Archives

Importante caída do censo de xovencas leiteiras en España: Un 7,6% menos

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar os datos de situación da cabana de vacún de leiteiro en España a xaneiro de 2024, no que destaca a importante baixada do número de xovencas leiteiras, un 7,6% menos en relación a xaneiro do ano pasado. A información elabórase cos datos do Sistema Integral de Trazabilidade Animal, ou SITRAN, a partir dos rexistros das comunidades autónomas. En canto ao censo de xovencas, en xaneiro de 2024 alcanza os 256.650 animais, o que supón un descenso do 7,6% respecto ao mesmo mes do ano pasado e un descenso do 2,1% respecto ao mes inmediatamente anterior. A caída é menos acusada en Galicia, que concentra o 43% desta cabana e o 41% das vacas leiteiras adultas. O censo destas últimas é de 780.962 vacas , o que supón un descenso do 0,8% con respecto ao mesmo mes no ano anterior. Con respecto ao mes inmediatamente anterior obsérvase un aumento do 0,3%. En canto á distribución do censo por comunidades autónomas, a que alberga maior censo de vacas leiteiras maiores de 24 meses é Galicia que, como pode observarse na seguinte gráfica, conta neste mes con 320.658 animais que representa o 41% do total de censo de vacas leiteiras, seguida de Castela e León con 90.333 animais (12%) e Cataluña en terceiro lugar con 74.822 animais (10%).

Causas da importante caída no número de xovencas

En canto ás causas da importante caída do número de xovencas, fontes do sector sinalan as seguintes: -Menor necesidade de reposición por maior lonxevidade das vacas grazas ás mellores no benestar animal. "O gandeiro deuse conta de que o benestar dos animais ten unha relación directa coa durabilidade e produtividade dos mesmos, o que leva a animais de máis tempo nas granxas e con necesidades menores de reposición", explica Manuel Morales, veterinario de OCEVA S.Coop. -Uso cada vez maior de seme sexado, co que as gandarías conseguen planificar mellor a recría que necesitan e obtela. A tendencia é utilizar seme sexado en xovencas e razas cárnicas en vacas adultas e mesmo está a empezar a implantarse o uso de seme sexado de razas cárnicas, para obter un maior valor na venda de tenreiros machos de cruzamento. -Maior profesionalización do sector que leva a unha xestión empresarial. A recría supón o segundo capítulo de gasto nunha granxa, por detrás da alimentación, polo que ter máis recría da que se necesita supón unha perda de diñeiro para a explotación, excepto nunhas poucas granxas que lograron notoriedade na venda de recría. -"Moita gandarías prefiren importar as xovencas polos elevados custos e necesidades de crialas na explotación ou en centro de recría. Evítanse así ter un diñeiro inmobilizado, os riscos de que enferme e cómprana cando realmente a necesitan", engade Antonio Barreira, de Ganados Barreira SL. -Por último, Manuel Morales, veterinario de OCEVA S.Coop apunta que "a incerteza na que nos movemos, desde o punto de vista normativo e a nova ordenación sectorial que vai restrinxir o crecemento desmesurado das granxas fai que as explotacións xa non pensen tanto no crecemento".

Granxa de Castro de Rei vende vacas e xovencas

Madrá SC, unha gandería familiar de Castro de Rei (Lugo) vende vacas e xovencas frisonas, tanto preñadas como en produción. “O motivo é que temos exceso de animais para o robot de muxido e precisamos vender algunhas. Son vacas moi produtivas, con medias superiores aos 40 litros nos últimos meses, e de moi boa xenética, tanto americana, como holandesa e española”, destacan dende esta gandería, que está tanto en control leiteiro como en ADS. A persoas interesadas poden chamar ao 657518026 ou enviar un email a albertosanfiz@gmail.com

Prezos medios de 2.350 euros na poxa de xovencas de Acruga en Pedrafita

O recinto gandeiro de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) acolleu este martes, despois de dous anos sen celebrarse, a tradicional poxa de xovencas preñadas da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto Raza Rubia Galega (Acruga), que se pechou cos cinco exemplares vendidos e un prezo medio de 2.350 euros. Esta media tan elevada debeuse en parte á alta cotización que alcanzaron dúas das xovencas, adxudicadas en 2.600 euros, moi por encima do prezo de saída, fixado en 1.950 euros. Un total de 17 gandeiros procedentes de distintos municipios da provincia de Lugo retiraron tarxeta para poder tomar parte na poxa, o que desde Acruga cualifican como un bo número de posibles compradores. As dúas primeiras xovencas preñadas, procedentes do rabaño de elite do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, adxudicáronse en 2.050 e 2.100 euros, adquiridas ámbalas dúas por un produtor con gandería en Sarria (Lugo). As tres seguintes poxas lograron as máximas cotizacións, moi por encima do prezo de saída. O terceiro e quinto exemplar da poxa, adxudicados en 2.400 e 2.600 euros, levounos un gandeiro de O Corgo (Lugo), mentres que a cuarta xovenca, adxudicada tamén en 2.600 euros terá como destino unha gandería de Becerreá (Lugo). O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse satisfeitos cos resultados da poxa. "Estabamos seguros de que se ían a vender. A pesar da mala situación do sector, seguimos tendo moita demanda de gandeiros que queren comprar xovencas do centro de recría. Tanto daqueles que se queren incorporar á raza Rubia Galega como dos que xa contan con ganderías e necesitan de xovencas preñadas", valora Dorado. Á cita tamén asistiu o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, xunto co alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo.  A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con Acruga, á que achegou 1,4 millóns de euros entre 2014 e 2022 con dúas liñas de axuda. Por unha banda, con axudas directas ás ganderías lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con Acruga para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Próxima poxa A próxima cita organizada por Acruga na que se poderán mercar xovencas preñadas de alta calidade e xenética será o 19 de abril, en Becerreá, unha poxa que se tivo que aprazar o pasado marzo, por mor do paro do transporte.

O impacto da alimentación na recría: saúde, lonxevidade e maior produción vitalicia

Calquera profesional do sector leiteiro é coñecedor da importancia que ten a recría na explotación e a repercusión económica que ten o levala a cabo dunha maneira rigorosa e con obxectivos marcados, coidando os alicerces básicos de instalación, manexo e alimentación.

De Heus, coa súa dilatada experiencia no ámbito da nutrición de vacún leiteiro, deseñou o Plan Kaliber de Recría de Novillas, capaz de adaptarse á demanda xenética dos animais e a evolución das explotacións de futuro. Cubrir as necesidades dunha maneira eficiente, aproveitando así todo o potencial xenético das tenreiras, desde o nacemento até o parto, é o obxectivo do plan. O resultado: animais sans, máis lonxevos e con maior produción vitalicia.

 “Cada mes que adiantamos o primeiro parto supón un aforro de máis dun 5% do custo de recría da xovenca”

O desenvolvemento dos animais durante os primeiros meses de vida é crucial para a vida futura dos animais, de aí a importancia de aproveitar a xanela de oportunidade que significa a fase de lactación, pero que ocorre a partir do período de destete?

Se nos centramos na idade comprendida entre o destete e primeiro parto, ás veces atopámonos con instalacións non adecuadas, lotes que non son uniformes, xovencas alimentadas con restos de racións de lactación ou con forraxes de baixa calidade. Isto fai que o desenvolvemento da becerra non sexa o correcto e atrásese a idade ao primeiro parto. O obxectivo sería conseguir que o primeiro parto tivese lugar aos 24 meses ou mesmo achegarse aos 20 meses, a condición de que o desenvolvemento do animal no momento da inseminación sexa correcto.

O impacto económico de cumprir este obxectivo é considerable, xa que reducir a idade ao primeiro parto en 2 meses para unha explotación de 100 cabezas tradúcese nun impacto de 10.000 € ao ano. Visto doutro xeito, cada mes que adiantamos o primeiro parto supón un aforro de máis dun 5% do custo de recría da xovenca.

Puntos Kaliber: Como saber que avanzamos na boa dirección en cada fase?

Para evitar este sobrecusto e conseguir un desenvolvemento en altura e peso correctos a fin de reducir a idade de primeira inseminación deben de marcarse uns obxectivos claros e medibles a seguir. Para iso, podemos dividir a etapa desde o destete ao parto en tres etapas.

-Fase inicial: desde o destete até os 8 meses. É unha etapa de máxima capacidade de crecemento, é posible conseguir 900-1000 gramos de ganancia diaria de peso (GMD), promovendo o crecemento do sistema esquelético, tanto óseo como muscular e evitando o engraxamento. Ao final desta etapa os parámetros de peso e altura á cruz serían de 235 Kg e 112 cm respectivamente, cunha condición corporal adecuada. Para acadar este desenvolvemento é fundamental a achega dunha fonte de fibra de alta calidade e completar a dieta con concentrado (Kaliber Junior) a fin de fornecer unha ración final cun nivel alto en proteínas e de enerxía media. A prioridade é a inxesta de forraxe de alta calidade, tendo en conta estratexias de alimentación nas fases de lactación que favorezan o desenvolvemento de papilas ruminais, xa que permitirán conseguir un máximo aproveitamento das forraxes nesta fase.

-Fase de Puberdade: entre os 8 e 14 meses. A puberdade aparece cando o animal alcanza o 45-50 % do seu peso como adulto; o corpo da xovenca continúa o seu desenvolvemento en peso e altura, evitando a deposición de graxa no ubre en formación, do mesmo xeito que na etapa anterior. Os requirimentos enerxéticos son menores e a nivel proteico deberiamos situarnos polo menos en torno ao 15-16 %, promovendo en todo momento a inxesta de forraxes. A recomendación para esta etapa é dunha GMD entre 800-900 g/día. A inseminación debe facerse cando as xovencas teñen unha estrutura corporal adecuada. Sen ser o peso un carácter definitivo á hora de facelo, este debería roldar o 400 kg, cunha altura á cruz de 1.33 m. sen engraxamentos. O Punto Kaliber que identifica a evolución correcta no desenvolvemento baséase na liña dorsal e costelas visibles.

