Archives

Convocadas as axudas para as Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de convocatoria das axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) correspondente a 2024, que está dotada cun orzamento de 2.280.000 euros. Estes fondos servirán para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia deste tipo de doenzas. Os programas de planificación zoosanitaria que se subvencionarán coa esta orde contempla aqueles que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025. Estes programas reforzan as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega. O obxectivo último destas axudas é seguir mellorando o estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Ademais, no marco do mercado actual, resulta fundamental manter o devandito estado sanitario, desenvolvendo programas destinados ao control de determinadas doenzas, mellorando a rendibilidade e asegurando a comercialización de animais e dos produtos de orixe animal. As ADSG tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal. Mediante estas achegas, preténdese avanzar na integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas. A maiores, no contexto do mantemento do nivel da sanidade animal, resulta determinante consolidar esta estrutura asociativa das ADSG, vinculada aos propios gandeiros. Así, entre as enfermidades con programa sanitario nas agrupacións atópanse a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR), a diarrea vírica bovina (BVD) ou a paratuberculose no gando bovino, ovino e cabrún. Tamén están incluídas a enfermidade de Aujeszky, no gando porcino; a salmonelose, nas explotacións aviares; ou a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica, nos coellos. Ademais, as ADSG poden executar as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) ou na vacinación de lingua azul. As axudas están destinadas a financiar o persoal técnico veterinario das agrupacións, así como os custes do material funxible que utilizan nos programas sanitarios.

Ligazón á orde no DOG

Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Entre o paquete de normativas en materia de sanidade animal aprobadas nos últimos meses desde a Unión Europea para as ganderías, un dos cambios significativos é a obrigación de contar cun veterinario de explotación. Este foi precisamente un dos temas tratados na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, debido ás dúbidas que suscita este requisito da normativa. “Moitas das ganderías galegas xa están a cumprir boa parte dos requisitos que se esixen agora coa figura do veterinario de explotación”, apunta Ignacio Arnáiz, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), durante as xornadas celebradas na capital dezá. Aínda así, ter que incorporar un veterinario de explotación supoñerá trámites burocráticos específicos e cambios para boa parte das ganderías.
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa” (Gloria Martínez, coordinadora de Xundeva)
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa, podendo ver todos os informes dos distintos profesionais que traballen na gandería”, exemplificaba a veterinaria Gloria Martínez Sanz, veterinaria e coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva. Gloria Martínez e Ignacio Arnáiz na presentación realizada nesta edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva.

Obrigacións para os gandeiros e os veterinarios

Aínda que está por concretar por parte da Administración, estímase que as ganderías deban de dispoñer deste veterinario de explotación a partir do 15 de maio do 2024, xa que esta foi a data provisional que se fixo pública coa aprobación da norma. Estas son algunhas das obrigacións que se lle presentan ao titular da gandería ao ter que incorporar esta figura de veterinario de explotación: -Este veterinario de explotación debe ser un profesional ou empresa que dispoña de servizos veterinarios para todas as especies da gandería. “Pode contarse cun só veterinario da granxa que xestione todas as especies ou poden nomearse varios veterinarios de explotación para as distintas especies”, indica Martínez Sanz. -Será o titular da gandería quen deba acreditar que conta con este profesional ou empresa mediante un modelo de declaración responsable. -O titular da granxa deberá comunicar a designación ou cesamento deste veterinario de explotación. Para iso dispón dun prazo de 7 días hábiles. -No caso de cesamento do veterinario de explotación, o titular da granxa dispón dun prazo de 3 meses para designar a un novo profesional para o cargo e de novo terá que comunicalo á Administración. -O propietario da granxa debe proporcionarlle ao veterinario ou facilitarlle que obteña no seu nome a información necesaria sobre a situación epidemiolóxica da súa gandería. -O titular da gandería tamén debe asegurarse de que todas as persoas que traballen na granxa co gando teñan unha formación adecuada e suficiente. Así, deberán acreditar unha formación mínima de 20 horas nun prazo de 6 meses contados desde o comezo do seu traballo na granxa. Estes cursos xa se impartiron en distintas Oficinas Agrarias Comarcais e está previsto que sigan ofertándose. Estarán exentos de recibir esta formación aqueles traballadores que acrediten un mínimo de experiencia práctica de 3 anos no manexo de gando bovino. Tampouco deberán tomar esta formación mínima os traballadores que xa teñan un título técnico de Produción Agropecuaria ou o título técnico superior en gandería e asistencia en sanidade animal. Pola súa banda, o veterinario de explotación comprométese a cumprir unha serie de funcións na granxa: - Todas as ganderías, independentemente da especie que sexa, deberán contar cun Plan Sanitario Integral (PSI) en formato dixital ou papel que debe elaborar o veterinario de explotación, o persoal veterinario da ADS ou a integradora ou entidade asociativa á que se pertenza. -Este Plan Sanitario Integral debe incluír actuacións sanitarias, de hixiene, bioseguridade e o uso racional de antibióticos. “É fundamental que o PSI estea adaptado á especie e ás características da gandería”, apunta a veterinaria Gloria Martínez Sanz.

Como debe ser o Plan Sanitario Integral (PSI)

Un dos requisitos imprescindibles que se pedirá ás ganderías e que está asociado á figura do veterinario de explotación é o Plan Sanitario Integral (PSI). Este Plan debe adaptarse ás diferenzas existentes entre os distintos tipos de granxas e responder ás necesidades e características de cada gandería. Así, dependerá de cada especie, tipo de explotación, sistema produtivo, situación epidemiolóxica e características particulares da gandería. “No caso de que convivan na mesma gandería diferentes especies, pode establecerse un plan sanitario único ou ben propoñerse plans sanitarios específicos para cada unha delas e baixo a responsabilidade de máis dun veterinario”, explica a veterinaria Martínez Sanz. Ademais, no caso das ganderías pertencentes a unha ADSG que teña asignado un veterinario de explotación distinto do veterinario da ADSG, o Plan deberá contemplar como mínimo un programa sanitario da ADSG.
O Plan Sanitario Integral debe actualizarse cada 5 anos ou cada vez que haxa cambios destacados na granxa
Este Plan debe actualizarse polo menos cada 5 anos e sempre que se modifiquen substancialmente as instalacións ou as prácticas de manexo na gandería. Debe estar asinado tanto polo veterinario da explotación como polo propietario. Ademais, é o propietario da gandería o responsable de que se cumpran as medidas que se recollen neste Plan.

Decálogo do Plan Sanitario Integral

O Plan Sanitario Integral debe contar cun contido mínimo para asegurar as medidas sanitarias imprescindibles na gandería. A continuación recóllese un decálogo de accións para incluír no devandito Plan: 1. Medidas de hixiene e bioseguridade. Neste apartado inclúense todas as accións preventivas que teñan que ver co control de acceso de animais á gandería ben sexa recría, reposición externa, animais alleos á granxa, animais en corentena… Tamén se contemplan as medidas de prevención en relación ao persoal da granxa e alleo a ela, así como vehículos. Neste apartado deben figurar tamén medidas que contemplen un control sobre a hixiene e a bioseguridade da alimentación do gando, así como á subministración e calidade da auga. Inclúense ademais, medidas específicas sobre o manexo dos animais. “Deben figurar protocolos para a separación do gando enfermo ou en corentena”, especifica a veterinaria. Neste apartado deberán aparecer ademais as medidas que adopta a granxa con respecto da xestión dos residuos sanitarios, así como a revisión periódica de certos aspectos das instalacións ou a recollida e almacenamento dos cadáveres, entre outros aspectos. 2. Plan de vixilancia e control de parasitos internos e externos dos animais. 3. Protocolo de vixilancia do estado sanitario dos animais. “A detección temperá é fundamental, xa que tratar de forma rápida marca a diferenza”, explica a veterinaria. 4.Programa de mostraxe rutineira fronte ás enfermidades obxecto de control na granxa. “Deben incluírse tamén os animais de nova incorporación á gandería”, detalla Martínez Sanz. 5. Plans de vacinación que se realicen na granxa. 6. Plan dun uso racional dos medicamentos. “Nas ganderías está a facerse xa un uso moi controlado dos medicamentos”, apunta a veterinaria. 7. Plan de cumprimento e control de hixiene do leite nas ganderías. 8. Plan sanitario da ADSG, se o veterinario de explotación designado é distinto ao da ADS. 9. Plan sanitario en relación coas enfermidades de declaración obrigatoria ou que sexan de interese para a propia gandería, a comarca, provincia ou comunidade autónoma. 10. Visitas zoosanitarias. O veterinario da explotación debe realizar de maneira presencial o seguimento sobre as medidas recollidas no propio PSI e o Plan de Benestar animal da granxa. “O veterinario emitirá as recomendacións que considere oportunas á persoa titular da gandería sobre as deficiencias que observe ou o uso de antibióticos na granxa”, explican os técnicos. As visitas zoosanitarias realizaranse unha vez cada 6 meses nas ganderías cun risco alto, cada ano nas granxas de risco medio e cada 18 meses nas que teñas un risco baixo. “A autoridade competente será a que determine o nivel de risco para cada gandería”, apuntan.

Cita mundial dos veterinarios do 4 ao 8 de setembro en Madrid

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), conformada por 1400 veterinarios especialistas en gando bovino, será a encargada de organizar o 31º Congreso Mundial de Buiatría (WBC polas súas siglas en inglés), que contará con intervencións de expoñentes e profesionais do sector. Terá lugar no Palacio de Congresos de Ifema en Madrid entre o vindeiro 4 e 8 de setembro, dándolle o relevo a Tokio como país anfitrión dos últimos anos. O programa está dispoñible neste enlace. Este evento congregará aos maiores especialistas en buiatría a nivel mundial, e albergará máis de 1000 intervencións que tratarán temas relacionados coa labor dos veterinarios rumiantes. Así mesmo, daranse a coñecer as últimas novidades e investigacións científicas a nivel internacional. Neste sentido, o presidente da Anembe, Joaquín Sanz, afirma que “desde o comité organizador quixeron impregnar o WBC co estilo que a nosa asociación foi aportando nos últimos anos aos seus congresos e algunhas experiencias novidosas”. É por iso que, ademais dun completo programa científico con 25 temas de diferentes especialidades da veterinaria bovina, ovina, de camélidos e alpacas, e dos expoñentes do momento en cada un dos temas principais, organizaranse mesas redondas cas catro mellores presentacións e cos dous poñentes principais para cada xornada. A intención é xerar interacción coas persoas expertas seleccionadas sobre os aspectos máis relevantes de cada unha das súas exposicións. Ao final de cada xornada científica levarase a cabo unha sección denominada ‘Vip Presentation’, aberta á sociedade en xeral e á que poderá asistir calquera persoa rexistrada previamente. Nela abordaranse temas de actualidade vencellados á labor do veterinario de granxa, tales como a importancia dunha nutrición completa, a redución de emisións de metano por medio da eficiencia produtiva, ou a importancia da gandería para evitar o despoboamento do rural e aumentar a limpeza dos montes. Nas presentacións contarase coa presencia de personaxes mediáticos como o veterinario estadounidense Dr. Jan Pol, protagonista da serie emitida por National Geografic Wild, ‘The Incredible Dr. Pol’; con Odile Rodríguez, bióloga e divulgadora científica, ou co filósofo e escritor Fernando Savater. Ademais, no transcurso do Congreso entregaranse unha serie de premios entre os que destaca o ‘Premio ao Logro do Benestar de Rumiantes’, dotado con 10.000 euros, co cal se recoñecerá o mellor traballo nesta materia.

A Xunta realizará unha campaña de prevención de riscos laborais entre o persoal veterinario

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) está a deseñar unha campaña que activará o próximo outono, para reforzar a prevención de riscos laborais entre o persoal veterinario das pequenas explotacións gandeiras. O colectivo de veterinarios sitúase como un dos grupos de profesionais nos que se está a centrar o traballo do equipo técnico de sinistralidade laboral, dependente do Issga, para mellorar a seguridade e a prevención no desenvolvemento das súas tarefas. No momento actual a Xunta traballa na detección dos principais riscos e no deseño dunha campaña informativa que permita incrementar a prevención e minimizar os riscos no traballo desenvolvido polo persoal veterinario vencellado coas explotación gandeiras da comunidade. Incidirase nas explotacións máis pequenas e de carácter familiar, para que conten con recursos e formación sobre como apoiar a veterinarias e veterinarios na inmobilización do gando pesado e sobre como mellorar as súas estruturas para facilitar estas tarefas. Trátase de sensibilizar, en definitiva, aos propietarios na mellora das condicións laborais dos traballadores propios e externos. A campaña, en cuxa distribución colaborará a Consellería de Medio Rural, tratará de abordar algúns dos aspectos que maior preocupación supoñen para este grupo profesional, como o manexo do gando en pequenas explotacións. O material elaborado distribuirase entre as granxas e, de xeito directo, entre os propios profesionais de veterinaria. O Issga, órgano dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, colabora coa Consellería de Medio Rural e cos axentes sociais que trasladan as necesidades destes profesionais. O Instituto ofrécese a manter un marco futuro de colaboración cos colexios de veterinarios para coñecer as súas necesidades e poder perfilar medidas que lles resulten útiles cara á prevención de riscos nos centros de traballo.

“As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”

O profesor da área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Fernández Rodríguez vén de ser elixido como decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, cargo no que sucede a Germán Santamarina Pernas. A candidatura de consenso liderada por Fernández Rodríguez obtivo o respaldo do 90,6% dos votos emitidos. A mellora da docencia impartida tanto ao alumnado do grao en Veterinaria como do máster en Xenómica e Xenética e o reforzo da estratexia de formación permanente no centro (profesorado, estudantes, egresados e PAS) constitúe un dos piares sobre os que se asenta o proxecto de goberno presentado por Rodríguez Fernández, quen tamén asume como compromisos a progresiva implantación e desenvolvemento do sistema interno de garantía de calidade e o deseño dun novo plan estratéxico que, entre outros cometidos, contribúa a incrementar a visibilidade e o prestixio social da Facultade de Veterinaria da USC. -A túa candidatura ao decanato da Facultade de Veterinaria ven de resultar gañadora co 90% de apoios. Como asumes esta nova responsabilidade? Sobre todo con ilusión e sabendo que a comunidade desta Facultade entendeu e apoia o proxecto que este equipo decanal quere levar a cabo. -Cal é a radiografía actual da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC? Temos un profesorado moi comprometido coa súa docencia e un persoal de apoio con gran capacidade de servizo. Un dos problemas, sobre todo pensando nun futuro próximo e que é común a toda a universidade, é a necesidade de recambio xeracional, debido a limitación de contratación de profesorado nos momentos de crise económica. A demanda de formación no grado de Veterinaria é alta. O perfil do alumnado cambiou moito nestes anos, aumentando o alumnos/as con inquietudes cara a animais de compañía. Unha das informacións que queremos conseguir co tempo é coñecer máIs axeitadamente o tipo de inserción laboral de nosos egresados. Pensamos que o nivel de empregabilidade é alto, aínda que en algúns campos como os de animais de compañía está un pouco saturado, o que leva a peores condicións laborais. Tamén aumentou nos últimos anos o alumnado que encontra oportunidades laborais noutros países onde a demanda de veterinarios é máis alta.
“O nivel de empregabilidade en Veterinaria é alto”
-Cales son os principais retos ou obxectivos que te marcas para o teu mandato? Son varios. Por un lado seguir engraxando o sistema docente no sentido de que sexa capaz de responder de forma axeitada ás demandas da sociedade sobre os futuros veterinarios. Ademais, aproveitar más eficazmente a oportunidade que temos como facultade de estar en Galicia, onde a produción primaria e industria agroalimentaria ten tanta importancia. Tamén, dar a coñecer ao sector produtivo gandeiro e a toda a sociedade a importante labor que se está a desenvolver nesta Facultade en investigación e docencia. -O sector agro gandeiro galego cambiou moito nos últimos anos, con cada vez menos explotacións e máis profesionalizadas. Como está afectando isto ao colectivo veterinario e as oportunidades de atopar traballo para o alumnado que finaliza a carreira? Esta evolución da produción gandeira fai que tamén sexan necesarios veterinarios máis especializados para dar resposta a novos problemas e retos que se plantexan. A profesionalización das granxas tamén ten sido acompañada dunha maior especialización dos veterinarios. Campos como a gandería ecolóxica ou produción diferenciada, son exemplos onde a veterinaria ten que dar respostas a un sector que ten que ser competitivo e sostible. -Hai unha precarización das condicións laborais da profesión de veterinario de gando en Galicia? A que se debe? A precarización das condicións laborais non é soamente un problema dos veterinarios de gando. No caso de vacún depende tamén das condicións socioeconómicas dun sector con crise como as do prezo do leite. Sen embargo, nas dúas últimas décadas tamén se produciron cambios nas condicións de traballo, como a formación de equipos veterinarios que permite unha maior conciliación familiar e especialización. -Que outras especialidades están a ter máis inserción laboral? En produción como porcino, aves e coellos os retos sanitarios, a redución de uso de antibióticos, a bioseguridade son campos onde existe demanda de veterinarios. Pero son moitos os campos onde os veterinarios realizan a súa labor: a seguridade alimentaria, o control de zoonoses, a hixiene dos alimentos, na policía sanitaria veterinaria, na investigación, etc. -Que suporá para a Facultade a entrada en funcionamento da Granxa Experimental de Vacún de Leite? Para cando a alumnado poderá facer prácticas alí? Vai a ser una ferramenta moi útil para mellorar a nosa docencia. A Deputación de Lugo contou dende o principio coa Universidade de Santiago de Compostela, de xeito que o proxecto foi deseñado cunha vocación docente, o que se reflexa nas propias instalacións que nos van permitir facer prácticas dun xeito máis axeitado. Esperamos que estea en pleno funcionamento no segundo semestre deste curso, aínda que pode que algunhas prácticas xa podan realizarse antes.
 “Esperamos que a Granxa Experimental de Vacún de Leite estea a pleno funcionamento no segundo semestre deste curso”
-A Comisión Europea ten en marcha unha estratexia para reducir o uso de antibióticos en gandería. ¿Como está a afectar isto á profesión de veterinario? Temos que seguir traballando en cuestións referidas á prevención que son a base principal da diminución do uso de antibióticos. A prohibición de uso de antibióticos en quimioprofilaxe afectará máis a algunhas especies que a outras. Pero para as especies máis afectadas por esta medida están a desenvolverse programas voluntarios que están a ter un importante éxito neste sentido.
 “A prevención é a base para reducir o uso de antibióticos en gandería”
As limitacións de usos dalgúns antibióticos tamén vai esixir unha maior utilización de laboratorios tanto para o diagnóstico etiolóxico como para a realización de antibiogramas. Neste xeito, por exemplo en vacún de leite, as actividades que leva anos facendo o LIGAL no seu laboratorio e na elaboración de documentos como a guía terapéutica de mamites son pioneiras a nivel nacional e internacional e son exemplos dos pasos a seguir para ir polo bo camiño. -Como está afectando ao funcionamento da Facultade a pandemia da Covid-19? O maior cambio produciuse co confinamento que pasamos antes do verán. O profesorado e alumnado mostraron, aínda así, unha gran capacidade de adaptación buscando alternativas docentes non presenciais. Agora, a presencialidade é a nosa primeira opción. Todas as prácticas son presenciais e a teoría realízase desta forma en dous cursos, pero no segundo semestre esperamos que sexa toda presencial. Para iso establecéronse diferentes medidas de bioseguridade que xunto co compromiso demostrado por alumnos/as e profesores/as permite asegurar que a asistencia a actividades docentes podamos considerala de baixo risco.
 “Na loita contra o coronavirus é clave facer unha vixilancia activa de grupos de poboación de risco”
-Os veterinarios están afeitos a loitar contra a propagación de coronavirus no gando. Que leccións se poden tirar para tamén controlar a Covid19 e porqué non están a ser efectivas as medidas que se están a tomar para controlar a expansión da pandemia?O principal cando se está a traballar neste tipo de enfermidades onde existen individuos sen síntomas que poden ser fonte de infección é considerar que unha parte importante do problema non é visible. Polo tanto, non se pode traballar unicamente desde un punto de vista clínico, senón tamén utilizando a análise de riscos como unha ferramenta fundamental. En veterinaria estamos afeitos a traballar deste xeito á hora de establecer as medidas de control dunha infección nunha poboación. Para iso é fundamental establecer programas de vixilancia activa efectivos que inclúan non soamente aos individuos con contacto con enfermos, senón tamén grupos de poboación que deben ser definidos por unha análise de risco axeitada. Ademais debe ser organizada de forma que facilite a información necesaria para poder facer un proceso constante de avaliación das medidas establecidas. Os confinamentos son o froito do fracaso da aplicación axeitada das medidas de vixilancia activa e de inseguridade.
 “As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”
-O movemento animalista ten posto nalgunha ocasión na súa diana a realización de prácticas con animais nas Facultades de Veterinaria. Como valora estas campañas e como cre que lle está afectando ou afectará á profesión de veterinario? Os veterinarios somos os primeiros garantes do benestar animal e desde fai anos existe unha lexislación a nivel comunitario moi esixente en relación ao benestar dos animais. Descoñezo como se pode formar en medicina veterinaria sen contacto con animais. Ademais, nas facultades de veterinaria, as actividades docentes que se realizan refírense a prácticas agropecuarias e clínicas non experimentais; que son de uso cotián na actividade dun veterinario. A veces o que hai é descoñecemento e as críticas son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural.