Archives

Xornadas sobre o futuro da vitivinicultura galega no Museo do Viño de Galicia

O Museo do Viño de Galicia (Ribadavia) acolle dúas xornadas informativas baixo o título ‘Falemos do Futuro da Vitivinicultura’. A finalidade destes encontros é fomentar e potenciar a vitivinicultura, zonificar e clasificar o viñedo, e recuperar a historia e tradición dos grandes viños galegos. Os encontros están organizados en colaboración coa asociación de Colleiteiros do Ribeiro e de Vitivinicultura Artesanal de Galicia e terán lugar os sábados 20 e 27 de abril. Nas xornadas trataranse diferentes aspectos do mundo do viño, que afectan na actualidade aos viticultores e adegueiros máis pequenos. Exporase a súa situación no mercado, falarase de como serán os viñedos do futuro e tamén da historia e a tradición como un valor engadido. Para iso, cóntanse con diversos expertos, coma historiadores, distribuidores, importadores, enólogos, viticultores ou sumilleres, que serán os encargados de impartir as charlas. Dende a Asociación de Colleiteiros indican que a súa preocupación é que se recuperen os viñedos históricos, as zonas tradicionais e que se clasifique o viñedo pola súa calidade. Tamén destacan a importancia de potenciar e recuperar aqueles viñedos cuxa historia, arquitectura e vocación agronómica está contrastada ao longo dos séculos, por iso se incide na historia como base fundamentada e documentada onde se establecen os grandes viñedos e viños no mundo.
Dende a asociación piden apoio das administracións para os pequenos proxectos con valor engadido
Así, indican que as xornadas buscan facilitar un espazo de debate e confrontación de ideas a todas as persoas que forman parte do sector. Resaltan que o futuro do rural galego pasa por desenvolver e potenciar a moitos pequenos produtores e para iso, indican, “é necesario apoio das administracións aos pequenos proxectos de valor engadido” e tamén facer unha vitivinicultura rexenerativa e saudable para o consumidor e os habitantes do medio onde se desenvolve. Dende o colectivo buscan que os monovarietais “non sexan un moneco en mans dos grandes grupos e operadores obsesionados cunha soa variedade, que sexa pan para hoxe e fame para mañá cando fique esquecida por outra novidade”. Nas xornadas mostrarán os grandes territorios do mundo e da evolución das Denominacións de Orixe. Falarán de viños diferenciados, saudables, con proxección internacional, con alto valor engadido e que falen do territorio. Programas das xornadas

Finca Mouriscade impulsará unha técnica reprodutiva emerxente en vacún

Africor Pontevedra organizou unha xornada en Mouriscade (Lalín, Pontevedra) na que, entre outras cuestións, se expuxo a situación actual da Gandería Mouriscade, propiedade da Deputación de Pontevedra. Héctor Martínez, xefe da sección de Gandería na Finca, foi o encargado de explicar como foi a evolución nos últimos anos e cales son as principais novidades que ofrecerán proximamente. Martínez lembrou o plan de reactivación da Finca que se puxo en marcha, a través do que empezaron coas poxas, tanto en Feiradeza como as que agora organizan cunha ordenanza propia. “O ano pasado foi a primeira, hai uns días tivemos a segunda edición e irémolas organizando segundo teñamos animais sobrantes”. Así indicou que aproximadamente, dos 200 animais que teñen, 140 son recría e dos nacementos que hai, o 90 % son femias, “por iso se levarán a cabo de maneira frecuente as poxas”. “Nós somos un centro de investigación e de experimentación”, presumiu Martínez. Por iso, ofrecen as súas instalacións para calquera asociación ou empresa que queira realizar as súas investigacións. Actualmente contan con campos de ensaio de millo, praderías e outras especies forraxeiras. Ademais, están inmersos nun novo proxecto con cebada híbrida, na que se avaliará como se comporta tanto en produción como en dixestibilidade. Realizan probas con insecticidas FMC para o control da Mythimna unipuncta, una oruga defoliadora “que segue estando presente e que nos causou un gran problema”.
“Dentro de pouco haberá un grave problema no relevo dos veterinarios. Tan só un 1 % se especializa en animais de produción”
Outro dos convenios que destacou foi con Conafe, co que monitorizan os animais para estudar a eficiencia alimentaria e temas de saúde. Así mesmo, resaltou o convenio coa facultade de veterinaria, “que é moi importante”. Martínez puxo o foco nisto “porque temos un grave problema: actualmente tan só o 1 % dos licenciados se quere dedicar a veterinaria de produción, non se sabe que vai pasar cando nos xubilemos”. Incide en que fai falla atopar motivación para que os veterinarios se queiran especializar neste ámbito. Escolas de formación Entre os traballos que realizan destacou as escolas que realizaron, xunto a Fefriga e o Club de Xóvenes Gandeiros, para novos gandeiros. “É moi satisfactorio e alentador ver a tantos mozos e mozas traballando durante todo o día con tanto entusiasmo”, sinalou Martínez. Engadiu que estas escolas volverán a repetirse este ano. Nese mesmo sentido, engadiu que tamén as charlas informativas e as visitas son outro punto forte, “sobre todo para dar a coñecer o traballo que fan os gandeiros e gandeiras”. As naves da granxa da Finca Mouriscade rehabilitadas recentemente. Cedida Servizos e tarifas Entre os servizos que ofrecen, proximamente contarán cun novo: a aspiración transvaxinal de ovocitos (OPU-Ovum pick-up), con fecundación in vitro. Este servicio permitirá obter descendentes a idades máis temperás e tratar individuos que non responden a transferencia embrionaria (MOET). Tamén facilitará a descendencia de vacas con infertilidade estra-ovárica e de femias preñadas. Este servicio estará dispoñible á volta do verán. Ademais, indicou diferentes servizos para os que estableceron novas tarifas. Deste xeito, fixaron unha tarifa xeral e outra específica para as ganderías que son da provincia de Pontevedra. No caso da venda de embrión “decidimos reducir o prezo segundo pasaban uns días”. Así, ata o día 45 dende a saída á venda, o prezo para as ganderías da provincia é de 165 euros, mentres que para as demais de 220 euros. Do día 46 ao 120, a tarifa baixa a 140 euros e 200 euros, respectivamente. Finalmente, a partir do día 121 os prezos quedan en 105 e 150 euros. Unha das novidades nas tarifas céntrase no servizo de conxelación de embrións, polo que cobrarán 10 euros. O custo dos resto de servizos queda da seguinte maneira: preparación receptora 17 euros, transferencia de embrión 25 euros, preparación de donante 160 euros, recolleita de embrións (Flushing) 150 euros e o novo servizo que implantarán a partir do verán de aspiración transvaxinal de ovocitos (OPU) 60 euros. Cabe destacar que agás a venda de embrións, o resto de servizos só se xestionan para as ganderías de Pontevedra. Xestión da web e compra de embrións Na exposición, Héctor explicou paso a paso como facer un rexistro da explotación a través da páxina web de Finca Mouriscade ou da sede electrónica da Deputación. Nos puntos clave, destacou que o rexistro se realice como “persoa solicitante” e tamén “indicar un correo electrónico que se mire asiduamente, porque aí faranse notificacións importantes”. Tamén, hai que ter en conta que se poden poñer máis dunha persoa autorizada para entrar a facer os trámites na páxina web, “así, unha persoa pode estar autorizada en varias ganderías, por exemplo, un técnico”. Unha vez se cobren todos os datos, dende Finca Mouriscade validan a gandería, “é dicir, comprobamos que a gandería existe e que está ben rexistrada”.
Se se detectan irregularidades na compra de embrións por parte das granxas da provincia, haberá sancións
A compra de embrións só estará dispoñible para os usuarios que se rexistraron previamente e estarán a venda ás 10 da mañá do día seguinte da recolecta. “Se hoxe fago a recolecta, realizo un mailing para que todas as persoas rexistradas poidan acceder mañá ás 10 da mañá á compra dos embrións. Queremos igualdade de condicións”. Durante os primeiros 14 días naturais só poden comprar os gandeiros de Pontevedra e cada gandeiro só vai poder adquirir dous embrións por recolecta. A efectividade da reserva estará condicionada ao pago do embrión en 5 días naturais. Os gandeiros que solicitan no mesmo trámite a implantación do embrión, disporán de seis meses para retiralo, mentres que os que non ou son de fóra da provincia teñen 30 días. “Con isto queremos evitar que queden os embrións eternamente e logo haxa problemas”. Como calquera regulamento, o mal uso ou o uso non adecuado do servizo leva unhas sancións. Se detectan que algún gandeiro compra embrións con bonificacións para Pontevedra, pero acaban en terceiros e noutras provincias, implica a perda por parte do gandeiro durante 3 anos da bonificación. Ademais terá unha multa e pagará o embrión ao prezo ao que estaba para outras provincias. Se o gandeiro non fai o pago durante os 5 días, o embrión volverá estar dispoñible e non poderá acceder a el esa mesma gandería. Por outro lado, a gandería que non realiza os pagamentos de forma reiterada, restrínxenlle o servizo durante o ano seguinte. Martínez destacou a importancia de xestionar todo isto polas vías electrónicas, “que sabemos que é algo complexo e que causa moitas dúbidas, pero facilita moito o traballo para as ganderías e para nós”.

Quinta mellor granxa de España en calidade xenética

O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, participou hoxe na clausura da xornada organizada pola asociación de gandeiros AFRICOR na Finca Mouriscade, en Lalín. O deputado sinalou o compromiso do goberno da Deputación de Pontevedra co sector primario e rural, “un dos nosos distintivos e grandes valores como motor para o desenvolvemento económico do noso territorio, da man da innovación tecnolóxica e o respecto ao medio”. Cubela puxo en valor o “boísimo momento” que está a vivir a Finca Mouriscade, propiedade da institución provincial, como “quinta mellor granxa de España en calidade xenética, pechando 2023 como o ano no que se venderon máis embrións en toda a súa historia, ou abrindo a finca á cidadanía cun programa de visitas guiadas”. Ademais, Jorge Cubela lembrou a importancia de avanzar no reto demográfico para facer que a gandaría “sexa un sector atractivo para as novas xeracións, implicando a mocidade no rural para facerlles ver que aquí hai futuro e que os precisamos para facerlle fronte ao despoboamento”.

‘Vive a reserva’: relatorios, obradoiros e outras actividades a partir deste domingo en Allariz

Este domingo, 24 de setembro, arranca o programa 'Vive a reserva', incluído dentro do proxecto europeo Equal Rural, no que se inclúen oito actividades diferentes que se desenvolverán durante os meses de setembro e outubro en distintos puntos da Reserva da Biosfera Área de Allariz. Tratase dunhas xornadas abertas a todo o público interesado e de carácter gratuíto. Para asistir é necesario anotarse previamente no 664 52 44 86. ‘Vive a reserva’ terá como protagonistas a unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e a súa dinamización. A través das súas experiencias intentarán impulsar unha solución aos principais problemas de hoxe en día, como son a crise demográfica, a falta de relevo xeracional, a inseguridade alimentaria, a crise enerxética ou a adaptación e mitigación ao cambio climático.  A primeira destas actividades será este domingo, 24 de setembro, en San Mamede de Urrós, en Allariz a partir das 10:30 horas. 'Domingos labregos. Fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra' é o título da primeira experiencia que chegará da man de Uxía García de Buciños e Novoa, quen dará a coñecer o concepto de Domingo Labrego e Agricultura Sostida pola Comunidade (ASC), ademáis de afondar sobre a horta ecolóxica e botar unha man en diferentes labores labregas. Nesta sesión será necesario levar luvas, prato e vaso porque remata cun xantar para todas/os as/os asistentes que terá lugar en A Torre, nº 12  de Allariz. Programa de actividades A continuación, expóñense todas as citas de ‘Vive a Reserva’:
  • 24 de setembro (San Mamede de Urrós, Allariz): Domingos labregos: fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra
  • 30 de setembro (O Mosqueiro, Vilar de Santos): Medrando co pan. Obradoiro para crianzas
  • 30 de setembro (Salón Social de Rairiz de Veiga): Faladoiro “As abellas. Coidados de outono. Pasado, presente e futuro da apilcultura”
  • 7 de outubro (Mercado da Reserva, Allariz): Encontro de troco de sementes
  • 20 de outubro (Fogar dos Maiores, Allariz): Faladoiro “O papel das mulleres nos montes comunais (CMVMC), pasado, presente e futuro”
  • 22 de outubro (Museo da Limia, Vilar de Santos): Pasado, presente e futuro do liño. Actividade incluída na X Feira de Artesanía e Produto Local de Vilar de Santos
  • 28 de outubro (Zona verde do Polígono Empresarial de Allariz): Rabaños de lume: o papel da gandaría extensiva na loita contra os incendios
  • 28 de outubro (Edificio do Concello de A Bola): Deseño de bosques comestibles: introdución teórica e plantación de froiteiras.

Nova edición dos ‘Meeting Point Lignum, Encontros Online de Innovación en Madeira’

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebra os próximos días 26 e 27 de abril a XII edición de ‘Meeting Point Lignum, Encontros Online de Innovación en Madeira’, co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica. Contaranse con dúas conexións ao día: ás 12:00 e ás 16:00 horas, a través da plataforma meetingpointlignum.com. Nestes encontros participarán destacados profesionais da arquitectura, que tratarán de pór o foco na conciencia real dos beneficios da madeira na contorna que se habita. Estas charlas quedarán arquivadas neste mesmo espazo e na canle de Youtube do CMD, para poder ser consultadas posteriormente á celebración. A edición deste ano está patrocinada por HOMAG,  Laminados Villapol, Molduras do Noroeste, Senssia, Grupo Siero e Wood is Wood. Con máis de 29.000 seguidores, esta cita situouse ao longo destes once anos nun punto de encontro para arquitectos, deseñadores e empresas do sector, contando cun arquivo audiovisual de 44 relatorios didácticos de prescriptores de referencia a nivel nacional, que se poden consultar na canle de Youtube do CMD. Programa: Mércores, 26 de abril – 12:00h María Fandiño – 16:00h Celestino Feijoo, técnico municipal do concello de Allariz Xoves, 27 de abril – 12:00h Müller. Feijoo arquitectos – 16:00h Buo Estudio

Xornada de formación este mércores en Xinzo de Limia sobre a normativa de nutrición sostible en solos agrarios

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia  (Adegal) organiza unha xornada informativa sobre o novo Real Decreto 1051/2022 de 27 de decembro, polo cal se establecen as normas para a nutrición sostible nos solos agrarios. Terá lugar o vindeiro mércores 29 deste mes no salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, ás 18.00h. Neste evento intervirá a Xefa de Servizode Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural en Ourense, Encarna Rodríguez Soto, e o Xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural en Santiago de Compostela, Víctor Novo Vázquez. Cartel sobre a xornada. / Fonte: ADEGAL

O GDR Limia-Arnoia organiza encontros dixitais para analizar a situación da muller no sector agrario

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia colabora na organización dos ‘Venres en feminino’, unha serie de encontros dixitais que abordarán o papel da muller no sector agrario. Trátase dunhas xornadas curtas, dunha hora de duración, e gratuítas, polo que poden participar todas as persoas interesadas, especialmente aquelas mulleres que traballan no agro ou que estudan algún ciclo ou carreira universitaria relacionada co sector. Os ‘Venres en feminino’ teñen como obxectivo dar a coñecer os desafíos actuais aos que se enfrontan a mulleres do sector agrario, tales como diferencias salariais, teitos de cristal, etc., e buscar aqueles casos de éxito para mellorar a súa inclusión. Para participar tan só é necesario escribir un correo electrónico a limia-arnoia@limia-arnoia.gal. Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo Equal Rural do que forman parte o GDR Limia-Arnoia, a Reserva da Biosfera de Allariz, a Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal (AJAP) e a Associaçao Inovterra. A parte galega encargarase de organizar 4 dos 24 encontros programados. Programación dos encontros: Venres, 24 de marzo (de 10:30 a 11:30 horas) - Inés López Pereiro (Sen sucre / Asociación A estruga): 'Obradoiro de cociña km0 / Espazo agroecolóxico' - Mercedes Veites (Lumecú): 'Fortalezas/dificultades dun proxecto feminino rural'   Venres, 14 de abril (de 10:30 a 11:30 horas) - Isabel Vilalba Seivane (Secretaria do Sindicato Labrego Galego): 'Dereitos profesionais das labregas e acceso á titularidade' - Uxía de Buciños Nóvoa (Tralaleira): 'Proxecto feminino agroecolóxico'   Venres, 21 de abril (de 10:30 a 11:30 horas) - Mar Pérez Fra (profesora da Escola Politécnica de Lugo): 'As mulleres do rural hoxe'   Venres, 28 de abril (de 10:30 a 11:30 horas) - Eva González Pérez (coordinadora do GDR Limia-Arnoia): 'O desenvolvemento rural dende a innovación feminina' - Olga Rivas Iglesias (Fundación Robertor Rivas): 'Emprendemento social en contornas rurais para xerar oportunidades que miUguen a despoboación' - Inma Soto Iglesias (educadora ambiental): ‘Coñecemento e posta en valor para a conservación do territorio dende a infancia’

Xornada informativa sobre a PAC 2023-2027

A Oficina Agraria Comarcal de Castro Caldelas organiza unha xornada informativa sobre a vindeira PAC 2023-2027, co respaldo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. A cita terá lugar no mosteiro de Santa María de Montederramo o próximo xoves 24 de novembro en horario de mañá, de 10.00h a 14.00h. A súa asistencia require de pre-inscrición a través desta páxina, onde ademais se poderá atopar a información detallada. A pretensión desta acción formativa é dar a coñecer os obxectivos da nova PAC e as liñas estratéxicas para a súa consecución, coa exposición das axudas previstas, ecoesquemas e agroambientais. Cabe lembrar que a aplicación da modificación da política comunitaria en materia agraria aplicarase no período 2023-2027, traendo consigo novos regulamentos e plans estratéxicos en cada estado membro. Estas formacións están dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 988 788 827, ou enviarse un correo a oac.seca.castrocaldelas@xunta.es.

“A situación actual do lobo é incompatible coa gandería extensiva”

O medio rural do noroeste de España lévase enfrontando durante décadas á xestión do lobo. A falta de consenso entre os diferentes actores prolonga un conflito sen resolver, dando unha sensación de inmobilidade e bloqueo. Os gandeiros afectados reclaman medidas efectivas para evitar danos sobre o gando, mentres que a estratexia política, orientada a unha maior protección do cánido, preocupa no agro. Lugo acolleu esta semana unha xornada multisectorial sobre o lobo na que interviñeron representantes políticos, membros do colectivo científico e gandeiros de zonas de montaña afectadas para debater posibles medidas en torno ás necesidades das explotacións en extensivo. Cales foron as posicións de gandeiros e organizacións agrarias? O punto de vista de organizacións e asociacións A polarización quedou plasmada no transcurso desta xornada. “A situación do lobo é totalmente incompatible coa gandería en extensivo”, critica Mercedes Cruzado, gandeira e secretaria xeral en Asturias da organización agraria Coag. “Na dimensión social deste debate estase aproveitando a desinformación sobre a situación real, e moita xente das cidades cun punto de vista contrario á xestión do lobo non coñece o que nos está pasando aos gandeiros co gando”, explica Cruzado. Ademais, “hai certas cousas que non están pagadas, como a intranquilidade do día a día dunha persoa coma min, que ten unha gandería en extensivo nunha zona do noroeste peninsular afectada polo lobo”, detalla. A cría en extensivo implica o pastoreo dos animais, pero moitas veces, as medidas contra o lobo resultan insuficientes para evitar os ataques. “Eu teño 5 mastíns, ademais de peches. Pastoreo e manexo os animais todos os días para evitar perdas; a gandería en extensivo é fundamental para a conservación dos pastos -unha das premisas da Directiva de Hábitats-, pero cando vives un ataque xa non só é o diñeiro, senón que matan un animal que estás coidando e ao que te acabaches achegando”, explica Mercedes Cruzado. Caso galego A situación en Galicia tamén tivo cabida no debate a través da secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, quen sinalou que “nos últimos anos, segundo os datos que nos dan da Consellería, o número de manadas aumentou, pasando de 68 a 90, á par das incidencias ocasionadas polos predadores”, amplía. En canto á caza da especie, os criterios cambiaron a partir da Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo e a Convivencia coas Actividades do Medio Rural, aprobada en xullo deste ano. Ata o de agora, en Galicia autorizábanse batidas ao lobo en caso de danos reiterados, pero a partir da aprobación da Estratexia, a caza do lobo converterase en excepcional, pois só se permitirá cando estea demostrado que os medios de prevención existentes (mastíns, peches, etc.) son insuficientes. En calquera caso, a caza do lobo en Galicia de xeito legal xa viña sendo mínima, pois o último exemplar abatido oficialmente data do 2013. Cuestión distinta é a situación do furtivismo contra a especie. Outra das críticas do Sindicato Labrego xira en torno “ás desigualdades territoriais en canto a estrutura da terra e formación”, posto que “en Galicia, por exemplo, temos 11 millóns de parcelas agrícolas e forestais, e unha parte delas de descoñecidos”, lembrou Vilalba, que pide ademais que se lle pague ós gandeiros polo lucro cesantes dos animais. De seguido, interveu Carlos Nores, doutor xubilado da Universidade de Oviedo, para sintetizar que “todos sabemos o que hai que facer, pero ninguén sabe como facelo, polo que cómpre superar esas barreiras e dialogar”.
“Todos sabemos que hai que facer, pero ninguén sabe como facelo, polo que cómpre superar esas barreiras e dialogar” (Carlos Nores)
Perspectiva de gandeiros de montaña Outro dos puntos de vista da xornada foi o dos gandeiros de alta montaña. Desde a súa óptica, o lobo representa perdas por danos en ataques e un factor que desincentiva a actividade gandeira nas zonas afectadas. “No 1994 tivemos o premio Príncipe de Asturias a pobo exemplar pola conservación paisaxística; moito foi polo pastoreo de montaña e sen embargo, agora xa hai xente pensando en deixar a actividade; entón que vai pasar co entorno e coas 5 certificacións de calidade de queixo – entre Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas – que ten a zona?”, cuestiona Alberto Valle, gandeiro dos Picos de Europa.
“No 1994 tivemos o premio Príncipe de Asturias a pobo exemplar pola conservación paisaxística, moito foi polo pastoreo de montaña; pero agora hai xente pensando en deixar a actividade” (Alberto Valle, gandeiro de Asturias)
Outra das incógnitas que transmite Valle é a incerteza e malestar que se percibe polos ataques. “Que vai pasar con esa xente que firmou a ampliación dunha gandería ou un crédito, e se ve continuamente afectada polo lobo?”, expresa. “Chega a un punto que unha persoa cunha gandería se pregunta: merece a pena seguir? Non queremos que simplemente nos paguen os danos, non queremos alimentar estes animais silvestres despois de estar criando o noso gando”, denuncia Lucía Velasco, gandeira asturiana. Asímesmo, a gandería en extensivo depende en certa medida de pastos e, polo tanto, de fincas. “O custe da aplicación de medidas preventivas contra o lobo é elevado, e aínda que nos concedan 20.000 euros -a aplicar en varios anos- para prevención, de que nos serven se temos 50 parcelas polas que rota o gando?”, sinala Benedicto Rojas, gandeiro dos Picos de Europa.

Explicacións e avances desde a inclusión do lobo no Lespre

O estatus legal do lobo, con respecto á súa protección, cambiou en setembro do ano pasado incluíndose no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre). A falta de criterios homoxéneos entre as Comunidades Autónomas en canto á peritaxe de danos, aos trámites administrativos, ás vías de compensación ou ao control letal do lobo levou a cambios a nivel estatal. “O apoio que administración brinda aos colectivos afectados polo lobo variou moito en función da Comunidade Autónoma, creando desigualdades non desexadas nas súas rendas; asímesmo, os controis letais que se aplicaron nos diferentes territorios non se realizan cos mesmos criterios e son máis ou menos selectivos en función do persoal implicado”, xustifica a directora general de Biodiversidad, María Jesús Rodríguez. Por todo isto, “durante 2022 traballouse coas Comunidades Autónomas na aproximación armonizada a nivel estatal para abordar con criterios comúns a creación dun protocolo común de aplicación de extraccións letais do lobo, que foi aprobado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente o pasado 28 de xullo como anexo á Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo e a Convivencia coas Actividades do Medio Rural”, detalla a directora. A conclusión é que só se permitirá a caza do lobo en situacións excepcionais, cando estea demostrado que se puxeron axeitados medios de prevención dos ataques ó gando e que estes foron insuficientes. En xullo, na Conferencia Sectorial aprobouse unha partida de 20 millóns de euros para medidas de prevención e de indemnizacións por danos. “En relación con isto, é importante destacar que se acordou coas comunidades autónomas uns criterios de distribución armonizados; polos cales se teñen en consideración a cuantificación do risco relativo á convivencia entre lobos e gando”, avanza.

Encontros en liña sobre innovación en madeira

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica e a Axencia Galega da Industria Forestal, celebra o 27 e o 28 de abril a undécima edición do ‘Meeting Point Lignum’, un encontro online que abordará as tendencias de innovación en madeira a través de charlas de diferentes profesionais da arquitectura. Contarase con dúas conexións ao día, unha ás 12.00h e outras ás 16.00h, a través da plataforma meetingpointlignum.com. Igualmente quedarán arquivadas nese mesmo sitio e no canal de Youtube do Cluster da Madeira, para poder ser consultadas posteriormente. Ao longo das xornadas intervirán destacados profesionais da arquitectura co obxectivo de enfatizar os beneficios da madeira no entorno no que se habita. O mércores 27 de abril arrancarán a cita das 12.00h Seara Peleteiro Arquitectos coa súa exposición ‘Reflexións: Arquitecto e Oficio’; a cita das 16.00h será a cargo de Fuertes Penedo Arquitectos con ‘Madeira e escala’. Ao día seguinte, na xornada da mañá intervirán Prieto+Patiño Arquitectos falando de ‘Madeira e Pau’. O encontro finalizará coa ponencia ‘Toma de contacto’, ás 16.00h por parte de Flu-or Arquitectura. Ao longo dos dez últimos anos, con máis de 28.000 seguidores, esta cita representou un punto de encontro para arquitectos, deseñadores e empresas do sector, aportando un arquivo audiovisual de cerca de 40 ponencias didácticas de prescriptores de referencia a nivel nacional. Nesta ocasión, as xornadas están patrocinadas por Laminados Villapol, Molduras del Noroeste, Senssia, Grupo Siero e Woodis Wood. Programa Mércores, 27 de abril 12.00h: ‘Reflexións: Arquitecto e Oficio’. Seara Peleteiro Arquitectos 16.00h: ‘Madeira e Escala’. Fuertes Penedo Arquitectos Xoves, 28 de abril 12.00h: ‘Madeira e Pau’. Prieto+Patiño Arquitectos 16.00h: ‘Toma de contacto’. Flu-or Arquitectura

Xornada online sobre a importancia para a saúde do uso de materiais naturais

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, o Cluster Saúde de Galicia, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica celebra este mércores 20 de abril, ás 16.00h, o webinar sobre ‘Ecodeseño e integración de elementos de saúde a través do deseño’. Estas xornadas teñen o obxectivo de destacar a importancia que ten o emprego de materiais naturais na saúde, así como concienciar sobre o fundamental que resulta o contacto coa natureza. A súa asistencia require de inscrición.
Neste webinar interveñen profesionais da madeira, a arquitectura, e da saúde para amosar formas óptimas de integrar elementos de saúde a través do deseño. Luciano Alfaya, de Mmasa Arquitectos; Héber Seco, do Grupo Ramón García, e María Sanjuan, de Atelier 15, farán as súas exposicións acorde á temática nun espazo moderado por Ricardo González, xerente do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia.

