Archives

Continúan as reunións técnicas no Ministerio para simplificar as normas no agro

As conversas entre o Ministerio de Agricultura e as organizacións agrarias comezaron a encauzarse a mediados de febreiro, pero desde aquela non se produciron avances suficientes, ao entender das organizacións agrarias, que para a semana manterán novos encontros técnicos co Ministerio. Tanto as organizacións do agro como a Consellería do Medio Rural pídenlle a Agricultura unha maior flexibilidade nas cuestións que atinxen a Galicia. Polo de agora, o Ministerio ofreceu o aprazamento da entrada en vigor dunha serie de medidas, segundo se indica desde o Sindicato Labrego, que é partidario de que haxa exencións para as pequenas e medianas explotacións, “pois a oferta do Ministerio non é solución de fondo”, valoran. A proposta do Ministerio, segundo explica o Sindicato Labrego, inclúe os seguintes puntos: - Retrasar dous anos o plan de abonado e flexibilizar a aplicación e almacenamento de estercos. - A ordenación porcina e bovina, no relativo ó benestar animal, entraría en vigor no 2027. - A identificación electrónica de bovinos e o Plan Sanitario Integral atrasaríase un ano máis. - Valoración da figura do veterinario de explotación nun foro de gandería extensiva que se celebrará en abril. Desde o Sindicato Labrego aprecian, ademais, unha insuficiente concreción sobre as medidas ligadas á Ley de la Cadena Alimentaria. Cuestionan tamén a proposta da Comisión Europea de retirar o obxectivo de reducir á metade o uso de fitosanitarios, pois o Sindicato Labrego considera que iso vai en prexuízo do consumidor e en beneficio de modelos agroindustriais que non se corresponden co caso de Galicia. Contactos de Medio Rural co sector Desde a Consellería do Medio Rural, o seu titular, José González, anunciou hoxe que está mantendo reunións coas consellerías da Cornixa Cantábrica para presentarlle ó Ministerio un posicionamento común sobre as cuestións a cambiar. González manterá tamén o luns unha reunión coas organizacións agrarias para debatir as propostas. Desde Medio Rural piden unha suspensión temporal de medidas e centran as súas propostas en tres grandes bloques: - Flexibilizar a PAC. Crear ecorreximes máis adaptados a Galicia e potenciar as asociacións de defensa sanitaria gandeira (Adsg), en lugar do veterinario de explotación. - Control das importacións: esixencia de cláusulas espello ós produtos de fóra da UE e etiquetado claro destes produtos ante os consumidores. - Vixilar o cumprimento da Ley de la Cadena Alimentaria.

Teixeiro acollerá unha planta para producir biogás a partir de xurro

O polígono de Teixeiro (Curtis) contará en menos de dous anos cunha planta de biogás que terá capacidade de procesar preto de 100.000 toneladas ó ano de xurros e residuos agrícolas. Para montar a instalación, prevese un investimento de 12 millóns de euros e a creación de 25 postos de traballo, entre directos e indirectos, segundo anunciou hoxe a Consellería de Economía. A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a iniciativa, impulsada pola firma Vertex Bioenergy, inclúese nun plan de aceleración de proxectos industriais da Xunta, a fin de acompañar o proceso administrativo e axilizar os trámites. O obxectivo é que a planta estea en funcionamento a finais do 2025 e que produza case 6 millóns de metros cúbicos de biogás, que equivalen ao consumo de gas de 8.500 vivendas ao ano. Así o explicou Lorenzana durante unha visita a Bioetanol Galicia (Curtis), unha industria que forma parte de Vertex Bioenergy, a compañía promotora da planta de biometano.
Bioetanol Galicia produciu o último ano 188.000 metros cúbicos de biocombustibles a partir de millo importado
Bioetanol Galicia, que leva en marcha desde o ano 2022, adícase á produción de biocombustibles a partir de millo importado. É previsible, por tanto, que parte dos residuos da produción de biocombustibles poidan tamén ser usados como materia prima na planta de biogás, que precisará de sustratos vexetais para sumar á incorporación de xurros. Durante o 2023, Bioetanol Galicia produciu máis de 188.000 metros cúbicos de biocombustibles, comercializado coas principais petroleiras da Península e do resto de Europa, que os empregan nas formulacións das gasolinas de automoción. Segundo proxecto en curso A instalación proxectada en Curtis súmase á que se executará en Lugo, impulsada principalmente polo Grupo Lence, Agroamb e Norvento, coa participación da consultora Medrar. A planta de biometano lucense tratará os residuos lácteos das industrias do Grupo Lence (Río, Leyma) e a maiores ofrecerá un servizo para procesar xurros das explotacións gandeiras que lle entregan o leite a Lence. A finais do 2023, trascendeu que o proxecto tiña un apoio europeo de 4,5 millóns de euros, cun presuposto total de 7,5 millóns. Rede de plantas con participación pública Previsiblemente, as iniciativas de Lugo e Curtis contarán en breve con novos proxectos en marcha en distintas partes de Galicia. Xa hai un par de anos, a Xunta anunciara a súa participación nun proxecto de plantas de biogás, conxuntamente con Repsol, Naturgy e e Reganosa, que incluía a construción dunha gran planta de biogás en Cerceda (A Coruña), acompañada dunha rede de plantas comarcais. Está por ver que instalacións se van poñer en marcha finalmente a través desta iniciativa, se ben espérase que as comarcas gandeiras con máis problemas de xurro, como a Limia ou o Deza, conten con instalacións comarcais de tratamento.
O aproveitamento de xurros en Galicia representa un modelo de economía circular de km 0, con só dúas comarcas con excedentes claros
Escepticismo no sector Os proxectos de plantas de biogás para a produción de enerxía a partir de xurro son mirados con escepticismo polo sector gandeiro, pois o xurro é apreciado como abono, xa que reduce os gastos en abonos químicos. No sector consideráse que o aproveitamento dos xurros en Galicia constitúe un modelo de economía circular de kilómetro cero, polo que sinálase que só no caso de excedentes comarcais -como na Limia-, son comprensibles as plantas de biogás.

“A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”

As mobilizacións convocadas hoxe en toda a Cornixa Cantábrica polas organizacións agrarias contaron con dez concentracións en Galicia, nas que se xuntaron arredor de 3.000 produtores e uns 600 tractores, segundo os datos das organizacións agrarias. As principais mobilizacións desenvolverónse en Santiago e nas capitais provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense, xunto a protestas máis locais na Gudiña (Ourense), Pedrafita e Ribadeo (Lugo), Ortigueira e Vimianzo (A Coruña), e Lalín (Pontevedra). As protestas, que seguen a liña das que se están desenvolvendo a nivel estatal, poñen o foco na burocracia e nas esixencias que xeneran as novas normativas. Tractores na concentración da Coruña. “Son obrigas que nos impoñen burocracia e aumento dos custos de produción, pero que non xeneran ningún beneficio nin para os animais nin para os alimentos que producimos. É seguir ofrecendo o mesmo produto, co mesmo benestar animal, pero con máis gastos e máis papeleo”, resume José Manuel Liste, un gandeiro de Trazo que atendeu ós medios de comunicación na concentración de Santiago.
"As novas esixencias non introducen melloras nin a nivel de benestar animal nin da calidade dos alimentos que producimos. É facer o mesmo con máis gastos e máis papeleo" (José Manuel Liste, gandeiro)
En Santiago, concentráronse arredor da Xunta medio cento de tractores chegados da comarca compostelana e Ordes. As organizacións agrarias convocantes, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga (Asaja), aproveitaron para entregar un escrito coa taboa reivindicativa na Xunta, igual que se fixo nas subdelegacións do Goberno en Ourense e Lugo e na Delegación do Goberno na Coruña. Mobilización dos produtores en Compostela, ante a Consellería do Medio Rural. O decálogo de demandas do sector resúmense en catro puntos principais:
  • Prezos que cubran custos de produción. As organizacións convocantes apelaron á creación de observatorios de prezos que marquen uns custos de produción mínimos, por baixo dos cales non poidan baixar os prezos.
  • Eliminación dos decretos de nutrición sostible de solos, de ordenación de granxas e do caderno dixital. Este último xa se comprometeu a modificalo o Ministerio, no sentido de convertilo en voluntario. En canto ó decreto de nutrición de solos, as organizacións agrarias reclaman que se volva permitir a aplicación de xurros con plato. “A actual normativa non está pensada para Galicia nin para a Cornixa Cantábrica. Reflicte un profundo descoñecemento da nosa realidade e dispararía os custos da maquinaria”, valoran.
  • Cambios na PAC e dos ecoesquemas, para axeitalos ás necesidades da Cornixa Cantábrica. “É necesaria unha PAC para as persoas, non para os territorios”.
  • Control dos acordos de libre comercio e esixencia ós produtos importados dos mesmos requisitos que se lle piden ós de aquí.
  • Concentración ante a subdelegación do Goberno, en Lugo.
Valoracións das organizacións agrarias O sentir común do sector é que existe unha burocratización que está creando problemas onde non existían. “A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”, resumía Félix Porto, de Unións Agrarias. Por parte do Sindicato Labrego, Xulio Fernández tachou de “moi agresiva” a nova normativa e sinalou que os trámites administrativos están aumentando os custos. Como elemento principal, tanto Félix Porto como Xulio Fernández apelaron á creación de índices autonómicos de custos de produción, de xeito que eses índices permitan fixar un solo dos prezos agrarios. “É certo que o Ministerio e Europa teñen a maior responsabilidade nas novas normativas, pero a Xunta ten transferidas as competencias en agricultura e ten capacidade de facer máis”, valora Félix Porto.
"En Galicia hai que permitir o abonado de xurros con prato, a actual normativa non ten sentido"
Por parte de Asaga, integrada en Asaja a nivel estatal, Francisco Bello insistiu en reclamar tamén prezos e políticas xustas: “Pero o máis importante é defender a dignidade de vivir no rural e producir alimentos. É moi fácil lexislar desde os despachos, pero a cidadanía debe coñecer a verdadeira situación na que estamos. O futuro da agricultura e da alimentación está en grave risco en Europa e a UE ten que replantexarse as súas políticas. Esta non é a PAC que necesita Galicia, que está asfixiando a miles de explotacións”, concluíu. En Lugo, o sector percorreu a pé o treito da Delegación da Xunta á subdelegación do Goberno. Reunión europea o 26 de febreiro Ás protestas de hoxe, espérase que lle sigan novas convocatorias en próximos días. O 26 de febreiro celébrase unha cita trascendente a nivel europeo, onde os ministros de Agricultura de tódolos países debatirán sobre a situación e posibles medidas. En función do que suceda ese día, o sector tomará decisións.
José González. Conselleiro do Medio Rural

“A UE ten que facer unha reflexión a nivel estratéxico”

O conselleiro de Medio Rural, José González, pronunciouse hoxe en apoio ás demandas dos produtores, en especial por “todas as normativas que veñen derivadas de Europa e que o Ministerio aplicou, como a do veterinario de explotación ou o decreto de nutrición sostible de solos”, sinala González. “Desde a Xunta estamos ó carón das reivindicacións dos agricultores e gandeiros e levamos tempo manifestándolle ó Ministerio que estas lexislacións son inasumibles. Onte mesmo emprazamos ó ministro a que pida unha moratoria de toda esta lexislación a nivel europeo, pois é preciso facer unha reflexión a nivel estratéxico que teña en conta a soberanía alimentaria da UE e o papel de agricultores e gandeiros na xestión do territorio”, conclúe González.
Tractores ante a Delegación do Goberno, na Coruña. https://www.campogalego.gal/lalin-sae-rua-para-defender-ao-sector-agrogandeiro/

“As novas normativas non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto”

Isabel Vilalba, Andrés Castro e Ana Rodríguez durante a rolda de prensa deste xoves en Lugo O Sindicato Labrego Galego levará a cabo durante o vindeiro mes de febreiro unha campaña informativa polas principais comarcas agrogandeiras galegas para explicar aos produtores as obrigas que as novas normativas de xurros, caderno dixital, veterinario de explotación e ordenación de granxas de vacún van supoñer para as ganderías.  A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, asegura que "ningunha destas novas normas se adapta ás granxas galegas, senón que están feitas para explotacións ou fincas enormes, pero non para a realidade das granxas familiares galegas", polo que esixirán á Consellería cunha manifestación o día 13 de marzo en Santiago "que faga valer ese peso negociador do que presume para que esta nova lexislación que afecta ao sector se modifique". "A Xunta ten que esixir cambios nestes reais decretos porque hai moitas medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir", argumentan. 
Hai medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir
O SLG teme que a entrada en vigor destas novas normas desencadee o peche anticipado de granxas, sobre todo daquelas máis pequenas, ante os novos requisitos e os gastos que supoñen. "Estes reais decretos non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto para as ganderías", afirma Isabel Vilalba.  Falta de veterinarios Unha das normas que van afectar ás ganderías, tanto de carne como de leite, é a obriga de contar cun veterinario de explotación, algo innecesario e redundante para o SLG. "As granxas xa teñen veterinarios de referencia e técnicos con cualificación que os asesoran nas distintas materias. Hai ganderías de leite que dispoñen de veterinario clínico, de reprodución, de calidade do leite, de ADSG, nutrólogo, etc, pero agora non é suficiente e teñen que contratar outro a maiores", quéixase Isabel Vilalba. 
A Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e sen embargo pídeselles ás granxas que contraten un veterinario a maiores
Un problema a maiores é, di, a falta de veterinarios en moitas zonas. "Moitos dos veterinarios titulados están adicados a mascotas e non hai facultativos dabondo para cubrir as necesidades das granxas de produción de alimentos. Hai ganderías en Ourense, por exemplo, que están a ter problemas para que os visite un veterinario cando o necesitan ou cando teñen algún problema e a Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e, sen embargo, pídeselle isto ás granxas", compara.  A obriga de contar con veterinario de explotación afecta practicamente á totalidade das ganderías, aínda que conten con rabaños pequenos (a partir de 5 vacas ou 20 ovellas), teñan a actividade gandeira como complementaria ou se adiquen á produción para autoconsumo.  Aplicación de xurros Outra das normativas que xa está en vigor, desde o 1 de xaneiro, é o Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, que implica a prohibición de aplicación de xurros mediante sistemas de prato, algo imposible de cumprir neste momento, a xuízo do SLG.  "Non hai maquinaria dispoñible e as empresas de servizo non dan abasto", asegura Andrés Castro, técnico do SLG, que calcula en 15.000 euros por explotación o custo de adaptación das cisternas convencionais mediante a colocación de inxectores. 
Unha analítica de solo custa uns 20€ e hai que ter unha por cada parcela
Outra das implicacións da nova norma é que boa parte das explotacións van ter que contar con Plans de Abonado, o que supón un gasto a maiores. "Estamos falando que unha analítica de chan custa uns 20€ e hai que ter unha de cada parcela, unha analítica de xurro está nos 50€ e unha de esterco en 45", detalla.  Unha alternativa admitida a nivel oficial é o uso dunha ferramenta informática para o cálculo das necesidades de abonado, "pero neste momento non hai ningunha validada pola Administración nin tampouco táboas de referencia que poder utilizar", explica Andrés. 
Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións
As ganderías que declaran na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo deberán cubrir, a partir do mes de setembro, o Caderno Dixital, pero o que a Xunta puxo a disposición do sector, a aplicación Xeaga, "segue tendo enormes eivas para poder usala", di o SLG. "Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións", quéixanse.  Para salvar a "fenda dixital" que supón o feito de que "a media de idade dos titulares de explotación é na actualidade de 55 anos" o Sindicato Labrego pide que o Caderno Dixital sexa "voluntario", pero mantendo a posibilidade de que as granxas sigan facendo as anotacións en papel, como até o de agora, e non se vexan obrigadas a contratar un técnico externo para cubrir o Caderno Dixital. "O nivel de esixencia é xa imposible de cumprir mesmo para os produtores que estean familiarizados coa tecnoloxía", advirten.  Penalizacións na PAC Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada na PAC, alerta pola súa banda das posibles consecuencias para as explotacións polo incumprimento destas novas normativas, con penalizacións entre o 3 e o 5% nos cobros das axudas por incumprimento da condicionalidade, podendo chegar a perder a totalidade da PAC en caso de que non sexa posible correxir a situación. 
As granxas poden acabar perdendo as axudas que reciben por non cumprir coa condicionalidade
"Moitas veces non hai posibilidade real de facelo. O decreto de ordenación de granxas de vacún, que está en vigor, obriga a cambios importantes en moitas ganderías, que ademais de supoñer un gasto importante moitas veces non é posible acometer pola propia configuración das instalacións", di.  Un exemplo serían os patios exteriores que esixe o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún. "Non sabemos como se vai facer ou que características teñen que ter, porque na norma non se aclara, pero en Galicia no inverno vai haber moitos problemas con iso e vai haber moitas granxas que non van poder cumprir con iso", advirte.  En canto aos plans de reducións de emisións, o SLG considera que se está "castigando aos modelos máis sostibles, como son as ganderías de vacún con terra, cando sabemos que o porcino en granxas intensivas é o responsable principal do aumento de emisións", afirman. 

Concedidos apoios a 279 explotacións agrarias para mellorar a xestión de estercos, enerxía ou agricultura de precisión

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións da Consellería do Medio Rural sobre os apoios concedidos ó agro no marco do Plan de Recuperación e Transformación (Next Generation), financiado ó 100% con fondos europeos especiais que se habilitaron a raíz da pandemia da Covid 19. En total, son 279 explotacións agrarias as que se benefician, cun investimento total de 23 millóns de euros, segundo os datos que facilita a Consellería en nota de prensa. A convocatoria das axudas, que se lanzara a principios do pasado ano, partía con catro liñas diferenciadas, todas co fin común de mellorar a sostibilidade ambiental e económica das granxas: xestión de estercos, agricultura de precisión, eficiencia enerxética e modernización de invernadoiros. Resumimos a continuación a resolución de cada liña: Mellora da xestión de estercos Un total de 83 ganderías recibirán apoios para mellorar a xestión de estercos. En concreto, as liñas subvencionables orientábanse principalmente a financiar a cubrición de balsas de xurro e a proxectos de separación sólido – líquido dos xurros, compostaxe ou nitrificación – desnitrificación. O obxectivo dos proxectos situábase en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ou limitar as escorrentías de nitratos a acuíferos ou cauces fluviais. Agricultura de precisión A liña orientada a agricultura de precisión, as chamadas tecnoloxías 4.0, foi unha das máis concurridas, cun total de 196 explotacións agrarias e empresas beneficiarias. Pódese consultar no DOG a lista de solicitudes aprobadas e denegadas. Eficiencia enerxética Para eficiencia enerxética e instalación de enerxías renovables, aprobáronse un total de 13 proxectos, que se poden consultar na correspondente resolución do DOG. Invernadoiros En canto á liña de modernización e transformación de invernadoiros, houbo só 2 solicitudes e ambas foron denegadas por incumprimentos das bases da convocatoria.

