Archives

Claves para realizar un bo manexo do apiario no inverno e o comezo da primavera

O coidado que se fai das colmeas durante o inverno e o comezo da primavera pode resultar vital para a evolución desta durante a tempada, tanto sexa para a produción de mel coma doutros produtos da colmea e mesmo para a propia supervivencia da colmea. O francés Gilles Fert, un experimentado apicultor especializado na cría de raíñas, que participou na segunda edición da Feira Internacional de Apicultura de Lalín (Pontevedra) celebrada a finais de xaneiro, comparte un decálogo de factores ós que prestar atención tanto nos meses do inverno coma nas primeiras revisións da primavera.

1_ Manter controlado o alimento dispoñible na colmea

Para Gilles Fert é fundamental deixar a colmea con reservas abondo para pasar o inverno. “Ó remate da tempada apícola hai que deixarlle ás abellas suficiente mel e polen para que poidan pasar o inverno e complementalo con outros alimentos como o azucre”, apunta o apicultor. Durante o outono e o inverno e co obxectivo de que a colmea non pase fame, o que pode provocar que chegue a morrer, Fert apunta que se poden empregar alimentos sólidos para complementar as reservas de mel e polen que se lle deixaron trala cata. Mentres, o aporte líquido, a base de agua e azucre é para estimular a cría. Ademais, o apicultor non adoita mesturar proteínas no alimento líquido para evitar o risco de fermentación.

Emprego de básculas

Para manter controladas as reservas de alimento das colmeas, no seu apiario Fert dispón de básculas electrónicas que lle permiten coñecer a distancia as variacións de peso da colmea, o que lle alerta sobre a necesidade de proporcionarlle máis alimento ou de colocar alzas cando comezan a xuntar mel.

2_ Protexer as colmeas do frío

Fert presta especial coidado a manter ben illadas as colmeas para protexelas en especial do frío do inverno, aínda que algunhas destas proteccións tamén lles permiten mitigar a calor no verán. Así, no outono o apicultor opta por colocar chapas illantes no interior daquelas colmeas con menor número de abellas, de xeito que se reduce o espazo nos meses máis fríos. “Unha colmea que ten 5 ou máis cadros baleiros, vai gastar moito alimento para manter a temperatura no interior”, apunta. Por iso, emprega particións para reducir o volume.
Arredor dun 60% do calor pérdese polo teito da colmea por iso é importante que teña un bo illante nesta parte
“Cómpre ter en conta tamén o teito, xa que arredor dun 60% do calor pérdese polo teito da colmea”, explica. Por iso, emprega teitos recubertos na parte interna con material illante, que lle permite reter o calor no inverno e tamén lle serve no verán contra as altas temperaturas. Deste xeito logra reducir os esforzos das abellas para mitigar as variacións térmicas. A retirada destes elementos illantes colocados no interior da colmea, realízao xa nos meses de febreiro e marzo, posto que tamén comeza nesta época co trasfego dos núcleos ás colmeas. Só deixa os illantes situados nos teitos, xa que lle permiten mitigar tamén o calor no verán.

3_ Estimular a cría

Fert, que está especializado na cría de raíñas, tamén adoita realizar prácticas para fomentar a extensión da cría na colmea. Para logralo, nos seus apiarios procede a romper algunha cría operculada e ó mesmo tempo proporciónalle ás abellas unha pasta proteica e xarope líquido cunha proporción igual de agua que de azucre, para que comecen a repoñer a cría. “Este procedemento pódese realizar xa a comezos de ano, aínda que haxa baixas temperaturas, posto que as abellas, ó igual que os paxaros, detectan o crecemento dos días e estanse xa preparando para a tempada”, apunta.

4_ Control de infestación de varroa

O apicultor coincide con outros expertos en sinalar que a varroa é hoxe o maior problema das abellas, polo que é moi necesario manter unha supervisión do grao de afección desta enfermidade para actuar a tempo. “O obxectivo é ter unha taxa de menos dunha varroa por 100 abellas”, detalla. Porén, en función da época do ano, a variación de varroa tamén se debe ter en conta para proceder a aplicar un tratamento. Así, recoméndase tratar se se detectan: - 2 varroas por 100 abellas na primavera - 3 varroas por 100 abellas no comezo do verán - 10,5 varroas por 100 abellas no outono - 3 varroas por 100 abellas despois do tratamento antivarroa que se aplica ó final da campaña. Entre os métodos para detectar a presenza de varroa atópanse os test realizados con azucre moído ou CO2. En ambos casos captúranse abellas e logo de esparexerlle o azucre ou adormecelas co gas procédese a un reconto das varroas que se desprenden do seu corpo. Tamén se pode optar por empregar fondos sanitarios e realizar recontos das varroas que se desprenden das abellas de xeito natural nun período de 24 horas. Con este procedemento, Fert recomenda aplicar tratamento cando se localizan máis de 3 varroas.

5_ Revisar outras posibles enfermidades da colmea

Coa chegada da primavera é tempo tamén para realizar unha revisión da colmea para detectar outros posibles problemas, como a aparición de loque, considerada a segunda enfermidade máis importante para as colmeas. Se se trata de loque americana, para a que a abella negra ten certa resistencia, Fert apunta que a única solución pasa por destruír os cadros afectados para evitar o contaxio. Mentres, se se detectan síntomas de loque europea pode ser un indicador dunha carencia de proteína na dieta das abellas, o que pode atallarse cun aporte ou coa chegada da primavera cando as abellas comecen a poder acceder a maior cantidade de proteína. Polen de abella.

6_ A xestión do polen

Para Fert a mellor maneira de proporcionar proteína á abellas é co pan de abella, elaborado polas abellas con polen, mel e diversas enzimas proporcionadas por elas. “O polen é o alimento fundamental para ter colmeas sas”, afirma o abelleiro. Tanto no caso da pasta proteica como o pan de abella deben colocarse próximas á cría, encima dos cadros, xa que pode que non a coman por estar lonxe desa zona.
Utiliza polen fresco para suplementar a alimentación das abellas, xa que o polen seco perde arrededor do 40% do seu valor nutritivo
Para a elaboración da pasta proteica, o abelleiro emprega polen fresco que mantén conxelado, xa que deste xeito mantéñense as propiedades deste, mentres que se o polen se seca pérdese arredor do 40% do seu valor nutritivo. Para incrementar o aporte de proteína mestura o polen con fermento de cervexa e fariña de soia. Recomenda proporcionar unha galleta proteica de entre 150 e 200 gramos por colmea. Ademais, aposta por un polen de calidade e diverso, xa que se procede de diferentes plantas tamén lle proporciona un aporte de diferentes nutrientes á abella. “As proteínas son un alimento esencial para o sistema inmunolóxico das abellas”, sinala o abelleiro. A falta de polen provoca abellas máis pequenas e crías irregulares, chegando a producirse canibalismo sobre os machos, a cría destes ou as larvas de abellas.

7_ Dispoñer de cera de calidade

Prestar atención á cera que se lle proporciona ás colmeas, procurando que sexa de calidade, é outra das prioridades para o apicultor. A renovación da cera que se fai tanto á saída do inverno no núcleo de cría como na colocación de alzas debe facerse con cera de calidade. “Se se detectan irregularidades nos panais pode deberse a que existen restos contaminantes ou a cera é de baixa calidade”, apunta. Por iso, o abelleiro recomenda pechar o círculo da cera reciclando a cera de opérculo das colmeas propias e facer as láminas con ela.

8_ Proporcionar auga limpa

O inverno e o comezo da primavera é tamén o momento para preparar un punto de auga limpa para as abellas. Cómpre ter presente que unha colmea consume arredor duns 40 litros de auga por colleita. “Ter dispoñible un pozo de agua ó comezo da tempada contribúe a reducir a mortalidade das abellas”, apunta o experto abelleiro.
“Ter dispoñible un pozo de agua ó comezo da tempada contribúe a reducir a mortalidade das abellas”
Fert recomenda que este punto de agua estea próximo ó apiario, pero non apegado ás colmeas. En concreto, eles sitúanos a uns 60 metros de distancia e teñen comprobado que esta distancia é a que mellores resultados lles proporciona. Adoitan colocar un bidón con auga e un dosificador, de xeito que a auga se vai renovando e evitan que outra fauna acabe por bañarse alí e destruílo. Ademais, proporciónanlle un aporte de sal nesta auga. Así, engaden 0,5 gramos de sal por cada litro de auga.

9_ Prepararse para combater a vespa velutina

Tanto no inverno coa elaboración de trampas e dispositivos, como co comezo da tempada coa colocación de trampas para capturar raíñas, tamén é preciso prepararse para tentar reducir a incidencia da vespa velutina sobre os apiarios.

10_ Procesado dos propóleos

Durante os meses de inverno Fert aproveita a baixada de actividade das colmeas para acometer outros labores como recolección dos propóleos que xa retirou da colmea a finais da tempada e que mantén conxelados para garantir a súa conservación. Así, durante o inverno proceden ó raspado dos panais de recolección. “Os propóleos teñen moita demanda en Francia”, valora o apicultor. Nesta época tamén procede á selección das colmeas con maior produción, escollendo aquelas nas que logran arredor de 350 gramos de propóleo por colmea.

Pode a selección xenética das abellas axudar a combater a varroa nos apiarios?

Observación con lupa de exemplares de Varroa danados ou mutilados polas propias abellas Este traballo determina a viabilidade de empregar a selección de Apis mellifera como método de loita complementario contra o ácaro Varroa destrutor e a avaliación do impacto económico que suporía a adopción da metodoloxía proposta para as explotacións apícolas. En primeiro lugar, defínese a estrutura de custos de 4 explotacións apícolas situadas no sur da provincia de Lugo e norte da provincia de Ourense mediante a realización de entrevistas persoais aos apicultores das que se obteñen os datos necesarios para realizar a análise e a comparativa dos custos fixos e variables, así como dos ingresos. Por outra banda, proponse unha metodoloxía vertebrada en 3 parámetros (comportamento hixiénico, VSH e grooming) que permite obter resultados de forma rápida e fiable co fin de cuantificar a resistencia a Varroa en cada unha das 10 colmeas mOstreadas de cada explotación (N=40) e realizar unha análise de tempos e custos do material necesario para levala a cabo.
A implementación dun procedemento para identificar as colmeas con mellores aptitudes para defenderse do ácaro Varroa ten un impacto mínimo sobre a estrutura de custos das explotacións pero o beneficio a longo prazo é notable
Como principais conclusións dedúcese que a implementación dun procedemento para identificar as colmeas con mellores aptitudes para defenderse do ácaro Varroa ten un impacto mínimo sobre a estrutura de custos das explotacións e, sen embargo, o beneficio que se pode obter a longo prazo é notable, evidenciado polos numerosos estudos realizados neste campo nos últimos anos onde se demostran as vantaxes de incluír a selección xenética como instrumento para conseguir cabanas apícolas sas e máis resistentes ao ácaro.

Metodoloxía proposta para cuantificar a capacidade defensiva das colonias fronte á Varroa destructor:

  • FORZA DAS COLONIAS
A forza ou estado das colonias obxecto de estudo determinouse paralelamente ao resto das características e consistiu na asignación a cada colmea dunha puntuación comprendida entre 0 e 20 puntos. Para iso tivéronse en conta os seguintes parámetros: cadros de cría, puntuación da cría, cadros ocupados por abellas e reservas. No punto 5.3 do TFM explícase en detalle o modo de valoralo.
  • NIVEL DE INFESTACIÓN INICIAL
Durante a primeira visita aos apiarios, á vez que se aplicou a metodoloxía proposta para cuantificar o grao de resistencia das colonias fronte á varroa, aproveitouse para valorar o nivel de infestación inicial para cada colmea tanto nas abellas adultas como na cría a través da morte por caída natural (ou provocada) de ácaros ao fondo das colmeas. A porcentaxe de infestación na cría calculouse simultaneamente á determinación do VSH, explicado no apartado 4 deste artigo, grazas á fórmula 5-6. O procedemento empregado para determinar o grooming nas colmeas tamén se usou para determinar o nivel de infestación da colonia por ácaros caídos, obtendo deste xeito 3 medidas do nivel de infestación inicial para cada colonia.
  • COMPORTAMENTO HIXIÉNICO
Para levar a cabo a determinación deste comportamento realizáronse as seguintes operacións:
    1. Preparación dos inxertos:   O día anterior á visita ao apiario selecciónase un cadro de cría dunha colmea que non forme parte do estudo e que presente unha raíña con boa capacidade de posta. A cría deberá estar totalmente operculada e con pupas maduras, isto é, ollos violetas e o corpo empezando a escurecerse (ilustración 5.3).Este cadro recortarase en porcións de aproximadamente 5x5 cm, é dicir, 100 celdiñas por cada cara. As porcións manteranse nun conxelador a -20ºC durante 24 horas. Deberanse anotar as celdiñas baleiras en ambas as caras de cada porción para facer o cálculo correcto (fórmula 5-2 e 5-3) ao determinar o comportamento hixiénico. Ilustración 5.3 - Celdas de cría desoperculadas con pupas de idade adecuada.
    2. Proceso de inxertado:   Cada unha das porcións de panal débese enxertar nun panal das colmeas elixidas que conteña cría da mesma idade (ollos violetas e corpo empezando a escurecerse).Para iso, previamente recórtase un anaco de panal da mesma forma e dimensións que será gardado nunha bolsa hermética etiquetada co número de colmea asignado. Esta porción empregarase para levar a cabo o estudo de VSH e para calcular a porcentaxe de infestación na cría como se describirá no apartado seguinte.
    3. Estimación do comportamento hixiénico:   O comportamento hixiénico de cada colmea verificarase ás 24 e 48h. Deste reconto débense descontar as celas baleiras antes do enxertado no caso de que as porcións de panal non teñan o 100% das súas celas operculadas.Unha das grandes vantaxes deste método é que cada colmea analizada prové unha mostra de cría para a análise do nivel de infestación que se explicará no seguinte apartado; aproveitando así unha operación para obter ata tres resultados distintos: comportamento hixiénico, VSH e nivel de parasitación da cría.Para determinar o valor do comportamento hixiénico (CH) da colonia empregaranse as seguintes fórmulas:
  • VSH
Para a análise desta característica, empregaremos a porción de panal extraída e reservada na súa correspondente bolsa hermética, obtida da operación de enxerto descrita no apartado anterior. A importancia, xa descrita no apartado anterior, de que as porcións de panal extraídas conteñan cría con ollos violetas e corpo empezando a escurecerse radica en que, nesta fase de desenvolvemento, a posible descendencia da varroa que se estea reproducindo no interior da cela tería suficiente tempo para desenvolverse, permitindo deste xeito determinar se a colmea conta con esta característica ou non e en que proporción. Deberanse anotar aquelas colmeas nas que se observen opérculos en forma de volcán (ilustración 5.8) co obxecto de determinar se existe algunha relación entre estes e o % de VSH. Ilustración 5.8 - Opérculos en forma de volcán. Para este estudo deberase contar cunha fonte de luz fría que permita visualizar o interior das celdiñas. En primeiro lugar, levantaranse os opérculos cun cúter, verificando se hai ácaros no seu envés (ilustración 5.9) e, coa axuda dunha agulla entomológica extraerase a pupa coidadosamente e observarase en busca de varroas; acto seguido examinarase o interior da celdiña. Ilustración 5.9 - Varroas na cara interna dos opérculos. Unha vez extraída e examinada a pupa e o interior da celdiña clasificaranse en tres categorías:
  1. Celas sen varroas nin sobre a pupa nin no interior da celdiña.
  2. Celas con varroas que non teñen descendencia. No caso de que unicamente exista a Varroa inicial e un macho tamén se incluirán neste grupo pois o feito de que só exista descendencia masculina quere dicir que esta colonia de abellas evitou a reprodución normal nesta celdiña. A Varroa inicial pon un primeiro ovo que dará orixe a un macho e os seguintes serán femias, por tanto, a existencia de só un macho en pupas de idade avanzada suxire unha paralización do seu ciclo normal de cría.
  3. Celas que teñen polo menos unha Varroa, un macho e outra femia ou máis (filla/s da primeira).
Para determinar o valor de VSH da colonia seguiuse a seguinte fórmula: Ademáis, con estes datos poderemos determinar tamén o nivel de infestación de Varroa na cría empregando a seguinte fórmula:
  • GROOMING
Para determinar este comportamento, as colmeas seleccionadas no estudo equiparanse con fondos sanitarios. Nos devanditos fondos introducirase unha cartolina branca cuadriculada e impregnada en vaselina filante. Esta cartolina verificarase ás 24h (aproveitando a revisión para valorar o comportamento hixiénico) realizando o cálculo de ácaros e volverase a colocar no fondo da colmea. Ás 48h procederase a retirar a cartolina, dobrándoa suavemente de maneira que as caras impregnadas de vaselina queden cara ao interior. Cada cartolina identifícase co número da colmea. O reconto total de ácaros caídos realizarase nos días posteriores á súa extracción e equivalerá ao número de ácaros ás 48h. Ao mesmo tempo cuantificaranse e analizaranse as varroas danadas para determinar o grooming grazas á fórmula 5-7. Os ácaros observaranse individualmente na lupa en busca de mordeduras, amputacións ou calquera outro tipo de dano en:
  1. Escudo dorsal
  2. Gnatosoma
  3. Extremidades
  4. Zona ventral
A determinación do grooming realizarase mediante a seguinte fórmula:

