Archives

Críticas ante a proposta de cambio na regulación das técnicas de edición xenética das plantas

A Reunión informal ministerial de Agricultura que terá lugar os días 4 e 5 de setembro en Córdoba, dentro das actividades da Presidencia Española da Unión Europea, serve de panca para manifestar o desacordo da Asociación Nacional de Obtentores Vexetais (ANOVE) con certos aspectos que consideran “pendentes de desenvolvemento ou que deben ser estudados”, afirman desde a entidade. “A proposta presenta, con todo, algunhas incoherencias, como a prohibición de utilizar plantas obtidas por certas técnicas xenómicas (NGT) na agricultura ecolóxica, ao privar aos produtores que apostan por este modelo da liberdade de elixir novas variedades máis resistente a pragas e enfermidades, máis resiliente aos cambios climáticos e cun maior potencial produtivo para facer o cultivo sustentable economicamente”, critican desde ANOVE. A modo de contexto, a Comisión diferenciou as plantas obtidas por novas técnicas xenómicas (resultantes de métodos de mutaxénese dirixida e cisxénese) das plantas transxénicas (variedades que incorporan ADN de especies foráneas), cuxa regulación non se modifica.  Para iso, establece dúas categorías de plantas NGT, o que permite un procedemento de verificación simplificado.  O uso destas técnicas permitiría acurtar significativamente o tempo necesario para poñer unha variedade nova no mercado pasando dos 10-12 anos actuais a apenas 5-7 anos. “Este obxectivo é esencial para poder facer fronte canto antes aos retos que expón o Pacto Verde europeo, os efectos derivados do cambio climático e as crises xeopolíticas que impactan na cadea de subministración alimentaria”, avanzan desde ANOVE.

Graxa, proteína e rendemento en leite por animal: a situación comparada de Galicia

As granxas galegas destacan a nivel europeo polos seus rendementos anuais en Kg. de leite por vaca, pero atópanse na franxa baixa en calidades de graxa e proteína. Un artigo elaborado por investigadores de Mabegondo e do Ligal, publicado na obra ‘El sector lácteo en España’ (Cajamar), compara os valores galegos e españois cos das principais potencias lácteas europeas. Debullamos os datos e conclusións. Para a comparación, tomáronse en conta os valores promedio do último quinquenio (2016-2020), a fin de evitar posibles sesgos dun ano concreto. O contido medio en graxa da UE-27 foi do 4,07%, en tanto a proteína foi do 3,43%. En Galicia, a comunidades cos mellores datos de sólidos en leite de España, a graxa foi do 3,81 e a proteína do 3,28%, en tanto a media española situouse no 3,69 e 3,27 respectivamente. Son datos que ubican á produción láctea española na franxa baixa de produción de graxa e proteína a nivel europeo, unha cuestión que ten que ver con múltiples factores, principalmente pola tradición española de industrias orientadas ó leite líquido e granxas centradas, consecuentemente, no rendemento leiteiro en Kg. Escenario europeo A nivel europeo, en graxa destacan Países Baixos, Irlanda e Dinamarca, con porcentaxes que oscilan entre o 4,2 e o 4,4% de graxa. Alemania, Francia e Polonia superan tamén o 4%, en tanto España e Italia sitúanse no treito baixo, con 3,7-3,8. En proteína existe menor fluctuación, pero pódense establecer similares agrupacións, cos países líderes nun 3,5-3,6 de proteína, seguidos de Alemania, Italia e Polonia, cun 3,3-3,4 %, e á cola quedan Francia e España, por baixo do 3,30%. A composición do leite vese afectado por múltiples factores, entre os que figura o sistema de alimentación, a xenética ou a raza. A raza é un dos factores máis importantes, pois hai diferenzas significativas na produción de sólidos entre a Holstein e outras razas, pero países cunha alta proporción de Holstein, como Países Baixos, destacan tamén nas porcentaxes de sólidos do leite. Datos de sólidos só en Holstein A raza frisona (ou Holstein) é a dominante en toda Europa, pero en países como Alemaña, Francia, Dinamarca ou Italia presenta unha menor proporción, con arredor dun 70% dos animais. No resto de Europa (España, Países Baixos, Irlanda ou Polonia), a porcentaxe supera o 90%. Se se analizan só os datos das vacas Holstein na UE-27, destacan Países Baixos e Irlanda, con porcentaxes do 4,2 - 4,3 % de graxa e 3,4 – 3,5% de proteína. España, pola súa parte, situaríase entre os países con valores máis baixos, con arredor do 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Rendementos No rendemento de leite por animal, nunha produción normalizada a 305 días, España sitúase nos valores máis altos de Europa, por riba dos 10.000 Kg. por vaca, en tanto Irlanda ten menos de 7.000 Kg. por vaca. O resto de países sitúanse entre 9.000 e 10.000. Hai, por conseguinte, tres modelos de produción de leite, un con altos rendementos e baixo en sólidos lácteos (España e Italia), outro con poucos rendementos e alto en sólidos (Irlanda) e un terceiro, o máis habitual en Europa, que busca un equilibrio entre rendementos e porcentaxes en sólidos.
