Archives

P.A./ 311: A última das xenebras galegas no mercado xa supera as 3.000 botellas

A nova proposta do destilador Pepe Albela, P.A./311, supera as 3.000 botellas da que considera, “a súa creación máis persoal”, segundo el mesmo define. Neste novo ano continuará co posicionamento no mercado galego desta xenebra até outubro, que como novidade inclúe na súa maceración uvas da variedade albariño parcialmente deshidratadas. A partir do mes de outubro, espera dar o salto a nivel nacional, centrándose nalgunha comunidade en concreto.  O mes das flores é o elixido por este mestre destilador para a posta de longo dos seus centros artesanais de destilación, na parroquia de San Miguel de Sarandón, no municipio de Vedra.  Un espazo que os amantes da xenebra e outros destilados, poderán coñecer da man do seu mestre destilador. “Non queremos facer a típica visita, queremos crear experiencias únicas, personalizadas e didácticas, onde os amigos e amigas que nos visiten, sentan como na súa casa e coñezan de primeira man todos os segredos da alquimia”, sinala. Deste xeito, “desde a vista, o olfacto, o gusto até o oído serán postos a proba durante a experiencia nos centros artesanais de destilación, con este gran autor presente”, detallan desde a marca. A xenebra P.A./311 é un produto elaborado en Galicia que acaba de saír ao mercado en decembro de 2023, e que está a ter unha gran acollida por parte do consumidor. “A resposta do público está a ser extraordinaria, estamos a superar as nosas expectativas tanto en Galicia como fóra, pois xa estamos a enviar a nosa xenebra a diferentes locais en Madrid”, explica Pepe Albela.

Aberto o prazo das axudas ás adegas para a adquisición de uva

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Alberto Vivero, mantivo este mércores un encontro nas sedes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e da DO. Monterrei con bodegueiros destas denominacións para presentarlles o préstamo que ofrece o Igape para a adquisición de uva nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas de Galicia pola vendima deste 2023. Con estas achegas preténdese paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, pero tamén buscan facilitar o seu acceso ao crédito fomentando a participación en sociedades de garantía recíproca que avalen o 100% das operacións e, por último, permitir o cumprimento dos prazos de pago aos viticultores previstos na normativa. O prazo de solicitude destas axudas do Igape está aberto dende onte, 25 de outubro, sendo subvencionables os préstamos formalizados con esta finalidade dende o pasado 1 de setembro, e finalizará o 15 de decembro. Posteriormente, os beneficiarios terán ata o 31 dese mesmo mes para formalizar as operacións de préstamo. Antes do 30 de xuño de 2024, e unha vez feitos os pagos da colleita, as adegas deberán solicitar o cobro da axuda ao Igape. As adegas que soliciten a axuda deberán incluír todas as operacións de préstamo concedidas para esta finalidade e nas condicións das bases. O cálculo da axuda será a suma dos préstamos, ou de ser menor, a suma dos pagos de uva -DO e IXP- co IVE engadido.

A mellor vendima da última década

A vendima deste ano 2023 foi a máis abondosa da última década, na que se recolleron 77,3 millóns de quilos, quedando preto da mellor da historia (2011). O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria continuará hoxe con estas presentacións sobre as axudas do Igape, trasladándose ata os consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras para informar aos bodegueiros.

Galicia prevé pechar a vendima 2022 con 69 millóns de quilos de uva cunha excelente calidade

A vendima galega está chegando ao final da campaña. Nas Rías Baixas queda menos de medio millón de quilos por colleitar, similar ao caso da Ribeira Sacra, cun 90% recollido. No caso do Ribeiro finalizaron completamente a vendima o 65% das adegas, aproximadamente -á falta de información por quilos- e Valdeorras e Monterrei están no sprint final, con menos dun millón pendente. En total, exceptuando a uva do Ribeiro, lévanse recollidos algo máis de 56  millóns quilos en Galicia, dos 69 millóns que estaban previstos. Deste xeito, comézase a pechar a vendima en moitas bodegas cuns resultados que, na maioría de casos, superaron as expectativas, a pesar de que todo apunta a que os totais serán de 4 millóns de quilos menos que o ano pasado, cando se acadaron os 73 millóns de quilos vendimados.  O estrés hídrico e a subida de temperaturas rexistrada ao longo deste ano auspiciaba un impacto negativo na viticultura galega. Sen embargo, as choivas de verán e o bo tempo ao longo da vendima están dando uns resultados moi positivos ata o momento en cantidade, pero sobre todo en calidade. Denominacións de Orixe como Valdeorras anunciaron que están vendo unha das colleitas máis sas da historia.

Cantidades por Denominación de Orixe

A práctica ausencia de choivas durante as semanas que se leva facendo a vendima en todo Galicia deulle facilidades á colleita deste ano. “Unha vendima seca é unha garantía para o estado sanitario da uva, e polo momento, na Ribeira Sacra mantivéronse unhas condicións meteorolóxicas moi favorables”, detalla José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A cantidade nesta Denominación non escapa das súas previsións, e esperan chegar preto dos 6 millóns de quilos, percibindo unha pequena merma nas uvas brancas. A cantidade prevista deste ano é lixeiramente menor aos 6,3 millóns vendimados no 2021. “Somos un 92% tinto, e como tal, ata o de agora temos recollidos 4.600.000 quilos de uva Mencía -un 90% aproximadamente-; despois das brancas, as cifras máis significativas son as do Godello por ser a uva maioritaria, e aproximándose aos 400.000kg recollidos -un 85% máis ou menos-“, afirma Rodríguez. Deste xeito, “como mínimo 20 das pequenas adegas xa rematamos a vendima, e agora na semana e media ou dúas semanas restantes esperamos acadar a cantidade pautada”, amplía. Pola súa banda, a Denominación de Orixe Valdeorras leva un total de 5.801.034 quilos recollidos. “De Godello temos 3.873.749 quilos colleitados, mentres que de Mencía andamos polos 1.130.231 quilos; a previsión é chegar a un total de 6.000.000 ou 6.500.000, cunha baixada con respecto ao ano pasado”, explica Santiago Pérez, do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras. Esa baixada posicionarase entre os 500.000 e o 1.000.000 de quilos menos. “Aínda que as xeadas de abril danaron certas áreas cultivadas da rexión, polo momento salvaron sobre un 65% da produción; así mesmo, o cambio climático, materializado na seca e na subida de temperaturas, afectounos algo pero permitiu acadar unha calidade de recollida óptima”, sinala. Ata o de agora, finalizaron a colleita en torno a 14 adegas inscritas. En canto á vendima en Monterrei, a día de hoxe levan recollidos 5 millóns de quilos, aproximadamente. “Esperemos rematar nas vindeiras semanas as labores de vendima, polo día 10 porque as condicións climáticas están sendo moi favorables, e están permitindo recoller aquelas que están no punto óptimo de maduración e esperar por aquelas que están a piques de acadalo”, expón o director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei Miguel López. As predicións do total apuntan chegar aos 6 millóns de quilos -sobre 200.000 quilos menos que na anterior vendima-, pero ata o momento “van 2.881.000 quilos de uva Godello recollidos, e 1.231.000 quilos de Mencía, e tan só remataron as labores de vendima 7 de 28 adegas inscritas”, detalla. Seguindo a mesma liña, a Denominación de Orixe do Ribeiro cunha temporada de recollida “bastante tranquila”, prevé achegarse “ao tramos dos 10 millóns de quilos, pero sen poder avanzar moito máis de cantidades”, comenta o presidente do Consello Regulador Juan Manuel Casares. Cómpre ter en conta que a cantidade esperada non se desvía notoriamente dos 9,9 millóns de quilos do 2021. “Polo momento, un 65% aproximadamente das bodegas remataron completamente a vendima”, avanza. Igualmente, a Treixadura promete seguir sendo a raíña do Ribeiro, unha das castes maioritarias na Denominación que “albergou o 50% da produción do ano pasado”, sinala. Finalmente, a Denominación de Orixe das Rías Baixas é a que está máis cerca da meta, con 40.600.000 quilos recollidos, fronte á cantidade esperada dos 41 millóns, case 3 millóns menos con referencia aos 43,7 millóns da última campaña. “Está practicamente o total recollido, á falta de rematar a vendima 3 ou 4 bodegas, polo que esta semana contamos rematar”, concreta o director técnico do Consello Regulador das Rías Baixas Agustín Lago. Da mesma maneira, fai fincapé en que “a pesar das preocupacións pola seca do verán, que trouxo como consecuencia unha leva deshidratación da uva, a situación foi mellorando coas chuvias tardías, acadando un bo para as necesidades da demanda”, apunta.

Unha uva excelente

A percepción dunha calidade excepcional na colleita deste ano converteuse nun tópico en todos os Consellos Reguladores, especialmente na uva branca. Despois do estrés hídrico que afectou á vide, principalmente nas zonas de Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei ou do Ribeiro, “as choivas de xullo permitíronlle á planta recuperarse, e o froito é dunha calidade excepcional, no noso caso dun xeito especial para o viño tostado”, comenta Juan Manuel Casares. Así mesmo, o presidente da Denominación prevé “un gran ano para o Ribeiro, pola calidade coa que traballaron e pola tecnificación vitícola da zona”, unha cuestión que plantexa “a necesidade dun aumento da base territorial produtiva”. Do mesmo xeito, o director técnico da Denominación de Orixe de Monterrei afirma que “a uva está tendo unha calidade fenomenal, favorecida pola estabilidade meteorolóxica durante a vendima”. En canto á Denominación de Orixe de Valdeorras, os esquemas cualitativos encáixanos “nunha das vendimas máis sas de toda a historia”, sinala Santi Pérez. A pesar de que en termos de calidade se percibiu unha baixada por mor da climatoloxía “en calidade percibimos unhas condicións excepcionais, cunha gradación óptima entre os 12% e os 13% e un estado de maduración ideal, o cal, vai acompañado dun tempo que nos está permitindo recoller a uva no momento perfecto”. Igualmente, Pérez aproveita para facer fincapé no aumento progresivo do recoñecemento dos viños da Denominación, e confía “en seguir conseguindo galardóns nacionais e internacionais como neste pasado ano, que fixeron de Valdeorras un viño referente a nivel mundial”. Por último, o caso das Rías Baixas tamén traslada moi boas sensacións posto que a vide e a uva aguantaron mellor do esperado os períodos secos; o resultado foi mellor do esperado, sobre todo, en calidade. “Os técnicos estamos moi contentos coa maduración da uva, e ata o momento vemos un froito excelente, prevemos mostos moi aromáticos, e en termos de gradación temos un pouquiño máis que o ano pasado, cunhas medias ben logradas de 12,5%”, traslada Alberto Lagos.

“Boom” nos prezos da uva branca en Galicia nesta vendima

As Denominacións de Orixe de Galicia están na época da vendima, algunhas en plena actividade e outras, como o caso da Ribeira Sacra, no pistoletazo de saída da data de inicio oficial. Ata o momento, os prezos desmárcanse notoriamente dos anos anteriores dun xeito xeneralizado en todas as D.O., principalmente nas uvas brancas. Os valores máis altos rexístranse nas Rías Baixas, onde os casos máis comúns enmárcanse entre os 2,30€ e os 2,50€, e os máis extraordinarios superan os 3€. Tras a baixada dos prezos da uva durante os anos de pandemia, a situación foise estabilizando ata subir repentinamente nesta campaña. A chegada de grandes grupos bodegueiros, o aumento da comercialización dos viños brancos galegos, e as melloras de marca nos últimos anos serviron de caldo de cultivo para que os prezos destas variedades se disparase. Ademais, o recoñecemento adquirido por todas as Denominacións en premios nacionais e internacionais, xoga un papel fundamental nas leis de mercado da uva galega.

