Apicultura

A Feira do Mel de Baleira inclúe unha charla técnica sobre como combater a varroa de xeito natural

A fin de semana do 16 e 17 de novembro o Cádavo acolle a terceira edición dunha cita con encontro formativo de apicultores o sábado e venda ao público e obradoiros o domingo

Campo Galego 08/11/2019 8:27 a.m.

[caption id="attachment_103269" align="aligncenter" width="660"] Asistentes a unha edición anterior da Feira do Mel que se celebra en Baleira[/caption]

O concello de Baleira acolle a fin de semana do 16 e 17 de novembro a terceira edición da súa Feira do Mel. O sábado haberá encontro de apicultores e charlas formativas sobre como combater as enfermidades das colmeas de xeito máis ecolóxico e eficaz e o domingo haberá venda ao público e terán lugar distintos obradoiros para todas as idades.

Organizada pola Asociación Montes e Vales Orientais, que xestiona o Programa Leader no ámbito do GDR 3, ao que pertencen 13 concellos da provincia de Lugo (A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro), esta nova cita pretende ser un punto de encontro para os produtores destes concellos e un elemento máis de dinamización social para esta zona.

O programa inclúe actividades tanto formativas como lúdicas destinadas a apicultores e produtores da montaña lucensee e ao público en xeral que terán lugar durante toda a fin de semana no Cádavo, a capitalidade do concello.

A xornada do sábado 16 está pensada como un encontro de apicultores da zona e estará centrada na saúde das colmeas, con catro horas de formación a cargo de Alberto Uría Moreno, apicultor e docente experto en pragas e tratamentos ecolóxicos, que dará consellos para a mellora da sanidade apícola, non só como un elemento clave para unha produción rendible, senón como xeito de evitar a propagación de pragas e enfermidades por contaxio dunhas colmeas a outras.

O programa do sábado rematará cun magosto popular organizado polo Concello de Baleira a partir das oito da tarde con castañas, empanada, doces e animación musical. Será nunha carpa situada diante da casa do Concello, onde tamén terá lugar ao día seguinte a feira propiamente dita.

O domingo 17 os postos de venda abrirán as súas portas ás 10 da mañá. Acudirán produtores de toda a montaña e tamén de comunidades limítrofes como a asturiana. Malia a produción dispar de mel deste ano dependendo das zonas, agárdase unha boa afluencia tanto de público como de produtores.

Ademais da venda de mel, durante toda a mañá haberá distintas actividades para todos os públicos, coma obradoiros de elaboracións con cera, ou sobre fabricación de xabróns. Ás dúas da tarde será a entrega de premios aos gañadores do concurso de debuxo organizado nos colexios da zona.

[box style="0"]

Vantaxes dos tratamentos orgánicos fronte aos químicos

[caption id="attachment_103266" align="aligncenter" width="660"] Colmeas de Alberto Uría en Robledo, en Negueira de Muñiz[/caption]

Alberto Uría  ten 160 colmeas repartidas entre o municipio asturiano de Ibias e o galego de Negueira de Muñiz e comercializa a súa produción baixo a marca Outurelos. Traballa ademais noutros proxectos de recuperación etnográfica e patrimonial, como o museo que abriu este ano no lugar de Pena da Nogueira, e dá cursos de apicultura e de horta ecolóxica. El será o encargado de impartir a formación técnica do sábado, dirixida a apicultores.

Alberto defende unha apicultura máis natural e en simbiose coa natureza e o territorio, que dá como resultado un mel de máis calidade e sen os residuos que deixan os tratamentos químicos empregados para o control de pragas. Por iso, tratará de concienciar aos apicultores na utilización de produtos máis naturais para o tratamento das enfermidades da colmea. "Moita xente segue usando tratamentos de síntese química para tratar enfermidades como a varroa e hai pouca conciencia sobre os residuos que moitos deses produtos deixan nas colmeas e no mel, cando hai novos tratamentos orgánicos, como o timol, o ácido axálico ou o ácido fórmico, que funcionan moi ben e son moito máis inocuos e deixan moitos menos residuos", explica.

"Os tratamentos de síntese química son cada vez menos efectivos e deixan moitos residuos no mel. Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas"

Nas charlas formativas que impartirá o sábado en Baleira, explicará por exemplo como tratar a varroa con ácido fórmico. "Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas. Os ensaios con ácido fórmico están funcionando moi ben, pero a xente non os coñece", asegura.

Pero ademais de explicar aos apicultores o funcionamento destes novos tratamentos, máis efectivos e menos contaminantes que os convencionais pero que ao mesmo tempo requiren de máis aplicacións, Alberto incide na importancia do seguemento e a vixiancia tanto pretratamento coma postratamento. "Hai que comprobar que os tratamentos están funcionando. A xente ten que coñecer todas as armas que ten ao seu alcance. A tira non pode ser un acto de fé e non pode ser meterllas á colmea dúas veces ao ano por simple rutina", di.

Vixiar a colmea

Alberto fai fincapé en que é necesario "maior concienciación" tanto por parte dos apicultores profesionais como dos simples afeccionados que teñen colmeas para autoconsumo. "De nada serve que eu teña as miñas abellas moi controladas e libres de enfermidades se o veciño ten as súas sen atender. Unha colmea que morre infecta á do veciño e estamos tendo un problema moi grande de contaxios e reinfeccions", explica.

Por iso considera que "hai que dar claves para que todo o mundo aprenda a identificar as enfermidades da colmea e consellos prácticos para atallalas a tempo". Destaca a "prevención" e a "rápida identificación" como medida máis efectiva para loitar contra enfermidades como a varroa, o loque ou a micosis.

As enfermidades están avanzando e o seu control require un seguemento moito máis frecuente das colmeas, pero hai xente que aínda segue indo só tres veces ao ano a velas

"As enfermidades están avanzando pero moita xente coida as abellas como fixo toda a vida e iso xa non serve. Hai moita xente que ten as colmeas como simple afección e vai velas un día en Semana Santa, outro no verán para ver se teñen mel e e outro para sacalo en setembro. Así é como se facía tradicionalmente, pero iso acabouse, agora hai que estar pendentes das enfermidades e require que a xente vaia máis ás colmeas", argumenta.

[/box]

PROGRAMA COMPLETO DA III FEIRA DO MEL DE BALEIRA:

Etiquetado
Ir a la portada