Archives

¿Que variedade de xirasol e do sorgo é máis produtiva en Galicia?

O xirasol e o sorgo se caracterizan por ser plantas que, comparadas co millo forraxeiro, son de ciclo máis curto, o que proporciona flexibilidade para o encaixe na rotación, sendo á vez menos exixentes en canto a fertilidade do solo e tolerando mellor o estrés hídrico no período de verán. A pesar do seu menor rendemento, estas características fan que sexan unha posíbel alternativa ao cultivo de millo forraxeiro en determinadas circunstancias, como pode ser as zonas do interior de Galicia onde as precipitacións poden ser un limitante para dito cultivo. Ademais, nos últimos anos incrementouse o interese por estes dous cultivos para ensilar, debido aos reiterados baixos rendementos de millo forraxeiro obtidos en fincas motivados, entre outros aspectos, pola reiteración de escasas precipitacións durante o verán. Por outra banda, os requirimentos de diversificación de cultivos durante o período de verán impostos para o cobro do chamado “pagamento verde” da PAC, ten tamén estimulado a demanda de información acerca da produtividade e o valor nutricional de outros cultivos de verán alternativos ao millo. No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo realizáronse diversos estudos acerca do comportamento do xirasol e sorgo como forraxeiras de verán para ensilar, sendo recollida información de diferentes aspectos relativos ás características agronómicas, produtivas e nutricionais do cultivo do xirasol para ensilar. A conclusión é que poden ser interesantes polo seu rendemento e composición química para ser cultivados no interior de Galicia naqueles lugares onde o millo non teña unha boa resposta por mor da falta de auga. A fin de ampliar a información sobre estes cultivos, adaptada a zonas de altitude media da Galicia interior, realizouse un campo de demostración, dentro do Programa de Transferencia Tecnolóxica da Consellaría do Medio Rural, para evidenciar a variabilidade no comportamento produtivo e no valor nutricional de distintas variedades de sorgo e de xirasol cando se cultivan en secaño e regadío durante o verán. Neste sentido, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración coa Cooperativa ICOS e a Fundación José Luis Taboada (FJLT) celebraron recentemente unha xornada no Pazo de Cartelos (Carballedo-Lugo) onde se expuxeron os resultados do campo de demostración.

Datos do cultivo

Variedades: Como punto de partida, no caso do xirasol (Helianthus annuus L.) comparáronse tres variedades: Pioneer PR63 (Aceite), ES Shakira (Aceite) e Rumbosol 91 (“Forraxeira”). E para o sorgo (Sorghum bicolor (L.) Moench) as tres variedades que se ensaiaron foron a Alfa (Grao), Ascoli (Grao) e a Pioneer PR849F (“Forraxeira”). Fertilización e sementeira: A fertilización de fondo que se aplicou foi 533 kg/ha de complexo 15-15-15 (80 ud N + 80 ud. P2O5 + 80 ud. K2O)/ ha. A densidade de sementeira (con liñas a 80 cm) foi no caso do xirasol de 80 mil sementes por hectárea e no sorgo 150 mil sem/ha. A data de sementeira foi tardía, realizándose o 28 xuño 2016 para tódalas variedades. En canto aos herbicidas, no xirasol aplicouse Aclonifen 60% (Challenge) preem e no sorgo Dimetenamida-P 25% +Pendimetalina 25% (Wing-P) postem. Colleita: O momento de corte para o xirasol foi catro semanas despois da floración e no caso do sorgo cando os graos da panocha se atopaban nun estado pastoso vítreo. Rega: Catro bloques do ensaio, contendo as seis variedades ensaiadas, foron regados a manta seguindo as prácticas agronómicas habituais da zona. Outra réplica de catro bloques semellantes foron cultivados sen rega.

Diferenzas de comportamento dos cultivos en secaño e en regadío:

Tal e como se reflicte no seguinte cadro, as diferenzas de rendemento do sorgo e do xirasol, e en especial no primeiro, son moi notables segundo o cultivo dispoña ou non de subministro de auga durante o verán. Así, o rendemento do sorgo variou de media desde as 10,77 toneladas de materia seca por hectárea (t MS/ha) en regadío ás 5,49 t MS/ha en secaño (96% de variación) e, traducido en kilos de proteína bruta por hectárea (kg PB/ha) a produción variou desde os 745 kg PB/ha en regadío fronte aos 389 kg PB/ha en secaño. No caso do xirasol as diferenzas de rendemento con rega e en secaño tamén son notables: 9,72 t MS/ha no primeiro caso fronte a unha media de 5,87 t MS/ha no cultivo en sequeiro, representando un 66% de variación, que se incrementa ao 81% se se compara a produción de proteína obtida con e sen rega: 801 fronte a 442 kg PB/ha.

