Butelo

As industrias locais comercializarán 10.000 quilos deste produto da matanza típico da montaña de Lugo

Campo Galego 10/02/2023 9:12 a.m.

A Feira do Butelo da Fonsagrada, que se celebra este sábado e domingo, é unha das citas gastronómicas máis asentadas do inverno galego e que este ano 2023 chega á que é a súa 26 edición.

A Feira do Butelo da Fonsagrada celébrase todos os anos a fin de semana anterior ao Entroido. Clasificada como Festa de Interese Turístico de Galicia, nela pódense mercar todo tipo de produtos gastronómicos, especialmente os derivados do porco, coma o butelo.

Trátase dun embutido típico da zona da Fonsagrada feito de costelas e outras partes do porco adobadas e metidas no estómago do porco e logo curado e afumado con leña de carballo.

10.000 quilos de butelo elaborados por empresas locais

Na edición deste ano poranse á venda uns 10.000 quilos de produto, elaborados polas industrias locais, entre elas Casa Castelao e Embutidos Buenavista, que contarán con postos na feira.

A Feira do Butelo abre o calendario de feiras da comarca que forman parte do Pasaporte Gastronómico, unha iniciativa turística do Xeodestino Ancares Terras de Burón que busca potenciar o territorio a través de 14 feiras ao longo do ano. 

Coma sempre, o cartel desta edición da Feira do Butelo da Fonsagrada homenaxea ao humorista Forges, natural deste municipio da montaña de Lugo e que chegou a apadriñar a celebración antes do seu falecemento.

Dinamización da hostalaría

A celebración da Feira do Butelo serve para dinamizar o comercio e a hostalaría local, tanto bares e restaurantes como casas de turismo rural e outro tipo de aloxamentos, que rozarán o cheo durante toda a fin de semana. 

Desde a súa orixe a Feira do Butelo consolidouse como un referente no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo ao Entroido, podendo os visitantes aproveitar para adquirir produtos da matanza típicos destas datas, como chourizos, lacóns, touciño, cachucha, soá ou o propio butelo. 

Programa

A feira dará comezo o sábado 11 de febreiro ás 10:00 horas coa apertura da carpa que permanecerá aberta ata ás 20:00 horas. Ás 12:30 horas terá lugar a inauguración oficial da festa e, a continuación, ás 13:00 horas dará comezo o paseo polos diferentes postos.

O domingo a apertura da carpa será tamén ás 10:00 e o peche ás 20:00. A recepción de personalidades terá lugar ás 12:00 e ás 12:30 o grupo de música tradicional Illa Pancha actuará para todos os presentes.

A entrega da distinción do Butelo de Ouro, que será para aquelas persoas voluntarias que durante o confinamento realizaron mascarillas para os veciños, terá lugar ás 13:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello e a continuación, ás 13:30 horas, será a actuación musical da asociación cultural local Antaruxas e Sorteiros.

Ir a la portada