Fase de xestación: desde o momento da inseminación até o parto. O noso obxectivo é novamente o desenvolvemento da xovenca cun mínimo depósito de graxa, un correcto crecemento permitirá o óptimo desenvolvemento do feto e un animal saudable. O obxectivo desta etapa a nivel nutricional é conseguir altos consumos de materia seca cunha boa achega de fibra de calidade. Unha vez confirmada a preñez, a ración debería estar en torno ao 15% de PB, o obxectivo sería alcanzar consumos de materia seca de aproximadamente 11 kg aos 23-24 meses. A altura ideal das xovencas ao parto é de 1,40 m á cruz e un peso de entre 610 e 630 kg en preparto.

No preparto é de especial importancia evitar competencias entre xovencas e multíparas. Para iso, na medida do posible, deberiamos evitar ter xuntos estes animais para que as xovencas non diminúan o consumo de materia seca en especial os días anteriores ao parto. Por outra banda, esta separación tamén sería importante a nivel nutricional xa que as necesidades das xovencas, sobre todo a nivel proteico, son maiores que as das multíparas.

O deseño de racións en base á gama Kaliber Junior permite alcanzar os obxectivos marcados complementando as diferentes forraxes dispoñibles na explotación. O noso servizo técnico é o encargado de deseñar estas racións e monitorizar a evolución do desenvolvemento, garantindo o cumprimento dos obxectivos fixados. Outra das características da gama Kaliber son os elevados niveis vitamínico-minerais que proporcionan á xovenca todo o necesario desde o destete ao parto.

En conclusión: as xovencas son o futuro das granxas e unha xovenca Kaliber é sinónimo de desenvolvemento, saúde, lonxevidade e rendibilidade.

*Artigo redactado por Daniel Prado Fernández, xerente de zona Lugo de De Heus

“É moi gratificante axudar aos nosos clientes na recría para conseguir os mellores resultados”

María do Carmen Expósito González é xerente da multinacional De Heus na zona de Lugo. Expósito está especializada na atención do gando nos primeiros días. Falamos con ela para coñecer en que aspectos se centran para lograr xovencas sas.

-Como é o teu día a día en De Heus?
-Desde que me incorporei a De Heus como xerente de zona de Lugo o meu traballo está centrado en prestar o mellor servizo aos nosos clientes, sempre orientada en ofrecerlles unha atención integral, que ademais de asesoramento nutricional inclúe pautas de manexo. O noso enfoque é sempre unha atención personalizada, pómonos na pel do gandeiro.

-Que cambiou neste tempo?
-O cambio foi intenso, pero estou a cumprir cada día un pouco máis o meu obxectivo, que é estar ligada ao máximo ás primeiras idades nas granxas. É moi gratificante axudar aos nosos clientes a enfocar a recría para conseguir os mellores resultados.

-Cal é a túa especialidade?
-Nos últimos 14 anos traballei basicamente facendo clínica veterinaria, aínda que desde o principio estiven moi ligada á recría, de modo que podería dicir que as primeiras idades son a miña especialidade e tamén a miña vocación.

“Obter unha novilla ao parto sa e con bo desenvolvemento é moi importante para o futuro produtivo da granxa”

-Que tan importante é o desenvolvemento dos animais en primeiras idades e por que?
-Creo que a mellor frase para definir o importante que son as primeiras idades é ‘xanela da oportunidade’. Os primeiros 45 días de vida son determinantes para o futuro da tenreira, tanto respecto da súa capacidade produtiva como sanitariamente. Obter unha xovenca ao parto sa e con bo desenvolvemento é moi importante para o futuro produtivo da granxa e vai a determinar importantes resultados positivos na conta da gandería.

-Cal é o enfoque en granxa que lle estades dando Kaliber?
Kaliber é unha gama de produtos formulada ao 100% para conseguir o obxectivo de que a xovenca chegue ao parto cuns índices completos de crecemento. Traballar cunha gama de produtos segura e ben elaborada axúdanos firmemente a conseguir unha tenreira sa, e ben desenvolvida.

-Que é o que lles diferencia como empresa?
-O que máis me motivou cando cheguei a De Heus foi o feito de que é unha compañía moi grande, con moitos medios para poder crecer e desenvolverme moito máis como profesional. Aínda que levo pouco tempo, teño que dicir que ademais daquilo polo que vin traballar aquí, atopeime unha empresa moi seria co cliente así como cun equipo humano e profesional incrible que fai o día a día máis fácil.

-Como levades á granxa ese enfoque?
-Eu podo falar como parte do equipo e tamén como cliente, e podo dicir que desde De Heus cúmprese ao 100% co cliente, ofrecéndolle todo o necesario para alcanzar un chanzo máis cada día. Avaliamos sanitariamente as granxas, ofrecemos información e indicacións ao cliente para que mellore, e proporcionamos un servizo completo para que os seus animais cheguen aos máximos produtivos e de desenvolvemento.

-Como ves o futuro do vacún de leite en Galicia?
-Galicia é moi forte en vacún de leite, lévao demostrando décadas. Sufriu enormemente os últimos anos polos baixos prezos e en resposta os nosos gandeiros crearon granxas moi profesionalizadas, modernizáronas e multiplicaron de tamaño, dixitalizáronas, e fan fronte a Europa coa situación de prezos máis baixa. Creo que o futuro é prometedor, aínda que nos tensaron a corda ao máximo, aprendemos a crecer nas peores condicións posibles e iso fíxonos máis fortes que os demais. É posible que desaparezan ganderías que non saiban adaptarse aos novos tempos, pero sen dúbida cada día producimos máis e os nosos gandeiros son máis profesionais e capaces de enfrontar os novos retos.

De Heus lanza un novo programa nutricional para optimizar o ciclo reprodutivo das vacas nutrices

A multinacional De Heus anuncia o lanzamento do Kovital ReproBeef®, un programa nutricional que ten como obxectivo axudar ao gandeiro a optimizar os índices produtivos e reprodutivos do seu rabaño. Trátase “dun claro avance na área da nutrición”, segundo o responsable de investigación e desenvolvemento de De Heus, Fabiano Alvim. O programa ten como obxectivo aumentar as taxas de fertilidade e os resultados zootécnicos dos tenreiros destetados nos sistemas de produción de vacún de cebo.

Como explica Fabiano Alvim, o aumento na fertilidade do rabaño e a mellora da calidade dos tenreiros permiten aos gandeiros obter un maior beneficio das súas producións. “Diversos estudos sobre nutrición materna durante a xestación, a coñecida como ‘Programación Fetal’, evidencian o impacto positivo que unha correcta nutrición ten nas vacas ama de cría, tanto na súa fertilidade, como no desenvolvemento das súas crías. O investimento en alimentación das nais ten como resultado un maior número de tenreiros e mellora a eficiencia produtiva de todo o sistema. Ademais, outras investigacións certifican que unha alimentación adecuada durante a xestación ten efectos positivos na cría, como mellora das taxas de fertilidade das xovencas e un primeiro parto máis temperán, ademais de tenreiros máis pesados no momento do destete e, por tanto, un gando con máis peso no momento do sacrificio”,concreta Alvim.

Dende De Heus sinalan a importancia que teñen cuestións como xestión, a xenética dos animais, a saúde e o alimento que se lles proporcione ó gando para o éxito da actividade gandeira. “O noso obxectivo con este programa é integrar e conectar cada un destes elementos e axudar aos gandeiros a utilizar tecnoloxías que proporcionen un maior rendemento nos seus negocios”, explica Eva Rodríguez Ribeiro, xefa de produto de vacún e pequenos ruminantes de carne en De Heus.

A fase de cría adoita levarse a cabo en pastos, polo que a boa xestión dos mesmos é primordial para lograr o éxito desta etapa e, consecuentemente, do programa Kovital ReproBeef®. “En xeral utilízanse pastos ricos en gramíneas, cuxa cantidade e calidade depende enormemente da época do ano e as condicións climáticas de cada rexión. Esta variación pode influír nas condicións corporais das vacas nutrices, por iso o equipo técnico de De Heus ocúpase de analizar todos os procesos e detalles da produción antes de implementar o novo programa”, apunta Rodríguez Ribeiro.

O programa ten en conta dende a xenética á saúde, a xestión ou a nutrición dos animais e ofrece indicacións precisas e recomendando suplementos específicos para unha adecuada nutrición das vacas para lograr tenreiros máis sans e rendibles.

A escolla dos suplementos específicos

A xefa de produto de vacún e pequenos ruminantes de carne da compañía fai fincapé na importancia de escoller os suplementos específicos para cada produción que permitan optimizar a eficiencia da mesma. Por iso este novo programa nutricional adáptase ás necesidades de cada rabaño e ofrece un acompañamento técnico especializado durante a súa implantación que inclúe unha avaliación dos resultados.

“As vacas e xovencas necesitan diferentes niveis de enerxía, proteínas, minerais e vitaminas en cada momento do seu ciclo reprodutivo. Kovital ReproBeef® ten isto en conta e ofrece un plan nutricional adecuado a cada fase, mellorando a taxa de preñez e o peso dos tenreiros no momento do destete”, argumenta Eva Rodríguez.

A área de Investigación e desenvolvemento de De Heus Holanda leva desde o ano 2019 traballando en Kovital ReproBeef® en colaboración coas Unidades de Negocios de varios países. Neste sentido, Fabiano Alvim conclúe destacando as boas sensacións que, até o momento, está a deixar o programa: “Tras avaliar os resultados dalgunhas probas realizadas con diversos produtos en granxas, estamos a desenvolver e implementando este programa a nivel global, un programa que, como comentamos, baséase na nutrición materna desde a xestación até o postparto, para aumentar a fertilidade do rabaño e a calidade do tenreiro”, indica.

Seminario online sobre fluidoterapia en xovencas

A Unidade de Rumiantes de Zoetis España organiza, dentro dos seus Seminarios online para Especialistas en Novillas, unha formación online sobre “Fluidoterapia en xovencas: hai algo novo que contar?”.

Será o vindeiro mércores, 2 de decembro, ás 17:00 horas e cunha duración de 60 minutos.

Neste WebSeminar repasarase a fisioloxía dos fluídos corporais, os tipos e vías de administración de fluídos, así como o cálculo de necesidades. Tamén se verán diferentes alternativas na fluidoterapia das xovencas con diarrea.

A formación online será impartida por Antonio González Cantalapiedra, doutor en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela.

Máis información sobre todos os seminarios https://seminariosonlineespecialistasennovillas.com/

Recomendacións para mellorar o manexo reprodutivo das xovencas

O prestixioso veterinario Alfonso Monge explicou no seminario online de “Especialistas en novillas” as claves para mellorar o manexo reprodutivo nas xovencas de reposición, un aspecto clave nunha gandaría de vacún de leite, xa que a recría supón o segundo capítulo de gasto nunha granxa.

Os obxectivos xerais da reprodución en xovencas deberían ser, segundo o experto, que as xatas pairan entre 23 e 24 meses, cun mínimo risco de partos distócicos, e que sexan inseminadas con touros xeneticamente superiores, xa que os touros melloradores poden incrementar a produción de leite entre 500 e 600 litros por lactación.

Neste sentido, Alfonso Monge desaconsellou o emprego de touros en xovencas de vacún de leite por diversos factores:xenética inferior, risco de transmisión de enfermidades, problemas de seguridade para as persoas que traballan na granxa,etc.

Como punto de partida para a inseminación das xovencas o experto lembrou que “o seu peso debe ser adecuado, de entre 320 e 350 quilos, a altura de entre 1,30 e 1,35 cm, e débense explorar todas as becerras antes de empezar o programa de inseminación, para detectar posibles enfermidades, quistes, Freemartin ou, mesmo, que xa estean preñadas”. A inseminación, ao seu xuízo, debe ser sempre con touros Top e de fácil parto, e, se é posible, con seme sexado, xa que nos aseguraremos unha maior taxa de preñez.

Unha das claves para mellorar o manexo reprodutivo das xovencas é a detección dos celos. “É moi importante formar a un operario que se encargue de detectar celos e de inseminar”, destaca Alfonso Monge. Unhas pautas sinxelas son dedicar 20 minutos pola mañá e 20 pola tarde para detectar celos dos animais.

“Se a detección de celos está por riba do 70 % e non nos interesa agrupar partos, pode ser suficiente coa inseminación artificial, pero se a porcentaxe é inferior ao 60 %, é aconsellable recorrer á inseminación artificial programada, utilizando protocolos de sincronización como o uso de prostaglandina ou de Co-Synch de 5 días, para xovencas que non mostren celo ou que non foron inseminadas por outros métodos”, explica Alfonso Monge.

Por último, o experto recomendou observar o celo en todas as xovencas inseminadas cada 18 ou 24 días, e realizar un diagnóstico de xestación aos 30 ou 32 días, resincronizando todas as que estean baleiras.

Seminario online de “Especialistas en novillas”

Para máis información e inscricións, consultar a seguinte páxina web: http://seminariosonlineespecialistasennovillas.com/ e os perfís en Twitter (@enNovillasEsp) e Facebook (@Especialistasennovillas) de Especialistas en novillas.

Accede máis contidos en blog.especialistasennovillas.es

#CuentaConZoetis #ConVosotrosMásQueNunca #GRACIAS

Así é Novipro, o plan de recría de xovencas da cooperativa Clun

Uns 200 gandeiros déronse cita este mércores na sede de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) en Pontemaceira (Ames-A Coruña) para asistir á presentación de NOVIPRO, o programa de recría de xovencas co que a cooperativa pretende mellorar a rendibilidade das súas gandarías socias. E é que, tal e como expuxeron todos os relatores, a recría é a área na que a día de hoxe existe unha maior marxe de mellora nas gandarías de vacún de leite, un aspecto clave tendo en conta que é o segundo capítulo de gasto dunha granxa, oscilando entre o 15 e o 20% do total. Outro dato ilustrativo do que se pode mellorar é que a porcentaxe de eliminación dos animais que non superan a primeira lactación pode chegar ao 45% e de media rolda o 20%, penalizando de forma importante a rendibilidade da granxa. Neste sentido, o programa NOVIPRO, desenvolvido polos técnicos de CLUN en colaboración con MSD Animal Helth, márcase como obxectivo incrementar a produción vitalicia e a lonxevidade das vacas, reducir a taxa de reposición, mellorar o estado de saúde do rabaño e, en definitiva, aumentar a rendibilidade das ganderías. Na presentación de NOVIPRO, que o martes se realizou na sede de CLUN en Ribadeo e hoxe xoves en Melide, interviñeron o director xeral da cooperativa, José Luís Antuña; Carolina Tejero, técnica de vacún leiteiro de MSD Animal Health; Alfonso Goris, xefe de alimentación animal de CLUN e Juan Gómez-Vadillo, xefe de vendas agrogandeiras de CLUN .

10 claves para mellorar a recría en vacún de leite

A modo de resumo, as principais claves do programa NOVIPRO nas que incidiron os relatores son:

1) Recollida de datos:

Un dos problemas frecuentes que se atopan é que o gandeiro non ten datos de canto lle custa recriar unha xovenca-agás se a externaliza nun centro de recría-, así como a porcentaxe de mortalidade e de morbilidade; é dicir, de xatas que enferman. Levar un rexistro dos animais que enferman ou morren nos primeiros meses de vida, así como pesalos e medilos tanto ao nacer, como nas distintas fases da recría é unha medida que facilita moito a identificación de problemas e a toma de decisións adecuadas.

2) Marcarse obxectivos:

-Técnicos e gandeiros deben marcar de forma acordada obxectivos tanto a nivel de saúde como de crecemento das tenreiras, adaptados á realidade de cada explotación. -A nivel de saúde o obxectivo debería ser que a taxa de mortalidade das tenreiras sexa de menos do 3% e do menos do 25% de morbilidade, correspondendo o 15% a tenreiras que enferman por diarreas e o 10% a animais que padecen enfermidades respiratorias. -A nivel de desenvolvemento, e dentro dun programa de alimentación intensiva con leite, os obxectivos deben ser: -Que aos 2 meses de vida as tenreiras dobren o seu peso ao nacemento. -Que alcancen o 55% do seu peso maduro no momento de inseminalas, marcándose como obxectivo inseminar aos 13 meses. -Que despois do primeiro parto, aos 22 meses como obxectivo, os animais alcancen o 85% do peso maduro. O peso maduro defínese como específico de cada granxa e mídese como o peso medio das vacas de máis de 2 partos, cunha condición corporal ao redor de 3 e ao redor dos 150 días en leite. Como media, se o peso maduro dunha granxa é de 675 quilos por animal as tenreiras deberían pesar 86 quilos aos 2 meses, 370 kg no momento de inseminalas e 610 quilos tras o primeiro parto.

3) Conformación dos lotes de recría:

-Os animais que entren nos lotes deben estar sans, para evitar que propaguen enfermidades, e ter vigor e capacidade suficiente de succión, pois do contrario verán comprometido o seu desenvolvemento polos animais dominantes. -Xuntar aos animais máis débiles nun lote a parte, pois está demostrado que ao non sufrir a competencia dos máis fortes recuperan o seu desenvolvemento.

4) Inseminar antes:

-Aconséllase un programa de alimentación intensiva en leite para que as becerras alcancen antes a súa madurez e desenvolvemento e poidan ser inseminadas e parir antes. “As razóns son exclusivamente económicas: os animais van dar leite antes, redúcense os custos de alimentación e fai falta menos recría no rabaño. Pero para inseminar antes, aos 13 meses, a tenreira debe estar desenvolvida e estar nese 55% do seu peso adulto”, destaca Alfonso Goris. “Se a recría fíxose ben as primeirizas no seu pico de lactación deben producir en torno ao 75% do leite da media das vacas adultas. Se produce menos é que tivemos un problema na recría e se producen máis, poida que teñamos un problema nas vacas adultas”, engade. No caso de que inseminemos ás tenreiras sen que chegasen a estes obxectivos de madurez, tras o parto dedicarán máis reservas de enerxía a completar o seu atraso de desenvolvemento, en detrimento da produción de leite.

5) Mellora da hixiene:

-Durante o parto, as vacas e as tenreiras deben pasar o menor tempo posible nas parideiras comúns e pasar a un espazo seco e desinfectado canto antes. As primeiras horas de vida é cando se rexistran a maior parte das enfermidades infecciosas. “Debemos ter protocolos específicos para as tenreiras máis débiles, porque moitos animais pódense salvar simplemente aplicándolles calor media lámpadas ou outro sistema de calefacción?”, destaca Carolina Tejero. -Se se utilizan cubos -máis fáciles de limpar- para alimentar aos tenreiros débese seguir un protocolo semanal de limpeza, que aínda deberá ser máis esixente se empregamos biberóns ou cubos con tetos, pois estes acumulan máis patóxenos e son máis difíciles de desinfectar. “Cos cubos, tetos ou biberóns debemos seguir o mesmo protocolo de limpeza que na sala de muxido, pois tamén estamos a traballar con leite e podemos transmitir moitos patóxenos e diseminar enfermidades entre as tenreiras”, advertiu Carolina Tejero.

6) Auga:

-Débese colocar un recipiente desinfectado con auga limpa e fresca desde os primeiros días de vida. Na fase de transición o consumo de auga está directamente relacionado co consumo de penso, polo que debemos garantir que estea dispoñible en cantidade e en calidade, especialmente no verán. -A temperatura da auga pode ser limitante do crecemento durante o inverno. Neste sentido, comprobouse que as tenreiras ás que se lles administra auga tépeda no inverno medran máis.

7) Alimentación intensiva en leite:

-A tendencia nos últimos anos é ir a programas intensivos de alimentación das becerras en base a leite, pasando dos 4 litros diarios nas primeiras semanas e en dúas tomas a entre 6 e 10 litros diarios. E é que se demostrou que as tenreiras durante as primeiras semanas de vida son máis eficientes convertendo o leite en ganancia de peso, e ademais alimentándoas con máis leite serán animais que producirán máis leite na primeira lactación e terán un mellor sistema inmunitario, e por tanto padecerán menos enfermidades. Coa alimentación intensiva en leite o destete adóitase atrasar desde as 6 ás 8 semanas, para favorecer a transición ao penso. -Os leites en po maternizados ampliaron a súa oferta no mercado, con gamas con maior contido en sólidos (graxa, proteínas..) e, por tanto, maior densidade enerxética. Por iso, e para evitar problemas na saúde das tenreiras, é crucial respectar e cumprir coas indicacións do fabricante en canto ás doses de leite en po por auga e tamén en canto á súa preparación, mesturando correctamente, de forma que haxa emulsión do leite -removela non é suficiente- e non queden pousos no fondo. -A temperatura á que se lle debe administrar o leite ás becerras debe estar entre 39 e 42 graos, unha temperatura que se debe medir no momento de administrala á última tenreira, non cando se elabora (que loxicamente terá que ser maior, sobre todo no inverno). -En caso de contar cunha amamantadora, é necesario revisar periodicamente que funciona correctamente o lavado automático, así como comprobar que elabora ben o leite e medir o desenvolvemento das tenreiras. Así mesmo, é imprescindible cambiar os tubos da amamantadora, pois acumulan co tempo sólidos do leite que son un foco de patóxenos. -O leite de vaca é un alimento excepcional para os tenreiros, pero aconséllase tomar unhas medidas de prevención para garantir a súa óptimo estado sanitario. Neste sentido, se se utiliza leite de descarte de vacas en transición (con maior contido en sólidos) ou de animais con recontos altos de células en tanque (con menor contido en graxa e en proteína), aconséllase pasteurizalo antes para eliminar patóxenos e corrixir as variacións de concentracións de sólidos con suplementos proteicos. É totalmente desaconsellable darlle ás tenreiras leite de vacas que están a ser tratadas con antibióticos.

8) Composición corporal:

-A clave da recría é lograr ganancias altas de peso do animais pero sen engraxamento, pois un exceso de graxa penalizará a produción de leite e favorecerá a aparición de problemas de saúde (cetose, resistencia á insulina.....).

9) Programas sanitarios de prevención e de biocontención.

As enfermidades máis comúns en tenreiras e principais causas de baixas son as diarreas e as pneumonías. Contra as primeiras recoméndase un plan vacinal das vacas en preparto e unha boa administración do costro aos tenreiros, tanto en cantidade, temperatura como en calidade sanitaria do mesmo. No caso das enfermidades respiratorias é necesario un programa de prevención específico parar cada granxa, pois unha lesión pulmonar nesta etapa compromete claramente o rendemento da vaca adulta. De novo, o manexo resulta clave, sendo moi necesario manter unha cama seca e quente, libre de correntes de aire pero cunha boa ventilación.

10) ¿Cando e como se decide que unha becerra non se recría?

“Non debemos recriar todo, só as tenreiras sas e máis desenvolvidas”, subliña Carolina Tejero. Un criterio que se pode utilizar para descartar as que non imos recriar é realizar unha revisión aos 3 meses a aquelas que estean entre un 10 e un 15% por baixo dos obxectivos de peso vivo a esa idade non recrialas, así como aquelas que presenten problemas de saúde, especialmente a nivel pulmonar. En Estados Unidos hai granxas que utilizan como criterio descartar a aquelas becerras que non acadan os 80 kg de peso ao destete. “Canto máis esperemos en descartar máis diñeiro perderemos e non o recuperaremos na venda para carne”, subliña Carolina Tejero.

Un programa adaptado a cada granxa para mellorar a súa rendibilidade

Segundo Juan Gómez-Vadillo, xefe de vendas agrogandeiras de CLUN, o programa de recría NOVIPRO “é un programa dinámico, que se axusta a cada granxa, de forma que os técnicos de CLUN xunto cos gandeiros van tomar en conxunto as decisións adecuadas para lograr o obxectivo dunha recría máis rendible”.

Unha alimentación específica para cada unha das fases de recría

A nivel de alimentación, o programa NOVIPRO ofrece uns produtos específicos para mellorar o desenvolvemento das tenreiras en cada unha das fases. 1) Lactación: Ofrece leites maternizados de alta calidade (Tató Premium, Tató Elite e Tató Basic) de alta dixestibilidade xunto ao penso NOVIPRO STARTER 200, un produto texturizado e con copos de millo, guisante e avea, entre outros, xunto a lévedos vivos e probióticos para garantir o crecemento e a saúde do animal. 2) Destete: Tamén se ofrece un penso específico, o NOVIPRO STARTER 50, que se debe combinar na alimentación con forraxes de alta calidade. 3) Crecemento: Os obxectivos desta fase son que a tenreira creza pero non engorde de forma que aos 13 meses alcance o 55% do seu peso maduro. Para iso CLUN desenvolveu fórmulas específicas de pensos, como o NOVIPRO 23, para racións a base de feno ou silo de herba, ou o NOVIPRO CRECEMENTO 50, para xovencas que son alimentadas con forraxes de silo de millo e palla. Ademais, para aquelas gandarías con falta de forraxe ou con problemas de manexo (dificultade de elaborar unha ración específica para novelas) CLUN ofrece pacas completas con forraxes e pensos.

Neumonía en vacún, o efecto iceberg dos custos a longo prazo

A neumonía é unha das principais causas de mortalidade de animais durante a recría. Antes do destete, representa un 23% das baixas e despois do mesmo un 46%, segundo as cifras do informe USDA de Estados Unidos. O risco continúa ademais nos animais que curan da doenza, pois está comprobado que empeorarán os seus datos de produción, reprodutivos e de lonxevidade. Para abordar a mellora e prevención da neumonía, MSD Animal Health xuntou nunha xornada en Lugo a arredor dun cento de veterinarios clínicos. O acto contou coa participación dun dos máximos especialistas internacionais no síndrome respiratorio bovino, o mexicano Alfonso López Mayagoitia, que analizou na súa ponencia a complexidade do problema. “Hai 50 anos, a neumonía era a principal causa de mortandade en vacún de engorde e tamén en vacún de leite e na actualidade segue sendo a causa número 1 de mortandade. Avanzouse moito en tratamentos e vacunas, pero hai moitos factores que interveñen na neumonía, o que fai que sexa moi difícil de previr o síndrome respiratorio bovino”, valorou.
"As neumonías son complexas porque interveñen múltiples factores, como bacterias, virus, factores xenéticos, ambientais ou o estrés"
“A enfermidade é coma un nó no que interveñen factores como bacterias, virus, o estrés, factores xenéticos e ambientais. Tamén hai que ter en conta a presión das limitadas marxes de beneficio na que se moven as ganderías con frecuencia”, apuntou López. Á hora de analizar as causas da enfermidade, un aspecto a ter en conta é que os axentes que normalmente matan a un bovino están presentes de xeito habitual na súa flora nasal e chegan ó pulmón, polo que un animal san está exposto constatemente a bacterias da súa cavidade nasal e medioambientais. Por outra banda, os virus respiratorios con frecuencia cursan como unha neumonía leve e transitoria, “un catarro” -en comparación de Alfonso López-, que desaparece coa resposta inmune do organismo. A cuestión é, por tanto, determinar que factores combinados desencadean as neumonías severas. Na súa intervención, que se prolongou máis dunha hora, López fixo un repaso por diversas circunstancias a considerar, como o impacto simultáneo de virus e bacterias, que determina unha maior reprodución e aumento das bacterias no organismo; ou a chamada ‘febre de embarque’, en animais de recría sometidos a transporte. “Durante o transporte, a poboación de bacterias da macrobiota nasal aumenta, en tanto que a deshidratación leva a unha perda de viscosidade do moco, o que facilita a penetración das bacterias no organismo”, relatou.
"A inflamación é un dos procesos que máis impacta na progresión das neumonías. É importante detela o antes posible"
Procesos inflamatorios Outro factor importante son os edemas pulmonares, que poden estar producidos por diversas circunstancias (falla cardiaca, acidose, sepsis, timpanismo, etc.). Finalmente, López destacou a inflamación como un problema asociado que impacta na progresión das neumonías. “É importante controlar e deter a inflamación o antes posible”, valora o experto. “Que sucede? Que con frecuencia, por buscar un aforro de cartos, o gandeiro chama ó veterinario clínico cando xa se pode facer moi pouco polo animal”, valora. O patólogo mexicano pechou a súa intervención con catro preguntas: - Cal é a causa da morte dun animal por unha infección respiratoria viral en ausencia de complicacións bacterianas? - Por que morre un animal cunha infección bacteriana se se lle suministra un tratamento correcto de antibióticos e a tempo? - Por que nun lote de 20 animais con complexo respiratorio bovino morre un e o resto non? - Como se explica a morte dun animal que non presenta lesións internas? “A resposta é a mesma para todos os casos. A sepsis. O problema non é a bacteria, é a resposta inflamatoria contra a bacteria, que xenera unha reacción no organismo que provoca unha falla orgánica múltiple”, explicou López. “Na primeira fase do síndrome respiratorio bovino, hai unha resposta inflamatoria inicial, unha fase na que é importante traballar porque permitiría reducir a mortandade”, subliñou. Se a inflamación continúa, chegándose a unha sepsis moderada ou a unha sepsis severa, a mortalidade de animais será alta e o veterinario pouco poderá facer. En neumonías, López advertiu por último de que existen enfermidades imitadoras da neumonía, o que complica os diagnósticos, e sinalou tamén a necesidade de avanzar no diagnóstico e coñecemento de neumonías por factores alérxicos ou tóxicos.