Aprobados os decretos de nutrición sostible de solos, ordenación de granxas bovinas e nova PAC

O Ministerio de Agricultura resolveu no último Consello de Ministros do 2022 a maioría dos principais proxectos lexislativos nos que viña traballando nos últimos dous anos. Aprobáronse en total 9 decretos, 6 ligados ó novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), que arranca o 1 de xaneiro, e outras 3 iniciativas de calado: o decreto de nutrición sostible de solos agrarios, o de ordenación de granxas bovinas e outro que reforza o uso sostible dos fitosanitarios. Polo de agora ningún destes decretos se publicou no Boletín Oficial del Estado, trámite que se resolverá os próximos días, polo que aínda non se coñece o texto final dos decretos. En calquera caso, non se espera ningún cambio sustancial en relación cos últimos borradores que se viñan manexando. O Ministerio de Agricultura, pola súa banda, adiantou onte as liñas xerais de tódolos decretos:
  • Ordenación de granxas bovinas. Unha das principais novidades é que se prohíben as macrogranxas, como a que estaba prevista en Soria, co que quedan definitivamente enterrados os proxectos de explotacións de ata 20.000 vacas. O límite para novas granxas establécese en 850 Unidades de Gando Maior (o equivalente a unha explotación con 725 vacas de leite, aproximadamente).
    O decreto establece unha serie de requisitos a cumprir polas granxas en materia de bioseguridade e bienestar animal, en liña coas directrices marcadas por Europa. A normativa a cumprir será distinta en función do tamaño da granxa e da súa orientación produtiva (leite, carne, cebo). Para as granxas xa existentes, marcarase un periodo de adaptación de parte dos requisitos.
    ACTUALIZACIÓN 30-XII-22: Publicado o Real decreto de ordenación de granxas bovinas. As ganderías de vacún terán que dotarse dun patio exterior ó que poida acceder o gando.
  • Nutrición sostible de solos agrarios. O decreto espérase que prohíba as aplicacións de xurro en prato, abano ou canón, salvo casos concretos de explotacións en zona de montaña. Regularase ademais a obrigatoriedade de contar cun plan de abonado e de medir os valores nutricionais do xurro que se aplica, entre outros requisitos.
    ACTUALIZACIÓN 30-XII: Publicado o Real decreto de nutrición sostible de solos agrarios. A aplicación de xurros con prato ou en abano prohíbese a partir do 1 de xaneiro do 2024.
  • Uso sostible de fitosanitarios. Profundízase na normativa que obriga á xestión integrada de pragas, con combinación de métodos culturais, biolóxicos e fitosanitarios. A maiores, obrigarase a que tódalas explotacións consignen os fitosanitarios aplicados no seu caderno dixital, que será obrigatorio, de xeito que a Administración poida coñecer case en tempo real os produtos aplicados.
    É un proceso que lle permitirá ó Ministerio de Agricultura rastrexar a evolución do consumo dos distintos sectores produtivos, de cara a cumprir cos compromisos europeos na reducción de uso de produtos fitosanitarios.

Paquete lexislativo da nova PAC

Cos 6 decretos sobre a nova PAC aprobados no Consello de Ministros de onte, complétase o paquete lexislativo do próximo ciclo da Política Agraria Común, que arranca o 1 de xaneiro. Estes son os decretos aprobados:
  • Real decreto do Sistema de Información de Explotacións (SIEX). É o Real Decreto polo que se establece e regula o sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria (SIEX). Os dous principais compoñentes do sistema son o rexistro autonómico de explotacións agrícolas (REA) e o caderno dixital de explotación agrícola (CUE).
    O decreto fixa o contido mínimo dos cadernos de explotación, así como os procedementos para cubrilo e para a posta a disposición das ferramentas informáticas necesarias nas explotacións. Estas ferramentas informáticas fornecidas pola Administración serán interoperables coas ferramentas comerciais.
    As explotacións de menor tamaño non deberán cumprimentar o caderno de explotación ata o 1 de xullo de 2024
    O desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións contará con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
    Para a entrada en vigor das obrigacións deste real decreto establécese un período transitorio, de xeito que as explotacións de menor tamaño non deberán cumprimentar os seus datos no caderno de explotación ata o 1 de xullo de 2024.

  • ACTUALIZACIÓN 30-XII-22: Publicado o Real decreto do Sistema de Información de Explotacións. O caderno dixital será obrigatorio a partir de setembro do 2023, salvo para explotacións de menos de 30 hectáreas, que terán ata xullo do 2024 para adaptarse.
  • Real decreto de axuda básica á renda para a sustentabilidade. O Real Decreto sobre dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da PAC establece a normativa reguladora da conversión dos dereitos de pago básico actuais nos novos dereitos da axuda básica á renda para a sustentabilidade, que estarán vixentes para o período de aplicación 2023-2027.
    Este texto regula igualmente o novo modelo de 20 rexións que serve de base para o cálculo do valor dos dereitos, ao longo de toda a programación, así como as disposicións relativas á reserva nacional e as cesións de dereitos.
  • Real decreto de condicionalidade reforzada. O Real Decreto polo que se establecen as normas para a aplicación da condicionalidade reforzada e da condicionalidade social, establece o conxunto de obrigacións que deben cumprir os beneficiarios para poder percibir as axudas da PAC establecidas por superficie e animais.
  • Real decreto de intervencións do plan estratéxico, requisitos comúns e solicitude única. É o decreto que regula a solicitude da PAC e os pagos directos ao agro (axuda básica á renda para a sustentabilidade e os seus pagos complementarios: pago redistributivo e pago a novos agricultores; así como as axudas asociadas e os ecorrexímenes.
  • Real decreto de xestión e control das intervencións. O Real Decreto polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do plan estratéxico e outras axudas da PAC desenvolve todos os aspectos do control que ata o de agora se regulaban na normativa europea e que, coa nova PAC, que aplica o principio de subsidiariedade no marco do novo modelo de rendemento, debe deseñar cada Estado membro.
  • Real decreto de gobernanza. É a normativa que regula a xestión do Plan Estratéxico da PAC en España, así como a estrutura de control do mesmo, como o comité de seguemento do Plan Estratéxico e a Rede Nacional PAC. Como novidade en relación a anteriores ciclos da PAC, a Comisión Europea examinará cada 2 anos o rendemento do Plan Estratéxico Nacional, o que obrigará a unha xestión precisa e áxil do Plan 2023-2027.
https://www.campogalego.gal/agricultura-anuncia-axudas-para-compensar-o-encarecemento-de-fertilizantes-e-gasoleo-agricola/

A Xunta prevé a creación dunha rede de 19 plantas de pretratamento de xurros gandeiros por toda Galicia

A contagotas se van coñecendo novos detalles do proxecto impulsado pola Xunta e no que participan as empresas Reganosa, Naturgy e Repsol para crear unha rede de plantas de biogás que aproveiten o poder enerxético do xurro xerado polas explotacións gandeiras galegas.   Este venres, na Comisión de Agricultura do Parlamento, o director xeral de Gandería, José Balseiros, detallou que o chamado Centro de Economía Circular estará composto por 5 plantas de dixestión e 19 plantas intermedias de pretratamento de xurros, onde se levaría a cabo a separación da fracción líquida do purín da parte sólida, que sería a empregada para extraer o biometano nas 5 instalacións de dixestión anaerobia. Até o momento non foi feita pública por parte das empresas participantes a ubicación exacta nin das 5 plantas de biodixestión nin das 19 de pretratamento e unicamente se anunciou que o primeiro destes complexos será ubicado en Cerceda. Debate no Parlamento O debate chegou este venres ao Parlamento por medio dunha proposición non de Lei do Bloque Nacionalista Galego na que se pedía á Xunta facer público o proxecto da planta de biogás que se pretende construír en Meirama “para que os sectores afectados e a sociedade galega en xeral poidan posicionarse sobre ela”. A iniciativa presentada polo BNG contou co voto a favor do grupo socialista e o voto en contra do grupo popular, polo que non saíu adiante. “Hai unha ocultación dos proxectos que raia nas prácticas antidemocráticas. O proxecto existe e está desde hai tempo agochado e a Xunta debe facelo público. Porque do proxecto nada sabemos, sabemos unicamente quen o promove: Naturgy, Repsol e Reganosa, o cómplice necesario”, criticou o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini. “Empresas que non se distinguiron polo seu amor ao medio ambiente nin sustentaron economías circulares nas súas actividades aparecen agora como por arte de maxia como solución para o problema da contaminación agrogandeira co apoio expreso da Xunta de Galicia. Catro bandullos que extorsionan e se aproveitan dos cartos públicos”, dixo.
As eléctricas están a apertar para facerse cos fondos públicos, cando eses cartos poderían ir para cubrir e ampliar as fosas de purín (Xosé Luis Rivas, BNG)
No canto dese modelo, o deputado nacionalista propuxo destinar eses fondos, estimados en 600 millóns de euros, a “unha chuvia fina de cartos ás explotacións para redimensionar as fosas de purín e cubrilas, algo que é necesario para ter capacidade de almacenaxe do xurro e facer unha boa xestión del”. “Están ben cubertas as fosas de xurro para cumprir coas boas prácticas agrarias que esixe a nova PAC?”, preguntou.   Rolda de presentación do proxecto ás cooperativas O voceiro do PP na Comisión, José Antonio Armada, negou que exista ocultación e indicou que “agora mesmo hai unha rolda de reunións con cooperativas e asociacións de gandeiros para explicarlles o proxecto”. “Aínda non se presentou a solicitude de autorización do proxecto, cando se faga someterase a información pública para que a cidadanía poida coñecelo e pronunciarse”, asegurou. “O proxecto de Centro de produción de biofertilizantes e biometano é unha iniciativa de economía circular da Xunta de Galicia con colaboración público-privada que busca captar fondos europeos Next Generation da UE. En concreto, serían 146 millóns de euros de investimento público-privado nesta primeira fase”, detallou.
Nós non lle imos expropiar ningún tipo de xurro aos gandeiros (José Antonio Armada, PP)
“Malo non debe ser o proxecto cando había 5 comunidades autónomas interesadas nel. É un proxecto moi interesante para a nosa terra que vai dar viabilidade ás explotacións. Nós non lle imos expropiar ningún tipo de xurro aos gandeiros”, remarcou Armada. “O que se busca é axudar ao noso tecido produtivo primario cun problema que está aí. Porque querer negar que hai excedente de xurros é querer negar unha realidade. E non se fala só de explotacións bovinas, senón que se abre o abano a todas as explotacións gandeiras”, asegurou. O "lobby" dos porcos e os polos “Aquí o que existe é unha demonización intencionada do sector vacún”, opinou pola contra Xosé Luis Rivas, que detallou que das emisións de amoníaco no conxunto do Estado español no ano 2020 o 28% proceden do sector porcino, o 22% da utilización de abonos de síntese, un 9% do sector avícola, un 8% do vacún de leite, un 7% do vacún de carne e un 8% do sector ovino. Sen embargo, dixo, “cando se fala de contaminación sempre saen fotos de vacas porque o vacún non ten lobby que o defenda”, afirmou. “Preocúpanos moito esta planta e o xiro que está levando todo este problema dos xurros. Estase confundindo o touciño coa velocidade, que é o que se fai cando se trata de botar as culpas sobre o sector vacún da contaminación de pitos e porcos. Pero a eses outros sectores vai ser difícil meterlles o dente porque non están condicionados pola PAC”, evidenciou. “Cando se fala de contaminación difusa por xurros eu penso en porcos e en aves e penso na Limia e no Deza, non nas vacas. Sábese algo da posta en marcha da planta de tratamento de xurros de Sarreaus? (pechada desde hai unha década)”, preguntou. “A mala planificación territorial, o ollar para outro lado e os clientelismos políticos propiciaron que o sector porcino e avícola se desenvolvese anormalmente en certas comarcas de Galicia, xerando problemas de eutrofización. E agora o porco que producían os Países Baixos estámolo producindo nós e tragando a merda”, afirmou. Un polígono agroforestal de 3.200 hectáreas para cultivos enerxéticos? O deputado do BNG admitiu “desconfiar” das intencións da Xunta co proxecto das plantas de biogás porque, dixo, “o dixestor non soluciona o problema, senón que o agrava”. “O material resultante é un fertilizante moito máis potente e con moita máis capacidade de contaminar que o xurro se non hai terra onde botalo. Ademais, o transporte e os procesos de secado consomen tanta enerxía coma a que se pretende producir”, asegurou, botando man de experiencias similares que acabaron fracasando, como a planta de Navia, en Asturias.
O problema da contaminación por nitratos vai permanecer, porque o dixestato resultante do proceso anaerobio ten máis contido en nitróxeno ca os puríns utilizados (Xosé Luis Rivas, BNG)
“Nestas plantas non se trata o purín, senón que o purín é o catalizador, pero logo hai que darlle de comer lodos de depuradora, restos cárnicos e materia orgánica. E canto máis almidón, máis gas produce”, indicou. “Hai previsto un polígono agroforestal de 3.200 hectáreas cerca de Cerceda cun 30% de uso agrario e un 70% forestal que pode estar pensado para cultivos enerxéticos; un é moi mal pensado”, dixo.
É unha hipótese peregrina a de que sobran estercos e xurros en Galicia. Hai máis de 600.000 hectáreas de terra agraria abandonada que están pedindo fertilizantes e cultivo
“É unha hipótese peregrina a de que sobran estercos e xurros en Galicia e que hai supostos excedentes en determinadas zonas que xustificarían a construción destas plantas. Hai máis de 600.000 hectáreas de terra agraria abandonada que están pedindo fertilizantes e cultivo”, afirmou. “Cantas actuacións de recuperación de terra agraria se están a levar a cabo nestas zonas supostamente excedentarias?”, preguntou o deputado nacionalista, que lle pediu ao Goberno galego que promova un “estudo ponderado” sobre a cantidade de puríns xerados polas ganderías e as compras de fertilizantes químicos que realizan. Camións transportando xurro En sintonía co BNG, o deputado do grupo socialista Martín Seco considerou que “non todas as producións teñen a mesma responsabilidade sobre as emisións de amoniaco” e criticou que a Xunta prefira “gastar 600 millóns de euros nunha planta en vez de destinalos a medidas máis próximas ás explotacións”. “Hai fórmulas máis axeitadas e deberían ser os gandeiros os que aplicaran ben o seu xurro. Para iso deberíaselles axudar con medidas efectivas para reducir a contaminación, como cubrir as fosas de purín, porque se a materia seca do xurro é superior ao 7% e a fosa está cuberta créase unha costra que frea as emisións”, exemplificou.
Chámanlle economía circular a que circulen camións para levar o xurro da Limia ata Cerceda? (Martín Seco, PSOE)
“Temos casos no noso entorno de grandes fracasos de proxectos de biogás. A non ser que lle chamen economía circular a andar circulando camións de xurro polas estradas galegas desde a Limia a Cerceda”, ironizou. Balseiros contestou que eses camións empregarán como combustible o propio biogás xerado nas plantas para completar o círculo.
]

