Archives

Hoxe comeza a nova campaña de vacinación gratuíta fronte á lingua azul para o gando bovino e ovino

A Consellería do Medio Rural pon en marcha hoxe martes, 2 de xaneiro, unha nova campaña de vacinación gratuíta á lingua azul destinada ao gando bovino e ovino de toda Galicia. A campaña arrancará nas explotacións das zonas restrinxidas desta enfermidade, declaradas no mes de novembro. Un mes despois iniciarase tamén a campaña do 2024 na zona restrinxida en febreiro de 2023, que xa foi vacinada neste ano. Deste xeito, as primeiras áreas que recibirán a vacina corresponden á provincia da Coruña e ás comarcas veterinarias da Mariña Central, A Mariña Oriental, A Mariña Occidental, Terra Chá Guitiriz, Terra Chá Castro, Terra Chá Vilalba, Meira, Lugo, A Ulloa, Os Ancares e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. A campaña comezará en Santa Comba e Mazaricos, na Coruña; e na Pastoriza, Portomarín e Barreiros, en Lugo. Na segunda fase, revacinaranse os animais das provincias de Ourense e Pontevedra, e das comarcas Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, en Lugo. Neste caso, ademais de realizarse a revacinación dos animais, vacinaranse tamén por primeira vez aos animais que estean sen facelo, por ter nado con posterioridade ás visitas efectuados polo persoal de vacinación ou por ser incorporados dende a zona libre. A Xunta recorda a importancia de realizar a vacinación, ben a través do servizo público, ben acudindo aos servizos de persoal veterinario libre ou das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), antes de que comece a época do vector. A finalidade é ter protexidos aos animais e evitar a difusión da enfermidade, por un lado, e que as explotacións non se vexan afectadas nos movementos dos seus animais, por outro. Dende a Consellería indican que as persoas gandeiras que o desexen poden recorrer aos servizos de persoal veterinario libre ou ás ADSG, tanto para vacinar a explotación completa como para facelo posteriormente cos animais nados trala a vacinación en saba. Neste caso, cómpre sinalar que a Xunta autorizou para realizar dita vacinación a todo o persoal veterinario que o solicitou e que a Medio Rural entregará gratuitamente a vacina a ese persoal.

“A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica provoca perdas moi elevadas en gando vacún e só se poderá controlar se conseguimos unha vacina”