A raza Holstein presenta significativas diferenzas por países, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en España en canto ó aumento de sólidos en leite, en especial na graxa
Os autores do artigo (Gonzalo Flores, Adrián Botana e César Resch polo Centro de Investigacións de Mabegondo; e Roberto Lorenzana polo Laboratorio Interprofesional Galego de Leite) subliñan precisamente a conveniencia de que España teña como referencia países que combinan unha elevada produtividade por animal cunha alta concentración de sólidos en leite. Os investigadores inciden en que a raza Holstein presenta significativas diferenzas entre os distintos países europeos, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en canto ó aumento de sólidos en España con esta raza, principalmente en materia graxa. Comparativa de datos en raza Holstein: graxa, proteína e rendementos. Calidades do leite de vacas en pastoreo As granxas en pastoreo, comparadas coas estabulacións permanentes, teñen en xeral menor produción de leite (e menor gasto de concentrado), pero destacan por unha maior porcentaxe de graxa, en comparación cos sistemas de alimentación baseados no millo. Outro dos puntos fortes das granxas en pastoreo (convencionais e ecolóxicas) radica na composición de ácidos graxos do seu leite e nunha maior presenza de antioxidantes. É de destacar que todo o leite presenta bos datos de ácidos graxos e de antioxidantes, pero o leite en pastoreo presenta unha maior porcentaxe de ácidos graxos cardiosaudables, así como unha proporción máis positiva de Omega 6 / Omega 3, desde o punto de vista da dieta humana. As granxas en pastoreo, por tanto, obteñen un leite con características diferenciais que ten demanda entre un sector dos consumidores. A expansión deste modelo de produción, como sinalan os investigadores, está limitado sen embargo pola escasez de base territorial e pola deficiente estrutura territorial da superficie (minifundio).

Desmóntase o mito da ineficiencia da proteína animal procedente do vacún de leite

O debate sobre a eficiencia da proteína obtida dos animais, en comparación coa procedente dos vexetais, é outro dos puntos abordado no artigo polos investigadores de Mabegondo e do Ligal. Trátase dun debate que -din-, presenta en xeral importantes carencias, pois bótanse de menos análises baseadas na diversidade de dietas animais e nos distintos niveis de eficiencia da súa aportación á dieta humana. Para o caso do vacún de leite, os investigadores decidiron facer os cálculos. En xeral, a literatura científica valora a eficacia da conversión en proteína do porcino e da avicultura, pero habería que precisar que estas especies consumen maioritariamente cereais que tamén poderían ser consumidos polos humanos. En cambio, a gandería vacún emprega con frecuencia terras marxinais, convertindo pastos e forraxes non empregables na alimentación humana en alimentos de alto valor nutricional, á vez que lle proporciona abonos orgánicos á terra. Un 86% das terras mundiais destinadas ó vacún son pastos e outro 14% terras de cultivo de cereais, leguminosas e oleaxinosas. Se ben unha parte dos pastos poderíanse destinar a terras de cultivo -aproximadamente a metade dos pastos a nivel mundial-, iso tería tamén un efecto medioambiental desde o punto de vista do cambio climático, principalmente pola roturación de pastos semi/permanentes e a perda do carbono almacenado no solo.
Os investigadores conclúen que, co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano
Do total da dieta animal do vacún, o máximo de alimentación que poderían consumir os humanos oscila entre o 9 e o 34%, en función do sistema de alimentación da granxa. Se se mide en proteína, a porcentaxe oscilaría entre o 6 e o 22%. Se collemos a proteína utilizable polos humanos que consume o vacún de leite e a comparamos coa proteína que esta mesma gandería lle aporta á dieta humana, atopámonos cunha relación positiva, pois as granxas de leite, en función do seu sistema alimentario, consumen entre 0,28 e 0,85 Kg. de proteína por cada Kg. de proteína que lle aportan á dieta humana. Estos datos demostran, segundo os investigadores, que co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano. Os autores destacan que é unha cuestión a ter en conta, pois factores como a competencia animal – humana polos alimentos, o impacto da actividade gandeira no cambio climático ou a relación entre dieta e saúde terán a cada paso unha maior importancia entre os consumidores e nas institucións públicas.

Programa do Concurso Autonómico de gando frisón, que terá lugar en setembro en Feiradeza

Imaxe da edición do 2019, a última celebrada, do Concurso Autonómico de Fefriga Os días 11 e 12 de setembro terá lugar nas instalacións do Lalín Arena, en Lalín, o XXIX Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga 2021, organizado pola Federación Frisona Galega e o Concello de Lalín, coa colaboración das Africores e a Consellería de Medio Rural. Os fins que se perseguen coa celebración deste certame anual, que tivo que suspenderse en 2020 por mor do coronavirus, é estimular aos gandeiros na cría de animais de alta calidade xenética, capaces de producir leite e dar crías durante moitos anos, como medio de rendibilizar as súas explotacións; orientar aos criadores sobre as tendencias actuais de selección e mellora gandeira no ámbito internacional e formar aos mozos e mozas cara a unhas correctas e rendibles tarefas de selección, proporcionándolles coñecementos básicos para poder desenvolvelas con éxito. Coma todos os anos, o Concurso de Gando, que premia ás mellores vacas, xatas e xovencas, servirá para poñer de manifiesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e para promocionar as ganderías participantes para que desta maneira poidan ocupar un lugar destacado no mercado nacional e internacional de animais selectos. A xuíza será Martine Lambot Poderán participar neste certame todas as explotacións con animais que estén inscritos no Libro Xenealóxico da Raza Frisona, facendo a correspondente solicitude á Federación Frisona Galega. Os concursos serán xulgados por Martine Lambot, xuíza internacional da Asociación Holstein de Bélxica. Dado o carácter de Concurso Autonómico só poderán participar animais nados en Galicia e propiedade de ganderías galegas. En todo caso, será condición indispensable que todos os animais concursantes estén inscritos no Libro xenealóxico da raza frisoa e a nome da gandería que os presenta, á data de admisión de solicitudes. Como data de referencia para o encadramento dos animales nas diferentes seccións do programa, tomarase o día 31 de agosto de 2021.
Só poderán participar animais nados en Galicia e propiedade de ganderías galegas
A entrada do gando realizarase o venres 10 de setembro de 2021 antes das 15:00 horas, non tendo dereito a entrar os animais que sexan presentados despois da citada hora. A autorización de entrada do gando nas naves realizarase previa presentación e comprobación da documentación sanitaria esixida (folla de saneamento da explotación e probas negativas de IBR e BVD). A organización proveerá de peladores para todos os animais do concurso. Será obrigatorio o seu uso para todos os animais agás os que participen no concurso de preparadores, e o incumprimento desta norma acarreará a expulsión do animal en cuestión. Dispoñerase de peladores segundo a necesidade do concurso e a súa distribución será mediante sorteo. Premios A Federación Frisona Galega outorgará unha axuda por animal presentado ao Concurso Autonómico Fefriga 2021 de 100€ por xata e xovenca e 150€ por vaca. O mellor criador de xovencas levará 200 euros e o subcampión 100 e no caso do mellor criador e o segundo clasificado en vacas 400 e 200, respectivamente. Finalmente, a Xovenca Gran Campiona levará 600 euros e a Vaca Gran Campiona 1.000 euros.
As ganderías que presenten animais ao concurso recibirán unha axuda de 150€ por vaca e 100€ por xata e xovenca e o mellor criador de vacas levará 400 euros e o de xovencas 200
Xenética Fontao, patrocinador oficial do concurso, agasallará a todas as ganderías participantes con 5 doses de GALILEO. Ademáis, todas aquelas que participen con dous animais ou máis, recibirán 5 doses de SPORTING e 5 doses de KENT. Igualmente, a femia mellor clasificada en cada sección individual, filla dun touro de Xenética Fontao recibirá 100 euros no caso de becerras, 200 no caso de xovencas e 300 no caso de vacas. Pódense consultar as distintas seccións do Concurso, así como os pormenores do seu desenvolvemento no Regulamento.   

“Queremos que de Mouriscade saian embrións da máxima calidade para tódalas ganderías da provincia”

Jesús Manuel Manteiga, gandeiro de vacún de leite de Vila de Cruces leva apenas uns meses como novo presidente de Africor Pontevedra. Nunha visita á súa granxa coñecemos os proxectos para os vindeiros 4 anos e as liñas nas que xa comezaron a traballar. -Satisfeito co novo cargo de presidente, logo de varios anos na directiva de Africor Pontevedra? -Decidiuse que tiña que haber un cambio na presidencia por diferentes motivos, e os compañeiros acordaron que debía ser eu quen quedara de presidente, aínda que eu quería que fose outra persoa. Agora aquí estamos para intentar non defraudar a súa confianza nestes 4 anos. -En que liñas de traballo queres incidir nestes próximos anos? -Un dos eixes vai ser o proxecto coa Deputación de Pontevedra en relación coa Finca Mouriscade. Dende Africor levabamos tempo vendo que se estaban prestando poucos servizos e non se investía na granxa. Así foi que pasou de ser a finca número 1 por ICO de España durante varios anos a quedarse no posto 17, no 20 ou no 25 e todo por falta de inversión. Nós tiñamos un proxecto que xa intentáramos levar adiante na anterior lexislatura da Deputación e que agora parece encamiñado. -Que papel xoga Africor Pontevedra agora dentro deste proxecto? -Agora creouse unha mesa de expertos integrada por 2 representantes das cooperativas, da ADS, da propia Finca Mouriscade e da Deputación e tamén conta con 2 representantes de Africor Pontevedra, un deles é o técnico encargado dos acoplamentos, que xa leva anos traballando en mellora xenética na propia granxa de Mouriscade, e outro son eu. En tódalas decisións que se tomen, como a compra de embrións, Africor vai estar presente. -Xa está traballando entón esa mesa de expertos en cuestións como a compra de embrións? -Si, de feito queriamos formalizar a compra de embrións neste ano, pero temos o hándicap de que require moita burocracia, o que leva o seu tempo. Nós queriamos presentar o proxecto xa en marzo para ter tempo de formalizar estas compras, pero co Covid-19 atrasouse todo, e a presentación do proxecto foi en novembro. Agora temos un orzamento de 50.000 euros para a adquisición de embrións que estamos xestionando, pendentes das autorizacións e da tramitación.
