Archives

A Xunta empeza a impartir charlas informativas sobre o control da praga de vermes

A Consellería do Medio Rural ten organizada unha serie de charlas para informar sobre o aumento da poboación de vermes comúns que este ano, como consecuencia do cambio climático e as temperaturas cálidas que se mantiveron ata principios deste mes de outubro, incrementaron a súa presenza. O xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, Víctor Novo, será o encargado de impartir estas charlas xunto con membros das oficinas rurais correspondentes de cada comarca. Os concellos nos que se celebrarán mañá estas charlas son Carballo -ás 10,00 horas na Oficina Agraria– e Vimianzo -ás 12,00 horas na Casa da Cultura-. Na próxima semana, as charlas trasladaranse á Mariña lucense, nun calendario aberto ao que se poderán unir segundo o interese e a demanda de concellos e particulares. Nestas charlas, os asistentes recibirán información sobre o tipo de vermes que incrementaron a súa poboación e facilitaránselle follas divulgativas nas que se recolle a información precisa. Para combater a presenza destes vermes, poden utilizar os produtos fitosanitarios autorizados no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Ademais, lembrarán que deben priorizarse, sempre que sexa posible, métodos de control non químico (culturais, biolóxicos etc.), respectando así a Xestión Integrada de Pragas. Para máis información: https://mediorural.xunta.gal/es/temas/agricultura/sanidad-vegetal/organismos-nocivos

Urxen a Medio Rural a actuar fronte á praga de vermes que leva meses afectando a pradeiras e cultivos

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) urxe á Consellaría do Medio Rural (CMR) a actuar de xeito inmediato para proporcionar información e activar medidas para facer fronte á praga de vermes que leva meses afectando a cada vez máis comarcas de Galicia. “Cómpre que persoal técnico da Consellaría informe canto antes ás persoas afectadas para facerlles chegar as pautas máis axeitadas para lidiar con esta praga que está causar importantes danos sobre pradeiras e cultivos, así como habilitar xa medidas de apoio ás granxas afectadas”, reclaman dende a organización labrega. E é que segundo o advirten, “estamos a constatar o avance acelerado da mesma, que xa afectou gravemente a concellos de comarcas costeiras como A Mariña de Lugo, a Costa da Morte, pero xa está a causar importantes perdas noutros concellos de comarcas do interior como Cesuras, o Deza, Boimorto e distintos puntos da xeografía galega”. Asemade, dende o SLG consideran “imprescindible que dende as Oficinas Comarcais Agrarias se realice un seguimento exhaustivo para elaborar un rexistro de danos, así como que a Consellería do Medio Rural aclare de que tipo de verme ou especies de verme se trata e identifique cales foron as causas da súa aparición, co obxectivo de realizar unha abordaxe o máis completa posíbel para pór fin a esta praga”.

Así está arrasando o verme soldado as pradeiras

O Mythimna unipuncta ou verme soldado, unha praga procedente de Estados Unidos, está arrasando as pradeiras en varios puntos de Galicia, especialmente na comarca da Mariña lucense. O verme, o mesmo que xa defoliou fincas de millo este verán, principalmente nas comarcas da Mariña, Xallas e Costa da Morte, está comendo agora tanto as pradeiras permanentes como as temporais que se sementaron máis cedo e que empezan a nacer. Neste época, a comezos de outubro, coa chegada do frío debería estar hibernando na terra en forma de pupa e non causar problemas, pero as temperaturas anormalmente altas destas semanas favoreceron unha nova xeración da praga que é a que está provocando estragos. Para poder aplicar un tratamento insecticida nas pradeiras debería contarse coa autorización da Xunta, administración competente na materia, pero de momento dende a Consellería do Medio Rural non se anunciou ningunha medida ao respecto. Velaquí un vídeo dun gandeiro do concello lucense da Pontenova:

Máis información:

Claves para controlar o verme que arrasa as leiras de millo

 

Claves para controlar o verme que arrasa as leiras de millo

Leiras de millo totalmente defoliadas e nas que só queda o cañoto das plantas. Este é a paisaxe desoladora que tiveron que comtemplar este ano agricultores e gandeiros en Galicia. O causante é o Mythimna unipuncta ou verme soldado, unha eiruga procedente de Estados Unidos e que na actualidade expandiuse practicamente a todos os continentes. Até agora os seus danos eran limitados en pradarías e nalgún rodal de millo, pero a primavera seca e con temperaturas altas deste ano adiantou o seu ciclo unhas semanas de forma que a última xeración de orugas de finais de xullo e comezos de agosto coincidiu co millo aínda coas follas tenras, o que multiplicou os danos. As leiras nas que o millo se sementou máis tarde e nas que había presenza de herba -especialmente gramíneas- foron as máis afectadas. Para coñecer máis sobre esta praga, e como controlala, falamos con dous enxeñeiros agrónomos Pablo Amado e Adrián Cundíns.

De que se alimenta esta praga?

O verme soldado (Mythimna unipuncta) comeza o seu ciclo sobre pasteiros de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaría) , e posteriormente móvense aos cultivos como millo, trigo, cebada, sorgo, avea, pero tamén tomate, leituga ou pemento. Mythimna unipuncta provoca danos significativos nas plantas, deixando só a nervadura central da folla. Adoita comezar a comer da folla máis vella á máis nova, coméndose as follas máis novas até o final. Usualmente aliméntase pola noite e polo día permanece enterrada na raíz da planta.

Cal é o seu ciclo?

O verme soldado pasa o inverno como crisálida ou larva enterrada na terra, en función da temperatura de cada zona. O voo de adulto iníciase en maio, coa xeración procedente da invernación, e finaliza en outubro. Estes aliméntanse de pole e néctar das flores. Tras a reprodución a femia realiza a posta no envés das follas, ou na zona de inserción da folla co talo, en grupos de até 100 ovos que cobre con escamas do seu propio abdome. Cada femia pode pór entre 500-1500 ovos no seu ciclo. A duración media da vida dos adultos é de entre 9 e 10 días para femias e machos. As larvas localízanse polo día na base das plantas e pola noite aliméntanse das follas, completando o seu ciclo en 25-30 días, tras pasar por 5-6 estadios larvarios. Finalmente pasa a forma de crisálida, normalmente no chan no interior dunha capsula terrosa. As xeracións -normalmente 3- teñen unha media de vida de entre 30 e 50 días, en función da temperatura, e sucédense até o mes de setembro cando, coas temperaturas frías, volve invernar, completándose así o ciclo de vida desta especie.

Como se combate?

Como paso previo recoméndase a instalación de trampas de feromonas nos bordes das leiras de millo para determinar o momento óptimo de tratamento. Está sintetizada e comercialízase a feromona para Mythimna unipuncta . As trampas serven para capturar adultos e son indispensables para determinar o momento exacto no que iniciar os tratamentos. En cultivos cabe vixiar desde mediados de xuño a finais de agosto, onde os maiores danos veñen dados pola descendencia do segundo voo, é dicir pola terceira xeración de eirugas, a máis numerosa. -Inimigos naturais do verme soldado: Os escaravellos son os seus inimigos naturais (carábidos), por tanto todo o que sexa promover este tipo de fauna a través da colocación de caixas de insectos ou outras medidas será beneficioso para controlar o verme soldado. -Control biolóxico: Bacillus thuringiensis (aizawai e kurstaki) dá bo resultado cando as eirugas son pequenas, pero a frecuencia de tratamentos é maior que no resto, repetíndose a aplicación cada semana aproximadamente. É un insecticida autorizado en agricultura ecolóxica e pódese aplicar en calquera cultivo. -Control químico: A loita química, que se deberá realizar a última hora da tarde, só é interesante en función da importancia dos danos e por cuestións de rendibilidade. É imprescindible levar a cabo os tratamentos coas eirugas nos seus primeiros estadios, cando son máis sensibles, e tratar de facelo principalmente con produtos naturais para non eliminar a fauna auxiliar. Cando o millo xa está alto é difícil o tratamento, limitándose ás zonas de bordos das leiras. En caso de utilizarse canón este soamente fará chegar o produto ás partes altas da planta, o que limita tamén a súa eficacia. -Medidas culturais: Esta é unha de mais medidas preventivas máis eficaces e fáciles de aplicar. É necesario manter os bordos da leira de millo e a propia plantación o máis limpa posible de herbas, especialmente de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaría), xa que son importantes reservorios da praga. Outra medida cultural é remover a terra nos meses de xaneiro ou febreiro -por exemplo para sementar un ano verde como guisantes ou plantar cereal- xa que desta forma exponse ao frío e morren as crisálidas que están ivernando.

Merece a pena tratar agora con insecticidas?

“Estamos ao final do ciclo desta praga polo que os danos nestes días van ir moi a menos. Por tanto, non sería rendible realizar un tratamento con produtos químicos no millo”, asegura Pablo Amado.

Ensilar ou non as leiras defoliadas?

Cada leira de millo é un caso particular, pero se o millo aínda non está cumprido non sería recomendable adiantar o seu ensilado, pois os danos a partir de agora deberían reducirse notablemente. Onde tamén vai haber un dano elevado vai ser na calidade do silo de millo, xa que nas leiras co millo máis afectado, esta forraxe soamente achegará fibra, moi pouca proteína e case nada de almidón. En caso de decidir ensilalas, recoméndase mesturar ben esta forraxe co doutras leiras aptas.