Archives

Adxudicadas as axudas para mellorar a produción e venda de produtos apícolas

Un total de 24 beneficiarios, entre asociacións e particulares, recibirán preto de 1,3 millóns de euros da Xunta para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura ao abeiro das axudas á apicultura, cuxa resolución foi publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG). A liña de axudas estaba destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado. No primeiro caso, era subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se podía financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, incluíanse a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e -como novidade deste ano- a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragando tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc. Na liña da transhumancia, a axuda debía ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contemplábase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación estaban enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado foi pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos. A convocatoria destas axudas fíxose en réxime de concorrencia competitiva. Así, deuse prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorou que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estivesen en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

- Consulta aquí a resolución de beneficiados das axudas. 

Webinar sobre alternativas aos tratamentos convencionais contra a varroa en apicultura

O grupo operativo supra-autonómico VARROAFORM, liderado por FEUGA, celebrará, o vindeiro xoves 9 de setembro ás 11h, o webinar divulgativo final do proxecto cos principais resultados obtidos e unha exposición dos traballos realizados na obtención das novas alternativas en apicultura fronte á varroa. Os asistentes tamén poderán coñecer as avaliacións tanto en laboratorio como nos apiarios experimentais. Iniciado en 2019 cun orzamento de máis de 400.000 euros, o proxecto nace co obxectivo de proporcionar ao sector apícola un tratamento alternativo co que facer fronte ás graves perdas económicas provocadas pola varroatose. Esta enfermidade, causada polo ácaro Varroa destrutor, é unha das principais preocupacións dos apicultores a nivel global, xa que pode provocar taxas de mortalidade nas colmeas de até o 100%. Data e hora: xoves 9 de setembro, 11 h Lugar: webinar online a través de ZOOM Inscrición gratuíta no seguinte link: https://forms.gle/87fMzs4tNVaxUavFA VARROAFORM é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Orzamento total do proxecto: 415.440,3 eur, Subvención total: 379.920,3 eur.

Claves para o control da varroa nas colmeas

A varroose é, xunto á loque e á nosemiose crónica, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Neste sentido, Ester Ordóñez Dios,veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, explicou as medidas clave para o control e tratamento da varroa nas colmeas na xornada organizada o pasado mes de marzo en Trasalba (Amoeiro), pola Asociación Apícola Ourensá. A varroose afecta tanto ás abellas adultas como á cría e, ademais, a varroa introduce na colmea outros patóxenos como viroses, micoses..etc. Os síntomas son: -Unha diminución da poboación de abellas e da vitalidade da colmea. -Un maior consumo invernal. -Alteración do acio invernal. Nas abellas está o 15% da varroa e o 85% na cría Normalmente só se ve nas abellas por enriba delas, porque se esconde – por debaixo das alas, no abdome…- o 15% da varroa que temos, pois o 85% restante está na cría. Por iso, cando vemos nas abellas varroa normalmente xa temos unha infestación moi alta. Dito doutro xeito, por cada varroa que detectamos nunha abella adulta hai outras 5 por cada cría de obreira e ata 10 se se trata de cría de abázcaro. A cría infestada de varroa soe morrer en estado de pupa e queda nas celas ata que é retirada polas obreiras. Se ademais de varroa a colmea está afectada por nosema, o tratamento contra a varroa será menos efectivo. En canto ao limiar de infestación perigoso para unha colmea, no Reino Unido está en 1.000 ácaros por colmea. En España considérase que con 2.000 varroas xa estaría en perigo a supervivencia da colmea. Outros factores agravantes son que a colmea tamén presente virose ou nosema ou que as varroas sexan resistentes aos tratamentos. A varroa pode expandirse tanto polo seu ciclo de crecemento natural (dura 4 semanas) como pola entrada de varroa procedente doutras colmeas mediante a pillaxe. O punto de infestación do que se parta é clave, xa que non é o mesmo partir de 10 ácaros que de 100, pois en 4 meses, coa súa multiplicación exponencial, teríamos un grave problema para a supervivencia da colmea. Estímase que a partir de 100 ácaros é preciso tratar ao comezo da tempada.

Reinfestación de varroa:

É común que en outonos con elevadas temperaturas, tras realizar o tratamento as colmeas podan facer pillaxe reinfestando a colmea con varroa, se van pillar colmeas que aínda non estaban tratadas ou que están moi afectadas. De aí a importancia de que todas as colmeas nunha zona sexan tratadas ao mesmo tempo para evitar estas reinfestacións. En canto aos tratamentos contra a varroa, o punto de partida é coñecer o grao de infestación que temos na nosa colmea. A continuación, ver o tratamento que imos colocar, que deberá estar preto da cría, e seguir a súa eficacia, así como comprobar se houbo reinfestacións. Non chega con poñer o tratamento e olvidarnos de mirar nada máis.

Formas de control da varroa:

1) Desoperculado de celas de cría: Permite diagnosticar a enfermidade en estadíos iniciais. Para iso córtase (cun cutter, coitelo,etc) un cadro de cría, a poder ser de cría a término, cando máis avanza o ciclo da varroa. Nos cadros de cría a varroa soe estar máis presente pola parte de arriba e cara á piqueira. Deberanse coller distintos cadros, dar uns cortes, golpealos para que caia o seu contido e facer un reconto do número de crías e de varroa. Para elo divídese o número de varroas entre o número de ninfas ou de celas e multiplicar o resultado por 100. -Menos dun 5%: non é preciso un tratamento inmediato. -Entre un 5 e un 30%: Valorar se aplicar tratamento, en función da época do ano. Considérase que con entre un 5 e un 10% a comezos de primavera, se non se fai tratamento a colonia acabaría colapsando a finais da tempada, polo que cumpriría tratar. -Máis dun 30% de infestación: tratamento inmediato. Non se aconsella o uso de peites para desoperculado do mel pois a varroa podería quedar no fondo das celas. 2) Uso de fondos sanitarios: Permiten detectar a carga de varroa a partir da que cae no fondo sanitario por morte natural. A contaxe deberase facer, como mínimo, unha vez ao mes. -Con máis de 5 varroas por día a colonia xa require tratamento. -Con entre 5 e 10 varroas por día deberíase facer un tratamento inmediato para evitar a perda da colmea, xa que a taxa de infestación xa é moi alta. Ademais, os fondos sanitarios tamén serven para comprobar a eficacia dun tratamento acaricida. Deberase facer a comprobación durante os primeiros 15 días tras a aplicación do tratamento, e se caen: -Menos dunha varroa por día: infestación baixa. O tratamento foi efectivo. -Entre 1 e 5 varroas: infestación media. Se é a comezos de primavera ver se debemos poñer outro tratamento. -Máis de 5 varroas ao día: infestación alta. Poñer outro tratamento e ver se temos resistencias ao que puxemos ou que problema houbo. Se non vemos caer moita varroa ver se o tratamento non está a ser eficaz ou que pasa…, débese desopercular cría e vez se hai varroa ou non. O tratamento debe ser efectivo, polo menos, durante 2 ciclos de cría, matando tanto a adulta que hai fóra sobre as abellas como a que está dentro da cría. O fondo sanitario debe estar colocado durante, como mínimo, 7 días para poder facer o reconto das varroas que cairon e sexa representativo. Este non deberá estar propolizado, porque deste xeito non serviría para detectar varroa. 3) Contaxe da varroa sobre abellas adultas: Para isto débese coller unha mostra de entre 100 e 300 abellas adultas, sempre das abellas que están a coidar a cría e mellor de tres cadros distintos. A continuación metelas nun bote con azucre en po, axitalas e despois verter sobre unha malla que deixe pasar os ácaros, pero non as abellas. Posteriormente faise o reconto, dividindo o número de varroas polo número de abellas e multiplicando por 100. -Máis dun 3% de infestación: Require tratamento. -Máis dun 5% de infestación: É preciso un tratamento urxente para evitar a perda da colmea por colapso.