Esta cita enmárcase no ciclo Conectados, unha serie de charlas entre profesionais de diferentes sectores, como o deseño de interiores, a arquitectura ou a saúde, para abordar posibles solucións a inquietudes sociais desde diversas visións profesionais.

Xornada internacional sobre a innovación tecnolóxica no sector apícola

A Feira Apícola das Rías Baixas acollerá a trixésimo cuarta edición das Xornadas Internacionais de Apicultura. Este ano están organizadas pola Agrupación Apícola de Galicia, en colaboración coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Terán lugar o vindeiro 9 de abril, entre as 10.30h e as 20.30h, e a súa asistencia é gratuíta. Os contidos están expostos polo miúdo e accesibles na páxina web da Agrupación Apícola de Galicia. Esta cita inclúe unha cata comentada, para a cal é necesaria unha inscripción a través do formulario dispoñible na web da Agrupación. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro día 4 de abril, e o número de prazas está limitado a un máximo de 40 participantes. O custo da actividade será de 10 euros para o envío a domicilio das mostras dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia —silva, eucalipto, castiñeiro e bosque ou melada— e da DOP Miel de la Alcarria —de romeiro, espliego e milflores—. A nivel técnico, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector, procedentes de países como Francia, Italia ou Arxentina. O seu obxectivo será abordar as temáticas que máis preocupan ao sector, vencelladas coa saúde das abellas, o futuro da colmea e incluso da propia apicultura. Baixo o título ‘Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable’, a Agrupación Apícola de Galicia exporá os primeiros resultados dos seus estudos de cara a unha revolucionaria innovación tecnolóxica que facilitaría o traballo nos colmeares. Pola súa banda, o francés Gilles Fert, un dos apicultores, consultor e formador máis recoñecidos a nivel mundial, abordará a cría de raíñas no seu relatorio ‘Por que é bo e importante manter raíñas xóvenes nas vosas colmeas’. Dende Italia, Antonio Nanetti , membro do Consello de Investigación Agrícola e Análise de Economía Agrícola deste país, abordará o ‘Uso do Ácido Oxálico fronte ás enfermidades da Apis mellifera’ como pode ser a temida varroa. Finalmente, o médico veterinario especialista en produción apícola, E. Martín Colombani, instruirá aos presentes dende Arxentina acerca do ‘Manexo posinvernal das colmeas de Apis mellifera’ para evitar a súa morte unha vez comece o inverno. Nos días previos á Feira, o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia teñen previsto achegar o universo da apicultura aos escolares ourensáns. Da súa man, cativas e cativos coñecerán os segredos que gardan as colmeas, os produtos que saen delas e todo o beneficioso que aportan as abellas. Ademais, tamén poderán participar nunha degustación comentada para descubrir as claves do mel de Galicia con IXP.

Programa

10:25 Apertura da Feira 10:30 Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable: Primeiros resultados. Agrupación Apícola de Galicia 11:00 Por que é bo e importante manter raíñas xóvenes nas vosas colmeas Gilles Fert · Apicultor especialista na cría de raíñas (Francia) 13:00 Uso do Ácido Oxálico fronte ás enfermidades da Apis mellifera: Unha revisión dende a investigación Antonio Nanetti · CREA (Italia) 14:00 Descanso para xantar 17:00 Cata comentada: unha viaxe sensorial a través dos distintos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria Beatriz Ríos Cebreiros · Técnica e formadora do Panel de Cata da IXP Mel de Galicia Amelia V. González Porto · Directora do Laboratorio de Produtos da Colmea, CIAPA-IRIAF Castela-A Mancha Prazas limitadas a un máximo de 40 participantes. O custo desta actividade é de 10 euros. Enviaranse as mostras dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria á dirección que faciliten os participantes. Para consulta de condicións de participación e inscricións na mesma, é preciso cubrir o formulario online antes do 4 de abril de 2022. 18:00 Manexo posinvernal das colmeas de Apis mellifera E. Martín Colombani · Médico veterinario especialista en produción apícola (Arxentina) 20:30 Clausura

