Archives

O 39,9% dos viticultores de España están en Galicia

Cunha cifra de 219.356 persoas dedicadas á viticultura, Galicia suma o 39,9% de viticultores de España, segundo o estudo La importancia económica y social del sector vitivinícola en Galicia, publicado pola Interprofesional del Vino de España (OIVE). Galicia conta cun tecido empresarial vitivinícola atomizado, indica o texto, onde o 79% das empresas da mostra tomada en 2019 para o informe son microempresas. En canto á súa forma xurídica, o 7% das empresas son cooperativas. Con todo, o sector vitivinícola achega un 1,4% do PIB galego e as actividades de viticultura, elaboración e comercialización de viño supoñen uns 890 millóns de euros de Valor Engadido Bruto (VEB) ao ano, dos cales 484 millóns son unha contribución directa do sector, 208 son xerados por outras actividades subministradoras do sector (comercio, enerxía, transporte etc.) e 198 son de efecto inducido. O estudo apunta á contribución positiva do sector á balanza de pagos, cun superávit comercial superior aos 50 millóns de euros anuais. Os dous principais mercados de destino son Estados Unidos e Reino Unido, que concentran o 43,2% do total exportado. En canto ao seu impacto social, o sector xera 15.900 empregos a tempo completo (o 55,5% en postos de traballo directos) e hai presenza de vides en 150 concellos de Galicia (un 47,3% do total), cunha superficie aproximada de 33.283 hectáreas, o que indica presenza de minifundismo aínda que pode tamén supoñer un factor de fixación de poboación no medio rural. Respecto á produción, Galicia achega o 2,3% do viño nacional, con 777.123 hectolitros ao ano que proceden, nun 86,7%, das provincias de Pontevedra e Ourense. Dende a OIVE afirman que co informe “se pon unha vez máis de manifesto a importancia socioeconómica do sector vitivinícola en España e en cada unha das súas Comunidades Autónomas”. O documento é parte dunha liña de informes (a nivel nacional e rexional) que poñen de relevo a relevancia do viño no plano económico, social e ambiental. “Desenvolver e consolidar a información relevante do sector é unha das accións contempladas tamén na Estratexia do sector vitivinícola español 2022-2027, unha folla de ruta consensuada por todo o sector para afrontar os retos de futuro”, afirman.

Descargar Informe “La relevancia del sector vitivinícola en Galicia”

Aviso pola aparición das primeiras esporas de mildio en viña nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar o primeiro aviso fitosanitario deste 2024 advertindo da aparición das primeiras esporas de mildio. A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da institución provincial, recomenda iniciar o tratamento antimildio en canto as viñas estean ben brotadas. Aínda que algúns algoritmos externos xa apuntaban á maduración da oospora de mildio a finais de xaneiro -o proxecto Plasmowine fai referencia a primeiros de febreiro-, o certo é que a nivel práctico a Estación Fitopatolóxica Areeiro non puido confirmalo ata esta mesma semana.  Neste eido, o persoal técnico de Areeiro asegura que as altas temperaturas, superiores as rexistradas habitualmente nesta época, unidas a unha tempada moi chuviosa, son condicións favorables para enfermidades e pragas como o mildio.   A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda, tendo en conta que as previsións meteorolóxicas son similares para os próximos días, iniciar o tratamento en canto broten as viñas e facelo, especialmente, naqueles predios máis afectados pola patóxeno na campaña anterior. Imaxe do captador de esporas da Estación de Areeiro. / Fonte: Deputación de Pontevedra

“A Flavescencia Dourada pode ser unha grande ameaza para a viticultura española se non se contén a súa expansión”

