Archives

Tecnoloxía de bioestimulación, ferramentas para un manexo integral da viña sen residuos

Nos viñedos, os bioestimulantes e a nutrición avanzada preséntanse como ferramentas que poden axudar a conseguir unha viticultura máis sostible e respectuosa co medio ambiente, un dos retos que se presentan aos viticultores e que Europa quere que se acade, dadas as esixencias interpostas nas súas políticas agrarias. Aínda que, como apunta Joaquín Romero Rodríguez, enxeñeiro agrónomo e investigador da Universidade de Córdoba especializado na protección dos cultivos, o uso destes produtos debe encadrarse dentro dunha estratexia que procure unha produción máis sostible ambientalmente e que sexa tamén rendible economicamente para que a viticultura poida ser unha actividade de futuro no campo.
“Hai moitas variables, como os métodos de aplicación e o coñecemento da enfermidade que van ser determinantes para lograr bos resultados cos bioestimulantes”
“Non hai produtos milagre, senón que hai moitas variables que van determinar o éxito e cuestións como os métodos de aplicación ou o coñecemento da epidemioloxía da enfermidade van ser determinantes para lograr bos resultados, sobre todo cos bioestimulantes”, valoraba Romero durante a súa participación no primeiro Foro da Uva e a Viña, celebrado en Cenlle (Ourense).

Como funcionan os bioestimulantes?

Tal e como recoñece Romero, cos bioestimulantes sempre xurdiron dúbidas sobre a súa maneira de actuación sobre a planta e é que se coñeceu pouco sobre eles. Por iso, agora reivindica a importancia que teñen proxectos de investigación con anos de traballo ás súas costas como os levados a cabo coa Universidade de Sevilla que lanzan luz sobre esta cuestión. Á hora de falar dos bioestimulantes, Romero apunta que son produtos que basean a súa eficacia non na fertilización, nin nunha acción directa pola súa capacidade biocida fronte a un patóxeno, senón que promoven unha reacción da planta e a activación do seu metabolismo fronte a ameazas. Romero, que é tamén xefe de márketing agronómico na empresa Econatur, presentou algúns dos produtos desenvolvidos por esta firma, que acumula case 25 anos de traxectoria, nos que experimentou un crecemento significativo, pero que se mantivo fiel aos seus principios fundacionais. “Os produtos de Econatur seguen buscando empregar o que a natureza pon ao noso alcance ao servizo do agricultor, para ofrecer insumos agrícolas sostibles ambiental e economicamente”, indica o enxeñeiro agrónomo.
Os bioestimulantes inciden nos procesos fisiolóxicos da planta, nalgúns casos activando os mecanismos de defensa ante situacións de estrés
A firma Econatur desenvolveu ademais unha tecnoloxía propia, a tecnoloxía EPT, da que ten a patente, e que é fundamental para o desenvolvemento dos seus bioestimulantes. “Esta tecnoloxía ten incidencia en múltiples procesos fisiolóxicos do metabolismo da planta, tanto primario como secundario”, detalla Romero. A tecnoloxía EPT baséase en extractos botánicos a partir de mecanismos de extracción propios desenvolvidos pola empresa. En concreto, Romero centrouse en bioestimulantes de tipo fitoxénico céntranse sobre todo no metabolismo secundario da planta, é dicir que afectan ós mecanismos de defensa que activa ante determinadas situacións de estrés biótico e abiótico.

Vantaxes que proporcionan

Abordando máis en detalle esta tecnoloxía EPT, Romero apunta algunhas das principais vantaxes que proporciona esta tecnoloxía aplicada nos bioestimulantes, para comprender mellor os seus efectos na planta: -Induce o sistema de defensa antioxidante da planta. Coa tecnoloxía EPT aplicada aos bioestimulantes conseguiron fomentar a capacidade antioxidante da planta e ofrecer unha maior protección contra a peroxidación. Desta maneira conseguen que a través da activación de determinadas enzimas, a planta elimine especies reactivas de osíxeno, que se acumulan nos tecidos por situacións de estrés, evitando os procesos de necrose naturais ou o esgotamento da planta. - Precursores de fitohormonas. O conxunto de polifenoles extraídos coa tecnoloxía EPT induce de forma natural a síntese de fitohormonas esenciais para a produtividade da planta, polo que impulsan o crecemento da planta dunha forma equilibrada. Desta maneira permítese un mellor equilibrio da planta e a acumulación de hormonas como auxina, acedo abscísico e acedo salicílico, fundamentais para o seu desenvolvemento. Como detalla Romero, as auxinas permiten un correcto desenvolvemento tanto da parte aérea da planta como das raíces e o ácido salicílico permite inducir as defensas da planta ante calquera ataque externo. “No caso da viticultura, as auxinas son fundamentais no proceso de amarrado de acios”, detalla. -Maior transporte nutricional. Os bioestimulantes desenvolvidos con esta tecnoloxia Ept tamén xeran unha diferenza de presión entre células da planta que facilitan o transporte dos nutrientes e principios activos no interior da planta, sen xerar maior gasto enerxético.

Resultados

Algúns dos produtos bioestimulantes que Econatur ten no mercado na actualidade céntranse en conseguir reducir o estrés produtivo, mellorar o amarre e incrementar a produción e ofrecer unha maior resiliencia a temperaturas extremas. Con estes bioestimulantes está a lograrse un incremento da produción de entre un 20,5 e un 30% e conseguir adiantar a vendima en 14 días, para evitar o estrés por calor dalgunhas zonas de produción vitícola ameazadas polas altas temperaturas, como Andalucía. Ademais, tamén conseguiron mellorar o estado fitosanitario dos viñedos entre un 12,5 e un 16,7%. Algúns destes bioestimulantes da gama de Econatur, lograron reducións significativas de oídio, con aplicacións preventivas que conseguiron unha redución do 80% da incidencia, con valores de eficacia superiores mesmo aos fitosanitarios tradicionais. Produtos bioestimulantes tamén conseguiron fortalecer a planta para minimizar a podremia.

Bioestimulantes fronte a riscos sanitarios

Os bioestimulantes preséntanse como alternativas para conseguir unha viticultura máis sostible e nese sentido distintos traballos de investigación están a ver as posibilidades que presentan, se non para substituír de maneira total polo momento a solucións químicas tradicionais, polo menos para complementarlas e conseguir reducir o impacto ambiental da viticultura. Nesta liña preséntanse traballos como os desenvolvidos no Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) publicado en 2022 sobre o uso de bioestimulantes para facer fronte a patóxenos como o mildio e oídio. “Cun produto como Salix, a base de codia de salgueiro, conséguense reducións do 97% fronte a mildio”, explica Romero. Ademais, adianta que proximamente se publicará outro traballo sobre as proteínas que fomentan estes mecanismos de defensa fronte ao patóxeno.
O emprego de bioestimulantes conseguiu lograr unha redución da 97% fronte ao mildio e do 80% contra o oídio
Debido a estes bos resultados e o interese de adegas da Rioxa e o País Vasco, investigadores do Neiker continuaron con esta liña de traballo e desenvolveron estratexias para o control de enfermidades baseadas na utilización de bioestimulantes. Con este manexo reduciron nun 50% o uso de fitosanitarios convencionais, ao realizar aplicacións alternas de solucións convencionais e a aplicación de bioestimulantes. Do mesmo xeito que nos primeiros estudos, lograron resultados favorables mesmo en variedades de uva como Hondarribi, moi susceptibles aos danos por mildio e en zonas con alta incidencia deste patóxeno. Aínda que é verdade que conseguiron manter a incidencia controlada, finalmente os ataques foron moi fortes. “Poida que nalgúns casos teñamos que seguir apoiándonos, polo momento na química de síntese, pero hai que ir buscando alternativas”, valora Romero.

Como lle afecta a nova PAC á viticultura?

“Teremos unha PAC máis verde e sostible. Esta nova Política Agraria Europea, asentada no Pacto Verde e na estratexia do Campo á mesa veu para quedar, a pesar de que afrontemos outras dificultades no continente como foi a Guerra de Ucraína, que afecta de forma directa tamén á agricultura e gandería comunitaria”. Así de rotundo se amosa Alejandro García, experto en Política Agraria Europea, que é á vez tamén agricultor e participou recentemente no I Foro sobre Uva e Viño celebrado en Cenlle (Ourense). A última reforma da PAC, que entrou en vigor este mesmo ano e que se manterá ata 2027, introduciu novos cambios en materia de sustentabilidade ambiental que afectarán tamén na xestión dos viñedos. No caso das viñas afectarán a cuestións como a limitación no uso de produtos fitosanitarios ou o fomento de prácticas coas que procurar unha produción máis respectuosa contando con cubertas vexetais ou espazos que sirvan de refuxio á fauna e flora, entre outros aspectos. Alejandro García durante a súa participación no Foro Uva e Viño, celebrado en Cenlle.

Cara a unha produción máis sostible

A nova PAC marcouse uns obxectivos de sustentabilidade para os próximos anos que afectarán á xestión que se realiza a diario dos viñedos, tal e como sinala o experto. Un dos obxectivos é a redución do 50% do uso de fitosanitarios. Entre eles, e a pesar de tratarse dun produto incluído dentro dos autorizados nos viñedos en ecolóxico, establécese unha nova limitación ao uso de cobre nas viñas. Existe un límite anual de 4 quilos por hectárea, de maneira que non poidan excederse os 28 quilos por hectárea en 7 anos. Coa vista posta en reducir nun 20% o uso de fertilizantes para 2030 tamén nos viñedos deberase de controlar a achega que se realiza de nitróxeno e fósforo, tendo en conta a presenza destes elementos xa na auga que se emprega para regar, como sinala o experto. A nova PAC leva tamén parello a redución do uso de antimicrobianos nun 50% e promover o uso de enerxías renovables. As axudas van estar tamén orientadas a reducir a pegada ambiental da viticultura. Así, a agricultura e industria alimentaria (o viñedo e a adega) van ir unidos para lograr un menor impacto. Tendo así os viñedos unha nova oportunidade para compensar as emisións xeradas na adega.
“Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero"
Ademais, neste contexto camiño a unha produción máis sostible, preténdese que o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica. García alerta sobre as dificultades que pode supoñer este obxectivo, podendo reducirse a demanda dos produtos ecolóxicos ao incrementarse demasiado a oferta, o que podería producir unha caída dos prezos e que decaia a súa rendibilidade. Así, o experto avoga máis por unha produción ‘residuo cero’. “Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero’, pero hai que ter en conta, por exemplo, que a necesidade de tratamentos fitosanitarios en viñedo varía moito das zonas de Galicia ás doutras rexións do centro de España. Aínda así, facendo ben as cousas pódese lograr unha viticultura residuo cero”, valora. Outro dos retos que expón a nova PAC e que afectan directamente o sector do viño ten que ver cos fondos europeos reservados á promoción dos produtos. “Nestes momentos en Europa están a ter dúbidas sobre promover unha bebida alcohólica, xa que están a ver o viño simplemente como unha bebida alcohólica máis e non como un alimento ou parte da cultura”, apunta García. Neste sentido, leis como a aprobada en Irlanda sobre a nova etiquetaxe das bebidas alcohólicas, con advertencias sobre o seu consumo, poden ter un impacto directo tamén no viño e na postura da Comisión Europea.

A estrutura da nova PAC e o viñedo

A nova PAC establece dous piares de axudas. Por unha banda establécense as axudas directas, independentes do volume de produción, chamadas axudas básicas á renda, cunha condicionalidade reforzada, unha axuda redistributiva das pequenas explotacións e axudas a persoas mozas, ademais dos ecoesquemas. O segundo piar céntrase en medidas de desenvolvemento rural, para zonas con certas limitacións e no que se inclúe o programa sectorial do viño.
“É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”
Neste primeiro piar, as axudas básicas á renda constitúen o 60% das axudas que recibe o viticultor. O viñedo establécese como superficie para recibir esta achega. Mentres, os ecoesquemas supoñen un 23% da axuda da PAC. “É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”, recomenda.

Os ecoesquemas no viñedo

Nos cultivos leñosos establécense varios tipos de ecoesquemas e para acceder ó cobro destes non é preciso ter dereitos de axuda básica á renda. O propietario cobrará por toda a superficie de viñedo na que estableza estas medidas. -Cubertas vexetais. Trátase de establecer e manter unha cuberta vexetal, ben sexa espontánea ou sementada, durante todo o ano. Está prohibido aplicar ningún tipo de fitosanitario sobre a cuberta, a non ser que se declare un problema sanitario no viñedo. A partir do 31 de marzo pódese rozar para establecer un mulching para protexer o solo. En Galicia, as cubertas vexetais en viñedos poden chegar a supoñer entre 113 ou 165 euros por hectárea. “Se se presenta un número de elevado de solicitudes estas contías poden situarse como mínimo entre os 69 e 113 euros e se non se tramitan moitas solicitudes esta cantidade pode incrementarse a 238 ou 272 euros por hectárea”, explica García. -Cuberta inerte. A diferenza das cubertas vexetais, esta consiste en triturar os restos de poda. Pódese elixir un modelo ou outro, non se pode contar con cubertas vexetais e inertes no mesmo viñedo. Ás cubertas inertes correspóndelles unha achega menor que as cubertas vexetais, polo que o experto, tendo en conta tamén que en Galicia predominan xa estas cubertas vexetais, recomenda que os viticultores galegos opten por  cubertas vexetais, unha elección que debe marcarse xa nas solicitudes da PAC. -Espazo de biodiversidade. Son espazos que sirven de reserva e refuxio para a fauna (aves e insectos) e flora, creando zonas de gran biodiversidade.

O caderno dixital no viñedo

Outra das novidades que trae parella a nova PAC é o caderno de campo dixital. Nos cultivos leñosos, os propietarios con 10 hectáreas de viñedo ou 5 hectáreas en regadío, estarán obrigados a cubrir o caderno dixital a partir do 1 de setembro deste mesmo ano. Deberán incluír xa os datos referidos a cuestións como as cubertas vexetais ou inertes. García lembra que esta ferramenta será fundamental para o control efectivo e a redución do uso de fitosanitarios e fertilización, ao quedar constancia do produto adquirido e o plan de abonado. “Terá que cadrar a superficie que se manexa coa cantidade de produto que se compra e se aplica e coas necesidades do viñedo. Xa non se poderá tratar ou abonar por intuición ou porque o veciño está a facelo. Todo debe estar xustificado”, conclúe García.

A variabilidade do viñedo, o gran reto para a dixitalización da viticultura en Galicia

O proxecto Viniot, centrado na viticultura de precisión, presentaba os seus resultados logo de 3 anos de traballo, nun evento final celebrado recentemente en Santiago de Compostela. Á marxe dos logros acadados, neste encontro dos participantes do proxecto e outros axentes do sector abriuse o debate sobre a continuidade e o impacto que logra este tipo de iniciativas. Está a chegar a dixitalización tamén ós viñedos? Que repercusión ten para adegas e viticultores proxectos como Viniot? A resposta por tres das cooperativas vitivinícolas que participaron de cheo no proxecto Viniot é clara e unánime: as ferramentas de dixitalización que se empregan na viticultura de precisión están a ser de gran utilidade para a toma de decisións.
“As ferramentas de dixitalización están a permitir a recollida de datos en campo e facilítannos ofrecer recomendacións ós nosos viticultores”: Carlos Alberto, de Viña Costeira
“As ferramentas de dixitalización están a permitir a recollida de datos en campo e facilítannos ofrecer recomendacións ós nosos viticultores”, indica Carlos Alberto, director de viticultura na cooperativa do Ribeiro Viña Costeira, unha das integrantes deste proxecto. Nesa mesma liña, Débora Franco, directora de Monet, empresa de I+D, recoñece que estas ferramentas contribúen na toma de decisións destacadas como a necesidade de aplicar tratamentos fronte a enfermidades como o mildio, o oídio, o black rot ou a botrite, que poden condicionar en gran medida a colleita. Ademais, este tipo de ferramentas está a ter unha boa acollida entre os viticultores. Así, dende a Cooperativa Martín Códax están a empregar unha plataforma de alerta sobre o risco de mildio, e aínda que ó comezo houbo algunhas reticencias, hoxe o 60% dos viticultores está a empregala.

A variabilidade do viñedo, o gran reto

O gran reto para a implantación de ferramentas dixitais na viticultura é a gran variabilidade do viñedo, como apuntaban algúns dos técnicos presentes. “Aínda falta percorrido destas aplicacións para ter aplicación directa no sector. É necesario ir máis alá dos controis que se fan e abarcar toda a variabilidade do viñedo”, valora Daniel Durán, do departamento de viticultura da adega Paco&Lola. A sensorización e recollida de datos en cuestións como a humidade do viñedo está a resultar transcendente na optimización da rega, pero tamén inflúe no manexo que se fai do solo evitando nalgúns casos labrar a terra e mantendo cubertas vexetais. “A eficiencia na rega resulta cada vez de maior interese polos cambios no manexo que supón e polo custe que ten”, valoran dende Martín Códax, pese a que nesta denominación de orixe aínda non acusan importantes problemas de seca.
“A demanda do mercado de viños de maior calidade e sostibilidade fan que os datos cobren maior importancia, xa que son a vía para traballar por ambos obxectivos”: Iago Portela, Triple Alpha
“A demanda do mercado de viños de maior calidade e sostibilidade fan que os datos cobren maior importancia, xa que son a vía para traballar por ambos obxectivos”, apunta Iago Portela, consultor de procesos de Triple Alpha, empresa especializada na xestión de datos e propostas tecnolóxicas. “O sector do viño en Galicia sempre foi moi tradicional, pero estase dando conta da necesidade da dixitalización”, destaca. O outro gran reto da dixitalización da viticultura é chegar ás pequenas adegas e viticultores, como se apuntaba no foro. Así, as grandes adegas xa están a incorporar tanto en adega como en campo esta tecnoloxía e vese como un ‘movemento inevitable’, porén falta ver como se resolve para os pequenos produtores. Neste senso, as cooperativas poden servir de novo de táboa de salvación ó incorporar xa solucións dixitais. Con todo, sinalan que aínda hai pouco coñecemento en campo, en comparación coas innovacións que se están desenvolvendo na adega. Ademais, moitos dos avances ou información non chega a compartirse, polo que está a ser infrautilizada.
“Estamos preocupados porque a tecnoloxía sexa realmente accesible e barata para que os viticultores poidan acceder a ela”: José Silvestre, investigador do Iniav
Dende o Instituto Nacional de Investigacións Agrarias e Veterinarias de Portugal (Iniav), o investigador José Silvestre, destacou que ademais da gran variabilidade que se atopa no viñedo, o feito de que haxa un clima moi variable, así como un custos moi cambiantes supoñen outros obstáculos á hora de integrar a dixitalización no sector do viñedo. Así, unha das súas máximas é procurar que a tecnoloxía chegue ós produtores. “Estamos preocupados porque a tecnoloxía sexa realmente accesible e barata para que os viticultores poidan acceder a ela”, afirma Silvestre.

O papel dos HUBs

No marco do proxecto Viniot tamén se desenvolveu Viniot HUB, un centro loxístico de innovación dixital centrado en dar difusión ós avances logrados con estas ferramentas e crear un punto de encontro das empresas e produtores do sector. De feito, tal e como sinalou Tamara Rodríguez, responsable de comunicación e do HUB, aquelas empresas e profesionais que estean interesados en participar no HUB poden acceder de xeito gratuíto logo de cubrir un formulario na páxina do proxecto: www.viniot.eu Aínda que inicialmente o Viniot HUB resultaba interesante ós participantes do proxecto, a súa continuidade e éxito está condicionado pola dinamización que se logre. “Conseguir que o HUB sexa un foro de encontro dependerá de como se dinamice e do valor que aporte para os participantes”, valoraban algúns dos asistentes. Nesta xornada de presentación de resultados tamén participaron outros Centros loxísticos de innovación dixital (HUBs) tanto do país como de Portugal que apuntaron algunhas claves para manter activos estes centros e conseguir que resulten unha ferramenta de utilidade para o sector. Ofrecer formación e vías de financiamento para que as empresas poidan incorporar a tecnoloxía é unha das prioridades para o HUB Datalife, centrado en promover a dixitalización no sector agrario en Galicia, unha entidade que, como apuntaba o experto en transformación dixital Javier Doval, integra tanto a empresas, como Clústers e Universidades galegas.
“O Viniot Hub ó estar especializado ten xa o seu espazo, que pode axudarlle á súa continuidade no tempo, pero é preciso crear sinerxías”: Edgar Delgado, do DIH de Extremadura
Dende o HUB DIH de Extremadura sinalaban que facer accesible esta tecnoloxía dispoñible ás empresas é tamén fundamental. Así, eles contan cun catálogo actualizado sobre recursos activos dos servizos de dixitalización que están dispoñibles. “Trátase de crear redes. O Viniot Hub ó estar especializado ten xa o seu espazo, que pode axudarlle á súa continuidade no tempo, pero é importante crear sinerxías entre sectores para sumar e aproveitar o que cada un pode aportar”, valora Edgar Delgado, do DIH de Extremadura. Tamén é fundamental coñecer o punto de partida do sector en materia de dixitalización para conseguir avanzar. Neste caso, dende o HUB DIH de Andalucía, José Antonio Adame sinala que un dos métodos para dar apoio ó sector é precisamente diagnosticando o seu grao de dixitalización, para o que realizan test de madureza dixital adaptados ó sector agrogandeiro, para poder establecer un punto de inicio. “Os centros loxísticos de innovación dixital deben estar alerta e ser os intérpretes do sector para que se creen solucións para as súas necesidades” destaca Adame.

“A tracción animal moderna estase a converter nunha ferramenta para a agricultura de precisión”

João Rodrigues, veterinario e presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran), traballando cun burro Coa chegada da mecanización agrícola a utilización de cabalos, burros, mulas ou vacas para tirar do carro ou do arado foi perdendo importancia até terse convertido en residual a día de hoxe na maioría de países desenvolvidos. Pero a recuperación da tracción animal está a rexurdir en Europa para traballos específicos nos ámbitos hortícola, vitivinícola ou forestal. João Rodrigues preside a Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran) e defendeu nunhas xornadas celebradas no Muvicla a utilidade dos animais para a realización de determinadas tarefas agrícolas e mesmo outras labores no ámbito urbano, como a recollida do lixo dentro dos cascos históricos. En determinados contextos, defendeu, o uso de animais é máis eficiente que a utilización de vehículos a motor.   Agricultura respectuosa co solo e o medio ambiente A tracción animal chegou aos nosos días relegada  en moitos casos a traballos a pequena escala no ámbito da agricultura de autoconsumo familiar ou en zonas de difícil acceso e mecanización, como áreas de montaña ou parcelas de pequeno tamaño. Pero a tracción animal está a recuperarse a día de hoxe como unha ferramenta de agricultura de precisión en sectores profesionais como o da horta, explicou João, sobre todo en traballos intermedios (eliminación de herbas, aterrado, etc) que é necesario realizar entre o momento de labrar e o de recoller. Esta tracción animal moderna leva aparellado o desenvolvemento de nova maquinaria específica e adaptada aos traballos a realizar nunha fusión entre nova tecnoloxía nos aperos e sistema de tiro tradicional. En EEUU, por exemplo, onde a comunidade amish segue a empregar exclusivamente tracción animal, adaptaron maquinaria actual como rotoempacadoras ou sementadoras para que funcionen con tracción animal. Valor engadido no mundo do viño En viñedos de zonas como Priorato, Penedés ou Ribera de Duero hai adegas que traballan con animais. Foto: APTRAN En Europa a reintrodución da tracción animal está a avanzar sobre todo no mundo do viñedo, pero tamén na xestión forestal ou noutros ámbitos relacionados co medio ambiente. “Cando hoxe falamos da importancia de conservar a paisaxe en lugares como Portugal ou Galicia, estamos falando dunha configuración agrícola creada pola tracción animal”, evidencia. “Na viticultura está a reintroducirse a tracción animal porque se comezou a dar unha importancia vital ao solo. En Francia xa se deron conta de que traballando o solo con tracción animal mellora”, asegura João. En España, en zonas de Ribera de Duero ou de Cataluña, tamén hai adegas que están a realizar traballos con animais nos viñedos.  
Adegas de Francia, Ribera de Duero ou Cataluña realizan traballos con cabalos nos viñedos
É un xeito de vender unha produción máis natural e sostible, apreciada e demandada polo consumidor, e de poder trasladar este feito diferencial ao prezo dos viños, pero tamén un xeito de evitar problemas de compactación do solo, o que favorece o desenvolvemento da microbiota, algo que acaba sendo beneficioso para as vides. Traballos dentro das masas forestais Traballos forestais na paisaxe protegida do Corno de Bico, en Paredes de Coura. Foto: João Pedro Marnoto/APTRAN En países de Centroeuropa está estendido o uso de cabalos de tiro para a realización de traballos nos montes, sobre todo tarefas de xestión forestal intermedia como podas e clareos onde é difícil poder entrar con outro tipo de maquinaria forestal convencional. “En Bélxica úsase a tracción animal dentro da mancha forestal para retirar a madeira do monte en podas e entresacas até zonas de carga a onde poden chegar os camións a cargar. É un traballo combinado de cabalos para a retirada con maquinaria forestal para o transporte posterior desde a zona exterior do monte”, explica João.
Luxemburgo ten unha lexislación que fomenta que no interior dos montes se empregue tracción animal
Ademais da versatilidade que aportan os animais no monte, neste tipo de actuacións búscase a coherencia. “Non tería lóxica que os traballos de conservación en determinados bosques con valores naturais se fixesen con maquinaria contaminante”, considera. Por iso, a utilización de tracción animal está a gañar terreo nos traballos de recuperación ambiental, como aconteceu na retirada de piñeiros en zonas de turbeira da Serra do Xistral dentro do proxecto Life In Comon Land, nas que se empregaron cabalos para evitar a entrada de maquinaria pesada ao monte. Dificultade para conseguir bos animais para traballar Pero o descenso producido nas últimas décadas en lugares como Galicia no uso de burros, mulas ou cabalos no eido agrícola fai que sexa difícil atopar animais adaptados. “Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había”, recoñece João. “As razas de tiro grandes están en Europa. Alí nunca houbo unha quebra como existiu aquí, por iso somos moi dependentes hoxe da chegada de animais de Europa”, afirma.
Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había
Á hora de introducir animais de tiro nunha explotación, o presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal recomenda analizar primeiro que potencia necesitamos en función do traballo a realizar e adaptar deste xeito o tipo de gando a esas necesidades. Por exemplo, burros para traballo na horta, mulas para traballar en viñedo ou cabalos para arrastre de madeira no monte. É necesario fomentar ao mesmo tempo o coñecemento do manexo do solo e dos animais. “Francia ten unha escola nacional de burros horticultores para formar a novos agricultores”, exemplifica. A tracción animal ábrese paso na axenda europea “Pouco a pouco os équidos de traballo están a entrar na axenda europea. Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e vai gañando terreo o recoñecemento do papel dos pequenos agricultores na soberanía alimentaria”, considera João. Pero ao mesmo tempo que mellora a consideración social cara aos produtores, as opinións animalistas máis radicais, procedentes na maior parte dos casos de entornos urbanos, están en contra do uso de burros, cabalos ou mulas para a tracción agrícola, o que exerce un certo contrapeso e un papel de freo a nivel dos avances na lexislación comunitaria.
Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e gaña terreo o recoñecemento dos pequenos agricultores, pero as opcións animalistas radicais opóñense ao uso de animais na agricultura
Fóra dos ámbitos agrícolas, a tracción animal estase a recuperar para a promoción do turismo (paseos), así como tamén para determinadas labores en entornos urbanos singulares. “En vilas e cidades europeas a recollida do lixo en cascos históricos patrimoniais faise con animais, ao igual que a rega de maceteiros, para o que é máis eficiente un cabalo que parar e arrincar un vehículo a motor cada 20 metros”, razoa o veterinario da Aptran, que asesora tamén a agricultores en España na recuperación da tracción animal.

“Perdeuse moito coñecemento sobre o solo e as técnicas agrícolas a medida que foi aumentando a potencia dos tractores”

Tracción animal con burro nunha zona de agricultura de montaña. Foto: APTRAN A tracción animal perdeu importancia en Europa e en EEUU sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial. “Pero fóra da nosa burbulla do mundo occidental a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación”, lembra João. Segundo os cálculos da FAO, hai 115 millóns de équidos de traballo no mundo, a maior parte deles en países en vías de desenvolvemento.
Fóra da nosa burbulla do mundo occidental, a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación mundial
“Estamos nunha situación enerxética moi complicada porque partimos duns combustibles fósiles que van escasear nun futuro a curto prazo. Se non houbera guerra de Ucraína teriamos o mesmo problema, pero o conflito acelérao todo. Imos ter que facer cambios en todos os sectores, tamén no agrícola”, defende.
A tracción animal é unha enerxía limpa e renovable pero non encaixa no modelo económico actual, porque non se produce, almacena e distribúe
“As máquinas invadírono todo no campo e hoxe hai unha grande animadversión ao traballo manual que fai que teñamos unha esaxeración da maquinaria, porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social. Pero perdeuse moito coñecemento sobre o solo a medida que se aumentou a potencia das máquinas e os agricultores de hoxe son en moitos casos unicamente tractoristas”, argumenta.  
Temos unha esaxeración da maquinaria porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social
Este sobredimensionamento do parque de maquinaria é notable en lugares como Galicia, onde a media resultante entre o número de tractores e a SAU é duns 10 cabalos de potencia por hectárea de terra traballada, cando en países como Francia esta cifra sitúase en 3,5 cabalos por hectárea, case tres veces menos que en Galicia.

Robots 4.0 en viñedos galegos para facilitar a vendima

“A robótica en agricultura ten e vai ter moito sentido e mesmo menos limitacións que outros ámbitos nos que hai postas moitas esperanzas, coma os coches autónomos”. Así de clara se amosaba a investigadora Ángela Ribeiro, que traballa no Centro de Automática e Robótica, centro mixto entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade Politécnica de Madrid, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado recentemente en Lugo.
“En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”
Ribeiro reivindicou ademais os importantes avances en robótica e dixitalización do agro que se están levando a cabo en España e que sitúan ao país na vangarda tecnolóxica. “En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”, recomenda. A investigadora sinala que, mentres en tarefas como a preparación dos solos e sementeiras se ten avanzado moito na robotización, na produción da colleita aínda queda moito sobre o que traballar. Un dos exemplos sobre este avance da robotización no campo no manexo da colleita é o proxecto Flexigrobots, no que está a traballar Ribeiro nestes momentos. Neste caso buscan o desenvolvemento dunha plataforma para sistemas multi-robot autónomos, flexibles e heteroxéneos que facilite a automatización intelixente no manexo de precisión de cultivos. Trátase dun proxecto internacional no que participan tamén empresas e organismos de países como Finlandia, onde se centran no cultivo de colza; así como en Centroeuropa, que traballan en plantacións de arandos. En España, o CSIC traballa en viñedo. Ademais, está a desenvolverse en viñas galegas, grazas á colaboración da adega de Rías Baixas, Terras Gauda, situada na subzona do Rosal. Primer prototipo de robot de asistencia á vendima. Colaboración cunha vendimiadora nas Bodegas Terras Gauda en setembro de 2021.

Facilitar a vendima

Aínda que o proxecto aínda está en plena fase de desenvolvemento, xa levaron a cabo probas nos viñedos galegos durante a pasada vendima e patentaron a plataforma de asistencia á vendima, que está pensada para facilitar a vendima, e que resulta especialmente interesante naquelas zonas onde arrastrar as caixas das uvas vólvese un traballo físico esgotador. A plataforma, na que se carga a caixa, segue ao operario mentres este vendima. Trátase de que identifique e siga a un operario concreto, adaptándose ao seu ritmo de recollida e permanecendo a unha distancia de menos de medio metro. “Nas primeiras probas a persoa que vendimiaba estaba pendente do robot e tentaba inconscientemente adaptarse a el, pero buscamos xusto o contrario, que sexa o robot quen se adapte ao ritmo do vendimiador”, explicaba Ribeiro.
O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado
O robot recoñece e segue a un único viticultor que localiza mediante un identificador situado nun medallón que leva colgado. Ademais, o sistema conta cun receptor GPS para os desprazamentos que teña que realizar aos puntos de recollida e carga. O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado, xa que se trata de que unha vez que a caixa estea chea, outro robot veña a substituílo e este mentres poida trasladar a caixa ata o punto de recollida. Neste sentido, máis que un único robot, a idea coa que traballan desde o CSIC é en desenvolver unha frota de robots que traballe cooperativamente cos vendimiadores.

Frotas de pequenos robots 4.0

Do mesmo xeito que expoñen no proxecto Flexigrobots coa automatización na vendima, Ribeiro apunta cara a un novo salto na robotización da agricultura, no que se aposte polas frotas de robots de pequeno tamaño que poidan realizar labores de forma autónoma e baixo a supervisión dun operario. “Defendemos a implantación da robótica no campo con frotas de pequenos robots”, explica Ribeiro. A utilización destas frotas de pequenos robots presenta vantaxes como: -Son menos perigosos. Ao tratarse de robots de pequeno tamaño os riscos e consecuencias derivados de que se produza un fallo son menores para o ser humano. Con este tipo de tecnoloxía increméntase a seguridade. -Fácil substitución. Ao traballar cunha frota se un dos equipos se estraga pode substituírse por outro de maneira que poida realizarse a tarefa, a diferenza do que ocorre coas grandes maquinarias automatizadas, onde un fallo pode atrasar de maneira importante a tarefa ou mesmo comprometer o cultivo ao ser máis complexa a súa substitución. - Ao tratarse de robots de menor tamaño tamén se reduce a compactación do terreo, que adoita ser un dos inconvenientes de utilizar grandes maquinarias en agricultura. -Tamén supoñen un menor gasto en comparación co desembolso que supoñen outras maquinarias de maior tamaño. -Do mesmo xeito que a maquinaria tradicional e de maior tamaño, estas frotas, a pesar de ser autónomas, requiren por seguridade da supervisión dun operario.

Aproveitar e adaptar tecnoloxía para o campo

Máis aló do desenvolvemento de novas propostas tecnolóxicas innovadoras, tamén se está traballando en aproveitar e adaptar aos traballos no campo solucións xa existentes. É o caso, por exemplo, da adaptación que fixeron desde o CSIC dun vehículo eléctrico convencional transformándoo nun vehículo automatizado que se empregue na mostraxe do viñedo, para detectar pragas como a Botryte. Robot autónomo basado en Twizy para a inspección de viñedos. A Rioxa 2017. Así, optaron por utilizar o modelo de coche eléctrico Twizy de Renault para este uso. As prestacións que presenta este vehículo, como a súa robustez, a súa autonomía de 80 quilómetros, a súa recarga mediante un enchufe convencional ou o seu baixo prezo (11.000 euros fronte aos 60.000 euros que poden custar outros robots de campo equivalentes) convertérono nunha opción competitiva para a súa automatización. Con el realizaron mostraxes en viñedos da Rioxa con cámaras RGB-D, que achegan profundidade na toma de imaxes e que permiten unha maior precisión na elaboración de mapas de volumes que permiten contar con información de utilidade como o grao de afectación de patóxenos do viñedo, como a Botryte, para o seu posterior tratamento. “Con estas mostraxes pódese extraer moita información sobre o viñedo, útil para o xestor”, apunta a investigadora. Cabe destacar que, nesta liña de automatización e adaptación da tecnoloxía, o equipo de investigadores liderado por Ribeiro no CSIC xa deu importantes pasos, debido a que foron dos primeiros en integrar a utilización de drons nos tractores, comezando xa en 2007 co seu uso. A frota de robot terrestres RHEA e a Estación Base desde onde se supervisaba o traballo da frota de robots utilizando unha Interfaz Gráfica de Usuario, que proporcionaba unha recreación realista en tempo real do traballo dos robots. Ademais, participou no desenvolvemento de proxectos europeos de gran impacto como RHEA (Robot fleets for Highly Effective Agriculture and forestry management), co que conseguiron os primeiros pasos en tractores autónomos que realizaban o traballo de campo supervisados por un operario desde unha estación base, co apoio de programas informáticos para a detección rápida dos problemas que xurdían durante o traballo e a procura de solucións eficaces para atallar os mesmos canto antes, preferiblemente sen a intervención do operario e sen deter o traballo dos robots.

Bio-ferramentas para o control de pragas nos viñedos, alternativas para reducir o uso de pesticidas

España atópase entre os 3 países nos que a viticultura ecolóxica ten un maior peso en Europa, cuns 2,1 millóns de hectáreas con este tipo de produción. Mentres, en Italia e Francia, os outros dous países que completan a clasificación da produción ecolóxica europea, apenas se conta con 1,9 e 1,7 millóns de hectáreas, respectivamente. “A viticultura ecolóxica en España é un sector importante ao que apoiar e brindar ferramentas”, reivindica Raquel Campos Herrera, investigadora Ramón y Cajal do Instituto de Ciencias de la Vid y del Viño (CSIC-UR da Rioxa), durante a súa participación no Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais, organizado pola plataforma Vitivin.
“A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas”
Dado o espazo que reclama a viticultura ecolóxica e o impacto ambiental que supón a produción convencional, onde chegan a aplicarse ata 30 tratamentos fungicidas por campaña dependendo das condicións climáticas, as alternativas biolóxicas e sostibles para combater as principais pragas do viñedo fanse cada vez máis necesarias. “A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas, tanto en solos como na auga”, apunta a investigadora. O grupo de traballo no que participa a investigadora abordou nos últimos 3 anos o uso de bio-ferramentas que poidan contribuír no control de pragas e enfermidades da vide. Unha das estratexias de control de pragas nas que se están centrando é a utilización dos nematodos entomopatóxenos, empregándoos como axentes de control biolóxico e organismos de modelo ecolóxico para o control de pragas como a avelaíña do acio, entre outros.

Os nematodos, aliados no viñedo

Do mesmo xeito que xa se están empregando noutros cultivos, o grupo de investigación abordou a utilización dos nematodos entomopatóxenos, sobre cuxo uso en viñedo apenas se levaron a cabo investigacións polo momento. Pero, como poden os nematodos converterse nunha ferramenta contra pragas? O seu propio ciclo natural no solo lévalles a acabar co seu hospedador, é dicir, o insecto; unha vez que liberan as bacterias, por iso é polo que poden chegar a ser de utilidade para combater determinadas pragas propagadas por insectos. “Unha vez que os nematodos penetran no insecto, proliferan e liberan unha serie de moléculas e toxinas que afectan a órganos como o intestino e que acaban por provocar a morte do insecto, que despois os nematodos seguirán aproveitando para reproducirse, proliferar e volver ao solo en busca dunha nova vítima”, detalla a investigadora.
As súas investigacións centráronse na avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela
Coñecendo este proceso, o grupo botou man dos nematodos entomopatóxenos para desenvolver ferramentas biolóxicas, en parte desenvolvidas polo investigador Ignacio Vicente Díez, como parte da súa tese doutoral. Centráronse en tres insectos para observar de que maneira os nematodos poden converterse nun aliado para o seu control nos viñedos. En concreto traballaron sobre a avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela. Centrarse nestes insectos motivou que os seus traballos vaian máis aló do desenvolvido para outras pragas que sobreviven na terra, onde tamén se localizan os nematodos. “Todas estas especies desenvólvense na parte aérea, o que obrigou a traballar nunha tecnoloxía paralela”, detalla a investigadora. Levan aplicando en campo esta nova tecnoloxía desde 2015 con distintos modelos de aplicación. “Coa tecnoloxía desenvolvida conseguimos que estes nematodos sobrevivan o tempo suficiente como para que se poidan utilizar na parte aérea e que penetren nestes insectos”, detalla Campos. Ademais, nos últimos anos foron máis aló de utilizar o propio nematodo senón que pasaron a utilizar todas as bacterias que o nematodo produce dentro do insecto, xa que estas bacterias poden crecer nun medio líquido, é dicir nun cultivo artificial, de maneira que logo se poidan empregar de distintas formas.

Ferramentas biolóxicas e pragas

Polo momento, xa comprobaron que a utilización destes extractos é eficaz contra a araña vermella, así como contra a cigarra espumadora, a avelaíña do acio e mesmo para o control da botrite. “Os traballos realizados con estes extractos mostran que teñen unha elevada eficacia para controlar ácaros como a araña vermella”, detalla a investigadora. No caso do seu uso para controlar a cigarra espumadora (Philaenus spumaius), comprobaron que a escuma producida por este insecto é un hábitat ideal para que actúe o nematodo. Tamén certificaron que estes nematodos resultan moi eficaces para matar as ninfas deste insecto. Ademais, confirmaron que non só os propios nematodos senón os extractos estaban a resultar de gran utilidade para acabar co insecto aos 3 ou 4 días. Taxa de mortalidade da cigarra espumadora exposta a nematodos. Nos seus traballos sobre o uso de nematodos entomopatóxenos como dos extractos para controlar a avelaíña do acio (Lobesia botrana), centráronse en distintas fases do insecto e confirmaron que no caso da fase 3 de larva o uso dos extractos dos nematodos consegue unha mortalidade do 80%. “Son resultados moi prometedores e sobre os que necesitamos seguir traballando”, recoñece a investigadora, xa que os traballos apenas comezaron o verán pasado. A taxa de mortalidade das larvas de Lobesia botrana (couza do acio) chega case ó 100% ó quinto día. Tendo en conta a relación que existe entre a avelaíña do acio e o desenvolvemento da botrite, xa que este insecto actúa como vector do patóxeno, os investigadores quixeron comprobar tamén se o uso destes nematodos ou os extractos podía ser un método de control deste patóxeno, conseguindo resultados prometedores, aínda por confirmar. Ademais, nos seus traballos están a estudar cales son os mellores co-adxuvantes que se podían utilizar no viñedo para conseguir a mellor supervivencia dos nematodos entomopatóxenos na parte aérea. “Búscase que poidamos mellorar a prevalencia dos nematodos nos viñedos”, explica a investigadora. Así, estas investigacións abren a porta á utilización de novas alternativas biolóxicas e cun menor impacto para o control de pragas no viñedo.  

-Consulta aquí algúns dos artigos de referencia para este proxecto. 

-Utilización dos nematodos no control da couza do acio.  -Efectos insecticidas dos nematodos contra a cigarra espumadora. 

“Os morcegos son grandes aliados para controlar pragas nos viñedos”

A presenza de morcegos nos viñedos preséntase como un aliado no control de pragas de insectos como a couza do acio. A firma valenciana Adegas Enguera levou a cabo un proxecto para fomentar o asentamento dos morcegos nos seus viñedos e que poidan axudar no control deste insecto, con iso pretenden comprobar se é posible controlar a praga da couza do acio sen utilizar a técnica de confusión sexual baseada en feromonas. Coñecemos a súa experiencia de man de Sandra Córdoba Lloria, bióloga da área de Xestión de Proxectos de I+D+i da adega, despois de participar recentemente nas xornadas do proxecto europeo IPMWorks, xestionado en Galicia pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e celebradas na Adega Martín Códax, na que se trataron tamén o uso de difusores de confusión sexual para atallar estas praga. -Por que decidistes comezar a traballar cos morcegos? - En Adegas Enguera todo o noso cultivo é ecolóxico, co que está moi limitado o uso de produtos insecticidas. Durante anos empregamos o método de confusión sexual para controlar as poblacións de couza do acio e, pese a ser un método con moitas vantaxes, xa que ofrece bos resultados sen xerar residuos; un dos seus maiores inconvenientes é o seu prezo por hectárea. Ademais, é moi difícil de implementar en parcelas pequenas, polo que a súa eficacia está condicionada a que se empregue en grandes parcelas ou cotos. En Adegas Enguera tiñamos as poboacións de avelaíña do acio controladas desde facía anos utilizando difusores de feromonas. Cos morcegos buscamos dar un paso máis na agricultura ecolóxica: reducir o uso de feromonas e aforrar custos para combater a avelaíña do acio. -Había experiencias previas que vos animasen a apostar polos morcegos? -Hai máis de 10 anos, compañeiros da Àrea d’ Investigació do Museu de Ciències Naturals de Granollers iniciaron no Delta do Ebro un proxecto para coñecer como podían axudar as colonias de morcegos na praga do coñecido como barrenador do arroz. Este grupo comprobou, despois de 10 anos, que eran capaces de controlar esta praga só cos morcegos. Sabendo que son uns grandes insectívoros, que as avelaíñas de pequeno tamaño forman parte da súa dieta e tendo en canta os bos resultados do proxecto catalán, decidimos facer o propio con este proxecto no viñedo. -Cando comezastes a impulsar accións para que as colonias de morcegos se asentasen no viñedo? -En 2015 colocáronse algunhas caixas refuxio para realizar unha proba piloto. Os resultados forman parte do TFG de Juan Martínez Barberá (responsable de I+d de Adegas Enguera), pero non foi ata 2018 cando iniciamos unha colaboración coa Universitat de València grazas á concesión dun Proxecto Cooperación subvencionado con fondos Feader. Comezamos con este proxecto piloto en base aos traballos previos que daban boa conta de que os morcegos son uns insectívoros moi voraces. Hai estudos que revelan que podían comer entre 1.500 e 3.000 insectos por noite. -Que fixestes para conseguir aumentar o número de morcegos? -Unha das principais accións que levamos a cabo foi a colocación de caixas refuxio para que os morcegos puidesen descansar e criar nelas. Ao cabo de dous anos rexistrando a actividade dos morcegos mediante gravadoras de ultrasóns observamos que nas parcelas onde colocaramos caixas refuxio, a actividade dos morcegos era moitísimo máis elevada en comparación coas parcelas onde non se colocaron. Isto evidencia que se se colocan caixas refuxio os morcegos están máis activos nesa zona e, polo tanto, cazan nesa zona polas noites.
“Favorecer a presenza de morcegos nos viñedos é gañar por partida dobre: permite controlar pragas e contribúe a axudar a unha especie prioritaria”
-Con cantas caixas refuxio contades na adega? -Con este proxecto instalamos 118 caixas colocadas en poste. Estas caixas unidas ás colocadas anteriormente suman unhas 150. Trátase de caixas planas que os morcegos utilizan para descansar polo día e tamén para criar no verán. Unha vez colocadas as caixas, cada 15 días faciamos unha revisión para ver se as ocupaban e no verán comprobabamos se criaran. O feito de que os morcegos críen no interior das caixas refuxio é moi importante, xa que todos os morcegos europeos están protexidos e as poboacións dalgunhas das súas especies son escasas. Os morcegos unicamente teñen unha cría ao ano, polo que medidas que favorezan as súas colonias de cría axudan moitísimo á súa conservación. Favorecer a presenza de morcegos nos viñedos é gañar por partida dobre: permite controlar pragas e contribúe a axudar a unha especie prioritaria. Unha das caixas refuxio situada nas parcelas dos viñedos da adega. -Que pautas seguistes para a colocación das caixas refuxio? -Unha das premisas máis importantes é que deben estar colocadas á altura suficiente como para que eles poidan entrar e saír da caixa voando. Polo que vimos, o recomendable é colocalas a unha altura de entre 4 e 5,5 metros. É necesario que a caixa teña a entrada despexada, sen obstáculos, xa que eles localizan a caixa mediante ultrasóns, de forma que se hai ramas tapando a abertura é máis difícil que a atopen. É fundamental evitar unha insolación excesiva que podería matar os morcegos durante o verán. Para iso debemos ter en conta o tipo de soporte e a orientación da caixa. -Como colocastes as caixas nos vosos viñedos? -Pódense colocar en postes, en árbores ou na parede. Nós estivémolas colocando en postes, xa que a porcentaxe de ocupación é maior que noutros soportes. Recomendamos a opción do poste porque podes colocalo onde queiras, o que vai moi ben para campos de monocultivo, e ademais teñen menor risco de requecer.
“Os gatos son os maiores depredadores dos morcegos, por iso é importante colocar as caixas refuxio fóra do seu alcance”
-Algunha recomendación á hora de colocar as caixas refuxio? -É moi importante ter en conta a insolación que pode sufrir a caixa. Aos morcegos gústalles que a caixa estea quentiña, xa que son mamíferos moi pequenos e que perden a temperatura moi rápido. Debe estar quente sen experimentar episodios extremos de calor. No Mediterráneo, no verán coas vagas de calor deben extremarse as precaucións para que non chegue a facer demasiada calor dentro da caixa. Por iso, nunca debe colocarse ao sur nin ao oeste. Cómpre ter presente que se a colocas nunha parede ademais da calor directa que teña polo día, recibirá a calor da propia parede pola noite. Ademais, as crías dos morcegos, que nacen no verán, son tamén moi delicadas en canto a altas temperaturas, polo que debe terse moi en conta xa que poden morrer por un golpe de calor. -E nun clima como o de Galicia, cal sería a mellor orientación? -Na zona de Rías Baixas, en base ás temperaturas medias, habería que evitar colocalas ao sur, xa que no verán poden darse tamén episodios de calor extremo. Tamén é recomendable non situalas orientadas cara á o norte, xa que recibirían poucas horas de luz e a caixa estaría moi fría. O mellor sería colocalas ao leste ou ao oeste. -Algún outro consello para conseguir unha maior adecuación das caixas? -En zonas como e Centro Europa utilizan cores escuras para conseguir maior temperatura no seu interior. En boa parte de España o máis recomendable é utilizalas de cor branca ou madeira de cores claras. So se usan de cor negra en zonas moi frías da Cordilleira Cantábrica. Tamén se fai fincapé en que as caixas non se coloquen en zonas nas que poidan subir predadores, en especial os gatos, que son a principal ameaza dos morcegos. Morcegos saíndo dunha das caixas refuxio da adega. -Tiveron boa aceptación as caixas? -Desde que colocamos as caixas ocupáronsenos todas elas nalgún momento. Con este modelo e seguindo unhas pautas específicas, as caixas adóitanse ocupar moi rápido. Este é un dos medos máis frecuentes entre os viticultores. No propio proxecto estudamos varios modelos ou cuestións como a orientación das caixas para poder ofrecer asesoramento neste sentido.  
“Tivemos picos de ocupación do 80% das caixas e ata 7 colonias de crías. Chegamos a contabilizar case 150 morcegos nunha caixa”
Despois de 3 anos anos tivemos picos de ocupación do 80% das caixas. Ademais criaron dentro delas. Chegamos a ter 7 colonias de crías. De feito, nunha desas caixas chegamos a contar saír case 142 morcegos. Se só nunha caixa tes ese número de morcegos o cálculo do que comerán esa noite no viñedo é moi elevado. -Canta superficie abarcades con este número de caixas? -Temos unhas 130 hectáreas repartidas entre Enguera e Fontanars dels Alforins. En concreto, neste proxecto seleccionamos unha área dunhas 40 hectáreas de viñedo en cada unha das localizacións e contamos cunha parcela testemuña para comparar o efecto da colocación das caixas na actividade dos morcegos da zona. -Puidestes chegar a comprobar que os morcegos están a comer á avelaíña? -Si, confirmámolo grazas á colaboración no proxecto coa Universitat de València, quen realizou unha análise xenética de mostras de guano dos morcegos que habitaban as caixas. Así detectamos que comían avelaíña do acio, entre outras pragas agrícolas. Ademais, a época de máxima actividade dos morcegos (no verán cando crían) coincide cos picos de voo que detectamos na avelaíña do acio. -En que fase do proxecto vos atopades nestes momentos? -Temos xa máis de 600 morcegos contabilizados nas caixas refuxio, polo que demos un paso máis, comezando a retirar paulatinamente os difusores de confusión sexual dalgunhas parcelas para comprobar se fomentando poboacións de morcegos nos viñedos somos capaces de controlar a couza do acio sen confusión sexual. O ano pasado conseguimos un novo proxecto de cooperación para seguir investigando nesta liña, sumándose ademais ao equipo a Asociación Valenciana de Agricultores, grazas a quen poderemos dar a coñecer mellor os resultados entre os propios produtores. Son estudos a longo prazo, pero os datos que estamos obtendo dannos esperanzas para seguir traballando. -Cando saberedes se só cos morcegos é suficiente para o control da avelaíña? -Os datos da retirada dos difusores, que se enmarcan neste novo proxecto, terémolos en novembro, aínda que haberá que seguir recompilando máis información nos próximos anos. Un dos viños elaborados na adega e cos que dar a coñecer esta iniciativa sostible. -Fixestes chegar dalgún xeito este esforzo da adega por combater as pragas dun xeito sostible ó consumidor? -Por mor deste proxecto producimos dous viños (Aliats e Aliats tinto) mediante os cales realizamos tamén unha difusión da iniciativa e poñémola en valor. Ademais, estamos a realizar visitas á adega en formato "noite de morcegos". Son xornadas nas que o público xeral pode vir coñecer o proxecto, ver aos morcegos que axudan no control de pragas e realizar unha cata diferente. Xa realizamos case 30 destas xornadas, co que tivemos máis de 600 asistentes e esta actividade forma parte da oferta enoturística da adega. É unha forma de difusión moi potente e no noso caso está a axudarnos a xerar marca.

Feromonas e morcegos, novos aliados para mellorar a saúde dos viñedos

O emprego de difusores de feromonas e a presenza dos morcegos amósanse como alternativas sostibles e métodos de loita biolóxica contra a Lobesia botrana, coñecida popularmente como couza do acio, un insecto que favorece os danos por botrite nos viñedos. Unha das adegas pioneiras no emprego dos difusores de feromonas en Galicia é Martín Códax, da Denominación de Orixe Rías Baixas, e que leva anos traballando con estes sistemas, aínda que dende o 2019 dun xeito máis intensivo e profesional. Precisamente a cooperativa de Cambados acolleu recentemente unha xornada no marco do proxecto europeo IPMWork, xestionado en Galicia pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), na que deu a coñecer a experiencia con este método biolóxico e os resultados logrados nestes anos. O emprego destes métodos de confusión sexual amósase como unha alternativa sostible para evitar danos nos viñedos da couza do acio, sen un impacto tan elevado na biodiversidade como o uso de insecticidas. Con este sistema téntase evitar a reprodución da couza para manter o seu control biolóxico. “Os difusores de feromonas buscan a confusión sexual, de xeito que se xere unha nube de feromonas que dificulte ó macho atopar á femia para a súa fecundación”, explica Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Bodegas Martín Códax.
“Nas parcelas con confusión sexual evítase entre 2 a 3 tratamentos con insecticidas”
Aínda que hai factores que limitan a eficacia do emprego destes difusores, nestes anos de uso deste método na adega conseguiron unha importante redución do emprego de insecticidas. “Nas parcelas con confusión sexual evítase entre 2 a 3 tratamentos con insecticidas”, detalla o técnico. Así é que, aínda sen poder empregar as feromonas en tódalas parcelas que xestiona a adega, nos últimos anos conseguiron reducir o uso de fitosanitarios un 10%. Instante da xornada realizada en Martín Códax sobre a súa experiencia no uso de difusores de feromonas.

A colaboración entre viticultores, imprescindible

Un dos factores que máis condiciona o éxito do emprego dos difusores de feromonas é que se poida cubrir un amplo espazo de viñedo con este método, para evitar que os insectos poidan ter zonas que non queden cubertas e poidan lograr fecundarse. “Cos difusores hai que actuar como se fose un coto. Na zona que se empreguen debe facerse en tódolos viñedos, porque se queda unha parcela no medio sen usala, serve como refuxio e as femias fecundadas propagaran a praga no resto”, detalla Martínez Rodiño.
Para que o emprego de difusores teña éxito é preciso que sexa usado nunha superficie mínima de alomenos 4 hectáreas, a modo de coto
Así, como mínimo debe contarse cunha superficie de 4 hectáreas para lograr éxito cos difusores. Canto máis grande é o coto mellores resultados se logran, sobre todo na parte central. Os bordes sempre quedan máis expostos e son os viñedos nos que é preciso realizar un maior control e pode ter que realizarse algún tratamento insecticida complementario e puntual. “As parcelas dos bordes son onde pode entrar algunha femia e darse maior incidencia”, apunta o técnico. Na adega comezaron no 2019 a empregar de xeito máis estendido os difusores de feromonas. Nesa campaña chegaron a cubrir con ese método 128 hectáreas, das que 82 eran viñedos propios, 31 hectáreas de viticultores socios e outras 15 de viñedos lindeiros. Este ano contan xa en total con 253 hectáreas. Así, na adega están empregando este método en 140 hectáreas de viñedos, o que supón arredor do 73% da superficie manexada de forma directa pola adega. Tamén conseguiron que máis socios e colaboradores se sumaran, chegando a contar con 73 hectáreas. Do mesmo xeito, agora mesmo tamén se inclúen outras 46 hectáreas doutros viñedos. Evolución da superficie de viñedo na que aplican os difusores de feromonas.En 4 anos conseguiron incrementar nun 50% a superficie manexada con este método. “Para que isto funcione hai que ir da man doutros viticultores e veciños”, valoran dende Martín Códax. Tamén outras Cooperativas das Rías Baixas como Condes de Albarei ou Paco&Lola están embarcadas nesta mesma aposta polo emprego dos difusores de feromonas para reducir o uso de insecticidas. Ademais dos bos resultados que poden lograrse cos difusores de feromonas, outro dos motivos que propiciaron que máis viticultores se unisen a este programa foi a eliminación de boa parte dos insecticidas clásicos que se viñan empregando contra a couza do acio. “Os insecticidas que quedan dispoñibles para esta praga requiren que se aplique no momento preciso para que realmente funcione”, especifica o técnico. Naquelas parcelas illadas onde o emprego de difusores non resultaría eficaz seguen empregando insecticidas. Teñen colocadas as trampas e fan o seguimento semanal delas, de xeito que cando detectan que é o momento propicio para tratar realizan os tratamentos específicos, para que a aplicación do insecticida teña o mínimo efecto sobre a biodiversidade.
O gasto por hectárea en difusores equivale ó custo de dous pases de insecticida
Combater a praga da couza do acio cos difusores tampouco está a supoñer un gasto moito máis significativo para os viticultores. O custo deste método fronte a outras alternativas máis económicas foi durante anos un dos freos para que se xeneralizase o seu uso. “Co custo que teñen hoxe en día os insecticidas practicamente é o mesmo desembolso económico. O gasto por hectárea en difusores equivale ó custo de dous pases de insecticida”, apunta o técnico.

Manexo dos difusores

Outra das vantaxes que presenta o uso dos difusores é o seu manexo, moito máis sinxelo que a aplicación de insecticidas. Os difusores colócanse no viñedo na brotación das cepas e o seu efecto dura todo o ciclo da couza. “Unha vez que se coloca sabes que ata a vendima van estar difundindo esa feromona, de xeito que o viticultor non ten que facer máis nada”, comenta. Mentres, os técnicos fan un seguimento dos extremos dos cotos nos que se usan, para decidir aplicar insecticida se a presenza de couza se incrementa. “É preciso estar acostumado a localizar a couza, xa que son difíciles de ver”, detalla Martínez Rodiño. A monitorización do insecto fana sobre todo en dous momentos claves para o insecto. Por unha banda, un pouco antes da floración, cando a couza se atopa na segunda xeración. Nesta fase contan os acios afectados, xa que se verán os niños do insecto. Outro dos momentos claves para realizar estas revisións é cando a uva ten o tamaño dun chícharo. Entón é preciso localizar as postas do insecto, uns ovos que teñen menos dun milímetro de tamaño, de aí a dificultade de localizalos. “Os técnicos dedicamos moito tempo a facer esta mostraxe para darlle confianza ós viticultores que están dentro do coto de que a praga está baixo control”, concreta Martínez.
Dependendo do modelo deberán colocarse arredor duns 350 difusores por hectárea. Tamén pode optarse por un aerosol automatizado co que só se requiren 4
A colocación dos difusores de feromonas dependerá por unha banda das indicacións dos propios fabricantes, así como da presión que haxa da praga. Así, aínda que con variacións por estes motivos, colócanse en torno a uns 350 difusores por hectárea. “Ó comezo colócanse o número máximo de difusores e a medida que se vai empregando este método, a presión diminúe e poden tamén reducirse o número de difusores”, detalla. Unha vez que se vai reducindo a incidencia da praga, van deixando menos difusores na parte central do coto e vanos trasladando ós bordes, as zonas máis conflitivas, para evitar que entren as couzas fecundadas. Distintos modelos de difusores de feromonas empregados na adega. Na adega están a probar distintos modelos de difusores para comprobar cales lle dan mellores resultados. “Estamos probando as distintas solucións que hai no mercado, tanto para comprobar a eficacia como a rendibilidade económica”, apuntan. Ademais, están a traballar tanto cos modelos máis tradicionais, onde as feromonas se atopan dentro dunha especie de cápsula de distintos tamaños, como un aerosol que emite feromonas de xeito automático cada certo intervalo de tempo. No caso deste último tamén amosa unha maior cobertura, de xeito que colocan só 4 por hectárea. Así, como indican dende Martín Códax, o segrego para que os difusores sexan unha medida de éxito é contar cun coto de parcelas e facer un seguimento rigoroso por parte dos técnicos da incidencia nos bordes, para poder atallar a couza antes de que xere un maior problema.
Caixas refuxio para os morcegos.

Os morcegos, aliados dos viñedos

Na adega queren ir un paso máis aló e van comezar a instalación de caixas-refuxios para favorecer a presenza dos morcegos nos viñedos, xa que son uns devoradores voraces de insectos, entre os que se atopa a couza do acio. A adega valenciana Bodegas Enguera, que tamén expuxo na xornada de IPMworks a súa experiencia, leva anos combatendo a praga só con difusores de feromonas e favorecendo a presenza de morcegos. “Favorecer a presenza dos morcegos nos viñedos para que coman a couza debe ser unha estratexia integrada co uso dos difusores, xa que se se empregan insecticidas non terán de que alimentarse”, xustifica Martínez. Unha das ferramentas para conseguir incrementar as colonias de morcegos é a instalación de casetas refuxio que axudan a que se asenten os morcegos nesa zona. Así, en base á experiencia valenciana e coas súas recomendacións, este ano nas parcelas nas que están empregando feromonas van instalar cinco destas refuxios.

Vantaxes que pode achegar un manexo rexenerativo do viñedo

Un dos desafíos actuais da viticultura é o impacto que pode ter o cambio climático nos viñedos, tanto polas variacións de temperatura, como a dispoñibilidade de auga necesaria para a produción ou as alteracións que pode provocar nas especies. Un manexo rexenerativo do viñedo, centrado na conservación da vida dos solos e a medio camiño entre unha produción intensiva e unha produción baseada na mínima intervención, pode ser a alternativa de futuro para a viticultura, tal e como argumenta a ecóloga Pilar Andrés, unha das maiores expertas en analizar os impactos da produción agrícola nos solos e na biota que os integra. Na súa participación na xornada virtual “Rexeneración e conservación do chan vitícola” organizada pola Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV) recentemente, Andrés incidiu en lembrar os efectos que a propia actividade agraria ten sobre o clima, pola disrución do ciclo de carbono que provoca. “A agricultura distorsiona o ciclo do carbono ao pretender maximizar a biomasa vexetal aproveitable, que se exporta fóra do agroecosistema, reducindo a cantidade de carbono que as plantas entregan ao solo”, explica. Así, dependendo do manexo que se faga do chan, este comportarase como un sumidoiro ou fonte de carbono. Os viñedos provocan tamén un empobrecemento do solo en carbono. “Degrádanse a base nutritiva, a estrutura e o clima edáfico que soportan á biota do chan”, detalla. Na viticultura intensiva, do mesmo xeito que outras prácticas agrícolas intensivas, prodúcese unha quebra dos servizos ambientais. “O solo só pode entregar un servizo: a produción, pero ademais, este servizo será subvencionado, pola achega que se precisa proporcionarlle ao solo”, concreta Andrés.
“Os viñedos son a forma de uso agrícola que causa maiores taxas de erosión no Mediterráneo. Ademais, a viticultura provoca un empobrecemento do solo en carbono”
A viticultura é unha das actividades agrícolas que provoca un desgaste importante dos solos debido ós efectos da erosión. “Os viñedos son a forma de uso agrícola que causa maiores taxas de erosión no Mediterráneo, con medias de erosión da terra de 2,4 a 9,3 toneladas por hectárea ao ano, cando o tolerable, segundo os baremos fixados pola Comisión Europa, é unha perda de entre 0,3 e 1,4 toneladas por hectárea nun ano”, explica a ecóloga.

A importancia de conservar o solo

Ademais de coñecer o impacto que a viticultura ten sobre os solos, Pilar Andrés lembra os servizos ambientais que ofrece a biota do solo para poder comprender a súa importancia. “Os solos achegan servizos ecosistémicos que permiten a vida na Terra”, sinala. Así, os solos son o hábitat dun gran número de organismos fundamentais. Un gramo de chan pode chegar a conter varios miles de especies, 200 millóns de hifas fúnxicas e 1 billón de células bacterianas.
Un gramo de solo pode chegar a conter varios miles de especies, 200 millóns de hifas fúnxicas e 1 billón de células bacterianas
O solo actúa tamén como regulador do clima e das inundacións e contribúe á purificación da auga e a redución de contaminantes. Os solos son tamén fundamentais no ciclo de nutrientes e unha fonte de alimento, fibras e combustibles, así como de produtos farmacéuticos e recursos xenéticos. Dada a contribución dos solos, a nova PAC recomenda adoptar prácticas e estratexias integradas que orienten a restauración dos solos agrícolas, para facilitar non só o secuestro de carbono senón tamén a saúde integral do chan e o cumprimento dos servizos ambientais. Medidas como o Pacto Verde Europeo, adoptan medidas para protexer o chan, buscando unha redución do 55% das emisións do gases de efecto invernadoiro para o 2030, así como a neutralidade climática para 2050. Con todo, como sinala a ecóloga, a agricultura emite aproximadamente o 10% dos gases de efecto invernadoiro na Unión Europea, co que existe pouco potencial para a redución de emisións neste sector.

Tres modelos de produción vitícola ...

A ecóloga Pilar Andrés levou a cabo, xunto con outros profesionais, un caso práctico no Empordán na provincia de Xirona, para comparar o impacto e os beneficios que achegan á conservación da biota do solo e á produción vitícola tres modelos diferentes de manexo dos viñedos: intensivo, rexenerativo e mínimo. Coñecemos os detalles de cada un deles:

-Manexo intensivo

Neste caso trátase dun viñedo de 30 anos, que se ara a 20 centímetros 5 veces ao ano para evitar a competencia da cuberta. Tamén se procede á eliminación das malas herbas mediante o uso de glifosato. En materia de fertilización, empregan 150 quilos de NPK por hectárea. O control químico das pragas realízase optando por funxicidas sistémicos, así como herbicidas de preemerxencia.

- Manexo rexenerativo

O manexo rexenerativo da terra é unha práctica que potencia o poder da fotosíntese nas plantas para pechar o ciclo do carbono, producir saúde no solo, resiliencia dos cultivos e densidade nutricional. Como detalla Pilar Andrés, son prácticas de agricultura rexenerativa aquelas que contribúen a rexenerar ou crear solos sans e fértiles, incrementan a infiltración, retención e escorrentía limpa e segura da auga. Ademais de incrementar a biodiversidade, saúde e resiliencia dos ecosistemas e invisten as emisións de carbono da agricultura actual e logran secuestrar carbono. “A agricultura rexenerativa cumpre totalmente as demandas da crise climática na que nos atopamos hoxe en día”, valora a ecóloga. Do mesmo xeito que en caso do viñedo intensivo, nesta parcela as viñas teñen 30 anos. Trátase dun viñedo que foi manexado de maneira intensiva ata o 2015, polo que os resultados obtidos foron logrados en 4 anos. Actualmente neste manexo rexenerativo non están arando a terra e a fertilización é a base de esterco de vaca. Aplican tés de microorganismos e proceden á regulación de catións para manter baixo control o pH da terra. Este viñedo conta con coberteira permanente a base dunha mestura de luminosas e gramíneas. Na primavera e verán, para o control da cuberta, as herbas dos corredores esmáganas cun crop roller, e o espazo entre dúas viñas desherbana a man. No inverno proceden a descompactar o solo coa inxección de ácido húmicos. En canto aos ataques por fungos, combátenos empregando xofre e cobre. Nas pragas de insectos, prevéñenas utilizando feromonas.

- Manexo mínimo

Neste viñedo, as cepas teñen 50 anos e ata o 2007 xestionáronse mediante un manexo intensivo. Na actualidade, optouse por suspender por completo o arado da terra e deixan que se produza un desenvolvemento espontáneo da cuberta herbácea nas rúas. Realizan un desherbado anual con cortadora manual e os restos de poda retíranos do campo e quéimanos.

… Distintos resultados

Á hora de avaliar os efectos conseguidos na saúde do solo cos tres modelos de manexo, a experta atende a parámetros físicos, químicos e biolóxicos. Os mellores resultados alcánzanse cun manexo rexenerativo, que logra un impacto máis positivo nos solos. As prácticas rexenerativas resultan mesmo mellores que cando se deixa a terra e o cultivo, neste caso o viñedo, case sen intervención e, sobre todo, fronte ao “desastre fisicoquímico e biolóxico” que proporciona o manexo intensivo. En cuestións como densidade aparente, o pH ou o carbono orgánico, o manexo rexenerativo logra resultados moi positivos en só 4 anos, moi similares e en proporción mellores que os alcanzados en 12 anos dun manexo mínimo. “En 4 anos pasamos dun 0,54% de carbono orgánico no solo a 1,27% e en 12 anos a 1,84%. É brutal a rapidez á que se logra este secuestro de carbono nun modelo rexenerativo en 4 anos”, valora a ecóloga. Un dos aspectos nos que se aprecia máis o impacto positivo das prácticas rexenerativas é na presenza de seres vivos. Co manexo rexenerativo contabilizaron 973 millóns de flaxelados por metro cadrado en 15 centímetros de profundidade fronte aos 117 millóns que se contabilizan cun manexo mínimo e os pouco máis de 61 millóns presentes nun modelo intensivo. “A comparativa permitiunos ver a tremenda riqueza de controladores que se logra cun manexo rexenerativo, seguido a curta distancia nalgúns grupos no manexo mínimo” sinala Pilar Andrés. Parámetros físicos, químicos e biolóxicos dos tres modelos de manexo. En verde os mellores resultados. A gran diferenza nun manexo rexenerativo está en todos aqueles parámetros biolóxicos, que desta forma poténcianse e preservan, mentres que cun modelo intensivo acaban destruídos. Tamén cabe sinalar que, en aspectos como a estrutura física do solo un manexo mínimo ten unha importante vantaxe fronte ao modelo rexenerativo. Espazo de calidade que xeran os tres sistemas de manexo.

É rendible economicamente apostar pola conservación do solo?

En canto ao impacto económico, a comparativa permitiu determinar que o manexo rexenerativo ademais das vantaxes que proporciona para o solo é tamén rendible economicamente. No manexo rexenerativo apreciouse unha caída da produción nos 2 primeiros anos, pero nestes momentos lograron unha rendibilidade económica superior á que se lograba cunha produción intensiva debido a unha mestura derivada non só da recuperación de produción senón tamén pola revalorización do produto, xa que agora está a ser comercializado como ecolóxico, cun prezo máis elevado. Neste sentido, o manexo mínimo está a ser o menos rendible, xa que a pesar de que os gastos son moi reducidos apenas se está logrando produción, en parte porque as viñas son vellas, pero tamén polos efectos deste tipo de manexo.

“A rega do viñedo xoga un papel crucial para a obtención dunha produción homoxénea e equilibrada entre anos”

Falamos coa investigadora María Fandiño, que acaba de presentar a súa tese sobre ‘Necesidade de auga e influencia dos sistemas de rega en Vitis vinífera Variedad Albariño’. Trátase dun estudo pioneiro realizado no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo. Entre outras conclusións, a investigación demostra que os viñedos de Albariño nas Rías Baixas aproveitan só entre o 30 e o 40% da auga que reciben en forma de precipitacións ou de rega.  Coa investigadora coñecemos en detalle as conclusións do seu traballo e os beneficios que pode ofrecer afondar no coñecemento da rega para estes viñedos fronte ós retos que provoca o cambio climático.  -Acaba de presentar os resultados da súa investigación sobre as necesidades de auga na variedade Albariño. Cales son as principais conclusións do seu traballo? -O principal resultado do traballo é a obtención de ferramentas para a xestión e manexo da auga nos viñedos galegos, en condicións de clima Atlántico, posto que non existían ata o de agora ferramentas baseadas na determinación dos coeficientes de cultivo nin para esta variedade nin nesta localización concreta. A determinación dos requirimentos de auga da variedade Albariño, nos diferentes estadios do ciclo vexetativo, foron determinados partindo da calibración dos coeficientes culturais, adaptados ás condicións climáticas locais do viñedo estudado, tendo presente os efectos da cuberta vexetal permanente, tanto na liña como na interliña. Cabe destacar que a estratexia de xestión da auga no viñedo depende dos obxectivos que o viticultor persiga, dende un punto de vista produtivo-cualitativo, pero sempre baseada no coñecemento dos requirimentos de auga do conxunto viñedo-cuberta vexetal. Polo tanto, o uso da auga de rega no viñedo, non ten unha única estratexia de aplicación, senón que depende do clima, dos obxectivos do viticultor e da dispoñibilidade de auga, maximizando a eficiencia no uso da mesma.
“Coñecer o reparto das compoñentes do balance de auga no solo é de vital importancia para un manexo eficiente da auga no viñedo”
-Na presentación da tese apuntaba que os viñedos só aproveitan entre un 30 e o 40% da auga que reciben, de que maneira pode ser relevante coñecer este dato para o manexo do viñedo? -A pesar de que Galicia conta con elevadas precipitacións, en comparación co resto de España, a irregularidade na distribución das mesmas, principalmente outono-inverno, fai que esta auga non sexa aproveitada polas vides. Asemade, as precipitacións que se producen nos meses de marzo a setembro non son útiles para o viñedo, na súa totalidade, posto que se producen perdas de auga por percolación profunda e escorrentía superficial. Ó falar dunha porcentaxe de auga aproveitable polo viñedo, refírome á transpiración do cultivo como tal, xa que parte da auga que chega ó viñedo (choiva e rega) é empregada pola cuberta vexetal (transpiración da cuberta vexetal) e unha terceira parte corresponde coa evaporación da auga no solo. O que se busca é maximizar a transpiración do cultivo, minimizando as perdas por evaporación de auga no solo, polo tanto coñecer o reparto das compoñentes do balance de auga no solo, é de vital importancia para un manexo eficiente da auga no viñedo. -Estes resultados poden influír na elección dun tipo ou outro de cuberta vexetal? -En termos xerais, nos viñedos galegos a cuberta vexetal existente é espontánea, vencellada ás condicións do clima atlántico, o que fan que estea presente na práctica totalidade do ciclo de cultivo, con maior ou menor densidade, sendo necesario un manexo axeitado desta, novamente dependente dos obxectivos finais do viticultor. A existencia da cuberta vexetal é moi interesante no noso clima posto que exerce un control do vigor, nas variedades vigorosas, como o Albariño, competindo pola auga co viñedo, ademais de favorecer o mantemento do solo, reducindo a erosión, entre outras vantaxes.
"Os coeficientes culturais do viñedo permiten definir os requirimentos de auga totais en cada momento, sendo o viticultor quen debe definir cal é o nivel de estrés hídrico en cada fase"
-En que fase resulta máis importante o aporte de auga para o viñedo? -Os aportes de auga no viñedo, ben coa precipitación ou coa rega, son de extrema importancia en tódalas fases vexetativas, a cuestión é: ¿cal é a cantidade que debe recibir en cada momento? Dende un punto de vista práctico os coeficientes culturais do viñedo permiten definir os requirimentos de auga totais en cada momento, sendo o viticultor quen debe definir cal é o nivel de estrés hídrico en cada fase. En termos xerais, o nivel de estrés hídrico debe ser menor no período comprendido entre a floración e o envero, se os obxectivos son meramente produtivos, é dicir, maximizar a produción (quilogramos de uva), ou ben buscar un equilibrio entre cantidade e calidade, sendo preciso neste caso forzar un nivel de estrés hídrico lixeiramente máis elevado, buscando incrementar a concentración dos compostos nos acios ó reducirse o contido final de auga nos mesmos. -Que consecuencias pode ter a rega nos distintos ciclos da vide? -No caso da viticultura galega, onde é habitual a presenza de choivas durante o verán, a rega ten que ser empregada como unha ferramenta de aplicación de auga complementaria, o que se coñece como rega de apoio. Nas fases de estío prolongado, naqueles anos nos que as choivas son escasas, a rega xoga un papel crucial para a obtención dunha produción homoxénea e equilibrada entre anos. Non se pode esquecer que a uva obtida vai a ser empregada na elaboración de viños, que o consumidor demanda, e que adquire estes viños polas súas características varietais, as cales deben ser mantidas de colleita en colleita, sendo estes factores os que determinan a escolla dun viño ou doutro. Polo tanto, a rega facilita a obtención dunha uva equilibrada ano tras ano, cando non existen choivas regularmente distribuídas.
"Finalizamos a rega na semana anterior á data da vendima para evitar que a retirada da auga na fase final producira a rotura das bagas e posibles enfermidades fúnxicas"
-Que variacións fixeron na rega nos seus estudos en campo? -A rega aplicada no estudo foi unha rega deficitaria, tal e como é habitual na maioría das zonas vitícolas a nivel mundial. A cantidade aplicada foi do 30% da evapotranspiración de referencia (ETo), dato que é posible obter diariamente nas estacións agrometerolóxicas da rede de MeteoGalicia, ou ben a partir de estacións propias establecidas nos viñedos polos viticultores/cooperativas ou asociacións. En canto, ó momento de aplicación da rega, establecéronse tres momentos de inicio da rega: un primeiro tratamento onde a rega se iniciou na brotación, un segundo tratamento que comezou cando as vagas acadaban o tamaño chícharo, e un terceiro tratamento dende o inicio do envero. A rega finalizou na semana anterior á data da vendima, para evitar que a retirada da auga na fase final producira a rotura das bagas, coas consecuencias negativas que este aspecto tería pola posible incidencia de enfermidades fúnxicas nesta fase final. Viñedo de Albariño con sistema de rega. // Foto. María Fandiño. -De que xeito debe facerse esta rega? Como inflúe o sistema de condución nas necesidades de rega? -O manexo da rega en calqueira cultivo debe partir dun coñecemento de tres aspectos fundamentais: solo, clima e cultivo. No caso dos solos é vital coñecer o tipo de solo: areoso, arxiloso,..., a profundidade do solo de utilidade para o cultivo, e polo tanto a capacidade de almacenamento de auga no solo. Estes parámetros permiten definir cal é a cantidade de auga que o solo é capaz de recibir nun evento de rega ou choiva, establecendo a auga que se perde por escoamento superficial ou ás capas profundas do solo. Por outra banda, os datos meteorolóxicos, é dicir as condicións climáticas durante a campaña, marcarán a demanda evapotranspirativa da atmósfera (ETo) e as precipitacións recibidas, o cal facilitará a xestión do balance de auga no solo, ben de xeito diario ou semanal, segundo o período de xestión da rega que estea a empregar o viticultor. Por último o cultivo, onde o seu manexo, as características do dosel vexetal (altura e anchura) en cada fase vexetativa, fan que se estableza un coeficiente cultural particular. En xeral, o manexo da rega da viña en Galicia debe realizarse con regas diarias, ó encontrarse os viñedos en solos areosos, estando o tempo de aplicación da rega ligada ó ano en curso (clima) e ás características do dosel vexetal, así como á presenza ou non dunha cuberta vexetal, a cal tamén extrae auga, competindo pola mesma co viñedo.
"En xeral, o manexo da rega da viña en Galicia debe realizarse con regas diarias, ó encontrarse os viñedos en solos areosos"
Na tese de doutoramento estudouse un viñedo en espaldeira cunha altura máxima da vexetación de 2 metros, ocupando a vexetación unha anchura máxima comprendida entre 60-70 centímetros, polo que os datos obtidos son aplicables directamente a viñedos en situación similares, sendo preciso realizar pequenos axustes nos coeficientes culturais en situación diferentes. Por exemplo, no caso dun parral os requirimentos hídricos son maiores ó ter unha maior superficie vexetativa, polo que os Kc a aplicar deberían de incrementarse, tal e como se obtivo en estudos previos pola nosa equipa de investigación. -No seu traballo tamén afondaron no cálculo dos coeficientes culturais para xestionar a rega de maneira práctica, en base a iso que recomendacións poden facer ós viticultores á hora de regar as súas viñas? -Os resultados acadados son de aplicación directa en viñedos con condicións de manexo similares ós estudados, se ben estes son moi comúns en Galicia. Nas primeiras fases do ciclo do viñedo, ata a floración, as precipitacións caídas marcan os requirimentos de auga, xeralmente non é preciso regar antes da floración. Entre a floración e o envero, o viñedo ten un maior requirimento de auga polo que se recomenda aplicar un coeficiente cultural de 0,5 aproximadamente durante este período. Namentres, dende o envero ata os días previos á vendima, o valor redúcese ata 0,3 de forma gradual. Estes valores permitiran ó viticultor xestionar a rega de forma sostible, realizando pequenas adaptacións segundo as particularidades do seu viñedo, como o manexo da vexetación activa na liña e na interliña, así como o nivel de estrés hídrico que persigan no mesmo, a maior estrés hídrico a implementar maior será a redución do coeficiente cultural.
"A rega dende a brotación, como dende o tamaño chícharo xeraron reducións na produción. Polo contrario, a aplicación da rega dende o envero ata a semana previa á vendima permitiu acadar as maiores producións"
-En canto ós rendementos do viñedo, que variacións constatou coa rega do viñedo? -Tanto a aplicación da rega dende a brotación, como dende o tamaño chícharo xeraron reducións na produción, afectando polo tanto os rendementos e a eficiencia do uso da auga. Polo contrario, a aplicación da rega dende o envero ata a semana previa á vendima permitiu acadar as maiores producións. Pódese dicir que, a rega favoreceu o desenvolvemento da parte vexetativa, cando foi aplicada dende a brotación ou tamaño chícharo, se ben, produciuse un desequilibrio coa parte produtiva, onde non se reflexou o previsible incremento produtivo. A recomendación polo tanto sería aplicar a rega dende o envero, ou ben previamente, cando se persigue aplicar adubos a través dos sistema de rega. -Vese afectada a calidade dos mostos coa rega? -A calidade dos mostos non foi afectada en xeral pola aplicación da rega, se ben amosouse unha tendencia a valores maiores de ácido málico naqueles viñedos regados cun maior volume de rega; observouse tamén unha tendencia a concentracións maiores de Mn nos mostos derivados dos viñedos regados, fronte a os de sequeiro. -Por que decidiu traballar coa variedade Albariño? -A escolla da variedade Albariño foi derivada da súa importancia en Galicia, así como que é regada en moitos dos viñedos, polo que a mellora sobre o coñecemento dos efectos da rega sobre a mesma, conducida en espaldeira, tería un maior impacto na viticultura galega. Outro aspecto que nos levou a escoller esta variedade é a vigorosidade do Albariño, o que supón que exista unha vexetación activa na liña e na entreliña, para tentar reducir o mesmo. O conxunto viña e vexetación activa, complica o estudo dos requirimentos hídricos, se ben a resolución desta situación máis complexa, permitirá estender os resultados a situacións onde non exista vexetación activa, reducindo os coeficientes culturais. -Ten estudado a influenza dos distintos clons e portaenxertos de vide, neste caso para a variedade Albariño, na resistencia da planta ao estrés hídrico? -No estudo actual non se abordou os efectos dos clons ou portaenxertos de vide, partiuse dunha plantación homoxénea co mesmo clon, empregando 110-R como portaenxerto. A inclusión de mais factores de estudo non era viable no estudo realizado, sendo a variable rega a estudada. -Ábrese a posibilidade a plantar esta variedade noutras zonas con menos abundancia de precipitacións? -A variedade Albariño está ligada maioritariamente ás zonas vitícolas definidas pola DO Rías Baixas, se ben noutras DO galegas é posible atoparse coa mesma, posto que está autorizada polos restantes consellos reguladores. A resposta da variedade en climas continentais como o existente na DO Monterrei é diferente, sendo necesario xestionar a auga dun xeito eficiente e polo tanto coñecer as extraccións que a planta ten. Non podemos esquecer que as características do solo son clave na resposta da vide que se expresa a través da uva, e polo tanto do viño como produto final. A posibilidade de obter uva Albariño noutras rexións de Galicia é real, pero non significa que a resposta sexa a mesma en termos cualitativos e produtivos.
"É preciso seguir levando a cabo estudos nas diferentes rexións vitícolas galegas, así coma noutros cultivos, dado que nun breve espazo de tempo será preciso regar as viñas de forma habitual, co problema dunha falta de auga para regar"
-Cos efectos do cambio climático orixinando novos retos para o sector, esta información ofrece novas estratexias fronte ás secas? -O manexo da rega cos resultados acadados na miña tese doutoral serven de base para a xestión da falta de auga, derivada dunha seca, ou período prolongado sen precipitacións. O poder manexar o déficit de auga nos viñedos a través da rega será clave para minimizar o impacto da falta de precipitacións en anos extremos, cada vez máis frecuentes. É preciso seguir levando a cabo estudos nas diferentes rexións vitícolas galegas, así coma noutros cultivos, dado que nun breve espazo de tempo será preciso regar as viñas de forma habitual, co problema dunha falta de auga para regar os mesmos, en particular nos meses de verán. -Na presentación dos resultados apuntábase que esta é unha investigación pioneira en Galicia, teñen pensado continuar os traballos con outras variedades? Cales teñen maior interese? -Como continuación do estudo realizado na variedade Albariño, actualmente estase a realizar o mesmo para a variedade Mencía na zona de Quiroga, neste caso tamén se trata dunha condución en espaldeira. Ó ser a variedade tinta máis empregada na viticultura galega considerouse relevante continuar os estudos do Albariño na mesma. Existen outros traballos preliminares da nosa equipa de investigación, onde se estudaron os requirimentos hídricos nas variedades Godello, na Rúa; así como a variedade Mencía, en Sober, e o Albariño en parral no Condado. Tódalas variedades presentan o seu interese, se ben aquelas que teñen maior superficie cultivada deberían ser estudadas en profundidade posto que demandaran unha maior cantidade de recursos hídricos, os cales son limitados.

Claves para xestionar as cubertas vexetais e optimizar os seus beneficios nos viñedos

A cuberta vexetal nos viñedos é unha das formas para combater a erosión dos solos, un dos grandes desafíos da viticultura actual, aínda que esta non é a única vantaxe que ofrece. O doutor e investigador do Instituto Agro, situado en Montpellier (Francia), Léo García, proporcionou algunhas claves sobre o manexo e os beneficios da cuberta vexetal no viñedo durante o Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais organizado por Vitivin, a plataforma en liña especializada en ofrecer contido para profesionais do sector vitícola. Tal e como sinala García, as cubertas vexetais son unha alternativa en zonas nas que, tras fortes choivas, gran cantidade de terra dos viñedos é arrastrada, o que supón un problema grave en viticultura. Tamén son unha vía para mellorar a calidade do solo (matera orgánica, actividade biolóxica, ciclo de nutrientes) e afrontar os problemas derivados do cambio climático e os episodios de seca cada vez máis recorrentes. “O sur de Francia, España ou o sur de Chile estamos no mesmo barco para afrontar eses problemas de seca no viñedo”, valora García. É preciso ter presente que, comparado con outros cultivos, os viñedos tamén están sometidos a unha gran presión polo uso de fitosanitarios. Ademais, adoita procederse a realizar moito desherbado mecánico de maneira que os solos quedan espidos. O investigador sinala tanto as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais como os inconvenientes que pode carrexar en determinados momentos para o viñedo. García insiste na importancia de ter todos os aspectos en conta e axustar a estratexia para desenvolver no viñedo, é dicir non escoller unha estratexia fixa, xa que esa pauta pode non funcionar ben todos os anos.
A pesar das vantaxes que poida proporcionar as cubertas, García recomenda unha estratexia variable, que permita manexar as cubertas en función dos obxectivos do viñedo e do clima
“Unha estratexia fixa deixa grandes variacións entre os anos de cultivo de maneira, que en ocasións pódense lograr resultados positivos para índices ambientais como a escorrentía, pero outros verase afectada a calidade e a produción. Por iso, é fundamental adaptar a estratexia, o que permitirá lograr bos resultados en ámbolos dous aspectos ao axustar o manexo da cobertura (sementeira, a destrución ou o mantemento da cobertura) en función das necesidades do viñedo en cada campaña”, concreta o investigador. Servizos para o solo e a vide Ante estes retos da viticultura, as cubertas vexetais, preséntanse como unha alternativa para ter en conta. Trátase de cultivos de servizo, é dicir non son cultivos comerciais, xa que non se cultivan nin se venden. Estas cubertas axudan a mellorar as propiedades dos solos. “O obxectivo das cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”, explica o investigador.
“O obxectivo destas cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”
Á hora de avaliar o impacto que as cubertas vexetais teñen no viñedo, García detalla que optar por elas en lugar de labrar o solo contribúe a controlar o rendemento das cepas, á vez que achega unha maior biodiversidade e actividade biolóxica dos solos. “Esta é unha función moi importante tendo en conta que en viticultura o solo é o elemento central á hora do identificativo do terroir, así como de todas as denominacións de orixe protexida”, detalla o experto. As cubertas xogan un papel moi importante na conservación do solo, ao ser un mecanismo para o control da erosión, contribuír a mellorar as condicións físicas do terreo e a lograr un balance de auga e depuración e mellorar a infiltración de auga. “As cubertas achegan estabilidade estrutural, de maneira que evita que as partículas do solo se danen, así como que o solo estea demasiado compactado, xa que reducen a densidade aparente”, explica o investigador. Como demostran algúns estudos, ao saír do inverno hai máis auga no solo naqueles viñedos que tiveron unha cobertura vexetal durante o inverno, débese en gran medida a que se frea a escorrentía da auga. Auga dispoñible en viñedos con cuberta vexetal (verde) e solo nú (azul). Datos de Sergio Ibáñez Pascual Ademais, son ferramentas para incrementar a fertilidade do solo (“abonos verdes”) e que permiten a captura de carbono. Contar con cubertas vexetais é unha ferramenta que axuda á degradación de pesticidas e praguicidas.
“Os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto na follas como no acio”
Optar por cubertas vexetais tamén axuda á regularización do vigor da vide e do microclima dentro das súas follas, e mesmo poden ser un aliado no tratamento de enfermidades fúnxicas, pragas e inimigos naturais do viñedo. “Estudos como o desenvolvido polo profesor Héctor Valdés Gómez amosan que os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto nas follas como no acio”, detalla García. A competencia que exerce a cuberta vexetal provoca que o viñedo teña menos vigor, de modo que o microclima que existe dentro das follas é menos favorable tamén para o mildio. Como sinala García, cómpre ter presente que as cubertas vexetais tamén poden aumentar a humidade do aire no viñedo, o que favorece os ataques de fungos, de aí que sexa fundamental o manexo da cuberta.  Non é un efecto directo, pero a cobertura vexetal tamén contribúe á biodiversidade xeral dos viñedos, o que favorece a presenza de especies animais como os morcegos que son inimigos naturais dalgunhas das pragas que afectan á vide. “Ter biodiversidade ademais da riqueza natural pode ser unha vía de aforro de custos en tratamentos e por tanto de gañar diñeiro no viñedo”, explica o investigador. Nalgunhas rexións vitícolas, as cubertas vexetais dos viñedos son aproveitadas para a produción de forraxes para ovellas, o que abre unha vía para a diversificación no campo. Ademais, as cubertas tamén poden contribuír a incrementar o atractivo turístico dos viñedos ao crear paisaxes cun alto valor estético. Competencia pola auga e nutrientes O investigador Léo García incide en ter presente non só as vantaxes que proporcionan ao viñedo e ao ecosistema as cubertas vexetais senón tamén os efectos contraproducentes que pode xerar, de maneira que poida facerse un balance dos pros e contras que ofrecen. A competencia pola auga é un dos principais inconvenientes das cubertas vexetais. Os traballos realizados polo investigador Florian Celette en 2005 demostran que a cobertura vexetal permite reter a auga no inverno e evitar as escorrentías. Aínda que, estas mesmas cubertas poden favorecer o secado do solo en épocas como verán, ao existir unha maior competencia pola auga entre a viña e o resto de vexetais que crecen. Así, aínda que é favorable contar cunha cobertura vexetal debe valorarse que pode competir directamente coa viña pola auga, dependendo do período de presenza da cobertura vexetal.
“O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”
O rendemento dos viñedos é un dos factores determinantes tanto para os viticultores como para os investigadores e as cubertas vexetais tamén poden influír. Segundo distintas investigacións, os portainxertos sensibles ou cunha sensibilidade media á seca teñen un rendemento máis baixo coa cobertura vexetal que co solo espido. Con todo, se o portainxerto é resistente á seca, hai estudos que avalan que o rendemento pode ser máis alto con cobertura vexetal ou ben non hai cambios en comparación con solos espidos. “O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”, explica o investigador.
“Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”
A calidade e a cantidade de uvas tamén pode verse afectada ou mellorada pola existencia dunha cobertura vexetal. “Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”, comenta o investigador. A cobertura vexetal tamén pode competir directamente por outros nutrientes como o nitróxeno do solo. É importante identificar os períodos críticos para os servizos ecosistémicos. Dependendo do período do ano e do estado fenolóxico do viñedo interesarán uns servizos ou outros. Así, durante os períodos de choiva é moi importante controlar a erosión, pero cando a vide necesita nitróxeno é moi importante contar con nitróxeno e auga. “Hai distintos períodos de absorción do nitróxeno na vide e hai que ser moi preciso en canto ás dinámicas de mineralización do nitróxeno para que poida estar dispoñible para a vide cando o necesita. Así, principalmente ao redor da floración.
As cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte
A floración é un período moi importante. Demostrouse que as cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte.
Cubertas vexetais en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual Aproveitar as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais Para conseguir un óptimo aproveitamento da cuberta vexetal no viñedo, García recomenda prestar especial atención á elección da especie ou especies da cuberta. Pódese optar por sementar determinadas especies ou aproveitar os servizos ecosistémicos que prestan as cubertas espontáneas, herbas que crecen de maneira natural sen necesidade de sementalas. “En función das especies que teña a cuberta obteremos uns servizos ou outros no noso viñedo”, concreta. As especies teñen diferente eficacia para limitar a erosión do chan, así especies como Thymus serpylloides ou a Salvia lavandulifolia evitan en gran medida a escorrentía, mentres outras especies como a Lavandula stoechas, coñecida popularmente como tomiño borriqueiro, non conseguen suavizar a erosión. O mesmo ocorre coa achega de nitróxeno. Tamén se observan variacións se se opta por cubertas diversas ou se pola contra se escolle unha única especie. As leguminosas son unha alternativa moi interesante para achegar nitróxeno. “Particularmente nos solos vitícolas que non teñen moita materia orgánica ou nitróxeno mineral, as leguminosas desenvólvense e medran mellor, sendo máis interesantes para o viñedo, sobre todo cando se comeza con esta práctica”, concreta García.
En función das especies da cuberta obtéñense uns servizos ou outros no viñedo, por iso moitos viticultores optan por cubertas diversas, xa que é un método de conseguir eses servizos
As mesturas multifuncionais moitas veces son interesantes, xa que prestan máis dun servizo ao viñedo. “Moitos viticultores optan por cubertas diversas pola seguridade que lles ofrece contar con máis dunha especie para conseguir eses servizos”, explica o investigador. Á hora de sementar as cubertas, moitos viticultores optan por sementeira directa. Hai mesmo viticultores que desenvolveron as súas propias sementadeiras adaptando os seus equipos de fertilización, de maneira que logran labrar e sementar ó mesmo tempo. É un sistema que funciona bastante ben tal e como recoñece o investigador. Equipos empregados para a sementeira da cuberta en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual Na sementeira tamén é preciso un axuste da taxa de cobertura na parcela. Pódese optar por unha cobertura total do viñedo ou só en determinados espazos, ben sexa entre rúas ou na propia fileira do viñedo. O rendemento e o vigor da vide están relacionados coa porcentaxe de cobertura vexetal da parcela, tal e como demostraron os investigadores Delpuech e Metay en 2018. “Sen cobertura vexetal o rendemento é máximo e canto máis se incrementa a cuberta vexetal máis se reduce tanto o rendemento como o vigor. Aínda que é certo, tras varios anos este efecto poida que non se note”, especifica García. Outro dos aspectos para ter en conta no manexo das cubertas vexetais é a data e a destrución utilizada. García atópase nestes momentos inmerso nunha investigación sobre esta cuestión. Están a empregar tres métodos: segadora e cultivo do chan, ou ben utilizando a segadora sen labrar o chan ou destruíndo a cuberta co rolo. Ademais probou a destruír esta cuberta tanto ao final do inverno como na brotación da vide. Os primeiros resultados obtidos en 2020 e aínda pendente de novos datos, indican que “dependendo da ferramenta e da data de destrución pódense obter resultados diferentes para o viñedo para manexar a maleza, a auga do solo ou outros factores determinantes para o viñedo”, indica o investigador.

En que momento é máis susceptible o viñedo ao mildio?

Humidade e elevadas temperaturas resultan unha mestura explosiva no viñedo. Son a combinación perfecta para que aparezan mildio, oídio e botrite, que levan anos sendo o cabalo de batalla da viticultura en Galicia, tanto polos danos que xeran na colleita como polo incremento de custos e traballo que supón atallar estas enfermidades fúnxicas. Se a meteoroloxía funciona como detonante e aliado tamén podería ser a clave para atallar a incidencia destas enfermidades. Esta é unha das premisas coas que traballa o grupo de operativo supra-autonómico Viticast. Botaron man da intelixencia artificial para desenvolver modelos predictivos da aparición destas afeccións, xa que en todas estas enfermidades fúnxicas a prevención é clave para evitar unha expansión e reducir os danos.
Desenvolveron modelos predictivos que combinan coa observación en campo para determinar os momentos de maior risco de mildio e oídio nos viñedos
Os primeiros resultados destes traballos arroxan claves para coñecer mellor os momentos de maior riscos para os viñedos. “A finalidade do grupo Viticast é achegar solucións innovadoras na predición de enfermidades fúnxicas no viñedo”, explican os seus promotores. Polo momento, xa conseguiron identificar os momentos propicios de infección tanto de mildio como de oídio en base ás condicións meteorolóxicas e mesmo desenvolven modelos nos que tamén teñen moi en conta o estado fenolóxico do viñedo. “A intelixencia artificial permitiunos desenvolver modelos meteorolóxicos, fenolóxicos e de concentración de esporas que, sumados ás observacións sobre os terreos de síntomas nas vides, permitirán emitir avisos de risco de infección”, detallan desde o grupo Viticast. Sistemas de medicións meteorolóxicas instalados nunha parcela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro nas Rías Baixas. Esta ferramenta busca permitir un uso máis eficaza e eficiente dos produtos fitosanitarios ó empregar a cantidade necesaria no momento óptimo. “Tratase de lograr unha viticultura máis sostible e un produto de maior calidade”, reivindican. Os seus traballos de campo están a desenvolverse en parcelas situadas nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira do Douro. Recollemos os avances que lograron durante a campaña de 2020.

Risco de mildiu

No caso do mildio, o control da oospora de inverno, tamén coñecida como ovo de inverno, resultou clave para establecer modelos que axuden a coñecer as épocas de maior risco para o viñedo. En concreto, o grupo Viticast iniciou a campaña calculando as condicións para a maduración da oospora. Foi un traballo que realizaron tanto de forma individualizada, en cada unha das parcelas mediante os captadores de esporas instalados, como a través do aviso emitido pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, en Pontevedra. “Tamén calculamos a data na que se comprobou a maduración da oospora por métodos físicos”, explican responsables do proxecto.
A maduración da oospora de inverno resulta fundamental para establecer os momentos de maior risco de mildio
Cando a oospora de inverno madurou empezan a calcular as condicións meteorolóxicas para que se produza a primeira infección primaria, trala que se produce un proceso de incubación antes das primeiras manchas. Ao tratarse dun proceso cíclico que se que repite ao longo da campaña, ter controlados os seus tempos permite adiantarse e que os tratamentos resulten máis efectivos. Así, nunha das zonas de estudo situada en Rías Baixas-Salnés, a maduración de oospora máis temperá produciuse o 1 de marzo e a primeira infección primaria completouse o día 5 de marzo. Tras iso, o proceso de incubación asociado completouse o día 18 de marzo e as primeiras manchas na zona detectáronse o 20 de marzo. Infeccións e incubacións primarias de mildio en Rías Baixas. “Unha vez que chega ao 100% a primeira incubación primaria, empézanse a calcular as condicións para que se produzan as esporulacións”, detalla o persoal técnico involucrado no proxecto. “Ó que a primeira esporulación conclúe, empézanse a calcular as condicións para que se produzan as infeccións secundarias e as súas incubacións asociadas”, concretan. Esporulación, infeccións e incubacións secundarias de mildio.

Dous modelos para predicir a incidencia de oídio

No caso do oídio, outra das enfermidades con maior incidencia no viñedo en Galicia, Viticast estableceu dous modelos de predición. O primeiro deles calcula a presión de oídio en función das condicións meteorolóxicas, e o segundo modelo ten en conta, ademais das condicións meteorolóxicas, o estado fenolóxico no que se atopa a planta. “O obxectivo deste segundo modelo é ponderar o risco de oídio en función dos momentos nos que o acio é máis susceptible á infección, de forma que se centra na protección do acio, non da planta completa”, detallan desde Viticast. Comparativa de modelos de oídio. Ter en conta tamén o estado do acio permite optimizar aínda máis a aplicación de tratamentos. A modo de exemplo, o día 29 de xuño as condicións meteorolóxicas en Galicia resultaban propicias para que se incrementase a presión de oídio. Así, o primeiro modelo que utilizaban, detectaba que o risco era alto. Con todo, o segundo modelo, que ten en conta tamén a fenoloxía, proporciona un risco baixo, en torno á 18,27% fronte ao 100% que detaballa a previsión inicial. Esta diferenza débese a que nesa data, o acio non é aínda susceptible de infección por oídio.

Os socios do proxecto

No grupo operativo Viticast, que leva en marcha desde 2019, participan como socios a empresa galega Monet Tecnoloxía e Innovación S.L., a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), a adega Viña Costeira S.C.G., situada na Denominación de Orixe Ribeiro, as adegas Facenda Mosteiro e adega Matarromera S.L. (DO Ribeira do Douro), ademais da Estación Fitopatolóxica Areeiro, pertencente á Deputación Pontevedra. Pola súa banda, desde a Universidade de Vigo tamén forma parte destes traballos o grupo de investigación de Planta, Solo e Aproveitamento de subproductos e como entidade subcontratada inclúese o grupo de Cromatografía e Quimiometría da Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, o proxecto conta con entidades colaboradoras como a Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV), a Asociación Galega de Vicitulcutura (AGV) e a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro (ACER). A iniciativa manexa un orzamento de 615.249,11 euros e recibiu unha subvención de 599.957,11 euros cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco das axudas para a execución de proxectos de innovación de interese xeral por Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri).

Cando comezou a facerse viño en Valdeorras?

O pasado vitivinícola das terras de Valdeorras ninguén o pon en dúbida, porén ata o momento resultaba difícil concretar canto se remonta no tempo a tradición de facer viño nesta comarca ourensá. “Os restos que tiñamos catalogados daban conta de que se elaboraba viño dende a Idade Media, pero agora poderíamos ter probas que confirmen que xa os romanos facían viño nos propios viñedos que cultivaban en Valdeorras”, declara o experto en arqueoloxía e xeoloxía José Fernández, quen ratificou a descuberta de restos de dous antigos lagares no concello de Larouco (Ourense).
“Poderíamos ter probas que confirmen que xa os romanos facían viño nos propios viñedos que cultivaban en Valdeorras”: José Fernández, experto en arqueoloxía
Aínda que polo momento só se levou a cabo unha primeira avaliación por parte de técnicos de Patrimonio en días pasados, as características arcaicas destes antigos lagares fan pensar ó experto que poidan datar dos primeiros séculos da nosa era. Porén, ata que non se realice un estudo en detalle, Fernández, que ten participado en numerosas escavacións arqueolóxicas, mantense cauto. A retirada da capa superficial de terra que o cubría permite ver xa a forma do lagar. // Foto José Fernández.

Construcións arcaicas e singulares

Trátase de dous lagares rupestres rectangulares picados na propia rocha, o que evidencia que se trata dunha construción arcaica. “Neles pisaban a uva cos pés, non hai dúbida porque non hai marcas de postes para colocar calquera outro aparello, o que nos asegura que se trata de pezas moi antigas”, explica Fernández, que é ademais o presidente da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Valdeorreses. As características dos lagares fai pensar ó experto que poidan ser anteriores ós atopados en Oímbra, considerados os máis antigos da provincia.
A cerámica atopada nos lagares e nas proximidades pode ser determinante para concretar a data do xacemento
Ademais, no depósito onde se decantaba o mosto, apareceron restos de cerámica que poderían ser claves para datar o xacemento e confirmar, que como se sospeita, sexan anteriores á Idade Media. Nas inmediacións dos lagares tamén localizaron restos de tégulas, antigas tellas romanas, o que podería vinculalos á civilización romana. Mesmo a ubicación dos lagares parece reforzar a teoría de que se trate de restos romanos, posto que pola zona transcorre unha antiga calzada romana. A escavación dos restos en detalle sería determinante para poder concretar unha data máis aproximada da construción dos lagares. Nos lagares e nas proximidades atopáronse restos de cerámica e tégulas romanas. Foto Mario Yáñez. O experto tamén destaca que os lagares están realizados en rocha Gneis, unha das pedras máis antigas, o que fai que sexan aínda máis especiais. Así, á parte do seu interese que poida motivar o descubrimento no mundo vitivinícol,a tamén podería ser apreciado no eido da xeoloxía.

Pasado e futuro vencellado ó viño

Os restos dos lagares rupestres foron atopados polo viticultor Mario Yáñez cando traballa a parcela para ter novos viñedos. “Estabamos preparando a finca para dispor de bancais nos que plantar novas cepas de viña cando vin un reborde dunha rocha que me chamou a atención e xa paramos os traballos coa pala”, explica o viticultor.
“Non podía crer que acabaramos de atopar na parcela dous lagares rupestres!”: Mario Yáñez, o viticultor que descubriu os restos
Expectante, Mario retirou manualmente a capa de terra que cubría o primeiro dos lagares detectado. O achado fíxoo revisar a zona, o que lle permitiu detectar un segundo lagar a uns 30 metros de distancia. “Non podía crer que acabaramos de atopar na parcela dous lagares rupestres!”, detalla. O viticultor Mario Yáñez adquiriu hai anos a parcela e dispoñíase a facer bancais para o viñedo cando atopou os lagares. Descubrilos resultou toda unha boa nova para o viticultor, posto que leva anos interesado nestes restos do pasado vitivinícola. “Sempre me sorprendeu que na zona de Valdeorras non se tiveran localizado antigos lagares como os que hai en concellos próximos coma Monterrei ou Oímbra”, valora. De feito, o viticultor xa localizara na zona de Portomourisco unha construción o que podería ser un antigo lagar para a elaboración de viño e que durante moito tempo na tradición popular se vinculaba á extracción do aceite, pese a carecer de estruturas para o aproveitamento das olivas, tal e como explica o produtor.
“Para min, contar cun lagar rupestre no viñedo, como hai noutras zonas de España e do mundo, parecíame unha gran sorte”: Mario Yáñez
Por outra banda, para Mario a descuberta dos antigos lagares supón unha confirmación ás súas sospeitas sobre o potencial da parcela. “Se xa na antigüidade facían viño aquí quere dicir que é boa terra para o viñedo”, apunta. Ademais, o produtor tiña claro dende un principio a importancia do achado. “Moitos dicíanme que os rompera ou os tapara, que só me ían supoñer problemas para poder plantar, pero para min, contar cun lagar rupestre no viñedo, como hai noutras zonas de España e do mundo, parecíame unha gran sorte”, apunta. Así foi que xa nun primeiro momento avisou directamente a Fernández, que ademais é oriúndo de Larouco, para que fixese unha primeira avaliación dos restos e puxo a disposición do Concello o xacemento para tentar levar a cabo a súa posta en valor. Técnicos de Patrimonio e diferentes expertos fixeron xa as primeiras avaliacións dos lagares. // Foto de José Fernández. Dende Patrimonio confirmáronlle xa que, mentres non se danen os restos, poderá continuar coa plantación das cepas. Os traballos atrasáronse este ano por mor do coronavirus e agarda poder plantalas de cara o outono. “Ata o momento todo o viñedo que tiñamos era de Godello, pero estamos mirando de incorporar variedades autóctonas coma o Brancellao pola calidade dos viños que producen e para diversificar”, concreta o viticultor.
Dende o lugar onde se descubriron os lagares pode contemplarse unha panorámica do val de Larouco, cunha importante produción de viño. // Foto Mario Yáñez.

Novo atractivo para o enoturismo

A descuberta destes lagares pode supor un impulso para o enoturismo na comarca, como indican dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, órgano que colaborou dende o principio na xestión do achado. “No momento en que nos avisaron de que apareceran estes restos empezamos a mobilizarnos para que administracións coma o Concello ou a Xunta, que conta con capacidade orzamentaria, poidan afrontar a súa escavación, estudo e posta en valor”, detalla José Luís García Pando, presidente do Consello Regulador.
“Os lagares son un nexo visible do patrimonio vitivinícola da comarca de Valdeorras”: José Luis García, presidente do Consello Regulador de la DO Valdeorras
Agardan que os lagares rupestres supoñan un novo atractivo. “Son un nexo visible dese patrimonio vitivinícola da comarca de Valdeorras”, reivindica García Pando, quen valora tamén a destreza do viticultor para pensar xa nun primeiro momento que podía tratarse de restos arqueolóxicos. “Pode que teñamos máis restos de lagares na comarca, pero é necesario ter certas nocións sobre estas construcións para poder identificalos sen dañalos, como foi o caso dos de Larouco”, apunta. Tamén o experto en arqueoloxía, José Fernández, tamén valora que “os lagares son un descubrimento importantísimo para a comarca e que pode servir para pór en valor o pobo”. A situación dos lagares facilitaría que se convertan nun punto de interese enoturístico posto que, ademais de contar con bos aceso, permite contemplar unha panorámica de Larouco, que conta cunha destacada produción vitícola.

É necesario regar o viñedo en Galicia?

Malia que a rega do viñedo non é unha práctica habitual en Galicia, as consecuencias do cambio climático están levando a estudar o aporte de auga ás cepas, en función das condicións dos viñedos e do tipo de produción que se procure. O investigador José Manuel Mirás Avalos, durante a súa estapa profesional na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), levou a cabo distintas experiencias de rega de viñedo en Galicia, que aportan información sobre os cambios que provoca o aporte de agua puntual no viñedo.
“A rega é unha das ferramentas que os viticultores podemos empregar para paliar algúns problemas causados polo cambio climático”
“A rega é unha das ferramentas que os viticultores podemos empregar para tentar paliar algúns problemas causados polo cambio climático”, explica o investigador José Manuel Mirás, ó tempo que xustifica que se propoña esta práctica nunha rexión cunha climatoloxía tan húmida como é Galicia e onde o viñedo non acostuma a regarse, a diferenza doutros cultivos. “Algúns estudos recentes apuntan a que os viñedos se están desprazando cara ó norte para lograr rebaixar a temperatura e mitigar a seca”, concreta o investigador. As súas experiencias de rega centráronse en viñedos situados en tres das cinco denominacións de orixe galega. En concreto, os traballos realizáronse en viñedos que a Evega ten no Ribeiro, así como en fincas de adegas comerciais nas Rías Baixas e Valdeorras, entre o 2012 e o 2014.

Coñecer o estado hídrico do viñedo

“Aínda que en Galicia o volume de precipitacións non varíou moito polo momento, si se están observando cambios na distribución das chuvias e un incremento da temperatura”, explica o investigador, botando man de estudos realizados con datos tomados na Estación Meteorolóxica de Lourizán. Estas variacións no réxime de chuvias levan a ter en conta o estrés hídrico que soportan os viñedos e optar por prácticas que poidan mitigalo, como pode ser a rega. “Non en tódalas etapas de desenvolvemento da vide o estrés hídrico resulta igual de prexudicial para o viñedo, xa que hai momentos como o desenvolvemento da vexetación no que as vides son moi sensibles e pode provocar problemas a posteriori na maduración”, indica Mirás.
Coñecer as consecuencias do estrés hídrico no viñedo en cada etapa é fundamental á hora de avaliar realizar regas
Coñecer as consecuencias do estrés hídrico no viñedo en cada etapa é fundamental á hora de avaliar realizar regas. “Para que a rega sexa efectiva hai que coñecer as necesidades da planta, distintas estratexias de rega e ter en conta variables meteorolóxicas. Regar o viñedo non é só botar auga ás cepas”, concreta o investigador. Ademais, Mirás recorda que, pese a que en Galicia non adoita haber problemas durante o desenvolvemento da vexetación, xa que abondan as precipitacións precisamente un dos anos do estudo, no inverno de 2012, a situación de seca que se estaba a dar facía peligrar algúns viñedos. “No mes de febreiro levaba 50 días sen chover, e en viñedos novos estaban inxectando auga ás cepas con camións cisternas”, recorda. O alto contido en area e a baixa capacidade de retención de auga de boa parte dos solos dedicados á viticultura en Galicia fai que se contemple a rega en casos puntuais. Pola contra, durante a fase de envero e callado da uva, un estrés hídrico moderado pode resultar moi beneficioso para o viñedo. “Nesta fase permite controlar un crecemento vexetativo excesivo sen afectar ó desenvolvemento da uva”, explica Mirás. Co obxectivo de lograr un estrés hídrico axeitado, sen ter mermas na produción, nin na calidade dos viños, Mirás apunta distintos métodos para determinar o estrés hídrico. O recoñecemento visual da planta é xa un indicativo de se está sometida a un estrés hídrico excesivo. Porén, “cando comezan a verse indicios na planta pode ser xa un pouco tarde para actuar”.
Un dos métodos máis eficaces para coñecer o estrés hídrico do viñedo é a colocación dunha rede de sensores no solo
Os datos meteorolóxicos poden contribuír á estimación das necesidades hídricas, pero ó estar limitados ás estacións meteorolóxicas, pode haber desaxustes coa finca onde se sitúa o viñedo. Un dos métodos máis eficaces é a colocación dunha rede de sensores para estimar a cantidade de auga presente no solo. “É preciso contar cunha rede e non só cun sensor porque pode haber moita diferencia entre as distintas zonas dunha mesma parcela”, puntualiza o experto. Tamén se poden tomar medicións na propia planta, nas que se avalía a súa capacidade para reter a auga. Aínda que non existe un rango de valores específicos para determinar os umbrais de estrés hídrico para a planta, Mirás recomenda empregar os utilizados en Francia onde os valores por debaixo a 0,6 megapascais indican que a planta non sufre estrés hídrico.

Experiencias de rega do viñedo en Galicia

As experiencias de rega de viñedo en Galicia ofreceron resultados diversos ó tratarse tanto de variedades diferentes como de zonas con características climáticas diversas. O resultado das regas, aínda que con variacións entre as DO, deixa mínimos incrementos da produción, así como mostos máis acedos e con variacións organolépticas. Coñecemos as investigacións en detalle:

Rías Baixas

A investigación realizada nas Rías Baixas levouna a cabo nunha finca comercial de O Rosal con cepas de Albariño, o que lles obrigou a utilizar unha metodoloxía un pouco diferente. “Non podíamos permitir que a produción se vise afectada, polo que neste caso vimos as diferencias cunhas cepas que empregamos como testemuña de secaño, en comparación coas prácticas que levaban a cabo no resto da parcela”, explica. Precisamente no tempo de estudo, entre marzo e outubro, as condicións meteorolóxicas foron moi favorables para o viñedo, posto que a distribución das chuvias foi abundante e homoxénea, con picos que mesmo chegaron a 50 milímetros diarios, mentres as regas houbo anos nos que non supuxeron máis de 16 milímetros, o que en palabras do experto son valores moi insignificantes. “A nosa experiencia demostrounos que, alomenos baixo as condicións do estudo, a rega do viñedo nas Rías Baixas non está xustificada”, concreta.

Ribeiro

Nos estudos realizados no Riberio avaliaron a rega de 3 variedades: Albariño, Godello e Treixadura, na parcela experimental da Evega. Neste caso, apreciaron diferencias entre as cepas de secaño e as de rega, así como entre as variedades. Das tres campañas de estudo, o ano 2013 foi no que constataron un maior estrés hídrico, sendo a maior parte do ciclo seco. Pese a iso, só detectaron un lixeiro estrés hídrico para o viñedo nas zonas de secano e durante a última fase da campaña, polo que a estratexia de rega tampouco marcou unha gran diferenza con aquelas plantas que permaneceron en secaño. “A rega incrementou o vigor vexetativo das cepas e a produción, en canto ó peso medio dos acios, para o promedio das tres campañas”, detalla Mirás. Tamén observaron diferenzas entre as variedades de Godello e Treixadura. Os niveis de estrés foron moderados e mesmo chegaron a ser severos no caso da Treixadura, na última fase da campaña do 2013. Precisamente, no caso desta caste coa rega conseguiron que o peso do acio fose maior, co que conseguiron unha maior produción, ademais de contar con plantas con maior vigor. No caso da Treixadura, no Ribeiro, coa rega das cepas conseguiuse incrementar o peso do acio. A investigación, ademais das probas no viñedo e na adega, tamén incluíu catas de profesionais e consumidores, e foi nesta valoración onde se observaron maiores diferencias no caso dos viños de Godello. “Os consumidores preferían os viños procedentes do tratamento de secaño antes que os do rega, a pesar de que había moi pouca diferencia entre eles”, detalla o experto. Diferenzas entre as cepas de secaño e de rega do Godello no Ribeiro.

Valdeorras

No caso dos viñedos de Valdeorras empregaron dous sistemas de regad diferentes: soterrado e superficial. Pese a que nesta zona as condicións climáticas foran máis limitantes, tamén a capacidade de retención de auga do solo é superior, o que tamén influíu nos resultados, tal e como concreta o experto. No 2013 detectáronse maiores diferenzas entre as cepas de secaño e as de rego en Valdeorras. As diferenzas entre o tratamento de secaño e os que tiñan rego producíronse, sobre todo no segundo e no terceiro ano, onde se observaron valores de estrés hídrico lixeiro e elevado, respectivamente. “Coa rega houbo unha tendencia a acadar maiores producións polo peso dos acios, ó tempo que os mostos foron máis acedos y con menor grao de alcohol”, concreta o experto.