Archives

“A DO Monterrei é a gran descoñecida, pero a que máis vai medrar”

"É o recoñecemento ao labor que levamos feito todos os catadores nestes 25 anos, non é unha distinción para min". Así valora Juan Ramón Fuentes a distinción recibida por parte da DO Monterrei. Con el coñecemos como se transformou esta denominación de orixe nestes anos de traxectoria e en que medida contribuíron a iso os catadores. Cando e como comezou no mundo do viño? Empecei fai 25 ou 26 anos cando Castor Gago [xefe da Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da Denominación de Orixe Monterrei, que este fin de semana ofrecerá o pregón da Feira do Viño de Monterrei] convidoume a un curso de valoración de viños, fundamentalmente de Monterrei. A partir de aí, foron xurdindo máis cursos que me levaron a ir coñecendo máis os viños. O último curso aínda o fixen hai uns días, sobre viños olorosos de Andalucía. O único que fixen foi seguir a traxectoria de estudar os viños e sempre tentando aprender. É unha formación moi continua. Cando te das de conta xa pasaron 25 anos facendo catas. Tiña algún tipo de vinculación xa co mundo do viño, antes de comezar coas catas? Eu son de Verín e o meu pai facía viño, pero hei de recoñecer que o facía bastante mal [comenta entre risas]. Estabamos moi limitados, non tiñamos tecnoloxía... faciamos un viño para casa. Algúns anos saíu moi bo, outros fatal.
"O catador ás veces ten que dicirlle ao adegueiro que ese 'fillo', o seu viño, non é bo"
Cre que a figura do catador está en auxe na actualidade? Os catadores cada vez estanse formando máis e mellor, pero creo que aínda estamos un pouco infravalorados. En parte, porque un catador ten que dicir sempre a verdade e as críticas son difíciles de encaixar para moitos. É como cando tes que dicirlle a un pai que o seu fillo é feo, ao dicirlle iso... xa non te quere. E o catador, ás veces, ten que dicirlle ao adegueiro que ese 'fillo', o seu viño, non é bo. Logo temos outro problema, e é que nos adornamos de demasiada poesía para describir un viño. Empregamos aromas moi etéreos e ás veces debiamos ser máis simples. Aínda que se non hai poesía no viño, entón non hai viño. Pero ás veces é demasiada... por exemplo, cando para un arrecendo cítrico din que é a bergamota ou cando din que ule a Flor das Bolboretas...
"En brancos a evolución foi como un foguete, e nos tintos máis ben como un globo aerostático"
Estivo desde os primeiros pasos da DO Monterrei, transformáronse moito nestes anos as adegas? Si, a primeira cata na DO fíxena eu e estiven representando á DO tamén en distintos eventos en Galicia. As adegas creo que melloraron moitísimo. Foron mellorando, en parte grazas ás críticas e descualificacións dos catadores, que motivaron que se esforzaran en obter un viño de máis calidade ou simplemente pola evolución do propio mercado que lles esixía un viño cada vez mellor. As adegas gañaron moito, sobre todo pola tecnoloxía. Agora presentan uns viños moito máis complexos e de maior calidade que hai anos. Antes primábase a cantidade fronte á calidade. Eran os tempos onde a ninguén lle importaba o grao de maduración, nin a conservación... Agora todo se rexe pola calidade. Foron cambios para ben. A recuperación das variedades autóctonas, marcou un antes e un despois na zona, pero como foi este proceso? O primeiro que fixemos foi levantar todo o vello que non corresponde con viñedos desta zona. Levantamos o Xerez e o Palomino e o Alicante e o Grau Negro, e plantouse con Treixaduras, con Mencías, con Godellos. No caso do viño branco, a cepa produce axiña, pero nos tintos, para lograr calidade, as cepas deben ter, polo menos, 30 anos. Eses cambios na selección de variedades autóctonas é o que motivou que esteamos onde estamos, un camiño que para min é moi bo. Eu augúrolle un gran futuro, que no caso dos brancos é xa un presente e que nos tintos chegará axiña. E como foi a evolución dos viños de Monterrei nestes 25 anos? Ao principio os viños viñan mal filtrados, con aromas estraños. Todo iso as adegas fórono pulindo. Nestes anos nós tamén fomos descalificando viños e o adegueiro quería saber o porqué desas decisións para coñecer o erro e poder evitalo. En brancos a evolución en calidade foi coma un foguete, e nos tintos foi máis ben un globo aerostático, foi ascendendo un pouco máis lentamente.
"Sen poesía non hai viño, pero é certo que ás veces nos adornamos demasiado para describir o viño"
A pesar deses problemas que detectaban, contábase con viños de calidade nun principio? Hai 25 anos na Denominación só había un viño, que era o Ladairo. E tivemos a sorte de que o Ladairo marcou os patróns do DO tanto en viños brancos como en tintos. O nivel púxoo o Ladairo e para min, segue sendo un dos mellores viños que temos na zona. Ao cabo dos anos xa houbo dúas adegas máis: Bernabé e a Ribeira do Támega, e a partir de aí os criterios de calidade xa estaban estipulados e foise traballando en base a eles. Como definiría os viños de Monterrei? Os viños brancos de Monterrei son tremendamente macizos na cor, moi aromáticos a froitas tanto de pebida como de óso e en boca son moi frescos. En canto aos tintos, os viños son de vermello cereixa e con aromas de froitos vermellos como arándanos. En boca debería de ter un tanino moi aterciopelado pero aínda non logran telo. Creo que os tintos tardarán 5 ou 6 anos, agora as cepas aínda son novas e non dan a calidade que poden chegar a ofrecer. Ó que pasen eses anos, creo que imos estar falando duns dos mellores tintos que teñamos en España. Démoslle tempo.

"Os países nórdicos son o mercado que máis futuro pode ofrecerlle á DO Monterrei"

A de Monterrei é a DO máis recente, aínda que a vinculación da zona co viño veña xa da época dos romanos. Con respecto ao resto de denominacións galegas, cal cre que é a situación actual de Monterrei? A de Monterrei é a gran descoñecida. Ás DO están a facernos moito dano os erros da hostalaría ao identificar os viños das DO de formas moi xeneralizadas e onde algunhas DO nin sequera existen. As DO deberían esixirlle á hostalaría que fagan unhas cartas de viños reais e máis rigorosas. A DO de Monterrei na hostalaría é a máis descoñecida. Creo que é a que máis vai crecer, dígoo sinxelamente pola calidade que teñen os seus viños. En canto se vaia descubrindo a calidade dos seus viños irase vendendo cada vez máis, e máis caros. É curioso tamén que sendo a DO máis pequena e a máis nova ten os viños máis caros. Aquí creo que non hai un viño que baixe dos 5 euros... O viño barato aquí non existe porque hai calidade, que vén marcada polo mercado, non polos adegueiros, e iso transmítese no prezo.
"A hostalaría comete erros á hora de identificar os viños de formas moi xeneralizadas, de xeito que os viños dalgunhas DO son grandes descoñecidos"
Nestes 25 anos, algún aspecto que se puidese mellorar? O pasado xa non se recupera, pero nos primeiros anos da DO a promoción do viño non existiu, supoño que os presidentes estarían máis limitados... Agora levamos os últimos anos nos que si se está dando a coñecer os viños. A promoción está a coidarse máis e tamén se nos está coidando máis a nós, aos catadores. Gañamos tamén moito en instalacións. Ao principio era unha mesa de despacho e alí xuntabámonos tres ou catro... agora temos unhas instalacións acordes ás necesidades para facer as catas. Cara a onde cre que debe mirar a DO no futuro? Ao estranxeiro, aos países nórdicos. Creo que é o mercado que máis futuro pode ofrecerlle á nosa DO. Nestes países está moi en auxe a degustación de viños por parte da muller, e este público quere viños aromáticos, brancos, como os que podemos ofrecerlle.

Xornada sobre a normativa para novas plantacións de viñedo

Castrelo de Miño (Ourense) acolleu unha xornada informativa organizada polo Sindicato Labrego para informar ó sector sobre a nova normativa da Política Agraria Común (PAC) no sector vitícola, en especial sobre as autorizacións para plantacións de viñedo. O acto contou coa colaboración do responsable técnico de Coag Carlos Mateos. Outro dos participantes na xornada de onte, Xosé Manuel Parente, responsable do Sindicato Labrego no Ribeiro e coordinador das xornadas, destaca que o principal cambio na normativa é a desaparición dos dereitos de plantación desde o pasado 1 de xaneiro. “Os dereitos xa non se poderán mercar e vender, tal e como se viña facendo ata agora, senón que, no caso de querer facer unha nova plantación, hai que solicitarllo á Administración –en Galicia á Consellería do Medio Rural- entre o 1 de febreiro e o 15 de marzo de cada ano. Será a Administración quen faga a concesión ou denegue a solicitude en base a unha serie de baremos”, explica Parente. A organización agraria cuestiona que Medio Rural non teña desenvolto polo de agora ningunha actividade informativa en relación á nova normativa, a pesar de que a semana que vén comeza o periodo para solicitar novas plantacións. O Sindicato Labrego pide xestións da Consellería para que as oficinas agrarias comarcais informen axeitadamente ó sector. Para o SLG, a nova normativa é unha cuestión clave para os viticultores galegos e para as denominacións de orixe.

Fevino 2015

Esta será a novena edición de FEVINO, unha cita bienal, que comezou como feira e desde o 2013 alcanzou a categoría de salón, converténdose nun evento unicamente destinado a profesionais do sector. Este certame, organizado pola empresa DEUVA Vinos y Gestión, conta co patrocinio da Deputación da Coruña, Concello de Ferrol e Hijos de Rivera e a colaboración de diferentes empresas e entidades, entre elas Galicia Calidade.

Neste encontro, que terá lugar por primeira vez no Auditorio de Ferrol, estarán presentes máis de 150 adegas de toda España, ademais dalgunhas de Arxentina e Portugal. Todas elas exporán os seus viños en diferentes mesas, coa realización de catas e presentacións. Por parte galega participarán medio cento de adegas, tanto das cinco denominacións de orixe como de fóra delas.

Métodos alternativos para elaborar viños sen sulfuroso

Esteban García, xefe de servizo de Investigación e Tecnoloxía do IVICAM, ven de participar nas xornadas Winetech Plus "Os novos camiños da viticultura e a enoloxía", recentemente celebradas en Santiago de Compostela, cun relatorio sobre "Itinerario para a elaboración de viño sen sulfuroso". En que consiste elaborar o viño sen sulfuroso? Partindo da base de que o viño é un alimento san e natural, nos últimos anos temos unha corrente de consumidores que esixen produtos alimentarios cada vez máis sans e libres de compostos químicos exóxenos. Por outro lado, estase a demostrar que hai unha parte da poboación, fálase dun 5%, que podería ser sensible e presentar certo tipo de alerxia aos sulfitos, que se engaden non só aos viños, senón tamén a carnes, pescados...etc Ante esta situación, os científicos preguntámonos se se podería substituír o sulfuroso por outros aditivos ou outro tipo de técnicas. E o que concluímos é que se pode realizar e se están a dar pasos nese sentido. Mesmo xa existen viños no mercado, sobre todo tintos pero tamén algún branco, que se realizaron sen nada de sulfuroso.
"Os viños sen sulfitos conservan máis aromas e máis intensos"
En que cambian as características dun viño sen sulfitos respecto a un que si os ten? O dióxido de xofre empregado como conservante achega aromas a "xofre", "misto" desagradables que en certa concentración poden enmascarar os aromas afroitados e florais da uva e da fermentación. Por iso os viños elaborados sen sulfitos presentan aromas máis limpos e nítidos. Cales son as alternativas que se formulan ao sulfuroso? Hai varias. A primeira alternativa é coidar a produción dende a viña ata a botella, porque se temos unha produción de uva sá, sen ataques de botrite nin doutros fungos, se realizamos unha fermentación coidada e coidadosa en instalacións hixiénicas e se en postfermentación manexamos ben os gases inertes poderiamos chegar a obter viños sen ningún outro aditivo, o cal non obstante non é nada doado.
 "Con combinacións de ácido sórbico ou ascórbico con outros aditivos poderíase rebaixar o sulfuroso a doses mínimas"
Pero tamén temos outros aditivos que se están a estudar ou que xa existen no mercado, como o ácido sórbico ou do ácido ascórbico, como microbicida e antioxidante respectivamente, que se están a utilizar en enoloxía. De feito, en combinación con outros aditivos, poderían substituír completamente ou, polo menos, rebaixar o sulfuroso a doses mínimas. Non obstante o sector vitivinícola quere técnicas fiables e con garantías para non arriscar a colleita... Efectivamente. Co sulfuroso temos garantía de conservación do viño ao 90%, que non ao 100%. Cos novos aditivos que garantías temos? Existen xa probas de que utilizados en combinación funcionan perfectamente e a proba é o viño sen sulfuroso que xa está no mercado e se está a consumir. Non obstante, hai que matizar que o mercado do viño sen sulfitos é reducido porque a produción dun litro de viño sen sulfuroso implica unha serie de coidados e investimentos que van encarecer algo o viño. Polo tanto, o sector ao que vai dirixido é a un sector non maioritario de consumidores concienciados que están dispostos a pagar un plus por un viño sen sulfitos. Como se facía no pasado para conservar o viño? No pasado o que acontecía é que se convivía coa evolución do viño. Recordo que na miña casa ao meu pai lle encantaba o viño branco de dous anos algo oxidado, algo que hoxe o veriamos como un defecto. Convivíase con que o viño é un produto natural e vivo que pouco a pouco se vai oxidando, sobre todo os brancos. Agora o consumidor afíxose a un novo concepto de viño, sobre todo nos brancos, e cando vé que está un pouco oxidado xa non lle gusta. En todo caso, son moitos séculos nos que a ferramenta de conservación do viño foi o emprego de sulfitos e dada a súa grande efectividade é difícil encontrar tratamentos alternativos. Que países están máis avanzados na elaboración de viños sen sulfuroso? Alemáns, austríacos e italianos son os máis avanzados neste sentido. Na última feira Enormaq de Zaragoza presentouse unha empresa italiana que venden o como facer viños sen sulfitos. Venden o fermento, os aditivos alternativos...etc.
"Coa hixiene das adegas modernas poderíase reducir a cantidade de sulfuroso"
Que futuro lle vedes ao uso do sulfuroso na conservación de viños? A normativa europea tende a reducir os niveis de sulfuroso, especialmente nos viños. Hai alimentos nos que se permiten ata 2.000 miligramos por quilo, o que é dez veces máis que o que se tolera en viños. Polo tanto, non é unha cuestión de lexislación senón máis ben da evolución do que os consumidores vaian pagar no futuro. Van pagar ese plus económico fronte a ese plus de calidade que se pode dar nun viño sen sulfitos? Non o sei, en todo caso será un cambio lento. Para facerse unha idea, un viño sen sulfitos pode ser 2/3 euros máis caro que o mesmo viño con sulfuroso, porque os custos son maiores e os riscos á hora de elaborar o viño tamén dende o punto de vista enolóxico. Os viños galegos caracterízanse por ser máis ácidos. Son aptos tamén para elaboralos sen sulfuroso? Son precisamente os viños galegos os que teñen mellores condicións para poder elaboralos sen sulfuroso porque a acidez e o baixo PH é un protector fenomenal contra as bacterias e os fungos. De aí que os viños galegos, no relativo ás posibles contaminacións microbianas, serían dos máis aptos para utilizar as menores doses de aditivo microbicida. É dicir, que con moi baixas doses de sulfuroso ou de aditivos alternativos, seguramente poderiamos asegurar a estabilidade microbiolóxica.
"Os viños galegos, pola súa maior acidez, son os máis aptos para elaboralos sen sulfuroso"
En canto á oxidación, si que é certo que o PH baixo fai que a oxidación vaia máis lenta, pero non a detén. A dificultade en Galicia céntrase no aspecto vitícola dado que as condicións climáticas esixen grandes esforzos para conseguir vendimas en perfecto estado sanitario Estase a abusar do uso do sulfuroso na elaboración do viño? Creo que en todas as rexións vitícolas do mundo se está a abusar porque en xeral non nos planteamos que coa hixiene existente hoxe en día nas adegas se podería traballar con doses máis baixas deste conservante. Cando realizamos a experimentación non nos fiabamos dos aditivos alternativos ao sulfuroso e non criamos que se puidese facer un viño con outro aditivo. E non obstante conseguimos viños sen ningún aditivo e sen ningún sulfuroso. Descarga aquí o relatorio de Esteban García sobre as alternativas ao uso de sulfuroso na elaboración do viño.

Axudas para a elaboración e comercialización de viño

Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan para o 2015 as axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas.

A dotación total destas subvencións –financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA)– será de 8.027.730 euros para o período 2015-2018. Para o presenta ano o importe das subvencións é de 2,76 millóns de euros.

Poderán acollerse a estas subvencións as microempresas e pequenas e medianas empresas que produzan, comercialicen ou realicen ambos procesos respecto aos produtos vitivinícolas.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria, así como de toda a documentación solicitada, rematará o vindeiro 31 de xaneiro de 2015. No entanto, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de dous meses para presentar a preceptiva licenza de obras.

Máis información nesta ligazón:http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150107/AnuncioG0165-261214-0001_gl.html