"Os vectores de enfermidades emerxentes son unha grande ameaza para a agricultura europea, por exemplo, a Flavescencia dourada da vide pode ser unha grave enfermidade se non se contén a súa expansión", destaca Alberto Fereres, xefe do Grupo de Insectos Vectores de Patóxenos de Plantas do Instituto de Ciencias Agrarias (ICA-CSIC).  Incide en que especies como Scaphoideus titanus, Trioza erytreae ou Draeculacephala robinsoni xa están instaladas en España, "pero outras moitas están aínda por chegar. Síntomas visuais da Flavescencia Dourada da vide. Imaxe de Alberto Fereres O profesor impartiu recentemente unha sesión informativa en Pontevedra, organizada polo Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural. Esta xornada tivo lugar con motivo da ampliación do número de zonas demarcadas pola Xunta ante a presenza da Flavescencia dourada da vide. Chegada da enfermidade "Para introducir o tema da Flavescencia, hai que falar das enfermidades emerxentes", explicou o profesor. Teñen unha incidencia que aparece de forma repentina e aumenta a medida que a poboación do hóspede (plantas que permiten a subsistencia ou o aloxamento dun axente infeccioso) crece. Adoitan ser causadas por virus RNA, pero tamén poden ser outros axentes os que atacan plantas e animais. "Hai exemplos, como o ébola ou a COVID, nos que pasaron de animais a humanos. A súa virulencia é moi grande", afirma. A maioría dos virus de plantas transmítenos os pulgóns (41 %) e a mosca branca (30 %). Tanto pulgóns como mosca branca teñen alta capacidade para reproducirse e tempos de xeración moi curtos.
A enfermidade chegou a Europa por Francia en 1949 e a súa fitoplasma afecta a oito dos principais países produtores de uva da UE
No caso da Flavescencia dourada, está causada por un fitoplasma (bacteria de parede celular) e é un parasito obrigado que vive en insectos e plantas. O axente bacteriano foi nomeado recentemente Candidatus Phytoplasma vitis, e o seu vector é o cicadelido da subfamilia Deltoceplhalinae, Scaphoideus titanus. A infección pode matar as vides novas e reducir en gran medida a produtividade das vides vellas. O seu vector insecto, S. titanus, é nativo do leste dos Estados Unidos e Canadá, e crese que foi introducido en Europa durante a II Guerra Mundial ou antes, con portainxertos estadounidenses traídos para combater a filoxera. Actualmente é unha enfermidade ben coñecida en Europa, porque leva aquí desde 1949 que apareceu na rexión de Armgnac (Francia). Cabe puntualizar que o seu fitoplasma ocorre unicamente en Europa, en oito dos principais Estados membros da UE produtores de uva (Austria, Croacia, Francia, Hungría, Italia, Portugal, Eslovenia e España), así como en Suíza e Serbia. Transmisión da Flavescencia As especies alternativas de vectores en Europa son polífagos, pero ocasionalmente poden aparecer outros na vide (Orientus ishidae, Dictyophara europaea ou Phlogotettix cyclops). "Todos son vectores alternativos que manteñen infeccións primarias desde hospedeiros alternativos ata a vide. Tamén manteñen a enfermidade en espazos naturais", aclarou Fereres e engadiu que hai numerosas plantas hóspede de FD como especies de Vitis ou Clematis vitalba, Alnus incana etc. O Scaphoideus pon os ovos en agosto-setembro, na cortiza, e logo entran en diapausa ata abril, dando lugar a 5 estados ninfais (dura unhas 5-7 semanas o estado ninfal en España). Os adultos aparecen nos meses de xullo e agosto e a súa lonxevidade é aproximadamente de 1 mes, aínda que en Italia obsérvanse adultos ata outubro. Gráfico do vector da FD. Imaxe de Alberto Fereres O fitoplasma transmítese por insectos de forma persistente e propagativa, estando restrinxido ao floema das plantas. Só se pode adquirir ou inocular cando o insecto vector se alimenta do floema. Non hai transmisión mecánica, pero si se pode transmitir por enxerto. "O tempo de latencia é de 2-3 semanas, pero tras acumularse nas glándulas salivares do insecto, pódese transmitir durante toda a vida do vector". Manexo da enfermidade "A presenza do vector monitoréase actualmente colgando trampas amarelas pegañentas nos viñedos e contando directamente as ninfas debaixo da vide, para apoiar decisións sobre a aplicación de insecticidas e o seu momento", mencionou o profesor e aclarou que "é un factor importante porque para facer un tratamento eficaz hai que saber cal é o momento preciso". Segundo Fereres, adóitanse aplicar 2-3 tratamentos contra ninfas e adultos, sempre que eclosionasen a maior parte dos ovos. Tamén é obrigatorio eliminar plantas infectadas e débese establecer unha zona tampón de polo menos de 1,3 km. Por último, débense eliminar todas as plantacións abandonadas, que son un reservorio de FD.
En Italia demostrouse que a variedade Moscato é tolerante á FD e induce unha alta mortalidade de S. titanus
O profesor destacou a termoterapia, como un tratamento eficaz. Trátanse con auga quente (45 minutos a 50ºC) aos patróns en estado de repouso e esquexes inxertados. "É eficaz para eliminar tanto o fitoplasma como os ovos do vector". Tamén recalcou a importancia das plantas certificadas de variedades e patróns de vide, que poden evitar a Flavescencia dourada. En canto ás variedades tolerantes a FD expón os resultados dun estudo que realizou no CSIC un investigador da Universidade de Turín (Italia). No mesmo indícase que ningún dos xenotipos explorados é inmune á Flavescencia dourada da vide, pero atopáronse algúns xenotipos pouco susceptibles dispoñibles para identificar trazos xenéticos involucrados na tolerancia/resistencia á FD. Avaliáronse as variedades Barbera, Barchetto e Moscato mediante a técnica Electrical Penetration Graph e os resultados afirmaron que a variedade Moscato, ademais de ser tolerante a FD, induciu unha alta mortalidade de S. titanus. Outras ameazas Entre outras ameazas que sofre a agricultura atópase a Xylella fastidiosa. Trátase dunha enfermidade coñecida que pode ocasionar perdas en cultivos como a vide e cítricos. Infecta a máis de 600 especies de plantas. En Europa é coñecida desde 2013, cando se identificou en Italia. Presenza doutras ameazas nas vides. Imaxe de Alberto Fereres Tamén hai enfermidades transmitidas por outros grupos de insectos que son de orixe bacteriano, que os transmiten as psilas (Psyllidae), vectores principalmente de bacterias e fitoplasmas.

A vermicompostaxe, unha forma de aproveitar o bagazo e fertilizar as viñas

A través do proxecto Viñ@SoStible, a Cooperativa Vitivinícola Arousana, S.C.G. (Paco&Lola) apostou por valorizar o bagazo de uva a través da vermicompostaxe. Mediante as miñocas créase un compost que ofrece un proceso acelerado de biooxidación e estabilización de materias orgánicas do bagazo para a súa incorporación aos solos vitícolas. Emprégase como emenda orgánica xa que é rico en nutrientes, principalmente nitróxeno e potasio, e incrementa a actividade microbiana do solo. Ciclo da vermicompostaxe. Imaxe de Daniel Durán Durante a exposición dos primeiros avances do proxecto, que tivo lugar no Pazo de Toubes (Cenlle, Ourense), Daniel Durán Pereira, técnico de innovación e viticultura de Paco & Lola, explicou como foi o proceso de vermicompostaxe. “O bagazo témolo e a necesidade de fertilizar o solo tamén a hai, entón tiñamos que buscar un anexo, que foi a través da vermicompostaxe, para pechar o círculo. O obxectivo é obter biofertilizantes cun gran valor agronómico que serva de abono orgánico con riqueza e diversidade de microorganismos”, indica.