A investigadora Eva Calvo Pinilla. Foto: Cedida O virus da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) expandiuse este ano por España, provocando importantes perdas económicas nas gandarías de vacún. De momento as administracións parecen mirar para outro lado, tanto á hora de establecer axudas económicas para paliar os danos, como á hora de destinar fondos a investigación para lograr unha vacina que permita controlar esta enfermidade. Falamos con Eva Calvo Pinilla, investigadora do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA) INIA-CSIC e unha das maiores expertas no estudo do virus que provoca a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). -Es investigadora no Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA-INIA/CSIC) e na túa carreira investigadora tela ido especializando, entre outras áreas, en vacinas fronte a virus en animais. Que che atraeu desta liña de investigación? Sempre me interesou a microbioloxía en xeral e especialmente o mundo dos virus. Existen moitas enfermidades víricas que afectan a animais para as que aínda non existe profilaxe e é fundamental investigar neste sentido para poder deseñar correctamente vacinas recombinantes que sexan eficaces e seguras. Ademais, é dabondo coñecido que moitos virus animais poden evolucionar e converterse en zoonoses, contaxiando tamén aos humanos. -Recentemente participaches nunha xornada de ANEMBE sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), que chegou a España e que está a afectar especialmente a gando vacún. De onde procede esta enfermidade e por que se expandiu a tanta velocidade? A enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está causada por un virus, o VEHE, que pertence ao xénero Orbivirus e transmítese por insectos Culicoides. A distribución do VEHE é global, illouse por primeira vez en Estados Unidos en 1955, e actualmente está presente en rexións do Norte, Centro e Sur de América, así como en Asia, África e Australia. Hai un ano apareceu por primeira vez en Europa, primeiro en Sicilia e Sardeña e despois no sur de España. A presenza deste virus noutros países da conca mediterránea facía sospeitar que un día puidese chegar a Europa. Os primeiros focos en España en novembro de 2022 non se estenderon amplamente porque estaba a terminar o período de maior actividade destes insectos hematófagos, que se alimentan do sangue. Pero desde xuño de 2023 houbo unha expansión masiva pola península ibérica chegando tamén a Francia. A rápida expansión do virus débese principalmente á gran distribución dos vectores artrópodos xa que diferentes especies de Culicoides son capaces de transmitir o virus e están presentes en Europa. Ademais, estes insectos poden viaxar longas distancias en moi pouco tempo e o seu control é moi complicado nas granxas debido ao seu pequeno tamaño. -Pola información da que dispomos, tanto en España, como nos países nos que a EHE é máis endémica, ¿trátase dunha enfermidade grave para a saúde do gando vacún? Cal é a taxa de mortalidade e a que animais afecta máis? Ao comezo da pandemia descoñecíase cal ía ser o impacto deste virus, xa que non todos illados do mesmo producen a mesma patoloxía. Neste caso, VEHE de serotipo 8 (mesmo illado que o de Tunes en 2021), está a producir unha enfermidade que pode chegar a ser grave nalgúns bovinos, aínda que non en todos os animais infectados. Produce signos clínicos similares aos producidos polo virus da lingua azul, como febre, inapetencia, cianose e edema da lingua, conxuntivite, redución de leite, coxeira entre outros. Adoitan durar unhas 2-3 semanas, producindo grandes perdas económicas.
“Noutras epidemias a nivel global a letalidade en bovinos foi en torno ao 1-5%, e as perdas económicas moi elevadas”
É moi difícil coñecer cal está a ser a mortalidade en gando vacún, porque realmente non se sabe cantos animais foron infectados ao non facerse probas de diagnóstico a todas as cabanas. Pero o que si é seguro é hai un aumento significativo na mortalidade dos animais naquelas granxas infectadas, e estanse rexistrando máis abortos e malformacións fetais. Noutras epidemias a nivel global a letalidade en bovinos foi en torno ao 1-5%, e as perdas económicas moi elevadas debidas á morbilidade producida por esta enfermidade vírica. Os cervos tamén se ven afectados por esta enfermidade. O mesmo ocorre cos cervos, non se pode asegurar que porcentaxe de animais morreron debido á doenza até o momento debido á falta de datos, aínda que o virus si está a producir mortalidade nalgúns casos detectados. Pola contra, ovellas e cabras son asintomáticas, aínda que o virus replica nestas especies polo que poden ser un reservorio importante. -Como afecta ao sistema inmunitario dos animais infectados? Que vías existen para mellorar a resposta inmune da animal fronte