Consellos básicos para o coidado das abellas no outono

A nova tempada apí­cola sen dúbida que comeza agora, no outono. Logo da esmelgada imponse unha revisión escrupulosa do estado da crí­a, aberta e pechada, da cantidade de alimento, mel e pole. É o momento da colocación entre os dous últimos cadros de posta pechada das dúas tiras de tratamento anti-varroa, situadas, respectivamente, a 1/3 da cabeceira e traseira da colmea, pois neses cadros atópanse a maioría dos ácaros, dependendo tamén da forza do enxame. Lembrar que os tratamentos con ácido oxálico nestas datas presentan varios problemas: por goteo morren moitas abellas e queimado haberá que repetir varias veces, causando graves danos no seu esqueleto. O seu uso debe facerse sempre baixo altas medidas de seguridade. Nos tratamentos a base de tymol deben seguirse escrupulosamente as indicacións do fabricante. Pode haber abandono de abellas e incluso da nai. É unha boa técnica dar varias doses de alimento estimulante, 1:1, para deixar o enxame con moitas abellas novas, que conxuntamente co peso das provisións de mel, van garantir unha boa invernada e un bo comezo na primavera. A alimentación invernal non se aconsella e a outonal ten que ser de alta calidade, a poder ser de mel Lembrar que a alimentación invernal non é aconsellada, pois para acceder ao alimento o enxame ten que desfacer a bola que se forma para concentrar a calor, que a perden ao subir a alimentarse. A alimentación outonal ten que ser sempre de alta calidade, e a mellor segue a ser o mel. Moitos abelleiros confirman o dito de "media alza é máis rendible deixarlla que quitarlla ". Se proporcionamos alimento outonal débese esixir a súa composición, e tamén deberá constatarse na etiqueta o seu nivel de HMF (Hidroximetilfurfural). Debemos deixar as piqueiras abertas en relación á forza do enxame, para asegurar unha boa ventilación e que non se humedezan nin os cadros de pole nin as paredes da colmea. Protexer a colmea da choiva e dos ventos dominantes é básico, así como colocar pedras ou outro peso por riba da tapa. Tamén se recomenda facer visitas logo de tempada de frío intenso para tentar as caixas e facer un cálculo do consumo. Diante das piqueiras poderá verse cera de opérculo. No caso de pouco peso revisar. Se as abellas estiveran a morrer de fame, abellas metidas nas celas e outras no fondo caídas, diluír mel en auga morna e batuxar as abellas. Elas empezarán a se limpar e a revivir. Haberá que reducir o espazo e alimentar.

Comparación de materias activas na loita contra a varroa

Actualmente existen no mercado varios tratamentos contra a Varroa Destrutor, sendo o Amitraz, na miña experiencia, o máis recomendado polo seu grao de efectividade e debido a que non se detectaron resistencias. En apicultura ecolóxica, están autorizados, entre outros, o ácido fórmico, que chega a matar en fase larvaria, aínda que presenta o inconveniente de que é moi corrosivo. En canto ao Timol, necesita de temperaturas ambiente de entre 15 e 30 graos para que funcione. Recoméndase aplicalo mellor en colmeas con raíña nova e fortes. Repele a posta da Varroa nas zonas de aplicación. O po de Timol non é agradable para as abellas, polo que se recomenda aplicalo mesturado con vaselina. O ácido oxálico é un dos tratamentos, na miña experiencia, con maior efectividade. Torra ás varroas (e tamén a abellas e cría se hai sobredose). Débese utilizar sen cría, diluído en xarope, mollando as abellas. Se se utiliza con cría hai que multiplicar as aplicacións. É corrosivo para a pel, ollos.... polo que hai que ter precaucións especiais de manexo. Débese ter a man unha botella de auga para diluír.

Como medir a efectividade dos tratamentos?

En calquera destes tratamentos, é necesario esperar de 20 a 30 días para medir a súa efectividade real. O ciclo de cría da Varroa rompe se hai entre 30 e 40 días de efectividade do tratamento. Recomendacións: -Controlar as condicións de aplicación, para cubrir 2 xeracións de varroa: .De 3 a 4 días de difusión na colonia + con cría só de obreira: 2 x (12  1) = 26 días .Con cría de abázcaro: 2 x (16  1) = 34 días -Pódese prolongar a efectividade repetindo aplicacións (posible en pequenos colmeares próximos). Tamén utilizando soportes de liberación lenta: placas perforadas, evaporadores, substratos porosos...

Fondos sanitarios:

Algunhas varroas caen ao fondo da colmea por accidente, por manipulacións do apicultor, por despiollamento (grooming)...En fondo macizo engánchanse ás abellas e volven subir. Para evitar isto hai no mercado fondos sanitarios de colmea transformados, con malla ou con barras paralelas. Colocándoos conséguese que as varroas que caen non poidan subir. O problema é que o efecto sobre a diminución de varroas é do 25 ao 30 %, que non é significativo, pero axuda á loita contra este parasito. Por último, incidir na necesidade dunha correcta utilización dos acaricidas, para evitar que os resíduos pasen á cera e ao pole. Comprobouse que as colmeas con maior nivel de residuos de acaricidas presentan menor actividade e a calidade do seme dos seus zánganos é inferior.

Métodos de detección da varroa nas colmeas

A Varroa Destructor é un parasito exótico da abella que provoca danos graves, mala supervivencia, tamaño menor, acortamento da vida das abellas e enfermidades asociadas (nosema, virus...). Cando afecta á cría, a varroa provoca mortaldade, enfermidades asociadas, loques, pito escaiolado, virus e acortamento da vida adulta. A Varroa entra nunha colmea a través dunha obreira ou dun abázcaro. Un dos primeiros comportamentos das obreiras é tentar eliminala a través dun depiollamento ou grooming entre as abellas adultas. Este parasito pode pasar entre 2 e 10 días encima dunha abella adulta ata que entra nunha celdiña con larva a piques de opercular para iniciar o seu ciclo de reprodución. As obreiras, se detectan a presenza doutro organismo dentro da cela, pódena chegar a abrir nun comportamento hixiénico das abellas contra varroa na cría que se denomina VSH. Dependendo destes comportamentos hixiénicos das abellas, pódese calcular que se un 25% das abellas adultas están parasitadas por Varroa, o 75% da cría pode estar afectada. Hai que ter en conta que se trata dun parasito que se expande rapidamente, podendo chegar a duplicar e mesmo triplicar nun mes a súa poboación na colmea. Como detectar a presenza da Varroa?

1) Azucre glass en abellas adultas

En abellas adultas espolvoreando unha mostra das abellas con azucre glass, xa que ao desprenderse as varroas e comparar o cálculo de individuos co de abellas da mostra permite detectar ao redor do 25% das varroas desa mostra. Aspectos a considerar neste sistema de mostraxe: -Debemos ter en conta que a poboación de varroa en abella adulta multiplícase por tres na cría. -Se detectamos 1 varroa en 100 abellas, a afectación sería do 5% en obreiras e deberíase revisar mensualmente. -Se hai de 1 a 3, a incidencia da Varroa pode estar entre o 5 e o 30% en abella adulta. Débense aplicar medidas de redución da poboación de varroas nun prazo máximo dun mes e aumentar a vixilancia. -Se se detectan 5 varroas en 100 obreiras, a incidencia é do 50% ou máis: tratamento inmediato.

2) Cría operculada

Varroa en cría operculada Se optamos por detectar a Varroa a través da cría operculada, este método permitiranos contabilizar ata o 75% da poboación de varroa que hai no panal mostreado. Desopercularemos o cuarto superior dianteiro do panel de cría que da á piqueira. Aspectos a considerar neste sistema de mostraxe en cría operculada: -É un método preferible, sobre todo en Layens. -Problemas: non hai a mesma cantidade de varroas en todos os panais nin en todas as zonas. -Por experiencia: maior probabilidade na parte superior dianteira de cadros de cría operculada de en fronte da piqueira. -Boa Práctica: desopercular periodicamente 10 x 10 cm de cría operculada nunha desas zonas, nas colmeas de máis risco. Pódense establecer tres niveles de infestación, para tomar decisións de tratamentos: -Menos do 5%: pode demorarse o tratamento ata dous meses -Entre o 5 e o 20 - 30%: non demorarse máis dun mes -Máis do 20 - 30%: tratamento inmediato.

3) Paneis do fondo:

Varroa en fondo sanitario Se o método elixido é un papel de fondo (cuadriculado e untado de vaselina), débese esperar 3 ou 4 días antes de retirar o papel e proceder ao cálculo das varroas. Detecta a mortaldade natural da poboación de varroas. Características: -Esixe máis manipulación (en Layens pode substituírse por tira de formica por piqueira), ou fondos especiais (en alzas). -É o método máis preciso. -Pode marcar niveis de actuación: aumentar vixilancia a partir de 5 ácaros/colmea e día; perigo a partir de 20. -Pode variar na primavera-outono.

Inspección do colmenar, colmeas de máis risco de varroa:

-As do extremo por onde entran as abellas. -As de abellas máis nerviosas. -As colmeas con pillaxe -Colmeas con varroa ou/e abellas de ás danadas en piqueira -É necesario realizar revisións post-tratamento contra a varroa para verificar sempre a súa eficacia.

Detección forense:

A primeira ollada pódese detectar este parasito mediante a observación de: -Cadáveres de varroa en fondos. -Cría operculada abandonada, salpicada ou con opérculos perforados. -Varroas mortas baixo os opérculos de cría, celdiñas de cría con manchas brancas de dexeccións de varroa nun lado...etc.

“Precisamos novos apicultores que sexan profesionais para que non lles morran as colmeas”

Román Cid Álvarez é un experto en apicultor e promotor da asociación apícola Abellas Nais, unha nova entidade que agrupa a novos apicultores, fundamentalmente da provincia de Ourense. Entre os seus proxectos figura a mellora da comercialización do mel e a construción dunha planta para desoperculado e envasado, que esperan este en marcha nun prazo máximo de dous anos. Asegura que grazas aos apicultores sobreviven as abellas en Europa, xa que dende os anos 90 practicamente non hai enxames salvaxes na natureza debido á enfermidade da varroase. ¿Que é Abellas Nais? Abellas Nais naceu a partir dun curso de apicultura impartido en Xinzo de Limia polo Sindicato Labrego Galego hai uns dous anos. Foi un curso completo de catro semanas de duración, no que eu fun un dos profesionais que o impartiron. A partir da análise dos problemas da apicultura en Galicia e a nivel mundial, decidimos constituír a asociación Abellas Nais que creamos en Celanova a finais de 2015. O noso obxectivo é formar aos nosos socios para que sexan apicultores profesionais, mellorar as condicións de venda do noso mel ou loitar conxuntamente contra as ameazas da apicultura. A día de hoxe somos máis de 100 socios, a maioría da provincia de Ourense, e contamos con algo máis de 4.000 colmeas. Como está sendo este ano para a produción de mel? A nivel xeral está sendo moi frouxo porque a primavera foi moi fría e chuviosa e o verán moi quente. Sen embargo, nos malos anos son onde se ven os bos apicultores. Neste sentido, os socios de Abellas Nais están conseguindo este ano unhas producións medias de entre 20 e 30 kilos por colmea, é dicir, unha moi boa produción media para este ano. E iso é posible grazas ás boas prácticas de manexo que estamos implantando, especialmente na loita contra a varroa. En Galicia segue habendo producións moi irregulares de mel dun ano para outro e iso é debido en boa parte a un mal manexo das colmeas. Un bo abelleiro nunca pode dicir que non ten mel. Un dos obxectivos de Abellas Nais é tamén mellorar a venda de mel. Coa escaseza que está habendo este ano, ¿notades unha suba dos prezos? Estámonos agrupando para vender en conxunto, aínda que hai xente que segue vendendo a súa produción pola súa conta, uns que o fan a través da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e outros que producen en ecolóxico. De momento estamos vendendo a granel pero apostando pola calidade. Neste sentido, para poder vender a través de Abellas Nais esixímoslle aos socios que manexen as colmeas de determinada maneira para lograr un mel de alta calidade e practicamente sen residuos químicos, só dos que hai na natureza. A calidade é fundamental, porque os importadores de mel cada vez máis, e de feito este ano é así, non só realizan controis de humidade e de sales minerais no mel, senón tamén a presenza de restos de produtos acaricidas que se solen utilizar na loita contra a varroa. En canto aos prezos, están a subir con respecto ao ano pasado e as ofertas sitúanse arredor dos 4 euros máis IVE para a venda a granel. Pero queremos mellorar os prezos, porque o mel da provincia de Ourense é de moi boa calidade polas características da flora, que lle proporciona un alto contido en sales minerais. Iso fai que sempre acabe sendo mercado polos importadores porque o precisan para mesturalo con meles de mala calidade procedentes de China.
“Grazas a un bo manexo este ano conseguimos entre 20 e 30 kilos por colmea”
Neste sentido, o noso obxectivo para mellorar a comercialización é construír unha sala de desoperculado e envasado para os socios. Se seguimos medrando esperamos poder conseguilo como moi tarde en dous anos. Isto profesionalizaría máis o noso traballo e contribuiría a mellorar os prezos que perciben os apicultores. Trátase dun investimento importante porque esta maquinaria é cara pero se o facemos en conxunto podémolo lograr. Como está contribuíndo Abellas Nais a fixar poboación no rural de Ourense? A maioría dos socios da asociación son xente nova que quere seguir vivindo no rural e para os que a apicultura é un bo complemento económico. Precisamos abelleiros novos, profesionais de verdade aos que non lles morran as colmeas. Non é aceptable en ningunha gandería, e na apicultura pasa por falta de coidados e dun bo manexo, que haxa mortaldade das colmeas de ata un 60%. Na nosa asociación estamos logrando baixala ata un 20%. Por outra parte en Abellas Nais estamos buscando producións complementarias á apicultura para que esta xente nova que se incorpora teña uns ingresos a maiores do mel, diversificando as producións. Así, este ano xa houbo varios socios que plantaron varias fincas de alforfón ou trigo sarraceno, un cereal apto para celíacos e que, cultivado de forma ecolóxica, ten unha boa saída comercial. Tamén temos previsto iniciar o ano que ven a plantación de herbas medicinais, como a Melisa, que ademais de fonte de ingresos, permitiría producir néctar para as abellas nos meses de verán, aumentando a produción de mel das colmeas. ¿Cales son as súas recomendacións de manexo para reducir a mortaldade das abellas, fundamentalmente a debida á varroa? Non é nada novo. Xa no ano 1.586 publicouse en Madrid un libro, o “Tratado breve de la cultivación y cura de las colmenas” , escrito por un descendente de galegos: Luis Méndez de Torres. El xa daba as claves do manexo e o coidado dos enxames. O primeiro punto esencial é o control da varroa, para o que non abonda con utilizar produtos acaricidas. O principio é que se se quere ter bos enxames na primavera e unha boa colleita de mel ao ano seguinte, hai que procuralo no outono. É dicir, o control outonal é fundamental. Neste sentido, hai que revisar as colmeas despois de recoller o mel para asegurarse de que lles queda mel suficiente para o inverno, que teñen pole e que a raíña ten espazo suficiente na cámara de cría. E se vemos que quedan poucas abellas, é preciso darlles unha alimentación estimulante. Outra medida básica é que non lles chova na piqueira e protexer a colmea dos ventos dominantes. Tamén hai que ter en conta que a partir do 24 de decembro empezan a aumentar as horas de luz, e as abellas comezan a volver a traballar. Así, cara o mes de xaneiro as raíñas xa empezan a poñer. Neste sentido, é clave realizar revisións das colmeas nos meses de febreiro e marzo para saber o que tes: se tes cadros en mal estado, se a colmea ten pouca comida, se están borrados os cadros....etc. E a segunda parte fundamental é fortalecer o enxame para criar nais en primavera, unha técnica para controlar a varroa. A evolución deste parasito vai paralela á evolución da abella: se hai moita cría vai haber moita varroa. Neste sentido, no mes de marzo podemos cortar o ciclo da varroa partindo o enxame e criando nais e varios núcleos. Na zona da costa xa se pode realizar esta operación a partir do 15 de febreiro. Hai anos nos que se poden facer moitos núcleos e anos, coma este, de pouco pole e néctar, nos que se fan menos. Pero os que o fixeron este ano vailles bastante mellor que os que non dividiron os enxames.
“Precisamos apicultores novos que sexan profesionais para que non lles morran as colmeas”
Por último, outra clave é non só criar nais novas senón tamén atendelas para que sempre teñan comida, sobre todo cando a climatoloxía é adversa. Temos que ter en conta que hoxe se non fora polos abelleiros non habería abellas porque hai anos que a varroa acabou cos enxames salvaxes. E os únicos que poden garantir unha cabana apícola sá son apicultores ben formados para loitar contra esta enfermidade. É a Vespa Velutina un problema grave para os socios de Abellas Nais? De momento non nos afecta, pero xa a hai na provincia de Ourense, en zonas como a capital ou Xinzo de Limia. Este ano non foi moi forte o ataque desta vespa invasora ás colmeas porque a primavera foi moi mala e como son insectos que non almacenan comida morreron bastantes. O que detectamos aquí en Ourense é que se están a eliminar moitos niños de Vespa Crabro, o abesouro autóctono, confundíndoos con niños de Vespa Velutina. Sodes a cuarta gran asociación apícola que hai en Galicia. ¿Non debería tenderse a un proceso de unificación para aproveitar mellor os recursos? Son compatibles, de feito temos rapaces socios nosos que tamén están noutras entidades e non nos importa. Cada asociación responde ás distintas apiculturas que se practican en Galicia, porque non ten que ver a apicultura nas Rías Baixas coa que se fai no Norte de Lugo ou en Ourense. A problemática e o tipo de flora e momento de floración é distinta en cada comarca de Galicia e que haxa variedade de asociacións é bo.
 “O único apicultor que vai ir adiante é o que está a pé de colmea”
¿Como ve un apicultor con moitos anos de experiencia coma ti á xente nova que se incorpora á apicultura? Paréceme moi positivo que as novas xeracións de abelleiros se estean formando sobre unha base científica. Por outra parte, penso que o único apicultor que vai saír adiante é o que traballa a pé de colmea, que vive das abellas, e non aquel que as deixa no monte e non volve ata meses despois para recoller o mel.

Axudas para a apicultura

O orzamento da Xunta para estas axudas é de 400.000 euros, cofinanciados nun 50% polo FEAGA da Unión Europea, nun 25% polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e nun 25% pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

Poderán ser beneficiarios delas os titulares de explotacións apícolas ou cooperativas dedicadas a esta actividade, organizacións representativas e asociacións de apicultores inscritos no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014.

Os solicitantes deberán dispoñer dun seguro de responsabilidade civil, ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, ter realizada a declaración censal anual referida ao ano 2014 e realizar polo menos un tratamento ao ano fronte a enfermidade da varroase. Entre os gastos subvencionables figuran actuacións como a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase ou a racionalización da trashumancia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do for­mulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) .

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria, así como de toda a documentación solicitada, rematará o vindeiro 12 de febreiro.

Máis información nesta ligazón:http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150112/AnuncioG0165-261214-0008_gl.html