Fases do proceso

As miñocas denomínanse o “muíño biolóxico”, xa que modifican as características físicas, químicas e biolóxicas, acelerando a súa estabilización e hixienizando a materia orgánica. Pasan por dúas fases durante o proceso: unha inicial (actividade da miñoca) e outra activa (poboación microbiana). Para a vermicompostaxe empregaranse as miñocas Eisenia e Dendrobaena. Para realizar os ensaios contaron coa colaboración de EcoCelta. “Establecemos un período mínimo de seis meses, pero finalmente o noso ensaio durou sete. É dicir, se en setembro facemos a vendima, en marzo xa poderíamos ter o vermicompostaxe”, indica Durán. No ensaio partiuse dun volume de 25 m3 de bagazo . Primeiramente, hai unha fase de homoxeneización cunha estabilización durante 12 días de almacenado “para evitar que haxa fermentacións ou outros procesos, xa que o bagazo fresco pode alcanzar máis de 40o C”. Logo xa se preparan os contedores de 600 litros para posteriormente realizar a inoculación das miñocas, que no ensaio realizouse de dous modos: superior e inferior. Caixas onde se empezou o proceso de vermicompostaxe. Imaxe de Daniel Durán Durante o proceso é necesario controlar os parámetros de humidade, temperatura e osixenación dos contedores para que se produza unha correcta cría das miñocas. A humidade axeitada é do 80-90 %, que se pode conseguir con rega natural ou ca propia auga da choiva. A temperatura “neste caso foi a ambiental, xa que o proceso realizouse en exteriores” e á osixenación, “se é precio, hai que facer un removido cada certo tempo”. Tamén é necesario observar como vai a evolución da poboación de miñocas, revisar se hai mortalidade de individuos, presenza de ovos etc.

Toma de mostras do primeiro humus

Tomáronse mostras do bagazo recibido e do humus obtido para analizar as súas calidades físico-químicas. “Observouse que o contido da humidade é un factor que limita o desenvolvemento das miñocas”, explica o técnico. Tamén se detectou un incremento do pH durante o proceso de vermicompostaxe, factor limitante na aplicación do bagazo directamente aos solos, particularmente no caso de solos cun baixo pH como é o da subzona do Val do Salnés, da D.O. Rías Baixas. Durante a vermicompostaxe prodúcese unha mineralización da materia orgánica, reducíndose o carbono orgánico total e a relación C/N. Detectaron un incremento ao final do proceso de nitróxeno debido á mineralización da materia orgánica, a vez que que se produce unha redución de composto como opotasio debido a que é un nutriente labil que sofre facilmente os procesos de lixiviación ocasionados pola choiva ou rega.

Aplicación en terreos

Para rematar este proceso, aplicaron o vermicompostaxe en viñedos en produción da subzona Val do Salnés, nas Rías Baixas. Tomaron 189 mostraxes no presente ano, con diferentes obxectivos: analíticas rutineiras de fertilidade do solo e de abundancia e diversidades da microbiota nos solos trala aplicación do vermicompost. Nestas determinacións contouse coa colaboración do Laboratorio de Solos da Estación Fitopatlóxica do Areeiro e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, respectivamente. Humus creado pola vermicompostaxe. Imaxe de Daniel Durán A partir de aí, afirman que “o proceso de transformación do bagazo en humus de miñoca a través do proceso de vermicompostaxe tivo bos resultados a nivel do humus de lombriga obtido”. Engade que como resultado obtívose en sete meses unha emenda orgánica adecuada para abonado ou plantación de viñedo cuxas doses se recomendarían en función das condicións do chan agrícola. “Agardamos confirmar que o vermicompost final é unha emenda cuxa aplicación agrícola mellora as propiedades fisico-químicas, aumentando a actividade microbiana do chan e favorecendo as condicións nutricionais dos cultivos”. Pódese dicir que é unha tecnoloxía de xestión de residuos de bagazo eficiente e respectuosa co medio ambiente. Ademais, do proceso de valorización “tamén se poden obter compostos bioactivos de alto valor engadido para a industria cosmética, farmacéutica e alimentaria”.

Nova xunta directiva da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas

A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), celebrou o pasado10 de novembro as eleccións a membros e cargos da súa Xunta Directiva. Na convocatoria foron reelixidos David Palacios como presidente por terceiro mandato consecutivo, e Ramón Huidobro como secretario xeral da organización, que tamén seguirá no cargo. O mandato será por catro anos ata o mes de novembro de 2027. Na votación participaron os máis de cicuenta representantes que figuran no censo electoral de CECRV. As votacións realizáronse durante o transcurso da XXXII Asemblea Xeral da CECRV na localidade de Sant Sadurní d’Anoia (Barcelona) e coa D.O. Cava como anfitrioa. Esta XXXII Asemblea convocouse por finalización de mandato da anterior Xunta Directiva. O encontro congregou a 43 das 55 denominacións de orixe de viño que forman parte da asociación. A participación nas eleccións foi moi elevada, cun 83% do censo exercendo o seu dereito ao voto. A nova Xunta Directiva da asociación que representa ás denominacións de orixe de viño ante a Administración Xeral do Estado e ante as institucións da Unión Europea queda formada polos consellos reguladores das seguintes denominacións de orixe: Rioxa, Ribeira do Douro, Navarra, Rías Baixas, Cariñena, Jumilla, Somontano, Montilla-Moriles, Ribeira Sacra, Bulas, Ribeira do Júcar e Arlanza. Reelección Durante a asemblea celebráronse de eleccións a vogalías da Xunta Directiva, os consellos reguladores membros de CECRV estaban chamados tamén ás urnas para elixir o presidente e ao secretario xeral da organización, cuxo mandato está ligado ao da Xunta. As denominacións de orixe reelixiron a David Palacios Algarra, presidente do C.R.D.O. Navarra, como presidente da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas, no que será o seu terceiro mandato, tras ser elixido por primeira vez en 2016. Tamén foi reelixido Ramón Huidobro Vega, secretario xeral do C.R.D.O. Rías Baixas, como secretario xeral de CECRV, cargo para o que foi elixido por primeira vez en 2012. O encontro permitiu analizar e debater sobre algunhas das reformas e políticas da Unión Europea que están en tramitación e que afectan o sector do viño en xeral e ás denominacións de orixe en particular. Así, os consellos reguladores que forman parte de CECRV recibiron información actualizada sobre os principais resultados do recente acordo alcanzado entre as institucións da Unión (Comisión Europea, Consello e Parlamento Europeo) sobre o texto para a reforma da regulación das indicacións xeográficas da UE. Desde CECRV, a valoración que se fai deste acordo é positiva, sempre que mellora substancialmente a proposta lexislativa que presentou a Comisión Europea inicialmente e permite manter disposicións normativas importantes para as indicacións xeográficas de viños na Organización Común para os Mercados Agrarios (OCM) e, por tanto, dentro da PAC. A OCM é a lex specialis do sector do viño europeo, isto é, a columna vertebral da lexislación específica do viño, e para as denominacións de orixe de viño era esencial conservar o seu vínculo con esta norma, de tal maneira que o desenvolvemento lexislativo do sector e das IIGG poidan seguir plenamente vinculados e aliñados. Entre os aspectos positivos que conterá a nova regulación cabe mencionar tamén unha mellora das atribucións para as agrupacións de produtores recoñecidas das IIGG (os órganos de xestión das denominacións de orixe de viño), a introdución dunha definición clara da sustentabilidade no que ás indicacións xeográficas refírese e unha mellora da protección das figuras de calidade. Así mesmo, na sesión de Asemblea repasáronse tamén os principais aspectos das novas disposicións de etiquetaxe nutricional e de ingredientes, que serán de obrigado cumprimento desde o 8 de decembro deste ano, así como das orientacións de aplicación que ten previsto publicar a Comisión Europea no Diario Oficial da Unión Europea a finais de novembro. Por outra banda, informouse a todos os consellos reguladores que forman parte de CECRV da próxima firma do que será o terceiro Protocolo Xeral de Actuación entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e CECRV e que establecerá, por terceira vez, un marco de colaboración estable entre ambas as partes. Dita colaboración reforzada iniciouse en 2016 e co novo PGA estenderase tamén ata 2027. Por último, a XXXII Asemblea Xeral ratificou a entrada en CECRV dun novo consello regulador: o da Denominación de Orixe Protexida Cangas. Con ela, a Conferencia segue sumando, non só na xa moi maioritaria representatividade sobre as 70 denominacións de orixe de viño que existen no noso país, senón tamén en materia de diversidade e pluralidade de visións e ámbitos territoriais.

Galicia agarda unha gran vendima que supere os 75 millóns de quilos de uva

Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas. As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida. Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.

Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes. Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto

No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida. Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.

Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima

As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO. O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida. “O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico. Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas. Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.

Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas

Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas. Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación. En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.

Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes

“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO. Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración. Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente. Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.

Pode ser o ozono unha alternativa para atallar o mildio nos viñedos?

A presión para reducir o uso de tratamentos fitosanitarios químicos na agricultura en xeral fai que se estean a probar diferentes produtos na procura de alternativas máis sostibles e que xeren un menor impacto ambiental. Unha das opcións a estudo é o emprego do ozono para atallar enfermidades coma o mildio ou o oídio no viñedo. Este é precisamente o obxectivo do proxecto Vitiozón, promovido pola adega Martín Códax, da DO Rías Baixas e desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) que tamén contou coa Universidade de Santiago de Compostela. Os primeiros resultados deste traballo foron presentados recentemente nunha xornada técnica que contou con viticultores e investigadores, celebrada en Leiro e na que se deron a coñecer distintas propostas innovadoras na viticultura. A experiencia práctica dun dos viticultores socios da adega co uso do ozono para o tratamento de augas para acuicultura fixo que se decidira a deseñar un prototipo para o emprego do ozono no viñedo. Esta foi a primeira achega da adega co uso do ozono. “Aqueles primeiros resultados non foron concluíntes, pero seguimos investigando coa intención de probar nos viñedos para ver se o ozono resultaba unha técnica alternativa ou complementaria na protección do cultivo”, explican dende o departamento técnico de Martín Códax.

Por que empregar ozono no viñedo?

O proxecto Vitiozón centrouse en comprobar a eficacia que pode ter o ozono para combater o mildio, pola incidencia que ten a praga, sobre todo nas viñas das Rías Baixas. Na adega Martín Códax, durante a campaña 2020 rexistráronse 80 infección secundarias de mildio dende a brotación ata o envero.
As restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas obriga a procurar alternativas nos tratamentos
Dende a adega tamén sinalan que optaron por estudar os beneficios do uso do ozono para procurar unha redución de usos de praguicidas. Ademais, os cambios que se produciron nos tratamentos, logo das restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas materias activas obriga a procurar alternativas. O uso do ozono estudouse neste proxecto para combater o mildio, pero tamén podería ser unha alternativa para outras pragas que afectan ós viñedos. “Intuitivamente parecíanos que mesmo podía ser máis efectivo contra o oídio que contra o mildio, pero durante as campañas nas que se levaron a cabo os traballos de investigación case non houbo incidencia de oídio nos viñedos e non vimos grandes avances co tratamento”, concretan dende Martín Códax. Deixan a porta aberta aínda a poder estudar a aplicación de ozono contra outras enfermidades, en especial contra o oídio. O uso do ozono tamén se emprega no cultivo da viña trala vendima, xa que o ozono ten un efecto positivo en polifenois, permite incrementar a concentración de compostos aromáticos e contribúe á redución de fermentos. Ademais, xa se está empregando no propio viñedo, a través da rega, polo efecto vigorizante que proporciona á planta, así coma nos viveiros para mellorar a sanidade dos enxertos.

Aplicar o ozono nos viñedos

Un dos retos do emprego do ozono nos viñedos é que o ozono ten unha vida útil baixa dende que se produce e debe aplicarse en situ, polo que a súa aplicación tamén supuxo un reto para a adega. De feito desenvolveron un ozonizador para poder aplicar o ozono de xeito inmediato. En concreto, este aparato permite o aplicación de auga ozonizada sobre o viñedo. Neste estudo realizaron 6 tratamentos de ozono nos viñedos. Xenerador de auga ozonizada empregado na adega Martín Códax.  

Os efectos do ozono fronte ás pragas

No estudo estableceron 8 estratexias para comprobar a eficacia do ozono contra o mildio, de xeito que contaban dende viñedos sen tratamento, ata viñedos tratados unicamente con ozono ou aqueles nos que se empregaban tratamentos químicos para atallar todas as pragas ou para manter controladas outras coma o oídio e se trataba exclusivamente con ozono o mildio. Os resultados obtidos foron xestionados pola Evega e tamén participou o equipo liderado polo profesor Javier Cancela Barrio da Universidade de Santiago que se encargou da avaliación de parámetros fisiolóxicos da planta.
“Unha vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”: Emilia Díaz, técnica da Evega
Aínda que se trata de datos recollidos durante unha única campaña, amósase que o tratamento con ozono pode ser efectivo para controlar as pragas só durante as primeiras fases, xa que despois o grao de infección increméntase significativamente, mentres que con tratamentos químicos convencionais lógrase un maior control. Así, aínda que nas primeiras etapas non se atopan diferencias e o ozono podería ser unha alternativa contra o mildio, en canto se incrementa o risco e a presenza do patóxeno é preciso optar por outras solucións para manter a praga baixo control. “Una vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”, explica Emilia Díaz, técnica da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Avaliación da incidencia de enfermidades realizada por un técnico da Evega.

O ozono e a microbiota dos solos

O proxecto tamén avaliou o efecto que ten o ozono na microbiota dos solos, é dicir o impacto sobre os microorganismos que teñen os solos e que cumpren unha función imprescindible nos procesos bioquímicos da materia.  Unha das principais conclusións obtidas é que os tratamentos con ozono fomentan a biodiversidade de microorganismos en folla e acios fronte ás solucións convencionais. “Cos tratamentos estándar estanse eliminando microorganismos, que poden ser interesantes ou non para o viñedo”, explica Díaz Losada. De feito, a auga ozonizada parece actuar sobre un escaso número de xéneros. Aínda que non puideron comprobalo en campo, o uso de ozono tamén serviu para reducir a abundancia de patóxenos coma a botrite en acio.

Os viñedos encaran a recta final antes da vendima con boa sanidade

As chuvias rexistradas en toda Galicia ó longo dos últimos días case non tiveron incidencia no estado sanitario dos viñedos. Así o recolle o último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, entidade dependente da Deputación de Pontevedra. As viñas apenas presentan incidencia de patoloxías habituais coma o mildio. Detectaron moi poucos síntomas nos brotes terminais, mesmo na plantas de viñas que levaban máis dun mes sen aplicar tratamentos ou naquelas que manteñen sen intervención en toda a campaña. Os ventos do norte e a previsión de tempo seco para os próximo día fan que siga sendo improvable a aparición de danos por mildio. Os síntomas de oídio que detectara o persoal de Areeiro na revisión da semana anterior tampouco evolucionaron durante estes días, e só detectaron danos mínimos e casos puntuais. Aínda que as chuvias podían favorecer os danos por botrite, na maioría dos casos foron precipitacións moi lixeiras e a humidade non se mantivo durante moito tempo na vexetación, polo que non se aprecian danos de importancia. A previsión de tempo seco tamén reduce ó mínimo o risco para os próximos días. Se se producen danos para os que sexa preciso tratar e tendo en conta a proximidade da vendima nalgunhas zonas, dende Areeiro recordan que existen funxicidas antibotríticos con 14 días de prazo de seguridade e outras solucións naturais que ou ben non teñen tempo de espera ou só se debe agardar un día. Esta semana incrementouse a presenza e capturas de machos de couza do acio, en especial nunha das trampas xestionadas por Areeiro en viñas de O Condado, onde capturaron 72 exemplares. Tamén se incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda así atópase por debaixo dos limiares nos que sería preciso realizar un tratamento. Malia as precipitacións rexistradas esta semana, as viñas seguen acusando estrés hídrico e patoloxías de madeira. Ademais, a forte insolación fai que se manifesten de xeito máis notorio os golpes de sol nas uvas. Esta semana, o persoal de Areeiro xa detectou os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros.

Curso sobre a produción vitivinícola en Ribadavia

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso sobre o coñecemento da viña e a adega. A formación será impartida pola Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia e celebrarase do 16 ó 22 deste mes de agosto. O curso terá unha duración total de 20 horas, cun horario desde as 16:00 ata as 20:00 horas. O obradoiro aborda tanto aspectos teóricos como prácticos sobre os procesos que se levan a cabo na viña e na adega durante a produción vitivinícola. Na parte práctica do programa inclúense visitas a viñedos e adegas da denominación de orixe Ribeiro. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. As persoas interesadas poden formalizar a prescrición no curso accedendo á información sobre a formación no catálogo de cursos da Consellería de Medio Rural. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 988 788 280, ou enviarse un correo a carlos.alvarez.castro@xunta.gal.

Recomendan manter a vixilancia dos viñedos ante a proximidade da vendima

O último aviso fitosanitario emitido dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, incide sobre a importancia de manter vixiados os viñedos para atallar de forma rápida os problemas que poidan xurdir. Co inicio do pintado dos acios comeza tamén a conta atrás para a vendima, polo que os viticultores deben ter en conta tamén os prazos de seguridade de ser preciso aplicar produtos fitosanitarios para o tratamento de pragas coma o mildio. No caso de que as adegas xa estableceran datas límite para o emprego de fitosanitarios cómpre consultar cos técnicos as solucións para atallar as patoloxías. A vaga de altas temperaturas e a escaseza de chuvias segue a propiciar unha boa sanidade dos viñedos. A medida que avanza o pintado das uvas diminúe tamén o risco de danos por pragas como o mildio. “Co pintado a sensibilidade do acio ó patóxeno do mildio é mínima, polo tanto xa non se producirán danos e só se verán afectadas as uvas máis atrasadas nas viñas que aínda non acadaron este estado fenolóxico”, recolle o boletín de Areeiro. As previsións de que se manteña o tempo seco para os próximos días fan prever que tampouco evolucionen as manchas que se poidan producir noutras partes verdes da planta, coma os brotes terminais ou naquelas zonas menos accesibles para os tratamentos. Con todo, recomendan manter a vixilancia, sobre todo naquelas viñas menos vigorosas, xa que precisan conservar a suficiente superficie foliar para manter a colleita, polo que é preciso controlar a incidencia para que non se cheguen a producir defoliacións. O risco de danos por oídio e black rot tamén está a ser mínimo. No caso do oídio poden aparecer síntomas do fungo nas partes verdes da viña e nos acios rebuscos, pero co pintado a sensibilidade da uva é mínima. O mesmo acontece co black rot, xa que ó entrar na fase de pintado xa non hai risco de danos á uva. A partir destes momentos, nas plantas con síntomas as uvas terminarán co momificado, como xa observaron esta semana o persoal de Areeiro en cepas abandonadas. As elevadas temperaturas tamén reduciron a incidencia de avelaíña do acio, sen apenas capturas de machos nas trampas dispostas pola Estación de Areeiro e sen danos do insecto nos acios. Tampouco agardan problemas derivados das perforacións das eirugas da avelaíña nos próximos días se se mantén a previsión de seca. Nas súas revisións dos viñedos da provincia, o persoal de Areeiro segue a detectar danos por golpes de calor nos acios e plantas con alteracións da madeira e con síntomas de estrés hídrico así como un repunte da erinose de verán.

Baixo risco sanitario nos viñedos

O último anuncio fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, sinala o bo estado fitosanitario no que se atopan os viñedos da provincia. As condicións meteorolóxicas do último mes, onde as precipitacións escasearon reduce o risco de patóxenos como o mildio, cunha gran incidencia nos viñedos desta zona. Comezan a verse as primeiras uvas brillantes, nas cepas de Albariño, aínda que polo momento son aínda moi puntuais. Mentres, nas variedades tintas é máis habitual comezar a ver os primeiros acios con indicios de pintado. A meteoroloxía destes días propiciou que fose unha semana tranquila nos viñedos. Pese a que houbo néboas, sobre todo nas zonas costeiras, estas apenas tiveron repercusión na incidencia de pragas como o mildio. “Mesmo nas plantas sen tratar, os brotes novos están medrando limpos de mildio. De feito, no captador de esporas instalado en Areeiro pasamos de recoller máis de 2.500 esporas a semana pasada a só 447 nesta”, sinala o persoal técnico de Areeiro. Tampouco se localizaron danos nos acios rebuscos, máis sensibles a esta afección. A previsión de que se incrementen as temperaturas mínimas para a próxima semana xunto co orballo pode producir un maior risco de novas infeccións, en especial nas viñas que levan máis tempo sen tratar. Con todo, dende Areeiro non agardan danos significativos dado o estado fenolóxico dos viñedos. Porén, recomendan manter vixiados os viñedos, xa que ata o pintado a uva pode verse afectada. Tampouco hai danos por oídio nos viñedos pontevedreses e as previsións que se están realizando para a vindeira semana, con ventos do norte ou nordés, non serán favorables para a aparición deste fungo. Así, dende Areeiro indican que naqueles predios sen presenza de síntomas ata o de agora, o risco será case nulo. Mentres, nas viñas onde xa se deran ataques, o fungo pode seguir avanzando ata o pintado das uvas, pero o risco de novas contaminacións tamén será baixo. Dende Areeiro recomendan prestar atención á evolución daquelas variedades máis sensibles, se se chegan a producir néboas. A incidencia de black rot está a ser mínima e a climatoloxía prevista e a proximidade do pintado da uva reduce o risco de danos por este patóxeno. A presenza de avelaíña do acio está a ser baixa, cun reducido número de capturas nas trampas colocadas na zona do Salnés por parte de Areeiro. Neste momento o risco de danos derivados desta couza é baixo. Aínda así, o persoal de Areeiro recomenda manter vixiadas as variedades máis sensibles, como poden ser a Loureira e Treixadura. As altas temperaturas seguen deixando danos por golpes de sol nos acios e plantas con enfermidades da madeira. Ademais, detéctanse cepas con síntomas de estrés hídrico.

Recomendan aplicar fitosanitarios protectores nas cepas afectadas polo pedrazo en Sober

As tormentas dos últimos días están a causar estragos en cultivos en distintos puntos de Galicia. Unha das zonas afectadas foi o concello de Sober, onde unha tromba de pedrazo rexistrada o pasado domingo provocou importantes danos nos viñedos. Este xoves desprazouse ata a zona o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, para coñecer de primeira man os danos ocasionados. Con el estaban o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Juan Casares, técnicos da Oficina Agraria Comarcal de Monforte de Lemos, o presidente da denominación de orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández. Precisamente, os técnicos da Evega e da OAC estanse encargando de orientar ós produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas. Así, os técnicos da Xunta recomendan aplicar ata o vindeiro sábado 4 de xuño diversos produtos fitosanitarios protectores, co fin de evitar máis danos e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para estes días. Na medida do posible, tamén recomendan realizar a poda en verde das cepas, rebaixando a lonxitude dos gromos máis desenvolvidos en aproximadamente 1/3 da súa lonxitude. Neste senso, cabe sinalar que os técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie dunhas 11,5 hectáreas as vides quedaron sen follas nin acios. Tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, noutras 74,8 hectáreas adicionais. Con todo, o director apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifeste o total dos estragos.
Aconsellan ós produtores e adegueiros afectados solicitar asesoramento coa OAC de Monforte e Castro Caldelas
Así, José Luis Cabarcos comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nese senso, os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento no teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte. Cabarcos tamén sinalou que estas recomendacións fitosanitarias serán enviadas á oficina agraria comarcal de Castro Caldelas, por proximidade tamén ás zonas afectadas, cuxo número de teléfono é o 988 788 827.

Seguros agrarios

Doutra banda, dende a Consellería de Medio Rural tamén recordaron que este ano destinaron 7 millóns de euros, un 17% máis que o orzamento do ano pasado, ás axudas para fomentar os seguros agrarios. Cabarcos incidiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. “Coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o rexistrado, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións”, sinalou o responsable de Agacal. Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro, segundo a liña da que se trate, e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. Así, a Xunta concede estas axudas de forma directa ós agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e de liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano.

-Consulta aquí a orde do DOG sobre as axudas para contratar os seguros agrarios. 

Xarvio Scouting introduce unha nova funcionalidade para a análise de precisión das trampas de feromonas

Xarvio Scouting, ferramenta dixital de BASF Digital Farming GmbH, introduce unha nova funcionalidade para unha análise instantánea das trampas de feromonas, o que representa unha axuda para os produtores europeos de viña, froiteiros de óso e de pebida nesta campaña.

A nova función pódese descargar gratuitamente a través da aplicación xarvio Scouting para smartphones. Está destinada aos agricultores de España, Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Polonia e Reino Unido e utiliza unha tecnoloxía moi avanzada para o recoñecemento automático de imaxes, cun sistema de aprendizaxe automática e algoritmos que identifican e contan con precisión os exemplares de carpocapsa, lobesia e grafolita atrapados nas trampas de feromonas.

A nova funcionalidade de Xarvio Scouting para a análise das trampas de feromonas recoñece e conta ó instante os insectos de pragas como carpocapsa, lobesia e grafolita.

O seu funcionamento é intuitivo e simple: os usuarios de Xarvio Scouting só teñen que tomar unha foto da trampa de feromonas co seu smartphone e enviar a imaxe para a súa análise. En poucos segundos e a través da aplicación, recibirán os resultados con información detallada sobre o tipo de praga e o número de insectos capturados. Ter acceso a este tipo de información axuda aos agricultores a tomar decisións máis rapidamente con respecto á xestión dos seus cultivos, ademais de proporcionarlles unhas indicacións sobre o potencial de infestación no seu cultivo e arredores. Así mesmo, a nova funcionalidade rexistra automaticamente todos os resultados.

“Grazas a Xarvio queremos focalizarnos en achegar unha maior practicidade e valor aos agricultores e asesores, axudándolles a maximizar as producións, incrementar a rendibilidade e alcanzar maior sustentabilidade. Isto é posible porque as nosas solucións dixitais empregan de forma máis eficiente as aplicacións desenvolvidas para a xestión dos cultivos”, afirma Eva Hill, Global Product Manager de Xarvio Scouting.

“A nova funcionalidade de Xarvio Scouting demostra o noso compromiso en ofrecer ao mercado unha solución testeada en campo que dea resposta ás necesidades dos agricultores. Estamos convencidos de que os viticultores e fruticultores apreciarán o valor que achega esta nova opción, en particular a súa precisión e o aforro de tempo e enerxía que lles implica poder deixar de contar manualmente os insectos atrapados nas trampas”, conclúe Hill.

A nova funcionalidade de Xarvio Scouting para a análise das trampas de feromonas representa unha axuda para os viticultores e fruticultores.

Xarvio Scouting está deseñado para adaptarse ás condicións agronómicas locais. Ademais da nova funcionalidade de análise das trampas de feromonas, esta ferramenta permite monitorear a asimilación do nitróxeno, analizar o dano a nivel das follas, detectar máis de 400 malas herbas diferentes e recoñecer os danos causados por máis de 400 enfermidades, pragas e falta de nutrientes en máis de 60 cultivos. A aplicación Xarvio Scouting está dispoñible xa para descargar na App Store e en Google Play.

Acerca de Xarvio Dixital Farming Solutions, unha marca de BASF Dixital Farming GmbH

Grazas á súa contribución a unha produción agrícola optimizada, Xarvio sitúase en primeira liña na transformación dixital da agricultura. Xarvio ofrece solucións dixitais baseadas nunha plataforma de modelos agronómicos líder a nivel global, que proporciona asesoramento agronómico independente e específico por parcelas/área xeográfica, que permite aos agricultores producir de forma máis eficiente e sustentable.

Produtores de máis de 100 países xa están a usar as solucións Xarvio Scouting, Field Manager e Healthy Fields. Na actualidade 80.000 agricultores de 16 países diferentes (por unha superficie total de máis de 11 millóns de hectáreas) confían en Xarvio Field Manager, mentres que a aplicación Xarvio Scouting foi descargada máis de 6 millóns de veces. Para máis informacións, visite xarvio.com ou calquera das súas redes sociais.

Acerca da División de Solucións Agrícolas de BASF

A agricultura é fundamental para proporcionar alimentos saudables e alcanzables a unha poboación mundial en constante e rápido crecemento. Ao mesmo tempo, está a reducir o seu impacto sobre o medioambiente. Colaborando con partners e agricultores expertos e integrando os criterios de sustentabilidade na toma de todas as decisións sobre o negocio, as Solucións Agrícolas de Basf axudan aos agricultores para que poidan contribuír a unha agricultura sustentable. Por esta razón BASF inviste fortemente en I+D e en novos produtos, así como en ideas innovadoras que se transforman en accións concretas no campo.

A carteira de BASF inclúe sementes e características xenéticas especificamente seleccionadas, produtos para a protección de cultivos de orixe química e biolóxica, solucións para a xestión do solo, a sanidade vexetal, o control de pragas e solucións dixitais para a agricultura. Grazas a equipos altamente profesionais traballando en laboratorio, no campo, nas oficinas e na produción, BASF traballa para atopar o equilibrio adecuado entre os agricultores, a agricultura e os intereses das xeracións futuras.

En 2021 a División de Solucións Agrícolas de BASF xerou un volume de negocio de 8.200 millóns de euros. Pode atopar máis información na web www.agriculture.basf.com ou a través das redes sociais de BASF

Recomendan agardar a que pase o frío e as choivas para tratar as cepas contra o mildio

No último aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, o persoal especializado informa que as condicións atmosféricas actuais están a ser desfavorables para o desenvolvemento do mildio. Tamén comprobaron que o desenvolvemento das viñas segue a ser moi diferente entre predios, e mesmo dentro dunha mesma parcela, con viñas que só teñen máis ou menos desenvolvidos os gromos terminais das varas e outras xa máis crecidas. Ante a previsión da entrada de borrascas atlánticas que traerán chuvascos e temperaturas baixas nestes días, e dado que polo momento non se localizaron manchas de mildio, recomendan agardar a que pasen estes episodios de frío e choivas para dar os tratamentos preventivos contra o mildio naquelas cepas máis atrasadas. Mentres, nas viñas máis desenvolvidas, recomendan vixiar a súa evolución por se as temperaturas son finalmente máis elevadas do previsto, o que podería motivar que se produzan condicións favorables para a aparición do mildio.

Tratamentos con vento

Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro tamén recordan que está totalmente prohibido aplicar todo tipo de tratamentos cando se rexistren ventos superiores a 3 metros por segundo, o que equivales a 10,8 quilómetros por hora. Esta prohibición está recollida no Real Decreto 1311/2012. En días pasados, houbo produtores que aplicaron tratamentos pese a rexistrarse ventos fortes, o que ademais de estar prohibido non ofrece protección ás cepas. “Nestes casos, as viñas non están protexidas, xa que o caldo foi arrastrado polo vento fóra das viñas”, explica o persoal especializado.

Roza da vexetación

Outra das recomendacións recollidas no último aviso fitosanitario da Estación, emitido esta semana, céntrase na importancia de realizar labores de roza da vexetación do solo dos viñedos, xa que nalgunhas parcelas obsérvase que esta vexetación está a invadir as cepas máis novas. “Non esquezan que calquera labor que contribúa a reducir a humidade na contorna das vides é fundamental para reducir os danos por mildio e outros patóxenos”, detallan dende Areeiro. Nestas revisións das viñas, o persoal especializado tamén detectou síntomas de erinose, aínda que descartan que sexa preciso tratalo. Tamén constataron unha presenza de caracois e están a aparecer follas co limbo arqueado e con irregularidades en diferentes viñas, que se deben á climatoloxía variable típica da primavera.