ao EHE? Este virus infecta a diferentes tipos celulares dentro do organismo. Replica nas células do endotelio vascular polo que produce moitos síntomas e lesións relacionadas. Ademais, o VEHE infecta células dendríticas, macrófagos e linfocitos producindo unha inmunosupresión importante no animal. Se o virus infecta a un animal cuxo sistema inmune está debilitado por outra condición, os efectos do VEHE van ser peores. Isto pode ocorrer en vacas preñadas, animais recentemente nados ou calquera outro animal que teña outra infección. Para mellorar o sistema inmune dos animais o único que se pode facer é manter boas condicións de hixiene e alimentación, e vacinar fronte a patóxenos dos que si exista vacina comercial. -Son efectivas as medidas de prevención, cales? As medidas de prevención son tentar controlar a poboación de Culicoides así como o movemento de animais. Á vista da expansión deste virus por todo o país, estas medidas non foron suficientes. De forma similar ocorreu a nivel mundial co virus da lingua azul, moi próximo ao VEHE e que tamén afecta a rumiantes, cuxo control só se conseguiu mellorar co emprego de vacinas. -Recentemente ANEMBE emitiu un comunicado no que advertía da que a única vía efectiva para atallar a EHE en España é, precisamente, a través dunha vacina. Non existen neste momento no mercado vacinas fronte a esta patoloxía, por que? En España ou Europa non existe ningunha vacina comercializada fronte a este virus.  Existe vacina comercial en Xapón fronte ao serotipo que hai alí e vacinas autóxenas en EEUU. Ningunha destas vacinas sería efectiva fronte ao serotipo 8 do virus que está presente en Europa, xa que existe pouca reactividade cruzada entre serotipos. -Cal considera que sería o tipo de vacina máis efectivo para facer fronte a esta enfermidade? Cal seria o prazo razoable para dispor dunha vacina en España? As vacinas máis efectivas e seguras son as vacinas recombinantes ou de nova xeración, que inducen respostas humorais e celulares similares ás dunha infección natural, pero sen provocar ningún risco no animal. Ademais, se se deseñan con antíxenos conservados, poden protexer fronte a diferentes serotipos. O desenvolvemento deste tipo de vacina leva máis tempo que unha vacina inactivada, que tamén pode ser efectiva, aínda que non teñen tantas vantaxes como as recombinantes e produce unha inmunidade a curto prazo. Se houbese financiamento respecto diso, o prazo razoable para dispor dunha vacina inactivada no laboratorio cunha produción a pequena escala sería aproximadamente dun ano. É necesaria a colaboración cunha empresa para producir calquera tipo de vacina a gran escala. -Cal debería ser a taxa mínima de efectividade para aprobar a vacina? Se non me equivoco, non sempre se establece a mesma porcentaxe mínima de efectividade para aprobar unha vacina, depende de cada análise de risco. Pero a rasgos xerais, unha porcentaxe de efectividade do 70% é bastante aceptable. É importante que a vacina induza unha protección clínica fronte á enfermidade e que evite a transmisión do virus polos vectores artrópodos. -Como centro de referencia neste campo, desde as Administracións públicas ou desde empresas puxéronse en contacto co CISA-INIA/CSIC para desenvolver unha vacina? Non. Aínda que empezamos a traballar con VEHE o ano pasado iniciando o deseño de secuencias xenómicas para incluír nas nosas vacinas, só conseguimos un pequeno financiamento recentemente da Unión Europea para desenvolver unha vacina recombinante. O noso laboratorio do CISA-INIA-CSIC traballa no estudo de orbivirus relacionados e temos unha ampla experiencia en vacinas recombinantes fronte ao virus da lingua azul e o virus da peste equina. Ademais, os nosos prototipos están dirixidos a unha protección multiserotipo xa que os virus deste xénero teñen diferentes serotipos de cada un deles. Equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA) INIA-CSIC. Foto: Cedida -Que estratexias de vacinación consideras que se deberían seguir no caso da EHE? O máis rápido sería desenvolver unha vacina inactivada. Aínda que son específicas de serotipo, a súa comercialización levaría menos tempo que unha vacina recombinante. Na actualidade, empréganse vacinas inactivadas para o virus da lingua azul, sendo varias empresas as que comercializan esas vacinas en España. Na miña opinión sería factible que empresas do sector puidesen producir vacinas inactivadas para VEHE. Sería recomendable a vacinación fronte a serotipo 8, e non perder de vista a produción dunha vacina fronte a serotipo 6, que está presente no norte de África e podería chegar á península ibérica nalgún momento. Ademais, sería moi bo conseguir unha vacina recombinante multiserotipo a medio prazo, desa maneira os animais estarían protexidos fronte a todos os serotipos do virus.

“A intención do Ministerio é pasar a un programa nacional obrigatorio frente á IBR no 2025”

Un foro celebrado no CIAM de Mabegondo reuniu en xuño a especialistas do Ministerio de Agricultura, entre eles Elena García, e de distintas comunidades autónomas con veterinarios de ADSG e das oficinas agrarias comarcais A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) está amplamente estendida entre a cabana gandeira. A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, a situación en comunidades como Galicia dista moito de permitir a súa erradicación a curto prazo, mentres a nivel europeo países como Alemaña foron xa declarados libres de IBR. Ante esta realidade, o Ministerio de Agricultura pretende dar un paso adiante cun programa obrigatorio de control da enfermidade, o que implicará un maior esforzo por parte das ganderías. Elena García Villacieros, xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura, participou recentemente nunha xornada técnica organizada no CIAM de Mabegondo, onde avanzou algúns dos cambios que se aveciñan no control desta enfermidade.
Mediante o Real Decreto 554/2019 (modificado en 2021) creouse o actual programa voluntario de IBR en España
Neste momento en España non existe un plan nacional de control de IBR que especifique as probas de diagnóstico a utilizar, os pasos para seguir e obxectivos a acadar, a certificación das granxas e as condicións para a adquisición e mantemento das diferentes cualificacións. É dicir, cada comunidade autónoma pode desenvolver os seus propios programas. Unificar eses criterios é o obxectivo do Programa Nacional contra IBR que se prevé obrigatorio a partir de 2025. De programa voluntario a obrigatorio “A situación epidemiolóxica da enfermidade en España é endémica nas zonas de maior densidade de gando, cunha seroprevalencia en rabaños de carne e leite do 60% e entre o 25 e o 40% dos animais, aínda que a situación varía notablemente entre comunidades autónomas”, explica a xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura.
A enfermidade é endémica nas zonas de maior densidade de gando
“En Europa, países como Alemaña, Dinamarca, Suíza, Austria, Suecia, Noruega e Finlandia foron xa declaradas zonas libres de IBR. En España a día de hoxe o 90% das explotacións están encadradas na categoría IBR0, é dicir, non están a aplicar un programa de erradicación da enfermidade, pero queremos avanzar. É necesario baixar o nivel de prevalencia, porque unha vez presentemos o programa á Comisión Europea só hai 6 anos para declararse libres”, aclara Elena.
Unha vez presentado o programa nacional á Comisión Europea hai que lograr declararse libres en 6 anos
O Ministerio de Agricultura creou un Grupo de Traballo sobre IBR no que participan as comunidades autónomas e distintos axentes. “É moi importante a implicación do sector, porque sen esa implicación o programa non tería éxito, pero as organizacións do sector están de acordo”, asegura. Distintas velocidades O Ministerio prevé distintas velocidades para a consecución dos obxectivos que se fixen no novo Real Decreto en función da situación de cada comunidade autónoma e do nivel de prevalencia da enfermidade en cada zona. “O programa voluntario nalgúns casos non funcionou e temos o obrigatorio enriba. Andalucía, Galicia e País Vasco son as comunidades que van máis avanzadas no programa, pero non hai información noutras comunidades que non fixeron practicamente nada”, lamenta a responsable do Ministerio.
Algunhas comunidades van máis avanzadas que outras e poderán declararse libres de IBR antes, igual que ocorre coa tuberculose
Por iso, prevese que se unha comunidade avanza máis rápido que as demais poida declararse libre de IBR, do mesmo xeito que está a suceder agora con outras enfermidades como a tuberculose. Das 135.532 explotacións existentes en España (alta en REGA) hai cualificadas 104.883 ganderías, das que unhas 5.000 serían IBR4 (negativas a gE) e IBR4+ (negativas a gB). Delas, unhas 1.600 están en Galicia. Discrepancias na clasificación das explotacións Un dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é a unificación de criterios na clasificación das explotacións, xa que na actualidade utilízanse clasificacións diferentes nas distintas comunidades autónomas.
Galicia ten un gran número de explotacións cualificadas como IBR2 que o Ministerio clasifica como IBR0
“Temos que chamar ás cousas todos da mesma maneira e para iso deberán definirse uns requisitos comúns para encadrar a unha gandería nun ou outro nivel, sen perder a referencia da regulamentación europea”, indica Elena. Para ser cualificada como IBR4 a explotación non pode ter casos positivos nos últimos 12 meses nin ter vacinado a ningún animal nos últimos 2 anos. Estar declarada libre de IBR ten vantaxes para as ganderías á hora de comercializar os seus animais, xa que unha explotación IBR0 só poderá vender a outra explotación IBR0, mentres unha explotación IBR4 poderá vender o seu gando a ganderías encadradas en calquera categoría, coa vantaxe que isto supón á hora de comercializar animais, que alcanzarán un maior valor no mercado. Estratexia de vacinación Practicamente en todas as comunidades autónomas hai xa implantadas axudas para control fronte a IBR: 14 delas dan algún tipo de axuda para vixilancia da enfermidade e 6 comunidades subvencionan a vacinación. Con todo, existen discrepancias en canto ás estratexias de vacinación seguidas.
O Ministerio nunca creu en dar axudas ás vacinas, como fai Andalucía
“Nalgunhas rexións vacínanse todas as explotacións e noutras, como en Galicia, actúase en función da prevalencia, vacinando só as explotacións cunha prevalencia superior ao 10% medida no tanque de leite”, explica Elena, que avanza que “a idea do Ministerio é non subvencionar vacinas, senón a toma de mostras e os kits de diagnóstico”. Restrición de movementos A xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA recoñece que se detectaron algúns problemas e dificultades para a implementación dun Programa Nacional obrigatorio e recoñece que “quizais haxa que flexibilizar algunhas medidas no caso das explotacións pequenas”. “Vai haber problemas na restrición de movementos, pero non se estableceu aínda se se impedirá só vender para vida pero non enviar a matadoiro ou cebadeiro, ou se se inmobiliza a explotación para todo tipo de movementos”, indica.
Poida que sexa necesario establecer algunha transitoria para o movemento de animais, porque senón o impacto pode ser tremendo
“Poderían establecerse algunhas medidas con carácter transitorio en canto aos movementos entre explotacións, porque senón o impacto pode ser tremendo”, admite. Poderían tamén establecerse excepcións no caso de envío de animais desde ganderías IBR4 a centros de recría, onde habitualmente se vacina, e o seu posterior regreso á granxa de orixe, sen que esta perda por iso a condición de libre de IBR. É probable que se permitan tamén os movementos entre instalacións do mesmo propietario, como ocorre en porcino, onde existe tamén a figura das agrupacións de granxas, unha flexibilización pensada neste caso para ganderías que realizan a recría noutra nave distinta á de produción, algo cada vez máis habitual en explotacións lácteas a medida que van medrando. O exemplo de Aujeszky en porcino A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) ten semellanzas coa enfermidade de Aujeszky en porcino. Trátase tamén neste caso dunha infección viral altamente contaxiosa que afecta ao sistema nervioso central e produce afeccións respiratorias en porcos adultos. O seu control foi unha prioridade nos últimos anos para as autoridades sanitarias e a día de hoxe a maioría de granxas de porcino están libres desta enfermidade, polo que o exemplo de Aujeszky podería servir á hora de adoptar medidas contra IBR.
A través de medidas severas de bloqueo de granxas logrouse un control moi rápido da enfermidade de Aujeszky en porcos
En Aujeszky, por exemplo, logrouse un control moi rápido da enfermidade na cabana gandeira ao implicar o bloqueo da granxa tanto para venda como para compra de animais. Pero neste momento non está decidido se unha explotación IBR0, ademais de non vender, non poderá comprar tampouco animais. Por analoxía con Aujeszky en porcino, onde as explotacións clasificadas como nivel 0 non poden realizar ningún tipo de movemento de animais, as granxas non diagnosticadas ou con casos positivos a IBR poderían ter restricións severas.
Debido á restrición de movementos será necesaria unha maior autosuficiencia na recría
De feito, de aplicarse este mesmo criterio ao gando vacún afectado por IBR, moitas explotacións veríanse gravemente afectadas. No caso de ganderías lácteas, por exemplo, obrigaría a unha maior autosuficiencia na recría e implicaría tamén cambios na venda de tenreiros con destino a cebadeiros. As explotacións de carne, máis reticentes moitas veces á eliminación de animais positivos, veríanse afectadas nos seus movementos de gando, tanto na compra de machos para sementais ou becerras e xovencas de recría como na venda de animais para vida a outras explotacións. En principio, en explotacións positivas permitiríase unicamente a saída con destino a matadoiro ou cebadeiro. Abordaxe conxunta con DVD O Ministerio está a estudar unha posible abordaxe conxunta dentro do Programa Nacional contra IBR con outra enfermidade habitual nas ganderías: a Diarrea Vírica Bobina. “Se cadra é unha boa oportunidade para traballar conxuntamente en ámbalas dúas enfermidades”, opina Elena.
Pode ser unha boa oportunidade para empezar a traballar tamén en materia de Diarrea Vírica Bovina
“Aínda que o estipulado no novo Real Decreto para BVD quizais sexa máis de mínimos que no caso de IBR, se non empezamos agora con BVD vai pasar o mesmo que pasou coa IBR, porque xa hai países que están a empezar a aplicar programas oficiais contra BVD”, argumenta a xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA.

“O diagnóstico é complicado; tivemos problemas de falsos positivos”

Outro dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é definir a estratexia de diagnóstico. Como enfoque xeral acéptase que a infección polo virus IBR queda confirmada por un resultado serolóxico positivo. “Por tanto, a proba de Enzimoinmunoanálise (ELISA) pódese considerar suficiente”, asegura Azucena Sánchez Sánchez, xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria, situado en Algete (Madrid), que foi designado en 2019 Laboratorio Nacional de Referencia, tratando con iso de harmonizar os métodos diagnósticos e resultados.
A proba de Seroneutralización (SN) é menos sensible que a ELISA e úsase para confirmación de positivos en animais non vacinados
“Tivemos un problema de falsos positivos cun determinado kit de diagnóstico (ELISA gE de INGENASA), que é o adquirido polo Ministerio para distribuír entre os laboratorios de referencia das comunidades autónomas. Por iso, cando hai dúbidas faise un segundo test con outro kit doutra casa comercial”, explica. Mellora dos kits comerciais Estes kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a algunhas comunidades autónomas, como Galicia ou País Vasco, que optaron polo kit de IDEXX. Desde o Laboratorio Central de Veterinaria estívose traballando conxuntamente coa casa fabricante para mellorar a especificidade destes test, primeiro co punto de corte e despois co diluínte e Azucena asegura que “o test actual é moito mellor que o de fai 3 ou 4 anos”.
Os kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a comunidades autónomas como Galicia ou o País Vasco
O protocolo de actuación ante falsos positivos establece que en explotacións con historial negativo no que aparece un animal positivo realízase un segundo test de confirmación con outro kit comercial e en caso de non obter resultados concluíntes repítese a proba aos 28 días, ante o temor a posibles reaccións cruzadas co herpesvirus tipo 2, que podería interferir nos resultados. Entre as funcións do Laboratorio de Algete está precisamente a de confirmar os resultados positivos ou dubidosos obtidos polos laboratorios oficiais das comunidades autónomas. “A toma de mostras adecuada é o primeiro paso fundamental para facer un diagnóstico adecuado. Recomendamos conxelar e desconxelar as mostras, non analizalas ata que pasen 24-48 horas trala recollida e separar a mostraxe da vacinación de IBR polo menos 4 semanas”, explica.
En caso de dúbida, o indicado é realizar unha nova toma de mostras
En determinadas circunstancias é difícil acometer o sangrado de todos os animais. “Ás veces atopámonos con problemas para facer os tests á baixada de animais dos pastos comunais, porque todos os animais baixan á vez e faise inviable poder realizalos todos. Haberá que flexibilizar as datas”, recoñece. Prohibición das vacinas non marcadas O test ELISA é a técnica recomendada para a detección de resposta inmunitaria porque a técnica de seroneutralización (SN) non permite diferenciar entre animais vacinados e infectados.
A proba de Seroneutralización (SN) non permite discriminar entre anticorpos vacunais e de infección
Por esa razón, desde decembro de 2019 prohibíronse as vacinas non marcadas e todos os animais vacinados antes desta data con vacina convencional tiveron unha moratoria de 4 anos para someterse ás probas oficiais, que finaliza este ano. “En outubro de 2023 finaliza o prazo para eliminar da mostraxe os animais vacinados e pensamos que iso pode supoñer un problema”, asegura xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria. Brotes asintomáticos As vacinas marcadas, utilizadas actualmente, permiten diferenciar nas probas realizadas ao gando os casos positivos que se deben ao virus dos que se deben á vacina. Con todo, vacinar non é a solución definitiva, xa que non evita por completo o risco de contaxio, aínda que no caso de que ese animal se infecte e desenvolva a enfermidade excretará menos virus, polo que o risco de diseminación do virus a outros animais da explotación diminúe.
Só a eliminación dos animais positivos garante que non se disemine a enfermidade pola explotación
Unha vez contaxiado o virus, o período de incubación é curto, entre 2 e 4 días, e a profilaxe lógrase co sacrificio dos animais positivos e a vacinación dos que estivesen en contacto con eles. En moitas granxas están a detectarse actualmente brotes asintomáticos, debido a que un animal que é seropositivo cada vez que nel se reactoiva o virus responde de forma asintomática, é dicir, non existe tose nin lagrimexo, aínda que está diseminando igualmente a enfermidade.

Puntos de mellora na vacinación do gando vacún

Todos os seres vivos presentan un sistema inmune de defensa fronte aos organismos extraños (virus, bacterias ou parásitos) co obxectivo de evitar ser invadido e enfermar, o que é esencial para sobrevivir. O sistema inmune consta de tres mecanismos principais: 1. Barreiras físicas que tratan de evitar a entrada dos patóxenos no organismo (pel, moco, microbiota, etc.) 2. Sistema innato que proporciona unha protección rápida inicial inespecífica. A inflamación é un dos principais mecanismos 3. Sistema adquirido que proporciona unha inmunidade específica e única fronte a cada patóxeno pero que tarda unhas semanas en desenvolverse. Cada vez que se expón a un novo microorganismo, vai aprendendo e xerando memoria a través de anticorpos e linfocitos. Isto permite que a segunda vez que un mesmo patóxeno tente invadir o organismo, a resposta defensiva específica sexa moito máis rápida e eficaz. A vacinación é o principal mecanismo que posúe o medicamento veterinario para ensinar ao sistema inmune adquirido a defenderse fronte a enfermidades tan comúns como a diarrea neonatal, a pneumonía, o virus BVD ou o IBR. Por iso, cada vez é máis utilizada nas explotacións de vacún leiteiro. É un método eficaz que permite preservar mellor a saúde, e por tanto, a rendibilidade das gandarías. Ademais, resulta clave para reducir o uso de antibióticos, unha esixencia que busca preservar a eficacia destes medicamentos para o seu uso futuro tanto en medicamento humano como en veterinaria. Como manexamos e aplicamos as vacinas é un punto clave de cara a unha maior eficacia das mesmas. Por iso, coñecer as boas prácticas á hora de vacinar é clave, xa que nos adoitamos atopar con frecuentes puntos de mellora. Neste sentido, e de cara a concienciar ao sector, e especialmente aos gandeiros, o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa organizou este mércores unha charla sobre boas prácticas vacunais, impartida por Carlos Carbonell, Técnico de campo de vacún de leite de MSD. “Seguimos detectando moitos problemas de falta de eficacia das vacinas debido a fallos na aplicación, o que ocorre con maior frecuencia cando o”veterinario non participa na vacinación”, recoñece.

 Mecanismos no tempo do sistema Sistema inmune dun animal: 

Como punto de partida, Carlos Carbonell lembrou como actúa unha vacina: “Na vacina incluímos un virus ou bacteria morto (vacina inactivada) ou vivo pero atenuada a súa patoxenicidade (vacina viva), de forma que o animal é capaz de combatela de forma exitosa, xerando unha resposta de defensa (na que participan os linfocitos e anticorpos). Ademais, xerará unha memoria inmunolóxica, de forma que cando sexa atacado nun futuro por ese mesmo patóxeno, o animal estará xa preparado para responder mellor e máis rápido. Cando se aplica unha vacina por primeira vez, o sistema inmune adoita tardar entre 10 e 20 días en completar una a resposta inmune eficaz, aínda que os tempos varían dependendo do tipo de vacina e da vía de administración. Nalgunhas vacinas, é necesario realizar un recordatorio ás tres ou catro semanas da primeira dose para completar esa inmunidade e que a memoria nos chegue até o momento da revacuna (de forma que teñamos sempre ao animal ben protexido).

 Representación gráfica da resposta inmune á vacinación: 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

A este respecto, o técnico de MSD A.H explicou que hai tres partes implicadas a ter en conta para lograr que os animais desenvolvan unha boa resposta inmunolóxica á vacinación: 1. A vacina que se utiliza 2. O animal que a recibe 3. A persoa que manexa e aplica a vacina A este respecto, fixo un breve repaso dos principais erros que se cometen en cada unha destas tres partes á hora de vacinar gando vacún:

-Vacinar animais febles ou en días de estrés por calor:

Cando vacinamos, o organismo do animal necesita utilizar importantes reservas de enerxía para que o sistema inmune xere unha resposta de defensa fronte a esa bacteria ou virus vacunal. “É por iso polo que cando se vacinan aos nenos, ás veces o primeiro día despois de vacinalos poden estar cansos”, comenta. “Por ese motivo -subliña- é moi importante non vacinar animais que non estean sans, ou moi delgados ou en días de moita calor (xa que provoca estrés ás vacas). O animal debe estar san e ben alimentado, pois o estado do sistema inmune do animal determina que haxa ou non unha boa resposta á vacina”. A vacinación induce protección ao animal individual que vacinamos, pero tamén proporciona unha inmunidade ao grupo, que se coñece como inmunidade de rabaño, de forma que, se algún animal non responde individualmente por unha circunstancia concreta, queda protexido indirectamente polos outros. “Nun rabaño de 100 animais, pode haber 5 animais que non teñan unha resposta óptima á vacina (triangulo vermello do esquema) porque estaban en celo, tiñan cetose ou coxeira, pero se no canto de 5 son 20 ou 25 (triangulo verde) os animais con mala resposta vacinal , debido a unha situación de estrés por calor ou unha incorrecta aplicación, a protección do rabaño da vacinación pode ser bastante menor”, advirte.

Representación gráfica da distribución da magnitude da resposta inmune nun rabaño: 

-Non ler o prospecto da vacina:

Outro erro común é non ler o prospecto da vacina. Carlos Carbonell puxo como exemplo un estudo realizado en 2014 no Reino Unido sobre como se vacina nas gandarías de vacún de leite. As conclusións do estudo foron que: -Nun 42% dos casos vacina o encargado ou o propietario da granxa; nun 61% faino un traballador e soamente nun 6% vacinaba un veterinario (había opción de resposta múltiple por iso suma máis de 100). -Ademais, un 23% non leu as instrucións e guiouse polo que viña facendo ou lle comentou outro gandeiro; e soamente un 33% lera o prospecto. -Iso traduciuse finalmente, en que un 50% das vacinas contra clostridios aplicáronse de forma incorrecta; mentres que no caso do BVD a porcentaxe foi do 32%. “A recomendación é que vacine o veterinario, e se o fai o gandeiro, que sexa asesorado polo seu veterinario e lendo sempre previamente as indicacións do prospecto”, aconsella o técnico de MSD.

Táboa de datos do estudo de aplicación de vacinas en Reino unido: 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

-Utilizar a mesma agulla para varios animais:

Outro erro común é utilizar a mesma agulla para numerosos animais, o que pode provocar infeccións e un maior risco de aparición de abscesos no punto de inxección pasados uns días. “Cantas máis veces reusemos a agulla, a parte da posibilidade de introducir microbios, a punta desgástase e provoca un dano maior nos tecidos do animal. Dependendo do tipo de vacina pode ser normal que apareza un pequeno vulto ou reacción de inflamación no punto onde se picou, pero se nuns días transfórmase nun absceso con pus é que houbo contaminación cando se aplicou a vacina e a resposta vacunal será menor”, advirte Carlos Carbonell.

-A importancia da temperatura da vacina:

Unha vez que sacamos a vacina do frigorífico -o frío conserva en bo estado a vacina- debemos: -Temperala durante 20 ou 30 minutos. -Axitala e reconstituirla (no caso das vacinas vivas). -Aplicar pola vía indicada de administración (que pode ser intramuscular ,subcutánea, intranasal... segundo a vacina), pondo atención a que sexa unha zona limpa. Ademais, Carlos Carbonell destacou a importancia de manter a cadea de frío nas vacinas. “Durante a súa conservación as vacinas deben estar nun rango de temperatura de entre 2 e 8 graos, xa que as vacinas son moi sensibles tanto á temperatura elevada (o antíxeno pode inactivarse, por exemplo), como demasiado baixa (ao conxelarse pódese afectar por exemplo a adecuada combinación de antíxeno e adxuvante perdendo eficacia)”, explica. Neste sentido, referiuse a outro estudo realizado en granxas do Reino Unido, no que se concluíu que “as neveiras nas que se gardan as vacinas nas gandarías presentan moitas deficiencias, pois de 17 granxas en que se analizaron as medicións de temperatura durante uns meses, case todas as neveiras tiñan momentos en que non arrefriaban o suficiente, ou pola contra conxelábanas”. “Unha situación -advertiu- que tamén se pode extrapolar ao que ocorre en España”.

-Cumprir exactamente o protocolo vacunal:

Outro erro común, segundo Carlos Carbonell, é non respectar o protocolo vacunal recomendado. “En moitas vacinas hai que repetir as doses da primeira dose vacunal nun prazo establecido (tres ou catro semanas) para completar a inmunidade adquirida e xerar memoria inmunolóxica (principalmente nas xovencas ao vacinar). Outro erro frecuente, é que a segunda dose non se aplica ou se aplica varios meses despois, o que provoca que realmente o rabaño non estea ben vacinado pois non se xerou a suficiente inmunidade, nin a memoria inmunolóxica”, asegurou.

Representación gráfica dunha resposta vacunal incorrecta por non cumprir o protocolo vacunal: 

En conclusión, como vacinemos aos animais terá unha gran repercusión no resultado da vacinación, sendo fundamental realizalo da forma máis adecuada para optimizar o resultado. Todo iso repercutirá na saúde do rabaño e, consecuentemente na rendibilidade.

Representación gráfica dunha resposta vacunal correcta ao cumprir o protocolo: 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80038" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Conclusións para unha correcta resposta vacunal: