Archives

Cales son as trampas máis eficaces e selectivas para capturar vespa velutina?

Sandra V. Rojas Nossa, Salustiano Mato, Pilar Feijóo, Aarón Lagoa e Josefina Garrido, investigadores do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, realizaron diferentes investigacións que recolleron no artigo 'Comparación da eficacia e selectividade de trampas con cebo para a captura do avispón invasor Vespa velutina'. A finalidade do estudo céntrase en comparar a efectividade (taxa de captura de V. velutina) e selectividade (taxa de captura de V. velutina/taxa de captura de especies non obxectivo) de catro modelos de trampa. As trampas con cebo utilízanse comunmente para tentar reducir a poboación invasora do avispón asiático Vespa velutina. Con todo, o método xera controversia porque a evidencia suxire que a captura primaveral non é eficaz para reducir a poboación e tamén polo elevado número de capturas doutras especies. No entanto, apareceron no mercado novos modelos que reivindican a súa selectividade. Neste proxecto, que levaron a cabo na primavera de 2022 no suroeste de Pontevedra, dividiron o terreo nunha cuadrícula de 1 km2 nunha rexión costeira da provincia e eliximos cuadrículas con relativa abundancia de colonias de V. velutina- o ano anterior, entre 1 e 8 niños/km2. En cada cuadrícula asignouse aleatoriamente un modelo de trampa. En total, colocaron seis trampas de cada modelo para un total de 24 trampas. Efectividade e selectividade de trampas con cebo destinadas a capturar a avispa asiática invasora Vespa velutina. (a) Efectividade e (b) selectividade transformada logarítmicamente Durante o proxecto probaron catro tipos de trampas, tres comerciais e un prototipo. A trampa VespaCatch® (trampa V), Véto-pharma, ten tapa negra con dous orificios de entrada laterais e un recipiente de plástico amarelo que contén o líquido atraínte, onde os insectos morren afogados. A trampa Econex® (trampa X) ten teito verde, tapa amarela cun buraco central e un recipiente transparente cunha malla plástica que divide o colector en dúas partes; a base que contén o cebo líquido é unha cámara principal onde os insectos morren por esgotamento. A trampa Eva® (trampa E), consta dunha botella de plástico transparente con dúas pezas laterais amarelas. Estas teñen un buraco máis grande que funciona como entrada e catro buracos máis pequenos que se utilizan como saída de insectos. Ademais, a trampa está provista de bólas de arxila expandida, para evitar que os insectos morran por ahogamiento, e bridas de plástico que permiten aos insectos camiñar cara ás saídas. A cuarta trampa foi un prototipo en fase de desenvolvemento industrial (trampa R). Consta dunha tapa transparente en forma de cúpula provista de dúas entradas laterais e un recipiente amarelo que sostén o atrayente líquido. O colector está dividido por unha malla de plástico onde os insectos morren por esgotamento. Probaron a efectividade e selectividad de catro modelos de trampa: (a) VespaCatch, (b) Econex, (c) Eva e (d) unha trampa en desenvolvemento. Todas se encheron co mesmo tipo e cantidade de cebo A trampa E tivo unha maior efectividade e unha maior selectividade, mentres que a R tivo a menor efectividade e selectividade. As trampas VespaCatch e Econex tiveron altas taxas de captura, pero tamén a selectividade máis baixa das trampas avaliadas, con capturas de especies nativas vulnerables. En conclusión, "o trampeo continúa sendo ambientalmente insustentable e non recomendado como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida", destacan os investigadores. Todas elas son trampas usadas en Galicia e en canto ao prezo, "probablemente o custo económico é menor en termos do que custa a compra dunha trampa, pero non se estimou o custo que implica a afección para as especies nativas e por tanto para os servizos ecosistémicos; é dicir, aqueles servizos que achegan os ecosistemas aos seres humanos", indican.

Trampa ambientalmente sustentable

Nos resultados indícase que, coas trampas probadas, a captura con cebo segue sendo ambientalmente insustentable e non se recomenda como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida. Todo isto está motivado pola diversidade e abundancia das especies nativas. Así mesmo, indícase que as trampas son altamente contaminantes e para conseguir un trampeo ambientalmente sustentable deberíanse empregar aqueles aparellos que só capturen a Vespa Velutina. Nas conclusións tamén se indica que a trampa E supón unha mellora en termos de selectividade ao comparar as taxas de captura doutras trampas. Isto vén motivado porque "todos os detalles do deseño dunha trampa inflúen sobre a súa funcionalidade. Probamos as trampas como un todo e non comparamos os diferentes detalles entre elas. Iso requiriría un deseño experimental diferente". Por iso, non é recomendable utilizar a trampa E, porque "a captura con cebo é unha ameaza adicional para a biodiversidade nativa, o que se aplica a esta trampa". En Galicia úsanse moitas trampas. Até agora non hai estudos que demostren que hai unha trampa efectiva e completamente selectiva.
No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo seguen a traballar na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos
Adicionalmente, a evidencia científica demostra que o trampeo de primavera non reduce a cantidade de nidos nunha área. Moitas veces o argumento que se usa para xustificar as capturas de insectos nativos no trampeo de primavera, é que probablemente as colonias nas que as raíñas fundasen consumirían unha cantidade de insectos similar ou mesmo maior. Pero este argumento non é válido, xa que os insectos que caen nas trampas e os que consome V. velutina non son os mesmos, e por tanto o trampeo é unha presión engadida sobre as especies nativas. Por estas razóns, a recomendación neste momento continúa sendo non usar trampas con atraínte polos danos ambientais que leva o trampeo. No entanto, prodúcense novas trampas e atraíntes que hai que probar. No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo continúan traballando na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos. "En base aos nosos estudos estamos a deseñar un novo modelo que pretende mellorar os resultados obtidos, para o que é clave un estudo enfocado en determinar se existen atrayentes realmente selectivos", conclúen.

A Xunta reorienta a estratexia para combater a vespa velutina

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, visitou hoxe este concello coruñés, onde se está a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina. Estes labores enmárcanse dentro das novas medidas executadas este ano pola Xunta de Galicia para facer fronte a esta especie invasora. Esta mañá, José González remarcou que "o Goberno autonómico leva realizado un inxente traballo para combater a avespa velutina, apoiándose no programa autonómico acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -ao que este ano están adheridos os 313 concellos galegos"-. “Só no ano 2023 rexistráronse 56.600 avisos e retiramos, a través de Seaga, máis de 29.500 niños”, lembrou o titular do Medio Rural en funcións. Con todo, ante a evolución da presenza deste insecto en Galicia, José González destacou o compromiso da Xunta para “seguir avanzando” en coordinación cos concellos, axentes do territorio ou os investigadores. Así, salientou que estas novas iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina na comunidade contan con catro eixos de actuación -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano nas catro provincias galegas. Sobre o trampeo, “selectivo, planificado e coordinado”, o titular do Medio Rural en funcións explicou que a súa instalación comezou en concellos das provincias de Coruña e Pontevedra para avanzar a continuación, xa esta mesma semana, por Lugo e Ourense. Este labor é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade, e está sendo desenvolvido apoiado nun operativo de trampeo coordinado no que participará persoal de Seaga ou traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta. O conselleiro cualificou os traballos fronte a expansión da velutina como “unha loita conxunta, na que cremos que temos que estar todos” e apostou polo trampeo e polo seguimento da captura de raíñas como “un paso necesario” para afondar no control desta especie invasora. Engadiu que neste proceso “estamos seguindo estritamente os criterios técnicos e as recomendacións que nos están dando, dende un punto de vista científico” e que “as trampas son as mellores dispoñibles no mercado” para estas tarefas. Os dispositivos, remarcou, colocaranse “naqueles puntos xeolocalizados que máis nos interese” para facer fronte, de xeito efectivo, a este problema. A medida atende unha das principais demandas do sector apícola e permite facer un seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recollida será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados. Grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema, explicou esta mañá en Porto do Son o conselleiro en funcións. O trampeo céntrase agora na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na procura de alimento a construír os primeiros niños. José González adiantou que o traballo que se realizará nos meses de outono e inverno terá por obxectivo a captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros.

Aposta pola formación e a investigación científica

Por outra parte, neste 2024 adiantouse a retirada dos niños primarios de pequeno tamaño, ademais de incidirse na formación, información e divulgación entre todos os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación. Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación.

Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia

O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda á empresa pública Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira da totalidade dos 313 concellos galegos. Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través do equipo de Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria. A poboación pode notificar na liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 -operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano- a detección dun niño de velutinas ou alertar da súa presenza, sendo posteriormente informadas a través dun servizo de comunicación vía SMS da resolución do aviso por parte da Xunta, que vén implantando nos últimos anos novas tecnoloxías para habilitar formas de contacto alternativas, como a app Contravelutina, na que ademais de incluír os datos do trampeo é empregada por Seaga para xestionar os avisos -introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final-.

Entrega de trampas contra a vespa veluntina en Condado Paradanta

No marco do proxecto de cooperación de fondos Leader “Viño e Froita”, o Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta inicia a campaña de entrega de trampas contra Vespa velutina a produtores do territorio da subzona Condado do Tea da D.O Rías Baixas. O presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, e o xerente do GDR, Paco González, visitaron hoxe a adega Eido da Fonte en Valeixe, A Cañiza, un dos terreos produtivos onde xa se colocan as trampas desta campaña que reúne os principais valores do GDR: cooperación, innovación, compromiso, implicación e proactividade. Co obxectivo de mitigar os danos producidos por pragas nos sectores vitivinícola e frutícola do Condado Paradanta o GDR entrega as trampas ás e aos produtores que participaron nas distintas actividades de investigación, recollida de datos, formación e divulgación da campaña “Viño e Froita”. Realizada en colaboración co GDR Mariñas Betanzos e da man da Universidade da Coruña o proxecto promove a ordenación do territorio, o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e apoio para reducir o impacto das pragas (Vespa velutina, paxaros e xabaríl) involucrando ao tecido empresarial (adegas, empresas comercializadoras ou transformadoras, produtores...). Cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia, fondos FEADER e a Administración Xeral do Estado o GDR Condado Paradanta pon o foco no sector vitivinícola por ser capaz de crear fortes relacións entre agricultura, patrimononio, paisaxe, cultura e turismo e no frutícola como alternativa de futuro. Grazas a esta iniciativa, que tivo unha primeira parte de investigación, por vez primeira cuantificáronse datos de danos en viñedos. María Servia, profesora da Universidade da Coruña e Yaiza Rodríguez Lueje, estudante de doutoramento e técnica contratada para esta investigación, adiantan que sería convinte seguir recollendo datos ao longo dos anos. “Algo que sabemos, porque hai evidencias, é que a poboación de Vespa velutina fluctúa pero é unha especie completamente asentada en Galicia así que pode haber máis danos ou menos ao longo dos anos pero vai haber sempre. Deberíase seguir recollendo datos e avalialos agora que xa hai unha metodoloxía porque pode ser de utilidade á hora de decidir se unha liña de negocio é ou non viable”. Segundo as investigadoras, as trampas poden ser de axuda pero hai que ser cautos á hora de colocalas porque non son selectivas e capturan outros insectos que son necesarios para un axeitado funcionamento dos ecosistemas, como por exemplo os polinizadores que son fundamentais. “O que recomendamos é que se instalen en zonas onde outros anos houbo danos e, sobre todo, o ano pasado porque pode haber raíñas que saian agora en primavera provintes de niños que estaban preto, pero onde non houbo danos non deben colocarse para non prexudicar a outros insectos”. Ademais, aconsellan revisar as trampas e observar que atrapan e, se non hai velutinas, conviría retiralas. Outra das alternativas que se avaliaron no proceso de investigación foi a colocación de mallas antigraínzo. “Estas mallas si son recomendables e funcionan. O que vemos moi claro e que se reduce moito o dano por Vespa velutina e por paxaros, protexen frente a calquera dano físico como o graínzo, un pouco menos fronte ao xabaríl porque é capaz de rompelas, pero se lles custa traballo desiste. Só se instalan no momento de maduración da uva, no envero”. O presidente do GDR adianta que seguirán apostando pola protección dos recursos da comarca e polo coñecemento da riqueza e potencialidades do territorio para activar as terras agrarias abandonadas e acadar un desenvolvemento integral, xusto e equitativo de tódalas partes que integran o territorio.

A Xunta prevé adiantar este ano a recollida de niños de vespa velutina

A Xunta anuncia que traballa nun plan de choque no marco da loita contra a avespa velutina. A iniciativa recolle medidas coma o adianto da retirada dos niños, cunha campaña especial de actuación sobre os niños primarios, que son os primeiros en aparecer, e evitar así a súa expansión. Realizarase tamén un trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado, avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores. O plan prevé tamén accións de formación, información e divulgación entre os efectivos que traballan na loita contra a especie, os profesionais afectados e o conxunto da poboación. A maiores, impulsarase a investigación científica para determinar o método de loita biolóxica máis axeitado para evitar a propagación. O plan remitiráselles nas vindeiras semanas aos sectores implicados na loita contra esta especie, para que poidan realizar as súas achegas e buscar así o máximo consenso e unión de esforzos nas medidas aplicadas. No encontro para a elaboración do plan, participaron o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, o conselleiro do Medio Rural, José González, e os directores xerais de Administración Local, Natalia Prieto, de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o director xeral de Agricultura, José Balseiros, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro. A Xunta conta desde 2020 cun plan centralizado de loita contra a vespa velutina, que avanza cada ano coa implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía complementarias ás chamadas ó teléfono 012, que centraliza os avisos de niños. Por exemplo, a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final.

Desestimada a proposta para modificar a xestión da loita contra a vespa velutina

A xestión da loita contra a vespa velutina que se está facendo en Galicia foi un dos temas abordados na última Comisión 7ª de Agricultura do Parlamento Galego. A través dunha proposición non de lei, o BNG solicitou introducir cambios no actual plan de loita, dado o incremento da presenza da vespa asiática e dos danos que está a sufrir o sector apícola. Pese a contar tamén co apoio do PSOE, finalmente foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular, que reivindicou o plan de actuación levado a cabo pola Xunta. “Nesta última campaña produciuse unha explosión do número de niños de velutina, que afectou de xeito directo á produción de mel, non só reducindo a cantidade de mel senón supoñendo un risco laboral, ademais de afectar a outros sectores de xeito directo como o vitícola ou o frutícola”, reivindicou a parlamentaria nacionalista Carmen Aira. Dende o grupo nacionalista denunciaron que ante o incremento dos niños e dos consecuentes danos que isto trouxo para o sector, o orzamento destinado para combater esta praga resultou insuficiente. “Quedaron 14.000 niños notificados sen retirar, e dende o 30 de outubro non se procedeu á súa retirada. Houbo unha clara descoordinación entre Administracións”, recrimina Aira durante a súa intervención. Como informou a parlamentaria, só nos meses de setembro e outubro, algúns apicultores sufriron perdas de máis do 30% das súas colmeas. Como xa fixo o sector apícola con mobilizacións e no congreso sobre velutina celebrado en Chantada no mes pasado, o BNG solicitou un incremento do orzamento e unha maior coordinación entre Administracións para mellorar a resposta fronte a praga. A proposición tamén contou co apoio do grupo socialista, que destaca as actuacións desenvolvidas en zonas limítrofes con Galicia como Asturias, onde están a conseguir reducir a presión da vespa asiática sobre os apiarios.

