Archives

A nova avaliación xenética de Conafe inclúe por primeira vez as emisións de metano

Conafe acaba de realizar en xuño deste ano novas probas para o vacún de leite. Con estas avaliacións comeza a aplicar a nova escala do ICO e é ademais a primeira avaliación xenética a nivel mundial que usa medidas directas de emisións de metano, unha información relevante relacionada coa eficiencia produtiva dos animais. Ademais, nestas novas probas inclúense por primeira vez valoracións xenómicas do efecto materno para facilidade de parto. Hai tamén outras modificacións: • Cambio da base xenética: Trasládase ás vacas nadas en 2013. • Cambio das Desviacións Típicas (DT) que se usan para estandarizar as probas dos caracteres de tipo. • Cambio da transformación de caracteres de tipo de óptimo intermedio (OI) no cálculo os índices combinados de Tipo. • Cambio das fiabilidades das probas xenómicas despois dun novo estudo de validación. Destaca o incremento na fiabilidade do valor combinado de varios caracteres.

Nova base xenética

Nesta avaliación xenética realizada por Conafe en xuño de 2023 actualizouse a base da valoración xenética, que agora son as vacas nadas en 2013. Isto supón un cambio en todos os animais de -73,1 en quilos de leite; -2,21 quilos de graxa; -2,39 quilos de proteína: entre 0,06 (Condición Corporal) e -0,11 (Profundidade de Ubre) nos caracteres de tipo; -0,03 en IPP; - 0,13 en ICU; e -0,18 en IGT. En Reconto varían en -0,02; en Velocidade de Muxido -0,07; e en Saúde Podal (ISP) -0,08. Estes valores equivalen ao progreso xenético da poboación de femias nadas en 2013 respecto a 2012. Para realizar a avaliación xenética tradicional de xuño de 2023 utilizaron os datos do Control Leiteiro Oficial e os datos das cualificacións dispoñibles a mediados de maio.

Animais xenotipados e probados

En canto ás avaliacións xenómicas, o número de animais xenotipados e avaliados foi de 205.862, incluíndo a poboación española formada por 4.067 machos con código ESP e 154.304 femias. Así, a poboación de referencia aumenta ata 42.194 touros xenotipados con proba de descendencia polo menos en produción. A lista dos 100 mellores touros xenotipados está encabezada por  Glax Delta ET, un exemplar nado no 2021 e cunha puntuación ICO de 1.356 e procedente do centro Aberekin (País Vasco). Nos seguintes postos da táboa atópanse Rico Ripley, un animal procedente de Xenética Fontao e cunha puntuación ICO de 1351. Séguelle Xa Sundowner ET (1350), PH Campeon ET (1349) e en quinto lugar CMP Gabrielle de Chanel ET (1347 ). Todos eles son exemplares nacidos en 2022. En canto aos touros testados, a listaxe dos 100 mellores exemplares testados está liderada por Nemo G Santi ET, un animal do 2017 cun valor ICO de 1265 e procedente do Centro de Inseminación Aberekin (País Vasco). En segundo lugar sitúase K&L Oh Rossi Guay, un exemplar do 2018, cunha puntuación 1262 e de Xenética Fontao. Séguelle Lieu Thomain Baltazar ET (1258), Saúde ET (1257)e en quinto lugar sitúase Salvus ET (1255). Son animais nacidos en 2017. No referido ao valor media, os 100 mellores touros probados españois sitúanse nos 1.217 e o dos 100 mellores touros xenómicos españois alcanza os 1.304. Como sinalan desde Conafe, os resultados das avaliacións xenéticas non son comparables a avaliacións previas, moito menos nesta ocasión co cambio de escala. No gráfico móstrase a tendencia xenética con este novo ICO para os touros ESP rexistrados e con proba oficial.

Encanto Natural, como traballa unha das ganderías top en xenética en Portugal

Norberto Gonçalves (á dereita) co seu irmán João (no medio) e o seu fillo Norberto (á esquerda) Encanto Natural é unha das explotacións de referencia en xenética holstein en Portugal. Norberto Gonçalves e o seu irmán João están á fronte desta gandería, ubicada en Ponte de Lima, que está a modernizar as súas instalacións para garantir un maior benestar animal ás súas vacas e unha maior calidade de vida para eles. Norberto fillo está a acabar os seus estudos para incorporarse á granxa, garantindo así o relevo xeracional necesario para dar continuidade ao traballo de mellora xenética levado a cabo polo seu pai e o seu tío nas últimas 3 décadas. A granxa conta hoxe con 300 cabezas en total, das que 125 son vacas en produción, outras 20 secas e o resto becerras e xovencas. “Aquí facemos moita recría”, explica Norberto, xa que a venda de animais supón unha vía de negocio importante para esta explotación. Venden tanto embrións como becerras pequenas e xovencas preñadas. Esta actividade supón “un complemento importante nos ingresos”, destacan.
Ir aos concursos sérvenos para mostrar a calidade xenética que temos na casa para logo vender mellor a recría
Encanto Natural ten neste momento o mellor animal holstein de Portugal, con 16 en conformación, 13 en ubres e 12 en patas. “O que máis nos enche de orgullo é que tivemos aquí á bisavoa desta xata, á avoa e á nai. Procede dunha familia que xa vai na quinta xeración criada aquí na nosa granxa, non fomos mercar esa familia fóra, fixémola nós aquí na explotación”, salienta Norberto. Ocupan tamén os primeiros postos nas listaxes das probas xenómicas de Portugal, cun animal con 3.076 puntos de TPI.  “Nós vivimos do leite do tanque” Norberto, cunha xovenca nun dos habituais concursos aos que acoden co seu gando Pero ter bos animais desde o punto de vista morfolóxico non é incompatible con que dean moito leite. Ao contrario, asegura Norberto. “Hoxe logramos ter vacas que producen 12.000 e 13.000 litros ao ano sen ningún tipo de estrés por iso. Cando eu comecei, as mellores vacas que tiñamos viñeran de Alemaña e daban 18 e 20 litros por día; hoxe se non dan iso en cada muxido non quedan na explotación”, recoñece. Producen un millón e medio de litros de leite por ano, o que supón unha media de 11.600 litros por vaca, cun 4% de graxa de un 3,4% de proteína, o que lles permite recibir primas pola composición físico-química, xa que o pago por calidade en Portugal realízase ao leite que se atopa por enriba de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Prezo do leite Venden o leite á cooperativa Agros, pertencente ao Grupo Lactogal, que foi o ano pasado a última empresa en subir o prezo do leite en Portugal, polo que Norberto agarda que agora sexa tamén a última en baixalo. “O leite hai un ano estabamos a vendelo a 35 céntimos, era unha situación na que por moi ben que o fixeras todo xa non daba para os custos. Coa escaseza de produción, foi aumentando de prezo e hoxe cobramos a 58 céntimos”, explica. Norberto defende que as ganderías deberían ser rendibles por si mesmas, a través do prezo de venda dos seus produtos, sen necesidade de axudas como a da PAC. “No noso caso representa pouco, porque temos pouca superficie. Eu vou máis pola valorización da materia prima, algo que foi esquecido até o de agora. Esa é a forma máis xusta de remunerar o traballo do produtor”, di.
Dá gusto traballar nunha explotación leiteira cos prezos que se pagan hoxe polo noso produto
“A axuda máis importante que pode haber ao gandeiro é valorizar o prezo do leite. O resto, as subvencións, son préstamos, porque o Goberno dá cunha man e quita coa outra. Neste momento dá gusto traballar no sector, porque o leite está a ser pagado a un prezo que considero xusto, porque os custos de produción están carísimos”, argumenta. Por iso, malia os bos prezos actuais pagados polo leite, non cre sen embargo que vaia incrementarse moito a produción. “Hai escaseza e carestía tamén nos produtos para a alimentación do gando, que é un factor que tamén pesa moito”, di. Encarecemento dos custos de produción “En Portugal facíase moito cereal, pero deixouse de facer porque cando o millo estaba a 100 ou 120 euros a tonelada ninguén quería facer gran, era máis barato mercalo fóra, pero agora que sobe dos 300 euros todo o mundo quere volver a plantar cereal”, lembra Norberto.
Europa deuse conta agora coa guerra de Ucraína de que non podemos ser dependentes de outros
Encanto Natural non ten necesidade de mercar silo de millo, porque colleitan dabondo para autoabastecerse, pero hai outras granxas que non logran cubrir a súa demanda e que sufriron un forte encarecemento neste produto básico para a alimentación do gando. “O silo de millo pasou de 5 céntimos o quilo a 10 céntimos. Se unha explotación ten que mercalo a 10 céntimos, canto custa a ración das vacas?”, pregúntase. “Os custos de produción case se duplicaron. No caso dos concentrados, ti mercabas a tonelada a 250 euros e pasou a 500 euros. O penso dobrou o seu prezo e os fertilizantes tamén, un big bag que custaba 300 euros custa agora 600. O mesmo acontece coa alfalfa; eu tráioa de España, pero tamén dobrou o prezo, de 220 euros pasou a 440”, detalla.
Non notamos suba no recibo da luz porque puxemos paneis solares; foi un bo investimento
En canto á electricidade, di, “subiu moito aquí en Portugal, encareceuse un 40%”, aínda que no seu caso non notaron esa suba na factura xa que puxeron paneis solares. “Foi un bo investimento, financiado cun 60% polo Goberno”, destaca. Sen embargo, non opina o mesmo no que ten que ver cos combustibles: “o gasóleo é unha desgraza porque o Goberno quere gañar diñeiro cos impostos, é ridículo, porque chegamos a pagar a 1,30 euros o litro do gasóleo agrícola”, quéixase. Benestar animal A procura dun maior benestar para os seus animais foi desde sempre un dos obxectivos nos que se centrou esta explotación. “O benestar animal é un aspecto que preocupa ao produtor, mais tamén ao consumidor, ao que lle gusta saber que os animais son ben tratados. O mito hoxe é que o produtor explota á vaca, e iso é mentira, o gandeiro é o mellor amigo da vaca. Porque nós somos coidadores delas as 24 horas do día: pómoslles cepillos, ventiladores para que no verán teñan unha temperatura fresca, facémoslles e limpámoslles a cama todos os días, etc. Ao final quen é o patrón da granxa son as vacas e nós somos os seus sirventes”, argumenta.
O mito hoxe é que o produtor explota á vaca, e iso é mentira, o gandeiro é o mellor amigo da vaca, porque nós somos coidadores delas e os seus sirventes as 24 horas do día
Realmente a granxa ten que ter boas condicións para todos os seus animais, defende. “Nós temos as vacas que levamos aos concursos e ás demostracións mesturadas coas outras, as que enchen o tanque do leite; polo tanto, se temos benestar para unhas tamén o temos para as outras”, razoa. Prevención de enfermidades "Aquí procuramos traballar na prevención máis que na curación. Somos unha explotación libre de enfermidades como IBR, BBD e neospora no gando, pero chegar até ese punto foi un traballo arduo", recoñece Norberto.    "Tiñamos casos de neospora na explotación e neses animais inseminabamos con carne ou usabámolos como ventre de aluguer para embrións e deste xeito logramos erradicar a enfermidade na nosa granxa", explica. Considera que non se deben dar tratamentos ou antibióticos por dar. "Debemos usalos só cando fan falta de verdade. Nós non vacinamos ningún animal por vacinar. Só aqueles que van a algunha feira ou concurso para non correr o risco de traer a doenza para a casa", conta. Endurecemento das normativas de medicamentos Nos últimos anos anos tense producido a nivel da UE un endurecemento nas normativas de uso de antibióticos e produtos fitosanitarios, o que complica os tratamentos nas explotacións. “Con estas novas normas estannos a prohibir usar certos produtos que non son doados de substituír porque hai casos de mamites que se non son tratadas con antibióticos nas primeiras horas é perder o animal. Quen di defender os animais non pode prohibir que teñamos un pequeno stock de medicamentos nas granxas porque ese animal pode enfermar de repente e nós debemos estar preparados para atendelos coa axuda do noso veterinario, que é o médico de cabeceira dos nosos animais", valoran. "Polo tanto, eu considero que non deixarnos actuar de xeito rápido é ir en contra do benestar animal. Están a morrer máis animais agora que hai un ano atrás por causa destas normas. Eu penso que un bo profesional coma nós sabe cando ten que usar un medicamento. Ninguén gasta un medicamento por gastar. Se o usamos é porque o veterinario nolo recomenda e porque o animal necesita desa emerxencia”, asegura.
Están a morrer máis animais agora que hai un ano atrás por causa das normas que limitan os medicamentos; iso tamén é ir contra o benestar animal
"Non hai risco ningún para o consumidor porque non hai ninguén máis preocupado que o produtor polos prazos de seguridade. Ningún gandeiro aproveita un litro de leite que teña residuo algún de medicamentos. Aínda que xa pasaran os días da receita, todo o mundo fai un test a ese leite antes de mandalo para o tanque", di. Norberto tamén considera contraproducente a prohibición xeralizada do uso de antibióticos no secado. “Hoxe a xenética está cada vez máis avanzada e secamos vacas dando aínda 30 litros de leite. En moitos deses casos o antibiótico é unha prevención para evitar ter que curar despois. Se só desen 10 litros de leite era doado secalas só co selador”, xustifica. 
Antes poñiamos ás primeirizas un antibiótico ao parir como prevención, iso deixamos de facelo no último ano
"O que mudei neste último ano é que ás xovencas de primeiro parto, ás que poñiamos un antibiótico ao parir como prevención, erradicámolo por completo. Agora dámoslles uns bolos para axudarlles a ubrar e a arrincar mellor na produción de leite pero non poñemos medicamentos, a non ser que o parto se complique, por exemplo por unha retención posterior de placenta", detalla. Camas de serrín Dispoñen de aspersores e ventiladores para aminorar a calor no verán A granxa ten o apoio técnico da cooperativa Agros, á que lle venden o leite, para mellorar no aspecto sanitario do gando e na calidade do leite que producen. Ese asesoramento é moi importante para Norberto. “Estamos á cabeza de Europa en calidade hixiénico-sanitaria do leite. En Portugal permítense só 300.000 células somáticas no leite, cando en moitos países europeos o límite é maior e sitúase en 400.000”, lembra.
Estamos no Control Leiteiro, que é unha ferramenta moi boa para identificar animal a animal
Os controis nas explotacións para garantir a calidade do produto son máximas. "A empresa que nos recolle o leite saca unha mostra para analizar todos os días. Polo tanto, se un animal foi tratado con algún tipo de medicamento, ese leite non vai para o tanque sen facer un test previo que determine que non ten ningunha presenza de residuos do tratamento", insiste. "Eu levo 30 anos nisto. Cando eu comecei xa se traballaba moi ben en termos de calidade e hixiene do leite, pero había células máis altas, andabamos daquela sempre no fío da navalla das 300.000 células porque non había unha alimentación equilibrada como hai hoxe nin as condicións de benestar animal que temos hoxe", destaca. Minifundio A gandería é atendida por Norberto e João xunto coas súas mulleres, que son as que moxen, e coa axuda puntual dos fillos. Contan a maiores cun empregado e realizan eles mesmos a recría e o traballo agrario. “Esta é unha zona de moitas parcelas e moito minifundio. Non hai ningunha granxa aquí na zona norte que teña 100 hectáreas. Esta é unha zona ademais de moita terra arrendada. Nós traballamos 40 hectáreas de terra, 35 delas destinadas a millo para ensilar e 5 a cultivo de alfalfa. O único que se compra na explotación é a palla e os concentrados”, indica Norberto.
Esta zona do norte de Portugal é unha zona de minifundio, con fincas pequenas
Outra parte esencial do traballo na granxa é a recría. As becerras son alimentadas co costro e o leite da propia nai os primeiros tres ou catro días. Logo son cambiadas a leite en po até o destete, que se produce entre os 3 e os 3 meses e medio de vida para que se desenvolvan ben. Pasan despois a estar en lotes, primeiro até os 8 meses na propia granxa e logo noutra nave até os 12-13 meses, a idade na que son inseminadas. No último lote, o das xovencas preñadas, están até dous meses antes de parir, cando volven para a nave de produción no lote das vacas secas.

Investimentos pendentes na explotación

Á sociedade familiar iniciada polos dous irmáns están agora incorporando ao fillo de Norberto. Teñen planificada tamén unha ampliación e actuacións de mellora en materia de benestar animal pero polo momento non hai resolución á solicitude do plan de mellora polo que levan máis dun ano agardando. “O leite semella que non é un sector prioritario para o Goberno portugués”, quéixase. “Hai 30 anos, cando nós comezamos, o Goberno miraba máis polos agricultores que hoxe en día. Daquela tiveramos unha axuda para instalarnos. Eu tiña 18 anos e arrinquei con 30 animais”, lembra Norberto.
O sector do leite semella que non é prioritario para o Goberno portugués
Sen embargo, di, “hoxe un mozo que teña que empezar de cero non o podería facer”. A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector, considera. O seu fillo Norberto pretende dar continuidade á explotación, unha vez rematada a súa formación como enxeñeiro agrónomo, pero o ano pasado cando quería facer a incorporación só había 8 millóns de euros e quedou fóra porque priorizáronse os proxectos ecolóxicos.
A agricultura portuguesa está moi envellecida, non hai mozos dabondo para repoñer as persoas que se xubilan
“Neste momento o sector agrícola en Portugal está no esquecemento. Non hai máis que ver que o Ministerio de Agricultura cada vez é máis pequeno, con competencias cada vez máis limitadas”, afirma. Robotización da granxa O obxectivo de Encanto Natural é instalar dous robots de muxido e crear máis camas para o gando. “Queremos seguir medrando, pero sempre preocupados polo confort e o benestar animal. Sempre foi a nosa filosofía de traballo e algo polo que sempre apostamos”, asegura Norberto.
Queremos seguir medrando, pero sempre preocupados polo benestar animal. Sempre foi a nosa filosofía de traballo e algo polo que sempre apostamos
Mentres agardan pola resolución das axudas por parte do Goberno portugués están xa a acometer os investimentos para modernizar a granxa, valorados en 500.000 euros. A axuda que lles correspondería sería de 250.000 euros, pero “con ou sen as axudas haberá robots para muxir as vacas e máis camas para o gando”, aclara
Grazas aos paneis solares nas horas de sol producimos o 100% das necesidades enerxéticas da granxa
Tamén instalaron paneis solares para diminuír a factura eléctrica e un sistema de ventilación para amortiguar o estrés por calor do gando nos meses do verán e pretenden incorporar asimesmo unha amamantadora para as becerras. Simplificar a tramitación das axudas Norberto quéixase da excesiva burocracia nos proxectos para a modernización das explotacións lácteas e compáraos coas facilidades que no seu momento se deron en Portugal no sector do viño, no que teñen unha pequena adega, para a reconversión dos viñedos antigos en viñas modernas. “Hai 30 anos era máis doado executar un proxecto do que é hoxe, pídense excesivos papeis”, di.
Tiña que haber liñas específicas de axudas para aspectos concretos no canto de esixir proxectos megalómanos
“No sector do leite tiña que haber unha liña de axudas específica para robotizar as explotacións e outra para a renovación da frota de tractores antigos, para eliminar os que aínda carecen do arco de seguridade, cunha tramitación que fose sinxela e rápida”, exemplifica. Ás dificultades burocráticas engádese a suba dos materiais e o custo das obras neste momento. “Hai un mozo aquí, veciño noso, que desistiu dunha axuda aprobada porque o proxecto fora presentado hai dous anos e desde entón os prezos mudaron significativamente. Está todo a subir de xeito abismal”, conta.

Can Thos, a gandería con mellor índice xenético de España

Pere Serra, xunto ás súas vacas en Tordera, na zona do Maresme de Barcelona Ramaderia Can Thos SL, ubicada en Tordera, no Maresme catalán, é nestes momentos a mellor gandería de España por índice combinado, con un ICO de 3.431 puntos, segundo a última actualización das avaliacións xenéticas de Conafe, correspondente ao mes de xuño, un posto de honra no que repite desde o mes de novembro do 2020.  É o resultado de anos de dedicación á mellora xenética, concibida nesta gandería como unha ferramenta para conseguir mellores producións de leite na súa propia granxa, e que autofinancian coa venda de embrións e animais de alto valor xenético a outras explotacións de toda España.
Esta gandería catalá é líder actualmente en xenética holstein en España, onde repite como mellor explotación por índice combinado (ICO)
Pere Serra Bigas é actualmente o xerente desta gandería líder en xenética holstein en España. É enxeñeiro técnico agrícola e especializouse en mellora xenética durante unha estancia dun ano en EEUU, onde se formou na Universidade de Minesotta. “Alí foi onde me dei conta de que se utilizabamos todas as posibilidades de mellora xenética na nosa explotación poderiamos incrementar os beneficios”, asegura.
A mellora xenética permite conseguir os obxectivos en produción leiteira reducindo os custos e mellorando as propiedades e a calidade do leite
De volta a Cataluña, no ano 2000, Pere incorporouse a xornada completa á explotación que levaban o seu pai e o seu tío e comezou a aplicar na gandería familiar o que aprendera das ganderías de Estados Unidos, que levaban anos de adianto neste campo con respecto ás ganderías de Cataluña.
Non temos animais preferidos, todos teñen o seu prezo e todos están en venda
“A miña idea era crear un valor engadido ao leite, vía venda de embrións e dalgún macho ou femia de alto valor xenético, para seguir reinvestindo eses ingresos en xenética. Non temos animais preferidos, todos teñen o seu prezo e están en venda. Estamos abertos a todo aquel ao que lle interese un animal noso”, indica. Pere calcula que entre un 3 e un 5% dos ingresos da granxa proceden a día de hoxe da venda de xenética, tanto de embrións como de machos a centros de inseminación ou femias a outras ganderías, aínda que houbo anos nos que un de cada 10 euros ingresado por Can Thos procedía do negocio xenético. 14 anos traballando con embrións Dúas tenreiras nacidas froito dun embrión implantado e dividido dentro da vaca receptora Unha das claves da mellora xenética desta gandería foi a súa aposta pola implantación de embrións mediante un programa estruturado que en determinados momentos ocupou unha parte importante da actividade da explotación. Desta maneira, puideron acelerar a mellora xenética da explotación de forma máis rápida que coa simple inseminación artificial, obtendo unha importante cantidade de descendentes dos animais de máis alta calidade xenética, aproveitando ademais como receptoras ás vacas menos interesantes.
Obtiveron por segunda vez (en 2007 e 2017) o título de Mestre Criador que outorga Conafe e son habituais nos premios Vaca D´Or que cada ano entrega a Federación Frisoa de Cataluña
“Empezamos en 2007 poñendo embrións. Eu comprara unha tenreira nunha poxa que viña cun contrato de embrións, e a partir de aí empezamos a probar con 1 ou 2 vacas. Por mor diso collemos confianza e houbo momentos que iamos moi lanzados, pero volvemos a poñer os pés no chan e agora usamos só esta ferramenta cando hai demanda ou cando vemos que nos é útil para mellorar nós por esta vía”, admite. Clientes en Galicia Un veterinario de Embriovet&Embriomarket realizando tarefas de extracción de embrións en Can Thos A empresa galega Embriovet&Embriomarket encárgase de realizar as tarefas de extracción de embrións nesta gandería catalá líder en xenética Holstein e tamén de comercializalos posteriormente. “Realizamos unhas 6 ou 7 extraccións de embrións ao ano en grupos de 6 a 8 animais cada vez. Traballamos con Embriovet& Embriomarket porque son xente especializada”, destaca Pere.
Unha das empresas que comercializa os seus embrións é a galega Embriovet& Embriomarket
O proceso iníciase provocando unha superovulación nas mellores vacas da gandería, que son despois inseminadas, no momento no que se atopan en celo, con seme seleccionado internacionalmente. Tanto a fecundación como a xestación prodúcense dentro do útero da vaca (proceso in vivo).
O futuro dos embrións pasa pola produción in vitro con aspiracións foliculares e sen hormonas
Ao cabo de 7 días retiran eses embrións mediante un lavado uterino (flushing) e implántanos noutras vacas do establo con menor potencial xenético, que actúan a modo de ventres de alugueiro, de maneira que a xestación do animal resultante responde aos criterios hereditarios das mellores vacas da gandería.
Subministran machos a Xenética Fontao mediante convenios de colaboración
“Traballamos cos mellores touros do mercado, con todos aqueles que se adapten á nosa maneira de pensar, dáme igual de onde sexan. É seme caro, unha soa dose pode chegar a custar 150 ou 200 euros”, explica. Proceden dos mellores touros de EEUU, Canadá, Países Baixos, Alemaña ou Italia, pero tamén de empresas españolas como Xenética Fontao, á que tamén fornecen machos para sementais. “O macho xenómico número 10 de España, Thos Saturn Greco, saíu de aquí e foi vendido a Fontao nun convenio de colaboración”, detalla. Todo o establo está xenotipado Aos 8 días de vida realizan a proba xenómica a todos os animais que nacen para coñecer o seu potencial Ao contrario do que fan na actualidade a maioría de explotacións enfocadas á produción láctea, non usan seme sexado, nin nas vacas seleccionadas para embrións nin nas xovencas. “Non usamos nada de sexado, porque calquera macho que naza é un potencial candidato ter bos indices, e a poder ser ofrecido a un centro de inseminación, polo que todas as xovencas son inseminadas con seme convencional, xa que todas teñen indices xenéticos altos.”, indica. Para asegurarse, aos 8 días de vida extraen unha mostra de sangue ás tenreiras para así, mediante a técnica do xenotipado, coñecer o seu potencial produtivo futuro. “Tal como está o prezo do leite e o mercado de animais, non podemos criar a todas as tenreiras, só a aquelas que mellores resultados obteñen nesta proba xenómica. Descartamos as que darán menos leite ou terán máis enfermidades”, explica Pere.
O ano pasado vendemos as dúas primeiras tenreiras de alto valor xenético a dúas granxas de Galicia
Do mesmo xeito que os seus embrións, algúns dos seus mellores animais tamén acabaron en ganderías galegas, como Thos Discjockey Alicia ou Thos Guardian Alumet, que con 4.847 de ICO a día de hoxe e número 1 factor vermello sen cornos, está en Prevediños (Touro) na gandería de Álvaro Martínez Suárez. Animais equilibrados Thos Duke Llumina, que foi nº1 de vacas xenómicas de Conafe, na parideira da granxa Queren contar cun rabaño uniforme e equilibrado e que a súa granxa non destaque nun único aspecto, por iso buscan animais o máis completos posible, con boa morfoloxía, potencial xenético e produción de leite. “Tentamos ser equilibrados en todo. Sempre me gustou máis traballar a nivel de granxa que a nivel de animal individual. O acoplamento individual só o usamos para embrións, pero despois traballamos máis en grupo, é máis cómodo e non tes que ter 50 touros no tanque”, razoa Pere.
Priorizamos produción de leite, bos ubres e saúde podal
“Priorizamos leite, 0 en graxa e proteína, bos ubres (touros con máis de 2 en índice de ubres) e saúde podal, que pensamos que é máis importante que céculas somáticas, porque a maioría de machos xa son resistentes e, pola contra, a saúde podal ten maior percorrido a longo prazo”, detalla. Gando A2A2 Usan seme dos mellores touros a nivel mundial e con acoplamentos individuais só para os embrións Levan anos seleccionando tamén aos seus animais pola kapa caseína A2. “Seleccionamos ás vacas que posúen esta proteína e cruzámolas con machos que tamén a posúen. Así conseguimos moi rápido cambiar o perfil do noso rabaño. Ao redor do 50% é xa A2A2 e menos do 10% A1A1”, indica Pere.
O 50% da nosa produción xa é A2A2
“Moitas granxas están a tentar ter canto antes toda a produción A2A2 buscando un valor engadido do leite. Ao ser consumida por máis público, pola súa mellor asimilación, espérase que teña máis prezo, como sucede xa en EEUU, aínda que aquí de momento non se paga. Por iso, cando alguén nos compra un embrión escolle normalmente que sexa sexado e A2A2. Se é para nós tamén se ten en conta aínda que non por encima doutros parámetros”, explica.

"O obxectivo segue sendo producir leite; a xenética é un hobbie que nos aporta ingresos complementarios"

Pere, xunto ao lote de xovencas de recría, unha das partes esenciais da gandería A gandería Can Thos, situada na zona do Maresme, conta na actualidade cunhas 400 cabezas totais, das que unhas 250 son vacas en produción. Producen unha media anual de 8.300 litros diarios que entregan a Làctia, a empresa creada en 2016 pola cooperativa andaluza Covap para abastecer a Mercadona en Cataluña. Aínda que unha parte dos ingresos da granxa proceden hoxe da venda de xenética, tanto embrións como animais, “o obxectivo final da gandería segue sendo a produción de leite”, asegura Pere. “A xenética é un hobbie que nos achega ingresos complementarios de cando en vez e axúdanos a seguir adiante nese ámbito, pero o que me paga as facturas é a venda diaria de leite ”, afirma.
A xenética é un hobbie que non quero que me custe diñeiro, pero eu tento ter animais de alto valor xenético para producir leite todos os días, que é o que me paga as facturas
O obxectivo de produción anual de Can Thos para este ano 2021 con 250 vacas en muxidura é alcanzar os 3,2 millóns de litros de leite, con 36,1 litros de media por vaca lactante e un 7,6% de vacas secas. “A graxa non nos interesa” Na selección xenética priorizan produción de litros de leite, bos ubres e saúde podal Nesta gandería catalá apostan pola calidade hixiénico-sanitaria do leite, máis que polos niveis de sólidos, con porcentaxes do 3,21% de graxa e 3,48% de proteína. “A nosa filosofía de traballo sempre foi traballar con pouca graxa e con moitos litros de leite. Negociamos un contrato coa empresa para que nos penalizasen o menos posible na graxa, porque nunca chegabamos aos mínimos, e compensando iso con outros factores, como bacterioloxía e células somáticas”.
Producen unha media de 8.300 litros diarios que entregan a Làctia, a empresa de Covap en Cataluña para abastecer a Mercadona
No seu contrato con Làctia o prezo base son 325 euros por tonelada, cun 3,70% de graxa. Descóntanlles 1,5 euros por décima de graxa (a proteína non se ten en conta) e reciben uns 10 euros por dobre A en calidade hixiénica. “A graxa e a proteína van camiño de valer cero nesta zona, onde o que producimos é leite líquido. A proteína no noso caso non se paga e a graxa vai polo mesmo camiño”, opina. Minimizar os días improdutivos Zona de boxes de tenreiras e machos lactantes Todo o sistema de manexo da granxa vai encamiñado a este obxectivo da produción de litros de leite, buscando minimizar os días improdutivos dos animais. “Tentamos que todos os animais pairan ao primeiro parto entre os 20-21 meses, así temos 90 días máis de produción con respecto ás ganderías que levan a parto ás xovencas con 24 meses e o noso período de secado é de 55 días. O obxectivo final é ter o mínimo de días improdutivos, nos que a vaca só come e caga, pero non dá leite. Eses días inútiles non me gustan e intento minimizalos,”, afirma.
Esperan un mínimo de 200 días en leite para empezar a inseminar e teñen en conta o estado corporal do animal e a súa produción
En materia de reprodución baséanse nese mesmo obxectivo e aplican un sistema distinto de traballo no que o período de espera voluntario vai en función da produción de leite do animal. “Queremos lactacións rendibles que che dean diñeiro. Muxir unha vaca de poucos litros non ten sentido, por iso en vacas adultas inseminamos cando baixan de 40 litros e nas primeirizas cando baixan de 38”, detalla. Lograr vitalicias de 40.000 litros Máis ca vacas moi lonxevas, o que buscan son animais capaces de dar moitos litros en poucos partos, o que significa que son moi persistentes e teñen un intervalo entre partos moi longo Ese mesmo criterio de redución do número de días improdutivos dos animais aplícano aos descartes. “Unha vaca por moi número un que sexa se non é rendible non me vale para nada, por encima de todo tentamos ser rendibles ”, afirma Pere.
Unha vaca por moi numero un que sexa se non é rendible non me vale para nada
Por iso, di, a lonxevidade non é un obxectivo en si mesmo, igual que non o é a redución dos días abertos, o período que pasa desde o parto á seguinte preñez. “Queremos vacas que teñan persistencia, é dicir, que poidan producir moitos litros sen necesidade de preñalas. É máis importante para min iso, que dean leite moitos días, que o feito de que me duren moitos anos. Porque cada 4 partos perdes unha lactación e cada parto é para min unha tensión importante e unha molestia, ademais de supoñer un parón de produción nos 60 días anteriores”, argumenta.
Calculamos que ao longo da súa vida unha vaca debe producir uns 40.000 litros de leite; unha vaca que baixa de 25 litros diarios non é rendible
Por iso, en Can Thos hai vacas con 9 partos e 110.000 litros producidos, porque manteñen altas producións e empreñan aos 250 días sen problemas, e outras que abandonan o establo moito antes. A media de produción vitalicia no momento de saída a matadoiro sitúase habitualmente entre os 40 e os 41.000 litros, aínda que a media do ano pasado caeu ata os 37.000 litros. “Varias xovencas recén paridas romperon pernas por un problema de patios mal raiados e tivemos que mandalas”, xustifica. A mamite non é un problema nesta granxa e os casos de reabsorcións son moi puntuais, polo que a maioría de descartes que fan prodúcense por baixa produción ou coxeiras. Por iso, insiste Pere, “intento que a saúde podal sexa un punto de selección importante tanto nas vacas das que recriamos como dos touros cos que as inseminamos”. Loitar contra a calor Aproveitan a brisa do mar para ventilar de forma natural as naves sen necesidade de usar ventiladores Producir leite na zona do Maresme catalán non é facelo en Galicia. Un dos problemas é o estrés por calor no verán, pero os seus efectos no gando poden mesmo dilatarse no tempo. “A baixada en leite pode ser de 3 ou 4 litros por vaca, pero o problema é cando en agosto, que é o punto crítico, hai moita temperatura e humidade durante varias semanas, xa que ás vacas cústalles recuperar despois en setembro e outubro”, explica Pere.
Os animais téñense que adaptar á zona onde están pero a baixada en leite pode ser de 3 ou 4 litros
En Tordera, onde se atopa a granxa, no inverno o clima é suave pero no verán aos 35 graos de temperatura súmase “unha humidade brutal”. Can Thos adaptou o seu establo de produción para aproveitar a circulación do aire. “Só temos dous ventiladores forzados, o resto é ventilación natural. Adaptamos as estruturas para ter unha ventilación óptima coa brisa que vén do mar e poder aproveitala ao máximo. Con ese movemento de aire mantemos aos animais fríos sen ter que poñer auga ou máis ventiladores. O investimento respecto ao retorno non sería adecuado, por como é a estrutura das naves”, asegura. De maíz a sorgo por culpa do xabarín Ao lado da granxa dispoñen de 5 hectáreas de regadío cuxo cultivo principal é o sorgo O clima seco tamén condiciona a produción forraxeira. A gandería dispón de 40 hectáreas de superficie, pero só 5 delas son de regadío e o resto é secaño. Pero máis aló da escaseza de precipitacións, o principal problema para a produción forraxeira é o xabaril.
Os seus cultivos principais son agora o sorgo en rotación con avea e raigrás. O millo teñen que compralo, entre 2 e 3 millóns de quilos ao ano para ensilar
“Na zona de regadío sementabamos millo, pero o xabaril esnaquizábanos todo o cultivo e tivemos que deixar de botalo e substituílo por sorgo. No sorgo o xabaril só vai durmir, pero non o esnaquiza como fai co millo”, relata Pere. Na pradeira permanente sementan unha combinación de alfalfa, raigrás e bromus resistente á seca Así pois, nestas 5 hectáreas de regadío fan agora dous cortes de sorgo e antes de sementar o sorgo un corte de avea con raigrás, aínda que “este cultivo anterior non todos os anos podemos facelo”, aclara.
Na pradeira permanente sementan unha combinación de leguminosa (alfalfa) e gramíneas (raigrás e bromus) con boa resistencia á seca
Na zona de secaño, a maioría está a prado permanente, cunha mestura resistente á seca de alfalfa, bromus e raigrás, aínda que un 10% da superficie está destinada tamén a sementar de sorgo en rotación cun cultivo de primavera de avea e raigrás. A mesma ración todo o ano Can Thos non logra ser autosuficiente en produción forraxeira para as súas 400 cabezas de gando. “Compramos todo o silo de millo, temos xente que nos sementa para nós por esta zona, son agricultores que teñen as súas fincas preparadas contra o xabaril. Necesitamos habitualmente entre 2 e 3 millóns de quilos de millo ao ano. Alfalfa compramos cada vez menos, só usamos medio quilo por vaca. Tamén compramos soia, fariña de millo e algo de colza para mesturar co complexo de minerais”, enumera Pere.
As vacas en produción comen silo de sorgo, silo de millo, alfalfa, soia, colza con minerais e fariña de millo
“Nós apostamos por unha ración simple que tentamos cambiar o mínimo posible dentro do ano. Iso axuda a que os animais manteñan o seu mesmo estado de rumen e produción e a minimizar os días improdutivos”, asegura. Altos custos de produción O xerente da gandería número un tanto de Cataluña como a nivel estatal asegura que só mellorando o rabaño no seu conxunto grazas á mellora xenética pódese manter a rendibilidade da explotación nestes momentos de altos custos de produción e marxes tan estreitas.
Chegar a fin de mes neste momento é un suplicio. Se a cousa segue así ata final de ano haberá moitos peches
“Disparáronse os custos de produción moitísimo, chegar a fin de mes neste momento é un suplicio. Tentamos traballar con futuros pero ás veces non logras pechar un bo prezo. O contexto non é diferente en Cataluña a respecto doutros sitios pola carestía do millo e a soia. Polo momento imos aguantando, pero a xente empeza a ir moi apurada xa e haberá moitos peches se a cousa segue así ata final de ano”, prognostica. Problemas de man de obra A pesar da súa profesionalización e o seu funcionamento empresarial, Can Thos segue sendo unha explotación familiar na que Pere actúa de “xerente e traballador para todo” apoiado por outros tres empregados para o traballo na granxa.
Muximos dúas veces ao día nunha sala convencional pero teño xa proxecto para montar robots pola falta de persoal
Do mesmo xeito que sucede noutros lugares, como en Galicia, as dificultades para atopar man de obra son xeneralizadas en Cataluña. “É horroroso”, salienta Pere. Na súa gandería están a muxir unhas 250 vacas dúas veces ao día nunha sala convencional e nin se plantexa poder facer tres muxiduras ante a falta de persoal. Catro xeracións e máis dun século de actividade Xovencas no pasto ao lado da explotación, que iniciou o bisavó de Pere a principios do século XX A historia desta gandería catalá remóntase a principios do século XX, cando o bisavó de Pere comprou a masía cunhas cantas vacas. “Nesta zona as casas de payés eran autosuficientes. Traballaban o campo e tiñan a súa vaca. Estamos á beira da costa e o turismo empezou a tirar moito de produtos como o leite e as verduras. Na zona máis de costa especializáronse en produción de verdura e máis cara ao interior, onde estamos nós, fixémolo en produción de leite”, conta Pere.
O meu bisavó empezou con 7 ou 8 vacas para subministrar aos pobos turísticos da costa
A necesidade de leite, tanto polo turismo como polo consumo crecente en cidades como Barcelona, fixo que en 1960 construísen un establo con sistema canadense para 60 vacas atadas en muxido directo. Vendían, a través de intermediarios, a hoteis da costa situados en localidades próximas, como Blanes, Lloret de Mar ou Calella. En 1970, xa co seu pai Ramón e o seu tío Joan á fronte da gandería, pasáronse a estabulación libre, construíndo unha granxa coa forma típica das explotacións catalás desta época, con zona de descanso e corredor de alimentación en forma de T, sala de muxido 2x8 nunha punta e cama quente para o gando. Variaron entón o destino final do leite, especializándose en fornecer á industria, cunhas 70 vacas en produción. Trala incorporación de Pere no ano 2000, ao volver de EEUU, a gandería seguiu medrando cunha aposta decidida pola mellora xenética, mantendo a venda de leite á industria como negocio prioritario pero sumando ingresos complementarios pola diversificación coa venda de embrións e animais vivos, un camiño no que continúa desde entón. 
  • Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial de Embriovet&Embriomarket

SAT Teixeiro, confort para o gando e aumento de produción cos robots

Mamoudou, Manolo, Teresa e Javier na zona da nave que ampliaron hai dous anos para secas e xovencas Tres irmáns (Teresa, Manuel e Javier Teijeiro Álvarez) están á fronte de SAT Teixeiro, unha explotación familiar situada na parroquia da Rigueira, na Pastoriza, que destaca polos índices xenéticos e morfolóxicos dos seus animais e foi das primeiras explotacións en Galicia en facer a proba xenómica a todo o seu rabaño. Entregan o leite a Entrepinares, polo que buscan un equilibrio entre litros e calidades e fan fincapé na comodidade dos animais e no manexo tanto na etapa de produción como na recría. A gandería herdárona no ano 2001 dos seus pais, Félix e Pilar, cuns 40 animais dando leite e foi medrando ata contar hoxe cunhas 125 vacas en produción repartidas en dous robots de muxido instalados hai dous anos. Os tres irmáns optaron no seu momento por trasladar a explotación a unha zona alonxada das casas, no lugar coñecido como Fontes, o que lles permitiu deseñar de novo as instalacións sen toda unha serie de limitacións coas que se atopaban na ubicación onde comezaron os seus pais, e así poder seguir ampliando e medrando progresivamente todos estes anos, e, ao mesmo tempo, aproveitar o establo vello para a recría.
No noso caso os nosos pais cando se retiraron, que decidiron facelo anticipadamente para que colleramos nós a explotación, non volveron aquí a traballar nin se meteron nas nosas decisións. Nese sentido, soubéronse retirar e sempre nos apoiaron
"Eu e Manolo incorporámonos no 2001, eu con 24 anos e el con 22 e fixemos a SAT e un ano despois empezamos as obras. No ano 2003 uniuse tamén Teresa. Miramos de facer de novo nesta finca que xa a mercaramos uns anos antes e aproveitar a corte vella para almacén e recría", conta Javier. "No noso caso os nosos pais cando se retiraron, que decidiron facelo anticipadamente para que colleramos nós a explotación, non volveron aquí a traballar, nese sentido, soubéronse retirar. O noso pai estaba sempre ao lado noso apoiándonos pero non se metía en nada, deixábanos facer e sempre nos deu para adiante", di. Félix faleceu hai uns anos, pero Pilar segue a ser un apoio importante e facilítalles o traballo diario. "Cando paramos a mediodía, por exemplo, temos a comida feita", exemplifican. Robots, amamantadora, arrimador e eficiencia enerxética Un robot moxe o lote de primeirizas e o outro as multíparas, con punteo e ración de alimentación diferenciada As últimas decisións que tomaron consistiron na automatización da granxa, coa incorporación do sistema de muxido robotizado, un arrimador autónomo para a ración e unha amamantadora nodriza para as becerras. Xunto a estes cambios, ampliaron e reconfiguraron a nave para acoller a recría na súa fase inicial e final e as vacas secas. Aproveitaron tamén para acometer melloras en canto á eficiencia enerxética da granxa, coa instalación dun sistema de xeración fotovoltaica para autoconsumo xunto cun variador de frecuencia, un enfriador de placas e un cambio de iluminación. Consideran que o paso da sala de muxido ao robot axudoulles a aproveitar mellor o potencial produtivo do seu gando. "Aquí tiñamos animais que na sala eran vacas boas, pero foron ao robot e convertéronse noutro tipo de vacas moito máis produtoras. Foi un cambio positivo para nós, houbo vacas que chegaron aos 70 litros e outras que mesmo pasaron deles e na sala non lograbamos esas producións neses mesmos animais. Nós unha media de 41 litros nunca a tivemos cando muxiamos na sala, chegaramos algunha vez a 39 litros e medio, pero había moito leite nas camas, así que tiveramos que volver baixar un par de litros. E era algo esporádico durante vinte días ou un mes pero agora desde que puxemos os robots é continuo. E iso que non lles estamos dando caña ás vacas, polo tema de chegar ás calidades requeridas pola empresa á que lle entregamos o leite, que senón podiamos ter dous ou tres litros máis tranquilamente", aseguran. Zona de separación para facilitar o manexo das vacas en produción Unha vaca na zona de separación, con capacidade para seis animais Os robots contan cunha zona de separación dotada con seis cubículos, a onde mandan os animais en celo, os que están enfermos, as vacas recén paridas ou tamén as que están secando. "Fanse moitas cousas nesa zona de separación, é algo moi cómodo e moi práctico, por exemplo algunha que está enferma mandámola para alí para que cando veña o veterinario estea xa separada", conta Javier.
No momento de secar, durante tres ou catro días facémoslles unha única muxidura. O secado brusco é cómodo para o gandeiro, pero a vaca adáptase mellor así
Ese espazo tamén lles facilita o manexo en moitas outras tarefas diarias. "Sobre todo separamos vacas que están moi próximas, para que non anden polo medio das outras, ou cando secamos xa lle marcamos no ordenador tamén para que nolas mande para alí, e durante tres ou catro días facémoslles unha única muxidura para que non noten tanto o secado brusco e non lles quede todo ese volume de ubre. O secado brusco é cómodo para o gandeiro, pero a vaca adáptase mellor así, a nós funciónanos mellor así, porque insuman mellor as ubres e non temos problemas", engade Manuel. Recría dividida en 4 lotes ata o destete Cando instalaron os robots, en xullo do 2019, aproveitaron para facer unha ampliación para as vacas secas e as xovencas e reconvertiron o espazo que ocupaba a sala de muxido e a zona de espera para a recría, instalando tamén unha amamantadora, o que lles permitiu mellorar o crecemento das xatas. "Notamos un crecemento máis uniforme. Antes tiñamos problemas no cambio do box individual ao lote. Nesa adaptación paraban de medrar, pero agora están en grupo desde pequeniñas e nótano moito menos", conta Manuel. Teñen este espazo da recría máis pequena parcelado en catro zonas, o que lles permite ir facendo lotes no periodo de lactación dos animais. Nun grupo están só os xatos, destinados a vender, e nos outros tres van dividindo as xatas por idades, incorporándoas ao lote inicial a medida que van nacendo e rotándoas despois polos outros espazos a medida que cumpren semanas de vida. "Iso permítenos que non haxa saturación de animais nin competencia na amamantadora entre becerras maiores e becerras recén nacidas, por iso optamos por poñer a amamantadora con catro estacións diferenciadas", explica Javier.
Puxemos unha amamantadora con catro estacións e separamos por idades porque así os animais nunca compiten, os pequenos son todos pequenos e os maiores están noutros lotes
Ese sistema permítelles unha incorporación temperá á amamantadora. "Como están con animais da súa mesma idade e están con moita amplitude de espazo, desde que acaban o costro xa poden ir para a nodriza e non teñen problema ningún, adáptanse perfectamente. Ao ter pouca carga tampouco temos problemas de trasmisión de enfermidades e, en caso de que houbese un contaxio, poderían infectarse 4 ou 5, que son as que están nese lote, pero non as 20", razoa Manuel. "Antes xa non tiñamos moitas baixas, pero desde que puxemos a amamantadora non nos morreu ningunha becerra polo manexo, o ano pasado de oitenta e pico partos só tivemos dúas baixas, dous animais que xa naceron mortos", engade o seu irmán.
Gústalles facer tanto o secado das vacas como o destete das xatas progresivo para que os animais noten o menos posible os cambios
As xatas van incrementanto a inxesta ata mamar 10 litros, pero a partir do día 55 vanlles baixando ao leite progresivamente ata 85 días, que é cando fan o destete. "A curva de lactación arrinca con 5 litros e medio e aos 12 días xa están tomando 7 litros e van subindo, logo botan entre 20 e 30 días nos 10 litros e despois xa vai baixando. Nos últimos días maman medio litro", explica Teresa. Aproveitan o establo vello para unha parte das xatas Tralo destete na zona adaptada hai dous anos para as becerras no espazo que ocupaba antes a sala de muxido na nave de produción, as xatas baixan para as instalacións vellas da gandería, as que usaban os seus pais como establo, até o momento de seren inseminadas, no que xa volven para a ampliación acometida tamén hai dous anos na nave nova. "Cando van para o establo vello xa van adaptadas á comida e á trabadiza para que non noten o cambio e alí seguen estando estradas en palla ata os 8 ou 9 meses, que pasan a cubículos", indica Manuel.
Nas naves que tiñan os seus pais están ás becerras entre o momento do destete e o da inseminación
Seguen prestando atención á mellora xenética, poñendo embrións e optando polo seme sexado nas xovencas, pero inseminando con cruce industrial, sobre todo azul belga, case o 50% das vacas adultas. "Cos robots limitámonos e non podemos medrar máis, polo que neste momento estamos poñendo moita carne porque o mercado das tenreiras é moi irregular e nós investimos moito en xenética desde hai moitos anos pero para dar vendido unha becerra en 300 ou 350 euros era complicado, cando ti tiñas gastado a 500 e a 1.000 euros en embrións. A xente viña mercarche as xatas e aínda che regateaba, así que agora poñemos moito cruce. Sacas igual os 300 euros e ninguén especula coas túas xatas", razoa Javier. Máis de 20 anos investindo en xenética Esta gandería da Pastoriza destaca polos índices xenéticos e morfolóxicos dos seus animais, aínda que, asegura Javier, "para que haxa un animal bo nunha explotación, a maiores dunha boa base xenética, ten que haber tamén manexo, confort e alimentación". SAT Teixeiro foi ademais das primeiras explotacións en facer a proba xenómica a todo o seu rabaño. "Nós traballamos moito con Fontao e poñemos unha media duns 15 embrións ao ano, sempre poñemos lotes, e como temos as nosas xatas todas xenotipadas cando sae unha cuns bos índices e hai demanda de embrións tamén lles sacamos embrións e vendemos", explican.
Nós levamos investido moito en xenética. Hoxe aquí o 80 ou 90% dos animais son descendentes de Boss
Cando Javier e Manuel se incorporaron á gandería familiar, a súa inquedanza por mellorar o nivel xenético do seu gando levounos a mercar nos primeiros anos animais de alto valor xenético no centro de Boss de Guísamo e por apostar de xeito decidido pola técnica de transferencia embrionaria. "Hoxe aquí o establo o 80 ou 90% é descendente de Boss. Nós no ano 2002 compramos vacas de 4.000, 5.000 e 7.000 euros, que eran moitos cartos para unha vaca, e cando se desfixo o centro, mercaramos moitos embrións das novillas que estaban en cabeza en xenómica. Nós tiñamos claro que había que apostar por iso", asegura Javier.
Temos todo o establo xenotipado desde hai 4 ou 5 anos, fomos dos primeiros en facer aquí a xenómica
Co paso dos anos seguiron tratando de manter e de mellorar aquela base. "Nunca nos opoñemos a traer familias de fóra cando as trae Fontao. Hoxe a xenética está a prezos moi asequibles, pagas 600 ou 700 euros por 4 embrións, cando antes pagábalo por un só", considera Javier. "Está claro que a xenómica deu un xiro a todo isto, pero os animais bos xenomicamente saíron onde se estaba traballando a xenética desde facía anos", opina Manuel. No último balance da Federación Frisona Galega, relativo ao ano 2019, foron a gandería número 2 en índices xenéticos (ICO) na provincia de Lugo, a número 6 de Galicia e a número 15 de España e contan coa vaca número 2 en ubres, a número 5 en patas e a número 18 a tipo. É o resultado da constancia, que os fai ocupar postos de honra desde fai anos. "No 2016, durante case un ano, tivemos a vaca número 1 de España, Teixeiro Suprem Suba FIV ET, que era filla de Suprem e neta de Barman, dous touros de Fontao", lembra Javier. Equilibrio entre produción e calidades Pero a estratexia de inseminación de SAT Teixeiro cambiou radicalmente desde que hai dous anos instalaron os robots. "Nós eramos máis tiperos pero agora fixámonos menos niso. Agora estamos condicionados polo robot e buscamos rendibilidade, así que o que buscamos agora é velocidade de muxido, patas e ubres", recoñece Manuel. SAT Teixeiro vende o leite a Entrepinares desde hai 3 anos polo que busca un equilibrio entre litros e sólidos. "A nosa media actual é de entre 40 e 41 litros por vaca e día cun 3,80-3,85% de graxa e un 3,35% de proteína. Temos que estar sempre por enriba do 3,80% de graxa, porque nos esixen esas calidades, pero a nós tamén nos interesa ter litros porque ata agora aínda se segue pagando o leite en función dos litros, pero máis media de produción sería complicado porque non cubririamos as calidades e penalizaríannos", razoa Javier. Están contentos coa empresa á que entregan e son conscientes que ao tratarse dunha queixaría, porcentaxe de sólidos e calidade do leite son aspectos esenciais. "Nós levabamos xa moitos anos en certificación a través de Irmandiños, que fora a primeira cooperativa que empezara a certificar o leite, e xa nos valeu para Entrepinares. Nós antes pertenciamos a unha cooperativa aquí que se chamaba O Caxigo pero collían o penso a Irmandiños, así que decidimos ser socios de Irmandiños directamente. Iso foi xa fai máis de 20 anos", conta Manuel. 65 hectáreas de superficie Irmandiños (agora CLUN) préstalles tamén diariamente o servizo de carro mesturador. Fan dúas racións de produción, unha para as primíparas e outra para as multíparas, que é tamén como as teñen separadas nos robots, en dous lotes. As primeirizas están con 30 quilos de silo de millo, 18 de silo de herba, 2,5 de alfalfa e 8,5 de concentrado, máis o que puntea o robot, que chega, segundo produción, ata os 9 quilos. En canto as adultas, están con 32 de millo, 20 de herba, 2,5 de alfalfa e 8,5 de mestura de concentrado. "As multíparas van todas igual pero a gráfica de punteo para as primeirizas é diferente, porque chegan máis tarde ao pico de lactación, acábano collendo aos 120-130 días", asegura Manuel.
Fan o ensilado da herba e do millo na explotación e vénlles o carro da cooperativa Os Irmandiños a facer a ración
Esta gandería manexa unhas 65 hectáreas de terreo, das que botan a millo 37. Delas 17 quedan só para millo e nas outras 20 fan rotación millo-raigrás. Aínda que A Pastoriza é un dos concellos con máis produción de leite de Galicia, empeza a haber algunha terra dispoñible en la zona. "Era máis complicado aumentar superficie hai uns anos, agora empeza a ser posible e sobre todo é máis doado ter as fincas localizadas máis preto da explotación", considera Manuel. "Nós temos todo aquí ao redor, agás 5 hectáreas que temos en Pacios e nas que botamos millo nada máis", engade o seu irmán.
Habitualmente facemos un só corte do raigrás porque dous cortes encarece os custos de segar e ensilar e estás sacrificando produción de millo
En canto aos traballos agrarios, unha parte fanos eles e outra parte contrátanos a unha empresa de servizos da zona, sobre todo nas campañas de ensilado e sementeira do millo. "Na herba a nosa idea é sacar un corte só porque para obter dous nesta zona é complicado e auméntanche moito os custos de segar e ensilar para pouca produción a maiores que colles e estás sacrificando unha semana ou dez días do millo por facer eses dous cortes e moitas veces non compensa porque estás mermando a produción de millo", asegura Manuel. Este ano, sen embargo, fixeron dous cortes. "Aproveitamos que fixo bo tempo para segar cedo o primeiro corte e limpar as fincas pero o habitual é facer un só corte de herba e despois o millo", aclara.
Os silos de herba moi nova, con moita proteína e pouca fibra, son moi delicados de manexar no carro
Ademais, engade, "ao ser un corte, o primeiro, de herba moi tenra, fai bolas no carro e iso non se mestura ben co millo nin co concentrado e aínda que teñas un silo de herba cunha analítica dun 20% de proteína e unha dixestibilidade enorme despois realmente o que comen as vacas non é iso, porque fai mala mestura e unha come as bolas de silo de herba e a outra o millo e canto máis mesturas no carro máis apelmaza e máis bolas fai, polo que eses silos de herba tan bos son despois moi delicados de manexar no carro", explica. Inxección do purín A cisterna co sistema de aplicación localizado do xurro custoulles 130.000 euros Ademais da ampliación das instalacións e da modernización dos sistemas de muxido e alimentación, ao ir medrando a granxa as necesidades de maquinaria tamén se foron incrementando. Unha das últimas adquisicións foi unha cisterna con inxectores para a aplicación do purín. "Levamos dous anos inxectando o purín e vemos que ten vantaxes claras: é máis rápido, desprende menos olor, non dependes de onde veña o vento e incluso se a herba está máis alta non a retrasa, pódelo botar igual, cando da outra maneira non. É moito máis rápido á hora de botalo porque descarga antes e levas máis anchura e á herba nótaselle moitísimo porque nunca a manchas", conta Javier, que é normalmente o que se encarga do abonado.
Levamos dous anos inxectando o purín e vemos que ten vantaxes claras: é moito máis cómodo e rápido á hora de aplicalo e nunca retrasas o crecemento da herba aínda que estea algo alta
O investimento necesario en adquirir todo o equipo foi de 133.000 euros. "Nós tiñamos unha cisterna de 18.000 litros que tiña só catro anos pero preferimos non adaptala e mercar unha cisterna xa fabricada para sistema de inxectores, porque penso que a adaptación non funciona igual", considera Javier. "A cisterna que tiñamos valoráronnola ben, pero o malo é que para comprar cisternas novas hai pouca subvención, non é normal que por comprar unha cisterna que vale 130.000 euros che dean só 6.000 euros de subvención cando ademais é un cambio obrigado pola nova normativa", quéixase. Semanas con 4 días de traballo e 3 de libranza Contan con arrimador autónomo e depositan directamente o material de recheo nos cubículos para non encamar Unha vez feitos os principais investimentos e aínda que recoñecen que "nunca acabas de investir porque sempre hai cousas que mellorar e se queres gañar en comodidade seguramente dentro duns anos haberá outros avances que introducir", o seu obxectivo a curto prazo é "estabilizar a explotación", á espera de saber se algún dos seus fillos ou fillas deciden coller o relevo, como fai 20 anos fixeron eles. "A vida dá moitas voltas e nunca se sabe, pero xa non o maman como o mamamos nós", opina Manuel.
Nas explotacións hay que estar investindo continuamente para modernizalas e mellorar en comodidade e seguramente dentro duns anos haberá outros avances
Teresa, Manuel e Javier contan cun empregado, Mamoudou, de Mali, que chegou a España en caiuco e logo de traballar no sector da froita de Andalucía acabou recalando en Galicia, onde está a ter a súa primeira experiencia en ganderías de leite en SAT Teixeiro. Aínda que só leva medio ano traballando na Pastoriza, existe xa unha relación de confianza que vai máis aló do laboral. "Mamoudou é moi boa persoa e mesmo lle chama mamá a nosa nai", di Javier. Entre os catro son capaces de levar de maneira desafogada a carga de traballo da explotación, ter as necesidades de man de obra cubertas en todo momento e lograr unha boa calidade de vida. "Traballamos unha semana completa e despois durante dúas semanas traballamos 4 días e libramos 3, incluída a fin de semana e o horario que facemos é de 8 a 1 pola mañá e de 4 a 8 pola tarde. Sempre quedamos na explotación dúas persoas como mínimo. Os martes estamos sempre os 4 e o resto dos días pola semana estamos 3 e as fins de semana sempre hai dúas persoas. Menos de dous eres capaz de facer o básico soamente", explican.
Nós tamén notamos o cambio ao robot, sobre todo nos cóbados e nas mans. Moitas veces andabas con tendinitis polo movemento de tirar os primeiros chorros
A automatización de tarefas como o muxido, a alimentación ou o encamado permítelles centrar o seu traballo do día a día en atender o gando e sacarlle o máximo partido pero tamén fai que teñan un menor desgaste físico a nivel individual. "Nós tamén notamos o cambio ao robot, sobre todo nos cóbados e nas mans. Moitas veces andabas con tendinitis polo movemento de tirar os primeiros chorros e o traballo mecánico repetitivo de colocar as pezoneiras", asegura Manuel.

"As vacas son igual cas persoas, se tes a cama ben feita descansas mellor e rindes máis"

O descanso, tanto dos traballadores coma do gando, é unha das prioridades en SAT Teixeiro. Para o primeiro investiron en tecnoloxía e para o segundo confiaron en Galical. Hai ano e medio que a empresa lucense especializada en encalado de fincas e mesturas a base de carbonato para as camas, lles sirve o material de recheo dos cubículos. Empregan un produto composto nun 60% por carbonato cálcico e no 40% restante por serrín de piñeiro. Aínda que a mestura máis habitual na maioría das explotacións leiteiras é 70% carbonato, 25% serrín e 5% cascarilla de arroz, nesta gandería da Pastoriza prefiren que leve máis serrín, porque fai a cama máis esponxosa. "As vacas é igual cas persoas, se ti tes a cama ben feita descansas mellor e rindes máis. Pois as vacas o mesmo, elas tamén necesitan descansar para poder dar leite", afirma Teresa.
Enchemos os cubículos cada 15 días e gastamos uns 50.000 quilos de material ao mes
Por iso na SAT Teixeiro non escatiman material á hora de rechear a cama e de levar a cabo o seu mantemento. "Enchemos os cubículos cada 15 días, unha vez á semana pasamos a gradilla e despois enciño todos os días á mañá e á noite. Nós sacamos o mollado tamén. Gastamos uns 50.000 quilos de material ao mes", detallan. Comodidade para as vacas e para o gandeiro Cada dúas semanas o camión trae a mestura para o recheo das camas desde a planta de Galical no polígono das Gándaras de Lugo. Está equipado cun tubo que desde o pasillo de alimentación deposita xa directamente o material nos cubículos. "Este sistema é moi rápido e cómodo. Nós antes metiamos a mestura co tractor, pero así non tes que andar abrindo cancelas nin cambiando vacas para un lado e para o outro", explica Javier.
Este sistema é moi rápido e cómodo. Vén o camión co tubo e xa vai descargando a mestura de carbonato e serrín nos cubículos
Esa foi a principal razón pola que esta explotación se cambiou da mestura de carbonato e serrín que lles servía Irmandiños, que non lles encamaba, á de Galical, que conta con tres camións cisterna equipados con este sistema de tubo que manda o recheo directamente á zona dos cubículos.
Antes usabamos a mestura de carbonato e serrín de Irmandiños, pero Irmandiños non nos encamaba e Galical si
A mesma mestura sírvese tamén en bañeira para ser depositada nun silo, ou en big bags para explotacións de pequeno tamaño, pero deste xeito o gandeiro aforra o traballo e o tempo de ter que encamar el. Contando os tres sistemas de entrega, Galical sirve mensualmente unhas 5.000 toneladas de material de recheo para as camas a ganderías de Lugo e A Coruña principalmente. "Non hai que encalar as terras" SAT Teixeiro probou xa os tres principais materiais de recheo para cubículos empregados en explotacións de leite en Galicia, palla, area e carbonato, con bos resultados en todos eles a nivel de mamites e células. "Nunca tivemos moitos problemas dese tipo con ningún tipo de cama. Primeiro tivemos palla, despois area e logo xa pasamos ao carbonato con serrín", di Teresa. Sen embargo, afirma, a nivel agrícola o seu comportamento é moi diferente. "A area é moi boa para a cama da vaca pero para nada máis. Pensas que tes purín e o que tes é area e auga. O purín que tiñamos antes coa area non ten nada que ver con este de agora a nivel de aporte de nutrintes e ademais estás levando cal para as fincas e xa aforras así de encalar despois", explica.
O purín que tiñamos antes coa area non ten nada que ver con este, agora abona
Esa é precisamente outra das principais vantaxes da utilización de carbonato cálcico en vez de area nos cubículos. "É sostible no tempo, pasan os anos e non estás deteriorando as terras, senón o contrario, estás fortalecéndoas e mellorándoas sen ter que considerar o gasto de encalar, sobre todo tendo en conta os solos que temos en Galicia, que son moi ácidos", aseguran nesta gandería. Outra das vantaxes é o menor desgaste das instalacións, un aspecto importante a considerar nas explotacións con sistemas de muxido robotizado, así como os menores problemas de atascos nas canles do xurro e de depósito nas fosas de almacenaxe do purín.

“Queremos que de Mouriscade saian embrións da máxima calidade para tódalas ganderías da provincia”

Jesús Manuel Manteiga, gandeiro de vacún de leite de Vila de Cruces leva apenas uns meses como novo presidente de Africor Pontevedra. Nunha visita á súa granxa coñecemos os proxectos para os vindeiros 4 anos e as liñas nas que xa comezaron a traballar. -Satisfeito co novo cargo de presidente, logo de varios anos na directiva de Africor Pontevedra? -Decidiuse que tiña que haber un cambio na presidencia por diferentes motivos, e os compañeiros acordaron que debía ser eu quen quedara de presidente, aínda que eu quería que fose outra persoa. Agora aquí estamos para intentar non defraudar a súa confianza nestes 4 anos. -En que liñas de traballo queres incidir nestes próximos anos? -Un dos eixes vai ser o proxecto coa Deputación de Pontevedra en relación coa Finca Mouriscade. Dende Africor levabamos tempo vendo que se estaban prestando poucos servizos e non se investía na granxa. Así foi que pasou de ser a finca número 1 por ICO de España durante varios anos a quedarse no posto 17, no 20 ou no 25 e todo por falta de inversión. Nós tiñamos un proxecto que xa intentáramos levar adiante na anterior lexislatura da Deputación e que agora parece encamiñado. -Que papel xoga Africor Pontevedra agora dentro deste proxecto? -Agora creouse unha mesa de expertos integrada por 2 representantes das cooperativas, da ADS, da propia Finca Mouriscade e da Deputación e tamén conta con 2 representantes de Africor Pontevedra, un deles é o técnico encargado dos acoplamentos, que xa leva anos traballando en mellora xenética na propia granxa de Mouriscade, e outro son eu. En tódalas decisións que se tomen, como a compra de embrións, Africor vai estar presente. -Xa está traballando entón esa mesa de expertos en cuestións como a compra de embrións? -Si, de feito queriamos formalizar a compra de embrións neste ano, pero temos o hándicap de que require moita burocracia, o que leva o seu tempo. Nós queriamos presentar o proxecto xa en marzo para ter tempo de formalizar estas compras, pero co Covid-19 atrasouse todo, e a presentación do proxecto foi en novembro. Agora temos un orzamento de 50.000 euros para a adquisición de embrións que estamos xestionando, pendentes das autorizacións e da tramitación.
“O interesante é que veñan para a Finca Mouriscade os mellores exemplares, cos que se poida ter unhas xovencas cunhas moi boas calidades e que acaben repartidas por ganderías de toda a provincia”
-En que aspectos credes que se debe mellorar na Finca? -Cremos que a Finca Mouriscade ten que ser un referente non só de Pontevedra, senón de Galicia e España. Nós queremos que de aí saian embrións da máxima calidade para mellorar as calidades gandeiras de tódalas ganderías. Sigue habendo bos exemplares agora mesmo que están contribuíndo a iso, pero xa hai un certo número de ganderías que están a par coa Finca. O interesante é que veñan para a Finca os mellores exemplares, cos que se poida ter unhas xovencas cunhas moi boas calidades e que acaben repartidas por toda a provincia. Trátase de mellorar o gando vacún de leite da provincia para que sexa máis rendible, tendo en conta as esixencias actuais e que cada vez os marxes do leite son máis reducidos. Tamén nesta liña demándase un laboratorio móbil para poder facer as implantacións dos embrións nas granxas cunhas garantías. Outra das peticións para a Finca é mellorar a difusión dos servizos que alí se ofrecen para que os gandeiros poidan ter información, polo que tamén pedimos que se mellore a súa páxina web. Son temas todos eles que están falados, pedidos e que agardamos se vaian cumprindo. -Outro dos aspectos nos que parece que se vai incidir en Mouriscade é nas poxas de animais e en reducir a cantidade de leite que se vende. -Nós sempre defendemos que na Finca Mouriscade hai que muxir vacas, porque ó telas é necesario, pero a súa rendibilidade non pode vir do leite e de facerlle competencia ós gandeiros. As vacas teñen que rotar. Na Finca non pode haber vacas con 5 ou 6 partos, eses animais fan moito máis nunha gandería e alí o que se ten que apostar é por xenética nova. O mundo da xenética deu un gran cambio, e Mouriscade quedou atrasado por esa falta de inversións. Agora estase apostando claramente pola xenómica e o seme sexado. Hai anos, valía moito máis un embrión dunha vaca MB ou Excelente, que tiña que ter tido xa tres partos, que o dunha becerra. Coa xenómica cambiou totalmente todo isto, e agora estase cotizando moito máis os embrións dunha becerra que os das vacas, porque xa sabemos como vai ser tanto esa becerra como os seus descendentes. O seme sexado foi outro dos grandes avances. O seme convencional quedou xa relegado, xa que a día de hoxe ninguén quere que lle nazan machos na súa granxa, salvo aqueles que poidan rematar sendo animais para posta en centros de recría. Ninguén quere pagar 400 euros polo embrión, para que logo che saia un macho e o vendas por 100 euros en Silleda, logo de mantelo 15 días. O que se buscan son femias para a recría da granxa.
“En Africor estamos buscando o xeito para que a Consellería de Medio Rural nos axude co xenotipado nas granxas”
-A xenómica é entón un dos puntos nos que se debe incidir tanto en Mouriscade como dende Africor? -Dende Africor e Afriga é un dos temas nos que queremos traballar. De feito, os presidentes dos 3 Africores estamos xa buscando o xeito para que a Consellería de Medio Rural nos axude no xenotipado nas granxas, que actualmente ten un custo de 30 euros por xovenca. Por exemplo, eu xa estou xenotipando tódolos animais que nacen na gandería, porque nos dá información tan útil como se son portadores de enfermidades ou a súa capacidade produtiva. -Débese transformar tamén o servizo de analítica de mostras que se ofrece ós gandeiros da provincia dende o laboratorio de Mouriscade? -As melloras sempre son positivas, só que nós vimos que a parte que estaba decaendo era a granxa, onde non se investía nada de cartos, mentres que no laboratorio si se viron inversións. Hai aspectos, como nas analíticas do leite, que antes incluían tamén os antibiogramas e que agora para telos hai que facelos a través de Ligal, que se poderían mellorar ou as demoras que vimos no verán, pero, en xeral, os gandeiros están conformes co servizo.
“A gandería non é a responsable de tódolos males do planeta, como parece que se quere responsabilizar”
-Tedes algunha demanda especial por parte dos gandeiros nos últimos tempos? -Unha demanda de todo o sector é dignificar o labor do sector gandeiro, que somos fundamentais para a sociedade. Temos que seguir mellorando en cuestións como o respecto ó medio ambiente, pero é un aspecto no que levamos moito tempo traballando. A gandería non é a responsable de tódolos males do planeta, como parece que se quere responsabilizar. Esta é unha profesión bonita, pero ten que ser tamén rendible economicamente, senón van seguir pechando granxas, o que xera problemas para os veciños derivados do abandono da actividade gandeira. -A cantos gandeiros dá servizo Africor Pontevedra? -Agora mesmo no control leiteiro atendemos a uns 470 gandeiros e temos un servizo de asesoramento en alimentación e en acoplamentos. Aparte axudamos tamén cando nos demandan colaboración en temas de xestión. O obxectivo é axudar ó sector na medida en que se poida. Ó longo do 2021 queremos intentar facer un reparto de seme a domicilio. En colaboración con Xenética Fontao, estamos mirando de mercar unha furgoneta para ofrecer este servizo. Outro proxecto no que tamén estamos traballando e que xa se valorara coa directiva anterior, é a unificación dos Africores de Galicia. Como cambiamos os presidentes das 4 organizacións acordamos darnos un tempo para asentarnos e despois comezar a traballar para facer un único Africor Galicia.
“Queremos unificar as catro organizacións nun único Africor Galicia”
-Con cantos controladores contan hoxe en día para este servizo? -Temos 11 controladores, 2 técnicos en alimentación e 1 especializado en acoplamentos que compaxina a súa actividade tamén como controlador. Despois está o xerente e unha persoa na oficina. -Coa evolución cara a sistemas de muxido que proporcionan un maior número de datos e información significativa ós gandeiros, quedan máis comprometidas algunhas das funcións de Africor? -É certo que ás veces a algúns gandeiros resúltalles difícil comprendelo e mesmo cuestionan o labor dos controladores, pero a verdade é que son totalmente compatibles e compaxínanse moi ben. Mentres que o robot de muxido che aporta datos, o control de Africor axúdache a contrastar eses datos coas súas analíticas. Ademais, o historial e a información dos animais que se fai a través de Africor e que resulta de utilidade para os gandeiros non cho aporta o robot. -Ademais de pola vinculación con Africor, gandería Manteiga é unha das habituais no certame morfolóxico Feiradeza, ves necesario introducir cambios para fomentar unha maior participación por parte de gandeiros da comarca e doutras zonas de Galicia? -Creo que si é preciso facer cambios neste tipo de concursos, sobre todo a nivel local como é o caso de Feiradeza. Vexo necesario que se equilibren as condicións de partida para os participantes, de modo que os gandeiros novos, que participen por primeira vez, non se atopen perdidos neste mundo pola súa inexperiencia en certames, aínda que teñan exemplares que poidan optar a premios. Creo que é preciso tamén máis formación no tema dos certames e dignificalos.
“Nos concursos creo que é necesario equilibrar as condicións de partida dos participantes, ofrecer máis formación e dignificar estes certames”
Ademais, houbo outros factores que na miña opinión influíron en que os concursos foran a menos, como a gran progresión que se fixo no sector, así como o incremento da carga de traballo nas ganderías. Tamén foi determinante a falta de apoio económico a estes certames por parte das administracións. Por moito que queiras participar, se cada ano che supón un gasto acabas por non ir. Creo que todos somos responsables, temos culpa, da caída destes concursos. -Como valoras a túa experiencia nos concursos? -Aínda que levamos anos participando, teño pouca experiencia en comparación con outros gandeiros da zona e cando comezamos descoñeciamos por completo este mundo. Recordo que cando nós comezamos chegamos a Feiradeza vimos que a xente alimentaba, lavaba, peiteaba as vacas ou as paseaba seguindo uns criterios que nós descoñeciamos por completo. A min ensinoume a pasear as vacas Avelino Souto, que era aínda un mociño, pero que xa levaba paseando animais en concursos dende cativo, e Manuel Donsión Silva, outro habitual de Feiradeza. Agora, a base de participar e do que nos gustan, na miña granxa xa tentei facer cambios nestes anos para seguir indo a concurso. Así é que decidimos ter dúas liñas de animais: por un lado os que temos en produción na granxa e por outro os que temos para participar en concursos. Eu vexo os certames como unha afección máis, como ó que lle gusta ir de caza. -Que perspectivas de futuro ves para o sector gandeiro? -Dende Africor, as perspectivas pasan por un Africor forte, centrado e unificado. Aínda que levamos pouco tempo, coincidimos en que tres dos presidentes somos gandeiros, vivimos das vacas e gústanos o noso traballo, así é que temos opinións moi semellantes. En canto ó sector, creo que o importante é conseguir deixar de depender das axudas. Critícannos polas subvencións e eu só pido para o prezo do leite o prezo de hai 32 anos máis a metade do que subiu o IPC, deste xeito poderemos eliminar as subvencións. Non pode ser que no ano 2020 esteamos a vender o litro de leite a 29 céntimos de base, cando no ano 1988 se vendía a 60 pesetas (36 céntimos), con tódolos incrementos que se viron nestes anos nos gastos.
“En Galicia, os gandeiros fixemos os deberes, quen non os fixo foi a industria, que só empaqueta o leite sen apostar polo valor engadido e logo págano os produtores con baixadas no prezo”
Creo que o sector gandeiro galego fixo os deberes e ten aínda capacidade para producir máis leite, seguimos sendo os maiores produtores de leite de España. Se alguén non fixo os deberes aquí foi a industria, que o único que fixo en Galicia foi meter o leite nun brick, non se molestou en transformalo e en apostar polo valor engadido e agora segue pagándoo cos gandeiros, con baixadas cando quere e empregando o leite como produto reclamo. Agora véñensenos novas esixencias, como as reducións de emisións que nos piden, a nova normativa dos tratamentos dos xurros, e nós estamos dispostos a seguir mellorando as nosas granxas, pero non pode ser que estas esixencias non se reflictan no prezo do leite que cobramos.
Vista das novas instalacións da gandería Manteiga.

Gandería Manteiga

Jesús atende en Oirós, Vila de Cruces (Pontevedra) a súa granxa de vacún de leite, na que tamén son socias as súas dúas fillas e a súa muller. Nos últimos anos acometeron a construción dunha nova granxa, na que actualmente conta con 160 cabezas de gando frisón. Nas novas instalacións optou por incorporar un robot de muxido, co que actualmente moxen 68 vacas. O cambio á nova granxa e ó novo sistema de muxido supúxolle un incremento de 10 litros de leite en cada vaca, “aínda que tamén se incrementaron os gastos”, matiza o gandeiro. Os plans a curto prazo na Gandería Manteiga pasan por dobrar o número de vacas en produción e instalar un segundo robot de muxido. Por este motivo está a fomentar a recría, e conta cunhas 50 becerras con menos dun ano. Tamén está apostando por xenotipar todo o seu gando, para lograr unha selección daquelas vacas con mellores características para as súas necesidades. A súa estratexia de futuro pasa ademais polas vacas A2A2, de xeito que está xa a inseminar tódalas súas vacas con touros deste tipo. Na actualidade, a media de produción da gandería sitúase nos 41 litros, cunhas calidades de 3,20 % en graxa e 3,40 % en proteína. “Na maioría das ganderías, a graxa é maior que a proteína, nós temos eses datos invertidos. Contrario ó que se puidera pensar tampouco é que teñamos acidose nas nosas vacas, senón non teríamos esta media”, explica o gandeiro. Estas cifras lógraas en base a unha ración composta por 30 quilos de silo de millo, 7 quilos de silo de herba da primeira corta, 5 quilos de silo de herba de segunda corta e 9 quilos de penso. A parte hai unha media 5 quilos de punteo no robot de muxido. A gandería manexa unha superficie de 50 hectáreas de terreo, 12 delas en propiedade. Preto da metade, unhas 22 hectáreas, destínaas cada ano ó cultivo de millo para o gando.

SAT A Vereda, cara as 300 vacas en muxido con paso seguro

Manuel Sandamil, na nave de produción de SAT A Vereda, construída en 2011 e que agora van ampliar Se hai unha máxima coa que traballan en SAT A Vereda desde a súa constitución fai 9 anos é a de tratar de ser autosuficientes. Lógrano en aspectos tan importantes como o das forraxes ou o da recría, cuestións importantes para reducir custos e riscos e poder seguir medrando con seguridade de cara ao futuro. "Non te podes quedar estancado, hai que ir cos tempos, seguir mellorando e modernizándose", defende Manuel Sandamil, un dos socios desta SAT constituída por catro explotacións veciñas, tres pertencentes ao concello da Pastoriza e unha ao de Castro de Rei, na parroquia de Pacio, no lugar da Vereda, que dá nome á sociedade, onde construíron a nave de produción conxunta inaugurada en novembro de 2011. Poder cubrir as necesidades de alimentación da propia granxa e o reemprazo de animais necesario é unha garantía de cara aos novos investimentos que están a piques de afrontar, cunha ampliación da nave de produción para poder muxir 100 vacas máis, un espazo novo de preparto e a incorporación dun separador de purín e unha célula hixienizadora para poder reutilizar a fracción sólida como material para as camas. "A primeira fase logo de xuntarnos e constituír a SAT foi facer a nave nova para o gando, incluída a sala de muxido, a leitería e a zona de oficina e conseguir as fincas e a superficie necesaria para sermos autosuficientes. Agora que xa saímos dese primeiro investimento forte podemos acometer novos proxectos para ir modernizando e redimensionando a explotación", explica Manuel. Este ano, por exemplo, veñen de estrear tres silos de trincheira que remataron de facer xusto para poder ensilar neles a colleita de millo e están a piques de comezar as obras de ampliación das instalacións, algo que xa quedou previsto cando hai 9 anos construíron a nave, deixando o pasillo de alimentación nun dos laterais para agora poder desdobrar e que quede no medio. Chegar ás 300 vacas en produción Vista xeral das instalacións para as vacas en produción, que están divididas en dous lotes A día de hoxe SAT A Vereda conta con 430 cabezas de gando totais, das que 220 son animais en produción neste momento. "Movénomos entre 215 e 230 vacas en muxidura ao longo do ano", contan, pero a idea trala vindeira ampliación é poder chegar nun prazo de dous anos aos 300 animais en produción. "Queremos ir aumentando progresivamente para chegarmos ás 300 vacas. Non vai ser de golpe, porque queremos medrar en base á nosa propia recría. Nisto tamén somos autosuficientes e polas previsións que temos consideramos que imos poder cubrir perfectamente coa nosa recría a ampliación que imos facer", engaden.
A intención é que nos chegue a recría propia para completar a ampliación nun par de anos
Para iso están a recurrir ao seme sexado, tanto en primeirizas coma nas mellores vacas. "Levamos empregando seme sexado 4 ou 5 anos, pero nos últimos dous anos intensificamos unha miguiña a súa utilización pensando precisamente en medrar. Nas xovencas poñémolo no 90% delas e nas vacas só nas mellores. Penso que sempre é mellor medrar co que un ten aínda que hoxe se o que mercas son animais de aquí as condicións sanitarias do gando son boas e non hai problema", di. Unha parte da recría, externalizada por problemas de espazo Zona de recría, que teñen repartida entre a nave principal, o antigo establo dun dos socios e o Rancho Las Nieves O importante volume de recría co que contan neste momento, que suma un total de 166 animais, fai que as instalacións para acollelas quedaran pequenas. Ao igual que fan coas vacas secas, empregan para as xatas o antigo establo dun dos socios, que complementan co envío dunha parte dos animais ao Rancho Las Nieves de Zaragoza. "Tes o espazo que tes e non podes medrar tampouco todo o que queres. A alimentación chegaríanos, pero o sitio que temos para a recría non. Agora mesmo temos en Zaragoza 22 xovencas, o que representa máis ou menos un 15% dos animais de recría totais. Dous dos socios xa as mandabamos alí antes de facer a SAT e seguimos enviando as que non nos collen aquí. O resto das xatas recriámolas nós", conta Manuel.
Comezan coa primeira dose de inseminación a partir dos 13 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos
A externalización é para esta gandería unha necesidade por razóns de espazo máis que por obter mellores resultados. "Cando empezamos quizais houbese diferenza entre as que viñan dalá e as nosas, pero hoxe non, fomos mellorando o manexo e a xenética nas nosas e agora son animais similares, mesmo na idade de parto", explica. Comezan coa primeira dose de inseminación entre os 13 e os 14 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos. "A idade de parto está nos 23 meses e medio. Antes dos 13 meses non inseminamos e a partir desa idade decidimos en función do tamaño", detallan. Para detectar os celos axúdanse de podómetros, aínda que a primeira inseminación, tanto nas xovencas como nas vacas adultas é sempre programada. Están a empregar unha media de 1,2 doses nas xatas e 3 na media das vacas e a taxa de reposición do gando na granxa é do 27%, cun promedio de 2,5 lactacións por animal cando é descartado cara ao matadoiro. Touros uniformes cos que corrixir defectos do rabaño Tan só fan a proba xenómica a aquelas xatas que eles consideran que teñen potencial Teñen asignadas a maioría das tarefas da granxa e Manuel é dos que se encarga, por exemplo, da reprodución. "Inseminamos nós case todo e o que tratamos é de ver e identificar os defectos máis importantes que temos nos animais para tratar de correxilos. O que máis valoramos nos touros son aspectos como as patas, as ubres e os caracteres de saúde, pero procuramos que sexan touros o máis uniformes posibles, touros positivos a todo aínda que non sexan moi sobresaíntes en ningunha cuestión especial", describe.
O xenotipado é unha das cuestións que queremos incrementar
SAT A Vereda traballa con varias empresas de seme, tanto estranxeiro como con Xenética Fontao. "Collemos 4 ou 5 touros distintos tanto en sexado como en convencional e facemos os acoplamentos con Africor", indica. Aínda que empezaron a xenotipar algúns animais, polo momento é só unha parte minoritaria. Sen embargo, Manuel considera que é unha ferramenta interesante para atinar na toma de decisións en materia reprodutiva e mellora xenética da granxa, polo que recoñece que é un dos aspectos nos que queren avanzar. "Permíteche ter máis seguridade cando apostas por unha xata que consideras que ten potencial e tamén descubrir animais que doutro xeito igual pasaban desapercibidos", considera. Sete postos de traballo Na explotación traballan neste momento sete persoas. Ademais dos socios (Manuel Sandamil, Jesús Villamel, José Antonio Iglesia e Manuel Iglesia) traballa tamén a media xornada Maruja Anllo, a muller de Manuel Iglesia, que fai os reforzos para muxir, e contan con outros dous empregados a tempo completo cos que se atopan moi contentos. "Poucas explotacións poden dicir coma nós que teñen dous bos empregados", asegura Sandamil, consciente de que as dificultades para atopar man de obra cualificada é un dos graves problemas actuais de moitas ganderías. A organización das labores diarias na explotación faise en función das libranzas e dos turnos para muxir, con tarefas preasignadas das que se encarga cada un. "Vimos librando un día pola semana e unha fin de semana de cada tres e logo temos 15 días de vacacións no inverno e outros 15 no verán, que distribuímos en función de como teñamos o traballo e o forte das campañas", detallan. Moxen ás sete e media da mañá e ás seis e media da tarde, sempre cun mínimo de dúas persoas. Dispoñen dunha sala de muxido traseira de 2x16 puntos e lévalles dúas horas e cuarto muxir pola mañá e dúas horas pola tarde, sen contar o tempo de lavado. Entre 34 e 36 litros de media Entregan o leite a Reny Picot desde fai anos. "Antes estabamos en Pascual pero cando pechou a planta de Outeiro de Rei e decidiu rebaixar o volume de recollida que tiña en Galicia empezamos con Reny Picot e estamos con eles desde entón. Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa, pero decidimos seguir", explica Manuel. Valoran a estabilidade que lles ofrece. "Vendo o resto do panorama estamos ben, sen moitas fluctuacións ou grandes subidas e baixadas no prezo", engade.
Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa pero decidimos seguir en Reny Picot
A produción media de SAT A Vereda sitúase entre os 34 e os 36 litros de media por vaca e día, con porcentaxes do 3,90% de graxa e do 3,30% de proteína, un reconto celular que se move entre 160.000 e 180.000 e en torno a 10 en bacterioloxía. Respectan un periodo de secado de 65 días e o destete das becerras de recría ten lugar aos 70 días.  120 hectáreas de superficie Sementan entre 80 e 85 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con raigrás Ademais do traballo na nave de produción e de atender os lotes de vacas secas ou recría que teñen repartidos nos antigos establos dos socios, tamén se encargan, na medida do posible, de facer a maior parte dos traballos agrícolas. "Menos o picado do sillo de millo e de herba e a sementeira do millo o resto facémolo nós", explica Manuel. Contan cun total de 120 hectáreas de superficie, o 90% delas nun radio de 2 quilómetros. Aínda que as catro explotacións aportaron as súas fincas, a maior parte da superficie actual é alugada, nunha zona onde o prezo pode rondar os 300 euros por hectárea. "Por aquí de momento non abunda, vai pechando algunha explotación e vai quedando algunha finca, pero non é coma noutras zonas. Pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo", argumenta Manuel.
Nesta zona as fincas están caras, páganse a uns 300 euros por hectárea, pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo
As parcelas que están máis lonxe resérvanas para facer herba seca e no resto unha parte téñenas a raigrás para facer silo de herba e noutras 80 ou 85 hectáreas, dependendo do ano, sementan millo. Este ano botaron algo menos porque tiñan reservas da colleita anterior. "Somos autosuficientes en forraxe, só mercamos algo de palla e o penso, que ogallá non houbera que comprar, porque o prezo do leite non sobe pero o resto das cousas si", lamenta. Alimentación pola tarde A composición da ración de primeirizas e multíparas varía para axustala á súa capacidade de inxesta Nesta explotación de Castro de Rei fan dúas racións distintas para as vacas en produción, que teñen en dous lotes. "Facemos unha ración para as primíparas e outra para as adultas, que non varían moito, só as adaptamos un pouco ás súas necesidades e capacidade de inxesta, que son diferentes", explican. A das primeirizas leva 31 quilos de silo de millo, 10 de silo de herba, 10 de concentrado e 0,5 quilos de palla picada. No caso das multíparas, está composta por 36 quilos de silo de millo, 13 quilos de silo de herba, 11 quilos de penso e medio quilo de palla. A maiores elaboran outras dúas racións para as vacas secas e as xovencas. Neste momento SAT A Vereda non dispón de carro mesturador propio, polo que é un servizo que ten contratado cunha empresa externa. "Tiñamos nós carro, pero fai un ano estropeouse e estivemos valorando que facer e desde entón a alimentación fáinola unha empresa de servizos", conta Manuel.
O carro vén ás 8 da tarde. Para o verán véxolle vantaxes ao feito de que veña a esa hora
A externalización dese traballo levounos a ter que mudar os horarios habituais de alimentación do gando. "Antes faciamos nós as racións pola mañá pero agora o carro vén ás 8 da tarde. Non notamos maiores consecuencias máis que o feito de que antes tiñamos unha diferenza importante en litros na muxidura de pola mañá con respecto á da noite e agora iso nivelouse máis. Para o verán é certo que lle vexo vantaxes ao feito de que veña a esa hora, porque a comida non quece nas horas centrais do día", argumenta. Cambios nas camas Empezaron con area, agora empregan carbonato con serrín e cascarilla de arroz e queren pasar a usar compost Outro dos cambios que fixeron no último ano foi no material empregado nos cubículos. "Desde o inicio, desde cando fixemos a nave no 2011, tiñamos area, pero a area é moi boa nas camas pero non tanto fóra delas e este ano cambiamos a unha mestura de carbonato cálcico con serrín e cascarilla de arroz", explica Manuel. Con todo, o cambio de material é transitorio, xa que nos plans inmediatos desta explotación está a introdución do compost como material de recheo nas camas. "Queremos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost, xa a fomos ver a Italia. Aínda que o investimento é importante, eu penso que se se pode empregar o compost nas camas logo se rendabiliza", considera.
Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite pero imos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost como material de recheo para os cubículos
A colocación do separador de purín ten un dobre obxectivo nesta gandería, por un lado tratar de reducir o custo económico de manter os cubículos e por outro avanzar no cumprimento das normativas medioambientais que se aveciñan. "A Xunta anunciou a instalación de catro plantas de tratamento, unha delas no concello da Pastoriza, pero eu penso que sempre vai saír mellor poder reutilizar o purín na propia granxa sen ter que levalo a ningún outro sitio", defende. Manuel, que xogou durante anos ao fútbol, unha afección que aínda non abandonou de todo, e é tamén piloto de ralies, non quere sen embargo riscos na súa faceta como gandeiro: "Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite", di. Pero unha vez visto o seu funcionamento están decididos a incorporar o novo sistema.

Casa Gabino SC, unha explotación con relevo que está a apostar pola xenética

Iván Río Lorenzo coas vacas da explotación familiar na Portela, en Narla (Friol) "Empezara meu avó con 5 vacas rubias e cando a colleu meu pai, no ano 1988, apostou polas vacas de leite. No 2006, cando acabei a Eso, empecei eu a traballar na granxa e oficialmente incorporeime fai 3 anos". É a historia resumida da gandería Casa Gabino SC, situada no concello lugués de Friol. Quen a conta é Iván Río, que xunto aos seus pais, José Higinio e María José, atenden esta explotación familiar que está a investir na mellora xenética da súa cabana e que atopa na venda de machos para sementais unha fonte de ingresos complementaria. 
Tratamos de diversificar os ingresos da granxa coa venda de animais para vida, porque o prezo de leite está como está e non o pos ti
"A xenética empezámola a traballar no ano 2011, cando compraramos 4 animais na subasta de BOS. Con eses animais fíxose trasplante de embrións e traballouse con dúas familias que tiñamos nós na casa. E desde entón seguíronse comprando animais de alto valor xenético", explica Iván. Como por exemplo dúas xovencas mercadas na III Poxa de Elite de Gando Frisón celebrada en Curtis no 2019, na que se fixeron co animal cos índices máis altos da poxa, Campa Imax 0338 Red, con 4.233 puntos Gico e mercada por 4.600 euros. Cunha cabana de 150 cabezas, das que 68 son vacas en produción, Casa Gabino complementa a produción de leite da granxa coa venda de animais que lles supoñen unha fonte máis de ingresos e contribúen á mellora xenética doutras explotacións. "Tratamos de diversificar os ingresos da granxa coa venda de animais para vida, porque o prezo de leite está como está e non o pos ti. Este outro polo ti entre comiñas, porque se non hai bo prezo de leite a xente tampouco che compra animais", evidencia Iván.  "Busco animais equilibrados" "Nós non imos aumentar en cabezas e imos vendendo o que nos vai sobrando. Até agora vendimos sobre todo machos, pero a idea é empezar a vender tamén femias porque queremos ter oferta de todo un pouco, como unha fonte máis de ingresos da gandería, e o mercado dos machos é máis limitado que o das femias, porque só ás explotacións que teñen semental lles interesan os machos", razoa.  
O que non vale para min non llo vendo a ninguén
"Sóbrame recría porque o número de femias que temos excede tamén as nosas necesidades e estamos empezando a vender. Pero a idea é vender xatas que mereza a pena, o que non vale para min non llo vendo a ninguén", asegura.    A súa constancia no coidado da xenética fai que algunhas das súas becerras se atopen entre as mellores do ránking estatal. De feito, o ano pasado esta gandería logrou colocar a seis das súas femias de recría entre as 50 mellores xatas de España por Gico, con puntuacións situadas entre os 4.447 e os 4.668 puntos, logrados por Casagabino Clun Ainara, que lle valeron para alzarse ao posto número 12 da clasificación estatal. "Traballo máis índices que familias ou tipos. Prefiro algo equilibrado e correcto pero tiro máis pola liña de índices. Eu penso que pode facerse algo equilibrado, porque unha cousa sen a outra aporta menos", argumenta. As xovencas xeneticamente altas da gandería van inseminadas con seme sexado e no resto implanta embrións.  Máis de 40 embrións cada ano Casa Gabino é unha destas explotacións nas que hai touro, porque malia inseminar e traballar con embrións, Iván considera que é un investimento rendible en todas as ganderías. "O semental téñoo para as repetidoras. Eu penso que compensa, porque aínda que che salve só 7 ou 8 vacas no ano xa vale a pena. E despois véndelo e sempre ten un valor comercial tamén. Eu levo xa 4 ou 5 dos criados por min. Déixoos até os tres anos e despois cámbioos", explica.  Casa Gabino pon tamén embrións noutra explotación "Se unha vaca é xeneticamente interesante sempre lle das algunha oportunidade máis, senón o que fago cando unha vaca dá a lata é poñerlle un embrión e logo botarlle o touro, pero sempre lle dou antes unha oportunidade co embrión porque necesito ter onde poñelos", explica. 
Eu penso que nunha gandería compensa ter un semental, porque aínda que che salve só 7 ou 8 vacas no ano xa vale a pena
Aínda que polo de agora o que máis vende Iván son machos e algunha que outra femia que lle sobra por non dispoñer de espazo dabondo no establo, a súa intención é tamén vender embrións. "Estou aberto a iso e estou poñendo tamén noutra gandería de Ordes, SAT Regueiro Branco, porque non dou posto nas miñas vacas todos os embrións que fago", conta. "Levo dous anos poñendo máis de 40 embrións, son todos sacados a vacas da miña explotación", explica. Xatos xenotipados por Fontao Casa Gabino leva vendidos máis de 30 machos nos últimos 5 anos para distintas ganderías de Galicia e Asturias. Son explotacións que teñen touro e que perseguen un dobre obxectivo: salvar as vacas que non empreñan e que as xatas que saian sexan aproveitables. 
Vendo machos desde que teñen dous meses porque os xenotipo antes de vendelos
"Todos os machos que comercializo están xenotipados por Fontao, por iso os vendo desde que teñen dous meses, porque os xenotipo antes de vendelos", explica Iván. Xenética Fontao mercoulle tamén varios dos seus animais nestes anos para utilizalos como sementais para produción de doses de inseminación. Un deles, Casagabino Doorman Portelo, con 3.697 puntos Gico, foi cualificado como o número 11 de Xenética Fontao e o número 22 do TOP 100 ICO Nacional de touros probados. Utilización das novas tecnoloxías Iván amosa polas redes sociais imaxes dos seus animais e datos do seu historial xenético A través da páxina web e tamén do facebook e do instagram da explotación, Iván vai anunciando o nacemento dos animais e ofertando aqueles que pon no mercado. Mesmo emprega as novas tecnoloxías para facer ofertas puntuais, como a que lanzou en novembro do ano pasado con motivo do Black Friday, cando comercializou 5 machos con descontos de entre o 15 e o 25%. O prezo orixinal dos becerros, que oscilaban entre os 415 e os 700 euros, quedaban deste xeito entre os 315 e os 560.  Nas redes sociais de Casa Gabino a recría é a protagonista e a que acapara máis focos. Hai imaxes do proceso de medre dos animais e, como se fose un álbume familiar, fotos dos xatos e xatas coas súas proxenitoras, moitas veces desde o momento mesmo do parto na parideira da granxa.    Maman leite de vaca Tanto os xatos como as xatas maman leite de vaca e Iván leva un control estricto do seu crecemento. "Pésoas cunha cinta e destétoas aos dous meses e medio pero se hai algunha pequena alárgolle até case os tres meses. No último ano adiantei bastante a idade de inseminación. Fíxome no peso e na estatura. Antes inseminaba aos 15 meses e agora xa teño bastantes becerras inseminadas aos 12 meses. Xa pariron media ducia destas xovencas e non lles vin diferenza, pariron igual que as outras, tiveron o mesmo desenvolvemento corporal e produciron o mesmo leite", afirma.  Os becerros e becerras están en boxes individuais até o destete e despois en grupo. Empregan cama de palla até os 8 meses e logo por falta de sitio pasan a emparrillado. "As parrillas non me gustan. Están nelas porque non teño outro sitio, pero queremos dobrar as camas onde están as secas e as xovencas preñadas para poder sacalas das parrillas", explica Iván. Unha vez inseminadas, as xatas van para o establo vello onde hai camas de goma.
Só con palla e penso coido que non é dabondo para as xovencas, pero se a ración cubre as necesidades da vaca seca tamén cubre a das xovencas preñadas
Desde o destete (aos dous meses e medio) até os 5 meses están a penso, auga e herba seca. "Bótolles algo da ración das secas para que se vaian habituando á forraxe", explica Iván. "Despois, desde os 5 até os 11 meses, están coa ración de leite e volvo logo á ración das secas para que non engorden tanto para inseminar. Eu o que quero é que teñan un bo desenvolvemento corporal e medren cando teñen que medrar e desde que empreñan non necesitan tanta enerxía, só que manteñan o crecemento e penso que se a ración cubre as necesidades da vaca seca tamén cubre as da xovenca preñada", argumenta. 

"A area non vai dar herba nin vai dar millo"

Fan todos os traballos agrícolas agás o ensilado de herba e o millo Casa Gabino conta na actualidade con 150 cabezas, das que 68 son vacas dando leite. Producen unha media de 34 litros co 4% de graxa e o 3,40% de proteína, que entregan á cooperativa Aira. "Estamos tratando de mellorar na media de produción por vaca", explica Iván, que considera que xenética e produción son dous conceptos que non están reñidos. É o caso de Outeiro Goldwyn Chiara, considerada Vaca medalla de ouro 3 Estrelas no ano 2018 segundo os datos do Libro Xenealóxico na avaliación xenética de Conafe. Muxen dúas veces ao día (ás oito e cuarto pola mañá e ás sete da tarde) nunha sala 2x5, polo que lles leva case dúas horas muxir. Iván seca ás súas vacas en produción aos 7 meses e medio. "Dos 225 días non deixo que se pase ningunha. Mínimo un mes e medio penso que lles fai falta para descansar e recuperar un pouco", indica. 
Antes usabamos viruta, pero tiñamos problemas de mamites por xermes que viñan na viruta. O 80% das mamites que tiñamos procedían diso
A explotación dispón de 40 hectáreas de superficie e na metade sementan millo. Nunha parte delas fan rotación con raigrás como cultivo de inverno e, en función das necesidades de forraxe que teñan ese ano, queda baleira algunha das fincas. As parcelas máis alonxadas atópanse a 5 quilómetros da granxa. "Facemos nós os traballos agrícolas, agás a recollida do millo e da herba, que até o ano pasado tamén a metiamos nós. Pero a sementeira tanto do millo como da herba, por exemplo, si que a facemos nós", explican.  As camas son dunha mestura de carbonato e serrín ao 70-30%. "Levamos un ano e medio así. Antes estivemos un ano con area, pero cambiamos porque repousa na fosa do purín, tes que sacala e non é un material aproveitable e nas fincas podes botala un ano, pero non sempre, porque a area penso que non vai dar herba nin vai dar millo. Por iso cambiamos ao carbonato. Aquí xa houbo un pouco de todo, porque antes da area estivemos con palla. Botamos bastantes anos. E antes da palla tiñamos viruta, pero tiñamos problemas de mamites por xermes que viñan na viruta. O 80% das mamites que tiñamos eran diso", asegura Iván. 

Gandeiría Rego SC, aposta clara pola xenómica e as calidades do leite

Fernando, na nave de produción da gandeiría, ubicada na parroquia de Armeá de Arriba Os irmáns Fernando e Pedro Rego manteñen unha gandeiría familiar en Armeá de Arriba, no concello de Láncara, que leva anos traballando na mellora xenética. Fernando compatibiliza o traballo na explotación co que realiza en Africor levando o Programa de Acoplamentos. Aproveitamos para falar con el sobre os avances en xenómica. "A primeira proba á recría que tiñamos na nosa explotación fíxemola no ano 2016 e hoxe temos todos os animais do establo xenotipados", explica. "Para poder tomar algunha decisión tes que xenotipar todo e logo escoller, non ten sentido xenotipar unhas vacas si e outras non, porque non se debería traballar con valores, senón con porcentaxes, por exemplo, escollendo o 80% dos mellores animais e en base a iso establecer o punto de corte. O nivel aquí poñémolo en 3.200 puntos, pero noutra granxa pode estar en 2.800 en función do nivel medio da explotación", argumenta Fernando.
Está entre as mellores explotacións da provincia de Lugo tendo en conta a análise combinada de produción, morfoloxía e xenética
Gandeiría Rego xenotipa todas as becerras que nacen para decidir con que tipo de seme son inseminadas. "O punto de corte para nós son 3.200 puntos ICO. A partir de aí poñemos sexado e por debaixo de 3.000 poñemos cruce aínda que sexan xovencas. No caso das vacas adultas, só poñemos frisón se son moi boas", conta. Nesta explotación levan moitos anos apostando pola mellora xenética e contan cun rabaño cunha calificación media de 83 e 2.500 puntos ICO de promedio. Estes valores servíronlle a Gandeiría Rego para entrar varios anos no podio das granxas leiteiras da provincia de Lugo na proba combinada de Africor. "Levamos moitos anos traballando na xenética. En 1989 tivemos un baleiro sanitario e trouxéranse vacas de Francia e a partir desa base fomos seleccionando e mellorando", explica Fernando. As calidades, o prioritario No ano 1989 tiveron un baleiro sanitario e importaron vacas de Francia Pero malia ao alto nivel xenético desta explotación, tanto para Fernando como para Pedro é un feito que consideran como unha ferramenta ao servizo da produción e dos obxectivos cara aos que enfocan a granxa. "Levamos varios anos en Entrepinares e priorizamos a obtención de calidades. Temos vacas MB que inseminamos de cruce. Fixámonos pouco na calificación, miramos sobre todo calidades, o noso obxectivo é a rendibilidade e a prioridade actual para nós son a graxa e a proteína", afirman.
A media da lactación normalizada do último ano foi de 12.500 litros con altos niveis de graxa e proteína
Móvense en porcentaxes do 3,50 de proteína e entre o 3,85 e o 4% de graxa con 12.500 litros de media de produción na última lactación normalizada. Contan cun robot de muxido VMS de Delaval no que logran medias de 42 litros por vaca e día facendo arredor de 2,6 ou 2,7 muxiduras por animal, aínda que é algo que tampouco os obsesiona. "O noso obxectivo non é incrementar a media de muxidos, porque se con 2,5 logras 42 litros, para que queremos muxir máis ás vacas? Hai que muxir 3 veces ás vacas que dan moito leite, as outras non é necesario", argumenta Fernando. Das vacas trabadas ao robot de muxido No 2012 fixeron unha nave de produción nova e agora ampliaron para a recría Gandeiría Rego SC é unha explotación leiteira familiar de moitos anos que ten garantida a súa continuidade grazas á incorporación dos dous irmáns, Fernando e Pedro. Até o 2006 os titulares eran os seus pais, Antonio e Olga, que comezaron a producir leite en 1975 nunha corte coas vacas atadas e muxíndoas mediante cántara. No 1989 incorporaron un circuito de muxido e no 2003 pasaron ao sistema canadense. As vacas en produción están en camas de area e a nave conta con pasillos amplos Pedro incorporouse á explotación no 2006 e no 2011 sumouse Fernando e constituíron a actual SC. Un ano despois construían a nave de produción actual, de estrutura metálica tipo invernadoiro, pensada para estabulación libre (con pasillos amplos de 5,70 e 4,50 metros e camas de area) e robot de muxido. "Pasamos directamente de establo trabado a robot", lembra Pedro, que traballa a tempo completo na gandeiría, que atende coa axuda de Fernando e dun empregado que teñen contratado. Na actualidade esta explotación ten 64 vacas en produción e 152 cabezas totais, sumando 10 vacas secas (4 están engordándoas para vendelas) e 71 animais entre becerras e xovencas. A grande cantidade de recría obrigounos a ampliar as súas instalacións cunha nave nova de 60 metros de longo por 15 de ancho a carón da nave de produción para acoller á recría. A venda de recría, unha fonte de ingresos Tamén engordan as vacas de desvelle para obter mellor prezo por elas Desde o ano 2017 fan a recría na explotación. Antes cebaban os becerros machos na casa e mandaban as femias ao centro de recría Anoca, en Castro de Rei, propiedade da súa irmá Carmen. "Fai tres anos deixamos de cebar os xatos e aproveitamos as instalacións para a recría, pero agora xa non nos collían", xustifican. "As vacas dúrannos bastante, cada vez máis, temos vacas de 7 partos dando moito leite e moitas veces facemos descartes por falta de sitio", indica Fernando. "As últimas 15 vacas que saíron ao matadoiro acumulaban 3,7 partos de promedio cun intervalo entre partos de 414 días e unha produción vitalicia media de 51.200 litros. Para min ese é un dato moi importante", engade.
Cobren o reemprazo necesario para a explotación poñendo sexado ás mellores xovencas e usan seme de carne no resto dos animais
"Ao ter unha taxa de reposición baixa outra parte dos nosos ingresos veñen pola venda de animais para vida", di. En 2019 venderon 33 xatas a outras explotacións. Pero o da venda de recría é un mercado que fluctúa (ten relación tamén co prezo do leite que hai en cada momento) e non sempre hai a mesma facilidade para dar saída ao exceso de recría. "Este ano pasado houbo venda de xovencas, pero igual outro ano non hai e co robot estás moi limitado para asumilas ti", argumenta Fernando. Por iso agora mesmo están poñendo entre o 60 e o 70% das doses de seme de carne. Desinfección dos boxes das becerras Pedro é quen coida das becerras O traballo coas becerras é cousa de Pedro. "Damos leite tres veces ao día o primeiro mes ou mes e medio, tanto leite de vaca como leite maternizado mercado, e o que facemos é desinfectar os boxes cada vez que se desteta un animal. Evitas moitos problemas e ese tempo gáñalo despois cando vas dar o leite", asegura. Desde o destete, que fan entre os dous meses e medio e os tres meses, até o lote de inseminación a crianza é en grupo con cama de viruta de madeira. A alimentación é a base de mestura seca feita pola cooperativa Aira. "Inseminamos a partir dos 15 meses, non antes, entre outras cousas motivado tamén polo exceso de recría que temos", explica Fernando. A partir do momento no que están preñadas, as xovencas comparten ración coas vacas secas. "Facemos unha ración con herba seca, pienso e morea ou nalgúns casos con rolos de silo de herba seco", conta.
Ás becerras danlles tres tomas de leite ao día e as vacas de desvelle engórdanas durante 5 ou 6 meses antes de mandalas ao matadoiro
Dispoñen de carro propio, co que fan tamén a ración para as vacas de produción, que varía entre os 32 e 35 quilos de silo de millo, entre 8 e 11 quilos de silo de herba, 6 quilos de penso (máis os 5 quilos de media de punteo do robot) e medio quilo de herba seca só nalgúns momentos do ano. Ás vacas de desvelle danlles silo de millo e penso para engordalas antes de vendelas. "Non o facemos con todas, se é unha vaca que está tocada das patas mandámola directamente ao matadoiro, pero se está ben engordámola. Fanlles falta entre 5 e 6 meses normalmente, pero todas as que cebamos acaban entre os 400 e os 500 quilos/canal", explican. Toma de datos individualizada de cada finca Gandeiría Rego manexa unha superficie de 25 hectáreas e merca a maiores outras 15 hectáreas de millo. "Levamos xa moitos anos mercando aos mesmos, son dúas gandeirías daquí ao lado", contan. Nas súas 25 hectáreas botaron este ano 5 a millo e 7 a sorgo.
Botaron 7 hectáreas de sorgo nas fincas máis castigadas polo xabarín cunha produción en quilos máis alta que a que obtiñan co millo
"O sorgo foi para botar en fincas onde nos atacaba moito o xabarín, moitas delas a carón do río", indica Fernando. "É o segundo ano que o botamos e a produción en quilos é un pouco máis alta que a de millo en comparación ás producións anteriores de millo nesas mesmas fincas, pero son só 2 anos de análise, habería que coller un periodo máis amplo, 10 anos polo menos, para ter datos máis fiables", aclara. Fernando leva un control individualizado das producións de cada finca, tanto nas que botan millo como nas de herba e agora nas de sorgo e grazas a iso pode sacar conclusións. Boa parte do traballo agrícola fano eles mesmos. "O único polo que pagamos é por picar o millo e por facer os rolos de herba. Antes encargabamos todo pero agora mercamos maquinaria e facémolo nós. Non sei se compensa ou non, seguramente se fas números estrictamente económicos en tan poucas hectáreas non compensa, pero o problema é que tes que depender doutros e esperar por todo", argumentan.
Prefiren ensilar a herba en rolos porque gastan pouca na ración e a conservación do silo é mellor que na pila
O ensilado de herba prefiren facelo en rolos. "A conservación é moito mellor porque abres silo novo todos os días. Comezamos facendo rolos para o verán, porque como gastamos pouca herba na ración o da pila púñasenos malo, pero agora facémolo todo en rolos. Menos enrolar, o resto dos traballos facémolos todos nós (segamos, xuntamos, encintamos), polo que tampouco nos sae excesivamente caro", xustifican. No 2018 fixeron un total de 662 rolos de silo de herba e no 2019 620.

"Moitas veces hai problemas de fertilidade nas granxas que non están relacionados coa consanguinidade"

Gandeiría Rego usa touros xenómicos de Xenética Fontao na maioría dos casos Fernando leva traballando desde o ano 2006 como técnico do Programa de Acoplamentos de Africor Lugo, no que hai incorporadas un total de 430 explotacións. "É algo que lles aporta comodidade ás gandeirías, porque saben que o están facendo ben e que están evitando a consanguinidade permitíndolles ademais tomar decisións individualizadas para cada granxa en función do que queira o gandeiro, aínda que case todo o mundo quere máis ou menos o mesmo porque case todas as explotacións buscan leite, calidades e ubres e patas", detalla Fernando.
Un total de 430 explotacións fan uso neste momento do Programa de Acoplamentos de Africor Lugo
"A consanguinidade é difícil de medir pero en Africor curámonos en saúde traballando cun dato moi baixo, 1,56% no noso programa informático traballando con 6 xeracións, que pode equivaler a un 4% de Conafe", explica. "Pero hai moitas veces problemas de fertilidade nas explotacións que non están relacionados con iso", engade. Sóbralles recría e poñen cruce en máis do 60% das inseminacións Fernando insemina todas as súas vacas da Gandeiría Rego con touros xenómicos. "Só uso touros xenómicos e a maior parte, diría que un 90%, son de Xenética Fontao. De fóra collo só algunha dose de seme sexado de vez en cando", conta. Arion, Sanxurxo, Salvame ou Donsimon son algúns dos xenómicos actuais que está empregando esta explotación de Láncara neste momento con bos resultados. Tamén implantan algún embrión do programa de Xenética Fontao. "Temos unha becerra que é a número 21 de España con 4.684 de ICO. Foi unha vaca feita na casa decendente de embrións de Fontao. A avoa, MACA, saíu dun embrión e leva en 3 partos 47.000 litros producidos", detalla Fernando.

Axudas da Deputación da Coruña para o xenotipado das mellores vacas da provincia

A Deputación da Coruña subvencionará a realización de probas xenómicas ós mellores animais por ICO da provincia. A axuda, que lle foi concedida a Africor Coruña, non cubre o total dos custos pero si rebaixa considerablemente o gasto que deben enfrentar as granxas. Africor Coruña, a entidade que agrupa ás ganderías en control leiteiro, calcula que se beneficiarán dos apoios arredor de 80 explotacións lácteas. O xenotipado dos animais ou proba xenómica permite aumentar a fiabilidade dos datos do animal con respecto ós índices de pedigree, permitindo unha toma de decisión nun período de tempo menor e con moita mais seguridade. Inclúe ademais a filiación dos animais cos seus proxenitores xenotipados, determinación de xenes recesivos que puideran dar lugar a malformacións, determinación das proteínas lácteas (beta caseína A1 e A2, kappa caseína...) que determinan o tipo de leite producida polo animal, que pode ser máis axeitado para a produción de queixos (leites BB) ou ser máis dixerible, no caso do leite A2. Estas probas afectarán a unhas 80 explotacións no control leiteiro da provincia, posuidores dos mellores animais por ICO e realizaranse durante os meses de febreiro e marzo.

¿En que comunidades avanza máis o xenotipado en vacún de leite?

O xenotipado das xatas, xunto que coa utilización de touros xenómicos e a transferencia embrionaria preséntanse como as principais vías de mellora xenética en vacún de leite de cara ao futuro. Sen embargo, mentres que a utilización de seme de touros xenómicos xa está moi popularizada (en 2018 ao redor do 70% do seme utilizado en España en vacún de leite foi de touros non probados), a transferencia embrionaria e o xenotipado son estratexias de progreso xenético que aínda teñen moito percorrido no noso país. Neste sentido, José Antonio Jiménez, xefe de departamento técnico de CONAFE, explicou na última xornada técnica de Africor Pontevedra os avances que permite esta técnica para unha gandaría. Como punto de partida, destacou que “a clave da mellora xenética sempre é a boa recollida de datos para, sabendo os obxectivos que nos marcamos en cada gandaría, utilizar os datos para tomar decisións acertadas”.
 “O xenotipado é unha das principais vías para mellorar o progreso xenético vía materna”
Centrándose xa no xenotipado, destacou que “é a principal vía para acelerar a mellora xenética do rabaño, seleccionando mediante probas de análises do ADN ás mellores becerras para recriar ou procurar que nos deixen descendencia frisoa, e así mellorar a rendibilidade do noso rabaño”. Así, mentres que grazas á utilización de touros xenómicos o ICO dos machos de raza Holstein pasou dunha media de 2.000 puntos no ano 2009 a 4.300 puntos en 2017, o das femias tamén aumentou pero menos: duns 1.800 puntos ICO a 3.000 puntos, sendo o xenotipado una das principais vías para mellorar o progreso xenético vía materna. Neste sentido, o responsable técnico de CONAFE lembrou que “a nivel europeo realizáronse máis de 500.000 xenotipados o pasado ano, unha cifra que baixa a só 15.000 en España”. “Isto sitúanos nunha desvantaxe competitiva fronte ao resto de gandarías europeas”, advertiu.

Cataluña e o País Vasco, á cabeza de España en xenotipado

En canto á implantación desta técnica no territorio estatal, Cataluña lidera claramente o ranking, con preto de 5.000 xenotipados en 2018, seguida de Navarra, cuns 2000, Galicia con outros 2000 e o País Vasco cuns 1.500. Porén, se se analizan os datos en relación á cabana gandeira, por provincias soamente Barcelona, Xirona, Navarra, Guipúzkoa, Álava e Córdoba superan o 15% de xenotipado.

Que información proporciona o xenotipado dunha tenreira?

O xenotipado dunha becerra proporciona á gandeiro información sobre o potencial xenético do animal tanto desde o punto de vista morfolóxico, produtivo e tamén de saúde, así como a porcentaxe de fiabilidade de cada un dos caracteres. Velaquí un exemplo:

Resultados de xenotipado en granxas

José Antonio Jiménez puxo como exemplo dos efectos do xenotipado os resultados de 4 anos nun grupo de granxas do País Vasco, en canto a redución de enfermidades relacionadas con malformacións. “O máis destacado é que grazas ao xenotipado descendeu do 10 ao 5% os casos de Brachiospina, e tamén, pero de forma máis moderada, doutras enfermidades recesivas. As porcentaxes de enfermidades causadas por haplotipos tamén caeron e nos caracteres produtivos, mellorou tamén a porcentaxe de animais que producen leite con máis aptitude queixeira, é dicir, cos xenes Betacaseína A2A2 e Kappacaseína”, destacou o responsable do departamento técnico de CONAFE. Resultados de 4 anos de xenotipado en granxas do País Vasco: Os resultados doutro estudo realizado en granxas de Cataluña tamén mostras nas gandarías que xenotiparon máis do 25% da recría tiveron un maior progreso xenético, de até o 30% respecto das que non o realizaron: