Forestal

A ‘febre’ da madeira: como afronta Galicia a nova burbulla global

O mercado de táboas e produtos aserrados de coníferas encareceuse un 121% no último ano. A cadea forestal da comunidade está ante o reto de darlle maior valor á transformación do piñeiro para evitar que o recurso marche sen transformar a factorías do resto da Península e mesmo de China

G.B. 13/07/2021 11:47 a.m.

A madeira de coníferas convertiuse nun ben escaso no mundo. Hai máis demanda que oferta, ata o punto de que Rusia, un dos principais produtores de madeira mundiais, decidiu prohibir a exportación de madeira en rollo (troncos), sen transformar. Dous grandes mercados encabezan a procura mundial de madeira, Estados Unidos e China, en ambos casos polo tirón da construcción, un sector no que a madeira está gañando cota de mercado en usos estruturais.

Como lle afecta este escenario a Galicia?. Primeiro, en que a demanda china e norteamericana fixo saltar polos aires o mercado. Creouse unha burbulla de prezos na madeira transformada de coníferas, que no último ano encareceuse un 121%, segundo os datos que manexa o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos.

En segundo lugar, o aumento da exportación europea aféctalle de cheo ó mercado español, deficitario en madeira e que se ve desabastecido na coxuntura actual. Calcúlase que España importa a mesma cantidade de madeira que produce, é dicir, é só autosuficiente en madeira ó 50%. Así que nun escenario de encarecemento e problemas de suministro internacional, Galicia, que corta a metade da madeira de toda España, está a convertirse nun mercado refuxio a nivel da Península Ibérica e mesmo vende para mercados como o chino.

"Se desenvolvemos o noso mercado interior co maior valor engadido posible, evitaremos que veñan competir de fóra polo noso recurso forestal" (Juan Picos)

“Que se pode facer?. Desenvolver o noso mercado interior co maior valor engadido posible. Dese xeito evitaremos que se veña de fóra competir polos nosos recursos”, analiza Juan Picos, quen onte participou nunha xornada de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, sobre os datos económicos da cadea forestal galega.

A cuestión, conclúe Picos, é que a madeira convertiuse nun “recurso estratéxico” a nivel global. “Rusia xa decidiu que a partir do 2022 non vai saír ningún tronco do país sen transformar e en Europa a demanda exterior de madeira en rollo (toradas) é un asunto que preocupa. Existe o perigo de exportar madeira en rollo a China para logo comprarlles os mobles”, sinala Picos como exemplo de dinámicas que se poderían chegar a dar no mercado.

En Galicia, a cadea da madeira está ante un reto similar ó do resto de Europa. Lograr o maior valor posible para o piñeiro de Galicia en produtos de primeira e segunda transformación, de xeito que as coníferas galegas non marchen en rollo para factorías do resto da Península e mesmo de China, país ó que xa se fixeron envíos de barcos nos últimos anos.

"Os prezos das coníferas baixarán, pero o que se espera no mercado é que queden por riba do prezo dos últimos 20 anos" (Juan Picos)

A falta de datos oficiais, no sector calcúlase que Galicia pode estar enviando fóra en rollo, sen transformar, arredor dun 30% da madeira que produce, principalmente eucalipto a Navia (Asturias) e Portugal, pero tamén piñeiro a factorías de Castela e Portugal, unha demanda que vai en aumento nos últimos meses.

O conselleiro de Economía, Franscisco Conde, que onte clausurou a xornada de XERA, defendeu o potencial da industria da madeira de Galicia. “Temos o recurso e capacidade industrial instalada. A cuestión é identificar as oportunidades do mercado”, concluíu.

Como iniciativas principais da Xunta, Conde apuntou ó proxecto de fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira, “para o que xa creamos unha sociedade co obxectivo de avanzar pasos” -informou-, “e estamos a impulsar a construción en madeira, tanto en obra pública como en proxectos privados, para os que temos unha liña anual de axudas”.

Convocatoria 2021 para construción en madeira
Sobre a próxima convocatoria 2021 das axudas para construción en madeira, o director de XERA, Ignacio Lema, precisou que se está retrasando uns meses, á espera de que a tormenta do mercado amaine. “Proximamente tamén ampliaremos o prazo de execución das axudas concedidas no 2020, pois os beneficiarios estanse atopando con que non teñen suministro de madeira no mercado para executar as obras”, apuntou.

No sector dáse por feito que o actual nivel de demanda e de prezos é insostible, polo que se espera unha baixada de prezos e de presión do mercado. “Os prezos das coníferas baixarán, pero quedarán por riba do prezo que tiveron os últimos 20 anos”, pronostica Picos.

O escenario que se percibe no sector é de optimismo, desde o monte, onde as coníferas están a recuperar atractivo, ata a industria. Os retos no monte sitúanse principalmente na mellora xenética: lograr madeira de calidade e que resista as pragas e o cambio climático, factores que están diezmando os bosques de coníferas en Centroeuropa. Na industria, o desafío pasa por transformar esa madeira co maior aporte de valor engadido, de xeito que o piñeiro galego non marche fóra en rollo.

[box style="0"]

[caption id="attachment_147894" align="aligncenter" width="660"] Xornada de XERA sobre a cadea da madeira, celebrada nunha nave rehabilitada da antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).[/caption]

Datos sobre a cadea da madeira en Galicia

O Instituto Galego de Estatística presentou un estudo económico sobre a cadea forestal de Galicia no periodo 2013-2018. Eses datos complementáronse na xornada de presentación, celebrada onte, coa análise feita por XERA nos seus últimos informes anuais (2019 e 2020).

[caption id="attachment_147891" align="aligncenter" width="660"] Imaxe de grupo das persoas asistentes á xornada.[/caption]

[/box]

[box style="0"]

Máis información

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada