Archives

Propostas para o cambio de xestión do lobo en Galicia

Cúmprense dous anos desde que en España se decidiu que o lobo entrase no listado de especies en protección especial. Foi unha decisión polémica, pois ata daquela nalgunhas das principais comunidades loberas, como Castilla y León, Asturias ou Cantabria, as poboacións de lobo viñan xestionándose por medio da caza, con arredor de 185 exemplares abatidos de media entre as tres comunidades, segundo as estimacións de Unións Agrarias. En Galicia, cunha regulación distinta á das outras comunidades do noroeste peninsular, a caza legal nunca foi unha ferramenta de xestión, pois o último lobo abatido nunha batida por danos data do 2013, pero si que se dá por feito que á marxe da caza legal, hai unha importante actividade de caza furtiva e de medidas ilegais, como o uso de velenos ou lazos. A cuestión agora é que desde hai dous anos, en toda España a caza do lobo quedou restrinxida a circunstancias excepcionais e na práctica, “é moi difícil conseguir que un funcionario asine unha autorización de caza, ante o seguro acoso de organizacións animalistas”, cuestiona Unións Agrarias. Ante este escenario, a Comisión Europea decidiu abrir un periodo de consultas a nivel da UE para valorar se hai que reformular o estatus de protección do lobo, pois considérase que a recuperación das poboacións da especie supón un “perigo real” para o gando e un “risco potencial” para as persoas. Cabalos no monte Unións Agrarias, que coincide con este plantexamento, vén de remitirlle á Comisión Europea un documento de propostas para modificar a xestión do lobo. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, advirte en especial do impacto que está tendo o lobo sobre os cabalos que viven en semilibertade no monte. “Hai moitos montes que non dan sacado os potros e as greas de cabalos adiante. Iso é algo que ten que coñecer a Comisión Europea porque é unha actividade en perigo de desaparición en moitas zonas de Galicia”, cuestiona. Achegamento ás casas Outro dos problemas sitúao Feijoo en comarcas que teñen demostrada unha alta densidade de lobos, como a da Serra do Xistral e Mariña lucense. “Temos constatado que os lobos chegan a comer cans e ovellas nas eiras das casas. Esa é unha clara situación de risco potencial para as persoas, en especial para nenos”, advirte. Cambios nas medidas de xestión Para enfrontar estas situacións, Unións Agrarias é partidaria de que se recupere a caza como ferramenta de xestión, “en especial con esperas sobre animais ou mandas problemáticas, tras os correspondentes estudos técnicos”, subliñan. Unha segunda medida pola que avoga a organización é por recuperar o abandono de carroñas no monte como alimentación disuasoria para o lobo, unha práctica tradicional que se abandonara a partir da crise das vacas tolas. “Esta medida podería por exemplo reducir a depredación de cabalos en determinadas zonas”, valora Feijoo. En definitiva, no caso español, Unións é partidaria de que o Ministerio de Transición Ecolóxica modifique a normativa de protección do lobo, pois considera que está fóra de lugar é a marxe da realidade. “O lobo non está en perigo de extinción en Galicia e ninguén avoga pola súa desaparición, senón pola convivencia, acompañada dunha xestión da poboación con criterios científicos e técnicos”. Modificación das axudas En paralelo, a organización agraria pide un fortalecemento das axudas da Xunta para medidas de prevención e unha mellora das indemnizacións por danos, pois considera que as actuais indemnizacións deixan fóra moitos episodios de ataques que non se poden demostrar, ao non aparecer suficientes restos dos animais. Posicionamento dos ecoloxistas Pola súa banda, a asociación ecoloxista Adega sacou onte un comunicado contra a declaración de emerxencia cinexética do xabarín, no que defende que a xestión do xabarín ten que pasar en boa medida polo lobo. En concreto, a asociación titula o seu comunicado coa expresión “Onde hai lobo, non manda xabarín”. Se ben o xabarín é unha presa potencial do lobo, o certo é que os estudos científicos demostran que en boa parte de Galicia, o xabarín é anecdótico na dieta do lobo, pois en moitas comarcas, cabalos e gando doméstico chegan a representar entre un 50 e un 90% da dieta do cánido.

FRUGA apunta que o problema co xabaril non se pode deixar en mans das asociacións de caza

A Federación Rural Galega (FRUGA) mostra a súa preocupación polo desleixo de funcións por parte do Goberno galego deixando nas mans das asociacións de caza o control do xabaril. Apuntan a aparición de danos sobre a actividade primaria e tamén cuestións de alarma social, seguridade viaria e protección civil, entre outras. Acusan á Xunta de tomar decisións por “oídas” ou polas noticias dos medios de comunicación, "é dicir, sen ningún rigor científico". Lembran ademais, que o anuncio da Consellería de Medio Ambiente de emerxencia cinexética afecta ao 80% do territorio galego, un total de 37 comarcas. FRUGA di non ter ningunha constancia da existencia da realización dun censo da poboación de xabaril, nin da súa estrutura piramidal de idades, entre outros aspectos moi importantes como as idades de reprodución das femias. A Federación declara levar anos inisistindo para que se realicen estudos deste tipo. Nun comunicado emitido aos medios, desde FRUGA din ser conscientes de que existe un grave problema social, económico e mesmo ecolóxico con esta especie, e evidentemente deixar a solución deste problema nas mans dun colectivo que emprega a caza como deporte ou afección, "non parece o máis axeitado, serio e rigoroso". Desta maneira, o executivo galego estaría obviando toda a responsabilidade propia da administración, e mesmo como se os propios cazadores fosen os responsables deste grave problema do medio rural e en ámbitos máis urbanos. Desta maneira, queren facer un chamamento aos cazadores para que non participen neste "ridículo esperpento ao que nos ten acostumados a Xunta de Galiza con este tema". FRUGA entende que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores mais nunca poden ser os responsables de levar a cabo o control dunha posible “praga”. Porén, non sería a primeira vez, xa que no ano 2019 a Xunta tamén realizou unha declaración de Emerxencia cinexética "e catro anos despois estamos vendo claramente que foi un fracaso total e absoluto". Á parte, chama a atención que esta medida se tome a mediados de setembro cando gan parte dos froitos están recollidos, polo que ven esta medida como populista e con propósitos electorais coa proximidade das eleccións ao Parlamento de Galicia. Para rematar, desde RUGA reclaman que a Xunta non faga renuncia das súas responsabilidades, exerza as súas competencias e proceda a acometer a realización dun estudo para coñecer a situación da poboación e todos aqueles aspectos que axuden a tomar decisións obxectivas. Tamén piden que no caso de ser preciso, a Xunta teña a valentía política para a declaración de PRAGA do xabarín.

Pode solucionar a declaración de emerxencia cinexética o problema do xabarín?

A expansión do xabarín en Galicia levou nos últimos anos a un problema que xa presenta difícil solución. A falta de estudos concretos do seu censo, as cifras de danos confirman a dimensión do problema. O porco bravo xenera na comunidade arredor de 4.000 avisos de danos no agro ó ano, comunicados ó telefono 012, e uns 10 sinistros diarios nas estradas. A iso hai que unirlle a alarma social que crean as incursións da especie nas cidades e vilas, con esporádicos ataques a persoas. Para enfrontar a situación, a Consellería de Medio Ambiente vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a terceira declaración de emerxencia cinexética do xabarín, que abrangue 37 comarcas e 248 concellos. É a declaración de emerxencia máis ambiciosa a nivel territorial e abre a porta á caza sen límite da especie durante todos os días da semana ata o 25 de febreiro, con inclusión de métodos non convencionais, como o uso de visores nocturnos, detectores de movemento ou comedeiros de atracción. Con todo, a declaración de emerxencia cinexética xera escepticismo tanto entre organizacións agrarias como entre os propios cazadores. Desde o agro considérase a declaración de emerxencia cinexética un parche, pois existe a convicción de que a caza social, a tradicional ferramenta de xestión da fauna salvaxe, xa é insuficiente para enfrontar o problema. Entre tanto, os cazadores lembran que as declaracións de emerxencia cinexética pasadas a penas sí lograron resultados adicionais nalgunhas zonas concretas, pois os Tecores carecen en xeral de capacidade e tempo para aumentar o esforzo tradicional de caza con días e batidas a maiores. Que cuestións cómpre ter en conta para abordar o problema do xabarín?. Por parte das organizacións agrarias, pedimos a opinión de Jacobo Feijoo, e por parte dos cazadores, de Antonio Mota, da Unión de Tecores de Galicia.
Jacobo Feijoo. Responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias

“Non se lle pode pedir á caza social que arranxe o problema, a Xunta ten que ser a directora de orquesta”

“Levamos tres declaracións de emerxencia cinexética do xabarín e probablemente haberá unha cuarta, unha quinta e unha sexta, porque isto non é unha solución”, opina o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo. “É certo que temos que reinvindicar o papel da caza social como unha ferramenta de xestión da fauna e do propio equilibrio ecolóxico, pero o que non podemos é pedirlle ós cazadores que arranxen un problema de tal dimensión. Necesitamos que a Xunta actúe de directora de orquesta e planifique os controis de poboación da especie”, defende Feijoo. Planificación de obxectivos Desde a perspectiva de Unións Agrarias, é preciso que a Administración coordine cos Tecores uns obxectivos e prazos de animais a abatir, en función dun plan técnico. “En xeral, estamos tendo boa coordinación cos Tecores cando lles comunicamos a existencia de danos e a necesidade de controis, pero nos casos en que esa colaboración non exista, se a Administración detecta que un Tecor non cumpre cuns obxectivos que se marquen, quizais sexa preciso levar alí cazadores doutras zonas”, valora Jacobo Feijoo. Sobre os 4.000 avisos de danos que o agro comunicou o ano pasado á Xunta, Feijoo opina que son a "punta do iceberg". "Hai moita xente que non chama porque os danos comunicados xa exceden a contía da axuda que lle poden pagar, ou ben porque se cansan da situación ou, dada a reiteración de danos, só chaman puntualmente". Xaulas capturadoras de grupos familiares Entre as medidas a adoptar, a organización agraria considera tamén imprescindible o uso de xaulas capturadoras de maior dimensión ás que se están empregando na actualidade, de cara á captura de grupos familiares completos, sobre todo en zonas nas que a caza non é viable, como poden ser as áreas de viñedo do Ribeiro.
Antonio Mota. Unitega

“Tres días de caza á semana son suficientes, a solución non é aumentar os días de caza, hai que falar e consensuar acordos”

A declaración de emerxencia cinexética, que abre a porta a cazar en batida calquera día da semana, previa comunicación, é unha medida que os cazadores consideran “de cara á galería”. “En plena tempada de caza, tres días de caza á semana (xoves, sábados e domingos) e os festivos son suficientes. Abrir o melón a batidas os luns, martes, mércores ou venres parécenos desproporcionado, é unha cortina de fume”, valora Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega). Como elemento positivo, Mota sinala que algunhas posibilidades que introduce a declaración de emerxencia cinexética, como o uso de visores nocturnos, poden ser parte da solución. “En Portugal vemos que están funcionando, polo que de cara ó futuro, os visores poden ser interesantes, sempre e cando se faga un uso seguro”. Dispoñibilidade dos cazadores e seguridade no rural A ampliación de días de caza é unha decisión á que Mota lle ve pouco percorrido, non só polas dificultades de dispoñibilidade das cuadrillas para buscar días adicionais de caza. Mota incide en especial na cuestión da seguridade. “No monte e no campo hai máis xente, a parte dos cazadores. É bo que os días de batidas de caza sexan os habituais, os coñecidos polos veciños, para evitar situacións de risco” -valora-. “Outra cousa son as esperas, que xa se podían facer todos os días”, lembra. Evitar un segundo conflicto na caza En relación ás demandas que chegan das organizacións agrarias, Mota sinala que en xeral hai entendemento con elas cando se sentan a falar, pero advirte de posibles conflictos adicionais. “Se falan de levar cazadores dunha zona a outra, estariamos probablemente creando tensións e conflictos onde non os hai. Temos xa un problema, que é o do xabarín, non creemos outro novo”, cuestiona. “Hai que dicir tamén que levamos dúas tempadas en que non percibimos un aumento das peticións de batidas excepcionais. Quizais o problema do xabarín se estabilizara e non vaia a máis, que é algo que xa está pasando noutras autonomías, como Aragón. Carecemos de estudos detallados da poboación da especie, pero quizais a súa curva de crecemento se estea parando, se non dobrando”, sopesa Antonio Mota.
"Levamos dous anos sen percibir un aumento de danos. Quizais esteamos dobrando a curva"
Afrontar situacións concretas: o caso do Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei Mota é partidario de afrontar os casos de zonas concretas con problemas. Recoñece que o xabarín, e tamén o corzo, son un problema en zonas de viñedo como o Ribeiro ou a Ribeira Sacra, “e probablemente o vaian ser tamén en Monterrei”, apunta. “Son zonas nas que medrou a superficie de viñedos e onde, ao ser unha superficie agrícola intensiva, non se caza. Por tanto, aí a caza non é unha solución, haberá que valorar outras medidas”, subliña. Comarcas vitícolas como o Ribeiro presentan a singularidade de numerosos núcleos de poboación rodeados de viñas, nos que polas características do entorno, habitado e con plantacións e persoas traballando, a caza non é posible. Sobre a opción de que se empreguen xaulas para a captura dos exemplares nas comarcas vitícolas, Mota sinala que é unha posibilidade que Medio Ambiente descarta. “Quizais sexa unha medida efectiva, pero nas reunións Medio Ambiente considera inviable esa medida polos altos custos de xestión que lle ve. Non é só colocar as xaulas, é logo xestionar como residuo os exemplares que se capturen”, sinala Mota. Como vía para definir solucións, Mota é partidario de sentarse a falar para chegar a acordos. “O lugar podería ser unha comisión parlamentaria, con intervención de tódolos colectivos implicados”, apunta.

Claves da declaración de emerxencia cinexética

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe catro resolucións de Medio Ambiente, unha por provincia, coas correspondentes declaracións de zonas de emerxencia cinexética. Estas son as claves da medida: - Permítese abater ou capturar xabaríns sen límite de exemplares, prioritariamente femias adultas e subadultas. Tamén se permite abater crías e femias seguidas de crías. - Nos Tecores, as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no plan anual deberán ser comunicadas previamente á xefatura territorial competente en caza. - Nas zonas libres de caza, as cazarías estarán suxeitas a autorización e deberán pedirse con 10 días de antelación. Ata o 6 de xaneiro, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos. Do 7 de xaneiro ó 25 de febreiro exclúense os sábados. - Na modalidade de espera, poden agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, debendo indicarse expresamente as coordenadas dos postos fixos que se vaian ocupar. - Nos Tecores, poderase autorizar ós propietarios dos terreos afectados a realizar persoalmente, ou mediante terceiros, esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. - Permítese o uso de visores ópticos durante as esperas nocturnas, así como fontes luminosas. Tamén o uso de dispositivos electrónicos, como detectores de movemento ou controladores de horas de paso, para a posterior realización de esperas nocturnas. - Nos cultivos onde haxa danos, poderanse dispor cebadoiros con gran ou froitos, co obxectivo de aumentar a eficacia dos controis. Do mesmo xeito, permítese a captura en vivo dos xabaríns, con posterior sacrificio dos exemplares, de acordo co procedemento establecido pola Consellería de Medio Ambiente.

Declarada a emerxencia cinexética temporal polo xabarín en 37 comarcas galegas

A Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, anunciou que a partir deste venres quedará declarada a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. “As circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos”, sinalou do Campo. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia. Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas. De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial —persoalmente ou mediante terceiros— con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complemente a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual. As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 37 comarcas (12 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 5 en Pontevedra) que comprenden 248 concellos (75 deles coruñeses, 54 lucenses, 87 ourensáns e 32 pontevedreses) e un 80,7 % da superficie total de Galicia. A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 16 de setembro —data de entrada en vigor das 4 resolucións— ata o 25 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2023-2024. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración. Zonas sobre as que terá efecto a nova medida excepcional. // Fonte: Xunta de Galicia

Publicada a orde de caza 2023, coas medidas de control por danos no agro

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar a orde de caza 2023, na que se establecen as pautas a seguir para as medidas de control por danos no agro. O periodo de caza, con carácter xeral, será do 15 de outubro do 2023 ó 6 de xaneiro do 2024, en xoves, domingos e festivos, se ben con excepcións para outros días da semana en determinadas modalidades de caza. Como é habitual, as medidas de control de danos poderán solicitarse ao longo de todo o ano e Medio Ambiente valorará en cada momento se proceden ou non. A orde da Consellería establece que, co fin de reducir os danos na agricultura, gandería, silvicultura e na circulación viaria, así como na fauna e flora silvestre, poderanse acordar medidas de control por danos, para o que será preceptivo que os axentes ambientais comproben os danos existentes. Por especies, as principais medidas son as seguintes: - Xabarín. poderanse autorizar batidas, monterías, esperas ou recechos, incluso en zonas de veda de caza ou de adestramento de cans. As autorizacións de caza por danos serán inmediatas, non sendo preceptiva a comprobación dos mesmos, con independencia das comprobacións que poida decidir facer o servizo de Patrimonio Natural. - Corzo e cervo. Será requisito previo a comprobación dos danos, antes de autorizar a práctica cinexética. No caso das femias adultas, só se permite o seu control na modalidade de rececho. - Raposo. Procederase igual que para o corzo e cervo. - Aves. Poderase permitir a caza de aves que provoquen danos en cultivos agrícolas ou na fauna. Será preceptivo o informe do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, no que se indicará se os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non fora posible establecer razonablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude. Cómpre lembrar tamén que nas xornadas de caza menor, xa está permitida a caza dalgunhas especies que causan danos no agro, como corvos, estorninos ou pegas. Lobo Por segundo ano consecutivo, o lobo queda excluído das medidas cinexéticas de control de danos, logo de que o Ministerio de Transición Ecolóxica incluíse ó lobo na Lista de Especias en Protección Especial. En calquera caso, na última década as batidas ó lobo por danos foron anecdóticas, cunha escasa captura de exemplares. As dificultades que ten a caza en batidas do lobo, un animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas en Galicia, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo, con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie, que na última década se mantén estabilizada en Galicia no entorno das 90 mandas, distribuídas por todo o territorio, salvo os núcleos metropolitanos de Vigo e A Coruña, e o Baixo Miño. Coa situación actual, as batidas de cazadores xa non semellan unha posibilidade en Galicia, se ben a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica si que permitiría que Galicia aplicase medidas de control da especie a través dos axentes ambientais, tal e como está a facer Asturias desde hai anos. A comunidade veciña establece os exemplares que poden abatir os axentes ambientais para controlar as poboacións do lobo. En Cantabria, o seu Goberno autonómico tamén insistiu no último ano en que continuará coas medidas de control da especie, pero Galicia polo de agora non se pronunciou en tal sentido.

As axudas polos danos causados polo lobo e o xabaril poderán pedirse a partir de hoxe

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitando unha explotación de bovino en Rodeiro Este xoves foron publicadas no DOG dúas ordes de axudas para, por un lado, implantar medidas preventivas fronte ao lobo, o oso e o xabaril en explotacións gandeiras, agrícolas e de autoconsumo, cunha dotación de 1,06 millóns de euros; e por outro, para contribuír aos custos derivados da instalación de valados fixos para protexer ao gando dos ataques do lobo, unha liña á que se destinarán 400.000 euros. A partir deste venres e durante o prazo dun mes, as ganderías poderán acollerse a estas novas convocatorias de axudas, grazas ás cales a Xunta mobilizará en 2023 algo máis de 1,4 millóns de euros só para apoiar ao sector na implantación de medidas efectivas que protexan as súas propiedades do impacto causado pola fauna silvestre coa que comparten o territorio.
O prazo para solicitar as axudas é dun mes
En concreto, entre as medidas de prevención subvencionables está a adquisición e manutención de cans para protexer e defender o gando (ata 300 euros por exemplar e 200 euros para gastos de alimentación, cun límite de 3 cans por explotación); a compra de pastores eléctricos (ata 600 euros para comprar como máximo 3 pastores); e a instalación de cerrumes con mallas electrificadas (8 mallas e 800 euros por explotación).
Subvenciónanse un máximo de 3 cans, 3 pastores eléctricos e 8 mallas electrificadas por explotación
Ademais das subvencións para prevención que se convocan no DOG deste xoves, no mes de decembro publicouse outra orde de axudas para compensar os danos ocasionados polo lobo, cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que en 2022. Medidas preventivas e indemnizacións fronte aos xabarís No caso das medidas fronte aos xabarís, o pasado 21 de decembro tamén se convocou a orde de subvencións para paliar o impacto deste tipo de incursións nos cultivos agrícolas ligados a explotacións profesionais e a propiedades particulares, cun orzamento inicial de 1,45 millóns de euros.
A contía máxima da axuda polos danos do xabarín será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, 250 euros máis que na convocatoria anterior
Subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2022 e o 10 de outubro deste ano e, como principal novidade, a contía máxima da axuda será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que na convocatoria anterior. Ao orzamento destinado pola Xunta para indemnizar aos afectados polas incursións do xabaril nos seus cultivos hai que sumar tamén os 286.000 euros reservados para previr ou minimizar os danos dentro da orde de axudas que se publicou hoxe no DOG.

‘Futuro do xabaril ante o declive da caza social en Galicia’

Poderá a caza social galega controlar os danos do xabaril no agro galego no medio prazo?. Opinamos que a resposta é un claro non, e iso pola falta inmediata de cazadores que se aveciña. En apenas 15 anos é previsible que haxa só a cuarta parte dos 35.000 cazadores actuais, o que fará colapsar o actual sistema de caza social en Galicia tal e como o coñecemos hoxe en día. Entremos na análise. Para iso usaremos os datos oficiais de licenzas A1 e A2 de caza con armas, expedidas en Galicia entre 1997 e 2021, e analizaremos igualmente o marco de xestión do xabaril. Que o xabaril é unha especie en expansión, parece indiscutible, como o testemuñan datos indirectos crecentes, como que en 2020 houbo xa 3.300 accidentes de tráfico nas estradas galegas causados por atropelos de xabaril, uns 12 millóns de euros de perdas en cultivos, maiormente millo, praderías e castaña, e uns 17.000 xabaríns abatidos en accións de caza.
Cada día, o xabarín provoca de media case 10 accidentes de tráfico nas estradas galegas e máis de 30.000 euros de danos en cultivos
Dada a actual capacidade reprodutiva da especie, controlar as poboacións esixe un alto nivel de presión cinexética. Para iso organízanse unhas 21.000 batidas ao ano en Galicia, nas que se dá caza aos citados aproximadamente 17.000 exemplares. Todo a cargo de 35.000 cazadores, aínda que non todos cazan o xabaril. Probablemente o censo de cazadores de caza maior estea na contorna dun terzo dos cazadores con licenza en vigor. E aquí é onde comeza o problema: Entre o ano 2000 e o ano 2020 o censo de cazadores en Galicia, segundo datos oficiais da Xunta de licenzas de caza A1 e A2, descendeu nun 50%. (desde 71.178 a 35.100 licenzas). Pero é que ademais, o censo de cazadores no 2021 presenta un 48% de licenzas en mans de persoas maiores de 65 anos, cando ao principio da serie, en 1998, ese tramo de idade representaba apena o 15%.
É razoable estimar que nuns dez anos, o número de cazadores en Galicia vai reducirse á metade
A caza hoxe vai sendo unha práctica de vellos, cando onte érao de mozos. Sendo así os datos, é razoable estimar que nuns 10 anos o número de cazadores vai reducirse en Galicia á metade. E noutros 5 anos, outra vez outra metade, tamén por razóns puramente de idade dos titulares das licenzas e a falta de incorporacións á afección cinexética. Ou o que é o mesmo: de seguir a tendencia actual en Galicia, os cazadores reduciranse a unha cuarta parte nos próximos 15 anos. Cun censo xa por baixo de 9.000 cazadores, non é realista pretender manter a mesma presión cinexética que na actualidade, onde xa a caza social está desbordada pola puxanza reprodutora do xabaril, e un marco legal e un ambiente social absolutamente contrarios á substitución xeracional e a incorporación de mozas á afección da caza. Este razoamento heurístico coincide cunha análise estatística de proxección dos datos de licenzas anuais de caza, como se mostra no gráfico seguinte, onde as medias estimadas a partir do ano 2022, calculadas por un algoritmo preditivo a partir da tendencia histórica previa, danse cunha confianza estatística do 95%: A situación vai ser moi delicada, pois o control poboacional do xabaril non será posible sen medidas que, dalgunha forma, complementen a actividade dunha caza social en franco descenso. Que nos di a experiencia sobre como se regulan as poboacións de animais salvaxes, de alta taxa de reprodución como o xabaril, cando a caza deixa de ser o elemento principal de control das mesmas?
O control poboacional do xabaril non será só posible coa caza social
A resposta é simple, o factor de regulación pasa a ser a enfermidade, sexa en forma de parasitos, enfermidades infecciosas, zoonoses (que son aquelas enfermidades dos animais que poden pasar ao ser humano), e xa máis concretamente no caso do xabaril, a peste porcina africana, que tería ademais un terrible impacto fóra do monte, no sector porcino. Estamos pois ante un serio dilema, de como evitar un desastre de sanidade animal en ausencia dunha intensidade de caza suficiente, aínda que temos un certo tempo para ir planificando o futuro. Melloras no uso de gaiolas de captura En canto ao control directo dos danos do xabaril sobre a agricultura, e a intrusión do xabaril nas contornas urbanas, e xa falando de complementos da caza, o uso de gaiolas de captura ten que empezar a cobrar o protagonismo que xa ten noutras zonas de España, onde é un elemento imprescindible na captura de grupos familiares de xabaríns que incursionan en plantacións froiteiras e diversos cultivos. Para iso, a Administración ten que dar pasos decisivos para ir incorporando esta técnica dunha forma clara e eficaz, aínda que o seu custo, está claro, non pode correr á conta do agricultor ou gandeiro que sofre os danos, como ocorre co marco actual en Galicia, onde o custo do manexo da gaiola, da eutanasia dos animais e o tratamento dos cadáveres preténdese imputar ao gandeiro, e non á Administración. Responsabilidade dos danos Doutra banda unha reforma legal, no sentido de non imputar a responsabilidade obxectiva dos danos do xabaril aos que cada vez van pasar a ser menos e menos cazadores, parece igualmente imperativa, e máis pronto que tarde haberá que abordala. E non descartemos que haxa que profesionalizar no futuro o control da fauna, algo que agora sae gratis á sociedade coa caza social.
Non descartemos que haxa que profesionalizar no futuro o control da fauna, algo que agora lle sae gratis á sociedade
Do devandito ata este punto, queda claro que independentemente da sensibilidade ou afinidade persoal que se teña cara á caza, é un instrumento de xestión absolutamente necesario para o control de poboacións de animais que, como o xabaril, son enormemente prolíficos, e que carecen de depredadores naturais, excepto o lobo, o cal a día de hoxe probablemente non teña no xabaril en Galicia nin un 15% da súa dieta, pois prefire presas que lle esixan menor gasto calórico e perigo. Os cazadores fan un papel fundamental na conservación do equilibrio ecolóxico e a sanidade animal, e utilizan o mesmo instrumento que a natureza: a caza. Pois non esquezamos que o depredador que controla unha poboación no medio natural, sexa un lobo, un aguia, ou un tigre de Bengala, fai uso da caza. Pero, como se vén analizando, todo indica que entraremos pronto nunha nova fase na que a caza, tal como se vén practicando en Galicia, non vai ter a capacidade de controlar as poboacións do xabaril, nin tampouco os seus danos sobre os cultivos. E por iso, para poder complementar á caza social onde ela xa non poida chegar no futuro, hai que usar a imaxinación, poñerse a traballar e tomar medidas que nos anticipen solucións, antes de que vaiamos xa correndo detrás do problema.

Convocadas as axudas da Xunta para medidas de prevención de ataques do lobo e xabarín

A Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre (lobo, xabarín e oso) e se convocan para o ano 2022. Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares dun REGA ou REAGA (no caso do xabaril). Investimentos subvencionados liña lobo son: - Cans de protección do gando: Razas Mastín Español, Mastín de los Pirineos e Can de Palleiro. Adquisición de cadelo/a de ata 4 meses de idade correctamente identificados, desparasitados e vacinados. De 1 a 3 cadelos por explotación en función do censo. 300 €/can - Mantemento de cans de protección: ata 3 cans en función do censo. 200 €/can - Mallas móbiles: 8 mallas móbiles dun mínimo de 90 cm de alto e 50 m de largo. 100 €/malla - Peches fixos con 6-8 arames (altura mínima de 1,80m) : Ata 2 peches de 500 m (solicitar licenza municipal). 3,5 €/metro lineal de peche - Peches fixos con malla de 1,48 m e 2 arames electrificados ata chegar aos 1,70m: Ata 2 peches de 1000 m (solicitar licenza municipal). 4,5 €/metro lineal de peche - Pastores eléctricos: ata 3 pastores en función do censo ou ata 600 € en total. 150 €/pastor de rede ou batería e 300 €/pastor con placa solar Investimentos subvencionados liña oso (estar en zona oseira): - Pastores eléctricos: ata 3 pastores en función do censo ou ata 600 € en total. 150 €/pastor de rede ou batería e 300 €/pastor con placa solar Investimentos subvencionados liña xabarín: - Pastores eléctricos: ata 3 pastores en función do censo ou ata 600 € en total. 150 €/pastor de rede ou batería e 300 €/pastor con placa solar. As axudas pódense solicitar ata o 21 de febreiro. Para máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220120/AnuncioG0532-271221-0001_gl.html