Xornadas sobre fertilización e uso de sustratos en froitos vermellos

A Sociedade Española de Ciencias Hortícolas e a USC organizan unhas xornadas conxuntas dos grupos de Fertilización, Substratos, e Fresón e outros Froitos Vermellos da SECH, entre o 18 e o 20 de maio. Nelas trataranse aspectos clave para o avance cara a sustentabilidade agrícola, enfocándose ao nivel de produción, á calidade dos produtos, á seguridade para traballadores e consumidores, e ao medio ambiente. O lema das xornadas é ‘Cara o uso eficiente dos recursos agrícolas’. Deste xeito, en canto á fertilización abordaranse temas como os avances na elaboración de plans de abonado, novos produtos, fertilización eficiente ou ferramentas de diagnóstico e tomas de decisión. En materia de substratos, trataranse os novos materiais e métodos de procesado, avances na caracterización analítica, automatización e xestión da auga e nutrientes ou control de enfermidades. O terceiro grupo encamiñarase cara as novas variedades nos pequenos froitos, á optimización das técnicas de produción ou aos estudos sobre a calidade dos froitos. A súa asistencia require de pago e inscrición. Para isto será necesario enviar o impreso dispoñible en www.sech.info/lugo2022 a sechlugo2022@sech.info; xunto co xustificante do pago. A inscrición inclúe a asistencia a actos científicos e visitas técnicas, a presentación dun máximo de dúas comunicacións, a documentación de comunicacións e ponencias, cafés e almorzos. A conta para o pago é ES72 3058 3402 3127 2001 3859 de Cajamar, indicando no concepto o nome da persoa inscrita. Custes de inscrición ás xornadas  

Programa provisional

Mércores 18 de maio Recepción e entrega documentación Apertura Xornadas Conferencia invitada 1:Futura lexislación de fertilizantes e substratos. Mª Luisa Ballesteros. MAPA. Presentacións orais (simultáneas/grupo) Café Sesión póster Presentacións orais (simultáneas/grupo) Comida Visita 1: Aviporto Fertilizantes (Portomarín) Visita 2: Vitivinicultura heroica (Viñedo y Bodega Regina Viarum Ribeira Sacra) Xoves 19 de maio Conferencia invitada 2: Bioestimulantes microbianos no marco do Reglamento 2019/1009 Guillem Segarra. Biocontrol M. Isabel Trillas. UBA Presentacións orais (simultáneas/grupo) Café Sesión póster Presentacións orais (simultáneas/grupo) Comida Visita 3: CoolBerries: explotación de arándanos (Cerdido, A Coruña) Visita 4: Xardíns verticais, Novos xardíns (Lugo). Recepción Vicerreitoría Campus de Lugo, e visita Domus de Mitreo Venres 20 de maio Conferencia invitada 3: Aplicacións e tendencias en cubertas ecolóxicas (Ponente pendente confirmar Presentacións orais (simultáneas/grupo) Café Foro de discusión empresas /produtores Reunións grupos de traballo Conclusións xornadas

Xornada técnica sobre a revalorización e control do produto lácteo

O Concello de Friol organiza unha xornada técnica dirixida a produtores e transformadores de produtos lácteos para a revalorización e control da súa produción. Terá lugar o próximo 11 de marzo ás 16.30h no salón de actos Centro Sociocultural. Este acto impartirao Manuel Lolo, CEO de AMSlab Control de Calidad. A análise da caseína A1/A2 no leite e as vantaxes asociadas ao seu control son os eixos principais sobre os que xira o programa que se articula en catro puntos: introdución á temática, control e mellora da produción no sector lácteo, revalorización do produto a través da supervisión sobre a proteína A2, e finalmente, un coloquio. Actualmente comercialízase leite de tipo A1/A1, A1/A2, e recentemente A2/A2. Esta última é a máis desexada polas súas calidades para a dixestión, así como para a redución dos problemas gástricos asociados -en ocasións erroneamente- á intolerancia á lactosa. Esta tipoloxía de leite ten, entre outras, a ausencia de betacaseína A1; pero, como se alcanza esta mellora desde a produción natural?

Xornadas de fruticultura na vindeira semana

O centro de promoción rural-EFA Fonteboa organiza unhas xornadas de fruticultura os vindeiros 17, 18 e 19 deste mes. Esta cita abordará diferentes temáticas, aportando aspectos prácticos como o tratamento de enfermidades ou o proceso correcto de poda. A cota xeral de inscrición é de 30€, e reducida a 20€ para os socios da Asociación EFA Fonteboa. Este evento comeza o xoves 17 ás 10.00h coa intervención de José Antonio Fragaira, quen tratará o tema das pequenas froiteiras ata as 14.00h. O día seguinte, a xornada alongarase desde as 10.00h ás 19.00h, e contará coa intervención de Javier Villaverde para explicar prácticas en castiñeiro, de Manuel Crespo, para detallar tratamentos, pragas e enfermidades en froiteiras, e por último, de 16.00h a 19.00h coa exposición de Santiago Ramos sobre enxertos en diversas especies. O derradeiro día destas xornadas será o sábado 19. Nesta ocasión José Luis Vieites e Amancio Lavandeira impartirán unha clase práctica sobre a poda de árbores. A xestión das inscricións pode ser no teléfono 981 733 051 ou a través da dirección de correo electrónico fonteboa@fonteboa.es.