Perdas en números do síndrome respiratorio bovino

Os efectos a longo prazo do síndrome respiratorio bovino inclúen unha menor ganancia de peso da ternera, un maior risco de eliminación, un retraso da idade do primeiro parto e unha menor produción láctea. En escenarios de alto risco, os custos do síndrome respiratorio bovino por novilla poden chegar ós 188 euros por animal, segundo os datos que expuxo nas xornadas de Lugo Laura Elvira, técnica en rumiantes de MSD. Os datos do estudo realizado pola firma detállanse nos seguintes cadros.
Perdas calculadas para un suposto de recría de 100 novillas
CUSTO SÍNDROME RESPIRATORIO BOVINO (SRB) A CURTO PRAZO* ESCENARIO
ALTO RISCO
ESCENARIO
MEDIO RISCO
ESCENARIO
BAIXO RISCO
Morbilidade (Porcentaxe do rabaño afectado polo SRB) 60 % 40 % 20 %
Custo asociado á morbilidade
267,8 euros 178,6 euros 89,3 euros
MORTALIDADE SRB 3,9 % 2,6 % 0
Coste asociado á mortalidade 1.755 euros 1.170 euros 0
CUSTO A CURTO PRAZO 2.022,8 euros 1.348,6 euros 89,3 euros
CUSTO DO SÍNDROME RESPIRATORIO BOVINO A LONGO PRAZO* ESCENARIO
ALTO RISCO
ESCENARIO
MEDIO RISCO
ESCENARIO
BAIXO RISCO
Atraso da idade do primeiro parto 4.323 euros 2.882,2 euros 1.441,1 euros
Menor produción láctea da primeira lactación 2.700 euros 1.800 euros 900 euros
Risco de morte 90 d. - Antes do parto
3.450 euros 2.300 euros 1.150 euros
Risco de eliminación antes de rematar a primeira lactación 6.300 euros 4.200 euros 2.100 euros
CUSTO A LONGO PRAZO 16.773 euros 11.182,2 euros 5.591,1 euros
CUSTO TOTAL* 18.796,1 euros 12.530,7 euros 5.680,4 euros
188 euros / novilla 125 euros / novilla 57 euros / novilla

Recomendacións de manexo

Os principais periodos de risco das neumonías sitúanse nos tres primeiros meses de vida do animal, sendo un punto especialmente delicado o agrupamento tras o destete, dado o estrés causado polos cambios e a circulación de patóxenos respiratorios no grupo. Outro periodo de risco a ter en conta será tras o primeiro parto do animal. Para a prevención do síndrome respiratorio bovino, unha cuestión vital será facer un encalostrado correcto, pois as terneiras con fallos de encalostrado teñen máis posibilidades de sufrir o síndrome respiratorio bovino. No manexo, será tamén fundamental reducir o estrés, sendo o destete un punto de especial risco, polo que haberá que evitar a mestura de animais con heteroxeneidade de pesos e idades, así coma mellorar a ventilación, a hixiene e a alimentación. A vacinación é outra das medidas que ten demostrada a súa eficacia á hora de previr a aparición da enfermidade e reducir a súa gravidade.
Xornada de MSD en Lugo.

Cambios na prescripción de medicamentos veterinarios

A xornada concluíu cunha exposición do veterinario Luis Miguel Cebrián sobre os cambios que se están producindo na prescripción de medicamentos veterinarios. Cebrián, que forma parte do Comité de Seguridad del Medicamento Veterinario e do Grupo Coordinador técnico do Plan Nacional de Lucha contra las Resistencias a los Antimicrobianos, analizou os cambios e expuxo unha serie de recomendacións para os profesionais. “O obxectivo da Administración é que toda prescripción de medicamentos se faga cun coñecemento directo da situación sanitaria da explotación, sobre todo no caso dos antibióticos”, explicou Luis Miguel, que incidiu en que a Administración ten detectada a práctica das chamadas “recetas inversas”, coas que quere rematar. Cebrián amosouse de acordo con esa filosofía, pero demandou protocolos de boas prácticas que regulen a aplicación de antibióticos nas explotacións, pois “é imposible que o veterinario vaia ver cada vaca con mamite ou en secado”, advertiu. Novidades Un dos cambios que se aveciñan é que desde comezos de ano, os veterinarios terán que notificar todas as recetas de antibióticos que expidan. Outra obriga será indicar se a prescripción dun medicamento é ordinaria ou se é excepcional, é dicir, en doses máis altas ás indicadas na ficha técnica ou para enfermidades nas que hai un baleiro sanitario. Cebrián lembrou que os veterinarios están obrigados a comunicar a Farmacovixilancia todas as reaccións adversas ou a falta de eficacia dun produto, unha cuestión que considerou importante de cara a actualizar fichas técnicas de medicamentos que se atopan obsoletas. Os cambios lexislativos representan, a entender de Luis Miguel Cebrián, unha oportunidade para mellorar os servizos veterinarios e o estatuto do veterinario clínico, sempre que se solucionen os baleiros legais aínda existentes. Tamén considera que os cambios poden representar un revulsivo para o gandeiro, que terá que centrarse máis na prevención, cun maior coidado de aspectos coma o benestar animal ou os programas de vacinación.

As tres claves para mellorar a eficiencia alimentaria das xovencas en vacún de leite

A recría é o segundo capítulo de gasto nunha gandaría de vacún de leite, despois da alimentación, e pode representar ata máis do 15% dos custos totais dunha granxa. Lograr unha recría eficiente converterase cada vez máis nun factor decisivo na rendibilidade económica dunha explotación. E se temos en conta que os custos de alimentación dunha xovenca poden representar ata o 60% do custo total de recría dun animal, cobra especial relevancia mellorar a eficiencia da alimentación, de forma que a forraxe e o penso inxerido sexa aproveitado ao máximo polo animal, minimizando o que é excretado. Neste sentido, Jud Heinrichs, profesor da Universidade de Pensilvania e especialista en nutrición de vacún de leite, detallou este mércores no XXIII Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina cales son as claves para mellorar a eficiencia alimentaria na recría das xovencas:

1) Alimentación:

Segundo Jud Heinrichs a dieta das xovencas é un factor clave para a eficiencia alimentaria. Neste sentido advertiu de que “as xovencas deben inxerir forraxes da máxima calidade e dixestibilidade, é o máis importante, porque representan ata o 90% da súa ración total”. Isto tradúcese nuns índices de conversión de entre 5:1 e 6:1 (para gañar un quilo de peso son necesarios 5 ou 6 quilos de materia seca), pero no caso de forraxes de mala calidade elévase a 8:1 e mesmo 10:1. A este respecto, lembrou que “ao meter na dieta das xovencas forraxes de mala calidade non só estamos a tirar diñeiro, porque a forraxe mala cústanos producila o mesmo que a boa, senón que estamos a xerar máis dexeccións, co problema que supón para o medio ambiente”. “Ademais -advertiu-, estamos a reducir a dixestibilidade do penso e dos outros ingredientes da ración, por non falar de que a xovenca necesitará gastar máis enerxía en dixerir esa forraxe mala e máis cantidade de alimento para lograr a mesma ganancia diaria de peso”.
 “Débese dar para comer ás xovencas 1 vez ao día, non ad libitum”
Por outra banda, para Jud Heinrichs, e a diferenza de en as vacas adultas en produción, a alimentación non debe estar a libre disposición para as xovencas senón administrarlla unha vez ao día, como moito en dúas quendas para evitar a competencia no pesebre. “Debemos buscar unha alimentación de precisión, proporcionándolle á xovenca soamente o que realmente necesita. Non penaliza nin o seu crecemento nin a súa produción futura e está comprobado que podemos aforrar entre un 10 e un 15% de penso”, destacou. Para apoiar este tipo de manexo Jud Heinrichs citou un estudo realizado na Universidade de Wisconsin no que as xovencas alimentadas cunha dieta controlada tiveron un 29% máis de eficiencia na alimentación e xeraron un 1 quilo menos de esterco ao día que as tenreiras alimentadas ad libitum. “O que nunca debemos facer é ir a dietas nas que se busca o enchido intestinal con forraxes que moitas veces son de mala calidade”, advertiu o profesor da Universidade de Pensilvania. “A inxesta de materia seca de calidade despois do destete xunto coa ausencia de enfermidades e de dificultades no parto son o tres factores que máis condicionan a produción de leite na primeira lactación, por encima da ganancia media de peso e da idade ao primeiro parto”, engadiu. Un último elemento que pode mellorar a eficiencia alimentaria é a adición de aditivos para mellorar a función ruminal e a dixestión microbiana, como fermentos e ionoforos.
Valores típicos da eficiencia da alimentación para tenreiras e xovencas: -Tenreiros alimentados con leite: de 2:1 a 2,5:1 -Tenreiras destetadas, cun 25% de forraxe e o resto penso: 3:1 a 4:1 -Xovencas novas, alimentadas cun 50% de forraxe de alta calidade: 4:1 -Xovendas en TRM: 6:1 a 7:1 -Xovenas máis vellas alimentadas cunha forraxe pobre: 8:1 ou máis, chegando mesmo a 15:1

2) Xenética:

A xenética é outro factor que inflúe na eficiencia alimentaria, polo que debemos realizar un traballo de selección dos animais que mellor aproveitan o alimento. “As xovencas eficientes na alimentación tamén serán futuras vacas eficientes”, subliñou Jud Heinrichs. A capacidade das xovencas de utilizar eficientemente a alimentación diminúe coa idade. Así, antes da puberdade o crecemento das xovencas é fundamentalmente óseo e muscular, pero despois da puberdade gañan máis graxa en relación aos ósos e músculos, e son por tanto menos eficientes en alimentación. Un obxectivo podería ser alcanzar un estado estable de crecemento desde o nacemento ata o primeiro celo, segundo por unha segunda taxa de crecemento despois da cría, para lograr o peso corporal desexado no parto. As investigacións demostraron que antes da puberdade (de 9 a 10 meses) as xovencas Holstein deben medrar ao redor de 700 gramos ao día para maximizar a produción de leite na primeira lactación.
“A tenreira debe gañar 700 gramos diarios e chegar ao parto con ao redor do 85% do peso dunha vaca adulta”
Unha vez que a xovenca alcanzou a puberdade a taxa de crecemento non afecta o desenvolvemento mamario e débese considerar o seguinte punto de control crítico: o peso corporal no momento do parto. A investigación conclúe que este debe ser ao redor do 85% do peso corporal das vacas adultas. Se isto non se cumpre as xovencas de primeiro parto van gastar un exceso de enerxía no crecemento durante a primeira lactación, en detrimento da produción de leite. Este fenómeno é unha resposta biolóxica ao atraso de crecemento antes do parto. Ademais, as xovencas que están no último terzo da xestación serán menos eficientes e relación ao alimento, xa que o feto e os tecidos afíns estarán a sacar máis enerxía e proteína dietética para apoiar o rápido crecemento do feto. Por último, as xovencas que non chegasen a un tamaño adecuado á idade de criar corren tamén un maior risco de ter dificultades á hora de parir aos seus tenreiros.

