Archives

Unha ampla mostra de viños galegos teñen presenza na feira do viño internacional Prowein

O salón de viños internacional Prowein celebra dende onte luns unha nova edición neste 2024 coa presenza de 16 adegas galegas en representación das cinco Denominacións de Orixe galegas, facéndose oco nesta cita internacional. Esta edición desenvolverase ata mañá na cidade alemá de Düsseldorf, cun programa deseñado pola Xunta de Galicia para impulsar a repercusión comercial da delegación galega. Hoxe continuarán desenvolvéndose as actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, deseñadas co fin de reforzar a repercusión comercial da presenza da comunidade nesta feira, incluíndo visitas guiadas polo espazo de Galicia dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalería, distribución e xornalismo. No percorrido enogastronómico amosarase a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas que caracterizan e definen a calidade dos viños galegos. Durante a xornada de onte, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, asistiron á feira para dar o seu respaldo institucional. Nesta cita “é vital estar nesta feira todos xuntos, facendo referencia ao noso territorio. Porque ademais de traballar para seguir potenciando o cultivo de viñedo, recuperar zonas históricas, seguir crecendo en termos de produción e facturación... apostamos por converter Galicia nun referente do turismo enolóxico, e captar a visitantes a través de todo o bo que estamos a facer no territorio”, remarcou o conselleiro. Ademais de estar no espazo de Galicia, o conselleiro José González visitou os ‘stands’ doutras comunidades autónomas con presenza en ProWein, como A Rioxa, Valencia ou Murcia, definindo a presenza da Xunta nesta “feira referencial para o sector a nivel global” coma “un exemplo máis do potente compromiso da Xunta co viño galego, e que vai a máis”, sinalou. Así mesmo, no contexto desta cita o titular do Medio Rural fixo referencia “a concesión de 11,5 millóns de euros na convocatoria do 2023 para mellorar a competitividade do sector”, e do mesmo xeito fixo referencia do enclave estratéxico que supón o viño galego.  Neste contexto, “o Consello da Xunta deu conta de razón a semana pasada da resolución anual da liña de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (6,5 millóns) e de promoción en terceiros países (1millón). E o pasado 16 de febreiro publicouse no DOG a resolución da liña anual para reestruturación e reconversión de viñedo, dotada con outros 4 millóns de euros”, aproveitaron para sinalar desde a Consellería.

Cómo englobar toda a información dos viños nun código QR?

Marc Martín, CEO de Noudata, expuxo todo o relativo á aplicación nd Label A adaptación á nova normativa de etiquetaxe dos viños leva a que nas etiquetas se incorpore un código QR, que recolla certa información de carácter nutricional e dos ingredientes que compoñen o viño. A normativa pode atoparse no regulamento 2021/2117 da Unión Europea e xa está en vigor. Desde a plataforma Vitivin realizaron unha xornada da man de Marc Martín, CEO de Noudata, unha empresa de servizos informáticos e desarrolladores de software de trazabilidade específicos para adegas. No seu relatorio presentou unha posible solución para as bodegas, que lles permita adaptarse e axustarse á norma. Desde a entidade crearon a plataforma nd Label que permite deseñar todo o contido que debe aparecer no código QR. A plataforma estará actualizada para cumprir coa normativa e os cambios que vaia incorporando. Uso da plataforma Para acceder á aplicación hai que rexistrarse e o primeiro que se visualiza é a lista de produtos que a persoa teña ao seu nome. Cando se entra na ficha dunha das botellas obsérvase un panel dividido en tres partes: "Á esquerda están os distintos apartados para incorporar a información que queremos que apareza no código QR; no medio podémonos mover con scroll para cubrir a información e á dereita temos a vista previa do que o usuario vai ver unha vez que se efectúe a lectura do código QR", explica o CEO. Na primeira información é necesario indicar o nome do produto, colocar unha imaxe e informar da categoría do mesmo, así como o nome da compañía vendedora do produto e o país de procedencia. Tamén é necesario incluír o código de barras, o D.O. a cor do produto e o grao alcohólico. Todo o demais é opcional. Pódese informar as variedades do produto e indicar a porcentaxe ou ordenar as variedades en función do que consideren. Engádese toda a información obrigatoria e de interese, que será a que lea logo o consumidor Logo está a información nutricional, que é obrigatoria, onde se introducen os diferentes parámetros dos compoñentes e automaticamente o sistema calcula as Kilocalorías. Tamén se pode engadir todo de maneira manual. Referente aos ingredientes, hai unha táboa na que se selecciona cada un deles e unha vez gardado, pódense ordenar en función dos intereses. Para complementar a información pódense engadir aspectos como premios ou a sustentabilidade. "Isto achega valor engadido ao produto e á empresa". Finalmente, créase o código QR e pódese descargar para envialo á imprenta e xerar a etiqueta. A partir de aquí, o cliente xa pode facer a lectura e visualizar toda a información en cada unha das fichas. A información pódese consultar en diferentes idiomas, posto que a propia plataforma a traduce. Xeración do código QR que se pode descargar en diferentes formatos "A idea é ir coa normativa dunha forma rápida, áxil e visual. Cremos que a plataforma é bastante útil e atractiva", subliña Martín. Para poder acceder á plataforma é necesario facer un rexistro para o que hai que pagar.

Unións Agrarias pide un plan especial para os viños tintos, con problemas de mercado

A organización Unións Agrarias (UU.AA) advirte da preocupación entre viticultures galegos, logo dunha vendima marcada polas dificultades para atopar saída á uva producida na Ribeira Sacra. UU.AA apunta que neste momento as adegas desta D.O teñen moito viño acumulado debido á caída de vendas que afecta aos tintos a nivel estatal. Por iso, a organización ve necesario buscar solucións mediante o deseño e a posta en marcha dun Plan Especial para os tintos galegos pois, se ben a situación é máis evidente na Ribeira Sacra, non é un problema específico desta denominación de orixe. Por iso insisten desde a organización da necesidade e urxencia para buscar solucións que eviten chegar á seguinte campaña cun excedente acumulado "que faga colapsar a próxima vendima". Flavescencia dourada Por outra parte, Unións Agrarias solicita unha xuntanza ao conselleiro do Medio Rural para abordar posibles medidas ante a entrada en Galicia da flavescencia dourada, unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais para a vide. A organización sindical avisa que esta doenza está moi estendida nas vides portuguesas e que a afectación de parcelas no sur de Galicia está a xerar preocupación no sector. UUAA considera necesario abordar a situación con rigor e celeridade e procurar métodos para controlar unha enfermidade que está diante das portas das D.Os galegas, e cuxa propagación podería ter consecuencias nefastas. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e impulse sen demora un plan de acción que permita implementar as medidas precisas para poñerlle freo ao problema. https://www.campogalego.gal/actualizacion-das-zonas-afectadas-pola-flavescencia-dourada/

Medra un 5,2% a exportación dos viños brancos españois con Denominación de Orixe

No primeiro semestre deste ano, os viños españois facturaron 18 millóns de euros máis nos mercados internacionais, a pesar de que se exportaron 3,5 millóns de litros menos que o ano pasado, segundo as cifras presentadas no último informe realizado polo Observatorio Español del Mercado del Vino, en colaboración coa Organización Interprofesional del Vino de España. En concreto, no primeiro semestre de 2023, exportáronse 1.018,2 millóns de litros, por valor de 1.453,4 millóns euros, o que supón un 1,3% máis. Trátase do mellor primeiro semestre da serie histórica, en termos de valor. A pesar das boas cifras en canto ao valor, os viños que máis sufriron neste primeiro semestre foron aqueles envasados e con Denominación de Orixe Protexida (DOP). Neste tipo de viños deixáronse de exportar 9,65 millóns de litros (-7%) e de facturar 15 millóns euros. Tamén caeron as exportacións dos viños a granel, tanto en valor (-3,3%), como en volume (-0,9%). No lado positivo, destaca a boa marcha dos varietais envasados, que xa superan en valor aos viños con IXP. No informe tamén destaca a caída dos viños envasados comercializados nos mercados dos EEUU, onde o valor reduciuse en case un 2%, situándose nos 130 millóns de euros. Aínda así, mantense como o principal destino dos viños envasados españois. Mentres, incrementouse nun 14% os viños envasados con destino ao Reino Unido, cun valor que se sitúa xa nos 127 millóns de euros.

Viños con DOP

Os viños con DOP mantéñense como a categoría máis exportada dentro dos viños tranquilos envasados. Na primeira metade de 2023 perderon un 2,3% en valor, ata os 632,6 millóns de euros e un 7% en volume, ata os 129,3 millóns de litros. O seu prezo medio foi un 5% superior, situándose no 4,89 €/litro (+23 céntimos), o máis elevado entre todos os produtos analizados. Nos viños envasados e con DOP os que máis sufriron esta caída foron os tintos. Así, na campaña de xuño 2022 ao mesmo mes deste ano, os tintos pasaron a facturar 81 millóns de euros (9% menos), mentres que os viños brancos conseguiron un incremento do 5,2% e alcanzan os 27 millóns de euros. Aínda que de ambos se venderon menos litros. O volume de litros de viños brancos con DOP situouse nos 6 millóns de litros (6% menos) e no caso dos tintos e rosados foi de 17 millóns de litros (10% menos). Pola súa banda, as exportacións de viños con IXP envasados, perderon un 4% en valor, ata os 68,8 millóns de euros (-2,9 millóns), pero aumentaron un 6% en volume, ata os 62,3 millóns de litros (+3,4 millóns), ao caer o seu prezo medio un 9%, ata o 1,10 €/litro (-12 céntimos). Foi o único produto, entre os viños tranquilos envasados, que reduciu o seu prezo medio. Os viños varietais envasados foron o produto que mellor evolucionou neste período, con crecementos do 26% en valor, ata os 78,6 millóns de euros (+16 millóns) e do 21% en volume, ata os 45,6 millóns de litros (+8 millóns). O seu prezo medio tamén aumentou (+3,5%), ata o 1,72 €/litro. O gran crecemento dos viños varietais, practicamente ininterrompido desde 2019, fai que xa superen aos viños con IXP en termos de valor, e que se vaian achegando en termos de volume.

-Descarga aquí o informe completo do Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv).

As cifras dos viños brancos en España: consumo, exportacións e perspectivas

Que perspectivas de futuro se presentan para os viños brancos en España? E para os brancos galegos? Será a exportación o seu principal destino ou manteranse máis ancorados no mercado nacional? Aínda que predicilo e acertar niso é tarefa complicada, Rafael del Rey, director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OEMV) e xerente da Fundación para a Cultura do Viño, afrontou o reto de achegar algunha previsións durante as xornadas sobre este tipo de viños organizadas polo GDR Ribeira Sacra Courel, en días pasados no concello lucense de Quiroga. Del Rey botou man dos datos que manexan no Observatorio do Viño para analizar a situación que atravesan os viños brancos nestes momentos e mostrar a súa evolución nos últimos anos. Un dos primeiros aspectos que destacou o experto foi a “recuperación extraordinaria” que experimentou o mercado do viño fronte ás dúas grandes crises que afrontou nos últimos anos: en 2009 e no 2020. “Aínda que se deberon a causas moi dispares a recuperación da primeira foi impresionante e os datos que estamos a ver agora tras a crise do Covid-19 o viño atópase en récord histórico de facturación”, detalla.
O mercado do viño mundial está a experimentar unha gran recuperación tras a crise da pandemia con récords históricos de facturación. Mantense estable o volume de litros de viño que se comercializa e incrementouse o seu valor
E unha das claves para lograr esta recuperación do sector é o incremento do valor que experimentaron os viños. “Non se bebe máis viño, pero si se vende razoablemente máis caro”, recoñece. Así, aínda que o volume de litros exportados a nivel mundial se mantén ao redor dos 10.500 millóns de litros, o valor incrementouse. Abonda comparar os 2,23 euros que se pagaban de media polo litro de viño hai 10 anos aos 3,13 euros alcanzados no 2021.

Consumo e exportacións dos viños brancos españois

E se os datos xerais mostran unha tendencia de recuperación do mercado do viño, no caso dos brancos a súa evolución foi moi boa nos últimos 20 anos. Unha ollada ás cifras que manexan os principais países produtores de viño branco, entre os que se atopa España, dá conta desa tendenza á alza, sobre todo cun incremento do valor. En España, o volume de viños brancos exportados pasou dos 73 millóns de litros de 2002 a alcanzar en 2021 os 232, o que supón un incremento do 219%. No que a valor se refire este aumento foi do 291%, xa que se pasou de 98 millóns de euros aos 383 logrados o ano pasado. Evolución dos viños brancos nos principais países produtores: Francia, Italia e España. Con todo, cabe ter presente as cifras tanto de valor como de produción que manexan outros países produtores de viño, como Francia, que aínda que sufriu especialmente o influxo da crise, ten unha facturación que se sitúa nos 1.689 millóns de euros para os 308 millóns de litros de viño branco que produce, o que dá boa conta que o valor económico medio dos seus viños é moi superior ao que se manexa en España. Así, o prezo medio dos brancos en Francia é de 5,48 euros por litro e representan o 30% da súa produción de viño.
“Os viños brancos españois chegaron máis tarde aos mercados internacionais, pero percorreron o mesmo camiño que outros países produtores a unha velocidade moito maior”
“O ritmo de crecemento do mercado dos viños brancos nos últimos 20 anos foi maior que o doutros produtores. Chegamos máis tarde aos mercados internacionais, pero percorremos o mesmo camiño a unha velocidade moito maior. Con todo, sospeito que os viños brancos españois teñen aínda moito percorrido”, explica del Rey. En canto ao consumo nacional dos viños brancos, segundo os datos manexados polo Ministerio ata novembro de 2021, o viño branco representa un terzo do volume e un 29% do valor total. Así, producíronse uns 112 millóns de litros de viños brancos que facturaron un 279 millóns de euros, fronte aos 186 millóns de litros de viños tintos que alcanzaron un valor de 621 millóns de euros. O prezo medio dos viños tintos sitúase nos 3,32 euros por litros fronte aos 2,49 euros por litro que se paga de media polos viños brancos en España. Consumo nacional de viño. Gráfico elaborado por OeMv cos últimos datos dispoñibles da AEAT ata Novembro de 2021. Con respecto á súa evolución, tal e como explica Rafael del Rey, o viño branco en alimentación creceu de forma máis sostida que o tinto desde hai 12 anos, pasando de representar menos do 20% en 2010 a case un terzo do consumo actual. En especial viuse un incremento do consumo de viños brancos sobre o consumo total de viño en España. “O viño branco supón unha auténtica revolución dentro do consumo nacional”, valora Del Rey. As exportacións españolas de viño branco, aínda que se reduciron con respecto das cifras que viñan mantendo, serviron de táboa de salvación para moitos produtores e adegas co peche doutras canles de comercialización pola crise do Covid-19. Así, 2021 supuxo un crecemento importante das exportacións, aínda que a diferenza doutros países non chegaron a supoñer cifras de récord, nin en valor nin en volume para o conxunto dos viños españois. Exportacións de viño en España. Fonte: Datos AEAT. Gráfico elaborado por OeMv. Entre as exportacións españolas, as distintas categorías de viño branco supoñen un 21% do valor total das vendas, pero ata un 40% do volume, pola importante cantidade de vendas de viño a granel, tal e como sinala del Rey. Os viños brancos envasados supuxeron en 2021 231,8 millóns de litros por valor de 382 millóns de euros, a un prezo medio de 1,65 euros, o que supón un 10% do volume total e un 13% do valor.

As DO galegas miran á exportación

Boa parte dos viños brancos producidos baixo as DO máis centradas nesta variedade quedan no mercado nacional. A produción de viño branco comercializado en España na DO Rueda mantense por encima dos 623.000 hectolitros e destínanse á exportación uns 96.800 hectolitros, o que supón apenas un 13,4%.
“Os viños brancos producidos nas DO especializadas neste tipo de viños teñen un gran potencial de expansión nos mercados internacionais”
As vendas de Rías Baixas no mercado nacional están nos 154.000 hectolitros e fóra das fronteiras nacionais comercializaron o ano pasado 82.500 hectolitros, o que amosa como a exportación vai gañando espazo e supón xa o 34% das vendas. Mentres, no Ribeiro comercializan no mercado nacional uns 80.000 hectolitros e apenas destinan á exportación uns 4.200 hectolitros, unha cantidade moi similar á que se exporta de viños Txakolís. Nos viños de Valdeorras, uns 32.200 hectolitros comercializáronse no mercado nacional e apenas se exportaron uns 1.000 hectolitros. “A maior parte do viño branco que se produce nas DO especializadas neste tipo de viños comercialízase no mercado nacional, con moita marxe aínda para conquistar mercados internacionais”, valora o analista.

Cualifican de moi boa a colleita 2021 da DO Monterrei

A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei acolleu este luns a Cata de Cualificación da Colleita 2021. Nesta cata participaron representantes de asociacións profesionais e do panel oficial da denominación, que cualificaron como “moi boa” a colleita 2021 dos viños de Monterrei. Na súa valoración, o equipo de cata destacou: “en brancos, as condicións climáticas da anada aceleraron unha vendima que dotou de maior frescura aos viños e dunha complexidade aromática que vai máis aló da froita, con moita flor, recordos vexetais e mineralidad en boca. Respecto a os tintos, domina a froita en nariz e na boca mantense unha racialidad, que nos lembra que estamos nunha zona de transición oceánica, sendo viños para gozar hoxe e que tamén esperamos probar dentro duns anos en perfecto estado”.

Cata a cegas de expertos

En concreto, someteuse a esta cata unha representación proporcional de viños da denominación. As mostras foron analizadas por cada un dos catadores, que realizaron unha valoración “a cegas” de todas elas, mantendo desta forma criterios de obxectividade ao tratarse de mostras anónimas. A nota final ha resultado do cálculo da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de brancos como de tintos. Finalmente, esta puntuación trasladouse a unha táboa de correspondencias onde se obtén a cualificación de colleita. O panel de cata, que foi recibido pola presidenta do Consello Regulador Lara Da Silva, estivo conformado polos seguintes expertos: - Alejandro Paadín (membro da FIJET - Fédération Internationale deas Journalistes et Ecrivains du Tourisme-). - Erika Barbosa (catador do Corte Inglés). - Isaac César González (Panel Oficial do C.R.D.O. Monterrei). - Javier Facal (secretario xeral da Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia). - Maira Ratón (membro da Asociación de Enólogoes/Enólogos de Galicia). - Rebeca André (Panel Oficial do C. R.D.O. Monterrei). - Vania González (Panel Oficial do C. R.D.O. Monterrei).