Archives

SAT O Palomar, unha explotación que busca na autosuficiencia a máxima rendibilidade

Odón Castro, xunto ás vacas en produción da gandería en Ronfe (Láncara) Na parroquia de Ronfe, no concello de Láncara, Odón Castro está á fronte da SAT O Palomar, que con 690 cabezas é unha das más grandes da zona, e que destaca pola organización do traballo na granxa e a autosuficiencia nos traballos agrarios das 140 hectáreas que manexan. Os inicios da explotación remóntanse ao ano 1999 cando José Antonio e Berta, os pais de Odón, tomaron a decisión de empezar coa granxa. “O meu avó enfermou e tiña unhas 30 vacas de leite pero as instalacións eran antigas. Foi entón cando se fixo aquí unha primeira nave para 42 vacas”, conta Odón, que se incorporou á SAT familiar no ano 2004 despois de marchar estudar capataz agrícola.
SAT O Palomar moxe unhas 320 vacas tres veces ao día
Na SAT están hoxe Odón, a súa nai e a súa muller, Kiara, que se encarga das labores administrativas. Contan na actualidade con 8 empregados e con 2 técnicos externos con formación veterinaria, que se reparten a nutrición e a reprodución da explotación. A intención de SAT O Palomar é seguir medrando tanto en número de vacas en produción como en base territorial, pero debido á alza actual dos custos de produción ese proxecto de ampliación está de momento parado. Xestión do persoal Co volume que xa ten hoxe a explotación, a organización do traballo e a xestión da man de obra é un dos aspectos fundamentais para un bo funcionamento, recoñece Odón. “A clave está en protocolizar os traballos porque senón non se fan. Aquí somos moi meticulosos á hora de facer as cousas e por iso procuramos que os traballadores se centren en tarefas concretas e que a poder ser realicen esas mesmas labores os 365 días do ano”, di. Un dos traballadores da explotación está integramente dedicado á maquinaria, dado que SAT O Palomar fai por si mesmo todos os traballos agrarios, e outro é o que se encarga de facer os carros unifeed para a alimentación do gando.
Procuramos que os traballadores se centren en tarefas concretas; aquí a xente realiza as mesmas labores os 365 días do ano
Outras tres persoas están adicadas a muxir, en cada un dos tres turnos diarios, cun empregado a maiores que fai de correturnos para as libranzas, cubrir baixas, etc. Por último, hai un empregado que leva 12 anos na explotación que exerce de comodín e que se encarga da alimentación dos becerros e a fabricación do penso, máis axuda ao resto de empregados en momentos puntuais. O protocolo de postparto inclúe a medición diaria de temperatura durante os primeiros 10 días Aínda que neste momento a estabilidade laboral e a organización do traballo é unha das claves na xestión da granxa, Odón recoñece ter pasado momentos de dificultades. “Pasei unha época moi complicada cando pasamos a tres muxiduras por falta de coñecemento e de experiencia. Ata entón tiñamos estabilizada a man de obra da explotación, pero de repente a granxa tivo un crecemento moi grande e tivemos que contratar a tres persoas de golpe. Nese momento había un problema de man de obra, porque non atopabas xente profesional, e tivemos que cambiar por completo o sistema de xestión do persoal que levabamos”, admite.  
Neste momento temos estabilidade. A última persoa que entrou na granxa foi hai dous anos e medio. Pero para iso hai que ofrecer condicións de traballo nas que os empregados estean cómodos
Para que atopar persoal para traballar no sector sexa máis doado é necesario facer investimentos en infraestruturas destinadas a vivenda dos empregados, considera Odón. Outro dos hándicaps é o idioma, dado que a maior parte da man de obra dispoñible é de orixe inmigrante. Neste caso, en SAT O Palomar optaron por “especializarse nunha procedencia concreta, de maneira que os que levan máis tempo son os que se encargan de explicar os traballos aos que acaban de chegar e o choque cultural é menor”, asegura. Sucesivas ampliacións SAT O Palomar non deixou de medrar nos últimos anos e moxe hoxe unhas 320 vacas, polo que estes 23 anos foron un proceso de crecemento constante e de sucesivas obras de ampliación para acoller os animais sen perder eficiencia no traballo e benestar no gando. A primeira ampliación das instalacións foi no 2006, para construír unha nave de recría que máis adiante se adaptou para vacas en produción. No ano 2011 fixeron outro investimento importante nunha nova ampliación para vacas en produción e a construción de silos na zona onde teñen a fábrica de penso coa que elaboran as súas propias mesturas e concentrados.
Estes 20 anos foron un proceso constante de construción e de ampliación
A última das ampliacións das instalacións tivo lugar no ano 2016, con 80 cubículos máis para vacas en produción e a construción dun edificio para a leitería e para a instalación dunha nova sala de muxido. Neste momento as instalacións están “sobrecargadas” cun 15% máis de gando, pero o proxecto que tiñan para seguir ampliando está de momento parado debido á actual situación de alza nos custos de produción e nos materiais. As marxes pola venda do leite “son mínimas neste momento”, asegura Odón, que estima o custo de produción actual entre os 39 e os 40 céntimos por litro. Ao encarecemento das materias primas hai que sumar a alza de combustibles e fertilizantes sufrida este ano. “Para a campaña do millo deste ano merquei o abono a 725€ a tonelada, cando o ano pasado o mesmo produto veu a 245€ e o gasóleo mercámolo a 1,03€ o litro, cando na anterior campaña estaba a 0,68”, exemplifica. Cambio de palla por area nos cubículos Á hora de facer as naves, non son necesarios “luxos”, considera Odón, pero si unha serie de cuestións esenciais para a comodidade e o benestar do gando. “Os aspectos fundamentales que deben ter unhas boas instalacións son camas dimensionadas e en bo estado e unha anchura de pasillos que facilite unha boa xestión do gando, con iso é suficiente”, defende.
Cando dependes de man de obra contratada, a area é máis segura e sinxela de manexar por parte dos empregados
Nos cubículos empregan desde hai 5 anos area. Antes usaban palla e carbonato. O cambio debeuse a que co aumento da dimensión da granxa os custos do material de recheo tamén se disparaban, e a que ao depender de man de obra, o mantemento dun material inerte como é a area é máis doado e seguro. Para evitar os problemas agronómicos que a area provoca nas terras, o que fan é separala por decantación. “Despois botámola en determinadas fincas que temos que son moi barrentas e deste xeito logramos mesmo melloralas”, explica. Estrés por calor A area ten ademáis outra vantaxe. “Estamos metidos nun val e desde o mes de maio até outubro sufrimos episodios de calor extremo. Ao contar con sistemas de ventilación os patios sécanse e coa palla convertíanse en pistas de patinaxe para as vacas. Tiñamos problemas de accidentes que coa area se resolveron”, conta Odón.
Renovamos o sistema de ventilación porque tiñamos problemas severos no verán, tanto en baixada de produción como na reprodución
Malia contar con ventiladores, os efectos do estrés por calor sobre o gando deixábanse notar con claridade nesta gandería, ata que este ano fixeron un importante investimento, duns 37.000 euros, na renovación dos sistemas de enfriamento do gando. “Tiñamos problemas severos co calor, que provocaban unha caída nos niveis de produción e nos índices reprodutivos. Pero este ano, coa instalación de 18 novos ventiladores e de duchas en todas as naves a baixada foi mínima porque as vacas non reduciron a inxesta", asegura.  A xestión da granxa sofre lixeiras modificacións para adaptarse ao periodo de máis calor. "No verán temos uns protocolos reprodutivos máis agresivos e atrasamos unha hora os muxidos, que pasan a facerse ás 6 da mañá, ás 2 da tarde e ás 10 da noite en vez de ás 5 da mañá, á 1 da tarde e ás 9 da noite. Facemos tamén cambios na alimentación, cunha ración máis fresca”, explica Odón. Manga de manexo á saída da sala Para facilitar o muxido das 320 vacas, téñenas divididas en 4 lotes. Nun deles están as primeirizas e vacas de segundo parto; noutro están as vacas adultas, e no lote intermedio atópanse vacas de segundo e terceiro parto. O último dos grupos é o de postparto e enfermería.  A nova sala, posta en marcha hai tres anos, está preparada para muxir lotes de 120 animais. Os que están máis sobrecargados múxense primeiro. “É moi importante que as vacas estean o menor tempo posible agardando para muxirse”, afirma. Nas novas instalacións, con 20 puntos, logran muxir uns 84 animais á hora. Con todo, finalizar cada unha das tres muxiduras diarias aproxímase ás 4 horas.
O protocolo de postparto inclúe a medición diaria de temperatura e acetona en tira de leite cando menos durante 10 días ou ata que a vaca é dada de alta
Unha das novidades que Odón quixo incorporar é unha zona de separación á saída da sala, con trabadizas con capacidade para 70 vacas a un tempo, que é moi práctica para a revisión de animais, a aplicación de tratamentos, o control reprodutivo ou a podoloxía. “Evítanos ter que andar buscando vacas polo medio do establo ou prender un lote enteiro de 100 vacas para inseminar tres ou catro”, indica. Para salvar o desnivel existente desde o establo á sala de espera da sala de muxido idearon un sistema de escaleiras polas que accede o gando. “Non queriamos unha rampa para evitar accidentes, porque as vacas esvararían. O das escaleiras foi un invento que funciona moi ben”, asegura.
A manga de manexo permítenos reducir os tempos e o estrés da vaca. Antes pasabamos 10 horas facendo reprodución; agora en menos de catro horas, ao mesmo tempo que se moxe, temos rematado
A sala de muxido é o lugar no que se detectan a meirande parte dos problemas do gando, máis aínda cando as vacas pasan por ela tres veces ao día. Para avisar das incidencias detectadas dispoñen dun grupo de whatsapp no que están todos os traballadores. “É unha maneira de que non se nos pase nada, porque doutro xeito hai turnos que non se ven”, explica Odón. En base a eses avisos pódese actuar moito antes, xa que cando se detecta unha vaca coxa, en celo ou enferma, é apartada inmediatamente, nada máis acabar de muxirse, á zona de separación que hai á saída da sala.       Separación e descontaminación do purín SAT O Palomar está a preparar tamén un cambio no sistema de tratamento do xurro. “Hai un problema severo nas explotacións co purín e non se trata de ter máis ou menos terras onde botalo. A lexislación non vai permitir empregar máis dunha cantidade de metros cúbicos por hectárea e iso vai obrigar ás explotacións a reducir o número de cabezas, como xa está a pasar noutros países europeos”, asegura. “Nós queremos separar a parte sólida da líquida e despois aplicarlle á parte líquida un tratamento químico e mecánico descontaminante semellante ao que se fai nas depuradoras para poder usalo no rego do millo. Hai unha planta xa montada en Zaragoza e nós estamos xa mirando equipos. O proxecto está bastante avanzado”, indica.
Hai un problema severo nas explotacións co purín e non se trata de ter máis ou menos terras onde botalo
Unha parte da instalación, o que sería o proceso de decantación necesario, xa o teñen montado, posto que dispoñen de tres fosas de xurro máis unha balsa en cascada que lles permite separar a parte sólida da líquida. “No seu día, xa no ano 2011, cando usabamos palla, estiveramos mirando xa de montar unha planta similar” e unha parte desa infraestrutura xa se aproveitaría”, detalla.   Recría centralizada Para poder medrar, a primeira das necesidades da granxa tiña que ver coa recría. No 2009 alugaron unha finca a 11 quilómetros, en Maside, para centralizar alí todo o proceso das becerras e xovencas. “A nave está nunha propiedade de 28 hectáreas todas concentradas e adaptábase moi ben para iso naquel momento, porque a carga gandeira era menor, estariamos muxindo unhas 150 vacas naquel intre”, explica Odón.
A finca de Maside séguena traballando e na primavera e no outono moven entre 50 e 60 xovencas xestantes para ela para facer pastoreo  
Cando o establo de Maside quedou pequeno, atoparon unha alternativa na antiga SAT A Veiga, que teñen alugada desde o ano 2017 e onde centralizan na actualidade o proceso de recría. Teñen alí neste momento unhas 250 xovencas que cubren as necesidades de reemprazo da granxa e mesmo lles permite vender animais en momentos puntuais. “Grazas á mellora das instalacións e ao bo manexo da granxa, a taxa de reposición é baixa e atopámonos con que nos sobraban 70 xovencas cada ano”, explica Odón. Por iso, hai ano e medio cambiaron de estratexia. Cruces con angus “Antes inseminabamos todo con frisón e con seme sexado, porque tiñamos pensado seguir medrando, pero desde marzo do ano pasado estamos poñendo cruces cárnicos con angus. Temos un contrato cunha empresa catalana para a venda deses xatos”, explica.
Levamos 7 anos usando unicamente seme de touros americanos e cando algunha vaca non se dá quedado preñada empregamos embrións terapéuticos de carne
Deste xeito, nas xovencas e nas mellores vacas seguen empregando seme sexado de touros americanos, mentres que o resto das vacas insemínanas con angus para obter un maior rendemento á venda de becerros. Entre 21 e 30 días eses xatos angus saen da explotación con destino un cebadeiro dunha empresa catalana. “Estanos funcionando moi ben, porque non estamos tendo problemas nos partos nin nos retrasa nada a xestación, e os becerros saen con moita vitalidade e teñen un prezo máis elevado”, conta Odón. Homoxeneidade no rabaño Considera que para unha explotación como a súa é máis interesante poñer cruces cárnicos ás vacas que vender xovencas próximas ao parto, xa que é difícil recuperar o custo dos dous anos de recría. “A recría hai moitas maneiras de facela, pero facendo as cousas ben os custos son importantes”, recoñece. Á calidade do seme hai que engadir o correcto encalostrado e amamantado, o coidado das becerras, así como o control de enfermidades no conxunto do rabaño. “Somos unha granxa con case 700 cabezas libre de calquera tipo de enfermidade infecciosa e por iso non facemos ningún tipo de vacinación”, destaca.
Somos unha granxa libre de enfermidades infecciosas e cun nivel xenético medio importante no rabaño
As xovencas paren antes dos dous anos de idade. Despois do destete están con herba seca e penso, ata que son trasladadas á nave de SAT A Veiga, onde completan o proceso até o momento próximo ao parto. SAT O Palomar aposta “por vacas que non dan problemas”. “A min gustábame ir aos concursos e cando tiñamos 60 vacas tiñamos mellores animais ca hoxe desde o punto de vista estrictamente morfolóxico, pero muxindo 320 vacas temos que irnos a outro tipo de vacas, aínda que seguimos mantendo un nivel xenético medio importante”, destaca Odón.     Estabilidade nos custos Zona de almacenaxe de cereais e fabricación de penso da explotación Para a alimentación do gando dispoñen dun carro autopropulsado propio co que fan a ración varias veces ao día para as vacas de leite buscando unha maior inxesta. Na ración de produción meten 32 quilos de silo de millo, 9 quilos de silo de herba, 13,2 quilos de cereais e 2,2 quilos de morea. A maiores fan unha ración para as vacas secas e tres distintas para a recría, en función da idade dos lotes.
Elaboran racións frescas pola mañá e pola noite para as vacas de leite para incrementar a inxesta
As materias primas que empregan nas distintas racións son as básicas: millo, soia, colza e pulpa de remolacha en gran. En función da situación do mercado e dos prezos poden variar nalgún momento, botando man tamén de xirasol ou cebada. “Miramos que as materias primas que mercamos sexan de calidade e veñan nas condicións óptimas. Cada camión que nos chega á granxa mostréase”, explica. Mercan as materias primas coas que logo elaboran os concentrados ben directamente en porto ou a través de almacenistas, en función do prezo e as condicións ofrecidas, pero buscando sempre a calidade e a estabilidade nos prezos, con contratos a varios meses.
Estamos gastando diariamente neste momento só en alimentación por enriba de 7 euros por vaca
“É moi importante nunha granxa, cando chega ao volume da nosa, ter un custo fixo e estable para poder xestionar a explotación e saber que nun ano ou en 8 meses o custo da alimentación non vai aumentar”, asegura. Este ano o encarecemento foi xeralizado. Na renovación dos contratos de subministro a suba foi, dependendo da materia prima, dun 20 ou un 30% en relación aos prezos pechados para o ano anterior, admite.  Búsqueda de eficiencia e rendibilidade Por iso, afirma Odón, “queremos producir leite sobre a base das forraxes que producimos nós, sen ter que saír a mercar iso fóra, e con esa premisa non podemos dar máis leite do que damos, porque sería a base de perder diñeiro”. A media de produción é neste momento de 42,8 litros, calculada en cómputo semanal, pero a granxa chegou noutros momentos a picos de 44 litros. A porcentaxe de graxa sitúase entre 3,70 e 3,80%, a proteína en 3,30% e as células por debaixo de 200.000.
Poderiamos subir a 45 litros, pero non me interesa porque sería a costa de perder cartos
“Buscamos ter producións altas, as máximas posibles, pero é certo que desde hai dous anos para aquí buscamos sobre todo rendibilidade, o chamado índice de eficiencia, que é intentar producir o máis barato posible pero sen descoidar os principios básicos do que é unha granxa de produción de leite”, indica Odón.    “Eu sei que se aceleramos, podemos subir a 45 litros, pero non me interesa, porque me costa máis producir eses 45 litros que os 42. Nós estamos neste momento nese punto de equilibrio no que máis rendemento lle sacamos á produción que temos”, asegura.

 “O 100% do traballo de campo facémolo nós mesmos”

Unha das premisas de SAT O Palomar é buscar a máxima estabilidade nos custos de produción. “Decidimos ampliar a base forraxeira que tiñamos e optamos por ter un parque de maquinaria propio por ese motivo, para poder facer unha xestión de custos propia. Todos os pasos que demos foron encamiñados a iso”, afirma Odón. Para iso, a súa estratexia baséase en ser autosuficientes en materia agrícola. Este ano colleron 8 hectáreas de terreo máis, pero o gran salto produciuse no ano 2011 cando incrementaron a base territorial en 50 hectáreas de golpe.  A explotación dispón dunha superficie total de 140 hectáreas, das que este ano botaron a millo case 70. Foron case 20 hectáreas menos das que sementaban outros anos. "Este ano, aquelas parcelas que cumprían moi xustas as espectativas que nós temos para o millo decidimos non sementalas e acertamos tendo en conta como veu despois a climatoloxía", di. 
Unha finca que non chega aos 40.000 quilos por hectárea e que non mantén o stay green e a dixestibilidade non serve para botar millo
Debido á seca este foi "un ano moi complicado para o millo", di. "Nós adiantamos a sementeira case un mes para poder botar ciclos máis longos, ciclos 700, 600 e 500. Pero nalgunha finca non chegou nin a botar a espiga e empezamos a picalo xa nos últimos días de agosto", explica.  Odón é moi esixente coa calidade das forraxes que recolle. "Para min unha finca que non chega aos 40.000 kilos por hectárea e que non mantén o stay green e a dixestibilidade do millo non cumpre para botalo. Nestes casos é máis rendible telas a herba. Nas 20 hectáreas que non sementamos a millo este ano sacamos dous cortes bos para ensilar e un para herba seca", detalla. 
Non deixamos nada baleiro, nas 70 hectáreas nas que botamos millo facemos rotación con herba
“Non deixamos nada baleiro, en todas as fincas de millo facemos rotación herba-millo”, aclara. Ademais do empregado que se encargada durante todo o ano da maquinaria, é Odón o que lle axuda nos traballos de campo e durante as campañas contratan unha persoa máis de reforzo. Fincas a 30 km de distancia A superficie está moi dispersa, con fincas que están a 30 quilómetros de distancia da nave principal de Ronfe. Polo tanto, di, “hai moita diferencia de altitude, de tipo de solo e mesmo de pluviometría”, polo que empregan distintos tipos de variedades de millo e de pradeira en función da zona. Nas fincas nas que fan rotación con millo, por exemplo, nas que fan un único corte de herba, sementan unha mestura personalizada que leva trevo branco, trevo ladino, raigrás inglés tardío e veza. “Durante anos fixemos probas en distintas parcelas ata que chegamos á mestura que mellor nos funciona”, indica Odón. No resto, a mestura é de pradeira permanente. Rego con aspersores para o millo As variedades de millo tamén as adaptan ao tipo de finca. Este ano chegaron a empregar desde un ciclo 700 a un 400 largo. Dispoñen tamén de superficie de regadío. Son 18 hectáreas. Unha parte da superficie de regadío é de hai 15 anos, pero a outra é recente, incorporada nos dous últimos anos á explotación. “Aí aseguramos unha produción de 70.000 quilos por hectárea”, destaca Odón. "O sistema de manexo desas terras é totalmente diferente”, afirma.
No regadío aseguramos unha produción de 70.000 quilos por hectárea
Empezaron usando canóns de rego porque o custo económico da instalación é menor, pero “nunha fase do ciclo de crecemento do millo é un sistema que maltrata bastante a planta, polo que fomos cambiando e agora temos todo con aspersores”, explica. Non usan o sistema de rega para a fertilización, xa que empregan un abonado de fondo inicial de liberación lenta que cubre as necesidades do millo durante todo o ciclo de cultivo. Queremos producir o leite co que somos capaces de producir nós A estratexia desta gandería de cara ao futuro é seguir mantendo o maior grao de autosuficiencia posible, tanto na alimentación do gando como no traballo de campo. É certo que precisan dun parque de maquinaria importante (o investimento en maquinaria supera o millón e medio de euros), pero non dependen da dispoñibilidade de empresas de servizos ou cooperativas para a recollida das forraxes. “Planificamos as sementeiras e as recollidas en función das nosas necesidades e no momento óptimo”, asegura Odón.
Planificamos as sementeiras e as recollidas en función das nosas necesidades e no momento óptimo
A colleitadora que teñen agora mercárona para a campaña de recollida do millo o ano 2020 e supuxo un cambio importante na calidade do ensilado. “É un investimento importante e hai que dispoñer do diñeiro, pero é super rendible porque inflúe no que come o gando ao longo de todo o ano”, destaca.  