3) Benestar animal

O estrés ambiental e o exercicio son dous factores que afectan os requisitos de mantemento, e por tanto terán efectos directos sobre a eficiencia da alimentación da xovenca. Así, en establos cómodos e ben xestionados serán menores os custos de mantemento das xovencas. Pola contra, calquera corte na que as xovencas estean sucias, molladas ou na que os animais pasen frío ou calor, diminúe a eficiencia alimentaria debido a que aumenta o consumo de enerxía para manter unha temperatura corporal normal. O exercicio tamén inflúe, aínda que en menor medida, na eficiencia alimentaria, sobre todo se as xovencas teñen que camiñar longas distancias para acceder ao pasto.

Obxectivo: Chegar a xovencas que pairan aos 23 meses e cun peso corporal de ao redor de 700 quilos

O obxectivo dun sistema de alimentación eficiente das xovencas é que estas cheguen ao parto cunha idade de 23 meses, cun peso medio para as de raza Holstein duns 700 quilos antes de parir, ou entre o 75 e o 85% do seu peso corporal de vaca adulta. Unhas metas que, segundo Jud Heinrichs, os gandeiros en Estados Unidos xa están a lograr. Así, se no ano 2002 soamente o 31,1% das xovencas analizadas nun estudo parían entre 21 e 24 meses, no 2017 esa porcentaxe elevouse ao 63,4%. “Iso supuxo menores custos de recría e a produción de leite no primeiro parto non só non diminuíu senón que aumentou”, subliñou o profesor estadounidense.

Máis información en: Dairy Cattle Nutrition www.das.psu.edu/dairynutrition

 

Casal de Quintanelas, como duplicar o número de vacas sen mercar animais

Antonio Castanheira non se define como gandeiro, senón como economista. Foi durante 20 anos xerente desta granxa ubicada no termo municipal de Pero Pinheiro, na rexión de Sintra, e, cos números na man, fai 8 meses decidiu mercar as vacas, alugarlle as terras e as instalacións ao seu propietario, Alexandre Arriaga e Cunha, e poñerse á fronte desta explotación pola súa alta rendabilidade. Ao remate do 2017, o balance indicaba que Casal de Quintanelas gañaba uns 10 euros por vaca e día (ingresos menos alimentación), ou o que é o mesmo, arredor de 2.000 euros diarios de beneficio. “Non me gustan as vacas, gústanme os números, e para min isto é un negocio. Eu non teño vacas pola súa beleza, e estas vacas son diferentes pero máis rendibles”, afirma categórico.
A granxa entrega leite cun 4% de graxa e un 3,6% de proteína
A media de produción varía dependendo da época do ano, entre outros factores polas altas temperaturas durante o verán, pero nesta época está nos 38 litros por vaca, aínda que Antonio di: “non me importa tanto o dato de canto leite producen, porque o dato que máis me gusta é o de canto estou gañando por vaca”. A toma de datos é básica para esta explotación que mide e computa en termos numéricos e económicos todo canto entra e sae da granxa. Entregan unha parte do leite que producen a unha queixaría a un prezo de 37 céntimos por litro, cuns niveis de graxa do 4% e de proteína do 3,6%, e o restante vai a unha cooperativa que llelo paga a 35 céntimos, mentres que o custo de alimentación está en 18 céntimos por quilo de materia seca, polo que Antonio asegura que neste momento “a diferenza entre prezo de leite e custo de produción é claramente favorable”. Por iso, esta explotación portuguesa ten previsto duplicar practicamente os seus animais en muxidura no prazo de dous anos e farao sen mercar nin unha soa novilla, simplemente co excedente na taxa de reposición actual. Xatas na amamantadora. “Desde 1957 pasamos décadas e décadas estables, con 180 animais en muxido, xa que a recría só chegaba para repoñer as baixas e non nos permitía medrar porque tiñamos unha taxa de eliminación do 35%, pero tralo cambio das vacas holstein polas procross hoxe estamos nunha taxa de reposición do 20%. Iso quere dicir que coas 300 vacas en ordeño que temos neste momento só necesitamos 161 xatas, cando temos 343, polo que, cando dentro de dous anos estean paridas teremos 561 animais en ordeño, cando coa taxa de reposición das holstein teriamos só 448 vacas en muxidura nese mesmo momento, a diferenza é moi considerable, con Procross teremos un cento de vacas máis”, resume. E iso que o crecemento do rabaño está a provocar un problema de superpoboación nesta explotación que os obrigou a tomar medidas impensables hai uns anos. “Se fai 10 anos nos din que iamos ter que alugar unha finca de 45 hectáreas a 30 quilómetros daquí para as novillas non o creriamos”, di. Casal de Quintanelas trasladou alí a recría, que sae da explotación tralo destete e volve no momento do parto. Foi unha maneira de liberar espazo para produción, xa que desde que comezaron cos cruzamentos, en menos de 10 anos pasaron de 180 vacas en produción a duplicar xa neste momento esa cifra e ter previsto un crecemento exponencial para os vindeiros meses. Instalacións de recría de xovencas. Venda de xovencas e desvelle voluntario Antonio recomenda o método Procross de cruzamento que el aplicou a todas as explotacións. “As granxas que queiran medrar, como é o noso caso, fano sen custos derivados de ter que mercar vacas, e as que non queiran medrar poden vender recría e obter ingresos por esa vía”, di. “Nós mesmos tivemos que vender 38 novillas porque xa temos un 20% máis de vacas que de cubículos”, explica. As xatas que vende Casal de Quintanelas son tenreiras trihibridas, nas que xa se completaron os tres cruzamentos (montbeliarde, roja sueca e holstein), e que buscan outras granxas que queren comezar a empregar o mesmo sistema pero non queren tardar os 7 anos que leva ter o ciclo completo.
A explotación alugoulle unha nave a unha vaquería que pechou a 30 quilómetros para a recría das xovencas
O custo de pór unha novilla ao parto nesta granxa é actualmente de 1.400 euros, dos que 200 euros correspóndense co custo de arrendar as 45 hectáreas e as 3 naves que Casal de Quintanelas lle alugou a unha vaquería que pechou a 30 quilómetros e onde ten xa neste momento 230 novillas. Antonio calcula arredor de 1,3 euros por xata o custo diario de recría. Outra das vantaxes dunha taxa de reposición excedentaria é poder facer desvelles voluntarios e escoller deste xeito un número importante dos descartes que van ao matadoiro. “Fai tres meses vendín 20 vacas que estaban dando 20 litros pero que me estaban estorbando porque non teño sitio, senón poderían ter quedado máis tempo”, explica. Pagáronllas a 1,3 euros por quilo de vida, que representa máis ou menos o dobre do peso canal. Pesaban 800 quilos de media, así que recibiu máis ou menos 1.000 euros por vaca de desvelle porque afirma que “as vacas cruzadas aguantan moito mellor a condición corporal unha vez paridas e non perden tantos quilos durante a lactación, polo que valen máis no momento de vendelas”. Tamén no ano 2015 tiveron que facer un sacrificio masivo. “Obrigáronnos a reducir produción e tivemos que vender de golpe 60 vacas e as que quedaron pasámolas de 3 a 2 ordeños para baixar produción e mesmo fixémolas pasar fame”, lembra. Alimentación: 60% forraxe e 40% concentrado As condicións para a produción de leite que hai nesta zona do centro de Portugal son moi distintas ás que hai na zona norte do país ou en Galicia, polo que o mix alimenticio desta granxa é moi distinto ao da maioría das explotacións galegas, sobre todo polas dificultades para a produción de forraxe nesta latitude. “É moi difícil e cara de producir porque o chan é moi pobre e estamos nun lugar de clima mediterráneo puro con moi poucas precipitacións, polo que o 65% da forraxe que precisa a granxa é forraxe de millo que ven de 70 quilómetros de distancia”, explica Antonio. O solo pobre non é apto para producir millo. A explotación dispón de 300 hectáreas de superficie a raigrass que cubre soamente o 40% das necesidades de forraxe da explotación, o resto teñen que mercala. Sementan en setembro e logran dous cortes de herba, o primeiro en marzo e o segundo en maio. Logo, de xuño a setembro, vén o periodo seco. Dispoñen dunha lagoa artificial, da que tiveron que botar man no outono pasado para poder dar de beber ás vacas ante a seca prolongada. Por iso o 40% do que comen as vacas é concentrado e o seu propietario afirma que “se as vacas non fosen animais rumiantes, hoxe estaría alimentando as miñas vacas exclusivamente con concentrado porque nesta zona sáenos máis barato que a forraxe”, di. Todas as vacas comen a mesma ración malia estar en lotes por días de lactancia. O reparto de comida ten lugar dúas veces ao día e a explotación ten unha persoa adicada unicamente a esta tarefa. De cada carro mesturador que fan realizan unha analítica para saber canta materia seca levaba e contabilizan tamén as sobras que hai nos pesebres pola mañá (en torno a 100 quilos por lote) para saber a cantidade exacta de materia seca inxerida polos animais e en función diso axustan a ración diariamente no momento de facer a mestura. Vacas resultado de tres cruzamentos. Isto, sumado ao control de datos diarios de cada vaca permítelles ter estatísticas moi fiables nas que basear a toma de decisións na explotación. Un dos gráficos clave que usan é o da eficiencia na transformación da materia seca inxerida, segundo o cal os animais desta granxa producen unha media de 34,8 litros de leite entre o momento do parto e os 50 días posteriores cunha inxesta de 24 quilos de materia seca ao día. Adiantar a inseminación e reducir o secado Casal de Quintanelas era historicamente unha explotación holstein punteira en Portugal, fundadora da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisona, e que tiña na mellora xenética un dos seus sinais de identidade, pioneira na década dos 60 na importación de vacas de Canadá e anos máis tarde dos primeiros embrións procedentes de Inglaterra. Pero fai 10 anos pasou por “un problema gravísimo de reprodución”, segundo lembra Antonio, motivado en boa medida polos altos índices de consanguineidade que se foron instalando no seu rabaño co paso dos anos. Iso levounos a facer a primeira inseminación con montbeliarde dentro do programa Procross, que consiste na combinación en rotación das razas montbeliarde, roja sueca e holstein para manter deste xeito animais de alto nivel produtivo pero máis fértiles e resistentes a enfermidades. A experiencia foi positiva e hoxe o 97% do seu rabaño son animais híbridos. A mellora reprodutiva das vacas cruzadas con respecto ás frisonas puras tamén está a permitir a esta granxa adiantar o momento de parto das novillas e reducir o tempo de secado tralas lactacións. “Tentamos ter as vacas preñadas canto antes adiantando o momento da inseminación, porque canta máis presión neste sentido, máis xatas dispoñibles para medrar e aumentar deste xeito o número de cabezas”, explica. Este ano tamén comezaron a acurtar o periodo de secado, secando tamén 20 días máis tarde, aproveitando dese xeito máis días en produción. As vacas están secas actualmente tan só 50 días, aínda que a intención é que en canto a explotación chegue ao tope de capacidade pasar a secar as primeirizas durante dous meses (10 días máis que as multíparas) para non forzalas tanto. As vacas secas, que están nunha nave de recente construción a carón da de produción, comen a mesma ración que as que están en ordeño, só que moita menos cantidade (o 35% da ración diaria dunha vaca en muxidura) e logo herba seca a discreción.
As amortizacións polas instalacións representan só 1 céntimo por litro
Instalacións 'low cost' As instalacións desta granxa son antigas, a maioría construídas nos anos 90, e destacan pola súa sinxeleza e funcionalidade. “A última nave que fixemos, destinada ás vacas secas, é moi simple, unha simple estrutura de ferro con chapa metálica no teito, trabantes e cubículos. Son construcións funcionais pero low cost. Ten que ser así, simples e baratas, para producir leite non se precisan luxos. Estas instalacións están pagadas, se fosen naves de luxo, como hai moitas en Galicia, seguramente estarían aínda por pagar”, argumenta. Nesta granxa todo está calculado e traducido a termos económicos. “Temos calculado mesmo o efecto dos préstamos sobre o litro de leite que producimos. O custo de todos os préstamos que temos, incluídos os leasings, é só dun céntimo por litro”, explica Antonio. Con este nivel de amortización tan baixo, o vindeiro proxecto, a un ano vista, será facer unha sala de ordeño nova. Animais en cubículo ós 70 días do parto. Sen preparto nin postparto Casal de Quintanelas non ten tampouco zona específica para preparto nin para postparto. Antonio destaca esta facilidade de manexo como outra das vantaxes das vacas cruzadas fronte ás frisonas puras. “As holstein eran moito máis fráxiles e había que ter moito máis coidado con elas”, di. Tamén afirma que os custos veterinarios e farmacéuticos son moito menores e aporta un dato: “No ano 2010 gastamos 61,3 euros por vaca en medicamentos e no 2014 esa cifra era xa só de 40 euros por vaca”. En canto á mamite, "é hoxe menos da metade de cando comezamos con Procross e iso que temos unha superpoboación que ronda o 20%” e asegura que “a curto prazo o uso de hormonas e de antibióticos nas explotacións vai estar limitado legalmente e por iso os que temos vacas híbridas imos ter claramente unha vantaxe”. De feito, di, “se fosen holstein puras non as tería mercado nin me tería quedado coa explotación”.

