Archives

Gandeiros da Limia únense para crear unha ADS e buscan veterinario

Unhas 75 ganderías de vacún de carne en extensivo e semiextensivo das comarcas ourensás da Limia e da Baixa Limia mantiveron este domingo unha segunda xuntanza para a creación dunha ADSG (Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira). Até o de agora non dispuñan deste servizo o que dificultaba e encarecía notablemente acceder a un veterinario, especialmente nos concellos da Baixa Limia. A esixencia nos vindeiros meses do veterinario da explotación foi o impulso definitivo que levou a estas ganderías a plantearse a creación dunha ADSG que, se todo vai segundo o previsto, comezaría a funcionar en xuño, dando cobertura veterinaria a entre 1800 e 3000 vacas reprodutoras, segundo o número de ganderías que finalmente se sumen á iniciativa. Jose Bailón, propietario de gandería “Rectoral Santa Baia”, en Trasmiras, e impulsor da iniciativa, primeiro a través dun grupo de washapp, explica que a iniciativa xurdiu “debido á necesidade de que por lei este ano necesitamos un veterinario de explotación, que controle as enfermidades contaxiosas como IBR, BVD, neoesporas, tuberculose ademáis de ser preciso para facer un desparasitado anual do gando en presenza del, entre outros cometidos.” “Agora, o veterinario sanitario ten que estar asociado á explotación, é dicir, el asinará a documentación para acreditar que a explotación está ben para seguirmos cobrando as axudas. Por tanto, ten que estar de man e asalariado, mais é imposible ter unha persoa vinculada á túa explotación doce meses ao ano. Entón, nace a posibilidade de crear unha ADS. En Maceda xa hai unha e o mesmo en Viana. A idea é crear esta ADS entre A Limia e A Baixa Limia, pois unha soa comarca non reuniría vacas abondo para crear unha ADS”, explica José Bailón.

Buscan un veterinario

De momento están tentando sumar o maior número posible de ganderías de vacún nas dúas comarcas para chegar a polo menos 3000 cabezas reprodutoras, o mínimo esixible para que sexa viable contratar a un veterinario a xornada completa. De non ser posible, comezarían contratando a un veterinario a media xornada. “Por iso estamos facendo un chamamento en redes sociais a todos os gandeiros que descoñecen a obrigatoriedade do veterinario sanitario para que nos contacten. Así aumentaremos a cantidade de cabezas e termos un veterinario a tempo completo entre A Limia e A Baixa Limia. Se non chegamos a eses números teremos que comezar cun veterinario a tempo parcial”, explica. Asemade, están xa a buscar tamén un veterinaria para traballar para esta nova ADS. As persoas interesadas poden chamar ao  665 82 01 71

Xornada sobre a EHE e os novos cambios lexislativos que afectan ás granxas leiteiras o venres 9 de febreiro en Lugo

Tractorada de Agromuralla no centro de Lugo en novembro do 2021 polos baixos prezos do leite A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organiza o venres 9 de febreiro pola mañá no salón de actos da Escola Politécnica de Lugo unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando.  O programa inclúe como ponentes a técnicos da Administración que abordarán aspectos como os novos reais decretos sobre medicamentos, Plan Sanitario Integral e veterinario de explotación ou SIEX e Caderno Dixital. A segunda parte da xornada estará centrada na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente ás explotacións de vacún, tanto de leite como de carne, debido ás súas graves consecuencias.
Agromuralla esixe axudas que cubran a totalidade dos gastos veterinarios pola EHE e o lucro cesante pola perda de produción, ademais da posible morte de animais
Para falar da EHE Agromuralla contará con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia como de Ávila ou Extremadura, lugares onde a enfermidade atacou de maneira moi importante en 2023. Novas esixencias en materia de abonado e benestar animal  O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que será o encargado de abrir as xornadas, explica que "este 2024 é un ano de moitos cambios no sector como consecuencia da entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal ou dixitalización que condicionan de maneira importante a rendibilidade das explotacións leiteiras, polo que resulta fundamental contar con información precisa e de primeira man sobre a súa aplicación". Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese á Administración "que contemple unha liña de axudas específica para facer fronte ás consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotacións que inclúa os custos veterinarios e de tratamentos, así como o lucro cesante por perda de produción, ademais da posible morte de animais". 

Solidariedade coas protestas de agricultores noutros países europeos, debido á "burocratización" da produción

José Luis Pérez Barreiro quixo mostrar tamén "a solidariedade dos gandeiros e gandeiras galegas" cos produtores de países como Francia ou Alemaña que estes días se manifestan cos seus tractores en demanda de melloras para o sector. Sobre a posible organización de protestas similares en Galicia, non as descartou e indicou que "neste momento estanse valorando todas as posibilidades". "O sector primario en toda Europa ten problemas comúns, como son unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos", asegurou o presidente de Agromuralla.  "Todo o que vén de Bruxelas supón máis traballo e máis gasto para as explotacións; a día de hoxe xa pasamos máis tempo cubrindo papeis que atendendo aos animais ou ás terras", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector".  En relación á viraxe ambientalista da UE, o presidente de Agromuralla dixo que "as políticas verdes non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación". "Somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os xestores do territorio e os que coidamos da natureza", insistiu.

‘O veterinario de explotación: máis burocracia para as ganderías’

Estimado Director Xeral/Secretario Xeral, Quero transmitirlle nesta carta a nosa máis extrema preocupación pola situación de colapso burocrático que as explotacións gandeiras estamos a vivir e que non queremos que se agrave aínda máis coa implementación do chamado veterinario de explotación. Señor Director, non podemos con máis papelada e xestións administrativas que entendemos non achegan nada relevante e dificultan moito a nosa profesión. Hoxe, como vostede sabe, o volume de burocracia no uso e tratamento dos animais enfermos con antibióticos ou antiinflamatorios é absolutamente brutal, estamos a diario e de forma permanente, dependentes dun veterinario que pase pola granxa (veterinario de clínica, de reprodución, calidade, da ADS...). Isto supón miles de receitas, farmacéuticos titulados, veterinarios etc. Como é posible que todo isto, xunto co libro de explotación, o libro de receitas, fitosanitarios, etc, non resulte suficiente? Vostede diranos que é un Regulamento comunitario e nós dicímoslles que haberá que poñer sentido común ante medidas que duplican o papelo e non conlevan máis garantías para ninguén. De seguir así, pode ocorrer que sexamos os mellores da Unión Europea en protocolos e xestións sobre o papel, pero que as nosas ganderías pechan e non hai remuda xeracional. Saben vostedes, que teremos que pagarlle a un veterinario novo para facer toda esta papelada que se nos vén enriba? Saben vostedes que os veterinarios xa se dedican máis a facer papeis que a facer clínica, por exemplo? Posiblemente isto leve ao pleno emprego da profesión veterinaria, pero van ter que dedicarse máis a facer papeis que a tratar e coidar aos nosos animais enfermos. Pedímoslles tempo para asimilar o moito que temos enriba, incluído o sistema tan estrito de identificación, porque non saben vostedes que significa isto cando tes unha inspección. No campo estamos todos preocupados pola situación que se aveciña, incluídos tamén os veterinarios. Ou descargamos de burocracia á gandería ou máis pronto do que se pensan haberá moitos menos gandeiros e gandeiras, e moitos menos animais. Reflexionen se é necesario, agora, nestes momentos, implementar o veterinario de explotación, pensando en que achega de novo. Gustaríanos manter unha reunión con vostede para trasladarlle directamente todos estes temas e preocupacións, que están a poñer en xaque a unha boa parte da gandería deste país.

Lalín acolle os XVIII Encontros Gandeiros de Xundeva o 9 de novembro

A Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva celebra o xoves 9 de novembro os seus XVIII Encontros Gandeiros. Este ano a cita volverá celebrarse no Pazo de Liñares, en Lalín (Pontevedra). Na xornada tratarán temas de relevancia para as ganderías como algúns dos cambios que introducen as novas normativas europeas, coa figura do veterinario de granxa, así como a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) que está a supoñer un desafío para as ganderías. A continuación, detallamos o programa da xornada: -11.00 horas. Recepción e café de benvida. -11.30 horas. Apertura das xornadas. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. Marcos Mariño García, concelleiro do Medio Rural do Concello de Lalín. -11.45 horas. Normativa Europea de Sanidade Animal: Veterinario de explotación. Santiago Martínez Calvo, xefe de sección de Sanidade Animal da Subdirección Xeral de Gandería. -12.30 horas. Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE): Enfoque a nivel de rabaño. “Do banal ó grave, do individual ó colectivo”. Manuel V. Morales, Veterinario Oceva. Hipra. -13.15 horas. Experiencias gandeiras: Continuidade do negocio e adaptación ás novas normativas. Carlos Carbonell Baeza. Técnico Veterinario de vacún de leite MSD. Animal Health. Suso Vigo López e Suso Andújar Trigo. Gandería Berdón. Manuel Donsión. -14.15 horas. Clausura. Jorge Cubela López, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural. José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. -14.45 horas. Xantar de traballo.

-Descarga aquí o programa da xornada.

O Goberno aproba un real decreto que desenvolve a figura do veterinario de explotación

O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto que establece as bases de desenvolvemento da normativa da Unión Europea (UE) de sanidade animal, no relativo ás obrigacións de vixilancia dos titulares das explotacións gandeiras e ao plan sanitario integral destas. O novo real decreto desenvolve a figura do veterinario de explotación, recolle o contido mínimo do plan sanitario integral das explotacións gandeiras e establece a frecuencia mínima das visitas zoosanitarias. Esta norma aplicarase en todas as explotacións gandeiras, fóra das granxas de autoconsumo, así como determinadas explotacións en función do seu tamaño consideradas de baixo risco. Segundo establece o real decreto, o veterinario de explotación levará a cabo unha supervisión sanitaria e de benestar animal da explotación gandeira de maneira presencial e de forma regular. Ademais, a frecuencia das visitas zoosanitarias estará baseada no risco que presente a explotación e incluirán a supervisión dos aspectos recolleitos no Plan sanitario integral. Nas devanditas visitas, o veterinario realizará as recomendacións pertinentes para emendar as deficiencias que observe, incluídas aquelas destinadas a conseguir un uso sostible de antibióticos. De igual forma, o veterinario asesorará ao gandeiro en materia de bioseguridade, rastrexabilidade, alimentación, detección temperá e resposta rápida ás enfermidades e sobre a importancia das resistencias antimicrobianas. Dado que a saúde e o benestar dos animais están intimamente relacionados, e que a valoración do benestar dun animal só pode levar a cabo co adecuado coñecemento da súa situación sanitaria, o veterinario de explotación tamén será o encargado de deseñar o Plan de benestar animal e supervisar o seu cumprimento. O contido deste plan atópase na súa normativa específica. Pode consultarse aquí o novo decreto que desenvolve a figura do veterinario de explotación.

“Os veterinarios temos que incorporar programas informáticos que nos darán máis satisfaccións a nós e aos nosos clientes”

Coñecemos a experiencia co programa de xestión Uniform-Repro de Manuel Morales, especialista e responsable da sección de vacún da firma Oceva Sociedad Cooperativa, veterinarios expertos en vacún e ovino en Zamora.

-Como é OCEVA S. Coop? Cóntanos un pouco da súa historia e como é na actualidade.
OCEVA é un equipo veterinario fundado en 1990. O seu obxectivo inicial era dar servizos de clínica e reprodución en porcos, ovellas e vacas. Actualmente o equipo está composto polos tres socios fundadores, dous veterinarios contratados e servizos administrativos. Dispón dun local na cidade de Zamora onde están centralizadas as oficinas, laboratorio, sala de reunións e almacén. Os servizos ampliáronse, sumando á clínica e reprodución, outros relacionados coa xestión das ganderías e servizos de Nutrición.

Como crees que evolucionarán as ganderías de produción de leite no futuro?
-Na miña opinión, están a evolucionar día a día e moi rapidamente. O crecemento das granxas é algo inevitable, este crecemento implica o aumento de rendibilidade por dilución dos custos fixos, mellora da eficiencia, mellor organización dos recursos humanos, respecto polo medio ambiente, mellora constante do benestar animal e humano e tecnificación e robotización dos procesos.

-Cal vai ser o papel dos veterinarios nos devanditos cambios?
-O veterinario, pola súa formación e situación no organigrama da granxa, é unha figura clave, converténdose no asesor principal sobre os piares básicos da produción leiteira. O servizo veterinario actual, baseado en visitas periódicas ás ganderías posiciónanos como profesionais que dispoñen de gran información sobre o status sanitario e produtivo dos animais, o estado das instalacións, os programas de manexo e alimentación, os programas sanitarios e a capacidade profesional dos traballadores.

“A toma de decisións ten que estar baseada na análise dos parámetros produtivos, reprodutivos, sanitarios, económicos… e os programas de xestión facilítano moito”

-Paréceche importante ter un programa de xestión? Por que escolliches UNIFORM-Repro?
-Si, penso que é imprescindible. A toma de decisións ten que estar baseada na análise dos parámetros produtivos, reprodutivos, sanitarios, económicos etc…. E os programas de xestión facilítano moito. Durante moitos anos utilicei outros programas que quedaron obsoletos e despois de valorar as posibilidades que había no seu momento, optei por UNIFORM- Repro porque me pareceu o máis completo para as necesidades que tiñan os meus clientes, algúns dos cales, xa dispoñían del.

-Que ferramentas ou informes de UNIFORM-Repro utilizas máis?
-Principalmente o modulo de xestión reprodutiva, follas de traballo, informes de parámetros clínicos, reprodutivos e calidade de leite.

-Que tres aspectos destacarías máis do programa que che axudaran a facer seguimento aos gandeiros?
• Informes Reprodutivos moi completos e adaptables a cada circunstancia.
• Follas de traballo en granxa e planificación de tarefas simples, flexibles e eficaces.
• Uso da aplicación móbil polos gandeiros, que simplifican a toma de datos e fan que en todo momento a información da granxa estea dispoñible para todos os interesados.

-Resultouche sinxela a adaptación a UNIFORM?
-En realidade, levaba moitos anos utilizando Repro GTV e como ocorre con todos os cambios, custoume un pouco adaptarme. O certo é que, despois de tres anos, estes temores iniciais desapareceron, en liñas xerais estou moi satisfeito coa decisión e o manexo diario non supón ningún problema. O rexistro de datos e elaboración de informes diarios é moi rápido e sinxelo.

-Como valoras o servizo de asistencia?
-Satisfactorio, xeran confianza, resolven as dúbidas e axúdanme en todo aquilo que necesito.

-Como foi a adaptación á app de UNIFORM ou ao programa dos gandeiros cos que traballas?
-Hai de todo, os gandeiros novos adaptáronse moi ben e practicamente fano todo desde a app, eliminando as fichas de campo e fichas de traballo. Pero tamén hai unha alta porcentaxe que utilizan a app soamente para consultar animais e tarefas. Hai que dicir que tanto uns como outros están moi satisfeitos.

“Actualmente o maior reto é analizar eficiencias e rendibilidade económica na gandería e UNIFORM facilítanos a información para facelo”

-Cal é o maior reto ao que fas fronte actualmente? Como che axuda UNIFORM-Repro a superalo?
-Actualmente o maior reto é analizar eficiencias e rendibilidade económica. UNIFORM facilítanos a información para facelo, proporcionándonos índices técnico económicos fiables á hora de toma de decisións importantes como elección dos sistemas de sincronización de celos, reposición e eliminación de animais, idades a primeira inseminación, períodos de espera voluntarios, cambios en alimentación en base á calidade e cantidade de leite, eficacia de tratamentos veterinarios, secado selectivo…etc.

-Crees que é importante para as empresas como a túa empregar o programa de xestión UNIFORM? Por que recomendarías UNIFORM- Repro a outros veterinarios?
-Creo que é importante e imprescindible, sen unha boa xestión dos datos é imposible unha toma de decisións sensata. No Século XXI, é impensable unha empresa onde non se calcule con exactitude os custos de produción, o peso de cada partida de gastos, a eficiencia da man de obra, a eficiencia dos nosos animais e en xeral a eficiencia de cada un dos procesos da empresa.

Á vez que o sector, os veterinarios temos que adaptarnos a estas novas circunstancias e incorporar ás nosas ferramentas habituais (fonendo, termómetro, bisturís…), programas informáticos que nun futuro non moi afastado darannos máis satisfaccións a nós e aos nosos clientes.