Archives

“O éxito do viño galego débese en gran medida ao minifundismo”

Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia é xa unha referencia ineludible a nivel nacional e internacional para coñecer os viños e as adegas galegas. Creada hai 14 anos por Luís Paadin, nesta edición 2024 ofrece máis de 2000 referencias e inclúe máis de 500 adegas e destilerías de Galicia. Entrevistamos ao seu autor e impulsor, que nos fala das principais novidades desta edición e analiza a situación que vive o sector. -Acaba de saír á venda a Guía dos Viños, Destilados e Adegas de Galicia, 2024, e xa van 14 edicións e 26000 exemplares publicados. ¿Por que Galicia precisaba desta guía para os seus viños? Porque pode. Son moi poucas as rexións vitícolas onde a diversidade de solos, climas e uvas xustifican a creación anual dunha Guía deste tipo con máis de 1.500 fichas de viños e destilados. Cando desenvolvemos a primeira guía hai xa 20 anos, albiscabamos un futuro que era incerto para Galicia pero que criamos que era posible. Hoxe o tempo deunos a razón e se no seu momento a Guía serviu para dar a coñecer os viños de Galicia baixo un mesmo paraugas, hoxe ademais achega moita información técnica e de cata sobre aspectos tan diversos como a litoloxía, o clima, a xenética das uvas..... -É moi meritorio chegar xa ás 14 edicións, ¿cales consideras que foron as claves para que vosa guía teña tan boa acollida? Sen dúbida a clave principal reside en ser un proxecto coral. É a única guía de viños deste tipo que non ten publicidade, o que nos permite manter independencia absoluta e a súa edición é posible grazas a máis de 200 mecenas que ano a ano reservan máis de 1.000 exemplares. Son os mellores embaixadores da Guía e dos viños de Galicia, e xeraron unha enorme rede de promotores dos viños de Galicia. Aínda que a maior parte dos mecenas son galegos, moitos deles adquiren 2 ó 3 exemplares para regalar a amigos ou clientes doutras latitudes que se acaban convertendo en apaixonados dos viños galegos. Por iso cada vez temos máis solicitudes de mecenado nacionais e internacionais. Moitos dos mecenas da guía son hostaleiros e sérvelles como libro de consulta; mesmo algúns deles sitúana na entrada do seu restaurante como ferramenta que valida a súa adega no que a viños galegos se refire e non é inusual que algúns clientes leven os libros como “souvenir”. -Nesta edición, a guía ofrece máis de 2000 referencias e inclúe máis de 500 adegas e destilerías de Galicia. Nun territorio vitícola relativamente pequeno como o que dispomos en Galicia, ¿non sorprende que existan tantas referencias e adegas? ¿Que riqueza lle achega ao sector do viño galego este "minifundismo"? Hai modelos no mundo do viño con estruturas similares ás de Galicia, mesmo algúns con maior atomización, pero sempre van da man de alto valor engadido no viño. Cando hai un gran minifundismo no sector primario (viticultores) pero unha gran concentración no sector secundario (adegas), hai un gran desaxuste e o prezo da uva adoita decaer.
 “O éxito do viño galego e deste crecemento cualitativo vén en gran medida marcado polo minifundismo”
En Galicia a estrutura de explotación vitícola dentro das Denominacións de Orixe é de máis de 10.000 viticultores para menos de 9.000 hectáreas e as adegas non chegan ás 500; esta media duns 20 viticultores por adega é unha relación bastante boa e permite o crecemento homoxéneo do sector. Podémolo ver nas últimas campañas con prezos de uva marca superando os 3 €/kg nalgunhas zonas pero tamén cun aumento do valor do viño ano a ano. O éxito do viño galego e deste crecemento cualitativo vén en gran medida marcado polo minifundismo, grazas ao cal dispomos dunha gran riqueza xenética de variedades e dunha parcelación enorme, sendo máis fácil acoutar as viñas e parcelas máis selectas para a elaboración de gamas máis altas, o que acaba arrastrando a toda a pirámide produtiva cara arriba. As adegas cada vez son máis conscientes diso, por iso cada ano elaboran máis viños e de maior calidade, o concepto dunha adega cunha ou dúas referencias paseniño vai desaparecendo e o máis habitual é que cada explotación vinícola teña 5 ou máis viños no mercado. -Aínda que é comprensible que prefiras reservar a túa valoración, vouno tentar: Cales foron os viños e adegas que máis che sorprenderon nesta edición da guía? A quen queres máis, a papá ou a mamá? Nós temos os nosos gustos persoais e a guía en gran medida reflicte o noso estilo propio aínda sendo catas a cegas con paneis de catadores multidisciplinares, pero á hora de falar de adegas concretas e referencias somos moi cautos xa que entendemos Galicia como a suma das súas partes e todos fan a súa achega, desde o máis pequeno viticultor até a adega máis grande. O que máis nos sorprende ano a ano é ver como o modelo de Galicia vaise axustando cada vez máis á convivencia de grandes e pequenos nun mercado global. Os viños máis caros xa non son couto privado das grandes adegas con maior capacidade de investimento e os viños que reflicten o terroir dunha pequena parcela tampouco son exclusivos dos pequenos viticultores; é un punto de inflexión que parece mostrar a sustentabilidade do sector produtivo pero mantendo a diversidade. -Notades que os poucos tintos que temos están tamén en retroceso en Galicia? O contaxio dos movementos internacionais cada vez é máis rápido. Hai 10 anos que se vía vir o cambio nas tendencias de consumo internacionais, pero parece que colleu a todo o sector co pé cambiado. É algo cíclico e natural, na década dos 60 do pasado século, en Bordeaux o branco era hexemónico e pivotaron cara ao tinto a partir dos 70; hoxe están aos poucos volvendo ao viño branco e non pasa nada, non perdeu identidade territorial. Aínda que unha análise superficial pode facernos pensar que os mercados están a rexeitar o tinto, en realidade están a decantarse cara a viños máis frescos, con menos estrutura e menos alcol, onde encaixan  espumosos, brancos e rosados.
“O mercado demanda viños tintos máis frescos, con menos estrutura e alcol, polo que os tintos galegos teñen moito potencial”
O viño tinto galego tamén dá ese perfil polo que, se se fan as cousas ben e enfócanse correctamente os mercados, pode ter unha saída moito máis forte da que tivo até agora. Este cambio no patrón de consumo supón unha gran oportunidade para o viño tinto de Galicia. -¿Cales serian, na túa opinión, as claves para potenciar os tintos galegos? Manter a diversidade que nos fai xenuínos, entender os solos e climas e tentar reflectilos en cada botella. É moi fácil dicilo pero incriblemente complexo facelo. Se as elaboracións dun produtor cambian drásticamente cada ano máis aló de condicións climáticas, é que aínda non entendeu ben o perfil do seu viño e o mercado non leva ben estas idas e vindas. Cando unha adega teno claro e perfeccionou o seu estilo propio en base ao territorio, ten moito que ofrecer ao mundo. Se non é así, os viños tintos frescos e novos van seguir tendo boa saída xa que seguirán sendo unha alternativa fresca a viños estruturados. En calquera caso, se pensamos a curto prazo, os monovarietales galegos menos coñecidos están a ter unha demanda moi alta e calquera Merenzao, Brancellao, Caíño, Espadeiro ou Sousón teñen cabida nun mercado con sede de novidades. Lamentablemente a produción destes viños só está ao alcance dunhas poucas adegas xa que contamos con pouca superficie destas variedades minoritarias. -Temos moitas referencias e adegas, pero a tendencia, porén, é que maioría da produción vtícola galega se concentre en moi poucas variedades: albariño, godello, mencía e treixadura. Estamos a perder a riqueza varietal dos viños galegos? A diversidade xenética foi reflexo da nosa identidade territorial onde se combina o clima, solo e cultura (minifundismo, dispersión demográfica, sistema de herdanzas....). Os cambios en hábitos de consumo e as fluctuacións demográficas inflúen máis que nunca no sector vitivinícola. Por sorte, somos máis conscientes que nunca diso e tanto as institucións como os viticultores, adegas, comerciais e catadoras apostamos determinadamente por manter o noso patrimonio enolóxico. Aínda que o vórtice de crecemento e de valor que viviu Galicia desde principios de século puido facer que morrésemos de éxito, o minifundismo en gran medida serviu como contrapartida dun crecemento desaforado. Aínda que houbo adegas pioneiras, aos poucos son máis as que empezan a comercializar monovarietais e viños parcelarios.
“Cada vez búscanse clons de ciclos máis longos para saltar os picos de calor do verán e tentar manter a frescura tradicional”
A recuperación de variedades ancestrais é unha tendencia internacional, pero xa non é suficiente, xa non con obxecto comercial, senón como unha ferramenta de loita contra o cambio climático. A vangarda da viticultura está a volver desde fai 10-15 anos á selección masal e a ampliar a diversidade clonal dentro das mesmas variedades. Cada vez búscanse clons de ciclos máis longos para saltar os picos de calor do verán e tentar manter a frescura tradicional, tal e como se está facendo en zonas como Bourgogne ou Champagne. -Precisamente, na edición deste ano, inclúes unha recompilación de sinonimias e homonimias rescatadas do esquecemento, con máis de 300 nomes de uvas galegas. Por que decidistes realizar este traballo e que conclusións sacastes? En que zona vitícola recollestes máis riqueza léxica tradicional en galego? Este glosario incluímolo hai 3 edicións aínda que tentamos actualizalo cada ano e para nós era importante. As sinonimias falan de variedade pero tamén de territorio xa que unha uva que foi bautizada cun nome distinto, está inexorablemente vinculada a ese espazo xeográfico. Moitas veces os nomes falan do comportamento da uva nunha zona, outras da persoa que a introduciu e ás veces dos viños resultantes, todo isto é unha información valiosísima para axudarnos a interpretar a diferenciación e o valor engadido dun territorio vitivinícola.
O Ribeiro é unha comarca moi rica en sinonimias e homonimias relacionadas coa viticultura
A verdade é que hai moitas zonas cunha gran diversidade de nomes, cambiando mesmo dunha aldea a outra. O Ribeiro é unha comarca moi rica en sinonimias e homonimias dada a súa historia, diversidade varietal e minifundismo. -A Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2024 tamén publica unha nova árbore xenealóxica dalgunhas das principais variedades ancestrais de Galicia. Que variedades de vide pódese dicir que teñen a súa orixe no territorio galego? O albariño tería a súa orixe nas terras do Rhin como apuntan algúns expertos?E o Mencía sería unha variedade orixinada na Meseta? Case todas as variedades de vide de Galicia están xeneticamente vinculadas ao noroeste peninsular. A maioría están xeneticamente interrelacionadas e a súa distribución acoútase a esta esquina da Península Ibérica con pequenas excepcións máis viaxeiras. Respecto ao albariño, hai anos que está demostrado que non ten xeneticamente ningunha relación. Son poucos os parentescos que podemos atopar da Albariño máis aló de ser o pai de 16 variedades entre as que se atopa a Caíño Branco e de ter algúns marcadores xenéticos afíns á Gros Manseng. O que si está claro é que na escavación arqueolóxica de O Areal (Vigo), nun traballo coordinado pola Misión Biolóxica de Galicia, atopáronse pebidas de uva moi relacionadas morfolóxicamente coa uva albariño datadas do século I-III, polo que actualmente considérase un devanceiro do albariño durante o seu proceso de domesticación.
 “Tanto a variedade Albariño como a Mencía teñen a súa orixe en Galicia, no Noroeste Peninsular”
Respecto da Mencía, chegouse a dicir que tiña parentesco coa Cabernet Franc, pero a xenética desménteo unha vez máis. A ciencia demostrou que é un cruzamento entre a Alfrocheiro (Albarín tinto, Tinta Serodia...) e a Patorra, ambas as variedades do noroeste peninsular. -Como está a ser a acollida desta edición? A verdade é que fantástica. Todos os anos podemos sacar ao mercado 1.500 unidades e o apoio que sentimos de todo o sector é enorme. Con cada edición chegamos a máis xente e achegamos o noso grauciño de area para facer que o viño de Galicia sexa recoñecido nacional e internacionalmente.
"O sector do viño en Galicia vive un momento de esplendor, pero temos importantes retos e ameazas”
-Podemos dicir que vivimos un momento doce para o sector do viño en Galicia, pero non sempre foi así. ¿Que erros debemos evitar para manter e mesmo incrementar o prestixio e a demanda -prezo- dos viños galegos? Hai que evitar os camiños curtos e non caer no conformismo. Agora mesmo Galicia vive un momento de esplendor, pero convén non deixarnos cegar polas luces, hai retos e ameazas que requiren atención: o cambio climático, a remuda xeracional, as enfermidades da vide, as tendencias do mercado... Se non se desenvolven estratexias corporativas e operativas en todas as frontes, non estaremos preparados para os cambios que se aveciñan. Hai que entender todo o sector desde unha perspectiva empresarial e  desenvolver unha estratexia comercial máis proactiva.

“En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella”

Falamos con Raquel Vizcaya López, viticultora de O Bolo, na denominación de orixe Valdeorras que elabora viño de xeito totalmente natural, recuperando o xeito tradicional ancestral galego. O seu proxecto formou parte da XI edición do Programa de Apoio ao emprendemento de Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega.

Como xurdiu este proxecto e a túa relación coa viticultura? Son filla de labregos, da terra, do policultivo de autosuficiencia alimentaria baseado na horta e na viticultura, filla dun pobo labrego onde se producia todo o necesario todo o ano, e onde aínda lembramos o gando en todas as casas, e o cultivo de cereais que agora se recupera en Lugo, os castiñeiros, a sega da herba, os pastos dos que tamén agora presumimos en Galiza. Teño formación en economía, laboral e empresa familiar, coa idea de facer algo desde a nosa casa desde a nosa orixe... Vaise producindo o relevo xeracional.

Son autónoma agraria en terras cedidas polos meus pais. Na cuestión do viño natural, da adega, o que facía o viño na casa era o meu avó, deixoulle o legado ao meu pai e logo ao meu irmán. E collín eu o relevo en adega porque dinme conta que a eles realmente non lles gustaba o viño, eu sí que son amante do viño, así que collín eu o relevo e nese proceso, bebendo viños, dinme conta de que o viño non sentaba de todo ben e alguén deixou caer que era polos arreglos que se lle facían ao viño, e entón lembrei que o avó facía viño sen botarlle nada máis que uva, 100% natural, e foi máis adiante, cando comezaron usar aditivos e mecanismos correctores. Entón empecei elaborar co sistema tradicional do meu avó, só uva e fermentación alcohólica, e o viño saiu moito mellor. Probárono varios catadores e animáronme a crear un viño de autor.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos, algo que ainda que me pasara algo quedara aí o negocio, cos seus clientes e vendas, unha empresa. Son viticultora de Valdeorras, vendemos uva á diferentes adegas, e unha pequena parte da produción (principalmente das viñas vellas) é para viño da casa de autoconsumo.

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos

En que fase se atopa agora? Que características teñen as viñas? Agora mesmo estamos nos trámites para crear a marca e a adega, pero isto leva un tempo, espero conseguilo nun prazo de 6-12 meses. Estou indo a feiras para presentar o viño e que a xente o vaia probando e coñecendo.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Neste momento estamos traballando unhas 6 hectáreas, a metade de viñas vellas tradicionais, en vaso grego, sen espaldeira e sen aramios, plantadas nos anos 40. Estas viñas son cedidas por veciños que xa non podían seguir traballando ou morreron e teñen diferentes variedades: godello, garnacha, xerez, mencía, … A outra metade son viñas máis novas, típicas da profesionalización desta zona nos anos 80-90 fundamentada no proxecto Revival, con castes godello e mencía, onde podes meter o tractor e o sistema de condución é con espaldeiras de arame. Trátase dunha zona granítica e con lousas moi vellas e branda. É un cultivo de secano total con moi pouca profundidade de terra, uns 30 centímetros. A maioría están en bancais e pendentes bastante pronunciadas.

A idea é dar de alta a nosa adega familiar, e facer unha pequena reforma de acondicionamento, “poñela máis bonita”. En calquera caso o peso do negocio está nas viñas de godello coas que vendemos uva pero realmente eu elaboro o viño da casa (o que quero comercializar) coas viñas vellas, pois teñen outro matiz.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Que obxectivos persegues a curto e longo prazo? A curto prazo crear a marca de viño e dar de alta a adega, espero que nun prazo de 6-12 meses poda conseguilo. Ao mesmo tempo dar a coñecer o meu viño indo a feiras de viño e artesanía.

A longo prazo ir crecendo pouco a pouco poder xestionar as viñas que vaian quedando abandonadas na zona… Traballar para entrar e consolidar a nosa posición.

Valoras obter o certificado ecolóxico ou algún etiquetado distintitvo? O ecolóxico é imposible, difícil, que o consiga porque estou rodeada de viñas que non traballan en ecolóxico… Tería que comprar todas as viñas anexas ou convencer a todos os veciños que traballen en ecolóxico.

Interésame algún certificado que respalde o que eu fago, e nese sentido penso que o que mellor se adaptaría sería algún de biodinámica como o DEMETER, pero é un tema que investigarei en profundidade na altura da vendimia e no outono.

Que características e peculiaridades ten o voso viño e a vosa zona? O meu viño é totalmente diferente porque é totalmente natural en todo o proceso. Trátase dun viño natural, sen aditivos, sen correccións de ningún tipo, sen filtrado, sen aclarado….que ademais aguanta, xa comprobei que pode viaxar. É un viño que considero alimento, que che vai a sentar ben, vaiche gustar e que ten unhas características ben diferentes e intensas. É un viño que che dura, que che pide beber lento, que sacia máis, ten moito máis corpo e é máis denso, cun cheiro e unha cor máis intensa. O branco colle tonos dourados a veces incluso color barro, e pode chegar case á cor laranxa, de aí que se considere dentro dos orange wines.

Son viños salvaxes e con alma, biodinámicos, froito de traballar cos ciclos lunares, as estacións, as constelacións… Todo isto condiciona o xeito de traballar dependendo da fase. Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo para non ter que ir tan constantemente á viña, con este sistema ao final levas menos traballo e gastas moito menos en produtos.

O meu pobo está entre a zona de cabeza de Manzaneda e Peña Trevinca, vivo no encontro entre o río Xares e Bibei, unha zona moi especial, cunhas condicións climáticas peculiares, onde se mixtura un clima más mediterráneo cun clima máis de montaña. Poderíamos dicir que somos como unha subzona de Valdeorras, que é algo que se tiña previsto facer oficial pero finalmente non se crearon esas subzonas, pois é moi costoso e lento cambiar os reglamentos das DO… É como o tema dos espumosos e rosados, que levan anos intentando introducirse na DO e non hai xeito. A min o das subzonas paréceme un tema moi interesante e outras DO contemplan esta posibilidade, como a DO Rías Baixas. Para min está claro que existe unha unidade territorial entre O Bolo, Viana do Bolo e a Veiga, era o que se ía chamar Terras do Bolo pero non se chegou a finalizar ese proxecto de comarca por falta de acordo entre os concellos. É unha zona con moitos bosques, castelos medievais e unha longa tradición do cultivo do cereal que se está a perder.

A que mercados te dirixes? Como é a comercialización e prezo medio? Diríxome ao cliente final directamente, ao consumidor, premiando e buscando que veñan a buscalo aquí á casa, para que vexa como produzo e podan probalo antes. Tamén busco sommilieres e intermediarios profesionais especializados en viños naturais. O meu obxectivo final non é que o prezo sexa máis elevado, porque o considero alimento e quero que todo o mundo o poida mercar, en Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella.

En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella

Que características ten a vosa adega? É unha adega tradicional, cunhas moi boas condicions para elaboración e conservación do viño. Estamos preparando máis acondicionamento, o que se sería poñela máis bonita. Está medio soterrada e ten unhas condicións de frío moi interesantes que serían moi difíciles de replicar noutra adega e que lle dan un toque especial ao viño. Estamos a producir uns 1000 L de viño por tempada e pensando en non medrar moito ....para conservar a calidade e diferenciación do noso viño sen aditivos engadidos, sen correccións, salvaxe, con alma...palpable no seu corpo e na súa cor intensa e brilante... Tentando seguir atrapando a terra da lousa coas súas ladeiras e ribeiras, e climas ...en cada trago…

Como son as tarefas de mantemento das viñas e cantas persoas traballades? Traballamos as viñas como se traballaron sempre, co saber herdado, e ao tempo practicas ecolóxicas e biodinámica,..Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo ao son da lua e das estrelas para non ter que ir tan constantemente as fincas, con este sistema ao final levas menos traballo e mellores resultados. Fago traballos combinados co meu irmán, nos axudamos mutuamente, e tamén con outros veciños, aquí ainda funciona moito ese sistema. Aquí emprégase moito o que chamamos podas de futuro, non tanto pensando na produción deste ano, pensamos nos seguintes anos, conformando a cepa para que aguante e dure moitos anos. Nós non abonamos en superficie, senon que facemos gavia profunda, tampouco emprego herbicidas, nin insecticidas. Traballo sobre todo con azufre e cal e ás veces sulfato de cobre pero moi pouco e moi puntual. Fago moita poda en verde, e a clave da miña produción é a xestión da vexetación e do follaxe, facendo que circule o aire por dentro da cepa e lle entre o sol por todos lados. E coma todos, moito amor e paixón e concentración no que facemos.

Que procesos tedes mecanizados ou dixitalizados? Qué perspectivas tes? As viñas que están en espladeira son novas prantacións dos anos 80-90 son viñas onde se pode meter o tractor e facer labores mecanizados sen problema, nas viñas vellas en vaso non tanto, hai máis traballo a man, moita fouce e sacho… Co paso dos anos tentamos reducir o laboreo e está funcionando, manter máis o chan, conservalo, e con él toda a vida arredor del.

A nivel de enfermidades, como afecta a localización e tipo de viticultura que facedes a enfermidades? Tentamos ter control das enfermidades desde o coñecemento do ciclo e condicións de vida dos fungos. O ano pasado houbo unha praga tremenda na Galiza de fungos polas chuvias e humidade en épocas concretas, e claro, ainda quedan moitas esporas polas fincas que están esperando para medrar tan pronto comece a primavera... Rematar a poda e facer poda en verde, iniciar xa a xestión de follaxe, conseguir abortar os posibles inicios de medre dos fungos, facer que haxa espazo, que circule o aire... Caldos de ortiga, xofre, polisulfuro de calcio, caldo bordelés... traballar en preventivo, antes de que as plagas medren… Mildeu, tiña… Son da familia da viticultura.

Cales son as principais dificultades e apoios que estás atopando? O apoio e as dificultades veñen do mesmo feito, abrir unha vía nova, sempre implica un extra de traballo e o ninguneo de parte do sector ancorado na producción máis industrializada. É socialmente complicado, é como abrir camiño no monte, atopas silvas, toxos… pero vas abrindo camiño con esforzo e ves que tamén hai amorodos. Son socia da asociación galega de viticultura, levamos anos traballando facendo para fortalecer o sector vitícola en Galicia, e agora ábrese esta nova vía que en realidade non é nada novo senon recuperar as tradicións milenarias, que penso que ao final teñen moita máis tradición e coñecemento que o xeito de producir intensivo, que non ten nen 100 anos de historia e que está deixando tocadas as viñas polas aradas e produtos agresivos. O cultivo natural é un xeito moito menos custoso e agresivo e ao tempo rentable e cun producto de maior diferenciación. Síntome segura porque traballo no proceso ao completo, de principio a fin, desde a viña ata a copa... Os labregos, o sector agrario, estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso, coñecer o prezo e valor dos nosos productos, polo seu custe, polas súas características.

Os labregos estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso

Cal é a situación do viñedo na comarca? Son habituais casos como o teu? En Valdeorras en xeral hai xente motivada coa viticultura porque está moi profesionalizada, e parte de tradición xa herdada, hai moitos viticultores pero tamén xente asalariada, xente que traballa nos viñedos. Nos últimos tempos viñeron novas adegas de fóra que se instalaron aquí con grandes viñedos e a verdade é que moven postos de traballo e están moi profesionalizadas en xeral. Penso que na viña hai traballo e hai futuro. Agora ben, traballar e elaborar do xeito que eu o fago é máis minoritario, somos poucos...de momento... este mercado está medrando... tanto en Galiza, como no resto do mundo…

Que variedades de uva traballades? Interésavos decantarvos máis por tintas ou brancas? Cultivamos godello, mencía, garnacha, arauxa… Alí onde o presentamos gustou moito. Tivo moi boa aceptación …Teño claro que vou facer os dous, tinto e branco. Agora mesmo está de moda o branco, a nivel internacional, tanto que vai afundindo ao viño tinto, moitas adegas non o dan vendido. E aínda así creo que o tinto galego é inimitable e incomparable, moi moi especial.

Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega? Como a coñeciches e por que decidiches apuntarte? Coñecía a Fundación desde a universidade como referente do emprendemento agroalimentario. Levaba tempo dando pasos na elaboración de viño natural e presentei o proxecto para enfrontar as miñas probas no marco de traballo da equipa de marketing, mercados, xestión economica...de Juana de Vega. A miña idea era comprobar que os números daban, que podía tentar desenvolver unha liña de negocio desde o viño natural, dar ese paso sobre firme, facer o proxecto máis sólido… E nese sentido axudoume moitísimo a parte de márketing e imaxe, e sobre todo para coñecer mellor o meu produto, o seu valor e o seu prezo.

Como están vindo os últimos anos? Vedes con preocupación o cambio climático? De momento Galicia ainda se vai librando porque estamos na zona verde máis verde, nós vémolo vir pero de momento non o estamos sufrindo tanto, de feito penso que isto é o que está facendo que os adegueiros de Rioja, Ribera del Duero e outras viñas de Castilla veñan aquí… e iso está provocando aquí un exceso de intensidade na produción… Un pouco de abuso da terra. Aquí a maioría da xente ten sobre 2-3 hectáreas e as adegas que veñen aquí a plantar 40, 100 hectáreas… Un desequilibrio pendente de nivelar… É unha das saidas á crise por exceso na que estamos no mundo do viño, volver a estas formas de elaborar máis tradicionais.

Bodegas Granbazán adquire 16 novas hectáreas nas Rías Baixas

Bodega Gran Bazán expándese adquirindo a parcela lindeira á súa adega, a Finca Tremoedo (Vilanova de Arousa), pasando a ter un total de 36 hectáreas, aumentando así a superficie de produción nun 55%.

A adega, baixo o liderado empresarial de Pedro Martínez (Bodegas Baigorri), conta co talento contrastado do seu enólogo, Diego Ríos, nomeado ‘Enólogo novo do ano en Rías Baixas’, que cumpre o seu quinto ano á fronte da adega. Bodega Granbazán afianza a súa política de crecemento e expansión empresarial coa adquisición da leira anexa á súa adega, en pleno corazón do Val do Salnés. Ata o de agora a adega contaba cun total de 15 hectáreas, despois de que hai uns anos adquiriuse a leira O Muro, de 5 hectáreas. Na actual fase de expansión incorpóranse 16 hectáreas máis de plantación, o que permite a Granbazán contar xa cunha superficie total de 36 hectáreas de Albariño. A operación de compra dos terreos considérase estratéxica para o grupo empresarial, xa que a súa proximidade á adega permite dar continuidade á calidade e identidade dos seus viños, que xa contan cun importante recoñecemento nacional e internacional pola súa personalidade, elegancia e polo alto potencial de envellecemento que presentan, que ata o de agora se caracterizaban por un rendemento de produción baixo, unha media de case 50 anos de antigüidade e chans de granito ricos en minerais do val do Salnés.

Madrid réndese aos Tostados do Ribeiro

O C.R.D.O. Ribeiro regresou de Madrid totalmente compracido tras participar cunha mesa propia con catro tostados dos actualmente certificados no Consello Regulador no Salón dos viños xenerosos, doces e fortificados, organizado por Calduch Comunicación no hotel NH Collection Madrid Eurobuilding o pasado luns. Más de 350 profesionais do sector profesional madrileño (catadores, restauración, catadoras, prensa especializada…) puideron probar esta auténtica xoia enolóxica e profundar un pouco no mundo dos Tostados do Ribeiro, un exquisito descubrimento para moitos deles. O Tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce de longa tradición na D.O. Ribeiro. Para a súa elaboración unicamente utilízase o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas convenientemente pasificadas a cuberto e unicamente con ventilación natural. A súa produción é moi pequena (apenas alcanza o 1% da produción), complexa e laboriosa, resultando unha auténtica xoia da enoloxía de características únicas.
O Tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce de longa tradición na D.O. Ribeiro                       
Na cata, estes especiais viños móstranse como viños doces intensos, complexos e peculiares. Percíbense neles aromas de froitos secos e confeitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confeitada. Trátase de viños moi concentrados con bo equilibrio entre acidez e dozura, untuosos, aterciopelados e moi persistentes no padal. Juan Manuel Casares Gándara, presidente do C.R.D.O. Ribeiro, comenta que “O Tostado do Ribeiro constitúe unha manifestación máis do patrimonio cultural e enolóxico desta enocomarca. É un viño histórico que, aínda que con limitados volumes de produción, adquiriu no século XIX unha gran fama. As mellores uvas de variedades autóctonas (principalmente Treixadura) sometíanse a un proceso de secado, de mínimo tres meses, en locais con ventilación natural ata chegar á cuasipasificación da uva. Posteriormente, procedíase ao seu prensado e á fermentación. A continuación, o viño maduraba mínimo medio ano en barricas de carballo ou cerdeira antes do seu consumo e outros tres meses de afinado en botella.”

Claves para entender os cambios na etiquetaxe do viño

Actualmente, os regulamentos do viño esixen que a etiquetaxe inclúa unha información obrigatoria, que se pode combinar entre etiquetaxe física e dixital. A través da plataforma Vitivin, Sara Rius, directora de Rius&Rius Assessors, ofreceu recentemente unha charla para abordar os cambios da etiquetaxe de viños e bebidas aromatizadas a base de viño. Rius lembrou que os regulamentos veñen desde 2011, "cando xa era obrigatorio que todos os produtos alimentarios incluísen a lista de ingredientes e a declaración nutricional". Con todo, até 2021 non se incluíron as bebidas alcohólicas a esta regulación. A experta aclara que non haberá prórrogas, posto que pasaron dous anos de transitoriedade, e actualmente están pendentes de que a Comisión Europea aclare algúns "conceptos que están no aire". Datos que se deben incluír na etiquetaxe física. Imaxe da presentación na plataforma Vitivin Hai mencións obrigatorias que xa debían figurar no mesmo campo visual, como son: categoría/DOP/UPG, grao de alcol, procedencia, embotellador e volume de alcol. No caso de espumosos, neste espazo tamén debe aparecer o contido de azucre; e no de gasificados a adición de híbrido carbónico. A isto, co novo regulamento, engádese o valor enerxético, a declaración nutricional, alérxenos e ingredientes. Ante a posible dúbida de que é un ingrediente, Rius recorre á definición que se inclúe na Lei: "Calquera substancia ou produto, incluídos os aromas, aditivos alimentarios e as encimas alimentarias e calquera constituínte dun ingrediente composto, utilizado na fabricación ou a preparación dun alimento e que siga estando presente no produto acabado. Os residuos non se consideran ingredientes". Os que se deben incluír son: proteína, hidratos de carbono, graxas, fibra, sodio e todas as vitaminas e minerais. Pódense indicar cunha analítica; con factores de conversión a base azucre, alcol e outros parámetros (empréganse fórmulas) e con valores medios coñecidos ou efectivos dos ingredientes utilizados. Outra información que debe aparecer na etiquetaxe é o tipo de uvas utilizadas, se se utiliza mosto de uva concentrado e os alérxenos (que teñen que figurar na etiqueta física). "Os alérxenos deben aparecer dunha maneira rechamante, en negriña, con outra tipografía ou noutra cor, para que destaquen", recalca. Ademais, tamén se inclúen os aditivos, que aparecen clasificados por categorías (reguladores de acidez, estabilizadores?). "Ás veces, segundo o lote poden variar, polo que se dá a opción de indicar "poden conter" para así non variar en cada lote". Pola contra, os coadiuvantes tecnolóxicos non se teñen que declarar a menos que causen alerxias ou intolerancias, por exemplo, o fermento e as bacterias son auxiliares tecnolóxicos e por tanto non é necesario declaralos. En canto ao valor enerxético, na etiqueta física permítense tres opcións: Utilizando unicamente palabras e símbolos; palabras, símbolos e imaxes; por último, presentando por proporción ou unidade de bebida. Etiquetaxe dixital Hai dúas opcións para a etiquetaxe. Por unha banda, está que toda a información se inclúa na etiqueta física; polo outro, que na etiqueta física se indiquen os alérxenos e o valor enerxético, ademais dun QR que leve a unha lista completa de ingredientes e a declaración nutricional. Datos que se deben incluír na etiquetaxe dixital. Imaxe da presentación en Vitivin Na opción da etiquetaxe dixital, o código QR debe estar no mesmo campo visual que outras mencións obrigatorias, conter a información no idioma do país de comercialización e estar dispoñible durante toda a vida útil do produto. Ademais, está prohibido que a plataforma utilizada recompile ou faga seguimento de datos do consumidor, nin que se utilice para ofrecer información comercial ou da adega. Por último, pódense utilizar tres enfoques: un código QR estático (non pode modificarse), dinámico con opción de redireccionamiento futuro e utilizar un dominio propio para os códigos QR, incluída a función de redirección dinámica.

Adegas de Rías Baixas sacan máis 136.500 botellas de espumoso de calidade

A gama Rías Baixas - Espumoso de Calidade mostra a súa mellor cara en Nadal, cunha produción de 136.666 botellas neste ano. Na actualidade son 19 adegas, con 32 marcas, as que elaboran este tipo de viño, que se comezou a producir na Denominación de Orixe Rías Baixas en 2012. Esta denominación fixo unha aposta por este produto, que cada vez é máis coñecido e apreciado polo consumidor, e cualifica 102.500 litros como Espumoso de Calidade, na súa maioría branco. No ano 2009 o regulamento do Consello Regulador acolleu este produto, de acordo coa normativa europea, que distingue entre Espumoso e Espumoso de Calidade. Como engade o director técnico, Agustín Lago, "aínda que é unha elaboración que cada vez é máis coñecida e se consome todo o ano, hai que ter en conta que a finais de novembro e decembro é cando máis se intensifica a súa cualificación". A normativa aplicada ás Rías Baixas Espumoso de Calidade admite variedades, tanto brancas como tintas, desta denominación e distingue diversos tipos segundo o nivel de azucre. Estes son: Brut Nature (sen azucre engadido), Extra Brut, Extra Seco, Seco, Semiseco e Doce (que leva maior cantidade de azucre). Todos os Rías Baixas Espumoso de Calidade seguen o método tradicional do champenoise para a súa elaboración.

A composición dos viños do Ribeiro: análise e oportunidades

Un estudo realizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal), as universidades galegas e outros centros estatais aborda a análise de viños do Ribeiro para coñecer máis sobre a súa composición e as oportunidades que se lle presentan, ó ter maior información sobre o seu perfil químico e aromático. Un dos eixos deste traballo foi avaliar a composición química básica, ó tempo que fixeron unha análise microbiolóxica, un proceso realizado dende a Evega. En concreto dispoñían de 163 viños brancos e 57 tintos procedentes de adegas particulares e proporcionados a través do Consello Regulador do Ribeiro. Foron viños das campañas entre 2017 e 2022. Nesta análise química avaliaron aspectos como a acidez total e volátil, a presenza de ácido láctico, málico e tartárico, a cantidade de azucre ou o grao alcohólico, entre outras. Unha das análises significativas foi a da presenza de aminas bióxenas nos viños, xa que estas aminas son compostos nitroxenados derivados dos aminoácidos por descarboxilación, que resultan tóxicas. Algunhas delas poden provocar dor de cabeza, palpitacións ou tensión nas persoas máis sensibles. Presenza de aminas bióxenas nos viños do Ribeiro. Nos viños atoparon as aminas putrescina, histamina, tiramina e cadaverina entre outras, pero a amina con maior presenza foi a putrescina, seguida da tiramina e a histamina. A presenza destas aminas deuse tanto nos viños brancos coma nos tintos, sendo maior o contido nos tintos. Aínda que non hai un límite legal para o contido de aminas bióxenas no viño, na Unión Europea hai recomendacións para o contido de histamina de non superar entre 2-10 miligramos por litro. Os viños do Ribeiro atópanse por debaixo destes valores.
“É recomendable escoller bacterias láctica para a fermentación maloláctica que non produzan aminas bióxenas nos viños”: Pilar Blanco, investigadora do Evega
“Estas aminas poden proceder da propia uva ou da fermentación maloláctica, por iso é recomendable escoller bacterias lácticas que non as produzan”, explica Pilar Blanco, investigadora do Evega e coordinadora do proxecto.