Van comezar a cebar os machos

Xatos machos para cebo. Outro dos cambios que Antonio vai introducir ao quedar coa explotación é cebar os machos. No momento de nacer, tanto os xatos como as xatas reciben 4 litros de costro mediante sonda antes das dúas primeiras horas de vida. Esa é a única toma que reciben da nai, xa que logo usan tanto o leite das recén paridas como leite en pó subministrado a través de amamantadoras. Teñen separado tanto os xatos como as xatas en dous lotes: nun están os que toman só leite e no outro os que comen tamén penso por medio dunha dispensadora. Antonio destaca que estas crías cruzadas son animais moi comedores nos que funciona moi ben a alimentación mediante amamantadora. Até agora, só recriaban as femias, mentres que os machos eran vendidos a cebadeiros. Pero a partir deste ano tamén van a comezar a cebar os xatos na propia explotación até os 8 meses, nos que xa irán ao matadoiro. A cadea de supermercados portuguesa Pingo Doce está a fomentar que as granxas portuguesas ceben directamente os xatos pagando unha prima se a carne procede dun tenreiro nacido e criado na mesma explotación. Casal de Quintanelas recibirá 4 euros/quilo canal. Isto vai incrementar as necesidades de persoal desta explotación, na que traballan neste momento 10 persoas, a maioría inmigrantes, sobre todo procedentes de Nepal e Filipinas. “Levan xa 5 anos e non entenden nada de portugués, pero entenden as vacas”, afirma Antonio, que ten calculado mesmo o impacto do custo de persoal sobre o balance de resultados da granxa: 4,5 céntimos en cada litro de leite producido. O encargado gaña 1.800 euros limpos e o resto de empregados 1.000 euros con casa, luz e auga pagadas.

