Madeira

O eucalipto nitens demostra aptitude para o aserrado de táboas de calidade

Finsa e a Universidade de Santiago comproban que a especie ten potencial para a industria da madeira e mesmo se baralla que poida chegar a empregarse para usos estruturais en construción

Campo Galego 23/11/2021 9:28 a.m.

O aserrado de táboa de calidade pode ser un dos novos usos para os que se destine a madeira do eucaliptos nitens, empregada na actualidade case en exclusiva para pasta de papel. Esa é unha das oportunidades para incrementar o valor engadido desta madeira que se presentan, segundo conclúe unha investigación conxunta realizada por Finsa e a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago.

Ambas entidades desenvolveron o estudo a través da Unidade Mixta de Investigación Eixo dende 2018, unha unidade que contou cun investimento total de 1,8 millóns de euros. O obxectivo deste grupo de investigación centrouse en procurar alternativas coas que incrementar o valor engadido de madeiras como o eucalipto ou o piñeiro.

No caso do eucalipto nitens, estudaron as características da madeira dende a árbore para lograr obter unha táboa de calidade. Realizaron unha caracterización e clasificación das características desta madeira de xeito que se poida facer unha catalogación visual. Estes son os primeiros pasos para que esta madeira se inclúa dentro das Normas europeas UNE, o que abriría a porta a que sexa empregada polos prescritores, ó poder coñecer estes as características mecánicas de dita madeira.

Contar con esta norma UNE é un avance significativo, tal e como sinalan desde a Unidade Mixta de Investigación, posto que ata que unha especie dispón deste tipo de normas o seu uso por parte de prescritores está moi limitado, xa que non hai garantías sobre as súas características. A intención é chegar a empregar a madeira de eucalipto nitens tamén con fins estruturais, mais é aínda un proceso longo.

O obxectivo é que a madeira de eucalipto nitens se poida empregar nun futuro para fins estruturais, pero é un proceso longo

Se finalmente se confirma o proceso de acreditación da Norma UNE, abriranse novas oportunidades de aproveitamento para o eucalipto nitens. Desde o sector forestal opínase que esta madeira podería ser un complemento para a viabilidade de moitos serradoiros galegos, pois a industria forestal enfróntanse a unha progresiva redución da oferta de madeira en monte, como consecuencia da superficie que o nitens lle foi gañando no interior galego ó piñeiro, a principal madeira empregada no aserrado.

O eucalipto nitens, que se pode plantar a maiores altitudes que o tradicional eucalipto, o globulus, estendeuse de forma importante por toda Galicia nas últimas dúas décadas. Ademais de ser máis apto para o interior galego que o globulus, ten a vantaxe de ser máis resistente á praga do gurgullo e ofrece maiores crecementos, o que converteu ao eucalipto nitens nunha das especies predilectas dos propietarios forestais.

Investigacións co piñeiro
Xunto co eucalipto, na Unidade Mixta tamén abordaron a caracterización das propiedades, a optimización de rendementos e o estudo do serrado e secado da madeira de piñeiro, así como a súa clasificación mecánica.

Así, os ensaios desenvolvidos ó abeiro desta iniciativa permitiron constatar que a madeira dos montes galegos (piñeiro e eucalipto) ofrece unhas prestacións semellantes, cando non superiores, ós estándares do mercado, segundo precisaron os investigadores implicados neste proxecto. Ademais, no marco desta iniciativa tamén levantaron produtos estruturais innovadores para fachadas e cerramentos, ademais de solucións termoacústicas e outros avances en madeiras contralaminadas.

Outra das liñas de traballo deste grupo foron os estudos sobre a optimización do ciclo de vida da madeira respecto da pegada de carbono.

[caption id="attachment_158045" align="aligncenter" width="3008"] Manuel Guaita, Francisco Conde, Montse Valcárcel e Santiago Recamán no acto de clausura da Unidade Mixta de Investigación Eixo.[/caption]

Xornada de clausura

Os resultados foron presentados na xornada de clausura que se desenvolveu este luns na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. No acto o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e coordinador de Pemade, Manuel Guaita, reiterou os seus desexos de que as actuacións desenvolvidas sirvan para incorporar a bioeconomía a todo o proceso construtivo e permitan a Galicia avanzar de forma autónoma neste ámbito da edificación.

No acto tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o responsable de I+d+i en Finsa, Santiago Recamán, quen fixo un chamamento a contemplar o sector forestal e o aproveitamento dos seus múltiples potenciais como ferramenta para estruturar o medio rural galego, frear o seu progresivo despoboamento e mellorar a súa economía.

"No uso do piñeiro e do eucalipto, hai unha capacidade de desenvolvemento importante para aumentar a xeración de valor" (Francisco Conde, conselleiro de Economía)

Pola súa banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, puxo esta Unidade Mixta de Investigación como exemplo de boas prácticas ó permitir obter produtos estruturais innovadores para promover a construción en madeira. “Este proxecto pon de manifesto que na utilización tanto de piñeiro como de eucalipto hai unha capacidade de desenvolvemento importante para que a industria forestal siga xerando valor a través destes procesos de construción”, indica Conde.

Así, tal e como sinalou Conde, estes traballos amosan como a I+D+i aplicada ó sector forestal pode contribuír non só ó reto da transición ecolóxica, senón a dar valor engadido a toda a cadea monte-industria, ó potenciar os novos usos da madeira.

Etiquetado
Ir a la portada