Diferenzas medias de rendemento segundo a variedade

a) Xirasol: As variedades Rumbosol-91 (forraxeira) e ES-Shakira (aceite) foron as que acadaron maiores rendementos con valores medios de 8,63 e 8,40 tMS/ha, respectivamente, fronte ás 6,35 da Pioneer-PR63 (aceite). É dicir, arredor dun 50% de diferencia. En Kilos de proteína bruta o maior rendemento foi para a Es Shakira, con 706 kilogramos por hectárea, fronte aos 614 da Rumbosol 91 e o 546 da Pioneer P63. b) Sorgo: A variedade máis produtiva foi a Pioneer PR849F (forraxeira) con 11,45 t MS/ha, seguida das dúas de grao, Alfa con 7,14 t MS/ha e da máis precoz Ascoli con 5,79 t MS/ha. Como se observa, a variación de rendemento acada practicamente o 100% entre a máis e a menos produtiva. A extracción de proteína por hectárea seguiu a mesma tendencia, con valores de 659 kg PB/ha para PR84F, 561 kg PB/ha para Alfa e 481 kg/ha para Ascoli. Unhas diferenzas de rendemento segundo a especie e a variedade que tamén se trasladan ao comparar a produción en regadío e en secaño:

Conclusións: 

Como resumo da exposición e do debate foron trasladadas ao auditorio as seguintes Conclusións: -A produtividade do millo como cultivo de verán é claramente superior á de xirasol e de sorgo en condicións de secanos húmidos ou de regadíos. -Na zona interior de Galicia, onde o cultivo de millo en secano foi moi problemático nun verán de escasas precipitacións como o rexistrado en 2016, o cultivo de sorgo en secano permitiu superar as 8 toneladas de materia seca por hectárea coa variedade máis produtiva, mentres que a do xirasol chegou case ás 7 toneladas. -Estes rendementos estiveron influenciados negativamente por unha sementeira demasiado tardía, sobre todo para o sorgo. -A composición nutricional de sorgo e de xirasol é claramente diferente, sendo o sorgo o cultivo máis adecuado para ensilar. -Non se observan claras diferenzas entre a variedade forraxeira de xirasol e a variedade de aceite de ciclo semellante. -A variedade forraxeira de sorgo produce un rendemento por hectárea superior ás variedades de grao, de ciclo máis curto. -Nas condicións da área agroclimática continental do sur da provincia de Lugo, en secano, a rotación de mesturas de raigrás-trevos anuais como cultivo de inverno e de sorgo ou xirasol como cultivo de verán pode producir ao redor do 10 t MS e 1000 kg de PB por hectárea. -As experiencias deben ser repetidas con diferentes xenotipos, en diferentes anos e diferentes ambientes a fin de ampliar a información sobre o comportamento destes cultivos de verán.  

