Archives

A Xunta organiza unha actividade formativa sobre materiais forestais de reprodución

A Escola Galega de Administración Pública (Egap) en Santiago de Compostela, acollerá o vindeiro día 28 deste mes unha actividade formativa promovida pola Xunta sobre produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución e dirixida aos axentes do sector que se dedican á produción e comercialización de sementes, plantas ou partes de plantas forestais. A acción está organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e nela abordaranse os distintos procedementos administrativos que son de obrigado cumprimento para os viveiros que obteñen materiais forestais de reprodución. Ao tempo, este evento pretende ser tamén un foro de encontro entre estes viveiros e os responsables da administración forestal con competencias nestas materias. A actividade desenvolverase en xornada de tarde, entre as 16 e as 20,30 horas. As inscricións para participar nesta acción formativa poden facerse no seguinte link: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro luns, día 25 de setembro.

A Xunta pon o viveiro Semfor de Carballo como exemplo da mellora da reprodución forestal

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asistiu ás xornadas de portas abertas nas instalacións do Viveiro Xunta de Galicia-SEMFOR, encargado do procesado de sementes forestais para a subministración a outros viveiros de Galicia. O motivo destas xornadas foi a adquisición dunha nova máquina de termotratamento de material forestal de reprodución -como as sementes e outras partes de plantas-, que permite que, mediante a utilización de auga quente, se poidan eliminar os patóxenos existentes nas sementes. Deste xeito, non é necesario empregar produtos desinfectantes e fitosanitarios no procesado do material forestal de reprodución e séguese contando cunha alta seguridade en canto aos resultados de limpeza fitosanitaria desta materia. Nestas xornadas, tamén se informou aos asistentes sobre os últimos traballos realizados polo viveiro na selección de mouteiras de distintas especies forestais de interese e das boas expectativas da colleita de froitos dos hortos de semente de piñeiro do país, cunha produción estimada de material controlado duns 370 quilogramos, e uns 52 quilogramos de semente cualificada.

A Xunta pretende recuperar os viveiros públicos con fins produtivos e divulgativos

Visita de José Luis Chan ao viveiro de Os Trollos, en Bóveda, o pasado 11 de xaneiro A finais do ano 2021, o Consello da Xunta aprobaba a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia. Un dos obxectos enmarcados nese documento de planificación do sector forestal até 2040 é o desenvolvemento de distintas actuacións nas instalacións dos viveiros públicos da comunidade co obxecto de adaptalos ás necesidades actuais e preservalos como lugares axeitados para proxectar o traballo realizado en materia de conservación e mellora xenética forestal  a través dunha rede de parcelas de alto valor xenético repartidas pola comunidade. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento galego que a Xunta proxecta investir 200.000 euros ao ano ata 2027 nos distintos viveiros públicos para recuperar a súa capacidade produtiva e  reconvertelos con fins divulgativos.
O rexurdimento dos viveiros públicos proponse como complemento e non como competencia aos viveiros privados
“Estes viveiros públicos son instalacións que veñen de hai moito tempo, algúns proceden dos anos 50, cando se dedicaban a producir planta para as repoboacións. Pero a medida que o sector privado foi desenvolvendo a capacidade de producir planta, esta actividade dos viveiros públicos foi decaendo para non supoñer competencia aos viveiros privados”, explicou. “Agora queremos recuperar a actividade destes viveiros, adaptando as instalación ás necesidades actuais, pero sendo sempre respectuosos coa actividade dos viveiros privados. A intención é a conservación in situ dos materiais xenéticos e cando estean plenamente operativos queremos engadirlles unha función divulgativa”, indicou. Divulgar o proceso da produción de semente e a repoboación no monte “Até o momento puxemos en marcha tres viveiros, en Oroso, Oleiros e Guitiriz. Levamos investido medio millón de euros e a idea e acadar en 2027 o millón de euros, a un ritmo de 200.000 euros anuais. Este ano vaise arranxar un edificio singular que hai en San Breixo (Guitiriz) cun investimento de 70.000 euros, e levaranse a cabo actuacións de rodalización e silvicultura nos Trollos (Bóveda)”, detallou José Luis Chan. No ano 2027 pecharase esta recuperación dos viveiros de titularidade autonómica que a Xunta inscribe nun proxecto máis amplo. “Non é unha actuación illada, senón que compón un tres pés formado polo noso centro de produción de semente no sequeiro de Carballo, os viveiros públicos e os montes xestionados pola Administración Galega, permitindo conservar deste xeito o acervo xenético forestal de múltiples especies”, defendeu. A intención da Xunta é que estes tres elementos poidan ser visitables. “Esperamos en 1 ou 2 anos comezar a facer labor divulgativa e de formación, con roteiros autoguiados e poder ofrecerlle actividades educativas e divulgativas aos colexios para que os máis pequenos participen en actividades de plantación de sementes e árbores”, indicou. Produción testemuñal de planta A Xunta non quere que a recuperación dos viveiros de titularidade autonómica supoña competencia algunha para os viveiros forestais privados que existen en Galicia, polo que a produción de planta nos viveiros públicos será “testemuñal”, en palabras do director xeral. A produción de planta estará unicamente dirixida a cubrir as necesidades de reforestación en montes xestionados pola Administración galega e outras repoboacións públicas efectuadas por exemplo nas faixas cortalumes arredor dos núcleos de poboación ou doazóns para plantacións simbólicas como as realizadas con motivo do Día da árbore.
Produciránse entre 17.000 e 20.000 plantas de frondosas autóctonas ao ano e establecéronse rodais de piñeiro radiata
Outra das funcións sería tamén a de subministrar material ao Sequeiro de Carballo para a produción de semente, así como aos distintos viveiros privados que a soliciten. “Leváronse a cabo instalacións de hortos de sementes afondando na coordinación co centro de produción de sementes que temos en Carballo para a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais e a reprodución de sementes de especial interese”, indicou. O viveiro de Bóveda dirixirase a masas de frondosas, cunha produción anual obxectivo de entre 17.000 e 20.000 plantas. As especies producidas centraranse no carballo, cerdeira, rebolo, bidueiro, freixo, acebo, pradairo, faia ou aliso. Nas parcelas das que dispoñen os distintos viveiros públicos establecéronse tamén rodais de pino radiata de alta calidade que producirán material para semente. Mediante unha rede de parcelas de alto valor xenético e xestión de materiais de base que preténdese asegurar a calidade do material forestal xenético subministrado, fixando como indicador a creación dun total de 20 parcelas no período 2021-2025.