Claves para formar e motivar ás persoas contratadas nas ganderías de vacún de leite

As actividades educativas para unha capacitación do persoal representan un punto clave para optimizar o traballo das persoas empregadas nunha gandería de vacún de leite, así como unha maneira de fomentar a súa motivación. Polo tanto, que aspectos debería ter en conta unha gandería? A consultora, Carolina Pinzón, e o experto en desenvolvemento, Jorge Delgado, abordaron estas cuestións na ‘2022 National Mastitis Council Annual Meeting’  de Estados Unidos celebrado a pasada semana e que se puido seguir online. 

Capacitación do persoal: en que consiste, beneficios e técnicas

A capacitación pode ser unha ferramenta para procurar unha maior eficiencia da man de obra nunha granxa de vacas de leite. A optimización do persoal a través dunha integración laboral didáctica foi unha das temáticas abordadas na reunión anual sobre a mastite. Carolina Pinzón, consultora en Forte Dairy Consulting, expón que, coa capacitación dos empregados “podemos ter mellor calidade do leite porque vai haber vacas máis sas, froito dunha maior eficiencia, e unha maior consistencia nos procesos, no sentido de que todo o mundo o faga igual”. Que beneficios ten a capacitación para as persoas traballadoras? Entender as súas responsabilidades e o impacto do seu traballo, sentirse que teñen un compromiso e unha motivación no seu ámbito laboral, ou mesmo desenvolver a capacidade de expoñer e solucionar problemas son algunhas das cuestións positivas que Pinzón destaca. “Unha vez se estableza unha capacitación continua vanse formar equipos fortes que queiran traballar de forma correcta e segura”, comenta a consultora.
“A capacitación para a mellora continua do persoal constitúe unha estratexia para o éxito das fincas leiteiras” (Carolina Pinzón)
Os estilos de aprendizaxe para achegar de xeito efectivo coñecementos teórico-prácticos ao persoal son diversos: visual, auditivo, físico, social, verbal, persoal, lóxico ou mixto. O ideal segundo comenta Carolina Pinzón é este último para “abordar de todas as maneiras posibles as formas coas que lle gusta aprender á xente”. A finalidade desta mostra de estilos é instruír dun xeito que fomente a aprendizaxe en adultos. A forma de capacitar á xente que traballa en granxas de vacún de leite é amosar un contido relevante, práctico, organizado e de aplicación inmediata. Cómpre ter en conta que “se traballa con persoas adultas que teñen coñecementos e experiencias”, matiza Carolina Pinzón. Por isto, aconsella trasladar información útil, ben explicada, e incluso baseada en situacións reais, “como por exemplo, como atender determinados partos ou dar claves para rutinas de muxido”, referencia Pinzón.
“Necesitas ensinarlle ao persoal algo que lles sirva, pero algo que lles sirva para xa” (Carolina Pinzón)
As recomendacións prácticas que a consultora de Forte Dairy Consulting menciona coma un respaldo a unha chegada eficiente dos contidos está en torno ao uso dunha linguaxe sinxela e sen asuncións; isto é, “se utilizamos o termo ‘despuntar’ para explicar cuestións do muxido, non se pode dar por suposto que todas as persoas coñezan esa palabra para referirse aos primeiros chorros de leite que se extraen, hai que sinalalo para evitar confusións”, especifica Carolina Pinzón. Outras cuestións, como un contacto visual directo, unha linguaxe corporal positiva para facer que a persoa que se capacita estea cómoda, ou mesmo procurar a súa participación son recomendacións que a consultora destaca. Carolina Pinzón fai fincapé na necesidade de “aplicar técnicas participativas mediante intercambio de experiencias, plantexamento e solución de problemas, e análises a partir de casos propostos polos traballadores”. Conxunto de actividades utilizadas como exemplo na presentación de Carolina Pinzón As estratexias de capacitación en ganderías leiteiras deben ser didácticas. Segundo a consultora de Forte Dairy Consulting, "as granxas onde se faga un cultivo propio cómpre que as persoas traballadoras nela vexan os resultados, vexan como é unha bacteria; á hora de falarlles da vida de granxa hai que facerlles un tour completo ensinando o que hai máis alá da sala de muxido para amosar a importancia das diferentes partes”.

Fomento da motivación

Segundo Jorge Delgado, experto en desenvolvemento de talentos en Alltech, “a motivación ten unha falta de definición nos negocios”. Para achegar o “desexo ou comportamento concreto, cómpre establecer acercamentos emocionais e racionais coas persoas empregadas nas granxas”, explica Delgado. Coa aplicación desta fórmula pódese acadar unha serie de vantaxes en termos de redución de custos de contratación e de mellora da produtividade. “As ganderías deben ter a consideración das persoas traballadoras como esenciais”, comenta Delgado. Con esta premisa, o experto en desenvolvemento establece a necesidade dun manexo proactivo dos empregados. Nalgúns casos, non teñen un acceso a unha educación sobre o sector ou existe unha falta de conexión coa gandería de vacún de leite, polo que “é importante poñer a súa disposición recursos que melloren a súa comodidade no ámbito”, aconsella Jorge Delgado. Exemplo amosado por Jorge Delgado para representar malas ferramentas de traballo nunha gandería O experto de All Tech propón a estrutura 3-4-5 para conseguir resultados positivos: 3 piares e 4 impulsores da motivación dos empregados, e 5 formas de restablecer o entorno de traballo. “Medir o seu propio progreso e a súa contribución con independencia de xerencia, como, por exemplo, ter conta do número de litros de leite entregados, debe ser un dos piares”, amplía Delgado. Amosarlle a unha persoa a importancia da súa contribución para a empresa, baixo un ‘non anonimato’ que achegue comprensión e aprecio ao persoal dunha gandería son os outros dous piares que Delgado identifica como claves. Os impulsores da motivación deben estar presentes no ámbito laboral para fomentar un confort. Segundo detalla Jorge Delgado, “o impulso a adquirir un estatus social dentro da granxa -a formación foi impartida para ganderías de Estados Unidos, onde chegan a empregar a ducias de persoas nunha granxa de vacún de leite-, a formar conexións cos compañeiros, a satisfacer curiosidades e a promover a xustiza conforman os catro puntos nos que a empresa debe enfocarse a potencialos simultáneamente”. ‘Reset’ é a palabra seleccionada por Delgado para explicar as 5 formas de restablecer o entorno de traballo. Describir as normas e regulamentos internos, crear un entorno de aprendizaxe adecuado, determinar uns patróns culturais internos comúns dentro da gandería, introducir uns incentivos económicos uniformes baixo unha explicación, e aportarlle ao traballador boas ferramentas de traballo, definen o modo de abordar esta última parte da estructura.

As ganderías de leite incrementan as súas necesidades de contratar man de obra nesta época do ano

Gandería Gayoso, de Castro de Rei, unha das que busca persoal Facer fronte a investimentos en modernización e ampliación das instalacións, aumentar a base territorial e contratar persoal externo son as tres principais necesidades das explotacións galegas para poder medrar. O prezo do leite non axuda á hora de pagar as inversións, pero as dificultades para atopar man de obra estable e cualificada é seguramente o maior atranco co que se atopan as ganderías familiares no camiño da súa profesionalización empresarial.  Segundo os datos da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, presentada a finais do ano pasado pola Xunta, o 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie e outro 7% explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 ha de SAU. Son fundamentalmente estas dúas tipoloxías de ganderías as que demandan persoal, nuns casos para aliviar a carga de traballo familiar e poder dispoñer de algo de tempo libre e unha mellor calidade de vida, e noutros para manter a estrutura laboral das granxas, sobre todo nas de maior dimensión, que xa dependen maioritariamente de persoal externo para o seu funcionamento diario.
A falta de man de obra súplese en moitos casos cun sobreesforzo por parte dos titulares das explotacións
A falta de man de obra, e de continuidade e estabilidade cando se atopan traballadores, está a supoñer un freo na capacidade de crecemento das ganderías de leite galegas e na profesionalización do sector no seu conxunto e levando a moitas explotacións a decantarse por sistemas robotizados de muxido, que reducen as necesidades de man de obra pero supoñen fortes investimentos e condicionan o medre das granxas, que deixa de ser continuo e pasa a ser escalonado, con saltos 60 en 60 vacas en produción. Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego (Fundación Juana de Vega) a partir de datos do FOGGA   Man de obra inmigrante Cun rural despoboado e carente de xente moza, a man de obra inmigrante está a cubrir maioritariamente os postos de traballo que se ofertan. Persoas procedentes de África, América latina ou o leste de Europa traballan man a man nas granxas cos titulares e socios das explotacións, pero en moitos casos hai dificultades de comunicación por mor do idioma, diferenzas culturais e mesmo descoñecemento do que é o trato e o manexo do gando.
A primeira opción case sempre é contratar a unha persoa da zona que xa tivese gando na casa
A primeira opción, en caso de poder escoller, case sempre é contratar a unha persoa da zona que xa tivese contacto cos animais por ter gando na casa. "Nesta zona había moitas ganaderías pequenas que foron pechando e algunhas desas persoas están agora traballando con nós. É xente que xa sabe o que é o sector e coñece o traballo, e é máis doado que mentalizar a persoas que veñen doutros sectores como a construción ou a hostalaría ou que nunca tiveron contacto con animais", recoñece Manuel, da SAT O Chope de Silleda. "Nesta época non se dá feito" Aínda que as necesidades de persoal son constantes ao longo de todo o ano, é nestes meses da primavera e o verán, cando coinciden as campañas de ensilado da herba e sementeira do millo e tamén se achegan as quendas de vacacións do persoal fixo, cando as ofertas de emprego nas granxas se multiplican.
Aínda que existe algunha oferta para ganderías de vacún de carne, granxas de porcos ou de polos, a maioría das demandas proceden de explotacións leiteiras 
"Nesta época non se dá feito", recoñece José, da Gandería Del Río Deus, de Ordes. "Agora temos moito traballo pero a nosa idea é para continuar despois tamén", indica pola súa banda Álex, de Argerey SC, unha explotación familiar do concello de Friol. "Nós é a primeira vez que buscamos un empregado", aclara.  Álex e os seus pais moxen 34 vacas de leite, que manteñen en pastoreo, o que aumenta o volume de traballo, e contan a maiores cunha explotación avícola, cunha nave nova de polos construída hai dous anos. Buscan unha axuda tanto na explotación de polos como na de vacún de leite para poder ter un pouco máis de calidade de vida.
Cara ao verán sempre hai máis traballo noutros sectores, por exemplo na hostalaría, que até agora estivo parada pola pandemia
Co aumento da demanda, as dificultades nestes meses para atopar traballadores tamén se incrementan, segundo recoñece Manuel, da SAT O Chope de Silleda. Esta explotación conta con 8 empregados e a demanda de xente para traballar é habitual. A semana pasaba buscaban un traballador a tempo completo pola marcha dun dos traballadores, e a comezos de abril precisaron outro. "Desta vez non foi tan doado coma noutras ocasións, cara ao verán sempre hai máis traballo noutros sectores, por exemplo na hostalaría, que até agora estivo parada", razoa.  Empregados de apoio polivalentes Na maioría dos casos o perfil que se busca é o dun peón de apoio para o manexo diario do gando en traballos como muxir, facer camas, dar o leite ás becerras ou labores de limpeza do establo e acondicionamento do frente dos silos. Pero se o que se busca é persoal cunha maior cualificación, capaz de quedar só á fronte da explotación ou de traballar coa maquinaria, as dificultades para atopar empregados aumentan.
As explotacións demandan plans de formación por parte da Administración para que os traballadores adquiran unha base mínima de coñecementos
Na meirande parte das ganderías valórase a experiencia no sector (polo esforzo e gasto de tempo que implica formar de cero ao persoal) pero tense en conta tamén case tanto como o currículum o interese e as gañas de aprender, así como a seriedade no traballo. "Valórase que teñan experiencia, pero sobre todo que sexa xente responsable", afirma José, da Gandería Del Río Deus, de Ordes.  Unha queixa habitual é que a formación corre sempre a cargo das ganderías, que consideran que debería darse unha base mínima de formación por parte da Administración para facilitar a inserción laboral no sector e a reciclaxe de traballadores procedentes doutros ámbitos para que deste xeito a súa labor como empresas demandantes de man de obra se limitase a unha adaptación posterior dese empregado ao xeito de traballar e ás peculiaridades concretas de cada granxa.   Concellos con máis demanda Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego (Fundación Juana de Vega) a partir de datos do FOGGA As ofertas de emprego sucédense por toda Galicia, pero concéntranse sobre todo nas zonas con máis produción, nos 20 concellos que moxen o 50% do leite galego. O persoal con experiencia non abunda e as ganderías compiten entre elas por eses traballadores, o que incrementa a mobilidade laboral e a inestabilidade da man de obra nas explotacións.  "Nesta zona somos moitas granxas e todas buscamos. Moitos traballadores botan 5 ou 6 meses nunha explotación e xa se aburren e van probar a outra porque pensan que van estar mellor pero o traballo é parecido en todos os lados", asegura Dulce, da Gandería Novío, de Mazaricos, que leva 4 anos contratando persoal externo e constata as dificultades para atopar man de obra que teñen as explotacións da comarca.
O persoal con experiencia non abunda e as ganderías compiten entre elas por eses traballadores
Os horarios de muxido condicionan, na maioría dos casos, a xornada laboral, con xornadas partidas que abundan sobre as xornadas continuas. Iso, sumado á dispersión xeográfica das explotacións e á carencia de vehículo propio de moitos dos inmigrantes que demandan emprego no sector, fai que o feito de dispoñer de vivenda para o persoal contratado e mesmo para as súas familias sexa un elemento diferencial nas ganderías e que xoga a favor á hora de atopar empregados. O concello da Pastoriza é, xunto cos de Santa Comba e Mazaricos, un dos que máis leite produce de Galicia. Alí os postos de traballo nas ganderías son tamén o principal motor económico e laboral do municipio e están a servir tamén para asentar poboación. Nos últimos anos foron varias as familias inmigrantes que se viñeron vivir á Pastoriza e nos principais núcleos de poboación a dispoñibilidade de vivendas baleiras que alugar prácticamente está esgotada, o que levou ao Concello a arranxar as antigas escolas das parroquias para poñer estes inmobles no mercado de aluguer, complementando coa oferta pública a oferta privada de casas.  

Estas son algunhas das ganderías que precisan persoal neste momento: 

Gandería situada en Carballo  Explotación de vacún de leite da Milagrosa con 150 vacas en produción. Traballos a realizar: Muxir, facer camas, coidado dos becerros e axudar noutras labores.  Búscase persoa responsable e con experiencia en ganderías de vacún de leite para cubrir unha baixa prolongada. Ofrécese contrato a xornada completa, en horario partido, e libranzas tanto pola semana como en fins de semana a acordar dentro da organización do traballo da explotación, que conta con outros dous empregados. Contacto: 626903070 (Diego) Gandería del Río Deus (Ordes)  Explotación familiar con algo máis de 100 vacas en produción. Traballos a realizar: muxir, axudar a facer camas e outras labores. Búscase persoal responsable e valórase experiencia. Contacto: 660940407 (José) ou 634710952 (Miguel) SAT Aricicos (Cospeito) Explotación familiar ubicada en Arcillá que conta con 2 robots de muxido. Traballos a realizar: Limpeza, atención aos becerros e outras labores. Xornada partida. Non é necesario ter experiencia. Contacto: José Manuel 682804542 Ganadería Novío (Mazaricos)  Explotación familiar ubicada en Vioxo dun cento de vacas en produción. Traballos a realizar: Muxir, facer camas, limpeza de silos e outras labores.  Xornada partida. Imprescindible carnet de conducir. Contacto: 630855756 (Dulce) ou 630855756 (Beatriz) Arguerey SC (Friol)  Explotación avícola de cría de polos e de produción de leite en pastoreo con 34 vacas en produción situada en Lamas. Traballos a realizar: Muxir, andar coa maquinaria e outras labores. Xornada partida. Non se require experiencia. Contacto: 608540546 (Álex)

"Queremos contratar a unha persoa nova á que lle poidamos deixar a granxa dentro duns anos"

Nave de produción da gandería Gayoso, de Prevesos, no concello de Castro de Rei Na actualidade, 4 de cada 10 explotacións galegas teñen como titular a unha persoa de máis de 55 anos. Moitas delas non contan cun relevo claro, o que supón, de non garantir a sucesión á fronte da granxa no prazo de 10 anos, unha perda dos investimentos produtivos realizados.  É precisamente o dilema no que se atopan Bautista e Clara, o matrimonio á fronte da Gandería Gayoso, ubicada en Prevesos, no Concello de Castro de Rei. É unha desas explotacións familiares que foron medrando a base de esforzo dos seus propietarios e agora, ás portas da xubilación, non contan cun relevo garantido. 
Buscamos unha persoa nova, con experiencia ou con gañas de aprender, coa posibilidade de que lle poidamos deixar a gandería a un prezo moi asequible dentro de 3 ou 4 anos cando nós nos xubilemos
Bautista e Clara teñen unha filla, pero non ten pensado incorporarse, polo que a continuidade da granxa depende dunha achega externa. Por iso os actuais propietarios levan un tempo buscando contratar "a unha persoa nova con experiencia ou con gañas de aprender, coa posibilidade de que lle poidamos deixar a gandería a un prezo moi asequible dentro de tres ou catro anos cando nós nos xubilemos", din. 
A gandería está ben montada e dame moita pena que quede sen relevo
A Clara é a quen lle falta máis tempo e conta xa coa axuda de dous empregados neste momento, pero non cumpren co perfil para unha posible sucesión á fronte da explotación. "A gandería está ben montada e dame moita pena que quede sen relevo", di Bautista, consciente de que "se a granxa se pecha despois xa é moito máis difícil que alguén a poña a andar de novo". Instalacións para 70 vacas e 40 hectáreas moi produtivas Vista das fincas que rodean a explotación, que contan con peches para facer pastoreo Gandería Gayoso conta neste momento con 70 vacas en produción e unhas 40 hectáreas de superficie agraria para forraxes, onde sacan dous cortes de herba e un de millo. "O bo desta zona é que as terras son moi produtivas", destaca Bautista. A maiores, dispoñen de fincas a carón da nave onde fan pastoreo tanto coas vacas en produción como coa recría.
Dispoñen de fincas a carón do establo nas que fan pastoreo tanto coas vacas en produción como coa recría
Malia ter xa dous empregados, Clara e Bautista estarían dispostos a coller a unha persoa que dera o perfil de continuidade que están a buscar. Durante os anos que eles se mantivesen á fronte da gandería cobraría un salario e ese tempo serviríalle para poñerse ao día nos distintos aspectos da granxa para que unha vez que eles se apartasen puidese seguir levando a explotación de maneira rendible e xerando ingresos desde o primeiro día. Para as persoas interesadas, os teléfonos de contacto de Gandería Gayoso son: 606369740 (Bautista) e 678369169 (Clara).  Sala de muxido da gandería, onde a persoa contratada tería que facer labores de apoio Zona de cubículos da nave de produción, onde empregan palla nas camas

