Archives

A Xunta recoñece tres novas asociacións forestais de xestión conxunta no Bolo e en Parada de Sil

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal vén de recoñecer como agrupacións forestais de xestión conxunta as tres asociacións que xestionan os soutos de Tuxe e Cambela, no concello ourensán do Bolo e do souto Parada de Sil, situado nesta mesma localidade. En concreto, inscríbense 48 hectáreas do souto de Tuxe, 36,10 hectáreas do souto de Cambela e 110,14 hectáreas no souto de Parada de Sil, facendo un total 194,24 hectáreas. A Asociación de Propietarios de Soutos de Tuxe-A Senra é unhas das entidades recoñecidas e conta con 28 persoas socias e 134 parcelas catastrais. Por outra banda, a Asociación propietarios de Soutos de Cambela–Os Palmeiros agrupa a 16 socios e 136 parcelas catastrais, e a Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil Canón do Sil xestionada por 113 persoas socias e dispón de 827 parcelas catastrais, que en total suman 157 persoas socias e 1.097 parcelas catastrais. Estas asociacións teñen como obxectivo a xestión conxunta destes soutos. Cabe sinalar que, na actualidade, hai xa 19 entidades inscritas no rexistro de agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia cunha superficie total de 3.145 hectáreas, se ben estas agrupacións son as primeiras asociacións sen ánimo de lucro que xorden da iniciativa dos propietarios de soutos.

Tramitación electrónica

Tendo en conta toda a riqueza forestal da nosa comunidade e a potencialidade da xestión conxunta, a Xunta publicou a orde que regula a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta. Recoñeceranse as entidades cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais e xestionen unha superficie mínima de monte de 10 hectáreas, e deberán acreditar as disposición dos dereitos de uso cunha porcentaxe superior ao 70% da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa. Ademais, as persoas que formen parte da agrupación deberán asinar a cesión da planificación da xestión forestal ou ben a representación para a xestión e comercialización conxunta durante un prazo mínimo de 10 anos. O recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta pretende favorecer a xestión conxunta e sostible do terreos forestais, a súa recuperación e impedir o seu abandono, favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta, servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e adaptación contra o cambio climático, ademais da creación de emprego e aumenta da calidade de vida no medio rural.

Achegas para constituír agrupacións forestais de xestión conxunta

Para fomentar a creación destas agrupacións a Consellería do Medio Rural convocou, un orzamento de preto de 2,4 millóns de euros, axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, en réxime de concorrencia competitiva, a través de tres liñas de axuda. En concreto a liña III é de axudas para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta, cunha asignación de crédito total de 1.798.931 euros; estando o prazo de presentación de solicitudes aberto hasta o día 10 de maio. Esta convocatoria de axudas está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica; concretamente contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do eixe III 1.2 do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos

Estes soutos forman parte do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos posto en marcha pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. No marco desta iniciativa, seleccionáronse sete soutos en Lugo e Ourense en función de diferentes criterios técnicos, como son a representatividade das zonas de soutos de Galicia, a selección en concellos prioritarios da clasificación efectuada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a representatividade dentro da diversidade actual dos soutos, e outros valores adicionais coma os medioambientais e patrimoniais. O obxecto deste Plan de acción é a execución dos traballos necesarios para conseguir a recuperación do potencial forestal, co fin de impulsar un novo aproveitamento económico dos soutos que garantan a súa supervivencia. Os traballos deste Plan piloto seguen avanzando co recoñecemento destas Agrupacións forestais de xestión conxunta que incluíron os traballos de investigación da propiedade, tramitación administrativa para a constitución da agrupación e véñense complementando coa limpeza de pistas de acceso aos soutos, co obxectivo de acometer accións de rexeneración e mellora destes soutos tradicionais. Á súa vez, este Plan piloto forma parte das actuacións definidas no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña que contribúe ao fomento dos recursos forestais non madeireiros. O desenvolvemento deste programa é a ferramenta que guía e orienta as liñas de actuación coa finalidade de acadar os obxectivos no horizonte temporal 2021-2040 e foi presentado ao Consello da Xunta o 25 de maio de 2022. Establece cinco eixes de actuación as 36 actuacións que se desenvolverán entre os anos 2022 e 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro.

Ampliado o prazo para solicitar as axudas para crear agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se modifica a convocatoria de axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros. O financiamento procese integramente da Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea -NextGenerationEU-. Estas subvencións, convocadas por primeira vez, contan con tres liñas de axuda. A primeira está centrada na organización de accións de divulgación sobre agrupacións forestais de xestión conxunta; a segunda, sobre o apoio á asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais; e a terceira é para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta. O prazo de solicitude das dúas primeiras amplíase un mes, ata o 12 de abril, mentres que a última son 40 días, ata o 10 de maio. Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a publicación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non o fixesen con anterioridade, poidan solicitar algunha destas axudas tendo en conta as novas condicións. Ademais, tamén se modifica o prazo de execución das actuacións que son obxecto de subvención, pasando a ser desde a data de publicación da orde de convocatoria -o 12 de xaneiro de 2024- ata o 31 de xullo de 2025. O orzamento dispoñible para a primeira é de 200.000 euros e poderanse beneficiar asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidade de montes veciñais en man común. Na segunda liña de axudas, o orzamento é de 400.000 euros e as actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

Potenciar as agrupacións forestais de xestión conxunta

A terceira das liñas de axudas destínase á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta e contará cunha asignación total de 1.798.931 euros. Estas achegas destinaranse para a creacións destas agrupacións mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan. As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR).

Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega. Concretamente, esta convocatoria de axudas contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Ligazón á orde no DOG

Vilar, unha aldea do Courel devastada polo lume, emprende a recuperación dos seus soutos

Cando o gran lume do Courel, no verán do 2022, a maior parte das terras queimadas en Vilar foron monte comunal e soutos de castiñeiros privados, ubicados arredor da aldea. Daquela, os soutos non frearon o incendio pola súa situación de abandono e pola extraordinaria potencia do lume, co que o lume chegou ás casas e mesmo queimou o museo etnográfico de Xan de Vilar. Falamos con Emilio Río, un dos poucos veciños que quedan na aldea, para coñecer a situación actual da recuperación do monte.

A recuperación do souto

“O souto é propiedade de todos os veciños, así como o monte comunal. O incendio afectou a todo o souto e ó monte comunal, aquí non quedou nada, ardeu todo. Só se salvaron catro casas. Agora pretendemos recuperar os soutos e o monte queimado, quitando toda a maleza, os castiñeiros queimados, e replantando con castaños novos. Deixarase algún que quedou vivo e faranse inxertos noutros”, explica Emilio.
A idea dos veciños é centrarse en primeiro lugar nunha zona de 20 hectáreas arredor da aldea
“Todo isto -engade- facémolo en común todos os veciños e a Xunta. De momento, todos os veciños están de acordo. Estamos facendo unha asociación de propietarios para que a Xunta poda actuar. A Xunta contratou unha empresa para que faga todo o papeleo e investigue os propietarios dos soutos, pero isto é imposible sen axuda dos veciños, que coñecemos o territorio. Non é fácil porque moitos veciños están fóra e hai que ir falando con todos. Moitos veciños saben que teñen soutos pero non poden identificalos pois levan moito tempo sen vir por aquí”. “Isto sería inviable particularmente, ten que ser en conxunto. De momento estamos implicados 11 propietarios, pero só 4 viven aquí na aldea, os outros andan por Madrid, Barcelona… É difícil conseguir concretar un día e hora para reunirnos, aínda que sexa telemáticamente, pero de momento imos avanzando. Tamén estivemos plantando árbores frutais nas fincas anexas á aldea, fáltannos por plantar máis e facemos un chamamento á xente que poda doarnos árbores frutais, que serían benvidos”, sinala. O proceso de recuperación avanza a modo. O que se fixo ata agora foi a creación dunha pista forestal, por parte da Xunta, e a retirada de parte dos troncos queimados.

Os soutos do Courel, alimento e protección

De sempre, os soutos arredor das aldeas sempre actuaron como sistema preventivo frente aos incendios, xa que son espazos ideais para poder apagalos pola menor velocidade de propagación das lapas, en comparación con zonas de monte baixo ou piñeirais. Pero neste caso, debido ás grandes dimensións do lume e á situación de abandono dos soutos, o de Vilar non funcionou como sistema preventivo e os castiñeiros arderon con facilidade, algo nunca visto polos veciños ata daquela. “Os soutos sempre foron vitais para a nosa aldea, pois aproveitabamos todo, as castañas e a madeira, que se vendía ou se usaba nas casas. Era unha grande riqueza para a nosa aldea. Hai bastantes variedades de castaña e traballábanse todas as que había porque eran todas boas, aquí non quedaba unha castaña abandonada. Os soutos sempre estaban limpos. Parte das castañas vendíanse e as outras consumiámolas en verde e en seco, había castañas todo o ano. Agora os sequeiros tamén arderon todos, non quedou ningún. Din que os queren recuperar, a ver se é certo…”, conta Emilio.

Os problemas do minifundio

A falta de marcos no souto é un dos problemas que se están atopando, de cara a poñer en marcha a agrupación forestal de xestión conxunta. ”O souto nunca estivo no catastro nin limitado por marcos, os veciños sabían cales eran os de cada un… pero moitos deses veciños están fóra ou morreron, entón agora é moi difícil o proceso de identificación dos propietarios. Había familias que tiñan un castiñeiro ou varios, e sabían identificalos, pero non había marcos. Agora mesmo ainda queda algún por identificar ou falar co propietario”, sinala o veciño. O proceso de posta en marcha da agrupación, así como traballos asociados, como a apertura dunha pista e a retirada de madeira queimada, contan co apoio da Xunta. Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación dun fondo público-privado impulsado pola Administración autonómica para anticiparse aos incendios forestais. Este fondo opera en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense, afectados habitualmente polos incendios forestais.

Venda de carbono

Os veciños de Vilar mantiveron tamén unha reunión recente coa Asociación Forestal de Galicia para valorar a posiblidade de financiar parte da restauración do seu monte a través da venda co carbono que vaian capturar as masas forestais. O Rexistro estatal de proxectos de Absorción de CO2 dálle entrada ós montes restaurados tras un incendio forestal, a fin de que poidan captar fondos no mercado voluntario de carbono, por medio da venda do CO2 das masas rexeneradas.

O souto de Vilar, en Folgoso do Courel, recupérase dos lumes a través dunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, visitou este sábado o souto de Vilar deste concello lucense, onde os veciños están en proceso de constitución dunha agrupación forestal de xestión conxunta na súa superficie de máis 20 hectáreas que se viron afectadas polo incendio forestal de xullo de 2022. A Xunta de Galicia aposta polas agrupacións forestais de xestión conxunta e, por iso, no 2024 investirá 2,4 millóns de euros para impulsar estas figuras, que están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ademais, para facilitar a súa constitución, o goberno galego puxo a disposición dos interesados os modelos de estatutos para estas agrupacións e tamén para constituír dereitos de usos e aproveitamento, publicados esta mesma semana nunha orde no Diario Oficial de Galicia.

O exemplo do souto de Vilar

No caso concreto do souto de Vilar estase a traballar para podelo recuperar e por iso leváronse a cabo unha serie de traballos para mellorar unha pista forestal que permitirá o acceso para a retirada da madeira queimada. O obxectivo, segundo o conselleiro, é “recuperar este extraordinario souto” e darlle unha finalidade máis, a de protexer ao núcleo de poboación fronte aos lumes. José González engadiu que os soutos teñen que ser, neste caso no Courel, unha infraestrutura preventiva fundamental. Os traballos realizados consistiron na colocación de pasos de auga naqueles lugares onde foi preciso e realizouse a mellora e ensanche da plataforma da pista mediante o pase con bulldozer, co obxectivo de posibilitar o acceso na zona de actuación para facilitar os labores de extinción de lumes. O titular do Medio Rural puxo en valor a decisión dos veciños involucrados neste proceso de creación dunha agrupación forestal de xestión conxunta para recuperar este souto afectado polo lume. Xunto a este proxecto piloto, José González destacou os outros que se están a levar a cabo nos concellos lucenses do Incio e Paradela, ademais de na provincia de Ourense en Parada de Sil, O Bolo e A Veiga. José González tamén quixo resaltar o reforzo do apoio do goberno autonómico ao sector da castaña para a recuperación de soutos e novas plantacións. Para estas accións, os orzamentos do 2024 contemplan unha inversión de 3 millóns de euros que permitirán continuar co incremento da superficie de castiñeiros en Galicia. A esta cantidade, hai que engadirlle os 500.000 euros que se concederán en axudas a aqueles soutos que se viron afectados polos incendios do verán de 2022.

Prevención de lumes

Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación do fondo público-privado impulsado pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais, que traballa en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central, afectados habitualmente polos incendios forestais. Estes traballos preventivos están realizados baixo unha planificación “transversal e integral” do territorio, segundo resaltou José González, que lembrou que Inditex foi a primeira empresa en participar neste fondo, cunha achega de 9 millóns de euros, nunha folla de ruta deseñada polo goberno autonómico e traducida en labores preventivas e a aposta por implantación de actividade agrogandeira sostible. Este fondo conta cunha dotación orzamentaria da Xunta de 3,2 millóns de euros en 2024.

Aldea modelo de Moreda

O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a alcaldesa de Folgoso, aproveitou a xornada para visitar a aldea modelo de Moreda, que conta cunha superficie de 38,86 hectáreas e entrou en funcionamento este ano cunha explotación de porco celta en extensivo. En paralelo, estúdase para ela a posibilidade de combinar a explotación con apicultura, cultivo de horta e árbores froiteiras; xunto coa implantación de oliveiras e castiñeiros para froito. A Xunta destinou preto de 122.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa. Ademais, nesta aldea modelo estase a levar a cabo, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, un proxecto piloto sobre monitorización do gando que permite ás empresas gandeiras -neste caso, na explotación de Moreda- coñecer o estado dos animais e a súa localización cunha aplicación destinada para esta función. Esta aplicación permite controlar, a través dun rastreador GPS, a actividade desenvolvida por cada animal e amosa estudos comparados coa actividade media de cada un. As aldeas modelo -actualmente están decretadas 21 ao longo de Galicia- son unha das ferramentas de mobilización incluídas na Lei de recuperación da terra agraria. Os orzamentos para 2024 da Consellería do Medio Rural contan con 7,4 millóns de euros para seguir potenciando os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, e máis de 3 millóns de euros para actuacións deseñadas arredor desta lei.

Modelos de estatutos para constituír unha agrupación de xestión forestal conxunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que establecen os modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de usos e aproveitamento. Son modelos orientativos e voluntarios, que a Xunta facilita conforme ao establecido na normativa vixente, máis concretamente nas leis de montes de Galicia e de recuperación da terra agraria. A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, establece nun dos seus eixos o programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta facilitando a constitución e a xestión eficiente das agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia. Estas agrupacións teñen diversos obxectivos, entre os que se inclúen a protección do medio ambiente, a prevención de incendios forestais e o fomento do desenvolvemento rural. As que decidan sumarse a estes modelos, incorporaranse a un rexistro específico e terán preferencia na concesión de axudas públicas do sector foresta, sinalan desde a Xunta de Galicia. Deste xeito, publícanse os seguintes modelos de estatutos para as diferentes agrupacións forestais de xestión conxunta: para entidades sen ánimo de lucro de xestión forestal conxunta; para entidades sen ánimo de lucro de representación para a planificación ou comercialización conxunta; de comunidade de bens e de sociedade civil.

Modelos tipo

Con respecto aos modelos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas en Galicia, publicaranse os seguintes: contratos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de agrupacións forestais de xestión conxunta; contratos tipo de cesión ou delegación da planificación da xestión forestal ou da representación para a xestión e comercialización conxunta a favor de agrupacións forestais de xestión conxunta. Os modelos de estatutos e modelos tipo fornécense como guía e referencia para as partes interesadas. O seu uso é opcional, e as partes poden adaptalos segundo as súas necesidades específicas, en cumprimento das disposicións vixentes.

Enlace á orde no DOG

“Un dos desafíos claves do monte galego está na comercialización de servizos ambientais”

Coñecemos con dous dos socios de Bioeco2, o enxeñeiro forestal Manuel Beiro e a enxeñeira de montes Noemi García, esta asociación profesional técnica de ámbito forestal e do medio natural. Achegámonos ós proxectos que están impulsando e en que liñas traballan. -Por que se creou Bioeco2? -A asociación creouse pola necesidade de unir un colectivo que estaba moi disgregado. Non estabamos identificados nin no sector, nin ante a sociedade ou as Administracións. Vimos que non tiñamos a representación necesaria, a pesar de formar parte dos motores do sector forestal. Viamos que precisabamos estar unidos. Coa asociación búscase ter un foro no que abordar os problemas cotiás ós que nos enfrontamos as consultoras forestais. Tamén queriamos que servise como ferramenta para poder dirixirnos ás Administracións para tratar estas problemáticas que nos afectan e tentar que xa non cheguen a producirse. A experiencia está a ser moi positiva. -Algunhas destas funcións poderían pensarse como propias do Colexio Profesional, en que vos diferenciades? -O Colexio inclúe un abano moito máis amplo de empresas e profesionais, que abranguen actividades moi diversas e que non sempre están relacionadas co sector forestal. Mentres, en Bioeco2 estamos empresas e profesionais que se dedican a xestionar e facer proxectos sobre o monte galego. Ademais, outra diferencia significativa é que Bioco2 está integrado, en gran medida por enxeñeiros técnicos colexiados, pero tamén hai outros perfís coma técnicos que proceden dos ciclos da Formación Profesional. -En que ámbitos traballan os socios de Bioeco2? -Somos empresas e profesionais que nos encargamos de fomentar a chamada xestión forestal: planifícanse as obras e proxectos, solicítanse as intervencións, contrólanse as actuacións... Somos as consultoras que asesoran ós propietarios e xestores forestais e que elaboran os documentos de xestión e planificación forestal, o que nos coloca nun lugar privilexiado para botar unha man na xestión do monte galego. Os nosos clientes son os propietarios, tanto privados como comunitarios do monte e mesmo os rematantes e as empresas que integran a industria forestal.
“Somos unha asociación de empresas multitarefa, onde cada empresa está especializada nunha área xeográfica e nunha actividade, e entre todas complementamos as necesidades que vemos no sector forestal”
Ó ser un grupo de profesionais diverso, abarcamos un amplo número de servizos. Non nos quedamos só no acompañamento do comuneiro, senón que dentro de Bioeco2 hai empresas que tamén se dedican á certificación forestal ou ó testeo técnico para aquela madeira que se usará con fins estruturais. Esta diversidade fai que poidamos abranguer máis posibilidades e temas que son de interese para a xestión do monte. Axuda ademais a ser máis conscientes das oportunidades e ameazas que temos para a nosa profesión. Somos unha asociación de empresas multitarefa, onde cada empresa está especializada nunha área xeográfica e nunha actividade e entre todas complementamos as necesidades que vamos vendo no sector forestal. -Está a ter boa acollida a asociación? -A xente vía esta necesidade e estase unindo, sobre todo porque pode ser unha maneira de afrontar problemas do día a día dun xeito conxunto. Estase vendo como unha vía para poder abordar non só problemáticas, senón para ter maior acceso a cuestións novidosas, coma os sumidoiros de carbono ou os servizos ecosistémicos que ofrecen os nosos montes. Tamén para abordar de xeito conxunto a posta en marcha de novas ferramentas que nos poden ser útiles. -Que iniciativas levastes a cabo nestes primeiros anos? -Xa foi un fito histórico o propio feito de constituírse, xa que somos un perfil de profesionais que non estabamos acostumados a agruparnos, a diferenza do que acontece con outros sectores. Neste tempo levamos a cabo 3 proxectos destacados. Por unha banda estamos culminando o desenvolvemento dunha plataforma de poxas, Mercamadeira. Tamén accedemos a dúas axudas de formación da Axencia Galega da industria Forestal (Xera) e creamos unha revista especializada, Conecta Savia, en colaboración co Clúster da Biomasa, que botou a andar case ó mesmo tempo que Bioeco2. -Falemos un pouco máis sobre en que consiste esta plataforma de poxas e como a creastes. -Dende fai uns anos, a Administración para a comercialización dos montes de xestión pública optou pola dixitalización das poxas e nós vimos que este é un sistema útil e de interese tamén agora que estas superficies van pasar a ser xestionadas de xeito privado. Polo tanto, tamén a venda da madeira. Parécenos de utilidade ter unha plataforma dixital para a venda da madeira, de maneira que os madeiristas poidan ter acceso a tódolos lotes, así coma ós pregos de condicións e á documentación técnica. Ademais esta plataforma permite, con tódalas garantías, presentar os sobres coas ofertas para realizar a poxa.
“Parécenos de gran utilidade ter unha plataforma dixital para venda da madeira, con todas as garantías e onde os profesionais teñan acceso á información sobre os lotes ou a documentación técnica”
Mesmo propoñemos enlazar esta plataforma con outras ferramentas dixitais que ten a Administración, como a xestión dos permisos de corta. Tamén valoramos que nun futuro poida ser empregada polos nosos clientes como un punto de venda dos produtos forestais, dende madeira ou sumidoiros de carbono. -Está funcionando xa esta plataforma? -Estamos a piques de realizar a primeira poxa dixital, que se fará tamén de xeito presencial para que os usuarios poidan comprobar que se realiza con todas as garantías e por ir amosando o funcionamento dela. -Tamén solicitastes formar parte do Consello Forestal. Explícanos esta petición? -Do mesmo xeito que estamos vendo que no noso día a día atopamos dificultades en procedementos e na xestión administrativa do monte, tamén vemos que podemos propoñer solucións viables. Por iso cremos que o lóxico sería que puidésemos participar no Consello Forestal e contribuír coas achegas oportunas antes de que se aproben os procedementos ou as ordes de subvención, para que aquelas dificultades que se poidan detectar, xa nunha fase inicial, non continúen e non nos atopemos con elas á hora de facer o trámite en cuestión. Por iso creemos que é importante estar no Consello Forestal, xa que moitas destas cuestións poden abordarse aí.
"Queremos formar parte de Bioeco2 porque coñecemos os problemas de xestión dos montes no día a día"
-Tivestes xa resposta por parte da Administración? -Polo momento dende a Administración só nos indicaron onde tramitar a solicitude, aínda que sen concretar moito como debemos tramitala. Estamos esperanzados en que acepten que participemos, porque cremos que podemos aportar moito.

“Os montes veciñais son moi interesantes polo seu compoñente social, pero tamén a nivel de xestión forestal polas grandes superficies que abranguen”

-Outra das xestións recentes da Asociación foi unha reunión con Medio Rural na que, entre outros temas, abordastes distintas problemáticas que afectan directamente ás Comunidades ou ós montes veciñais en man común. Como vedes a realidade destes montes? -Todos apreciamos que son un tipo de superficie moi interesantes, non só polo compoñente social que teñen detrás, senón tamén dende un punto de vista técnico na xestión forestal pola superficie que se manexa de media. Cómpre ter en conta que a superficie media dun monte veciñal en Lugo son 220 hectáreas, polo que as posibilidades son inmensas. -E xestión complexa... -É certo que a xestión deste tipo de propiedades é ilusionante, polas posibilidades que ofrecen, e ó mesmo tempo están cargadas de problemas, xa que as comunidades teñen moitas obrigacións coa Administración, que deben realizar, moitas veces, de xeito dixital. Precisamente, unha das grandes achegas da asociación é a posta en común e a procura de solucións dixitais que poidan servir de axuda ós comuneiros e mesmo ás xuntas reitoras, ademais de axuda técnica en procedementos de por si bastante enrevesados, como poden ser os deslindes para montes veciñais.
“O problema no caso dos deslindes con propietarios privados é que se copiou o procedemento que levaba a cabo a Administración nos montes de utilidade pública, polo que resulta inviable”
-O tema dos deslindes dos montes veciñais ten xerado debate, como está agora esta tramitación? -Dende a Administración son conscientes que os deslindes de montes veciñais con propietarios privados non está funcionando. Estase vendo que as comunidades, ó non conseguilo mediante o procedemento, están optando pola vía xudicial. Pola contra, cando se trata de dúas comunidades de montes é un proceso máis simplificado e está a funcionar. O problema no caso dos deslindes con propietarios privados é que se copiou o procedemento que levaba a cabo a Administración nos montes de utilidade pública, cando a realidade é que un propietario non ten acceso á mesma información e garantías que as Administracións á hora de afrontar este procedemento, polo que resulta inviable. Agora mesmo hai unha situación de incerteza sobre como se lle dará solución. -Tratastes o tema das dificultades para abordar os deslindes na reunión coa Dirección Xeral? -Pedíronnos que elaboremos un informe no que se contemplen as dificultades e posibles solucións. A realidade é que nos estamos atopando con axudas finalistas que non teñen en conta que os prazos de tramitación en temas como os deslindes adoitan ser de 2 anos, co que resulta imposible poder optar a elas. Tamén estamos vendo que se están restando cartos das axudas por cuestións que non estaban contempladas nas ordes e non hai un criterio unánime entre provincias, o que está provocando unha situación caótica. -Advertides ademais que nas axudas da PAC se están vendo prexudicadas as comunidades de montes veciñais en man común. Explícanolo -O problema deriva dende o momento que se comenzou a falar de que as comunidades de montes veciñais terían que presentar un Plan de aproveitamento silvopastoril. A falta dunha regulación clara, sen que se adaptara á realidade deste tipo de aproveitamento, e o choque con outras figuras como o plan de ordenación destas comunidades fixo que se perderan axudas específicas activadas para desenvolver estes plans. -Outra das cuestións que abordastes é a certificación forestal nos montes veciñais conveniados coa Xunta. Cal é a situación? -O que está acontecendo é que os montes que están en xestión pública están traballando en exclusiva cun grupo de certificación pública e non é posible que ese monte sexa certificado por empresas de certificación. A situación agrávase porque na maioría dos montes veciñais non todo o monte está en convenio, é dicir, en xestión publica, senón só unha parte. O feito de que este grupo de certificación público só certifique a parte conveniada provoca que moitas veces queden por certificar espazos que non están tendo un aproveitamento forestal nin unha rendibilidade, pero certificar toda a superficie é imprescindible para as comunidades de montes, posto que é un requisito nos plans de ordenación que deben presentar e para obter financiamento para a súa xestión. Esta exclusividade de certificación está a ocasionar prexuízos para as empresas que certifican, porque ademais de exercer unha competencia directa está, en certo modo, a obrigar ás outras empresas a certificar gratis aquelas áreas menos produtivas, para que os propietarios poidan acceder a realizar estes trámites ou lograr subvencións, que doutro xeito perderían.
-Cando se fala da xestión dos montes, outro dos temas que está de actualidade son os proxectos de absorción de carbono. Estades traballando nisto dende a asociación? -Precisamente outro dos proxectos que impulsamos dende a Asociación é BiomaisCO2, no que se propón unha nova proposta de cálculo de CO2 baseado na silvicultura. Xunto coa Universidade de Compostela, o Clúster da madeira, empresas como Asefor e Bioeco2, establecemos unha metodoloxía de cálculo para a absorción de carbono. É un proxecto pequeno, en canto a desembolso económico, pero cremos que é imprescindible estar nestes momentos abordando este tema para obter un coñecemento máis claro de como se vai xestionar esta compensación do carbono e a relación que garda coa silvicultura e o cálculo derivado dos produtos forestais. É un tema moi novidoso.
“En Bioeco2 estamos participando nun proxecto conxunto para obter unha metodoloxía de cálculo da absorción de carbono baseado na silvicultura”
-Como valorades o impacto que están tendo no monte os sumidoiros de carbono? -Vemos que hai moita falta de información veraz: falta divulgación. Sabemos que hai diferentes iniciativas funcionando, cada unha coa súa fórmula. Hai algunhas iniciativas foráneas que mesmo rondan a usura, pura compra de dereitos do territorio para a súa especulación. Dende Bioeco2 alertamos disto xa hai uns meses e a Administración freou entón este tipo de iniciativas cun decreto que buscaba poñer un pouco de orde. É un tema moi complexo e importante para os recursos das comunidades de montes e seguimos sen ter información suficiente. Ademais, é un tema fundamental da responsabilidade social das empresas, xa que hai unha esixencia dende Europa, pero isto tampouco está facendo que se axilice e se proporcione información sobre el.
“Europa está vendo as oportunidades que teñen os nosos bosques e debemos saber aproveitar esas oportunidades que nos brinda con axudas e proxectos”
-Vós que traballades día a día na xestión forestal, que opinión tedes sobre a situación actual do monte galego? -Estamos nun momento moi ilusionante, con moita capacidade de desenvolver proxectos moi distintos e de dar resposta á necesidade de que o monte termine sendo unha fonte de recursos, non só dende un punto de vista forestal, senón tamén contemplando outros servizos ecosistémicos, de maneira que a sociedade sexa consciente de todo o que temos grazas ó monte. Europa tamén está vendo as oportunidades que teñen os nosos bosques e debemos saber aproveitar as oportunidades que nos brinda con axudas e proxectos. Neste marco, os montes veciñais van ser moi útiles para aproveitar todo isto. Estamos nun momento de cambio, de revolución en tódolos ámbitos, dende os perigos do cambio climático, pero tamén de xeito positivo por todas as cousas nas que avanzar. Estamos tamén incluso ante un cambio xeracional e hai que ser capaces de tracionar ás novas xeracións que substituirán ás directivas actuais, tanto da propiedade privada como comunal. Tanto dende Bioeco2 como dende as consultoras forestais temos que ser capaces de liderar ese cambio e estar á altura dos retos que se están presentando. Debemos de saber organizar toda esta información para que impacte de forma positiva. -Falades dun momento ilusionante e de revolución, xusto cando se fala moito do abandono actual do monte e do rural... -Todo forma parte do mesmo reto. O abandono é un gran problema, pero non é só iso senón o que trae parello como poden ser os incendios, a perda de biodiversidade e de recursos... O abandono xeracional e a obtención de recursos económicos a través da xestión forestal é algo que temos que tentar solucionar, xunto coa Administración, que tamén debe saber, que estas empresas e profesionais somos parte do seu exército, xa que estamos formados e preparados para abordar algúns destes retos. É máis doado que se faga a través de nós, que só coa normativa. Todo forma parte do mesmo reto: poñer información no territorio, falar cos vellos, pero tamén cos netos... Hai respostas, só hai que buscalas. Estamos ante un reto de toda a sociedade, pero que debe ser artellado a través dos profesionais que estamos no día a día. Hai que ser conscientes tamén de que moitas veces o propietario que abandona o monte é porque non sabe ben como xestionalo e aproveitalo e todo lle resulta unha carga. Se esas persoas teñen un mellor acceso ós profesionais que integramos a asociación e os podemos asesorar sobre as posibilidades de aproveitamento que poidan ter quizais non pensen en abandonalo. Se ademais dispoñemos ferramentas dixitais para que os pequenos propietarios poidan sumarse a aproveitamentos alternativos e rendibles, pode ser máis doado loitar contra o abandono do monte.
“A xestión forestal non é só facer traballos no monte con máquinas. Hai que saber ver as necesidades que ten o monte e ofertar opcións e ferramentas de interese para os propietarios”
-Que credes que é prioritario para o monte galego? -É certo que hai que potenciar a xestión, pero a xestión forestal non é só facer traballos no monte con máquinas. Hai que saber ver as necesidades que ten o monte e proporcionar opcións e ferramentas de interese para os propietarios. Temos que estar moito máis relacionados e ter unha comunicación fluída e coordinada para que a xestión forestal sexa máis activa que a actual. -E para rematar, que liñas de traballo vos marcades dende Bioeco2 de cara ó futuro? -Imos seguir traballando nas liñas que iniciamos e ademais temos outro proxecto co que buscamos proporcionar un mercado no que ofertar servizos ecosistémicos e de sumidoiro de carbono. Pero sobre todo, dende a asociación imos seguir traballando naqueles temas que de xeito individual nos resulta máis complicado desenvolver, pero que vemos que son de gran utilidade e necesidade. Imos seguir movéndonos para ser interlocutores coa Administración e seguiremos traballando en temas de formación e información para o sector.

“A tracción animal moderna estase a converter nunha ferramenta para a agricultura de precisión”

João Rodrigues, veterinario e presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran), traballando cun burro Coa chegada da mecanización agrícola a utilización de cabalos, burros, mulas ou vacas para tirar do carro ou do arado foi perdendo importancia até terse convertido en residual a día de hoxe na maioría de países desenvolvidos. Pero a recuperación da tracción animal está a rexurdir en Europa para traballos específicos nos ámbitos hortícola, vitivinícola ou forestal. João Rodrigues preside a Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran) e defendeu nunhas xornadas celebradas no Muvicla a utilidade dos animais para a realización de determinadas tarefas agrícolas e mesmo outras labores no ámbito urbano, como a recollida do lixo dentro dos cascos históricos. En determinados contextos, defendeu, o uso de animais é máis eficiente que a utilización de vehículos a motor.   Agricultura respectuosa co solo e o medio ambiente A tracción animal chegou aos nosos días relegada  en moitos casos a traballos a pequena escala no ámbito da agricultura de autoconsumo familiar ou en zonas de difícil acceso e mecanización, como áreas de montaña ou parcelas de pequeno tamaño. Pero a tracción animal está a recuperarse a día de hoxe como unha ferramenta de agricultura de precisión en sectores profesionais como o da horta, explicou João, sobre todo en traballos intermedios (eliminación de herbas, aterrado, etc) que é necesario realizar entre o momento de labrar e o de recoller. Esta tracción animal moderna leva aparellado o desenvolvemento de nova maquinaria específica e adaptada aos traballos a realizar nunha fusión entre nova tecnoloxía nos aperos e sistema de tiro tradicional. En EEUU, por exemplo, onde a comunidade amish segue a empregar exclusivamente tracción animal, adaptaron maquinaria actual como rotoempacadoras ou sementadoras para que funcionen con tracción animal. Valor engadido no mundo do viño En viñedos de zonas como Priorato, Penedés ou Ribera de Duero hai adegas que traballan con animais. Foto: APTRAN En Europa a reintrodución da tracción animal está a avanzar sobre todo no mundo do viñedo, pero tamén na xestión forestal ou noutros ámbitos relacionados co medio ambiente. “Cando hoxe falamos da importancia de conservar a paisaxe en lugares como Portugal ou Galicia, estamos falando dunha configuración agrícola creada pola tracción animal”, evidencia. “Na viticultura está a reintroducirse a tracción animal porque se comezou a dar unha importancia vital ao solo. En Francia xa se deron conta de que traballando o solo con tracción animal mellora”, asegura João. En España, en zonas de Ribera de Duero ou de Cataluña, tamén hai adegas que están a realizar traballos con animais nos viñedos.  
Adegas de Francia, Ribera de Duero ou Cataluña realizan traballos con cabalos nos viñedos
É un xeito de vender unha produción máis natural e sostible, apreciada e demandada polo consumidor, e de poder trasladar este feito diferencial ao prezo dos viños, pero tamén un xeito de evitar problemas de compactación do solo, o que favorece o desenvolvemento da microbiota, algo que acaba sendo beneficioso para as vides. Traballos dentro das masas forestais Traballos forestais na paisaxe protegida do Corno de Bico, en Paredes de Coura. Foto: João Pedro Marnoto/APTRAN En países de Centroeuropa está estendido o uso de cabalos de tiro para a realización de traballos nos montes, sobre todo tarefas de xestión forestal intermedia como podas e clareos onde é difícil poder entrar con outro tipo de maquinaria forestal convencional. “En Bélxica úsase a tracción animal dentro da mancha forestal para retirar a madeira do monte en podas e entresacas até zonas de carga a onde poden chegar os camións a cargar. É un traballo combinado de cabalos para a retirada con maquinaria forestal para o transporte posterior desde a zona exterior do monte”, explica João.
Luxemburgo ten unha lexislación que fomenta que no interior dos montes se empregue tracción animal
Ademais da versatilidade que aportan os animais no monte, neste tipo de actuacións búscase a coherencia. “Non tería lóxica que os traballos de conservación en determinados bosques con valores naturais se fixesen con maquinaria contaminante”, considera. Por iso, a utilización de tracción animal está a gañar terreo nos traballos de recuperación ambiental, como aconteceu na retirada de piñeiros en zonas de turbeira da Serra do Xistral dentro do proxecto Life In Comon Land, nas que se empregaron cabalos para evitar a entrada de maquinaria pesada ao monte. Dificultade para conseguir bos animais para traballar Pero o descenso producido nas últimas décadas en lugares como Galicia no uso de burros, mulas ou cabalos no eido agrícola fai que sexa difícil atopar animais adaptados. “Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había”, recoñece João. “As razas de tiro grandes están en Europa. Alí nunca houbo unha quebra como existiu aquí, por iso somos moi dependentes hoxe da chegada de animais de Europa”, afirma.
Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había
Á hora de introducir animais de tiro nunha explotación, o presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal recomenda analizar primeiro que potencia necesitamos en función do traballo a realizar e adaptar deste xeito o tipo de gando a esas necesidades. Por exemplo, burros para traballo na horta, mulas para traballar en viñedo ou cabalos para arrastre de madeira no monte. É necesario fomentar ao mesmo tempo o coñecemento do manexo do solo e dos animais. “Francia ten unha escola nacional de burros horticultores para formar a novos agricultores”, exemplifica. A tracción animal ábrese paso na axenda europea “Pouco a pouco os équidos de traballo están a entrar na axenda europea. Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e vai gañando terreo o recoñecemento do papel dos pequenos agricultores na soberanía alimentaria”, considera João. Pero ao mesmo tempo que mellora a consideración social cara aos produtores, as opinións animalistas máis radicais, procedentes na maior parte dos casos de entornos urbanos, están en contra do uso de burros, cabalos ou mulas para a tracción agrícola, o que exerce un certo contrapeso e un papel de freo a nivel dos avances na lexislación comunitaria.
Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e gaña terreo o recoñecemento dos pequenos agricultores, pero as opcións animalistas radicais opóñense ao uso de animais na agricultura
Fóra dos ámbitos agrícolas, a tracción animal estase a recuperar para a promoción do turismo (paseos), así como tamén para determinadas labores en entornos urbanos singulares. “En vilas e cidades europeas a recollida do lixo en cascos históricos patrimoniais faise con animais, ao igual que a rega de maceteiros, para o que é máis eficiente un cabalo que parar e arrincar un vehículo a motor cada 20 metros”, razoa o veterinario da Aptran, que asesora tamén a agricultores en España na recuperación da tracción animal.