Futuras regulacións nas zonas afectadas polos nitratos na Limia e Baixa Limia

Outro dos puntos que suscitou polémica na Comisión de Agricultura do Parlamento deste venres foi a xestión que a Xunta está a facer da contaminación por nitratos na comarca da Limia. “Non se pode negar que existe un problema de contaminación do aire e do solo nesta comarca. O Goberno galego leva 13 anos sen preocuparse polo tema, mirando para outro lado, e a UE esixe que se tomen medidas, xa que estamos nunha situación de excepcionalidade desde o ano 2014”, sostivo o deputado socialista Martín Seco, que lle preguntou ao Goberno galego sobre os resultados do proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental do encoro das Conchas. “Tal como está o encoro das Conchas, tiráronse fondos europeos en facer piscinas e remodelar termas en vez de destinados ao fin que tiñan?”, preguntou Seco. Pero Balseiros lamentou non poder aclarar as súas dúbidas por ser un asunto “competencia da Consellería de Medio Ambiente e non da de Medio Rural”.
No mes de maio deste ano o Ministerio de Transición Ecolóxica publicou o mapa de contaminación por nitratos, establecendo dous puntos no encoro das Conchas
Este encoro, ubicado nos concellos ourensáns de Bande e Muíños, leva décadas acumulando contaminación por fósforo e nitratos dos xurros, fertilizantes e residuos das explotacións gandeiras da comarca da Limia, onde se atopa a maior densidade de granxas de porcos e polos de Galicia. Declaración de zonas vulnerables na Limia por parte da Xunta “A Xunta de Galicia non tomou ata o día de hoxe ningún tipo de medida preventiva nin paliativa. Despois de 13 anos de desleixo do Goberno do PP na Xunta de Galicia a situación converteuse en insostible e agora temos un grave problema de saúde pública”, dixo o deputado socialista. A Directiva de Nitratos da UE obriga a que os Estados membros delimiten as áreas máis sensibles e contaminadas, pero a Xunta aínda non catalogou ningunha zona vulnerable en Galicia, alegando que non era posible facelo sen que o Goberno central publicara antes o mapa de contaminación por nitratos, algo que fixo o pasado mes de maio.
O día que se fagan as declaracións de zonas vulnerables buscarase a mínima afectación (José Balseiros)
Balseiros reiterou que, trala publicación deste mapa, o prazo para a declaración de zonas vulnerables remata no ano 2025, xa que se establece un período de tres anos para facer a declaración de zonas vulnerables por parte das comunidades autónomas. “E estamos aínda no 2022”, insistiu. O director xeral de Gandería adiantou, iso si, que “o día que se fagan as declaracións de zonas vulnerables, que non están aínda concretadas, faranse en absoluta concordancia cos Concellos e cos sectores afectados para que teña unha mínima afectación”, xa que nestas zonas, haberá un código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento por parte das explotacións. “A Xunta ten que tomar medidas para reverter a situación de contaminación nas augas e isto non ten por que traer consigo o peche de ningunha explotación”, contestoulle Martín Seco, que acusou ao Goberno galego de estar agardando a que pasen as eleccións municipais ante o temor ás consecuencias políticas destas medidas nos 12 concellos da comarca.
Ocultan o problema como se lles fixesen un favor aos gandeiros, cando os máis prexudicados se non se fai nada van ser eles, porque a UE acabará tomando medidas drásticas (Martín Seco, PSOE)
 “Deberan abandonar esas mensaxes populistas tratando ocultar un problema existente como se lle fixesen un favor aos gandeiros da comarca e como se a contaminación fora desaparecer soa. Poden tapar os ollos de cara ás eleccións municipais, pero os máis prexudicados se non se toman medidas van ser as propias explotacións gandeiras, porque a UE acabará tomando medidas drásticas se non reaccionamos ante un problema de saúde pública”, afirmou o deputado socialista.

Europa prosegue a demanda pola non declaración de zonas vulnerables a nitratos en Galicia e noutras 6 comunidades

A decisión adoptada pola Comisión Europea en decembro do 2021 de iniciar un procedemento de infracción contra España pola xestión dos nitratos agrícolas continúa adiante. O Diario Oficial da Unión Europea vén de publicar a demanda da Comisión Europea ante o Tribunal de Xustiza da UE. Na demanda, a Comisión Europea subliña o xa advertido, Galicia e outras 6 comunidades tiñan que ter designado novas zonas vulnerables a nitratos, e ademais tíñase que ter mellorado a xestión das zonas xa designadas noutras 6 comunidades. O proceso contra España arrancou no 2018, cando a Comisión Europea fíxolle ó Goberno español unha solicitude de información sobre a xestión dos nitratos agrícolas. No 2020, a Comisión, descontenta coas explicacións españolas, decidiu seguir adiante co caso e emitiu un dictame no que listaba as zonas con incumprimentos nas que consideraba que eran necesarias medidas. No caso de Galicia, as afeccións centrábanse principalmente no encoro das Conchas (río Limia) e nas augas de escorrentía correspondentes. A Comisión entendía que era precisa a declaración dunha zona vulnerable a nitratos na Limia, así como novas zonas noutras 5 comunidades españolas. O actual mapa de zonas vulnerables a nitratos en España deixa só libres na actualidade a Asturias, Cantabria e Galicia. En Asturias e Cantabria, a Comisión deuse por satisfeita coas explicacións dos respectivos gobernos autonómicos e considera que non é precisa a declaración de zonas vulnerables, pero no caso galego non é así. Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España. Tralo dictame do 2020, Europa deulle un prazo a España para actuar, pero a reacción española foi vista como insuficiente en Bruxelas. Así, a Comisión Europea anunciaba en decembro do 2021 que abriría un procedemento de infracción ante o Tribunal de Justicia da UE. Nos últimos meses, o Ministerio de Transición Ecolóxica avanzou na adopción de medidas, pois en maio deste ano fixo pública unha actualización do mapa das augas afectadas por nitratos e fosfatos de orixe agrogandeira. Entre esas zonas xa figura a comarca da Limia, o que lle deixa a Xunta un prazo máximo de tres anos para a declaración dunha zona vulnerable a nitratos na comarca ourensá. Con todo, o procedemento de infracción iniciado por Europa continuou adiante e este verán formalizouse a presentación do mesmo ante o Tribunal de Justicia da UE, como recolle esta semana o Diario Oficial da Unión Europea. Plan de acción en zonas vulnerables a nitratos Coa declaración dunha zona vulnerable a nitratos na Limia, establecerase previsiblemente un rexistro estricto das aplicacións de xurros e abonos nas parcelas agrícolas, así como da saída de xurros das granxas e do seu destino. Nos primeiros anos da zona vulnerable, a lexislación establece que a carga máxima de nitratos será de 210 Kg. por hectárea e que posteriormente pasará a 170 Kg. Só se autorizarán cargas maiores no caso de cultivos que esixan xustificadamente maior aporte de nitróxeno ou por excesivo lavado das precipitacións. Queda por ver tamén se a Xunta decide limitacións sobre o establecemento de novas granxas ou ampliación das xa existentes. En Cataluña, por exemplo, a Generalitat ten prohibida a instalación de novas granxas de porcos en 66 concellos, así como a limitación do tamaño das granxas de vacún a 600 cabezas. A cuestión das plantas de biogás Unha das ferramentas que se está a plantear para a xestión dos xurros en Galicia é a das macroplantas de biogás, como a proxectada para Cerceda. No caso da Limia, Coren tiña unha planta de coxeneración eléctrica alimentada polos xurros que estivo operativa entre o 2007 e o 2014. No 2019, Coren anunciara a inminente reapertura da planta, pero polo de agora máis nada se volveu saber daquela intención. Desde o sector agrario sinálase en todo caso que a planta de Sarreaus carece da capacidade suficiente para procesar un volume significativo de xurros. Outro problema é a xestión do dixestato sólido -que pode volver ó agro como abono- e da parte líquida tras o procesado dos xurros nas plantas.

Cambio climático: como traballa o campo para reducir a súa pegada de carbono?

O cambio climático e os seus efectos é un dos maiores condicionantes da agricultura e gandería actual, por iso a redución da pegada de carbono e as prácticas sostibles ambientalmente son temas presentes tanto no día a día das granxas e explotacións agrícolas como nas políticas agrarias. Europa traballa sobre estes retos ambientais e climáticos con estratexias como o Pacto Verde, a iniciativa Da granxa á mesa e a de Biodiversidade para 2030. As novas políticas Agrarias Comúns (PAC) que se aplicarán entre 2023 e 2027 teñen tamén presente estes desafíos.

A agricultura xoga un papel fundamental para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050

Nesta liña, o Consello informal de Ministros de Agricultura da Unión Europea (UE), debatía a principios de febreiro sobre modelos agrícolas e forestais que contribúan a reducir a pegada de carbono, dado o papel fundamental do sector da terra e a agricultura para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050.

A versión inicial do Plan Estratéxico da PAC presentado por España a finais de novembro do pasado ano, coñecido como PEPAC, aborda a redución do impacto ambiental e inclúe entre os seus obxectivos a diminución das emisións de gases contaminantes de efecto invernadoiro (GEI), así como o aumento da captura de carbono. “O sector agrario é un sector moi vulnerable para os efectos do cambio climático. A adaptación é clave á sustentabilidade económica, social e ambiental”, recolle o PEPAC.

Agricultura baixa en carbono

En concreto, o PEPAC inclúe o Obxectivo Específico 4, que busca contribuír á atenuación do cambio climático e a adaptación aos seus efectos, así como á enerxía sostible e no que se definen as prácticas máis axeitadas para conseguir unha agricultura baixa en carbono. A nova PAC mira á gandería en extensivo non só por ser unha vía para lograr esta redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono no solo, posto que a mitigación da pegada de carbono tamén se consegue mediante a captura de carbono atmosférico e a súa fixación nos solos.

“Neste sentido o ecoesquema sobre pastoreo extensivo fomenta esta práctica sostible de xestión da terra e os recursos pastables, ademais contribúe a impulsar as producións sostibles, pois ao establecer criterios de xestión evita tanto o infrapastoreo como o sobrepastoreo, achegando materia orgánica ao chan e contribuíndo á captura de carbono”, detalla o Plan Estratéxico da PAC.

A gandería extensiva, a agricultura de conservación e as cubertas vexetais son métodos incluídos no PEPAC para incrementar a captura de carbono

Xunto coa gandería extensiva, a agricultura de conservación, con sementeira directa e unha xestión sostible dos insumos de regadío, tamén busca minorar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. “Este modelo agrícola consegue a mitigación mediante o aumento de carbono orgánico do solo e a optimización dos insumos de fertilización”, detalla o borrador inicial do PEPAC.

O mantemento de cubertas vexetais tamén é outro dos métodos incluídos no PEPAC para lograr a captura de carbono, á vez que contribúe a evitar a erosión e desertificación. “Mediante o impulso do pastoreo extensivo búscase aumentar o carbono orgánico do chan, obxectivo que tamén se procura coas cubertas vexetais espontáneas ou sementadas en cultivos leñosos”, recolle o PEPAC.

Ademais tanto a agricultura de conservación, como as cubertas vexetais espontáneas ou de cultivos leñosos, así como a rotación de cultivo cunha xestión sostible do regadío e o fomento da biodiversidade en terras de cultivo contribúen á mitigación do cambio climático pola boa xestión da fertilización e ó xerar deste xeito menos emisións de óxido nitroso e de amoníaco.

España conta xa cun rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono, que recolle os esforzos das empresas e organizacións españolas no cálculo e redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Redución de emisións

Á marxe da captura de carbono que poden supoñer determinadas prácticas agrarias, para diminuír a pegada de carbono están a centrarse esforzos en fomentar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, as granxas levan tempo traballando tanto no cálculo da súa pegada de carbono como en estratexias que lle permitan unha redución deste impacto ambiental. Nos últimos anos, en España impulsáronse normativas relacionadas tanto directamente coa granxa como coa xestión do esterco.

No que respecta ás actuacións nas granxas, destacan as revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as ganderías porcinas (RD 306/2020), avícolas (RD 637/2021) e prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación. Todas elas buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, os aloxamentos dos animais e o almacenamento do esterco.

As novas normas de ordenación gandeira e a xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

En canto á xestión dos estercos e xurros, desde o Ministerio de Agricultura están a traballar nunha base legal para a nutrición sostible nos solos agrarios. Esta estratexia inclúe un plan de abonado baseado nun balance de nutrientes e que debe ser realizado baixo asesoramento técnico especializado. Este programa tamén inclúe a xestión conxunta de auga e fertilizantes. Ademais recolle a obrigación de aplicación localizada de xurros, a limitación no uso de urea e outros amoniacais e o apoio a prácticas favorables á protección do aire e o solo, para conseguir desta maneira unha redución das emisións de gases ao lograr unha optimización da fertilización dos solos.

O Goberno aprobará este ano un decreto sobre protección da auga contra os nitratos agrícolas

O Consello de Ministros aprobou esta semana o seu plan normativo para 2022, no que figura o compromiso de sacar adiante un Real Decreto sobre protección das augas fronte á contaminación difusa por nitratos agrícolas. A nova normativa, que proxecta o Ministerio de Transición Ecolóxica, porase este ano en marcha tralas presións de Bruxelas, que en decembro anunciou que levará a España ante o Tribunal de Xustiza da UE por considerar que non desenvolveu actuacións suficientes na materia. A Comisión abríralle xa un expediente a España no 2018 polo que consideraba unha insuficiente protección das augas, sen que a situación mellorara desde entón, desde a óptica do organismo comunitario. En concreto, a Comisión reclamáralle ás autoridades españolas que revisasen a situación de sete comunidades, entre as que figuraba Galicia (Castilla y León, Extremadura, Galicia, Baleares, Canarias, Madrid e Comunidade Valenciana). Situación en Galicia Galicia é unha das poucas comunidades que ata o de agora non ten zonas vulnerables a nitratos no seu territorio, unha situación que probablemente cambiará proximamente. Os problemas que se dan no val do Limia, con episodios de eutrofización da auga no encoro das Conchas, é unha cuestión que se ten denunciado ante a propia Comisión Europea por parte dos colectivos ambientalistas. A Directiva de Nitratos da UE obriga ós Estados membro a calificar como zonas vulnerables a nitratos ós territorios con escorrentía cara augas nas que se detecten problemas, polo que é previsible que polo menos o val do Limia sexa catalogado en parte como zona vulnerable a nitratos. Esa medida, de facerse efectiva, obrigaría ós agricultores a un estricto control dos abonos e xurros que utilizan en cada parcela. Limitaríase ademais o volume anual de aportes que poden facer a 170 Kg. de nitróxeno por hectárea. O proceso para a declaración de zonas vulnerables a nitratos en Galicia pasa en primeiro lugar por comprobar que zonas se marcan como afectadas por nitratos no Real Decreto que prepara o Goberno. Podería ser só A Limia ou poderían entrar tamén outras comarcas, como o Deza. Tras ese Decreto ministerial, sería a Xunta a competente para declarar as correspondentes zonas vulnerables a nitratos.

‘Pim pam pum’

O anuncio do novo Real Decreto sobre protección das augas contra os nitratos agrícolas chega en plena polémica do ministro de Consumo, Alberto Garzón, a raíz das súas declaracións a un medio británico. O ministro volveu a insistir na liña do que xa manifestara en xullo pasado nun vídeo. Garzón cre que a carne é un problema medioambiental, para a saúde e que ademais en España hai macrogranxas de ata 4.000 – 10.000 cabezas nas que, afirma, prodúcese carne de pobre calidade. Analicemos esas declaracións desde tres puntos de vista: o ambiental, o agrario e o mediático -político. Medioambiente O medio británico The Guardian titulaba a súa conversa con Garzón destacando que o ministro pedía comer menos carne para deter o cambio climático. Cos datos do Ministerio de Transición Ecolóxica na man, a gandería española produce o 7,8% de gases de efecto invernadoiro que se emiten no país. A produción eléctrica, o transporte e a industria suman o 74,6 %. Case dez veces máis. A quen lle interesa persistir con esa falacia que asocia á gandería e á agricultura co cambio climático?. Outra cousa é que o agro, na liña que marca a nova PAC, teña que facer esforzos para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Un segundo problema medioambiental da gandería que apuntaba Garzón é a contaminación das augas e solos ligada ás macrogranxas. En Galicia, non existen tales macrogranxas de 4.000 – 10.000 cabezas das que fala Garzón. Nin sequera nunha zona con puntuais problemas de contaminación difusa como A Limia, pois calcúlase que alí hai unhas 400 granxas intensivas que, en conxunto, suman unhas 75.000 cabezas. Menos de 200 cabezas de media por gandería. A oposición ás macrogranxas é unha das poucas cuestións nas que hai coincidencia entre o ministro e boa parte do sector agrario, que considera as macrogranxas un problema ambiental e unha competencia coa gandería familiar. Agro O agro europeo está embarcado desde hai anos nun camiño sen volta de maior conciencia ambiental. A partir do 2023, un 25% de todas as axudas da PAC que cobrarán os produtores chegarán por cumprir con prácticas voluntarias positivas para aumentar a biodiversidade e para frear o cambio climático. Europa ten os maiores estándares a nivel mundial en benestar animal, seguridade alimentaria e coidado do medioambiente. O foco, como vén reclamando o agro desde hai anos, hai que poñelo nas importacións de alimentos que recibe a UE. Se ó ministro lle preocupa o benestar animal, a seguridade alimentaria e o medioambiente, o primeiro -arguméntase no agro- sería emprazar á UE a esixir o cumprimento das normas europeas para os alimentos importados. En calquera caso, como vimos, Alberto Garzón cuestiona tamén a sostibilidade e a calidade da carne producida en España. Boa parte do agro considera esa visión como froito da ignorancia. Tamén cabería preguntarse se ó ministro de Consumo non lle preocupa a sostibilidade ambiental e social do mar de plástico de Almería ou a calidade das hortalizas que dalí saen. Ou a cuestión é simplemente sinalar á carne como ‘mala’?. Escenario mediático – político O ministro convertiuse nas últimas semanas nun boneco pim pam pum para unha gran maioría de medios de comunicación e formacións políticas. Se a preocupación de todos eles fora a defensa da gandería, habería que pedirlles que reserven o 1% do tempo que lle adican a Garzón a asuntos como os prezos do leite e da carne ou ó aumento dos custos de produción no agro.

Transfober incorpora unha cisterna con inxectores ó seu servizo de aplicación de xurro

A firma galega Transfober, especializada na xestión e aplicación de xurros, vén de incorporar ó seu parque de maquinaria unha cisterna de 20.000 litros dotada de inxectores de 15 metros de ancho. É un equipo co que a empresa busca unha maior profesionalización, na liña marcada polas recentes normativas ambientais na materia.

Pantalla de control do sistema en cabina.

A nova cisterna está dotada dun caudalímetro, de xeito que, en combinación co GPS do tractor, poderá facer aplicacións variables en función dos mapas de rendemento de cada parcela.

“Podemos aplicar un caudal diferente nas distintas zonas dunha finca, en función das necesidades. Ademais, proporcionaráselle ó cliente un ficheiro cos datos exactos do volume de xurro aplicado en cada parcela, co que poderá cumprir facilmente coas obrigas de rexistro que marcará en breve o decreto ministerial sobre xestión dos xurros”, explican desde a dirección da empresa.

Mapa de rendemento coa aplicación realizada nunha parcela. Rodas co sistema de teleinflado.

Outra vantaxe do equipo é que conta nos neumáticos cun sistema de teleinflado, o que permite modificar a súa presión. Así, para circular por estrada, a cisterna pode ir coa presión de neumáticos estándar, pero unha vez chega á parcela de aplicación, pode reducir a presión para diminuír a compactación e evitar a creación de rodeiras, sobre todo en situacións de terreo húmido.

Tendencia
De cara ó futuro, Transfober proxecta unha substitución progresiva do seu parque de maquinaria actual cara o sistema de inxectores que incorpora xa na nova cuba. “É un sistema que ten o mesmo tempo de aplicación en campo que o convencional, en abanico, e que cumpre con tódalas esixencias da normativa, polo que esa é a tendencia” -valoran na firma-. “Para nós, representa unha mellora no servizo que ofertamos”, conclúen.

Transfober, ubicada en Santa Comba (A Coruña), presta servizos de aplicación de xurros en toda Galicia, para o que conta cunha flota de camións cisterna e cubas que operan nas catro provincias.

Máis información

Vista da cisterna cos brazos de aplicación recollidos.

Rousil SC: Unha aposta por producir leite de pastoreo A2A2 no Val de Camba

O Val de Camba, na concello pontevedrés de Rodeiro, é coñecido polas súas terras fértiles, motor indispensable para moitas das ganderías de vacún tanto de leite como de carne asentadas no municipio. Ese potencial é un dos motivos que levaron a Manuel Faílde e Alberte Lamazares, dous mozos da parroquia de Río, a sumar esforzos e asociarse para impulsar un proxecto gandeiro centrado no pastoreo. Da unión das dúas ganderías familiares asociadas xorde Rousil SC. Porén a terra está a ser tamén un dos lastres do proxecto nestes momentos. O proceso de reestruturación parcelaria que leva anos iniciado no Val de Camba estalles a atrasar o avance das obras para a nova granxa. A falta de prazos concretos pode chegar mesmo a condicionar a viabilidade dun proxecto que busca unha alternativa de futuro apegada á terra e ó rural.
“Asociarnos é unha boa opción que vemos para poder estar vinculados á produción de leite nun futuro”
O seu é un proxecto orientado ó pastoreo, un modelo no que ambas ganderías levan traballando dende sempre e polo que queren seguir apostando dun xeito máis profesional e competitivo. Dende maio xa teñen aprobado o Plan de Mellora que presentaron ante a Consellería de Medio Rural. “Asociarnos é unha boa opción que vemos para poder estar vinculados á produción de leite nun futuro. Vemos que a sociedade entre dous amigos, dúas familias, pode brindarnos unha oportunidade para incrementar a produción, facturación, ingresos e mellorar en calidade de vida”, argumenta Alberte Lamazares. Os dous mozos atopábanse á fronte de cadansúa gandería familiar, centradas na produción de leite en pastoreo, dúas granxas moi condicionadas pola falta de espazo e unhas instalacións que precisaban renovar. Tanto Manuel coma Alberte tomaron o relevo de seus pais, agora xubilados, e atopáronse con ganderías co gando trabado e sen posibilidade de ampliar as naves actuais. “Agora mesmo tanto un coma o outro temos moi pouco espazo nas nosas granxas e o manexo resulta moi incómodo”, comenta Manuel. Por iso, optaron por construír unhas novas instalacións a medio camiño entre as vivendas de cada un dos integrantes da sociedade. A granxa situarase nas proximidades dun cruce de camiños a escasos 200 metros das vivendas dos dous socios, nun zona coñecida como Rousil, de aí o nome da propia gandería. Este ano, nunha das parcelas nas que teñen previsto construír a granxa sementaron millo.

A parcelaria, un atranco e unha oportunidade

O proceso de reestruturación da terra en Val de Camba preséntase como unha oportunidade, coas vantaxes a medio-longo prazo que se lle presupoñen a este tipo de modificacións da paisaxe, ó xerar unha rede de camiños, mellorar os accesos e poder contar con parcelas de maior superficie. Todas elas poden supoñer unha mellora interesante para esta gandería, pero ó mesmo tempo a concentración parcelaria estase convertendo nun dos seus maiores obstáculos. A lentitude do proceso fai temer ós dous gandeiros que se vexan apurados para cumprir o prazo de 2 anos para a posta en funcionamento da gandería. “Agora mesmo non temos aínda parcela dispoñible para poder comezar coas obras. No momento no que está agora a parcelaria non se permiten cambios, compras nin construír”, explican Faílde e Lamazares. Logo de asignar as parcelas provisionais e rematar a fase de alegacións aínda está pendente a tramitación definitiva dos predios. Dende Medio Rural tampouco lles proporcionaron ningunha solución e esgrimen a que o proceso se debe resolver na súa totalidade.
“É contraditorio que se as parcelarias se impulsen para proporcionar futuro no agro e agora estean a condicionar o avance do proxecto deste xeito”
Os gandeiros apuntan á necesidade de activar mecanismos nos que se poidan establecer dúas vías para resolver o proceso de concentración, para axilizar os trámites naquelas parcelas con proxectos en firme sobre elas. “Só pedimos que se non houbo alegacións sobre estes terreos nos deixen levar a cabo o proxecto, xa que a nós o tempo xa nos está contando. É contraditorio que as parcelarias se impulsen para proporcionar futuro no agro e agora estean a condicionar o avance do proxecto deste xeito”, comentan.

Frisoas para leite A2A2

A súa previsión para as novas instalacións é sumar unhas 90 vacas en muxido, e contar con entre 125 e 130 cabezas de gando. Na actualidade, na granxa de Manuel moxen uns 32 animais e na de Alberte uns 23. A excepción dalgún exemplar de Montbéliard e Parda, a maioría do gando das dúas ganderías é Frisón. Aínda que están abertos a poder facer cambios, en principio queren seguir apostando por esta raza. “Dentro da Frisoa, nós queremos ir a vacas máis resistentes. Non buscamos grandes producións e vacas que se acaben ós poucos partos, procuramos lonxevidade e que os animais se adapten ben ó pastoreo”, xustifica Lamazares. Na gandería de Faílde levaban tempo xa escollendo touros holandeses para a súa recría, co gaio de seguir esta liña para o seu rabaño. Ademais, miran con expectativa a unha produción de leite A2A2. “Todo o seme que estamos empregando na gandería é xa de A2 para ir nesa dirección”, argumenta Manuel Faílde. As súas producións sitúanse nos 8.600 litros no caso do rabaño de Lamazares e os 7.900 quilos de leite no de Faílde, cunhas calidades de entorno a 3,50 % de graxa e 3,20% de proteína. Coa nova granxa agardan situarse nunha produción de 9.000 litros por vaca ó ano. Na actualidade o leite véndenllo a Larsa e comercialízano a través da cooperativa O Rodo, na que Lamazares forma parte da directiva. “Nós cremos no cooperativismo, senón non nos teríamos asociado e imos seguir apostando polos servizos que nos ofrece a cooperativa”, comentan.
“Queremos seguir sendo produtores de alimentos, non imos facer un gran desembolso en maquinaria”
Ademais da comercialización do leite, na cooperativa mercan as sementeiras e tratamentos que precisan e botan man da maquinaria. “Queremos seguir sendo produtores de alimentos, non imos facer un gran desembolso en maquinaria que logo non poderíamos desempeñar porque non traballamos con ela. Temos os apeiros imprescindibles para o día a día e non contemplamos mercar máis que o imprescindible. Non cremos nas grandes inversións en maquinaria na granxa”, coinciden os dous produtores.

O pasto marca o compás

Están asentados no pastoreo e a súa aposta de futuro é continuar con este manexo do gando. Nestes momentos xa están levando a cabo un pastoreo intensivo, onde as vacas están fóra non só boa parte do día senón tamén a maioría das noites. “Agás no mes de agosto, cando non hai pasto ó que levalas e nos meses máis duros do inverno, o resto do ano as vacas están no pasto día e noite”, explican os gandeiros. Hoxe as ganderías manexan unha superficie dunhas 50 hectáreas. Unha vez que incrementen o número de cabezas de gando estiman pasar a xestionar unhas 80 hectáreas, adicadas boa parte delas a pasto. Nestes momentos, a terra téñena adicada toda ela a pradeira, das que obteñen tanto o silo de herba como a herba seca. “Hai tempo que as dúas ganderías deixamos de sementar millo para ensilar, aínda que temos algunha parcela sementada é unha cantidade mínima”, comentan. Asentados no modelo de pastoreo xa dende que seus pais levaban as rendas da gandería, os dous mozos gandeiros son conscientes da importancia de levar a cabo unha boa xestión e manexo do pasto. “O pastoreo é máis complexo do que poida parecer, xa que o pasto vai mudando e tes que compensar o aporte que lle proporciona ó gando para lograr boas producións. Facer un bo pastoreo é complicado. Necesítase traballo, estar sobre a terra e ir vendo como vai evolucionando o pasto”, explican.
Pretenden manter un pastoreo intensivo e controlado para optimizar a produción do gando
Ó mesmo tempo tamén recoñecen a rendibilidade deste modelo. “Ademais de ser saudable para o gando é moito máis barato do que poida ser a produción intensiva”, argumentan. Ademais, están apostando por un pastoreo baseado no coñecemento da pradeira. Así, Lamazares traballa co asesoramento do especialista en manexo de pastos Xan Pouliquen dende hai 3 anos. Afondar no coñecemento do pasto mediante analíticas deixoulle algunha sorpresa e permitiulle comprender ata que punto hai variacións neste sistema. “Analizamos dous prados ós que estabamos levando o gando e que aparentemente eran moi similares. Descubrimos que o que a simple vista nos parecía igual era ben diferente. Mentres na finca na que tiñamos o gando polo día a pradeira tiña un 23% de proteína, na parcela na que pasaban a noite apenas chegaba a un 12% de proteína”, recorda o gandeiro. Contan con pradeiras cunha gran diversidade de especies, que non renovan e que lle proporcionan os primeiros pastos na primavera. Ademais, apostan por mesturas de leguminosas como o trevo e raigrás inglés. Detalle do proxecto da nova granxa.

Cama de compost para gando en pastoreo

O deseño das novas instalacións tamén está pensado para favorecer o manexo dun rabaño en pastoreo, que pouco tempo estará na granxa. Así, por exemplo, o aporte do penso ó gando farano na propia sala de muxido. “Se as vacas boa parte do ano van estar mantidas co pasto non ten sentido ter que darlle o penso no pesebre. Así podemos facer un punteo axeitado de cada animal e unha vez muxidas poden saír de novo sen ter que prendelas para proporcionarlle o penso”, argumentan. Tamén a distribución da granxa se sae dos modelos máis tradicionais. Eles apostarán pola cama de compost, polo que o rabaño permanecerá nun espazo aberto, sen cubículos, e no que unha cerca móbil separará as vacas secas. “Ter unha cerca móbil permítenos axustar o espazo en función do número de animais que haxa en cada lote en cada momento do ano”, indican. Terán unha superficie de 80 x 14 metros dedicado á cama do gando. Son unha das poucas granxas que van apostar polo compost estando en pastoreo. “Cremos que pode ser un sistema de cama que se adapte ben para o pastoreo intensivo que queremos facer, xa que as vacas van estar pouco máis de 2 meses ó ano dentro, e parte dese tempo será no mes de agosto cando non hai pasto, pero tampouco hai problema para manter a cama seca”, explican. Ademais, escolleron este modelo convencidos do benestar que pode proporcionar ós animais, de xeito que as vacas só estean trabadas en momentos moi puntuais.
Coa cama de compost buscan deixar atrás unha das maiores problemáticas actuais da gandería, a xestión dos xurros
Cunha base de materia orgánica, aínda por definir, o mantemento da cama farano mediante o fresado da mestura, para conseguir unha ventilación e unhas condicións hixiénicas axeitadas para proporcionar comodidade ó gando. “Agardamos mellorar a produción grazas a este tipo de cama, aínda que nós escollémola principalmente pola comodidade que lle pode proporcionar ó gando”, concretan. Para favorecer o éxito deste modelo de cama prevén programar os partos. Ademais, estudan empregar tamén carbonato cálcico para favorecer o secado da cama en determinadas épocas. “Temos que avaliar as necesidades que teñen as nosas pradeiras deses aportes e se resulta rendible empregalo para aforrar así custos en fertilizantes”, apuntan. Nun futuro, tamén barallan empregar como materia orgánica para o gando o toxo, cun alto aporte nutricional para a terra. Optar polo toxo permitiríalle aproveitar esta biomasa forestal ó tempo que limpan o monte e reducen o risco de incendios. Con esta cama buscan deixar atrás unha das maiores problemáticas actuais da gandería, a xestión dos xurros, optando por unha alternativa baseada nos principios da Economía Circular, na que os residuos se transformen en recursos. Con todo mantéñense cautos e á expectativa dos resultados que lles poida proporcionar este tipo de cama por se é preciso volver á instalación de cubículos. Rousil nace coa vista posta nos obxectivos medioambientais que marcan xa dende Europa, co que tamén teñen previsto avaliar a pegada de carbono da granxa e levar a cabo iniciativas como a plantación de arborado, co que compensar as emisións, na procura dun modelo de produción de leite neutro ou negativo en canto a emisións. Ademais, aínda que non se atopa entre as metas a curto prazo, os produtores tamén deixan a porta aberta xa a poder levar a cabo proxectos de transformación e posta en valor do leite. Nesta nova etapa tamén queren seguir apostando pola colaboración con outras entidades e colectivos, como veñen facendo agora xa, pese ás limitacións actuais. "Na nosa granxa levamos tempo colaborando con investigadores e outros gandeiros e nas novas instalacións queremos seguir mantendo esa liña de traballo, mesmo contemplando poder realizar visitas ou xornadas coas que achegar máis o noso traballo como produtores de alimentos a outros sectores da sociedade", reivindica Lamazares.  

Como combinar o desenvolvemento das granxas de leite cunha maior sustentabilidade ecolóxica?

As granxas de leite galega enfróntanse a unha serie de desafíos medioambientais que se poden encadrar en catro puntos principais: terras, xestión de xurros, calidade das augas e fauna salvaxe. Sobre eses catro elementos xirou un debate organizado polo Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo no marco do proxecto europeo ‘Dairy for future’. O primeiro obxectivo do debate foi analizar os desafíos ós que se enfrontan as granxas galegas de leite en materia de medioambiente. A segunda cuestión abordada foi a de como enfrontar eses retos sen mermar o desenvolvemento económico das explotacións e a súa competitividade no contexto europeo. Para dar resposta a ambas cuestións, participaron no debate unha vintena de profesionais do sector, entre eles gandeiros, técnicos, representantes de cooperativas e organizacións agrarias, investigadores e persoal da Administración. Resumimos a continuación, en vídeo e texto, as principais conclusións do debate, que aportou unha visión da situación galega no ámbito do proxecto ‘Dairy for future’, que é o espazo atlántico europe, onde se atopan as principais rexións produtoras de leite de Europa.

1) A singularidade galega: menos dispoñibilidade de terras para alimentar ó gando

Galicia sitúase no “top ten” das rexión produtoras de leite de Europa, pero ten un claro hándicap, en comparación coas demais rexións, para poder seguir medrando de forma sostible: a falta de terras para producir forraxes e cereais cos que alimentar ao gando. Concentración do vacún leiteiro no territorio Na comunidade, o sector lácteo foi desaparecendo dun número cada vez maior de concellos, quedando concentrado nun reducido número de comarcas. De xeito paralelo, o número de explotacións é cada vez menor, mentres que a produción de leite foi aumentando. Intensificación do sistema produtivo As granxas foron medrando en superficie agraria, pero non ao ritmo que medran en número de animais. Iso implica un aumento de carga gandeira e unha maior dependencia dos alimentos mercados. Dificultades para extensificar a produción. - Non hai territorio apto para facer pastoreo, motivado pola pequena dimensión e distancia das parcelas ás cortes. -As marcas de pastoreo da industria non se perciben como realmente de pastoreo. A maiores, obsérvase que é un sistema do que só se benefician as industrias, sen repercutir a penas nas granxas. - Tal e como están planteados ata o de agora na nova PAC os ecoesquemas ligados a pastos e sega, moitas granxas de leite non poderían acceder a eles, entre outras cuestións por unha carga gandeira superior á esixida. - Existen problemas nas declaracións da PAC no caso dos pastizais das comunidades de montes, o que vén motivado pola falta de plans de ordenación dos montes. Superficie agraria útil das grandes rexións europeas produtores de leite. / Fonte: Eurostat. Plantacións forestais en terras agrícolas As plantacións forestais en terras agrícolas compiten polo escaso solo de aptitude agraria que temos en Galicia. Autorizacións de granxas sen terra (porcino, aves) Están autorizándose ganderías “sen terra” de porcino e aves, que compiten polo solo agrícola, pois precisan esas terras para cumprir cos plans de xestión de xurros.

Que se pode facer para mellorar a base territorial das granxas?

  • Ordear o territorio, cunha visión de mosaico.
  • Cartografiar, clasificar e protexer os solos de aptitude agraria de Galicia por ser estratéxicos para a soberanía alimentaria do pais.
  • Protexer zonas aptas agronómicamente para a producción de leite en base a forraxes
  • Recuperar terras abandonadas, por exemplo, o Val de Lemos.
  • Ordear conxuntamente o solo agrario para todos os tipos de explotacións (granxas de aves e porcos).
  • Deslocalizar granxas de zonas onde a carga gandeira xa é elevada.
  • Incentivar a implantación de granxas en zonas cun número baixo de granxas.
  • A terra que estea sen utilizar debería pasar ao Banco de Terras.
  • Modificar a Lei de herdanzas para priorizar o uso agrario das terrras e a súa non parcelación.
  • Limitar o tamaño das explotacións por aspectos medioambientais (macrogranxas).

2)¿Sobran xurros nas granxas de leite?

Segundo o Balance de Nitróxeno da agricultura española, publicado polo Ministerio de Agricultura, dedúcese que nas explotacións galegas empréganse aproximadamente 17.000 toneladas de abono mineral nitroxenado, que podería practicamente aforrarse cunha boa xestión do xurro. Existe, por tanto, unha ampla marxe de mellora para cumprir sen problemas coas esixencias medioambientais de Europa, en especial coa estratexia ‘Da granxa á mesa’, que busca reducir as perdas de nutrientes nun 50% para o ano 2030, e co Acordo de París, polo que se pactou a diminución das emisións ligadas ó cambio climático. A reutilización de xurros como abono na propia explotación é un claro exemplo ademais de economía circular, que pon en valor a gandería ligada a terra, como é o sistema de produción do vacún na España húmida. A utilización de xurros contribúe tamén a aumentar a materia orgánica no solo, o que potencia o papel da agricultura como sumidoiro de carbono. No marco da iniciativa ‘4 por mil’, preténdese aumentar anualmente un 4 por mil o contido de carbono no solo. Valoracións sobre o volume de xurros nas granxas galegas
  • O xurro non é un residuo, senón un abono orgánico que non sobra nas granxas de vacún de leite, o que se comproba porque se seguen utilizando unha gran cantidade de abonos químicos.
  • Confúndese a miúdo o exceso de xurro nas explotacións coa falta de capacidade de almacenamento das fosas, que é o factor que pode provocar a mala xestión dos xurros a o seu uso a deshora. O ideal é que os xurros se apliquen no momento oportuno no que o precisan os cultivos, na primavera fundamentalmente.
  • Moitas fosas están aínda sen cubrir, polo que se perde capacidade de almacenamento, facendo menos eficiente a súa xestión. Auméntase o gasto de gasoil e o tempo no transporte.
  • Por estas razóns, as plantas de tratamento de xurro non se perciben como necesarias para as explotacións de leite galegas.
  • As granxas galegas en xeral teñen capacidade de aplicar na súa base territorial todo o xurro que producen.
Nitróxeno dispoñible no xurro por hectárea de superficie agraria. Galicia (en cor diferencial) é dos que menos ten. Encabezan o ránking Cataluña, Navarra, País Vasco e Andalucía. Á cola están Galicia, Asturias e Castilla y León. ¿Cales serían os efectos da prohibición do prato aspersor? - Moitas granxas poderían desaparecer, sobre todo as mais pequenas, debido á necesidade de cambiar de cisterna, e en moitos casos tamén de tractor, para poder incorporar os novos apeiros de aplicación. - Poden xurdir problemas de desgaste dos trituradores-distribuidores nas granxas que usan camas de area.

Que se pode mellorar na xestión dos xurros?

  • Aproveitar posibles apoios públicos para o redimensionamento das fosas existentes, xestión comunitaria e a cubrición das fosas. En especial cómpre ter en conta as axudas previstas no Real Decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas estatais destinadas á execución de proxectos de inversión dentro do Plan de Impulso de la Sostenibilidad y Competitividad de la Agricultura y Ganadería (III), no marco do “Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia”.
  • Facer obrigatorias estas medidas de redimensionamento e cubrición das fosas ás explotacións cunha certa dimensión (nº de UGMs) e dependendo da pluviometría da zona. Terase que ter en conta tamén a idade dos titulares das granxas para valorar os problemas de amortización que se puideran ocasionar.
  • Aproveitar a nova PAC para crear medidas de asesoramento para a óptima xestión do xurro como abono, tal e como se contempla no borrador de ecoesquema de plan de xestión de nutrientes.
  • Nese sentido, o proxecto ministerial de Real Decreto sobre a Nutrición de Suelos Agrarios percíbese como unha ameaza, xa que o Real Decreto imporía en España unhas condicións obrigatorias que noutros países son subvencionadas como “medidas agroambientais”. Así, por exemplo, en Irlanda, a aplicación do xurro con apeiros de baixa emisión está subvencionado con 1, 25 euros por m3 aplicado.
  • Desde a entrada en vigor do Real Decreto, ademais, anularíase a posibilidade de obter fondos do ecoesquema de nutrición sostible.
  • A prohibición do prato debería ir ligada ás granxas de maior dimensión e carga gandeira, para que a medida sexa “proporcional”.
  • Habería que contemplar a posibilidade do uso do prato invertido nas granxas que fagan unha boa xestión do xurro, de maneira integral e ligada á base territorial.
  • Existen outras prácticas agrarias, tanto ou máis efectivas que os aparellos de baixa emisión, adaptadas ás granxas da España húmida. En todo caso de nada vale mercar eses aparellos se as fosas non están dimensionadas suficientemente ou cubertas, xa que seguiríamos botando o xurro en épocas inadecuadas.

3) Calidade das augas

Galicia é a única rexión entre as 80 primeiras produtoras de leite de Europa que non ten zonas vulnerables declaradas pola contaminación de nitratos procedentes de fontes agrarias. En todo o Estado, ademais de Galicia, son Asturias e Cantabria as únicas comunidades que non teñen zonas vulnerables. É un escenario diferencial da España húmida, en comparación coas zonas adicadas á gandería intensiva, tal como se pode visualizar no seguinte Mapa de Zonas Vulnerables publicado en España. Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España. A paisaxe da España húmida caracterizada pola estrutura en mosaico, de pequenas parcelas irregulares, onde se intercalan sebes, árbores, muros de pedra ou vexetación de ribeira coa superficie agraria, ten un gran valor ecolóxico para o control da erosión, regulación do ciclo hidrolóxico, filtración de nutrientes e calidade da auga. Algúns países e rexións europeas produtores de leite, contemplan incluso “medidas agroambientais” para estes elementos da paisaxe, como é o caso de Irlanda; • Marxes de vexetación de ribeira sen cultivar (euros por metro): a) 3 metros: 0.90 euros b) 6 metros: 1.20 euros. c) 10 metros: 1.60 euros. d) 30 metros: 3.60 euros. • Mantemento de peches tradicionais de pedra: 0.70 euros.

Os bosques de ribeira, unha oportunidade perdida na actual PAC

Os elementos característicos da paisaxe da España Húmida, anteriormente mencionados, non están recollidos na lexislación española da PAC, e si nos demais países nos que son considerados como “Superficies de elevado valor ecolóxico” (SIES), contemplados no regulamento europeo da PAC. Por tanto, a regulación española da PAC perxudica ao mantemento de elementos da paisaxe que contribuirían e mellorar a calidade das augas. Capa de recinto considerado como non admisible (forestal), cando é claramente vexetación de ribeira (SIE) que protexe as augas do río Anllóns. / Imaxe do Sixpac.

A difícil convivencia coa fauna salvaxe

O debate da mesa de fauna salvaxe centrouse maioritariamente en dous animais, o xabaril e o lobo. O xabaril é un animal que causa grandes perdas ano tras ano aos gandeiros de vacún de leite, causando estragos en leiras sementadas a millo, tanto cando o millo é pequeno (obrigan aos gandeiros a resementar) coma cando xa está espigado. Tamén ocasiona grandes danos en prados e pradeiras, tanto despois de sementalos como nos xa establecidos. A maiores, o xabaril pode ocasionar problemas sanitarios, pois é un vector da tuberculose. Se chegase a España a peste porcina africana, a situación convertiríase en moi preocupante para o sector porcino. Por outra banda, o lobo pode ocasionar problemas, sobre todo ás gandarías que teñen as xovencas de menos dun ano fora, xa que pode atacalas. En menor medida, falouse doutros animais, coma o corvo, que causa estragos no millo, tanto arrincando e comendo os graos cando están saíndo como comendo as mazarocas despois. Tamén dos corzos, que poden ser vector de tuberculose, ou dos pombos, que cando entran nos aloxamentos gandeiros/silos, poden causar estragos e/ou transmitir enfermidades coas súas dexeccións.

Propostas para afrontar os danos

  • Facer un censo actualizado do número de animais (e mantelo actualizado). Cos censos actualizados xa se poden deseñar, dende Galicia, plans transparentes de xestión integral das poboacións, tanto de xabarís coma de lobos.
  • A financiación de peches perimetrais, pastores eléctricos e o seu mantemento, axudaría á convivencia co xabaril e o lobo. No caso do lobo, tamén serían adecuadas axudas para mercar e alimentar mastíns. Isto podería articularse a través do Plan de Desenvolvemento Rural.
  • Despois de invertir en xestión e prevención, os danos que non se consigan evitar, deberían ser abonados pola Xunta como responsable civil subsidiaria.
  • Apuntouse a idea da creación dun fondo da Xunta que garanta o pago de axudas a aquelas granxas que sufran danos pola fauna salvaxe, este fondo garantiría o cobro destas axudas, e non tería que estar supeditado a contía da liña orzamentaria aprobada cada ano.
  • Xa que os gandeiros que viven en zonas onde hai poboacións de xabarís e lobos soportan unha carga económica e de traballo extra, podería ser adecuada unha compensación pola convivencia con estes animais.

Charla sobre o futuro da xestión dos xurros en Galicia

A Asociación de Produtores de Leite de Galicia (PROLEGA) organiza para o vindeiro luns, 12 de xullo, no concello coruñés de San Sadurniño unha charla sobre “O futuro da xestión dos xurros en Galicia”. A charla terá lugar de 15:30 a 17:30 horas na Casa da Cultura e será impartida por Xoán Castro, enxeñeiro agrónomo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Nela explicará os cambios que se aveciñan tanto na maquinaria de aplicación (inconvenientes e vantaxes, viabilidade...etc); os cambios normativos que se prevén tanto a nivel europeo como español (nova PAC, novo decreto de fertilización...etc); a importancia do almacenamento do xurro (capacidade das fosas, cuberta das mesmas..etc) ou as recomendacións de abonado (boas prácticas para aplicar o xurro, o aforro que supón en abonos minerais..). Para inscribirse é preciso chamar ao 636 884 861 ou enviar un email a asociacion.prolega@gmail.com