Resultados encontrados na mostra do estudo

A metodoloxía proposta neste estudo deseñouse para poder determinar aquelas colmeas que presentan unha ou varias características desexadas fronte á varroa no menor tempo e co mínimo custo posibles. O traballo levouse a cabo en 4 colmenares (A-D) situados en senllos municipios do norte da provincia de Ourense e do sur da provincia de Lugo. Analizáronse 10 colmeas de cada colmenar (N=40) e os resultados atopados móstranse a continuación.
  • FORZA DAS COLONIAS
Na táboa 6.1 expoñénse os valores dos parámetros empregados para determinar a forza que as colonias analizadas presentaban no momento do mostreo que se levou a cabo entre os meses de abril e maio. Tendo en conta os resultados anteriores a forza da colonia sitúase nun nivel medio-alto nos colmeares A e D, mentres que as colonias dos colmeares B e C atópanse nun nivel sensiblemente inferior.
  • NIVEL DE INFESTACIÓN INICIAL
Na táboa 6.2 móstranse os valores medios (en termos porcentuais para as infestaciones en abellas e cría, así como en valores medios con varianza para os ácaros caídos) obtidos mediante os distintos métodos de diagnóstico para estimar o nivel inicial de infestación das colmeas incluídas no estudo.
  • COMPORTAMENTO HIXIÉNICO
Os valores de comportamento hixiénico ás 48h do enxertado foron do 100% en todas as colmeas dos apiarios B, C e D excepto nun, que foi do 95%. Pola contra, as colonias do colmear A, ás 48h do enxertado, apenas superaran o 75% de limpeza en termos medios, aínda que dúas colmeas deste apiario removeran o 100% da cría morta ás 24h do enxertado. Nos colmenares B e D, todas as colmeas presentaron niveis de limpeza superiores ao 90% ás 24h. As gráficas seguintes conteñen os resultados correspondentes aos colmenares A e D. Ilustración 6.2 - Comparativas da capacidade de comportamento hixiénico ás 24h do enxertado e forza das colonias nos colmeares A-D. Na figura 6.2 represéntase soamente a porcentaxe de celas limpas ás 24h do enxertado ao considerarse como un parámetro máis restritivo que ás 48h, ademais conleva un valor engadido superior o conseguir determinar as colmeas que sexan capaces de adquirir un nivel de limpeza maior no menor tempo posible.
  • VARROA SENSITIVE HYGIENE (VSH)
Nas porcións de panal con cría de 4 das 40 colmeas mostreadas atopáronse familias de varroas que deberían contar cunha descendencia maior debido ao estado avanzado das pupas de abella (todas elas a piques de nacer). Con todo, nestas celdiñas só se atopou unha varroa femia madura, signo inequívoco de que as abellas nalgún momento destaparon a celdiña e cortaron o seu ciclo de reprodución. As colmeas mostreadas resultaron pertencer aos apiarios A (2), B e D (táboa 6.3) sendo a 8-B a única que ademais presentou en varios cadros do seu niño de cría opérculos con forma de volcán, aparecendo 9 na porción de panal estudado. Por outra banda, o nivel de infestación da cría na colonia 8-B é o menor das 4 colmeas que presentan esta característica, sitúase en segundo lugar pola metodoloxía da mostraxe da abella adulta e, sen embargo, é a que máis ácaros caídos por día presenta, o cal pode ser indicativo da capacidade para que as varroas envellezan sen poder deixar descendencia. Tras considerar a posibilidade de que a forza da colonia poida influenciar esta característica tampouco se aprecia unha relación clara, do mesmo xeito que no parámetro anterior (táboa 6.4).
  • GROOMING
En todos os colmeares atopáronse ácaros mutilados no fondo das colmeas. Para os recontos consideráronse aqueles ácaros con danos no aparello bucal (gnatosoma) como no idiosoma (ilustración 6.3), constituíndo este feito un indicador representativo de que as abellas das colmeas nas que se atopou dita característica son capaces de detectar o ácaro, ben no seu corpo ou no doutras abellas obreiras, e atacalo co seu aparello bucal e patas ata conseguir que se desprenda. Nas gráficas seguintes represéntanse os resultados obtidos nos colmenares A e D. Ilustración 6.3 - Relación entre a forza da colonia, número de varroas caídas por colmea e número de ácaros mutilados nos colmeares A-D. Cabe destacar as colmeas 6, 7 e 9 do colmear D, onde caeron 2, 3 e 2 varroas respectivamente, que reflectiron un resultado do 100% de ácaros mutilados. Unha vez máis, a forza e o estado da colonia non parece xogar un papel importante nesta característica como tampouco parece selo o número de varroas caídas/día nin o nivel de infestación.

"O impacto económico é ínfimo e supón un avance importante na loita contra a varroa"

César Crespo é profesor no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos Tras analizar os resultados, as conclusións máis importantes ás que se chegou neste traballo foron:
  1. A forza ou o estado das colonias non parece estar relacionado coas características valoradas neste estudo, o que suxire que estes comportamentos posúen un elevado compoñente xenético. Ademais, todos eles son cuantificables polo que permiten seleccionar as colmeas máis resistentes á varroa para a súa posterior reprodución.
  2. O grooming é un comportamento que se atopa presente na maior parte das colmeas deste estudo e que resulta rápido e fácil de valorar, polo que resultaría unha característica doada de fixar na cabana apícola. Ademais, este parámetro contribúe a reducir, de forma directa, o nivel de infestación das colmeas, o que supón un avance importante na loita contra a varroa.
  3. A época máis adecuada para levar a cabo a metodoloxía proposta en Galicia abarcaría desde marzo (zonas costeiras) ata maio (zonas montañosas). A repetición do proceso noutro momento do ano permitiría coñecer de maneira máis concluínte se unha colmea é ou non apta para a selección, polo que se recomenda unha segunda valoración entre agosto (zonas costeiras) e setembro (zonas montañosas) que, en todo caso, débese realizar antes da aplicación do tratamento outonal obrigatorio.
  4. O impacto económico de aplicar a metodoloxía proposta sobre os custos variables é ínfimo. Sobre as amortizacións pode xogar un papel diferente dunhas explotacións a outras dependendo da súa carga neste concepto pero, en calquera caso, a repercusión é mínima en comparación cos beneficios que se poden obter a longo prazo.
Para ampliar a información sobre este e outros contidos tratados no TFM, pódese visitar o texto completo neste enlace.

“É un erro introducir outras razas de abellas porque cando se cruza coa local aparece máis agresividade”

Gilles Fert, en setembro en Ourense impartindo un curso organizado pola Agrupación Apícola de Galicia Gilles Fert é un dos apicultores máis recoñecidos a nivel internacional e recentemente visitou Galicia para impartir unha serie de cursos a apicultores galegos. Falamos con él dos distintos problemas aos que se enfrontan na actualidade os produtores de mel, do valor das abellas para a sociedade e dos avances por dar a nivel lexislativo para protexelas. – Desde cando se dedica á apicultura e por que se iniciou nela? – A partir de cumprir os 18 anos, viaxei coa miña mochila, de país en país, facendo a volta do mundo e traballando en explotacións apicolas durante 5 anos. – Onde ten as súas abellas e por cantas colmeas está formada a súa explotación? – Teño a miña propia explotación apícola desde o ano 1987. Está situada nos Pireneos, concretamente en Argagnon. Temos 400 colmeas. – Ademais de mel, que outros produtos obtén das súas abellas? – A nosa explotación apícola produce mel e pole. Trashumamos desde este emprazamento nos Pireneos aos bosques das Landas buscando distintos tipos de meles monoflorais e de pole de flores silvestres. Producimos por exemplo mel de rododentro e de calluna a 1.200 metros de altitude no val de Aspe. Vendemos os nosos produtos directamente na propia explotación e en tendas da zona. Ademais, estamos especializados en cría de raíñas e por iso os meus clientes son tamén os meus colegas.
O meu consello é que se seleccione a abella negra local, que é unha abella moi ben adaptada ao medio e máis resistente a enfermidades
– Que recomendacións daría aos apicultores á hora de criar e seleccionar raíñas? – Eu aconsellaríalles que seleccionen a abella negra local. É unha abella moi ben adaptada ao seu medio ambiente e máis resistente ás enfermidades. – Foi quizais un erro nos últimos anos centrarse en buscar abellas máis dóciles e produtivas porque quizais iso fíxoas tamén menos resistentes a enfermidades? – Claro, é un erro importar outra raza. E o peor é que cando se cruzan esas abellas coa local, aparece máis agresividade. Traballos de trashumancia no apiario de Gilles Fert no Pirineo – Cales son as principais diferenzas en canto ao manexo e á forma de traballar en apicultura en Francia e en Galicia? – Non hai grandes diferenzas, pois temos mesma raza de abella e máis ou menos a mesma flora.
Galicia ten un potencial de produción importante e a apicultura permite aos mozos quedar a vivir no rural
– Como valora o nivel de desenvolvemento e profesionalización do sector apícola en Galicia e que aspectos considera que se deberían mellorar? – Galicia ten un potencial de produción importante, pero o Goberno debe axudar máis ao sector apícola na loita contra a vespa asiatica. Outro punto importante é a plantación de piñeiros, de millo e de eucaliptos de variedades non produtoras desde o punto de vista melífero. Ao final, cada ano, as abellas teñen menos fontes de néctar e pole.
A apicultura ten futuro, en Europa falta mel
– Nos últimos anos está a producirse en Galicia un relevo xeracional, coa incorporación de mozos ao sector. Ve posibilidades para que a apicultura siga crecendo en Galicia? – Claro que si. A apicultura ten futuro. En Europa falta mel, a UE importa de América do Sur e China. Clientes, turistas, etc. buscan mel de calidade, mel local. E a apicultura permite aos mozos vivir no campo. – Debería regularse doutro xeito esa importación de mel procedente doutros países á UE da que fala? – Por suposto. Están a mellorarse os controis con sistemas de análises máis sofisticadas (analíticas de azucre no mel, de pesticidas) pero a regulación debería ser moito máis estrita. Nós en Europa non podemos competir en prezo co mel de China. A nosa aposta debe ser pola calidade, o produto local e os meles diferenciados, por exemplo os monoflorais. Servizo de polinización de cultivos de xirasol prestado por Gilles Fert con abellas  – O feito de que Galicia conte con zonas de bosque natural afastadas de cultivos intensivos supón unha oportunidade para apostar pola apicultura ecolóxica. A diversidade de microclimas, paisaxes e floracións existentes tamén axudaría a esa diferenciación do produto. – Para os apicultores, é difícil hoxe producir mel ecolóxico, por iso para lograr desenvolver este mel de calidade o consumidor debería valorar o produto e aceptar ter que pagar un pouco máis por el.
En Francia a metade dos ingresos dos apicultores veñen xa dos servizos de polinización que prestan
– A produción de mel era ata o de agora o principal obxectivo dun apicultor. Pero hoxe en día iso quizais estea a cambiar. Considera que o apicultor debería diversificar os seus ingresos para blindarse ante anos malos en canto a produción de mel como ocorre este ano en Galicia? Por exemplo, en Francia os servizos de polinización xa supoñen unha fonte máis de ingresos para os apicultores. – Efectivamente, aquí a metade dos ingresos veñen da polinizacion. Pero os produtores de froitas ou doutros produtos agrícolas deben aceptar tamén ter que pagar por eses servizos, do mesmo xeito que o dicía no caso do consumidor a respecto do mel ecolóxico. As froitas ben polinizadas consérvanse máis tempo, teñen máis sabor e mellor gusto e aroma, a maiores de que se hai unha boa polinización o produtor vai obter un maior volume en canto a produción.

"En Galicia o goberno debe axudar máis ao sector apícola na loita contra a vespa asiática"

Gilles Fert, xunto aos integrantes da Asociación Apícola de Galicia que participaron no curso O feito de que a vespa asiática chegase a Europa vía Francia fai que os apicultores galos fosen os primeiros en teren que enfrontarse a ela. Desde a súa descuberta no ano 2005 no suroeste francés, os intentos para frear o seu avance foron numerosos pero infructuosos, pois ano a ano coloniza novos territorios. Gilles Fert conta con experiencia contrastada na defensa das abellas fronte á vespa invasora e reclama maior implicación das autoridades para o control da praga. – En Francia, do mesmo xeito que ocorre en Galicia, levades anos loitando contra a vespa velutina. Existen solucións efectivas contra ela? Como a combatedes vós? – En Francia está moi estendido o uso da arpa eléctrica. A xente aquí trampea tamén cada vez máis e máis na primavera para matar as raíñas de avespa que saen do inverno.
Debe restrinxirse o uso de pesticidas, pero é difícil para un agricultor cambiar as súas prácticas de maneira brutal, por iso debemos axudarlles
– A varroa constitúe, neste momento, outro dos principais problemas para os apicultores. Como se realizan os tratamentos en Francia? Son efectivos os novos tratamentos orgánicos que se están aplicando? – Temos máis de 30 anos de experiencia coa varroa. Cada ano apréndese máis para loitar contra ela. Hoxe é posible controlar a varroa con produtos orgánicos como o ácido oxálico ou aceites esenciais. É o que se utiliza en Francia. Explicación sobre cría de raíñas – As abellas cada vez necesitan máis coidados. Volveuse a apicultura un oficio moi técnico ou son as abellas máis delicadas e menos resistentes? – As abellas non son máis delicadas. Pero teñen máis desafíos por diante para sobrevivir. Primeiro, o cambio de medio ambiente cunha agricultura industrial; máis actividade humana; un parasito, a varroa, que afecta á súa saúde; a vespa asiática; etc. – Cales son os principais efectos do cambio climático sobre a apicultura e que deberían facer os apicultores dun lugar como Galicia para adaptarse a eles? – O cambio climático afecta máis as plantas que ás abellas. As abellas teñen unha capacidade de adaptación fenomenal. Pero, indirectamente, as abellas non atopan o néctar e o pole que necesitan cando o necesitan.
As abellas teñen unha capacidade de adaptación incrible, pero o cambio climático aféctalles porque non atopan o néctar e o pole cando os necesitan
– É dabondo a actual regulación dos pesticidas? – Por suposto que non! Pero é difícil para un agricultor cambiar as súas prácticas de maneira brutal, por iso debemos axudarlles. É unha tarefa de todos, tamén dos consumidores, que deben aceptar pagar máis por ter na súa mesa produtos de calidade.
En moitos países do mundo son as mulleres as que se encargan do coidado das abellas
– Vostede viaxou por outros países formando a apicultores de todo o mundo. Que é o que máis lle chamou a atención? – A apicultura é o traballo das mulleres en moitos países. Son elas tamén as que traballan a horta, atenden a outros animais como as galiñas e teñen unha relación especial coas abellas.

Tratamentos orgánicos combinados con manexo biotécnico, novas alternativas contra a varroa

A varroa destrutor é a día de hoxe o principal problema sanitario nos colmenares de todo o mundo. En España provoca unha taxa de montandade invernal superior ao 20%, segundo os datos da campaña 2019-2020, polo que o control deste ácaro é unha das necesidades máis perentorias para os apicultores. A varroosis é unha parasitosis externa provocada polo ácaro V. destrutor que debilita o estado inmunolóxico das abellas e favorece a aparición de infeccións víricas, bacterianas e fúnxicas que resultan nunha importante perda de poboación e de produción, mesmo con baixos niveis de infestación.
En Galicia, en zonas de costa, a combinación entre varroa e velutina provoca altas porcentaxes de mortandade invernal nas colonias de abellas
A súa presenza é xeneralizada, transmitíndose dunhas colmeas a outras. Os datos oficiais estiman a presenza deste ácaro no 94,5% dos apiarios, provocando perdas de poboación de abellas de ata o 20% e un descenso de produción de mel do 45%, cun incremento engadido dos custos de produción, xa que os tratamentos sanitarios actuais supoñen entre o 15 e o 25% dos gastos totais das explotacións apícolas, ademais de incrementar as necesidades de man de obra e manexo. Dado que a varroa reprodúcese na cría, a abella nodriza, a que se atopa nos cadros de cría aberta, é a que está máis parasitada ao ser a última en nacer. A multiplicación do ácaro é tamén maior na cría de zángano que na cría de obreira, polo que prácticas de control como a eliminación da cría de zángano ao comezo da primavera ou a redución do nivel de cría da colmea son estratexias que se demostraron eficaces. Necesidade de novos tratamentos Proxecto Varroaform, que durante os dous últimos anos implicou a Universidades, investigadores e apicultores, buscou unha formulación eficaz para o control e prevención da varroatosis en abella doméstica, co obxectivo principal de conseguir unha redución das perdas económicas que sofren na actualidade os apicultores debido á parasitación das colmeas por este ácaro, beneficiando ao mesmo tempo a outros sectores como a produción agrícola ou a selvicultura, tan dependentes da polinización.
O proxecto 'Varroaform: Desenvolvemento dunha formulación eficaz para o control e prevención da varroatosis en abella doméstica' contou cun orzamento total de 415.440 euros, financiados nun 80% con fondos europeos FEADER
Os novos tratamentos experimentais, desenvoltos na Facultade de Veterinaria de Lugo en colaboración coa Universidade das Palmas de Gran Canaria, foron probados posteriormente en campo en apiarios de Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha. O proxecto inclúe a elaboración dun vídeo técnico divulgativo no que se explican con detalle os traballos de campo e tratamentos realizados.

"Contra a varroa hai moi poucos tratamentos para escoller e hai que ir variándoos para evitar resistencias"

Asteria Luzardo é investigadora da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo e foi a encargada de realizar as distintas formulacións con tratamentos alternativos porque recoñece que neste momento a nivel comercial "hai moi poucos tratamentos que poder escoller con respecto á varroa e hai que ir variándoos para evitar resistencias", polo que "sempre hai que xogar con distintos tratamentos e ter en conta que menos potencia terapéutica tamén implica menos toxicidade", recomenda. O traballo realizado na Facultade de Veterinaria de Lugo tivo como obxectivo principal o desenvolvemento dunha formulación eficaz e non tóxica a base de produtos naturais de orixe botánica (timol, mentol e carvacrol) que demostraron servir como acaricidas.
Buscáronse formulacións de baixo custo que permitan chegar a un método de fabricación industrial, o que levou a descartar determinadas elaboracións
Pero este tipo de moléculas son volátiles e facilmente degradables no medio natural en presenza de osíxeno ou raios ultravioleta, polo que é necesario chegar a unha formulación que permita manter a súa estabilidade e a liberación do principio activo durante un maior período de tempo. Xeles e pastas de timol, mentol e carvacrol En concreto, dentro do proxecto estudáronse catro tipos de fórmulas e métodos de aplicación:
  • Complexos con beta-ciclodextrina de timol e mentol en forma de xel, no que está integrado o aceite esencial. Logrouse unha liberación rápida ao principo e máis lenta posteriormente.
  • Formulación semisólida de base oleosa en forma de crema viscosa (oleoxel), de difícil degradación na colmea, para que as abellas ao tentar eliminala se encargasen de estendela. Logrouse unha liberación máis lenta do aceite esencial ao longo do tempo.
  • Preparación en forma de pasta sólida. Tras unhas probas preliminares, a formulación final contiña mentol e carvacrol. Trátase dun soporte sólido, o que facilita a aplicación e retirada da colmea, con liberación lenta, controlada e sostida ao longo do tempo.
  • Microcápsulas cunha cuberta externa de polímeros naturais biodegradables e un núcleo oleoso de aceite esencial con principio activo de carvacrol. Son formulacións de carácter máis experimental, que se probaron a nivel de colonias de laboratorio, pero non en apiarios. As microcápsulas presentan, con respecto aos demais sistemas de aplicación, a vantaxe dunha maior estabilidade e duración no tempo.
Produtos non autorizados A pesar de tratarse de produtos naturais de orixe botánica, o seu uso non está aínda autorizado pola Axencia Española do Medicamento, polo que este tipo de preparados non poderían ser empregados neste momento por parte dos apicultores. "O período habitual para sacar ao mercado un medicamento veterinario son 6 anos, polo que os estudos presentados están nunha fase inicial antes de que cheguen a unha comercialización definitiva, xa que terían que pasar determinadas regulamentacións e períodos de garantía", advirte Asteria.
O ser humano necesita ás abellas e elas necesítannos cada vez máis
Con todo, estes tratamentos en base a estes principios activos naturais están autorizados e son usados noutros países, como en Arxentina ou Italia, pero en España non se poden usar por non estaren autorizados pola axencia avaliadora española, a AEMPS.

"Hai aínda moito por facer neste mundo dos acaricidas orgánicos, sobre todo na súa aplicación e combinación con prácticas de manexo"

Os distintos produtos foron probados nunha fase inicial en colmeas da aula de apicultura experimental da Universidade de Gran Canaria, onde desenvolve o seu labor docente e investigador Anselmo Gracia. Con estes ensaios fóronse dando pasos para ir modificando o desenvolvemento galénico dos tratamentos.
As cremas secábanse moi rapidamente unha vez aplicadas na colmea, mentres a pasta sólida mantiña moito mellor a súa estrutura transcorridos 15 días ou un mes da súa aplicación
"Detectamos tratamentos que se secaban ou cristalizaban, reaccións nas abellas moi defensivas e afectacións á estabilidade da cera. Hai aínda moito por facer neste mundo dos acaricidas orgánicos, sobre todo na súa aplicación e a súa administración dependerá da temperatura ambiental ou do nivel de ocupación das colmeas, factores dos que depende o seu vaporización e eficacia", explica.
Hai que combinar estes tratamentos orgánicos con manexo biotécnico, retirando os cadros de cría cando se aplican
"Os resultados non son moi alentadores, hai que combinar estes tratamentos orgánicos con manexo biotécnico, como pode ser quitar os cadros de cría cando se aplica o tratamento. Realizouse unha proba tratando con ácido oxálico por goteo e sacando os cadros de cría pechada no momento de aplicar o tratamento e viuse unha eficacia maior", indica.

"Hai que cambiar o chip e non depender só dun tratamento porque non hai tratamentos milagreiros 100% eficaces"

Patricia Combarros Fortes é veterinaria especializada en sanidade e produción apícola e foi a encargada de avaliar a eficacia acaricida destes tratamentos en condicións reais, en colmeares experimentais de Castela e León e Galicia, así como o comportamento das abellas e os posibles efectos sobre elas. Realizouse unha avaliación previa inicial do vigor das colmeas (cadros ocupados con abellas, cadros de cría e reservas de mel e pole) e do nivel de afectación por varroa (grao de parasitación), seguindo o criterio de reconto do Ministerio de Agricultura, cun baremo de 6 niveis que vai desde moi leve (1 acaro ao día) a moi grave (cando se recollen máis de 25 ácaros ao día).
O recomendable tería sido aplicar os tratamentos antes de que houbese un nivel tan elevado de cría nas colmeas
Para estimar o nivel de infestación utilizouse o método de cálculo de varroa forética (a que está adherida á abella). Aínda que se estima habitualmente que 10.000 abellas correspóndense cun kg de abellas, atopáronse diferenzas importantes de peso, polo que se optou polo cálculo real en 100 abellas. As diferenzas de peso débense a varios factores, como a presenza de zánganos ou a cantidade de mel que inxire a abella no momento de abrir a colmea, aplicar fume e recoller as abellas. No momento de aplicación do tratamento, que durou un mes nos catro casos, avaliouse a súa eficacia contando diariamente a cantidade de varroas que caían na bandexa do fondo sanitario da colmea. Tras este período retirábanse os restos do produto e despois aplicábase un segundo tratamento de seguridade con Apivar, un medicamento convencional antivarroa comercializado por Véto-pharma e cuxo principio activo é o Apitraz, para comprobar o grao de eficacia dos tratamentos previos. Comportamentos dispares e resultados non concluíntes Os resultados logrados nos distintos apiarios experimentais variaron en función do tipo de aplicación. No caso do xel timol+mentol, o 44% das colmeas presentaron unha redución ou estabilización dos niveis de varroa, mentres co oleogel timol+ácido oxálico, os resultados foron un pouco mellores, xa que o 56% das colmeas presentaron unha redución ou estabilización do grao de infectación.
O tratamento con pasta mentol+carvacrol foi o que mellor funcionou nos colmenares do noroeste
No caso da pasta de mentol+carvacrol produciu resultados moi bos nalgunhas colmeas e moito menos eficaces noutras, existindo unha gran variabilidade, aínda que foi o tratamento que mellor funcionou nos colmenares do noroeste, cun 75% das colmeas con redución ou estabilización dos niveis de varroa. "Foi complicado atopar unhas conclusións comúns a todas as colmeas e unha análise estatística pola variabilidade de datos, porque cada colmea comportouse dunha forma distinta", recoñece Patricia, que considera que "a primavera inestable que tivemos este ano no noroeste, con altibaixos importantes de temperatura, afectou ao desenvolvemento e crecemento das colonias e tivemos colmeas pouco poboadas e ás que lles custou arrincar, con niveis de cría moi baixos e reservas de mel e pole moi escasas", argumenta. Axitación e instinto de limpeza En canto aos efectos sobre as abellas, o tratamento en xel a base de timol+mentol fai que as colmeas se poñan agresivas e as abellas desenvolvan rapidamente o seu instinto de limpeza daquilo que lles molesta, un comportamento que sen embargo non se produce co oleogel de timol+ácido oxálico. No tratamento con pasta de mentol+ carvacrol as abellas propolizan a tira, o que tamén indica que é un produto agresivo para elas, e mesmo nalgúns casos paralizaron a posta durante a aplicación do tratamento, aínda que despois reactivouse sen maiores problemas.
Os resultados non son tan bos ou concluíntes como esperabamos, porque hai gran variabilidade, o que impide sacar estatísticas uniformes, pero animan a seguir investigando
"Hai que cambiar o chip e non depender unicamente dun tratamento, porque non hai tratamentos milagreiros e ningún tratamento é 100% eficaz, polo que hai que vixiar a colmea e actuar no momento adecuado. Os tratamentos actuais ben aplicados e combinados con determinadas prácticas de manexo son eficaces, pero se esperamos a que a colmea estea moribunda non haberá nada que facer. Retirar cría de zángano ao comezo da campaña ou reducir o nivel de cría da colmea son prácticas eficaces", asegura Patricia.

"A varroa é sen dúbida o problema máis grave que temos hoxe na apicultura a nivel mundial"

Benigno Basteiro, nunha das visitas a un dos seus colmeares na provincia de Ourense O proxecto Varroaform contou coa colaboración de tres apicultores profesionais de Galicia (Benigno Basteiro), Castela e León (Urbano González) e Castela-A Mancha (Agustín Arias), que prestaron os seus colmenares para probar en campo os novos produtos antivarroa. Agustín Arias Martínez é apicultor en Azuqueca de Henares (Guadalaxara) e testou a eficacia dos novos tratamentos en dous colmeares experimentais, un con 32 comenas layens e outro con 32 colmeas langstroth, para observar posibles diferenzas de efectividade en función do tipo de colmea na aplicación das catro formulacións: GelTimen, Oleoxel, Pasta mentol+ carvacrol e Vasoxatim (formulación en pasta de vaselina filante, ácido oxálico e timol que se introduce pola piqueira sobre unha tira). "O grado de eficacia está aínda por determinar, pero observamos reducións desde os niveis de infestación inicial tras un mes de tratamento", indica Agustín, que recoñece que "a varroa é sen dúbida o problema máis grave que temos hoxe na apicultura a nivel mundial".
A varroa é un parasito moi complicado e cada colmear é distinto, mesmo cada colmea
Urbano González Escapa, da consultora Urzapa, que leva 12 anos axudando a apicultores afeccionados a profesionalizarse e a pasarse de convencional a apicultura ecolóxica, puxo ao dispor do proxecto Varroaform un colmear experimental en Cerezales del Condado, a 20 km de León, con 40 colmeas langstroth. "A varroa é un parasito moi complicado e cada colmenar é distinto, mesmo cada colmea", afirma. Unha das súas conclusións é que "trala aplicación dos tratamentos observamos unha maior agresividade nas abellas a respecto doutros colmenares nosos que non participaron no experimento", di, aínda que o achaca non só ao efecto dos produtos aplicados senón tamén ao número de visitas realizadas para seguimento. "Foron máis de 25 visitas nun ano e as abellas tamén se cansan de nós", asegura.
Houbo parada de posta durante a aplicación dos tratamentos e temiamos que as colmeas puidesen mesmo quedar zanganeiras, pero recuperáronse moi ben
Finalmente, Benigno Basteiro probou a eficacia dos tratamentos nun colmear con 32 colonias situado na zona de alta montaña na provincia de Ourense, a 800 metros de altitude. "Houbo mesmo parada de posta durante a aplicación dos tratamentos, polo que temiamos que puidesen mesmo quedar zanganeiras, pero recuperaron moi ben e están a día de hoxe nun moi bo estado para afrontar o parón invernal, a pesar de que por culpa da covid-19 tardamos moito en tratar e o nivel inicial de varroa era alto", indica.

Selección xenética da abella galega, colmeas máis resistentes a enfermidades, produtivas e mansas

“Noutras especies son habituais os programas de selección e mellora xenética, pero coas abellas en Galicia pouco se ten feito ata agora”, explica Manuel Ferreira, presidente da asociación e do centro de divulgación apícola A Casa do Mel de Goente, nas Pontes (A Coruña). Por iso, no 2019 iniciaron un programa de selección xenética da abella autóctona co que conseguir mellores apiarios e no que están agora a traballar intensamente coa colaboración de apicultores de distintas zonas de Galicia. “É un programa que vai levar o seu tempo, pero é unha necesidade que hai na apicultura galega”, reivindica Ferreira. Coa súa selección queren conseguir colmeas máis resistentes ás principais enfermidades, en especial á varroa, a maior ameaza actual para a supervivencia dos apiarios. “A nosa prioridade é seleccionar aquelas abellas autóctonas que respondan mellor fronte ás enfermidades”, apunta Ferreira. Ademais, teñen en conta outros aspectos, como a produción que logran ou o mansas que son, calidades que resultan interesantes posto que facilitan tanto a rendibilidade da actividade como o labor dos abelleiros.

A selección nos apiarios

A primeira fase do programa é a selección de colmeas con boas aptitudes, para o que contan coa participación duns 40 apicultores de distintas zonas de Galicia. Así, teñen colaboradores dos Ancares, da zona de Santiago ou de Muras, entre outros lugares. Xa no 2019 levaron a cabo a selección das primeiras colmeas grazas á colaboración duns 11 apicultores. O ano pasado a pandemia interrompeu os traballos de selección que retomaron este ano. Os propios apicultores fan unha selección inicial das mellores colmeas que teñen no apiario e logo un equipo técnico procede a facer máis probas para determinar aquelas con mellores aptitudes. O principal obxectivo é conseguir abellas cunha boa resistencia ás enfermidades e para iso valoran moito aquelas colmeas hixiénicas e organizadas, xa que son dúas características determinantes para ofrecer unha mellor resposta ante enfermidades como a varroase. Para valorar estas calidades, realizan unha pequena proba que consiste en pinchar unha pequena zona de cría, que deixan sinalizada. “Unha boa colmea detectaría ese problema na cría e en menos de 24 horas tería esa zona limpa”, detalla a veterinaria Iria Bellas, que forma parte do equipo técnico involucrado no proxecto xunto co enxeñeiro de montes Iago Vilela e a bióloga Eva Pico. Avalían a capacidade de limpeza da colmea, xa que é unha vantaxe ante enfermidades como a varroase. Outra das probas que realizan para ver a resposta das abellas á varroa consiste en colocar un papel branco impregnado de vaselina no fondo sanitario da colmea dous días antes da visita dos técnicos ó apiario. Nel poden contabilizarse os exemplares de varroa que se desprenderon das abellas nese tempo e comprobar tanto o grao de afección como a resposta da colmea. “Nunha revisión no microscopio podemos comprobar como se atopan os ácaros e saber se se desprenderon accidentalmente das abellas ou se foron eliminados do seu corpo polas propias abellas”, concreta a veterinaria. Cando os ácaros son arrancados polas propias abellas, nun proceso de acicalamento coñecido como grooming, a varroa queda con danos que se aprecian nunha revisión máis meticulosa. O estudo pon especial atención na varroa, non só polo problema actual que supón para os apiarios, senón pola resistencia ós tratamentos habituais que están comezando a desenvolver os ácaros. Reconto de varroa nun dos apiarios preseleccionados. A mansedume da colmea é outro dos aspectos a valorar, posto que facilita en gran medida o traballo dos abelleiros. Cando o equipo de expertos chega ó apiario avalía a resposta que ten a colmea fronte a eles, así como unha vez que comezan a abrila. “Este é un carácter moi hereditario, polo que se unha colmea é mansa é moi probable que llo transmita ós seus descendentes”, apunta a veterinaria. Tamén teñen en conta a calma das abellas ante situacións que para elas supoñen un risco, como son os ataques á cría. Os técnicos extraen un panal con cría que colocan fóra da colmea para observar así a resposta das abellas. “Deste xeito avaliamos o instinto maternal e de protección da colmea ó ver se coidan da cría e permanecen apegadas para manter a temperatura e evitar que morran ou se se marchan”, detalla Bellas. A cantidade de abellas e de cría da colmea son outros factores que tamén teñen en conta neste proceso de selección. A produción da colmea é tamén determinante nun proceso de selección xenética coma este, pero a escolla farana nas seguintes fases do programa. “Avaliaremos as colmeas en igualdade de condicións para saber realmente cales son as máis produtivas”, explica a bióloga Eva Pico.

Selección das mellores

Unha vez rematen esta primeira fase de selección entre os apiarios que participan no programa de mellora, trasladarán as colmeas ó apiario que a Casa do Mel ten para este fin na antiga zona restaurada pola compañía eléctrica Endesa. Este apiario para a selección xenética instalárono no 2019, logo dun convenio coa firma e engádese ós outros dous que o colectivo xestiona na zona, un deles dedicado á produción de mel e produtos da colmea e outro para actividades de formación. A zona de restauración da compañía, que abrangue unas 1.500 hectáreas, permite que o proceso de selección se leve a cabo máis facilmente e con maiores garantías. “As colmeas da asociación son as únicas deste espazo, o que nos garante que os cruzamentos van ser só coas nosas abellas”, detalla Ferreira.

Probas xenéticas

O proceso de selección que realizan nas colmeas compleméntase cunha identificación xenética. Na primeira fase do programa, coa selección realizada no 2019, xa realizaron estas probas para coñecer a especie de abella dos apiarios escollidos. “Tódalas abellas que seleccionáramos eran Apis mellífera iberiensis, a nosa abella negra común e autóctona”, concreta Ferreira. As probas xenéticas, que realizaron na Universidade de Murcia, tamén confirmaron que contaban con exemplares tanto do subgrupo europeo e africano, á par que se detectou un novo tipo, que aínda non estaba identificado. “Ademais de confirmar que contabamos con abella autóctona, o máis importante foi que nos informaron de que tiñamos a suficiente variabilidade xenética como para poder levar a cabo un proceso de selección e mellora xenética”, indica a bióloga Eva Pico. A endogamia pode terminar provocando desequilibrios dentro da colonia como a diminución da termoregulación, de resistencia a enfermidades e a aparición de fallos nas postas, coñecido como polo lagunar.
"Queremos chegar a ter un banco de raíñas que poder ofrecer ós apicultores socios": Manuel Ferreira, presidente da Casa do Mel 
Ademais de conservar a abella negra local, pola súa adaptación ás condicións climáticas galegas, o proxecto busca achegar este proceso ós apicultores. “Queremos chegar a ter un banco de raíñas que poder ofrecer ós socios”, apunta Ferreira. Á par dos convenios de colaboración coa entidade eléctrica, o colectivo tamén contou coa colaboración tanto da Deputación da Coruña como do Concello. “Para nós é moi importante contar co apoio das administracións para poder levar a cabo estas iniciativas que teñen beneficios tanto para os apicultores como para a sociedade en xeral”, reivindica Ferreira. Nos últimos tempos tamén puxeron en marcha unha ruta apiturística polos seus apiarios.

Claves para unha boa revisión das colmeas a comezo da tempada

Para proceder á revisión das colmeas debe agardarse a que a temperatura a mediodía alcance os 15ºC O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos organiza desde fai dous anos cursos de iniciación á apicultura que serven de toma de contacto co sector a aquelas persoas que buscan adicarse, ben profesionalmente, ben de xeito afeccionado, á produción de mel ou enxamios. Na xornada celebrada a comezos de abril, correspondente á parte práctica dos cursos celebrados o pasado outono, tratouse de transmitir a importancia de, por unha banda, a necesidade de realizar unha revisión exhaustiva das colmeas a inicios da tempada apícola e, por outra parte, de aplicar un método de división de colmeas sinxelo e que estea ao alcance de todos os públicos.

Escoller o momento

En canto á revisión das colmeas a inicio de tempada, cabe resaltar que o momento da súa realización pode variar considerablemente dunhas zonas a outras de Galicia, podendo haber ata case dous meses de diferenza entre a zona do Val Miñor (unha das máis temperás da comunidade) e as zonas situadas a máis de 1.000 metros das montañas orientais das provincias de Lugo e Ourense.
O momento da realización da primeira revisión pode variar considerablemente dunhas zonas a outras de Galicia en función da altitude e a climatoloxía do lugar
Por establecer unha data de referencia, para o CFEA de Monforte de Lemos (340m de altitude) e, segundo as temperaturas históricas rexistradas en Meteogalicia, esta primeira revisión pode levarse a cabo entre finais de xaneiro e principios de febreiro. Por exemplo, neste ano 2021, a primeira revisión puido levarse a cabo o 28 de xaneiro, día no que se acadou unha máxima de 18,5ºC no mediodía, temperatura máis que suficiente para poder abrir as colmeas e verificar xa os comezos da actividade propia dun enxame san e vigoroso.

Analizar de fóra cara a dentro

Unha vez escollido o momento idóneo para a realización da primeira revisión, os aspectos máis relevantes a ter en conta a hora de revisar unha colmea a inicios de ano son, por orde: 1) Aspecto xeral exterior da colmea Desde un punto de vista material observarase ausencia de defectos na colmea, tales como fondo en mal estado ou aburatado, pintura perdida, colmea non estable por térense movido os seus apoios, CEA da explotación borrado ou ilexible, manchas na fachada da colmea que poden ser indicativas de enfermidades, etc... 2) Actividade da piquera Deberase apreciar, nun día solleiro, a entrada de abellas con pole, o cal será un bo indicativo, pois estaranos dicindo que a colmea espertou e comezou xa a traballar tralo parón invernal, que hai floración e que, moi posiblemente, teñamos cría no interior. 
Á hora de facer a revisión, deixaranse para o final aquelas colmeas que presenten nula ou pouca actividade na piquera por ser sospeitosas de estar mortas ou enfermas
Por medio da observación poderanse apreciar as diferenzas de actividade entre unhas colmeas e outras dentro dunha mesma alvariza. Deixaranse para o final aquelas que presenten nula ou pouca actividade na piquera por ser sospeitosas de estar mortas ou enfermas. Da observación da piquera obteremos tamén outra información relevante, como por exemplo signos de enfermidade: moitas abellas mortas diante da piquera ou manchas de diarrea. 3) Niveis de varroa Recoméndase situar nun 10% das colmeas do apiario fondos sanitarios para poder facer un conteo de varroas caídas por morte natural. Faremos un mostreo durante varios días (entre 3 e 7) e dividiremos o número de varroas aparecidas entre os días transcorridos para obter unha media de varroas caídas por día, o que nos dará un nivel indicativo de infectación.  Os niveis de varroa tamén se poden coñecer a través doutros métodos e, para máis información, recoméndase ler a Guía técnica para a loita e control da varroosis e uso responsable de medicamentos veterinarios contra a varroa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Fondo para conteo de varroas por caída natural

Cando é necesario volver tratar?

Non visualizar a varroa sobre as abellas ou non ver abellas coas ás roídas non é un método fiable para valorar os niveis de varroa. Como dato xenérico, cabe resaltar que o 75% das varroas encóntrase na cría operculada durante a época de crecemento da colonia, onde a cantidade de cría abunda e chega a ocupar, no momento de preenxamía, gran parte dos panais. Isto quere dicir que, só o 25% das varroas están sobre as abellas (fase forética) e, por tanto, visible para o apicultor. 
Non visualizar a varroa sobre as abellas ou non ver abellas coas ás roídas non é un método fiable para valorar os niveis de varroa
A medida que a tempada avanza e a cantidade de cría descende e incluso se chega a bloquear a posta pola forte entrada de néctar e pole (por exemplo durante a floración do castiñeiro), as proporcións invírtense, pasando a estar un 75% de varroas sobre as abellas e tan só un 25% na cría. Por esta razón é primordial partir de niveis de varroa baixos, pois se esperamos a velas sobre as abellas xa será demasiado tarde. Detalle dunha varroa (á esquerda) sobre unha abella obreira Arrincar con niveis de varroa moi baixos a comezos da tempada é, pois, un aspecto fundamental e primordial para evitar un colapso das colmeas durante o bloqueo da posta na época estival. Polo tanto, se nesta primeira revisión da tempada comprobamos que temos niveis altos de varroa (máis de 7 varroas/día) deberemos tratar, posto que é posible que o tratamento aplicado no outono non fose efectivo.
A partir de conteos de máis de 7 varroas/día deberemos aplicar un tratamento, non só nesa colmea senón en todas as que teñamos no apiario
Dividir serve tamén como método de control natural da varroa, ao estarlle cortando o seu ciclo natural. En caso de que teñamos pensado dividir a colmea e sexa necesario, dado o seu nivel de infectación, aplicar tratamento contra a varroa, é recomendable tratar despois de dividir, no momento no que non hai cría, pois así resultará moito máis eficaz. 

Poboación e nivel de cría

Unha vez verificados os tres puntos anteriores procederemos a abrir as colmeas para examinar o seu interior minuciosamente pola orde seguinte: 1) Número de cadros ocupados Forza da colonia por conteo de cadros ocupados por abellas Do primeiro vistazo valoraremos a forza da colonia examinada contando o número de cadros ocupados polas abellas e a presenza de mel na parte superior dos panais ocupados por abellas. En caso de ausencia de mel nesta parte superior verificaranse as reservas de mel no resto de cadros.
É moi importante coñecer o noso entorno pois a alimentación en zonas con moita Erica favorece considerablemente a tendencia a enxamear
Alimentarase só se se ve a necesidade e única e exclusivamente baixo criterios xustificados, como por exemplo: intención de dividir/nuclear a colmea proximamente, estimular a posta para chegar a tempo dunha floración en particular, previsión de frío e/ou choiva que poña en perigo a supervivencia da colonia... Aviso: é moi importante coñecer o noso entorno pois a alimentación en zonas con moita Erica favorece considerablemente a tendencia a enxamear. 2) Coidado coa raíña Retirada de orillero con movimentos suaves para evitar a morte de abellas Comenzaranse a retirar os cadros iniciando a operación por un dos orilleros minimizando así os riscos de esmagar coas nosas manipulacións a raíña e outras abellas. Unha vez retirado o primeiro cadro xa teremos espazo suficiente para traballar comodamente. Nos cadros orilleros, en xeral encontrarémonos reservas de mel. Na primeira revisión é probable que non haxa demasiado pole, pero a medida que avanza a tempada é un gran indicativo que aparezan xa nos cadros orilleros moitas cores diferentes de pole almacenado. Isto é resultado de que a zona goza dunha flora melífera diversa. Abella almacenando pole Pole almacenado procedente de diferentes variedades vexetais 3) Estado da cría Verificarase o estado da cría, en primeiro lugar, desde un punto de vista sanitario, comprobando ausencia de enfermidades contaxiosas como loque americana. Para iso empregamos a proba do palillo: pínchase unha celdiña sospeitosa por estar o seu opérculo roído ou fundido, e o palillo deberá saír seco; en caso de loque americana ao saír arrastrará unha substancia viscosa e marrón consigo ao proceder a retiralo da celdiña. Con esta sinxela comprobación saberemos se a nosa cría está sa ou se, polo contrario, a colmea ten os días contados, con risco engadido de contaxio de loque americana ao resto de colonias do noso apiario.  Proba do palillo para Loque americana. Detalle do palillo despois de ter pinchado a celdiña En segundo lugar, comprobarase a cantidade e distribución da cría. Tamén se verificará a presenza de ovos, o cal será confirmatorio da presenza de raíña. Recoméndase contar os cadros de cría de cada colonia para poder establecer grupos dentro do noso apiario. Por regra xeral, aquelas colmeas que máis cantidade de cría teñan nesta primeira revisión, máis papeletas terán para chegar antes ao momento clave de preenxamía, momento no que deberemos decidir o futuro da colonia. Cadro central da colonia revisada: cría aberta, pechada e reservas na parte superior Cría pechada compacta rodeada de cría a piques de ser operculada Detalle de ovos nun cadro recén estirado. Larvas na parte superior dereita

Anotar para tomar decisións

Un aspecto importante tanto no momento de facer as distintas revisións ás nosas colmeas como á hora de realizar outros traballos no noso colmear (divisións, tratamentos, etc) é tomar notas. Documentar o manexo que realizamos, facendo apuntamentos de distintos aspectos (datas, estado poboacional e sanitario, floración e condicións climatolóxicas do ano ou outras observacións) serviranos para analizar o sucedido e, en base á experiencia acumulada, tomar mellores decisións de cara ao futuro.  
É convinte marcar aquelas colmeas que están máis avanzadas co obxecto de colocar nelas antes a alza ou proceder á súa división para evitar que enxamee
En caso de ser principiante, recoméndase realizar un seguimento das colonias cada dúas semanas co fin de ver a súa evolución e coller práctica na apertura e manipulado dos panais, búsqueda da raíña, ter referencias de datas, etc. Anotarase o visualizado cun sistema de abreviaturas deseñado por cada quen para axilizar este paso e que permita comparar todas as colmeas revisadas co fin de tomar as decisión oportunas que, loxicamente, dependerán das estratexias de cada un en función dos seus obxectivos.
(*) CÉSAR CRESPO VÁZQUEZ é enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro de organización industrial. Traballa como docente no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e mantén unha explotación apícola en Montederramo.  

Mel Rural: Pioneiros en producir mel ecolóxico en Galicia

"Non é bo poñer todos os ovos na mesma cesta". É un consello que Manuel Macía gusta de dar e que el mesmo aplicou na súa vida. Ese interese por diversificar o risco foi o que o levou á apicultura e, pasados os anos, o que o salvou da crise do ladrillo, o sector no que traballara como encofrador.  Pero Manuel é tamén un apicultor vocacional e leva 60 anos entre abellas. "Gústanme as abellas desde neno e chapei todos os libros que saíron, eu fíxenme bo apicultor porque me gustan", admite. Aos 7 anos o seu pai mercoulle os seus primeiros trobos. "Comproulle a un señor que estivera en Cuba unha alvariza e 3 colmeas. Trouxerámolas nun burro durante dúas horas de viaxe desde Outeiro, o pobo de miña nai, até Vilarmel, onde viviamos", conta.  Neste pobo de Quiroga, a 930 metros de altitude, lindando xa co Courel, Manuel viviu até os 18 anos. Alí, aos pés do Pico Montouto, tiveron lugar os seus inicios na apicultura moderna. "A primeira colmea moderna que veu a Quiroga, unha Langstroth, regaloulla Extensión Agraria ao meu pai para min porque sabían que me gustaban as abellas. Tiña eu 12 anos", lembra aínda hoxe.    
Aos 7 anos o seu pai mercoulle os seus primeiros 3 trobos e comezou unha afección que conserva aínda hoxe con 2.000 colmeas
Despois Manuel foi emigrante, en Barcelona e en Suíza, onde pasou 16 anos, pero sempre seguiu coidando das súas abellas. "Aló traballaba na construción, pero cando tiña un día libre ía ver abellas. En Suiza téñenas metidas nunha caseta, 30 ou 40 colmeas xuntas. Traballabamos 9 meses e parabamos 3 no inverno polo mal tempo, que era cando viña de vacacións. Eu ía aprendendo dos vellos, mirando onde armaban as trampas. Cando marchaba deixaba armadas ao mellor 40 trampas en cortizos e cando volvía igual tiña 20 enxamios collidos", conta Manuel.   "En Suíza gañábanse moitos cartos, dez veces máis ca aquí", calcula Manuel, pero chegou un momento, cunha filla de 8 anos e a muller embarazada, que había que decidir: "era virse ou quedar alí, o 90% dos emigrantes optaba por quedar, porque era unha vida máis doada, pero eu sempre pensei en escaparme para aquí", di. 
Non é bo poñer todos os ovos na mesma cesta, por iso decidin manter as abellas mentres traballaba de albanel
Así que Manuel e a súa familia fixeron a maleta e voltaron para Quiroga, onde continuou traballando na construción e coidando das súas abellas. "Ata que veu a crise, porque estaba claro que aquilo ía estoupar, pero eu dinme conta diso e fíxenme profesional da apicultura, tiña xa daquela 1.100 colmeas", explica. 

O paso a ecolóxico

Alvariza tradicional de As Barxas, en Quiroga, que Manuel mantén cos trobos antigos Manuel levaba xa anos preparando o terreo para poder vivir da apicultura. "No 2012, con 12 colmeares e 600 colmeas pasei a ecolóxico e empecei a medrar metendo entre 150 e 200 colmeas cada ano para chegar a un número que me permitira vivir das abellas", lembra. 
A primeira vez que usei ácido oxálico dun colmear de 80 colmeas matei a metade
Foi o primeiro produtor de Galicia de mel ecolóxico pero os inicios non foron doados. "Aquilo foi moi complicado porque cera ecolóxica aquí non había, tiven que mercala en Francia, e cos tratamentos pasaba igual. Acórdome que a primeira vez que usei ácido oxálico empreguei unha dose moi elevada e dun colmear de 80 colmeas matei a metade. Nese momento estiven a punto de tirar a toalla do ecolóxico e volver outra vez a convencional, porque o prezo do mel era o mesmo e o manexo tiña moitas desvantaxes. Por exemplo, o Timol non era eficaz, tiñas que tratar 2 ou 3 veces e producías menos porque sempre tiñas máis varroa", relata.
O mel pagábancho igual, pero eu era un fanático dos produtos naturais e quería ter un produto que non tivera ninguén
Pero Manuel tiña as cousas claras e seguiu adiante. "O mel pagábancho igual, pero eu era un fanático dos produtos naturais e quería ter un produto que non tivera ninguén". Naquel momento foi unha aposta arriscada pero hoxe aquela decisión deu os seus froitos. "Agora o mel ecolóxico cotízase máis e hai máis demanda para el, polo que tes a venda asegurada, mentres para o convencional non. Iso é o que pensaba eu fai 20 anos, pero tardou máis do que eu pensaba", admite.  Mel das montañas de Lugo e Ourense Euromel vende a granel a unha empresa catalá o mel que non logra comercializar coa súa propia marca Aquel proxecto iniciado por Manuel baixo o nome de Euromel é hoxe "unha empresa familiar que funciona moi ben" na que, xunto a Manuel, de 66 anos, figura tamén o seu xenro, Rubén Ocampo. Contan con 46 colmeares, 36 en ecolóxico e 10 en convencional, repartidos polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Manzaneda e Trives. "Para 2 que somos a traballar chégannos ben para atender", recoñece.
Euromel dispón hoxe de arredor de 2.000 colmeas en 46 colmeares repartidos polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Manzaneda e Trives
En total, teñen arredor de 2.000 colmeas, 1.640 en ecolóxico e 350 en convencional, "porque xa non había máis sitios onde colocar máis colmeas en ecolóxico, as montañas xa as tiña todas copadas así que para poder seguir medrando tiven que poñer algunha tamén en convencional", explica.
As montañas xa as tiña todas copadas así que para poder seguir medrando tiven que poñer algunha colmea tamén en convencional
Ser pioneiro en mel ecolóxico en Galicia tivo os seus inconvintes, pero tamén algunha que outra vantaxe. "Ir primeiro permitiume escoller emprazamentos, algo que é fundamental en ecolóxico, porque hai que gardar unhas distancias e nun radio de 3 quilómetros non pode haber pradeiras onde se bote purín nin plantacións de frutais ou viñedo onde se empreguen insecticidas ou herbicidas", conta.  Monoflorais de castiñeiro, brezo, carballo e silva Nos últimos anos diversificaron facendo distintos produtos, como pole de castiñeiro ou propóleo Da súa etapa en Suíza Manuel aprendeu que había que diferenciarse e tamén que había que diversificar. "Había distintos tipos de mel no supermercado e dinme conta que nesta zona podiamos conseguir meles monoflorais de castaño e de brezo e empecei a separar", conta.  
Os novos apicultores teñen que optar por facer un produto de calidade e diferenciado. Eu optei por iso e saíume perfecto
Hoxe ademais de castiñeiro e queiruga, logra mel monofloral de carballo e de silva. "O de silva é difícil de conseguir, teño só 5 bidóns de silva este ano, porque son moi esixente e para envasalo coa miña marca ten que ter máis do 70% de silva", explica. O mesmo co resto. "Legalmente a partir do 35% podes poñer mel de brezo, pero o meu dá o 75% e o de castaño o 90%, cando legalmente o mínimo está fixado no 66%. Pero coa miña marca da envasadora só sae o mel especial do ano, o que máis castiñeiro, brezo, carballo ou silva ten, os que non chegan a esas porcentaxes que eu me marco prefiro vendelo a granel", di. 
Teño logrado mel de castaño co 96% de castaño. Coa miña marca só sae da envasadora o mel especial do ano
A maior parte da produción a granel véndella desde o ano 1995 a Miel Alemany, unha empresa catalá que move grandes cantidades de mel con destino á exportación. A cotización á que lle pagaron a produción a granel este ano foi de 4 euros/quilo en convencional e 6,50€ en ecolóxico. Aínda que sexa para vender a granel Manuel procura separar tamén por floración predominante. "Os monoflorais dan un pouco máis traballo pero tamén teñen máis saída e págancho mellor. A min en concreto páganmo 40 céntimos máis e se tivera o dobre o dobre vendía", asegura.  Entre 10.000 e 12.000 quilos de mel coa súa propia marca Pero fai 30 anos que Manuel envasa tamén coa súa propia marca, Miel Rural, unha parte importante do mel que produce, aquel de mellor calidade, entre 10.000 e 12.000 quilos e que distribúe en tendas de toda Galicia ou envía a clientes de distintos puntos da península.   
Co mel de queiroga de primavera, máis denso e escuro que o de outono, lograron a medalla de bronce no London International Honey Awards 
"É clientela fiel á que lle gusta un mel concreto, uns queren mel de castiñeiro, que é máis doce e outros de brezo, pero o noso mel de brezo é diferente, porque é de primavera e leva tres tipos distintos de brezo polo que é máis denso e escuro e ten máis propiedades; non ten nada que ver co mel de brezo de outono, que leva unha soa variedade e é máis claro", conta Manuel. Foi precisamente co mel monofloral de queiroga co que gañou este ano a medalla de bronce no London International Honey Awards, un prestixioso galardón que se une ao Premio do Craega do ano 2007 como mellor produtor de alimentos ecolóxicos. 
O propóleo ten demanda e bo prezo. O quilo págase a 165 euros e vai todo para Francia. Se fixera 100 quilos, 100 quilos vendía
Baixo a marca Mel Rural comercialízanse tamén outros produtos de Euromel, como pole ou propóleo. "O pole dá moito traballo, porque para sacar un bo pole de castiñeiro, de boa calidade, hai que sacalo todos os días e moitos dos colmeares que temos están lonxe, por exemplo, desde Quiroga hai unha hora a Manzaneda e outra ao Courel", indica Manuel.  O propóleo é outro dos produtos diferenciados. Comezaron a sacalo este ano en cantidade algo maior. "Ten demanda e bo prezo, o quilo págase a 165 euros e vai todo para Francia. Se fixera 100 quilos, 100 quilos vendía", recoñece. 

"Fai 10 anos a mortandade das abellas era dun 10%, hoxe é dun 30%"

Manuel recicla a cera dos apérculos de cando saca o mel para os panais Con 6 décadas de experiencia ás súas costas, Manuel atrévese a dar un consello a calquera mozo ou moza que queira comezar hoxe na apicultura: "Non hai que correr, eu empecei despacio, con só 3 colmeas". "Antes era máis doado. Eu tiña 700 colmeas e traballaba na construción, pero agora é outro mundo distinto, agora se queres ter abellas hai que ser apicultor e formarse para sacarlles rendemento", indica.  
"Antes era un mundo e hoxe é outro. Antes todo o mundo podía ter abellas, hoxe non, hoxe hai que saber" 
"Agora non é o de antes, cando todo o mundo podía ter abellas. Hoxe non, hoxe un apicultor que non saiba pode quedar sen nada dun día para outro. Fai 10 anos a montandade de abellas era do 10% anual, hoxe é de máis dun 30%. Temos moitas cousas en contra das abellas: varroa, locke, velutina e nesta zona tamén o oso. Hai 4 osos nesta zona de Quiroga, o Courel e Oencia, xa en León, e tiven xa 19 ataques nos 7 colmeares que teño con pastor, pero non poido ter pastor nos 46 apiarios que temos", evidencia Manuel. 
Este ano a colleita foi escasa e obtiveron uns 23.000 quilos de mel, cun promedio de 12 quilos por colmea, pero o ano pasado chegaron aos 35.000 quilos totais
Asegura que tamén foi minguando a produción nas últimas décadas. "Cando vin de Suíza, fai 33 anos, tiña 40 colmeas modernas e 40 do país. Aquel ano pasei as abellas dos trobos a colmeas modernas e sen ter cera estirada logrei un promedio de 52 quilos por colmea. Pero esas medias foron baixando primeiro a 40 quilos, logo a 30 e agora a 20. Eu hoxe considero unha colleita normal entre 20 e 30 quilos. Con iso sacaría 60 toneladas, pero fai dous anos a media foi de 10 quilos, o ano pasado de 20 e este ano o promedio foi de 12 quilos. Por iso sobe o prezo do mel", asegura.  Os efectos do cambio climático Manuel achaca boa parte do aumento da mortandade de abellas e o descenso de produción ao cambio climático. "Está clarísimo, boa parte do incremento de mortandade débese a que cambiou o clima. Desde fai cinco anos eu estou facendo de 500 a 700 núcleos cada ano e fanme falta para cubrir as baixas practicamente, non logrei aumentar o número de colmeas un 10% nestes 5 anos. Antes saían enxamios, hoxe case non ves ningún", argumenta.
Os núcleos véndoos a 80 euros porque eu se vendo algo quero que sexa bo, o que non quero para min non llo vendo a ninguén
Na actualidade non ten en mente seguir medrando, polo que vende os excedentes de abellas. "Vendo núcleos, até agora poucos porque os tiven que usar para min, para ir aumentando, pero agora penso manter só as que teño. Os núcleos eu véndoos a 80 euros porque teño tres razas que non ten calquera. Eu o que non quero para min non o quero para ninguén. Eu se vendo algo quero que sexa bo", asegura.   Mellora xenética A través da selección de raíñas Manuel foi tratando de mellorar o nivel produtivo das súas abellas e a súa resistencia a enfermidades. "Non é o mesmo unha raíña dunha raza que doutra, pasa igual que no caso doutras especies como polos ou vacas, a produción é moi diferente", di. 
A raíña autóctona é máis dura e aguanta máis, aínda que produce menos
Mantén neste momento  tres liñas xenéticas diferenciadas. "Non me gusta ter todo da mesma raza. Teño a raza de aquí e tamén outras razas cruzadas nas que a raíña pon moitos máis ovos, polo que as colmeas producen moito máis mel. Teño un cruce que na primavera enche 8 cadros da cámara de cría, pero tamén son colmeas máis delicadas se non vén unha boa floración, porque se temos 20 quilos de abellas e non temos bo néctar e pole fóra para alimentalas temos un problema. Por iso hai que ter un pouco de todo, igual que é bo ter vacas pintas, rubias e cachenas, porque cada unha adáptase a un terreo, come unhas herbas e produce tamén cousas distintas", compara.   Cera de apérculo para renovar os panais Ademais de facer os tratamentos e vixiar as colmeas para manter controlada a varroa, Manuel reutiliza a súa propia cera como estratexia para combater o locke americano. "Non teño moitos ataques de locke, pero para iso hai que renovar moito os cadros e poñer moita cera nova. Teño cambiado máis de 10.000 láminas nun ano. Eu agora uso a cera natural miña, cera de apérculo de cando saco o mel. Antes mercaba cera ecolóxica, pero desde fai máis de 10 anos reutilizo esta e non uso a cera da cámara de cría", explica. 
A cera mercada vén chea de parafina e pode traer enfermidades, a de apérculo é a mellor cera e a máis sa e sabes que non a van rexeitar as abellas
Asegura que a do apérculo "é a mellor cera e a máis sa". "Facer isto é moito máis importante do que se cre, porque é unha maneira de eliminar o locke e de meter unha cera que sabes que está libre de enfermidades e que non van rexeitar as abellas. A cera mercada vén chea de parafina e pode traer enfermidades", asegura.  Unha alvariza única Sobreira e alvariza de As Barxas Amante da natureza, Manuel disfruta dela cando vai ver as abellas ou cando vai de caza ou de pesca, as súas outras dúas grandes afeccións. Foi tamén ese gusto pola tradición apícola o que lle fixo ir adquirindo distintas alvarizas tradicionais que mantén en uso. "Unha delas está intacta, compreina fai 20 anos e costoume 130.000 pesetas. Hoxe está na ruta das abellas do Courel. Viñeron uns xaponeses e botaron o día enteiro filmándoa", conta. 
Para un apicultor non hai cousa máis bonita que ter unha alvariza
Esta construción circular, coñecida como a alvariza de As Barxas, ten tamén a carón unha sobreira centenaria, o máis grande que se conserva na zona de Quiroga e o Courel. "Eran as árbores que se usaban para facer os trobos para as abellas. Paguei 15.000 pesetas pola sobreira e outras 15.000 polo terreo onde está, porque aquí antes comprábanse estas árbores sen a terra unicamente para poder facerlles o aproveitamento da cortiza", explica. 

“O sector apícola galego ten moita capacidade para seguir medrando, pero precisamos profesionalización”

César, con algúns dos materiais que emprega nos cursos de apicultura que imparte O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos leva dous anos organizando cursos de apicultura, que imparte César Crespo. Enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro de organización industrial, César completou desde o ano 2013 diversas estancias no estranxeiro traballando con apicultures profesionais en países como Francia, Suecia ou Inglaterra e conta cunha explotación apícola en Montederramo, de onde é natural, con arredor de 150 colmeas que están situadas a 1.100 metros de altitude. Ademais da formación que imparte en Monforte, foi o encargado de dar os cursos no Concello da Veiga para os veciños interesados en iniciarse na apicultura co obxectivo de poñer en marcha a marca Montañas de Trevinca. – Que consellos darías para alguén que quere iniciarse no mundo da apicultura? – O primeiro consello é formarse e para min a formación necesaria debería ter varias fases. O primeiro sería facer un curso de iniciación, que sexa básico, sen demasiada complicación, e a partir de aí que esa persoa teña a súa propia colmea, mellor dito, tres ou catro colmeas, porque che van dar o mesmo traballo ca unha e tes máis variabilidade para ver o que pode pasar nelas e aprender porque se só tes unha e che morre non aprendiche moito, pero se tes tres ou catro podes ver moitas máis cousas. Despois de curtirte aí un pouco sería convinte facer algún curso un pouco máis específico de temas como reprodución e se queres máis, ben para poder vivir delas ou para ter un complemento, esa xente si que se ten que formar en cría de raíñas que lle permitan medrar rápido e sacarlle un rendemento.
A formación en apicultura non é un ciclo formativo que estea regulado en España, noutros países si
E xa por último, facer algunha estancia con algún apicultor profesional. A xente pide cursos de perfeccionamento e moita práctica e iso non existe. A formación en apicultura non é un ciclo formativo que estea regulado en España, noutros países si. Eu o que lle recomendo a esa xente é que se saque un billete de avión e irse a visitar explotacións profesionais e traballar gratis e aí é onde se van a curtir e ter esa práctica que están buscando. Os cursos son clases teóricas e fas algunas prácticas, pero non estás no día a día dunha explotación apícola. Esa sería a última fase que debería facer unha persoa que se queira formar de verdade para vivir das abellas, viaxar todo o posible e ver as distintas formas de facer apicultura posibles. – Iso foi o que ti fixeche, con estancias en Francia, Inglaterra e Suecia. Hai moita diferenza da apicultura que se fai aquí á que se fai noutros países? – Si, hai bastante diferenza: tipos de colmeas empregadas, floracións diferentes, materiais distintos. É que prácticamente todo é diferente. Chamoume a atención a cantidade de maneiras que hai de facer a mesma cousa e como os apicultores se foron adaptando á súa zona e son capaces de sacarlle partido a cousas que ao mellor de primeiras parecen imposibles.
En Suecia, onde o clima é moi complicado, souberon adaptarse a esa circunstancia e logran sacar tantos quilos de mel coma nós
Son países moi diferentes, imaxínate en Suecia, onde o clima é moi complicado, pero logo estás alí e ves que tamén sacan mel, e fan tantos quilos coma nós en moitos casos. Adáptanse os materiais e os tamaños, o papel da selección xenética, que é moi importante, pero ao final a xente logra sacarlle partido ás condicións que ten, e iso é o que máis me impresionou. Por iso o que hai que facer é coñecer todas esas realidades e formas de traballar e adaptalas á nosa zona, pensando que podemos aproveitar e que non. – No curso de iniciación que impartiches este outono en Monforte asegurabas que tan importante é coñecer as abellas e as colmeas como o entorno no que as vas poñer. – O entorno botánico é clave para planificar a túa tempada, non é o mesmo estar nunha zona de costa chea de eucaliptos que estar nunha zona de alta montaña con monte máis raso, os tempos para os distintos traballos e tratamentos son diferentes. Coñecer en que entorno te atopas axúdache a saber por exemplo cando dividir, poñer alzas ou ter que alimentar. – Que recomendación darías para a escolla do emprazamento? – Unha xenérica sería que a súa exposición sexa sur-sureste; que teña zonas de sombra cando o sol está no seu punto máis alto, sobre todo no verán, algo importante tanto para as colmeas como para o apicultor; que non sexa un terreo encharcadizo pero que teña fontes de auga próximas, como un río ou un rego; que teña acceso doado con vehículo até o propio colmear, en especial se queres ter un número importante de colmeas.
Non é lóxico poñer as túas abellas ao lado das do veciño, aínda que desde o punto de vista lexislativo está permitido, pero a floración é a que é e tocaremos a menos
– E en canto á configuración do colmear? – Véñense pondo de media 40 colmeas por colmear, o que nos limita non é tanto a superficie destinada ás abellas, porque as colmeas ocupan pouco, como o espazo necesario para entrar e saír co coche, onde xirar co remolque, etc. Esas cousas hai que pensalas á hora de instalar as colmeas. – E deberíase estudar que outros apicultores hai na zona ou cantas colmeas hai xa instaladas? – Efectivamente, se un veciño ten as colmeas nun lugar o lóxico non é poñer as túas na finca do lado, aínda que desde o punto de vista lexislativo está permitido, pero obviamente a floración é a que é e se saturamos unha zona tocamos a menos. Penso que en Galicia hai monte dabondo como para repartilas un pouco máis.
Hai zonas que están xa moi saturadas e iso é preocupante. En Galicia hai monte dabondo como para repartilas un pouco máis
– Nos últimos anos houbo bastantes incorporacións de persoas á apicultura en Galicia. Consideras que aínda hai capacidade para que o sector siga medrando ou pensas que xa hai zonas que comezan a estar en certa medida saturadas de colmeas? – Eu penso que hai capacidade para seguir medrando sobre todo desde o punto de vista da profesionalización pero é certo que hai zonas que xa están moi saturadas e iso é preocupante, porque moita desa saturación é debida a apicultores que ao mellor non están nin sequera dados de alta nin rexistrados, non teñen os coñecementos para manter as colmeas nun estado sanitario mínimo e iso afecta directamente sobre os que realmente si que queren telas coidadas.
Considero que se debería meter man para controlar as colmeas que hai sen rexistrar e que son un foco de contaminación grandísimo porque non se atopan nun mínimo estado sanitario
Polo tanto, considero que si que se debería meter man niso dalgunha maneira e facer un control porque iso é un foco de contaminación grandísimo que afecta a esa outra xente que vive das colmeas. Hai que lembrar que é obrigatorio dalas de alta, tanto para os apicultores profesionais como para os afeccionados. E ti podes ter moi controladas as túas colmeas, pero se o veciño non as ten hai pillaxe, hai deriva, hai transmisión entre colmeares. Se o veciño está a tope de varroa aínda que ti trates, estarás uns días sen varroa, pero a recontaminación é inminente. Entón se eres profesional e che pasa iso é lóxico que protestes e con razón. – Fai uns anos o perfil do apicultor era o dunha persoa xubilada ou de certa idade. Foi mudando isto? Como ves o sector a día de hoxe en canto a relevo xeracional? – Pola xente que vén aos cursos de formación, hai moitas persoas mozas. Iso é importante porque é xente máis aberta a coller os novos coñecementos que tentamos transmitir, porque si que é certo que até fai uns anos era un sector bastante envellecido o da apicultura en Galicia. Non quere dicir que esa outra xente máis maior non saiba ou non teña experiencia, pero si que é certo que xa se manteñen no que fan habitualmente todos os anos, teñen menos gañas de aprender e aplicar novas técnicas ou tratamentos, porque lévano facendo así, dese xeito, toda a vida e non lles apetece cambiar agora. É entendible. – É difícil vivir profesionalmente das abellas? – Non é difícil pero si que te tes que concienciar de que é un traballo diario e por momentos do ano tamén vai ser un traballo duro e moi físico. Si que se pode vivir perfectamente das abellas pero non é tan doado como ao mellor a xente pensa. Fan falla moitos coidados e moito control, moita formación. – É máis cuestión de volumen ou de diversificación para conseguir ese obxectivo de vivir da apicultura? – Baixo o meu punto de vista un apicultor debe considerar a diversificación, porque das abellas pódense sacar moitos productos: mel, pole, propóleo, material vivo en forma de enxamios e raíñas. Se só te dedicas ao mel vas precisar moitísimas colmeas para sacar un rendemento económico mínimo, pero se empezas a diversificar e a cada colmea lle sacas mel, polen, propóleo e por exemplo un enxamio, aí estaslle sacando moito máis partido e dese xeito vas poder baixar considerablemente o número de colmeas necesarias.
Pódese vivir perfectamente das abellas, pero se só sacas mel vas necesitar moitísimas colmeas; se diversificas con pole, propóleo e venda de enxamios ou raíñas reduces considerablemente o número de colmeas necesarias para obter un rendemento económico mínimo
– Cuestións como a selección e a mellora xenética, están ao alcance dun pequeno apicultor ou é algo reservado únicamente a apicultores profesionais? – Todos sen querelo seleccionamos cando dividimos. Cando escolles unha colmea para dividila e desprezas as demais xa estás seleccionando. A selección ao fin e ao cabo é suprimir o que non nos interesa, polo tanto está ao alcance de calquera. Outra cousa é a inseminación instrumental, para o que xa se precisa moita máis formación, moita experiencia e moita práctica, pero o que é seleccionar un pequeno apicultor pódeo facer. Si que é certo que coñecementos básicos de xenética non hai moita xente que os teña, de xenética en abellas, que non é o mesmo que noutros seres vivos. – E baixo que criterios, segundo o teu punto de vista, se debería seleccionar en Galicia? – Como temos que comer, o primeiro criterio ten que ser o da produción, loxicamente. O segundo criterio podería ser a sanidade, en xeral colmeas que sexan moi limpadoras e moi hixiénicas, que teñan esa capacidade, e o terceiro, por cuestión de manexo, mirariamos a mansedume. E tamén é moi importante aquelas colmeas que non enxamean. Serían os catro criterios a ter en conta, baixo o meu punto, de vista, para a selección das colmeas a multiplicar. Hai moitos máis, pero como principais quedaríame con eses catro.
Hai certos tratamentos que non están permitidos legalmente en España a día de hoxe e a xente estaos utilizando
– A varroa segue a ser un dos principais problemas sanitarios. Nos últimos anos están a xurdir avances en canto a tratamentos. Custa que a xente se decida a aplicalos? – Si, custa e sobre todo hai un problema grande porque hai certos tratamentos que non están permitidos legalmente en España a día de hoxe e a xente estaos utilizando, en moitos casos sen formación, polo que está pondo en risco a súa saúde por un lado e as súas abellas por outro, porque se ti mercas un produto que non está certificado, que non está acreditado pola Axencia do Medicamento para usar en abellas, neste caso estaste pondo en risco ti e as túas abellas. Logo tamén hai moitos productos que hai que valorar en que concentracións se están vendendo ilegalmente en tenda, porque ninguén che garantiza que sexa a axeitada. Pola contra, cando aplicamos un tratamento que está etiquetado e que está autorizado pola Axencia do Medicamento para abellas ti sabes que a concentración que aparece no prospecto é a concentración que trae, por tanto non tes máis que seguir esas indicacións e sabes que o estarás facendo correctamente. Penso que falta concienciación sobre o que podemos provocar nas colmeas se aplicamos un tratamento sen control e nos equivocamos en cuestións como a dosificación. Os novos tratamentos, sobre todo os que hai agora en ecolóxico, hainos que saber aplicar, non serve dicir aplícoos como lin en internet. Hai que saber cando aplicalos e como aplicalos para que sexan efectivos. Nese caso si que funcionan ben.
Está claro que a velutina veu para quedarse. Canto antes aprendamos a manexala mellor para todos porque erradicala vai ser xa imposible
– En canto á vespa velutina, consideras que é unha praga incontrolable xa e que temos que aprender a convivir con ela? – Está claro que a velutina veu para quedarse. A día de hoxe non está aínda en toda Galicia pero é só cuestión de tempo. Entón, coa velutina canto antes aprendamos a manexala mellor para todos porque vai ser imposible xa erradicala do noso medio ambiente. De momento en alta montaña é un problema que non temos pero alguna que outra xa imos vendo, é certo que non tes a carga que hai na costa, pero penso que é cuestión de tempo que nos afecte tamén. – Que consellos darías a aqueles outros apicultores que a están a sufrir en maior medida? – A día de hoxe temos básicamente tres cousas para combatila e reducir os seus efectos nos colmeares: temos o trampeo, temos as arpas eléctricas e temos os frontais que se poñen na piquera. Non queda máis que seguir investigando e ideando novos métodos. Liñas futuras coma a das feromonas que atraian os machos, por exemplo, para impedir que fecunden as raíñas, son liñas interesantes.

“Os CFEA deberían ter un papel máis protagonista na formación agraria”

Instalacións do CFEA de Monforte de Lemos, que conta con campos de ensaio de froiteiras e viñedo Ademais de apicultor, César é profesor no CFEA de Monforte, onde se encarga tamén de dirixir e planificar os traballos na explotación do centro, composta por unha superficie de 30 hectáreas e onde se atopan dous campos de ensaio de primeiro nivel sobre froiteiras e vides. – Cal é a finalidade destes campos de ensaio? – Eses dous campos de ensaio son o obxectivo principal do centro. No de froiteiras temos unha réplica do banco de xermoplasma que hai no CIAM, con 332 variedades de mazá galegas. Pola súa banda, no campo de ensaio de viñedo tamén temos a colección de vides autóctonas galegas, e a maiores temos outro campo de vides, de pés nais, que se iniciou fai pouco, haberá uns 5 anos, onde se busca conseguir púas e material para no futuro intentar subministrar aos viveiros, tratando de certificar e estandarizar un pouco as variedades. A maiores, na finca que rodea ao centro temos unha explotación gandeira de rubia galega para que nos axude a manter o terreo, dado que ten unha extensión importante, é dicir, as vacas témolas como desbrozadoras naturais, esa é a súa función principal.
Desde Monforte impártense os cursos de Aptitude Empresarial Agraria na modalidade de teleformación para máis de 400 alumnos de toda Galicia
– Que papel consideras que deberían ter os Centros de Formación e Experimentación Agroforestal na formación agraria en Galicia? – No CFEA de Monforte de Lemos en concreto dedicámonos a dar os cursos de Aptitude Empresarial Agraria en teleformación a uns 400 alumnos cada ano, é a sede central, por así dicilo, para toda Galicia con ese cometido específico. É básicamente ao que nos adicamos en Monforte, pero noutros CFEA tamén teñen ciclos de FP, tanto medios como superiores, en ámbitos como o agrario ou o forestal. Paréceme que debería concentrarse a formación agraria neste tipo de centros porque tes a infraestrutura e a explotación, polo que considero que se debería incrementar o papel protagonista dos CFEA na formación agraria e deixar para os institutos outro tipo de formación.

Como prepararse para reducir os danos da vespa velutina na colmea?

Combater a incidencia da vespa velutina nos apiarios estase convertendo nun piar fundamental para o devir de moitos apicultores galegos nos últimos anos. Aínda que non existen solucións que garantan a protección total das colmeas fronte a esta ameaza, hai diferentes propostas que poden contribuír a reducir a presenza de velutinas e os danos que causan nos apiarios. O campo de demostración de técnicas e manexo da colmea contra a vespa velutina que se levou a cabo en meses pasados dentro da programación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (CFEA), en Boqueixón (A Coruña), afondou nalgunhas das claves para atallar a praga sobre os apiarios. “Os obxectivos do campo de demostración eran amosar ós apicultores un plan de actuación integral para loitar contra a vespa velutina e minimizar as consecuencias da súa presenza nos apiarios”, explican dende o equipo do centro que coordinou a actividade. Outro dos aspectos claves nesta loita contra a vespa velutina é o manexo das trampas, ferramentas indispensables para reducir os seus efectos na colmea nos meses de maior actividade do insecto asiático. Neste taller abordaron tamén o manexo das arpas, para proporcionar ó apicultor algunhas claves a ter en conta para mellorar o uso destes sistemas.

Decisións axeitadas

Á marxe de contar con ferramentas coma as trampas, que axuden na loita contra a velutina, unha das claves está en tomar as decisións axeitadas para colaborar coas abellas na loita que fan contra as velutinas. “Buscabamos amosarlle ó apicultor aspectos claves nos que fixarse para descifrar a situación da colmea coa fin de que teña un criterio propio e coñecemento de todo o que observa para tomar as decisións axeitadas no momento oportuno”, detallan. Así, un dos indicadores fundamentais para valorar a situación de estrés que hai na colmea é a posta de cría que ten a colmea. “Se non hai postas significa que a colmea ten tanto estrés pola velutina que non está entrando alimentación foránea, o que leva a que pase case un mes sen rexeneración activa”, explica Javier Seijo, técnico da Agrupación Apícola de Galicia que se encargou de impartir o curso, que contou con 15 participantes. No caso desta experiencia, realizada nas instalacións do propio centro, onde instalaron 10 colmeas novas, a presión da velutina foi moi intensa. “Chegamos a contabilizar unhas 40 velutinas asediando á colmea, unha cantidade moi elevada que só vira noutras zonas de Galicia coma a Mariña lucense ou en Tomiño (Pontevedra), pero que non era moi habitual na zona de Santiago”, detalla o técnico da Agrupación Apícola. O apiario instalouse nas dependencias do CFEA de Sergude. Nos primeiros meses, case ata mediados de agosto, as abellas conseguiron sobrepoñerse ó ataque da velutina e manter a defensa das colmeas. A partires de mediados do mes de agosto, cando xa se instalaron trampas e as arpas, a presión centrouse na entrada e nos intentos de entrar á colmea.

Tres estratexias na loita contra a velutina

“A loita contra a vespa velutina é unha conxunción de técnicas de manexo das colmeas e de métodos de control da presenza desta no apiario”, explican os organizadores da experiencia. Neste senso non abonda coa colocación de trampas, senón que é preciso extremar os coidados que se fan da colmea, como a alimentación ou os tratamentos sanitarios, para lograr colmeas máis fortes que consigan sobrepoñerse á presión da vespa velutina.
“A mellor estratexia para loitar contra a vespa velutina é procurar que as colmeas estean fortes”
“A mellor estratexia para loitar contra a vespa velutina é procurar que as colmeas estean fortes, con abellas en boas condicións e suficientes reservas de alimento, tanto de pole coma de mel”, explican os organizadores do curso. Así, definen tres estratexias para conseguir colmeas fortes e que axudan á súa supervivencia: os tratamentos sanitarios, a alimentación de reforzo, e as trampas.

-Alimentación de reforzo.

Posto que a vespa velutina limita as posibilidades de alimentación das abellas, proporcionarlle alimento é un dos aspectos claves para garantir a supervivencia da colmea. “A alimentación complementaria é fundamental para aquelas colmeas que non están o suficientemente fortes para defenderse de ataques da velutina”, apuntan.
“É moi importante que a alimentación de reforzo se adapte ás necesidades da colmea. Non hai unha receta única”
A alimentación de reforzo, dependendo da zona e do ano, colocarase entre os meses de agosto e setembro, cando aínda hai unha incidencia importante de vespa. “É moi importante que esta alimentación se adapte ás necesidades da colmea, non hai unha receta única”, explica Seijo. Así, unhas colmeas precisarán máis de alimento líquido ou de tostas protéicas. A escolla dun tipo ou outro de alimentación estará determinado polas reservas de alimento que teñan e pola cantidade de cría nese momento. “Se hai moita cría óptase pola torta e se non, comézase con alimento líquido para favorecer a posta e despois apórtase torta”, detalla o técnico. Javier Seijo, técnico da Agrupación Apícola, amosou ós participantes como elaborar alimento axeitado para a colmena. Á hora de proporcionar tortas pode escollerse entre varias alternativas. “O mellor é que a torta estea feita a base de polen, que é a proteína que lle falta e coa que alimentan a cría”, apunta Seijo. De non poder acceder a polen fresco recollido de forma directa, hai xa tortas protéicas comercias coas que alimentar ás abellas. Ademais, pode elaborarse unha torta cunha mestura de ingredientes que recorda ó pan que elaboran as abellas para alimentar á cría. A torta prepárase con fariña de soia, lévedo de cervexa, azúcares, aceite de millo refinado e limón.

-Medidas contra a vespa velutina

Inicialmente, no campo de traballo contaban empregar tanto arpas como mallas de protección, aínda que polas propias características do apiario optaron por empregar só arpas eléctricas e trampas de descarga nas proximidades das colmeas. O técnico apunta a que o emprego de sistemas como as arpas se volve indispensable cando a presenza de velutina é moi elevada. “A desactivación das arpas, polo motivo que sexa fai que a presenza da vespa aumente os ataques se centren na entrada e incluso cheguen a penetrar na colmea, o que xera un maior debilitamento”, detalla Seijo. Estes elementos de trampeo axudan a que as abellas poidan desplazarse algo máis lonxe a por alimento, pero non elimina por completo a presenza de velutinas nas proximidades dos apiarios.

-Mellorar o estado sanitario da colmea

Para axudar á colmea a resistir mellor ante a vespa velutina é fundamental mellorar a súa saúde. O tratamento de enfermidades como a varroase, que arrastran dende hai anos os apiarios, resulta vital contra a ameaza. “A varroa convértese no mellor aliado da vespa velutina, xa que é o factor fundamental de debilitamento das colmeas, que logo son presas fáciles”, comentan dende a organización. Insisten na importancia de aplicar tratamentos sanitarios axeitados para conseguir que na primavera e no verán a colmea estea sa e forte. Estes tres elementos conforman un plan de actuación integral que poden levar a cabo os apicultores para conseguir reducir as perdas tanto de mel como de colmeas nos seus apiarios. “Por si soas, ningunha das estratexias garante mellor control fronte á vespa velutina. Só un manexo integral das mesmas ofrece os mellores resultados nesta loita”, conclúen.

“A selección xenética das abellas será o camiño para combater a varroa, que cada vez é máis agresiva”

O veterinario Joaquín Lozano, especialista en apicultura, ten claro que a varroa é unha das principais ameazas da colmea a pesar dos esforzos realizados durante anos contra estes ácaros. O experto en varroasis afondou sobre esta afección nunhas xornadas recentes na Asociación Galega de Apicultura (AGA). Abordamos con el algunhas das claves para afrontar e controlar a varroa na colmea. Segue sendo a varroa un dos inimigos máis temidos para a colmea? A varroa é aínda a ‘estrela’ de todos os inimigos que ten a colmea. Varroa é algo que aínda non superamos e está aí. Van xurdindo outro tipo de pragas que fan que pareza que non hai varroa pero segue existindo e é, ademais, a que realmente mata a colmea. Nos últimos anos, co ataque que os apiarios sofren coa vespa velutina, descoidouse a detección da varroa? Non é que se descoidase senón o que sucedeu é que a velutina é algo novo que a xente non sabía o alcance que podía chegar a ter. Hai que ter en conta que coa varroa levamos combatendo 20 anos. A velutina tamén está a influír na incidencia da varroa xa que está a debilitar a colmea o que provoca que non estean a responder tan ben aos tratamentos. Varroa localizada no abdome dunha abella. Evolucionou a varroa nos últimos anos? Dende logo, a varroa volveuse moito máis agresiva, evolucionou moito. Abonda con ver como hai anos coñecíaselle como varroa jacobsoni e agora coñéceselle como varroa destructor, só iso xa dá unha idea do cambio que experimentou. A varroa volveuse moito máis agresiva, máis resistente aos tratamentos convencionais e practicamente non temos un tratamento contra ela totalmente efectivo. Ademais, a varroa desenvolveu unhas novas técnicas para ocultarse do apicultor e para ser máis efectiva dentro da colmea. Perseguimos moito á varroa nestes anos e, en definitiva, é un animal que tamén está a buscar a súa supervivencia e procura novos métodos para poder sobrevivir.
“A varroa escóndese no abdome das abellas e na cría e ao apicultor resúltalle máis difícil localizala”
É máis difícil detectala agora nunha colmea? É unha cuestión de experiencia e moitos apicultores confirmarano. Antes cando abrías a colmea e sacabas os cadros era moi fácil detectar a presenza de varroa, víala encima das abellas, víala funcionando e era unha maneira de diagnosticala. Agora iso xa non serve. Abres a colmea e parece que non hai varroa. Xa non está á vista do apicultor, escóndese debaixo das abellas, no seu abdome, para que sexa máis difícil localizala. Tamén se desenvolven moitísimo máis na cría. Non se ve tanta varroa fóra senón que vai seleccionando a protección da cría para non morrer. Concéntrase na cría? Dende logo. Antes na cría podía atoparse un 60% da varroa e agora estamos a nos topar con que o 85% da varroa localízase dentro da cría. A varroa reprodúcese no interior dos opérculos da cría. Como detectar a tempo a presenza de varroa? Xa non podemos ir á colmea só a catar e a pór o tratamento no outono e nada máis. Agora é preciso monitorizar as colmeas, habería que inspeccionalas cada 4 meses e utilizar fondos sanitarios para ver como están a funcionar os produtos que lles puxemos á colmea para tratar a varroa e comprobar se están a ser realmente efectivos. É preciso ver a cantidade de varroa que cae nestes fondos sanitarios. É fundamental facer diagnósticos. Cando é preocupante a cantidade de varroa que se localiza nestes fondos sanitarios? Hai unhas táboas que nos ofrecen uns valores de referencia pero cunha presenza de varroa dun 5% o apicultor xa ten que tomar medidas respecto diso. Quizais cando hai unha caída diaria de 60 varroas iso xa é bastante preocupante e hai que actuar inmediatamente, non hai que chegar a iso. A Varroa é algo que non se vai a eliminar nunca por iso o que temos é que convivir con ela, manter niveis moi baixos de varroa, é dicir a un 1 ou un 2% de afectación (4 ou 6 varroas por día), que é unha cifra coa que a colmea pode vivir perfectamente pero habería que pensar en realizar un tratamento. É dicir, unha vez que a colmea está afectada, nunca se recupera da varroa? Non, a varroa veu para quedar e non se vai a terminar moi facilmente porque está a adoptar mecanismos de adaptación ás nosas abellas, á apis mellifera, e non se vai a erradicar. Imos ter a varroa ata que as nosas abellas empecen a establecer mecanismos como fan as apis cerana, que é de onde procede a varroa, coas que establece un equilibrio polo que non chega a matalas.
“A selección xenética será o camiño para eliminar a varroa”
Xa non quedan apiarios sen varroa? Xa non creo que queden apiarios sen estar afectados. Pode haber algunhas cepas de abellas que sexan máis tolerantes á varroa, estean a desenvolver algún tipo de defensa ou sexan máis limpadoras... A selección xenética será o camiño para eliminar a varroa. Ás veces pensamos que xa non temos varroa ou que temos unha colmea que non morre, pero o máis probable é que si morrese e que aí se metese un enxame novo e que non nos désemos conta, é o máis común. Máis que conseguir eliminar a varroa, creo que chegaremos a un momento no que as nosas abellas poidan lograr unha convivencia con ela en lugar dun parasitismo como agora mesmo, ou un parasitismo perfecto, no que a varroa non mate á súa hospedeira, a abella. A que se debe que as abellas sexan menos resistentes ao ataque da varroa? A varroa o que fai é transmitir moitísimas enfermidades, é unha xiringa cargada con moitos microorganismos que transmite cada vez que pica á abella adulta. A varroa debilita a cría e fai que moita naza xa morta. A nosa abella está nunha tensión inmunitaria importante co que fai que sexa máis susceptible de contraer outras enfermidades que as matan.
“A varroa reprodúcese dentro dos opérculos, coa cría, polo que os tratamentos non son efectivos cando hai cría”
Que estamos a facer mal? Hai que pensar que a varroa era un parásito externo que ao principio non sabiamos como manexalo. Utilizáronse todo tipo de inventos para controlalo e houbo un pouco de descontrol á hora de tratala. Se cadra a clave está en investigar un pouco máis e seleccionar abellas tolerantes, aínda que isto ten uns custos. Á hora dos tratamentos é fundamental facer actuacións conxuntas por zonas cun consenso por parte dos apicultores. E mentres ese consenso non se alcanza, como debemos controlar a varroa? A única maneira que temos é monitorizar as colmeas e, por suposto, asesorarnos sobre que produtos debemos utilizar e en que momento. Moitas veces os produtos son válidos pero a clave está en que se utilizan cando non debemos. A maioría dos produtos que se usan teñen unha efectividade do 95% pero moitas veces empréganse cando hai cría. A cría está operculada, é dicir protexida para calquera ataque exterior, e aí non entrará o produto químico ou orgánico que utilicemos para loitar contra a varroa, non traspasará esa barreira. A varroa onde se reproduce é precisamente dentro dese opérculo, coa cría, polo que os tratamentos non son efectivos porque o efecto non chega á varroa. Por iso é fundamental esperar a que non haxa cría. O ideal é agardar a que a cría salga. Agora nesta época na que xa empezará a facer frío, a pouca cría que haxa vai nacer, esa varroa vai parasitar a esas adultas para poder sobrevivir, aí é o momento.

“Calquera tratamento pode ser efectivo a condición de que se use no momento axeitado”

En canto aos tratamentos, hai tamén un pouco de debate con respecto ás propostas químicas e orgánicas, até que punto os tratamentos químicos poden resultar contraproducentes para a colmea? Realmente todos os tratamentos son estresantes para as abellas e cando é químico máis aínda. A contrapartida dos tratamentos químicos é que cada vez son máis proclives a que apareza resistencia, xa que se usan doses máis arriscadas que poden mesmo provocar a morte da propia colmea. Por desgraza temos un arsenal moi limitado xa que a abella é moi sensible a calquera tipo de tratamento posto que é un indicador biolóxico. Os químicos tamén poden comunicar residuos ao mel que tampouco son desexables mentres que os orgánicos teñen outra mecánica de aplicación pero creo que ao final vai haber que decantarse por este tipo de produtos orgánicos, que se utilizan en ecolóxico, que tamén son efectivos pero que igual necesitan máis doses ou outras pautas de tratamento. Son aínda descoñecidos para os apicultores estes tratamentos orgánicos? Están a empezar a aceptalos porque as novas formulacións que están a saír son máis fáciles de aplicar. Cales son os tratamentos orgánicos máis utilizados? Vai depender moito de factores como a temperatura exterior e o momento de aplicación na colmea. Os máis utilizados son o timol e o ácido oxálico pola súa efectividade sobre a varroa. Tamén se está usando o ácido fórmico. Que tratamentos recomenda? Os tratamentos creo que teñen que axustarse a como está esa colmea, a zona na que se asenta e á experiencia que tivese xa o apicultor. Calquera tratamento é efectivo a condición de que se use no momento adecuado, cando non hai cría, cando o produto pode acceder á varroa, sexa químico ou orgánico. Eu prefiro os orgánicos ao non deixar residuos e ser menos agresivos. Á marxe dos tratamentos químicos ou orgánicos, hai algún outro procedemento eficaz que os apicultores poidan pór en práctica para reducir a incidencia da varroa? Todos os tratamentos requiren medidas coadxuvantes, medidas cuxas claves están no manexo da colmea, que ben poderían resumirse en manter as colonias nun nivel aceptable de fortaleza. Entre a multitude delas que poderiamos sinalar está a renovación de raíñas, a vixilancia da alimentación, a eficiencia enerxética da colmea, o control doutras enfermidades así como a observación e selección de colmeas tolerantes...

Fallos máis comúns nos tratamentos contra a varroa e uso de ácido oxálico

A varroase é, xunto ao loque e a nosemiose crónica, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Sen embargo, o mal manexo dos tratamentos pode provocar unha baixa eficacia e, o que é peor, a aparición de varroa resistente. Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, explicou na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá, cales son os principais erros que se cometen á hora de aplicar os tratamentos.

Fallos máis comúns nos tratamentos contra a varroa:

-Aparición de resistencias a principios activos, como o fluvalinato. -Uso de produtos de baixa eficacia como tratamento principal, caso do timol, sen ter un bo control sobre os mesmos. -Existencia doutras enfermidades asociadas, como o nosema, que desorganizan a colmea, de forma que os tratamentos non son tan eficaces. -Colocación incorrecta dos tratamentos: Colocar o tratamento tarde, cando xa existe unha alta infestación de varroa. Isto soe estar detrás da chamada enfermidade misteriosa: as colmeas morren pero quedan cheas de mel. Tamén pode colocarse mal o tratamento: lonxe da cámara de cría. E depende de cada tratamento, por exemplo a posición correcta no caso do timol é xusto enriba da cámara de cría, para que o tratamento descenda e chegue a todas as celas de cría. Ademais, nos tratamentos convencionais de tiras estas deben situarse xusto no centro, pois no inverno o niño retraese, co que as cintas quedarían fóra e perderían efectividade se se poñen nas esquinas. Lembrar tamén que están prohibidos os tratamentos “artesanais” contra a varroa, ademais de que crean máis resistencias e non son estables nen seguros para o apicultor, para a colmea, para as abellas e o medio ambiente.

Tipos de tratamento contra a varroa:

1) Por contacto: Apivar, apitraz...etc. Mantéñense durante dous ciclos de cría. Actúan por contacto coa abella, polo que ten que haber movemento na colmea, de xeito que non se pode agardar á parada invernal. Pero tampouco se deben empregar con cría na colmea. 2) Por evaporación: Ácido oxálico, timol...etc. A súa utilización en pos non está permitida, teñen que ser os tratamentos autorizados. O timol por debaixo dos 15 graos de temperatura non funciona e con máis de 45, e incluso 30 graos, cristaliza; e tamén pode fomentar a pillaxe en certas épocas ao enmascarar o olor da colmea. No caso do ácido fórmico é efectivo con temperaturas de 10 graos, pero hai que ter moito coidado coa utilización, porque mal utilizado pode matar as raíñas. Co cal cada tratamento vaise empregar segundo o prospecto e varia moito dun a outro.

Recomendacións para o emprego de ácido oxálico contra a varroa

O tratamento con ácido oxálico é un dos máis empregados polos apicultores na loita contra a varroa. Trátase dun produto que deixa de ser efectivo con máis de 30 graos de temperatura e tamén por debaixo de 5 graos. A súa utilización en pos non está permitida, e tampouco en forma sublimada, algo que sen embargo está “de moda” no sector neste momento. Por tanto, neste momento en España a única vía de aplicación legal do ácido oxálico contra a varroa é por goteo. Trátase dunha vía efectiva e os estudo científicos que hai así o demostran e din que realmente é a máis efectiva de todas as aplicacións. No caso de arriscarse a aplicar o tratamento de oxálico mediante sublimación recoméndase aplicalo cunha mascarilla especial para produtos químicos e ter en conta as doses establecidas e a temperaturas, pois do contrario pode ser tóxico para as abellas e a cría.  

Claves para o control da varroa nas colmeas

A varroose é, xunto á loque e á nosemiose crónica, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Neste sentido, Ester Ordóñez Dios,veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, explicou as medidas clave para o control e tratamento da varroa nas colmeas na xornada organizada o pasado mes de marzo en Trasalba (Amoeiro), pola Asociación Apícola Ourensá. A varroose afecta tanto ás abellas adultas como á cría e, ademais, a varroa introduce na colmea outros patóxenos como viroses, micoses..etc. Os síntomas son: -Unha diminución da poboación de abellas e da vitalidade da colmea. -Un maior consumo invernal. -Alteración do acio invernal. Nas abellas está o 15% da varroa e o 85% na cría Normalmente só se ve nas abellas por enriba delas, porque se esconde – por debaixo das alas, no abdome…- o 15% da varroa que temos, pois o 85% restante está na cría. Por iso, cando vemos nas abellas varroa normalmente xa temos unha infestación moi alta. Dito doutro xeito, por cada varroa que detectamos nunha abella adulta hai outras 5 por cada cría de obreira e ata 10 se se trata de cría de abázcaro. A cría infestada de varroa soe morrer en estado de pupa e queda nas celas ata que é retirada polas obreiras. Se ademais de varroa a colmea está afectada por nosema, o tratamento contra a varroa será menos efectivo. En canto ao limiar de infestación perigoso para unha colmea, no Reino Unido está en 1.000 ácaros por colmea. En España considérase que con 2.000 varroas xa estaría en perigo a supervivencia da colmea. Outros factores agravantes son que a colmea tamén presente virose ou nosema ou que as varroas sexan resistentes aos tratamentos. A varroa pode expandirse tanto polo seu ciclo de crecemento natural (dura 4 semanas) como pola entrada de varroa procedente doutras colmeas mediante a pillaxe. O punto de infestación do que se parta é clave, xa que non é o mesmo partir de 10 ácaros que de 100, pois en 4 meses, coa súa multiplicación exponencial, teríamos un grave problema para a supervivencia da colmea. Estímase que a partir de 100 ácaros é preciso tratar ao comezo da tempada.

Reinfestación de varroa:

É común que en outonos con elevadas temperaturas, tras realizar o tratamento as colmeas podan facer pillaxe reinfestando a colmea con varroa, se van pillar colmeas que aínda non estaban tratadas ou que están moi afectadas. De aí a importancia de que todas as colmeas nunha zona sexan tratadas ao mesmo tempo para evitar estas reinfestacións. En canto aos tratamentos contra a varroa, o punto de partida é coñecer o grao de infestación que temos na nosa colmea. A continuación, ver o tratamento que imos colocar, que deberá estar preto da cría, e seguir a súa eficacia, así como comprobar se houbo reinfestacións. Non chega con poñer o tratamento e olvidarnos de mirar nada máis.

Formas de control da varroa:

1) Desoperculado de celas de cría: Permite diagnosticar a enfermidade en estadíos iniciais. Para iso córtase (cun cutter, coitelo,etc) un cadro de cría, a poder ser de cría a término, cando máis avanza o ciclo da varroa. Nos cadros de cría a varroa soe estar máis presente pola parte de arriba e cara á piqueira. Deberanse coller distintos cadros, dar uns cortes, golpealos para que caia o seu contido e facer un reconto do número de crías e de varroa. Para elo divídese o número de varroas entre o número de ninfas ou de celas e multiplicar o resultado por 100. -Menos dun 5%: non é preciso un tratamento inmediato. -Entre un 5 e un 30%: Valorar se aplicar tratamento, en función da época do ano. Considérase que con entre un 5 e un 10% a comezos de primavera, se non se fai tratamento a colonia acabaría colapsando a finais da tempada, polo que cumpriría tratar. -Máis dun 30% de infestación: tratamento inmediato. Non se aconsella o uso de peites para desoperculado do mel pois a varroa podería quedar no fondo das celas. 2) Uso de fondos sanitarios: Permiten detectar a carga de varroa a partir da que cae no fondo sanitario por morte natural. A contaxe deberase facer, como mínimo, unha vez ao mes. -Con máis de 5 varroas por día a colonia xa require tratamento. -Con entre 5 e 10 varroas por día deberíase facer un tratamento inmediato para evitar a perda da colmea, xa que a taxa de infestación xa é moi alta. Ademais, os fondos sanitarios tamén serven para comprobar a eficacia dun tratamento acaricida. Deberase facer a comprobación durante os primeiros 15 días tras a aplicación do tratamento, e se caen: -Menos dunha varroa por día: infestación baixa. O tratamento foi efectivo. -Entre 1 e 5 varroas: infestación media. Se é a comezos de primavera ver se debemos poñer outro tratamento. -Máis de 5 varroas ao día: infestación alta. Poñer outro tratamento e ver se temos resistencias ao que puxemos ou que problema houbo. Se non vemos caer moita varroa ver se o tratamento non está a ser eficaz ou que pasa…, débese desopercular cría e vez se hai varroa ou non. O tratamento debe ser efectivo, polo menos, durante 2 ciclos de cría, matando tanto a adulta que hai fóra sobre as abellas como a que está dentro da cría. O fondo sanitario debe estar colocado durante, como mínimo, 7 días para poder facer o reconto das varroas que cairon e sexa representativo. Este non deberá estar propolizado, porque deste xeito non serviría para detectar varroa. 3) Contaxe da varroa sobre abellas adultas: Para isto débese coller unha mostra de entre 100 e 300 abellas adultas, sempre das abellas que están a coidar a cría e mellor de tres cadros distintos. A continuación metelas nun bote con azucre en po, axitalas e despois verter sobre unha malla que deixe pasar os ácaros, pero non as abellas. Posteriormente faise o reconto, dividindo o número de varroas polo número de abellas e multiplicando por 100. -Máis dun 3% de infestación: Require tratamento. -Máis dun 5% de infestación: É preciso un tratamento urxente para evitar a perda da colmea por colapso.

As últimas novidades na loita contra a Vespa Velutina e a varroa presentaranse o vindeiro sábado en Arzúa

O vindeiro 2 de xuño terá lugar en Arzúa a 33ª edición da Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA). A xornada estará adicada ós produtos da colmea e ó seu gran potencial no mercado.

Tamén se celebrará a recente prohibición dos pesticidas na Unión Europea, unha doce victoria para as abellas e para as asociacións que estiveron loitando para conseguilo durante moitos anos. E por último, diversos expertos falarán sobre a varroa e a Vespa velutina, para coñecer as últimas novidades sobre estas dúas ameazas ás que se enfrontan as abellas.

En concreto, na Mostra Galega de Apicultura presentarase a “trampa-diana”, unha novidosa trampa 100% selectiva que traerá Eugenio Pichel, de SANVE Sistemas anti-velutina. E o profesor José Antonio Pose, do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, explicará un modelo de trampa ideado por alumnos dentro do proxecto Opensourcevelutina. Tamén se presentará unha trampa selectiva recén chegada de Francia e que estará á venta en Apiyago.

Ademais, durante todo o día haberá unha exposición de trampas e outros mecanismos de loita contra o tártago asiático e feira de material apícola. Ademais haberá xantar abelleiro para tódolos asistentes e un espazo infantil con xogos e actividades para que os máis pequenos disfruten e aprendan tamén sobre este interesante mundo das abellas.

Programa da 33ª edición da Mostra Galega de Apicultura:

Na Pulpeira de Santa María (detrás da nave de Erica Mel):

-APICULTURA COMERCIAL:

De 10 a 10.30 h. Os produtos da colmea e a súa comercialización. Por Laura García, técnica de AGA.

De 10.30 a 11.15 h. Meles monoflorais de Tenerife e presentación do  Congreso Nacional Apícola de Tenerife. Por Antonio Bentabol, director da Casa de la Miel de Tenerife

De 11.15 a 11.45 h. Produción e comercialización de pole. Por Macmel (Portugal)

De 11.45 a 12.15 h. Debate e preguntas.

-PROHIBICIÓN DOS PESTICIDAS:

Acto para celebrar a recente prohibición na Unión Europea dos tres principais pesticidas perigosos para as abellas.

ÁS 13 H. ASEMBLEA XERAL DE ERICA MEL S.C.G.

ÁS 14 H. XANTAR NA PULPEIRA DE SANTA MARÍA A pulpeira abrirá como un día de feira e ofrecerá o seu menú habitual: pulpo á feira, carne ó caldeiro, etc. Non é necesario reservar previamente. Para máis información: Tel. 986 58 77

-SANIDADE APÍCOLA:

De 16 h. a 17 h. Tratamentos contra a varroa. Por Gonzalo Calvo e Joaquín Lozano, veterinarios de AGA

De 17 h. a 18 h. Presentación de novidades na loita contra a Vespa velutina.

-FEIRA, EXPOSICIÓNS E ESPAZO INFANTIL:

Durante todo o día:

Na nave de Erica Mel: Feira de material apícola

No Centro do Queixo e do Mel: Exposición “Loita Velutina” (trampas eléctricas e outros sistemas), exposición fotográfica “Apicultura no Courel” e actividades para nenos e nenas.

-RECOLLIDA TRATAMENTOS VARROA:

No Centro do Queixo e do Mel, de 10 a 14 h. Recollida dos tratamentos contra a varroa solicitados polos socios e socias. Para recollelo este día é necesario indicalo na ficha de pedido.

Consellos básicos para o coidado das abellas no outono

A nova tempada apí­cola sen dúbida que comeza agora, no outono. Logo da esmelgada imponse unha revisión escrupulosa do estado da crí­a, aberta e pechada, da cantidade de alimento, mel e pole. É o momento da colocación entre os dous últimos cadros de posta pechada das dúas tiras de tratamento anti-varroa, situadas, respectivamente, a 1/3 da cabeceira e traseira da colmea, pois neses cadros atópanse a maioría dos ácaros, dependendo tamén da forza do enxame. Lembrar que os tratamentos con ácido oxálico nestas datas presentan varios problemas: por goteo morren moitas abellas e queimado haberá que repetir varias veces, causando graves danos no seu esqueleto. O seu uso debe facerse sempre baixo altas medidas de seguridade. Nos tratamentos a base de tymol deben seguirse escrupulosamente as indicacións do fabricante. Pode haber abandono de abellas e incluso da nai. É unha boa técnica dar varias doses de alimento estimulante, 1:1, para deixar o enxame con moitas abellas novas, que conxuntamente co peso das provisións de mel, van garantir unha boa invernada e un bo comezo na primavera. A alimentación invernal non se aconsella e a outonal ten que ser de alta calidade, a poder ser de mel Lembrar que a alimentación invernal non é aconsellada, pois para acceder ao alimento o enxame ten que desfacer a bola que se forma para concentrar a calor, que a perden ao subir a alimentarse. A alimentación outonal ten que ser sempre de alta calidade, e a mellor segue a ser o mel. Moitos abelleiros confirman o dito de "media alza é máis rendible deixarlla que quitarlla ". Se proporcionamos alimento outonal débese esixir a súa composición, e tamén deberá constatarse na etiqueta o seu nivel de HMF (Hidroximetilfurfural). Debemos deixar as piqueiras abertas en relación á forza do enxame, para asegurar unha boa ventilación e que non se humedezan nin os cadros de pole nin as paredes da colmea. Protexer a colmea da choiva e dos ventos dominantes é básico, así como colocar pedras ou outro peso por riba da tapa. Tamén se recomenda facer visitas logo de tempada de frío intenso para tentar as caixas e facer un cálculo do consumo. Diante das piqueiras poderá verse cera de opérculo. No caso de pouco peso revisar. Se as abellas estiveran a morrer de fame, abellas metidas nas celas e outras no fondo caídas, diluír mel en auga morna e batuxar as abellas. Elas empezarán a se limpar e a revivir. Haberá que reducir o espazo e alimentar.