Archives

Os pequenos produtores de horta e froita que fan venda directa poderán cobrar por primeira vez axudas da PAC

As persoas que fan venda directa de produtos do campo en Galicia poderán cobrar por primeira vez axudas da PAC, en concreto unha axuda de ata 1500 euros en concepto de axuda agroambiental de economía circular. Así o anunciou hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), impulsor desta demanda ante a Consellería do Medio Rural.  A organización agraria lembra que “unha das discriminacións máis graves da PAC en Galicia é o feito de que persoas que están dadas de alta na Seguridade Social Agraria e viven en exclusiva da actividade agraria, poden estar certificadas como ecolóxico e, sen embargo, cobrar cero euros da PAC, debido a cuestións como non ter historicamente dereitos de pago ou por contar con ´pouca´ superficie en comparación con outros territorios estatais ou europeos”. Para corrixir esta situación, durante o periodo de reforma da PAC dende o SLG insistiron ao Ministerio de Agricultura e á Consellaría do Medio Rural en que, “atendendo á normativa europea, é posible incluír a estas persoas no primeiro piar da PAC”. E puxeron como exemplo o Plan Estratéxico da PAC francés que permite pagos a tanto alzado (ás persoas e non ás hectáreas), dentro das axuda sdo segundo piar da PAC. Froito deste traballo, este ano na Galiza a Consellería por primeira vez admitiu esta posibilidade e presentou unha agroambiental para as persoas que fan venda directa. “Se ben limitou a contía a 1.500€, en lugar do mínimo de 3.600€ solicitados polo SLG, esta axuda abre un camiño importante para as pequenas e medianas explotacións, en moitas ocasións ninguneadas á hora de ser tidas en conta para as axudas públicas, que para ser mellorada en vindeiras convocatorias debe contar na presente cun número significativo de solicitudes”, destacan. Neste sentido, dende o Sindicato Labrego animan ás persoas labregas a que soliciten esta axuda agroambiental. “É moi importante que as persoas que cumpran os requisitos a soliciten. En primeiro lugar, porque lles corresponde, e, en segundo termo, porque se hai un número importante de solicitudes presentadas podemos entre todas mellorar próximas convocatorias da mesma, en requisitos e en contía, posto que os 1.500 euros habilitados pola Consellaría son claramente insuficientes”, destacan. Folleto informativo para solicitar a axuda:

Flexibilízanse os requisitos para a venda de produtos ecolóxicos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen normas en relación coa comercialización dos produtos ecolóxicos no mercado retallista e, especificamente, fíxanse determinadas exencións en relación cos requisitos que, con carácter xeral, deben cumprir as persoas operadoras que realizan esta actividade. Así, todos os operadores que comercialicen produtos ecolóxicos envasados directamente ás persoas consumidoras finais quedan exentos da obriga de notificación da súa actividade ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e de estar en posesión do certificado esixible aos operadores ecolóxicos, sempre que a súa actividade sexa de venda ao consumidor final e non realicen outras operacións co produto. Canto aos operadores comercializadores que vendan directamente produtos ecolóxicos non envasados que non sexan pensos (os comunmente denominados graneis), quedan eximidos da obriga de estar en posesión do certificado sempre que a súa actividade sexa de comercialización. Ademais, deben cumprir requisitos como non superar os 5.000 kg ao ano de vendas ou non ter un volume de negocios anual de produtos ecolóxicos sen envasar superior aos 20.000 euros. A orde publicada no DOG recolle que todos os comercializadores, agás os que se atopan nas situacións de exención mencionadas, deberán notificar a súa actividade ao Craega e estar en posesión do certificado esixible aos operadores ecolóxicos, ademais de someterse ao control e certificación do dito Consello Regulador.

Granxa Ameixeira, paso de intensivo a ecolóxico e proxecto para comercialización directa do leite

Malia aos avances producidos no réxime de cotitularidade, as explotacións galegas nas que está á fronte unha muller son aínda minoría. A de Eva Rodríguez é unha delas. Ubicada na parroquia de Dordaño, en Cesuras (hoxe Oza-Cesuras trala fusión municipal), Granxa Ameixeira mudou nos últimos anos a súa filosofía cara a un proxecto máis sustentable vinculado á terra e que agora queren facer chegar ao consumidor. A gandería sufriu desde o ano 2015 unha transformación desde o modelo intensivo ao extensivo, reducindo o número de animais e incrementando a superficie de pasto, e buscando na certificación ecolóxica unha diferenciación para o seu leite no mercado.
Eva fixo Relacións Laborais pero cando acabou de estudar decidiu dar continuidade á gandería do seu pai
Até o momento venden a súa produción á industria, pero a intención é envasar e comercializar directamente unha parte do seu leite para chegar con el á cidade da Coruña e o seu entorno metropolitano. Sería o xeito de culminar a transformación emprendida e de valorizar o seu produto, que vén de ser recoñecido cun dos premios Exceleite pola súa calidade hixiénico-sanitaria.   De intensivo a extensivo “Eu incorporeime á actividade agraria no ano 2000 prexubilando ao meu pai e despois de pasar por unha fase pro-intensivo no ano 2013 empecei a cuestionarme ese modelo, ata que no 2015 solicitei a certificación do Craega para dar o paso a ecolóxico”, conta Eva, que explica o proceso que levou de redución do número de cabezas. 
No ano 2000, cando Eva colleu o relevo do seu pai, muxía 25 vacas. No 2008 xuntouse cuns veciños e pasaron a 85 animais en produción. Agora pretende estabilizarse en 40
“As instalacións, tanto a nave como a sala de muxido, que ten 12 puntos, están sobredimensionadas, porque eu veño dunha SC con outros tres veciños na que chegamos a muxir aquí 85 vacas. Pero cando eu me quedei coa granxa, decidín cambiar a maneira de producir. É a terceira vez que cambio de tanque, pero para baixo, por un de menos litros, ao contrario do que fan todas as explotacións”, explica. As macrogranxas e a PAC "Estou indignada con toda esta polémica que se montou polas declaracións de Garzón, pero non polo que dixo Garzón, porque eu estou de acordo. E en Francia e noutros países europeos están opinando o mesmo. Pero eu penso que está habendo un problema de conceptos, xa que non están quedando claros. Por exemplo, habería que definir ben o que é unha macrogranxa, de que tamaño falamos, porque en Galicia non hai ningunha. Desde ese punto de vista non sei por que nos pareceu mal o que dixo porque en Galicia hai granxas intensivas pero non se poden chamar macrogranxas, xa que detrás delas normalmente están familias e non empresarios alleos ao sector que saben moi pouco ou nada da nosa actividade", asegura. Eva o que critica é a falta de coherencia entre as declaracións e as actuacións do Goberno. "Ademais de falar Garzón debería tamén facer, porque como ministro de Consumo podería facer moito se quixese, xa para empezar diferenciando o produto no mercado, o producido en intensivo do producido doutro xeito. Falta moita información ao consumidor e moitas veces temos que ser os produtores os que nos vemos obrigados a facer esa labor", di.
É a terceira vez que cambio de tanque, pero non para mercar un máis grande, que é o que fai todo o mundo, senón para reducir o tamaño
Outro tanto ocorre, di, coa percepción da agricultura e a gandería como un sector subvencionado por parte da sociedade. "Equivocámonos na maneira de explicar a PAC. A denominación da PAC como axudas ou subvencións é errada, porque realmente é unha compensación polo traballo que estamos facendo de coidado do medio ambiente, do rural e do sector primario, e somos nós os primeiros que lle chamamos mal. Europa realmente danos eses cartos porque lle estamos facendo un traballo que doutro xeito lle custaría moito máis diñeiro. Entre outras coudas, sen a nosa actividade apagar os lumes custaría moitísimo máis, así que realmente estámoslle aforrando cartos a Europa", argumenta. O paso a ecolóxico Granxa Ameixeira fixo no ano 2017 a conversión a ecolóxico logo do período de 2 anos de transición. Parte da culpa da transformación da explotación tívoa o nacemento de Xiana, a filla de Eva, que agora ten 7 anos. “Foi o detonante para dicir: hai que darlle un cambio a isto, porque o planeta que quero deixarlle é outro distinto”, lembra. Con ese convencemento, Eva e o seu home, Germán, comezaron o proceso de cambio. “Había moito mito de que a nivel burocrático era un lío pasarse a ecolóxico e que había que cumprir moitos requisitos, pero non foi para tanto, para nós foi doado, tan só tiveramos que empezar a estrar con palla unha zona na que teño as becerras, na que hai parrillas. Non foi problema ningún, ao contrario, agora están moito mellor alí as xatas do que estaban antes, porque non saquei as parrillas, así que o líquido marcha por elas para o pozo e están sempre moi enxoitas e ao mesmo tempo fago esterco para abonar as fincas”, explica. "E o cambio a pastoreo foi moi sinxelo, despois de facer os oportunos peches nas parcelas, porque os propios animais saían encantados e felices", engade.
Germán, o home de Eva, faleceu no 2016 como consecuencia dun golpe dunha xata
Germán, o home de Eva, traballaba na Casa Grande de Xanceda, polo que xa tiña experiencia no manexo do gando en ecolóxico. O seu soño era montar unha granxa ecolóxica familiar, pero parte desas expectativas víronse truncadas en febreiro de 2016 cando Germán faleceu logo de recibir un golpe dunha xata un día que estaba axudando a Eva na explotación. Aquel golpe foi un verdadeiro pau. Mais Eva decidiu continuar co proxecto sen o apoio e a axuda de Germán pero coa determinación de seguir co camiño emprendido, coma unha homenaxe cara el e tamén por facelo unha realidade para a súa filla.  Cruzamentos en busca de máis graxa e proteína Inseminan con parda alpina, roja sueca, jersei, montbeliard e fleckvieh Partindo dunha cabana 100% frisona Eva comezou a facer cruzamentos buscando por un lado animais máis rústicos capaces de aproveitar mellor o pasto e, ao mesmo tempo, mellorar as porcentaxes de graxa e proteína do leite. “Estou experimentando, teño feito cruces con parda alpina, con jersei, con rojo sueco, con fleckvieh e ultimamente con montbeliard. Polo de agora estou facendo só F1, logo non volvo cruzar”, indica. “O cambio de modelo produtivo, tanto no relativo a alimentación como a manexo diario e tamén na estratexia de inseminación, noteino moito a nivel sanitario. Os veterinarios veñen a inseminar e pouco máis, problemas clínicos case non temos”, asegura.
Están por baixo das 150.000 células e 10.000 bacterias nas análises do Ligal
Esa mellora do estado do rabaño tivo tamén o seu reflexo na calidade hixiénico-sanitaria do leite. Granxa Ameixeira vén de ser recoñecida cun dos premios Exceleite, un galardón que distingue a aquelas explotacións galegas que destacan polos baixos niveis de células somáticas e bacterias do seu leite nas medias dos análises que realiza o Ligal. “Fun finalista nos dous anos anteriores e neste recibimos o premio de prata. En bacterioloxía estamos sempre por baixo dos 10.000 xermes e en células non chegamos ás 150.000”, explica Eva. “Eu achaco estes bos resultados á regularidade, é dicir, a non facer cambios no manexo nin na alimentación. As vacas están cómodas, tanto no pasto como aquí na nave, porque non están apretadas e están ben alimentadas. Logo á hora de muxir non facemos nada especial ou distinto, só usamos un selador que é puro iodo e procuramos que a sala estea ben, con todos os mantementos e coidados necesarios”, indica. Alimentación a base de herba A maiores do pasto, suplementan con herba fresca no pesebre A alimentación das vacas está baseada na herba fresca, tanto a que pacen elas mesmas na pradeira como a que lles traen das fincas máis alonxadas para suplementar no pesebre. No inverno empregan tamén silo de herba pero a idea que teñen é ir reducíndoo tamén no posible. “Traballamos moito máis a herba seca que o silo de herba, niso si que facemos moito fincapé, en lograr unha herba seca de moi boa calidade, para combinala coa herba en verde", conta. “O meu obxectivo é tratar de prescindir o máximo posible de insumos externos. O que lles estou dando de penso non chega aos 200 gramos por vaca e día e a idea aínda é baixar máis”, detalla. Empregan penso ecolóxico Ecofeed, que lles sirve Campoastur.
De maio a setembro as vacas en produción están día e noite fóra e as fincas máis alonxadas que pacen están a 1,2 km do establo
Na primavera e o verán as vacas en produción están día e noite fóra, xa que á tardiña, unha vez muxidas, volven para o prado. No inverno, dormen habitualmente no establo, máis por non machacar tanto as pradeiras que polo feito en si de que durman fóra. “Máis que a climatoloxía, condicióname sobre todo o feito de non estropear as pradeiras porque iso supón retrasar a produción de herba da primavera”, asegura Eva. Coñecer os gastos, esencial para unha boa xestión económica Zona de recría da gandería, que lles está a permitir medrar sen ter que mercar animais Eva está asesorada por Xan Pouliquén e pon o énfase na importancia de entender a actividade gandeira hoxe en día como calquera outra actividade económica, tendo información detallada sobre os custos como único xeito de levar un control efectivo da granxa. “Eu a cada nutrólogo que viña sempre lles dicía: a min tédesme que dicir cal é a relación exacta entre o penso que lles dou ás vacas e o beneficio que obteño”, di. O mesmo para a adquisición de maquinaria: “Hai que botar ben os cálculos da amortización da maquinaria e moitos gandeiros deberían preguntarse se realmente necesitan un tractor de 150 cabalos para a súa explotación ou se o que realmente precisan é un tractor máis pequeno e versátil que ademais non compacta tanto as terras porque pesa menos”, argumenta.
Traballamos moitísimo en saber para onde se vai cada céntimo que cobramos polo leite
Baixo esa mesma óptica de xestión empresarial pretende acadar o tamaño xusto para aproveitar mellor os recursos dispoñibles e maximizar os ingresos sen necesidade de máis man de obra ou outros gastos. “Teño bastante recría, unhas 20 becerras neste momento, que me sobran para repoñer baixas porque agora preciso moitísimas menos que cando estaba en intensivo, e vanme permitir medrar un pouquiño, pero sempre en base á superficie que teña”, insiste. O obxectivo que Eva persegue co aumento da cabana é lograr un pequeno incremento de ingresos para que tanto o seu salario como o de Antonio, un veciño que ten contratado, se poidan ver mellorados. “Queremos estabilizarnos nunhas 40 vacas en muxido todo o ano, o que significaría ter unhas 50 reprodutoras máis ou menos”, detalla.    Baixada de 2 céntimos e medio no prezo do leite Sala de muxido, de 12 puntos, ampliada no 2008, cando a explotación producía en intensivo Granxa Ameixeira entrega o leite a Lactalis, a quen llo vendía xa antes de pasarse a ecolóxico no 2017. Está a cobrar o leite a 46 céntimos, logo de que no último contrato (renovou no mes de agosto) lle baixaran 2,5 céntimos, algo que Eva considera un sensentido, dado que a demanda de leite ecolóxico aumentou a raíz da pandemia.
O meu pai vendía a Pascual e logo pasaramos a Río antes de comezar con Lactalis
A produción media é duns 400 litros diarios e acabou o ano 2021 cun volume total de 185.000 litros producidos. Ao longo do ano móvese nunhas porcentaxes de graxa que oscilan entre o 3,85 e o 3,90 e con niveis do 3,10% de proteína. “Non estou cunhas calidades moi altas, é un deber pendente”, recoñece. “Estame costando un pouco instaurar ben o raigrás nas fincas nas que están pacendo as vacas e lograr unha boa combinación de variedades nas pradeiras. Teño que mellorar iso para poder subir as calidades. Tamén o podería facer co penso, pero non é o que quero”, explica. Venda directa sen intermediarios Entrada á granxa, onde un letreiro deixa claro o carácter loitador e optimista de Eva O proxecto que agora Eva quere emprender, o seu novo soño, é o de comercializar o seu propio leite ecolóxico pasteurizado. Foi seleccionada pola Fundación Juana de Vega para participar no seu programa de Emprendemento Rural, o que lle está a axudar no proceso de deseño e posta en marcha do plan de empresa. “Estou aínda moi en pañais, aínda que era unha idea que tiña xa desde fai anos, de feito xa me presentara no ano 2015 pero naquela ocasión non pasara da primeira fase. Logo a idea quedou un pouco en stand by por todo o que aconteceu e porque sempre o vas deixando por centrarte en atender a granxa, ademais de pola cuestión económica e de man de obra que require”, recoñece.
A única maneira de que se valore en condicións o noso produto é levándoo ás casas e explicando a calidade que realmente ten
Pretende repartir nun radio de 25 quilómetros desde a granxa, o que lle permitiría chegar á cidade da Coruña e á súa área metropolitana, que coincide tamén coa zona da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo e Mariñas Coruñesas, onde Granxa Ameixeiras xa consta como marca de calidade. “A comercialización é algo que realmente quero facer eu para non depender de outros, igual que no tema dos pensos, tratando de ser o máis autosuficiente posible en todo, tanto na alimentación do gando como na venda do leite, porque estou vendo que a única maneira para que se valore en condicións o noso produto é vendéndoo nós directamente, eliminando intermediarios, levándoo ás casas e explicando o valor que realmente ten”, asegura.  