Recomendacións para previr alteracións químicas dos viños na adega

A investigadora Pilar Blanco apunta algunhas recomendacións básicas que poden axudar a previr alteracións de orixe microbiana nos viños. -Manter unhas condicións hixiénicas axeitadas na adega. - Procurar que a uva entre en boas condicións. -Evitar paradas fermentativas, procurando ter viños cunha concentración de azucre por debaixo de 2 gramos por litro. -Manter un sulfitado axeitado, de entre 25 -30 miligramos por litro. -É importante garantir unha conservación axeitada: manter os depósitos en cheo, pechados e a baixa temperatura. -Debe realizarse unha filtración micróbica dos viños antes de realizar o embotellado.

Quedan residuos nos viños?

Outro dos aspectos que se abordou nesta investigación é a presenza de residuos nos viños derivados do uso de tratamentos fitosanitarios no viñedo. Neste sentido, o investigador e profesor da USC, Isaac Rodríguez Pereiro, recoñece que non existe unha lexislación sobre os niveis máximos de residuos en viño e tampouco unha relación entre a presenza de residuos no viñedo e os solos que poida relacionarse co viño. “Non hai unha correlación directa entre residuos de uva e viño, nin entre persistencia ambiental e transferencia ó viño”, sinala Rodríguez. Con todo, coñécense de forma aproximada os factores de transferencia de certos compostos da uva ó viño durante a vinificación. O investigador apunta que o carácter sistémico, a alta persistencia e a polaridade son variables que favorecen o paso de residuos da uva ó viño. Concentracións medias e valores máximos para residuos de funxicidas e insecticidas en viños da D.O.P. Ribeiro. A maior parte dos compostos atopados no viño son residuos de funxicidas (55%), seguidos de residuos de insecticidas (29%). Aínda así, como sinala Rodríguez, os valores máximos foron da orde de 200 nanogramos por mililitro de compostos como Carbendazim, Dimethomorph, Fluopicolid ou Metalaxyl. “Atopáronse niveis inferiores ó 10% de niveis máximos de residuos permitidos en uva”, explica o investigador.
“No Ribeiro faise un bo seguimento das normativas sobre os residuos máximos permitidos e os compostos autorizados”: Isaac Rodríguez, investigador USC
Ó mesmo tempo, tamén sinala que é posible que haxa marxe para reducir a presenza de compostos como o Metalaxyl, pero “en xeral, no Ribeiro faise un bo seguimento das normativas sobre os residuos máximos permitidos e os compostos autorizados”, explica Rodríguez.

O perfil aromático

Ó igual que analizaron a súa composición química, a investigación tamén abordou a avaliación da composición aromática destes viños. Desta labor encargouse a investigadora do CSIC, Mar Vilanova de la Torre, no Instituto de Ciencia da Vide e do Viño – ICV da Rioxa. En total, analizaron 145 mostras de viños de diferentes colleitas (2017-2021) e dos vales do Avia, Miño e Arnoia. Todos eles avaliáronos no ano 2022, polo que algúns dos viños tiveron unha evolución na propia botella dende o 2017, mentres outros foran embotellados só uns meses antes. Desta análise amósase que os viños do ano 2017 e 2018 en brancos e o 2018 e 2020 en tintos foron os de maior concentración de compostos aromáticos. No 2018 deuse a maior concentración de terpenos e C13-norisoprenoides, tanto en viños brancos coma tintos. “Estes compostos primarios proceden da uva e é moi interesante que estean en grandes cantidades, posto que aportan aromas florais e afroitados ós viños”, explica Vilanova.
“Os viños brancos e tintos do val de Arnoia conteñen maiores concentracións de compostos volátiles responsables do aroma”: Mar Vilanova de la Torre, investigadora do CSIC en Logroño
Ademais, a nivel de vales, os viños brancos e tintos do val de Arnoia conteñen maiores concentracións de compostos volátiles responsables do aroma, caracterizados pola maior parte das familias de compostos. “Nos brancos atopouse unha maior concentración de terpenos e C13-norisoprenoides no Val de Avia e nos tintos no Val de Arnoia”, explica a investigadora.

Na procura da pegada dactilar dos viños do Ribeiro

O proxecto completouse co desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a protección da marca. “Queriamos ter unha ferramenta que axude a controlar o canal de produción e distribución do viño e ofrecer así unha trazabilidade completa ó cliente, ó tempo que se protexe a marca”, explica Eva López Rituerto, responsable do Laboratorio de RMN da Estación Enolóxica de Haro, na Rioxa.
Desenvolven unha ferramenta para establecer unha pegada dactilar dos viños que permite comprobar a orixe e amosar a súa trazabilidade
Este método bota man dunha mostra de viño coa que se obtén un espectro tan complexo que se lle coñece como pegada dactilar do viño. Estes espectros úsanse para construír modelos de orixe e variedade, cos que se comprobará a coherencia dos viños con eles. Este método ofrece unha vía para evitar fraudes en compras a granel de viño, na etiquetaxe ou no proceso de elaboración do viño. “É preciso que os viños da base de datos sexan autentificados primeiramente polo Consello Regulador, de xeito que se poida ter unha comparativa válida”, explica a experta. Aínda que nesta primeira fase só traballaron cun modelo para a identificación de viños brancos, buscan estender o uso desta ferramenta e contar con modelos tamén para os tintos, de maneira que se poidan identificar os viños da DO Ribeiro.

Técnicas para reducir o grao alcohólico e o pH do viño

“Nos últimos anos comprobouse unha tendencia ao aumento do grao medio do viño e, aínda que é máis difícil ter datos, tamén se observa un incremento do pH”, recoñece o catedrático da Facultade de Enoloxía da Universidade Rovira e Virgili e presidente da comisión de enoloxía da Organización Mundial do Viño (OIV), Fernando Zamora. Desde os anos 90, nalgúns dos principais viños detectouse un incremento do grao medio de alcol que, nalgúns casos como o Bordeus, foi significativo, pasando duns valores medios de pouco máis de 12,5 graos na década dos 90 a situarse por encima dos 13,5 en 2019. Evolución do grao medio no viño dende 1990. O mesmo ocorreu co pH dos viños. Así o demostran os datos históricos como os manexados sobre os viños en Australia entre os anos 1987 e 2014. No caso dos viños tintos pasaron dun pH medio de 3,42 a situarse en 3,62 e nos brancos incrementouse de 3,21 a 3,31. Non é unha realidade illada, xa que tal e como apunta Zamora, nos viños da DOC Rioxa durante os últimos anos apréciase unha tendencia á alza similar, sobre todo a partir dos anos 50 do século pasado. Así, pasouse dun pH medio de 3,30 a situarse por encima de 3,8. Evolución do pH nos viños da DOC Rioxa durante o último século. Detrás deste incremento tanto do pH como do grao alcohólico dos viños atópase o quecemento global derivado do cambio climático, pero tamén ao cambio de tendencias nas elaboracións na adegas. “Queremos viños cunha maduración fenólica completa e iso en ocasións provoca que se atrase máis do debido a data de vendima, o que conleva un incremento do grao alcohólico probable e do pH”, indica Zamora.
O quecemento global está a provocar un crecente desequilibrio entre a madurez tecnolóxica e a madurez fenolóxica e aromática
Un dos principais efectos do quecemento global nos viñedos son as variacións na vendima. “Obsérvase un crecente desequilibrio entre a madurez tecnolóxica e a madurez fenolóxica e aromática”, explica o experto. Dese modo, se se colleita antes de que se produza a madurez nos viños tintos prodúcese astrinxencia, amargor e pouca cor. Con todo, se se espera a madurez completa o grao alcohólico e o pH poden dispararse e resultar demasiado alto, cunha acidez total demasiado baixa. “Vendimiar antes non é a solución, xa que entón resultan viños herbáceos, amargos, astrinxentes e carecen do necesario aroma e boca”, xustifica Zamora.

Inconvenientes dun grao alcohólico e pH altos

Obter viños cun grao alcohólico e pH altos poden conlevar unha serie de inconvenientes en adega. “É evidente que existe a necesidade de elaborar viños de menor gradación ou mesmo sen alcol e cun menor pH”, recoñece o experto. Zamora recolle algúns dos principais atrancos que produce ter altos estes valores. No caso do grao alcohólico, os principais inconvenientes son: - Dificultades na fermentación alcohólica e maloláctica. -Obtéñense viños cunha acidez volátil máis alta. -Algúns atributos de aroma e sabor do viño quedan enmascarados polo exceso de alcol. -Os viños poden resultar desequilibrados, especialmente cando a temperatura de servizo é alta. -Algúns países penalizan aos viños que teñen un grao alto de alcol, con impostos máis elevados. -A presenza dun alto contido de alcol na etiqueta a miúdo tamén desanima a algúns consumidores potenciais que prefiren beber de maneira máis lixeira. -A aplicación de técnicas para reducir o contido de etanol require moito tempo, é custosa e pode afectar á calidade do viño. En canto ao incremento do pH, as consecuencias máis directas son: -Menor efecto antiséptico do dióxido de xofre. -Resultan viños con menos cor. -Prodúcese unha maior oxidabilidade dos antocianos. -Hai un maior risco de desenvolvemento de microorganismos problemáticos. -En xeral, son viños máis fráxiles. Para reducir tanto o grao alcohólico como o pH dos viños apúntanse posibles estratexias como o traslado dos viñedos a zonas de maior altitude, a selección de variedades e clons que maduren máis tarde, así como a adaptación de técnicas de cultivo e en adega á nova situación climática. Zamora apunta algúns dos principais procedementos que se poden levar a cabo para ter valores máis baixos:

Técnicas para reducir o grao alcohólico

• Técnicas microbiolóxicas para a redución do grao alcohólico.

Trátase do emprego de fermentos seleccionados mediante estratexias evolutivas cunha menor produción de etanol e que produzan acedo láctico. Un dos traballos realizados seguindo esta técnica polo investigador e utilizando viño Merlot conseguiu unha redución de entre 0,7 e 0,8 graos. “Non é unha gran redución, nunca se conseguirá reducir máis de 1 grao ou 1,5 graos, pero esta redución pode marcar a diferenza nalgúns viños e tamén de cara ao consumidor”, detalla. Tamén levaron a cabo o mesmo traballo con Garnacha tinta conseguindo unha redución similar. Redución de grao alcohólico en Merlot. Outra das técnicas deste tipo é a utilización de Lachancea thermotoleras mediante unha inoculación secuencial que permita aumentar a acidez dos viños tintos. Resultado do emprego de Lachancea thermotoleras. O uso do ácido fumárico (acedo trans-Butenedioico), coñecido como o aditivo alimentario E297 é outra das alternativas. Trátase dun aditivo moi empregado no sector da alimentación, moi seguro e que resulta un gran inhibidor da fermentación maloláctica do viño e ademais pode ser útil para reducir os niveis de dióxido de xofre. “É unha moi boa alternativa para os viños espumosos ao conseguir evitar a fermentación maloláctica e así manter o seu frescor”, recoñece Zamora. Inhibición realizada con ácido fumárico.

• Técnicas físicas de desalcoholización.

Un dos métodos utilizados é a ósmose inversa, que consiste en exercer unha presión superior á diferenza da presión osmótica entre o viño respecto da auga. Pódese facer tanto en mosto como en viño, aínda que en mosto implica unhas perdas de volume importantes. “Hai que ter en conta que no mosto por grao probable de alcol que queiramos reducir estaremos a eliminar un 7% do volume, mentres que se o aplicamos no viño por cada grao hai unhas perdas de volume do 1%”, detalla o experto. Proceso de ósmose inversa en viño. En base a algunhas das investigacións realizadas con esta técnica con viños das DO Penedès e Priorat conseguiron unha redución do alcol de entre 1 e 2 graos. Con esta técnica só se viron diferenzas significativas no contido de alcol e só nalgúns casos houbo variacións mínimas de acidez. “Se a desalcoholización se fai de forma adecuada non hai grandes diferenzas nos viños e resulta realmente difícil saber en cata cal é o viño desalcoholizado”, recoñece Zamora. Resultados de desalcoholización parcial por ósmose inversa. Só o contido de alcol se viu reducido de forma significativa. En canto ás técnicas evaporativas para conseguir reducir o grao de alcol dos viños, a máis utilizada é a columna de conos rotativos. Tal e como o seu nome indica trátase dunha columna de conos que viran e que provocan unha temperatura moderada (30-35 graos) e ao aplicar o baleiro conséguese a evaporación mesmo completa do alcol mentres que os aromas pódense recuperar mediante condensación selectiva e volver introducilos no viño. O maior inconveniente desta técnica é que o alcol que se extrae non é puro, a diferenza do que ocorre con técnicas como a ósmose inversa onde se consegue un alcol de 96 graos. Tamén é unha técnica na que hai unhas perdas significativas do volume de viño. Para evitar ou polo menos reducir as perdas de auga no proceso de redución do alcol tamén se están empregando técnicas como a tecnoloxía Golo, onde a redución do volume é menor, que se está utilizando moito para a elaboración de cervexa. Así, mentres coa columna de conos rotativos as perdas de volume poden oscilar entre o 22 ao 32%, coas técnicas Golo sitúanse entre 12 e 18%.

Técnicas para reducir o pH do viño

Á hora de reducir o pH do viño, Zamora recolle algunhas das técnicas máis empregadas, como son o intercambio catiónico e a electrodiálise. O proceso de intercambio catiónico consiste en utilizar unha resina de intercambio, de maneira que o viño ao cruzar por ela provoca que parte dos seus catións, sobre todo o potasio, queden depositados e se intercambien por protóns, o que deixa viños cun pH máis reducido. Outro dos procedementos usados é a electrodiálise, unha técnica baseada en aplicar un campo eléctrico potente ao viño, co que tamén se consegue esa redución do pH. Un traballo realizado con viños de Australia amosa como con ambas as técnicas conseguiuse reducir o pH dos viños a valores ao redor de 3,5 graos cando se situaban en 4,24 graos. Ademais, con estes procedementos redúcese tamén a presenza de Potasio de valores superiores a 2.000 a situarse en pouco máis de 1.000 miligramos por litro.

“O consumidor pide Godello ou Mencía de Monterrei e iso é froito do traballo ben feito”

Jonatas Gago converteuse o pasado febreiro no oitavo presidente da Denominación de Orixe Monterrei. Gago levaba máis de 20 anos formando parte do Panel de Cata da entidade, ademais de ter unha vinculación familiar coa viticultura. De profesión, é mestre de Educación Infantil no colexio María Inmaculada de Verín. Falamos con el dos retos que se lle presentan nesta nova etapa, así como os seus primeiros pasos á fronte da entidade, onde xa asumiu entre outros labores, a organización da recente Feira do Viño de Monterrei. -A túa vinculación ó Consello Regulador, como membro do panel de cata, axudouche á hora de tomar a decisión de optar a presidir a DO? Que te impulsou a dar este paso? -Foron moitos os argumentos que me impulsaron a dar este paso, desde o apoio familiar, algo fundamental, ata a miña vinculación co Consello Regulador, entre outros. Levo máis de 20 anos formando parte do Panel de Cata da entidade, pero a miña vinculación co mundo do viño na comarca é anterior, xa que me criei nunha farmacia onde se vendían produtos a viticultores e adegueiros, tamén tiña familiares con viñedos, etc. Pero tamén foi fundamental o apoio do sector, de feito a miña elección foi por unanimidade, algo do que estou moi agradecido, xa que me deu moita confianza e responsabilidade para iniciar o meu mandato. -Hai pouco máis de 6 meses que foches elixido como presidente, como está a resultar esta primeira toma de contacto co cargo? -Os primeiros meses foron de aprendizaxe, xa que coñecía o Consello Regulador a través do Panel de Cata, pero non o funcionamento diario dos órganos de control e xestión. Grazas ó meu equipo fun aprendendo, pouco a pouco, toda a engranaxe da entidade. Tamén é certo que non tiven moito tempo de reflexión, porque nada máis tomar posesión houbo que aprobar os orzamentos, asistir a eventos e organizar a feira do viño, entre outras cuestións. Digamos que foron uns meses intensos, pero moi satisfactorios. -En base á túa experiencia como catador, como ves a evolución dos viños da DO Monterrei? Como definirías a súa situación actual? -Creo que a resposta do consumidor é a mellor confirmación do éxito dos viños da DO Monterrei. Elaboramos un produto de calidade diferenciada e o consumidor recoñéceo. Cando comecei no Panel de Cata había inscritas tres ou catro adegas e na actualidade son 28. Se a máxima do viticultor e adegueiro non fóra a busca da calidade e excelencia non houbéramos chegado ata este punto. Estamos nun momento moi doce, donde a xente non pide Godello ou Mencía senón que pide Godello de Monterrei e Mencía de Monterrei e iso é froito do traballo ben feito.
"O Godello veu para quedarse e aínda que tamén se produce noutras zonas, o contraste térmico existente en Monterrei esculpe unha maduración única no mesmo"
-O Godello é un viño que leva uns anos de moda. Que evolución lle atisbas no mercado? -Non debemos falar de modas, porque as modas son pasaxeiras. O Godello veu para quedarse. Co Godello sucedeu o mesmo que con outras variedades coma o Albariño, Araúxa ou outra. Cando alguén as descubre, namórase delas. É unha variedade incríbel, con matices aromáticos que a fan única e que logran que ó beber, degustar ou catar un viño que teña esta variedade te namores del. Se ben é certo que o Godello tamén existe noutras zonas, o contraste térmico existente en Monterrei esculpe unha maduración única no mesmo. Son viños delicados, elegantes e equilibrados. E tamén son viños que non só se consumen no ano, senón que teñen unha gran capacidade de envellecemento, tal e como estamos a demostrar nas diferentes actividades formativas que se están a realizar no Consello Regulador. Agardamos seguir crecendo no mercado, tanto na canle Horeca como en supermercados, hipermercados, etc. e así consolidar o éxito logrado nos últimos anos. -Doutras variedades que se cultivan en Monterrei, en cales ves máis potencialidade, ben para viños plurivarietais ou monovarietais? -Todas as variedades teñen un gran potencial, estamos detectando que en branco se está a plantar moito Godello e no caso das variedades tintas, están a incrementarse as hectáreas de Merenzao ou Sousón. Pero o importante é que se aposte por Monterrei, por plantar viñedo no territorio amparado, por xerar emprego e fixar poboación. As nosas adegas elaboran grandes viños tanto monovarietaris como plurivarietais, tal e como amosan os premios e galardóns acadados nos últimos anos e iso é o que fai único a este territorio, que somos diferentes, singulares e exclusivos.
"Debemos recordar que existe un importante número de consumidores que se decantan polo tinto e iso as nosas adegas téñeno claro"
-En canto ós tintos de Monterrei, que peso teñen na actualidade na DO? Como cres que evolucionarán os tintos novos no mercado? -Nestes momentos a producción de viño tinto aproxímase ao 40%. As principais variedades tintas son a Mencía e Araúxa, aínda que xa hai numerosas adegas que están elaborar uns excelentes viños con coupage de Bastardo (Merenzao) e Sousón. Debemos recordar que existe un importante número de consumidores que se decantan polo tinto e iso as nosas adegas téñeno claro. Teñen que seguir mimando ao consumidor e ofrecerlle un produto de calidade, e por iso podemos encontrar tanto tinto xoven como elaboracións en barrica, que permiten un amplo número de maridaxes e amosan o potencial de garda que teñen os tintos de Monterrei. -Volvendo ó teu recente nomeamento. Unha das primeiras accións nas que xa tiveches parte foi a presentación do futuro Centro de Difusión do Viño de Monterrei. O Concello acaba de adquirir o inmoble, cales son os seguintes pasos que realizaredes? -Consideramos que se trata dun proxecto de moita relevancia para a nosa comarca. Ata o de agora contábamos cunha área da denominación dentro do Museo Claustro Mercedario de Verín, no que se podía ver a nosa historia, variedades, túnel de aromas, etc. Pero isto suporá un salto cualitativo na difusión do viño, xa que se contará con espazos expositivos, para formación, presentacións, etc. Constituirá un centro de referencia do viño na provincia, coa denominación de orixe Monterrrei como protagonista único. Estamos á espera de realizar novas reunións para, pouco a pouco, converter este proxecto nunha realidade tanxible. -Este centro é un bo exemplo da simbiose entre turismo e vitivinicultura, como ves a aposta polo enoturismo dende as adegas de Monterrei? -Consideramos que o enoturismo é fundamental, xa que non só é unha oportunidade para presentar in situ o teu produto, senón para amosar todo o proceso que conleva a súa elaboración, desde o traballo na viña ata a botella. E iso as bodegas de Monterrei enténdeno perfectamente, de feito a Asociación da Ruta do Viño Monterrei, da que tamén son presidente, conta con 15 adegas asociadas, das 28 que hai na denominación, é dicir máis da metade. Na última asamblea desta entidade acordouse estudar todas a vías para avanzar neste campo, xa que consideramos que a aposta polo enoturismo debe implicar o máximo número de sectores posibles, adegas, restauración, aloxamento, empresas de servicios, etc. Nos últimos anos, traballouse para consolidar a marca Ruta do Viño Monterrei promovendo accións como sinalización, creación dunha páxina web ou elaboración de material promocional propio.
"Están a darse os primeiros pasos para realizar unha modificación do Prego de Condicións para incluír novas elaboracións e ampliación do territorio amparado"
-Que outros obxectivos te marcas como prioritarios como presidente do Consello Regulador? -A nosa labor como entidade abarca tanto o control como a promoción. Con respecto á segunda, estamos a seguir a liña dos últimos anos, coa realización de eventos propios destinados a sectores específicos, como a canle Horeca, distribución, medios de comunicación ou consumidor final. Todo coa finalidade de amosar as singularidades dos viños de Monterrei, darlle a oportunidade ás nosas adegas de abrir novos mercados e consolidar os xa existentes, entre outras cuestións. Tamén seguimos a apostar pola participación en feiras vitivinícolas, nacionais e internacionais, como Barcelona Wine Week, Fenavin ou Prowein, e estamos a traballar en novas iniciativas como viaxes de familiarización ao noso territorio. No ámbito do control, están a darse os primeiros pasos para realizar unha modificación do Prego de Condicións para incluír novas elaboracións e ampliación do territorio amparado. -Como valoras a situación da Denominación de Orixe Monterrei a nivel de viticultores e adegas? -De xeito positivo. Neste último ano incrementouse o número de novos viticultores inscritos, un gran número deles, rapaces novos, algo que consideramos fundamental para a denominación. No ámbito de adegas, temos constancia de que se sumarán novas a este proxecto chamado ‘Monterrei’. Así que non podemos estar máis que satisfeitos, porque nos atopamos nun sector económico atractivo para a xuventude e que agardamos agora se potencie coa implantación do ciclo medio de FP dual de vitivinicultura e aceites. Estamos nun sector que está a xerar un importante número de postos de traballo na nosa comarca.
"É moi interesante e atractivo que grandes adegas de fóra se fixen en Monterrei, pero hai que ser cautos, porque o crecemento da denominación debe ser gradual e garantindo a nosa calidade diferenciada"
-Monterrei non é allea ó proceso de entrada de grandes adegas de fóra nas denominacións de orixe galegas. Como ves este proceso? -Efectivamente non somos alleos a iso e aínda que loxicamente é moi interesante e atractivo que grandes adegas de fóra se fixen en Monterrei, hai que ser cautos, porque o crecemento da denominación debe ser gradual e deste xeito seguir garantindo a nosa calidade diferenciada. -Cales son os principais mercados da DO Monterrei e en cales vedes máis posibilidade de incremento das vendas? -Fundamentalmente o noso viño distribúese no mercado nacional, en Galicia, norte de España, áreas metropolitanas de Barcelona e Madrid, e Levante, tal e como recollen os datos Nielsen. Estamos a comprobar que, desde a crise sanitaria da Covid-19, as nosas vendas creceron nese mercado nacional, xa que se incrementou a presenza dos nosos viños non só na canle Horeca senón tamén en cadenas de supermercados e hipermercados. No exterior, o produto da DO Monterrei está presente en países como Alemaña, Holanda, Reino Unido, México, Suíza, Xapón ou Estados Unidos. O noso obxectivo no ámbito da promoción é consolidar os mercados existentes e, como non, axudar ás adegas a abrir outros novos. -Como foi a evolución dos viñedos esta campaña? -O mes de xuño foi complicado pola excesiva cantidade de choiva que caeu e que obrigou a viticultores e adegas a redobrar os seus esforzos nos viñedos para frear a aparición de mildio e outras enfermidades. Pero o importante é que se logrou controlar e os resultados son patentes na campaña da vendima que está en marcha.
"Preocúpannos os efectos do cambio climático por iso acabamos de asinar un convenio co Inorde para poñer en marcha un proxecto de dixitalización e optimización do manexo do cultivo"
-O cambio climático, que deixa este tipo de fenómenos meteorolóxicos extremos, é unha preocupación para Monterrei? É preciso avanzar nas pólizas de seguros dos viñedos? -Desde logo que constitúe una preocupación e sería unha tolemia negalo. Por este motivo desde o Consello Regulador, coa colaboración do Inorde, asinouse un convenio de colaboración para poñer en marcha un proxecto piloto de dixitalización e optimización do manexo de cultivo no ámbito territorial desta denominación de orixe. Esta actuación incluirá a implantación de estacións agroclimáticas que permitan aos viticultores o uso dunha tecnoloxía de vangarda a través da cal obter información específica sobre a súa parcela, teña ou non instalada nela unha estación. A información obtida poderase integrar noutros sistemas e ferramentas, para continuar nunha liña de traballo que faga posible apostar pola sustentabilidade e respecto polo ambiente. Con respecto ás polizas de seguros, somos un territorio vitícola no que se formaliza un importante número das mesmas, non só por parte de adegas senón tamén de viticultores, xa que son conscientes dos riscos e consecuencias dos fenómenos metereolóxicos extremos, que poden ocasionar danos parciais ou totais nos sus viñedos. -Falando un pouco do contexto territorial da DO, Como vedes a situación agrícola e forestal da comarca en xeral? Tedes problemas recurrentes de lumes e se quitamos a puxanza do viñedo, unha tendencia ó abandono de terras... -Nestes momentos, o vitivinícola é o principal referente no sector agrario comarcal. E está a comprobarse que é un sector rendible, que xera postos de traballo e riqueza no territorio, por iso son cada vez máis os que apostan por el. Así o creron os que definiron o xerme da nosa denominación, a finais dos oitenta e principios do noventa e así o cremos nós. Do campo si se pode vivir, da agricultura, gandería e, por suposto, da viticultura. Só temos que crelo e apostar por iso. -En relación á DO, hai algunha demanda que destacarías para as Administracións? -Unha das principais demandas é a revisión do Rexistro Vitícola, xa que nos últimos anos detectamos erros como a modificación de variedades ou superficie, sen que o viticultor o instara. Tamén a resolución de modificacións do mesmo, que chegan a dilatarse un ano, o que xera gran malestar no sector.

“En cada botella do noso viño tamén está o duro traballo da viticultura na Ribeira Sacra”

O tinto Viña Vella elaborado pola adega SAT Virxen dos Remedios, do Saviñao (Lugo), é o mellor tinto de Galicia neste 2023. Coñecemos de man de Juan Carlos Varela Aguiar, responsable da adega e un dos socios desta SAT como traballan no seu día a día para lograr estes bos resultados. Nesta adega familiar a aposta é clara pola tradición e polos viñedos, así como o seu compromiso por contribuír a manter viva a zona e conservar o patrimonio natural, clave para a produción vitícola. -Sodes unha adega familiar, cóntanos como comezou SAT Virxe dos Remedios? -Comezamos co xerme da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Daquela viamos que estaban quedando os viñedos abandonados, porque non había saída nin para a uva nin para o viño. Entón decidimos fundar a adega para darlle saída á nosa propia uva e ó excedente que podían ter os veciños destes pobos darredor. -Cantos produtores formades a SAT? -Na SAT somos 9 socios, miña nai e todos os seus irmáns, un primo meu e máis eu. Ademais mercámoslle uva a viticultores da zona. Así é que hoxe en día estamos traballando cuns 50 viticultores. O 95% destes viticultores son xente maior. Debemos ter uns 5 ou 6 que non estean xubilados. Estes viticultores teñen as viñas para autoconsumo e nós mercámoslle o excedente que lles sobra. Non temos ningún viticultor que se dedique exclusivamente á viticultura. -Situádesvos en Diomondi, no Saviñao, en pleno corazón da Ribeira Sacra, que ten de especial esta zona para a produción de viño? -Calquera que se achegue aquí pode ver que o que ten de especial, en gran medida, é a paisaxe, que xunto coa orientación, os solos que temos e as variedades que traballamos fan un viño diferenciado con respecto doutras zonas produtoras.
“Manexamos unhas 4 hectáreas de viñedo, o problema é que están repartidas en máis de 40 parcelas e a maioría teñen accesos complicados”
-Que superficie de viñedo manexades e que variedades traballades? -A adega e os socios manexamos unhas 4 hectáreas de viñedo, o problema é que están repartidas en máis de 40 parcelas e a maioría teñen accesos complicados. A moitas das parcelas podemos acceder só con tractor e malamente. -Ó situarse en bancais con tanta pendente, como é o manexo que facedes da viña? Tedes algún tipo de mecanización nos viñedos ou todo debe facerse de xeito manual? -O traballo en si da viña é todo manual, dende a aplicación dos tratamentos, a poda ou a vendima é manual. Só nalgúns casos, naquelas viñas que temos máis accesibles, na vendima podemos axudarnos dunha carretilla de eirugas, o resto das uvas temos que sacalas ó lombo. Todos os traballos temos que facelos de xeito manual, non temos ningún tipo de mecanización posible. Nos últimos anos e naqueles viñedos nos que é posible estamos comezando a botar man de mangueiras para aliviar algo traballos como a aplicación de fitosanitarios, que se facía sempre coa mochila ó lombo cargada. Con todo, aínda sen o peso do produto, segue sendo unha aplicación manual que require moito esforzo físico.
“Dentro de cada botella non só hai viño, senón o traballo duro que supón cultivar o viño neste entorno”
Ás veces a xente non entende que un Mencía da Ribeira Sacra custe máis que o doutras zonas, pero hai moito traballo duro detrás. Dentro de cada botella non só vai viño, senón o traballo duro que supón cultivar o viño neste entorno. Os viños da Ribeira Sacra é un xeito máis de conservar o patrimonio. -Houbo e hai moito abandono dos viñedos? -Sobre todo a comezos dos 80 houbo moito abandono dos viñedos. Masas forestais que hoxe se atopan á beira dos viñedos noutros tempos tamén tiñan viñas. Nós de feito, houbo algún viñedo que recuperamos. En concreto, temos un viñedo singular, que se atopa na parte alta da ladeira, a carón dun castro, que herdara meu pai e que unha vez que pertenceu á familia decidimos recuperar. Arrancamos as árbores que había, rehabilitamos os muros dos bancais e plantámola totalmente de novo. Ese traballo tamén se fixo de xeito manual, sen maquinaria. Hoxe en día está quedando máis viñedo abandonado do que se recupera, debido ó avellantamento dos viticultores que hay. -Canto tempo se prolonga a vendima e como se realiza con estas limitacións? -A vendima prolóngase entre 15 ou 20 días, pero non por tela que facer nestas condicións, xa que senón sería cuestión de contar con máis xente. Eses prazos son máis ben porque a maduración tamén vai sendo paulatina, non maduran ó mesmo tempo aqueles viñedos que se atopan máis preto do río que aqueles que se atopan a unha determinada altura na ladeira, de maneira que a maduración e a vendima son paulatinas. No noso caso como elaboramos branco e tinto, comezamos sempre antes polo Godello, que é a uva que madura máis cedo, para logo ir pasando ás outras variedades, a medida que van acadando a maduración óptima. -Sacades algunhas das uvas polo propio río? -Non. No noso caso a maior parte dos viñedos están situados en media ladeira e levalas ó río resultaríanos tan complicado como levalas á adega. Hoxe en día é testemuñal a uva que se saca polo río, ese era un sistema empregado naqueles viñedos que se atopaban máis próximos e antes de facerse algúns dos camiños de acceso que hoxe hai. -Canta xente traballades na adega, tanto habitualmente como en épocas de maior carga de traballo? -Durante boa parte do ano adoitamos facer o traballo os propios socios. Durante a vendima empregamos a 5 ou 6 vendimadores.
“O que ten de especial o noso viño é que cando o bebes che recorda á zona”
-O traballo duro no viñedo parece que tamén dá os seus froitos, este ano o voso Viña Vella Mencía volveu coroarse como mellor viño de Galicia. Que destacarías deste viño? -Creo que o que ten de especial o noso viño é que cando o bebes che recorda á zona. Nótase que é Mencía e os solos e a orientación tamén lle imprimen carácter. Tentamos facer a maior parte do traballo en viña, que a calidade da uva sexa a mellor posible e na adega simplemente elaboralo e reflectir o que sae da viña. É un viño sen artificios, pero franco. -No caso do branco Viña Vella optades por un plurivarietal. Que variedades ten e por que vos decidistes por elas? -Fai anos non era así, pero agora os nosos brancos están compostos maioritariamente por Godello, sobre un 85%. O resto, a partes iguais, é Treixadura e Albariño. Escollemos estas variedades porque son as que tiñan os nosos provedores. Cando comezamos, dalgunha das variedades tiñamos pouca cantidade e decidimos non facer monovarietais de cada unha delas e por iso comezamos a elaborar este multivarietal. Creo que foi unha decisión acertada, porque unhas variedades compleméntanse coas outras. Os viños Viña Vella branco e tinto que elabora a adega. // Imaxe Iago Seoane. -Que produción tedes tanto do branco coma do tinto? -Aínda que varía en función da colleita, no caso do tinto, na última colleita rondamos os 50.000 litros e do branco andamos nos 15.000 litros. -Á marxe do manexo do viñedo, como é o proceso de elaboración na adega? Apostades tamén por mantervos fieis á tradición ou aquí botades man de máis tecnoloxía? -Respectamos ó máximo posible a uva, para que o viño reflicta o que temos en viñedo. Cada vez tendemos máis a facer unha elaboración tradicional, pero utilizando métodos e tecnoloxía modernos. Levamos anos traballando co enólogo Julio Ponce Mouriño e tentamos achegarnos ós viños da zona e ás súas características.
“A nosa produción véndese en Galicia, aínda que tamén exportamos algo ó resto de España e a países como Estados Unidos, Alemaña ou Perú”
- A que mercados estades dirixindo os vosos Viña Vella? -Maioritariamente a nosa produción véndese en Galicia, aínda que tamén vendemos algo ó resto de España e ó estranxeiro. Así temos tamén algo de mercado en Cataluña, Baleares e temos mandado viño a Estados Unidos, Holanda, Alemaña, Romanía ou Perú. Son cantidades pequenas porque tamén custa que os nosos viños cheguen a mercados onde non son coñecidos. -Un dos retos do campo e sobre todo da viticultura en zonas como a Ribeira Sacra, que esixe un manexo manual, é a falta de remuda. Como vos afecta persoalmente? Tedes remuda e atopades xente para traballar na adega? -O problema é grave. Xa non é que non atopes xente para a vendima, senón que para algún traballo puntual que precises man de obra como pode ser a poda é case imposible atopar xente e menos que estea un pouco preparada para traballar no viñedo. En canto á remuda na adega, está un pouco complicado, xa que as novas xeracións parece que non apostan, polo menos por agora, polo viñedo.
“Cando comezamos, a nosa ambición era contribuír a manter viva a paisaxe e así queremos seguir, aínda que non nos fagamos ricos coa adega”
-Coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade víase máis preto o turismo e a viticultura. Vós valorades tamén achegarvos máis ó etnoturismo e a recibir visitas na adega? -Pode ser unha saída. Se o turismo se move e a economía marcha ben pode haber máis posibilidades para que a xente queira quedarse aquí. Tamén é certo que neste tipo de candidaturas debera de contarse máis coa xente da zona, para que despois non só se traduza en inconvenientes ou restricións para os que habitamos aquí e estamos manténdoa viva, que haxa tamén vantaxes. -Que perspectivas de futuro tedes a curto prazo na adega? -Levamos anos estabilizados en canto á produción que manexamos e xa cando comezamos a nosa ambición era contribuír a manter viva e preservar a paisaxe e o entorno. A nosa intención é seguir nesa liña, que adega dea para manterse, aínda que non nos fagamos ricos con ela.

A XVI Feira do Viño Monterrei incluirá catas comentadas, showcookings e xogos infantís

Verín acollerá do 11 ao 13 de agosto a XVI Feira do Viño de Monterrei. Esta edición contará cun amplo programa de actividades, aptas para todos os públicos, que se sucederán durante as xornadas co obxecto de converter esta cita nun evento vitivinícola ineludible. Ademais de iniciativas musicais e culturais, que terán lugar durante as tres xornadas da feira, tamén están programadas catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de actividades tradicionais para os máis pequenos da casa. A primeira delas será ‘Introdución á cata dos viños de Monterrei’. Celebrarase o sábado 12 de agosto, a partir das 13 horas, e ten por obxecto a realización dunha viaxe polos distintos estilos da denominación, onde o público non só aprenda unha idea de como catar viños senón tamén a valorar o alto nivel conseguido nos viños deste territorio amparado, a través das diferentes variedades cultivadas. Esta actividade correrá a cargo de David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía desde o ano 2021, graduado en enoloxía e director técnico dunha adega galega. Ese mesmo día, pero xa ás 20.30 horas, terá lugar a actividade ‘Showcooking de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova) e cata-harmonía con viños da DO Monterrei (Miguel López, director técnico do C.R.D.Ou. Monterrei)’. Na mesma, os asistentes descubrirán diferentes elaboracións culinarias que serán maridadas con viños brancos e tintos da denominación, que lles permitirá experimentar diferentes sensacións e texturas enogastronómicas. Na xornada do domingo, ás 13 horas, organizarase a actividade ‘Embaixadores de Monterrei’, dirixida a todo tipo de persoas con curiosidade polo mundo do viño. Esta iniciativa busca debullar e poñer en valor os viños da denominación, mencionando variedades, solos e climas. Será impartida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Catadoras - AGASU, ademais de catador formado no Instituto Galego do Viño, formador no mesmo centro durante dez anos, e organizador de diferentes eventos para revalorizar o viño galego ao longo da xeografía nacional.
Para participar nas catas é preciso formalizar a inscrición. As prazas son limitadas e teñen un custo de 5 euros
Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 5 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse nun espazo habilitado para iso, situado na zona norte do parque da Alameda. Doutra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 12 e 13 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, billar aéreo, tangram ou ra, entre outros. Non é necesaria a inscrición previa, e a área infantil establecerase na zona sur do devandito parque.
Luis Buitrón, será novo membro da Confraría dos Viños de Monterrei.

Confraría dos Viños de Monterrei

Os actos de celebración da feira comezarán xa o vindeiro venres, día 11 de agosto, coa imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, no que serán nomeados tres novos integrantes da mesma. Este acto levarase a cabo na Igrexa Parroquial de Verín, a partir das 18.30 horas (entrada libre ata completar aforo). A Confraría dos Viños de Monterrei foi creada no ano 2013, e conta na actualidade con 49 membros (algúns deles nomeados a título póstumo). Nesta ocasión, sumarase á Confraría dos Viños de Monterrei, Luís Buitrón Barrios, actual presidente da Federación Española de Enoloxía (FEAE). Buitrón estudou enoloxía na Escola de Viticultura e Enoloxía de Requena (Valencia). Iniciou a súa actividade profesional en Galicia, traballando en adegas de Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas e Monterrei e trasládase posteriormente á zona de Ribeira do Douro e León. Buitrón foi director técnico do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra e na actualidade dedícase ao asesoramento de adegas en Galicia, Asturias e Castela e León. O que será novo membro da Confraría dos Viños de Monterrei afirma que nesta denominación de orixe -un dos berces do Godello- están a producirse dos mellores monovarietais de España desta variedade. "O contraste térmico brutal de Monterrei esculpe unha maduración única no Godello", reivindica.
"Hoxe o Godello é un puntal de Monterrei, é o emblema da DO, aínda que ata hai uns anos os tintos foran o seu mascarón de proa": afirma Luís Buitrón
  Así mesmo, o presidente do colectivo profesional dos enólogos españois destaca a potencia do Godello de Monterrei como unha das maiores de todos os territorios peninsulares. "Os monovarietais que se están producindo hoxe de Godello en Monterrei e Valdeorras son dos mellores da Península", valora. Ademais, recorda que o seu cultivo ten unha longa tradición en Monterrei, aínda que antes este territorio se vinculara máis aos tintos. "Hoxe o Godello é un puntal de Monterrei, é o emblema da DO, aínda que ata hai uns anos os tintos foran o seu mascarón de proa", asegura. Apunta que polas características da súa zona de transición, cun clima moi extremo na diferenza climática e con grandes contrastes térmicos (grandes xeadas e moito calor no verán), permite unhas maduracións de gran calidade.

Queren medrar en produción e tamaño as denominacións de orixe vitícolas de Galicia?

Está entre os plans a curto prazo das Denominacións de Orixe (DO) vitícolas de Galicia seguir medrando? Esta foi unha das preguntas que abordaron os representantes das distintas DOs durante a mesa redonda que os reuniu no marco do I Foro de Uva e Viño celebrado recentemente en Cenlle (Ourense). As súas estratexias e obxectivos son diferentes e, aínda que todas elas están a poñer esforzos en manter o crecemento que experimentou ao longo dos últimos anos o sector vitícola galego, teñen posta a vista en distintas prioridades. No Consello Regulador do Ribeiro teñen claro que tanto á hora de fomentar o crecemento como a internacionalización dos viños producidos nesta demarcación o seu papel é como motor e xerador de oportunidades para as adegas que traballan baixo o seu amparo. “O Consello Regulador non está para vender viños, senón para xerar oportunidades que logo poidan aproveitar as adegas e viticultores ”, reivindica Juan Manuel Casares, presidente da DO Ribeiro.
“O Consello Regulador non está para vender viños, senón para xerar oportunidades que logo poidan aproveitar as adegas e viticultores”
Ademais, o crecemento da produción está dentro das súas prioridades. “Debemos seguir crecendo, aínda que temos que facelo con determinadas cautelas”, apunta Casares. Así, apostan por un crecemento no que non só se mire cara á internacionalización senón que se protexa os mercados propios. A internacionalización está tamén condicionada, en certa medida, nos recursos económicos, polo que reivindican as accións que xa se realizaron de forma coordinada entre as distintas DOs. Rías Baixas é unha das demarcacións que ten entre os seus obxectivos prioritarios a curto prazo manter un crecemento, así o recolle no seu Plan director ata 2030, para o cal realizaron enquisas no sector e entre os consumidores internacionais, sobre todo nos mercados americano e inglés, que representan o 53% das exportacións dos viños de Rías Baixas. “Debemos seguir crecendo, aínda que temos claro que debe ser un crecemento sostible”, reafirma Juan Carlos Vázquez Abal, vicepresidente da DO Rías Baixas. Apuntan a que é necesario seguir crecendo en especial nestes dous mercados. “Temos que ter unha maior presenza nestes mercados”, indica Vázquez. Aínda que pode parecer que os viños de Rías Baixas teñen xa unha presenza destacada en ambos, apenas un terzo dos consumidores ingleses coñece os viños de Rías Baixas e só unha quinta parte dos americanos oíron ou probaron estes viños.
“Necesitamos seguir apostando polos mercados internacionais, en especial polo mercado americano e inglés”
“Necesitamos seguir apostando polos mercados internacionais. Temos previsto incrementar a nosa presenza con máis eventos promocionais nestes destinos sen desatender outros mercados como son os países europeos, Centroamérica e mesmo Asia”, apunta Vázquez. Outra das liñas nas que están a traballar para seguir crecendo é a elaboración dun porfolio de viños premium, no que tamén se inclúen viños de garda. É unha estratexia para chegar a outros perfís de consumidores. “Na actualidade este tipo de viños representan en Rías Baixas apenas un 4% e a nosa intención é que se incrementen a un 10%”, indican desde a DO. Reivindican que se aposte por este tipo de viños dado o potencial dos viños de garda desta denominación. “Os viños de Rías Baixas evolucionan moi ben no tempo e dados os custos de produción que temos, debe apostarse tamén por este tipo de viños”, valoran desde a DO.
“A paisaxe como o gran aliado dos viños da Ribeira Sacra”
Os socalcos que caracterizan a produción vitícola na Ribeira Sacra son un dos puntos fortes para manter o crecemento destes viños, tal e como reivindican desde a DO. “Temos a paisaxe como gran aliado dos nosos viños”, apuntan desde o Consello Regulador. Nesta DO son moi conscientes de que os característicos viñedos, de pequenas dimensións e onde se realiza unha viticultura heroica polas difíciles condicións da produción do viño nestes predios, son máis un punto forte que unha limitación. Así, para seguir crecendo apostan por achegar aos prescritores á realidade dos seus viños, para que coñezan de primeira man e valoren o esforzo de producir viño nesta terra e os bos resultados nos que se traduce. Atraer aos prescritores é tamén unha forma de que recoñezan o valor que deben ter estes viños, de maneira que o prezo final do viño sexa comprendido polo consumidor e se cubran os elevados custos de produción que manexan nesta DO.
“Debemos atraer ao consumidor ao territorio para poñer en valor o viño e facerlle ver como é a produción en Valdeorras”
Na DO Valdeorras teñen moi presente que a reducida dimensión que manexan de media as súas adegas son unha limitación para promover unha gran expansión destes viños cara a mercados internacionais, por iso, do mesmo xeito que na Ribeira Sacra, a súa estratexia de crecemento céntrase máis en dar a coñecer os seus viñedos. “Temos que atraer ao público xeral e ao consumidor ao territorio para poñer en valor o viño e facerlle ver ao cliente como é a nosa produción”, explica Ricardo Dobao, vogal da DO Valdeorras.
“En Monterrei somos partidarios de seguir un crecemento moderado, lento e progresivo”
Do mesmo xeito que ocorre en Valdeorras, na DO Monterrei tanto o limitado tamaño da propia Denominación de Orixe como das adegas reduce a capacidade de expansión cara a mercados internacionais e o crecemento, tal e como apuntan desde o Consello Regulador. O seu obxectivo é afianzar a posición das adegas nos mercados nos que xa conseguiron facerse un oco e buscar un crecemento seguro. “Somos partidarios de seguir un crecemento moderado, lento e progresivo”, valora Manuel Vázquez Losada, vicepresidente da DO Monterrei.

Aumentar a superficie de viñedo

O crecemento polo que apostan as distintas Denominacións de Orixe non sempre está vinculado cun incremento da produción e da superficie de viñedos. Este é un dos aspectos nos que se atopan grandes diferenzas. Así, mentres que por exemplo no Ribeiro levan anos traballando por incrementar a superficie para viñedos dispoñible para os viticultores e adegas amparadas na DO, outras denominacións teñen claro que o seu crecemento non pasa por incrementar a superficie a traballar. De feito, desde o Consello Regulador do Ribeiro xa enviaron á Consellería do Medio Rural un informe sobre a recuperación da terra abandonada para conseguir darlle forma a ese crecemento en base territorial polo que están a traballar. Incrementar a base territorial tamén é unha prioridade nas Rías Baixas para atender a demanda que xera a estratexia de internacionalización que están a levar a cabo. De feito, as súas previsións para 2027 é sumar unhas 1.000 hectáreas de viñedo, o que supoñerá un incremento de entre 6 e 8 millóns de quilos de uva.
Tanto Ribeiro como Rías Baixas teñen entre as súas prioridades incrementar a base territorial dos seus viñedos, mentres que Valdeorras e Monterrei buscan un reaxuste e ordenación do territorio
Mentres, na situación contraria atópanse na DO Ribeira Sacra, onde ao falar de crecemento pensan en crecer en calidade e posicionamento dos seus viños, non en cantidade. “Nos nosos viñedos non é posible a mecanización e co envellecemento dos produtores e a falta de substitución xeracional non ten sentido pensar en incrementar superficie”, explican desde o Consello Regulador. Noutros territorios como Valdeorras, están a traballar tamén por unha ordenación do territorio para organizar este crecemento e o incremento da superficie de viñedos. Tamén teñen presente a baixada de rendementos por hectárea debido ao cambio climático, como un condicionante máis para este crecemento. “Antes de crecer debemos de valorar cales son os terreos dentro do noso territorio que mellor se adaptan para o viñedo, non ten sentido crecer sen ter isto en conta”, xustifican desde o Consello Regulador de Valdeorras. En Monterrei manteñen un posicionamento similar, buscando un incremento da superficie de viñedos, pero seleccionando as parcelas que mellor se adapten para este cultivo. “Non todo o noso territorio é apto para producir viño de calidade, mentres que temos concellos limítrofes cunhas moi boas condicións e unha fonda tradición na produción vitivinícola, cara a onde sería máis interesante que se ampliase a base territorial”, explican.

O desembarco de grandes adegas españolas en Galicia: motivos e perspectivas

As grandes adegas españolas puxeron o ollo nos viñedos galegos. Os viños producidos en Galicia chamaron a súa atención e motivaron que nos últimos anos grandes grupos vitícolas desembarcasen xa en terras galegas, coa compra de viñedos e a adquisición ou construción de novas adegas. Pero, por que apostaron por Galicia? Que lles levou a asentarse na rexión? Esa foi unha das preguntas que se abordaron nunha das mesas celebradas no marco do I Foro da Uva e a Viña, organizado por Interempresas Media e a compañía Isagri na finca Pazo de Toubes da cooperativa Viña Costeira, no municipio ourensán de Cenlle. A cita congregou a máis de 200 participantes, entre viticultores, adegueiros e especialistas do sector do viño a nivel nacional e internacional. No debate participaron 3 grandes adegas españolas que acaban de desembarcar en Galicia como son Tempos Vega Sicilia, o Grupo CVNE e Adegas Matarromera. Todas elas coincidiron en destacar a fonda tradición da viticultura en Galicia como o gran atractivo para iniciar en terras galegas novos proxectos.

Os puntos fortes da viticultura en Galicia

Estes tres grupos vitícolas Galicia viron nos viñedos galegos unha nova oportunidade de negocio, apostando pola diferenciación e restan importancia a algúns dos desafíos que expón a viticultura en Galicia como son a gran incidencia de mildio que adoita rexistrase nalgunhas zonas vitícolas e en determinadas campañas, ademais do minifundio que predomina, en especial no viñedo.
“En Galicia hai boas condicións para elaborar viño. O mildio é un reto, como noutras zonas hai outros”: Enrique Macías, Tempos Vega Sicilia
“En Galicia hai boas condicións para elaborar viño. O mildio é un reto, como noutras zonas hai outros”, reivindica Enrique Macías, director de Viticultura en Tempos Vega Sicilia. Precisamente, o grupo atópase en plena fase de construción dunha nova adega no municipio pontevedrés de Crecente, na DO Rías Baixas. Vega Sicilia conta xa con polo menos 24 hectáreas de terreo en Pontevedra. Agárdase que este ano realicen a primeira vendima, tras anos adquirindo viñedos en distintas zonas da DO. Desde Vega Sicilia recoñecen ademais, que chegaron a Galicia coa intención de empaparse dos métodos tradicionais tanto á hora de coidar o viñedo como de elaborar viño. “Viñemos a aprender”, indica Enrique Macías. “Aplicamos novas tecnoloxías, pero ante a dúbida botamos a vista atrás, mirando como se facía antes”, apunta Macías. Tamén apostan pola observación dos viñedos e recoñecen que en Galicia iso é unha máxima. “Os viticultores galegos teñen claro que o viñedo manda e saben da importancia de observar o que ocorre nas viñas”, indica Macías. De igual modo, desde Tempos Vega Sicilia valoran a identidade que marca o terroir aos viños en Galicia e mesmo consideran interesante os pequenos predios que abundan na rexión. “Un minifundio ben entendido, sen ser extremo, é un valor máis dos viñedos galegos, xa que proporciona heteroxeneidade. O minifundio dificulta o manexo, pero é un bo argumento para facer viños diferentes”, explica. Tamén desde as Adegas Matarromera, procedente da DO Rueda e que nos últimos anos adquiriu viñedos nas DOs galegas do Ribeiro e Rías Baixas, reivindican o bo facer e a dedicación dos viticultores galegos, como fonte de inspiración. “O viticultor galego ‘vive’ no viñedo, o que lles permite ter un gran coñecemento dos seus viñedos e un enorme coidado das viñas”, apunta Julio Pinto, director xeral de Adegas Matarromera.
“O presente en Galicia é do Albariño, pero o futuro será da Treixadura”: Julio Pinto, Adegas Matarromera
No caso de Matarromera comezaron traballando en Ribeiro co primeiro viño elaborado xa en 2017. “Pensamos que o Ribeiro é o futuro dos viños galegos”, valora Pinto. En canto a variedades, ven un gran potencial na uva Treixadura. “A Treixadura acabará substituíndo ao Godello, do mesmo xeito que ocorre co Albariño. O presente é do Albariño, pero o futuro será da Treixadura”, vaticina Pinto. As súas perspectivas de futuro para a adega Matarromera en Galicia pasan por elaborar viños asentados na calidade, sen aspirar a grandes producións. Ademais, poñerán o foco en asegurar a identidade propia dos seus viños empregando tamén fermentos propios cos que conseguir viños apegados á terra. Outra das adegas que puxo a vista en Galicia foi a rioxana CVNE, unha adega familiar que decidiu hai 6 anos comezar o seu proceso de expansión e a comunidade galega foi un dos destinos escollidos, con viñedos xa en Valdeorras e Rías Baixas. “En CVNE sempre se apostou pola idiosincracia dos viños, aínda que é un reto importante facelo en Galicia polas diferenzas que atopas cada ano nos viñedos e nas distintas zonas vitícolas”, recoñece Irene Bonilla, responsable de viñedo en CVNE. Tamén recoñecen o reto que supón traballar en Valdeorras polos solos e clima, que á súa vez son esenciais para o carácter dos viños producidos nestes viñedos, onde están a cultivar principalmente Godello e Mencía.

A chegada de competidores directos

O interese suscitado polos viñedos galegos entre adegas doutras rexións españolas ten tamén outros protagonistas: o sector vitícola galego. No debate, desde a cooperativa Viña Costeira, da DO Ribeiro, anfitrioa da cita, apuntaban como viviron este fenómeno. “A medio e longo prazo que grandes grupos se interesen polos viños e viñedos galegos é positivo, xa que amosa que os nosos viños funcionan no mercado e axuda ao crecemento e a expansión da exportación”, valora Andrés Rodríguez, presidente de Viña Costeira. Aínda que, a curto prazo, a súa chegada supuxo un novo reto en especial para as adegas locais, xa que como apuntaba Rodríguez, 8 dos 10 grupos vitícolas que máis facturan de España chegaron xa a Galicia. “No ano 2010, Viña Costeira atopábase entre os primeiros postos de adegas por facturación en Galicia, hoxe caeu ata máis aló do posto 30, xa que algunhas das empresas que chegaron á rexión multiplican por 40 a facturación de Viña Costeira, polo que é realmente moi difícil competir con elas” explica Rodríguez.
A medio e longo prazo a chegada de grandes adegas pode resultar positivo para o sector galego, contribuíndo ó crecemento e expansión. A curto prazo será un reto conseguir uva
Fronte a este novo paradigma, desde Viña Costeira levan anos apostando pola innovación. “Se queremos estar á altura dos retos que se presentan hai que seguir investindo en dixitalización das empresas”, sinalan desde Viña Costeira, que dixitalizou xa todo o proceso empresarial, un esforzo que acaban de recoñecerlle ao ser nomeada como a Cooperativa máis innovadora de España. Outro dos retos a curto prazo que deben afrontar as adegas e cooperativas galegas é a escaseza de uva. “Conseguir uva vai ser máis complicado, xa que hai máis operadores no mercado”, apuntan desde Viña Costeira. Para afrontar o desafío, en Viña Costeira miran non só á produción propia, en viñedos manexados pola adega e a necesidade de garantir a solvencia de viticultores que poidan seguir producindo uva de calidade. “Do mesmo xeito que ocorre con outros produtores do sector agrogandeiro, cada vez haberá menos viticultores, pero aspiramos a que eses viticultores produzan máis, do mesmo xeito que ocorre cos ganderías de carne ou leite que cada vez son máis eficientes”, apunta Rodríguez. Co obxectivo de atender esta demanda de uva, desde Viña Costeira esperan multiplicar por 4 a superficie de viñedo propio que manexan desde a Cooperativa entre O Ribeiro e Valdeorras. “Buscamos paliar o abandono do viñedo antigo que se rexistrou”, indica Rodríguez, quen reivindicou tamén o papel do enoturismo como un dos eixos primordiais para o sector do viño galego, conseguindo unha aproximación do consumidor ao coñecemento e goce dos viños galegos desta forma lúdica. A aposta de Viña Costeira é tamén traballar no posicionamento de marca de calidade dos seus viños, con produtos de nichos de mercados específicos, así como a apertura de novos mercados que se axusten a estes criterios.

A recuperación de terras de viñedos

Á hora de abordar a situación do sector do viño galego e as estratexias para incrementar a competitividade, desde a Xunta, o conselleiro de Medio Rural, José González, lembrou os esforzos levados a cabo desde o seu departamento para a recuperación de terras abandonadas, cunha lei específica; a creación de figuras como os polígonos agroforestais, que buscan recuperar os usos destas zonas ou a Estratexia do viño. En concreto, González lembrou o papel das parcelarias como ferramentas para paliar o minifundismo e que permiten un manexo máis eficiente. Ademais, destacou os polígonos agroforestais do viñedo impulsados en municipios como Cenlle, Leiro, Oímbra ou Monterrei cos que se pretende mobilizar terras abandonadas. “Só no Ribeiro hai preto de 10.000 hectáreas abandonas, boa parte delas mesmo en zonas históricas de produción do viñedo, mentres que de media a parcela nalgúns municipios do Ribeiro sitúase nos 250 metros cadrados”, apuntaba González.

Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño Monterrei 2023

A Ruta do Viño Monterrei, coa colaboración de Turismo de Galicia, organizará entre os días 2 e 4 de xuño a Primavera de Portas Abertas. Na mesma, que conta tamén co apoio dos municipios de Monterrei, Oímbra e Verín, estarán presentes sete adegas desta denominación de orixe que ofrecerán visitas guiadas polas súas instalacións acompañadas dunha degustación de viño de Monterrei. As adegas participantes na iniciativa son: Daniel Fernández, Fragas do Lecer, Gargalo, Pazo de Valdeconde, Terras do Cigarrón, Triay e Vía Arxentea. O horario de visita será o sábado ás 11, 12.30 e 17 horas e o domingo ás 12 horas (recoméndase confirmar vía telefónica coa adega correspondente). Tamén formarán parte desta xornada restaurantes asociados á ruta (O Segredo do Retiro e Parador de Verín- Monterrei), que contan cun menú especial maridado con viños do D.O. Monterrei cun prezo que oscila entre os 30 e 35 euros. Ademais, realizaranse ofertas especiais nos establecementos: O Retiro do Conde, Hotel Vila de Verín e Parador de Verín-Monterrei. As reservas xestiónanse directamente cos establecementos, especificando que se trata da oferta de Primavera de Portas Abertas. Esta iniciativa, ademais das visitas guiadas e degustacións en adegas, tamén inclúe as seguintes actividades: - ‘Harmonía de viños de Monterrei e Xamón Ibérico’ (Venres 02, ás 20 horas, no Hospital dá Trindade -Castelo de Monterrei-). Nesta iniciativa os/as participantes descubrirán distintos viños do D.O. Monterrei maridados con 5 dos 7 sabores presentes no xamón ibérico. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (988 590 007 // info@domonterrei.com). -Cata de Estrelas (Sábado 3. Esta actividade poderá sufrir alteracións debido á climatoloxía). Observación astronómica acompañada de viños do D.O. Monterrei. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (988 590 007 // info@domonterrei.com). -‘Túnel de Anadas das adegas da Ruta do Viño Monterrei’ (Domingo 4, ás 12 horas, no Hospital dá Trindade -Castelo de Monterrei-). Realización dun túnel de viños, no que estarán presentes todas as adegas inscritas nela. Cada adega participante estará representada por un dos seus viños, que se exporá xunto a unha ou dúas anadas pretéritas para mostrar o potencial de envellecemento dos viños da comarca. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (988 590 007 // info@domonterrei.com). -Ruta dos Lagares Rupestres. Visita a Adega-Lagar As Barrocas. Ruta de sendeirismo sinalizada polos lagares rupestres do municipio de Oímbra (non é necesaria a inscrición. Pódese realizar de modo individual). Para visitar a Adega- Lagar As Barrocas é necesario efectuar reserva previa en Ruta do Viño Monterrei (988 590 007 // info@domonterrei.com). Cartel das xornadas: Cartel da Ruta dos Viños na D.O. Monterrei. / Fonte: D.O. Monterrei