Forestal

Finsa dispara o prezo do piñeiro de calidade, que volve ser alternativa no monte

O conselleiro delegado da compañía, José Carballo, anuncia unha suba a partir do 1 de xullo que se orienta ós piñeirais sometidos a podas e rareos. A empresa destinará esa madeira a usos de maior valor engadido

Campo Galego 05/06/2019 7:06 p.m.

O piñeiro entrou en coma coa crise da construcción, a partir do 2008, cando se desplomaron os seus prezos no monte. O valor das coníferas recuperouse parcialmente nos últimos anos, pero sen achegarse ás cotizacións anteriores á crise. A consecuencia máis inmediata foi que a especie perdeu atractivo para os propietarios forestais, ata o punto de que boa parte dos piñeirais que se cortaron na última década nas provincias atlánticas foron reemprazados por plantacións de eucalipto. O terreo de xogo vén de cambiar agora cun inusitado anuncio de Finsa, a principal industria consumidora de piñeiro.

A compañía galega vén de comunicar que a partir do 1 de xullo eleva o prezo do piñeiro de calidade dun xeito significativo. O conselleiro delegado de Finsa, José Carballo, anunciou na asemblea xeral da Asociación Forestal de Galicia que Finsa pagará 95-100 euros por metro cúbico de piñeiro de calidade posto en fábrica con corteza. Ese prezo aplicarase en exclusiva para a madeira de calidade, recta, limpa, sen nós, sen resina aparente, cun diámetro mínimo de 40 centímetros en punta delgada e en lotes de polo menos 30 toneladas.

"A revalorización é para unha pequena parte da madeira que se extrae dun piñeiral, pero permitirá duplicar o interese anual obtido dunha plantación" (AFG)

O aumento de prezo afecta, por tanto, só ás primeiras trozas das árbores sometidas a podas, xa que é imprescindible que a madeira careza de nós, de cara a ser empregada en usos industriais de maior valor engadido. A medida beneficiará ós piñeirais con coidados silvícolas, pois lograrán unha primeira ou dúas primeiras toradas de cada árbore que poderán cumprir con estes requisitos, en tanto o resto da madeira venderase como ata agora, ben como madeira de serra, ben como madeira de trituración, no caso dos menores diámetros.

As novas cotizacións para a madeira de calidade anunciadas por Finsa representan para o propietario un aumento de prezo de polo menos un 50% na madeira de calidade, unha suba que foi acollida con satisfacción pola Asociación Forestal de Galicia (AFG). “É certo que ese prezo é para unha pequena parte de toda a madeira que se extrae dun piñeiral, pero terá unha gran repercusión en conxunto para o propietario, pois permitiralle incluso duplicar a taxa de interese (TIR) que obtén do seu investimento”, calculan os técnicos da AFG.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) agarda que este compromiso de Finsa sexa seguido en próximas datas por parte dos serradoiros galegos, de xeito que tamén eleven o prezo para a madeira de piñeiro de calidade, na medida en que poidan valorizar no mercado este tipo de produto ‘top’.

Incentivo para o manexo silvícola dos piñeirais
O aumento do prezo para as coníferas de calidade incentivará o manexo silvícola dos piñeirais galegos, premiando a comunidades de montes veciñais e propietarios particulares que se están esforzando por lograr unha boa madeira.

A revalorización é tamén considerada pola Asociación Forestal de Galicia (AFG) como unha boa noticia para o monte galego, no que o piñeiro foi perdendo protagonismo nos últimos anos. Desde a AFG lémbrase que o piñeiro, ademais da súa función produtiva, ten unha gran importancia ambiental, paisaxística e social, en particular en ecosistemas costeiros, montes periurbáns e nas serras do interior galego.

A madeira, material do século XXI
O director xeral de Finsa, José Carballo, destacou na asemblea da AFG que espera dos propietarios forestais “a produción de madeira de calidade”, en tanto que “a industria -indicou- ten a obriga de buscarlle valor no mercado a esa madeira de calidade, que non é algo fácil”, recoñeceu.

Carballo concluíu subliñando que “investir na produción de madeira en Galicia vai ser un bo negocio e ademais alinéase cos intereses de Galicia. A madeira é o material do século XXI, que estará marcado pola bioeconomía, e Galicia ten a oportunidade de xogar un papel relevante nunha materia prima esencial para a sostibilidade do planeta”, rematou.

Etiquetado
Ir a la portada