“Perdeuse moito coñecemento sobre o solo e as técnicas agrícolas a medida que foi aumentando a potencia dos tractores”

Tracción animal con burro nunha zona de agricultura de montaña. Foto: APTRAN A tracción animal perdeu importancia en Europa e en EEUU sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial. “Pero fóra da nosa burbulla do mundo occidental a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación”, lembra João. Segundo os cálculos da FAO, hai 115 millóns de équidos de traballo no mundo, a maior parte deles en países en vías de desenvolvemento.
Fóra da nosa burbulla do mundo occidental, a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación mundial
“Estamos nunha situación enerxética moi complicada porque partimos duns combustibles fósiles que van escasear nun futuro a curto prazo. Se non houbera guerra de Ucraína teriamos o mesmo problema, pero o conflito acelérao todo. Imos ter que facer cambios en todos os sectores, tamén no agrícola”, defende.
A tracción animal é unha enerxía limpa e renovable pero non encaixa no modelo económico actual, porque non se produce, almacena e distribúe
“As máquinas invadírono todo no campo e hoxe hai unha grande animadversión ao traballo manual que fai que teñamos unha esaxeración da maquinaria, porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social. Pero perdeuse moito coñecemento sobre o solo a medida que se aumentou a potencia das máquinas e os agricultores de hoxe son en moitos casos unicamente tractoristas”, argumenta.  
Temos unha esaxeración da maquinaria porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social
Este sobredimensionamento do parque de maquinaria é notable en lugares como Galicia, onde a media resultante entre o número de tractores e a SAU é duns 10 cabalos de potencia por hectárea de terra traballada, cando en países como Francia esta cifra sitúase en 3,5 cabalos por hectárea, case tres veces menos que en Galicia.

“Coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar os montes”

En Galicia a superficie de monte arborado ocupa 1,4 millóns de hectáreas, practicamente o 50% da superficie total da comunidade. Nos últimos 20 anos aumentou en 400.000 hectáreas, a mesma superficie arborada total coa que conta o País Vasco en todo o seu territorio. A pesar das diferenzas, Galicia e Euskadi comparten similitudes, como o crecente afastamento dos novos propietarios forestais do medio rural. Aitor Oraindia (Durango, 1976) é enxeñeiro forestal e director técnico da Fundación Basoa (Bosque en euskera), a principal organización de selvicultores do País Vasco. Creada hai 20 anos, é o resultado da unión das tres asociacións de propietarios forestais de Áraba, Guipúscoa e Biscaia.
Euskadi conta con 400.000 hectáreas arboradas, menos dun terzo das que ten Galicia
Entre as 3 suman máis de 3.500 socios e unha das súas preocupacións é a desconexión social das novas xeracións co monte e a súa función produtiva. “A idea era ir á sociedade para falarlles dos beneficios da xestión dos montes porque había un público urbano que non era propietario do monte que mesmo vía mal a xestión forestal. En Euskadi hai movementos que pretenden que só haxa bosques non xestionados”, explica Aitor, que recentemente estivo en Galicia para participar nunhas xornadas sobre valorización de frondosas autóctonas. – Cales son as principais actividades da Fundación Basoa? – Temos dúas funcións claras: unha é a divulgación e concienciación social, na que falamos á sociedade dos bosques e as súas funcións, así como da propia xestión forestal. Traballamos tamén cos que van ser xestores, propietarios forestais fundamentalmente, para explicarlles como mellorar a súa xestión e como introducir técnicas innovadoras de xestión, e o mesmo tratamos de inculcar nas escolas de FP que temos no País Vasco no ámbito forestal, para que despois eses propietarios forestais poidan dispoñer de técnicos ou persoal forestal cualificado e formado que lles poidan dar servizos nesas novas técnicas ou usos do monte.
En Euskadi hai movementos que pretenden que só haxa bosques non xestionados
Pero despois tamén temos unha parte de proxectos, sobre todo proxectos de innovación, nos que exploramos outras formas de traballar o monte ou outros usos que se poden dar ao bosque para poder saírnos da sota, cabalo e rei da xestión forestal que se realiza hoxe en día. – Cal é o perfil de propietario forestal que tedes en Euskadi? – Sobre todo persoas maiores de máis de 60 ou 65 anos que en moitas ocasións ou pertencen aínda ao mundo rural ou descenden del. Cada vez abunda máis este segundo grupo, é dicir, xente que xa está a vivir en contornas urbanas e traballan na industria ou no sector servizos pero arrastran esa herdanza rural. E ese contacto hai que recalcalo, porque aínda que eles non teñan idea de xestión forestal, si que manteñen aínda ese agarimo ao herdado e ás propiedades familiares. Pero cada vez hai máis descoñecemento, ata o punto de non saber nin sequera o que se ten. Hai xente que herdou terreos dun caserío que pertenceu ao avó pero que non saben nin onde están nin que facer con eles ou que usos se lles poden dar. Está a ocorrer cada vez máis iso. – Existe minifundio como en Galicia? – Si, pero hai como dous grupos: o 50% da propiedade forestal son pequenos donos nos que a propiedade habitual oscila entre 2 e 5 hectáreas; pero logo está o outro 50%, que son propietarios máis grandes de entre 20 e 30 hectáreas. No País Vasco un propietario grande, que pode ter por exemplo 65 hectáreas, significa que ten unha chea de anacos diferentes de entre 2 e 5 hectáreas; é difícil ver pezas grandes, aínda que pode chegar a haber algunha. – E en canto á propiedade, é maioritariamente privada ou existen figuras de xestión conxunta? – Hai unha gran diferenza entre a vertente cantábrica, onde o monte é máis privado individual, e a zona de Áraba, onde se mantiveron bastante máis os concellos e as xuntas administrativas que xestionan todos os montes, aínda que na parte cantábrica tamén hai algúns municipios que teñen montes públicos e mesmo algunhas confrarías, aínda que non moitas, que son entidades comunais similares ás comunidades de montes veciñais galegas. No País Vasco ata o momento eramos poucos propietarios e mal avidos, aínda que había una certa unión para facer pistas para poder sacar a madeira, xa que temos unha orografía complicada, porque aínda que non hai montañas moi altas si que temos unha chea de montañas pequenas. Esas unións para facer as pistas foron o xerme para despois poder facer outras cousas e mesmo chegar a unha xestión conxunta. Pero nos últimos anos, coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar as propiedades e ceder a súa xestión a un órgano único, o que permite tomar decisións non parcela a parcela senón en conxunto. E ese tipo de cooperativas ou agrupacións si que se están dando. – Que superficie forestal tedes? – Un total de 400.000 hectáreas de superficie forestal arborada. Delas, nestes momentos unhas 100.000 serían de piñeiro radiata. Estes últimos anos tivemos grandes problemas sanitarios co piñeiro radiata e iso fixo descender moito a superficie de piñeiro radiata porque se cortou moito, primeiro pola enfermidade, pero despois tamén porque o mercado estivo tirando moito, pero estas superficies cortadas non se substituíron por plantacións novas de piñeiro radiata. Por tanto, quita e non pon, acábase o montón. Foron crecendo outro tipo de plantacións, como o eucalipto, pero nestes momentos en todo Euskadi hai unhas 20.000 hectáreas de eucalipto, non máis. Deuse unha guerra tremenda con iso, pero realmente o incremento non foi tan grande.
Nestes momentos en todo Euskadi hai unhas 20.000 hectáreas de eucalipto, non máis
A nosa superficie forestal é moi pequena comparada con Galicia. A industria está a impulsar a especialización en piñeiro radiata, pero se nos concentramos niso practicamente non hai sitio para outras producións. O noso prototipo é o bosque mixto atlántico, plantacións de piñeiro radiata con carballo, castiñeiro ou amieiros, porque o piñeiro nas súas etapas iniciais deixa pasar moita luz e moita auga e permite que aparezan outras especies.
Nas últimas décadas aumentou moito un tipo de bosque que procede do abandono
O que aumentou moito tamén nas últimas décadas, nos últimos 50 anos, foi un tipo de bosque que procede do abandono, ou ben do abandono rural, leiras agrícolas que se deixan de arar ou campas que se deixan de pastar e transfórmanse en bosques porque van nacendo distintos tipos de árbores; ou ben do abandono forestal, de antigas plantacións de coníferas que se cortaron e non se volveron a plantar. Todo iso o que che dá é un popurrí dunha mestura de especies que é ao que chamamos bosque mixto atlántico e que aumentou moito. Agora mesmo temos un pouco máis de 40.000 hectáreas deste tipo de bosque. – Como se xestiona ese tipo de monte mixto con varias especies? – A xestión deste bosque é complicada, porque non coinciden as quendas de curta, pero eu quero recalcar que é complicada pero non imposible. Estamos a tentar desde a Fundación Basoa dar por unha banda un abanico de diferentes tipos de xestión a poder realizar e por outro un abanico de distintos usos que poder dar, para poder ter diferentes saídas.
No bosque mixto hai especies que crecen máis lento que outras e iso dificulta tanto a xestión forestal como a comercialización da madeira
Pero iso ten unha gran dificultade, porque hai especies que crecen máis lento que outras e iso dificulta tanto a xestión forestal como a comercialización posterior da madeira obtida, xa que son aínda masas novas e nas intervencións necesarias a realizar neses montes obtés un tipo de madeira en canto a tamaños que a día de hoxe ten pouca saída, pero poderíase mellorar ese aspecto. As densidades de masas de frondosas que veñen do abandono de parcelas agrarias ou forestais están arredor dos 400 pés por hectárea, cando nas plantacións de Centroeuropa parten de 2.000 pés por hectárea para ir reducindo a base de podas e clareos.
A día de hoxe os servizos ecosistémicos non están a ser compensados; que houbese outros ingresos máis aló da venda de madeira axudaría
Unha cousa importante é que a día de hoxe os servizos ecosistémicos non están a ser compensados. É outro factor para ter en conta, porque se non só é a madeira a que xera os ímputs no monte e o propietario empeza a ver que hai outros ingresos, iso axudaría. Por exemplo a fixación de carbono ou da auga. Un aspecto que hai que ter en consideración é que neste tipo de bosque aínda que a densidade de árbores non é moi grande, a presenza de plantas si, polo que só pola evaporación e a traspiración está a perderse moita auga, porque hai competencia por esa auga que está no chan. Se ese bosque estivese xestionado con rozas e claras, a cantidade de auga que chegaría aos ríos sería maior, pero iso non se paga.