“O interesante é que veñan para a Finca Mouriscade os mellores exemplares, cos que se poida ter unhas xovencas cunhas moi boas calidades e que acaben repartidas por ganderías de toda a provincia”
-En que aspectos credes que se debe mellorar na Finca? -Cremos que a Finca Mouriscade ten que ser un referente non só de Pontevedra, senón de Galicia e España. Nós queremos que de aí saian embrións da máxima calidade para mellorar as calidades gandeiras de tódalas ganderías. Sigue habendo bos exemplares agora mesmo que están contribuíndo a iso, pero xa hai un certo número de ganderías que están a par coa Finca. O interesante é que veñan para a Finca os mellores exemplares, cos que se poida ter unhas xovencas cunhas moi boas calidades e que acaben repartidas por toda a provincia. Trátase de mellorar o gando vacún de leite da provincia para que sexa máis rendible, tendo en conta as esixencias actuais e que cada vez os marxes do leite son máis reducidos. Tamén nesta liña demándase un laboratorio móbil para poder facer as implantacións dos embrións nas granxas cunhas garantías. Outra das peticións para a Finca é mellorar a difusión dos servizos que alí se ofrecen para que os gandeiros poidan ter información, polo que tamén pedimos que se mellore a súa páxina web. Son temas todos eles que están falados, pedidos e que agardamos se vaian cumprindo. -Outro dos aspectos nos que parece que se vai incidir en Mouriscade é nas poxas de animais e en reducir a cantidade de leite que se vende. -Nós sempre defendemos que na Finca Mouriscade hai que muxir vacas, porque ó telas é necesario, pero a súa rendibilidade non pode vir do leite e de facerlle competencia ós gandeiros. As vacas teñen que rotar. Na Finca non pode haber vacas con 5 ou 6 partos, eses animais fan moito máis nunha gandería e alí o que se ten que apostar é por xenética nova. O mundo da xenética deu un gran cambio, e Mouriscade quedou atrasado por esa falta de inversións. Agora estase apostando claramente pola xenómica e o seme sexado. Hai anos, valía moito máis un embrión dunha vaca MB ou Excelente, que tiña que ter tido xa tres partos, que o dunha becerra. Coa xenómica cambiou totalmente todo isto, e agora estase cotizando moito máis os embrións dunha becerra que os das vacas, porque xa sabemos como vai ser tanto esa becerra como os seus descendentes. O seme sexado foi outro dos grandes avances. O seme convencional quedou xa relegado, xa que a día de hoxe ninguén quere que lle nazan machos na súa granxa, salvo aqueles que poidan rematar sendo animais para posta en centros de recría. Ninguén quere pagar 400 euros polo embrión, para que logo che saia un macho e o vendas por 100 euros en Silleda, logo de mantelo 15 días. O que se buscan son femias para a recría da granxa.
“En Africor estamos buscando o xeito para que a Consellería de Medio Rural nos axude co xenotipado nas granxas”
-A xenómica é entón un dos puntos nos que se debe incidir tanto en Mouriscade como dende Africor? -Dende Africor e Afriga é un dos temas nos que queremos traballar. De feito, os presidentes dos 3 Africores estamos xa buscando o xeito para que a Consellería de Medio Rural nos axude no xenotipado nas granxas, que actualmente ten un custo de 30 euros por xovenca. Por exemplo, eu xa estou xenotipando tódolos animais que nacen na gandería, porque nos dá información tan útil como se son portadores de enfermidades ou a súa capacidade produtiva. -Débese transformar tamén o servizo de analítica de mostras que se ofrece ós gandeiros da provincia dende o laboratorio de Mouriscade? -As melloras sempre son positivas, só que nós vimos que a parte que estaba decaendo era a granxa, onde non se investía nada de cartos, mentres que no laboratorio si se viron inversións. Hai aspectos, como nas analíticas do leite, que antes incluían tamén os antibiogramas e que agora para telos hai que facelos a través de Ligal, que se poderían mellorar ou as demoras que vimos no verán, pero, en xeral, os gandeiros están conformes co servizo.
“A gandería non é a responsable de tódolos males do planeta, como parece que se quere responsabilizar”
-Tedes algunha demanda especial por parte dos gandeiros nos últimos tempos? -Unha demanda de todo o sector é dignificar o labor do sector gandeiro, que somos fundamentais para a sociedade. Temos que seguir mellorando en cuestións como o respecto ó medio ambiente, pero é un aspecto no que levamos moito tempo traballando. A gandería non é a responsable de tódolos males do planeta, como parece que se quere responsabilizar. Esta é unha profesión bonita, pero ten que ser tamén rendible economicamente, senón van seguir pechando granxas, o que xera problemas para os veciños derivados do abandono da actividade gandeira. -A cantos gandeiros dá servizo Africor Pontevedra? -Agora mesmo no control leiteiro atendemos a uns 470 gandeiros e temos un servizo de asesoramento en alimentación e en acoplamentos. Aparte axudamos tamén cando nos demandan colaboración en temas de xestión. O obxectivo é axudar ó sector na medida en que se poida. Ó longo do 2021 queremos intentar facer un reparto de seme a domicilio. En colaboración con Xenética Fontao, estamos mirando de mercar unha furgoneta para ofrecer este servizo. Outro proxecto no que tamén estamos traballando e que xa se valorara coa directiva anterior, é a unificación dos Africores de Galicia. Como cambiamos os presidentes das 4 organizacións acordamos darnos un tempo para asentarnos e despois comezar a traballar para facer un único Africor Galicia.
“Queremos unificar as catro organizacións nun único Africor Galicia”
-Con cantos controladores contan hoxe en día para este servizo? -Temos 11 controladores, 2 técnicos en alimentación e 1 especializado en acoplamentos que compaxina a súa actividade tamén como controlador. Despois está o xerente e unha persoa na oficina. -Coa evolución cara a sistemas de muxido que proporcionan un maior número de datos e información significativa ós gandeiros, quedan máis comprometidas algunhas das funcións de Africor? -É certo que ás veces a algúns gandeiros resúltalles difícil comprendelo e mesmo cuestionan o labor dos controladores, pero a verdade é que son totalmente compatibles e compaxínanse moi ben. Mentres que o robot de muxido che aporta datos, o control de Africor axúdache a contrastar eses datos coas súas analíticas. Ademais, o historial e a información dos animais que se fai a través de Africor e que resulta de utilidade para os gandeiros non cho aporta o robot. -Ademais de pola vinculación con Africor, gandería Manteiga é unha das habituais no certame morfolóxico Feiradeza, ves necesario introducir cambios para fomentar unha maior participación por parte de gandeiros da comarca e doutras zonas de Galicia? -Creo que si é preciso facer cambios neste tipo de concursos, sobre todo a nivel local como é o caso de Feiradeza. Vexo necesario que se equilibren as condicións de partida para os participantes, de modo que os gandeiros novos, que participen por primeira vez, non se atopen perdidos neste mundo pola súa inexperiencia en certames, aínda que teñan exemplares que poidan optar a premios. Creo que é preciso tamén máis formación no tema dos certames e dignificalos.
“Nos concursos creo que é necesario equilibrar as condicións de partida dos participantes, ofrecer máis formación e dignificar estes certames”
Ademais, houbo outros factores que na miña opinión influíron en que os concursos foran a menos, como a gran progresión que se fixo no sector, así como o incremento da carga de traballo nas ganderías. Tamén foi determinante a falta de apoio económico a estes certames por parte das administracións. Por moito que queiras participar, se cada ano che supón un gasto acabas por non ir. Creo que todos somos responsables, temos culpa, da caída destes concursos. -Como valoras a túa experiencia nos concursos? -Aínda que levamos anos participando, teño pouca experiencia en comparación con outros gandeiros da zona e cando comezamos descoñeciamos por completo este mundo. Recordo que cando nós comezamos chegamos a Feiradeza vimos que a xente alimentaba, lavaba, peiteaba as vacas ou as paseaba seguindo uns criterios que nós descoñeciamos por completo. A min ensinoume a pasear as vacas Avelino Souto, que era aínda un mociño, pero que xa levaba paseando animais en concursos dende cativo, e Manuel Donsión Silva, outro habitual de Feiradeza. Agora, a base de participar e do que nos gustan, na miña granxa xa tentei facer cambios nestes anos para seguir indo a concurso. Así é que decidimos ter dúas liñas de animais: por un lado os que temos en produción na granxa e por outro os que temos para participar en concursos. Eu vexo os certames como unha afección máis, como ó que lle gusta ir de caza. -Que perspectivas de futuro ves para o sector gandeiro? -Dende Africor, as perspectivas pasan por un Africor forte, centrado e unificado. Aínda que levamos pouco tempo, coincidimos en que tres dos presidentes somos gandeiros, vivimos das vacas e gústanos o noso traballo, así é que temos opinións moi semellantes. En canto ó sector, creo que o importante é conseguir deixar de depender das axudas. Critícannos polas subvencións e eu só pido para o prezo do leite o prezo de hai 32 anos máis a metade do que subiu o IPC, deste xeito poderemos eliminar as subvencións. Non pode ser que no ano 2020 esteamos a vender o litro de leite a 29 céntimos de base, cando no ano 1988 se vendía a 60 pesetas (36 céntimos), con tódolos incrementos que se viron nestes anos nos gastos.
“En Galicia, os gandeiros fixemos os deberes, quen non os fixo foi a industria, que só empaqueta o leite sen apostar polo valor engadido e logo págano os produtores con baixadas no prezo”
Creo que o sector gandeiro galego fixo os deberes e ten aínda capacidade para producir máis leite, seguimos sendo os maiores produtores de leite de España. Se alguén non fixo os deberes aquí foi a industria, que o único que fixo en Galicia foi meter o leite nun brick, non se molestou en transformalo e en apostar polo valor engadido e agora segue pagándoo cos gandeiros, con baixadas cando quere e empregando o leite como produto reclamo. Agora véñensenos novas esixencias, como as reducións de emisións que nos piden, a nova normativa dos tratamentos dos xurros, e nós estamos dispostos a seguir mellorando as nosas granxas, pero non pode ser que estas esixencias non se reflictan no prezo do leite que cobramos.
Vista das novas instalacións da gandería Manteiga.

Gandería Manteiga

Jesús atende en Oirós, Vila de Cruces (Pontevedra) a súa granxa de vacún de leite, na que tamén son socias as súas dúas fillas e a súa muller. Nos últimos anos acometeron a construción dunha nova granxa, na que actualmente conta con 160 cabezas de gando frisón. Nas novas instalacións optou por incorporar un robot de muxido, co que actualmente moxen 68 vacas. O cambio á nova granxa e ó novo sistema de muxido supúxolle un incremento de 10 litros de leite en cada vaca, “aínda que tamén se incrementaron os gastos”, matiza o gandeiro. Os plans a curto prazo na Gandería Manteiga pasan por dobrar o número de vacas en produción e instalar un segundo robot de muxido. Por este motivo está a fomentar a recría, e conta cunhas 50 becerras con menos dun ano. Tamén está apostando por xenotipar todo o seu gando, para lograr unha selección daquelas vacas con mellores características para as súas necesidades. A súa estratexia de futuro pasa ademais polas vacas A2A2, de xeito que está xa a inseminar tódalas súas vacas con touros deste tipo. Na actualidade, a media de produción da gandería sitúase nos 41 litros, cunhas calidades de 3,20 % en graxa e 3,40 % en proteína. “Na maioría das ganderías, a graxa é maior que a proteína, nós temos eses datos invertidos. Contrario ó que se puidera pensar tampouco é que teñamos acidose nas nosas vacas, senón non teríamos esta media”, explica o gandeiro. Estas cifras lógraas en base a unha ración composta por 30 quilos de silo de millo, 7 quilos de silo de herba da primeira corta, 5 quilos de silo de herba de segunda corta e 9 quilos de penso. A parte hai unha media 5 quilos de punteo no robot de muxido. A gandería manexa unha superficie de 50 hectáreas de terreo, 12 delas en propiedade. Preto da metade, unhas 22 hectáreas, destínaas cada ano ó cultivo de millo para o gando.