Obxectivos específicos para cada centro

José Luis Chan detallou na Comisión de Agricultura do Parlamento as funcións específicas que teñen reservadas para cada un dos viveiros públicos, cunha especialización en función da súa ubicación ou o tipo de especies que albergan:  
  • Bóveda (Os Trollos): formado por 30 hectáreas de superficie entre as que se encontra un importante arboreto que ten máis de 80 especies, froito dunha actividade de máis de 70 anos de traballo no centro. “É unha referencia polas especies que ten”, destacou José Luis Chan, que defendeu que “debería ser un centro de referencia para a xestión de masas de frondosas, así como para desenvolver protocolos na loita contra pragas e doenzas”. A maiores, e estableceuse un horto sementeira de pino pinaster, réplica doutro existente en Soria. “É unha especie que se adapta ben ao interior de Galicia”, dixo.
  • Oleiros (Santa Cruz): superficie total 6 ha, das que 4,5 son hectáreas de cultivo, con variedades galegas de castiñeiro, pradairo e cerdeira (5 clons desenvolvidos en Lourizán), así como unha parcela de ensaio de freixo e outra de alto valor xenético de carballo. “Imos instalar outro campo in vitro de bidueiro procedente de Lourizán e o viveiro limita cun regato, polo que se fará unha representación do bosque de ribeira, do bosque atlántico e do bosque mediterráneo”, adiantou.
  • Oroso (A Falmega): ten case 16 hectáreas, das que arredor de 14 están destinadas a cultivo. Sobresaen os clons de castiñeiro para poder subministrar aos viveiros privados, e tamén a súa colección de chopo e cerdeira. Produce planta para a zona máis próxima á costa. “Investiuse na creación de 2 invernadoiros para poder endurecer a planta durante 1 ou 2 anos e instalouse un horto sementeiro de pino radiata, que esperamos que en 2-3 anos empece a producir piñas e sementes a viveiros privados de Galicia”, explicou.
  • Guitiriz (no monte veciñal de San Breixo). En 2019 renovouse o acordo coa Comunidade de Montes por 30 anos. Dispón de 19 hectáreas de castiñeiro e pseudotsuga. Produce planta para a zona interior.
  • Pereiro de Aguiar (A Chaira): composto por 11 ha. Ten campos de castiñeiro. A súa ubicación permite utilizalo para produción de planta de clima mediterráneo. “Interésanos ter unha instalación que se adique a esas plantas”, destacou José Luis Chan.

“En planta de albariño, godello ou mencía somos un referente pola nosa calidade”

A empresa Viveros Vedo, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), é un referente en Galicia na produción e venda de vides de variedades autóctonas galegas. Á súa fronte, á espera de que tomen o relevo as novas xeracións, está Benjamín Vedo Núñez, que con 80 anos dá mostra dunha vitalidade e paixón polo seu oficio, que explican que sexa un auténtico referente no sector.

En Viveros Vedo acumulades 70 anos de experiencia na produción e venda de vides, algo do que poucas empresas poden presumir. ¿Como te iniciaches neste sector?
O meu pai Manuel Vedo Álvarez, foi o que puxo en marcha o viveiro, e eu collín o relevo cando tiña 30 anos; é dicir, hai uns 40 anos. Neste tempo fun introducindo todas as innovacións, de forma que hoxe malia que somos un viveiro pequeno, contamos cunhas instalacións modernas que nos permiten ofrecer planta da mellor calidade con todas as garantías fitosanitarias.

Así, puxemos en marcha un campo de cepas nais, facemos xemas para clons certificados, temos regadío por goteo soterrado, unha pequena cámara de calor para inxertar, e colaboramos cos centros de investigación para introducir as últimas innovacións.

Neste momento, contamos cunha parcela de 1,5 hectáreas onde temos as plantas nais, todas certificadas e sobre patróns Richard 110 e 196-17 Castel. Tamén dispoñemos doutros patróns como Paulsen 1103 e o S04. Ademais, contamos cunha finca de 3 hectáreas onde facemos a plantación, sempre con variedades certificadas.

“Os primeiros viveiros de vide de España puxéronse en marcha en Vilamartín de Valdeorras”

¿Por qué nesta comarca de Valdeorras se concentran os viveiros de vide de Galicia?
Na zona de Vilamartín de Valdeorras había moitos viveiros, fomos pioneiros en España, e exportábase planta de vide para toda España. O que pasa é que non se innovou como se debería e os viveiros de Valencia e de Navarra foron tomando a dianteira.

Por qué se implantaron aquí? Creo que empezou hai uns 150 anos por un tal Ferrandis, un home nado en Valdeorras pero que estivo emigrado polas Américas.

Daquela houbera a praga da filoxera, que arrasara os viñedos en toda a comarca, ao igual que no resto de Europa, e había que empezar a plantar todo de novo empregando outros patróns. Foi así como el comezou co viveiro en Vilmartín de Valdeorras, e logo tamén se fundaron outros na Rúa, en Viloira e no Barco.

¿Cales son as variedades que máis vos demanda o mercado?
O que máis plantamos e vendemos é Godello, Treixadura, Albariño, e tamén inxertamos moita mencía. Despois temos as castes minoritarias, como Caiños, Merenzao, Sousón, Brancellao..etc. E tamén facemos e vendemos planta de variedades foráneas como Tempranillo, Cavernet, Merlot…

O noso mercado está en toda Galicia, pero tamén comercializamos algo en León e Valladolid e facemos algúns envíos para Italia, sobre todo da variedade Godello.

En todo caso, a maior parte da demanda correspóndense a Godello, Albariño e Mencía, e as outras vanse vendendo pero sen moito incremento.

¿Que garantías lles ofrecedes aos viticultores?
Nós damos todas as garantías na planta de primeira. Depois quedan segundas ou terceiras, pero iso xa non é como a primeira e non ten as mesmas garantías. Cando vendemos para as plantacións vai todo co seu pasaporte fitosanitario, e con todas as garantías.

A veces os erros dos viticultores, como non regar as plantas cando o precisan e non darlle os tratamentos, pagámolos os viveiristas, que en xeral creo que o facemos ben.

“Os viveiros de fóra non ofrecen a calidade nas variedades galegas que ofrecemos nós”

¿Incorporades o tratamento con calor para previr as enfermidades da madeira?
De momento non, porque vexo que as estacas quedan moi paradas e a planta non tira tan ben. Nós de momento non o facemos e cando o esixan incorporarémolo.

Tamén estades a colaborar co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na recuperación das variedades galegas de oliveira….
Estamos colaborando co CSIC para propagar as variedades autóctonas de oliveiras galegas, en concreto a brava e a mansa. Este ano estamos facendo a plantación, e en dous ou tres anos teremos xa a venda as variedades para comercializalas con todas as certificacións. Tamén vendemos variedades foráneas de oliveira como a arbequina, picual, cornicabra…etc.

Que vos fai competitivos fronte aos grandes viveiros valencianos, de Navarra ou portugueses?
Os viveiros de fóra veñen coller aquí xemas de Godello, Mencía e o mesmo do Albariño, pero lévanas sen clasificar e non teñen as mesmas garantías que ofrecemos nós. Por iso nós somos moito máis competitivos en calidade, e incluso en prezo.

Como ves a situación actual da viticultura en Galicia?
Vexo moito futuro no sector do viño en Galicia. A febleza nosa é que as nosas bodegas son moi pequenas e iso réstalles competitividade fronte aos grandes grupos foráneos. Tamén nos queda por mellorar todo o que é o enoturismo e en definitiva o coidado da paisaxe vitícola e das adegas para que sexa tamén un atractivo turístico.

O problema é que a xuventude do rural moitas veces non ve este gran potencial que ten diante dos ollos e prefire o diñeiro rápido de ir traballar ás canteiras ou a outro sitio. E logo veñen os de fóra facer o negocio coa nosa viticultura.

Con 80 anos, que che motiva máis para seguires con tanta ilusión no teu traballo de viveirista?
Motívame todo. Se tivera vinte anos menos metíame noutras innovacións, a facer planta, a facer un viveiro máis grande, macetar planta, facer reparto de planta de temporada…etc. Hai moito percorrido, pero iso queda para os veñan.

Aquí sempre hai posibildade de traballo e é unha mágoa que a xente nova non vexa as oportunidades. Teño un neto que me gustaríame que continuase co viveiro.

“Optimizando a produción, na superficie actual de eucalipto poderían incrementarse un 30% as cortas de madeira en Galicia”

Santiago Rodal Del Río (Poio, 1972) é unha persoa de recoñecido prestixio no sector forestal. Durante os últimos 20 anos foi o responsable dos viveiros de Ence e acaba de incorporarse ao equipo de Viveiros Mañente para reforzar a área de produción de planta e asesoramento a clientes. Analizamos con el as perspectivas de futuro do monte galego. – Como foi a actividade nos viveiros nesta campaña marcada polo anuncio da moratoria ao eucalipto da Xunta? – Pois frenética. A moratoria colleunos co pé cambiado a todos. Houbo máis demanda de planta que oferta no mercado. Era imposible atender todas as solicitudes dos propietarios pero eu creo que houbo moita confusión e que algúns propietarios non se deron de conta de que a plantación de eucaliptos xa estaba regulada antes da moratoria en moitos aspectos. Hai que lembrar que non se podía, por exemplo, plantar eucaliptos en terreos agropecuarios ou eliminar frondosas para plantar eucaliptos. Houbo un grande desconcerto que nos volveu tolos a todo o sector, queríanche levar a planta do viveiro con dous centímetros, sen a calidade debida. – A moratoria tivo entón un efecto contrario, pois no canto de lograr reducir as plantacións de eucalipto potenciounas. – En certa medida si. A xente asustouse porque a partir de agora non se vai poder ampliar a superficie de eucalipto, pero eu estou bastante de acordo coa moratoria, porque creo que a superficie que hai a día de hoxe dedicada a eucalipto en Galicia é suficiente, o que hai é que optimizala. A min, que viaxo moito en coche por Galicia e por Asturias, o que me dá moita pena é atoparme montes de eucalipto abandonados. É un fenómeno que xa se está dando, sobre todo na provincia de Pontevedra e en Asturias. Ves que hai montes nos que non se fai selvicultura e non se aposta por material xenético de calidade. Ese monte non é produtivo e iso é o que non ten sentido. Insisto, cultivemos o que temos de eucalipto ben sen pensar en aumentar superficie.
Eu estou bastante de acordo coa moratoria, porque creo que a superficie que hai a día de hoxe dedicada a eucalipto en Galicia é suficiente
– Facendo iso, optimizando o cultivo nos montes de eucalipto actuais, canto podería incrementarse a produción? – Todo depende da calidade do chan, hai montes que non son bos e nos que por moito que fagas non vas lograr grandes resultados, pero hai outros nos que sería fácil chegar a producir un 50% máis de madeira. Eu estou seguro de que a produtividade media no conxunto da superficie forestal podería incrementarse nun 20 ou 30%. En Galicia, coa cantidade de eucalipto que temos plantado poderiamos aumentar notablemente a produción de madeira sen aumentar a superficie e ademais teriamos menos riscos de pragas ou de incendios, polo que estariamos a xogar máis sobre seguro. – Que produtividades serían esixibles a un monte de eucalipto en Galicia? É dicir, cales son eses obxectivos aos que tería que aspirar un propietario forestal? – No caso do eucalipto nítens estamos a observar que con boas plantas e montes ben coidados en 10-12 anos alcánzanse 400 toneladas por hectárea de produtividade. Ese xa é un obxectivo bo e é unha cifra moi rendible para un monte que non supón ademais un maior custo. No caso da planta, ao final é un 25% do custo de preparar o monte, polo que pasar dunha planta normal a unha planta boa supón pagar só 4 ou 5 céntimos máis.
No caso do eucalipto nítens, con boas plantas e montes ben coidados en quendas de corta de 10-12 anos alcánzanse 400 toneladas de madeira por hectárea
Tendo en conta que metes 1.000 plantas por hectárea e logras un 20 ou un 30% máis de produtividade, creo que é un investimento moi interesante. Igual que unha boa preparación do chan e unha boa fertilización, que supón gastarse no canto de 1.000 euros, 1.200 ou 1.400. Merece a pena, porque onde ías sacar 7 ou 8.000 euros en madeira podes lograr 12 ou 13.000 ou mesmo máis.
Ás veces obsesionámonos co prezo de venda e non nos damos de conta das perdas de produtividade que temos. Trátase de producir máis toneladas cos mesmos recursos
Esas cousas son fundamentais porque son as que fan que o monte sexa rendible e non dependas tanto das variacións de prezo que poida haber no mercado porque o que fas é producir máis toneladas cos mesmos recursos e gastando só un pouquiño máis en material de base e en facer ben as cousas. Ás veces obsesionámonos co prezo de venda e non nos damos de conta das perdas de produtividade que temos e eu creo que a rendibilidade do monte está aí. O prezo é a segunda derivada, pero debemos arranxar antes a primeira. – Tendo iso en conta, que consellos darías ao propietario forestal para aumentar a rendibilidade do seu monte? – Hai que partir dunha planta boa nun viveiro certificado. No eucalipto, como cultivo que é, hai que utilizar un material de base bo para que sexa produtivo. Pero iso só non chega, hai que preparar ben o terreo, hai que fertilizar en condicións e hai que manter o monte limpo sobre todo os primeiros anos. E así imos conseguir incrementar a produción e a rendibilidade sen necesidade de aumentar a superficie. – De todos eses factores que enumeras, cal pesa máis? – A orde para min sempre é: planta boa, monte coidado e despois, se tes o monte limpo é cando de verdade vai achegar moito esa refertilización do primeiro ou segundo ano. Pero se non se limpa o monte e non chegamos a ter unha cultura forestal correcta, tampouco a fertilización vai aportar nada do outro mundo.
Se non se limpa o monte os primeiros anos, o abonado de mantemento non nos vai aportar nada do outro mundo
– Falta cultura forestal en Galicia? – Avanzouse, pero falta aínda. O viveiro pode axudar fornecendo planta boa e asesorando e acompañando ao propietario nas distintas fases do cultivo. Iso é algo que o propietario agradece moito e que é moi positivo para o sector porque profesionaliza ao produtor. Veñen moitas veces propietarios coa súa referencia catastral e pregúntannos, que podo facer no meu monte. Queremos aproveitar esa proximidade co propietario para asesoralo e axudarlle a ser máis profesional.
Eu empezo a ver un pouco máis de profesionalización nos montes. O propietario comeza a ser un pouco máis consciente de que se inviste no monte logra un maior retorno
Eu empezo a ver un pouco máis de profesionalización nos montes. O propietario comeza a ser un pouco máis consciente de que se inviste no monte logra un maior retorno. O prezo da madeira é un mix de varias cousas e o valor da madeira en pé ten un gasto de aproveitamento e un gasto de transporte a destino, polo que un monte ben coidado, ademais de ser máis produtivo, é dicir, de que na mesma superficie sacas máis diñeiro, se está ben plantado e ordenado con pistas polas que poden acceder os autocargadores e camións, reduces notablemente esoutros gastos da saca. – Factores como o minifundio ou a idade dos propietarios son un freo a esa profesionalización? – Eu creo que en breve haberá un cambio xeracional no monte. O propietario forestal que hai actualmente en Galicia é unha persoa maior e o importante e o bo sería que os seus descendentes collesen a testemuña. Pero volvémonos en xeral máis urbanitas, os fillos fóronse a estudar e a traballar ás cidades e parece que para esa xente o monte queda moi lonxe, pero se realmente o monte produce eses novos propietarios han coidalo.
En breve haberá un cambio xeracional no monte porque o propietario forestal que hai actualmente en Galicia é unha persoa maior
Eu observo que en provincias como A Coruña e Lugo, onde o monte se coida, dá diñeiro e non arde, pero é certo que o minifundio é un hándicap importante. O propietario en Galicia posúe 4 hectáreas repartidas en catro parcelas e sabemos o complexo e o lento que son os procesos de concentración parcelaria. Historicamente os montes, sobre todo os bos, dividíronse moito e iso condiciona hoxe a maneira de traballar, pero ten tamén un aspecto positivo e é que a riqueza forestal está moi repartida. – Como ves o mercado da madeira de eucalipto nos próximos anos? – Eu parto sempre da premisa de que o mundo neste momento é deficitario en madeira en xeral. É unha materia prima moi versátil que se adapta a gran cantidade de usos, desde a carpintería á construción ou a novas aplicacións, ademais de cumprir un papel ambiental fundamental. Temos un gran problema cos plásticos, e o papel pode ser un gran substituto, tanto para embalaxes como para novos usos como poden ser os téxtiles. E xa non nos plantexamos a vida sen tisú, é dicir, sen un pano de mesa, un mantel de papel ou uns cueiros e hoxe en día sen as máscaras ou os traxes do persoal sanitario.
En Galicia as papeleiras conseguían competir moi ben en produción de pasta de papel con Suramérica sobre todo porque ata o de agora tiñan ao rei dos eucaliptos para facer pasta de papel, que é o glóbulus
Pero ten que haber un mercado e en Galicia o cultivo do eucalipto vai moi ligado ás papeleiras, que conseguen competir moi ben en produción de pasta de papel con Suramérica, sobre todo porque ata o de agora tiñan o rei dos eucaliptos para facer pasta de papel, que é o glóbulus. O nítens para os novos usos tamén se adapta moi ben.
A exportación está moi ben pero se a madeira tes que levala a China, terás que pagala menos. Sería importante pechar o ciclo da transformación en Galicia
Eu creo que sería moi importante que a segunda transformación estivese preto de nós, que somos os que producimos a materia prima, porque o transporte vai encarecerse moito no futuro. Sería importante pechar o ciclo e deixar en Galicia o valor engadido potenciando a industria que consome esta materia prima. Porque a exportación está moi ben e é necesaria, pero ao final é cara. Se a madeira tes que levala a China, terás que pagala a menos porque xa só o transporte vai consumir a marxe de beneficio. – Falas da dependencia de Ence do sector en Galicia. O peche da factoría de Pontevedra sería un problema? – Loxicamente o sector vaise resentir e o propietario vaino notar. E existe sempre o risco de que caian os prezos pero esa madeira que consumía Ence en Pontevedra será perfectamente asumida polo crecemento que están a ter na planta de Navia, que están a ampliar, e porque hai outras celulosas na península ibérica que xa están a comprar parte da madeira que empregan en Galicia. Entre unha e outra alternativa absorberían ese pequeno buraco que quedaría polo actual consumo de madeira de Ence en Pontevedra.
Navia aumentará a súa produción e seguirá comprando nítens no norte de Galicia e glóbulus en Asturias e as pasteiras portuguesas comprarán o eucalipto glóbulus que hai na zona de influencia de Ence Pontevedra
Nese sentido creo que non habería problema, pero estamos a eliminar unha industria nunha zona estratéxica, e quen veña a comprar a madeira, ben sexa de Navia ou de Portugal, non vai poder pagar tanto porque o vai a penalizar o transporte. O problema creo que non vai ser de demanda, pero si de distancia do produtor coa industria transformadora. En comarcas como a da Mariña non se vai notar, porque Navia está moi preto, e seguirá comprando glóbulus en Asturias e nítens en Galicia, pero zonas da Coruña ou Pontevedra veranse máis afectadas. Supoño que na zona de influencia de Ence Pontevedra, onde se produce glóbulus, empezarán a comprar máis as pasteiras portuguesas. Zona adicada á produción de plantas de conífera en Viveiros Mañente – O piñeiro está a abrirse paso en usos como construción estrutural e hai empresas en Galicia, como Finsa, que están a apostar claramente por esa vía. Que se necesita para que se volva a plantar piñeiro en Galicia? – Eu creo que nisto é moi importante conseguir chegar ao propietario forestal. O piñeiro levaba moitos anos con problemas de enfermidades e de pragas, desde o nematodo no sur de Galicia ás bandas vermella e marrón, que empezaron polo País Vasco e están a afectar xa a Asturias e ao leste de Lugo. Hai que concienciar ao propietario de que no piñeiro é necesario facer selvicultura, é dicir, hai que facer entresacas e podas para buscar producir unha madeira de calidade para que no futuro se pague ao prezo que se merece e lograr ser competitivos con outros países, como pode ser Francia.
Hai que concienciar ao propietario de que no piñeiro é necesario facer selvicultura, como podas e entresacas, para obter madeira de calidade
– E falando doutras especies. O tema das frondosas, como o ves? – Eu creo que este pode ser un momento ideal para empezar a potencialas. Tanto o eucalipto como o piñeiro son cultivos forestais e hai que tratalos como tal. Hai que entender que hai especies de quenda curta que son as que nos dan diñeiro a curto prazo pero que no monte tamén son necesarias outras que nos dan riqueza no monte ou diñeiro a longo prazo. Pero necesitamos as de quenda curta para poder ter financiamento que nos permita apostar tamén polas outras. Esa combinación é necesaria e xa sei que parece unha contradición, pero aínda que creamos que non, as frondosas necesitan dos eucaliptos.
Aínda que pensemos que é unha contradición, as frondosas necesitan dos eucaliptos
E hai moitos falsos mitos sobre os eucaliptos que tamén é necesario ir aclarando á xente para que lle perda o medo, porque non é un ogro que está aquí para esnaquizar os montes galegos. O que hai é que meter biodiversidade no monte. Nun lugar onde non había nada plantado ou había toxo, que agora non se usa para o gando como antes, a ese terreo haberá que darlle un uso e aproveitalo, e pode facerse mediante un cultivo como pode ser o piñeiro ou o eucalipto; pero nun monte fantástico cun chan fantástico situado en zona de Rede Natura, aí realmente haberá que apostar polas frondosas.

“No mundo forestal, a xenética non avanzou tanto como na agricultura ou na gandería porque para ver resultados, hai que agardar máis tempo”

Con formación en enxeñería forestal, Santiago Rodal empezou a traballar no ano 1993 no sector dos viveiros ornamentais. No ano 2000 Norfor, filial de Ence, fichouno para diversificar a súa actividade coa creación de centros de xardinería, pero tras contar con catro establecementos deste tipo, dous en España e dous en Portugal, en 2007 Ence decide abandonar ese proxecto para centrarse na súa actividade principal, a produción de planta de eucalipto para pasta de papel. Desde entón Santiago Rodal estivo á fronte dos viveiros de Pontevedra e Navia, ademais de colaborar coa Escola de Capacitación de Lourizán impartindo unha materia sobre produción de planta en viveiros. – Desde xullo deste ano incorporácheste ao equipo de Viveiros Mañente. Que che levou a tomar esa decisión? – Polo potencial e o importante proxecto de crecemento que ten este viveiro, un viveiro con ganas de innovar e de modernizarse para non perder o liderado que logrou nestes anos. Para min a gran sorpresa cando entrei neste viveiro foi a gran calidade en produción que ten, pero queda camiño para converter o que hoxe é unha peme nunha empresa moderna do século XXI que siga sendo referencia en produción de planta de eucalipto en todo o noroeste peninsular, un viveiro versátil que se vai a ir adaptando aos tempos. Imos ir dando solucións e axudar ao propietario forestal a facer máis rendible o seu monte e hai que estar preparados para producir piñeiro de calidade porque o mercado o demanda.
A estratexia de Viveiros Mañente pasa por seguir innovando, queremos seguir sendo pioneiros na produción de eucaliptos
– Viveiros Mañente é xa un referente non só en Galicia senón en toda a cornixa cantábrica. Que perspectivas de crecemento vos marcades? – Estamos a analizar as nosas canles de venda para que calquera propietario forestal poida adquirir as nosas plantas sen ter que desprazarse moitos quilómetros. Por iso a nivel comercial queremos optimizar as nosas canles de distribución para que por toda Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco sempre haxa preto do propietario forestal unha tenda que comercialice as nosas plantas. – Cales son as funcións que vas desenvolver en Mañente? – Colaborar con Enrique Candia e con María na xerencia do viveiro tanto a nivel de produción como a nivel comercial. Queremos optimizar a produción incorporando melloras nos procesos de crecemento da planta e desenvolver e ampliar a zona comercial.
Queremos implantar un sistema de mellora continua que nos permita optimizar a produción e manter o noso liderado en toda a cornixa cantábrica
– Ademais do traballo no viveiro, Mañente dispón de parcelas de ensaio para testar os seus produtos antes de sacalos ao mercado. Que importancia ten? – Viveiros Mañente dispón dunhas 20 parcelas de ensaio repartidas por toda Galicia, que son montes de propietarios ou de colaboradores nos que se proban novas plantas. O que facemos aí é innovación. Imos metendo novas variedades que traemos de hortos sementeiros de Australia, de novas procedencias, que plantamos con distintas repeticións para evitar a distorsión ou o ruído que pode supoñer a contorna ou unhas variedades con respecto a outras. Despois facemos medicións para poder facer recomendacións e poder dar solucións aos propietarios e aos nosos clientes.
Viveiros Mañente dispón de 20 parcelas de ensaio repartidas por toda Galicia nas que se proban as novas plantas antes de sacalas ao mercado
– Cales son esas novas variedades que estades testando? – Nesas parcelas de ensaio estamos a traballar principalmente con eucaliptos nítens, pero tamén se fai innovación e investígase en glóbulus. E estanse probando tamén novas especies como pode ser o eucalipto regnans, que nos parece moi interesante porque estamos a ver que ten uns crecementos que nalgúns casos chegan mesmo a duplicar ao eucalipto nítens en zonas de costa. Estamos a analizar tamén en parcelas de ensaio temas de fertilización para ver en función de cada tipo de chan ou de cada zona cal é o abono que pode funcionar mellor, tanto no caso de liberación controlada como da nova liña Crecentor de abonados de mantemento, que nos parece super importante.
O eucalipto regnans parécenos moi interesante porque ten uns crecementos en zonas de costa que mesmo chegan a duplicar ao eucalipto nítens
– Acertar coa especie idónea para cada parcela é fundamental – Efectivamente, e dentro de cada zona de Galicia hai particularidades que hai que analizar á hora de plantar, porque podes estar na costa, onde por altitude iría fenomenal o eucalipto glóbulus, e sen embargo tratarse dunha zona de val onde non funciona por baixas temperaturas, ou unha zona onde hai problemas de fungos por ser unha zona encharcada que hai que drenar ben ou na que hai que cambiar de material xenético. Ou o caso contrario, por exemplo, de Padrón para abaixo o nítens non aguanta debido á calor e adoita morrer aos poucos anos. Esas peculiaridades hai que telas sempre en conta.
Estamos a confeccionar un mapa por poboacións para poder recomendar unha planta ou outra
– A especialidade de Viveiros Mañente é o eucalipto nítens. Que se pode facer fronte a enfermidades como a mycosphaerella? – O fungo mycosphaerella é un dos grandes problemas actuais e ao que queremos dar unha solución. Despois de medir este verán todas as nosas parcelas de ensaio vimos que o noso eucalipto Max 10 funciona moi ben fronte a outros nitens en zonas interiores onde os ataques da mycosphaerella empezan a notarse moito. E en zonas de costa onde a mycosphaerella está a facer dano cunha perda importante de masa foliar no segundo ano estamos a recomendar o Max Verde. Vemos que mantén a masa foliar desde abaixo e non ten practicamente defoliación e nas medicións atopámonos que os diámetros neste segundo ano en zonas onde a afección de mycosphaerella é forte son un 30% mellores que os dos nítens mellorados xeneticamente que viñamos usando tradicionalmente.
Estamos a traballar en tres vías dentro da planta mellorada xeneticamente para poder recomendar un tipo de nítens para cada zona