A cooperativa ICOS ensaia con éxito un cultivo mixto de xirasol e sorgo

No ano 2015 levouse a cabo por parte da Cooperativa Icos un cultivo experimental dunha mestura de sorgo e xirasol, dous cultivos alternativos para o pago verde da PAC. Trátanse de dous cultivos que son unha opción para  zonas con dificultades (terreos con máis seca no verán), ou como recurso para sementeiras tardías a mediados de xuño, logo de facer dous ou tres cortes de herba. ¿Por que mesturar ambos cultivos? O cultivo de xirasol sementado só ten o principal inconveniente da dificultade de manexo no silo, polo abundancia de aceite, o que dificulta a compactación do mesmo cos tractores. Por outra banda, o xirasol en solitario ten bastante risco de encamado. Combinando os cultivos, xuntamos as vantaxes de ambas plantas e diluímos os seus inconvenientes, xa que o sorgo aporta soporte ao xirasol e máis contido en materia seca para facilitar o ensilado. O resultado é un cultivo denso, xa dende estadios iniciais, podendo chegar incluso a non necesitar tratamentos herbicidas para eliminar competencias. Con isto buscamos gañar rendemento de cultivo e evitar plantas excesivamente altas, que toleran peor o encamado, que teñen peor calidade de forraxe e cuxa colleita é complicada. Debemos de usar variedades ben coñecidas e de ciclos iguais entre sorgo-xirasol para colleitar ambas plantas no seu momento. Abonado: Esta é unha das grandes vantaxes de ambos cultivos en comparación co abonado do millo. Son cultivos non moi esixentes, sendo posible cubrir as necesidades con aportes de xurro. A dispoñibilidade de purín na época de sementeira sole ser boa, posto que xa se comezan a recuperar os niveis nas fosas despois da sementeira do millo. Seguindo as recomendacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), estes cultivos poden abonarse en suficiencia aportando 30-40 m3 de xurro de calidade media. O exceso de abonado pode ser contraproducente posto que se se produce un desenrolo excesivo, complicándose as tarefas de recolleita. Analíticas en verde: Foron sacadas mostras da forraxe en verde en cada unha das parcelas do cultivo. En cada unha delas había variacións no estado do cultivo. Na primeira parcela colleitada había predominio de xirasol, con plantas puntuais de sorgo. Analiticamente correspóndese cos datos, posto que a porcentaxe de proteína bruta é inferior ao resto de mostras, e habendo maior contido en FAD (Fibra ácido deterxente, Non desexable), O contido en graxa non foi alto polo atraso na nascencia desta parcela respecto das restantes. Na segunda parcela colleitada había mestura con 2/3 de xirasol e 1/3 de sorgo. Nesta houbo problemas de nascencia irregular, polo que había xirasois xa maduros e outros aínda iniciando a floración. Aínda deste xeito, o cultivo estaba denso e a porcentaxe de proteína bruta do forraxe desta parcela foi do 13.1 % e sendo a FAD bastante máis baixa que un ensilado medio de xirasol. Na última parcela está a mestura ideal, cun equilibrio entre sorgo e xirasol, sendo a nascencia máis regular que nas outras parcelas. Destacar nesta parcela a gran abundancia de folla do sorgo, que axudou a que a porcentaxe de proteína bruta acadada fose do 15.2%, e un nivel de graxa do 6.2 % Cabe destacar que tanto na segunda como na terceira parcela os rendementos por hectárea estimáronse en torno ás 7 toneladas de MS/ha. Analítica do ensilado: PH medio: 3,85 Materia seca: 30,05% Proteína Bruta: 9,6% Fibra Bruta: 26,75% Fibra Ácida: 27,95% Fibra Neutra: 46,6% Almidón: 16,25% Cinzas: 6,0% Materia graxa: 3,0% Despois dos resultados das parcelas experimentais, e analizando os datos obtidos, o cultivo mixto de xirasol e sorgo preséntase como unha moi boa opción para combinar co ensilado de millo.
Guías de cultivo do CIAM: -Xirasol -Sorgo
 

Vantaxes da rotación de cultivo de forraxeiras con millo e xirasol

O cultivo de forraxes durante o inverno, especialmente de raigrás híbrido combinado con distintas variedades de trevo, é unha alternativa moi interesante e recomendable para mellorar a rendibilidade das explotacións lácteas galegas ao reducir a compra de proteína vexetal, principalmente soia. Ademais permite o incremento da colleita do seguinte cultivo nun 10% no caso do millo e nun 12% se é xirasol. E todo cun menor aporte de fertilizante nitroxenado. Estas foron algunhas das conclusións da xornada técnica que se celebrou o pasado 19 de decembro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) sobre "Novas leguminosas anuais nas rotacións forraxeiras para a produción de leite: Aspectos Agronómicos e nutricionais". Juan Valladares Alonso, tecnólogo do Departamento de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico do CIAM, explicou na súa ponencia os resultados da investigación obtidos nos ensaios levados a cabo na finca experimental que o CIAM ten no Concello de Abegondo. Para a investigación probáronse dúas combinacións, unha fórmula R6L cun Raigrás Italiano Promenade e 6 leguminosas e outra únicamente con raigrás, tal e como se detalla neste cadro: A sementeira realizouse a mediados de outubro e a colleita a mediados de maio. O adubo de fondo que se empregou foi 40-60-200 (N – P205 – K20). Despois do primeiro corte, o 7 de marzo, realizouse un abonado de coberteira nas parcelas sementadas só con raigrás a razón de 60 UF N. E os resultados non deixan lugar a dúbidas: as leguminosas renden uns valores de proteína bruta de 14.5 fronte ao 6.2 do Raigrás italiano, mentres que na composición de azúcares o resultado é á inversa: 9.5 e 28.1, respectivamente. A produción final de materia seca foi de 10.401 kg de materia seca por hectárea para o cultivo monofito de Raigrás e de 8.957 kg para a mestura de Raigrás italiano con 5 leguminosas. O millo rende un 10% máis despois de cultivar raigrás con leguminosas Tras o cultivo das dúas tipoloxías de forraxeiras sementouse millo nesas parcelas e o resultado da colleita en función do cultivo precedente foi o seguinte:   É dicir, os resultados amosan un rendemento case un 10% superior na produción de millo forraxeiro nas parcelas cun cultivo previo de Raigrás máis leguminosas en relación ás sementadas só con Raigrás. Ademais, aforrouse o abonado de coberteira con nitróxeno. O cultivo de xirasol rende un 12% cun cultivo previo de Raigrás máis leguminosas O seguinte paso de Juan Valladares Alonso foi comprobar en qué medida o cultivo de leguminosas mellora un cultivo posterior de xirasol, unha planta cuxo cultivo está a medrar en Galicia tanto polo seu interesante contido en proteína como pola súa aptitude para os solos menos profundos. Os dous tipos de forraxeiras que se ensaiaron durante os anos 2013 e 2014 foron un Raigrás híbrido máis 5 tipos de trevos e unha fórmula só con Raigrás.   A sementeira das forraxes fíxose a primeiros de novembro e a corta a mediados de maio. O adubo de fondo que se empregou foi 0 – 60 -200 (N- P205 – K20). Na segunda quincena de marzo fíxose un abonado de coberteira de 0N – 50N- 100N e 150N para vela influencia da dose de nitroxeno nos cultivos A continuación, unha vez recollidas as forraxes, na primeira quincena de xuño de 2013 fíxose a sementeira de xirasol. Ensaiáronse tres doses de abonado de fondo con 50, 80 e 150 kg por hectárea de N-P205 e K20. A seitura de xirasol fíxose en setembro, na quinta semana trala floración da planta. E os resultados da investigación realizada no CIAM foron que as leguminosas expresan o seu potencial produtivo con aportes baixos de nitroxeno(0 ou 50 kg/ha N) frente ao raigras que necesitaria aportes maiores (100 ou 150 kg/ha N), ademais:   É dicir, o rendemento do xirasol cun cultivo previo de Raigrás híbrido máis 5 leguminosas é un 12% superior en relación a un cultivo precedente só de raigrás. Se analizamos o valor nutricional do xirasol os resultados son mellores cun cultivo previo RH-5L en proteína bruta (6.5 fronte a 6.0) con unhas UFL similares si ben o contido en aceites (EE) e alto nos dous casos o que implica que a forraxe de planta enteria de xirasol pode formar parte da ración nas vacas pero mexturado con outras forraxes para rebaixar o contido de aceite por debaixo do 6%. Necesidade de menos fertilizantes nunha rotación de Raigrás máis leguminosas con xirasol Por outra parte, Juan Valladares analizou os distintos rendementos en materia seca das rotacións Raigrás+Xirasol e Raigrás e Leguminosas+ Xirasol en función dos aportes de fertilizantes, chegando á conclusión de que esta última produce cantidades semellantes á primeira con menos achegas de fertilizantes. Así se recolle nesta gráfica: Conclusións: Na rotación de Raigrás máis leguminosas con millo as conclusións que extrae Juan Valladares son as seguintes: - A sementeira das forraxes debe facerse cedo, en outubro. - Interesa certo establecemento invernal do raigrás, pero que permita expresarse ás leguminosas. - A mestura de Raigrás con leguminosas debe ser rica nestas últimas, oscilando entre un 60 e un 80% para acadar unha proteína bruta superior a 10 e un valor de azúcares superior a 12. - O rendemento do millo increméntase cando o cultivo precedente foi unha mestura de Raigrás con leguminosas. En canto á rotación con xirasol as conclusións que extrae son as seguintes: - O incremento da fertilización con nitróxeno ten un efecto positivo no rendemento e no contido de proteína bruta do raigrás mentres que non é tan acusado na mestura R+5Ls. - O xirasol ten un rendemento inferior ao millo forraxeiro en terreos nos que habitualmente se cultiva este. Pode ser unha alternativa para obter forraxe de verán en terreos máis secos onde o crecemento do millo forraxeiro se vería afectado. - A colleita do xirasol na quinta semana trala floración supón obter un %MS próxima ao 25% , cun valor enerxético lixeiramente superior a 1 UFL/KgMS, se ben o seu uso na ración vese limitado polo seu contido en aceite. -O rendemento do xirasol vese incrementado nun 12% se o cultivo anterior foi unha mestura de Raigrás e 5 - leguminosas. Podes descargar nesta ligazón a ponencia completa de Juan Valladares.