Archives

Convócanse as axudas para compensar os danos causados polo lobo e o xabarín nos cultivos e no gando

A Xunta de Galicia convocou hoxe as axudas para paliar os danos que provocan o lobo e o xabaril sobre o sector agrogandeiro, dotadas dun orzamento global de 2,06 millóns de euros. Estes incentivos poderán solicitarse a partir de mañá, 18 de xaneiro. En concreto, Diario Oficial de Galicia publicou, por un lado, a orde na que se establecen as bases reguladoras das subvencións para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para 2024. Cun orzamento asignado de 612.724 euros, estas axudas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques destes animais e que se comuniquen no teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. Con carácter xeral, as contías das axudas variarán en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre os 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de 6 anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, estes importes calcularanse en base ao baremo establecido na propia orde, pudendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable. A orde recolle tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas; os gastos de eutanasia acreditados, de ser necesaria esta medida; e os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación. Esta convocatoria inclúe tamén un importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias), que oscilará entre os 9,1 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.803,1 euros (para vacas de entre 2 e 6 anos).

Medidas fronte ao impacto do xabaril

Por outra banda, cómpre subliñar que hoxe tamén se publicou no DOG outra orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas. Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2023 e o 10 de outubro deste ano e a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, variando o importe en función da superficie danada. Por último, cómpre indicar que hoxe tamén se publicou unha nova convocatoria de axudas por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinadas a previr os danos producidos por determinadas especies de fauna silvestre, concretamente, o lobo, o xabaril e o oso. Neste caso, o orzamento global previsto suma 1,51 millóns de euros co seguinte detalle. A maior partida, 1 millón de euros, resérvase para a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada fronte ao lobo. No caso do xabaril, a dotación da convocatoria ascende a 490.000 euros, e para prever os danos ocasionados polo oso, o orzamento é de 20.000 euros, partidas destinadas, en ambos casos, a sufragar a compra de pastores eléctricos. En canto aos importes, os límites establecidos na propia orde son de ata 300 euros por can protector adquirido e de 200 euros para manutención —cun límite de 3 animais por explotación—; un máximo de 600 euros para a compra de ata 3 pastores eléctricos; e ata 800 euros por explotación para a compra de, como moito, 8 mallas electrificadas. Estas axudas para a prevención dos danos que causan o lobo, o oso e o xabaril nas explotacións agrícolas e gandeiras da Comunidade poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 19 de febreiro.  

FRUGA apunta que o problema co xabaril non se pode deixar en mans das asociacións de caza

A Federación Rural Galega (FRUGA) mostra a súa preocupación polo desleixo de funcións por parte do Goberno galego deixando nas mans das asociacións de caza o control do xabaril. Apuntan a aparición de danos sobre a actividade primaria e tamén cuestións de alarma social, seguridade viaria e protección civil, entre outras. Acusan á Xunta de tomar decisións por “oídas” ou polas noticias dos medios de comunicación, "é dicir, sen ningún rigor científico". Lembran ademais, que o anuncio da Consellería de Medio Ambiente de emerxencia cinexética afecta ao 80% do territorio galego, un total de 37 comarcas. FRUGA di non ter ningunha constancia da existencia da realización dun censo da poboación de xabaril, nin da súa estrutura piramidal de idades, entre outros aspectos moi importantes como as idades de reprodución das femias. A Federación declara levar anos inisistindo para que se realicen estudos deste tipo. Nun comunicado emitido aos medios, desde FRUGA din ser conscientes de que existe un grave problema social, económico e mesmo ecolóxico con esta especie, e evidentemente deixar a solución deste problema nas mans dun colectivo que emprega a caza como deporte ou afección, "non parece o máis axeitado, serio e rigoroso". Desta maneira, o executivo galego estaría obviando toda a responsabilidade propia da administración, e mesmo como se os propios cazadores fosen os responsables deste grave problema do medio rural e en ámbitos máis urbanos. Desta maneira, queren facer un chamamento aos cazadores para que non participen neste "ridículo esperpento ao que nos ten acostumados a Xunta de Galiza con este tema". FRUGA entende que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores mais nunca poden ser os responsables de levar a cabo o control dunha posible “praga”. Porén, non sería a primeira vez, xa que no ano 2019 a Xunta tamén realizou unha declaración de Emerxencia cinexética "e catro anos despois estamos vendo claramente que foi un fracaso total e absoluto". Á parte, chama a atención que esta medida se tome a mediados de setembro cando gan parte dos froitos están recollidos, polo que ven esta medida como populista e con propósitos electorais coa proximidade das eleccións ao Parlamento de Galicia. Para rematar, desde RUGA reclaman que a Xunta non faga renuncia das súas responsabilidades, exerza as súas competencias e proceda a acometer a realización dun estudo para coñecer a situación da poboación e todos aqueles aspectos que axuden a tomar decisións obxectivas. Tamén piden que no caso de ser preciso, a Xunta teña a valentía política para a declaración de PRAGA do xabarín.

Declarada a emerxencia cinexética temporal polo xabarín en 37 comarcas galegas

A Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, anunciou que a partir deste venres quedará declarada a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. “As circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos”, sinalou do Campo. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia. Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas. De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial —persoalmente ou mediante terceiros— con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complemente a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual. As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 37 comarcas (12 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 5 en Pontevedra) que comprenden 248 concellos (75 deles coruñeses, 54 lucenses, 87 ourensáns e 32 pontevedreses) e un 80,7 % da superficie total de Galicia. A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 16 de setembro —data de entrada en vigor das 4 resolucións— ata o 25 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2023-2024. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración. Zonas sobre as que terá efecto a nova medida excepcional. // Fonte: Xunta de Galicia

Medio Ambiente dá catro semanas para executar as axudas de prevención de danos da fauna salvaxe