–E o gurgullo? Está controlado? – O goníptero ataca fundamentalmente ao eucalipto glóbulus, en nítens a afección é moi baixa e nos últimos tres anos grazas ás soltas de ootecas que se fixeron por toda Galicia a situación mellorou. Este foi un ano climaticamente raro e poida que houbese algo de retroceso nalgunhas zonas concretas, porque arrincamos cun verán moi húmido e o feito de non ter verán en condicións favoreceu ao gurgullo, unido ao descenso na intensidade da loita biolóxica. Planta de eucalipto nítens Max Verde, con maior resistencia á mycosphaerella en zonas de costa –É posible chegar a plantas máis resistentes e máis produtivas? Hai capacidade de mellora aínda no mundo do eucalipto? – Eu creo que si. Fáltanos aínda moito por estudar e investigar. O berce do eucalipto é Australia e Australia é moi grande, é do tamaño de Europa, e hai moitas cousas aínda por probar. A proba está en que Brasil segue adiante cos seus eucaliptos híbridos, o mesmo que Chile ou Uruguai. Todas as zonas produtoras de eucalipto no mundo teñen os seus plans de investigación e de mellora xenética en marcha e creo que esa é a vía para a optimización da produción.
Todas as zonas produtoras de eucalipto no mundo teñen os seus plans de investigación e de mellora xenética en marcha
É o que xa se fixo anteriormente noutros sectores, como en cultivos agrícolas ou en gandería, onde a mellora xenética está moito máis avanzada. Pero é normal, porque en forestal para ver resultados hai que esperar máis tempo, porque a quenda máis curta é a o do eucalipto e ímonos a 10-12 anos. No mundo forestal imos aínda un paso por detrás en innovación con respecto a eses outros sectores e fáltanos moito camiño por percorrer. Ese camiño será máis lento, pero cun potencial tremendo. – Vexo cada vez máis coníferas en Viveiros Mañente. Tamén aí se pode avanzar en mellora xenética? – É certo, estamos a apostar polo piñeiro, pensamos que hai mercado en Galicia, sobre todo agora por mor da moratoria. Vai empezar a haber propietarios forestais que van demandar piñeiro, sobre todo en zonas onde xa se plantara piñeiro e que cando corten non poderán cambiar a eucalipto e volverán poñer piñeiro.
Estamos a apostar polo piñeiro, pensamos que hai mercado en Galicia, sobre todo agora por mor da moratoria, que impide o cambio de especie
Viveiros Mañente é un dos socios fundadores da Fundación Arume e leva xa bastantes anos producindo coníferas, tanto piñeiro silvestre como radiata e pinaster con mellora xenética. Son variedades de segunda xeración, tanto galego como de orixe francesa, procedente das Landas e Mimizan.
Producimos piñeiro pinaster con mellora xenética de segunda xeración, procedente das Landas e Mimizan
Tamén levamos catro anos producindo planta de cryptomeria xapónica, unha conífera endémica de Xapón, onde se coñece co nome de sugi. A cryptomeria ou cedro xaponés está a plantarse sobre todo no País Vasco, como alternativa ao piñeiro radiata en zonas onde apareceu a banda vermella e a banda marrón, que ataca moito ao piñeiro insigne, a variedade de referencia na zona.
A cryptomeria xapónica é unha alternativa ao piñeiro radiata en zonas afectadas polas enfermidades da banda vermella e a banda marrón. Está a poñerse no País Vasco con moi bos crecementos
Estas enfermidades practicamente imposibilitaron a repoboación con radiata no País Vasco, polo que se está probando a cryptomeria, que ten moi bos crecementos. É unha alternativa ao piñeiro insigne en zonas afectadas por estas enfermidades. Nós levamos xa catro anos producíndoa e cada vez con máis forza. Utilizamos xenéticas locais, de maneira que xa son xenéticas adaptadas a aquela zona. Mañente produce cryptomeria ou cedro xaponés desde fai catro anos con destino ao País Vasco – Que porcentaxe ocupa actualmente o eucalipto, o piñeiro e as frondosas dentro da produción de Viveiros Mañente? – O eucalipto supón entre o 60 e o 70% máis ou menos, outro 20-30% serían coníferas e o restante 10% frondosas. Loxicamente non son a especialidade de Viveiros Mañente. De feito, non somos produtores de frondosas senón que mercámoslle planta seleccionada a outros viveiros da zona, aos que axudamos a comercializar as frondosas para achegalas ao propietario forestal. Creo que é necesario que os viveiros lle deamos un servizo integral ao propietario e non traballemos cunha única especie. En Viveiros Mañente apostamos pola biodiversidade de especies e polo bosque autóctono.
É necesario que os viveiros lle deamos un servizo integral ao propietario e non traballemos cunha única especie
– Como consideras que pode afectar o cambio climático nos próximos anos ao cultivo do eucalipto? – Eu creo que lle vai a afectar e vaille a afectar bastante. O eucalipto era unha especie que en Galicia practicamente estaba na súa zona óptima en canto a condicións climáticas e o feito de que subisen xa as medias das temperaturas máximas un grao ou grao e medio está a sacalo en Galicia da súa zona idónea, polo que nos vai a afectar en perda de produción e máis aparición de enfermidades e pragas.
A suba de temperaturas está a sacar a Galicia da zona ideal para produción de eucalipto e vainos a afectar en perda de crecemento e máis pragas e enfermidades
Ante isto hai que ir detectando especies que se adapten mellor e aplicando técnicas máis avanzadas de cultivo para ir contrarrestando estes efectos do cambio climático, que vai ser un problema. Neste sentido hai que ter en conta tamén que o eucalipto é un gran fixador de CO2 e coa masa actual de eucalipto que hai actualmente en Galicia está a contribuírse tamén medioambientalmente a frear o cambio climático. Só as masas de eucalipto que hai en Galicia contrarrestan o CO2 que emiten os coches de toda España. – Esa suba das temperaturas da que falas pode facer tamén que en zonas onde o eucalipto non atopaba ata o de agora condicións idóneas poida empezar a telas. Podería supoñer iso unha ampliación de zonas produtoras a nivel europeo e, por conseguinte, novos competidores? – A nivel europeo sería complicado porque a medida que avanzamos cara ao norte saímonos enseguida do que sería o rango climático que permitiría o cultivo do eucalipto, pero podería ser que nalgunhas zonas de Francia, Italia ou Grecia, onde xa se fixeron algunhas probas, poidan darse os eucaliptos ou que estes sexan viables en zonas de interior limítrofes ás zonas produtoras actuais.
  • Entrevista informativa elaborada coa colaboración comercial de Viveros Mañente