SAT Seixas, unha aposta por valorizar o leite facendo xeados

Manuel Arias, xunto ás vacas de SAT Seixas que producen o leite para os xeados Xeou! A xestión do persoal e as dificultades para atopar man de obra é un dos maiores retos aos que se enfrontan a maioría de explotacións leiteiras a medida que van medrando e gañando volume. No caso de SAT Seixas, esas necesidades de persoal aumentan, xa que ademais de producir leite baixo o sistema de tres muxiduras diarias, transforman unha parte del en xeados que ademais fan chegar ao consumidor a través da súa propia rede de establecementos. Manuel Arias, un dos socios desta SAT formada na actualidade por dúas familias e que moxe entre 220 e 240 animais, recoñece que nunha gandería desta dimensión o labor de xestión acaba absorbendo tanto tempo ou máis ca o traballo cos animais. "Son moitas cousas, hai que estar pendente de moitas frontes", asegura. Pero non esquece os seus inicios, non hai tantos anos, e séguese considerando ante todo gandeiro.
Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada
Manuel é de Aldosende, en Paradela, onde comezou producindo leite "con 8.000 quilos de cuota e unha vaca de cada cor". "Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada. Pero eu fun para fóra e non me gustaba. E por unha serie de circunstancias, porque enfermaron o meu pai e a miña avoa case xuntos, volvín", conta. A produción e o número de cabezas foi aumentando e as instalacións quedaban pequenas. "Cheguei a muxir case 80 animais alí", lembra. "Pero era eu só coa axuda da miña nai, non tiña man de obra externa nin tiña para onde medrar e vinme tan agobiado e saturado que busquei unha alternativa, a de facer unha sociedade, e xurdiu a oportunidade de facela aquí", explica.
En Paradela era eu só e máis a miña nai. Chegamos a muxir 80 vacas, pero non tiñamos persoal nin para onde medrar. Vinme tan saturado que busquei a alternativa de facer unha sociedade
Crearon a SAT no 2004 e entre o ano 2007 e 2008 comezaron a traballar xa nas novas instalacións construidas no lugar das Seixas, na parroquia de Bembibre, pertencente ao concello de Taboada, onde hoxe traballan entre 8 e 10 persoas dependendo da época do ano. "Estamos a tres muxiduras e facemos turnos tratando de que a xente estea o máis cómoda posible e saiba cal é o seu horario e o calendario de libranzas, vacacións e fin de semana para que poida organizar a súa vida", indica Manuel. Esa é unha das claves, ao seu xuízo, para lograr estabilidade no persoal. A tres muxiduras desde o 2010 Sala de muxido da explotación, con 20 puntos e sistema traseiro A organización do traballo na explotación faise en función dos horarios de funcionamento da sala, para facer as tres muxiduras, que escomezan ás 5:30, 13:30 e 21:30 horas. Comezaron con este sistema no ano 2010 e hoxe están contentos cos resultados que acadan pero, en base á súa propia experiencia, non o recomendan en explotacións de menor tamaño ou con problemas para dispoñer de man de obra. "Cando nós comezamos a facer tres muxiduras muxiamos soamente 120 vacas e este sistema non se adapta ben en explotacións pequenas. Foi unha decisión tomada a destempo naquel momento, un pouco porque estaba de moda, pero nós non estabamos preparados para aquel cambio e tivemos moitos problemas", admiten.
Cando puxemos en marcha as tres muxiduras non estabamos preparados e tivemos moitos problemas
Pero, malia as dificultades, decidiron non volver atrás e "a base de lombo e de ser metódicos" foron mellorando e perfeccionando un sistema que agora lles dá bos resultados. "Hoxe estamos contentos porque as vacas están mellor e ao estar moitas máis horas na granxa tes tamén moito máis control sobre ela". O primeiro turno entra ás 5 da mañá para facer o muxido das 5 e media e acaba a súa xornada laboral á unha da tarde, cando entra o seguinte reemprazo, o que se encarga da muxidura do mediodía. O terceiro dos turnos arrinca ás 9 da noite e remata ás 2 da madrugada, o que fai que haxa persoal na granxa de xeito ininterrompido durante 21 das 24 horas do día.
Muxir tres veces conleva máis gastos pero as vacas están mellor e ao estar máis horas na granxa tes máis control sobre o gando
Isto leva aparellado que o control e a vixiancia sobre o gando sexa moito máis exhaustivo en aspectos como a detección de celos e enfermidades ou a atención aos partos, permitindo, por exemplo a inxesta da primeira toma de costro por parte das becerras antes das catro horas inmediatamente posteriores ao nacemento, momento a partir do cal deixa de ser tan efectiva a nivel de inmunización. Para reducir o tempo de espera das vacas para muxírense, establecen lotes de 70 animais como máximo, de maneira que o resto do gando permanece descansando ou alimentándose namentras non chega a súa quenda. Muxir máis veces as vacas non significa exprimilas máis, considera, xa que "a nivel de saúde de ubre están moito mellor e non se ve comprometida a súa lonxevidade". De feito, SAT Seixas ten animais que destacan tanto polas súas medias de produción diaria como tamén polo seu número de lactacións e produción vitalicia. "Temos animais con 6 ou 7 partos", destaca Manuel. Nave de produción de SAT Seixas. Nas camas empregan area e fanas unha vez ao día Con todo, neste momento teñen exceso de recría e non aproveitan moito as vacas. Tamén por iso fan secados longos, de até tres meses, buscando que os animais que moxen teñan todos altas producións e que logo descansen e se recuperen para encarar o seguinte parto e facilitar tamén deste xeito que as vacas volvan quedar preñadas á primeira.
Para reducir o tempo de espera para muxírense, establecen lotes de 70 vacas como máximo
O paso das dúas ás tres muxiduras diarias tamén fai posible un incremento de produción dos animais. "Nós temos vacas que nos controis leiteiros chegaron moi preto dos 80 litros e iso con dúas muxiduras é impensable", afirman. Ese aumento de produción permite compensar o incremento de gastos en man de obra ou consumo eléctrico, algo para o que tamén instalaron placas solares e un variador de frecuencia, pero Manuel defende que "as salas de muxido cantas máis horas estean funcionando máis rendemento se lle saca". A deles é de muxido traseiro con 20 puntos. Problema este ano co silo de millo SAT Seixas ten un déficit importante de superficie agraria e cultiva fincas a 20 quilómetros de distancia A produción media da gandería na actualidade é algo máis baixa do habitual por culpa do silo de millo. "Agora mesmo debemos andar nos 42-43 litros pero esa non é a nosa produción media. Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros e nalgún momento chegamos a picar incluso os 48 litros pero neste momento estamos moi baixos porque temos un silo de millo horrible este ano e non sabemos moi ben por que. Penso que foi que o ano pasado secou moito a planta e logo comezou a chover e tivemos que agardar moito para poder ensilar e seguramente a planta chegou ao silo moi pasada e non debeu fermentar ben porque o silo non ole a ácido láctico como debería e as vacas comen pero non hai produción", explica Manuel. En canto a calidades, están entre 3,50% e 3,70% de graxa e en 3,45% de proteína e entregan a produción a Naturleite.
Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros de produción media e temos vacas que se aproximan aos 80 litros; iso con 2 muxiduras é impensable
SAT Seixas manexa arredor dunhas 120 hectáreas de terreo, insuficiente para poder cubrir as necesidades de alimentación do seu gando, polo que priorizan a produción de forraxe para silo de raigrás. "A herba producímola toda nós, silo de millo ás veces mercamos algo e facemos tamén grao de millo húmido con millo que mercamos porque nos facilita moitas cousas e os animais están mellor. Tes unha seguridade, porque sabes que o tes aí para todo o ano", indica Manuel. Fan grao húmido co millo que traen de León pero no último ano o prezo disparouse de repente 30€ por tonelada Acostumaban traer entre medio millón e un millón de quilos de millo para grao húmido, co que logran un silo de calidade con entre un 30 e un 35% de amidón, aínda que o ano pasado trouxeron menos polo encarecemento dos cereais. "Compramos en León e subiu de repente 30€ a tonelada, así que metemos menos grao húmido e suplimos con fariña de millo, xa que tiñamos pechado prezo a longo prazo", conta Manuel. Este tipo de materias primas, como a fariña de millo, a colza ou o bagazo de cervexa, mércanas a través de CAP Coruña, tentando ter unha estabilidade de prezos a longo prazo.
Aquí ao lado temos un monte comunal de 500 hectáreas que non está a nada. Se a Administración nos axudara podiamos coller aí 100 hectáreas para cultivar e dese xeito facer tamén un cortalumes natural
Das 120 hectáreas sementan a millo unhas 70 ou 80, dependendo do ano, porque algunhas son moi pesadas e en función de como veña o tempo non logran laborealas a tempo. Na maioría fan rotación de cultivos, habitualmente con wester, pero levan dous ou tres anos probando unha mestura de raigrás inglés con italiano que lles está a dar bos resultados. "Medra moi ben, non é tan precoz como o wester pero case, e a calidade é moi distinta, seguramente os silos sexan mellores sobre todo en proteína", aseguran. A falta de superficie é unha eiva importante nesta explotación, que precisaría dobrar as terras de cultivo de millo das que dispoñen para seren autosuficientes.
Botamos unhas 70 ou 80 hectáreas a millo pero necesitariamos outras tantas
"Ogallá tiveramos máis superficie para poder producir máis millo, e é un dos obxectivos que temos, pero é moi difícil, porque estamos nunha zona na que está todo moi esparcido e é moi complicado obter hectáreas de calidade, logras cachiños pero pezas grandes non é doado. A ver se agora coa Lei de Recuperación da Terra Agraria podemos facer algo nalgún monte, porque temos un monte comunal aquí ao lado de 500 hectáreas e non está a nada. Podiamos aí coller 100 hectáreas xuntas e beneficiarnos todos, porque ao mesmo tempo que nós lograbamos terra, faciamos un cortalumes natural e a Xunta non tiña que estar desbrozando. Pero para iso tennos que axudar a Administración, porque nós tal como está a lexislación de montes comunais non podemos facelo", piden. A falta de superficie dispoñible na zona obrígaos a cultivar parcelas en Monterroso, a case 20 quilómetros de distancia da granxa. Dúas terceiras partes da superficie da explotación é alugada. Fan o carro tres veces ao día Mercan directamente as materias primas para aforrar custos e pechar prezos estables a longo prazo Ao igual que moxen tres veces, tamén elaboran a ración unifeed de alimentación outras tantas. Para iso dispoñen de carro mesturador propio, o que lles permite maior flexibilidade. "Para as vacas en produción facemos unha única ración pero tres veces ao día. Doutro xeito tería que vir o carro unha vez soa e deixarche todo feito e facer para os lotes de xovencas e secas aínda que tiveran comida, así imos facendo segundo van comendo", defende.
Para o manexo diario da granxa preferimos ter carro propio porque nos parece moito máis eficiente e operativo
En canto aos traballos agrarios, din, "cada vez facemos menos porque cada vez estamos máis volcados coa granxa, así que facemos o imprescindible e o resto contratamos fóra". Traballan co parque de maquinaria da cooperativa Aira. "Tratamos de sacar dous cortes de herba e un de millo e iso obríganos a ter que facer todo tremendamente rápido. Ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo; ti non podes ter 10 tractores. É totalmente inviable. Polo tanto, para conseguir esa rapidez temos que contratar", xustifican.
Cada vez facemos menos traballo agrario porque ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo, e unha granxa non pode ter 10 tractores propios porque é totalmente inviable
As producións de millo nesta zona do sur da provincia de Lugo son bastante inestables e dependen moito da climatoloxía. "Poden variar un 25% dun ano a outro, están entre 30.000 a 40.000 quilos por hectárea dependendo de como veña o ano", explica Manuel. Por iso, tentan garantir un bo ensilado de herba. "Procuramos meter sempre a herba moi tenra, facendo dous cortes. Iso permítenos ir xogando un pouco coa herba e co millo na ración en función das cantidades que teñamos dunha cousa ou da outra", indica. Neste momento ás vacas de leite estanlles a dar 30 quilos de silo de millo, 11 de silo de herba, 0,3 de palla, 8,3 de bagazo de cervexa, 6,2 de colza, 4 de fariña de millo e 2 de núcleo. Reorganización das instalacións para ser máis eficientes Pretenden reunificar a recría e reubicar as vacas secas para traballar máis cómodos SAT Seixas está inmersa na actualidade nunha serie de obras de ampliación e mellora, para o que tiveron que solicitar informe de impacto ambiental. Non buscan sen embargo aumentar o número de cabezas, senón reconfigurar a explotación para facer o traballo de xeito máis doado e eficiente. "Agora mesmo non queremos medrar máis, estamos reorganizando todo para que a xente traballe máis cómoda e ser máis eficientes, é dicir, coas mesmas horas facer máis traballo, e perfeccionar o sistema, porque temos moitas cousas que mellorar aínda, evidentemente, porque fomos medrando a un ritmo tan alto que non nos paramos nos pequenos detalles, que é o que queremos facer agora", recoñece Manuel.
Teñen a recría repartida entre Taboada e Paradela, pero pretenden agrupala para mellorar o manexo e aforrar tempo e man de obra
Pretenden agrupar, por exemplo, a recría, que agora está dividida entre as instalacións das Seixas e o establo vello que tiña Manuel en Paradela. "Están aquí en Taboada até que son inseminadas e unha vez preñadas mandámolas para alí, onde son alimentadas con veza, pero unha vez que reagrupemos aquí toda a recría faremos varias racións diferenciadas no carro", avanza. En canto á fase de lactación, teñen as tenreiras en boxes, primeiro individuais e logo xa en grupos de tres. "Eu non son moito de amamantadora, prefiro os boxes, pero o que estamos facendo agora é xa reagrupalas de tres en tres antes do destete e logo xa van pasando a grupiños máis grandes en esterco. En Aldosende témolas en cubícolos e traémolas de volta para aquí dous meses antes de pariren", explica. Xuntan en boxes de tres prazas as becerras antes do destete e deste xeito conseguen que medren máis Para destetar non se basean tanto na idade senón en como come o animal, de maneira que se trata case dun destete individualizado a medida que van estando preparadas. "Miramos que coman un mínimo de catro quilos de concentrado ao día e aí é cando empezamos a destetar", explican. "Saen impresionantes, estamos cubrindo con 12 meses e eu xa digo sempre de broma que calquera día imos ter que empezar a inseminalas nos boxes polo tamaño co que saen", bromea Manuel.
Queremos empezar a dar ás becerras tres tomas de leite noso pasteurizado e empezar a xuntalas moito antes porque agrupadas medran moitísimo máis
"Neste momento damos dúas tomas de tres litros e medio cada unha pero outra das cousas que queremos pasar a facer é dar tres tomas do noso leite, en vez de lactoreemprazante. Aos tres días xa lles poñemos unha presa de penso e auga desde o primeiro día porque vaste dando conta de que a medida que van comendo máis, medran máis e crecen antes. Até que comen 2 quilos témolas con ese penso e despois desde os 2 ata os 4 quilos cambiámoslles a outro tipo de concentrado pero seguimos co leite. Eu penso que o maior segredo para que medren a esa velocidade está no leite. Antes destetabamos cando comían dous quilos de penso, agora non, agora agardamos ata os 4 quilos", detallan.
A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a produción das xovencas e mellorar as súas medias de leite ao primeiro parto
Fan un destete progresivo e están adiantando o reagrupamento dos animais. "Para destetar o que facemos é sacarlles unha toma e despois a outra, así non sinten nada o cambio cando lles sacamos o leite. Antes tamén tiñamos o costume de primeiro destetar e despois xuntalas, pero agora estámonos dando conta que é un erro, que é mellor xuntalas primeiro e logo destetar, medran máis así, se as xuntas antes, e estamos buscando a forma de adiantar ese agrupamento incluso", explican. A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a súa produción, mellorar as medias do primeiro parto e "non ter nunca xovencas paradas e coméndoche durante dous ou tres anos".
Medramos moi rápido até agora pero ultimamente xa estamos poñendo moito seme de carne porque non queremos medrar máis
Desde a súa creación SAT Seixas estivo volcada en aumentar o seu número de cabezas para poder acadar unha dimensión suficiente como para rendibilizar os investimentos realizados e facer viable o sistema de tres muxiduras diarias, pero agora o obxectivo é estabilizar a granxa. "Até agora inseminabamos todo con frisón e poñiamos sexado nas xovencas pero xa non queremos medrar máis e estamos xa case desbordados de recría, así que o que estamos facendo agora é poñendo sexado nas primeirizas e azul belga no resto, agás que sexa unha vaca que nos interese criar dela. Nalgunha xovenca que non nos interesa tamén poñemos carne, nese caso angus, por facilidade de parto. Ultimamente estamos traballando moito co sexado e seguramente acabemos poñendo só sexado para cubrir o reemprazo e carne no resto, porque os machos frisóns teñen moi pouco futuro", consideran. O "segredo a voces" dos xabaríns Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas Desde hai uns anos, esta gandería pon cara en primeira persoa a un problema xeralizado no agro galego: o dos ataques da fauna salvaxe. Os xabaríns destrozan ano si e ano tamén boa parte dos cultivos nesta explotación de Taboada, que xa probou todos cantos métodos había sen lograr resultados satisfactorios. "Probamos de todo: fixemos un investimento importante en pastores e pechamos todo con 25 pastores, pero iso era insostible, primeiro porque non era eficaz e logo porque tiñas que estar todos os días revisando os peches e repoñéndoos", din. Como aquilo non era solución ao ano seguinte probaron a pechar con malla de ovella unhas cantas fincas. "Ese ano funcionou moi ben, supoño que porque as outras estaban abertas e éralles máis cómodo ir ás outras, pero a medida que as fomos pechando todas xa empezaron a entrar por todos os lados. Logo puxemos malla de cadros pensando que esa non a furarían, pero entraban por abaixo. Usamos petardeiras, foguetes, cans, pero nada resulta efectivo. Ao xabarín non hai forma de controlalo, é un animal que se vai adaptando según lle vas poñendo atrancos, e cando o millo está en estado leitoso debe ser como unha droga para el e é imposible frealo a non ser que se fagan batidas razoables", defenden en SAT Seixas.
Hai Tecores que están colaborando con nós, facendo batidas cando hai danos, pero hai outros que non e aí é onde tiña que actuar a Xunta
Pero quéixanse de que non sempre atopan a receptividade agardada entre os cazadores. "O primeiro que fixemos foi falar con eles e o único que recibimos foron burlas e ameazas, pero desde que destapamos publicamente o problema, hai xente que empezou a colaborar con nós, cos gandeiros. Eu penso que nos últimos anos fixemos algo moi interesante, xa que fomos capaces de desmantelar ese segredo a voces que había aí oculto. Pero aínda hai outra xente que segue sen colaborar. Nós aquí temos fincas en cinco Tecores distintos e hai cazadores que en canto hai destrozos van e fan batidas, e iso minimiza os danos e fai que sexan asumibles, pero hai outros presidentes que levan décadas no cargo e que semella que seguen incrustados nas leis franquistas, pensan que todas as fincas son deles e non fan nada por axudar para evitar os destrozos. Aí é onde a Xunta tiña que tomar medidas e mirar a forma de buscarlles relevo para que entrara xente nova con outra mentalidade na directiva deses Tecores e con ideas adaptadas ás novas necesidades para poñerlle fin a este pesadelo que sufrimos as explotacións", defende Manuel, que calcula que "tranquilamente nos últimos anos podemos levar uns 600.000 euros de perdas e de gastos que se ven, porque hai outros que non cuantificas, como a terra que entra nos silos ou as vacas que enferman por clostridium. Os gastos son terribles. O ano pasado, por exemplo, foi horrible", din.
Calculan uns destrozos dunhas 20 hectáreas por ano, o que suporía máis de medio millón de euros en perdas desde que leva funcionando a SAT
Este ano nesta explotación optaron por mandar burofaxes aos cotos pero algúns deles actuaron unicamente para cumprir o expediente. "Viñeron facer unha batida con 5 persoas soamente para cubrir quilómetros e quilómetros de monte. Non podes vir nese plan", quéixanse. Ante a falta de colaboración están valorando dar un paso máis e presentar denuncias contra os Tecores e piden á Xunta, á que tamén se dirixiron con distintos escritos e peritación de danos, que se tome en serio o problema e actúe. "A solución aos danos da fauna salvaxe pasa pola ordenación do territorio. Con fincas de millo de só 2.000 metros cadrados rodeadas de monte é imposible resolver o problema", asegura Manuel. "Pídesenos que sexamos competitivos nestas circunstancias e cobrando os prezos do leite máis baixos de toda Europa. E aínda así en Galicia somos capaces de ser unha potencia producindo leite. Imaxínate que poderiamos facer se as condicións fosen outras", evidencia.

Xeou!, xeados da Ribeira Sacra con ingredientes naturais e entre o 40 e o 60% de leite

Montse co xeado de fresa recén sacado da mantecadora Nun pequeno obrador debaixo da oficina da granxa, a carón da sala de muxido, SAT Seixas transforma desde xuño de 2019 unha parte do leite que producen as súas vacas en xeados artesáns. O proxecto busca valorizar o seu leite, unha materia prima de primeira calidade que non sempre as industrias valoran como deberían. "Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Estaban os meus pais que non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel coas condicións que eles nos impoñen", denuncia Manuel. Levado un pouco por iso e tamén pola ilusión que sempre tivo de facer algo co leite das súas vacas, Manuel á súa muller, Montse, decidiron poñer en marcha unha iniciativa para levar dalgún xeito até o consumidor final o seu leite. Cando comezaron a darlle voltas a como darlle un valor engadido ao seu leite decantáronse polos xeados fronte a outros produtos como os queixos ou os iogures, porque pensaron que ese outro mercado podía estar xa máis saturado.
Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Os meus pais non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel
Aínda que neste momento a porcentaxe de leite que transforman é pequena, aspiran a poder incrementala. "Ogallá puideramos transformalo todo", din, aínda que prefiren de momento "seguir a pequena escala para poder mimar o produto e ofrecer un xeado gourmet de calidade". "Nós queriamos levar até o consumidor o que nós producimos, porque o consumidor cando vai ao supermercado merca algo que non se parece en nada ao que producimos os gandeiros. Aquí mimamos o produto, coidámolo e chegamos ao cliente cun produto de calidade", aseguran. Aproveitar o Camiño de Santiago Xeou! conta con tendas propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema de SAT Seixas, unha explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos. Neste momento contan con tres xeaderías propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa, onde comercializan tanto xeados como leite pasteurizado. No canto de decantarse por instalar os establecementos nas cidades, optaron por aproveitar que o Camiño de Santiago non pasa lonxe de Taboada. Bembibre está tamén moi preto do embalse de Belesar e das ladeiras do río Miño onde se producen os viños da Ribeira Sacra da subzona de Chantada. A súa idea sempre foi vender só nos seus establecementos, pero están a ter demanda por parte de distintos puntos de venda que queren contar tamén cos seus xeados.
Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema desta explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos
A explotación e o proxecto de transformación e comercialización do leite en forma de xeados son proxectos independentes pero que se poden axudar e complementar mutuamente. "Aquí non temos grandes industrias, temos o sector primario e o turismo. E pensamos en diversificar deste xeito, porque nos prezos do leite nunca temos garantía e se iso nun momento falla estarían as tendas dos xeados", razoan. O Camiño de Santiago era unha ruta que antes da actual pandemia movía milleiros de visitantes cada ano, e este ano estaría ateigado en pleno ano Xacobeo, pero o coronavirus frustou esas espectativas, así que neste momento é ao revés; o respaldo apórtao a gandería.
Tal como está o sector turístico e co investimento acabado de facer, o respaldo neste momento apórtao a gandería
Malia ao parón polo coronavirus, están convencidos do éxito de iniciativas coma esta. "En Galicia temos tantísimo potencial e tan mal explotado que é una mágoa. O Camiño de Santiago aporta moitísimas posibilidades. Cando abrimos no verán do 2019 en Portomarín, foras o día que foras desde as 4 da tarde ás 9 da noite vías a praza da vila ateigada de turistas e peregrinos. Temos aí un potencial que é terrible e témolo moi mal explotado, penso que Galicia está de moda e a esa xente que nos visita temos que ofercerlle produtos gourmet galegos", defende Manuel. Sen colorantes nin produtos químicos Os xeados fanse con leite e froita natural no seu momento óptimo de maduración Pero máis alá da afluencia de clientes, condicionada pola covid-19, Manuel e Montse están satisfeitos coa acollida que están a ter os produtos Xeou. "Os nosos clientes valoran a calidade que lles estamos ofrecendo, algo que non fan as industrias, que só se preocupan de meter leite nun cartón e cadrar os seus números a base de apertar e baixarlle o prezo ao gandeiro", di Manuel, que lembra a cara de satisfacción dos peregrinos xaponeses cando probaban o seu leite fresco pasteurizado.
Esa cremosidade e esa textura que diferencia os nosos xeados dalla o leite fresco recén muxido. Tan só pasteurizamos o leite por seguridade, pero é o único tratamento que lle facemos
"Dependendo do tipo de sabor, entre o 40% e o 60% dos xeados que facemos é leite", aclara Montse, que se encarga da parte de transformación e venda na xeadería e leva a xestión da granxa. "Elaboramos con leite recén muxido que é o que lle dá esa cremosidade e esa textura ao noso produto. Unicamente pasamos o leite por un proceso de pasteurización, é algo ao que nos obriga a normativa sanitaria. Logo mesturamos ese leite con produtos naturais, tratando de buscar tamén a orixe no resto dos ingredientes, como pode ser a fresa, a mandarina ou a avelá", explican. 30 sabores diferentes Un dos top venda é precisamente o xeado de avelá con chocolate. "É tamén o que máis traballo nos dá, facemos nós a pasta de avelá e é un sabor que non atopas noutros xeados", aseguran. Elaboran cada día xeados dun sabor diferente e van producindo segundo o consumo. "É un produto natural que é importante que se consuma canto antes e que non sufra cambios de temperatura. Se fas algo distinto é mais doado vendelo", razoa Manuel. O proceso é relativamente sinxelo. Co leite que vén do tanque de frío unha vez pasteurizado fan unha base sobre a que engaden o puré co sabor que toque ese día, elaborado con froita madura para que o azucre sexa natural, ao igual que o que aporta a lactosa do leite. Esa mestura de leite e froita pasa entón á mantecadora que tras un proceso de case unha hora devolve a crema inicial en forma de xeado. "Non hai segredos, o noso xeado non leva colorantes nin engadidos químicos. A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver nos xeados industriais. Por exemplo, o noso xeado de limón sabe a limón pero non é amarelo, é branco, porque o zume de limón é branco e non amarelo, e para que o xeado saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos", aclaran.
A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver na televisión. O noso xeado de limón é branco, porque o zume de limón é branco. Para que saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos
Neste momento contan xa cuns 30 sabores diferentes. "Unha vez que aprendes a técnica de facer os xeados, o resto é cuestión de ir probando e innovando nos sabores, nas mesturas de sabores e na formulación", indican. Nin Montse nin Manuel tiñan experiencia facendo xeados e tiveron que formarse. Viaxaron varias veces a Italia, onde fixeron cursos acelerados na Carpigiani University, preto de Bolonia, onde está a mellor escola de xeladería do mundo e visitaron xeaderías e feiras especializadas como a SIGEP. En Galicia contaron tamén coa axuda de Bico de Xeado, a empresa vinculada á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, outra das ganderías que nos últimos anos apostaron polos xeados para valorizar o seu leite. Formación para que as ganderías se animen a transformar Para aprender a elaborar xeados desprazáronse a Italia, onde realizaron varios cursos Para poñer en marcha o seu proxecto fóronlles concedidas dúas subvencións por parte da Xunta de Galicia, que "son positivas porque arrincar sempre é moi difícil", recoñece Manuel, que sen embargo considera que "tería sido moito máis útil que esa formación que nós nos tivemos que buscar pola nosa conta nola tivera facilitado a Administración, é dicir, que houbese algún programa de formación en Galicia que axudara ás explotacións que queremos transformar o noso leite a levar adiante o noso proxecto".
As subvencións están ben, pero axudaba tanto que houbera onde formarse. Nós idea de elaborar xeados non tiñamos e tivemos que ir aprender a Italia
Manuel opina que aí é precisamente onde está o futuro, a sustentabilidade e a rendibilidade para as ganderías polo que desde a Administración se debería apostar por estas iniciativas e non tanto por grandes proxectos industriais de multinacionais foráneas que se asentan en Galicia buscando materia prima barata. En SAT Seixas a maiores das entre 8 e 10 persoas que atenden a granxa, o primeiro ano chegaron a ter outras 5 persoas para elaboración dos xeados e comercialización nas súas tendas, postos de traballo que serven para crear riqueza e asentar poboación no rural.
Xestionar unha explotación é moito máis complicado que facer xeados
É o hábitat no que Manuel se sinte cómodo. Montse é madrileña e cando el ía vela aló "desde La Bañeza xa ía agobiado pensando en onde ía aparcar", di. Animan a outras granxas a dar o paso que eles deron porque malia tratarse dun mundo que require de certo grao de especialización, Manuel considera que "xestionar unha explotación é moito máis complicado ca facer xeados" e destaca o mérito dos gandeiros e gandeiras de Galicia, que nos últimos anos foron capaces de facer competitivas as súas granxas nun escenario de prezos baixos e déficits estruturais no sector, que seguen sen corrixirse. Unha vez máis, e pese a ter que atender moitas frontes, Manuel demostra ser "gandeiro por riba de todo".

“Hoxe en EEUU un 5% das granxas muxe case o 60% do total de vacas leiteiras do país”

No seu día a día Gustavo Schuenemann, veterinario e profesor do departamento de Medicina Preventiva na Universidade de Ohio (Estados Unidos), traballa man a man con produtores e asesores en vacún de leite de todo o estado, actividade que compaxina coa docencia. Ademais é especialista en cuestións como o manexo da vaca de transición, a xestión de persoal e as tecnoloxías de precisión nas gandarías de vacún de leite. Con el coñecemos as preocupacións dos gandeiros norteamericanos, á vez que lle pedimos algunhas recomendacións para abordar os principais retos na produción de vacún de leite. -Cales son as principais preocupacións dos gandeiros en Estados Unidos? -Para entender a un produtor leiteiro hoxe, hai que entender os cambios que sucederon na industria leiteira. En xaneiro de 2020, había 9.3 millóns de vacas distribuídos nunhas 34.200 granxas cunha produción media de case 11.000 litros por vaca ao ano para unha poboación de 328 millóns de habitantes. Nos últimos 20 anos, pecháronse aproximadamente o 50% das granxas, a unha taxa media de preto de 2.300 granxas ao ano, isto equivale a 6,3 granxas por día, a maioría de menos de 500 vacas. Actualmente, a industria leiteira está nun proceso moi forte de consolidación con algúns sistemas de produción integrados en leiterías de 10.000 a máis de 100.000 vacas e a produtividade media anual por vaca aumentou en case 3.000 litros. Esta consolidación na industria leiteira mudou a forma de traballar, desde o profesional consultor aos provedores de insumos, con mellor consistencia nos procesos de produción. As principais preocupacións do produtor leiteiro son a perda de rendibilidade no negocio leiteiro, a falta de empregados, o manexo de xurros e cumprir coas demandas dos consumidores. Sen dúbida, eficientizar e mellorar a consistencia nos procesos de produción son tamén prioridades para poder dar continuidade ao negocio leiteiro, pero cunha forte énfase en mellorar benestar animal, sustentabilidade e tendo en conta as demandas dos consumidores. Esta crise de Covid-19 amosounos que os andeis baleiros no supermercado xeran moito medo a todo nivel, pero os campos sen cultivar ou pechados pode ser devastador para un país. Momentos como estes lémbrannos a todos a importancia de ter un sistema de produción de alimentos sólido para garantir a seguridade alimentaria dunha nación.
"Nalgunhas granxas revertemos a falta de empregados cubrindo gastos asociados como transporte, vivenda ou oportunidades de educación para os empregados e as súas familias"
-Á xestión do persoal na granxa cada vez estáselle a prestar máis interese e tamén hai máis dificultades para conseguir traballadores, Por que é complicado atopar xente que queira traballar nas granxas estadounidenses? -É sen dúbida un fenómeno social multifactorial onde probablemente inflúen as expectativas do traballo no calendario semanal, acceso a máis oportunidades de educación, ou simplemente vivir preto de comunidades con mellor infraestrutura (internet, saúde, vivenda, tendas, etc.). A falta de empregados nas empresas rurais é un fenómeno global, aquí en EEUU, e tamén observo a mesma tendencia en Sudamérica e Europa. Nalgunhas granxas puidemos reverter parte da falta de empregados cubrindo os gastos asociados: transporte ou vivenda, oportunidades de educación para os empregados e as súas familias, e prover xantar ou roupa de traballo. -Na súa opinión, cales son as claves para lograr o éxito na contratación de persoal en gandarías de vacún de leite? -Hoxe en moitas granxas están satisfeitos con só poder cubrir os postos de traballo vacantes. É necesario definir claramente as responsabilidades, habilidades necesarias, rol do empregado na granxa e expectativas (transmitir claramente a cultura de traballo e a misión da granxa). Durante a entrevista de traballo é importante avaliar a actitude do futuro empregado. As persoas teñen a capacidade de aprender e sobreporse a limitacións, pero é moi difícil e custoso resolver problemas de actitude (non me importa, falta de atención aos detalles ou compromiso, etc.). Nos nosos programas de adestramentos démonos conta de que unha persoa con actitude negativa termina tendo mal desempeño, a pesar de ter excelentes coñecementos e habilidades. Hoxe damos máis importancia a unha persoa con actitude positiva que ao seu coñecemento e habilidades, porque isto podémolo mellorar moi rapidamente dentro da granxa. -A produción de leite en EEUU nos últimos anos evolucionou cara a granxas cada vez de maior tamaño, as coñecidas como megagranxas. Son xa o presente e serán o futuro da gandaría de vacún no país? -A industria leiteira consolidouse fortemente nos últimos 20 anos con menos granxas, pero de maior tamaño en número de vacas. Hoxe en EEUU, un 5% das granxas (con 1.000 vacas ou máis) muxe case o 60% do total de vacas leiteiras. A medio prazo, a consolidación de granxas leiteiras continuará con énfases para mellorar eficiencia nos procesos, integradas coas comunidades locais e recursos naturais (terra, auga e enerxía) tendo en conta as demandas dos consumidores para dar sustentabilidade ao sistema de produción.
"O gandeiro debe estar atento aos cambios e demandas de alimentos para poder adaptar o seu sistema a tempo, transformar desafíos en oportunidades e así poder seguir no negocio leiteiro"
-En Europa, aínda que en menor medida, tamén se viu este cambio cara a gandarías de maior tamaño en decremento das unidades familiares, o que habitualmente suscita críticas. Que opina deste modelo de megagranxas tan afastado das gandarías familiares? -A consolidación da industria leiteira é unha realidade global, aquí en EEUU pero tamén en Europa, Sudamérica e Asia. A maioría das granxas de máis de 1.000 vacas seguen sendo familiares, pero a maior escala. En termos de eficiencia, as granxas grandes aumentaron a produtividade individual dos animais co uso de estándares definidos de benestar animal e están a traballar moito en sustentabilidade con especial atención ás demandas dos consumidores. A falta de empregados é un desafío, pero a tecnoloxía de precisión ofrece oportunidades para automatizar procesos. É importante destacar que tamén vemos produtores con 300 vacas eficientes e explorando oportunidades para comercializar o seu leite a través de asociacións, producindo leite ecolóxico ou A2A2 para cubrir demandas específicas dos consumidores. Indistintamente do tamaño da granxa, o gandeiro debe estar atento aos cambios e demandas de alimentos para poder adaptar o seu sistema a tempo, transformar desafíos en oportunidades e así poder seguir no negocio leiteiro. O traspaso do negocio dunha xeración á seguinte é un tema importante que require un plan, compromiso e visión a medio-longo prazo para coordinar unha transición ordenada e así dar continuidade ao negocio. Nas ganderías pequenas este traspaso xeracional non esta tan claro e as baixas marxes de rendibilidade xeran incerteza que impacta sobre a viabilidade do negocio a futuro. -Mellorar a produtividade é un dos obxectivos habituais nas gandarías e que abordou en distintos traballos, Algunha recomendación para logralo? -O negocio leiteiro é a arte de controlar variación e manexar risco. Os sistemas eficientes en producir leite caracterízanse por unha forte énfase no recurso humano, cun programa definido para manexar o período de transición con procesos simples pero efectivos. Debe contarse cun programa eficiente para producir forraxes de calidade e un programa de recría definido e eficiente para lograr consistencia no desenvolvemento das futuras nais. Todos estes puntos teñen que estar integrados nun programa de benestar animal e sustentabilidade. -Que priman na actualidade as gandarías estadounidenses na produción de leite: cantidade ou calidades dos sólidos? Fixo a industria unha aposta clara neste sentido? -Nas últimas décadas, o leite págase en base a sólidos totais con bonificacións por calidade. Por tanto, houbo unha mellora xenética moi marcada nos últimos 30 anos a través de elixir touros positivos en sólidos (proteína e graxa) e con menos mastite. Hai unha tendencia moi marcada a pagar o leite en base a sólidos (principalmente proteína) e calidade, con nichos de mercado orientados a diversos grupos de consumidores desde compra local, leite ecolóxico ou produción de lácteos sen uso de millo transxénico (GMO). -Hai interese por incorporar outras razas ás granxas máis aló da Holstein?  -O 86% das vacas leiteiras en EEUU son Holstein e o resto están distribuídas nas demais razas como Jersey, Parda Suíza, Guernsey, Ayrshire, Shorthorn leiteiro, e Red and White Holstein. Tamén hai algunhas granxas que usan cruces entre Holstein, Red Holstein, Montbeliard e Jersey con moi bos resultados en termos de produción de leite con altos sólidos totais (3.7% proteína e 4.2% graxa), calidade de leite (menos de 100.000 células somáticas por mililitro) e eficiencia reprodutiva (30% TP 21 días). Indistintamente do tipo de vaca, hai un gran interese polo uso da tecnoloxía xenómica para seleccionar animais (touros e as xovencas de remprazo) con alta produción de sólidos totais, mellorando saúde e reprodución, pero sen resentir produción de leite.

"As granxas que apostan polo benestar animal logran mellorar a lonxevidade nos animais e a rendibilidade económica"

-Outro dos aspectos ao que cada vez se está dando maior importancia é o benestar da vaca. Cales son as pautas que máis contribúen a mellorar o confort do animal? En que inciden as gandarías estadounidenses? -O confort está definido polas cinco liberdades do benestar animal: acceso a unha dieta balanceada con auga, instalacións que ofrezan termoneutralidade (evitar o estrés calórico ou frío), instalacións limpas e ben ventiladas que permitan expresar o comportamento normal (descansar, comer, camiñar, etc.), animais libre de dor e enfermidades ou lesións, e  unha interacción positiva entre os animais e as persoas para evitar animais medorentos. En termos prácticos a nivel da granxa, traballamos nas seguintes 4 áreas: 1) Definir o manexo: Integrar os protocolos, persoas, animais, alimento/auga e as instalacións para definir os procesos no sistema de produción. 2) Monitoreo dos procesos: Establecer un control de calidade a través dun panel de control usando indicadores líderes (horas de descanso das vacas, dispoñibilidade de alimento, etc.) e atrasados (eventos de saúde, calidade de leite, reprodución, etc.) para determinar como responden as vacas ao manexo. 3) Capacitación dos empregados: Integrar instalacións e manexo (persoas e protocolos) para lograr consistencia. 4) Certificación: avaliación independente dos puntos anteriores para dar transparencia ao sistema de produción de leite. O benestar animal lógrase integrando as instalacións e o manexo, persoas e protocolos, con confort e saúde para darlles unha boa vida aos animais. Ao final do día, as granxas que apostan polo benestar animal logran mellorar a lonxevidade nos animais e a rendibilidade económica.
"A vaca ten unha marcada necesidade de descansar unha media de 12 horas ao día e este comportamento ten prioridade sobre o consumo de materia seca”"
-Unha das áreas de traballo nas que se especializou é o período de transición das vacas. Cales son os principais erros que, na súa opinión, adoitan cometerse no manexo do gando durante esta fase? -Formular unha dieta correctamente ou administrar unha vacina é moi importante, pero non necesariamente soluciona os problemas de saúde ou baixa produtividade. Nestes últimos anos, a investigación aplicada sobre o comportamento das vacas en transición amosounos que as vacas teñen unha marcada necesidade de descansar, unha media de 12 horas por día, e isto ten prioridade sobre o consumo de materia seca. Hoxe sabemos que sen un descanso consistente por falta de confort (camas duras ou molladas, sobrecarga dos currais, estrés calórico, etc.) é moi difícil promover altos consumos de materia seca e produtividade, indistintamente de como formulemos a dieta. A vaca deitada ten aproximadamente un 30% máis de fluxo sanguíneo na glándula mamaria comparado con cando está parada. A vaca come parada e déitase co rumen cheo, e isto explica o aumento en produción de leite cun mellor confort.
-Están concienciados os gandeiros de leite de EEUU coa produción libre de antibióticos? -É importante aclarar que o leite que chega ao consumidor é libre de antibióticos ou os seus residuos. As plantas procesadoras monitorean frecuentemente a presenza de antibióticos en leite e a nivel das granxas os produtores leiteiros seguen os protocolos establecidos polos seus veterinarios para evitar a introdución de residuos na cadea alimentaria, tanto de leite como de carne. Na década de 1990 comezou un marcado crecemento do leite ecolóxico, regulada polo National Organic Program do USDA e onde o uso de antibióticos non está permitido. A partir do 1 de xaneiro do 2017 tivemos cambios significativos a través da axencia federal Food and Drug Administration onde se regulou o uso de antibióticos en animais de granxa incluíndo abellas e peixes. Hoxe tamén temos granxas convencionais onde producen leite, pero sen o uso de antibióticos en vacas lactando. -Que pautas seguen para lograr reducir os antibióticos? -Basicamente implementando un sistema de traballo cunha forte énfase en prevención e mellora continua. Traballamos en integrar as instalacións cun programa eficiente de manexo (recría, vacas en transición e calidade de forraxes) e capacitación do recurso humano para optimizar consumo de materia seca, previr enfermidades e optimizar produtividade mellorando o benestar animal.
"Un programa de recría eficiente proporciona 5 litros máis de leite ao día e case 5 puntos porcentuais máis de taxa de preñez"
-En materia de prevención, cales son baixo o seu criterio os aspectos nos que máis deben incidir os gandeiros coas vacas en produción? -Hai cinco áreas que son fundamentais para poder previr enfermidades e lograr procesos máis eficaces: 1) Instalacións: Principalmente deseñadas con conceptos modernos para promover unha interacción positiva entre os animais, as instalacións, a dieta, as persoas e o ambiente porque isto determina o confort. O confort marca o consumo de materia seca, saúde e produtividade. É moi difícil lograr consumos de materia seca sen ter confort nos animais indistintamente como este formulada a dieta. Mellorar o confort con instalacións amigables para os animais e o persoal tendo en conta os procesos. 2) Programa de recría: Deseñar un programa simple pero eficiente para lograr crecemento constante de ganancia de peso vivo maior ou igual a 0,9 quilos por día nas xovencs de remprazo entre o nacemento e o parto. As tenreiras, principalmente os primeiros 60 días de vida, necesitan gañar máis de 0,5 quilos ao día para que funcione o seu sistema inmunitario. Por exemplo, as tenreiras que nos seus primeiros 60 días de vida tiveron unha ganancia de peso vivo maior ou igual a 0,9 quilos ao día producen 2.000 litros máis de leite por lactación comparado coas que medraron a unha taxa de menos de 0,5 quilos por día. Hoxe a tecnoloxía xenómica permítenos seleccionar animais (touros e xovencas) con mellor saúde (mastite, metrite, pneumonía) sen que se resinta a produción de leite ou sólidos. Un programa de recría eficiente proporciona 5 litros máis de leite ao día e case 5 puntos porcentuais máis de taxa de preñez. 3) Programa de transición: Deseñar un programa simple pero efectivo para optimizar o confort e consumo de materia seca, e así evitar enfermidades metabólicas (hipocalcemia e cetose). Programa de vacinación que se axuste ás necesidades de cada granxa. Mellorando o confort logramos mellores consumos de materia seca, menos enfermidades metabólicas na lactación temperá cunha mellora significativa en produción de leite e reprodución. Isto ten un efecto positivo sobre lonxevidade e rendibilidade do negocio leiteiro. 4) Programa para producir forraxes de calidade: Isto é moi importante para dar consistencia ao sistema de produción leiteira no tempo. Sen forraxes de calidade é moi difícil ofrecer unha alimentación balanceada, a cal afecta á saúde (cetose, DA), produción de leite e reprodución. O sistema inmunitario dos animais non funciona adecuadamente sen unha dieta balanceada e que estea ao alcance dos animais, indistintamente de que tipo de vacina usen. 5) Capacitación do persoal: Un programa de capacitación que sexa consistente cos protocolos establecidos e as instalacións. Implementar un sistema de traballo con forte énfase en prevención e mellora continua. A falta de empregados ou profesionais en agricultura é unha tendencia global. Necesitamos formar líderes e capacitar o recurso humano existente con ferramentas e conceptos modernos. Traballo en equipo, liderado e comunicación son esenciais en sistemas modernos de produción. Crear unha cultura no ambiente de traballo que fomente unha interacción positiva entre os animais e as persoas integrada con benestar animal e sustentabilidade. -Como están a abordar o secado? -Nas granxas ecolóxicas non está permitido o uso de antibiótico ao secado. En granxas convencionais hai tres opcións: o secado tradicional con antibióticos, a terapia selectiva sen antibiótico en vacas de baixo risco (tendo en conta o reconto de células somáticas e os casos de mastite clínicas) e ofrecer unha dieta baixa en enerxía unha semana antes do secado: a dieta das vacas secas. En granxas con vacas en alta produción ao momento do secado, é dicir cuns 25 litros por día, fórmase un grupo de vacas semanalmente e son alimentadas coa dieta das vacas secas durante unha semana antes do secado seguindo a rutina de muxido diario. A produción de leite baixa aproximadamente o 60% e isto diminúe substancialmente o risco de contraer infeccións intramamarias ao secado. A perda de leite esta compensada por unha mellor calidade de leite na seguinte lactación e as bonificacións recibidas por calidade.
"Hai unha tendencia a incorporar tecnoloxías de precisión na granxa sen comprometer o impacto ambiental e prácticas de manexo rexenerativas"
-Outra das preocupacións actuais no sector gandeiro europeo é a xestión de residuos e a redución de emisións, que tratamento dos xurros realizan as granxas norteamericanas? É un problema na actualidade? É unha prioridade a redución do impacto ambiental nas macrogranxas? -O manexo dos residuos (materia fecal do gando) e a auga é unha prioridade absoluta nas granxas leiteiras. Hai varios sistemas para o tratamento de xurros desde sistemas de biodixestores, compostado, separador de sólidos con almacenamento de materia fecal líquida (piletas ou lagoas con procesado anaeróbico e aeróbico). Hoxe vemos empresas agropecuarias medindo o impacto ambiental dos seus procesos de produción e mellorando a utilización dos recursos naturais (nutrientes do solo, auga e enerxía). Hai unha marcada tendencia a incorporar tecnoloxías de precisión sen comprometer o impacto ambiental e prácticas de manexo rexenerativas (biodixestores, paneis solares, reciclar auga ou nutrientes, uso de cultivos de cobertura sen herbicidas, etc.) no sector agropecuario en xeral e en granxas leiteiras en particular.
-Como ve o futuro do sector leiteiro estadounidense? -Necesitamos mirar ao medio prazo. Nos próximos 10 anos, seguindo a tendencia de consolidación actual, é moi probable que teñamos a mesma cantidade de vacas leiteiras (aproximadamente 9,3 millóns) pero en 11.200 granxas, eficientes en termos de producir sólidos (principalmente proteína) e sustentables, con énfase en tecnoloxías rexenerativas. Hoxe vemos sistemas de produción de alimentos completamente integrados cunha cadea de provedores establecidas, involucrándose activamente coa comunidade local, medindo o impacto ambiental e cunha loxística que vai do campo á mesa do consumidor. As innovacións poderíaas resumir en catro áreas: 1) Deseño de instalacións modernas para optimizar procesos tendo en conta o medio ambiente, facer máis eficientes os recursos dispoñibles para obter forraxes de calidade e mellorar o confort dos animais e as persoas. Isto ten un impacto positivo en benestar animal e produtividade. Hoxe temos o coñecemento para poder integrar estes conceptos con automatización de procesos e xeración de enerxía alternativa en distintos sistemas (pastoril, lote seco, cortellos libres ou compost). 2) Automatizacións de procesos para facer máis eficientes os recursos, telecomunicacións audiovisuais en tempo real, e crear unha rede de traballo integrada para dar soporte ao recurso humano responsable de executar tarefas no día a día. Hoxe podemos conectarnos a través de smart-glasses (lentes intelixentes equipados con cámaras e micrófonos) a miles de quilómetros de distancia e poder resolver en tempo real un problema puntual. Esta tecnoloxía revoluciona a forma de aprendizaxe e trae oportunidades a comunidades rurais. Tamén existen, en desenvolvemento, impresoras 3D para imprimir no lugar de traballo as partes ou repostos dos equipos ou implementos necesarios para producir alimentos. 3) Tecnoloxía xenómica ten un potencial enorme para dar respostas concretas na selección de animais adaptados ás necesidades de cada rexión ou país (produtividade, saúde, reprodución, lonxevidade, etc.) con impacto medible en sustentabilidad.
"Hoxe necesitamos  programadores para integrar datos, visualizar a complexidade dos sistemas de produción e mellorar a toma de decisións na granxa"
4) Formar profesionais e líderes comprometidos tendo en conta as novas demandas. Este proceso necesita que nós, os responsables de formar profesionais e capacitar empregados, debemos identificar estas necesidades para poder transformalas en oportunidades e axustar prioridades educativas. Todo cambio é doloroso, pero é necesario para contribuír de forma proactiva ás demandas a medio e longo prazo dun país. Ademais de veterinarios, nutricionistas ou enxeñeiro agrónomos, hoxe necesitamos programadores de aplicacións dixitais para integrar datos, visualizar a complexidade dos sistemas de produción e mellorar a toma de decisións ou para dar transparencia aos procesos. Necesitamos comunicadores ou 'influencers' no agro para conectarnos coas novas xeracións de consumidores e poder contar a historia e feitos de forma transparente.

Oferta de emprego nunha gandería de leite de O Páramo

A gandería Pena Guisande SC, do concello lucense de O Páramo, busca un empregado para colaborar nas tarefas diarias desta granxa de leite. As funcións a desempeñar céntranse principalmente no muxido das vacas, así como, de xeito complementario, deberá colaborar coa realización do resto de traballos da gandería, como a alimentación do gando, o mantemento das camas, a limpeza dos silos… A gandería conta cunhas 400 cabezas de gando das que ten 240 en muxido. A intención é que a persoa contratada se encargue do muxido dunha parte do rabaño, que se atopa nunha granxa próxima ás instalacións principais. Polo momento, o muxido realizarase en sala, pero na gandería están pendentes da instalación dun robot de muxido, polo que unha vez que o fagan tratarase de supervisar o funcionamento deste. Nestes momentos, na gandería xa teñen contratado outro empregado que colabora xunto cos propietarios na atención do gando, pero dada a carga de traballo actual están buscando incrementar o cadro de persoal. Ademais, dende a gandería tamén informan de que o empregado poderá optar a alugar unha vivenda próxima á granxa. As persoas interesadas nesta oferta poden poñerse en contacto con Adrián chamando ó teléfono 680 84 81 88. Ó igual que esta granxa, outra gandería familiar situada no Páramo tamén está a procurar un empregado para colaborar no muxido e as tarefas diarias. Neste caso trátase dunha gandería de menor tamaño, cuns 40 animais en muxido, que precisa incorporar persoal.

Que retos se lle presentan ás gandarías de vacún de leite a curto prazo?

Tres gandarías de vacún de leite destacadas na actualidade pola súa xestión e resultados analizan os retos e desafíos que se presentan para as súas granxas nos próximos anos. A Granxa San José, en Huesca; a Granxa Santa Teresa, situada en Toledo e a SAT Busto Corzón (Mazaricos, A Coruña) fixeron ao longo dos últimos anos unha clara aposta pola profesionalización, o crecemento e a optimización das súas gandarías. A pesar das súas diferenzas en canto a tamaño e traxectoria, coinciden á hora de sinalar algúns dos principais retos para as súas gandarías no futuro. Nos tres casos, os gandeiros que impulsaron estas granxas viven con paixón o coidado dos seus animais. Repasamos a continuación a visión de cada gandería, que expuxeron os produtores nunha mesa redonda organizada por MSD Animal Health.

A xestión do persoal

Un dos retos que coinciden en sinalar dende as 3 gandarías é a xestión do persoal, non só polas dificultades que constatan para conseguir empregados, senón por lograr a súa implicación. "O máis importante na gandaría é o capital humano, por iso nós tentamos que os nosos traballadores se sintan importantes polo labor que realizan na granxa, aínda que non imprescindibles", explica Manuel Sánchez Tienza, encargado da gandaría Santa Teresa.
"Tentamos que os nosos traballadores se sintan importantes, aínda que non imprescindibles, polo labor que realizan na granxa": (Manuel Sánchez, granxa Santa Teresa)
Para lograr unha maior eficiencia dos seus traballadores, na granxa San José optan por fixar pautas organizadas de traballo. "Establecemos protocolos e realizamos un seguemento e control das tarefas para que o persoal saiba o que ten que facer e como. Ten que haber unha estratexia de xestión do persoal", detalla José María Pont, veterinario e gandeiro propietario da granxa San José. Nestes momentos, a gandaría conta con 75 traballadores, 50 deles centrados na produción láctea e a recría; 15 operarios en produción agrícola, 6 empregados de mantemento e 4 na sección de administración. Unha opinión semellante teñen na SAT Busto Corzón, situada en Mazaricos (A Coruña), onde destacan a importancia de contar con persoal cualificado e que comprenda aos animais. Nesta gandaría son moi conscientes da carga de traballo que implica no día a día atender a granxa, xa que precisamente gañar en calidade de vida foi un dos motivos polos que as tres familias socias formaron a sociedade hai 11 anos. "Para nós é fundamental conseguir que o persoal se adapte e formalo para que coñeza ben aos animais e os manteña controlados", explica José Manuel Fernández, un dos socios da gandaría. "Nestes momentos, na granxa temos este tema canalizado, de feito contamos tamén cun veterinario na gandaría para axudarnos no coidado directo dos nosos animais", detalla. Actualmente teñen unhas 900 cabezas de gando, con 450 vacas en muxido e unhas 80 vacas secas.
"É fundamental conseguir que o persoal se adapte e formalo para que coñeza ben aos animais e os manteña controlados" (José Manuel Fernández, SAT Busto Corzón)
Os gandeiros tamén asumen a necesidade de proporcionar salarios competitivos e boas condicións aos seus traballadores. "Temos que conseguir que o traballador que tes na granxa non se vaia á fábrica por cuestión do salario", indican desde a Granxa Santa Teresa. Sala de muxido da granxa San José, en Huesca, considerada a gandería con máis vacas de España. // Foto MSD. Para garantir esa fidelización dos seus traballadores, unha das metas que contemplan na Granxa San José é a subida dos salarios. Para logralo, entre outros axustes, buscan incrementar a marxe bruta, mellorando a calidade das forraxes. "Hai que facer un produto de máxima calidade, a un prezo razoable e en cantidade, para reducir así o custo da alimentación", explican. Nesta gandaría, a sección de produción forraxeira encárgase de xestionar 1.200 hectáreas nas que obteñen o 100% das forraxes que necesitan para alimentar ás 6.500 cabezas de gando que teñen na actualidade, das que 3.600 son vacas en produción. Tamén teñen presente o papel determinante que pode xogar a xestión das compras, por iso esperan mellorala con previsións máis axustadas para evitar estar a mercé das variacións do mercado.
"En Granxa San José levamos 15 anos traballando cun programa de incentivos. Cremos que é unha forma de estimular ao persoal" (José María Pont, propietario da gandaría)
Un dos mecanismos dos que botan man nesta gandaría para lograr unha maior implicación do persoal son as primas. Das tres granxas participantes no coloquio é a única que considera positivo contar cun programa de incentivos, que leva aplicando desde hai 15 anos e que supón entre un 10 e un 15% do soldo dos traballadores. "Hai que saber manexalo, pero creo que é unha forma de estimular ao persoal, aínda que deben definirse ben os obxectivos que permitirán cobrar as primas", detallan desde Granxa San José.

As esixencias ambientais

Outro dos desafíos que contemplan nestas gandarías para os próximos anos son as esixencias en materia ambiental, derivadas das políticas verdes europeas e que xa se traduciron ao campo español co proxecto de Decreto de Nutrición Sustentable nos solos agrarios, que suporá cambios directos no seu día a día. "A curto prazo adaptarse aos requirimentos ambientais é un tema que nos preocupa, sabemos que imos ter que realizar investimentos en cuestións como a xestión dos xurros", explican desde a gandaría galega. De feito, un dos investimentos prioritarios que están a estudar é o sistema de separación da fracción líquida e sólida dos xurros para o seu aproveitamento. Na Granxa Santa Teresa, cunhas 420 vacas en ordeño e unhas 350 novillas, axustarse á nova normativa ambiental é tamén un dos retos para os próximos meses. "Cumprir a nova normativa vai supor un esforzo na granxa", valora o responsable da gandaría.
As granxas prepáranse para afrontar investimentos coas que adaptarse aos novos requisitos ambientais, sobre todo en xestión de xurros
A xestión de residuos, un dos principais eixos das políticas ambientais, é unha das cuestións que preocupa ás gandarías non só na actualidade senón ao longo dos últimos anos. Ao preguntarlle sobre aquelas cuestións que encararían de forma diferente se puidesen retroceder no tempo 15 anos, na Granxa San José valoran que a xestión dos xurros sería un dos aspectos aos que prestarían máis atención, "aínda que tampouco foi fácil prever cara a onde había que canalizar os esforzos, xa que tivemos unha normativa moi cambiante", comenta Pont. Recría da granxa Santa Teresa, en Toledo. // Foto MSD.

A recría e o confort do animal

Nos últimos anos, as 3 gandarías fixeron esforzos por mellorar o confort e benestar dos seus animais, tanto das vacas en produción como dos exemplares máis novos. Recoñecen que coidar a recría require un investimento destacado. "Cando empezamos coa SAT centrámonos en producir leite para poder afrontar os investimentos en instalacións que realizamos. Tivemos que comprar moitas xovencas francesas e alemás, xa que as nosas vacas non nos chegaban, pero agora para nós a recría e a aposta pola xenética é un dos alicerces da gandaría", explican na SAT Busto Corzón. No seu caso, levan un ano cun programa para monitorear e controlar a súa recría. "Polo momento non temos moitos datos, pero así sabemos o que criamos e temos", detalla. Unha das apostas desta granxa é o leite A2A2, unha acción subvencionada pola Cooperativa Clun á que pertencen. "Ter recría propia custa moito diñeiro, xa que o mellor vai para estes animais desde o primeiro día, para así lograr animais sans e que cheguen antes á primeira inseminación", concreta o gandeiro. Hai anos a primeira inseminación situábase ao redor dos 15 ou 16 meses, hoxe rozan xa os 13 meses, o seu obxectivo.
"É máis caro criar un animal na granxa en boas condicións que importalo de países como Francia, pero ofréceche outras vantaxes, sobre todo a tranquilidade que che proporciona a nivel sanitario" (Manuel Sánchez, gandería Santa Teresa)
"Hai 15 anos a recría era a gran esquecida, non se lle daba a importancia que ten na granxa. As granxas están a ver que en temas de produción láctea está a tocarse teito e empezan a valorar máis a recría", indican na gandaría Santa Teresa."É máis caro criar un animal na granxa en boas condicións que importalo de países como Francia, pero ofréceche outras vantaxes, sobre todo a tranquilidade que che proporciona a nivel sanitario", destaca Manuel Sánchez na granxa Santa Teresa. Por este motivo, as tres gandarías realizan un programa completo de vacinación tanto da recría como das vacas adultas. "O máis económico é previr, xa que coas infeccións os custos dispáranse", argumenta. Na Granxa San José márcanse dous obxectivos principais: incrementar as producións vitalicias e conseguir unha recría máis rápida, con animais máis sans. Contan cun estudo de custos de produción da recría pormenorizado no que se inclúen desde os gastos de medicación, alimentación, seme ou man de obra. "Criamos 1.200 xovencas cada ano polo que temos que coñecer os custos de produción para saber se se pode aforrar nalgunha partida", detalla Pont.
Na granxa San José crian 1.200 xovencas cada ano e contan cun programa de control dos gastos para optimizar a súa crianza
Tamén teñen previsto mellorar as instalacións para as tenreiras máis novas e sopesan instalar unha amamantadeira, así como os sistemas de casetas. "A nosa intención é lograr xovencas de gran calidade a mínimo custo, para o que a alimentación é clave. Contar con instalacións adecuadas e un bo programa vacinal é fundamental para evitar mortes", apunta. Xunto coas xovencas, a análise xenómica é outro dos retos na gandaría. "Pode ofrecernos moita información sobre os animais, pero tamén necesitamos profesionais que saiban analizar estes datos e sacarlle partido", reivindica.

Dispor de terra

No caso da gandaría galega, un dos desafíos é lograr base territorial, debido ás limitacións que existen e que xa supuxeron os maiores obstáculos cando decidiron fundar a SAT. "É moi complicado conseguir terra, hai moitas leiras moi pequenas que non se adaptan ás necesidades para producir forraxes", explica o gandeiro. A súa granxa atópase nun dos municipios con maior concentración de vacas e produción leiteira de Galicia, Mazaricos, polo que a competencia pola terra é moi elevada. A día de hoxe, conseguir terra segue sendo un dos retos que ven na gandaría.

Medio Rural estuda crear cuadrillas de substitución para granxas afectadas pola Covid-19

A Consellería de Medio Rural está a avaliar a creación de cruadrillas de peóns para facer substitucións naquelas ganderías cuxos propietarios ou traballadores se vexan afectados directamente polo coronavirus e teñan que afrontar a enfermidade ou pasar unha corentena. Estas cuadrillas estarían integradas por peóns agrícolas especializados en muxido e maquinaria. A medida inclúese nun paquete de propostas que a administración está a estudar para afrontar as consecuencias da Covid-19 nos distintos sectores agrarios e gandeiros. Aínda por concretar os pormenores, a disposición anunciouse nunha reunión celebrada a comezos de semana e na que participaron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e organizacións agrarias. A proposta de poñer en marcha distintas brigadas para garantir que a actividade nas ganderías poida continuar en caso de sufrir un contaxio por coronavirus responde a unha petición realizada por Unións Agrarias, que se amosa satisfeita coa sensibilidade da Consellería respecto desta situación. “Hai un problema real para os gandeiros cun positivo de Covid-19, posto que poden illar ós traballadores dunha granxa e a gandería é unha actividade que non pode esperar”, explica José Ramón González, responsable de Agricultura e Producións Extensivas de Unións Agrarias. A organización agraria solicítalle ademais á Consellería a continuidade destas cuadrillas de substitución no sector gandeiro. “O que demandamos é que estas brigadas, aínda que non sexan subvencionadas ó 100%, que continúen despois da Covid-19, porque lle vai permitir a moitos gandeiros descansar algún día”, apunta González. Polo momento, dende a Consellería de Medio Rural só confirmaron que están a avaliar a aplicación desta medida, mais non quixeron concretar prazos. Porén, en dita reunión, segundo Unións, apuntaron a que a orde podería quedar aprobada esta mesma semana. Máis información - -Recomendacións para granxas familiares con casos positivos de coronavirus.

Aprazado ao 16 de outubro o curso sobre xestión de persoal en ganderías

O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo acollerá finalmente o próximo 16 de outubro -incialmente estaba prevista para o 18 de setembro- unha xornada formativa sobre a xestión do persoal nas ganderías. Baixo o título Novas estratexias de revalorización e de xestión técnico-económica das explotacións galegas co emprego de novas tecnoloxías e benchmarking, o curso busca ofrecer claves a aqueles gandeiros interesados en mellorar a organización laboral da empresa.  Trátase dunha sesión dinámica en grupo, na que os participantes afrontarán situacións similares ás que lle poden xurdir nas súas ganderías. O curso levarase a cabo en horario de 9:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 21:00 horas.  Dada a situación sanitaria actual, o curso contará con 10 prazas. As persoas interesadas na actividade poden formalizar a inscrición remitindo un email a lideresenbienestar@gmail.com. O seminario inclúese no programa para o apoio ás actividades de demostración e información ó agro galego 2020, cofinanciado con fondos europeos.

Que se pode facer para mellorar a xestión do persoal da granxa?

“Unha boa xestión do persoal na granxa é tan importante coma o manexo que se fai dos animais para acadar bos resultados”, reivindica Libby Eiholzer, especialista en xestión e formación de persoal en granxas de leite na Universidade de Cornell, en Nova York (Estados Unidos). A experta incidiu, durante un recente seminario web organizado polo equipo de ruminantes da firma farmacéutica MSD Animal Health, no papel fundamental que supón nas ganderías de leite contar con persoal formado e implicado para garantir o bo funcionamento.

Xunto con Eiholzer, Carlos Carbonell, integrante do equipo técnico de MSD Animal Health, e o veterinario Román González, da gandería lucense SAT Prolesa, onde ambos están implicados nun programa de mellora do manexo da recría, tamén coinciden en destacar o valor de formar un equipo de traballadores para acadar os obxectivos da gandería. “O principal activo dunha gandería non son os seus animais, nin a maquinaria coa que conta, senón os seus traballadores”, apunta Román González.

“O principal activo dunha gandería son os seus traballadores”: Román González, veterinario en SAT Prolesa

A experta incide na importancia de conseguir a implicación dos traballadores para lograr bos resultados na granxa. “Non abonda con ordenar tarefas e pagar para ser un bo patrón, é preciso saber motivar ó persoal”, indica Eiholzer. Neste senso, convida ós gandeiros a ter en conta os motivos que os fixeron decidirse a dedicarse a esta profesión e tentar coñecer tamén os dos empregados, co gaio de asignarlles as tarefas para as que encaixan mellor. “Ás veces certas persoas non están no posto máis adecuado para as súas capacidades. Hai que ir vendo as potencialidades de cada traballador e aproveitalas”, detalla.

Á hora de afrontarse á xestión do persoal na gandería, Libby Eiholzer recomenda someter a avaliación os distintos procesos que se levan a cabo na granxa polo persoal para detectar aquelas seccións onde pode haber problemas e atallalos. Así, será clave ver quen fai cada tarefa, como se realiza, como se lle comunicou ese traballo ó empregado e os resultados que se están a ter. Para apoiar ós gandeiros nesta revisión e análise das súas rutinas de traballo, a experta propón ferramentas e métodos que contribúen a mellorar resultados e acadar obxectivos.

Na xestión do persoal na granxa é necesario avaliar os procedementos e os resultados.

Protocolos, a chave do éxito

Unha das medidas máis efectivas para organizar a xestión do persoal na granxa é a definición de protocolos, onde se detallen tanto as funcións máis básicas coma aquelas que sexan fundamentais para o funcionamento da gandería, aínda que non se desenvolvan a diario. Deben ser instrucións básicas e claras para realizar as tarefas. “Os protocolos son unha guía que axuda tanto ó empregado a desenvolver o traballo coma ó patrón para indicarlle ó operario como quere que se realice esa tarefa”, detalla a especialista.

“O uso de protocolos serve para recordar a explicación dun traballo e, o mesmo tempo, axuda a capacitar ós traballadores que se acaban de incorporar”: Libby Eiholzer

Os protocolos son tamén unha ferramenta para xerar un criterio único naquelas ganderías con varios responsables. “Non hai peor situación para un empregado que recibir ordes contraditorias dos seus patróns”, valora Eiholzer. Tampouco cómpre que os protocolos se desenvolvan para tódalas tarefas da granxa, senón que é preciso identificar aquelas áreas de interese ou aquelas de máxima prioridade para mellorar o funcionamento da gandería. Ademais, cando se trata de traballos complexos, a experta recomenda desenvolver varios protocolos secundarios, que concreten e especifiquen como realizalos.

A experta detalla varias recomendacións para asegurar que estas ferramentas sexan de utilidade na granxa para os operarios:

-Deben ser concisos e claros. Resumir en poucas palabras a tarefa.

-É preciso ter en conta as dificultades que poden ter os traballadores co idioma e empregar expresións sinxelas e directas. Debe evitarse que os protocolos sexan manuais densos, senón unhas instrución claras.

-A utilización de imaxes e esquemas para concretar as indicacións pode facilitar a comprensión e axudar a que se empreguen estes protocolos. “Algúns dos gandeiros cos que estou traballando mesmo están empezando a empregar vídeos a modo de tutorial para compartir cos seus operarios”, detalla a especialista.

-Cómpre colocar os protocolos en lugares visibles e en láminas plastificadas ou impermeables, de modo que sexan accesibles e non se deterioren co uso. “O uso de protocolos serve para recordar a explicación dun traballo e, ó mesmo tempo, axuda a capacitar ós traballadores que se acaban de incorporar”, sinala Eiholzer.

Un dos protocolos empregados por Libby Eiholzer nas granxas.

Implicar ós traballadores

Outra das cuestións nas que Libby Eiholzer insiste para mellorar a xestión do persoal na gandería baséase en conseguir a implicación dos traballadores coa propia granxa e os resultados que se obteñan. “Queremos que os empregados non só entendan que teñen que vir a traballar, senón que queiran que a granxa teña éxito”, explica a especialista. Para lograr isto, unha das vías é facer partícipes ós traballadores dos datos de rendemento que se están a monitorizar na granxa, de modo que comprendan o seu significado, así como a meta a conseguir. “É moi importante que saiban que significan os números e como cambian en función do seu traballo”, explica Eiholzer.

“Queremos que os empregados non so entendan que teñen que vir a traballar, senón que queiran que a granxa teña éxito”

Para conseguir esta implicación do persoal, a experta avoga por dedicar esforzos á capacitación dos operarios, mediante charlas, seminarios ou vídeos que os axuden na súa formación. Tamén resulta fundamental contar coa persoa adecuada para impartir a formación ou amosar como se realizan as tarefas. “Un empregado pode ser moi bo muxindo o gando, pero non ter habilidades para explicar como se debe facer. Precisamos contar cun bo capacitador, non todo o mundo serve para iso”, concreta.

Tamén é preciso que os supervisores estean implicados coa capacitación dos operarios e que se defina claramente unha estrutura xerárquica para supervisar e resolver os problemas e as dúbidas de forma rápida ós traballadores. Ó mesmo tempo, para Eiholzer resulta clave que se reserve tempo e un espazo axeitado para a capacitación do persoal, sen que haxa interrupcións e para conseguir que ó operario lle resulte clara a explicación e poida levala á práctica.

Zona destinada á recría en Prolesa SAT.

SAT Prolesa, un exemplo de mellora na xestión da recría

A gandería lucense SAT Prolesa, conta con 9 operarios que traballan en 2 quendas, o que lle permite realizar 3 muxidos ó día e que o persoal teña dúas xornadas de libranza. Nesta SAT, creada no 2000 por 14 socios, nestes momentos teñen como obxectivo o incremento da produción e superar os 5 millóns de litros que lograron o ano pasado, cun aumento tanto do número de animais, coma da media de produción e da eficiencia na granxa.

Para lograr estas metas, están a traballar tamén de forma directa na mellora da recría, un proxecto no que están implicados tanto o veterinario da gandería, Román González, coma Carlos Carbonell, integrante do equipo técnico de MSD Animal Health. O traballo conxunto comezou no 2019, pero a mellora da recría comezara xa no 2014 co deseño dun protocolo, coma unha ferramenta máis para mellorar resultados.

Os protocolos servíronlles para monitorizar os resultados e contar con datos obxectivos para a toma de decisións

Nos primeiros tempos, a falta de control e de monitorización foi facendo que o protocolo deixase case de existir. Por iso, un dos aspectos nos que incidiron dende MSD foi na necesidade de monitorizar os protocolos e os resultados, para contar así con datos obxectivos e rendibles que lles axudasen na toma de decisións. “Ás veces, prodúcese o coñecido como síndrome da ‘cegueira na granxa’, que leva a interiorizar e aceptar prácticas que antes non se concibían como axeitadas e impide que o gandeiro ou o persoal se dea conta de que esas prácticas lle están impedindo avanzar, polo que é moi importante contar con datos que lle axuden a comprendelo”, reflexiona Carbonell.

Na actualidade, contan con protocolos detallados para facilitar o traballo ó persoal. Dispoñer desta ferramenta tamén lles está a axudar a mellorar o manexo dos animais, conseguindo atallar problemas como as diarreas. Un dos momentos claves é o encalostrado, polo que definiron un protocolo específico no que se inclúe dende a recollida de mostras de calostros, ata unha estimación da calidade e do encalostrado así como un rexistro de datos.

“Canto menos teña que intuír o operario á hora de facer a tarefa mellor vai funcionar a granxa” : Román González

Ademais, na gandería están a desenvolver protocolos para outras tarefas como a limpeza e desinfección. A monitorización apórtalle información na toma de decisións para implantar novas prácticas. Tamén dispoñen de protocolos ante situacións que son determinantes para a recría, como a aparición de diarreas. “Canto menos teña que intuír o operario á hora de facer a tarefa mellor vai funcionar a granxa. O traballador ten que dispoñer dunhas instrucións claras para facer o traballo”, explica o veterinario, Román González.

Un dos protocolos que empregan coas becerras para confirmar o estado dos animais e detectar problemas.

Os protocolos tamén lles serven como ferramenta de comunicación entre os distintos empregados para actualizar o estado dos animais e detectar problemas dun xeito máis inmediato. De feito, un dos protocolos instalados informa sobre as tomas que realizaron os animais para extremar o control sobre os animais.

González reivindica tanto a necesidade de protocolos na granxa como a implicación do persoal no desenvolvemento desas pautas, para conseguir que sexan efectivas, ó tempo que valora que os gastos da capacitación do persoal son sempre unha inversión que se recupera.

Máis información

A Campiña, 30 anos producindo leite nunha das SAT máis veteranas de Galicia

Ricardo Pérez, na nave de produción que SAT A Campiña ten en Vilaxuste "Estamos buscando estabilizar a explotación en 280 animais en produción e telos cómodos. Se as vacas están cómodas nós traballamos cómodos tamén", afirma Ricardo Pérez, un dos tres socios da SAT A Campiña, unha das máis veteranas de Galicia, con 3 décadas xa de traballo en conxunto. Os 2,9 millóns de litros producidos en 2019 (400.000 máis que no 2018), que entregan a Leite Río desde fai 2 anos, converten a esta explotación de Portomarín nunha das máis grandes da provincia de Lugo. Pero a súa principal característica, ademais de apostar pola unión con outras granxas da zona, é a súa capacidade para ir adaptándose ao paso do tempo.
"A quen máis beneficia o benestar animal é ao gandeiro, porque se a vaca non está cómoda e ben non produce"
"Aínda que son instalacións antigas, fóronse facendo reformas para actualizalas e ter as vacas cómodas. A quen máis beneficia o benestar animal é ao gandeiro, porque se a vaca non está cómoda e ben non produce", insiste Ricardo. SAT A Campiña conta neste momento con 234 vacas en muxidura e 390 cabezas totais pero veñen de facer unha ampliación para 50 animais máis en produción. "É unha zona nova con cama quente para recolocar as vacas de máis idade ou que non se adaptan ben aos cubículos", explica. Parideira "Para incrementar a nosa produción estivemos dubidando entre pasar a facer 3 muxiduras diarias coas vacas que tiñamos ou seguir con dúas muxiduras e aumentar o número de animais e pensamos que nos sería máis factible esta segunda opción, por iso decidimos ampliar", razoa. Moxen ás seis e media da mañán e ás seis da tarde e lévalles dúas horas e media muxir e media hora máis lavar. Teñen unha sala 2x10 semitraseira remodelada no 2011 e moxen dúas persoas mentres outras dúas limpan os patios e as camas. 390 cabezas repartidas en tres ubicacións Teñen touro para as repetidoras A explotación no seu conxunto fórmana tres núcleos diferentes situados tres ubicacións distintas. O núcleo principal, onde se atopan as vacas en produción, as vacas secas e as becerras máis pequenas (até que son destetadas aos 2 meses de vida) está en Vilaxuste. Os seguintes lotes da recría repártense despois, a medida que van medrando, entre Recelle e Guntín, con 70 e 20 xovencas respectivamente. Esta SAT foi creada no ano 1989 por tres socios, dos que na actualidade seguen dous, Ricardo e José Pérez. O outro dos fundadores, José Luis López, deixou no 2009 a sociedade, á que se incorporou no 2003 José Manuel López, que continúa hoxe xunto a Ricardo e José. José Manuel é de Recelle, un pobo veciño a Vilaxuste, e no que era o seu establo atópase a meirande parte da recría, que atende a súa muller. "As xovencas levámolas tres anos a un centro en Escairón pero non nos resultou e decidimos volver facela nós", explica Ricardo. Menos recría Logran animais moi produtivos aínda que o que buscan tamén é que duren. "A nivel xenético estamos a un nivel medio-alto. Buscamos produción, evidentemente, pero tamén patas e ubres, o que queremos son animais medios que a nivel de establo respondan ben", indica. Aos dous meses, as becerras repártenas entre Recelle e Guntín "Hoxe temos menos recría, con criar un cento de becerras ao ano amañamos, tivemos épocas nas que recriabamos todo, agora non, solucionamos con menos. As que temos chégannos e senón mercamos, hoxe hai animais bos a bos prezos", asegura Ricardo. Teñen touro para as repetidoras, para asegurar a reprodución logo de tres intentos mediante inseminación. Tres das primeirizas do 2018 desta explotación situáronse entre as de máis produción de Galicia segundo os datos do control leiteiro. As tres superaron os 16.000 litros na súa primeira lactación, colocándose entre as 10 con máis produción ao primeiro parto da provincia de Lugo e Campiña Rosendo 5738 mesmo subiu ao podio como terceira clasificada cun total de 17.609 litros producidos no 2018 co 3,62% de graxa e o 3,25% de proteína. Man de obra estable Ademais dos tres socios e da muller de José Manuel, que atende a recría en Recelle, contan con tres traballadores, logo da incorporación en 2019 dun terceiro empregado. O que máis tempo leva na explotación é Ricardo, portugués asentado en Vilaxuste e que leva traballando na granxa desde o principio. Fai 10 anos empezou Enrique e Álvaro leva 6 meses.  "Nós temos todos entre 50 e 60 anos e non temos fillos que queiran seguir coas vacas pero a idea é seguir polos empregados", explica Ricardo. As camas son unha mestura co 80% de carbonato e o 20% de serrín ou cascarrilla de arroz Nesta SAT teñen distribuido o traballo de xeito semanal con horarios que facilitan a libranza tanto dos socios como dos traballadores. "Os horarios na explotación son de 6 a 10 pola mañán e de 7 a 9 pola tarde pero se acaban o traballo antes marchan. Se non hai traballo non os queremos aquí para nada, as vacas se están listas non hai que estar aquí, teñen que descansar as vacas e tamén os empregados. A nós interésanos que se faga o traballo, non se un día fan unha ou dúas horas menos e marchan antes porque acabaron", afirma.
Despois da xubilación dos socios pretenden seguir coa explotación uns anos máis polos empregados, que levan moito tempo con eles
Na Campiña os traballadores teñen día e medio libre á semana e "se fan unha hora máis págaselles, non regateamos niso, porque a xente se non a tratas ben non che dura", engade Ricardo. A organización do traballo busca descargar as fins de semana para que as necesidades de persoal sexan mínimas. "Nas camas, por exemplo, o que facemos é picalas os mércores cunha gradiña e meter material o xoves, para que o venres quede encamado e a fin de semana non haxa que tocarlles", explica. Deste xeito, os sábados e domingos só fan os muxidos e a alimentación do gando e revisan se hai vacas para parto ou para inseminar. "Non temos colares nin podómetros e facemos a detección visual dos celos", indica Ricardo, que engade que el, José e José Manuel vanse turnando "para que un dos tres socios estea sempre na fin de semana". Vilaxuste Sociedade Cooperativa Galega Maquinaria pertencente á CUMA e que dá servizo a 6 explotacións da zona SAT A Campiña é unha das 6 explotacións que forman a CUMA Vilaxuste S. Coop. Galega, xunto a SAT A Cruz, Abrita SC, Gandeiría Luchana, San Martiño SL e Gandeiría Outeiro. Foi a primeira CUMA en crearse en Galicia e segunda a nivel de todo o Estado, no ano 1998, e conta cun parque de maquinaria e cunha persoa contratada que leva a xestión de todas as granxas. "A CUMA fainos todos os traballos, pero temos límites, porque todas as explotacións que a formamos fomos ampliando e non temos horas para todos, así que as explotacións máis grandes temos maquinaria de apoio para a CUMA que empregamos sobre todo en campaña. No noso caso son 2 tractores e unha cisterna para sacar purín", indica Ricardo.
Ademais de maquinaria, a CUMA conta cunha persoa que leva a xestión de todas as granxas
Vilaxuste S. Coop. Galega conta con 5 empregados fixos durante todo o ano: tres tractoristas, unha persoa que se encarga do carro mesturador e a persoa da oficina. "En campaña metemos un tractorista máis e axudamos tamén os socios", explican. Aínda que a CUMA fai todos os traballos agrícolas nas 6 explotacións que a forman, nos últimos anos decidiron contratar a outra empresa externa o picado para o ensilado. "Antes tiñamos colleitadora propia na CUMA pero agora non, contratamos unha ou dúas colleitadoras en campaña e nós poñemos os remolques e sáenos máis rendible. A campaña hai que sacala rápido porque o millo non pode agardar e somos moitos socios con moita superficie", razoa Ricardo. 170 hectáreas de superficie SAT A Campiña dispón de 170 hectáreas de terreo e ten dificultades para ampliar a súa base territorial por atoparse nunha zona con moitas explotacións de leite e pola presión que exercen sobre os terreos agrícolas as plantacións forestais. "Levamos terras nos concellos de Guntín e de Portomarín e pagamos 250 euros por hectárea de aluguer, vánsenos moitos cartos niso", indican.
Baixaron as hectáreas que sementaban a millo porque non en todas as parcelas lograban bos rendementos
Esta explotación decidiu nos últimos anos reducir a superficie que botaban a millo para sementalo só naquelas parcelas onde os rendementos por hectárea eran interesantes, adicando a herba o resto da superficie agrícola. "Cambiou a climatoloxía e non todas as fincas son produtivas para millo, nalgunhas sacabamos rendementos pequenos, así que este ano botamos só 60 hectáreas, pero houbo anos que chegamos a botar o dobre, unhas 120 hectáreas, pero penso que igual nos compensa mercar, porque escolles forraxe e así é sempre de calidade", conta Ricardo. Ración dúas veces ao día Nave de produción Cada unha das seis explotacións que forman a CUMA de Vilaxuste ensila nas súas propias instalacións e diariamente o carro mesturador que teñen en común acode ás granxas dos distintos socios a facer as diferentes racións de alimentación de cada unha delas. No caso de SAT A Campiña o carro da CUMA vai dúas veces ao día, a primeira delas ás 7 da mañá, porque para as vacas en produción prefiren facerlles a mestura fresca dúas veces ao día.
En 2019 quedaron escasos de silo de millo e tiveron que suplilo con máis silo de herba
Este ano a colleita de millo nesta zona foi boa, pero a do 2018 fora moi escasa, polo que non lles chegou para todo o ano. "Quedamos escasos dous meses", admite Ricardo. Nesta explotación da alimentación encárgase o nutrólogo Ángel Ávila e víronse obrigados entón a suplir a falta de silo de millo con silo de herba variando a ración de leite por unha con 14 quilos de penso, 1 quilo de herba seca e 33,5 quilos de silo de herba. "Arreglamos ben co silo de herba que tiñamos porque era de boa calidade, cun 17% de proteína", aclara. No caso das vacas secas a ración leva 3,5 quilos de herba seca, 3,2 quilos de concentrado, 12 quilos de silo de herba e 1,5 quilos de morea (un penso liquido complementario elaborado con azucares de alta dixestibilidade, microelementos minerais e vitaminas). A das xovencas de recría é semellante á das secas pero sen silo de herba e con 2 quilos de morea. Melloras no confot dos animais Separan as vacas que van secar para baixarlles progresivamente á alimentación e reducirlles a cantidade de auga dispoñible Un dos maiores énfases que poñen nesta gandeiría é na comodidade do gando e nos últimos anos foron facendo melloras buscando o aumento do confort das vacas. "A nave de produción era unha granxa de polos dun dos socios que reconvertimos, polo que son instalacións antigas e máis baixas do debido, e aínda que son ventiladas, temos chorros de auga e ventiladores para combater o estrés por calor, porque aquí aperta no verán e o ano pasado chegamos a estar a 40 grados", explica Ricardo. O sistema de ventiladores e aspersores de auga acende automaticamente cando a temperatura pasa dos 25ºC. A cama das vacas en produción é dunha mestura de carbonato (80%) con serrín ou cascarrilla de arroz e na última ampliación, acometida en 2019, apostaron por un espazo con cama quente con capacidade para 50 animais, pensado para aquelas vacas de máis idade ou que non se adaptan ben aos cubículos. Tamén unha parte da recría, a que se atopa en Guntín, está en cama quente. "As secas témolas en palla porque queremos que estean cómodas", di tamén Ricardo. A instalación das secas conta cunha cuberta con trabantes e acceso ao exterior, a unha finca a carón da nave de produción, pero métenas todos os días a comer para tamén vixialas e telas controladas. "Respectámoslles a todas as vacas dous meses de secado. Nalgún caso é difícil facelo ben porque chegan dando 50 litros, pero o que facemos cando secamos é separalas durante uns días para baixarlles á alimentación e á auga", explica.

Conflito pola xestión do monte comunal entre gandeiros e veciños sen vacas que queren plantalo

"A maioría das fincas que temos era antes monte pero foi roturado e lévanse traballando moitos anos. Temos 40 hectáreas alugadas ao Monte Veciñal en Man Común Rañadoiro, da parroquia de Vilaxuste, e outras 20 hectáreas alugadas ao monte comunal de Recelle", explican os socios da SAT A Campiña. Pero nesta parroquia, coma noutras moitas en Galicia, a presión das plantacións forestais sobre as explotacións que quedan en activo é cada vez maior, sobre todo por parte daqueles veciños que non teñen vacas e queren obter un rendemento madeireiro do monte. A acta fundacional do monte comunal de Vilaxuste, un documento orixinal do século XVIII, establece que o monte terá "usos agrícolas" para aqueles veciños "que demostren que a casa está aberta e que hai fume na cheminea", aclarando ademais que "non concede dereitos nin aos curas nin aos viandantes". Pero este uso agrícola tradiconal do monte comeza a estar en perigo en moitas parroquias a medida que os gandeiros foron quedando en minoría na comunidade de montes. Foi o que ocorreu en Vilaxuste. A nova directiva da CMVMC quixo fai 5 anos modificar o uso de moitas das parcelas que foran convertidas en pastizais, algúns mediante subvencións públicas, e que as explotacións usaban para alimentar o gando, poñendo así en perigo a viabilidade das gandeirías da parroquia e que suman en conxunto máis de 1.500 cabezas de gando.
NOTA ACLARATORIA: O XORNALISTA DE CAMPO GALEGO VISITOU ESTA GANDERÍA PARA REALIZAR A REPORTAXE ANTES DA CRISE DO CORONAVIRUS COVID19

Como se está a vivir nas granxas a crise do coronavirus?

Nas ganderías procúrase manter a distancia entre os traballadores para reducir o risco de posible contaxio Pouco a pouco o sector produtor comeza a adaptarse á nova realidade motivada pola crise sanitaria do coronavirus. As explotacións tratan de manter o ritmo de traballo habitual, aínda que adoptando medidas de carácter preventivo para cumprir no posible as recomendacións das autoridades. No segundo día logo da entrada en vigor do estado de alarma para o conxunto do territorio español, a maior parte das ganderías galegas está a notar pouco as restricións impostas, pois quedan excluídas como primeiro chanzo do sistema de produción de alimentos. Con todo, o seu funcionamento diario vese condicionado polas limitacións ao movimento de persoas e as recomendacións de que unicamente se leven a cabo aquelas actividades que sexan imprescindibles. Aumentar as distancias entre os traballadores Aínda que non existe nin por parte do Ministerio de Agricultura nin por parte da Consellería do Medio Rural un protocolo que conteña recomendacións específicas a seguir por parte das granxas para evitar o contaxio, son moitas as explotacións que decidiron variar as rutinas de traballo habituais para evitar o contacto entre os traballadores ou ampliar as distancias o máximo posible en lugares como a sala de muxido. "De momento non nos afectou practicamente nada. De subministros ata o de agora estamos servidos, de todas maneiras as comerciais avisáronnos de que podía haber cambios nos próximos días. Como prevención nós o que facemos é que non traballamos xuntos, nos turnos cada un está só", explica Francisco Javier, da gandería Casa Devesa, de Monforte.
Como prevención nós o que facemos é que non traballamos xuntos, nos turnos cada un está só (Francisco Javier, gandería Casa Devesa de Monforte)
Gandería Varela, de Castro de Rei, xa funcionaba antes do coronavirus con rutinas de traballo individual, onde cada empregado ten unhas tarefas específicas. "Aquí as distancias entre persoas son grandes e agora acabouse iso de falar un a carón do outro pero polo demais todo normal", detalla Gabriel. "De momento nós facemos vida normal pero recomendámoslle aos traballadores o uso de luvas e manter a distancia de seguridade", conta pola súa banda Román, veterinario responsable de Prolesa SAT, unha das máis grandes da provincia de Lugo, con 10 empregados, onde extremaron as precaucións nas zonas comúns. A falta de recomendacións específicas claras dirixidas ao sector agrogandeiro e en concreto ao traballo nas explotacións fai que as medidas adoptadas varíen duns casos a outros en función do criterio dos seus propietarios e traballadores. "Aquí o recolledor do leite pon luvas coma sempre, xa o facía antes, e nós non adoptamos ningunha medida especial", conta pola súa parte Moisés, de SAT As Pandas de Vilalba. Evitar o contacto co leiteiro Moitos gandeiros non coinciden habitualmente nos horarios cos recolledores do leite ou cos que subministran o penso, pero unha das medidas xeralizadas está a ser non manter contacto directo con eles. "Nós intentamos que o ritmo da granxa siga con normalidade, os subministros básicos seguen funcionando e outros temas ou traballos na explotación deixámolos en stand by. Procuramos comunicarnos todo vía telefónica cos camioneiros (penso, leite, etc), non mantemos contacto ningún nin conversa en persoa con eles, todo vía móbil, e xa eles por precaución poñen luvas e mascariña", explica Marcos, de Lebón SC de Samos.
O que me parece triste é que non valoren o noso traballo, e máis nesta situación (Miguel, SAT O Liñar de Sarria)
"Máis alá de lavar con máis frecuencia as mans e de seguir todos os consellos que recomendan as autoridades sanitarias para o conxunto da poboación intentamos desinfectar e ser máis coidadosos na limpeza da sala de muxido e a leitería. Naturleite enviounos un comunicado dicindo que van aumentar a produción e que están tomando as máximas precaucións posibles para seguir mantendo a cadea de produción e o venres chamei a Progando e dixéronme que ían seguir servindo igual", explica Miguel, de SAT O Liñar, de Sarria, que engade: "o que me parece triste é que non valoren o noso traballo, e máis nesta situación". Os fabricantes de pensos están mantendo a subministración con normalidade, o mesmo que as empresas de abonos, que están servindo o fertilizante nas explotacións e aos distintos clientes sen problema de ningún tipo. Só servizos imprescindibles Os carros de cooperativas, CUMAS e empresas de servizos seguen indo diariamente ás ganderías a facer a ración Os servizos de carácter técnico, sen embargo, están a reducir ao mínimo as visitas ás granxas. "Servizos que non son urxentes mandáronnos aviso de que quedaban suspendidos até que todo isto se normalizara", indica Pablo, de Gandería Xuíz de Bóveda. As empresas de robots e salas de muxido só atenden avarías e gardas urxentes, pero están suspendendo as visitas que realizan ás explotacións para mantementos ordinarios nas instalacións. Tamén as empresas que comercializan seme están a facer só as visitas imprescindibles. "O recheo de nitróxeno nos tanques estamolo facendo, pero seme só estamos servindo pedidos", explica Noel Balsa, de Global Genetics.
O mantemento de sistemas de muxido redúcese unicamente ás avarías e as empresas de seme só rechean nitróxeno e sirven os pedidos
Nutrólogos ou outro tipo de técnicos fan tamén teletraballo. "En vez de ter visitas estamos comentando por teléfono ou outros medios as incidencias cos técnicos habituais", conta Juanjo, de Gandería Barbeiro, con instalacións nos concellos de Alfoz e Ribadeo. "No noso caso ao ter varias explotacións evitamos sobre todo o contacto entre o persoal das distintas granxas. Eu normalmente visítoas todos os días e desde o sábado só estou na de Alfoz e coas outras falamos ou mandámonos información. Hoxe irei a Ribadeo para facer a revisión de reprodución e nada máis", indica.
Africor Lugo mantivo onte o control leiteiro coas visitas dos controladores ás explotacións
Hai sen embargo outros servizos que se manteñen polo momento. O luns Africor Lugo, encargada de efectuar o control leiteiro ou o programa de apareamentos en numerosas explotacións, funcionou con normalidade aínda que non se descarta que a situación poida cambiar nos vindeiros días e que haxa que suspender por exemplo as visitas dos controladores ás granxas. Moitos veterinarios só atenden urxencias No caso dos veterinarios, aínda que pola súa consideración como persoal de saúde pública, ao igual que os médicos, deben seguir operativos, moitos tamén decidiron establecer restricións e limitarse a atender casos urxentes. "O veterinario que vén por aquí dixo que só sairían a atender as urxencias", conta Sergio, da gandería A Lagoa Serabel SC de Xermade. Non hai ningunha recomendación nin por parte de Medio Rural nin por parte dos Colexios Veterinarios sobre que sevizos deben atenderse e cales non, o que impide que haxa un criterio único entre os profesionais.
Non hai unha directriz de Medio Rural ou do Colexio de Veterinarios sobre que casos se deben atender e cales non
"No grupo de veterinarios do que eu formo parte decidimos non ir inseminar, por exemplo. Hai cuestións que poden agardar. Non é urxente facer o control reprodutivo pero si atender cuestións como cesáreas, enfermidades ou hemorraxias. Pero é unha decisión individual de cada quen, polo que o criterio pode ser dispar", recoñece un veterinario que traballa na zona sur de Lugo, que considera que "no caso de facer visitas que tivesen carácter urxente habería que extremar as medidas de prevención e ir ás explotacións con mascariña, pero non as hai nin hai maneira de conseguilas", asegura. No caso das ADS, non se están a facer os sangrados rutinarios ao gando, pero si que se segue actuando nas novas incorporacións de animais ou nos casos de que xurdan casos sospeitosos ou problemas con enfermidades infecciosas. A subministración de medicamentos está garantida A subministración de medicamentos veterinarios está garantida polo momento e non se aprecia ningún tipo de desabastecemento nas tendas de fitosanitarios e material veterinario, que permanecen abertas, o mesmo que as farmacias. Algunhas remitiron aos seus clientes un protocolo a seguir por parte dos gandeiros para cando acudan a elas a retirar algún tipo de produto, como por exemplo, a mensaxe enviada pola cooperativa Aira, que fai fincapé en aspectos como a limitación do aforo, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso obrigatorio de luvas tanto para o persoal que atende como para os clientes.
Aira proporciona luvas na entrada das súas tendas de uso obrigatorio tanto para traballadores como para clientes
Limitacións ao movemento nas estradas "Nós mantemos a distancia entre os empregados e fixémoslles un xustificante aos traballadores para que poidan vir en caso de que os pare a Garda Civil nos controis que están facendo nas estradas", explica Jose, de SAT Ladeira do Páramo, que agarda que as restricións á mobilidade polas estradas non afecte á circulación de tractores e camións cando comeze a campaña de ensilado da herba. As empresas de servizos agrícolas están traballando tamén con relativa normalidade e sen impedimentos á circulación á espera de que empecen os traballos de ensilado de herba e posteriormente de sementeira do millo. "Na nosa empresa seguimos traballando, tomamos medidas como non levar a ninguén na cabina dos tractores e das máquinas nin falar cos clientes en persoa, só por teléfono, levar a comida da casa e pouco máis", conta un empregado da empresa de traballos agrícolas e forestais Marcos Otero.
Fixémoslles un xustificante aos traballadores para que poidan vir en caso de que os pare a Guardia Civil nos controis que están facendo nas estradas (Jose, SAT Ladeira do Páramo)
Os controis nas estradas tamén están a afectar aos tratantes de gando. "Só pode ir unha persoa en cada camión, pero ás veces son necesarias dúas persoas para cargar ou descargar os animais", indica Enrique Otero, presidente da Asociación Galega de Empresarios Tratantes, que explica que o domingo a el parouno unha patrulla da Garda Civil por este motivo aínda que unha vez explicado que unha persoa soa non podería facerse cargo de mover o gando con seguridade non lles puxeron impedimento algún a continuar. Con todo, Enrique recomenda aos asociados que sigan no posible as recomendacións das autoridades e "se para certas entregas ou recollidas de gando chega cunha persoa que non vaian dúas", do mesmo xeito que pide responsabilidade aos condutores cando transporten gando vivo respectando o límite de horas e os descansos, con independencia de que fose decretado un levantamento do tacógrafo no caso de transporte de mercadorías básicas.

Pedrón A Ponte, unha gandeiría que busca ser máis eficiente e optimizar os robots

Juan Carlos Pita Valiña, xunto ás súas vacas en San Martiño de Goberno. As explotacións leiteiras deben contar cunha estratexia a longo prazo porque traballar con animais require que os cambios que se fagan han de ser meditados. Contar cunha liña clara dá estabilidade ás gandeirías e garante ver resultados. Pero ás veces as circunstancias mudan e tamén hai que ter capacidade de adaptación para superar as dificultades. Pedrón A Ponte SL é unha desas explotacións que acabou nos robots por problemas de persoal. "Quedei sen xente e en tres días merqueinos", recoñece Juan Carlos Pita Valiña, o seu propietario. "Non tiña pensado pasarme aos robots nin investir niso de momento, tiña outros plans, que pasaban por seguir medrando coa sala de muxido que tiña, pero dun día para outro a situación da granxa cambiou e houbo que reaccionar", explica.
"Caín nos robots porque non tiña máis remedio ao marcharme de golpe dous traballadores"
Esta gandeiría situada en San Martiño de Goberno, en Castro de Rei, contaba fai un ano con tres traballadores contratados, ademais do propio Juan Carlos. Estaba David, que é un mozo veciño de tan só 21 anos que segue na explotación, un empregado marroquí que levaba 3 anos na granxa e unha traballadora rumana que levaba 5. "Eu tiña o problema de persoal resolto, pero de golpe marcháronme dous dos traballadores e topeime cun problema gravísimo", conta. Así que Juan Carlos recoñece: "caín nos robots porque non tiña máis remedio". "Acababa de facer unha ampliación da granxa pensando nos tres traballadores cos que contaba. Aumentaramos un cacho á nave de produción coa idea de poñernos en 150 vacas en muxido pero de repente cambioume a situación", lembra. A comezos de 2019 mercaron dous robots de segunda man e reduciron os animais Foi entón cando sacrificou algúns dos cubículos para colocar os dous robots Lely A3 de segunda man que mercou dun día para outro. E non lle quedou máis remedio que reducir a cabana até as 125 vacas que muxe hoxe para adaptarse á capadidade máxima dos robots. Aquel cambio brusco supuxo a xubilación da sala de muxido traseira de 16 puntos que tiña e unha redistribución de tarefas e da maneira de traballar na explotación. O cambio non foi para nada doado. O primeiro robot comezou a funcionar no mes de xaneiro e o segundo estaba xa operativo en febreiro pero Juan Carlos non garda bo recordo daqueles días. "Nós pasámolas moi gordas á hora de empezar cos robots, estivemos 6 meses metendo vacas seguido, era penoso", lembra.
As vacas non lles entraban nos robots até que lograron axustar a ración en pesebre ao punteo de concentrado que fai a máquina no momento do muxido
Até que deron co fallo. "Foi un problema de alimentación, cando pasas aos robots hai que cambiar a ración en pesebre para pasar a suplementar no robot e adaptar a ración do carro ao punteo de concentrado que fai a máquina no momento de muxir. Tardamos meses en dar axustado iso, que é cuestión de ir facendo pequenos cambios", di. Ángel Ávila foi quen lles resolveu o problema e é hoxe o nutrólogo da explotación. A ración neste momento téñena en 25 quilos de millo, 14 de silo de herba e 6,7 de mestura de cereais, que se suma ao punteo de concentrado que fai o robot, que se sitúa nuns 5,3 quilos de media por animal. Tratando de recuperar os 41 litros por vaca e día Agora dispoñen de 125 vacas en produción Pedrón A Ponte está aínda tratando de recuperar o nivel de produción que tiña antes de poñer os robots. "En sala chegamos a 41 litros", lembra. Daqueles 41 litros de  media de produción por vaca e día baixaron a 38, con 3,70 de graxa e 3,32 de proteína. "Ao arrincar mal custa máis recuperar o nivel que tiñas, pero a principio de ano conto estar xa ao 90%", di. Hoxe está xa nunha media de 40 litros co 3,95 de graxa e o 3,32 de proteína. "Imos mellorando e malia empezar mal cos robots hoxe estou contento con eles", afirma. Ao dar correxido os retrasos iniciais na entrada de vacas ao robot incrementaron a media de muxiduras. "Cando tiñamos a sala estivemos unha época a 3 muxiduras diarias e logo volvimos outra vez a 2 por tema de man de obra. Agora cos robots estamos logrando medias de 2,8 muxidos ao día e iso que estamos no límite máximo da capacidade dos robots en canto a número de animais", explica Juan Carlos.
Ao teren que reducir o número de vacas para axustarse á capacidade dos robots aproveitaron para descartar a aqueles animais que tardaban máis en muxirse
"Agora o que nos queda é ir seleccionando máis as vacas e descartar aquelas con menor fluxo de leite, que son as que tardan máis en muxirse", engade. "Estaba muxindo 140 vacas na sala pero tiven que reducir os animais en produción para axustarme á capacidade máxima dos robots, así que aproveitei para facer moita limpeza. Ademais, xa cha piden os propios robots, as vacas con tetos mal colocados ou moi duras non serven", argumenta. Gañaron calidade de vida Pero malia ás lembranzas negativas, o cambio trouxo cousas boas. Unha vez pasado ese duro proceso de adaptación, Juan Carlos recoñece vantaxes, sobre todo en calidade de vida e maior flexibilidade de horarios. A organización do traballo na granxa mudou por completo porque "traballar con robots é totalmente distinto a como se traballa na sala", asegura.
"Os robots permítenche gañar dúas horas pola mañá e outras dúas pola noite para facer outros traballos"
"Agora chegamos ás sete da mañá e mentres que se fan as camas vanse metendo as vacas que non entraron, que poden ser unhas 5 ou 6 en cada robot, e ao acabar de facer as camas xa tes acabado o muxido. Antes até as 10 da mañá estabas liado entre muxir e lavar a sala de espera e a sala de muxir. Son dúas horas que gañas pola mañá e pola noite para facer outros traballos. E antes pola noite non rematabamos nunca até despois das 9 e hoxe ás 8 temos todo listo", argumenta. Pedrón A Ponte segue mantendo dous empregados, fronte aos tres que tiña antes de instalar os robots. "No día a día afórranche un empregado e cando un dos dous que temos colle vacacións atendemos perfectamente eu e máis o outro traballador que queda, mesmo se un día puntual temos que quedar unha persoa soa tamén nos amañamos. Antes cando muxiamos na sala eramos 4 traballando e cando un collía vacacións era complicado para organizámonos os 3 que quedabamos para os descansos", di.
Teñen as vacas en dous lotes cun robot en cada lote e as distintas tarefas están asignadas sempre á mesma persoa para que sexan rutineiras
Seguen mantendo xornadas partidas pero con menos horas. "Pola tarde un empregado comeza ás 5 e o outro ás 5 e media. Cada un ten asignados os seus traballos para que non se pisen. Eu en vez de ter xente que faga de todo prefiro ter tarefas distribuidas para que as faga sempre a mesma persoa e dese xeito as mecánicas de traballo sexan sempre as mesmas e o traballo sexa rutineiro", defende. Ser máis eficientes As camas son de serrín con carbonato Juan Carlos é enxeñeiro técnico agrícola de formación e tomou o relevo da explotación familiar que rexentaban os seus pais Carlos e Elisa, xa xubilados. "No 2004 xuntámonos cun tío meu de Santa Leocadia e fixemos unha SAT. Construimos unha nave nova con fosa de purín e silos e xuntamos aquí todo o gando. Muxiamos 50 vacas daquela. Logo fomos criando e mercando para ir aumentando o número de animais até que xa se nos quedou pequena a cuadra, así que fixemos unha ampliación para chegar a 110 en produción. Seguimos facendo obras, como máis silos e refixemos a nave vella para meter a recría. Todos os anos fixemos algunha obra, non é que non tiveramos onde meter os cartos, o que pasa é que unha obra pide outra. A última foi o ano pasado, cando fixemos outro silo e ampliamos un cacho a nave coa idea de poñernos en 150 vacas en muxidura", explica. Pero aquela idea de seguir medrando mudou ao instalar os robots e agora a estratexia é outra: ser máis eficientes. "Temos 125 vacas en produción hoxe, que é o número co que nos quedaremos. As perspectivas de futuro non son aumentar porque iso obrigaríanos a instalar outro robot máis, son ser máis eficientes e sacar o máximo rendemento ás vacas que temos, en definitiva, axustar o máis posible os gastos mellorando os ingresos", resume. "Queremos producir o mesmo leite con 125 vacas nos robots que antes con 140 na sala, é dicir, co aumento de produción que nos teñen que dar os robots compensar a baixada no número de cabezas", engade. Volver facer a recría na propia explotación Por falta de espazo tiveron que recriar de maneira externa o 20% das becerras Trala última ampliación, e descontando os cubículos que tiveron que desmontar para colocar os robots, Pedrón A Ponte dispón hoxe de 138 camas para un total de 125 vacas en muxidura, algo que a Juan Carlos lle permite meter antes ás xovencas para que se afagan a andar no medio do rabaño de produción e tamén aos robots. "O que fago é baixar antes as xovencas para a nave de produción desde a da recría para que teñan máis tempo para adaptarse", explica. Ao baixar ao número de cabezas as necesidades de recría tamén diminuiron, ao tempo que os descartes serviron para baixar a idade media do establo e a taxa de reemprazo. "Con tanta limpeza que fixen hoxe teño o 50% das vacas en produción primeirizas e o ano que vén vaime sobrar recría", conta.
Trala "limpeza" que fixeron a metade das vacas en produción son primeirizas
Ademais de poder vender becerras, Juan Carlos vai poder aforrar na súa crianza. Malia que fai a recría na propia explotación (cos animais divididos en 11 lotes por idades de entre mes e medio e dous meses para que os grupos sexan o máis equilibrados posibles e os animais medren por igual), por problemas de espazo vírase obrigado nos últimos anos a externalizar parte dela. "A que me colle téñoa na casa e o resto mándoa ao Rancho Las Nieves de Zaragoza e á explotación dun particular de Castroverde, Pepe, de Córneas, que fai recría para outras granxas. No centro de recría de Castro non puidera entrar ao principio e tiven que buscar esta solución porque non me cabían as xatas na casa. Teño fóra da explotación arredor dun 20% das becerras, pero agora cos robots ao reducir o número de cabezas vou necesitar menos recría e vaime coller o 100% na explotación", detalla. Contratan os traballos de campo pero teñen carro propio Só dispoñen de cisterna de purín e carro mesturador Pedrón A Ponte ten tamén contratados outros traballos, como a inseminación, da que se encarga o grupo de veterinarios de Castro, ou as labores agrícolas, para as que bota man de empresas de servizos. "Contrato os traballos agrarios porque a maquinaria é algo que non me gusta nada e ao final non te podes dedicar a todo. Se queres ter a cuadra ben ou tes moita xente ou tes que encargar os traballos de campo". Iso reduce considerablemente as necesidades de maquinaria da explotación. "Se botas contas, para unha explotación deste tamaño case non compensa ter ningún apero, quitado os que traballan todos os días, como a cisterna, o carro mesturador ou a telescópica, que son os que teño, pero os aperos que traballan só en campaña non se dan desquitado", considera. En total esta gandeiría dispón dunhas 60 hectáreas de superficie, moitas delas arrendadas, das que botan unhas 40 a millo. Aínda que contrata os traballos, ensila na explotación e conta con carro mesturador propio para elaborar as distintas racións para o gando. Ademais da de produción, fai unha para as vacas secas con silo de herba, silo de millo, penso e herba seca. Esa mesma ración úsaa para as xovencas desde os 10 meses en adiante, até o parto. Antes, entre os 5 e os 10 meses, failles unha ración específica no carro con herba seca, penso e melaza. Até esa idade as becerras están con herba seca e penso desde o momento do destete, que se produce aos 2 meses e medio de vida. Adquisicións para facilitar o manexo diario Achegadora de comida Unha parte das adquisicións que Juan Carlos foi facendo ultimamente, ademais da dos robots, buscan facilitar os traballos diarios e aforrar en man de obra. "É certo que moitas das últimas decisións e cambios que fomos facendo ultimamente estiveron motivados por problemas de persoal. Por exemplo, arrimabamos a comida á man pero no momento que quedei sen un dos empregados e coincidiu que o outro estaba de vacacións fun mercar o arrimador por agobio", describe.
"Cando puxen os robots aumentoume considerablemente a factura da luz, que case se me dobrou"
Os robots ou os achegadores automáticos son inventos que axudan ao gandeiro, pero tamén incrementan o consumo de electricidade nas granxas. "Foi algo que a min ninguén me dixo pero despois vino no consumo. Cando puxen os robots aumentoume considerablemente a factura da luz, que case se me dobrou. Por ser un aparato pequeno non quere dicir que non consuma, porque está traballando as 24 horas do día", explica. Outro dos traballos que hai que facer todos os días nas explotacións son as camas. Para reducir o tempo necesario fíxose cunha telescópica á que lle saca moito partido. "Para min foi a mellor compra dun apero que fixen, desde que a tes pregúntaste como puiden estar tanto tempo sen ela", recoñece. Emprégaa, por exemplo, para encher os cubículos. Os da zona de produción e os das secas son de mestura de serrín e carbonato. Tamén usa a telescópica para sacar o esterco da recría. Unha parte está en palla e outra parte en serrín. "A palla está cara pero é máis rápido nas terras. O serrín tamén abona, pero a degradación é máis lenta", indica Juan Carlos.

SAT Os Penedos, seguir medrando para axustar mellor os horarios de traballo

Distintas xeracións da mesma familia traballan nesta explotación da Pastoriza Este martes cumpríase medio ano da entrada en vigor do Real Decreto Ley 8/2019, de 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, que entrou en vigor o pasado 12 de marzo. O cambio normativo supuxo unha modificación no Estatuto dos Traballadores, instaurando a obriga de rexistrar a xornada laboral de todos os traballadores na totalidade das empresas e independentemente da modalidade de contrato. No caso das explotacións leiteiras, esta obriga legal de facer fichar aos empregados trastocou en moitos casos os horarios establecidos para os traballadores, axustados normalmente até ese momento ás horas de realización das tarefas de muxido e coa xornada partida, polo tanto, como sistema máis habitual.
En caso de incumprimento do rexistro da xornada laboral, as sancións van desde os 626 euros aos 6.250
Ás dificultades para atopar persoal, recurrentes na maioría das granxas, engádese agora o feito de ter que cadrar os horarios e ter en conta cuestións como os periodos de descanso, que se fan difíciles de cumprir en momentos como as campañas de ensilado ou sementeira ou mesmo por problemas sobrevidos dentro da propia xornada laboral ordinaria (as vacas non son máquinas que se poidan apagar a unha determinada hora e mesmo a algunha pode que até lle dea por poñerse a parir xusto cando teóricamente remataría a xornada laboral). En moitos casos, pois, o cumprimento estricto do Real Decreto de control horario fixo aumentar as necesidades de persoal nas explotacións. É o caso da SAT Os Penedos, ubicada nunha das parroquias máis leiteiras de Galicia, a de Álvare, no concello da Pastoriza. Esta explotación familiar, formada por 5 socios traballadores, contaba até agora con un empregado, que reforzaron con outro a maiores para poder cumprir coas esixencias da nova normativa. "Tivemos que facelo para axustarnos á xornada laboral, porque non só contan as horas efectivas de traballo que se realicen no día, senón que tamén hai que ter en conta os periodos mínimos que deben pasar entre unha xornada e a seguinte", explica Manolo Eiros, un dos membros da SAT. "Tés que cumprir cos descansos, os empregados teñen que ter un mínimo de 12 horas de descanso entre a hora de saída e a de comezo e iso ás veces é difícil neste sector", engade o seu cuñado Manuel Penedo, tamén socio da explotación. "Isto é igual que os camioneiros, imos ter que poñerlles tacógrafo aos traballadores nas granxas", bromea. Xornada continua SAT Os Penedos quere facer as cousas ben e cumprir coas novas esixencias legais. "Se che din que hai que ir por aquí hai que procurar ir o máis recto posible", defende Manolo. Coa incorporación do segundo empregado queren facer turnos de traballo, de maneira que un deles traballe pola mañá e o outro pola tarde e organizalos en función dos horarios de muxido, que fan ás 7 da mañá e ás 6 e cuarto da tarde. Aínda que esa obriga de fichar non afecta aos socios da SAT, que quedan excluidos expresamente do deber de control horario no Real Decreto, esas melloras nas condicións laborais quérenas tanto para o persoal contratado como para eles mesmos. "Queremos seguir medrando até que nos permita vivir cunhas xornadas laborais coma as que hai noutros sectores. É a única maneira de que a xente se anime a seguir. No noso caso, aquí nesta explotación hai relevo, pero se as condicións son peores que as dos outros sectores tarde ou cedo estás condenado a pechar porque a xente cánsase", razoa.
"Os empregados, para que che duren, tés que coidalos", di Manolo.
Os turnos de traballo e descanso que teñen sérvenlles para librar como mínimo un día á semana. "Descansamos un matrimonio o sábado e o outro o domingo, imos rotando e cando che toca librar o sábado libras tamén o venres pola tarde", explican. "Os traballadores libran coma nós, o mesmo número de días, porque o que non queiras para ti non llo poñas ao empregado. Os obreiros para que che duren tés que coidalos", asegura Manolo. Mellora das instalacións A sala de muxido quedoulles pequena e róuballes moitas horas todos os días Unha maneira de reducir as xornadas de traballo nas explotacións é facendo melloras nas instalacións que sirvan para acurtar os tempos de realización de determinadas tarefas. A sala de muxido representa, pois, neste sentido, un dos principais aspectos a ter en conta. A súa substitución está xa no punto de mira desta explotación. "Temos unha sala de 16 puntos traseira e lévanos moito tempo muxir. Son tres horas á noite e tres horas e vinte pola mañá sen contar o tempo de lavar a sala", explican. Muxen sempre entre dúas persoas polo que este é un dos puntos no que queren mellorar para aforrar tempo. "A sala temos que xubilala. Co que gastamos en maquinaria aínda que gastemos algo na sala non pasa nada, é algo que usas todos os días e róubanos moito tempo", admite Manolo. Optimizar os traballos diarios Van mercar unha minicargadora para non ter que facer os cubículos á man Ao igual que o muxido, hai outra serie de tarefas de realización diaria nas que a incidencia da reducción de tempos se multiplica por 365 días do ano. O arranxo das camas das vacas é unha desas tarefas. "Os cubículos facémolos á man pero imos mercar unha minicargadora, que nos vale para a area e tamén nos valería se cambiamos para compost", detalla. Neste momento as vacas de produción téñenas en area. "Para as vacas é o mellor, pero é un sistema a extinguir, temos que cambialo cando poidamos", razoa Manolo. Gastan unha bañeira de area á semana, é dicir, unhas 27 toneladas semanais. Só os animais que están producindo teñen cama de area e o lote de recría de 8 a 13 meses aproveita a area que retiran da fosa de purín. O resto repártense entre palla e compost. "As vacas secas están en cubículos de palla para non botar tanta area para a fosa", conta Manolo.
Empregan cama fría de compost para algúns dos lotes de recría e palla para as secas
No caso da recría, as condicións do chan son distintas para cada un dos cinco lotes nos que a teñen dividida en función dos espazos dos que dispoñen para elas. Así, as becerras pequenas están até o destete, mentres están na amamantadora, en palla, que cambian cada 3 días. Entre os 3 e os 8 meses pasan a cama fría de compost, con bos resultados. "Só tivemos unha coxa desde fai un ano e iso sen sulfatar nin baño de pés nin nada. O compost funciona ben, pero temos excesiva carga de animais para os espazo que temos e non seca tan ben, sobre todo no inverno", recoñecen. Logo pasan a area reciclada e despois, entre os 13 e os 15 meses están en colchoneta. "É un sistema que non me gusta nada e non recomendo a ninguén", di Manolo. Dos 15 meses ao parto pasan novamente a cama fría de compost, que fresan todos os días. Axustar o tamaño da explotación ao persoal dispoñible Usan seme sexado e contan con moita recría, o que lles permite seguir medrando SAT Os Penedos conta neste momento cuns 500 animais, dos que 216 son vacas en produción. "Temos moita recría, case temos tantas xovencas como vacas en muxidura porque inseminamos moito con sexado nas primeirizas", explican. A primeira e a segunda dose nas xovencas é seme sexado sempre en todas elas. Inseminan eles mesmos e contan tamén con indentificación e detector de celos nas vacas en produción. A súa intención é seguir incrementando o número de cabezas até que o tamaño da explotación se axuste á man de obra da que dispoñen tralo reforzo do segundo empregado contratado este verán e da incorporación de Rubén no 2018. Rubén é fillo de Begoña Cruz e de Manuel Penedo, un dos dous matrimonios desta SAT, que se completa co formado por Marina Penedo e Manolo Eiros. Entre os cinco continúan coa tradición da gandería familiar, na que Rubén representa xa a cuarta xeración. "Había vacas na casa xa desde os nosos avós", conta Manolo. Marcos (o outro fillo de Manuel e Begoña) e Manuel (fillo de Manolo e Marina) están aínda estudando e non teñen decidido se van quedar tamén na explotación. A formación dos mozos e mozas para a súa incorporación ás explotacións é unha das necesidades nas que incide Manolo. "Botamos de menos que a Admininstración se preocupe máis de formar aos chavales, paréceme unha cousa fundamental", di.
Para poder aumentar a súa produción gastaron 150.000 euros en cuota, que foron mercando até multiplicala case por dez
O crecemento foi unha constante nesta granxa desde que constituíron a SAT fai xa 20 anos. "Antes muxiamos 40 vacas. No 98 fixemos a sociedade e o primeiro establo para 92 vacas. Logo fomos mercando cuota doutras explotacións para poder seguir medrando. Nós tiñamos 221.000 litros no 98 cando empezamos e acabamos cando desapareceron as cuotas con 2.100.000 litros despois de meter máis de 150.000 euros en cuota", lembra Manolo. Unha ampliación cada tres anos desde o 2005 O ano pasado fixeron unha nova fosa de purín No 2005 uniuse á SAT Manuel, que tamén tiña vacas na súa casa e continuaron medrando, con 4 ampliacións desde entón, cada tres anos unha. A última coincidiu coa incorporación de Rubén no 2018, coa construción dunha nave para a recría e unha fosa de purín cuberta de 2 millóns de litros. Xa tiñan outras dúas fosas dun millón de litros cada unha. Esa era unha das limitacións que tiñan para seguir aumentando o número de animais. Precisan tamén ampliar as instalacións, que lles volveron quedar pequenas. "Estamos xa saturados, porque medras día a día e cando te dás conta estás outra vez a tope, non traballas cómodo e os resultados son peores", din. "Pero para seguir medrando xa temos que facer estudo de impacto ambiental", explica Manolo.
Negocian a venda do leite en conxunto coa veciña SAT Os Foros
Venden hoxe unha media de entre 240.000 e 250.000 litros ao mes, que entregan a Lactalis. "Eramos xa clientes de Lauki e seguimos en Lactalis cando o grupo Besnier mercou Lauki", explica Manolo. Negocian a entrega do leite en conxunto coa veciña SAT Os Foros. Limitados pola escaseza de superficie Outro dos condicionantes cos que se atopan para seguir ampliando é a escaseza de superficie dispoñible nesta zona. "Estamos limitados pola propiedade, nesta zona págase moito a terra", explican. Chegan a pagar até 500 euros por hectárea de aluguer ao ano pola competencia que hai entre as distintas explotacións existentes nesta parroquia.
En Álvare chegan a pagarse 500 euros ao ano de aluguer por hectárea
SAT Os Penedos dispón neste monento de 80 hectáreas de superficie, 70 delas en rotación anual de millo e raigrás. "Até o de agora chegounos a superficie que temos, só mercamos o concentrado e a palla para as secas e a recría", indica Manolo. Fan eles mesmos todos os traballos agrícolas, agás o picado, para o que non dispoñen da maquinaria necesaria. Ensilan na explotación e dispoñen de carro mesturador propio para facer as distintas racións de alimentación. Elaboran catro distintas, unha para as vacas de leite, outra para as secas e dúas diferentes para a recría. "Até os 3 meses están na amamantadora, aos 90 días destétanse e comen até os 6 meses a ración de produción. Logo facémoslles racións específicas para elas, unha para cando teñen entre 6 e 15 meses e outra distinta dos 15 meses até o parto", explica Manolo.  En conxunto fan 5 carros ao día porque "ás vacas en produción facémoslles dúas veces ao día", conta.

Separadores flexibles importados de Alemaña buscando máxima comodidade para os animais

Unha das novidades que introduciron nesta granxa e que hoxe xa se pode ver tamén noutras explotacións, como na Lagoa Serabel SC de Xermade, son os separadores de cubículos flexibles. Evitan moitos golpes e accidentes do gando, sobre todo naqueles animais de maior idade. "É coma se compras un coche con airbag ou sen el, hai diferenza", asegura Manolo. No canto dos ferros tradicionais para separar unhas camas das outras, neste caso empréganse uns tubos de plástico semirríxidos que dobran no caso de que unha vaca se apoie ou bata neles á hora de se levantar, por exemplo. Iso evita os frecuentes percances por impacto e tamén que as vacas poidan quedar atrapadas debaixo deles. "Quedáronnos dúas vacas descalcificadas non fai moito. Levantámolas coa pinza e non se mancaron nada. Se en vez de estar nesta parte da nave, na que ampliamos con este tipo de cubículos, estiveran na parte antiga, onde aínda temos os ferros para separar, igual xa non as dabamos sacado", relata Manolo. "Se volvemos a ampliar, desde logo, volveriamos a poñer este sistema", asegura. "Son algo máis caros, pero merece a pena, porque as vacas non se golpean nada", xustifica. Nesta SAT da Pastoriza copiaron este sistema de granxas europeas onde comezaron a ulitizalo. "Vímolos fai dous anos nunha viaxe a Dinamarca e Alemaña. Mercámolos aló directamente e custounos moito que o fabricante aceptase, non nolos querían vender porque aquí non tiñan distribuidor", conta Manolo. Pero a súa teima por introducir esta novidade na última ampliación que fixeron serviu para abrir mercado en Galicia a este modelo, que ten tamén outra vantaxe: o feito de que tampouco teñan apoio vertical facilita os traballos á hora de facer as camas. Revisión de podoloxía unha vez ao ano Toño Pérez, da empresa Sepogán, xunto a un empregado revisando un dos animais na SAT Os Penedos Na procura de confort para o gando, a saúde das patas é un aspecto importante. "Facemos unha revisión a todos os animais unha vez ao ano", explican. Este ano esperaron a que pasara o verán para facela para que non coincidira en días de moita calor "porque queiras que non as vacas estrésanse bastante nestas revisións", asegura Manolo. SAT Os Penedos é unha explotación moi saneada en materia de podoloxía, non acostuman ter problemas agás por algún golpe ou accidente puntual. Dos traballos neste eido encárgase a empresa Sepogán, de Ribadeo, que conta con 5 potros en circulación para atender as distintas urxencias que se presentan nas explotacións que teñen contratados os seus servizos. "Son moi rápidos, chámalos e aquí están, traballan moi ben", di Manolo, que explica que "cando se trata de facer as revisións a toda a cabana veñen con 3 potros e na mañá revisan 200 vacas".