Archives

“As novas normativas non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto”

Isabel Vilalba, Andrés Castro e Ana Rodríguez durante a rolda de prensa deste xoves en Lugo O Sindicato Labrego Galego levará a cabo durante o vindeiro mes de febreiro unha campaña informativa polas principais comarcas agrogandeiras galegas para explicar aos produtores as obrigas que as novas normativas de xurros, caderno dixital, veterinario de explotación e ordenación de granxas de vacún van supoñer para as ganderías.  A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, asegura que "ningunha destas novas normas se adapta ás granxas galegas, senón que están feitas para explotacións ou fincas enormes, pero non para a realidade das granxas familiares galegas", polo que esixirán á Consellería cunha manifestación o día 13 de marzo en Santiago "que faga valer ese peso negociador do que presume para que esta nova lexislación que afecta ao sector se modifique". "A Xunta ten que esixir cambios nestes reais decretos porque hai moitas medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir", argumentan. 
Hai medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir
O SLG teme que a entrada en vigor destas novas normas desencadee o peche anticipado de granxas, sobre todo daquelas máis pequenas, ante os novos requisitos e os gastos que supoñen. "Estes reais decretos non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto para as ganderías", afirma Isabel Vilalba.  Falta de veterinarios Unha das normas que van afectar ás ganderías, tanto de carne como de leite, é a obriga de contar cun veterinario de explotación, algo innecesario e redundante para o SLG. "As granxas xa teñen veterinarios de referencia e técnicos con cualificación que os asesoran nas distintas materias. Hai ganderías de leite que dispoñen de veterinario clínico, de reprodución, de calidade do leite, de ADSG, nutrólogo, etc, pero agora non é suficiente e teñen que contratar outro a maiores", quéixase Isabel Vilalba. 
A Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e sen embargo pídeselles ás granxas que contraten un veterinario a maiores
Un problema a maiores é, di, a falta de veterinarios en moitas zonas. "Moitos dos veterinarios titulados están adicados a mascotas e non hai facultativos dabondo para cubrir as necesidades das granxas de produción de alimentos. Hai ganderías en Ourense, por exemplo, que están a ter problemas para que os visite un veterinario cando o necesitan ou cando teñen algún problema e a Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e, sen embargo, pídeselle isto ás granxas", compara.  A obriga de contar con veterinario de explotación afecta practicamente á totalidade das ganderías, aínda que conten con rabaños pequenos (a partir de 5 vacas ou 20 ovellas), teñan a actividade gandeira como complementaria ou se adiquen á produción para autoconsumo.  Aplicación de xurros Outra das normativas que xa está en vigor, desde o 1 de xaneiro, é o Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, que implica a prohibición de aplicación de xurros mediante sistemas de prato, algo imposible de cumprir neste momento, a xuízo do SLG.  "Non hai maquinaria dispoñible e as empresas de servizo non dan abasto", asegura Andrés Castro, técnico do SLG, que calcula en 15.000 euros por explotación o custo de adaptación das cisternas convencionais mediante a colocación de inxectores. 
Unha analítica de solo custa uns 20€ e hai que ter unha por cada parcela
Outra das implicacións da nova norma é que boa parte das explotacións van ter que contar con Plans de Abonado, o que supón un gasto a maiores. "Estamos falando que unha analítica de chan custa uns 20€ e hai que ter unha de cada parcela, unha analítica de xurro está nos 50€ e unha de esterco en 45", detalla.  Unha alternativa admitida a nivel oficial é o uso dunha ferramenta informática para o cálculo das necesidades de abonado, "pero neste momento non hai ningunha validada pola Administración nin tampouco táboas de referencia que poder utilizar", explica Andrés. 
Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións
As ganderías que declaran na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo deberán cubrir, a partir do mes de setembro, o Caderno Dixital, pero o que a Xunta puxo a disposición do sector, a aplicación Xeaga, "segue tendo enormes eivas para poder usala", di o SLG. "Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións", quéixanse.  Para salvar a "fenda dixital" que supón o feito de que "a media de idade dos titulares de explotación é na actualidade de 55 anos" o Sindicato Labrego pide que o Caderno Dixital sexa "voluntario", pero mantendo a posibilidade de que as granxas sigan facendo as anotacións en papel, como até o de agora, e non se vexan obrigadas a contratar un técnico externo para cubrir o Caderno Dixital. "O nivel de esixencia é xa imposible de cumprir mesmo para os produtores que estean familiarizados coa tecnoloxía", advirten.  Penalizacións na PAC Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada na PAC, alerta pola súa banda das posibles consecuencias para as explotacións polo incumprimento destas novas normativas, con penalizacións entre o 3 e o 5% nos cobros das axudas por incumprimento da condicionalidade, podendo chegar a perder a totalidade da PAC en caso de que non sexa posible correxir a situación. 
As granxas poden acabar perdendo as axudas que reciben por non cumprir coa condicionalidade
"Moitas veces non hai posibilidade real de facelo. O decreto de ordenación de granxas de vacún, que está en vigor, obriga a cambios importantes en moitas ganderías, que ademais de supoñer un gasto importante moitas veces non é posible acometer pola propia configuración das instalacións", di.  Un exemplo serían os patios exteriores que esixe o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún. "Non sabemos como se vai facer ou que características teñen que ter, porque na norma non se aclara, pero en Galicia no inverno vai haber moitos problemas con iso e vai haber moitas granxas que non van poder cumprir con iso", advirte.  En canto aos plans de reducións de emisións, o SLG considera que se está "castigando aos modelos máis sostibles, como son as ganderías de vacún con terra, cando sabemos que o porcino en granxas intensivas é o responsable principal do aumento de emisións", afirman. 

Que granxas de vacún de carne teñen que cobrar axudas?

A decisión da Xunta de lanzar unha liña de axudas dirixida ós becerros de Ternera Gallega que se certifiquen en matadeiro exclúe a parte dos animais das ganderías galegas. En primeiro lugar, a aqueles de Suprema ou de cebadeiro que se inscriban en Ternera Gallega pero que logo, por distintas razóns, non se certifican en matadeiro. Ben por venderse de xeito directo a nivel local, ben por quedar para recría nas granxas ou por outros motivos. En segundo lugar, quedan fóra as granxas que non estean na Indicación Xeográfica Protexida. Ambas decisións foron polémicas. A cuestión de fondo, argumentan organizacións como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego, é que se as axudas se orientan a paliar o aumento dos custos de produción das granxas, teñen que abonarse a todas as explotacións. A proposta de Unións Agrarias é que ese pago se faga por vaca nodriza, como se fixo no caso das axudas extraordinarias pola guerra de Ucraína e pola seca. “Esas axudas pola guerra de Ucraína e a seca sumaran 30 millóns de euros que se distribuíran por vaca nodriza” -lembra o responsable de vacún de carne de Unións Agrarias, José Ramón González-. “Fora unha aportación de todas as Administracións, cofinanciada nun 75% por Europa e polo Ministerio e nun 25% pola Xunta”, precisa. “Agora sae outra liña de apoios, de 12 millóns de euros, que consideramos necesario, pero que deixa a parte das granxas fóra. Nós pedimos que non quede fóra ninguén” -insistiu onte González nunha rolda de prensa celebrada en Ourense-. “Todas as granxas sufriron a suba dos custos de produción e todas contribúen á xestión do territorio, a evitar o abandono, a previr incendios e a evitar que todo quede inzado de lobos e xabaríns”, defendeu. “Que pasa, que unha granxa que aposte por medrar e por destinar moitas becerras a recría non ten tantos ou máis gastos de produción que outra que destine máis animais a matadeiro?”, pregúntase. González amosouse doído coas acusacións que recibiu nos últimos días da Consellería do Medio Rural e de Gandeiros Galegos de Suprema, que o criticaban por pedir cambios nas axudas. Tanto Medio Rural como Gandeiros Galegos de Suprema entenden esta liña de axudas como unha aposta por fortalecer a IXP Ternera Gallega e critican que sexa precisamente o vicepresidente de Ternera Gallega, José Ramón González, o que pida un cambio na liña de apoios. Sobre iso, González opinou o seguinte: “Potenciar Ternera Gallega Suprema, si, pero poñer máis cartos para que ningún gandeiro quede fóra, tamén. Só de Suprema van quedar fóra o 35% dos animais, xa que non se certifican en matadeiro”, cuestionou. Por último, o responsable de vacún de carne de Unións considera “un erro que outros queiran meter a guerra sindical nas IXPs. Xa que estamos en Ourense, podemos poñer o caso do Ribeiro, que o conselleiro coñece ben. Houbo unha época en que a D.O do Ribeiro viuse afectada pola guerra política e sindical e iso foi algo negativo. Penso que foi un acerto conxunto de todo o sector, noso e dos demais, desligar a D.O dos intereses políticos e sindicais. As Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas teñen que estar só para defender os intereses do sector”, valorou. O caso das axudas da Covid A polémica polas axudas de Ternera Gallega súmase a un enredo anterior aínda pendente de resolver, o das axudas ás granxas de vacún de carne pola Covid. Medio Rural decidira en primeiro termo que só lle daría as axudas ás granxas de máis de 10 vacas nodrizas, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a instancias do Sindicato Labrego, resolveu no 2022 que todas as ganderías tiñan dereito a esa axuda. A sentencia, xa firme desde o outono do 2022, está aínda pendente de aplicarse. O Sindicato Labrego instou estes días a Medio Rural a aclarar cando pensa abonarlle esa axuda ás granxas e advertiu de que recurrirá de novo á Xustiza para pedir a execución da sentenza. A cuestión de fondo é similar á actual. Se todas as granxas teñen un aumento de custos de produción, todas teñen que cobrar. Coa exclusión inicial das granxas de menos de 10 vacas, a Xunta intentara premiar ás explotacións máis profesionais, que teñen na gandería ingresos principais. É ese o modelo ou hai que apostar por apoiar a continuidade de todas as granxas?. O debate é extensible ás propias axudas da PAC, pois na última reforma debatérase a opción de deixar fóra das axudas ás persoas xubiladas, que en Galicia con frecuencia manteñen pequenos rabaños de vacún de carne. Finalmente optárase por non facelo e por manter nos apoios a todas as ganderías. En zonas con demanda de terras agrarias, iso pode supoñer un problema para as ganderías máis profesionais, pero en zonas do interior galego marcadas polo abandono, iso pódese ver tamén como un apoio para evitar a selvatización de terras. https://www.campogalego.gal/piden-execucion-da-sentenza-que-reconecia-o-dereito-de-todas-granxas-de-carne-axudas-da-covid/

Altibaixos na recría e subas no vacún maior extra en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca celebrou este martes o seu segundo mercado gandeiro do 2024, cunha boa afluencia. A poxa contou cun total de 794 becerros de recría e 265 de vacún maior, superando a marca de asistencia da última poxa do pasado ano, celebrada o 19 de decembro, na que foron 758 e 248 animais, respectivamente. Nas mesas de prezos, non houbo cambios nas cotizacións dos ovos e da carne de porco, pero si se rexistraron pequenas subidas nos leitóns. Prezos do vacún Detallamos as diferentes seccións do gando de vacún para coñecer a evolución dos prezos. É necesario resaltar que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares está condicionado por diferentes factores. Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 3 euros no seu valor e sitúanse nos 67 euros, respecto da pasada xornada. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días -a categoría máis numerosa e representativa- tiveron un valor medio de 93 euros (-6 euros). Os becerros de máis de 50 días tiveron un prezo de referencia de 147 euros, que foron os que tiveron un ascenso medio reseñable, de 47 euros. Nos becerros de recría de cruces industriais, os becerros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 261 euros, cunha subida de 45 euros. As femias desta sección cotízanse a 248 euros (+49 euros). Pola contra, nos animais de entre 20 e 50 días -a categoría máis numerosa-, rexistrouse unha leve subida de 7 euros, fixándose en 408; nas femias houbo unha baixada e quedou nos 283 euros de media (-6 euros). Nos exemplares de máis de 50 días, os machos baixaron de prezo unha media de 59 euros e sitúanse nos 497 euros. Mentres, as femias descontaron 87 euros con respecto da cotización de hai dúas semanas e quedan cun valor de referencia de 382 euros. No vacún maior só os animais das categorías extra e segunda experimentaron subidas esta semana, mentres que no resto de categorías impuxéronse as baixadas. Así, nos de extra o prezo incrementouse 150 euros e chegaron aos 2.056 euros. Pola contra, nos de primeira houbo unha baixada de 29 euros e sitúanse nos 1.133 euros. Nos animais da categoría segunda houbo un incremento de 13 euros e quedan cun valor de referencia de 712 euros. Por último, os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 495 euros, o que supuxo unha baixada de 27 euros con respecto á última poxa. En canto aos tenreiros carniceiros adxudicáronse 92 e o prezo medio foi de 1.068 euros. Mesas de prezos Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan cunha lixeira alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canle II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas as categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 96 euros (cun prezo de 4,8 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 91 euros e cun prezo por quilo de 4,55 euros. O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, os da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvieje semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo. O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo, segundo a última Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), do pasado 4 de xaneiro.

Que tendencia de produción e prezos seguirá a gandería na UE ata 2035?

Menos vacas e menos produción de leite, pero con máis valor engadido, da man de lácteos funcionais e sostibles. Tamén un menor consumo de carne de vacún e porcino, compensado por un aumento da demanda da carne de ave. Son algunhas das tendencias que se marcan nun informe que acaba de elaborar a Comisión Europea sobre as perspectivas agrarias para 2035. Como é habitual, é un informe suxeito a numerosas incertezas, como se pode comprobar con anteriores informes, que envelleceron peor que o leite por factores económicos, ambientais ou xeopolíticos. Gandería de leite: produción e prezos A produción de leite crecerá a nivel mundial un 1,6% anual na próxima década, pero por contra, na UE espérase unha redución de entregas cada ano dun 0,2%. O sector verase limitado na UE por estritas políticas ambientais e de benestar animal, se ben un elemento positivo é que é esperable a produción de leite con maior valor engadido para as granxas, procedente de sistemas extensivos, liñas ecolóxicas ou con menores insumos externos. A cabana de vacas de leite espérase que se reduza un 13% no período 2023-2035, aínda que a produción apenas se resentirá porque se espera un aumento medio de rendementos dun 0,9% anual por vaca. En canto a prezos, tras os picos de prezos de 2022 e 2023, a previsión é que o valor do leite no campo siga a liña da inflación na próxima década coa inflación, polo que en realidade o valor real do leite espérase que se manteña plano. Produción e consumo de lácteos O consumo interno absorberá na próxima década ao redor dun 88% da produción e espérase que se manteña estable, cunha baixada de só un 0,1% anual. A peor parte, segundo a previsión, lévana os produtos lácteos frescos (-0,7% anual) e o leite líquido, así como o leite enteiro en po. Na parte positiva, espérase un aumento da produción de queixo e soros, en boa medida polo tirón das exportacións de ambos os segmentos. A manteiga tamén ten boas perspectivas, igual que o leite en po desnatado. Para o ioghurt, entre tanto, prognostícase estabilidade, quizais con lixeiros incrementos, da man de produtos funcionais (por exemplo os proteícos) ou de consumo cómodo (bebibles). A tendencia a produtos funcionais e segmentados tamén se deixará notar no leite líquido, onde se espera que o envellecemento da poboación fortaleza as liñas de leites con vitaminas e minerais engadidos. É previsible tamén que os consumidores máis novos se decanten por produtos con menos graxas e azucres, así como adaptados a intolerancias, como as gamas sen lactosa. Exportacións lácteas A UE consolidou nos últimos anos a súa posición como líder mundial en exportacións lácteas, en empate técnico con Nova Zelandia, sumando a UE e Nova Zelandia case a metade das exportacións mundiais. Na próxima década, as exportacións continuarán sendo importantes na UE e representarán ao redor dun 12% da súa produción. Con todo, é de destacar que o mercado mundial do leite se desacelerará pola esperada redución da demanda chinesa. En parte, compensarase con maior demanda doutros países, como os do Sueste asiático ou norte de África, aínda que estas rexións tamén é previsible que aumenten a súa produción interna na próxima década.

O consumo de carne seguirá á baixa

O consumo de carne de vacún na UE experimentou unha diminución en 2023 debido aos elevados prezos, a escasa oferta e unha crecente preocupación pola sustentabilidade. Proxéctase que esta tendencia á baixa manterase, levando a unha redución no consumo per cápita de carne de vacún, que dos actuais 10 Kg./ano pasará a 9,5 kg, representando unha diminución do 6,9%. Estas cifras, aínda que diferentes, levan o mesmo ton en termos produtivos: estímase que a produción de carne de vacún na Unión Europea diminuirá un 9,2% en comparación coa media dos anos 2021-2023. En canto á carne de porcino, o informe da Comisión Europea manifesta que cuestións como as preocupacións ambientais e sociais, ou a composición relativamente máis graxa da carne de porco afectarán o seu consumo. É por iso que se proxecta un menor consumo per cápita de carne de porco na UE, coa previsión de que diminuirá anualmente a razón dun 0,7%, alcanzando oa 29,7 kg en 2035. Esta cifra representa unha caída significativa do 7% en comparación cos xa baixos niveis rexistrados no período 2021-2023. Por último, aínda que se prevé que o ritmo de crecemento do consumo de aves de curral na UE se desacelere, a tendencia á alza seguirá a razón do 0,3% anual de aquí a 2035, situando o cociente anual per cápita en 24,9 kg, en comparación cos 23,7 kg actuais. A Comisión Europea explica o repunte co prezo relativamente alcanzable, a imaxe máis saudable da carne de ave en comparación con outras carnes (especialmente a de porco), a facilidade de preparación e a ausencia de restricións relixiosas asociadas ao consumo de aves de curral.

As graves perdas causadas pola EHE en Zamora, un aviso do que pode pasar en Galicia en 2024

“O que vimos en granxas nestes últimos 3 meses non o viramos nunca antes”. Así de contundente se amosa o veterinario clínico Manuel Morales Gamazo á hora de abordar a incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Castela e León e máis concretamente en Zamora, a zona de traballo do colectivo Oceva, ao que pertence e que agrupa a profesionais de ovino e vacún desta provincia. O profesional participou recentemente nunha nova edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva en Lalín e alí compartiu con gandeiros, colegas de profesión e outros profesionais do sector as súas experiencias no tratamento desta enfermidade que tamén está a afectar a ganderías galegas.

Sen buscar crear alarma entre os gandeiros e veterinarios galegos, Morales recoméndalles manterse moi alerta ante esta enfermidade para evitar que tamén pille ás granxas galegas por sorpresa, sobre todo para a próxima campaña. Con altas temperaturas, o virus replícase de forma explosiva, polo que como apunta o veterinario o seu control é moi complicado.

Aínda que o virus e o mosquito portador non desaparecen no inverno, as baixas temperaturas non resultan condicións favorables para a súa propagación. “Por baixo de 12 graos, o virus non se replica no interior do mosquito, pero hiberna e mantense”, explica o veterinario. Hai apenas uns días detectábase en Suíza o primeiro caso desta enfermidade, e en Galicia seguen notificándose novos focos cada semana, o que fai valorar que aínda se poidan seguir dando casos nas granxas galegas pese ao frío.

Reclaman información veraz e actualizada ao MAPA sobre a enfermidade

“Non coñeciamos nin os síntomas desta enfermidade porque nunca tiveramos incidencia. Só nos chegaban rumores de zonas do sur de España onde estaba a provocar importantes danos”, explica Morales. O veterinario critica tamén que desde o Ministerio de Agricultura aínda sega sen proporcionarse información actualizada da incidencia real que está a ter esta enfermidade nas ganderías. “A principios de novembro, na web do Mapa seguía cualificándose a enfermidade en bovino de moderada, autolimitante por un tempo de 2 semanas e sen transmisión placentaria e comprobamos que nin foi banal, nin moderada, nin se pasou en 2 semanas e mesmo tivemos tenreiros acabados de nacer afectados”, apunta Morales.

Becerro acabado de nacer con eritema no morro provocado polo virus da EHE.

Síntomas e afección das granxas

Un dos aspectos sobre os que Morais incide é a variedade de síntomas que detectaron nestes meses nos animais afectados, o que tamén dificulta o diagnóstico da enfermidade. Os principais síntomas descritos inicialmente para identificar a enfermidade son os eritemas e feridas nas ubres e morros dos animais e a hinchazón da lingua nos machos. Pero, nestes meses, nas granxas zamoranas, Morales atopouse con numerosos síntomas.

“O primeiro caso que vin, foi unha diarrea hemorráxica, e con todo non tiña nin eccemas no morro nin úlceras na lingua”, lembra. De feito, en granxas de leite, o 70% das vacas afectadas pola enfermidade tiveron diarreas hemorráxicas. Mentres, en zonas do Cantabria e País Vasco están a atoparse con moitos casos con edemas en pescozo e cabeza, de maneira que a vaca aparece coa cabeza moi inchada, segundo explica o veterinario.

Edema palpebral provocado polo virus EHE.

O virus inoculado polo mosquito contaxiado, trasládase polo sistema circulatorio da vaca e termina afectando a todo o organismo, producindo un fallo multiorgánico, aínda que hai órganos máis afectados, como os pulmóns ou o bazo.

“Nestes meses vimos unha gran sintomatoloxía. Nas autopsias dos animais detectamos lesións en todos os órganos”, explica o veterinario. O propio comportamento do virus no organismo provoca que se alongue a viremia, de maneira que os síntomas poden durar incluso varios meses, como comprobaron xa en campo.

“Moitas das vacas que morreron non foi pola enfermidade en si, senón por infeccións secundarias. As secuelas da enfermidade van máis aló dos 15 días”: Manuel Morales, veterinario

Do mesmo xeito que ocorreu co Covid-19, de aí que tamén se coñeza a EHE como o Covid das vacas, en ocasións e debido ás lesións celulares que provoca, o virus desencadea unha tormenta de citoquinas, o que causa unha resposta inmunitaria esaxerada que moitas veces ocasiona mesmo maior mortandade. Esta presenza de citocinas diminúe o apetito do animal, co que deixa de alimentarse. Ademais, reduce o número de plaquetas e leucocitos, xerando unha inmunodepresión do animal.

“Moitas das vacas que morreron non foi pola enfermidade en si, senón por infeccións secundarias como a mamite ecoli ou metrite séptica. De feito, Morales apunta que están a operar moitas vacas con problemas de callar tras detectarlle os primeiros síntomas da enfermidade hai 2 meses. “As secuelas da enfermidade van moito máis alá dos 15 días que apuntaban desde o Mapa”, valora o veterinario.

Os machos están a verse moi afectados pola enfermidade, así como as vacas frisoas en produción

Na súa experiencia en campo, tamén destacaron que os machos se están vendo máis afectados pola enfermidade. “Hai moi poucas ganderías que teñan sementais que non se viron afectados”, indica. De feito, os machos quedan moi debilitados tras estar enfermos. “Preguntámonos cando poderán estar outra vez en boas condicións estes animais para a monta”, inquiere o veterinario.

Razas máis afectadas e tratamentos

Nestes meses e como apuntan tamén os expertos, comprobaron que este virus adoita ter unha maior incidencia en determinadas razas e tamén a resposta foi diferente. Constataron unha importante afección nas granxas de vacas Frisoas, onde afecta principalmente ós animais en produción, e apenas ás xatas e ó cebo.

“Tiven unha granxa con 300 vacas da raza Angus na que detectaron 70 casos e non morreu ningunha, mentres que en ganderías de Limusinas ou Frisoas morreu unha alta porcentaxe de animais”, detalla.

As vacas máis afectadas están a ser as Limusinas e Frisoas

En canto aos tratamentos, en base á súa experiencia en campo, Morales apunta a que a alternancia de antiinflamatorio e corticoides resultoulle en moitos casos de gran utilidade para que o animal mellore. Con todo, as limitacións de uso dos corticoides fan que non sexa unha solución adecuada para todos os animais. Tamén lles deron bos resultados as transfusións de sangue.

O impacto da enfermidade en Castela e León

Este verán produciuse un avance explosivo da enfermidade, escalando desde o sur da Península á cornixa cantábrica en apenas uns meses. Os primeiros casos déronse nas provincias andaluzas en xullo e localizábanse xa  poucos días despois animais enfermos en Castela A Mancha e Estremadura. A finais dese mes detectábanse casos en Madrid e Ávila. “A principios de agosto chegounos xa a Salamanca e Zamora”, indica o veterinario. A variabilidade dos síntomas tamén foi un condicionante que retardou a súa detección. Morales lembra que o primeiro caso cuxos síntomas identifica coa EHE, detectouno o 15 de agosto, pero o diagnóstico resultou tamén complexo.

Entre profesionais, tamén se está constatando que canto máis cara a zonas do norte avanza máis agresividade mostra o virus e as súas consecuencias son máis graves. En Andalucía, as primeiras vacas afectadas detectáronse o ano pasado e esta campaña tiveron unha menor mortandade.

En Zamora a granxa máis afectada ata o momento tivo perdas de 60.000 euros e 28 vacas mortas

A principios de novembro, en Zamora contabilizaban máis de 400 ganderías tanto en extensivo como intensivo afectadas e elevábanse a máis de 8.000 os animais con síntomas. Rexistraron xa 800 mortes confirmadas por mor do virus. A prensa local destacou tamén as perdas que a enfermidade causou na granxa máis afectada ata o momento en Zamora, con 28 vacas mortas e perdas de 60.000 euros.

As cifras tamén están a ser moi dispares entre comunidades, principalmente porque houbo certa desconfianza á hora de declarar os animais afectados. “En Salamanca e a pesar de ser a provincia con maior censo vacún de España declaráronse moi poucos casos, aínda que todo nos indica que hai moitos máis”, apunta.

As cifras do sector da carne en Galicia

Que cifras de produción e volume de negocio manexa o sector cárnico galego? Son competitivas as industrias cárnicas galegas? Cales son os subsectores máis competitivos e con maior presenza? Estas son algunhas das preguntas expostas durante a VII Reunión Casal de Armán - Foro Económico de Galicia, que congregou a empresarios, investigadores e profesionais do sector. Durante o evento, coordinado pola Fundación Juana de Vega, o director da entidade, José Manuel Andrade Calvo, expuxo as conclusións da Estratexia do sector cárnico de Galicia 2022 -2030, elaborada pola entidade por encargo da Consellería do Medio Rural. As cifras presentadas pola entidade amosan como os principais motores do sector cárnico galego son o vacún e o porcino, aínda que as ganderías de aves e as cunícolas tamén teñen gran importancia. En Galicia contabilízanse un total de 19.537 ganderías de vacún de carne con 430.000 animais. En concreto, as ganderías de vacún teñen de media uns 22 animais e xestionan algo máis de 11 hectáreas. Sacrifícanse unhas 381.000 canais de vacún, cun peso medio de 250 quilos canle, o que deixa unhas 95.000 toneladas de carne en 2020, segundo os datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural.
Case a metade das ganderías de vacún que hai en Galicia están adheridas ao selo Ternera Gallega
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acapara o 55% do volume da carne que se comercializa en España baixo este selo de calidade. “Case a metade das ganderías de vacún que hai en Galicia están adheridas á IXP”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega. Así, baixo este selo atópanse unhas 7.266 ganderías e 389 cebadeiros activos. A comarca de Deza e o sur da provincia de Ourense son as principais zonas de produción porcina en Galicia. Na comunidade contabilízanse un total de 2.591 granxas porcinas que teñen 1.500.000 prazas. De media, cada granxa de porcino conta cunhas 591 prazas. Sacrificáronse 1 millón de exemplares, o que deixa unha produción dunhas 91.600 toneladas de carne. Porén, desde o ano 2009, a produción de carne de porcino experimentou unha caída significativa.
A produción de carne de porco e de ave concéntrase na comarca de Deza, a Terra Chá e o sur da provincia de Ourense
Xunto coa gandería de porcino, boa parte das 1.075 ganderías de aves que se contabilizan en Galicia tamén están situadas na comarca de Deza, a Terra Chá e o sur da provincia de Ourense. Cóntase con case 25 millóns de prazas instaladas e cada gandería dispón de media dunhas 23.000 prazas. Estas granxas xestionan unhas 4.744 hectáreas, segundo os datos extrapolados da PAC. Galicia é a terceira rexión produtora de carne de coello de España, cun total de 179 explotacións distribuídas no territorio galego, que acumulan 619.000 prazas e que xestionan unhas 300 hectáreas. De media, cada gandería cunícola conta cunhas 3.461 prazas. Dende 2017 rexistrouse un descenso da produción que obedece á caída xeral que se está producindo neste sector. “Entre 2001 e 2019 reduciuse a produción de carne de coello nun 34% a nivel mundial, unha tendencia que se está vendo tamén a nivel nacional”, detalla Andrade Calvo.
Galicia é a terceira rexión produtora de carne de coello en España, con case 180 ganderías repartidas polo territorio
En termos de volume de produción de carne, tanto o caprino e ovino como o sector equino manexan cifras mínimas de volume de negocio en comparación cos outros subsectores. Aínda que, en canto ao número de ganderías, as primeiras representan case catro veces máis. En total, contabilízanse 15.783 ganderías de caprino e ovino, que congregan uns 165.000 animais. De media, cada unha conta con 10 animais e xestiona unhas 3,44 hectáreas. En canto ao sector equino, en Galicia contabilízanse un total de 4.314 ganderías, con case 18.000 animais, situadas boa parte delas no norte da provincia de Lugo. É un sector, no que caeu notablemente tamén a produción de carne.

Preocupación pola falta de remuda xeracional

Algúns dos factores que limitan o crecemento do sector da carne a nivel mundial son as limitacións de tipo ambiental. Tamén hai certa preocupación polas dificultades que poderán supoñer as novas normativas relacionadas co ambiente e con respecto ao benestar animal. Sen dúbida, outro dos desafíos reside en atallar a crecente caída do consumo de carne nalgunhas sociedades, debido aos novos hábitos de alimentación.
“Evidénciase un grave problema de sucesión e continuidade da actividade, dada a elevada idade de boa parte dos produtores en activo”: José Manuel Andrade, Fundación Juana de Vega
En Galicia, un dos principais retos que se presentan ao sector é a elevada idade media dos titulares das ganderías de carne e a falta de substitución que afecta a todos os subsectores centrados na produción de carne. “Evidénciase un grave problema de sucesión e continuidade da actividade, dada a elevada idade de boa parte dos produtores en activo”, señala José Manuel Andrade. No vacún de carne, a media de idade dos produtores é de 57 anos, aínda que no 49% destas granxas os titulares teñen xa 62 anos de idade, segundo os datos presentados dende a Fundación Juana de Vega. Entre os titulares de granxas de porcino, a media de idade redúcese aos 52 anos, mentres que os máis novos son os produtores de granxas de aves, cunha media de 49 anos. Nunha situación semellante atópase o sector cunícola, onde os produtores teñen de media 51 anos. Os gandeiros de equino sitúanse nos 54 anos de media.
Os produtores de ovino e caprino son os máis maiores, cunha media de idade que se sitúa nos 60 anos
Mentres, sen dúbida o sector onde a media de idade é máis elevada e a continuidade está máis en xogo é o ovino e caprino, xa que boa parte dos produtores están xa nos 60 anos. Outro dos retos da produción de carne é a volatilidade dos prezos das materias primas para alimentar o gando, o que lastra a competitividade das ganderías. Neste sentido entra en xogo o acceso a terras, que permita incrementar a produción propia de forraxes nas ganderías. “A nova Lei de recuperación da terra agraria abandonada aprobada en Galicia abre unha nova oportunidade a acceder a terras para estas ganderías”, recorda Andrade.

Manexo do territorio

Outro dos aspectos fundamentais das ganderías de carne galegas é que boa parte delas conservan un manexo en extensivo, de maneira que á marxe do beneficio económico que supón esta actividade, contribúen de maneira activa á xestión do territorio e actúan en moitos casos como auténticos mecanismos de protección e redución do risco de incendios forestais ao reducir a biomasa dos bosques. Os produtores de carne xestionan máis 300.000 hectáreas de superficie en Galicia, case a metade da superficie agraria útil. Así, por exemplo, boa parte das ganderías de bovino sitúanse en zonas de montaña de Lugo e Ourense, onde son escasas as alternativas para a xestión deste territorio que non estean vinculadas a esta actividade. Estas ganderías xestionan unha superficie agraria útil dunhas 214.000 hectáreas.
As ganderías de vacún de carne xestionan unha superficie agraria útil dunhas 214.000 hectáreas
Tamén é significativo o labor que realizan as ganderías de ovino e caprino, que manexan unhas 54.000 hectáreas ou as ganderías de equino, que xestionan unha superficie de 36.195 hectáreas.

Tecido industrial da carne en Galicia

O sector cárnico en España é o principal subsector dentro da industria alimentaria. Ten unha cifra de negocio de 31.700 millóns de euros e proporciona un valor engadido de 5.500 millóns de euros. Este sector emprega en España a máis de 110.000 persoas. O destino da produción nacional está centrada no mercado interno, xa que case o 80% consómese en España e ao redor dun 13% expórtase á Unión Europea. En Galicia, a industria cárnica está integrada por 192 industrias, que dan emprego a 5.800 persoas, que facturaron no 2019 un total de 1.350 millóns de euros, que achegaron un valor engadido á economía galega de 296 millóns de euros. A industria cárnica representa o 4% do emprego da industria manufactureira galega. A produción cárnica representa o 34% da produción agraria e está formada 43.000 explotacións cárnicas de todos os subsectores.
A produción cárnica representa o 34% da produción agraria e está formada 43.000 explotacións cárnicas de todos os subsectores
Comparando a industria cárnica galega coa española e a europea detéctase un déficit en produtos elaborados. Galicia ten un maior peso na carne de bovino e ave fresca e refrixerada. Só na carne de bovino, o 25% comercialízase en fresco, mentres que esta cifra no conxunto de España redúcese a un 9% e se se mira en Europa elévase ata un 13%. En canto á carne de ave, en Galicia o 30% comercialízase en fresco, sen transformación industrial, mentres que esta cifra en España é do 11% e o 12% na UE.
O sector porcino galego destaca polo seu maior nivel de transformación industrial con respecto á industria española
Ocorre o contrario coa produción de porcino, onde Galicia destaca polo maior nivel de transformación industrial con respecto á industria cárnica española ou europea.

O tamaño das empresas importa

A Fundación Juana de Vega realizou tamén unha análise económica-financeira na que analiza máis de 2.000 industrias do sector cárnico en España entre os anos 2015 e 2020. O estudo permite ver a rendibilidade do sector e a principal conclusión é que as empresas cárnicas galegas teñen un baixo nivel de desempeño en canto á rendibilidade económica con respecto das españolas.
As industrias cárnicas máis rendibles en Galicia son as empresas de mediano tamaño, seguidas das pequenas
“As industrias cárnicas españolas sitúanse cunha marxe de resultados de explotación superior ás galegas. Resulta relevante como a galega ten uns maiores niveis de rotación, pero ao traballar con menor marxe non é capaz de compensar esa rendibilidade. O efecto do volume con marxe baixa non lle permite obter a rendibilidade económica da industria cárnica española, e iso explícase en certa medida polo déficit de produtos transformados que hai na galega”, valora Andrade. Hai unha clara correlación entre maior tamaño e rendibilidade das industrias españolas, mentres que no caso galego o comportamento é completamente diferente. Así, as industrias cárnicas máis rendibles en Galicia son as empresas de mediano tamaño, seguidas das pequenas empresas. Mentres, as grandes empresas e as microempresas sitúanse en igualdade de rendibilidade.

As cifras da produción de carne en España e Europa

España, cunha produción de 7,5 millóns de toneladas no ano 2020, é un dos principais produtores de carne de Europa, por diante sitúase só Alemaña, que ten unha produción de 7,9 millóns de toneladas. A produción de carne en Europa tivo un crecemento constante desde 2014, aínda que se rexistrou unha caída das cifras en 2020, coincidindo coa saída da UE de Reino Unido con motivo do Brexit, xa que en terras inglesas prodúcense uns 4 millóns de toneladas.
Galicia é a terceira en canto a vacún, aves e produción cunícola e apenas representa case un 2% da produción porcina española
En España o porcino é o principal subsector de produción en millóns de toneladas, seguido das aves. En terceiro lugar sitúase a produción de carne de bovino e de maneira residual sitúanse tanto o ovino como caprino. Cataluña é o principal produtor de carne en España, con 2,5 millóns de toneladas (33%), seguida de Aragón, Castela e León e Andalucía. Galicia ocupa o oitavo lugar, cun 5,45% da produción cárnica nacional. “Galicia sendo a oitava rexión a nivel nacional, é a terceira en canto a vacún, aves e produción cunícola, mentres que apenas representa un 1,83% da produción porcina española”, explica Andrade.

Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne

Os máis de trescentos tractores que marcharon este martes polas rúas de Lugo son un bo termómetro da complicada situación que atravesa o vacún de carne, un sector afogado pola suba dos custos de produción e un prezo de venda dos xatos insuficiente.  A caravana de tractores, acompañados de gandeiros a pé, partiu ás 11 e media da mañá desde o Polígono das Gándaras e rematou pasadas as tres da tarde diante da delegación da Xunta de Galicia, onde se xuntou un milleiro de produtores cunha ducia dos seus animais, logo dunha parada tamén na subdelegación do Goberno. A asociación convocante da protesta, Gandeiros Galegos de Suprema, expuña diante das dúas Administracións, nas que permanecerá a partir de agora concentrada de xeito indefinido até que se poñan sobre a mesa solucións aos seus problemas, as principais reinvindicacións: un prezo de venda dos xatos xusto, que non se recorten as axudas da PAC e que se free o avance do lobo. 
Non hai relevo xeracional porque as nosas explotacións non son viables
En conxunto, as peticións dos produtores resúmense nunha: "cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio para que as explotacións de carne sexan viables e non se vexan abocadas ao peche". "Prezo xusto é igual a profesionalización e a vida no rural, mentres que a situación actual leva ao abandono", aseguran. "Os mellores bombeiros somos os gandeiros, somos os que coidamos o territorio e se non hai gandeiros teremos unicamente incendios e terra queimada", insistiron.  Prezo imposto polos matadoiros O presidente de Gandeiros Galegos de Suprema, Santiago Rego, cuestiona o que considera un incuprimento da Ley de la Cadena Alimentaria: “A propia Administración ten un estudo do 2021 no que se di que o noso custo de produción está en 6,20 euros. A día de hoxe, trala suba dos pensos e materias primas o ano pasado, estaremos arredor dos 7 euros, moi por riba do prezo de venda dos xatos”, valora.
Os custos de produción estannos a afogar. Sentímonos totalmente indefensos neste sistema onde predomina o monopolio da industria
"Os custos de produción estannos a afogar. Estamos vendendo a perdas. Onde está a AICA?", pregunta. "Sentímonos indefensos de todo ante este sistema onde predomina o monopolio da industria. Vémonos obrigados a asinar uns contratos ilegais baixo a ameaza de non levarnos os becerros e nós aos xatos temos que darlles saída", din. A nova PAC, unha "descapitalización" para as explotacións de carne Tractores na Ronda da Muralla, preto da delegación da Xunta. No contexto actual de altos custos, os produtores de Suprema consideran preciso un reforzo das axudas da PAC, pero advirten sen embargo de que o novo período da Política Agraria Común 2023-2027 chega para as granxas de vacún de carne cun recorte de axudas.
A PAC hoxe é imprescindible, pero non temos nin prezo nin axudas
"A nova PAC é unha descapitalización en toda regra das nosas explotacións", aseguran, alertando da "trampa" que supoñen novas liñas de axudas como os ecorreximes e as novas condicións impostas para o cobro das axudas agroambientais destinadas ao fomento de pastos.  O problema da fauna salvaxe Outro aspecto que preocupa aos gandeiros é sobre o lobo, que aseguran que está causando importantes danos sobre a gandería extensiva. “Se queren que sigamos mantendo o lobo, terá que haber suficientes subvencións para iso. Se non, terán que regular as poboacións, pero coa situación actual, na que o lobo está no Listado de Especies en Protección Especial, quedamos indefensos”, critica Santiago Rego.
As camadas de lobos multiplicáronse e campan ás súas anchas; se temos que seguir dándolles de comer, que nos paguen por iso
Os gandeiros acusan aos políticos de descoñecer a realidade dos produtores. "Acúsasenos de provocar o cambio climático, de que as nosas vacas contaminan e de ser os responsables de que a cesta da compra suba. Basta xa de ataques ao noso sector. Necesitamos políticos que nos defendan e que non nos ataquen", dixeron.  Rebaixa do IVE á carne A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide ademais que a carne sexa considerada "un produto de primeira necesidade" e que se lle aplique unha rebaixa do IVE, ao igual que se fixo con outros produtos de alimentación como o leite. "Rebaixar o IVE da carne serviría para incentivar o consumo e para rebaixar o custo da cesta da compra aos consumidores", defenden.  Sobre o prezo de venda da carne, a asociación defende que non é preciso subir máis o que se lle cobra ó consumidor, “senón facer un reparto máis equitativo do valor da carne ó longo da cadea”. "Ternera Gallega somos nós e non as industrias", reprocháronlle ao Consello Regulador da IXP. "Se o campo non produce a cidade non come", corearon durante toda a marcha e preguntaron "que trazabilidade ten a carne que chega de terceiros países a prezos baixos?".
Os gandeiros manterán unha concentración indefinida ante a Xunta e a Subdelegación do Goberno até que se adopten medidas para solucionar a actual situación
Por parte da Xunta, Medio Rural sinalou hoxe nun comunicado que demanda do Goberno central un IVE cero para a carne, a fin de que os produtores poidan aumentar os seus ingresos. Tamén asegura que velará para evitar a venda de gando a perdas a través do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, a chamada ‘Aica galega’, pois asume en Galicia parte das competencias que vén desempeñando a Agencia de Información y Control Alimentario. Sindicatos, "chiringuitos" Algúns alcaldes, como o da Fonsagrada, acudiron a apoiar aos gandeiros dos seus concellos Santiago Rego avogou pola unidade do sector e agradeceu o respaldo das asociacións que apoiaron a marcha. Na súa cartelería e nos lemas coreados, os gandeiros lembráronse tamén dos sindicatos, "os grandes austentes" da protesta, ós que equiparan a "chiringuitos" ligados ós partidos políticos. Ás portas das eleccións, a marcha foi secundada por alcaldes do PSOE, como o da Fonsagrada, e do PP, como os de As Nogais, Triacastela, Castro de Rei ou Friol, así como por deputados do PP ou do BNG. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema criticou os intentos de "politización" do sector. 
Ás portas das eleccións municipais, a protesta dos gandeiros foi apoiada por alcaldes do PP e do PSOE
"Houbo alcaldes que se moveron nas eleccións ó consello regulador de Vacún de Galicia e que se volveron a mover estes días para pedir que non se fose a esta manifestación", criticaron os convocantes nun dos discursos ao remate da marcha. "Divide e vencerás", lamentaron. Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.
Álex Rodríguez (Láncara)

“Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse á gandería”

Álex Rodríguez, un mozo de 27 anos de Láncara, tiña previsto incorporarse este ano á gandería familiar, que leva na actualidade súa nai, Marifé Blanco. Pero cos custos e prezos actuais, ve o panorama complicado. “Non hai garantías de futuro. Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse. Precisamos unha boa PAC porque cos prezos que temos hoxe polo gando, é imprescindible”, sinala. A gandería está a cobrar arredor de 6 euros /Kg. polos animais e cos prezos actuais do penso, xa decidiu reducir o periodo de ceba e a cantidade de penso que lle dá ós xatos. “De momento seguimos cebando, pero quizais chegue un momento no que teñamos que parar”, valora.
José Antonio Santos (Friol)

“Cobramos o mesmo polos xatos que hai 30 anos, pero daquela un saco de penso de 40 Kg. costaba 500 pesetas”

José Antonio Santos é un gandeiro xubilado de Friol que acudiu á concentración co seu fillo, que é o que leva hoxe en día a gandería, de 70 reprodutoras. Santos fai números comparando prezos e custos de hai 30 anos cos de agora. “Daquela cobrabamos 200.000 pesetas por un xato, que é parecido ó que cobramos agora, pero o saco de penso de 40 Kg. estaba a 500 pesetas e hoxe un saco de 25 Kg. custa 15 euros”, compara. A mesma situación dáse co abono. “Daquela un saco de abono eran 200 pesetas, hoxe son 30 euros” -explica-. “Nós o ano pasado xa non abonamos as pradeiras con fertilizantes químicos e este ano tampouco o faremos. O que fixemos foi reducir o rabaño”, apunta. De cara ó futuro, o produtor opina que “a xente que vén atrás vaino pasar moi mal”.
José Ángel Lamas (Friol)

“O sector gandeiro move a economía dos concellos”

José Ángel Lamas é un gandeiro de Friol que ten un rabaño de 28 vacas, que lle serve de complemento á súa actividade principal, a venda de penso. “O sector gandeiro move a economía dos concellos rurais”, advirte. Lamas considera que a mobilización en demanda de solucións “vai para longo” e pide “unidade” do sector.

Sobra xurro en Galicia?: o caso da comarca do Deza

Hai un problema co xurro en Galicia? “A modo xeral, non”, resposta contundente o enxeñeiro agrónomo Marcos Fuentes Sánchez, da firma Nutrimentos Deza (Nudesa), especializada na produción porcina e na fabricación de penso. A xestión dos xurros foi un dos temas que se trataron este ano no XXV Monográfico do sector porcino celebrado recentemente en Silleda (Pontevedra). Fuentes afondou alí nas cifras de produción de xurro da gandería galega, en comparación coas necesidades de abono para a produción de forraxes.
“Se realmente hai un problema polo exceso de fósforo nos solos galegos, non só se debe ó xurro, senón que o 50% procede dos abonos minerais”
O técnico sinalou ademais a importancia de incluír na ecuación ós abonos minerais e non só culpabilizar ó xurro do exceso de minerais, coma o fósforo, que é o máis limitante para a produción. “Tense dito moitas veces que en Galicia hai un problema co xurro, pero nunca se responsabiliza ós abonos minerais e se realmente hai unha problemática polo exceso de Fósforo nos solos galegos, este dependerá en igualdade tanto do abonado mineral como dos xurros”, sentencia o agrónomo.

As cifras en Galicia

En Galicia, o censo total de animais en produción gandeira no 2020 era de 687.822 Unidades de Gando Maior (UGMs). Nesta cifra, inclúese o vacún de leite, cebadeiros de tenreiros, a produción porcina (nais e cebo) e a produción avícola (galiñas e pitos broilers). O vacún de leite representa o 50%, mentres que a avicultura supón o 27% e o porcino o 23%. Este gando produciu un total de 8.455.143 metros cúbicos de xurro, a maior parte procedente do vacún (57%), seguido do porcino (35%). O sector avícola apenas xerou un 9% dese xurro. En paralelo á cantidade de xurro producida, para comprobar se realmente hai un problema de excedentes, Fuentes analizou os principais cultivos de Galicia e as necesidades de abono que se rexistran, para valorar cal é a situación en Galicia co xurro. Así, das terras adicadas a usos gandeiros e agrícolas, o 53% son prados de máis de 5 anos, mentres que o 33% son pradeiras que se renovan máis a miúdo e o 14% da terra dedicase á produción de millo. Empregándose para estes usos, que necesidades de abonado teñen estas terras?
“O xurro producido en Galicia só cubre o 43% das necesidades de Nitróxeno e Fósforo que requiren as forraxes para alimentar o gando galego”
En Galicia, estímase que para a produción de forraxes precísanse dunhas 47.000 toneladas de fósforo e o xerado pola produción gandeira sitúase arredor das 20.000 toneladas. “O xurro producido na comunidade só cubre o 43% das necesidades de Fósforo que requiren estas forraxes. Temos un déficit de Fósforo nos cultivos de 27.000 toneladas, se só se emprega xurro”, explica Fuentes Sánchez. Porén, como apunta o enxeñeiro, en función de se para realizar este cálculo se aplican os criterios recollidos no Real Decreto 1053/2022, que estipula as limitacións para a fertilización, ou as Instrucións Técnicas para a realización do plan de xestión de dexeccións gandeiras e fertilización (IT-CMAOT-2), as porcentaxes sobre as necesidades e a cantidade de xurro producida poden verse alteradas, xa que fixan diferentes baremos.

A comarca do Deza

O enxeñeiro analizou o caso concreto da comarca do Deza, onde se encadra tanto a fábrica de Nudesa, situada en Silleda, como algunhas das granxas porcinas da empresa. Ademais, esta comarca ten unha importante actividade gandeira, non só no vacún de leite, senón no porcino e no avícola, polo que coñecer as súas cifras permite ver a situación dunha das comarcas galegas con maior carga gandeira, á marxe da Limia. En concreto, na comarca do Deza contabilízanse 119.528 UGMs de vacún, principalmente de leite (37%), porcino (35%) e de aves (28%). Estes animais producen un total de 1.525.874 metros cúbicos de xurro. A diferenza do que acontece a nivel galego, no Deza e pese a que o vacún segue a ser o gando maioritario, é o porcino o que máis xurro produce (52%), mentres que as granxas de vacas xeran un 39% e as de aves a penas un 9%. O caso da comarca do Deza é tamén de interese porque representa o 17% do censo galego e o 18% do xurro producido en Galicia, mentres só dispón dun 6% da superficie de cultivo.
Cubrir as necesidades de xurro das comarcas lindantes pode ser a solución para aqueles territorios nos que se estean a producir excedentes de xurro
Á hora de estimar as necesidades para o abonado das forraxes no Deza e o xurro que precisarían, cos criterios recollidos no novo Real Decreto, apréciase que na comarca hai un excedente de xurro do 7%, mentres que se este cálculo se fai co sistema do plan de dexeccións gandeiras (IT-CMAOT-2), este chega a ser do 33%. Con este excedente de xurro na comarca, Fuentes Sánchez abre o foco ás necesidades das comarcas lindantes coma Arzúa, Melide, Chantada ou Santiago, que poden ser a solución, xa que amosan un importante déficit de xurro e boa parte das súas necesidades de aportes non se poden cubrir con abonado orgánico. En concreto, para paliar ese déficit precisarían arredor de 1,7 millóns de metros cúbicos de xurro de porcino, co que o xurro que sobra puntualmente na comarca do Deza ten destinos próximos de utilidade. Porcentaxe de Fósforo e Nitroxeno xerado, aplicado e sobrante na comarca do Deza.

Macroplanta de biogás ou puntos de acumulación estratéxicos

Ante o excedente de xurro de porcino no Deza, na Agrupación de Defensa Sanitaria de porcino de Silleda traballan dende hai tempo con puntos estratéxicos para a acumulación puntual do xurro, de maneira que solucionaron a problemática e conseguiron seguir a empregar este xurro para a fertilización, sen que supoña un problema para as granxas. O xurro almacénase en puntos de acopio para o momento no que o precisan as granxas da comarca ou de zonas próximas nas que, como se viu, hai déficit de xurros. Mentres, a proposta da Xunta da creación dunha macroplanta de biogás na que se trate o xurro ten o rexeitamento do sector, que mantén a desconfianza sobre os efectos que poida chegar a supoñer a creación desta gran planta. Entre outras consecuencias, temen que ao final terminen por ter que pagar por enviar o xurro ata esa planta supoñendo un importante gasto para as ganderías, semellante ao que representa a recollida de cadáveres, que comezou resultando un desembolso mínimo e na actualidade nalgunhas granxas pode chegar a alcanzar os 15.000 euros, como apuntaron durante a xornada. O sector tamén advirte do custo económico e medioambiental que representa o transporte de xurros ás plantas de biogás e o retorno ó agro do dixestato que queda tras o procesado do xurro, e que ademais mantén boa parte dos nutrintes iniciais.
https://www.campogalego.gal/e-macroplanta-de-biogas-unha-solucion-util-para-o-agro/

Estratexia para o sector da carne galega: maior profesionalización das ganderías e internacionalización das industrias

A Xunta vén de presentar a Estratexia de dinamización do sector cárnico para o periodo 2022-2030, un documento de planificación para os próximos anos que busca lograr un sector máis profesionalizado, sostible, competitivo e internacionalizado. Esta nova estratexia configúrase como unha folla de ruta que marca seis eixos para desenvolver ata o ano 2030, con 64 medidas e 174 accións, tal e como indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a presentación, que tivo lugar no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia no Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles.
A Xunta remarca as posibilidades deste sector, situando a Galicia como rexión produtora de referencia no sector cárnico cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade
Preténdese dispor dun sector organizado e profesionalizado para fomentar unha industria competitiva, líder en calidade, ademais de mellorar o posicionamento nos mercados nacional e internacional e promover unha cadea de valor máis transparente e equilibrada. A iniciativa pretende tamén fomentar unha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega e o seu valor nutricional, así como camiñar cara un sector máis sustentable que coide o medio ambiente e garanta o benestar animal. Participación de todos os axentes da cadea Alfonso Rueda, que acudiu acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, explicou que para a elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico levouse a cabo un exhaustivo traballo previo de análise, diagnose e diálogo co obxectivo de reforzar as posibilidades dun sector que “afronta unha situación moi complexa”, recoñeceu. O sector da carne ten unha gran relevancia para Galicia, como demostra o feito de que achegue máis do 34% do valor da produción final agraria, que sume máis de 43.000 explotacións e 192 industrias de transformación e que empregue a uns 5.800 traballadores. “Estamos traballando xuntos e estamos acertando xuntos”, asegurou o presidente da Xunta. Integrar as diferentes producións A Estratexia presentada integra as necesidades das diferentes producións cárnicas que se dan en Galicia (vacún, porcino, avícola, ovino e caprino, cunícola e equino) nun documento de planificación común. Así, o resultado establece os eixes de actuación, os obxectivos, as medidas e as accións a desenvolver para mellorar o posicionamento competitivo do sector cárnico galego de aquí ao 2030.
As boas condicións de Galicia para a produción de pastos e forraxes supoñen unha vantaxe competitiva
"O sector cárnico galego conta con importantes puntos fortes, como as boas condicións da nosa comunidade para a produción de pastos e forraxes, o prestixio dos alimentos producidos en Galicia ou a potencia de selos de calidade líderes a nivel nacional. Pero ten que afrontar retos de futuro, como os relacionados coa mellora da viabilidade económica, social e medioambiental das explotacións e das industrias; coa elaboración de produtos transformados máis innovadores e adaptados ás novas demandas dos consumidores e coa optimización da comercialización nos mercados nacionais e internacionais co obxectivo de mellorar a capacidade de xeración de valor ao longo da cadea", asegura o conselleiro do Medio Rural no propio documento.

O 13 de xaneiro convocaranse as axudas directas da Xunta ás explotacións

A do sector cárnico é a terceira estratexia que se desenvolve na comunidade por parte do Goberno galego para potenciar os distintos eidos produtivos, trala aprobación da Estratexia de dinamización do sector lácteo e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas. O presidente da Xunta salientou que esta folla de ruta é un paso máis no apoio do Goberno galego ao sector que se suma á posta a disposición por parte da Xunta de 17 millóns de axudas directas para os gandeiros da carne o pasado verán, a través de anticipos das entidades bancarias, unhas axudas que se convocarán de xeito formal o próximo venres 13 de xaneiro. Rebaixa do IVE Alfonso Rueda indicou que, deste xeito, a Xunta ofrece seguridade e planificación a un sector fundamental no desenvolvemento económico de Galicia, e lamentou que o Goberno central non faga o mesmo e que, pola contra, contribúa a aumentar as incertezas que planean sobre o seu futuro deixando o peixe e a carne fóra da recente baixada do IVE malia ser “alimentos de primeira necesidade”.

Jaime Yartu San Millán, novo presidente de Provacuno

A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (Provacuno) acaba de renovar a súa xunta directiva durante a celebración en Madrid da súa asemblea xeral. Jaime Yartu San Millán foi nomeado novo presidente tras recibir o apoio unánime das diferentes asociacións que integran a Interprofesional. O novo presidente amosaba o seu agradecemento por confiar e apoiar a súa candidatura, da que se sente “profundamente orgulloso e á que dedicará tempo e esforzo para representar a un sector tan importante para a sociedade como é o vacún de carne”. Jaime Yartu San Millán é licenciado en economía e dereito e leva toda a vida vinculado ao sector cárnico. O novo presidente é consciente do papel estratéxico do sector de vacún de carne, así como do difícil escenario que atravesa o sector onde “a carestía de produto, o aumento dos custos de produción e os sobrecustos lexislativos colócannos nunha situación complexa”, lembra. Tras esta Asemblea Xeral a xunta directiva de Provacuno queda da seguinte maneira: • Presidente: Jaime Yartu San Millán (ANICE) • Vicepresidente: Raúl Sanz (COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS) • Secretario: Joan Algueró (ASOPROVAC) • Tesoureiro: Josep Friguls (ANAFRIC) • Vogais: ◦ Manolo Vázquez (ASAJA) ◦ Román Santalla (UPA) ◦ Joaquín Gargallo (COAG) ◦ Pol Viñals (FECIC) ◦ Cecilio Folgado (AGEMCEX) ◦ María Sánchez (CEDECARNE) ◦ Octavio Gonzalo (COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS) Pola súa banda, Eliseo Isla, antes de abandonar o seu cargo como presidente, puxo en valor o traballo realizado como representante de Provacuno nestes anos. Isla destacou os logros conseguidos: “fomos capaces de abrir importantes países para a exportación como Xapón, realizamos campañas de comunicación transcendentais para mellorar a percepción do noso sector e produto, e puxemos en marcha excelentes proxectos en favor da sustentabilidade e do benestar animal, e, todo isto, con situacións moi complexas froito da pandemia do Covid-19”. Participantes da asemblea xeral de Provacuno.

Retos e obxectivos do novo equipo

Entre os próximos retos da nova directiva para Provacuno, Yartu sinala a necesidade de seguir apostando pola investigación para afrontar o futuro con garantías, así como por mostrar a realidade do sector. O presidente electo tamén subliñou que este sector “é exemplo de competitividade, rastrexabilidade, sustentabilidade, benestar animal e calidade”. O novo equipo afronta esta etapa co obxectivo de seguir traballando na internacionalización do sector, coa apertura de novos mercados e a consolidación dos xa abertos, de dar resposta ás novas tendencias do consumidor e de mellorar a competitividade da cadea a través da investigación.

Só o polo resiste o descenso do consumo de carne

O consumo mundial de carne seguirá crecendo ó longo da próxima década, pero en Europa a tendencia irá en sentido contrario, pois espérase unha diminución do consumo de 1,5 Kg. por persoa, ata situar o consumo total en 66 Kg. ó ano. A reducción, debida en parte ó envellecemento da poboación europea, será máis acusada no porcino e na carne de vacún, en tanto a carne de ave (polos e pavos) beneficiarase dun aumento de consumo a nivel europeo. Evolución do consumo de carne (Kg. por persoa e ano) en porcino (pigmeat), aves (poultry), vacún (beef) e ovino - caprino (sheep). As previsións corresponden ó informe de perspectivas agrarias 2022-2032 que vén de presentar a Comisión Europea. O documento de análise do mercado agrario, que se elabora de xeito anual, mantén similares pronósticos a pasados anos. A Comisión Europea apunta como factores clave a ter en conta a preocupación dos consumidores polo medioambiente e pola súa saúde. Vacún En vacún, a perspectiva é que os condicionantes ambientais e a baixa rendibilidade leven a reducir un 9,1% o tamaño total da cabana gandeira en Europa na próxima década, en especial en zonas marcadas pola intensificación, como pode ser en España o caso de Cataluña. Os apoios da PAC a producións máis sostibles poden axudar a soster a produción, pero non evitarán o descenso, segundo a Comisión. O prezo espérase que evolucione á baixa e que logo repunte lixeiramente, para estabilizarse no 2032 en torno a 4 euros por Kg. O sector manterá un mercado de exportación, se ben é previsible que as esixencias de benestar animal dificulten o actual comercio do Mediterráneo con animais vivos cara os países árabes. De xeito paralelo, espérase un progresivo aumento da chegada de importacións. Europa recoñece que ese aumento de importacións introduce un contrasentido, pois se a UE reduce parte da súa produción por motivos ambientais e aumenta importacións, producirase o que chama unha “fuga de emisións” cara outros países, ou dito doutro xeito, unha maior importación de emisións. A Comisión Europea valora en paralelo que a preocupación dos consumidores polo medioambiente e o cambio climático levarán a unha maior atención á orixe da carne, ao seu sistema de produción e á súa pegada ambiental. Porcino O consumo de porcino espérase que baixe un 0,4% anual durante a próxima década (-1,3 Kg. por persoa ó ano no 2032). Esa baixada vén motivada pola tendencia europea a reducir o consumo de carne de porco, principalmente por motivos sanitarios, e tamén pola probable redución de exportacións a China, que está recobrando a súa capacidade de produción tralos brotes de peste porcina. Os prezos espérase que baixen ata o 2025 e que despois se estabilicen en torno a 1,5 euros / Kg. Avicultura A produción e consumo de carne de ave espérase que siga medrando a un ritmo do 0,2% anual, cun crecemento menor que na última década, pero mantendo bo consumo interno e boas opcións de exportación. O prezo, segundo o informe europeo, evoucionará á baixa, pero manterase por riba de niveis pre-Covid, no entorno dos 2 euros / kg. Ovellas e cabras A produción de ovellas e cabras, que é escasa a nivel da UE, aumentará lixeiramente durante a próxima década, cun consumo interno estable e boas perspectivas de exportación ó Magreb e Oriente Medio. Alternativas vexetais e carne de laboratorio Sobre as alternativas de proteína vexetal, a Comisión Europea prevé que sigan medrando, pero sinala que continuarán a ter unha cota de mercado pequena. Outras opcións, como a carne producida en laboratorio a partir de células nai, non se espera que se consoliden no mercado na próxima década por cuestións regulatorias e posiblemente por prezo e falta de aceptación entre os consumidores. https://www.campogalego.gal/europa-preve-que-o-prezo-leite-no-campo-siga-por-riba-dos-40-centimos-toda-decada/

“O sector máis beneficiado pola PAC vai ser o da carne; é falso que saian gañando as granxas de leite”

A xornada informativa sobre a PAC celebrada este xoves en Friol, que se prolongou por riba das 3 horas, serviu para deixar explicacións técnicas do novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), pero tamén para que Medio Rural abordara cos gandeiros e técnicos presentes dúas das polémicas das semana, as axudas de agricultura ecolóxica, sobre as que se debatiu extensamente, e os apoios que a PAC lle presta ás granxas de carne. Ao acto asistiron, como público, integrantes da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema procedentes de distintos puntos da provincia de Lugo. No turno de preguntas, o seu presidente, Santiago Rego, reprochoulle a Balseiros o que xa manifestara nun escrito entregado á Consellería, que a nova PAC “discrimina” ao sector da carne fronte ao do leite. “Esta PAC é unha descapitalización das explotacións. Neste momento non temos un prezo axeitado pola venda de animais e a partir de agora non imos ter nin subvencións. Teremos que pechar as explotacións e alugar as fincas aos produtores de leite”, afirmou Rego. Balseiros contestou poñendo enriba da mesa toda unha enumeración de medidas da Xunta a favor dos produtores de carne, tratando de desmontar a teoría do trato de favor ás explotacións de leite e de demostrar o apoio da Xunta ás ganderías de carne. “Non estou en absoluto de acordo co que estades dicindo. Cando foi do Covid, sacamos unha axuda para o sector da carne e non a sacamos para o sector do leite”, lembrou. “Vós defendedes a carne e facedes ben, e os do leite defenden o leite, pero nós temos que defender a todos”, sentenciou.
“Vós defendedes a carne e facedes ben, igual que os do leite defenden o seu, pero nós temos que defender a todos” (José Balseiros)
Restruturación do sector do vacún de carne en Galicia Pero gandeiros coma Fran, de Láncara, insistiron durante a xornada en que a conxelación dos prezos e a diminución das axudas levará ao peche das ganderías de carne. “No 2030 vaise comer a carne de Brasil e Uruguai porque aquí non vai quedar ninguén. O 30% da PAC estana cobrando os xubilados, pois ou que lles saquen a PAC ou a xubilación. Eu non teño nada en contra desa xente, pero a nós estannos facendo moito dano”, queixouse.
“No 2030 vaise comer a carne de Brasil e Uruguai porque aquí non vai quedar ninguén”, reprochou un gandeiro
Balseiros recoñeceu que unha das eivas do Plan Estratéxico español é que nos vindeiros anos seguirán tendo dereito a percibir a PAC persoas xubiladas ou que teñan ingresos principais doutras actividades, pero tamén defendeu que é necesaria unha restruturación do sector produtor da carne en Galicia.
No sector da carne terá que haber unha reconversión como a que houbo no leite, en favor das ganderías profesionais. Quedarán a metade das ganderías? Pois quedarán
“No sector leiteiro houbo unha reconversión e hoxe practicamente só quedan explotacións profesionais, pero no sector da carne esa reconversión non se deu e terá que habela. Quedarán a metade das ganderías? Pois quedarán. Nós a quen defendemos é ás explotacións profesionais”, aseverou Balseiros, lembrando que “nas axudas pola covid deixamos fóra aos que tiñan menos de 10 vacas porque considerabamos que non eran profesionais, no sentido de que non vivían diso, pero un sindicato recurriu no TSXG e perdemos. E agora temos que buscar cartos para pagarlles e son moitos cartos, porque son 11.000 explotacións”, recoñeceu.
Para que se revalorizase a carne, estivemos loitando contra xigantes que pediron a nosa cabeza, tanto a do conselleiro como a miña
O director xeral de Gandería afirmou que “agora é un mal momento para pagar carne premium” e por iso, dixo, “non tivo efectos inmediatos o acordo de elevación de prezos co sector cárnico”, pero defendeu a súa utilidade e o papel da Xunta na súa consecución: “estivemos loitando contra xigantes que pediron a nosa cabeza, tanto a do conselleiro como a miña”, revelou aos asistentes. Conxelación do pago asociado Un dos motivos de debate durante boa parte da mañá foi o feito de que o pago asociado á produción de leite se incremente nun 30% na nova PAC, até os 157,96€, mentres o asociado a vaca nodriza de carne se manteña conxelado en 90,25€. “Isto obedece a que se considerou desde o Ministerio que unha vaca de leite ten un custo de produción maior”, explicou o subdirector do FOGGA. Pero Balseiros matizou: “O incremento do pago asociado para o leite decidiuno o Ministerio ante unha avalancha de peticións, entre elas as da Xunta de Galicia. O Goberno quixo facer un guiño a cada comunidade autónoma en función do sector máis importante. Aquí foi o leite, igual que para Andalucía o guiño foi o olivar. O prioritario en Galicia é o vacún de leite, podemos estar máis de acordo ou menos, pero as cifras están aí”, advertiulles aos produtores de carne que se queixaban.
Os nosos cálculos dinnos que o sector máis beneficiado coa nova PAC vai ser o da carne
“É certo que hai cousas que benefician ao sector do leite, pero tamén hai moitas outras que benefician ao sector da carne, porque en zonas de montaña case non hai explotacións de leite que se vaian beneficiar dos fondos para as Zonas con Limitacións Naturais, non coñezo ningunha raza autóctona no sector lácteo (que están subvencionadas) e os eco-reximes e axudas agroambientais están pensadas sobre todo para as ganderías de carne, porque moitas de leite que son intensivas non se poden acoller”, xustificou Balseiros. “Aquí ninguén quere beneficiar a un sector máis que a outro. Xa sei que estes días anda esa leria, pero non se pode analizar a PAC liña a liña de xeito independente, hai que vela no global, e no global o sector da carne sae moito máis beneficiado”, dixo.
Non coñezo ningunha raza autóctona do sector lácteo, e esas axudas tamén se incrementan
O director xeral de Gandería defendeu as novas axudas para engorde de xatos que nacen nas explotacións, de 32€ por becerro, e para convivencia co lobo, de 75 euros por hectárea. Sobre o lobo, Balseiros tamén tivo palabras fortes para a protección integral do lobo decidida por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica. Pero pasaban xa das 3 da tarde, tras unha prolongada reunión que comezara ás 11.30 horas, e os gandeiros, que entraron con fame de axudas, comezaban a ter tamén da outra.

A Xunta subliña que se repartiron 37,5 millóns de euros en novas axudas para as granxas de carne nos últimos dous anos

A Consellería do Medio Rural quixo saír tamén ó paso das críticas recibidas da Asociación Gandeiros Galegos de Suprema. Así, Medio Rural destaca que nos últimos dous anos, houbo 37,5 millóns de euros en novas liñas de axudas para as granxas de carne. Entre elas, as seguintes: • As axudas directas convocadas en outubro do 2020 para o sector de vacún de carne, entre outros, para paliar os efectos da pandemia. Para este eido en particular convocáronse un total de 9 millóns de euros. • Ademais, cómpre mencionar as axudas excepcionais do Ministerio a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína. O orzamento destas achegas foi de máis de 11,5 millóns de euros. Beneficiáronse 10.630 explotacións gandeiras de vacún de carne de Galicia. • A Xunta puxo asimesmo a disposición das granxas unha liña adicional de 17 millóns de axudas directas para os gandeiros da carne. No 2022, anticipáronse unha parte destas achegas a través de entidades bancarias e no 2023 convocaranse e inxectaranse outros 14,9 millóns directamente ao sector. Medio Rural lembra ademais que no último ano aumentou os fondos destinados a axudas agroambientais, que benefician principalmente a explotacións de carne, e incidiu noutras liñas de apoio, como a de crédito, o plan de implantación de pastos ou a campaña de promoción do consumo de Ternera Gallega Suprema, que conta cun presuposto de 1,4 millóns de euros para a súa difusión a nivel de toda España.
https://www.campogalego.gal/os-cartos-para-agricultura-ecoloxica-son-os-que-son-e-non-hai-mais/

Concentración en Vilalba para protestar polos baixos prezos da carne de vacún

O Sindicato Labrego Galego continúa a campaña ‘Polo futuro do vacún de carne. Na defensa das nosas comarcas’ cunha concentración reivindicativa durante o día de hoxe na Praza da Constitución de Vilalba. A alza de custos de produción e os baixos prezos de venta dos produtores motivan esta petición de medidas “ante a falta de asunción de responsabilidades por parte das distintas administracións, que teñen sumidas ás granxas de vacún de carne”, sinalan desde o Sindicato. Esta campaña, iniciada o pasado 31 de agosto en Xinzo de Limia, seguirase desenvolvendo en varias comarcas galegas; o vindeiro día 20 está convocada unha nova concentración no Rexistro Civil de Betanzos ás 12:30h. Ademais, “a convocatoria vai acompañada da proposta dunha serie medidas ás formacións políticas presentes no concello, neste caso, de Vilalba”, explican desde o Sindicato Labrego. “As cousas van a peor en vez de ir a mellor, os custos de produción séguense disparando e os nosos produtos, neste caso, os becerros de tenreira galega suprema non se moven”, afirma o responsable do sector vacún de carne do Sindicato Labrego Galego Samuel Formoso. Socias do Sindicato Labrego Galego no momento da proposta das medidas “Nos estudos dos custes de produción da Xunta de Galicia, a través da Fundación Juana de Vega, os resultados que revelaron é que ninguén debería vender por debaixo de 6,20€ ou 6,30€, senón perdería cartos, e os prezos reais da tenreira galega suprema nestes meses sitúanse entre 4,80€ e 5,40€; estamos perdendo case 1€ en quilo, é insostible”, critica Samuel Formoso. Cómpre ter en conta que “quen fixo os estudos sobre os custes de produción tivo en conta as subvencións”, aclara.

En que consisten as medidas propostas polo Sindicato Labrego?

1. “Rectificación do Ministerio para a inclusión dos nosos becerros nas liñas das axudas”. “O Ministerio sacou unha liña de axudas, de 52 euros por vaca, aproximadamente, pero só se inclúen os becerros de cebadeiro, e aqueles que son criados de forma sostible con pasto, quedan fóra das axudas”, detalla Formoso. 2. “Compromiso da Xunta de incluír o pago anterior nas axudas complementarias que está anunciado estes días”, enuncia o responsable do sector vacún de carne. 3. “Crear métodos sinxelos e accesibles para o cálculo dos custes de produción”. “Isto débese a que se está dando a paradoxa de que os matadoiros e comercializadores da carne están esixíndolle aos gandeiros un contrato no que expón que eles producen por riba dese custe de produción cando non é real, pero se non firmas, non vendes”, enumera. 4. “Creación de mecanismos para diferenciar claramente a Tenreira Galega da Tenreira Galega Suprema”. “Nós non temos nada en contra da primeira categoría, simplemente queremos que se diferencie no mercado un produto do outro”, concreta. 5. “Creación dunha mesa sectorial con todos os axentes implicados, posto que se necesita comunicación coa Consellería e poder falar destas cousas”, detalla. 6. “Medidas para non seguir perdendo superficie agraria útil”, reclama. 7. “Queremos que se cubra o 100% dos danos provocados pola fauna salvaxe”, afirma. 8. “Normativa hixiénico-sanitaria que permita, dun xeito sinxelo ás granxas, facer venta directa; aínda que xa hai xente que está facendo pequenas cousas, a normativa só pon impedimentos. Que se volvan a reactivar a rede de pequenos matadoiros comarcais para que a xente poida vender máis sinxelamente, por exemplo”, destaca.

A Xunta anuncia unha partida de 17 millóns de euros para apoiar a gandería de carne

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai mobilizar máis de 17 millóns de euros en axudas directas para apoiar ao sector cárnico ante a actual crise de prezos, agravada pola guerra de Ucraína. Estes apoios son complementarios dos 11,8 millóns de euros xa comprometidos polo Ministerio para as explotacións galegas de vacún de carne, ovino, cabrún, avicultura e coellos. As explotacións galegas poderán solicitar ata o 15 de setembro o anticipo da axuda autonómica na súa entidade financieira, en virtude dunha orde publicada o 29 de xullo pola que a Consellería se facía cargo dos gastos financieiros derivados dos anticipos de axudas da PAC e de desenvolvemento rural. Unha vez recibida a petición, o banco consultará co Fondo Galego de Garantía Agraria a contía que lle corresponde á explotación e fará o correspondente ingreso. A convocatoria das axudas en sí chegará previsiblemente no 2023, segundo informa a Consellería, pero aquelas explotacións que soliciten un anticipo antes do 15 de setembro xa as percibirán previsiblemente este mesmo mes. Os datos anunciados pola Consellería apuntan a que unha explotación de vacas nodrizas percibirá ata 135 euros por vaca coa axuda autonómica. A esta cantidade haberá que sumar os arredor de 60 euros correspondentes á axuda do Ministerio de Agricultura. Do total de 17 millóns de euros das axudas autonómicas para o sector da carne, 14,6 millóns de euros corresponden ó vacún de carne e os restantes 2,4 millóns ó ovino, cabrún, avicultura e granxas de coellos. Rueda anunciou estes datos nunha visita que realizou esta mañá a unha explotación de vacún de carne de Trazo.