A chegada da peste porcina a Italia suscita preocupación no sector en España

Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos, tras coñecer a aparición dun novo caso de peste porcina africana (PPA) no noroeste de Italia, reiterou ao Ministerio de Agricultura as propostas da organización para previr e paliar unha eventual entrada da enfermidade ao territorio español. Son xa tres os casos confirmados de xabaríns infectados por peste porcina africana que se detectaron no norte de Italia desde o pasado 6 de xaneiro. Cuestións importantes que recoñece o Ministerio no seu informe sobre o foco italiano son que se volve demostrar a capacidade do virus de realizar saltos a longa distancia (os focos máis próximos a este dábanse en Hungría e no nordeste de Alemaña) e que esta nova proximidade supón un incremento do risco para España.
Os focos máis próximos ata o momento dábanse en Hungría e no nordeste de Alemaña
Con todo, a pesar de que desde o propio Ministerio asúmese este incremento do risco, a organización profesional agraria critica que esta análise non veña acompañada dunha batería de medidas que blinden a España contra a PPA. “A medida que a PPA foi pasando a países máis próximos, fixemos chegar ao MAPA propostas que serían de grande axuda para evitar a aparición da enfermidade no noso territorio, e este novo foco ensínanos que calquera medida non tomada pode supoñer un gran efecto negativo para o sector” indican desde a organización.
Reclaman a posta en marcha dun programa de vixiancia e maior control no movemento de animais entre os distintos Estados europeos
Por iso a organización actualizou as súas propostas e fixo chegar unha vez máis as mesmas ao Ministerio para que sexan tidas en conta en beneficio do sector porcino. Entre elas, recóllense por unha banda propostas destinadas a reforzar a prevención. Por exemplo, Unión de Uniones considera inasumible que España non teña un programa de vixiancia contra a PPA con cofinanciamento europeo (que permitiría aumentar os recursos destinados a prevención) mentres que por exemplo Alemaña en 2018, (previo a contar coa PPA no seu territorio) xa contaba con este tipo de plan. Outras propostas pasan por implantar medidas co obxectivo de reducir e activar un maior control no movemento de animais entre Estados membros. Control da poboación de xabaríns Outra parte das medidas propostas céntrase no control da poboación cada vez maior de xabaríns, xa que, aseguran, "estes parecen estar a expandir a enfermidade segundo os focos doutros países europeos e, ademais, son vectores doutras enfermidades". Ademais destas medidas de prevención, Unión de Uniones lembra a vocación exportadora do sector porcino español: máis da metade da carne de porco que se produce en España expórtase e en 2020 o 36% da produción exportouse a terceiros países fóra da UE.
Máis da metade da carne de porco que se produce en España expórtase, cos países asiáticos como principal destino extracomunitario
“A problemática cos terceiros países é que moitos non recoñecen o principio de rexionalización na loita contra determinadas enfermidades animais, polo que, se aparecese, por exemplo, un foco de PPA nunha comunidade autónoma, aínda que o resto estivese libre da enfermidade, non podería exportar carne a países terceiros, o que tería gravísimas consecuencias económicas, como ocorreu en Alemaña”, aseguran.
De producirse un caso nunha comunidade autónoma o resto de granxas españolas tería dificultades para vender a súa produción ao non recoñecerse nos países de destino a rexionalización no control de enfermidades
Por iso, Unión de Uniones urxe ao MAPA a alcanzar de forma individual acordos con terceiros países clave na exportación, como China, Xapón, Corea do Sur, Filipinas ou Hong Kong (que acumulan 77% das exportacións a países fóra da UE entre 2011 e 2021 segundo datos da Comisión Europea) para que recoñezan esta rexionalización en caso de aparición da PPA en España. “Isto non é nada novo nin nos saltamos as normas: recentemente o goberno francés anunciou este tipo de acordos con China para protexer as súas exportacións de porco” indican desde a organización, e critican que desde o Ministerio de Agricultura non se fixese o mesmo cando o sector porcino en España ten un peso tan relevante na economía e unha gran dimensión social no medio rural.

A cooperativa Aira arrinca a campaña de ensilado do millo deste ano na zona de Chantada

A cooperativa Aira está a ser un ano máis a máis madrugadora de Galicia no ensilado do millo. As colleitadoras do seu parque de maquinara comezaron esta semana a campaña de recollida en fincas da zona de Chantada e Taboada plantadas no mes de abril con millos de ciclo curto. Estas primeiras cortas puntuais de sementeiras temperáns feitas a comezos da primavera en parcelas secas son habituais nesta zona todos os anos. Desta volta xa se iniciaron nos últimos días de agosto e previsiblemente continuarán a vindeira semana con algunha outra recollida xa programada, segundo confirman desde a cooperativa.
Trátase de parcelas puntuais sementadas en abril con ciclos curtos e que a mediados de agosto xa acusan habitualmente a seca
Os realizados até o de agora son traballos para determinadas ganderías, como Raxeiras SC de Chantada ou Cadahias de San Julián SC de Taboada, en parcelas puntuais, aínda que o forte da campaña arrincará, se as condicións meteorolóxicas o permiten, nas datas habituais, entre o 15 e o 20 de setembro. 
O forte da campaña vén este ano con retraso porque o verán foi fresco e o cultivo está a aguantar máis sen se secar
Estas primeiras colleitas están a ser boas, máis abundantes do habitual nestas fincas secas, con rendementos superiores aos 40.000 quilos por hectárea. "Son cifras que están por enriba da media destas parcelas porque este ano choveulle moito ao millo, tanto a finais da primavera coma durante o verán", confirma Jorge Meiriño, técnico de Aira. As previsións tamén son optimistas para o resto da campaña en toda Galicia.  Un parque de maquinaria con 11 colleitadoras A cooperativa Aira conta cun dos parques de maquinaria máis completos de Galicia, xa que adquiriu esta primavera un lote de equipos entre os que se inclúen tres colleitadoras (unha modelo Claas 970 de 10 filas e dúas Claas 960 de 8 filas), oito tractores e 10 remolques. Con esta compra, valorada en 1,5 millóns de euros, Aira pasa a dispoñer dun parque de maquinaria no que destacan as súas 11 colleitadoras, o que o convirte no máis grande dos existentes na comunidade en volume de maquinaria, para que todos os gandeiros realicen o ensilado no momento óptimo dos cultivos, o que se traduce nuns silos de mellor calidade.
Para optimizar a recollida da forraxe para os socios no seu momento óptimo, Aira reforza os equipos e o cadro de persoal propio nas épocas de máis demanda coa contratación de empresas de servizos externas
Para optimizar a produción de forraxe para os socios, ademais dos equipos e cadro de persoal propio, Aira conta con autónomos e empresas de servizos para reforzar o incremento puntual do volume de traballo. O servizo de maquinaria de Aira programa os traballos a unha semana vista, polo que para solicitar vez para o ensilado é preciso avisar á cooperativa con 15 días de antelación indicando unha estimación o máis aproximada posible das hectáreas a colleitar, de maneira que se poida optimizar o tempo de traballo dos equipos. 

Os danos do xabarín son cuantiosos

A Xunta de Galicia vén de autorizar a caza sen límite de exemplares de xabaríns en 198 concellos galegos para tratar de frear a súa expansión e reducir os danos que provoca nos cultivos, pero semella que a medida chega tarde para a campaña deste ano.   Cando menos na zona de Chantada os danos son xeralizados e importantes, segundo constata Jorge Meiriño, técnico de Aira. "Nesta zona hai danos por todos os lados e aínda estamos empezando, polo que poden ir a máis", teme.
Vense camas moi grandes nas fincas porque os xabaríns andan en mandas moi grandes e fan moito destrozo
"Vense camas moi grandes nas fincas, de 2.000 ou 3.000 metros cadrados, porque os xabaríns andan en mandas grandes por mor do lobo e da superpoboación que hai de suídos, e cando é así fan moito dano ao entraren nas parcelas", di. Aínda que é difícil facer a estas alturas da campaña unha cuantificación aproximada dos danos e perdas que pode ocasionar o porco bravo na colleita, Jorge indica que "os destrozos están na media do ano pasado, no que xa foran importantes", lembra.   
 

Reunión de Unións con Tecores de Xallas e da Costa da Morte para impulsar cambios na Lei de Caza

Unións Agrarias reuniuse con representantes dos Tecores de Muxía, Santa Comba, Zas, Mazaricos e Camariñas para analizar a situación dos danos do xabaril na agricultura. Do encontro saíu o acordo de manter unha postura conxunta ante a Xunta en relación ós danos do xabarín. Tanto a organización agraria como os cazadores están a favor dun cambio da Lei de Caza que obrigue á Xunta a asumir a totalidade dos danos causados polo xabarín. Na actualidade, as indemnizacións por danos no agro correspóndenlle en teoría ós Tecores, salvo en zonas libres de caza, nas que é a Administración a que tería que asumilas. Na práctica, os Tecores carecen de recursos para afrontar o pago de indemnizacións, polo que os afectados ou ben se contentan coas axudas por danos que convoca a Xunta, que nalgúns casos só cubren parte dos destrozos, ou denuncian ó Tecor para pedir o pago de maiores indemnizacións. De feito, Unións anunciou recentemente que apoiaría ós gandeiros e agricultores que quixesen denunciar a un Tecor, en vista da dimensión que estaban acadando ós danos nalgunhas zonas. Iso xerou malestar nos Tecores, ata o punto de que un dos afectados por denuncias, como é o de Dozón (Pontevedra), decidiu excluír as parcelas dos denunciantes da superficie do Tecor. Unións lembra que a actual Lei 13/2013 de Caza de Galicia, no seu Artigo 62, establece a responsabilidade do pago dos danos da fauna cinexética aos TECOR e Sociedades de Caza, exonerando á Xunta, pero non está de acordo con esa situación. Por iso, a organización agraria declárase decidida a impulsar un cambio da Lei de Caza, conxuntamente cos Tecores. Así se plasmou na reunión mantida con Tecores do Xallas e da Costa da Morte. “Tanto os representantes dos cazadores reunidos como Unións Agrarias estiveron de acordo en que as sociedades de caza non teñen capacidade económica para facer fronte aos máis de 14 millóns de euros de perdas que se estima causa o xabaril na agricultura galega anualmente. Asemade, os colectivos reunidos coinciden en que o xabaril representa un problema social no rural galego, sendo xa o principal factor de risco da seguridade viaria, con máis de 3.200 accidentes de tráfico no ano 2019”, destaca Unións. A proposta do cambio da Lei de Caza quérese consensuar coa maioría de sociedades de caza posibles, unindo ademais outras cuestións, como a distinción entre a caza cinexética e a caza por control de danos; ou un papel máis activo da Consellería de Medio Ambiente na protección dos cultivos, especialmente durante a época de veda.

Aperfasa anuncia seis reclamacións xudiciais contra Tecores por danos do xabarín

As perdas provocadas polo xabarín no agro continúan sen solucións no horizonte, máis alá das axudas de ata 2.000 euros por explotación que ofrece Medio Ambiente. O problema é que hai produtores con perdas moi superiores, o que deixa ás explotacións na disxuntiva de asumir as perdas ou denunciar ó seu Tecor de caza para pedir unha indemnización. En vista de que os problemas van a máis, a Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa) iniciou os trámites para presentar reclamacións xudiciais contra seis Tecores, dos que por agora non revela os nomes. “Denunciar ós Tecores é a única vía que nos queda para reclamar, xa que as perdas en lugar de reducirse van a máis. Temos un socio que este ano tivo que sementar catro veces millo, o que lle supón un custo brutal, pero máis alto é o custo de mercar a alimentación para os animais”, reflexionan en Aperfasa. A Asociación considera que a “vía diplomática” de buscar solucións coa Administración serviu de pouco, polo que aposta pola vía xudicial, igual que outras organizacións do sector, como Unións Agrarias. “A saída a esta situación pasa por unha redución importante do censo do xabarín, co exército ou como sexa. Non pedimos que se acabe coa especie, nin moito menos, pero si que se reduza moito o censo”, demandan. Reaccións dos Tecores As denuncias xudiciais que están recibindo os Tecores levaron xa a unha sociedade de caza, a de Dozón (Pontevedra) a renunciar ó aproveitamento cinexético das zonas nas que reciban denuncias. É un intento de evitar deste xeito o pago de indemnizacións de miles de euros ás que a sociedade di non ter capacidade para facer fronte. Desde Aperfasa consideran que “nin nos vai nin nos vén” que os Tecores tomen esas decisións. “Se os Tecores renuncian a esas parcelas, terá que ser a Administración quen se faga cargo dos danos e da xestión da fauna nas zonas libres de caza. A nós o tempo do medo acabóusenos, é unha cuestión de vida”, conclúen.

Medio Ambiente valora declarar novos Concellos en emerxencia cinexética polo xabarín

Os danos provocados polo xabarín, tanto no agro como nas estradas, centraron unha reunión organizada pola Consellería de Medio Ambiente con cazadores, organizacións agrarias e Administracións implicadas. O obxectivo era facer balance da situación e valorar novas medidas a adoptar. Desde Medio Ambiente anunciaron que volverán a estudar a declaración de emerxencia cinexética temporal nalgúns puntos da comunidade. Na campaña de caza 2019-2020, Medio Ambiente decretou a emerxencia cinexética en 4 comarcas de Galicia (Betanzos – Eume, Terra Cha, Viana e Deza), que comprendían un total de 33 concellos. A Xunta valora decretar novas comarcas en emerxencia, pois considera que aquela foi unha medida eficaz. Medio Ambiente sinala que os avisos de danos nestas comarcas reducíronse un 29,4 % en relación á campaña precedente. Neste sentido, a Xunta trasladoulles aos asistentes á reunión que se está a valorar novamente a posibilidade de declarar a emerxencia cinexética en determinadas zonas de Galicia. Participaron no encontro representantes das Administracións titulares das diferentes estradas (Ministerio de Fomento e Axencia Galega de Infraestruturas); DGT, Garda Civil de Tráfico e Seprona; Consellería do Medio Rural; Fegamp; Universidade de Santiago; Federación Galega de Caza; e sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego). A medida da emerxencia cinexética, que na práctica permite abater ou capturar exemplares fóra do límite de cupo durante o período hábil de caza, deberá someterse a un estudo previo en base ao cal se decidirá a que áreas e concellos concretos afectaría, tendo en conta os datos máis recentes de avisos por danos, accidentes de tráfico, concentración de explotacións de porcino e demais parámetros que concorran para valorar a incidencia do xabaril en cada zona. Medidas nas estradas No encontro, celebrado onte, a Consellería de Infraestruturas tamén informou sobre as medidas específicas adoptadas para evitar accidentes causados pola irrupción de xabarís nas estradas galegas. Entre as medidas, destacan a implantación no corredor Nadela-Sarria de valo reforzado en ambos os lados para reducir estes sinistros ou as actuacións que se van levar a cabo no caso da AG-64 Ferrol-Vilalba para mitigar os riscos que xeran estes animais. Xestión da biomasa en zonas periurbáns A Consellería de Medio Ambiente, por último, animou ós Concellos a extremar os desbroces nas zonas periurbáns, a fin de evitar que o porco bravo atope neses espazos zonas de encame, protexidas ademais dos cazadores. Valoracións Trala reunión de onte, Unións Agrarias valorou como insuficiente a declaración de emerxencia cinexética, pois considera que por si soa non garante unha redución drástica das mandas de xabaril, “que campan sen control causando graves danos”. Desde Unións Agrarias avogan por un control poboacional e por un cambio da Lei de Caza, para que a responsabilidade dos danos causados pola especie pase a ser da Xunta e non dos Tecores. “Os Tecores son incapaces de responder das cantidades cada vez máis grandes pola magnitude das desfeitas”, valora o secretario de Acción Exterior de Unións, Félix Porto. En tanto a Lei non cambie ou non se atopen solucións, Unións mantén que continuará apoiando ós gandeiros que decidan demandar ós Tecores para pedir indemnizacións polos danos. É unha situación que xa xerou reacción entre os Tecores afectados, que se plantean renunciar ó aproveitamento cinexético das parcelas propiedade de afectados que os demanden.

Os cazadores excluirán dos Tecores as parcelas de explotacións que os denuncien por danos

O conflicto orixinado pola expansión do xabarín sobe un novo chanzo. De ser un problema económico e de seguridade vial pasou a convertirse nun conflicto social. A decisión de Unións Agrarias de xeralizar a xudicialización dos danos causados polo porco bravo nos cultivos está atopándose coa reacción dos cazadores, que ven na actitude de Unións un ataque inxustificado contra eles. Os Tecores están dispostos a renunciar a parte dos seus aproveitamentos cinexéticos para evitar futuras denuncias. Tal decisión deixaría as parcelas ás que renunciasen como zonas de exclusión de caza, converténdoas en áreas aínda máis atractivas para a fauna salvaxe, que podería atopar nelas refuxio. A primeira iniciativa dos cazadores para desfacerse de parcelas conflictivas estase a producir en Dozón (Deza, Pontevedra), onde a sociedade de caza local vota este domingo en asemblea renunciar ó aproveitamento das parcelas de dúas explotacións que os denunciaron. O asunto non é menor, pois xa hai un fallo xudicial firme que os obriga a pagar 6.351 euros de indemnización a un produtor e outra sentencia, recurrida, que lles faría pagar outros 3.000 euros a a outra gandería. A sociedade de caza terá que aumentar a cota dos socios para enfrontar o pago das indemnizacións, pero de xeito paralelo quérese cubrir as costas para evitar futuras denuncias. O Tecor proponse excluír do aproveitamento cinexético tódalas fincas de propietarios que os demanden. A sociedade de caza lembra que as sentencias que tiveron en contra parten de denuncias de explotacións que contaron co apoio xurídico de Unións Agrarias no proceso, organización á que responsabilizan das consecuencias que poida ter a exclusión de fincas agrarias do territorio cinexético.
"As sentencias son inxustas, pois as cuadrillas estamos implicándonos de cheo en reducir os danos" (Tecor de Dozón)
“A esta medida chegamos porque non nos deixan opción. As sancións impostas son de todo inxustas, cando ademais as cuadrillas vímonos implicando de cheo durante os últimos anos para minorar estes danos” -explican desde a sociedade de caza-. “Como Tecor non temos recursos económicos suficientes como para facer fronte a novas denuncias, se isto acaba converténdose en habitual. Quen nos denuncie saberá que nos xa non participaremos na axuda ao seu problema, e os socios do Tecor non lle pagaremos os danos”, conclúen. O Tecor aclara que “non se trata de non querer facer fronte ás responsabilidades que coma Tecor temos por Lei en canto á xestión do xabaril, pero igual que nos denuncian en aplicación da letra pequena que marca a norma, que nos responsabiliza de todo unha vez que temos os dereitos cinexéticos, pola mesma, podemos entrar no mesmo xogo, e de modo totalmente legal, poder desprendernos e renunciar aos dereitos cinexéticos daquelas parcelas que non sexan de interese para o Tecor, dese modo liberarnos de calquera responsabilidade nese eido”, explican.
"Igual que nos denuncian a nós en aplicación da letra pequena da Lei, nós tamén de xeito legal podemos desprendernos das parcelas que non nos interesen"
A sociedade de caza critica a estratexia de Unións Agrarias que anima a denunciar aos Tecores. “Nesta situación faise imposible tecer alianzas con eles na procura de solucións e colaboración. O sindicato non lles contou toda a verdade a aqueles que animan a denunciar, xa que os Tecores tamén temos amparo legal para adoitar estas outras decisións. Deberían formular a súas protestas dirixidas á Administración pero sen involucrarnos aos Tecores, sobre todo aos que cumprimos cun esforzo maiúsculo durante todo o ano. Fraco favor fan a estas explotacións que nos denuncien, pois antes que cazadores somos veciños”, lamentan. Esforzo de control Por último, o Tecor de Dozón sinala en nota de prensa que segue comprometido no control do porco bravo. “Como mostra do noso compromiso coas explotacións gandeiras presentes en Dozón, na asemblea someterase a votación crear unha cuarta cuadrilla de xabaril, coa que prestar aínda unha maior axuda”, apuntan. Precisamente o Tecor de Dozón foi posto de exemplo de bo traballo contra o xabarín nun recente debate no Parlamento galego, onde o portavoz do BNG, Xosé Luis Rivas ‘Mini’ lembrou que este Tecor cazou 160 pezas nunha soa campaña. Reaccións Desde colectivos de cazadores como Unitega estanse facendo eco da decisión do Tecor de Dozón, que respaldan. “Se os Tecores lle solicitan á Xunta que saque dos coutos as parcelas que non teñan un acordo de cesión en vigor, estas parcelas pasarán a ser zonas de exclusión de caza, converténdose en refuxios de fauna. Esa situación é probable que aumente os danos de xeito moi importante, pero os cazadores xa non terán obriga da facer alí batidas nin esperas. Os agricultores terán que reclamarlle directamente os danos á Xunta”, conclúe Unitega.