“A causa das enfermidades, nestes momentos o piñeiro radiata está sendo substituído por outras especies, como a cryptomeria e a secuoia”

Piñeiral afectado por banda marrón no País Vasco A chamadas banda vermella (causada polo fungo Dothistroma pini) e banda marrón (Lecanosticta acicola) son dúas enfermidades que nos últimos anos se estenderon por toda a cornixa cantábrica ata chegar a Galicia. Euskadi, onde o piñeiro insigne era a especie predominante, é unha das zonas máis afectadas de toda a península e a alta incidencia provocou cambios no manexo do monte e as repoboacións. Pero ademais dun shock a nivel produtivo, a afectación dos montes tamén demostrou a desconexión da sociedade co mundo forestal. “Coa enfermidade do piñeiro o que ocorreu é que á sociedade deulle igual”, asegura Aitor. – Como está a situación a día de hoxe das enfermidades fúnxicas do piñeiro: a banda vermella e a banda marrón? Están máis controladas? – Si, pero aínda están moi presentes. A enfermidade estendeuse moito porque hai varios factores que lle afectan, pero un deles é que as primaveras se alonguen e sexan húmidas e a medida que esas circunstancias se dean haberá ese problema, porque estás a manter unhas condicións óptimas para que eses fungos se desenvolvan. E ese tipo de primaveras estamos a telas. O cambio climático no País Vasco non está afectanto tanto á choiva como á humidade relativa, que é máis do 80% ata finais de agosto durante practicamente todos os días. Pero xusto este ano foi moi seco e iso notouse.
O cambio climático está a deixarnos condicións óptimas para que os fungos se desenvolvan, con primaveras que se alongan e humidade relativa superior ao 80% ata finais de agosto
Tamén se están facendo algúns tratamentos e estase vendo que ese pode ser outro factor para que a afectación minguase un pouco. As esporas dos fungos Lecanosticta acicola (banda marrón) e Dothistroma pini (banda vermella) forman carpóforos que se aprecian a simple vista. A choiva e a humidade rompen estes depósitos de esporas, e o vento trasládaas a outros piñeiros. Esas esporas póusanse sobre as follas e polos estomas penetran cara ao interior, onde se produce a xerminación, que dura varios meses (2-3 na primavera e 5-6 no outono).
As esporas do fungo viaxan polo aire ata as acículas da árbore; cos tratamentos reduciuse o contaxio
As podas e entresacas, que incrementan a distancia entre as árbores, dificultan a transmisión entre exemplares e, ao aumentar a circulación de aire e provocar un descenso da humidade, tamén axudan a evitar que o fungo se estenda tan facilmente. – Comentábasnos que o piñeiro radiata era tradicionalmente a principal especie forestal no País Vasco. Cal foi a resposta do propietario forestal ante a enfermidade, séguese plantando radiata ou introducíronse novas especies? – A primeira resposta fronte á enfermidade das bandas foi cortar. Non necesariamente é unha enfermidade que mata; é un pouco como un catarro. A folla colle un fungo e non fai a fotosíntesis ben pero esa árbore pode ter reservas e seguir vivindo. Pero se se mantén no tempo pode chegar a morrer, que é o que pasou nalgúns sitios. E entre as cortas neses lugares e o medo noutros, moitos propietarios decidiron tamén cortar. Entre o 2018 e o 2019 cortáronse moitas árbores e iso fixo baixar os prezos no mercado. Pero xusto veu unha forte demanda de madeira de conífera por parte de China e EEUU que fixo subir os prezos, o que fixo que se seguise cortando.
Hai un gran impulso por parte da industria para que se plante con piñeiro marítimo
Pero esas superficies non se volveron a plantar con piñeiro radiata. A industria segue tirando polo piñeiro, e se non é radiata por culpa da enfermidade, pois marítimo, e hai propietarios que o fixeron así. Pero outros propietarios seleccionaron outras especies que de seguro que non se verán afectadas pola enfermidade pero que se adaptan ben ás condicións do País Vasco. E aí a Cryptomeria japónica e a Secuoya sempervirens viuse que medran ben e estanse plantando moito. En Guipúscoa, por exemplo, a criptomeria e a secuoya gañaron 825 hectáreas no último ano e consolídanse como as principais especies da repoboación forestal na actualidade, con 3.100 hectáreas plantadas sobre todo nos últimos 3 anos, nos que non se plantou nada de radiata. Así, o piñeiro insigne ocupa actualmente o 22% da masa arborada de Guipúscoa, cando fai tres anos era o 35%.
O piñeiro insigne ocupa actualmente o 22% da masa arborada de Guipúscoa, cando fai tres anos era o 35%
A incerteza con estas novas especies vén en canto ao uso da madeira. Noutros sitios si que se está utilizando, porque se imos a Xapón veremos que a cryptomeria é moi utilizada. Por exemplo, o estadio olímpico dos últimos Xogos estaba construído nun 60% de Cryptomeria japónica, porque aínda que non se utilice en elementos estruturais de suxeición do edificio, si que se utiliza moito noutros usos. E coa secuoya en California pasa o mesmo. Pero outra cousa é o axuste que estas novas especies poidan ter coa industria actual do País Vasco, aínda que a nosa forma de velo é que ata a corta desas plantacións recentemente realizadas e as que poidan vir no futuro, temos aí unha marxe de 30 ou 40 anos para actualizar esa industria e desenvolver e xerar unha nova. Pero unha cousa é compra e transformación e outra o uso, a saída que poida ter despois. – En Euskadi consómese madeira local km0? – A sociedade vasca demanda bosques autóctonos e de frondosas pero despois non fai uso desa madeira local. Temos unha empresa no País Vasco, Grupo Gamiz, que está en Áraba e dedícase a facer laminados con frondosas. Traballan con madeira de frondosas autóctonas, pero o seu mercado está fóra. O 95% do que producen expórtano a outros países europeos.
A gran contradición da sociedade vasca é o que demanda e o que consome
Hai unha gran presión social que non che permite intervir nesas masas. Hai dificultades para facer pistas, por exemplo. A protección do alimoche, unha especie de paxaro, prohibe facer ruído no monte na primavera e verán, que é a época na que se deberían facer determinados traballos forestais, porque non é o mesmo facer podas de formación no verán ou en outubro. Para ben ser deberíanse facer entre xuño e xullo. Hai aspectos sociais que hai que ter en conta e tamén determinadas regulacións. Na reserva da Biosfera de Urdaibai, por exemplo, non se permite vender a madeira de frondosas, aínda que si usala para consumo propio, para quentarse na casa, por exemplo. – Cal é o nivel de sensibilización social no País Vasco en relación ao valor do monte? – No País Vasco non temos unha Facultade de Forestais. A formación universitaria está ligada á bioloxía, polo que cando se fala desde o ámbito científico e investigador do monte sempre se fai desde o ámbito da bioloxía da conservación, que é necesaria, pero non desde o ámbito da produción de madeira e a xestión forestal.
No País Vasco temos unha Facultade de Bioloxía coa especialidade de Ecoloxía Forestal, pero non unha Facultade de Enxeñería Forestal
Coa enfermidade do piñeiro o que ocorreu é que á sociedade deulle igual. A sociedade non estaba preocupada por que os piñeiros estaban enfermando e morrendo. A xente non pensaba vou quedar sen o material para construír ou para facer o valo, ou sen unha zona de monte na que pasear, dáballe igual. A súa preocupación era se ese vermello era feo ou bonito e se era o momento de optar por non facer ningún tipo de xestión forestal. Esa era a discusión, pero en ningún momento a problemática do abastecemento, porque en xeral as necesidades da sociedade vasca están nutridas con materiais non renovables. En Euskadi séguese usando moito formigón, moito aceiro e moito plástico, e cando é madeira, dá igual se vén de fóra ou non. – Pois sorprende que digas iso, a pesar de que tedes unha importante conciencia do propio. – Dámoslle moita importancia á txapela e ao pastel vasco, pero a ese outro aspecto non. En xeral ao vasco dálle igual se é madeira ou non, se esa madeira é local ou non e se é de especies autóctonas ou non. De feito, se é dunha especie autóctona, que é máis cara porque tarda máis en desenvolverse ou porque necesita máis xestión, o vasco, salvo excepcións e polo xeral, o primeiro que fai é descartar esa madeira por ser demasiado cara, porque o primeiro que inflúe na decisión de compra é o prezo.

Xornadas ‘Son de Monte’ este xoves e venres en Celanova

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, coa colaboración doutros cinco GDR e entidades locais organiza a quinta edición de ‘Son de Monte’ co obxectivo de poñer en valor os nosos montes e dar a coñecer diferentes tipos de xestión, cerrando así a primeira etapa dun proxecto de cooperación. Cómpre ter en conta que é unha actividade gratuíta na que pode participar toda a veciñanza; terá lugar os vindeiros 13 e 14 deste mes no Salón de Arcos de Celanova. A súa asistencia require de inscrición a través desta páxina. Esta edición arranca o xoves 13 de outubro, ás 10:00 horas. Ao longo da mañá presentaranse as guías e vídeos do proxecto ‘Son de Monte’ e o avogado Nemesio Barxa falará sobre o dereito dos montes comunais en man común. Despois do xantar realizarase unha visita a unha parcela de bidueiro e explotación de vacas limiás en extensivo situada en Penamá (Allariz). Ao día seguinte, falarase durante a mañá de ‘Inspiración Leader dende o monte ourensán” e Jesús de La Fuente, enxeñeiro de montes doutorado pola Universidade Politécnica de Madrid, ofrecerá unha conferencia que leva por título ‘Un monte galego diferente é posible. Posta en valor das súas fortalezas’. Ás 13:00 horas terá lugar o peche das xornadas nun acto ao que asistirán a directora xeral de Desenvolvemento Rural Inés Santé; o alcalde de Celanova Antonio Puga; e o presidente do GDR Limia-Arnoia Gumersindo Lamas. Xa pola tarde, os participantes realizarán unha visita ao Couto Mixto. Cartel de presentación da xornada. Fonte: GDR Limia-Arnoia
Que é ‘Son de Monte’? Tratase dun proxecto de cooperación posto en marcha no 2021 coordinado polo GDR Limia-Arnoia e no que participan a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, a Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, o GDR Condado Paradanta e Seitura 22 xunto con outras entidades locais como o Concello de Tomiño, o Concello de As Neves, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a Asociación Galega de Tracción Animal. Dende o GDR Limia - Arnoia, o grupo encargado de coordinar este proxecto de cooperación, estase a traballar na posta en valor dunha masa de bidueiros situada no monte comunal de Penamá (Allariz) a través dunha guía que persegue buscar o maior aproveitamento da madeira retirada nos traballos silvícolas, deseñar os plans de seguimento e actuación na masa no deseño da multifuncionalidade da parcela do bidueiro, no refuxio das vacas limiás, da fauna salvaxe, e no aniñado de paxaros.

Xornadas formativas en Ourense sobre os aspectos prácticos da normativa forestal

Para este ano 2022 o Servizo de Montes de Ourense da Consellería do Medio Rural ten previsto desenvolver por distintas localidades da provincia 15 charlas informativas sobre os aspectos prácticos da normativa forestal e a súa aplicación por parte dos propietarios dos montes. O obxectivo destas actividades é achegar á poboación do medio rural como lle afecta a normativa vixente en materia de montes e prevención de incendios forestais, centrándose nos procedementos máis habituais que a maioría dos habitantes de aldeas e pobos van a necesitar nalgún momento. Así, no programa inclúense, entre outros, os seguintes temas: - obrigas de xestión da biomasa para prevención de incendios - usos do lume e permisos de queima - actividades en terreos queimados - repoboacións forestais - aproveitamentos de madeira - cambios de actividade As tres primeiras charlas terán lugar durante este mes de xuño en Ourense, O Barco de Valdeorras e O Bolo:
  • OURENSE: Mércores, 22 de xuño, de 16:30 a 20:30 h, no Salón de Actos do Centro ISSGA (Rúa Villaamil y Castro, s/n)
  • O BARCO DE VALDEORRAS: Martes, 28 de xuño, de 16:30 a 20:30 h, na Casa grande de Viloira (Praza Ramón Otero Pedrayo, 11)
  • O BOLO: Mércores, 29 de xuño, de 16:30 a 20:30 h, na Biblioteca Municipal-Planta Baixa do Centro de Saúde (Rúa O Serro, s/n)
As persoas interesadas poden preinscribirse no seguinte enlace e para máis información pode chamarse ao número de teléfono 988386706. Estas accións están aprobadas dentro do plan de formación continua de AGACAL e organizadas polo Servizo provincial de Montes de Ourense en colaboración cos distritos forestais da provincia.

As asociacións forestais da costa norte da Coruña abordan vías para mellorar a xestión do monte

Na liña da reunión mantida a pasada semana por asociacións de propietarios forestais (Promas) da Mariña lucense, Narón acolleu un encontro de Promas e colectivos forestais da costa norte coruñesa. O obxectivo do encontro era abordar vías para mellorar a xestión do monte. Para este ano, espéranse apoios da Xunta á xestión conxunta do monte, o que representa unha oportunidade para os colectivos de propietarios forestais.

Os principais desafíos que sinalan as Promas da costa norte coruñesa céntranse en cuestións como a mellora de infraestruturas (cargadoiros, vías de saca) ou a introdución dunha maior óptica ambiental no monte (respeto ás distancias de plantación, aumento da plantación de frondosas caducifolias ou o bo remate das operacións de corta), que son aspectos nos que xa están a traballar algunhas das asociacións.

Os colectivos advirten ademais da necesidade de que as Administracións resolvan, pola súa parte, dificultades que se atopan con frecuencia os propietarios cando tratan de mellorar a xestión conxunta do monte, como os erros e problemas no Catastro, os desacertos na catalogación de solos dos planeamentos urbanísticos ou certas normativas municipais, que parten con esixencias pouco prácticas.

A costa norte coruñesa é unha zona que constitúe o núcleo da produción do eucalipto en Galicia, pois entre os distritos forestais de Ferrol – Ortegal e Bergantiños – Mariñas coruñesas, producen un terzo de todo o eucalipto que se corta anualmente en Galicia. Malia a alta actividade forestal, algunhas das asociacións apuntan as dificultades de consolidar o relevo xeneracional no monte.

Para lograr ese relevo xeneracional, as Promas márcanse o obxectivo de lograr melloras e servizos que contribúan a facilitarlle ós propietarios a xestión do monte.

A reunión celebrada onte en Narón serviu tamén para presentar ante as Promas o Informe Forestal do eucalipto en Galicia e na Cornisa Cantábrica, elaborado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose). Este informe, xa presentado días atrás na Mariña, trata de desmontar os mitos ligados ó cultivo do eucalipto.

Datos de cortas na costa norte da Coruña

O Distrito de Ferrol – Ortegal acadou no 2021 unhas cortas de máis de 957.000 metros cúbicos de eucalipto, en tanto Bergantiños – Mariñas coruñesas sumou máis de 888.000 metros cúbicos. Estas cortas supuxeron uns ingresos totais de máis de 55 millóns de euros para os propietarios forestais de ambos Distritos (28,75 millóns de euros no caso de Ferrol – Ortegal e 26,65 no caso de Bergantiños – Mariñas coruñesas), segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, que coorganizou, conxuntamente coa Proma de Cedeira, o encontro de onte en Narón coas Promas de ambos distritos.

O aproveitamento do piñeiro é tamén reseñable na zona norte da Coruña, pois suma unhas cortas de máis de 400.000 metros cúbicos, cuns ingresos estimados para os propietarios forestais de 12,6 millóns de euros (3,8 en Ferrol – Ortegal e 8,85 en Bergantiños – Mariñas coruñesas). As frondosas, entre tanto, teñen un aproveitamento forestal residual, cuns 36.000 metros cúbicos talados entre ambos Distritos forestais, o que representou para os propietarios uns ingresos duns 785.000 euros no 2021.

Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova orde pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A orde publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Así, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultor activo persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal. Deberán contar cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e dispoñer dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas á ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal. Tamén permitirá o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Por outro lado, poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), así como as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos.

Tamén poderán ter esta denominación as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos:

-A mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable.

-A recuperación de terreos forestais e impedir o seu abandono.

-Favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta.

-Servir como instrumento para a conservación do ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.

-A prevención e defensa contra os incendios forestais.

-A protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático.

-A creación de emprego endóxeno.

Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, e a agrupación terá a posibilidade de acceder a arrendar ese terreo.

Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupacións de xestión conxunta.

Xestión do monte, fronte ó abandono

A posta en marcha de ambos rexistros estaba xa recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e buscan atallar o abandono e infrautilización dos montes galegos. A previsión manexada por Medio Rural é acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.

Agardan que as iniciativas de xestión conxunta promovan a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. En canto á figura do silvicultor activo tamén esperan que contribúa a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

Como o inventario forestal continuo de Galicia está a analizar os recursos do monte

O inventario forestal continuo de Galicia está xa a obter os seus primeiros resultados, con datos publicados sobre catro concellos, un por provincia: Alfoz (Lugo), Oia (Pontevedra), Laza (Ourense) e Abegondo (A Coruña). Coñecemos máis sobre o proxecto do inventario forestal continuo da man de Juan Picos e de Julia Armesto, ambos da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), que participaron recentemente nunhas videoxornadas forestais para presentar os primeiros resultados da iniciativa. Orixe A pesar da existencia dun inventario nacional que se realiza cada 10 anos, “a propia natureza do medio, un entorno forestal activo como o galego, ou as propias dinámicas rurais facían necesario reducir ese intervalo”, explica Juan Picos. Deste xeito, ábrese no 2020 un convenio entre a Consellería de Medio Rural, a Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo para poñer en marcha o inventario forestal continuo de Galicia. A idea é “non só reducir ese intervalo de 10 anos entre inventarios, senón asumir un traballo continuo de seguemento dos recursos forestais en Galicia, podendo actualizarse o máis en tempo real posible”. Obxectivos Pero,en que consiste o inventario? O que busca é “caracterizar os recursos forestais tanto en superficie como noutras variables, como existencia de madeira”, define Juan Picos. Para definir os parámetros a estudar, procedeuse a “unha consulta a entidades do Consello Forestal de Galicia para coñecer as variables que podían ser de interese para elas”, explica. A partir das súas respostas, “optouse por proceder a un inventario forestal aumentado, incluíndo as variables dos recursos forestais, e cuantificar outras, como o seu aproveitamento desde o punto de vista económico, tecnolóxico ou legal; isto é, nunha masa determinada, ademais de saber a especie e a cantidade, amosar posibles restricións en torno a patrimonio ou rede natura, por exemplo, ou mesmo atribuír a propiedade do monte, etc.”, detalla o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos. Sistema Para conseguir isto, o proxecto parte do uso de imaxes satélite “que non só procuran facer un rexistro do mapa de vexetación, senón tamén aplicar unha serie de variables á superficie de control”. Este proxecto “vai ir gañando eficiencia co paso da constancia, posto que é esta última a que nos vai dar unha inercia na medición, e precisión”, amplía o enxeñeiro. A evolución máis próxima xira en torno á integración de novas variables, como “capturas con tecnoloxía Lidar, o que nos permite ir introducindo melloras e afinando o sistema”, detalla. Entre as vantaxes que aporta o Inventario está “o acceso a unha información actualizada dos recursos, o cambio de percepcións sobre o territorio por datos precisos, e en definitiva, ter unha información precisa que permita tomar medidas obxetivadas”, aporta Picos. O traballo polo desenvolvemento deste inventario forestal continuo “é unha carreira de fondo”, remata. En canto ás perspectivas de futuro, Juan Picos afirma que “para Galicia non hai opción de que non teña un proxecto continuo de medición e estimación transparente, tanto para políticas, como para axentes privados do mercado ou para os propios consumidores de madeira do territorio, xa que permite observar que os recursos proveñen dunha superficie totalmente controlada”, defende.

