Archives

Vinagres do Ribeiro lanza un vinagre crianza con pemento de Padrón

Vinagres do Ribeiro vén de elaborar un novo produto, neste caso en colaboración coa empresa Pementos Carmucha. Un vinagre que continúa a liña de aromatizados artesanais Albarro  (XPI, XPII e  XPIII), definidos pola acetificación artesanal, non adicción de sulfitos e aromatizados, neste caso con Pemento de Padrón, e que sairá ao mercado nos vindeiros días.

Intensidade e complexidade aromática

Froito de seis meses de experimentación na busca da combinación idónea para acadar un produto gourmet, con só dous ingredientes e sen ningún tipo de conservante:  un vinagre artesanal de viño blanco do Ribeiro con máis dun ano de crianza, macerado con pemento de Padrón. O resultado é un vinagre de complexidade aromática, con notas moi definidas de pemento verde. Un vinagre de sabor intenso, que combina unha fresca acidez elegantemente suavizada pola crianza e a intensidade punzante propia  do pemento de Padrón con marcada persistencia. Impresión final harmoniosa  con retrogusto que deixa descubrir debaixo da sensación picante unha multiplicidade de sabores, cos matices do viño orixe acentuados pola acetificación artesanal.

Sobre Vinagres do Ribeiro e Pementos Carmucha

Vinagres Do Ribeiro constituída en 2017 no corazón da comarca de O Ribeiro desde unha arraigada tradición familiar vitivinícola, apostando pola elaboración de vinagres por métodos artesanáis.  Nese tempo, os seus vinagres  xa están posicionados nas mellores tendas gourmet  e restaurantes de Galicia,  comercializando tamén noutras zonas do Estado e iniciando a exportación a Alemaña e Países Baixos. En tan só tres anos, un dos seus vinagres, Albarro XPI, obtivo por dous anos consecutivos medalla de ouro no único concurso internacional de vinagres, organizado por VINAVIN, Asociación Amigos Amantes del Vino y el Vinagre, en colaboración coa Deputación de Córdoba, converténdose así no primeiro e único vinagre galego premiado neste certame. “Vinagres do Ribeiro aposta polo vinagre artesanal cunha nova visión que pon o vinagre no centro, como un produto gourmet e non como mero condimento, e aproveitando un ingrediente  de enorme prestixio como é  o viño  de O Ribeiro. Reivindicamos que a uva ten moitas máis posibilidades que o viño”, sinala Xoán Pablo Lorenzo, responsable da empresa, que ten a súa sede no municipio de Beade. Pementos Carmucha é unha empresa familiar que cultiva pementos desde fai máis de 90 anos. Actualmente a cuarta xeneración, acollida á D.O. Pemento de Herbón, e co selo Galicia Calidade, comercializa os seus pementos nos mellores restaurantes de Galicia, e por todo o estado español, conseguindo o recoñecemento de grandes cociñeiros coma Martín Berasategui. Ademáis da comercialización do pemento de Herbón en verde, elabora productos derivados como pemento confitado, pementón doce e picante, e mesmo queixo con pementos en colaboración coa queixería Casa Zolle.

“O vinagre é un produto que aínda non se valora en Galicia”

Xoán Pablo Lorenzo botou seis anos investigando e experimentando sobre a elaboración do vinagre antes de que Vinagres do Ribeiro comezase a funcionar no 2017. Aínda que, como el mesmo recoñece, naceu “enriba dunha adega”. Esta adega familiar do Ribeiro proporcionoulle un coñecemento do viño e foi tamén o xermolo para que se decidira a elaborar vinagres. Hoxe, só dous anos despois de comezaren a comercializarse, os seus vinagres artesanais xa son coñecidos por destacados cociñeiros galegos e obtiveron recoñecementos ó máis alto nivel. “A idea do vinagre xurdiu coa intención de dar valor a aquelas castes non preferentes que hai no Ribeiro e que doutro xeito son viñedos que van quedando abandonados, porque ás adegas pequenas non lles é rendible ter segundas marcas, nin cambiar por outras castes” explica Xoán.
Cos vinagres buscaba pór en valor un subproduto e aproveitar aquelas castes de viño non preferentes
Ó mesmo tempo, Lorenzo reivindica deste xeito a importancia da paisaxe do Ribeiro, como un valor máis, apostando pola conservación de socalcos e viñedos cunha longa traxectoria. “Como xa están facendo noutras zonas, como a Ribeira Sacra, hai que atopar a forma de conservar esta paisaxe e ó mesmo tempo aproveitala”, apunta.

Un camiño de experimentación

Ata chegar a dar cos vinagres que hoxe elaboran, Xoán afanouse nun proceso de experimentación no que buscou asesoramento de profesionais da restauración e en centros de referencia no sector culinario, como a Escola Internacional de Cociña de Fernando Pérez, en Valladolid; ou na elaboración do vinagre, como a Asociación Vinavin, de Córdoba. “O vinagre é un produto que non se valora en Galicia, a xente non o contempla como unha alternativa e quixemos darlle un valor engadido”, indica Xoán.
Xoán Lorenzo estivo seis anos experimentando sobre a elaboración do vinagre para acadar os produtos axeitados
Unha vez que logrou dar cos produtos, o programa de apoio a empresas agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, axudoulle a darlle forma á proposta empresarial e concretar aspectos claves para a comercialización. “O programa axudoume a definir ben as estratexias a seguir e pensar ben nos puntos fortes e na competencia dos meus produtos”, recorda o produtor.

Vinagres do Ribeiro

Os tres vinagres que comercializa na actualidade. //Foto: Brais Lorenzo. Os vinagres que elabora nesta adega do lugar de Berán, en Leiro (Ourense), baixo a marca Albarro están aromatizados con distintas herbas e pensados para empregalos en diferentes elaboracións culinarias. O primeiro vinagre que sacou ó mercado foi o Albarro XP I, elaborado a partir de viño branco, cunha acidez de 6 graos e aromatizado con loureiro. É un vinagre pensado para acompañar pescados, mariscos e a elaboración de escabeches e marinados. Tamén elaborado con viño branco e un 15% de viño tinto, o Albarro XP II está aromatizado con fiúncho e ten unha acidez medio grao maior. Este tipo de vinagre está destinado ó aliño de ensaladas. A última caste que ten agora no mercado é o Albarro XP III, cun 80% de viño tinto e aromatizado con allo, unha acidez de 7 graos e destinado a preparación de guisados e escabeches de caza e carnes.
Comercializa tres vinagres aromatizados con loureiro, fiúncho e allo, elaborados con viño branco e tinto
O produtor pensa tamén en comezar a comercializar unha liña de vinagres sen aromatizar que poidan empregarse nas conservas gourmet. “En Galicia temos unhas conservas que cada vez procuran máis a calidade, pero ó igual que son fundamentais uns bos mariscos e moluscos, tamén é imprescindible un vinagre de calidade”, concreta o produtor. Esta industria conserveira, tal e como indica Lorenzo, está a empregar na actualidade arredor dun millón de litros de vinagre ó ano.

Proceso artesanal

Un dos aspectos que diferencia a Vinagres do Ribeiro é que son froito dun proceso de acetificación completamente artesanal realizado en barricas de madeira que están adaptadas ó método Orleáns. Este procedemento confírelle ós vinagres unhas características organolépticas especiais posto que as barricas permiten a ventilación e unha maduración lenta.
O vinagre elabórase dun xeito artesanal, cunha maduración lenta e ventilada e sen ningún tipo de sulfitos
Cada vinagre macera entre 15 e 20 días coas distintas plantas para conseguir aromatizarse antes de someterse durante varios meses a un proceso de crianza. Logo, realiza un proceso de filtrado medio para evitar impurezas pero que lle permite conservar un aroma e sabor intenso que os caracteriza. Embotéllaos mediante sacas, de maneira que sempre está a traballar co vinagre orixinal. “Pódese dicir que estamos a elaborar o vinagre cunha crianza do 2017”, explica o produtor. Pipos onde se cría o vinagre. Ademais, durante todo o proceso non lle engade ningún tipo de sulfitos  para estabilizar o vinagre de maneira que, aínda despois de embotellalo, o vinagre pode sufrir variacións que dan conta de que é un vinagre natural. “Dende un principio queriamos elaborar un produto diferenciado de calidade e artesanal”, explica Xoán. Así é que Vinagres do Ribeiro é o único fabricante que elabora vinagres artesanais de uva en Galicia e dos poucos en facelo tamén a nivel nacional. Na actualidade, en Galicia só hai outro produtor industrial de vinagre de viño.
“Os vinagres máis prestixiosos nunca proceden dun gran viño, xa que non é o tipo de uva o que marca a diferencia, senón o proceso”
Tal e como explica o produtor, na elaboración do vinagre a clave está no procedemento e non tanto nas castes de uvas que se empreguen. “Os vinagres máis prestixiosos nunca proceden dun gran viño, xa que non é o tipo de uva o que marca a diferencia, senón o proceso” , reivindica Lorenzo. Todo o viño que merca procede da zona do Ribeiro e busca que sexa un “viño san ó que se lle disparase o acético e non serva para comercializar como viño pero que nos permita elaborar un vinagre de calidade”, concreta. Recoñece que o vinagre está tan infravalorado que moitos viticultores creen que o que non lles vale a eles xa se pode empregar para facer vinagre. “Houbo quen chegou a ofrecerme pipas vellas que xa non lle servían para o viño porque para facer vinagre ben me valerían. Ese é o concepto xeralizado que aínda teñen moitos viticultores”, indica.

Recoñecemento internacional

A aposta pola calidade que fixo Lorenzo xa lle ten valido, nos escasos dous anos que os seus vinagres levan no mercado, o recoñecemento ó máis alto nivel, o último este mesmo mes de novembro. Por segundo ano consecutivo, o seu Albarro XP I logrou a distinción de ouro no certame internacional Vinavin, que se celebra en Córdoba, e no que se dan cita preto dun cento de vinagres do máis alto nivel.
Por segundo ano consecutivo, o seu Albarro XP I logrou a distinción de ouro no certame internacional Vinavin
Porén, outro dos logros de Vinagres do Ribeiro é ser xa un produto coñecido e empregado por algúns dos máis prestixiosos cociñeiros galegos. O seu mercado polo de agora concéntrase en Galicia pero comeza a abrirse paso tamén en zonas como Tarragona, Málaga, Valladolid ou Canarias, de man de distribuidores. Ademais, coa venta directa por internet os vinagres comercialízanse en Asturias, País Vasco ou Madrid, entre outros destinos. O obxectivo a medio prazo é situarse nunha produción que ronde os 6.000 ou 7.000 litros ó ano, que lle permitan seguir cun proceso artesanal como o que realiza. Polo momento, para o vindeiro ano agarda poder elaborar e comercializar arredor de 3.600 litros.

Xornada técnica sobre vinagres e innovacións na súa elaboración

A Estación de Viticultura e Enoloxia de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza os dias 21 e 22 de outubro dúas actividades que xiran ao redor do mundo dos vinagres, un producto que se está a revalorizar nos últimos anos. En ambas as dúas actividades colaboran a Fundación Juana de Vega, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e a Asociación Vinavin.

Taller práctica sobre novos procesos de recoñecemento dos atributos dos vinagres

A primeira xornada celebrarase o 21 de outubro, luns, pola tarde. Será un taller práctico sobre “Novos procesos de recoñecemento dos atributos dos vinagres". Esta actividade desenvolverase no Salón de actos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) (Leiro – Ourense). As prazas dispoñibles son 25. O prazo de inscrición rematará o día 18 de outubro agás que se esgoten antes as prazas. Podes descargar aquí o programa e a folla de solicitude na seguinte ligazón: https://evega.xunta.gal/gl/actualidade/taller-practico-novos-procesos-de-reconecemento-dos-atributos-dos-vinagres

Xornada técnica sobre “A elaboración de vinagres. Innovacións en Galicia”

Ao día seguinte, martes 22 de outubro, celebrarase a xornada técnica sobre “A elaboración de vinagres. Innovacións en Galicia". Esta actividade desenvolverase no Salón de Actos do Edificio da Fundación Comarcal de Ribadavia (Extensión Agraria) sita na Avda. Redondela nº 3, 3º andar (Ribadavia – Ourense) en xornada de mañá. As prazas dispoñibles son 75. O prazo de inscrición rematará o día 18 de outubro, agás que se esgoten antes as prazas. Podes descargar aquí o programa e a folla de solicitude na segunite ligazón: https://evega.xunta.gal/gl/actualidade/xornada-tecnica-elaboracion-de-vinagres-innovacions-en-galicia