Claves para acadar un crecemento acelerado nas xovencas

Está considerado un dos máximos expertos en recría a nivel internacional e sempre que vén a Galicia é seguido con moita atención. Son numerosos xa os gandeiros que están a poñer en práctica nas súas explotacións os consellos de Fernando Soberón para acelerar o medre das novillas, de xeito que comecen antes a dar leite e logren producións vitalicias maiores. Co auditorio da falcultade de Veterinaria de Lugo ateigado de asistentes á Xornada Técnica sobre Produción de Leite, centrada na recría na súa decimoprimeira edición, este doutor en Ciencia Animal pola Universidade de Cornell (EEUU) comezou falando da importancia da epixenética e de como os distintos condicionantes da explotación, como por exemplo os aspectos ambientais, as instalacións, o manexo ou a nutrición poden afectar á carga xenética do animal tanto en sentido negativo como positivo, facendo que esa xata aproveite ou non toda a súa capacidade reprodutiva e desenvolva todo o potencial contido no seu ADN para producir leite.
“O costro cambia o metabolismo da xata e fai que sexa máis receptiva aos nutrientes, polo que medra máis”
Logo centrouse nas etapas críticas de desenvolvemento, durante os primeiros meses de vida das becerras, cando eses factores máis condicionan a vida futura do animal como vaca produtora de leite, polo que poñer o foco nestas primeiras etapas favorece tanto o éxito da recría como a propia rendibilidade futura da vaca produtora na explotación. E detallou finalmente os seguintes pasos a dar para conseguir que esa xata nacida na explotación medre o máis rápido posible para que se incorpore canto antes a producir leite, reducindo deste xeito o tempo e o custo de recría. Defendeu que este "crecemento acelerado" multiplica ademais a capacidade produtiva da becerra na súa etapa de vaca adulta. O primeiro: marcarse obxectivos “É necesario marcarse metas e obxectivos no crecemento das xatas e cada cousa que facemos ten que ser un paso de cara ao obxectivo final, senón é probable que cheguemos a un destino non desexado”. Esa foi a primeira recomendación que Soberón lle deu aos gandeiros para encarar con éxito o proceso de recría porque “o primeiro que temos que saber é cal é a meta final e cada un dos pasos intermedios para poder medir se estamos cumprindo eses obxectivos”, dixo. Por iso engadiu que non é suficiente con “obxectivos xenéricos” do estilo “que non morran as xatas, que luzan máis que as do veciño ou que custe o menos posible crialas”, senón que recomendou poñer números medibles a eses obxectivos en cada unha das etapas de crecemento da xata: postparto, destete, momento da inseminación e momento do parto.
“Calquera vaca que se vai da explotación antes de rematar a segunda lactación non acabou de pagar os custos de criala”
Dixo ademais que “teñen que ser metas adaptadas á situación de cada explotación”, polo que pediu “que cada gandeiro poña os seus propios obxectivos, realistas e cumpribles e cando logre eses suba un chanzo máis o nivel de esixencia con novos obxectivos para que a mellora sexa constante”. Malia que insistiu en que non serve o mesmo obxectivo para todos, indicou que o reto para o gandeiro debería ser lograr unha novilla cunha boa condición corporal, de máis de 600 quilos de peso e 1,5 metros de altura, que estea parida e, polo tanto, producindo leite e comezando a amortizar o investimento empregado na súa crianza, antes dos dous anos de vida. “A maior parte dos gandeiros mide aínda o éxito da súa recría en que non lle enfermen as becerras, pero ese non pode ser o obxectivo final, a meta ten que ser que sexan boas vacas en produción”, concluíu. “Todo comeza co costro” Fernando Soberón centrouse no poder do costro como favorecedor do crecemento nas becerras. “Todo comeza co costro, pero non hai que usar o costro para que non morran as xatas, senón porque é o primeiro paso de todo o seu proceso de recría. O costro cambia o metabolismo do animal e fai que sexa máis receptivo aos nutrientes, polo que a xata medra máis”, asegurou. É “un cambio de enfoque”, dixo, que hai que facer con respecto a pensar que a súa única función é a transmisión de inmunidade da nai á filla. “No costro hai 100 veces máis insulina e 155 veces máis hormona do crecemento (IGF) que no leite, así que o costro querémolo para produción, crecemento e reprodución, tamén axuda en enfermidade, pero non o queremos por iso, non o queremos simplemente por saúde”, remarcou.
“Canto maior é o crecemento da becerra antes do destete, maior será a súa produción de leite no seu primeiro parto”
Esta maior “eficiencia alimenticia” das becerras que toman costro fai que coa mesma inxesta de leite ca unha xata que non tomou costro logren até 6 quilos máis de peso ao destete, unha progresión que se nota tamén aos 80 días e que se arrastra durante toda a etapa de crecemento do animal até a súa idade adulta. Insistiu nas recomendacións habituais á hora de subministrar o costro á xata recén nacida: “o máis posible, da maior calidade posible e o antes posible”. “É importante meter o costro antes de que se peche o intestino para aumentar a súa eficacia”, dixo, polo que recomendou catro litros nas dúas primeiras horas de vida. “A diferenza de que a becerra tome 2 ou 4 litros nas primeiras horas son 1.000 litros de leite máis de produción en 2 partos”, asegurou. En canto á cantidade de costro inxerido afirmou tamén que “non inflúe tanto na saúde do animal como no crecemento e a lonxevidade da vaca”. “Para iso tamén serve o costro”, sentenciou, antes de asegurarlle a todos os gandeiros presentes que “calquera vaca que se vai das súas explotacións antes de rematar a segunda lactación non acabou de pagar os custos de criala e deulles perdas”. Finalmente, remarcou a importancia da inxesta de nutrientes nestas primeiras horas de vida, asegurando que “se non cumprimos esta primeira etapa do costro todo o demais non funciona”. “Conseguir unha boa inxesta do costro é o primeiro obxectivo que temos que cumprir para mellorar a recría, pero unha vez logrado isto podemos enfocar o resto dos pasos”, continuou. Máis leite nos 30 días despois do nacemento No primeiro mes e medio de vida da xata é cando se produce a súa formación esquelética, algo que terá vital importancia na súa condición corporal e lonxevidade. Fernando Soberón afirmou que canto maior é o crecemento da becerra antes do destete, maior será a súa produción de leite na primeira lactación porque “ao aumentar o crecemento nos primeiros 30 días estamos mellorando o desenvolvemento do seu intestino e estamos aumentando polo tanto, do mesmo xeito que co costro, a súa capacidade de absorción de alimentos”, asegurou.
“As xatas que enferman e hai que tratar producen 500 quilos menos na primeira lactación”
Por iso, mostrouse partidario de aumentar as doses diarias de leite nas becerras, algo que está a facilitar a introdución de amamantadoras automáticas nas explotacións. “Nas xatas alimentadas deste xeito podemos subir a cantidade diaria de leite até os 12 litros, mentres que en caso de que mamen só 2 veces ao día o límite estaría en 9 litros, cun máximo de 4,5 litros por toma”, comparou. Desaconsellou asimesmo alimentar a recría co leite de descarte, pola súa menor calidade, e en caso de empregar leite en pó ou substituto, aconsellou os feitos con derivados lácteos polo seu maior contido en proteína. Tamén quixo desligar maior inxesta con máis risco de enfermidade. “Diarrea non significa enfermidade, hai que empezar a separar eses dous conceptos”, remarcou. Neste sentido, argumentou que “se as xatas están mamando e, polo tanto, teñen unha dieta líquida a base de leite, é normal que as súas deposicións sexan líquidas” pero aclarou que “se non ten febre, non está decaída e non rexeita o alimento, non está enferma aínda que teña diarrea, pasa o mesmo que cos bebés humanos lactantes”, comparou, do mesmo xeito que “unha xata ceiva no prado coa nai mamando a demanda está branda pero non enferma”, dixo. Vixiar a calidade do aire para evitar as infeccións subclínicas Soberón puxo o énfase na necesidade de evitar enfermidades e infeccións respiratorias das becerras durante a recría, xa que explicou que diversos estudos realizados constataron que as xatas que enferman e hai que tratar producen 500 quilos de leite menos na primeira lactación, tanto porque deixan de medrar mentres están enfermas e, polo tanto, acadan un menor desenvolvemento ao parto, como tamén polas lesións crónicas que quedan nos pulmóns e que afectan á lonxevidade da vaca. Gran asistencia de público ás xornadas. Neste sentido, advertiu que “a calidade do aire é moi importante para reducir as infeccións subclínicas” e dixo que “é necesario avaliar esa calidade do aire a 40-50 centímetros do chan, que é onde respira a becerra, e non á altura á que respira o gandeiro”. Volveu insistir en separar os conceptos costro e saúde porque “o costro axuda á saúde, pero a saúde é independente do costro porque é necesario vixiar a saúde durante toda a vida do animal, non só nas primeiras horas, por iso hai que desligar estas dúas fases”, argumentou. “O costro é para o crecemento. Para a saúde, limpeza e desinfección”, dixo. Comezar o destete aos 2 meses Este experto fixou o momento de iniciar o destete nos 60 días de vida da xata, aínda que recomendou manter o leite entre dúas e catro semanas máis mentras a becerra non desenvolve por completo o rume. Do mesmo xeito, afirmou que “nutricionalmente non necesitamos poñerlle forraxe ás xatas lactantes, pero se non lles poñemos algo elas buscarán que levar á boca, como animais rumiantes que son, e acabarán comendo a cama”, así que mostrouse partidario de facilitarlles algún tipo de forraxe. “É máis para entretelas que como alimento, así que a calidade non importa, é máis, é incluso mellor que sexa de baixa calidade para que non interfira co penso, que é o que está desenvolvendo o rume”, defendeu. Outro factor determinante nesta etapa de crecemento é a dispoñibilidade de auga. “Ten que estar limpa e dispoñible para que a xata poida estimular o consumo de materia seca porque auga e materia seca están intimamente relacionados”, dixo. Desenvolvemento corporal Partidario do crecemento acelerado nas novillas, Fernando Soberón aclarou que consiste “en que as xatas medren máis rápido, non estamos falando de engordalas, porque os efectos da gordura nas novillas é o mesmo que nas vacas adultas”. Por iso, considerou un desenvolvemento corporal axeitado “que as xatas medren proporcionadas, cun crecemento a través de músculo e non de graxa”.
“O custo final de recría dunha novilla está intimamente ligado ao momento da súa inseminación”
Do mesmo xeito, indicou que tralo destete é preciso manter na dieta un mínimo de proteína porque, do contrario, “o efecto do crecemento pérdese” e asegurou que isto ten beneficios tamén a nivel de produción, xa que “ao garantir a capacidade de xerar proteína durante a etapa de crecemento estamos estimulando o mesmo mecanismo biolóxico que máis tarde produce o leite no ubre”. Por iso dixo que neste momento o concentrado xoga un papel moi importante como principal aporte de proteína e recomendouno granulado, pola maior facilidade para a inxesta, e cun contido mínimo de proteína por enriba do 20%. Escoller o momento axeitado para a inseminación Tamén considerou fundamental para concluir con éxito unha boa recría “inseminar as xatas no momento correcto”. “Temos que inseminar cando a novilla alcance o 55% do seu peso adulto para que no momento de parir estea ao 82% do seu peso maduro”, recomendou. “Se retrasamos a inseminación, a xata engorda porque a medida que avanza na súa idade deixa de xerar proteína, que produce mentres está medrando, e comeza a xerar graxa”, explicou. Argumentou asimesmo que “o custo final de recría dunha becerra está intimamente ligado á data do seu primeiro parto, polo que canto antes paira menos leite terá que producir para pagarse a si mesma”, sentenciou.

“O 70% das ganderías non teñen sitio axeitado para as tenreiras”

Carlos Carbonell, nas xornadas de Africor. Xunto a Fernando Soberón, tamén interviu na decimoprimeira Xornada Técnica de Produción de Leite para falar de recría Carlos Carbonell, técnico de campo de MSD Animal Health, que puxo o foco na necesidade de contar cunhas instalacións axeitadas para as becerras e as novillas. “Dúas de cada tres ganderías non teñen un sitio axeitado para a recría e está demostrado que contar cun espazo inferior a 3 metros cadrados por tenreira incrementa moitísimo o risco de que enfermen, ao dificultar a detección e aumentar o risco de contaxio”, asegurou, polo que dixo que “hai que ter previsión e ampliar as instalacións antes de que teñamos xa o problema”. “Se temos previsto incrementar o número de cabezas da nosa explotación e medrar a base de recriar debemos telo en conta antes de empezar o proceso e axeitar o espazo previamente ou atoparémonos inevitablemente cun amoreamento que pode botar por terra todo ese esforzo de crecemento”, engadiu. Aconsellou tamén coidados especiais nas primeiras horas, como ter as xatas recén nacidas abrigadas e asegurarse de que toman o máximo costro posible. Outro momento que require especial atención é o destete, xa que “é un momento crítico no que todas as tenreiras o pasan mal”. En canto ao uso de vacinas, insistiu en que “hai que vacinar animais sans, ben alimentados e fortes, porque vacinar animais débiles non funciona porque non se lle saca todo o rendemento ás vacinas”, asegurou.

Poxa de seis xovencas de Acruga en Pedrafita

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebra mañá xoves en Pedrafita do Cebreiro (Lugo) unha nova edición da poxa de xovencas preñadas, que comezará ás 12.30 horas da mañá. Acruga levará seis exemplares, todos eles de idades comprendidas entre os 19 e os 24 meses e cunha preñez de entre catro e seis meses. Como xa é habitual nas poxas de Acruga, os animais proceden da granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, onde en colaboración coa Deputación de Lugo, a asociación traballa no centro de recría para mellorar a xenética da raza, conformando un rabaño de elite con boas características morfolóxicas, reprodutoras e xenéticas. Os prezos de saída para estas seis xovencas preñadas fixáronse en 1.800 euros, cunha axuda á compra de 200 euros, grazas ao apoio da entidade Caixa Rural Galega. A retirada de cartóns poderase facer desde as 11.30 horas, no mesmo recinto feiral.