Balance de actuacións

Pola súa banda, dende a Xunta defenderon a xestión centralizada realizada contra a vespa velutina e apuntaron que ó longo do 2022 se retiraran 22.200 niños deste insecto, mentres que dende xaneiro a novembro deste ano o operativo da empresa Seaga desprazou efectivos en máis de 48.100 ocasións, nas que se retiraron máis de 29.000 niños activos. Por provincias, na Coruña retiraron 12.131 niños, en Lugo 4.547, en Ourense foron 3.706 e en Pontevedra 8.845 niños. Tamén sinalaron que nos meses de verán se reforzou a contratación de efectivos, pasando de 42 a 85 empregados, así como a dotación de medios materiais.

Un congreso abordará en Chantada os últimos avances para o control da vespa velutina

A raíz da inmensa preocupación que está a xerar a expansión da Vespa velutina (o tártago negro de patas amarelas) e as consecuencias que está a ter para sectores como o apícola e o vinícola, os días 4 e 5 de novembro, o Grupo de Desenvolvemento Rural Miño-Ulla (GDR) e a Asociación Galega de Apicultura-AGA organizan en Chantada o I Congreso de Control de Velutina en Chantada (Lugo), no que se tratará a situación da velutina no Norte Peninsular, como está evolucionando e os distintos modelos ou medios de control dela, así como a efectividade deles. As inscricións poden realizarse a través da web www.congresovelutina.es

“Como veña outro ano de velutina coma este non queda unha colmea en Galicia”

Un momento da manifestación deste mércores en Lugo para esixir á Xunta un Plan Galego contra a Vespa Velutina O 2023 está a ser un ano moi difícil para os apicultores debido á elevada presión de velutina, tanto que na maioría dos apiarios as abellas non saen a traballar, o que se traduce nunha menor produción de mel, unha redución da cría e un debilitamento das colmeas. A velutina cébase nas máis febles, aquelas que teñen menos efectivos para defenderse, acabando por matalas. O resto, precisan ser alimentadas de xeito artificial para lograr que pasen o inverno. Por iso, neste momento, o manexo que están a facer os apicultores, unha vez sacado o mel e colocado o tratamento contra a varroa, consiste en pechar as piqueras para evitar que entre a velutina e poñer alimento para que a colonia poida seguir comendo e non morra de fame.
Está comezando a haber xa perdas importantes no sector da froita e do viño por culpa da velutina
A nivel alimentario, a praga da vespa velutina provoca unha merma importante na produción de alimentos, afectando gravemente á produción apícola, pero tamén á de viño e froita, quedando en moitos casos inservible para a súa comercialización ou transformación. A nivel medioambiental o impacto da velutina é tamén patente, producindo unha diminución drástica na biodiversidade. A Xunta, 10 anos mirando para outro lado Desde que se detectaron os primeiros niños de velutina en Galicia, no ano 2011, os apicultores foron os primeiros que se puxeron mans á obra para combatela, mentres a Xunta descargaba sobre eles, axudados desde algún Concello, a responsabilidade de loitar contra a praga.
Está a haber retrasos de varias semanas unha vez que calquera persoa da aviso a través do 112 da presenza dun niño até que é retirado
A Consellería de Medio Ambiente, que é a que ten as competencias na materia, ten subcontratada unha empresa para a retirada de niños, mais os retrasos este ano están a ser máis que evidentes, mesmo de varias semanas, desde que se produce a chamada avisando da presenza dun niño até que é retirado, priorizándose aqueles situados preto das vivendas. Niños máis tempo activos e en zonas con maior altitude A rápida expansión da vespa velutina faille estar presente xa en practicamente todo o territorio galego, un avance imparable ano a ano favorecido polos efectos do cambio climático, con temperaturas elevadas en outono, o que retrasa o momento de hibernación das raíñas e o abandono dos niños.
A grande capacidade de adaptación ao medio desta especie invasora estase a ver favorecido polo efecto do cambio climático
Ao igual que xa acontecera o ano pasado, o maior ataque de velutina estase a producir neste momento, en pleno outono, aínda que as colmeas levan bloqueadas e sen poder traballar en moitos casos desde o mes de agosto. Esta elevada presión sobre os apiarios, fai que as colmeas colapsen chegando a mortandades moi elevadas, que fan inviable a súa continuidade da actividade profesional, chegando mesmo a poñer en perigo a incorporación de persoas mozas á actividade agraria levada a cabo nos últimos anos neste sector. Falamos con varios apicultores que asistiron este mércores á concentración convocada en Lugo polo Sindicato Labrego Galego e que apoiaron distintas asociacións de apicultores, como AGA, APLA ou a Agrupación Apícola.  

“De aquí a 5 anos, como isto siga así, a maior parte dos apicultores de Galicia terán pechado”

Brais Álvarez ten 300 colmeas repartidas polos municipios da Pontenova, Lugo e Castroverde e asegura que até agora non houbera un ano con tanta velutina coma este. “Teño colmeares por toda a provincia de Lugo e non teño un só que non teña nestes momentos problemas gordos coa velutina; nunca recordo un ano coma este”, afirma. As perdas no seu caso son cuantiosas. “A velutina acábame cunhas  60 ou 70 colmeas ao ano, que en produción poden estar entre os 800 e os 1.000 quilos, o que supón entre 10.000 e 12.000 euros entre o valor do mel e da abella, iso sen contar a redución da produción no resto de colmeas que non morren”, explica.
A velutina acábame cunhas 60 ou 70 colmeas ao ano, o que supón entre 10.000 e 12.000 euros entre o valor do mel e da abella
“A velutina crea problemas nas colmeas en dous momentos do ano: agora á saída do verán nas que están máis débiles, nas que entra e acaba matando porque non se dan defendido, pero o problema máis gordo témolo á volta do inverno, polas que debilita neste tempo e non chegan á primavera”, conta. Por iso, di, “en abril poderemos facer un balance claro do que supuxo non ter feito nada este ano”, recrimínalle á Xunta. “De aquí a 5 anos, como isto siga así, a maior parte dos apicultores de Galicia terán pechado por non poder sobrevivir economicamente a este nivel de ataque”, di.

“No Courel este ano é terrible, hai unha invasión”

Raquel López e Roberto Rodríguez teñen 300 colmeas en Sobredo, no concello de Folgoso do Courel, e comercializan a súa produción baixo a marca Aramel. Malia estaren a 700 metros de altitude, a presión de velutina este ano está a ser moi elevada. “Este é o peor ano, porque en anos anteriores empezábase a notar pero neste momento hai unha auténtica invasión. Até agora notábanse os ataques cara ao final da tempada, polo que non interfería tanto no ciclo natural das colmeas, pero este ano tivemos velutina xa desde a primavera”, contan.
Este ano estanos afectando moito, a velutina supón moita menos produción e a morte das colmeas
“Este ano estanos afectando moito, máis ca nunca. Mátanos as colmeas e temos menor produción de mel porque as abellas non saen por medo á velutina e o pouco mel que conseguiron facer na primavera comérono despois”, relata Raquel. Sacaron uns 700 kg menos de mel sobre unha produción habitual de 2.000 kg, o que supón unha redución do 30%, ao que hai que engadir os efectos sobre as colmeas. “Agora quedan moi débiles e para que pasen o inverno resulta moi complicado. Faise moi complicado manter a apicultura deste xeito”, recoñece. “Pedimos axuda porque senón as colmeas van morrer todas, iso está claro. Outro ano así coma este e non queda ningunha colmea en Galicia”, engade Roberto. “Un apicultor en solitario pouco pode facer, porque por moito trampeo que poñas na túa zona, se non se fai de maneira xeralizada e non tes axuda de fóra é imposible”, asegura.

“Non pode recaer sobre os apicultores a responsabilidade de eliminar a praga”

Marcos Villamil conta con 200 colmeas en Ribadeo e vende o mel como Rego da Xeada. Coma outros apicultores da Mariña, Marcos leva pelexando coa velutina desde que se detectaron os primeiros niños hai máis dunha década. “Malia os esforzos non fomos capaces de parala e foise estendendo por toda a comarca e hoxe temos unha carga e unha incidencia moi elevada”, explica. “Desde que chegou a hoxe fomos aprendendo moitas cousas sobre a velutina sen a axuda da Xunta de Galicia, que se limita a sacar 4 niños contados e cada vez cun servizo máis malo e peor atendido”, quéixase. “Non pode recaer sobre os apicultores a responsabilidade de eliminar a praga. A máxima responsable de erradicar esta especie invasora, poñendo medios, cartos e investigación enriba da mesa, é a Xunta de Galicia. Correspóndelle a ela esa responsabilidade pero está tentando escurrir o bulto, con cada vez menor partida orzamentaria e menos medios, deixándonos a nós sós loitando contra esta praga, que somos incapaces de controlar”, insiste.
Neste momento temos unha presión inasumible, que provoca unhas perdas do 30 ou o 40% do rendemento apícola
Marcos probou con arpas e con todo tipo de atraíntes caseiros e comerciais para as trampas. “Até agora íanos moi ben o atraínte feito con levadura, auga e azucre, pero este ano, non sabemos por que, non está a funcionar, e ao non poder reducir a carga de ataques contrarrestándoos coas trampas vémonos abocados a pechar as colmeas e alimentalas para que non morran. A ver as que nos quedan de cara ao inverno”, di preocupado. Na Mariña, as altas temperaturas deste outono, sumado á grande cantidade de velutinas fai que se estean a reproducir fóra da súa época habitual, coa creación de novos niños primarios por parte de novas raíñas. “Temos toda a carga de velutina deste ano máis a que se está iniciando pola cría de raíñas novas que están facendo novos niños neste momento”, explica Marcos. “Neste momento temos unha presión inasumible, que provoca unhas perdas do 30 ou o 40% do rendemento apícola”, calcula.

Asturias, Navarra ou Baleares contan con Plans autonómicos para loitar contra a velutina, algo que piden para Galicia

O Sindicato Labrego Galego esixe á Xunta que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a vespa velutina mediante a activación dun Plan autonómico de control da praga, como teñen outras comunidades, como Asturias, Navarra ou Baleares. "Malia o patente agravamento nestes últimos anos, a Xunta segue sen asumir as súas competencias fronte a esta especie invasora", denuncian.  De xeito concreto, na manifestación celebrada este mércores fronte á delegación da Xunta en Lugo demandouse a elaboración urxente dun Plan galego para a detección, control e erradicación da Vespa velutina nigrithorax, apoiado no fomento da investigación sobre o ciclo biolóxico e o comportamento desta especie, así como o desenvolvemento de mellores ferramentas de trampeo, con trampas e atraíntes máis efectivos e menos perxudiciais para outras especies, establecendo un protocolo anual coordinado coas distintas consellerías, a FEGAMP e os concellos.
O SLG pide que se consideren as baixas ocasionadas pola velutina como causa de forza maior que exima do reintegro das axudas percibidas por incorporación e da PAC
No tocante ao impacto específico no sector agroalimentario, solicitouse que se habilite unha partida de axudas para a prevención dos ataques nos apiarios, prevendo a posibilidade de extender estas axudas ás perdas ocasionadas por esta especie na produción de mel ou de froita. Tamén que se consideren as baixas ocasionadas pola velutina como causa específica de forza maior contemplada nos criterios de excepcionalidade que eximen do reintegro das axudas percibidas, tanto nas axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria, como nas axudas agroambientais da PAC. Problema de seguridade cidadá A vespa velutina converteuse a día de hoxe "nun grave perigo para a saúde das persoas debido á alta presenza de niños perto das vivendas", afirma o SLG. Tamén no aspecto laboral supón un risco crecente tanto nos traballos forestais como nos agrícolas, complicando en gran medida a realización de certas tarefas durante o verán e o outono.
As consecuencias máis graves concrétanse en casos de persoas falecidas por ataques de velutina
"Dende o Sindicato Labrego Galego alertamos xa fai meses de que o elevado número de raíñas na primavera e a presenza temperá nos apiarios facía presaxiar que sería un ano especialmente complicado en canto á existencia de niños de vespa velutina. Esta alerta foi trasladada á Consellería de Medio Ambiente e á Consellería do Medio Rural, que derivaron unha vez máis a súa responsabilidade na empresa SEAGA", denuncia o SLG. "A supresión da atención persoalizada na recepción telefónica dos avisos supuxo unha merma significativa na calidade do servizo, podendo constatar importantes demoras, xa que a retirada dos niños se estivo a producir con alomenos 2 meses de retraso, debido en boa parte ao pouco persoal contratado", denuncian.  O exemplo de Mallorca Mallorca foi o primeiro territorio da península ibérica que conseguiu erradicar a velutina. “Fixeron un plan de control de niños por parte da Administración e recurriron á loita biolóxica e hoxe toda a illa está declarada libre de velutina”, explican desde o SLG. “Mallorca librouse da velutina en menos dunha década en base a trampeos e seguimento de niños, pero alí empezaron a tomar estas medidas cando a incidencia da praga era moito menor á que hai hoxe en Galicia. Por iso, agora mesmo, aquí consideramos inviable lograr erradicar a praga a curto prazo; hai que empezar por actuar para reducir a súa incidencia e afectación para poder erradicala nunha segunda fase, unha vez baixe o seu nivel de implantación”, argumentan.
Vemos inviable acabar coa praga a curto prazo; o que hai que facer é un plan de choque para reducir a carga existente e que as explotacións apícolas non se vexan obrigadas a pechar
En Asturias existe un Plan de Xestión e Trampeo, con colocación de trampas e eliminación de niños directamente por parte de persoal da propia consellería, non dunha empresa subcontratada como é o caso galego. Navarra tamén ten un plan de xestión que adica moitos recursos á captura de raíñas e con medidas excepcionais que axudan a aliviar a presión en momentos ou zonas con moitos ataques. “Agora é cando máis se ve o problema, pero para non chegar a este punto hai que empezar a traballar en febreiro mediante un trampeo amplo e coordinado”, insiste o Sindicato Labrego.

Concentración este mércores en Lugo para reclamar á Xunta un plan de choque contra a vespa velutina

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca para o vindeiro mércores 11 de outubro, ás 12:30h. unha concentración en Lugo (diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia) para esixir á Administración galega que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a Vespa Velutina Nigrithorax. “Dende a entrada no país da Vespa Velutina, fai xa máis de 10 anos, a Xunta nunca asumiu as competencias na loita contra as especies exóticas invasoras. Non elaborou un plan de actuación galego para a detección, control e/ou erradicación da Vespa velutina, nin executou o establecido na Estratexia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación”, advirten dende a organización agraria. Ademáis, denuncian que “cada vez destínanse menos recursos e hai mais atraso na retirada de niños, chegando á intolerábel situación de que persoas a nivel particular se vexan obrigadas a retirar elas mesmas os niños, expoñéndose a graves riscos para a súa saúde”. “A Xunta de Galicia nin sequera está a asumir a súa responsabilidade nalgo tan básico como é o establecemento dun protocolo para o trampeo de captura de raíñas”, engaden. Con todo isto, o Sindicato Labrego lembra que “o tártago asiático está a ter unha expansión exponencial por todo o territorio galego, con consecuencias nefastas, que van dende perdas na apicultura e estragos nas producións de froita e uva, até o lamentábelmente ben coñecido perigo para as persoas”. Por último, lembran que “a expansión incontrolada da velutina non só afecta á produción de alimentos e á saúde das persoas, senón que tamén supón un grave problema medioambiental con consecuencias nefastas para a biodiversidade”. 

Un estudo da Universidade de Vigo constata que os abellóns deféndense con éxito da vespa velutina

A revista Communications biology, editada polo grupo Nature, publicou este xoves un artigo no que participan investigadores da Universidade de Vigo e no que se constata que os abellóns (Bombus terrestris) son capaces de defenderse dos ataques da avespa velutina. Cando son atacados, os abellóns caen ao chan e lévanse con eles ás velutinas, o que fai que estas perdan o control ou que os abellóns levanten o seu aguillón e pelexen ata que a avespa se dá por vencida. Este é un dos resultados da investigación liderada pola University of Exeter e na que participan varios investigadores galegos, entre eles Salustiano Mato, catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e a investigadora Sandra Rojas, ambos da UVigo. O estudo aborda as repercusións que provoca a V. velutina noutras colonias de insectos distintas ás abellas melíferas, á marxe da propiamente dita acción predadora. E foi no proceso de elaboración deste estudo cando os investigadores presenciaron máis de 120 ataques deste tipo nunha ducia de localizacións da provincia de Pontevedra e se decataron de que o abellón conta con boas habilidades para defenderse da V.velutina. Con todo, esta estratexia de defensa non resulta ser suficiente, e os científicos comprobaron que as colonias de abellóns reduciron as taxas de crecemento en áreas cun gran número de avespas asiáticas, o que suxire que esta especie invasora ten un impacto negativo, incluso se os seus ataques ás entradas das colonias fallaban. As avespas velutinas, tamén coñecidas como avespas de patas amarelas, xa invadiron gran parte de Europa continental e partes do este de Asia e, recentemente, foron reportadas por primeira vez nos EEUU. Os avistamentos no Reino Unido e Europa continental están este ano en niveis récord, o que xera temores sobre os polinizadores e require de esforzos sustanciais de control. “Os investigadores do grupo de Bioloxía Ambiental (BA2) da Universidade de Vigo somos pioneiros na investigación sobre os efectos da avespa asiática Vespa velutina no comportamento dos polinizadores silvestres e a polinización das plantas nativas”, resalta Sandra Rojas Nossa, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo. Como engade Thomas O'Shea-Wheller, autor principal do estudo e investigador do Instituto de Medio Ambiente e Sostibilidade do campus Penryn de Exeter en Cornwall, as velutinas “aliméntanse dunha ampla gama de insectos, incluídas as abellas melíferas. As avespas cazan con frecuencia estas abellas agardándoas en voo suspendido fóra das colmeas e atacando ás pecoreadoras que regresan de recoller pole e néctar no campo. Rexistramos as velutinas facendo o mesmo cos abellóns, pero coa sorprendente diferencia de que, nas nosas observacións non tiveron ningún éxito".

Colonias en 12 puntos da provincia de Pontevedra

Para realizar o estudo colocáronse colonias de abellóns criados comercialmente en 12 lugares da provincia de Pontevedra, abarcando unha variedade de densidades locais de avespas asiáticas. As colonias foron pesadas cada dous días, xa que o cambio de peso é unha medida do crecemento da colonia, e observaron que aquelas en áreas con maior densidade de avespas asiáticas amosaron un crecemento reducido co tempo. "Non podemos dicir con certeza a que se debe isto", sostén O'Shea-Wheller, pero “é posible que algún factor externo sexa bo para as velutinas, permitíndolles prosperar, pero malo para os abellóns.” Non obstante, explica o investigador, pode que sexa máis probable que a presenza de avespas asiáticas limite o éxito das colonias de abellóns. “Aínda que os ataques ás entradas das colonias que presenciamos non tiveron éxito, existen evidencias de que hai abellóns na dieta das velutinas e sábese que son depredadores dos abellóns noutros lugares”. Ademais, engade, “defenderse contra estes ataques probablemente implica un custe enerxético, e cando a abundancia de avespas é alta, isto podería ser un problema importante para a busca de alimento.” Sobre a baixa taxa de éxito das avespas durante os ataques, O'Shea-Wheller remarca que as puido observar “atacando abellóns de todos os tamaños, incluídos algúns que son máis grandes ca elas. Son depredadoras moi persistentes e xeralistas, polo que estes ataques poden valer a pena a pesar da alta taxa de fracaso, sempre e cando a veces consigan unha presa". Por outra banda, lembra que os abellóns non evolucionaron xunto coas avespas asiáticas, polo que a súa exitosa estratexia defensiva ben pode ser unha "coincidencia evolutiva". 

Novas hipóteses

Outra das investigacións recentemente publicada polo BA2 dá pé para propoñer novas hipóteses, xa que "as velutinas tamén consomen néctar das flores, o que significa que compiten directamente cos abellóns polo alimento e ademais ocorren ataques nas plantas en flor, en particular ao final do verán ou durante o outono, cando unha nova xeración de novas raíñas emerxe e acumula reservas para sobrevivir a diapausa invernal", matiza Rojas-Nossa. O estudo foi financiado polo Consello de Investigación en Biotecnoloxía e Ciencias Biolóxicas (BBSRC) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As trampas eléctricas reducen case un 90 % a presión das vespas asiáticas sobre as colmeas

A predación da Vespa velutina afecta ao conxunto do enxame, desde as dinámicas de busca de alimento das abellas, á cría ou á súa supervivencia xeral. A aplicación de arpas eléctricas na entrada das colmeas xunto á posta en marcha de medidas complementarias, como erradicar os niños de preto, son algunhas medidas eficaces para o control desta especie invasora. Para demostrar isto, o estudo ‘Eficacia das arpas eléctricas para reducir a presión de depredación de Vespa velutina consecuencias para o desenvolvemento das colonias’, levado a cabo por investigadores das Universidade de Vigo e Santiago de Compostela, fixo un traballo de campo en tres apiarios galegos, permitindo comprobar as posibilidades desta ferramenta. Resultados e conclusións A disposición das arpas eléctricas nos apiarios da mostra reduciu case un 90% a presión de depredación de Vespa velutina sobre a poboación de Apis mellifera. “En xeral, as colmeas protexidas amosaron un 88,8% menos de presión de depredación que as non protexidas. A taxa de avispóns capturados diante das colmeas variou entre os tratamentos aplicados, pero amosou unha tendencia xeral a aumentar a medida que avanza o verán, seguindo a tendencia natural da poboación”, detalla o traballo de investigación.
“As colmeas protexidas amosaron un 88,8% menos de presión de depredación que as non protexidas”
A supervivencia durante o inverno nas colonias da mostra variou en función da presión de caza observada. Naquelas con alta incidencia de Vespa velutina, as que estaban protexidas con arpas rexistraron un 25% máis de supervivencia, aproximadamente, que as que non tiñan ningún tipo de protección. Nas colmeas de presión intermedia, marcouse en maior medida esta diferencia, habendo un 50% máis de supervivencia, aproximadamente,  nas colmeas protexidas fronte ás que non o estaban. En definitiva, o estudo fai referencia a que “a supervivencia invernal foi do 77,8% nas colonias protexidas e do 55,6% nas non protexidas”. Gráfico sobre a presión da depredación en colmeas protexidas e desprotexidas. / Fonte: Rojas‐Nossa, S. V., Dasilva‐Martins, D., Mato, S., Bartolomé, C., Maside, X., & Garrido, J. (2022) Igualmente, outra das cuestións observadas na investigación foi a importancia do acceso aos recursos. Aínda que as cantidades de mel e pole da colmea -na maior parte dos casos analizados- non foi significativamente afectada, aquelas que non tiñan ningunha protección tiveron menos ingresos de pole, unha cuestión agudizada en función do mes. Este parámetro evolucionou en paralelo á actividade das obreiras recolectoras, do que se entende que protexer as colmeas ten un efecto positivo sobre a dinámica da colmea. Ademais, a cantidade de cría e a busca de alimento víronse substancialmente afectadas pola presión da depredación e o efecto do mes. Por iso, o estudo sinala que “a cantidade de cría era menor nas colmeas non protexidas que nas colmeas protexidas, sobre todo nas colmeas con  maior presión de caza”. Este factor trae como consecuencia que “as obreiras dos enxames sen arpas eléctricas teñen un 6,7% menos de masa corporal que os individuos das colmeas protexidas”, amplía.
“As traballadoras dos enxames sen arpas eléctricas pesan un 6,7% menos cas obreiras de colmeas protexidas”
Esta investigación conclúe que as arpas eléctricas contribúen amplamente a mitigar o impacto desta avisa invasora, isto é, tanto a disipar os efectos da parálise das colmeas que afecta a búsqueda de alimento e, por tanto, a cantidade e cualidade da cría, como a aumentar a supervivencia invernal das colonias. Sen embargo, o estudio suxire que nalgúns casos é necesario poñer as arpas xunto a outras medidas, especialmente durante os períodos de maior presión depredadora, como por exemplo, facilitar o acceso a alimento. En que consisten as arpas e como se dispoñen? Esta investigación parte dun experimento realizado de xullo a outubro de 2020 en tres apiarios do suroeste de Pontevedra, con diferentes ecosistemas e contextos medioambientais. Dentro de cada un deles dispuxéronse dúas zonas conformadas por seis colmeas cada unha, unha con arpas eléctricas e outra sen elas, e separadas entre elas por máis de 20metros. As colmeas colocáronse en liña cun espazo de 20 a 30cm entre elas, e coa entrada disposta na mesma dirección. Esta trampa é un invento de apicultores galegos e consiste nun marco con cables verticais paralelos conectados alternativamente aos polos positivo e negativo dun circuíto eléctrico. Os avispóns que pasan voando reciben unha descarga eléctrica cada vez que tocan dous cables consecutivos, paralizándoos durante uns segundos e caen nunha gaiola inferior con paredes de malla que permite escapar aos insectos máis pequenos, mentres que aqueles máis grandes, como é o caso das Velutinas, baixarían a unha botella. As arpas eléctricas puxéronse perpendicularmente ás entradas das colmeas, entre dúas contiguas.

O sector apícola reclama axudas directas e maior control sobre a importación de meles

O apicultor e membro da executiva do Sindicato Labrego, Brais Álvarez, e o coordinador da Área de Apicultura da entidade, Diego Sánchez Agra, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha batería de demandas urxentes que o sector apícola galego trasladou ás Consellarías do Medio Rural e Medioambiente, así como á Delegación do Goberno. En primeiro lugar Agra e Álvarez salientaron a necesidade de que, ao igual que se outorgaron a outros sectores para paliar os efectos da guerra de Ucraína, as administracións públicas activen axudas directas por colmea ó sector apícola profesional. “Estas axudas directas contriburían a compensar parcialmente o sobrecoste de mantemento das colonias de abellas e a perda de produción, nun contexto de grave crise de mercado”, explicou o coordinador da área de apicultura no SLG. Demanda un importe de axuda de 10 €/colmea para o total de colmeas censadas no REGA a data 1 de xaneiro del 2022 e xestionadas por ATP, cun límite de axuda por explotación de 1.000 colmeas. Tendo en conta que nas granxas apícolas, tanto nos apiarios fixos como nos transhumantes, o combustible é un dos custes de produción que condicionan en gran medida a viabilidade dos proxectos, demandan a inclusión dos apicultores profesionais entre os sectores aos que se prorroga en 2023 a axuda de 20 céntimos por litro de combustible. Tamén reclamaron reducir a carga burocrática das ganderías, que condiciona a actividade profesional. “O MAPA debe atender con flexibilidade ás particularidades do sector na futura aplicación dos reais decretos de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais, así como de veterinario de explotación e plan sanitario integral. Estas esixencias, que pretenden unicamente facilitar o traballo da Administración, non aportarán ningunha mellora ás granxas apícolas e ás persoas consumidoras, mentres que prexudicarán enormemente ás granxas apícolas familiares e profesionais”, advertiu Agra. O apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez, abordou as preocupacións que no sector está a suscitar a entrada de meles de distintas calidades, e en ocasións de procedencia non transparente: “No momento de maior nivel de importacións de baixa calidade da serie histórica é imprescindible que os gobernos mostren a súa determinación de cara a facilitar información transparente ós consumidores sobre a orixe dos produtos apícolas que consumen”, reivindica. Dende o SLG apuntan que debe aproveitarse a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea para liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflicta correctamente na súa etiquetaxe: “Esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”, insistiu Álvarez. As demandas do sector apícola pasan tamén por esixir unha Política Agraria Común (PAC) na que poidan ter cabida os apicultores, por exemplo habilitando pagos asociados por número de colmeas, igual que se fai con outras especies gandeiras, así como establecer ecoesquemas para esta actividade agraria e non restrinxir as axudas do primeiro piar só á declaración de superficies, que non ten sentido na actividade das abellas. Ademais, dadas as circunstancias de afectación da Vespa velutina nos apiarios e os efectos do cambio climático, mesmo os abelleiros que non practican transhumancia vense na obriga de mover colmeas entre os distintos apiarios estantes, polo que dende o SLG reclaman que os compromisos de mantemento do número de colmeas declaradas para as axudas de agroambientais do segundo piar, poidan cumprirse no cómputo xeral dos apiarios dunha mesma persoa apicultora e non en cada un deles.

Campaña contra a vespa velutina

Ante o grave problema que está supoñer o avance e expansión da Vespa velutina en Galicia, non só para as colmeas, se non tamén para as producións de froita e viño, o apicultor Brais Álvarez criticou a deixadez por parte da Administración. Apuntan que o control do tártago asiático pasa pola elaboración dun Plan de Loita como Especie Exótica Invasora, coa implicación e coordinación de distintas áreas dos gobernos de Galicia e do estado español. De feito, con este obxectivo e na procura dunha maior implicación política nesta problemática, o coordinador do sector apícola, Sánchez Agra, anunciou o inicio dunha campaña conxunta dos distintos sectores afectados para reclamar unha loita real por parte das administracións.

Colleita de mel: escasa produción no interior pola seca e importante presión da velutina na costa

A produción de mel leva varios anos sendo frouxa en Galicia e este 2022 non será unha excepción. A seca e os incendios forestais do verán, o ataque máis prolongado da vespa asiática aos colmeares e o descontrol nas floracións ao longo do ano están a reducir de maneira significativa a produtividade das abellas. A produción, en xeral, non foi boa este ano. “Unicamente se puido salvar en zonas localizadas de eucalipto, zonas con moito brezo no mes de maio ou zonas de vagoada onde o castiñeiro non se veu afectado pola seca”, indica José María Seijo, presidente da Agrupación Apícola de Galicia.
A colleita de mel de castiñeiro e de silva foi practicamente nula a non ser nalgunha zona concreta
Desde o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia levan unha cuantificación real da produción de mel por colmea inscrita e certifican a caída xeralizada na produción. “Desde xa hai varios anos os quilos por colmea non soben de 10 ou 12, cando antes o habitual eran 20”, detalla Esther Ordóñez, presidenta da IXP.   “As producións actuais non son óptimas”, recoñece pola súa banda Pepe Torres, presidente de Asociación Galega de Apicultura (AGA). “Galicia estaba producindo sobre 2.000 toneladas anuais de mel pero este ano non imos chegar a elas; non creo que pasemos das 1.700 toneladas”, calcula. Diferenzas notables mesmo dentro da mesma zona A deste ano foi unha campaña moi variable, con diferenzas significativas mesmo en zonas relativamente próximas.  “Foi unha campaña imprevisible e irregular, con moita variabilidade en función da zona, mesmo dentro da mesma zona e con condicións aparentemente semellantes”, asegura Pepe Torres.
O brezo de maio foi ben aproveitado este ano
Por iso, di, “este ano a colleita de mel foi por parroquias, se nunha as abellas lograron néctar para facer o mel, na do lado non houbo esa produción esperada. Non podemos dicir, por exemplo, que o castiñeiro fora un éxito en toda Galicia, algunhas zonas funcionou ben pero noutras a seca fixo efecto no castiñeiro, igual que no melato ou na silva”, engade.
A produción de eucalipto foi mellor na zona de transición máis cara ao interior que na costeira
En canto a outro dos principais recursos melíferos galegos, o eucalipto, “a produción na zona costeira foi máis baixa, pero na franxa de transición, máis cara ao interior, houbo unha produción de eucalipto elevada”, di. Efecto da seca e os lumes No interior agardábase unha boa produción este ano, pola primavera adiantada que fixo espertar as colmeas. “Pero de novo veu o frío, consumiron o que tiñan e tiveron que volver a arrincar, e cando o estaban a facer foi cando veu a seca tan grande deste ano”, relata o presidente da Agrupación Apícola.
As colmeas arrincaron moi cedo a primavera pero cando volveu o frío consumiron o que tiñan e tiveron que empezar de novo
“Moitas colmeas víronse moi afectadas pola baixada de produción de néctar que se produciu nalgunhas zonas e houbo que alimentalas nalgún momento para evitar unha mortandade importante das abellas novas que saen e que necesitan néctar fresco”, explica. Os incendios forestais que queimaron no mes de agosto amplas zonas de Quiroga, A Pobra do Brollón ou Valdeorras afectaron a zonas apícolas e colmeares, ben directamente arrasados polo lume ou porque se queimou a zona e perderon vexetación melífera e moita poboación.
Os incendios de Quiroga e Valdeorras afectaron a importantes zonas apícolas
Ao queimarse a flora próxima aos asentamentos, os apicultores vense obrigados a mover as colmeas de sitio, porque nos seguintes 4 ou 5 anos non hai alimento para as abellas. Por iso, desde a Agrupación Apícola púxose en marcha unha iniciativa solidaria dirixida ás Comunidades de Montes para facilitar posibles emprazamentos apícolas alternativos. Pedíase que estes terreos foran, no posible, contiguos ás áreas incendiadas, porque as propias abellas axudan á recuperación das zonas queimadas grazas á polinización das gramíneas, que son das primeiras plantas en instalarse.

“Os prezos van subir”

O descenso da produción nos últimos anos está a impactar tamén na IXP Mel de Galicia, segundo recoñece Esther. “Seguimos sendo a denominación de calidade con máis produtores, pero baixouse ao número de certificados debido a que a produción nos últimos anos está sendo mala, sobre todo na zona interior, que é onde hai máis colmeas e máis produtores profesionais,  porque a climatoloxía non nos está a axudar”, lamenta. Na actualidade uns 300 apicultores están inscritos en Mel de Galicia, cunha produción de 260 toneladas de mel, cando se teñen chegado a envasar 600 toneladas con anterioridade dentro do distintivo de calidade.
A venda a granel é pan para hoxe e fame para mañá, aínda que os prezos poidan ser bos nun ano concreto
Á menor produción engádese o incremento de custos. Por iso, a presidenta da IXP considera que é de esperar unha revalorización do prezo de venda. “Os prezos van a subir ao consumidor final porque aumentaron moito os custos de produción, como a luz, o gasóleo, os tratamentos ou o envasado. Neste momento aínda non hai un prezo determinado no mercado, xa que se fixa normalmente a finais de outubro ou comezos de novembro, porque o mercado a nivel global, lamentablemente, segue pesando á hora de fixar prezos”, explica. Esther pide aos consumidores que apoien o mel de Galicia “porque o mel poderá vir doutros sitios, pero a polinización non; os apicultores son os que fan a polinización no territorio”, sentenza. Destaca tamén a importancia da IXP como “nexo de unión para o sector” e a representatividade que outorga aos produtores galegos diante de institucións como o Ministerio de Agricultura, polo que fai tamén un chamamento aos apicultores para que se inscriban.

Novas prácticas de manexo: alimentar en outono e dobre tratamento contra a varroa

O cambio climático e a vespa velutina son factores que están a transformar a apicultura nos últimos anos, obrigando a adaptar as prácticas de manexo tradicional das colmeas para facer fronte a estas novas circunstancias. O cambio climático está a mostrarse de xeito evidente no adiantamento das floracións. “As mimosas van reventar antes do Nadal e non é lóxico,  deberían facelo en febreiro. Iso fai que as abellas non estean preparadas e non poidan aproveitar todos eses recursos”, explica Pepe Torres.  
As condicións meteorolóxicas están condicionando claramente a produción apícola e a resistencia da varroa está obrigando aos apicultores a tratar máis dunha vez
“Se hai un adiantamento, as colmeas vanse desenvolver cedo e logo hai que mantelas con alimentación artificial. Ademais, a resistencia da varroa está obrigando aos apicultores a tratar máis dunha vez, incrementando os custos”, argumenta. Baixas reservas para pasar o inverno “Na zona de costa, en xeral, as reservas que teñen as colmeas están sendo baixas, non meteron na cámara de cría e temos moita presión de velutina, polo que a presenza de polen brilla pola súa ausencia; e aínda seguimos tendo unha seca importante, porque choveu só un par de días pero as colmeas están moi desexosas de néctar fresco. Por iso, precisan un aporte de alimento líquido e de tortas proteicas para que a raíña siga poñendo un pouco máis e teñamos unha poboación forte e sa para pasar o inverno”, recomenda Esther como veterinaria.
Moitas veces os apicultores obcécanse en alimentar a principios de tempada, pero é moito máis importante alimentar previo ao parón ambiental
“Moitas veces os apicultores obcécanse en alimentar a principios de tempada, pero é moito máis importante alimentar previo ao outono. Hai que anticiparse, a colmea non hai que deixala caer e que perda poboación porque senón moitas veces xa non se recupera”, afirma. Maior incidencia da varroa “A afectación por varroa está sendo máis alta nos últimos anos”, asegura Esther. Débese a varios factores. Por un lado, di, “hai cada vez menos principios activos no mercado, collen resistencias e baixa a eficacia”. A maiores, a climatoloxía tampouco axuda, porque canto máis cálido é o tempo, máis cría hai na colmea e maior desenvolvemento da varroa. “Antes había parada de posta invernal na colmea e os tratamentos eran efectivos. Agora as colmeas teñen cría todo o ano e non hai un momento propicio para facelos”, asegura.
Debido á suba das temperaturas, as colmeas agora teñen cría todo o ano e non hai un momento propicio para facer os tratamentos
Por iso, di, “o apicultor ten que cambiar de mentalidade e de manexo debido aos cambios na climatoloxía e estar atento e vixiante ás súas condicións, porque é difícil dar unhas pautas e normas xerais para toda Galicia, hai que adaptalas a cada lugar”.
En caso de alta incidencia, é bo repetir o tratamento a comezo de tempada usando un produto ecolóxico alternativo para minimizar as resistencias
Esther non é partidaria de, por rutina, facer dous tratamentos anuais contra a varroa, pero recomenda realizar un control de infección no apiario a comezo de tempada para repetir o tratamento unicamente en caso de alta incidencia. Aconsella nestes casos a alternancia de tratamentos, usando un tratamento ecolóxico alternativo que poida contrarrestar as resistencias dos tratamentos convencionais. Presión de velutina en outubro Dentro dese coñecemento individualizado da situación de cada colmear, en zonas de costa con alta incidencia de velutina, Esther propón, por exemplo, adaptar o momento de aplicación do tratamento antivarroa ao parón da posta provocado pola vespa asiática. Este momento prodúcese cando a presión da velutina non deixa entrar nada de néctar na colmea e prodúcese normalmente arredor do mes de agosto.
Nas zonas de costa do norte da comunidade a presenza da velutina nos colmeares incrementouse notablemente no mes de setembro
Neste sentido, José María Seijo explica que este ano a presenza da vespa asiática foi máis prolongada. “Nas Rías Baixas o 15 de xuño as abellas xa non traballaban, cando o ano pasado a presión sobre as colmeas empezou en xullo, un mes máis tarde”, di. Cara ao norte, esta presión aínda se mantén nestes momentos, en pleno mes de outubro, con maior incidencia incluso que nos meses de xullo ou agosto.

“As velutinas xa comen as mazás antes de madurar”

Os danos provocados pola vespa velutina empezan a notarse cada vez dun xeito máis grave nas árbores froiteiras, especialmente naquelas variedades máis doces, atacando os froitos incluso antes de que maduren. A expansión desta especie invasora e o cada vez menor número de persoas que cultivan maceiras, pexeguieros ou pereiras está a provocar que os danos sexan cada ano máis visibles. Así o advirte Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), quen explica que “os danos da velutina son máis graves no caso das maceiras nas variedades doces de mesa, e tamén naquelas de sidra algo doces, como as De La Riega ou Solarina, así como en peras, pexegos, fatóns, figos ou uvas; é dicir, en toda a froita doce que é a que máis come a velutina nesa época”. “Incluso nos informan de que variedades de mazá que maduran dentro dunhas dúas semanas xa están sendo atacadas pola vespa velutina”, engade. Como recomendación, o presidente de AFRUGAL aconsella “recoller a froita moi cedo pola mañá, cando hai menos presenza da vespa velutina; retirar a froita do chan para que non atraia ás nésperas; ter coidado ao recoller a froita da árbore, pois a veces as velutinas están dentro das mazás ou das peras e poden picarnos e, por suposto, colocar trampas para reducir a poboación de vespa velutina”. As peras son totalmente devoradas pola vespa velutina. Foto: Afrugal Velutina comendo unha mazá. Foto: Afrugal

Moeche organiza este sábado unha charla sobre os trampeos de primavera contra a velutina

Para falar dos métodos de loita contra a Vespa velutina nigrithorax, o Concello de Moeche organiza este sábado ás 12:00h na nave do Mercado unha charla na que se explicará  o ciclo reprodutivo desta especie invasora, como facer un trampeo efectivo -e selectivo- e como actuar no caso de que máis adiante se atope un niño embrionario, primario ou secundario. Da primeira parte da sesión encargarase Vanesa López Basanta, que é veciña de Moeche, técnica ambiental, abelleira e promotora en Balocos da iniciativa Abellariza Apicultura. Ela explicará como diferenzar a velutina das avespas autóctonas -e doutros insectos beneficiosos- e tamén cal é o ciclo anual da especie, que reinicia a súa actividade neste tempo coa saída dos seus tobos das raíñas fundadoras de novas colonias. Nun primeiro momento as raíñas fecundadas antes do letargo invernal construirán un niño embrionario onde criarán a primeira xeración de obreiras. O intre en que se encontran fabricando ese niño -algo máis pequeno ca un puño- é o máis crítico para elas: están soas traballando e teñen a obriga de facerlles casa ás larvas o antes posible. De aí que se se captura unha raíña neste tempo, acabouse, xa non hai posibilidade de que a nova familia prospere e no futuro haberá un problema menos do que preocuparse. O habitual é que as raíñas se movan nas proximidades de onde houbo niños a temporada pasada e que empecen a criar en lugares abrigosos, como son cabanas, cortes e debaixo de uralitas. Por iso os trampeos deben concentrarse nesas zonas e, sobre todo, nos arredores das árbores e arbustos de floración temperá onde se alimentan, nomeadamente camelias e outras especies con flor vermella ou de cores vivas. As trampas máis axeitadas son as que se fabrican con botellas de plástico onde logo se bota unha mestura atraente. Hai múltiples fórmulas caseiras moi efectivas: levadura disolta en auga, cervexa con algún licor aromático, viño tinto mesturado con auga azucrada, etc.  É importante, iso si, que as trampas sexan selectivas, de maneira que cumpran a función de capturar velutinas pero tamén a de facilitar a saída doutros insectos necesarios para o ecosistema. É fundamental, ademais, renovar o atraente cada 20 ou 25 días e procurar que as trampas estean situadas nun lugar soleado e a uns 2 metros de altura. Na charla explicarase como confeccionar trampas e onde colocalas, para o que Vanesa López contará con apoio de Moisés García, bombeiro de profesión e novo concelleiro da Corporación municipal. Tamén se tratará a maneira de proceder no caso de que máis adiante se descubra un niño primario (o que constrúe a raíña con axuda dun pequeno exército de obreiras, de tamaño similar a un balón de fútbol) ou un niño secundario (o definitivo, que pode superar o metro de envergadura). Moeche adheriuse ao protocolo autonómico de contención da velutina e, neste sentido, se se bate cun niño nun lugar que supoña un perigo haberá que chamar ao 012 (ou ao 981 900 643 para evitar cargos na factura do móbil) para que os servizos autonómicos acudan retiralo ou neutralizalo. Ademais, se se van facer traballos en zonas con maleza ou montes débese facer unha inspección previa do chan e do bico das árbores. Se ben as velutinas non son unha especie moito máis agresiva que calquera outro tipo de avespa, si supoñen un grande perigo no caso de que se esnaquice un niño accidentalmente ou se vaia remexer a el sen protección adecuada. A charla na que se tratarán todas estas cuestións arredor da avespa asiática desenvolverase este sábado 19 de febreiro a partir das 12:00h na nave do Mercado de San Ramón. Non fai falla inscrición previa, aínda que desde o Concello se recorda a obriga de usar mascarilla e de non asistir se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19.