Resultados

Na súa intervención nas xornadas, a doutora en enxeñería de montes Julia Armesto aludiu a dúas liñas de resultados: a detección de cambios en masas forestais mediante cartografía de media resolución, e un mapa de usos xerais en alta resolución. As imaxes da teledetección proveñen de dous satélites, o Sentinel2, de Copernicus, e o Worldview 3, diferenciados, entre outras cuestións, pola súa resolución. As imaxes obtidas intégranse con algoritmos para ver cambios na evolución de masas forestais, e compróbanse con traballos de campo da empresa Seaga, para “ir adestrando o algoritmo para o territorio galego, e así clasificar eficazmente os recursos”, destaca Juan Picos. Imaxes de media resolución: cambios no monte Nun primeiro momento, os resultados da detección de cambios con Sentinel2 tiveron que pasar por un filtrado e eliminación de ruído, e pola localización de falsos positivos. Unha vez corrixidos estes erros, lograron o “obxectivo primixenio de identificación de cortas ano a ano”, explica Armesto. Gráfico que amosa resultados cartográficos do satélite Sentinel2 Imaxes de alta resolución: mapa de usos En canto á cartografía de alta resolución, con imaxes dos satélite Worldview 3, cómpre partir da consideración de que “a fiestra temporal de adquisición é moi ampla, polo que as imaxes vense afectadas pola perda de folla dalgunhas especies, e polo cambio de incidencia solar, o que da lugar a sombras, e con elas, dificultades de identificación de información”, matiza Armesto. Ao igual que no caso de Sentinel2, ás imaxes de alta resolución do Worldview 3 aplícaselles un algoritmo de clasificación, afinado e adestrado cos traballos de campo de Seaga. Ademais, a estas imaxes tamén se lles aplican correccións doutras fontes de medición, como os resultados das análises multitemporais de Sentinel2, ou a aplicación de Lidar para controlar o arborado de rexeneración. Desta maneira, precísanse os usos do monte e as especies que o integran. Imaxes comparativas da integración de correccións a partir doutras tecnoloxías A pesar de que, polo de agora, na detección de novas plantacións ningunha das metodoloxías é plenamente efectiva, no resultado final do Worldview 3 obsérvase unha maior precisión. Non obstante, desde o grupo de investigación, están traballando en métodos complementarios para tentar estimar estas superficies. Imaxe cartográfica sobre a diferenciación de variedades de conífera en Laza Definir a viabilidade de aproveitamentos Unha vez chegada á obtención das clasificacións dos terreos nos mapas de usos, o proxecto procedeu a “unha caracterización da viabilidade de aproveitamento”, explica Juan Picos. A metodoloxía seguida para este caso parte da aplicación dunha serie de indicadores por píxel ás cartografías de Sentinel2, como poden ser “a forma da parcela, a superficie, a pendente, a distancia á vía de saca máis próxima, ou a fragmentación do entorno da parcela; entendendo que estes factores son os que poden condicionar o aproveitamento”. Nesta caracterización, tamén se inclúen as seis restricións legais máis importantes sobre o aproveitamento, é dicir, “aquelas vinculadas a infraestruturas, patrimonio cultural, augas, espazos naturais, costas e estradas”, detalla Picos. Coa agregación de todos estes indicadores e variables xerouse “un modelo de dispoñibilidade de aproveitamento técnico, e de dispoñibilidade legal de aproveitamento que, combinados, esperamos que poidan caracterizar a posibilidade de aproveitamento en cada unha das áreas que se estuden”, avanza. Imaxe sobre a definición do inventario forestal aumentado Adicionalmente á cartografía forestal, “o Inventario Forestal Continuo de Galicia inclúe o levantamento de parcelas en campo, de xeito complementario, baixo o deseño dos investigadores da USC liderados por César Pérez Cruzado”, engade Juan Picos. Nestes traballos medíronse preto de 400 parcelas nunha rede piloto e estanse comezar os traballos da rede definitiva na que se agarda chegar a unas 4000 parcelas. “Nelas adquírense datos sobre as especies, tamaño das árbores e numerosos parámetros que facilitarán a extensión da información da mostra ao conxunto do monte galego” -especifica Picos-. Este proceso está coordinado coa rede de danos dos bosques e inclúe a toma de datos sobre o mato “para desenvolver un mapa de combustibles que axude á prevención e á loita contra os incendios forestais, cuestión no que están a traballar o Centro de Investigacións de Lourizán e a Universidade de Vigo”, detalla.

Cubicar madeira a vista de paxaro

A empresa galega de servizos forestais Asefor ten unha liña de traballo en torno ás posibilidades da tecnoloxía Lidar, conectada a un dron. O obxectivo deste proxecto é mellorar a eficiencia da xestión forestal, á vez que se optimiza o emprego do Lidar en monte. A motivación de levar a cabo esta iniciativa, xurdida no 2018, é “darlle resposta a unhas necesidades de servizos que consideramos que tiña o sector”, explica Alberto López Amoedo, enxeñeiro forestal de Asefor.

Dron equipado con Lidar: que é, como funciona e usos

Lidar é o acrónimo de ‘Light detection and ranging”, un dispositivo que, a partir da emisión de un conxunto de raios láser cara unha superficie, crea unha nube de puntos. “Pode utilizarse con calquera soporte fixo, coma un trípode, aínda que nós seleccionamos un dron porque nos resultaba máis axeitado obter unha vista cenital das masas forestais”, detalla Alberto López.

“No ámbito forestal, esta nube de puntos representa unha masa de vexetación ou unha árbore en concreto, por exemplo”, explica o enxeñeiro forestal. “Esta información permite, mediante unha serie de algoritmos, sacar os modelos dixitais do terreo, isto é, sacar o terreo debaixo desa masa por un lado, e sacar a superficie da masa forestal por outro, co cal, obtemos a altura da vexetación”, concreta.

“Unha vez obtida a nube de puntos que representa a figura en tres dimensións da masa forestal, extraemos métricas matemáticas que se relacionan coas existencias de madeira”, detalla Alberto López. Desta maneira, sobrevoando unha zona concreta á vez que se usa a tecnoloxía Lidar, obtéñense “alturas medias e máximas, a densidade desa masa de vexetación ou mesmo se pode chegar a cortar en medallóns e ver como de espesas son”, amplía o enxeñeiro.

Imaxe na que se amosa un dos resultados gráficos da medición dunha masa polo Lidar.

Esta tecnoloxía é algo no que Asefor leva traballando desde o 2018. “A iniciativa xorde dunhas necesidades que nós vemos que existen no sector, como a realización de cubicacións de madeira áxiles e precisas, e da accesibilidade a unha tecnoloxía (Lidar) que existe, pero que temos que adaptar á complexidade da superficie do noso territorio. É preciso afinar os algoritmos de maneira individualizada en cada parcela que se probe, establecer un modelo de análise continuo vinculado ás medicións reais, e ir corrixindo os aspectos técnicos para obter medicións cada vez máis precisas”, expresa Alberto López.

O uso do Lidar para medicións forestais é un instrumento que se está desenvolvendo, pero a pretensión con esta liña de investigación é “ofrecerlle ós técnicos e empresas que traballen con nós, dunha maneira precisa e fiable, datos das existencias que hai nos montes que xestionan”, afirma López. “Se o algoritmo funciona correctamente, cuestión na que estamos traballando para conseguilo, poderíanse facer medicións precisas en tempo récord, e dar a información sobre a masa forestal en dous días”, comenta.

Igualmente, ademais da medición de existencias e da cubicaxe de madeira, este proxecto permitiría outros usos, como “a detección de camiños antigos, a determinación de límites entre montes, a identificación dalgún tipo de infraestrutura ou mesmo observar a evolución da vexetación de matorral ou o impacto do cambio climático, por exemplo, nun espazo determinado”, especifica Alberto López.

As posibilidades do Lidar semellan amplas. Alberto López explica que “é un instrumento que obrigará a normalizar a información porque vai existir a posibilidade de ter un territorio interrogado, e do que vamos obter todas as respostas ás preguntas que se lle formulen”, expresa o enxeñeiro.

“A tecnoloxía Lidar permite ter un territorio interrogado e obter del todas as respostas ás preguntas que se lle formulen” (Alberto López)

Do mesmo modo que aporta unha diversidade de vantaxes, o traballo co Lidar enfróntase a amplas dificultades, como o tempo meteorolóxico ou a necesidade de localizacións extremadamente precisas. “Son equipos moi caros e ademais, para voar o dron temos que ter unhas características meteorolóxicas óptimas, así como ter unha precisión subcentimétrica das coordenadas nas que se ubica a parcela de medición”, exemplifica o enxeñeiro, á vez que destaca “a necesidade de estar imbuídos co sector forestal para conseguir que estas técnicas teñan o seu efecto na práctica”.

Formación de Fearmaga sobre o potencial dos drons

A Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) organizou recentemente unha xornada formativa baixo o título ‘Innovación no cálculo de masas forestais: uso de drons’. A súa finalidade era a de transmitirlle ás empresas o potencial destes dispositivos como ferramenta para mellorar a xestión forestal e a planificación operativa do sector.

Os 50 participantes asistentes ao curso descubriron as solucións tecnolóxicas existentes na actualidade, os distintos tipos de drons e as súas aplicacións no ámbito forestal. Asímesmo, a través deste curso formativo, déronse a coñecer as características dos seus usos no cálculo de masas forestais, así como a posible integración con tecnoloxía Lidar.