Os beneficiarios das axudas de medidas de prevención para danos de fauna salvaxe vense metidos nunha carreira contrarreloxo, pois quédanlles menos de catro semanas para contratar, executar e xustificar as subvencións de danos de fauna salvaxe. No caso de actuacións de prevención contra danos do lobo con valados e peches fixos, a misión é case un imposible. Outras liñas, como a compra de pastores por danos do xabarín, de mallas móbiles ou de mastíns terán máis posibilidade de execución e xustificación en tempo. Desde Unións Agrarias piden que Medio Ambiente amplie os prazos, unha cuestión que semella complicada polos condicionantes burocráticos. A organización agrogandeira critica que a Consellería de Medio Ambiente atrasase case 6 meses a resolución desta liña de axudas e agora deixe só 4 semanas para que os beneficiarios poidan contratar, executar e xustificar as accións subvencionadas. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa banda, sinala que o atraso da resolución das axudas debeuse a que tivo que tramitar un gran volume de solicitudes e a que tivo que pedir nalgúns casos documentación complementaria. A iso engade as inspeccións que precisaba facer en campo para comprobar as fincas nas que os gandeiros querían construír valados fixos. Ese traballo de inspección das fincas semella agora en balde, visto os prazos que deixa a Administración para levantar os valados. Dada a situación, Unións apela ó sentido da responsabilidade da administración autonómica para demandar que a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez aprobe unha ampliación do prazo de xustificación das axudas para prevención de danos da fauna salvaxe. Co prazo de presentación de solicitudes finalizado o 21 de febreiro, Medio Ambiente debía ter feito pública a súa resolución no mes de maio, segundo Unións. A organización destaca que desde maio, as persoas beneficiarias terían contado con algo máis de catro meses para realizaren as obras ou actuacións subvencionadas e xustificar o gasto ante a administración. Porén, non foi ata esta semana que a Consellería fixo pública unha resolución que deixa ás explotacións sen marxe de actuación. Unións advirte ademais, que nalgúns casos se reduce o montante das contías solicitadas. Unións tilda de "burla" a ampliación do prazo de xustificación publicada tamén no día de hoxe pola Consellería. E é que coa nova data límite fixada no 9 de decembro, os beneficiarios destas axudas pasan de contar con case 5 meses a pouco máis de 3 semanas, "un prazo no que moi dificilmente lles será posible adquirir os materiais, contratar obreiros e acometer actuacións como instalación de valados ou cercas que en moitos casos acadan extensións quilométricas", apuntan dende a entidade. A organización insta ademais á Consellería a cubrir o 100% do importe das actuacións solicitadas; algo que a Administración non fai en todos os casos. E critica que a Xunta de Galicia tente solventar a falla de fondos suficientes con trabas que obstaculizan o acceso dos beneficiarios a un orzamento raquítico, que deixa ás ganderías sen apoio para facer fronte a uns ataques que ano tras ano lles ocasionan cuantiosas perdas. UUAA lembra que o cárnico de vacún en extensivo será o maior perxudicado, un sector estratéxico e que, como denuncian, xa resultou damnificado no reparto público de axudas para paliar a suba de custos de produción derivada da invasión de Ucraína. A organización agrogandeira destaca o imprescindible papel que estas ganderías realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. E insta á Xunta de Galicia a correxir as condicións desta resolución.

O xabaril adiántase á campaña do millo

As altas temperaturas rexistradas este verán están a facer que os ciclos do millo se adianten en moitas zonas. Con todo, na maior parte das plantacións aínda está por criar a espiga. Pese a iso, xa se están producindo importantes danos do xabaril en distintos puntos de Galicia. En moitas das parcelas afectadas, aínda estando pechadas con fíos do pastor eléctrico, o porco bravo está causando igualmente estragos. A Mariña Lucense é unha das zonas máis afectadas polos ataques do xabaril. “O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”, explican dende a cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun. Precisamente en concellos como Ribadeo ou Trabada están a detectarse parcelas arrasadas xa pola fauna salvaxe. “Este ano os ataques están a ser moito peores ca noutras campañas”, sinala José Ramón Loza, responsable da área de cultivos da cooperativa Os Irmandiños.
“O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”: José Ramón Loza, de Os Irmandiños
Nesta zona xa tiveran danos do xabaril durante a sementeira. Daquela foran puntuais e conseguiran atallalos con distintas medidas realizadas polos cotos de caza. Agora apuntan que están a sufrir danos moi severos. Máis cara o interior da provincia, en parcelas de Castro de Rei tamén están acusando danos provocados pola incursión de mandas de xabarís. Nalgúns casos, os danos producíronse en fincas que xa acusaban importantes dificultades pola seca e que xa dan totalmente por perdidas tras pasar os xabarís por elas. Danos nunha finca de millo en Castro de Rei (Lugo). Na provincia da Coruña, en concellos coma Lousame, a incidencia do xabaril deixou danos importantes xa na sementeira e agora volven a telos. É o caso por exemplo de Henrique Laranga que nesta campaña tivo que sementar de novo 4 hectáreas de millo, co gasto que iso implica. Nalgúns casos mesmo tivo que resementar ata 4 veces o millo. “O millo que non me comeu na sementeira é o que está a vir máis cedo e o que me está comendo agora. Leva xa máis de 1,5 hectáreas de danos”, apunta o gandeiro.
Gandeiros de Lousame tiveron que sementar varias veces as parcelas e agora teñen xa máis dunha hectárea de millo novamente afectado polo xabaril
Aínda que están autorizadas batidas para esta fin de semana, apuntan que chegan tarde, xa que hai moitas fincas con moitos danos, nunha campaña na que a produción xa está a ser menor pola seca. Insisten en que as accións preventivas deberían levarse a cabo máis axustadas ós calendarios das colleitas e sementeiras, para que resulten máis efectivas. “O xabaril está a ser unha praga, aínda que non queiran recoñecelo”, valora o gandeiro. Tamén no Deza están a rexistrarse xa danos en parcelas de millo, ó que aínda lle falta tempo para madurar. En Lalín detectaron danos mesmo en fincas que estaban cerradas co pastor eléctrico. Do mesmo xeito que os gandeiros da costa lucense, reclaman accións para controlar a fauna. Esta zona está a ser moi castigada pola seca e os danos do porco bravo reducen unha colleita que xa se agarda moi inferior á doutros anos. Só pola seca estímase que a colleita se reduza en máis do 40% na comarca, ó que se engaden agora os danos causados polo xabaril. Prados con danos polo xabaril en Cervantes.

Arrasa coas pradeiras nos Ancares

Aínda que nos meses centrais do verán é habitual que case non haxa danos do xabaril, na zona dos Ancares están a sufrir importantes danos nas pradeiras xa nos últimos meses. José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes, rexistrou importantes perdas nos seus prados xa dende xuño. “Xa non se esconden nada. Estamos cansados de ver os xabarís onda o rabaño, por entre as vacas”, apunta o gandeiro. Nos prados onde ten algo de rega os danos prolónganse todo o ano.
“Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”: José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes
Esta campaña, José Manuel tivo importantes danos nas pradeiras que tiña para seco, o que lle ocasionou recoller menos cantidade de forraxe da que contaba, nun ano no que o aprovisionamento de forraxe é fundamental, dados os altos custos que está a ter o penso. Á marxe de coller menos herba, os estragos do xabaril nos prados tamén levan parello maior carga de traballo para o gandeiro. “Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”, explica. José Manuel xa deu conta este ano de 20.000 metros cadrados de pradeiras afectadas, aínda que recoñece que é máis superficie a danada. “Moitas veces son danos pequenos nun prado e noutro, e só acabas por poñer aquelas fincas nas que hai máis desfeita, pero ó final todo suma. Vas reducindo dun lado e doutro e cando te dás conta quedas con menos herba da que precisas”, argumenta o gandeiro, que ten un rabaño dunhas 60 cabezas de gando de carne. Coma el, gandeiros dos Ancares levan tempo reclamando medidas que lles axuden a paliar os danos da fauna salvaxe, dado que moitas accións de control están limitadas ó atoparse en plena Rede Natura e Reserva de caza. “Non están facendo batidas, aínda que cheguen a estar autorizadas e os que pagamos sempre somos os gandeiros. Cada vez quedamos menos e deste xeito non vai quedar ninguén con gando”, sinala.

Instalación de gaiolas-trampa

Dende organizacións coma Unións Agrarias apuntan que está habendo unha maior sensibilidade e entendemento entre cazadores, gandeiros e agricultores, o que está deixando unha maior colaboración á hora de organizar batidas por danos naquelas zonas afectadas. Con todo, dende Unións seguen insistindo na importancia de contar con máis medidas para o control da fauna salvaxe, tal e como recolleran na Iniciativa Lexislativa Popular que presentaran ó Parlamento Galego e que fora rexeitada polo goberno autonómico. Neste mesmo mes, dende Unións remitiron de novo á Consellería de Medio Ambiente unha petición para o uso de gaiolas-trampa para o control dos xabarís naquelas zonas con maior incidencia. Solicitan cambios na xestión deste método, xa que na actualidade é o gandeiro ou agricultor quen debe facerse cargo do animal que cae na gaiola, o que está a supoñer un importante gasto para os produtores, ó tempo que limita o seu uso. “Mentres obriguen ós gandeiros a asumir a xestión dos animais que caen, non se utilizarán. A tutela destes animais debe ser da Xunta e debe haber uns protocolos estritos do manexo deste método, polo complexos que son para que resulten efectivos”, sinala Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural en Unións. Tal e como sinalan dende Unións, o emprego de gaiolas-trampa está a ser un método empregado en zonas como Extremadura para reducir os danos en plantacións e co que están logrando resultados exitosos ó conseguir eliminar as mandas desa zona. Dende Unións, tamén temen que a incidencia dos lumes forestais provoque movementos de mandas de xabarís e que poidan incrementarse os danos en zonas que noutras campañas tiñan unha menor carga desta fauna.

Ultiman un protocolo para instalar gaiolas trampa de xabaril en áreas urbanas e periurbanas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ultima un novo protocolo, en colaboración cos Concellos, para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas mediante a adopción de medidas preventivas e de control alternativas ás accións cinexéticas. Unha das iniciativas previstas é a colocación de gaiolas trampa en lugares estratéxicos e que adoiten frecuentar estes animais. Ademais, o plan inclúe posibles actuacións sobre o territorio, como rozas, para facer que estas áreas resulten hábitats menos favorables para o asentamento do xabaril. O obxectivo da iniciativa é reducir de forma efectiva e segura o número de exemplares e avistamentos desta especie silvestre en zonas próximas ás cidades ou a núcleos de carácter urbano e periurbano, nas que non está permitida a actividade cinexética e onde a presenza de xabarís adoita xerar unha notable alarma social. Buscan evitar a aparición de posibles enfermidades e reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico a través dunha xestión que permita harmonizar os métodos de control poboacional da especie cos criterios de conservación. O plan de acción levarase a cabo en colaboración cos concellos e articularase a través da sinatura dun convenio marco ao que se poderán ir adherindo de forma individual os municipios interesados onde a presenza desta especie na contorna das cidades xera problemas de seguridade cidadá e mesmo de saúde pública.
A Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados
A falta de que se concrete o acordo cos Concellos, a Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados. Os concellos, pola súa parte, asumirán o resto dos custos e deberán comprometerse a manter limpas de maleza as zonas periurbanas e mobilizar á Policía Local para realizar os controis necesarios.

As primeiras trampas

Ferrol e a súa contorna será a primeira zona onde se poña en práctica esta medida, de carácter pioneiro en áreas urbanizadas, pero que xa se puxo en marcha con bos resultados nalgunhas explotacións agrogandeiras de distintos puntos de Galicia. As gaiolas trampa contarán cun cebo para atraer ata elas aos xabarís que frecuentan a contorna da cidade. A Xunta e o Concello ultiman os detalles do convenio, no que se fixarán os compromisos económicos e técnicos que asumen ambas partes co obxectivo de establecer un control efectivo das poboacións de xabaril dentro do termo municipal. De feito, como indicanron dende a Xunta, persoal da Consellería mantén contactos con técnicos de Ferrol para definir e poñer a disposición aquelas zonas e terreos que se consideran máis axeitados para colocar estes dispositivos, unha medida que, de calquera xeito, terá que vir reforzada desde o Concello con accións encamiñadas a reducir as condicións de refuxio que ofrecen determinadas zonas urbanas e periurbanas para o xabaril. A principal actuación consistirá en rozar a matogueira nos terreos rústicos —de uso agrícola o forestal—, e no seu caso urbanos, coa limpeza das fincas e dos espazos de encame que converten á contorna ferrolá nunha das áreas urbanas de Galicia cunha maior presenza destes animais.

A Xunta permitirá cazar o xabaril sen límites en 198 concellos para frear os danos que provoca

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as catro resolucións polas que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nun total de 29 comarcas galegas. É a segunda ocasión na que a Xunta recorre a este instrumento, de carácter provisional e extraordinario, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura. “As circunstancias extraordinarias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos”, explican dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez. Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

Condicións para a caza do xabaril

Así, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia. Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2021-2022 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas. De igual xeito, nas comarcas en emerxencia cinexética temporal poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial, persoalmente ou mediante terceiros, con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual. As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 29 comarcas (7 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 2 en Pontevedra) que comprenden 198 concellos (50 deles coruñeses, 53 lucenses, 87 ourensáns e 8 pontevedreses) e un 68,4% da superficie total de Galicia. A vixencia destas declaracións estenderase desde mañá —data de entrada en vigor das catro resolucións— ata o 27 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza establecido para o xabaril durante a tempada 2021-2022. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, no momento no que se constate que desapareceron as causas que motivaron a declaración da emerxencia.

Bos resultados coa primeira experiencia

A emerxencia cinexética temporal é unha medida prevista no regulamento de caza de Galicia para cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza. En 2019 a Xunta declarou por primeira vez a emerxencia cinexética en 33 concellos de catro áreas xeográficas de Galicia: Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza. Tras esta experiencia pioneira, a efectividade da medida quedou avalada polos datos xa que os avisos nestas comarcas reducíronse un 29,4% respecto á tempada de caza precedente. Por iso, na última reunión da comisión de seguimento do plan de acción fronte ao xabaril, celebrada a mediados de xuño, as distintas administracións e colectivos que desde hai anos colaboran na xestión conxunta do problema coincidiron na oportunidade de volver estudar o emprego da emerxencia cinexética temporal en certas zonas da Comunidade como medida adicional para minorar o impacto da especie nas mesmas.

Unións Agrarias: “A Xunta recoñece o descontrol dos danos do xabarín en Galicia”

Precisamente, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, convocou hoxe aos principais sindicatos e organizacións agrarias de Galicia co fin de informalos en persoa sobre o contido e alcance das declaracións de emerxencia cinexética temporal. A xuntanza enmárcase nos contactos que, de forma periódica e continua, mantén a Xunta cos diferentes colectivos implicados na xestión deste problema na Comunidade e tendo en conta, ademais, que o sector agrogandeiro é un dos máis afectados polo impacto socioeconómico que xera a sobrepoboación de xabarís en determinadas zonas.

Neste sentido, Unións Agrarias é especialmente crítica coa actuación da Consellería de Medio Ambiente ante os danos do xabarín. “Solicitamos do presidente da Xunta que lidere a resposta a esta crise dada a total ineficacia que caracteriza a xestión deste asunto por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, quen non está a dar a cara nin a propoñer solucións para os danos do xabaril no agro galego, agochándose detrás dos técnicos e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural”, reclaman dende a organización agraria..

En concreto, critican que “as medidas coñecidas consisten só na flexibilización da caza do xabaril, baseándose no aumento de días de caza (que pasan a ser todos os días da semana) e na simplificación administrativa da tramitación das autorizacións de caza, todo baixo o amparo da declaración de “emerxencia cinexética” nas comarcas e concellos de maior actividade agraria, estado excepcional que prevé a lexislación de caza para o control de situacións extraordinarias xeradas por actividade descontrolada de poboacións de animais, neste caso o xabaril”.

Unións Agrarias entende que esta medida por parte da Consellería de Medio Ambiente, “é un recoñecemento tácito do descontrol das poboacións dos xabarís e os seus efectos no rural durante os últimos anos, nos que se está a dar unha escalada progresiva tanto de accidentes de tráfico (que xa superan os 3.200 ao ano segundo datos oficiais) como danos nas colleitas, que segundo estimacións de Unións Agrarias, superan xa os 12 millóns de euros cada ano, fundamentalmente en cultivos forraxeiros, e tamén en viñedo, pataca e castaña”.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Para a organización agraria a Xunta non vai ao fondo do problema dos danos do xabarín, que “é a obriga que ten a Caza Social Galega de responder do pago dos danos na agricultura, cando carecen da planificación axeitada para controlar as poboacións de xabaril, e sobre todo, cando non teñen fondos para o pago dos máis de 12 millóns de euros anuais que se están a dar no agro galego pola acción das mandas”.

Por todo elo Unións Agrarias seguirá na súa campaña na procura de apoio no mundo da caza social, para demandar un cambio legal na lexislación de caza, “que poña a obriga de responder polos danos da fauna salvaxe na Xunta de Galicia, e non nos TECOR e Sociedades de Caza que non son os propietarios desta fauna, únicamente os responsables da súa xestión conforme a normativa autonómica”

 

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101892&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

“Se os Tecores desaparecen, o problema do xabaril vaise multiplicar”

Fernando Rois é un cazador curtido, con anos de caza ás súas costas e tamén con experiencia na xestión cinexética, xa que leva anos á fronte do Tecor da Ulloa, que abarca os concellos de Palas de Rei e Monterroso (Lugo). Ademais, é o presidente da Asociación de Tecores Galegos, Ategal, que naceu a comezos do 2020. Falamos con el do problema do xabarín e abordamos outras cuestións de actualidade, como a prohibición da caza do lobo ou a redución das poboacións de perdices e coellos nos montes galegos. -Como valoran a situación actual dos tecores na xestión do xabaril? -Os tecores estamos pasando un momento difícil, unha auténtica persecución. O problema do xabaril é responsabilidade da Administración. Os cazadores levamos tempo aportando solucións para a súa xestión, pero non se están a ter en conta. En Ategal imos estar sempre ó lado dos agricultores e gandeiros, xa que non poden estar sufrindo os danos do xabaril como veñen facendo. Os cazadores non somos o problema, senón a solución para a xestión do xabaril. Nós non creamos o problema do xabaril e agora parece ser que nos queren facer os únicos responsables. Responsabilízannos dos accidentes e dos danos. Tanto para Administración como para os gandeiros parece que os únicos responsables foramos os cazadores.
“Os cazadores non creamos o problema do xabaril e agora parece ser que nos queren facer os únicos responsables dos accidentes e dos danos a cultivos”
-As últimas sentencias xudiciais de danos provocados por especies cinexéticas fallaron a favor dos denunciantes e resolveron que son as sociedades de caza, como a de Xermade, as que se deben facer cargo deles, ¿como recibiron estas sentencias? -Non podemos deixar un problema como o actual en mans dunha das partes implicadas, os agricultores. Nós temos claro que eles tampouco teñen a culpa de que a Administración non vira vir o problema xa hai uns anos e que non actuara para atallalo. O que non se entende é que agora sexamos os cazadores os responsables. Os tecores xa levábamos tempo advertindo que a poboación de xabaril en Galicia se estaba desmandando e mentres, vivimos unha persecución da Administración con medidas como as cotas ou o cobro dos precintos... Os gandeiros deberan ser conscientes de que se os tecores desaparecen o problema vaise multiplicar. -Cre que se está responsabilizando en exclusiva ós Tecores? -Os tecores non creamos este problema. Nós estábamos moi ben como Coto Privado de Caza, xa que xestionábamos a caza menor e se había xabaril faciamos unha batida por danos. A Administración foi a que lle pasou o problema ós tecores, ó pasar a ser os responsables da caza menor e maior. O problema é que na caza maior quen a continúa administrando é a propia Administración, posto que houbo momentos nos que se solicitaron batidas e non se autorizaron, así como tamén houbo épocas nas que había moita poboación de xabaril e non se aumentaban os cupos anuais.
“Levar ós tecores ó xulgado non é a solución, temos que procurar acordos entre todos, non ten sentido enfrontarnos entre nós”
-Tanto desde Aperfasa como dende Unións Agrarias apuntan que as denuncias cursadas contra os tecores reclamando compensacións polos danos buscan facer reaccionar á Xunta e facer fronte ás perdas que lles supón o xabaril. Agardan resposta por parte da Xunta? Abordaron a cuestión coa Consellería? -Agricultores e tecores temos que ir da man. Se hai danos debemos facer unha fronte común para que a Administración reaccione. Dende Ategal estamos abertos a reunirnos coa Consellería para tratar de buscar solucións entre todos, de feito xa temos solicitada unha reunión coa conselleira, quen nos consta que ten intención de abordar a problemática. Agora temos que sentarnos e comezar a traballar entre todos. En Galicia temos o problema de que ninguén defendeu nunca ós agricultores nin ós cazadores. Facían a uns culpables por botar millo e ós outros por cazar xabaril. A Administración é a responsable de que esteamos como estamos. Levar os tecores ó xulgado non é a solución, temos que procurar acordos entre todos, non ten sentido enfrontarnos entre nós. Dende Ategal estamos dispostos a reunirnos cos sindicatos, a Conselleira e distintas entidades que poidan aportar solucións á situación actual e ós danos que se están a sufrir. Cómpre empezar a traballar xa. -Algúns tecores como o de Dozón (Pontevedra) xa anunciaron que valoran excluír aquelas parcelas de explotacións que os denuncien por danos. Creen que esta medida se pode estender a outros tecores? -Os tecores teñen que defenderse, pero eu pediríalle que non exclúan as fincas que nos denuncien, porque temos que defender a eses agricultores, temos que permanecer ó seu lado. Un agricultor non pode sementar unha leira de millo e que o xabaril lla coma toda, haberá que indemnizalo con prezos xustos. Por agora recomendamos evitar esas medidas de presión, porque en canto se exclúan zonas o problema vai ser maior para eses gandeiros. Entendemos que, ás veces, os cazadores séntense marxinados polos gandeiros, xa que tentamos solucionarlle un problema que están a ter e, como presión á Administración, rematan pagándoo co tecor. -Tense proposto tamén que os tecores aporten unha taxa anual ó fondo de corresponsabilidade da Xunta para facer fronte ós danos por xabaril. Apoian esta medida? -Temos que ter reunións para buscar solucións. Os cazadores non podemos ser os que carguemos con tódolos gastos. Nós xa estamos pagando as licenzas, as hectáreas que temos acotadas, as pólizas de vehículos, os danos ós cultivos... Os tecores non imos dar soportado todos eses gastos.
“En Galicia, a caza non busca o beneficio económico, senón que son tecores sociais, co que os ingresos son mínimos e xa estamos a ter importantes gastos”
-Está en perigo a viabilidade das sociedades de caza? -Dende logo. Se esta situación se mantén, moitas das sociedades de caza van rematar por desaparecer. Poderán manterse nas zonas de alta montaña, pero naquelas comarcas con cultivos non poderán manterse polos custos que lles reclaman. En Galicia, a caza non busca o beneficio económico, senón que son tecores sociais, onde cazan os propietarios dos terreos, co que os ingresos son mínimos e xa estamos a ter importantes gastos. Ó ano pagamos uns 6.000 euros por responsabilidade civil, outros 2.000 euros en taxas, xunto coas licenzas dos cazadores e por se fora pouco agora tamén nos fan pagar os precintos ós xabarís que cazamos. Con todo o que nos fan pagar, xa podería a Administración destinar unha parte para ese fondo de corresponsabilidade e non pedir un pago a maiores. -Que medidas cren que se poderían aplicar para que o xabaril non siga a ser un problema para moitas ganderías? -Temos o fondo de corresponsabilidade que aínda non chegou a poñerse nunca en marcha. Todos teremos que asumir os custos, non só unha das partes implicadas. Ademais temos outras medidas que lle trasladaremos á Conselleira cando nos reunamos con ela.

“Do Douro para o norte, o lobo non debe ser unha especie protexida e que non se poida cazar por danos”

-Este ano tamén se revisou a xestión do lobo en España e está previsto que quede restrinxida aínda máis a caza do lobo por danos a partir do 25 de setembro. Que opinión teñen ó respecto dende Ategal? -Nós dixémolo xa dende que se comezou a debater esta cuestión: o lobo do Douro para o norte non debe ser unha especie protexida e que non se poida caza. Como todas as comunidades tiveron o mesmo peso á hora de decidir sobre esta medida, tiveran ou non presenza de lobo, tamén coido que se cadra agora era interesante levarlles a metade das mandas que temos nos territorios que convivimos co lobo para estas rexións e que saiban o que é. Non ten lóxica que puideran decidir a xestión que imos facer as comunidades que temos lobo aquelas que non teñen. Estamos a favor dunha regulación do lobo, pero non se pode permitir que de novo os gandeiros sexan os prexudicados. -Á marxe da caza maior, especies como o coello ou a perdiz están a sufrir un retroceso nos últimos anos? Hai coellos nos montes galegos? -A caza menor é moi difícil recuperala, aínda que os tecores están facendo un esforzo moi importante. Cambiaron os cultivos, agora non hai aquelas leiras de trigo ou centeo que había hai anos e que permitían sobrevivir ás perdices bravas. Noutras zonas de España, o coello está a ser unha auténtica peste, pero en Galicia está a ser moi difícil garantir que os haxa no monte. Os tecores levan investido moitos cartos en repoboacións, creacións de biotopos, desbroces para facilitar a súa recuperación, pero non houbo unhas directrices claras sobre as que traballar para a súa recuperación. Non se contemplaron medidas de maior impacto como a ordenación do territorio ou a investigación para crear vacinas coas que combater a mixomatose ou a hemorraxia vírica.
"O xabaril é un dos grandes depredadores da perdiz, pois arrasa as postas de ovos que hai no chan"
Outra das causas de que non haxa coellos e perdices bravas no monte é que en Galicia non se fai un control dos depredadores. O único que están facendo os tecores coas soltas de coellos e perdices é proporcionar carne para depredadores como a marta ou os visóns. Na perdiz, un dos grandes depredadores é o xabaril, que arrasa os ovos que pon no chan. - Que propostas teñen previsto levar a cabo a curto prazo dende Ategal? -Nós somos unha asociación sen moitos recursos económicos. As actividades van estar orientadas a reunións cos tecores e a poder axudar ós cazadores a defender os seus dereitos.

Balance do primeiro ano de Ategal

- Cantos tecores integran Ategal? -Agora mesmo a asociación integra 53 tecores de Galicia, pero é un número que agardamos que se incremente, xa que aínda non fixemos a campaña de captación de socios. -Xurdiu con presencia nas 4 provincias? -Si, nestes momentos temos tecores das 4 provincias. - Con que obxectivos crearon a asociación? -Ategal nace co claro obxectivo de defender os intereses dos cazadores, tecores e da caza en xeral. Os presidentes dalgúns tecores sentíamos que os tecores non estábamos representados nun momento difícil para a caza como o que estamos a vivir nos últimos anos. Na Administración xa vimos tamén que non se estaban a defender os intereses xerais dos cazadores, senón que en moitos casos atendían a intereses propios. Somos unha asociación sen ánimo de lucro e que non imos pedir subvención de ningún tipo, para así poder manternos desvinculados do poder, xa que ó recibir axudas das Administracións, logo rematas coas mans atadas. Sustentarémonos coas achegas dos socios. - Como foi este primeiro ano de traxectoria? -O primeiro ano foi duro, xa que acabábamos de empezar cando apareceu o Covid-19 e tivemos que facer fronte xa a diferentes conflitos, como a autorización da Administración para cazar e saltarse o confinamento a aqueles cazadores que tiveran a tarxeta federativa. Loxicamente non apoiabamos que unha entidade puidese vender estas tarxetas para librarse das limitacións de movemento que outros cazadores estabamos a ter. Nós defendemos que tódolos cazadores debéramos ser tratados de igual xeito. Así, a asociación naceu coa intención de defender os intereses xerais de tódolos cazadores, non só dos que están asociados a Ategal.

A Fruga recibe múltiples queixas por danos de corzos en viñedos

Dende a Federación Rural Galega (Fruga) veñen de denunciar novos danos nas zonas vitícolas ocasionados, desta vez, por corzos. A proclama da Federación súmase ás queixas fronte a Consellería de Medio Ambiente a propósito dos danos ocasionados o ano pasado polo xabaril. A FRUGA reclama que a Consellería aínda non abonou aos viticultores as indemnizacións dos estragos do ano 2020 e que, xunto aos do corzo, <<están a provocar moitos perxuízos na economía e no correcto funcionamento das explotacións agrarias>>, explica Xurxo Álvarez, o presidente do colectivo.

Unha proclama colectiva

Adiantan, tamén, que están a elaborar un escrito formal que apremie á Consellería a <<cumprir cos compromisos adquiridos>>. En canto ao corzo, dende a federación están a constatar un ascenso sensible dos danos provocados polos corzos nas zonas de viñedo enmarcadas nas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Engaden que tanto no mes de abril, como no de maio, moitos labregos e labregas canalizaron as súas queixas a través da FRUGA. Nese escrito formal, os asociados piden que o corzo se considere fauna potencial causante de estragos nas explotacións agrícolas. Deste xeito, pedirán á Consellería que amplíe as axudas para abranguer tamén os desperfectos ocasionados por este cérvido.

Os brotes tenros de explotacións ourensás, os máis afectados

A maioría dos danos reportados á FRUGA aconteceron en explotacións situadas na provincia de Ourense, tendo especial incidencia nos meses de marzo, abril e maio. Estes meses son nos que se produce a floración e a brotación, polo que os follatos das vides están mais tenros e son mais apetecíbeis para o corzo. Isto ten unha repercusión significativa, ocasionando grandes perdas na produción de uva. <<Pola nosa experiencia e tamén polo que nos transmiten as persoas profesionais do sector, os danos causado por esta especie descenden drasticamente a partires do mes de xuño e, en consecuencia, as perdas redúcense considerabelmente>>, engade Xurxo Álvarez.

Convocadas as axudas para a prevención de danos pola fauna salvaxe

A Consellería de Medio Ambiente publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para a prevención de danos causados pola fauna salvaxe, en concreto os ataques do lobo, oso e xabaril.

As axudas para evitar os danos do lobo e o oso poderán ser solicitadas por ganderías de bovino, ovino, cabrún, porcino de raza Celta, equino e apícola que figuren inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Reaga) de Galicia. Para as axudas destinadas á prevención dos ataques do lobo hai un orzamento de 300.000 euros, dos cales 200.000 destinaranse á adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores e cerrumes móbiles de malla electrificada e os 100.000 restantes serán para a instalación de valados fixos. A liña de axudas centradas no oso ten unha dotación de 30.000 euros para a adquisición de pastores eléctricos.

No caso das axudas para previr os danos do xabaril, poderán ser solicitadas por agricultores e gandeiros inscritos no Reaga, así como por persoas con explotacións agrarias destinadas ó autoconsumo. Para estas subvencións hai un orzamento de 150.000 euros para mercar pastores eléctricos.

Coantías para as medidas preventivas

En concreto, a orde contempla que se subvencionará a adquisición das seguintes medidas de protección para o gando e cultivos:

-Cans para a protección e defensa do gando, ata un importe máximo de 500 euros por can.

-Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 euros.

-Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 euros por malla de 50 metros, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

-Adquisición de valados fixos electrificados. O importe máximo da axuda será de 3 euros por metro lineal ata un máximo de 1.500 euros por valado.

-Valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. A contía máxima da axuda será de 3,70 euros por metro lineal ata un máximo de 3.700 euros por valado.

As persoas interesadas poderán solicitar as axudas ata o próximo 15 de febreiro. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A Xunta destinará máis de 2,6 millóns a axudas para compensar e previr os danos da fauna silvestre

O Goberno galego destinará o próximo ano un total de 2,63 millóns de euros á concesión de axudas para previr e paliar os danos ocasionados pola fauna silvestre. Esta contía mobilizarase a través de catro liñas de subvencións públicas diferentes. As medidas inclúense nun informe da Consellería de Medio Ambiente presentado no Consello da Xunta celebrado este mércores. As subvencións convocaranse de forma escalada ao longo das vindeiras semanas. Segundo as estimacións de Medio Ambiente en base ás convocatorias anteriores e ó orzamento dispoñible, prevén conceder arredor de 3.000 axudas a propietarios de explotacións gandeiras (incluídas as apícolas) que poidan sufrir ataques de lobos ou osos, e a titulares de explotacións agrícolas profesionais ou de autoconsumo afectadas polo xabaril. A convocatoria do próximo ano contará cunha partida de 646.224 euros para paliar os danos producidos polo lobo, o que supón un incremento do 61,5 % respecto aos 400.000 euros que se destinaron a esta liña en 2020. As contías concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade, oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre 2 e 6 anos de idade. Estes importes poderán incrementarse nun 30 % en determinados concellos indicados na propia orde e nun 10 % no caso daquelas ganderías en que se teña comprobado a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable. Tamén serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e animais abortados como consecuencia dos ataques.

Axudas de ata 2.000 euros por danos do xabaril

En canto á orde de axudas para paliar os danos dos xabarís sobre os cultivos agrícolas, o ano que vén resérvanse para este programa 1.447.300 euros. As contías das subvencións que se concedan dependerán da superficie afectada e poderán chegar ata un máximo de 2.000 euros por beneficiario. Deste xeito, increméntase o importe límite que no 2020 estaba fixado en 1.700 euros. Outra das novidades do paquete de axudas fronte á fauna salvaxe para 2021 é que haberá orzamento reservado para previr e paliar os danos causados polo oso pardo, circunstancia que afecta principalmente á provincia de Lugo. Sacarase por primeira vez unha liña específica con 60.000 euros para estes danos. As contías variarán en función das especies afectadas e, no caso concreto das explotacións apícolas, dos elementos danados da alvariza e do grao de afectación. Tamén se compensarán os danos ocasionados polo oso aos rolos de herba. Haberá unha indemnización de 30 euros por rolo completo e 10 euros polo plástico envolvente.

Prevención fronte ao lobo, o xabaril e o oso pardo

No 2021 tamén se convocará unha nova orde de axudas para previr e evitar os danos derivados dos ataques da fauna silvestre. Esta liña estará dotada con 480.000 euros fronte aos 350.000 da orde de 2020, o que supón un aumento do 37 %. Desta contía, 300.000 euros reservaranse para danos causados polo lobo. Concretamente, destinarán 200.000 euros para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada, e 100.000 euros para a compra e instalación de valados fixos. Outros 150.000 euros da orde de axudas de prevención irán para tratar de evitar os danos provocados polos xabarís. A principal novidade é que se inclúe unha partida de 30.000 euros para a compra de pastores eléctricos co fin de protexer do oso pardo as explotacións apícolas. Neste caso, terán preferencia aquelas granxas que xa teñan experimentado danos previos e estean situadas nos concellos da zona oseira e a súa área de influencia (Baleira, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Rubiá, Samos, Triacastela e Vilamartín de Valdeorras). En canto á contía das axudas para prevención de danos producidos pola fauna silvestre, calcularanse en función dun baremo fixado na propia orde atendendo a diferentes aspectos. En todo caso, as axudas poderán ser de ata 500 euros por can protector do gando; ata tres pastores eléctricos e 600 euros ou ata oito mallas e 800 euros por explotación. No caso de valados fixos electrificados, subvencionarase un máximo de 2 valados cun importe de ata 1.500 euros cada un, mentres que para os valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica a axuda cubrirá ata dous valados por un importe máximo de 3.700 euros. Tres dos catro programas de axudas en materia de indemnización e prevención de danos da fauna silvestre para o ano 2021 convocaranse nas próximas semanas, mentres que a liña reservada ás indemnizacións polo oso pardo non sairá previsiblemente ata o mes de marzo. A Xunta publicará as axudas de prevención e as dos danos do lobo e do xabaril por anticipado de gasto, para cubrir así os dous períodos críticos para o sector: a sementeira e a recollida do millo.

O xabarín intensifica os estragos nas semanas previas ó ensilado do millo

Coa colleita do millo próxima, van aparecendo por toda Galicia fincas arrasadas polo xabaril. Agroman as parcelas onde as mandas causan estragos, malia que moitas veces se empreguen métodos para tentar evitalos, como cercados eléctricos ou sistemas disuasorios. Gandeiros e organizacións agrarias reclaman medidas para atallar as incursións nas semanas previas á recollida, que se suman ás que xa se detectaran na sementeira, cando algúns produtores tiveron que sementar varias veces. Os danos da fauna están mesmo reducindo a superficie cultivada de millo en comarcas coma Deza ou Chantada.
“Seguimos na mesma dinámica de tódolos anos, cada vez hai máis xabaril, menos cazadores e menos millo” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)
“Seguimos na mesma dinámica de tódolos anos, cada vez hai máis xabaril, menos cazadores e menos millo”, explica Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias. A organización xa propuxo o ano pasado cambiar o marco legal actual a través da Iniciativa Lexislativa Popular, de xeito que a Xunta asumise a xestión do xabaril e se responsabilizase dos danos ocasionados, proposta que foi rexeitada. “Precisamos que se centralice a xestión dos danos para que coordinen as accións dun xeito resolutivo e eficaz, xa que o sistema actual non está a dar resultados”, puntualiza. As perdas causadas polo xabaril engádense á redución da colleita que se prevé para este ano, tanto en cantidade como en calidade, logo da seca dos meses centrais do verán. As primeiras estimacións realizadas por Unións Agrarias apuntan a que a colleita se reducirá nun 30% por mor da falta de humidade. “As chuvias chegaron moi tarde para moito millo”, detallan dende a organización agraria. Desfeita causada polo xabaril nunha parcela de Catasós (Lalín).

Atopar o millo arrasado

Gandeiros e agricultores temen nestes días achegarse ás leiras do millo e descubrir unha incursión da fauna. Tanto grandes extensións de cultivo como fincas próximas a núcleos urbanos ou pechadas con cercados eléctricos rematan sendo obxectivo das mandas do porco bravo. “Cando cheguei á finca xa vin que pouco me deixara de pé. Debeu entrar unha porca con cría e arrasou con case todo”, explica José Faílde, un gandeiro da parroquia de Catasós, en Lalín (Pontevedra), que en días pasados descubría a desfeita que lle causaron os xabarís nunha parcela dunha hectárea.
“Cando cheguei á finca xa vin que pouco me deixara de pé. Debeu entrar unha porca con cría e arrasou con case todo” (José Faílde, gandeiro)
No Deza e tamén na veciña Tabeirós, en zonas como Vea, as incursións están a ser frecuentes nestes días e son moitas as leiras, de pequenas e grandes dimensións, que acaban afectadas. A semana pasada, varios gandeiros decidían mesmo ensilar o millo, sen que acabase de criar e case cun mes de adianto, dadas as perdas que estaban a ter. Danos en San Andrés de Vea, na Estrada. As compensacións que se contemplan por parte da Administración polos danos no millo quedan moi lonxe do valor real do cereal. “A estimación que fixo o axente que avaliou os danos foi que me darían uns 300 euros, mentres que o ano pasado saquei desta finca 4 remolques co que serían uns 4.500 euros”, explica José Failde. “O millo dános moito traballo como para que termine botándose a perder deste xeito”, sentencia o produtor afectado. Os danos no millo e as forraxes a causa do xabaril supoñen de media entre un 5 e un 7% de sobrecusto para os gandeiros en Galicia, segundo as estimacións realizadas por Unións Agrarias. Calculan que supón preto duns 12 millóns de euros para os produtores galegos, que no sector lácteo é un custo adicional duns 0,4 céntimos de euro por litro de leite en perda de competitividade.

Ataques desde moi cedo este ano

O do porco bravo é un problema xeralizado por toda Galicia, sexa onde for a finca, o que está a desincentivar o cultivo de millo nos últimos anos e a condicionar o seu ciclo natural. Na zona de Portomarín, por exemplo, houbo ganderías que comezaron xa estes días tamén a ensilar, malia que a planta non se atopaba aínda no seu momento óptimo de maduración, para tratar deste xeito de salvar a colleita e minimizar os danos. Na Mariña, un dos lugares de Galicia onde tanto a sementeira como a recollida comeza máis cedo, os danos son cuantiosos este ano. Foi unha das comarcas que se salvou da seca, pero non do xabarín, que fixo estragos na colleita. "A afección é xeralizada por todos os sitios, tanto da Mariña como do occidente de Asturias, coa particularidade de que este ano o porco bravo xa comezou bastante cedo a atacar. Está a haber bastante problemática nesta campaña, máis ca outros anos, penso que se está a notar máis e desde máis cedo, porque a principios de agosto o xabarín xa estaba andando polas fincas", relata José Portela, de Comercial Agropres.
Está a haber bastante problemática nesta campaña, máis ca outros anos, e comezou a atacar máis cedo porque a principios de agosto o xabarín xa estaba andando polas fincas (José Portela, Agropres)
Malia todo, esta empresa, que serve mestura húmida a 60 ganderías da zona, descarta adiantar o comezo da campaña de recollida, que segundo as súas previsións arrincará na semana do 14 de setembro, xa que "se o millo non vai no seu momento óptimo perdes en materia seca e amidón, as calidades resíntense se adiantas". Coa decisión de agardar son conscientes tamén de que os danos aumentarán. "A caza empezou fai 15 días pero os danos xa están feitos e seguirán porque as nosas previsións son empezar a picar en dúas semanas e aínda haberá máis ataques, pero ata empezar a andar as fincas non sabes ata onde chegan os danos realmente porque non o ves todo", teme José. Máis ao sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada, Jorge Meiriño, da cooperativa Aira, relata tamén importantes danos. "Nunha finca de 8 hectáreas lindando con Carballedo nunha semana acabaron con ela, hai hectárea e media ou dúas hectáreas totalmente aplastadas por camas. Tiveron que ser dúas ou tres laradas para poder facer esa desfeita en poucos días", describe.
Nas zonas ás que vén o cocho non se aproveita nada e dá máis traballo para triturar e envolver o millo na terra, que non é doado (Jorge Meiriño, Aira)
O problema non son xa só as perdas económicas e da colleita de forraxe para o inverno, senón que o feito de que o millo estea tirado complica as propias labores de recollida. "En zonas ás que vén o cocho non se lle aproveita nada e hai que trituralo ou senón pasarlle uns ganchos para arrimalo para as beiras, porque o problema agora aínda é envolver ese millo, que non é doado", asegura.

As primeiras cacerías

O tempo fresco destes últimos días foi un aliado importante nas primeiras cacerías de xabaril, despois de que se iniciase a tempada o pasado día 22. “As chuvias e a baixada de temperaturas fixeron que tanto o número de cazadores que foi ó monte nestas primeiras xornadas como o de animais abatidos fose maior que o doutros anos”, apunta Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega).
“As chuvias e a baixada de temperaturas fixo que o número de cazadores que foi ó monte nestas primeiras xornadas fose maior e tamén que aumentasen os animais abatidos”, Antonio Mota, Unitega
A Sociedade de Caza de Lalín corrobórao cos 15 exemplares capturados o pasado sábado por 5 das 6 cuadrillas que conforman a entidade. “Foi unha xornada con moi bos resultados para o que adoita ser esta época do ano, onde as altas temperaturas dificultan moito a caza”, explica Julio Mariño, presidente do colectivo. Recoñece que nestes días previos á colleita do millo están a recibir numerosas solicitudes por parte de produtores afectados para facer batidas. “Non damos atendido a tódolos puntos nin é doado anticiparse ós danos, xa que o xabaril, agás cando está con cría, é un animal moi itinerante”, detalla Mariño. Na entidade constatan, ademais, un incremento das capturas nos últimos anos. Nun repaso polas cifras manexadas nos 4 anos da actual directiva, as capturas pasaron de 160 na tempada de 2015 a 322 o pasado ano. “Todo apunta a que este ano tamén se incrementará o número de exemplares que cacemos”, indica Mariño. Ademais, a este número deben engadírselle os animais que morren tras ser feridos en cacerías, pero sen chegar a ser capturados polos cazadores, así como as baixas derivadas de accidentes de tráfico ou mesmo da caza furtiva. En Lalín xa fixeron varias batidas por danos na colleita do millo no tempo da sementeira. “Daquela detectamos que eran porcas con cría e nas proximidades a vivendas, polo que foron batidas de dispersión, sen armas; só cos cans e conseguimos sacar os animais das leiras”, apunta o presidente da entidade.  

Os últimos cambios

Este ano, por primeira vez tamén están autorizados os axexos para cazar xabaril naquelas zonas que sufriran danos, unha modalidade que permite a caza de forma individual, con desprazamentos nas proximidades das fincas afectadas. “Os tecores deberan empezar a facer axexos, xa que pode ser unha medida eficaz para o control de danos, fronte a outras medidas como as batidas, que nos meses de verán están moi limitadas polas altas temperaturas”, detalla Feijoo. Porén, a medida parece ter pasado moi desapercibida no sector agrogandeiro e mesmo para os cazadores, que tampouco están a ter, polo momento moi presente esta alternativa. Ademais, aquelas primeiras experiencias tampouco resultan moi alentadoras. “Podes estar facendo axexos 3 noites seguidas sen que veña o xabaril e a cuarta, que non puideches ir, é cando eles veñen”, recoñece Mariño.
A autorización de axexos por danos do xabaril pasou desapercibida tanto no sector agrogandeiro coma entre os cazadores
Este ano tamén se eliminou a prohibición de caza nas zonas de adestramento dos tecores, que ata o momento servían como refuxio para a fauna nas cacerías, limitando así as capturas. Foi unha das peticións realizadas por parte de diversas organizacións, como a Sociedade de Caza de Lalín co apoio dos tecores da provincia, ó detectar a necesidade de incorporar estes terreos para conseguir resultados nas batidas. Esta medida súmase á eliminación dos vedados, aprobada a pasada tempada xunto coa ampliación da tempada de caza. “Agora falta por ver o efectivas que resultaron estas medidas. Nós cremos que se incrementaron as capturas en parte por estas medidas, pero a Administración debería avaliar se realmente están funcionando”, valoran dende Unitega. O colectivo de tecores de Galicia incide ademais na importancia de ter presente outras ameazas moi relacionadas co xabaril e que poden supor un gran dano para o sector gandeiro, como é a peste porcina africana.

Adiantan o ensilado do millo en ganderías do Deza debido ós danos do xabaril

Os continuos danos nas leiras de millo provocados polos xabarís están obrigando a gandeiros da comarca do Deza (Pontevedra) mesmo a adiantar o ensilado. Nalgúns casos, a recollida do millo estase facendo estando este aínda verde e co gran sen acabar de criar, con varias semanas de antelación ó previsto. “Ou o ensilábamos así ou xa non colliamos nada”, comenta Román Santalla, un dos gandeiros afectados e responsable comarcal de Unións Agrarias. No seu caso, Santalla optou por ensilar esta finca dunhas 2 hectáreas situada nas proximidades do lugar de Palio, en Lalín. “Estaba tan próxima ás casas da aldea que non pensamos que fora ir, pero ó ser sementada cedo hai moita diferencia con outras fincas de millo de arredor”, apunta. Barallou tamén a posibilidade de cerrala logo das primeiras incursións da fauna, pero finalmente desbotou esa opción. “Os cazadores dixéronme que estaban a ser ataques dunha camada, polo que aínda que a pechara os ranchos máis pequenos ían seguir entrando e a porca iría detrás”, explica. Así foi que, pese a que o millo precisaba aínda case un mes máis na leira antes do ensilado, optou por recollelo. Santalla non foi o único gandeiro da zona que optou por ensilar xa algunha finca debido ós danos causados polos xabarís. Na xornada de hoxe outro gandeiro de Méixome está ensilando unha parcela de 8 hectáreas de millo na que leva tempo sufrindo as desfeitas da fauna. Vídeo de ensilado en Méixome, no que se aprecian os danos causados polo porco bravo Ó igual que as fincas con millo para ensilar que foron sementadas máis cedo, tamén aquelas parcelas con variedades do país ou para a colleita da espiga están a sufrir importantes danos nos últimos días. “Hai moitas fincas de millo para a espiga que están quedando totalmente arrasadas”, apunta Santalla. Gandeiros e produtores reclaman á Consellería de Medio Ambiente un maior control desta fauna ante os constantes ataques mesmo en parcelas próximas a núcleos habitados e pechadas con peches eléctricos. En Lalín, está previsto que a Sociedade de Caza comece esta fin de semana as cacerías de xabaril. Leira afectada polos danos do xabaril en Lalín.