Archives

Solucións contra as pesticidas en viñedos e oliveirais a través da innovación

O proxecto europeo H2020 NOVATERRA celebrará unha xornada o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10h en Santiago de Compostela, na sede de FEUGA no Campus Vida, que ten por obxectivo presentar o consorcio, avances e primeiros resultados até o momento á comunidade científica e a profesionais do sector. Así, representantes das entidades participantes darán conta dos traballos que están a realizar para reducir o uso e o impacto das pesticidas no viñedo e o oliveiral a través de novas tecnoloxías e exporán os factores que determinan a adopción de solucións ambientalmente sustentables a nivel de explotación. O proxecto busca a creación dun enfoque 360º para garantir a seguridade alimentaria, así como o acceso a unha alimentación sa para unha poboación crecente, seguindo as directivas e prioridades da Unióin Europea en materia de uso sustentable de pesticidas. O evento, organizado por FEUGA, forma parte das actividades de divulgación de NOVATERRA. Os asistentes poderán achegarse, a través dunha serie de casos de estudo, a novas estratexias sustentables e integradas, viables técnica e economicamente para distintos sistemas de cultivo, que teñen como finalidade eliminar ou reducir significativamente o uso e o impacto negativo das pesticidas máis prexudiciais. A cita, que se celebrará de forma presencial e emitirase tamén en streaming, contará coa participación de representantes de diversas entidades españolas que integran o consorcio: O Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA), o Centro de Investigación en Economía y Desarrollo Agroalimentario (CREDA), a Universidad de Burgos, a Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), a adega Terras Gauda e a Universidad Politécnica de Catalunya (UPC). NOVATERRA persegue a redución do impacto negativo das pesticidas para a xestión integrada de pragas en oliveirais e viñedos. Coordinado por IRTA conta cun consorcio de 23 entidades de 6 países: Grecia, Italia, España, Portugal e Bélxica. Iniciado en outubro de 2020, o proxecto que ten unha duración de 4 anos recibiu unha cofinanciación do programa H2020 con preto de 5 millóns de euros.

Inscríbete aquí

Curso na Coruña sobre novas normas e obrigas na xestión integrada de pragas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar un curso na Coruña sobre as novas normas e obrigas na xestión integrada de pragas en viveiros e explotacións froiteiras, vitícolas e de horta. O taller, que ten previsto comezar o vindeiro luns 24 de outubro, desenvolverase no edificio administrativo Monelos ao longo de dúas xornadas cunha duración total de 10 horas. O obxectivo desta formación é dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios sobre as normas e obrigas que deben cumprir os operadores e formar aos asesores na documentación a elaborar para un correcto asesoramento. Tamén, pretende informalos sobre as novidades normativas en xestión integrada de pragas e enfermidades. Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. A inscrición pode realizarse a través do seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 184 548, ou enviarse un correo a antonio.rivera.martinez@xunta.gal

Xornada sobre asesoramento en xestión integrada de pragas

O Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense, dependente da Consellaría do Medio Rural, ten previsto realizar o vindeiro 29 deste mes unha xornada técnica sobre “Asesoramento en Xestión Integrada de Pragas”.  O Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable de produtos fitosanitarios, establece a obriga  de dispoñer dun técnico en asesoramento en xestión integrada de pragas, para determinados cultivos e superficies. O dito asesoramento en xestión integrada de pragas debe reflectirse documentalmente. O obxectivo deste asesoramento é minimizar o uso de produtos fitosanitarios e optar por outros métodos alternativos. Neste sentido, na xornada, á que asistirán como relatores  persoal técnico con ampla experiencia en distintos sectores produtivos, darase información sobre as principais pragas e enfermidades dos distintos cultivos, limiares de tratamentos, extracción de datos para cubrir o documento de asesoramento, métodos alternativos e outros aspectos relacionados coa xestión integrada de pragas. A formación impartirase en horario de mañá e tarde: de 9:00 a 13:30 h e de 15:30 a 19:30 h, no ISGGA de Ourense ( Rúa de Villaamil e Castro, s/n, Ourense). O programa da xornada é o seguinte: 09.00-09:30 h. Presentación da xornada. Marco legal do asesoramento en xestión integrada de pragas. Encarna Rodríguez Soto e Diana González Fernández, do Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense 09:30- 11:30 h. “Asesoramento en XIP en froiteiras. Algunhas experiencias no Val de Caderechas (Burgos)”. Eduardo Hernando Izcara. Enxeñeiro Agrónomo. Dtor. técnico das Marcas de Garantía "Cereza y Manzana Reineta del Valle de las Caderechas" (Burgos) 11:30-13:30 h. Xestión integrada de pragas en viveiros e cultivos hortícolas. Noelia López López. Enxeñeira agrónoma e asesora en xestión integrada de pragas. 15:30-17:30 h. Asesoramento en XIP na viña. Pragas e enfermidades, seguimento, limiares de intervención e recursos dispoñibles para o seu control.. Nuria de Prado Ordás. Enxeñeira Agrónoma. Estación de avisos del Bierzo, Castilla y León. Red Nacional de Expertos de Viñedo. 17:30-19:30 h. Asesoramento en XIP en pataca. Estela Ortiz De Landazuri. Técnica de campo de Cooperativa La Rioja Alta. A inscrición á xornada é obrigatoria e gratuíta, mediante a presentación dunha solicitude que será enviada ao Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense ou enviada ao correo electrónico diana.gonzalez.fermandez@xunta.gal Esta actividade foi aprobada no Plan de Transferencia Tecnolóxica para o agro galego 2021, e cofinanciada polo FEADER nun 75%.

Descarga aquí a solicitude