Apicultura

Feira do mel esta fin de semana en Baleira

Os apicultores da montaña de Lugo xuntaranse o domingo no Cádavo para vender o seu produto. O día antes haberá unha charla técnica sobre as novas enfermidades das abellas

Campo Galego 27/10/2021 4:09 p.m.

[caption id="attachment_103271" align="aligncenter" width="660"] Imaxe dunha edición anterior da feira antes da covid-19[/caption]

Cita esta fin de semana co mel da montaña de Lugo. O vindeiro domingo 31 de outubro celebrarase a IV Feira do Mel no concello de Baleira. O encontro de abelleiros e clientes terá lugar na capital municipal, o Cádavo, durante todo o día. A apertura da carpa onde se situarán os produtores da comarca terá lugar ás 10 da mañá. Desde as 11 até a 1 do mediodía celebraránse tamén obradoiros de degustación e cata de mel e ás 12 será o espectáculo de Mamá Cabra dirixido a público infantil e familiar. 

Pero as actividades relacionadas coa apicultura e a produción de mel comezarán xa o día antes. En concreto, o sábado 30 celebrarase unha charla técnica sobre As novas enfermidades das abellas, impartida por Alberto Uría de El país del Abeyeiro.

É a cuarta edición desta feira do mel impulsada desde o GDR Montes e Vales Orientais para fomentar e apoiar a produción de mel na montaña lucense, coa incorporación ao sector de novos produtores que apostan pola profesionalización, o mel de calidade e pola diversificación da súa produción.

[box style="0"]

Primeira Xornada de Degustación da Tenreira dos Ancares

Na primeira fin de semana de novembro celébrase un ano máis, no polideportivo do Colexio de San Román, en Cervantes, a IX Feira de Artesanía. Esta cita, xa consolidada, vén desta volta cunha novidade, xa que coincidindo coa feira terá lugar a I Xornada de Degustación de Tenreira dos Ancares, en colaboración coa cooperativa de produtores de vacún A Carqueixa.

Durante todo o día haberá tamén obradoiros de distinto tipo e actuacións musicais. Para poder participar nas distintas actividades é necesario inscribirte previamente chamando ao teléfono 618590273.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada