Archives

“A prevención é a arma máis importante na loita contra a mamite”

Luis Miguel Jiménez, veterinario especialista en control de mamite e calidade do leite Luis Miguel Jiménez, veterinario de Servet Talavera, é especialista en control de mamite e calidade do leite con máis de 30 anos de experiencia asesorando a explotacións lácteas en España e Portugal. É autor de traballos científicos e artigos de divulgación sobre mastite e relator habitual en foros nacionais e internacionais. Abordamos con el algunhas recomendacións para reducir a incidencia das inflamacións intramamarias a nivel de granxa. – Que é a mastite? – A mastite é unha reacción inflamatoria dos tecidos produtores e secretores da glándula mamaria. Esta reacción o máis normal é que se produza por unha infección, isto é, pola entrada dun microorganismo polo conduto do pezón, aínda que tamén pode ser consecuencia dun traumatismo. A reacción inflamatoria que se desencadea ten como obxectivo a eliminación dos microorganismos causantes da infección, para así reestablecer a función dos tecidos produtores de leite e, como consecuencia, a súa produción. – Cal é a diferenza entre as mastitis subclínicas e clínicas? – A mamite clínica prodúcese cando se observa como signo a alteración do leite. Diferenciamos 3 graos segundo a súa severidade:
  • Grao 1 ou leve, no cal soamente hai alteración do leite.
  • Grao 2 ou moderada, na que ademais da alteración do leite hai inflamación da glándula mamaria (un ou máis cuartos) e pode haber dor e calor.
  • Grao 3 ou severa (tamén denominada aguda), que ocorre cando ademais se observan outros signos como febre, deshidratación, falta de apetito etc.
Os casos de mastite clínica adoitan ser de curta duración se se instaura un tratamento eficaz. A diagnose faise polos cambios no leite e na glándula mamaria.
Os casos de mastite clínica adoitan ser de curta duración se se instaura un tratamento eficaz
A mastite subclínica é aquela na que non se observa ningunha alteración na secreción láctea. O ubre ou os cuartos por separado están aparentemente normais, pero existe unha infección. A diferenza da mastite clínica, a mastite subclínica adoita ser de maior duración. Se este proceso se alonga no tempo (meses ou mesmo unha lactación completa), a mastite subclínica denomínase crónica e en ocasións pode desencadear en episodios de mastite clínica intermitentes. Para a determinación da mastite subclínica necesítanse métodos de diagnóstico a carón da vaca como o Test de California, unha toma de mostras para determinar o reconto de células somáticas e por último un cultivo microbiolóxico para o illamento e identificación do xerme causante da mamite. – Que patóxenos poden causar mamite? – A mastite é unha enfermidade infecciosa causada por microorganismos como bacterias, micoplasmas, algas e fungos. Se diferenciamos entre mastite contaxiosa e mastite ambiental, a mastite contaxiosa está causada por patógenos cuxo reservorio principal é a glándula mamaria infectada. Entre os seus máximos expoñentes atópanse Staphylococcus aureus, Streptococcus agalactiae e Mycoplasma spp. A mastite contaxiosa transmítese de vaca a vaca durante o muxido.
Unha mala rutina de muxido pode provocar que as vacas se infecten de mastite
A mastite ambiental é aquela na que os patóxenos responsables se multiplican no ambiente onde se atopan as vacas: camas, feces, auga etc. As vacas inféctanse durante o muxido por unha mala rutina de manexo, ou en períodos entre muxidos. Como exemplo destes patóxenos temos os estreptococos ambientais como Streptococcus uberis e enterococos, as enterobacterias, como son Escherichia coli, Klebsiella pneumoniae, Serratia marcescens, Pseudomona aeruginosa, etc. Tamén existe outro microorganismo ambiental, unha alga unicelular denominada Prototheca zopfii cuxo reservorio son as feces infectadas e a auga. Por último, diferenciamos patóxenos oportunistas, que son habitantes da pel e os tetos e como o seu nome indica aproveitan calquera ocasión para entrar polo conduto do pezón. Neste grupo temos aos estafilococos coagulasa negativos. Existen ademais outros microorganismos como son Truperella pyogenes, especies de fungos como Candida albicans etc. – Que perdas económicas causa nunha explotación? – A importancia da mastite radica precisamente nas perdas económicas que ocasiona. As maiores perdas débense principalmente á baixada na produción de leite, desencadeada polos microorganismos que destrúen o tecido produtor. Estas perdas pódense calcular nun 66% do total das perdas. A continuación temos un aumento no risco de eliminación involuntaria que debemos facer de vacas que teñen mastite e que non teñen potencial produtivo. Para iso, debemos ter unha maior reposición de xovencas; isto calcúlase nun 22% do total das perdas.
A mastite provoca perdas en produción de leite, maior necesidade de xovencas de reposición, custos en tratamentos e traballo extra na granxa
O custo en tratamentos tanto dos casos de mastite clínica e subclínica, así como o custo en servizos veterinarios, supón un 6% do total das perdas. O leite descartado é outro motivo de perdas, xa que o leite das vacas con mastite clínica non pode ir ao tanque e por tanto non pode venderse á industria; ademais, o leite de vacas con mastite subclínica en ocasións tampouco pode venderse xa que existe o risco de poder perder primas no pago por calidade do leite. Este custo calcúlase nun 5% do total. Por último, existe un aspecto económico polo feito de ter mamites e é o traballo extra que se debe realizar xa que se deben separar vacas, tratalas, etc. Este custo pódese calcular nun 1% do total das perdas. – Como podemos previr a mastite? – A prevención é, sen dúbida, a arma máis importante na loita contra a mastite. Para iso debemos implementar un programa de Control de Mastite que debe constar dos diferentes puntos:
  • Correcta rutina de muxido, tanto en limpeza e desinfección como en estimulación para que se produza a baixada do leite e a vaca se muxa canto antes.
  • Control da máquina de muxido, para que non se lesionen os pezóns e para que o leite se extraia rapidamente; o contrario pode predispoñer a unha infección intramamaria.
  • Eliminación de vacas crónicas, xa que son o reservorio das infeccións.
  • Tratamento precoz de todos os casos de mastite clínica.
  • Tratamento de secado a aquelas vacas que tivesen mastite clínica e/o subclínica na lactación anterior.
  • Control do ambiente, máxima limpeza e hixiene na contorna da vaca e un bo deseño de instalacións minimizando o estrés.
  • Vacinación, co fin de aumentar o status inmunitario para que as vacas teñan máis resistencias ás infeccións intramamarias e que as mastites sexan máis leves.
  • Selección xenética, buscando animais con maior resistencia ás infeccións intramamarias.
– Que papel xoga a vacinación dentro das estratexias de prevención da mamite? – A prevención é o máis importante cando falamos da loita contra a mastite. A vacinación é unha ferramenta excelente para aumentar as defensas das vacas contra as infeccións intramamarias. Mediante a vacinación téntanse reducir os casos de mastite clínica e que estes casos sexan dunha menor gravidade, causando o mínimo efecto na glándula mamaria. Pódese previr incluso a morte dalgunha vaca con mastite colibacilar. Unha redución nos casos de mastite clínica redundará nun menor uso no consumo de antibióticos e, por tanto, nunha contribución ao espírito One Health.
A vacinación é unha ferramenta excelente para aumentar as defensas das vacas contra as infeccións intramamarias
– Contra que patóxenos prevén a vacina Mastivac? Prevén as mastite de verán? Que beneficio económico nos achegan o seu uso?Mastivac é unha vacina polivalente inactivada contra mastite. Na súa composición leva substancias activas de cepas de microorganismos como Staphylococcus aureus, Streptococcus agalactiae, Streptococcus uberis e de Escherichia coli. Un feito relevante é que leva incorporado Escherichia coli (cepa J5 ATCC 43745), este antíxeno J5 é un antíxeno común a todas as enterobacterias, por tanto, vai reducir as mastites causadas por enterobacterias e este feito convértea nunha ferramenta de control obrigatoria. Tamén pode previr a denominada mastite de verán, cuxo axente causal é Truperella pyogenes, e que afecta a vacas de carne en extensivo ou xovencas e vacas secas que saen ao pasto, podendo provocarlles a perda dun cuarto mamario.
O prezo da vacinación é insignificante, xa que as perdas por ter un só caso de mastite clínica na explotación equivalen ao custo de vacinar un rabaño de 100 vacas
O efecto económico da vacinación con Mastivac é inmediato. Débese a que as vacas vacinadas van ter unha maior resistencia ás mastites, as mamites clínicas que poidan ter van ser de menor gravidade e vai haber un efecto positivo na produción de leite, sendo maior a produción en vacas vacinadas. O custo da vacinación é insignificante xa que o custo de vacinar un rabaño de 100 vacas vai ser o mesmo que o que vai supoñer ter un só caso de mastite clínica na explotación.

“A intención do Ministerio é pasar a un programa nacional obrigatorio frente á IBR no 2025”

Un foro celebrado no CIAM de Mabegondo reuniu en xuño a especialistas do Ministerio de Agricultura, entre eles Elena García, e de distintas comunidades autónomas con veterinarios de ADSG e das oficinas agrarias comarcais A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) está amplamente estendida entre a cabana gandeira. A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, a situación en comunidades como Galicia dista moito de permitir a súa erradicación a curto prazo, mentres a nivel europeo países como Alemaña foron xa declarados libres de IBR. Ante esta realidade, o Ministerio de Agricultura pretende dar un paso adiante cun programa obrigatorio de control da enfermidade, o que implicará un maior esforzo por parte das ganderías. Elena García Villacieros, xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura, participou recentemente nunha xornada técnica organizada no CIAM de Mabegondo, onde avanzou algúns dos cambios que se aveciñan no control desta enfermidade.
Mediante o Real Decreto 554/2019 (modificado en 2021) creouse o actual programa voluntario de IBR en España
Neste momento en España non existe un plan nacional de control de IBR que especifique as probas de diagnóstico a utilizar, os pasos para seguir e obxectivos a acadar, a certificación das granxas e as condicións para a adquisición e mantemento das diferentes cualificacións. É dicir, cada comunidade autónoma pode desenvolver os seus propios programas. Unificar eses criterios é o obxectivo do Programa Nacional contra IBR que se prevé obrigatorio a partir de 2025. De programa voluntario a obrigatorio “A situación epidemiolóxica da enfermidade en España é endémica nas zonas de maior densidade de gando, cunha seroprevalencia en rabaños de carne e leite do 60% e entre o 25 e o 40% dos animais, aínda que a situación varía notablemente entre comunidades autónomas”, explica a xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura.
A enfermidade é endémica nas zonas de maior densidade de gando
“En Europa, países como Alemaña, Dinamarca, Suíza, Austria, Suecia, Noruega e Finlandia foron xa declaradas zonas libres de IBR. En España a día de hoxe o 90% das explotacións están encadradas na categoría IBR0, é dicir, non están a aplicar un programa de erradicación da enfermidade, pero queremos avanzar. É necesario baixar o nivel de prevalencia, porque unha vez presentemos o programa á Comisión Europea só hai 6 anos para declararse libres”, aclara Elena.
Unha vez presentado o programa nacional á Comisión Europea hai que lograr declararse libres en 6 anos
O Ministerio de Agricultura creou un Grupo de Traballo sobre IBR no que participan as comunidades autónomas e distintos axentes. “É moi importante a implicación do sector, porque sen esa implicación o programa non tería éxito, pero as organizacións do sector están de acordo”, asegura. Distintas velocidades O Ministerio prevé distintas velocidades para a consecución dos obxectivos que se fixen no novo Real Decreto en función da situación de cada comunidade autónoma e do nivel de prevalencia da enfermidade en cada zona. “O programa voluntario nalgúns casos non funcionou e temos o obrigatorio enriba. Andalucía, Galicia e País Vasco son as comunidades que van máis avanzadas no programa, pero non hai información noutras comunidades que non fixeron practicamente nada”, lamenta a responsable do Ministerio.
Algunhas comunidades van máis avanzadas que outras e poderán declararse libres de IBR antes, igual que ocorre coa tuberculose
Por iso, prevese que se unha comunidade avanza máis rápido que as demais poida declararse libre de IBR, do mesmo xeito que está a suceder agora con outras enfermidades como a tuberculose. Das 135.532 explotacións existentes en España (alta en REGA) hai cualificadas 104.883 ganderías, das que unhas 5.000 serían IBR4 (negativas a gE) e IBR4+ (negativas a gB). Delas, unhas 1.600 están en Galicia. Discrepancias na clasificación das explotacións Un dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é a unificación de criterios na clasificación das explotacións, xa que na actualidade utilízanse clasificacións diferentes nas distintas comunidades autónomas.
Galicia ten un gran número de explotacións cualificadas como IBR2 que o Ministerio clasifica como IBR0
“Temos que chamar ás cousas todos da mesma maneira e para iso deberán definirse uns requisitos comúns para encadrar a unha gandería nun ou outro nivel, sen perder a referencia da regulamentación europea”, indica Elena. Para ser cualificada como IBR4 a explotación non pode ter casos positivos nos últimos 12 meses nin ter vacinado a ningún animal nos últimos 2 anos. Estar declarada libre de IBR ten vantaxes para as ganderías á hora de comercializar os seus animais, xa que unha explotación IBR0 só poderá vender a outra explotación IBR0, mentres unha explotación IBR4 poderá vender o seu gando a ganderías encadradas en calquera categoría, coa vantaxe que isto supón á hora de comercializar animais, que alcanzarán un maior valor no mercado. Estratexia de vacinación Practicamente en todas as comunidades autónomas hai xa implantadas axudas para control fronte a IBR: 14 delas dan algún tipo de axuda para vixilancia da enfermidade e 6 comunidades subvencionan a vacinación. Con todo, existen discrepancias en canto ás estratexias de vacinación seguidas.
O Ministerio nunca creu en dar axudas ás vacinas, como fai Andalucía
“Nalgunhas rexións vacínanse todas as explotacións e noutras, como en Galicia, actúase en función da prevalencia, vacinando só as explotacións cunha prevalencia superior ao 10% medida no tanque de leite”, explica Elena, que avanza que “a idea do Ministerio é non subvencionar vacinas, senón a toma de mostras e os kits de diagnóstico”. Restrición de movementos A xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA recoñece que se detectaron algúns problemas e dificultades para a implementación dun Programa Nacional obrigatorio e recoñece que “quizais haxa que flexibilizar algunhas medidas no caso das explotacións pequenas”. “Vai haber problemas na restrición de movementos, pero non se estableceu aínda se se impedirá só vender para vida pero non enviar a matadoiro ou cebadeiro, ou se se inmobiliza a explotación para todo tipo de movementos”, indica.
Poida que sexa necesario establecer algunha transitoria para o movemento de animais, porque senón o impacto pode ser tremendo
“Poderían establecerse algunhas medidas con carácter transitorio en canto aos movementos entre explotacións, porque senón o impacto pode ser tremendo”, admite. Poderían tamén establecerse excepcións no caso de envío de animais desde ganderías IBR4 a centros de recría, onde habitualmente se vacina, e o seu posterior regreso á granxa de orixe, sen que esta perda por iso a condición de libre de IBR. É probable que se permitan tamén os movementos entre instalacións do mesmo propietario, como ocorre en porcino, onde existe tamén a figura das agrupacións de granxas, unha flexibilización pensada neste caso para ganderías que realizan a recría noutra nave distinta á de produción, algo cada vez máis habitual en explotacións lácteas a medida que van medrando. O exemplo de Aujeszky en porcino A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) ten semellanzas coa enfermidade de Aujeszky en porcino. Trátase tamén neste caso dunha infección viral altamente contaxiosa que afecta ao sistema nervioso central e produce afeccións respiratorias en porcos adultos. O seu control foi unha prioridade nos últimos anos para as autoridades sanitarias e a día de hoxe a maioría de granxas de porcino están libres desta enfermidade, polo que o exemplo de Aujeszky podería servir á hora de adoptar medidas contra IBR.
A través de medidas severas de bloqueo de granxas logrouse un control moi rápido da enfermidade de Aujeszky en porcos
En Aujeszky, por exemplo, logrouse un control moi rápido da enfermidade na cabana gandeira ao implicar o bloqueo da granxa tanto para venda como para compra de animais. Pero neste momento non está decidido se unha explotación IBR0, ademais de non vender, non poderá comprar tampouco animais. Por analoxía con Aujeszky en porcino, onde as explotacións clasificadas como nivel 0 non poden realizar ningún tipo de movemento de animais, as granxas non diagnosticadas ou con casos positivos a IBR poderían ter restricións severas.
Debido á restrición de movementos será necesaria unha maior autosuficiencia na recría
De feito, de aplicarse este mesmo criterio ao gando vacún afectado por IBR, moitas explotacións veríanse gravemente afectadas. No caso de ganderías lácteas, por exemplo, obrigaría a unha maior autosuficiencia na recría e implicaría tamén cambios na venda de tenreiros con destino a cebadeiros. As explotacións de carne, máis reticentes moitas veces á eliminación de animais positivos, veríanse afectadas nos seus movementos de gando, tanto na compra de machos para sementais ou becerras e xovencas de recría como na venda de animais para vida a outras explotacións. En principio, en explotacións positivas permitiríase unicamente a saída con destino a matadoiro ou cebadeiro. Abordaxe conxunta con DVD O Ministerio está a estudar unha posible abordaxe conxunta dentro do Programa Nacional contra IBR con outra enfermidade habitual nas ganderías: a Diarrea Vírica Bobina. “Se cadra é unha boa oportunidade para traballar conxuntamente en ámbalas dúas enfermidades”, opina Elena.
Pode ser unha boa oportunidade para empezar a traballar tamén en materia de Diarrea Vírica Bovina
“Aínda que o estipulado no novo Real Decreto para BVD quizais sexa máis de mínimos que no caso de IBR, se non empezamos agora con BVD vai pasar o mesmo que pasou coa IBR, porque xa hai países que están a empezar a aplicar programas oficiais contra BVD”, argumenta a xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA.

“O diagnóstico é complicado; tivemos problemas de falsos positivos”

Outro dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é definir a estratexia de diagnóstico. Como enfoque xeral acéptase que a infección polo virus IBR queda confirmada por un resultado serolóxico positivo. “Por tanto, a proba de Enzimoinmunoanálise (ELISA) pódese considerar suficiente”, asegura Azucena Sánchez Sánchez, xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria, situado en Algete (Madrid), que foi designado en 2019 Laboratorio Nacional de Referencia, tratando con iso de harmonizar os métodos diagnósticos e resultados.
A proba de Seroneutralización (SN) é menos sensible que a ELISA e úsase para confirmación de positivos en animais non vacinados
“Tivemos un problema de falsos positivos cun determinado kit de diagnóstico (ELISA gE de INGENASA), que é o adquirido polo Ministerio para distribuír entre os laboratorios de referencia das comunidades autónomas. Por iso, cando hai dúbidas faise un segundo test con outro kit doutra casa comercial”, explica. Mellora dos kits comerciais Estes kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a algunhas comunidades autónomas, como Galicia ou País Vasco, que optaron polo kit de IDEXX. Desde o Laboratorio Central de Veterinaria estívose traballando conxuntamente coa casa fabricante para mellorar a especificidade destes test, primeiro co punto de corte e despois co diluínte e Azucena asegura que “o test actual é moito mellor que o de fai 3 ou 4 anos”.
Os kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a comunidades autónomas como Galicia ou o País Vasco
O protocolo de actuación ante falsos positivos establece que en explotacións con historial negativo no que aparece un animal positivo realízase un segundo test de confirmación con outro kit comercial e en caso de non obter resultados concluíntes repítese a proba aos 28 días, ante o temor a posibles reaccións cruzadas co herpesvirus tipo 2, que podería interferir nos resultados. Entre as funcións do Laboratorio de Algete está precisamente a de confirmar os resultados positivos ou dubidosos obtidos polos laboratorios oficiais das comunidades autónomas. “A toma de mostras adecuada é o primeiro paso fundamental para facer un diagnóstico adecuado. Recomendamos conxelar e desconxelar as mostras, non analizalas ata que pasen 24-48 horas trala recollida e separar a mostraxe da vacinación de IBR polo menos 4 semanas”, explica.
En caso de dúbida, o indicado é realizar unha nova toma de mostras
En determinadas circunstancias é difícil acometer o sangrado de todos os animais. “Ás veces atopámonos con problemas para facer os tests á baixada de animais dos pastos comunais, porque todos os animais baixan á vez e faise inviable poder realizalos todos. Haberá que flexibilizar as datas”, recoñece. Prohibición das vacinas non marcadas O test ELISA é a técnica recomendada para a detección de resposta inmunitaria porque a técnica de seroneutralización (SN) non permite diferenciar entre animais vacinados e infectados.
A proba de Seroneutralización (SN) non permite discriminar entre anticorpos vacunais e de infección
Por esa razón, desde decembro de 2019 prohibíronse as vacinas non marcadas e todos os animais vacinados antes desta data con vacina convencional tiveron unha moratoria de 4 anos para someterse ás probas oficiais, que finaliza este ano. “En outubro de 2023 finaliza o prazo para eliminar da mostraxe os animais vacinados e pensamos que iso pode supoñer un problema”, asegura xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria. Brotes asintomáticos As vacinas marcadas, utilizadas actualmente, permiten diferenciar nas probas realizadas ao gando os casos positivos que se deben ao virus dos que se deben á vacina. Con todo, vacinar non é a solución definitiva, xa que non evita por completo o risco de contaxio, aínda que no caso de que ese animal se infecte e desenvolva a enfermidade excretará menos virus, polo que o risco de diseminación do virus a outros animais da explotación diminúe.
Só a eliminación dos animais positivos garante que non se disemine a enfermidade pola explotación
Unha vez contaxiado o virus, o período de incubación é curto, entre 2 e 4 días, e a profilaxe lógrase co sacrificio dos animais positivos e a vacinación dos que estivesen en contacto con eles. En moitas granxas están a detectarse actualmente brotes asintomáticos, debido a que un animal que é seropositivo cada vez que nel se reactoiva o virus responde de forma asintomática, é dicir, non existe tose nin lagrimexo, aínda que está diseminando igualmente a enfermidade.

A Xunta pide a colaboración dos gandeiros na campaña de vacinación contra a lingua azul

Tras a declaración de catro focos de lingua azul en Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde se detectaron dous animais coa enfermidade nunha mesma explotación-, a Xunta lembra que está a levar a cabo unha campaña de vacinación preventiva nas áreas de restrición establecidas -as provincias de Ourense e Pontevedra e as comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, no sur de Lugo-, “totalmente gratuíta para os gandeiros e obrigatoria de cara a garantir o movemento de animais cando remate a época libre dos vectores transmisores da doenza”. Así, nesas zonas é obrigatoria a vacinación de todos os animais das especies bovina e ovina de máis de tres meses de idade, “sendo esta a ferramenta máis efectiva para o control do avance da enfermidade e a súa erradicación”. Nese senso, dende Medio Rural lembran que “a vacinación será requisito imprescindible para poder realizar movementos de animais cando remate o período libre de circulación dos mosquitos Culicoides transmisores da enfermidade, previsiblemente a finais de abril, xa que nese momento só se poderá autorizar o movemento de animais dende a área de restrición se proceden de explotacións vacinadas, sendo necesario que os animais de máis de catro meses estean vacinados, ou se son animais menores desa idade, que procedan de nais vacinadas”. Deste xeito, a Xunta apela á colaboración dos gandeiros na campaña de vacinación preventiva que se está a realizar, na que a Consellería do Medio Rural se fai cargo tanto do custo das vacinas como da súa aplicación. Neste sentido, dende a Xunta subliña n que “a vacinación de animais non implica en absoluto a inmobilización preventiva das explotacións de gando bovino ou ovino, senón todo o contrario: é a garantía de movemento sen maiores requirimentos, unha vez entremos no período de circulación do mosquito transmisor”. Ademáis, lembran que “a vacina que se está utilizando na campaña é un produto que vén sendo empregado tamén noutras comunidades autónomas e países da Unión Europea e que está rexistrado e autorizado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps), o que implica que foi sometido a todos os controis preceptivos de seguridade de uso antes de autorizar a súa comercialización”. “Segundo a propia ficha técnica, a vacina pode usarse durante a xestación e a lactación, e non hai que respectar ningún tempo de espera para o consumo dos produtos obtidos dos animais”, explican.

Un novo estudo ratifica a vacina de MSD Animal contra a diarrea neonatal como a máis completa

Un novo estudo publicado na revista científica internacional Animals demostra que a vacina Bovilis Rotavec Coroa, de MSD Animal Health, proporciona a resposta inmunitaria específica máis completa e equilibrada.

O artigo, de acceso público e titulado The Specific Immune Response after Vaccination against Neonatal Calf Diarrhoea Differs between Apparent Similar Vaccines in a Case Study, compara os resultados de Bovilis® Rotavec® Coroa, de MSD Animal Health, con outra vacina comercial, ámbalas dúas con dose única en primovacinación. O estudo levouse a cabo nunha granxa de vacún leiteiro de Galicia.

“Os resultados do estudo poñen de manifesto como a vacinación das nais no último terzo de xestación é unha ferramenta excelente para incrementar a inmunidade específica fronte aos principais axentes infecciosos e a súa transferencia de forma pasiva aos tenreiros a través do calostro”, explican dende MSD Animal Health. Entre as principais causas infecciosas de diarrea neonatal atopamos frecuentemente Escherichia coli, coronavirus ou rotavirus en infección pura ou mixta, e existen diferentes vacinas comerciais dispoñibles para a súa prevención.

Ademais, evidencia como a resposta obtida varía en gran medida entre vacinas. Bovilis® Rotavec® Coroa (MSD Animal Health) incrementou a resposta inmune de forma significativa fronte a coronavirus e E. coli, en comparación á outra vacina do estudo, tanto no calostro e leite de transición, como no soro dos tenreiros encalostrados.

Como conclusión, o estudo demostra que Bovilis® Rotavec® Coroa (MSD Animal Health) induce unha resposta inmune máis robusta e equilibrada fronte aos tres axentes (rotavirus, coronavirus e E. coli), o que resulta de gran interese de cara á protección dos tenreiros, sobre todo tendo en conta o frecuentes que son as infeccións mixtas nos casos de diarrea neonatal en granxa.

Este estudo foi realizado por Román González (Veterinario de SAT Prolesa), Laura Elvira e Carlos Carbonell (Equipo Técnico de Rumiantes de MSD Animal Health), Geert Vertenten (MSD Animal Health) e Lorenzo Frade (Departamento de Produción Animal, Universidade de Lleida).

-Accede aquí ao estudo completo.