“As axudas deberían dirixirse cara a base territorial das explotacións e non cara a maquinaria e as naves”

Veñen de mercar un autocargador a través dun Plan de Mellora para traer herba das fincas alonxadas Granxa Ameixeira está centrando os seus esforzos nos últimos anos en aumentar a súa base territorial facéndose con fincas a carón da explotación nas que poder pastorear co gando. “É un proceso que se leva a cabo pouco a pouco, porque como son parcelas de monte poñelas a producir non é algo inmediato”, explica. "Non está habendo axudas para a compra de base territorial, cando penso que tería que ser o primordial. É un absurdo que se subvencione a compra de maquinaria ou facer naves e non a compra de terras, porque estase subvencionando un sobredimensionamento das explotacións sen vinculación de ningún tipo á superficie agraria dispoñible, facendo, polo tanto, cada vez máis dependentes ás ganderías da compra de insumos externos. Iso está afogando cada vez máis ás explotacións", razoa.
Por que non se subvenciona a adquisición de terras en vez das naves e a maquinaria? A propia Administración coas súas políticas está fomentando as granxas intensivas e forzando un sobredimensionamento das explotacións cara a un modelo moi industrial
"Eu solicitei un Plan de Mellora para mercar un autocargador para traer herba en verde das fincas de máis lonxe, ás que non levo as vacas a pacer, e se quixese mercar fincas só me dan o 10% do total que gaste en maquinaria. É dicir, se metes 20.000 euros no autocargador só che dan 2.000 euros para mercar fincas, que non é nada. Así que podes atoparte con que che financian a compra do autocargador sen ter fincas ás que ir buscar a herba, realmente é un despropósito. Éncheselles a boca de falar de gandería extensiva pero realmente non hai axudas para facerse con base territorial", asegura.  Cambiar eucaliptos por pradeiras Nos últimos 4 anos mercaron 12 hectáreas de monte que rodeaban o establo, que roturaron para facer pastos Traballan neste momento unhas 45 hectáreas, das que 25 son en propiedade. “Desde o 2018 empecei a mercar superficie practicamente sen axudas e iso obrigoume a empeñarme para poder facerme con base territorial. Logrei facerme con 12 hectáreas a base dun gran desembolso e de pedir préstamos. Era terreo forestal que rodeaba a granxa, os eucaliptos chegaban case á porta. Isto estaba tan abandonado todo que eu tiña medo a que chegara o lume ata aquí se prendía no monte", conta.   "Eu non son pro-eucaliptos, pero entendo que hai sitio para todos. Son consciente de que a cada propietario lle tes que ofrecer unha saída e entendo que as plantacións de eucaliptos deixan cartos e son unha fonte de ingresos importante para moita xente, pero cada cousa debe estar no seu lugar e o problema máis grande que temos é a falta de ordenación territorial", opina.
A base de compras e permutas Eva logrou facerse con 12 hectáreas de superficie
A experiencia de Eva exemplifica as dificultades de moitas ganderías para facerse con terras e incrementar a súa base territorial. “Isto era do lugar de Emilia Pardo Bazán e despois quedara para a filla, Blanca Quiroga. Pero logo de sucesivos repartos, no tramo que estaba pegado á granxa, que podían ser 5 hectáreas, había 8 ou 9 fincas de varios donos distintos, o que fai moi complicado o proceso, porque aínda que un che venda no medio se os outros non o fan non resolves nada. Foi un proceso laborioso a base de cambios e permutas, porque eu sabía que aínda perdendo, gañaba”, di.  
A Xunta se de verdade quixese frear o avance do eucalipto tería que primar a adquisición de base territorial por parte das ganderías
E móstrase escéptica coa efectividade das modificacións normativas levadas a cabo pola Administración autonómica. "A Xunta sacou agora o da moratoria do eucalipto, pero se de verdade quixese frear a eucaliptización tería que primar a adquisición de base territorial por parte das ganderías, que é a mellor maneira de frear o avance do eucalipto. Eu fun a unha charla do conselleiro en Curtis sobre a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria e o que plantexan é que os gandeiros lles cambiemos aos propietarios de monte unha hectárea nosa por unha hectárea deles e a maiores a Xunta compensa despois aos propietarios forestais con media hectárea máis. É dicir, a propia Consellería está dando máis valor ao monte que ás terras, cando debería ser ao revés", conclúe.

“Case todas as miñas fincas quedan dentro da poligonal do parque eólico do monte Legre”

Eva Rodríguez é unha muller vital e loitadora, que foi quen de facer fronte ás dificultades que se lle presentaron e que se implica en todas aquelas causas que considera xustas. Desde o pasado mes de xuño forma parte da dirección do Leite do SLG e participa activamente na plataforma A-Legre, a asociación veciñal creada contra o parque eólico do monte Legre, que xunto a outros dous proxectados na comarca terían unha notable afectación sobre as ganderías da zona de Curtis, Mesía, Ordes e Cesuras, unha importante zona de produción agrogandeira de Galicia. Green Capital Power proxecta un parque eólico con 5 muíños no monte Legre, dentro do macroconxunto Ordes-Mesía-Curtis-Cesuras. “A estratexia das empresas é dividir estes megaparques en pequenos proxectos para facilitar as autorizacións pero toda a zona quedaría afectada. Os outros dous parques do conxunto serían o Gasalla, que prexudica moitísimo a Casa Grande de Xanceda, e o Solpor, que afecta á zona de Vilamaior. Todos eles instalaríanse nunha zona moi aproveitada desde o punto de vista agrícola e gandeiro”, argumenta Eva.
A estratexia das empresas é dividir estes megaparques en pequenos proxectos para facilitar as autorizacións pero toda a zona quedaría afectada
A Xunta flexibilizou as condicións para a instalación de parques eólicos en solos agrogandeiros, de maneira que calquera solo rústico sen protección ambiental é susceptible de acoller muíños de vento. “O proxecto de instalación de muíños máis próximo coincide a pouco máis dun quilómetro de aquí, xusto por enriba das parcelas máis alonxadas da granxa ás que levo as vacas a pacer, e o resto das nosas fincas, a grande maioría, quedaría dentro da poligonal do parque. Para un parque con 5 muíños delimitan unha poligonal de 400 hectáreas. Está claro que están preparando os terreos para despois ampliar sen ter que solicitar permisos, porque o perímetro xa quedaría delimitado agora para usos enerxéticos. Así que o seguinte paso é que poden chantar os muíños nas fincas tranquilamente”, teme Eva. As vacas de Granxa Ameixeira pacendo en Dordaño. Ao fondo, o monte Legre, onde irían os aeroxeradores Ademais dos desmontes e movementos de terra necesarios para facer os accesos e instalar os muíños, estarían os ruídos que xeran os parques e dos inconvintes provocados polas liñas de evacuación. “En Cesuras, como somos zona de paso para a subestación de Mesón do Vento, en menos dun quilómetro están proxectados 4 tendidos de evacuación procedentes de lugares como Monfero ou Xermade, o que vai converter isto nunha tea de araña de liñas de alta tensión e eu son moi consciente de que esa condutividade eléctrica vainos afectar tanto ás persoas como aos animais, pero seguramente máis aínda ás vacas, que son máis sensibles ca nós, por iso notan máis o pastor eléctrico”, razoa Eva.
As vacas son moi sensibles á condutividade eléctrica que van provocar as liñas de evacuación; iso é contraditorio co benestar animal do que tanto se fala agora
O funcionamento dos aeroxeradores provocaría tamén afecións sobre o gando que está en pastoreo. “En relación ao ruído, os estudos de impacto ambiental só teñen en conta o ruído do motor, pero non o das aspas co vento, que non o calculan porque non se pode saber ata que están funcionando. E mesmo a nivel lumínico esa sombra constante pasando é incómoda para as vacas, e tanto que se está a falar do benestar animal agora, pois parece que non se ten en conta en proxectos coma estes”, argumenta. Pero confía que as Administracións, no seu deber de protexer e defender aos administrados, escoiten o rexeitamento existente por parte dos veciños que non queren ver sacrificadas as súas vidas polo beneficio das todopoderosas empresas enerxéticas e sen que estes proxectos eólicos revirtan en nada nas aldeas afectadas. "Se todos estes proxectos eólicos van para diante teremos que marchar do rural, e todos sabemos que se o rural non produce as cidades non comen. É un problema que nos incumbe a todos", conclúe.

A Fusquenlla, o Centro de Transformación Agroalimentaria dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño

O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla atópase no recinto da Feira de Moeche. Foto: César Galdo O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla preséntase en sociedade. Tras meses de obras e despois de facer investimentos en equipalo, o Centro Colaborativo de Apoio ao Medio Rural que comparten os concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño xa está listo. As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche contan con salas para a recepción de produtos, un amplo espazo para a elaboración de conservas e zumes e dous andares dedicados á extracción, decantado e envasado de mel, ademais de almacéns, unha grande cámara frigorífica e outras dependencias auxiliares.
As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche están integradas na rede provincial de espazos de traballo colaborativo e pretenden converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria
O centro, integrado na rede provincial de espazos de traballo colaborativo, quere converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria, facilitándolles tanto ás pequenas explotacións como a particulares un lugar axeitado e con todas as garantías sanitarias onde procesaren os seus excedentes para a venda ou autoconsumo. Transformación de froitas, vexetais e mel O centro dispón no seu andar baixo de dúas zonas de recepción de materia prima con accesos independentes, unha para froita e vexetais e outra para mel. A primeira delas conta con báscula de pesaxe, cámara de almacenamento e un espazo onde mesmo se pode facer unha primeira clasificación e limpeza antes de iniciar o proceso de transformación ou envasado. Ao conxunto de estancias engádense vestiarios, aseos, recunchos de almacenaxe de material de limpeza e outros equipamentos, así como unha pequena oficina para a levanza dos rexistros obrigatorios. Un dos principais lugares de A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes. Nela instaláronse unha cociña industrial, un forno combi de alta capacidade para cocción, asado e pasteurización, a mesa de traballo con refrixerador e outros materiais necesarios, como son mesas e carros auxiliares, a batedora, a tamizadora, as básculas de precisión, a máquina lavalouzas e unha completa batería de potas, cazos, coitelos, garfos e outros utensilios.
Un dos principais lugares d'A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes, así como a sala de extracción de mel
Noutra banda desta mesma sala sitúanse a trituradora de froita e a prensa hidráulica para o apretado e filtrado de zumes, aos que logo se lles poderá dar un tratamento térmico para alongar o tempo de conservación mantendo todas as súas propiedades. O recinto complétase con dous almacéns para o produto xa elaborado. Un está ao carón da cociña, mentres que o outro se encontra na zona de extracción e envasado de mel. Esta área de A Fusquenlla, que tamén ten entrada propia de materia prima, distribúese en dous andares unidos por unha escaleira interior. No superior van colocadas a desoperculadora automática e máis o extractor por centrifugado, con capacidade para 18 cadros de cada vez. Dúas tubaxes comunican esta sala coa do baixo, onde o mel cae por gravedade directamente aos tanques de decantación e desde alí pasa a unha moderna máquina de envasado que axiliza o traballo sen que se haxa perdas dun produto tan saboroso e prezado. Plan de difusión e dinamización do centro Instalacións de elaboración de zumes e conservas vexetais. Foto: César Galdo O percorrido polas instalacións pode facerse desde hai uns días visitando a web www.afusquenlla.gal, posta en marcha dentro dun programa de difusión financiado pola Consellaría do Medio Rural que tamén prevé a publicación doutro material informativo e un ciclo de charlas demostrativas durante os venres das próximas semanas. Delas encargarase o cociñeiro Antonio Díaz, promotor de varias iniciativas hostaleiras relacionadas coa posta en valor do produto de proximidade da zona.
Para participar no ciclo de visitas e presentacións fai falla inscrición previa
O chef, que rexentou durante 15 anos o restaurante Andarubel, no acceso ás Fragas do Eume, falará sobre o potencial culinario do produto local conservado preparando ao vivo distintos pratos, ademais de incidir no alto valor engadido que teñen este tipo de elaboracións sempre e cando se use materia prima da máxima calidade e se lle dea un toque innovador tanto aos procesos como á presentación do produto final. As datas fixadas para as charlas, logo da celebrada xa en San Sadurniño o pasado 22 de outubro, son as seguintes: - Valdoviño: venres 29 de outubro na Casa da Cultura ás 18:00 horas. - Moeche: venres 12 de novembro na Nave do Mercado ás 18:00 horas (con visita guiada ás instalacións). - Cerdido: venres 19 de novembro na Casa da Cultura ás 18:00 horas. O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla poderá visitarse os días 11 e 23 en que hai de feira en Moeche anotándose no posto informativo que estará instalado na Nave do Mercado. Haberá dous percorridos, un ás 11:00 e outro ás 12:00 horas, guiados por Xosé María García, quen se está ocupando de coordinar o plan de difusión. Espazo formativo e para a colaboración Zona de envasado de mel, unha das producións más destacadas na zona. Foto: César Galdo Para participar neste ciclo fai falla inscrición previa, a través deste formulario en liña, xa que só se ofrecen 25 prazas para cada unha das charlas (inscricións ata dous días antes). Ademais, dentro da campaña de difusión do proxecto programouse unha visita ao Centro de Transformación e traballo colaborativo de Brión o 5 de novembro e tamén haberá un posto informativo nas feiras do 11 e o 23 de Moeche. Alén de dar a coñecer os obxectivos de A Fusquenlla, o plan de difusión tamén pretende propiciar o encontro entre persoas da zona interesadas en utilizar as instalacións cando entren en funcionamento, despois de recibiren a formación oportuna para o manexo do equipamento.
Preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores
A Fusquenlla quere ser tamén un espazo para a formación. Con apoio técnico da Consellaría do Medio Rural e doutras entidades especializadas preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores, compartindo ideas, técnicas e proxectos que melloren o posicionamento no mercado das súas elaboracións. Neste sentido, o centro forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo promovida pola Deputación da Coruña co ánimo de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas que potencien o aproveitamento dos recursos e a creación de emprego sostible. Un proxecto en territorio xeoparque A Fusquenlla é un proxecto dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño con axuda do Programa Leader Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural. En paralelo á campaña de difusión, os catro concellos promotores traballan xa na definición do plan de usos das instalacións, para o que agardan recoller distintas propostas aproveitando o ciclo de charlas. A produción de A Fusquenlla tamén levaría a marca do Xeoparque do Cabo Ortegal (de momento aínda proxecto), que lle conferiría aos elaborados unha identidade de seu vencellada ao territorio. O distintivo axudaría a abrir novos mercados ou posicionar mellor os produtos, ademais de estar contribuíndo á estratexia de desenvolvemento que promoven estas figuras da UNESCO.

"O valor engadido dos produtos da terra está na súa elaboración e transformación"

O cociñeiro Antonio Díaz durante a presentación de A Fusquenlla en San Sadurniño. Foto: César Galdo O proxecto de A Fusquenlla, que conta desde hai uns días con web propia, inicia agora o momento de darse a coñecer entre as súas futuras e futuros usuarios. Por iso, os catro concellos promotores (Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño) acollerán cadanseu ciclo de charlas ofrecidas polo cociñeiro Antonio Díaz que inclúen demostracións sobre distintos elaborados que se poderían facer nas instalacións. A finalidade das sesións, que requiren inscrición previa, é falar de A Fusquenlla, pero tamén chamar a atención sobre o alto valor engadido que teñen os produtos da terra transformados e, sobre todo, facilitar que as persoas interesadas se sumen ao proxecto. A primeira xornada de presentación do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla desenvolveuse a pasada semana en San Sadurniño. O cociñeiro Antonio Díaz explicou que o principal valor engadido dos produtos da terra está, precisamente, na súa elaboración. Sirva como exemplo que unha castaña desecada ou en almibre pode multiplicar varias veces o prezo dunha castaña recén apañada, sen que o seu proceso de transformación sexa necesariamente custoso.
Unha castaña desecada ou en almibre pode multiplicar varias veces o prezo dunha castaña recén apañada, sen que o seu proceso de transformación sexa necesariamente custoso
Díaz tamén mostrou algúns exemplos de hortalizas, froitos e cogomelos conservados ou transformados para alongar no tempo as súas propiedades. A preservación amplía a todo o ano as posibilidades de comercialización de produtos que, doutro modo, só terían saída en fresco e con prezos moi inferiores, debido á saturación do mercado que se dá coincidindo coas épocas de maduración ou maior produción. Durante a charla de Antonio Díaz, quen leva anos apostando polos alimentos de proximidade, déronse a probar petiscos saborosos feitos con materia prima da zona e da máxima calidade. O cociñeiro sinalou que A Fusquenlla ofrece unha grande oportunidade que se debe aproveitar enchendo as súas instalacións de actividade e de propostas innovadoras. Colaboración intermunicipal Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño, onde se xestou o proxecto Neste primeiro encontro, ao que asistiron 25 persoas,  tamén interviu o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, para contar a historia dun proxecto que comezou a xestarse hai uns seis anos en San Sadurniño e que puido concretarse en instalacións do Concello de Moeche, coa implicación tanto do municipio veciño como dos de Cerdido e Valdoviño.
No equipamento do centro investíronse 250.000 euros
Entre obras e equipamento, que aínda se agarda ampliar no futuro, investíronse arredor de 250.000 euros, achegados polo programa europeo Leader a través do GDR Seitura 22, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Un momento do acto en San Sadurniño, onde de deron a probar distintas elaboracións. Foto: César Galdo   Varela incidiu no mesmo que dixo Antonio Díaz, na liña de que cómpre poñer a funcionar un centro que puido levarse a cabo gracias á iniciativa pública porque, segundo asegurou o concelleiro, "sería moi difícil" que algunha explotación da zona puidese asumir o investimento necesario para poñer en marcha unhas instalacións deste tipo.
Este centro de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria
Manolo Varela aclarou que, unha vez definido o plan de usos e o modelo de xestión, A Fusquenlla estará aberta á transformación das producións ou excedentes das pequenas explotacións da zona e incluso ás que queiran traballar alí, e ás persoas particulares, xa sexa para venda ou para autoconsumo. A este respecto, tal e como comentou o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, o futuro servizo de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria.

Xornada sobre a comercialización de produtos cárnicos de pequenas granxas

A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, organiza a Xornada Comercialización de produtos cárnicos procedentes de pequenas ganderías. A sesión desenvolverase o vindeiro 5 de Novembro. A formación levarase a cabo en horario de 10.00 a 14.00 horas na Casa da Cultura Vila Concepción, en Cambre (A Coruña). No curso abordaranse as oportunidades para os produtos cárnicos amparados baixo a normativa de artesanía alimentaria, así como as normas derivadas das novas regulacións e flexibilizacións en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios. Tamén se tratará a cadea alimentaria e os requisitos dos distintos operadores ou as instalacións necesarias para os produtores. A xornada estará impartida por Luis Couto Lorenzo, inspector Veterinario de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Trátase dunha formación destinada a agricultores en activo, responsables e traballadores de empresas agroalimentarias ou persoas con solicitude de incorporación á actividade agraria, así como xente en idade laboral e menores de 60 anos con expectativas de incorporación ao sector primario, ademais doutras persoas con interés sobre esta materia. Para inscribirse na xornada debe entregarse o seguinte formulario debidamente cuberto na Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. A inscrición tamén pode enviarse por email a: diego.miranda@marinasbetanzos.gal

Amanei SC, aposta pola raza vianesa na montaña de Lugo

Amaro López, co seu gando de raza vianesa en Córneas (Baleira) O gando e o monte forman parte da vida de Amaro López. Ten unha empresa de desbroce e traballos forestais e mantén unha explotación con 50 reprodutoras de raza vianesa. Compatibilizar as dúas actividades require buscar facilidade de manexo. Foi o que o levou a cambiar as vacas de raza rubia galega, parda e asturiana por animais máis autónomos e que precisasen menos atencións. "Eu o que peco é de tempo, porque a maiores teño tractores para desbroce de monte. Din nas vianesas por problemas de partos que tiña co gando das outras razas, e para non ter que metelas e sacalas da corte, porque esta é unha zona de difícil orografía", explica.
Quedei coa vianesa porque a cachena dá menos produción, pero a caldelá gústame tamén moito
Decantouse pola raza vianesa e foi o primeiro que as trouxo para a montaña de Lugo. "Cambiei no 2006, comecei con 7 que fun buscar a Vilardevós e logo seguín comprando e recriando das miñas. En pouco tempo montei a cabana actual, que está formada por 50 nais", conta. Tres lotes de animais Amaro, movendo un dos tres lotes nos que ten dividido o gando para cambialo de parcela O gando está dividido en tres lotes para facer máis doado o seu manexo. "Teño tres grupos distintos de animais para non ter que rotar tanto nas fincas e no inverno ter os puntos de comida con menos animais", explica Amaro. "Ademais, se as tes todas xuntas e hai un problema, é máis difícil de ver e para mover o rabaño xunto é máis complicado, o ideal é en grupos de 14 ou 15 animais", argumenta.
Mover o rabaño xunto é máis complicado e se hai un problema é máis difícil de ver
"Móvoas pola estrada, cunha persoa diante e outra detrás simplemente polos coches, porque elas síguenme a min. O manexo agora é doado, pero ao comezo cometín erros, porque ao ser o primeiro e o único que as tiña nesta zona non tiña de onde copiar. Estas vacas hai que tratalas con moito cariño, coma todas, pero estas quizais máis porque teñen un instinto máis nervioso", considera. 36 hectáreas de superficie "Aténdoas eu só e por manexo podería ter máis gando, pero non teño máis por problemas de superficie, porque non vexo viable alugar fincas", asegura Amaro. A gandería dispón de 36 hectáreas de pradeiras, algunhas delas pastizais feitos no monte, e declara 4 hectáreas de pasto arbustivo. A superficie está conformada por 15 parcelas de diferentes tamaños. "Teño 12 hectáreas xuntas no alto do monte e 16 noutra finca, pero despois tamén hai parcelas pequenas", detalla.
Teño varios puntos onde darlles de comer no inverno para non desfacer os prados e quero poñer auga en todas as fincas
No inverno, de novembro a marzo, o gando está nunhas zonas de comedeiros alimentadas con silo de herba e palla. "Se as tes nos prados destrózanchos e logo tardan máis en dar na primavera", argumenta Amaro. Renova as pradeiras menos pendentes cada 5 ou 6 anos para incrementar a súa produción e a calidade do pasto. "Roturo, encalo e fago a sementeira con mestura de raigrás inglés, raigrás italiano e trevo. Nas zonas máis duras boto algo de festuca, que aguanta ben a seca, pero datilo aquí non fai falla botar", explica.
No inverno precisa de tres rolos de silo e unha paca de palla á semana
Para favorecer o rebrote da herba abona con purín todos os anos e encala cada dous, ademáis de empregar abono de síntese en grao nalgunhas parcelas. Na primavera, cando ten excedente de herba, fai rolos de silo, entre 200 e 250 ao ano. "Herba seca non fago, porque dá traballo e porque facer unha herba seca de boa calidade é difícil. Merco palla de cebada de Castela, porque é difícil atopar palla boa de avea seca. A que vén sen mallar, co grao, semiseca, é moi boa, pero vaise de prezo", detalla. 5 cabalos para domesticar o monte Os cabalos son de pura raza galega Co paso dos anos nesta zona da montaña deixouse de botar cereal e fixéronse pradeiras. Amaro mesmo roturou zonas de monte para facer prados. "Agora están en boas condicións, pero antes era monte pecho e moitas veces nesas zonas aínda se dá de todo menos herba", admite. O proceso para transformar as toxeiras en pradeiras comeza cun desbroce mecánico e a introdución posterior de cabalos para en último termo meter as vacas a pacer. "Agora que xa está domesticado invirto a orde, primeiro meto as vacas e despois os cabalos para que coman os brotes do toxo pero ás veces aínda hai que axudar algo con desbroce mecánico ao final", explica.
Teño prados que antes era monte pecho
Os cabalos son de pura raza galega e o seu manexo é doado. "Os cabalos si que non me dan traballo ningún, chámoos co pitido do coche e xa case se cambian sós de finca", asegura Amaro. Na zona comeza a haber algo de lobo e, de feito, o ano pasado levoulle unha poldra. "Outros anos tamén tiven problemas coas vacas, un ano matoume catro becerros e outro ano dous", conta. Un pequeno cebadeiro para os xatos Despois de mamar uns seis ou sete meses nas nais, os becerros son rematados con palla e penso Amaro incorporouse no ano 1996 á gandería familiar dos seus pais e no 2001 montou un pequeno cebadeiro onde agora só ceba os seus xatos. Foi a orixe da actual explotación e de onde toma o seu nome: Ganados Amanei SC. "Cando collín a explotación no 96 pasei de 6 vacas que había a 15 que me esixían para a incorporación. O meu pai dicíame que estaba tolo, que onde as ía manter, porque antes non había medios para facer as cousas como se fan hoxe e nesta zona as terras dedicábanse máis a sementar centeo e as vacas pacían algo de herba pola mañá e pola tarde levábanse á carqueixa ao monte. Despois no inverno mantíñanas con cereal dentro da casa", lembra.
Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos
A finalización dos becerros fana na actualidade con palla e con penso. "Non programo os partos, pero a maioría danse en primavera. Os xatos están mamando 6 ou 7 meses, até setembro máis ou menos, e logo encuádroos e téñoos até que alcanzan certo grao de engraxamento e acadan un nivel óptimo de rematado para iren saíndo ao mercado", explica. Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos. "A partir diso as xatas xa engraxan de máis", asegura. Comercializa directamente a restaurantes e particulares Amaro non sacrifica por idade, senón por nivel de engraxamento, os machos con 240 quilos e as femias con 200 Ten un sistema de comercialización propio, no que sacrifica e distribúe directamente a carne, tanto a restaurantes como a particulares. "Mato sempre en Castro, transporto os animais eu directamente", conta. Subministra a tres restaurantes da zona: Mesón Catro Ventos, da Fonsagrada; Restaurante Moneda, do Cádavo; e Casa Cazoleiro, de Meira. "Había máis interesados en comprarme pero non me comprometín con eles por non ter dabondo abastecemento", explica.
Á hora de sacrificar Amaro prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico
A relación de Amaro cos seus clientes baséase na confianza xa que el prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico. "Normalmente non miro nin a idade nin o peso, dame igual matar aos 12 ou aos 16 meses se o animal está ben para sacrificar", di. Vende tamén a particulares, cos que supliu en parte a caída da demanda da hostalaría por mor das restricións nos momentos máis duros da pandemia sanitaria do coronavirus. "Aos particulares tes que levarlle as canais despezadas e dame máis traballo", admite. Nos últimos dous anos foi moito traballo para pouco proveito, di, porque o prezo da carne reduciuse e o do penso aumentou de xeito notable. "Ao ter un sistema de comercialización propio dependente en grande medida dos restaurantes, a min esta circunstancia do coronavirus afectoume moito", asegura. Animais moi lonxevos Amaro vende tamén moito para vida, tanto recría coma vacas. Catro ou 5 femias recríaas para el todos os anos e outra ducia e media véndeas para outras explotacións. Os animais de raza vianesa criados deste xeito, en extensivo, duran moito, polo que as necesidades de reemprazo propias non son moitas. "O ano pasado mandei dúas vacas con 22 anos, unha que non empreñaba e outra con problemas por ter os tetos moi grandes, pero teño aínda varias con 18 anos", detalla.
Os problemas de partos desapareceron ao pasarme á raza vianesa. Teño tres touros, un en cada lote e empreñan e paren soas
Con cada lote de vacas nodrizas ten un touro, sempre o mesmo por grupo, sen mesturalos. "Até o terceiro ou cuarto partos déixoos sempre, logo cámbioos", explica. O veterinario só pisa a explotación para facer as receitas para os produtos desparasitantes e pouco máis. "Aquí non hai nin diarreas nin enfermidades respiratorias e ao pasarme á raza vianesa os problemas de partos que había antes desapareceron", asegura.

13 quilómetros de peches moi coidados

Hai dous anos a empresa de pastores eléctricos Ion premiouno pola calidade dos seus cercados Manter un bo sistema de peche electrificado e en condicións óptimas é unha das claves para o funcionamento dunha explotación como a de Amaro, que hai un par de anos foi premiado pola empresa galega de pastores eléctricos Ion pola calidade e coidado dos peches desta explotación. En total, as súas fincas suman 13 quilómetros de peche perimetral, nos que vai mesturando varilla de ferro e estacas de madeira, con dúas ou tres liñas de fío, dependendo da zona. "Non descarto ter que poñer 3 fíos en todo o perímetro exterior polo tema de que non entre o xabarín. Para o gando con 2 sería dabondo e desa forma ademais para limpar é máis doado porque non hai que estar tan enriba", razoa.
Para o gando con dous fíos de pastor sería dabondo, pero para que non entre o xabarín son necesarios tres
"Se tes os peches en boas condicións, fóra de momentos puntuais de máis traballo, cunha hora diaria tes atendido o gando", asegura. A tarefa de vixiar e limpar os peches é continua. "Moita xente vai pasear polo tema do colesterol, pois eu de paso levo algo na man e ademais de camiñar vou limpando", bromea.

Gandería Quintián, queixos que rezuman autenticidade

Chelo, na cava onde maduran os queixos que elabora co leite das vacas da explotación O tesouro de Gandería Quintián, na parroquia de Friolfe, no concello lugués de O Páramo, atópase baixo terra. Coma se dunha adega se tratara, os seus queixos son afinados nunha cava a 6 metros de profundidade, onde por unha parede de granito se vai colando a auga dun manancial natural que ao ir pasando a través da rocha mantén as condicións de humidade e temperatura ideais. A fonte, que nace alí mesmo, aporta ademais unhas características irrepetibles aos seus queixos, unha circunstancia que os fai únicos e cheos de autenticidade, o mesmo ca o leite que desde hai 10 anos venden directamente nesta gandería familiar. Porque igual que a rocha da cava de maduración da queixaría zumega auga, o traballo de Chelo e de Julio á fronte desta gandería tamén rezuma moita honestidade e naturalidade.
A auga vaise colando por unha veta da rocha até a cava de maduración e a porta uns matices únicos aos queixos
"Queremos pechar o círculo e dar valor ao leite que producimos coa venda directa do leite e a elaboración de queixos", explican. Un soño que con moito esforzo é xa unha realidade, un exemplo tamén, aseguran, para as súas fillas, Alba e Laura, que estudan Veterinaria e Enxeñería pero están volcadas de cheo co proxecto. "Queremos que vexan que na vida tamén un se pode superar e pode cambiar porque hai moitos camiños, non só un", asegura Chelo, que deixou fai anos o seu traballo nunha xestoría para centrarse en dar valor ao que tiñan na casa: leite da mellor calidade.
Chelo levaba 14 anos traballando nunha oficina pero decidiu pechar aquela etapa para poñer en valor o que tiñan na casa: leite da mellor calidade
Gandería Quintián leva máis de 50 anos producindo leite, unha actividade que xa iniciaron os pais de Julio, pero o seu obxectivo desde o ano 2010 non é só o de producir leite, senón o de valorizalo. Comezaron embotellando unha parte do seu leite e vendéndoo directamente ao consumidor e agora queren facer o mesmo tamén cos seus queixos.

Unha queixaría baixo terra para minimizar o impacto visual

Friolfe conta cunha igrexa romática adicada a San Xoán e tanto Chelo coma Julio decláranse amantes da historia e da natureza, por iso unha das súas preocupacións é ser respectuosos co territorio e o entorno que rodea á súa granxa, algo que tamén inculcaron ás súas fillas. "Importáballes moito que o edificio da queixaría non tivese impacto paisaxístico", conta Chelo. Por iso, cando se puxeron a facer o deseño, optaron por facer a queixaría baixo terra, para así manter o "balcón á natureza" que un desfruta cando se atopa no lugar de Quintián, desde onde hai magníficas vistas a un horizonte verde cheo de paisaxes agrarias.
A maduración dos queixos prodúcese en condicións naturais nunha cavidade de rocha granítica que zumega auga e mantén unha temperatura constante de 10ºC
Pero a súa aposta polo natural vai máis aló do coidado da paisaxe, a alimentación do gando ou o tratamento do leite. A maduración deste tipo de queixos require dunhas condicións de temperatura e humidade constantes e en Gandería Quintián non tiveron que recrealas de xeito artificial. "No mundo dos queixos está todo inventado en canto á elaboración, o único que cambian son as condicións de maduración, e estas serían imposibles de repertir porque a cava ten unha flora distinta propia do lugar e da auga", aseguran. A situación da queixaría a 6 metros de profundidade, aproveitando a orografía do terreo e unha veta de auga natural existente, fai que a temperatura e a humidade se manteñan constantes, cun aforro enerxético considerable na cámara de maduración, un lugar onde a humidade natural permite afinar un tipo de queixo diferente, que non abunda en Galicia. "Durante anos, mentras definiamos o proxecto, fixemos formación e viaxes por queixarías de toda España e vimos que en cabra e ovella había máis diversificación, pero que en vaca había aínda moito percorrido", defende Chelo.

Queixos "diferentes" para un público gourmet

Cámara de maduración. Por entre as pedras de granito da parede traseira cólase a auga dun manancial natural O feito de maduraren pegados á rocha, onde a temperatura se mantén constante nos 10ºC, e envoltos no ambiente e na flora que de xeito natural crea o manancial que sae da parede de granito, fai dos seus queixos uns produtos únicos, con personalidade, orientados ao mercado gourmet.
Os seus queixos están orientados ao mercado delicatessen e as tendas especializadas
Ese carácter especial (os queixos durante o seu proceso de curación, van evolucionando e adquirindo uns matices únicos, tanto na codia coma na pasta do seu interior) é o que queren transmitir ao consumidor, unha honestidade que até o momento lle facían chegar co seu leite e agora tamén cos seus queixos. "Hai un dito que asegura que ou eres barato ou eres diferente, e nós queremos ser diferentes", asegura Julio. Cos seus queixos non queren competir cos produtos industriais, senón que se dirixen a consumidores que buscan "un produto diferenciado e con identidade", apostando polo trato directo, ao igual que xa fixeron antes co leite.

Agarimo e Néboa, do saber tradicional á innovación

Nas instalacións inauguradas o pasado ano elaboran tres tipos de queixo: un queixo fresco; un queixo a partir de leite pasteurizado, con corteza lavada e comestible, que lembra os queixos tradicionais galegos e leva por nome Agarimo; e o denominado Néboa, feito con leite cru e corteza de mofo natural, que lle aporta uns matices diferenciais. Malia que o lanzamento destes novos produtos os colleu en pleno ano de pandemia, están contentos coa acollida do mercado. "Este non foi o mellor ano para saír, pero estamos contentos coa evolución dos queixos neste tempo", di Chelo.
O lanzamento dos novos produtos colleunos en pleno ano de pandemia
Aínda que se trata do seu produto máis innovador, o seu queixo Néboa segue mantendo esa vinculación coa terra, pois a néboa é, xunto coa chuvia, unha das representacións máis icónicas do clima e a paisaxe galegas, pois envolve a moitas aldeas coma Friolfe. "Aquí abrázanos moitas veces a néboa", di Chelo. Por iso, asegura, "Néboa é un queixo que ten moita identidade, máis innovador e co que rompemos coa tradición", explica. Este queixo, que a primeira vista podería semellar un queixo francés, precisa de maior grao de afinación na cámara. "Necesítase entre un 90 e un 100% de humidade durante o seu afinado, voltéase diariamente e cando o penicilium cubre a corteza envolvémolo para que conserve esa humidade e non se contamine, en total, mes e medio como mínimo para sair ao mercado", contan.
'Agarimo' é unha homenaxe ás avoas e 'Néboa', a representación do clima e a paisaxe que envolve a moitas aldeas coma Friolfe
Agarimo é un queixo máis tenro e comercialízase con entre 20 e 30 días de maduración. Con el quixeron basearse máis na tradición e render unha homenaxe ás avoas galegas, que, en tempos difíciles, mantiveron a elaboración caseira dos queixos. Por iso, explican, recuperaron o costume de lavar o queixo co soro da última elaboración, como se facía tradicionalmente nas casas.

Elaboración artesá un a un

Malia as diferenzas existentes entre Néboa e Agarimo en canto á súa forma, o tratamento do leite de partida ou a súa afinación na cava, os dous manteñen dúas características esenciais que definen os queixos de Quintián: elaboración e volteo á man e corteza comestible.
Os queixos de Gandería Quintián son moldeados e volteados á man un a un, o que fai tamén que cada peza sexa única
O proceso de elaboración pode prolongarse até 8 horas e comeza co callado do leite na cuba unha vez muxido. Para facer o Agarimo pasteurizan o leite previamente e no caso do Néboa usan o leite cru, tal como sae do ubre das vacas. Logo de cortar a cuallada cunha lira manual comeza o proceso manual de moldeado. A masa desora polo seu propio peso para que a pasta non sexa compacta, aplicando sucesivos volteos en distintos intervalos durante polo menos 3 horas. Unha vez colleron a forma, comeza o proceso de delouro antes do afinado na cámara. Durante esta fase os queixos son volteados diariamente. No caso do Néboa, durante mes e medio, para conseguir así uniformidade na corteza e matices e sabores únicos no queixo.
A cuallada deloura polo seu propio peso para que a pasta non sexa compacta
Para chegar ao resultado actual, Chelo leva anos formándose e viaxando por queixarías na procura de obter, co leite das súas vacas, un produto diferenciado. Todo comezou cando un cliente a invitou a participar nunha "quedada queixeira" e, a partir de aí, nos (poucos) momentos libres comezou a facer "probas" co leite da gandería na cociña da casa. "O olor da cuallada é espectacular, foi algo que me enganchou cando empecei a facer eses primeiros experimentos", recoñece.

Muxido robotizado e sen bombear o leite

A elaboración e o volteo dos queixos faise á man, de xeito totalmente artesán O coidado da materia prima (e dos animais que a producen) é outro dos factores determinantes no resultado final en forma de queixo. Por iso, o benestar das vacas é outra das súas prioridades. Son elas o outro gran tesouro da Gandería Quintián e foron introducindo toda una serie de melloras na gandería que iniciaran os pais de Julio, coa construción dun establo novo para o gando fai agora 11 anos, primando nel o confort do gando: o establo ten illante térmico no teito e ventiladores para minimizar o estrés por calor e as camas son de colchoneta de látex e carbonato.
Desde o robot de muxido o leite baixa por gravidade para a queixaría, algo tamén novidoso neste tipo de sistemas automatizados
Outra das razóns para facer a nave nova foi pasarse ao sistema de muxido robotizado, coa colocación dun robot de DeLaval que agora están a substituir por un modelo máis moderno, aproveitando para situalo tamén no lado oposto do establo, máis preto da queixaría, para deste xeito poder enviar o leite sen necesidade de bombealo, por uns condutos de aceiro inoxidable que irán baixo terra para que non haxa contraste térmico, mantendo así intactas todas as características do leite tanto para envasalo pasteurizado como para elaborar os queixos. Contar cun sistema autónomo, dunha banda, libera a Julio e a Chelo de teren que estar atados a unhas horas de muxido para así poder sacar tempo para a transformación do leite, e, doutra, reduce o estrés dos animais nos momentos previos a teren que pasar pola sala. "As vacas están máis tranquilas porque se moxen cando elas queren, polo que teñen maior rendemento e benestar", asegura Julio, que se encarga de atender o gando mentras Chelo se centra máis na transformación e a labor comercial.
Gandería Quintinán dá emprego a cinco persoas entre o traballo na granxa, a elaboración na queixaría e a comercialización
Dar valor ao leite a través da transformación serviu para que Gandería Quintián fose quen de crear tres postos de traballo, a maiores dos de Julio e Chelo: unha persoa axuda a Julio coas vacas, outra a Chelo na queixaría e un terceiro empregado encárgase do reparto.

Introdución de animais de raza parda alpina

A aspiración que teñen Julio e Chelo é poder chegar a comercializar directamente o 100% do leite que produce a gandería, supeditada xa a ese obxectivo e que están a adaptar ás necesidades concretas que iso require. De feito, un dos cambios que están a facer na granxa a raíz da posta en marcha da queixaría é a introdución de gando de raza parda alpina.
"A parda alpina dá máis proteína, pero non dá graxa de máis para despois facer os queixos, como acontece coa jersey"
"Son vacas que dan máis proteína, pero non dan tanta graxa como as jersei, que é algo que despois dificulta a elaboración de queixos. A parda alpina é unha raza ademais que, aínda que non é autóctona, leva xa 150 anos en España", explica Julio. A intención é seguir mantendo os dous rabaños puros, tanto pardas como frisonas, sen facer cruzamentos, aínda que os animais compartirán instalacións. Gandería Quintián mantén un moi bo nivel xenético nas súas vacas holstein e, de feito, no ano 2014 foi distinguida por FEFRIGA como a mellor explotación de Galicia por GICO de menos de 75 vacas. Julio non quere desfacer esa mellora xenética lograda a través dun traballo constante de décadas nese eido, pero agora buscan producir leite cun maior rendemento queixeiro.

Non buscan aumentar o número de cabezas

Vista da explotación desde unha das fincas onde producen as forraxes para alimentar o gando A explotación mantén 65 animais en produción, a capacidade máxima do robot de muxido e do establo e as xovencas son enviadas, na súa meirande parte, ao centro de recría de Castro, dependente da Deputación de Lugo e xestionado por Seragro. A detección de celos mediante os datos de actividade que aporta o robot permite inseminar as vacas no seu momento óptimo (entre as 10 e as 12 horas despois do inicio do celo) e mellorar os datos reprodutivos. Logran porcentaxes do 40-50% de preñez na primeira inseminación nas vacas, uns datos que se incrementan de xeito natural nas xovencas.
Os excedentes véndenllos neste momento a outra queixaría de Monforte, pero aspiran a poder transformar o 100% da súa produción de leite
O coidado da xenética busca "ter vacas con boa saúde, duradeiras, rendibles e que dean leite de boa calidade”, enumera Julio. E iso acompáñase dun manexo sen forzar aos animais, cunha produción media diaria de 32 litros, e uns 10.000 litros por lactación, “por debaixo da súa capacidade por xenética”. Xenética, coidado do manexo, boa alimentación e venda directa son as bases sobre as que se asenta a rendibilidade de Gandería Quintián. De cara ao futuro, o seu obxectivo é poder vender directamente a totalidade da súa produción e tanto o leite embotellado primeiro, como os queixos agora, son pasiños nesa dirección. "Non queremos aumentar en cabezas de gando, senón na transformación, queremos seguir sendo unha empresa familiar asociada a unha gandería pequena", define Chelo.

Unha década vendendo eles mesmos o seu leite

Julio e Chelo teñen claro que “coa desaparición das cotas, as ganderías familiares ou apostamos por diversificar e pechar o ciclo ou ímolo ter moi complicado, porque nin temos base territorial nin estamos preparados para ir cara macroexplotacións lácteas de miles de cabezas de gando”. “A clave non está na cantidade que produzamos, senón en como vendemos o que producimos. O futuro das ganderías lácteas galegas pasa por diversificar e transformar o seu produto, xa sexa en proxectos individuais ou colectivos”, conclúe Julio.
"O futuro das ganderías lácteas galegas pasa por diversificar e transformar o seu produto, xa sexa en proxectos individuais ou colectivos"
En novembro do ano pasado cumpriron 10 anos embotellando e comercializando o seu propio leite, ao que agora se suma a elaboración de queixos artesáns. Chelo subliña que “o camiño non foi fácil, porque tivemos que ir creando escola nós mesmos, pero o boca a boca despois de 10 anos funciona", polo que a día de hoxe amósanse moi satisfeitos coa súa iniciativa. "Vemos valorado o leite que producimos por parte dos nosos clientes", conta Julio.

Leite natural con máis proteína e Omega 3

O edificio da queixaría está a carón da gandería e conta con dous andares: no inferior elaboran os queixos e enriba é onde embotellan o leite, cunha nova envasadora que lles permitirá facer máis doado o proceso, pero mantendo o criterio de mínima manipulación do produto. Unha vez muxidas as vacas, o leite pasa do tanque de frío á pasteurizadora, unha máquina que o somete a unha temperatura de 73ºC durante uns segundos e a continuación volve ser arrefriado ata baixar dos 3ºC, condición na que pode permanecer ata 7 días.
A alimentación do gando é a base de forraxes producidos nas fincas que rodean a gandería
O leite pasteurizado non precisa ser fervido, xa que a pasteurización elimina as bacterias e patóxenos que puidera ter, pero sen alterar as súas propiedades e o seu valor nutritivo. Non homoxeneizan tampouco o leite. "Decidimos que vaia con toda a proteína e a tona que ten de xeito natural", explican.

 O 80% das vendas na hostalaría

Aínda que a idea inicial era envasar leite da gandería sen conservantes nin aditivos e vendelo fundamentalmente a consumidores particulares, enseguida se decataron da alta demanda que había no sector da hostalaría e da restauración de leite fresco e a día de hoxe, a maioría das súas vendas son a cafeterías, restaurantes, pastelerías e tendas de barrio de cidades galegas, como Lugo, Ourense, Santiago ou Vigo, e mesmo de fóra da comunidade, como Madrid. Venden o seu leite fundamentalmente en botella de 1,5 litros, aínda que tamén teñen un formato de bolsa, adaptado para obradoiros e pastelerías. Chelo destaca que “na hostalaría valoran o rendemento e a crema que fai nos cafés, así como o sabor, e en pastelería agradecen que o noso leite ferve antes á hora de facer a crema pasteleira e o rendemento é maior”. Antes da pandemia, o 80% das vendas de leite fresco de Quintián producíanse na hostalaría, pero a raíz das restricións, "a situación agora é totalmente distinta e non sabemos cando volveremos a esa situación", din.
Antes da covid-19 a media de transformación oscilaba entre os 25.000 e os 30.000 litros mensuais
Antes da covid-19 a media de transformación oscilaba entre os 25.000 e os 30.000 litros mensuais, o que supuña perto da metade da produción total das súas vacas. "Había días que envasabamos a totalidade do leite producido na nosa granxa, uns 2.000 litros diarios", indican. Esa situación mudou pero, máis alá da caída de vendas na hostalaría, en Gandería Quintián están a notar que "a xente está máis concienciada a raíz do coronavirus, está máis susceptible e busca un produto saudable e de proximidade", asegura Chelo.
“A clave está en como vendemos o que producimos. Se algunha tenda utiliza o noso leite como produto reclamo, retirámolo”
E nese aspecto, é algo que de cara ao futuro pode beneficialos, posto que o leite, e agora tamén os seus queixos, están presentes en moitos comercios de barrio, cos que teñen unha relación de transparencia e confianza na que os tendeiros son parte fundamental para transmitir a historia dos seus produtos.

Queixoturismo

Vistas desde a explotación, desde onde se divisa até o horizonte unha paisaxe agraria e natural galega Quintián esmérase en facer un produto con rostro e empregan as redes sociais da granxa para que os clientes coñezan a historia da explotación e como elaboran. Até que chegou o coronavirus, Chelo e Julio tamén recibían numerosas visitas ás que lles amosaban orgullosos a súa gandería e a súa sala de envasado do leite. A queixaría rematouse en tempos de pandemia, pero en canto pase a covid-19 teñen previsto poñer en marcha as Experiencias Quintián, unha sorte de visitas guiadas á granxa e a queixaría, seguindo a estela do enoturismo, que rematarán cunha cata comentada dos seus produtos.
Queren amosar a granxa e a paisaxe agraria que a rodea, dar a probar os seus produtos e explicar como os elaboran
"Temos moitos clientes por toda España e queremos que nos veñan visitar e que coñezan como traballamos. Pechar o círculo e chegar directamente ao cliente final é un xeito de dignificar o noso traballo e dignificar o sector, que boa falta lle fai. Para nós é unha satisfacción como gandeiros poder poñer un produto dunha magnífica calidade nas mans do consumidor", asegura Julio. Conscientes de que o cliente de Gandería Quintián merca, ademais de calidade, tamén un modo de producir respectuoso coa natureza, tentan coidar todos os detalles e esa preocupación constante polo entorno fixo que escolleran para o seu queixo fresco (que leva o lema de "o queixo de sempre", ao igual que o leite) un envase que é 100% compostable. "Procuramos que os nosos pasos deixen pegada verde no camiño", indican. O camiño desde a venda do leite pasteurizado até a elaboración dos queixos foi froito tamén dunha "evolución natural" do seu proxecto de valorizar o seu leite. Un proxecto de vida no rural, compartido con Julio e que, coas súas dificultades, permitiulles cumprir os seus sonos. "É moi gratificante, hoxe non me vería nunha oficina, non é comparable", asegura Chelo.

“A pandemia foi un revulsivo para as Prazas de Abastos”

Jesús Somoza, no seu posto da Praza de Abastos de Lugo A Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros son dúas instalacións ubicadas en pleno centro da cidade que levaban anos en decadencia, con postos pechados e afluencia de público minguante. Nin as obras millonarias acometidas nos dous edificios nos últimos anos serviran para reflotar a súa actividade, que seguía pouco a pouco esmorecendo. Pero nisto chegou a covid-19 e todo cambiou. "Nótase moita máis afluencia de xente ca antes, a xente veu a comprar no confinamento e quedou como clientela fixa. Foi como un revulsivo", asegura Jesús Somoza, que leva 29 anos á fronte da Carnicería Somoza, ubicada xusto fronte á porta principal de entrada á Praza.
A carnicería era dos meus avós e logo dos meus pais; levamos en total 90 anos na Praza
O seu é un deses negocios "de toda a vida" que mantiñan unicamente ese tipo de clientela fiel. "Levamos 90 anos en total na Praza, antes ca min estiveron os meus pais e primeiro os meus avós", detalla Jesús. "Pero tan importante como manter a clientela de toda a vida é renovala e atraer a outra nova", recoñece. Ser un dos establecementos máis antigos do recinto permítelles facer en primeira persoa un percorrido cronolóxico polo devir destes comercios de proximidade e percibir os cambios que se deron no último ano. "No confinamento deuse un cambio de clientela, comezou a achegarse máis xente nova a mercar e aumentou moito a venda os sábados", asegura Jesús. Trazabilidade e confianza Os días fortes na Praza de Abastos de Lugo sempre foron os martes e os venres, cando se celebra o mercado tradicional no que os produtores da contorna se achegan a vender os seus excedentes. Moitos deles son persoas xubiladas que traen queixos, chourizos ou verduras da casa, produtos sen envasar nin etiquetaxe que non chaman a atención do novo perfil de compradores.
Os martes e venres segue vindo a xente de sempre pero os sábados agora hai moita xente nova que comezou a vir no confinamento e quedou como clientela fixa
Estes buscan outro tipo de artigos e refúxianse na trazabilidade que lles ofrecen negocios de confianza como o de Jesús. "Eu creo que é polo bo produto que hai aquí na Praza a respecto dos supermercados, eu merco a tenreira directamente ao gandeiro e sei como foi criada, non pido nada a ningún matadoiro nin sala de despece e a zorza, as hamburguesas ou as albóndigas son de elaboración propia, facémolas nós. Deste xeito podemos garantir a calidade e a trazabilidade aos nosos clientes", conta. Maior demanda de alimentos saudables Ana, no seu posto de produtos ecolóxicos e carne de produción propia de Traloagro Se o de Jesús Somoza é un dos postos máis antigos da Praza de Abastos de Lugo, o de Ana Lozano é dos máis novos. Fai dous anos en xuño que se instalou, logo de coller un traspaso. Vende produtos ecolóxicos, algúns deles de produción propia, xa que forma parte do proxecto de Traloagro, unha explotación de cría de polos e vacún de carne en extensivo asentada no veciño concello de Friol, onde contan tamén con ecotenda e centro de despece e elaboración. "A filosofía nosa é vender directamente ao consumidor", explica.
Hai máis concienciación sobre a saúde e máis interese polos produtos ecolóxicos
Ana constata a mesma percepción que ten Jesús, que os mercados municipais están a recuperar unha parte da clientela roubada fai anos polos supermercados e grandes superficies. O consumidor segue querendo comodidade, pero agora busca tamén produtos máis saudables. "A xente está máis concienciada coa saúde, nótase máis interese polos produtos ecolóxicos", di. Pero apostar pola calidade non ten por que supoñer renunciar á comodidade. "Cando empezou o confinamento comezamos a facer entregas a domicilio e moita xente encarga por teléfono para non ter que agardar aquí pero despois vén ela a buscar o pedido", explica Ana. Porque en Prazas de Abastos como a de Lugo ou as de moitas outras cidades ir mercar os sábados pola mañá estase a consolidar como unha actividade de ocio máis para facer en familia. Cando menos foino nos tempos dos peches perimetrais, pero tanto Ana coma Jesús confían que esa sexa una das poucas cousas boas que nos deixe o coronavirus.

Un terzo máis de afluencia no último ano

Porta de entrada principal á Praza de Abastos de Lugo, que extremou as medidas de hixiene e limpeza durante a pandemia para presentarse como un lugar seguro onde mercar O interese polas tendas tradicionais incrementouse a raíz da covid-19. É un feito que constatan tamén desde o Concello de Lugo, titular das instalacións tanto da Praza de Abastos como do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, situados un enfronte do outro. Calculan arredor dun terzo o aumento de afluencia a estes dous recintos no último ano e iso está a tirar tamén da demanda de postos onde instalarse por parte de comerciantes e produtores. Hai tan só dous anos, unha cuarta parte do cento de postos de venda cos que contan a Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros estaban baleiros. Hoxe quedan xa poucos libres, despois do proceso seguido a nivel municipal para adxudicar os postos vacantes. Trátase de concesións por 25 anos que serven para fixar emprego e dar garantía ás persoas que exploten estes espazos. Na Praza só quedan neste momento tres postos dispoñibles pero xa hai ofertas para eles, como a da cooperativa A Carqueixa, que reúne a produtores de vacún de carne dos Ancares e que trala boa acollida da súa iniciativa de venda a través da internet queren agora establecer un posto de venda físico na Praza lucense. O consumidor busca refuxio no comercio de proximidade "Seguimos traballando para que a Praza e o Mercado cheguen a ter o total dos seus postos ocupados e en funcionamento", indica Cristina López, a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, que destaca que "na Praza e no Mercado atopamos produtos de calidade, ao mesmo tempo que recibimos a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto".
O comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria
Para a responsable municipal, "o comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria", por iso, di, "neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social mercando no comercio de proximidade". Peonalización e obras no soto da Praza Ás obras de remodelación e mellora levadas a cabo na última década tanto na Praza como no Mercado lucense con fondos europeos do Plan Urban, súmanse neste momento os traballos de peonalización que se están a acometer nas rúas do seu entorno, o que permitirá convertelo nun lugar atractivo para o paseo e as compras. “A peonalización da rúa Quiroga Ballesteros permitirá ter un entorno axeitado para dinamizar a economía nun lugar privilexiado do centro da cidade”, asegura Cristina.
Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico
Ao mesmo tempo, tamén se están a levar a cabo obras de mellora no soto da Praza, que acolle os mercados tradicionais dos martes e os venres, coa intención así de potencialos a través dunha mellora da imaxe e presentación dos produtos. “Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico", conclúe a súa responsable.

SAT Seixas, unha aposta por valorizar o leite facendo xeados

Manuel Arias, xunto ás vacas de SAT Seixas que producen o leite para os xeados Xeou! A xestión do persoal e as dificultades para atopar man de obra é un dos maiores retos aos que se enfrontan a maioría de explotacións leiteiras a medida que van medrando e gañando volume. No caso de SAT Seixas, esas necesidades de persoal aumentan, xa que ademais de producir leite baixo o sistema de tres muxiduras diarias, transforman unha parte del en xeados que ademais fan chegar ao consumidor a través da súa propia rede de establecementos. Manuel Arias, un dos socios desta SAT formada na actualidade por dúas familias e que moxe entre 220 e 240 animais, recoñece que nunha gandería desta dimensión o labor de xestión acaba absorbendo tanto tempo ou máis ca o traballo cos animais. "Son moitas cousas, hai que estar pendente de moitas frontes", asegura. Pero non esquece os seus inicios, non hai tantos anos, e séguese considerando ante todo gandeiro.
Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada
Manuel é de Aldosende, en Paradela, onde comezou producindo leite "con 8.000 quilos de cuota e unha vaca de cada cor". "Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada. Pero eu fun para fóra e non me gustaba. E por unha serie de circunstancias, porque enfermaron o meu pai e a miña avoa case xuntos, volvín", conta. A produción e o número de cabezas foi aumentando e as instalacións quedaban pequenas. "Cheguei a muxir case 80 animais alí", lembra. "Pero era eu só coa axuda da miña nai, non tiña man de obra externa nin tiña para onde medrar e vinme tan agobiado e saturado que busquei unha alternativa, a de facer unha sociedade, e xurdiu a oportunidade de facela aquí", explica.
En Paradela era eu só e máis a miña nai. Chegamos a muxir 80 vacas, pero non tiñamos persoal nin para onde medrar. Vinme tan saturado que busquei a alternativa de facer unha sociedade
Crearon a SAT no 2004 e entre o ano 2007 e 2008 comezaron a traballar xa nas novas instalacións construidas no lugar das Seixas, na parroquia de Bembibre, pertencente ao concello de Taboada, onde hoxe traballan entre 8 e 10 persoas dependendo da época do ano. "Estamos a tres muxiduras e facemos turnos tratando de que a xente estea o máis cómoda posible e saiba cal é o seu horario e o calendario de libranzas, vacacións e fin de semana para que poida organizar a súa vida", indica Manuel. Esa é unha das claves, ao seu xuízo, para lograr estabilidade no persoal. A tres muxiduras desde o 2010 Sala de muxido da explotación, con 20 puntos e sistema traseiro A organización do traballo na explotación faise en función dos horarios de funcionamento da sala, para facer as tres muxiduras, que escomezan ás 5:30, 13:30 e 21:30 horas. Comezaron con este sistema no ano 2010 e hoxe están contentos cos resultados que acadan pero, en base á súa propia experiencia, non o recomendan en explotacións de menor tamaño ou con problemas para dispoñer de man de obra. "Cando nós comezamos a facer tres muxiduras muxiamos soamente 120 vacas e este sistema non se adapta ben en explotacións pequenas. Foi unha decisión tomada a destempo naquel momento, un pouco porque estaba de moda, pero nós non estabamos preparados para aquel cambio e tivemos moitos problemas", admiten.
Cando puxemos en marcha as tres muxiduras non estabamos preparados e tivemos moitos problemas
Pero, malia as dificultades, decidiron non volver atrás e "a base de lombo e de ser metódicos" foron mellorando e perfeccionando un sistema que agora lles dá bos resultados. "Hoxe estamos contentos porque as vacas están mellor e ao estar moitas máis horas na granxa tes tamén moito máis control sobre ela". O primeiro turno entra ás 5 da mañá para facer o muxido das 5 e media e acaba a súa xornada laboral á unha da tarde, cando entra o seguinte reemprazo, o que se encarga da muxidura do mediodía. O terceiro dos turnos arrinca ás 9 da noite e remata ás 2 da madrugada, o que fai que haxa persoal na granxa de xeito ininterrompido durante 21 das 24 horas do día.
Muxir tres veces conleva máis gastos pero as vacas están mellor e ao estar máis horas na granxa tes máis control sobre o gando
Isto leva aparellado que o control e a vixiancia sobre o gando sexa moito máis exhaustivo en aspectos como a detección de celos e enfermidades ou a atención aos partos, permitindo, por exemplo a inxesta da primeira toma de costro por parte das becerras antes das catro horas inmediatamente posteriores ao nacemento, momento a partir do cal deixa de ser tan efectiva a nivel de inmunización. Para reducir o tempo de espera das vacas para muxírense, establecen lotes de 70 animais como máximo, de maneira que o resto do gando permanece descansando ou alimentándose namentras non chega a súa quenda. Muxir máis veces as vacas non significa exprimilas máis, considera, xa que "a nivel de saúde de ubre están moito mellor e non se ve comprometida a súa lonxevidade". De feito, SAT Seixas ten animais que destacan tanto polas súas medias de produción diaria como tamén polo seu número de lactacións e produción vitalicia. "Temos animais con 6 ou 7 partos", destaca Manuel. Nave de produción de SAT Seixas. Nas camas empregan area e fanas unha vez ao día Con todo, neste momento teñen exceso de recría e non aproveitan moito as vacas. Tamén por iso fan secados longos, de até tres meses, buscando que os animais que moxen teñan todos altas producións e que logo descansen e se recuperen para encarar o seguinte parto e facilitar tamén deste xeito que as vacas volvan quedar preñadas á primeira.
Para reducir o tempo de espera para muxírense, establecen lotes de 70 vacas como máximo
O paso das dúas ás tres muxiduras diarias tamén fai posible un incremento de produción dos animais. "Nós temos vacas que nos controis leiteiros chegaron moi preto dos 80 litros e iso con dúas muxiduras é impensable", afirman. Ese aumento de produción permite compensar o incremento de gastos en man de obra ou consumo eléctrico, algo para o que tamén instalaron placas solares e un variador de frecuencia, pero Manuel defende que "as salas de muxido cantas máis horas estean funcionando máis rendemento se lle saca". A deles é de muxido traseiro con 20 puntos. Problema este ano co silo de millo SAT Seixas ten un déficit importante de superficie agraria e cultiva fincas a 20 quilómetros de distancia A produción media da gandería na actualidade é algo máis baixa do habitual por culpa do silo de millo. "Agora mesmo debemos andar nos 42-43 litros pero esa non é a nosa produción media. Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros e nalgún momento chegamos a picar incluso os 48 litros pero neste momento estamos moi baixos porque temos un silo de millo horrible este ano e non sabemos moi ben por que. Penso que foi que o ano pasado secou moito a planta e logo comezou a chover e tivemos que agardar moito para poder ensilar e seguramente a planta chegou ao silo moi pasada e non debeu fermentar ben porque o silo non ole a ácido láctico como debería e as vacas comen pero non hai produción", explica Manuel. En canto a calidades, están entre 3,50% e 3,70% de graxa e en 3,45% de proteína e entregan a produción a Naturleite.
Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros de produción media e temos vacas que se aproximan aos 80 litros; iso con 2 muxiduras é impensable
SAT Seixas manexa arredor dunhas 120 hectáreas de terreo, insuficiente para poder cubrir as necesidades de alimentación do seu gando, polo que priorizan a produción de forraxe para silo de raigrás. "A herba producímola toda nós, silo de millo ás veces mercamos algo e facemos tamén grao de millo húmido con millo que mercamos porque nos facilita moitas cousas e os animais están mellor. Tes unha seguridade, porque sabes que o tes aí para todo o ano", indica Manuel. Fan grao húmido co millo que traen de León pero no último ano o prezo disparouse de repente 30€ por tonelada Acostumaban traer entre medio millón e un millón de quilos de millo para grao húmido, co que logran un silo de calidade con entre un 30 e un 35% de amidón, aínda que o ano pasado trouxeron menos polo encarecemento dos cereais. "Compramos en León e subiu de repente 30€ a tonelada, así que metemos menos grao húmido e suplimos con fariña de millo, xa que tiñamos pechado prezo a longo prazo", conta Manuel. Este tipo de materias primas, como a fariña de millo, a colza ou o bagazo de cervexa, mércanas a través de CAP Coruña, tentando ter unha estabilidade de prezos a longo prazo.
Aquí ao lado temos un monte comunal de 500 hectáreas que non está a nada. Se a Administración nos axudara podiamos coller aí 100 hectáreas para cultivar e dese xeito facer tamén un cortalumes natural
Das 120 hectáreas sementan a millo unhas 70 ou 80, dependendo do ano, porque algunhas son moi pesadas e en función de como veña o tempo non logran laborealas a tempo. Na maioría fan rotación de cultivos, habitualmente con wester, pero levan dous ou tres anos probando unha mestura de raigrás inglés con italiano que lles está a dar bos resultados. "Medra moi ben, non é tan precoz como o wester pero case, e a calidade é moi distinta, seguramente os silos sexan mellores sobre todo en proteína", aseguran. A falta de superficie é unha eiva importante nesta explotación, que precisaría dobrar as terras de cultivo de millo das que dispoñen para seren autosuficientes.
Botamos unhas 70 ou 80 hectáreas a millo pero necesitariamos outras tantas
"Ogallá tiveramos máis superficie para poder producir máis millo, e é un dos obxectivos que temos, pero é moi difícil, porque estamos nunha zona na que está todo moi esparcido e é moi complicado obter hectáreas de calidade, logras cachiños pero pezas grandes non é doado. A ver se agora coa Lei de Recuperación da Terra Agraria podemos facer algo nalgún monte, porque temos un monte comunal aquí ao lado de 500 hectáreas e non está a nada. Podiamos aí coller 100 hectáreas xuntas e beneficiarnos todos, porque ao mesmo tempo que nós lograbamos terra, faciamos un cortalumes natural e a Xunta non tiña que estar desbrozando. Pero para iso tennos que axudar a Administración, porque nós tal como está a lexislación de montes comunais non podemos facelo", piden. A falta de superficie dispoñible na zona obrígaos a cultivar parcelas en Monterroso, a case 20 quilómetros de distancia da granxa. Dúas terceiras partes da superficie da explotación é alugada. Fan o carro tres veces ao día Mercan directamente as materias primas para aforrar custos e pechar prezos estables a longo prazo Ao igual que moxen tres veces, tamén elaboran a ración unifeed de alimentación outras tantas. Para iso dispoñen de carro mesturador propio, o que lles permite maior flexibilidade. "Para as vacas en produción facemos unha única ración pero tres veces ao día. Doutro xeito tería que vir o carro unha vez soa e deixarche todo feito e facer para os lotes de xovencas e secas aínda que tiveran comida, así imos facendo segundo van comendo", defende.
Para o manexo diario da granxa preferimos ter carro propio porque nos parece moito máis eficiente e operativo
En canto aos traballos agrarios, din, "cada vez facemos menos porque cada vez estamos máis volcados coa granxa, así que facemos o imprescindible e o resto contratamos fóra". Traballan co parque de maquinaria da cooperativa Aira. "Tratamos de sacar dous cortes de herba e un de millo e iso obríganos a ter que facer todo tremendamente rápido. Ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo; ti non podes ter 10 tractores. É totalmente inviable. Polo tanto, para conseguir esa rapidez temos que contratar", xustifican.
Cada vez facemos menos traballo agrario porque ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo, e unha granxa non pode ter 10 tractores propios porque é totalmente inviable
As producións de millo nesta zona do sur da provincia de Lugo son bastante inestables e dependen moito da climatoloxía. "Poden variar un 25% dun ano a outro, están entre 30.000 a 40.000 quilos por hectárea dependendo de como veña o ano", explica Manuel. Por iso, tentan garantir un bo ensilado de herba. "Procuramos meter sempre a herba moi tenra, facendo dous cortes. Iso permítenos ir xogando un pouco coa herba e co millo na ración en función das cantidades que teñamos dunha cousa ou da outra", indica. Neste momento ás vacas de leite estanlles a dar 30 quilos de silo de millo, 11 de silo de herba, 0,3 de palla, 8,3 de bagazo de cervexa, 6,2 de colza, 4 de fariña de millo e 2 de núcleo. Reorganización das instalacións para ser máis eficientes Pretenden reunificar a recría e reubicar as vacas secas para traballar máis cómodos SAT Seixas está inmersa na actualidade nunha serie de obras de ampliación e mellora, para o que tiveron que solicitar informe de impacto ambiental. Non buscan sen embargo aumentar o número de cabezas, senón reconfigurar a explotación para facer o traballo de xeito máis doado e eficiente. "Agora mesmo non queremos medrar máis, estamos reorganizando todo para que a xente traballe máis cómoda e ser máis eficientes, é dicir, coas mesmas horas facer máis traballo, e perfeccionar o sistema, porque temos moitas cousas que mellorar aínda, evidentemente, porque fomos medrando a un ritmo tan alto que non nos paramos nos pequenos detalles, que é o que queremos facer agora", recoñece Manuel.
Teñen a recría repartida entre Taboada e Paradela, pero pretenden agrupala para mellorar o manexo e aforrar tempo e man de obra
Pretenden agrupar, por exemplo, a recría, que agora está dividida entre as instalacións das Seixas e o establo vello que tiña Manuel en Paradela. "Están aquí en Taboada até que son inseminadas e unha vez preñadas mandámolas para alí, onde son alimentadas con veza, pero unha vez que reagrupemos aquí toda a recría faremos varias racións diferenciadas no carro", avanza. En canto á fase de lactación, teñen as tenreiras en boxes, primeiro individuais e logo xa en grupos de tres. "Eu non son moito de amamantadora, prefiro os boxes, pero o que estamos facendo agora é xa reagrupalas de tres en tres antes do destete e logo xa van pasando a grupiños máis grandes en esterco. En Aldosende témolas en cubícolos e traémolas de volta para aquí dous meses antes de pariren", explica. Xuntan en boxes de tres prazas as becerras antes do destete e deste xeito conseguen que medren máis Para destetar non se basean tanto na idade senón en como come o animal, de maneira que se trata case dun destete individualizado a medida que van estando preparadas. "Miramos que coman un mínimo de catro quilos de concentrado ao día e aí é cando empezamos a destetar", explican. "Saen impresionantes, estamos cubrindo con 12 meses e eu xa digo sempre de broma que calquera día imos ter que empezar a inseminalas nos boxes polo tamaño co que saen", bromea Manuel.
Queremos empezar a dar ás becerras tres tomas de leite noso pasteurizado e empezar a xuntalas moito antes porque agrupadas medran moitísimo máis
"Neste momento damos dúas tomas de tres litros e medio cada unha pero outra das cousas que queremos pasar a facer é dar tres tomas do noso leite, en vez de lactoreemprazante. Aos tres días xa lles poñemos unha presa de penso e auga desde o primeiro día porque vaste dando conta de que a medida que van comendo máis, medran máis e crecen antes. Até que comen 2 quilos témolas con ese penso e despois desde os 2 ata os 4 quilos cambiámoslles a outro tipo de concentrado pero seguimos co leite. Eu penso que o maior segredo para que medren a esa velocidade está no leite. Antes destetabamos cando comían dous quilos de penso, agora non, agora agardamos ata os 4 quilos", detallan.
A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a produción das xovencas e mellorar as súas medias de leite ao primeiro parto
Fan un destete progresivo e están adiantando o reagrupamento dos animais. "Para destetar o que facemos é sacarlles unha toma e despois a outra, así non sinten nada o cambio cando lles sacamos o leite. Antes tamén tiñamos o costume de primeiro destetar e despois xuntalas, pero agora estámonos dando conta que é un erro, que é mellor xuntalas primeiro e logo destetar, medran máis así, se as xuntas antes, e estamos buscando a forma de adiantar ese agrupamento incluso", explican. A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a súa produción, mellorar as medias do primeiro parto e "non ter nunca xovencas paradas e coméndoche durante dous ou tres anos".
Medramos moi rápido até agora pero ultimamente xa estamos poñendo moito seme de carne porque non queremos medrar máis
Desde a súa creación SAT Seixas estivo volcada en aumentar o seu número de cabezas para poder acadar unha dimensión suficiente como para rendibilizar os investimentos realizados e facer viable o sistema de tres muxiduras diarias, pero agora o obxectivo é estabilizar a granxa. "Até agora inseminabamos todo con frisón e poñiamos sexado nas xovencas pero xa non queremos medrar máis e estamos xa case desbordados de recría, así que o que estamos facendo agora é poñendo sexado nas primeirizas e azul belga no resto, agás que sexa unha vaca que nos interese criar dela. Nalgunha xovenca que non nos interesa tamén poñemos carne, nese caso angus, por facilidade de parto. Ultimamente estamos traballando moito co sexado e seguramente acabemos poñendo só sexado para cubrir o reemprazo e carne no resto, porque os machos frisóns teñen moi pouco futuro", consideran. O "segredo a voces" dos xabaríns Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas Desde hai uns anos, esta gandería pon cara en primeira persoa a un problema xeralizado no agro galego: o dos ataques da fauna salvaxe. Os xabaríns destrozan ano si e ano tamén boa parte dos cultivos nesta explotación de Taboada, que xa probou todos cantos métodos había sen lograr resultados satisfactorios. "Probamos de todo: fixemos un investimento importante en pastores e pechamos todo con 25 pastores, pero iso era insostible, primeiro porque non era eficaz e logo porque tiñas que estar todos os días revisando os peches e repoñéndoos", din. Como aquilo non era solución ao ano seguinte probaron a pechar con malla de ovella unhas cantas fincas. "Ese ano funcionou moi ben, supoño que porque as outras estaban abertas e éralles máis cómodo ir ás outras, pero a medida que as fomos pechando todas xa empezaron a entrar por todos os lados. Logo puxemos malla de cadros pensando que esa non a furarían, pero entraban por abaixo. Usamos petardeiras, foguetes, cans, pero nada resulta efectivo. Ao xabarín non hai forma de controlalo, é un animal que se vai adaptando según lle vas poñendo atrancos, e cando o millo está en estado leitoso debe ser como unha droga para el e é imposible frealo a non ser que se fagan batidas razoables", defenden en SAT Seixas.
Hai Tecores que están colaborando con nós, facendo batidas cando hai danos, pero hai outros que non e aí é onde tiña que actuar a Xunta
Pero quéixanse de que non sempre atopan a receptividade agardada entre os cazadores. "O primeiro que fixemos foi falar con eles e o único que recibimos foron burlas e ameazas, pero desde que destapamos publicamente o problema, hai xente que empezou a colaborar con nós, cos gandeiros. Eu penso que nos últimos anos fixemos algo moi interesante, xa que fomos capaces de desmantelar ese segredo a voces que había aí oculto. Pero aínda hai outra xente que segue sen colaborar. Nós aquí temos fincas en cinco Tecores distintos e hai cazadores que en canto hai destrozos van e fan batidas, e iso minimiza os danos e fai que sexan asumibles, pero hai outros presidentes que levan décadas no cargo e que semella que seguen incrustados nas leis franquistas, pensan que todas as fincas son deles e non fan nada por axudar para evitar os destrozos. Aí é onde a Xunta tiña que tomar medidas e mirar a forma de buscarlles relevo para que entrara xente nova con outra mentalidade na directiva deses Tecores e con ideas adaptadas ás novas necesidades para poñerlle fin a este pesadelo que sufrimos as explotacións", defende Manuel, que calcula que "tranquilamente nos últimos anos podemos levar uns 600.000 euros de perdas e de gastos que se ven, porque hai outros que non cuantificas, como a terra que entra nos silos ou as vacas que enferman por clostridium. Os gastos son terribles. O ano pasado, por exemplo, foi horrible", din.
Calculan uns destrozos dunhas 20 hectáreas por ano, o que suporía máis de medio millón de euros en perdas desde que leva funcionando a SAT
Este ano nesta explotación optaron por mandar burofaxes aos cotos pero algúns deles actuaron unicamente para cumprir o expediente. "Viñeron facer unha batida con 5 persoas soamente para cubrir quilómetros e quilómetros de monte. Non podes vir nese plan", quéixanse. Ante a falta de colaboración están valorando dar un paso máis e presentar denuncias contra os Tecores e piden á Xunta, á que tamén se dirixiron con distintos escritos e peritación de danos, que se tome en serio o problema e actúe. "A solución aos danos da fauna salvaxe pasa pola ordenación do territorio. Con fincas de millo de só 2.000 metros cadrados rodeadas de monte é imposible resolver o problema", asegura Manuel. "Pídesenos que sexamos competitivos nestas circunstancias e cobrando os prezos do leite máis baixos de toda Europa. E aínda así en Galicia somos capaces de ser unha potencia producindo leite. Imaxínate que poderiamos facer se as condicións fosen outras", evidencia.

Xeou!, xeados da Ribeira Sacra con ingredientes naturais e entre o 40 e o 60% de leite

Montse co xeado de fresa recén sacado da mantecadora Nun pequeno obrador debaixo da oficina da granxa, a carón da sala de muxido, SAT Seixas transforma desde xuño de 2019 unha parte do leite que producen as súas vacas en xeados artesáns. O proxecto busca valorizar o seu leite, unha materia prima de primeira calidade que non sempre as industrias valoran como deberían. "Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Estaban os meus pais que non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel coas condicións que eles nos impoñen", denuncia Manuel. Levado un pouco por iso e tamén pola ilusión que sempre tivo de facer algo co leite das súas vacas, Manuel á súa muller, Montse, decidiron poñer en marcha unha iniciativa para levar dalgún xeito até o consumidor final o seu leite. Cando comezaron a darlle voltas a como darlle un valor engadido ao seu leite decantáronse polos xeados fronte a outros produtos como os queixos ou os iogures, porque pensaron que ese outro mercado podía estar xa máis saturado.
Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Os meus pais non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel
Aínda que neste momento a porcentaxe de leite que transforman é pequena, aspiran a poder incrementala. "Ogallá puideramos transformalo todo", din, aínda que prefiren de momento "seguir a pequena escala para poder mimar o produto e ofrecer un xeado gourmet de calidade". "Nós queriamos levar até o consumidor o que nós producimos, porque o consumidor cando vai ao supermercado merca algo que non se parece en nada ao que producimos os gandeiros. Aquí mimamos o produto, coidámolo e chegamos ao cliente cun produto de calidade", aseguran. Aproveitar o Camiño de Santiago Xeou! conta con tendas propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema de SAT Seixas, unha explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos. Neste momento contan con tres xeaderías propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa, onde comercializan tanto xeados como leite pasteurizado. No canto de decantarse por instalar os establecementos nas cidades, optaron por aproveitar que o Camiño de Santiago non pasa lonxe de Taboada. Bembibre está tamén moi preto do embalse de Belesar e das ladeiras do río Miño onde se producen os viños da Ribeira Sacra da subzona de Chantada. A súa idea sempre foi vender só nos seus establecementos, pero están a ter demanda por parte de distintos puntos de venda que queren contar tamén cos seus xeados.
Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema desta explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos
A explotación e o proxecto de transformación e comercialización do leite en forma de xeados son proxectos independentes pero que se poden axudar e complementar mutuamente. "Aquí non temos grandes industrias, temos o sector primario e o turismo. E pensamos en diversificar deste xeito, porque nos prezos do leite nunca temos garantía e se iso nun momento falla estarían as tendas dos xeados", razoan. O Camiño de Santiago era unha ruta que antes da actual pandemia movía milleiros de visitantes cada ano, e este ano estaría ateigado en pleno ano Xacobeo, pero o coronavirus frustou esas espectativas, así que neste momento é ao revés; o respaldo apórtao a gandería.
Tal como está o sector turístico e co investimento acabado de facer, o respaldo neste momento apórtao a gandería
Malia ao parón polo coronavirus, están convencidos do éxito de iniciativas coma esta. "En Galicia temos tantísimo potencial e tan mal explotado que é una mágoa. O Camiño de Santiago aporta moitísimas posibilidades. Cando abrimos no verán do 2019 en Portomarín, foras o día que foras desde as 4 da tarde ás 9 da noite vías a praza da vila ateigada de turistas e peregrinos. Temos aí un potencial que é terrible e témolo moi mal explotado, penso que Galicia está de moda e a esa xente que nos visita temos que ofercerlle produtos gourmet galegos", defende Manuel. Sen colorantes nin produtos químicos Os xeados fanse con leite e froita natural no seu momento óptimo de maduración Pero máis alá da afluencia de clientes, condicionada pola covid-19, Manuel e Montse están satisfeitos coa acollida que están a ter os produtos Xeou. "Os nosos clientes valoran a calidade que lles estamos ofrecendo, algo que non fan as industrias, que só se preocupan de meter leite nun cartón e cadrar os seus números a base de apertar e baixarlle o prezo ao gandeiro", di Manuel, que lembra a cara de satisfacción dos peregrinos xaponeses cando probaban o seu leite fresco pasteurizado.
Esa cremosidade e esa textura que diferencia os nosos xeados dalla o leite fresco recén muxido. Tan só pasteurizamos o leite por seguridade, pero é o único tratamento que lle facemos
"Dependendo do tipo de sabor, entre o 40% e o 60% dos xeados que facemos é leite", aclara Montse, que se encarga da parte de transformación e venda na xeadería e leva a xestión da granxa. "Elaboramos con leite recén muxido que é o que lle dá esa cremosidade e esa textura ao noso produto. Unicamente pasamos o leite por un proceso de pasteurización, é algo ao que nos obriga a normativa sanitaria. Logo mesturamos ese leite con produtos naturais, tratando de buscar tamén a orixe no resto dos ingredientes, como pode ser a fresa, a mandarina ou a avelá", explican. 30 sabores diferentes Un dos top venda é precisamente o xeado de avelá con chocolate. "É tamén o que máis traballo nos dá, facemos nós a pasta de avelá e é un sabor que non atopas noutros xeados", aseguran. Elaboran cada día xeados dun sabor diferente e van producindo segundo o consumo. "É un produto natural que é importante que se consuma canto antes e que non sufra cambios de temperatura. Se fas algo distinto é mais doado vendelo", razoa Manuel. O proceso é relativamente sinxelo. Co leite que vén do tanque de frío unha vez pasteurizado fan unha base sobre a que engaden o puré co sabor que toque ese día, elaborado con froita madura para que o azucre sexa natural, ao igual que o que aporta a lactosa do leite. Esa mestura de leite e froita pasa entón á mantecadora que tras un proceso de case unha hora devolve a crema inicial en forma de xeado. "Non hai segredos, o noso xeado non leva colorantes nin engadidos químicos. A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver nos xeados industriais. Por exemplo, o noso xeado de limón sabe a limón pero non é amarelo, é branco, porque o zume de limón é branco e non amarelo, e para que o xeado saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos", aclaran.
A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver na televisión. O noso xeado de limón é branco, porque o zume de limón é branco. Para que saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos
Neste momento contan xa cuns 30 sabores diferentes. "Unha vez que aprendes a técnica de facer os xeados, o resto é cuestión de ir probando e innovando nos sabores, nas mesturas de sabores e na formulación", indican. Nin Montse nin Manuel tiñan experiencia facendo xeados e tiveron que formarse. Viaxaron varias veces a Italia, onde fixeron cursos acelerados na Carpigiani University, preto de Bolonia, onde está a mellor escola de xeladería do mundo e visitaron xeaderías e feiras especializadas como a SIGEP. En Galicia contaron tamén coa axuda de Bico de Xeado, a empresa vinculada á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, outra das ganderías que nos últimos anos apostaron polos xeados para valorizar o seu leite. Formación para que as ganderías se animen a transformar Para aprender a elaborar xeados desprazáronse a Italia, onde realizaron varios cursos Para poñer en marcha o seu proxecto fóronlles concedidas dúas subvencións por parte da Xunta de Galicia, que "son positivas porque arrincar sempre é moi difícil", recoñece Manuel, que sen embargo considera que "tería sido moito máis útil que esa formación que nós nos tivemos que buscar pola nosa conta nola tivera facilitado a Administración, é dicir, que houbese algún programa de formación en Galicia que axudara ás explotacións que queremos transformar o noso leite a levar adiante o noso proxecto".
As subvencións están ben, pero axudaba tanto que houbera onde formarse. Nós idea de elaborar xeados non tiñamos e tivemos que ir aprender a Italia
Manuel opina que aí é precisamente onde está o futuro, a sustentabilidade e a rendibilidade para as ganderías polo que desde a Administración se debería apostar por estas iniciativas e non tanto por grandes proxectos industriais de multinacionais foráneas que se asentan en Galicia buscando materia prima barata. En SAT Seixas a maiores das entre 8 e 10 persoas que atenden a granxa, o primeiro ano chegaron a ter outras 5 persoas para elaboración dos xeados e comercialización nas súas tendas, postos de traballo que serven para crear riqueza e asentar poboación no rural.
Xestionar unha explotación é moito máis complicado que facer xeados
É o hábitat no que Manuel se sinte cómodo. Montse é madrileña e cando el ía vela aló "desde La Bañeza xa ía agobiado pensando en onde ía aparcar", di. Animan a outras granxas a dar o paso que eles deron porque malia tratarse dun mundo que require de certo grao de especialización, Manuel considera que "xestionar unha explotación é moito máis complicado ca facer xeados" e destaca o mérito dos gandeiros e gandeiras de Galicia, que nos últimos anos foron capaces de facer competitivas as súas granxas nun escenario de prezos baixos e déficits estruturais no sector, que seguen sen corrixirse. Unha vez máis, e pese a ter que atender moitas frontes, Manuel demostra ser "gandeiro por riba de todo".

Xan Couso, a unión de dous gandeiros da Fonsagrada para vender sen intermediarios

Carlos e José Manuel, xunto ás súas vacas nos prados da Fonsagrada Ofrecer ao consumidor a máxima garantía e calidade, ao igual que tamén dan ao seu gando os máximos coidados. Era o obxectivo que perseguían Carlos Fernández e José Manuel Méndez cando a finais do 2019 decidiron abrir a súa propia carnicería para servir directamente aos clientes a carne dos seus xatos. Nacía así Xan Couso, o nome que lle puxeron ao seu proxecto compartido estes dous amigos gandeiros da Fonsagrada, que pretenden pechar o círculo que comeza nos seus prados e remata nos pratos dos seus clientes. É o resultado da unión das súas inquedanzas e tamén do nome das súas casas e das súas explotacións, gandería Xan, de Pacios, e gandería Couso, de Peizais, dúas ganderías familiares de produción de carne de vacún que chegaron a Carlos e a José Manuel dos seus pais.
Aproveitaron que un establecemento pechou por xubilación en Castroverde para montar o seu negocio
"No 2008 incorporeime e no 2014 comecei a producir en ecolóxico", explica Carlos. Desde entón comezaron a darlle voltas a como valorizar a súa produción de calidade, non sempre dabondo recoñecida no prezo polos matadoiros e os intermediarios. "Eu sempre pensei en montar unha carnicería e cando a carnicería Quiroga de Castroverde, un negocio de toda a vida, pechou por xubilación aproveitamos a oportunidade", conta. Diversificar coa raza angus e coa tenreira ecolóxica Hai 5 anos mercaron en ganderías de Polonia 17 vacas e un touro de raza angus Gandería Couso, a explotación de José Manuel, conta cunhas 120 nais de raza rubia galega e a de Carlos, gandería Xan, outras tantas de razas como a asturiana, a rubia galega ou distintos cruces. Producen tanto en convencional como en ecolóxico para cubrir deste xeito as distintas gamas de produto que demanda o mercado.
Os animais que herdaron dos seus pais eran de raza rubia galega e asturiana principalmente
Tamén por iso hai 5 anos decidiron diversificar introducindo nas súas pradeiras da Fonsagrada animais de raza angus. Trátase dunha carne con maior infiltración de graxa e un sabor máis intenso, cunha demanda en aumento neste momento tanto na hostalaría como por parte de particulares.
A carne de angus é unha carne tenra e infiltrada, cun sabor intenso
"No ano 2016 marchamos para Polonia a comprar gando de raza angus. Visitamos unha serie de ganderías coas que contactaramos previamente desde aquí e enchimos un camión a medias con outros 2 gandeiros de Extremadura. Nós trouxemos 17 vacas e un touro. Buscabamos diferenciarnos con este tipo de carne, que pide a xente que lle gusta o sabor da carne", explica Carlos. Crianza natural en extensivo Hoxe o rabaño angus foi medrando e conta xa con 22 reprodutoras. Están mesturadas coas vacas das outras razas e cos xatos mentras son pequenos. Para tentar protexelos do lobo teñen mastíns, pero non evita que de cando en vez haxa baixas. "Os ataques son habituais, o ano pasado o lobo matounos 7 ou 8 xatos, van sempre a polos máis pequenos ou os que están máis débiles", lamenta Carlos. 
Fan silo na primavera e herba seca no verán para suplementar a alimentación cando vén a neve no inverno
Os animais son criados en liberdade nas pradeiras, polas que van rotando a medida que se esgota o pasto. Peizais está a unha altitude de 815 metros e Pacios a 860 pero Carlos ten fincas a máis de 900 metros, xunto ao parque eólico da serra do Muradal. Cando neva no inverno, ou nas épocas nas que escasea a comida nos prados, suplementan coa forraxe que recollen eles mesmos nos meses de abundancia, é dicir, rolos de silo e herba seca que fan na primavera e o verán. Unha aposta pola autosuficiencia máis necesaria, se cabe, nunha época coma esta, de prezos baixos e pensos altos. Pero a crianza en extensivo require de superficie dabonda que non sempre é doada de conseguir. Carlos manexa, por exemplo, un total de 115 hectáreas. Podería ter máis, xa que na zona quedan poucas explotacións e hai fincas abandonadas, "pero moitas veces é difícil convencer aos propietarios, a xente é reacia a alugar", lamenta. 
Sacrifican aos 10 meses e gardan os xatos dous meses antes para o proceso do acabado final
Os becerros maman das nais mentres teñen leite e dous meses antes de chegaren á idade de sacrificio son separados para o seu acabado final e lograr así unha carne máis tenra. "Matamos con 10 meses, tanto os angus coma os outros, e dous meses antes os xatos gárdanse para cebalos", detallan. Carlos manexa unhas 115 hectáreas de terreo, divididas entre convencional e ecolóxico Os que proban a súa carne valoran este xeito tradicional de crianza dos animais e o sabor que iso lle confire á carne, e a clientela aumenta pouco a pouco grazas ao boca a boca, aínda que arrincar no ano do coronavirus non axude. "A xente queda sen traballo e ten menos cartos e iso non axuda a vender a carne de tenreira. En momentos de crise o consumidor opta por carnes máis económicas, como poden ser a de porco ou a de polo, aínda que o prezo ao que nós ofrecemos a nosa carne é moi asequible, é un prezo xusto tanto para nós como para os clientes", destacan.
A súa intención é comercializar de forma directa o 100% da produción das dúas explotacións
A súa intención é dar saída ao 100% da produción das dúas explotacións, a de Carlos e a de José Manuel, a través da comercialización directa, aínda que neste momento esta vía absorbe unicamente arredor dun terzo da produción e o resto dos xatos teñen que seguir mandándoos aos matadoiros a través de intermediarios. Envíos a domicilio Chuleteiro de raza angus, unha das especialidades que ofrecen en Xan Couso Os clientes que se achegan á súa carnicería, ubicada na rúa Rosalía de Castro e que atende a irmá de Carlos, son tanto veciños de Castroverde coma doutras localidades da contorna, pero para poder ampliar o seu radio de acción apostaron case desde o comezo pola venda pola internet e os envíos a domicilio.
Confeccionan distintos lotes que fan chegar do prado ao prato dunha forma cómoda e sinxela
Cando na primavera pasada, ao pouco de abriren a carnicería, chegou o confinamento, decidiron ofrecer a través do facebook a súa carne. A experiencia foi positiva e animounos a continuar. Hoxe atenden a través da tenda online da súa páxina web pedidos de toda España, desde Asturias ou Castela a Madrid e Barcelona. Fan distintas elaboracións coa súa carne Confeccionan distintos lotes de carne que chegan, envasados ao baleiro, do prado ao prato dunha forma cómoda e sinxela. Os lotes son variados e inclúen distintos cortes e pezas. Fan tamén produtos elaborados que van desde carne rechea, pinchos morunos ou hamburguesas e o cliente ten variedade para poder escoller entre carne de angus, de tenreira convencional ou de tenreira ecolóxica, que se sacrifica baixo demanda para pedidos colectivos. Trátase en moitos casos dun perfil de consumidor que ademais de valorar o sabor e calidade do produto, sabe que coa súa compra está axudando a dous gandeiros a recibir un prezo xusto pola súa produción, máis aínda nun ano no que, a consecuencia do peche e as restricións na hostalaría, a caída de prezos na carne de vacún se está a notar especialmente, cun descenso de cotización moi notable que non se dá recuperado.  Un proxecto que permite fixar poboación no rural Pero ademais, os seus clientes están contribuíndo ao mesmo tempo "á sostibilidade económica, ambiental e social do medio rural", destacan en Xan Couso. Na Fonsagrada, o concello máis extenso de España, o despoboamento avanza, e, coma noutros lugares da montaña de Lugo, a gandería de vacún de carne segue a ser hoxe por hoxe unha das poucas actividades capaces de fixar poboación nestes entornos rurais.
"Os que mercan a nosa carne están contribuíndo á sostibilidade social, económica e ambiental do medio rural"
En Pacios, a aldea de Carlos, hai só media ducia de casas e en Peizais, a de José Manuel, na veciña parroquia de Neiro, outras tantas. Antón e Ania, os fillos de Carlos e Nazaret, son os dous únicos nenos da súa aldea, onde a media de idade pasa dos 70 anos. José Manuel e a súa muller, Rocío, tamén teñen unha cativa, Amanda. Por iso, o proxecto de Xan Couso é un proxecto de vida que vai moito máis aló do que é simplemente producir carne.

“Co coronavirus os que vendiamos nas feiras somos os máis prexudicados”

Cristina Prieto cos chourizos que fai no seu obrador, pegado á casa familiar en Xiá "Tiven bos mestres, os meus avós Herminia e Ángel e os meus pais Basilio e Manuela", afirma Cristina Prieto. É o segredo, di, dos seus chourizos, que triunfan nas feiras ás que vai. Son chourizos da casa, feitos de xeito artesán de cochos criados sen penso, afumados e curados sen présa e logo vendidos sen intermediarios. "Desde pequeniña sempre me gustou ir ás feiras co meu pai, o día antes xa non durmía da emoción", lembra Cristina. Esa mesma emoción é a que lle segue a producir aínda a día de hoxe. "Estou contenta de adicarme a isto, para min é moi gratificante", afirma esta moza de 29 anos que fai 4 decidiu montar Embutidos y Salazones Ferreiro e manter ese saber herdado.
Desde pequeniña sempre me gustou ir ás feiras co meu pai, o día antes xa non durmía da emoción
"Empecei no 2017, aínda que faciamos chourizos de sempre para a casa e cando sobraban levábanos os meus pais ás feiras da zona, como á de Parga. Eu empecei así da nada tamén fai 4 anos, levando unhas ducias de chourizos ás feiras", conta. A ferreiriña pequena Eses chourizos que fai Cristina son chourizos da casa e, loxicamente, levan o nome da casa, Casa Ferreiro. "O meu tataravó e o meu bisavó eran ferreiros e a min os máis vellos do lugar aínda me siguen chamando a ferreiriña pequena", di fachendosa. Pero Basilio, o seu pai, non se adicou á forxa, senón ao forno de leña. "Empezamos cunha panadaría, Panadería Ferreiro, tivémola moitos anos e agora témola alugada, quedou con ela un empregado. Porque tamén tiñamos vacas e un día o meu pai un día dixo que el era feliz coas vacas e que quedaba con iso. Eu estiven 7 anos traballando co meu pai na panadería pero decidín adicarme ao que me gustaba, que era facer chourizos", resume Cristina.
Coa panadaría quedou un empregado e eu decidín adicarme ao que me gustaba, que era facer chourizos
Así que coa axuda do seu pai, que de mozo fora tamén albanel, amañaron unha vella palleira pegada á casa e á panadaría para o obrador dos chourizos. Conta cunha sala de elaboración, tres cámaras e un secadeiro. "Case toda a obra fixémola eu e o meu pai axustándonos ás condicións marcadas por Sanidade", conta. Sen intermediarios Cristina tamén fai salazóns para vender nas feiras coas partes do porco que non van para chourizos Esa mesma filosofía do faino ti mesma é a que aplica Cristina ao seu negocio. "Fago eu todo o proceso, non teño empregados. Elaboro e comercializo eu directamente nas feiras. Este é un produto sen intermediarios", destaca. Vende en Friol, na feira que hai cada primeiro domingo de mes; en Betanzos, que cadra o día 1 e o 16; en Curtis, os días 9 e 23 de cada mes; en Perlío, o segundo e o cuarto domingo; e en Parga, o último domingo do mes e o que cadra entre o día 9 e o 15.
Cristina acode ás feiras de Friol, Parga, Betanzos, Curtis e Perlío
É o calendario comercial básico de Cristina, que tamén fai venda directa no propio obrador en Xiá. "Hai xente que me chama e me fai encargas e me ven mercar aquí á casa. O boca a boca non falla", asegura. Tamén ten un acordo con Suso e a súa muller Isabel, que levan a panadería, do que se benefician mutuamente: Cristina lévalles pan ás feiras e eles os chourizos nos seus repartos.  Os efectos da pandemia "As feiras foron moito a menos esta tempada, nótase moitísimo, aínda que a xente comer ten que comer. Pero con isto do coronavirus os que vendiamos nas feiras fomos os máis prexudicados", asegura. Nas feiras Cristina daba a probar os seus chourizos e agora tampouco se pode. "É algo que tamén se nota, porque antes cortabas un chourizo e xa co olor viña todo o mundo", di. Hoxe é mesmo difícil calcular cantos chourizos levar. "Ao non levar conservantes artificiais é un produto máis delicado que procuro que non me sobre para non ter que traer de novo para a casa", explica. Elaboración segundo demanda Cristina vai facendo chourizos segundo as vendas. "Vou producindo segundo a demanda, pero elaboro todas as semanas polo menos un día. Voume adaptando, unhas semanas igual fago 400 quilos e outra ao mellor só 200 en función das feiras que haxa e do stock que vou tendo, para que non se me curen moito", explica, porque "ao ser caseiros e non levar conservantes químicos non podes deixar que se sequen moito", asegura. Envasar ao baleiro é o método que emprega para conservar eses chourizos máis curados. Son bolsas de 5 unidades, cun peso de entre 400 e 500 gramos dependendo do grado de curación dos chourizos e do seu tamaño. "Para embolsar teñen que ir ben curados e así ao baleiro teñen un consumo preferente de 6 meses, aínda que aguantan en perfectas condicións moito máis tempo", indica. Porcos alimentados sen penso Cristina merca os porcos para facer os chourizos a un produtor de confianza porque, a demais de na elaboración, a diferenza tamén está na materia prima, di. "O produtor que me surte a min non lle dá penso aos porcos e ás veces tamén acabo de cebalos eu aquí na casa. Só son alimentados con comida da casa, porque os cochos que comen penso non valen para facer este tipo de chourizos", afirma. Os porcos tamén son máis grandes ca os que se empregan para a elaboración a nivel industrial. "A carne para isto é mellor canto máis grandes son os cochos. Estes pasan dos 120 quilos. Para facer estes chourizos hai que deixalos que medren, a materia prima é moito mellor así que se son porcos noviños", defende.
Aproveito toda a carne para os chourizos. Estes non están feitos de recortes, os bistés e os xamóns van tamén nos chourizos
Cristina fai ela mesma o despece do porco e a selección da carne para a zorza. "Aproveito toda a carne para os chourizos. Estes chourizos non están feitos de recortes, os bistés e os xamóns van tamén nos chourizos", destaca. O que non vale para facer chourizos, como a cachucha, as patas, a costela, o touciño ou o rabo, vai para salgar, unhas salazóns ás que despois tamén lles dá saída nas feiras. Picado da carne e atado á man "Proceso normalmente dous cochos de cada vez. Chega o porco en canal do matadoiro e fago aquí o despece. Logo pico á man a carne porque así non queda o chourizo tan compacto e saen máis xugosos porque os anacos de carne van máis enteiros na zorza e así garda o seu zume", explica.
A carne non vai machacada ao cortala á man e garda o zume. Así os chourizos saen máis xugosos
Logo Cristina prepara a zorza só con ingredientes naturais. "O único que leva é sal, allo, pemento doce e pemento picante. O sal e o pementón son os únicos conservantes que levan estes chourizos", destaca. Ao día seguinte, antes de facer os chourizos hai que remexer a zorza e probala, "como se fixo toda a vida, por se hai que correxir algo", di.
O sal e o pementón é o único conservante que levan
"Despois embuto e ato tamén á man, como se fixo sempre", engade. Atar 1.000 chourizos deste xeito non é unha broma pero Cristina lévao con humor: "a primeira tripa é de proba, pero logo xa che van as mans soas", ri. A tripa tamén é natural, por iso uns chourizos saen máis grosos e outros máis delgados, porque así son tamén as tripas. "As tripas non son todas iguais e por iso os chourizos non saen tampouco iguais. Hoxe hai tripas plásticas e dunha pila de cousas, pero eu só uso tripa natural de porco", conta. Afumado e secado de 1 a 2 semanas Unha vez feitos e atados os chourizos, comeza o proceso de curación. "Cólgoos e déixoos pingar ese día e ao día seguinte xa lles dou calor e os afumo igual que se facía antes", defende unha vez máis. Para aproveitar sinerxias, Cristina trae para o seu secadeiro as brasas da panadaría que saen do forno de leña antes de cocer o pan.
Teño para gustos, uns lévoos máis frescos e outros máis curados
Os chourizos están no secadeiro entre unha semana e 15 días, en función da curación que queira obter e da feira á que acuda. "Hai clientes de todo tipo, en Betanzos, por exemplo, quérenos máis frescos polo xeral, mentres que en Friol, en cambio, prefríenchos máis curados. Eu levo un pouco de todo para ter para gustos", explica.
Non ten nada que ver cun chourizo de carnicería. É manter o proceso igual que se facía nas casas. O único que cambia é a embutidora, que non embuto co pau
Cristina está contenta co seu traballo e co resultado. "Non ten nada que ver cun chourizo de carnicería. É manter o proceso igual que se facía nas casas. O único que cambia é a embutidora, que non embuto co pau", evidencia. Aínda que non ten horarios e hai días que se ten que levantar ás 5 da mañá para elaborar ou para ir ás feiras, a ferreiriña pequena bota a vista atrás satisfeita: "cambia a cousa de verte de pequena, que che daban unha pouca de zorza para que te entretiveras o día que se facían os chourizos na casa, a verte hoxe facéndoos ti e vivindo diso".

“Estamos coa concentración parcelaria desde fai 20 anos e aínda non se deu acabado; así non podes nin pechar en condicións”

Na actualidade teñen gando frisón e de razas autóctonas como rubia galega, cachena, frieiresa ou caldelá No val do Carrio, no corazón de Galicia, atópase a explotación que Felipe Varela herdou dos seus pais, Manuel e María del Carmen. "Inicialmente era unha gandería de leite e no seu tempo fora unha das primeiras estabulacións libres que viñera para esta zona", explica Felipe. Hoxe a explotación cambiou a produción de leite pola carne e conta cunhas 30 cabezas en extensivo que subministran directamente ao negocio familiar, unha carnicería situada no centro mesmo de Lalín. "A carnicería montouse no ano 1992. Houbera unha crise no sector da carne para vender os becerros. Os meus pais xuntáranse con 20 xatos xuntos na casa sen ter a quen vendelos e decidiran montar eles mesmos unha tenda para darlles saída. Tiña eu daquela 12 anos", lembra.
A carnicería montárona no ano 1992 porque "non había a quen venderlle os xatos", así que decidiron abrir unha tenda para darlles saída
 Tanto a explotación como a carnicería está agora a nome de Felipe, que estudou informática pero decidiu seguir os pasos dos seus pais aínda que modernizando o negocio. Desde fai 5 anos a tenreira de produción propia e os chourizos e salazóns de porco elaborados de xeito tradicional comparten espazo na Carnicería Varela co polo sacrificado seguindo o rito musulmán halal, o cuscús, o té ou as especias exóticas. Reconducindo a explotación cara a angus O touro angus da explotación, que introduciron coa idea de vender carne desta raza na carnicería Á par que manter a tradición, buscar a diferenciación é unha das máximas de Felipe, disposto sempre a innovar e probar cousas novas procedentes doutras latitudes. Por iso na actualidade está a reconducir a súa gandería de vacún cara a raza angus, de orixe escocés e moi demandada a día de hoxe en todo o mundo pola calidade da súa carne. "Nós na explotación temos vacas de distintas razas, desde razas autóctonas como a rubia galega, a frieiresa, a cachena ou a caldelá a tamén algunha frisona que aínda queda e que viña de atrás, de cando se producía leite, pero neste momento temos un touro angus porque a idea é ir pasando a explotación a angus", conta.
Temos vacas de distintas razas como rubia galega, frieiresa, cachena, caldelá ou frisona pero estamos criando un touro angus e a idea é pasar a explotación a angus
Pero polo de agora a cabana é variada, igual que a gama de produtos que Felipe ten na carnicería, e todas as razas se levan ben e comparten parcelas, coma o chourizo e o cuscús na tenda. As vacas da gandería están en extensivo pero, aínda así, non deixan de dar traballo, sobre todo porque o Val do Carrio é un deses lugares de Galicia onde reina o minifundio. "Estamos coa concentración parcelaria na parroquia desde fai 20 anos e aínda non se deu acabado; así non podes nin pechar en condicións", evidencia. Semella que nestas cousas da terra aínda prima tamén a tradición sobre a modernidade.

Chourizos de Lalín O´Carrio elaborados de xeito tradicional e carne con certificado halal

Felipe, na carnicería que ten en Lalín, cos chourizos que elabora seguindo unha receita da súa familia Atopándose en Lalín o porco tiña que ser tamén un dos protagonistas do negocio. Coa marca O´Carrio a Carnicería Varela comercializa uns chourizos de elaboración propia feitos de forma tradicional, seguindo unha receita familiar, que triunfan na época do cocido e fóra dela. "Aprendín a facelos da miña nai e son elaborados de xeito totalmente artesán e curados igual que se curaron sempre nas casas", asegura.
Fan venda directa da carne de vacún da explotación e mercan os porcos a outros produtores da zona seleccionando a materia prima en orixe
Para facer os chourizos os porcos non son de produción propia, como acontece coa tenreira, porque o tempo é limitado e a Felipe non lle dá xa para máis, pero coidan de facer unha boa escolla da materia prima. "Para os chourizos compro magro, xa selecciono en orixe a carne", explica. Produtos para a clientela musulmá Ademais de manter a venda directa da carne de tenreira da explotación e de elaborar chourizos de porco ao estilo tradicional, outro dos sinais de identidade da carnicería é a venda de produtos halal destinados á comunidade musulmá.
Levan 5 anos comercializando carne de tenreira e polo con certificado halal para a comunidade árabe
"Somos unha das primeiras tendas de España que mesturamos produtos halall e carne e derivados do porco. Levamos 5 anos comercializando carne de tenreira e polo con certificado halal e neste tempo conseguimos gañarnos a confianza da comunidade musulmá, até o punto de que agora até facemos bromas e lles ofrezo tamén chourizos", asegura Felipe.
Conseguimos gañarnos a confianza da comunidade musulmá. Somos unha das primeiras tendas de España que mesturamos produtos halal e carne e derivados do porco 
Nos estantes os produtos exóticos como cuscús, sémolas, especias ou té comparten espazo con viños, queixos ou mel galegos. "Aos nosos clientes musulmáns gústalles moito o mel que temos en Galicia", di. Nun lugar aparte está a tenreira e o polo con certificado halal que a Felipe lle subministra un provedor musulmán directamente do matadoiro, vixiando deste xeito a trazabilidade do produto e os condicionantes para cumprir coa certificación halal.

Eurolemos, un santuario das razas autóctonas galegas

Mari Carmen e Ramón, na súa tenda, ubicada en Monforte de Lemos, cos produtos que eles mesmos producen Se no sur da provincia de Lugo hai un lugar de referencia para as razas autóctonas galegas, ese espazo atópase no número 15 da rúa Chantada de Monforte. Alí é onde Ramón e a súa muller Mari Carmen teñen unha tenda de alimentación na que dan saída a todo canto producen, que non é pouco, desde carne de vaca cachena, porco celta ou galo de Mos a ovos, embutidos, produtos da horta, marmelo ou mel das súas propias colmeas. O nome do establecemento xa é toda unha declaración de intencións: chámase Eurolemos Autóctono. E nada máis entrar queda clara a filosofía do local e dos seus propietarios, a de apostar pola calidade. Cartelería e folletos explicativos sobre as bondades e a forma de cría de ovellas, porcos, vacas e galiñas galegas e que informan sobre as características diferenciais da carne destes animais reciben ao cliente (e aos peregrinos que pasan por diante camiño a Santiago) anticipándolle o que van atopar no interior.
A min o que me gusta é facer cousas diferentes e ter o que non ten todo o mundo. Hoxe en día hai que especializarse
Ramón recoñece que vende tamén outro tipo de carne de tenreira ou de porco porque hai que ter para todos os gustos (e petos) pero sempre que ten oportunidade convida á súa clientela a levar as razas que el mesmo cría, convencido de que quen probe repetirá. Dubido que haxa mellor comercial para as razas autóctonas que unha persoa coma el, que leva 20 anos de carniceiro, desde nada máis cumprir os 18. "Levo 15 anos nas asociacións de razas autóctonas galegas integradas en Boaga, como Avimós, Asoporcel ou Cachega e participando nas súas actividades", destaca. Importante labor de promoción No 2014 comezaron a criar vacas cachenas "Hoxe en día hai que especializarse", asegura, a mesma recomendación que fai aos negocios de hostalaría para superar a actual crise xerada pola pandemia sanitaria. Ramón sempre que pode é dos que está disposto a organizar degustacións en feiras, bares ou restaurantes para dar a coñecer a calidade dos seus produtos e decantar ao consumidor cara as razas propias de Galicia para apuntalar un proceso de recuperación que pouco a pouco vai gañando espazo timidamente no mercado. "Son produtos todos en perigo de extinción, algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus", indica.
As feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están
Él é dos que outorga neste camiño unha importancia vital á promoción. "Fixen unha neveira pequena portátil específica para levar ás feiras", conta. É habitual velo tanto con animais como con produtos na Semana Verde de Silleda, en Expolougo, en Xantar de Ourense ou noutras citas locais como a Feira de Santos de Monterroso. Moitas delas non se celebraron este ano por mor do coronavirus, pero Ramón defende a utilidade destes mercados de proximidade. "Todo este tipo de mercados pegou un golpe grande con isto da pandemia. Levamos un ano parados, coa desculpa do coronavirus estanse facendo moitas cousas sen sentido, pero eu penso que as feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están", evidencia. Dar saída ao que eles mesmos producen Elaboran distintos produtos, como chourizos, salchichóns ou marmelo caseiro Moitos dos produtos que un se pode atopar en Eurolemos son de produción propia. "Nós vendemos moitos produtos nosos ademais da carne, como ovos, grelos, verzas, castañas, cabazas, mel, marmelo caseiro, chicharróns, manteca de porco celta, chourizo, salchichón. Moitas cousas son limitadas e puntuais. Por exemplo, fai dous meses matei unha vaca de 5 anos e fixen cecina e chourizo con ela engadíndolle un 20% de graxa de porco celta", explica Ramón.
Son produtos algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus
Pero ademais dos produtos propios, na súa tenda hai tamén mercadoría doutros produtores da zona, como os lácteos de Casa da Fonte, a gandería que elabora queixos e iogures no veciño concello de Pantón, onde eles teñen tamén as súas cachenas. "Hai outros criadores de razas autóctonas aos que tamén lles damos saída nós ao produto que eles producen", conta Ramón. Diversificar a produción Ademais de cachenas teñen ovella galega e galiña de Mos e están a aumentar con reprodutoras de porco celta "Matamos entre 3 e 4 xatos ao mes entre os nosos e o de outros produtores. Sacrificamos os animais cando teñen entre 10 e 12 meses, con entre 110 e 130 quilos a canal. Cando foi do confinamento pola covid-19 xente que antes levaba medio becerro levouno enteiro. O que temos dámolo vendido e máis non damos feito porque atendemos nós os dous sós tanto a carnicería como a explotación e non se pode estirar máis os pés do que dá a manta", engade. Por iso, máis que ampliar en volume ou número de cabezas o que queren é diversificar a produción. "Queremos seguir vendendo un pouco de todo coma sempre, pero o que nos interesa é sobre todo vender o noso e ter variedade, porque ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción. Así que ademáis das cachenas queremos ampliar con porco celta e outras cousas", avanza.
Ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción
Ramón ten tamén seis exemplares de ovella galega e 10 nais reprodutoras de porco celta que quere ir aumentando até chegar ás 20. Contan tamén con 16 colmeas nun colmear ubicado a 20 quilómetros de Monforte, enriba dos Peares. "Tiñamos máis de 20 colmeas, pero o ano pasado despois de sacar o mel metíanse dentro as velutinas e atacáronas moito", conta. Do medio cento de galiñas de Mos que teñen comercializan os ovos, que venden a 4 euros. Malia a diferenza de calidade, na súa zona moita xente aínda ten galiñas na casa para autoconsumo e consideran que é por iso que non hai moita demanda e son pouco valorados ovos como os que eles teñen á venda na súa tenda, pero en entornos máis urbanos ou mesmo fóra de Galicia son moi aprezados. Agora están preparando o obrador que teñen en Monforte para poder etiquetar alí os ovos e non ter que levalos a envasar a Fontefiz,  en Ourense, onde se atopa a sede de Avimós, a asociación que reúne aos criadores da única raza recoñecida de galiña autóctona gallega. "A produción destas galiñas é menor, pero a calidade é moito maior. Para facer un polo de Mos de dous quilos e medio fai falta un ano, catro veces máis tempo que para criar un polo industrial, igual que un xato de cachena pesa ao ano menos da metade que un xato de cebadeiro. Son produtos de baixo rendemento pero de gran calidade", destacan. 

Das avestruces ás cachenas de Pantón

A Ramón véselle destreza como vendedor e como carniceiro, pero onde realmente disfruta é como gandeiro. "Cando empezou o coronavirus para non estar tanto tempo expostos empezamos a abrir só polas mañás a carnicería e así temos as tardes para atender o gando. Na explotación é onde mellor se está sen pelexar coa xente", di medio en broma medio en serio. A súa filla Romina cun ovo de avestruz "Sempre me gustaron moito os animais e ir probando cousas diferentes. Houbera unha época hai 15 anos na que houbera un boom das avestruces e probei con tres e logo fun aumentando. Daquela cada exemplar podía custar case un millón de pesetas. Aínda teño algunha e véndolles tanto os ovos como as crías pero cebar para carne non compensa moito porque aínda que un zanco de avestruz pode dar tranquilamente 15 quilos de carne e ten un sabor totalmente distinto ao polo ou ao pavo, non hai moitos matadoiros autorizadas onde sacrificalas e non compensa moito o gasto de cebalas durante un ano e os portes e custos de matanza. Ás avestruces saqueilles cartos durante uns anos, pero houbo outra xente que investiu moito nelas e acabou arruinándose. Eu despois o que fixen foi cambiar as avestruces polas galiñas de Mos. Incubadora xa tiña, antes collíanme 50 ovos de avestruz e agora 1.000 de pita", conta.
Cada ovo de avestruz, que se pode comer frito, asado, en revolto ou en tortilla, equivale a dúas ducias de ovos de galiña
Pero a súa verdadeira paixón son neste momento as vacas cachenas. Ten unhas 40 cabezas repartidas en distintas fincas tanto a carón da casa en Monforte como en Ferreira de Pantón. "En Monforte teño 9 e en Pantón dous lotes con 18 cabezas en cada grupo. Están sempre fóra en fincas de 7 e 8 hectáreas con auga nas fincas e o único que lles damos é herba seca. Pero eu non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento", matiza. "No ano 2014, cando comecei coas cachenas, tiñamos unha vaca para limpar arredor da casa e para muxir o leite para autoconsumo. Cando decidín ampliar, de todas as carnes de vacún galego que eu probei noteille diferenza á cachena, as outras razas son máis parecidas no sabor á rubia galega, pero nesta o sabor é diferente, máis forte, estaría entre a carne de tenreira e a de boi, cunha textura tamén diferente porque é unha carne máis compacta que non merma nin solta auga. E como a min sempre me gustou ir a contracorrente e un pouco ao revés para non ter o mesmo que teñen os demais apostei por meter cachenas, que é unha raza anana, máis pequena e que produce menos quilos, por iso quizais haxa menos, aínda que está en proceso de recuperación", razoa. A aquel primeiro exemplar, de nome Cartera, sumáronse enseguida outras femias e un touro, chamado Curro, e a gandería medrou axiña en poucos anos. 
O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne, vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis
"A primeira que touxen merqueina no Faro, en Chantada, a un criador do que hoxe son moi amigo e ao que lle compro os becerros da súa explotación para comercializar aquí na carnicería. Vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis. Nós sacrificamos só os nosos machos, pero as femias van para vida todas. Vendémolas a 400 euros. Dache pena sacrificar esa xeración e tamén serve para seguir extendendo a raza, que segue en perigo de extinción. Nós temos todo certificado e dado de alta, polo que a nosa recría vai con todas as garantías, procuramos facer as cousas sempre o mellor posible. O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne", asegura. Con todo, coa carne de cachena pásalles un pouco como cos ovos de galiña de Mos e case venden máis para fóra, con envíos a toda España, que para a zona de Lemos. 40 reprodutoras en 60 hectáreas de terreo Moitos veciños cédenlles as fincas para que llelas limpen A explotación de Ramón e Mari Carmen, coñecida co nome de Cachenas de Pantón, ten hoxe unhas 40 vacas reprodutoras en pastoreo extensivo en distintas fincas que suman unhas 30 hectáreas de superficie. A maiores a gandería conta con outras 30 hectáreas de terreo destinadas a facer herba seca para o inverno e para outras épocas do ano nas que escasea o pasto, como pode ser, nesta zona do sur da provincia de Lugo, o mes de agosto e setembro se vén seco. "Se o tempo é bo e hai que comer botas dous meses sen darlles herba e se non hai pasto gastamos dous rolos cada día", explican.
En seis anos pasamos de ter unha vaca a ter 40 porque o terreo a xente dacho para que llo limpes. Pero hoxe xa temos o cupo cuberto. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade
Este ano Ramón fixo uns 700 rolos de herba seca. "Facemos nós todo, temos maquinaria e non dependemos de ninguén para facer os traballos". "O terreo a xente dacho para que llo limpes pero hoxe temos o cupo cuberto, chéganos moito atender a todo. E preferimos ter menos dunha cousa e ter máis variedade. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade", engade. Animais moi agradecidos Fan uns 700 rolos de herba seca para suplementar o pasto nas épocas nas que escasea A única forraxe que empregan na actualidade é herba seca, aínda que algún ano ten feito silo de herba tamén. "Probei a ensilar algún ano, pero non lle vin moito resultado e o custo engadido que ten o silo sobre a herba seca é duns 6 euros por rolo porque eu non teño máquina de encintar. Eu penso que o silo é bo para o leite pero as pradeiras desta zona son un luxo para elas, porque o seu hábitat natural son zonas de montaña con moita pedra e pouco alimento", afirma.
Non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento, porque o sabor da carne é distinto a das demais
"Estes son uns animais moi agradecidos, que están acostumados a criarse fóra, á auga e ao frío, á intemperie, e a defenderse doutros animais como os lobos. Pero tamén teñen boa memoria, á persoa que un día lles faga algún dano fíchano para toda a vida", asegura. Ademais do sabor da súa carne, a Ramón gústalle a conformación estética da raza cachena e tamén o seu carácter. "Son unhas vacas ás que a xente lles ten medo polos seus cornos grandes, pero son uns animais moi nobles, de feito era un gando co que se facían os traballos agrícolas. Se te fixas, as casas de Entrimo, Olelas e esa zona da que son orixinarias tiñan as cortes cos dinteis das portas baixos, porque eran animais pequenos, pero anchos, polos cornos", describe. El hoxe exhíbeos con fachenda na súa carnicería.

Vacas de Chandeiros SC, as cachenas cortalumes do Incio

José Armesto é unha persoa con iniciativa. Nada máis poñerse a falar con el saen un cento de proxectos nos que desde fai anos pon todo o seu empeño para sacalos adiante. O último no que está a traballar é en facer realidade unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, a nova ferramenta de xestión do territorio coa que a Xunta de Galicia quere combater os incendios forestais. José foi clave para convencer aos veciños para que cederan as súas leiras, moitas delas abandonadas desde hai anos, para este proxecto que está a piques de ser unha realidade. Os traballos de peche das 14 hectáreas avanzaron nos últimos días e José agarda poder botar as vacas nas vindeiras semanas para que empecen a facer o seu traballo de desbroce. "É unha zona moi bonita pero moi difícil de traballar pola forte pendente que ten, se non é con gando sería imposible de domesticar e de manter limpa. No mes de marzo pasáronlle a desbrozadora a todo e no outono volve ter xa maleza. Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando", considera.
Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando
En Trascastro van meter cachenas. Desde fai nove anos son xa as encargadas de limpar todas as fincas que hai desde o pobo até o alto de Chandeiros e a partir de agora ampliarán os seus dominios para pacer tamén as leiras que rodean as casas polo outro lado, a zona que pola parte baixa desemboca no río Cabe. Deste xeito Trascastro quedará completamente rodeado de pastizais e protexido contra o lume, que é o que José persegue coa súa iniciativa, para a que encontrou tamén a total implicación do Concello. "O obxectivo principal é ter a aldea limpa e protexida dos incendios e ao mesmo tempo crear riqueza no pobo a través do gando", di. Moito papeleo A aldea modelo exténdese cara ao río. Pola outra parte de Trascastro xa pacen as vacas de José desde o 2011 José considera que a idea das aldeas modelo pode ser "unha ferramenta moi útil para o rural" pero recoñece que se trata dun instrumento legal "moi difícil de arrincar". "A que imos poñer en marcha en Trascastro son máis de 200 fincas de máis dun cento de propietarios diferentes para só 14 hectáreas. Resulta moi complicado dar con todos os propietarios, xa que moitos deles teñen paradoiro descoñecido, polo que en moitas fincas hai que facer investigación para chegar ao dono", explica.
A aldea modelo é unha ferramenta moi útil para o rural pero é difícil de arrincar porque ten moito papeleo e moita burocracia
Pero unha vez localizado vén outro problema: "ten moito papeleo e moita burocracia, os propietarios das fincas teñen que asinar papeles e documentos unha ducia de veces e iso asusta moito á xente, porque en moitos casos trátase de xente maior que se bota para atrás por iso", engade. Por iso José avoga simplificar no posible os mecanismos legais establecidos para facer máis áxil a agrupación das fincas ou, do contrario, teme que sexan poucas as aldeas modelo que se logren constituír en Galicia, do mesmo xeito que outras ferramentas para a xestión conxunta do territorio, como as SOFOR no caso dos montes, demonstraron unha limitada eficacia. 10 anos agrupando fincas As parcelas, nas que antigamente se sementaba cereal, estaban a toxos e xestas desde facía anos O xerme da que será unha das primeiras aldeas modelo de Galicia en rematarse é a explotación gandeira que José puxo en marcha no ano 2011 xunto a outro veciño, José Casanova, e que conta na actualidade cun cento de cabezas de gando de raza cachena. Leva o nome de Vacas de Chandeiros SC, o alto no que conflúen as 70 hectáreas de superficie que foron xuntando nestes anos.
O futuro da gandería pasa por xuntar fincas e gañar superficie, non hai outra maneira
Para a xestión da aldea modelo vaise constituír unha nova empresa, na que vai entrar o seu fillo Adrián, pero será tamén unha gandería en extensivo de vacas cachenas. "A aldea modelo non dista moito do que fixemos nós estes anos a nivel privado pero empregando a ferramenta que ten agora a Xunta para iso", argumenta José. O proxecto de Vacas de Chandeiros arrincou hai case dez anos para poñer a producir fincas en desuso dos veciños. "Eran terreos nos que se botaba cereal para pan pero levaban xa ben anos a xestas. Empezamos amansando o terreo e desbrozando o mato que había de toxo e xestas. O tractor de 200 cabalos non se vía no medio delas", lembran. Fan venda directa dos becerros e recrían as femias para vida, tanto para eles como para outras explotacións Os dous socios suman arredor dunhas 20 hectáreas en propiedade e pouco a pouco foron apezando outras parcelas, mediante acordos cos veciños, aos que lles pagan unha renda anual, até xuntar as actuais 70 hectáreas, que se incrementarán en 14 máis co proxecto da aldea modelo.
Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer
"Neste momento temos 70 hectáreas todas enlazadas, pertencen a parcelas distintas que fomos xuntando e unificando co acordo dos veciños. Moitas eran fincas pequenas de 500 metros e hoxe a parcela máis pequena ten 8 ha e a máis grande 35. O futuro da gandería pasa por iso, hoxe non hai outra maneira de facelo, eu non poido estar todo o día gardando as vacas coma antes nin cambialas a diario dun lado para outro. Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer", opina. Produción en ecolóxico Fixeron uns comedeiros especiais nos que só entran os becerros para poder cebalos nas pradeiras A explotación conta hoxe con 70 nais reprodutoras e un touro, máis os becerros de cebo e as xatas de recría nacidos neste ano. "Empezamos con só 6 cachenas, que fomos buscar ao Xistral. A partir de aí fomos recriando e comprando apostando sempre por esta raza. Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos", xustifica.
Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total
Desde o comezo están en produción ecolóxica e tratan de facer venda directa para lograr maior rendibilidade. "Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total", defenden. Só sacrifican os machos, xa que as femias van para vida. "As xatas van todas para recría, parte para nós e parte para outras explotacións que nos queren comprar", explica José. O cebo dos becerros faise con cereais e pensos ecolóxicos, sobre todo millo e unha mestura triturada de trigo, millo e cebada. Entre 750 e 950 metros de altitude Para cambialo de finca José chama polo gando e este ven tras del. Mesmo o touro lle espera a man No alto de Chandeiros fai vento todo o ano e a invernía déixase notar con forza. Por iso, aínda que o gando está sempre fóra, en extensivo, tratan de adaptar o manexo á climatoloxía da zona. "O punto máis alto está a 950 metros de altitude e as fincas de máis abaixo, as que están máis preto das casas da aldea de Trascastro, están a 750 metros. O que facemos é que a medida que vai vindo o inverno ímolas baixando desde as fincas máis altas cara as de máis abaixo, porque se no alto a neve aguanta unha semana abaixo dura só un día", explica José.
Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos
"O inverno forte son tres meses, os de decembro, xaneiro e febreiro, logo dura un pouco máis, pero xa é máis suave", engade. Suplementan con forraxes recollidas nas propias parcelas para garantir a súa procedencia ecolóxica e aos becerros téñenlles comedeiros adaptados para que só eles poidan entrar a comer o penso. Están unidos a unha tolva e vanos movendo co tractor a medida que cambian o gando de parcela, posto que todos os animais, unhas 100 cabezas, están nun único lote. "Traballamos cunha única manda que imos cambiando de finca a medida que se vai esgotando o pasto. Son parcelas desiguais e en función do seu tamaño, da cantidade de pasto ou da época do ano están máis ou menos tempo. O manexo é sinxelo, para cambialas eu chego a xunto delas, chámoas e veñen detrás miña, para iso de vez en cando doulles algún que outro premio en forma de penso", revela José.
Traballamos cunha única manda que imos cambiando de parcela a medida que se esgota o pasto
Todas as fincas teñen bebedeiro, que se subministran desde unha balsa que recolle a auga da chuvia e máis dunha fonte situada na parte alta. "A lona veu de Italia, mercámola por internet e instalámola nós mesmos, igual que os comedeiros dos xatos, que tamén fixemos nós adaptados ás nosas necesidades", explican. Balsa de auga que subministra aos bebedeiros, con capacidade de almacenaxe para dous meses no verán

Diversificar no rural

Trascastro está formada por uns 20 veciños pero moitos dos seus habitantes son persoas maiores ou xente que vén só as fins de semana. "Con gando só quedamos José Casanova e máis eu", aclara o seu tocaio José Armesto. Por iso sobre eles dous recae case en exclusiva o mantemento das fincas da parroquia. "Eu antes non tiña vacas, o meu socio si, xa tiña vacas rubias", conta.
Non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso
José comezou montando en Trascastro unha casa de turismo rural, que leva por nome A Niñada, e está convencido de que as posibilidades do rural son múltiples pero sempre baixo unha premisa fundamental: "non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso", di.
Hoxe é unha explotación viable pero durante os primeiros cinco anos foi todo investir
Hoxe Vacas de Chandeiros é unha explotación rendible, pero José aínda lembra que os comezos foron difíciles. "Durante os primeiros cinco anos foi todo investir: comprar dereitos, mercar gando, acondicionar e pechar as fincas. Tes que dispoñer de diñeiro para poder empezar, senón é imposible, e logo agardar tres ou catro anos para empezar a producir e recuperar o investimento se a cousa vai ben. A día de hoxe é unha explotación viable, eu confiaba no proxecto e sabía que a longo prazo ía funcionar, pero non deixa de ser de moito risco. Para iniciativas destas tiñamos que ter moito máis apoio, algo que cando comezamos nós non tivemos", recorda. Unir e motivar á xente Rodeando os terreos da aldea modelo a Comunidade de Montes recuperou unha ruta de sendeirismo Malia non ser nativo de Transcastro, como el di, (José é natural de Valdruz, pertencente tamén ao Incio), adaptouse tan ben que hoxe é o verdadeiro activista e animador da vida deste pobo, onde preside a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes. "Non hai quen se queira poñer, pero eu xa necesitaba vacacións urxentes", bromea.
Levar a cabo proxectos colectivos teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente, por iso a aldea modelo non é máis que o comezo de grandes cousas
Por iso, para José a posta en marcha da aldea modelo non é máis que o comezo doutros proxectos e iniciativas para poñer en valor as potencialidades da súa parroquia. "Unha cousa leva a outra e levar a cabo proxectos colectivos coma este teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente", destaca. Como complemento á aldea modelo os veciños de Trascastro recuperaron un antigo camiño, pechado desde facía anos, que vai dar a un entorno a carón do río Cabe onde se conservan dous muíños, unha serrería e unha vella central hidroeléctrica. Esta ruta de sendeirismo, coñecida como Ruta do Pozo da Ola, duns 12 quilómetros de lonxitude, une Trascastro e Airela e pasa pola Ferrería do Incio, onde había tamén un antigo balneario.
Polo bordo da aldea modelo, a carón do río Cabe, discorrerá unha ruta de sendeirismo para o disfrute da poboación local e o aproveitamento turístico
"Con actuacións coma esta fas unha dobre función: por un lado recuperas un antigo camiño para o pobo e por outro creas un atractivo a nivel turístico", defende José. A recuperación da ruta foi acometida pola Comunidade de Montes co apoio da Deputación. Pola súa banda, a Asociación de Veciños encargouse de lograr a cesión dun edificio abandonado, un antigo inmoble usado polos Peóns Camineros, para rehabilitalo como local social da parroquia.

"Todos os anos nos afecta o lobo pero dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún"

Teñen as 70 hectáreas pechadas con cercas eléctricas con tres aramios alimentadas con pastores solares As 70 hectáreas nas que pacen as cachenas de Vacas de Chandeiros están pechadas con cercas eléctricas conformadas por tres fíos, que suman máis ou menos un metro de altura, e que están conectadas a pastores eléctricos alimentados por placas solares. "De todas as marcas o que máis temos é Ion, porque fabrican en Lugo e están cerca. Decantámonos por eles pola comodidade que iso supón en canto a mantementos e reparacións", destaca José. Pero malia ao bo estado e o mantemento continuo que fan nos peches estes non logran impedir a entrada da fauna salvaxe, un dos maiores problemas cos que se atopan a día de hoxe as explotacións en extensivo. "Nesta zona hai bastante ataque de lobo, todos os anos nos afecta, e o xabarín destrózanos as pradeiras, fainos tamén moito dano, pero no caso do porco bravo as indemnizacións son razonables, non coma no caso do lobo", quéixase.
Eu quérolle moito ao lobo, pero quérolles tamén moito aos meus animais
"Dos danos de lobo é moi difícil que se fagan cargo porque os mecanismos que teñen non son adecuados ás circunstancias das explotacións en extensivo en terreos de monte ou que manexamos grandes superficies porque se non aparece o xato non cho pagan. Nós dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún, nin eu nin outros gandeiros colindantes, por unha cousa ou por outra sempre che vén denegado. Non podes manipular o cadáver, así que non tes maneira de protexer os restos e ti chamas hoxe e eles veñen mañá á mañá, pero nesas horas os restos o máis normal é que desaparezan, porque nunha noite dun becerro destes non queda nada e se ao día seguinte non está a columna vertebral xa non cho pagan", explica.
A Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia
"A min o lobo é un animal que me encanta, porque velo e estás vendo ao xefe do monte, pero aínda que eu lle quero moito ao lobo, quérolles moito tamén aos meus animais. Nós nesta zona sempre convivimos co lobo pero antes sempre ía un pastor co gando, agora non, así que a Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia", asegura. Unha burra e dous mastíns conviven a diario co gando para defendelo do lobo Para tratar de minimizar os danos nesta gandería teñen unha burra para detectar o perigo e poñer as vacas en alerta e dous mastíns para defendelas. Pero "o lobo é moi listo", di José, e "acaba aburrindo aos mastíns". "O lobo sábeas todas e ten todo o tempo do mundo para vixiar e atacar cando ten a presa a tiro. Fai 4 ou 5 anos tiñamos unha invasión de lobos nesta zona, había unha manda moi grande", lembra.