Balance de prezos

Este ano a uva branca está moi buscada nun mercado caracterizado polo aumento de prezos. Isto denota que “nos últimos anos os viños brancos galegos están de moda, o que significa que se están facendo cousas ben feitas a nivel vitícola, e iso repercute nos prezos; as bodegas necesitan maior volume polo incremento de ventas, e polo tanto, teñen que axustar máis os prezos se as queren levar”, explica Carlos Basalo, responsable de viticultura en Unións Agrarias. Uva branza a piques de ser recollida “Hai que recordar que a obriga de ter contratos feitos, posto que así o establece a Lei da cadea agroalimentaria, leva a que se mova antes o mercado, e a establecer uns prezos de recollida anteriores á vendima. Este ano, coa suba xeneralizada dos combustibles, entre outros, “é entendible que os prezos da uva aumenten para paliar os custos de produción, e a viticultura se converta nunha actividade rendible para que se incorporen mozos e garantir o futuro do sector vitícola”, detalla Basalo.
“É entendible que os prezos da uva aumenten para paliar os custos de produción, e a viticultura se converta nunha actividade rendible para que se incorporen mozos e garantir o futuro do sector vitícola” (Carlos Basalo)
Así, a uva máis cotizada de Galicia é a Albariño das Rías Baixas que está situada “no abano dos 2,30€ aos 2,50€, aínda que hai algúns casos que chegaron aos 3€ ou 3€ e algo”, concreta Santiago Roma, de Bodegas Roma. Así mesmo, o adegueiro expresa que “non foi unha mala colleita, senón todo o contrario”, e expresa que “ao ir implantándose o viño nos mercados nacionais e internacionais medrouse moito en demanda porque a D.O. Rías Baixas estaba sendo competitiva en relación calidade prezo, e isto foi repercutindo na uva cada vez máis”.
“A uva Albariño das Rías Baixas chegou nalgúns casos aos 3€ ou 3€ e algo” (Santiago Roma)
Do mesmo xeito, “outra das uvas buscadas e ben valoradas en todas as Denominacións é a Godello”, avanza Carlos Basalo. “De maneira porcentual, Monterrei foi o mercado da uva que máis subiu no territorio; se o ano pasado a Godello estaba en torno a 0,90€ de media, este ano está sobre 1,40€ e 1,50€ supón un gran incremento. Por iso, a min estas cantidades non me parecen normais porque hai que aplicarllas á botella de viño, e o mercado vaise resentir”, concreta Ernesto Rodríguez, da Bodega Crego e Monaguillo. Por outra banda, os prezos na D.O. Ribeiro acadan prezos similares: “as castes utilizadas, tanto Treixadura, como Godello ou Albariño sitúanse entre o 1,40€ e o 1,70€; outras como a Palomino baixan aos 0,85€”, detalla Basalo. Acio de uva tinta en óptimas condicións
“De maneira porcentual, Monterrei foi o mercado da uva que máis subiu no territorio, se o ano pasado a Godello estaba en torno a 0,90€ de media, e este ano está sobre 1,40€ e 1,50€ supón un gran incremento” (Ernesto Rodríguez)
A tendencia dos prezos continúa ao cambiar á Denominación de Orixe de Valdeorras. Efectivamente a diferencia económica con respecto ao ano pasado é notoria “pero depende do tipo de comprador”, afirman fontes locais do sector. “Se a compra a realiza unha cooperativa, a uva de Godello ronda o 1€, e a uva Mencía os 0,95€; sen embargo, se a compra a fai unha adega privada pode oscilar o 1,50€, e chegar a case 3€ naquelas fincas con bo terreo, onde ten unhas calidades e unhas propiedades superiores”, concretan. Pola contra, a escalada dos prezos rómpese coas variedades tintas posto que son “as que maior estabilidade mantiveron”, destaca o responsable de viticultura de Unións Agrarias. A zona que máis utiliza estas castes é a Ribeira Sacra: “Nós somos 93% tinto”, sintetiza o presidente da Denominación de Orixe José Manuel Rodríguez. “Houbo un lixeiro aumento que se encaixa na absoluta estabilidade; a nós non nos afectou a seca e hai unha cantidade sen moita variación”, afirma. Por iso, “a uva Mencía, ao ser a que máis abunda, pode rondar os 0,90€ e o 1,20€, mentres que as variedades autóctonas como son Sousón, Caíño tinto ou Brancellao están próximas ao 1,50€”, da de referencia Carlos Basalo.

Situación insostible para a próxima campaña?

Esta subida de prezos na uva estivo acompañada por un desequilibrio entre produtores e adegueiros. A chegada de grandes grupos bodegueiros a Galicia influenciou o balance de pagamentos, como foi no caso das Rías Baixas. “Ao implantarse bodegas con repercusión nacional e internacional, ofertando un maior prezo por quilo de uva, incrementou en exceso os pagos medios e moitas adegas asentadas desde fai anos aquí víronse obrigadas a subir, e en moitos casos iso non permitía ningunha marxe para o bodegueiro”, critica Santiago Roma. “O viticultor ten que cobrar un prezo digno posto que é unha base para perpetuar o potencial do sector, pero non debemos pasarnos en darlle un salto tan grande aos prezos porque pode comprometer a situación para as vindeiras vendimas”, opina Santiago Roma. Deste xeito, o adegueiro explica que perpetuar estes prezos pode ser algo inasumible no sector agroalimentario, polo que “o que se está facendo é tirar pedras contra o noso propio tellado”, comenta. Imaxe da vendima en Monterrei, na adega Castro Lobarzán Neste sentido, “quen ten que axustar os prezos da venda final da uva son as adegas; vender un viño a 3€ a quen lle vai repercutir é ao produtor de uva, por iso hai moitas veces que, en vez de vendelo a ese prezo, cómpre vendelo a máis para que a produción sexa sostible”, aporta Francisco Pérez, da Bodega Couto Mixto. Así mesmo, “se queremos soster o sector, temos que ir á par bodegueiros e produtor de uva, evitando os desequilibrios agora existentes no mercado”, avanza Roma.

Máis de 140.000 quilos de uva recollidos na D.O. Ribeira Sacra na semana previa ao inicio oficial da vendima

O próximo 15 de setembro é a data recomendada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para iniciar oficialmente a vendima neste territorio. A pesar disto, nestas semanas rexistráronse algunhas adegas que tiñan parcelas puntuais nas que xa se podía recoller a uva, achegando un volume previo ao fin de semana de 141.928 quilos. Dentro desta vendima esporádica, as cifras máis altas corresponden á uva Mencía en tintas, con 52.916 quilos, e á Godello en brancas, con 65.372 quilos. Dentro da gama de tintas, seguen a Merenzao, con 12.344 quilos, a Caíño tinto con 1.230 quilos, Brancellao con 1.123 quilos e Garnacha con case 200 quilos de uva recollida. Co que respecta ás variedades brancas, colleitáronse 5.512 quilos de Albariño, 2.424 quilos de Treixadura, e 608 quilos de Dona Branca. Desde o Consello Regulador destacan que “a uva que está entrando en adega ten un estado sanitario óptimo”. Cómpre destacar que, nesta campaña elaborarán viño baixo o amparo da D.O. Ribeira Sacra 92 adegas. Os viticultores inscritos para esta vendima son 2.208 e as hectáreas inscritas chegan ás 1.270. A previsión desta temporada é recoller uns 6 millóns de quilos de uva, unha previsión similar á existente na pasada vendima que se pechou con 6.541.212 quilos.

“Apostei polos tintos do Ribeiro, cando todo o mundo estaba centrado nos brancos”

A carón do Avia ó seu paso por Leiro, e a poucos metros da antiga sede da Cooperativa do Ribeiro, a “pequena” adega de Xulia Mar Bande Pivida, como ela mesma fala dela, serve a modo de bastión pola recuperación e a diferenciación do viño do Ribeiro. Xulia leva toda unha vida abríndose camiño entre as cepas e no mundo do viño. Autodidacta e emprendedora, Xulia comezou hai máis de 30 anos e agora ten un proxecto consolidado e cargado de identidade. Seu avó, que era arrieiro, foi quen despertou esa curiosidade pola viticultura nela. O propio nome dos seus viños, Son de Arrieiro, é un recoñecemento a ese legado familiar. Os viños desta colleiteira son unha aposta continua por combinar tradición con innovación. Manter aquelas variedades tradicionais coas que traballaba seu avó levouna a recuperar castes case desaparecidas. Nun tempo no que os viños do Ribeiro só podían ser de ano, Xulia só elaboraba viños de garda. Agora volve rachar con convencionalismos e ten no mercado un rosado desta zona, aínda que sen o amparo da Denominación de Orixe (DO). Xulia é das que goza no viñedo e na adega, para quen traballar nisto “agás cando unha xeada ou a saraiba che leva todo” é un gusto e non unha obriga. Na súa adega e tras atender unha visita, coñecemos máis en detalle o seu xeito de traballar e as súas elaboracións. -Como comezaches no mundo das vides? -Foi cando meu avó, que era un gran apaixonado das vides, comezou a ter dificultades para manter o viñedo. Eu quixen botarlle unha man co coidado dos viñas, pero daquela non tiña moito tempo e tampouco atopei ninguén que fixera o traballo. Isto, xunto co feito de que xa me gustaban as vides, fixo que me decidise montar unha empresa de servizos para traballar nos viñedos. Comecei cuns amigos que estaban sen traballo e ó pouco xa tiña 25 empregados repartidos por toda Galicia e o norte de Portugal. Realmente co viño empecei xa daquela, vai facer 32 anos. Trala morte de meu avó, durante uns anos tiven que deixar aparcadas un pouco as súas viñas, porque non daba atendido a todo, xa que estaba empezando coa empresa e tiñamos moito traballo. Pero en canto puiden xa retomei os coidados do viñedo e propúxenme tamén manter aquelas variedades que traballaba meu avó e que non se vían xa por ningures e que a min me resultaban moi interesantes. -E coa adega, cando deches o paso? Por que te decidiches? -Meu avó, que era arrieiro, ademais facía un viño bárbaro e eu non atopaba ese tipo de uva en ningún sitio, polo que decidín recuperar as súas viñas e comezar a plantar. Ó principio fíxeno coa idea de vender a uva, pero co tempo decidín probar a elaborar o meu propio viño. No seu momento non aproveitei a sabedoría de meu avó e logo tiven que aprendelo pola miña conta. O primeiro ano que fixen viño faría uns 2.000 litros, que vendín a granel e o resto das uvas vendías directamente. Botei así uns 10 anos. Na campaña do 2015 foi cando me decidín a sacar o meu primeiro viño etiquetado como Son de Arrieiro. Era un xeito de non ter que vender as uvas e poder apostar polos tintos, nun momento no que todo o mundo seguía dicindo que o Ribeiro era só de brancos, algo que xa foi cambiando. A sorpresa veu cando o presentamos ós Premios de Galicia nese mesmo ano e resultou o mellor tinto de Galicia. Iso fíxome pensar que igual non o estaba facendo moi mal e tomalo máis en serio. Fixemos unha reforma na adega para incorporar un equipo de frío e seguir traballando nos viños que buscaba. -Tiñas claro que tipo de viño querías elaborar cando comezaches como colleiteira. Xa lograches dar coa receita de teu avó? -Eu tiña un viño na cabeza e creo que aínda non cheguei a el. Sabía que uvas empregaba meu avó, pero non as proporcións e tiven que traballar moito niso. Eu son autodidacta e tiven que traballar moito porque non tiña coñecementos sobre a elaboración do viño.
“Teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona”
- Con que variedades traballas? -Agora mesmo teño un pouco de todo. De feito, mesmo teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona. En tinto teño Carabuñeira, que é unha variedade que moi pouca xente coñece, Espadeiro (da que hai moi pouca), Raposeira e Ferrón. En brancos traballo con Albilla do Avia ou Lado, entre as variedades máis descoñecidas. Logo teño Sousón, Caíño, Brancellao, Treixadura ou Godello. -Por que te decidiches a apostar por elas? Que che resulta atractivo destas variedades? -Comecei a interesarme por elas un pouco por recuperar o patrimonio que tiñamos. Son variedades moi delicadas e que foron caendo en desuso por ser menos produtivas. Un ano tes colleita e outro pode que case non teñas nada. Moitos deixaron de ter estas variedades porque non se lograban grandes cantidades de uva cando, en pleno auxe do Ribeiro, as grandes adegas só buscaban ter quilos de uva. Fomentouse que moita xente perdera estas variedades e foi unha mágoa porque moitas delas son resistentes mesmo a enfermidades como a filoxera. Ademais, estaban adaptadas ás condicións de aquí. Para min o realmente interesante destas variedades é que son uvas de moita calidade e iso é o que che permite elaborar un viño diferenciado. -Como está sendo o proceso de recuperar estas variedades? -Teño a sorte que ó ter a empresa de servizos recorro moito viñedo e sempre atopas plantas interesantes. Mesmo teño levado á Evega plantas para que identifiquen porque non eramos capaces de saber que caste era. Tes que andar buscando por plantas en viñas moi vellas, como algunhas das que teño que teñen máis de 80 anos. De aí vas aproveitando algunha testemuña para poder ir enxertando. O malo é que antes non plantaban con criterio. Se secaba unha planta podían plantar unha cepa tinta no medio dunha parcela de branco. Así, agora resulta máis difícil facerte con elas. É un labor importante, pero que xa estou facendo para os que veñen detrás, realmente eu pouco proveito lle vou sacar. -Que superficie manexas? -Miñas teño sobre unhas 3 hectáreas. Foi moi difícil chegar a ter esta superficie. Partíamos de 3.000 metros herdados de meu avó e meus tíos. Para xuntar esta terra tivemos que mercar 178 parcelas, moitas delas de propietarios que estaban emigrados. Isto atrasou moitos anos o proxecto. Logo teño tamén sobre 8.000 metros cadrados de viñedos arrendados. Son viñedos moi vellos, normalmente con accesos complicados e que non se poden mecanizar.
“Fago coupage de variedades e de zonas porque cada caste compórtase de distinta maneira dependendo do sitio e dá un viño moi diferente”
-Onde tes estas viñas? -Fago coupage de variedades, pero tamén fago coupage de zonas. Así, teño viñas nas tres subzonas máis marcadas do Ribeiro, xa que se algo aprendín nestes anos coa empresa de servizos é que cada variedade compórtase de distinta maneira en cada zona e dá un viño moi diferente. Para min é moi interesante ter un pouco de todos os solos, así temos zonas de cuarzo, de granito, de xistos... -Tes pensado incrementar a produción? -Son máis de facer un produto diferenciado que de apostar por grandes cantidades. Ademais, o que plante agora vou ter que agardar uns 8 ou 10 anos para poder elaborar con esas uvas e xa me pillaría con 68 anos... Si é verdade que sigo collendo fincas que me resultan interesantes, de xente que se vai xubilando e que teñen variedades das que non teño.
“Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que xa se encargan de rozar e do abonado”
-Que manexo fas do viñedo? -Nós facemos viños naturais, apostando pola mínima intervención, aínda que non estamos en ecolóxico. Aquí é bastante sinxelo facer un viño ecolóxico en adega, pero na viña é practicamente imposible, segundo me demostrou a experiencia. Digamos que fago unha viticultura ecolóxica con sentido común, xa que non me podo permitir o luxo de perder toda a colleita, pois vivo disto. Facemos moi pouca intervención, de feito non aplicamos ningún herbicida. Temos un manto verde todo o ano, con vexetación espontánea, xa que o que naza en cada sitio indícache as carencias da terra co manexo que estás a facer e guíate un pouco sobre o que tes que facer. Damos moita rozadoira de mochila, cando hai moita vexetación. Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que se encargan de desbroce e abonado e botan alí 6 meses. Como imos a producións baixas, de 1,2 quilos por planta aproximadamente, chéganos con este abonado sen máis aporte. Tampouco empregamos insecticidas, nin acaricidas ou produtos sistémicos. -Estás ti soa na adega ou contas con colaboración? -Conto con Benigno Freijedo, a miña parella e a metade imprescindible deste proxecto. Eu son máis a que matina nas elaboracións, pero el encárgase en gran medida do coidado das viñas e de botar unha man na adega.
-Xa na adega, mimas especialmente algún proceso na elaboración do viño? -Na adega, cada viño ten a súa fermentación e os seus tempos e temperaturas, pero non podes facer moito máis para diferenciarte. O único que podes facer para buscar un viño diferenciado é traer un produto diferente á adega para que lle aporte matices. Logo, as mesturas son horas de estar probando combinacións que se me van ocorrendo e vendo se funcionan ou non. Tamén é verdade que todo o que fixen ata o momento non houbo nada que non sacara ó mercado. -Como son os viños que elaboras? -Son viños naturais e diferentes, alo menos esa é a pretensión. Buscamos que sorprendan ó consumidor, por iso optamos por as variedades diferenciadas e distintas zonas, xa que agora mesmo hai moita xente facendo moi bo viño. -Cantos viños comercializas nestes momentos? -Temos seis viños no mercado. Gústame experimentar e vou sacando distintas elaboracións. Todos eles son viños de garda, que alomenos pasan dous anos na adega antes de saír ó mercado. Os viños cos que comecei Son de Arrieiro, branco e tinto, son viños que botan cando menos un ano en depósito e outro na botella. Temos Son de Arrieiro sobre leas, que está 15 meses en crianza de leas e que sae da adega como mínimo con 3 o 4 anos. Logo temos Son de Arrieiro añadas (branco e tinto), unha elaboración de 6 anos en adega, un coupage de 3 ou 4 colleitas, dependendo das características de cada unha delas. Ó ser viños naturais, dependendo de como sexa o ano vai determinar moito o resultado, polo que eu tento xogar co que me aporta cada unha delas. Ademais, teñen un paso moi lixeiro por madeira. O ano pasado por primeira vez fixen un rosado, aínda que está fóra da DO, porque como din: 'é algo que nunca se fixo aquí'. Eu son das que digo que alguén debe ser o primeiro... A verdade é que encantou e teño xa o outro para sacalo e agardando que teña o mesmo éxito. A este púxenlle A argallada de Xulia, precisamente por non ter a DO e adícollo así ó Consello Regulador para ver se abren o abano e nos deixan medrar, xa que tamén é necesario. -Algunha novidade máis na que esteas inmersa? -Estamos traballando cun monovarietal que polo momento apunta moi ben, aínda que non me quero adiantar nin dar máis detalles polo momento.
“Tódolos meus viños son de garda. Paréceme moi interesante como evolucionan os viños do Ribeiro e creo que se perde moito vendéndoos pronto”
-Nunha terra como o Ribeiro, como resultou apostar por viños de garda? -Foi unha das cousas que a xente non entendía ó principio, sobre todo os viticultores do Ribeiro. Dicíanme que o Ribeiro é un viño para beber no ano, que senón derrámase. Agora iso cambiou e a tendencia é a ir agardando para vendelos e non perder no camiño todo o que poden aportar estes viños. Paréceme moi interesante como evolucionan e creo que se perde moito vendéndoos moi pronto. -Como ves o Ribeiro na actualidade? -O Ribeiro está nun moi bo momento, se o sabemos aproveitar coido que vai ser moi interesante. Estanse elaborando viños de moi boa calidade e iso nótase no mercado nacional e internacional, xa que cada vez vén máis xente para ver se é verdade o que contamos. Estamos despertando o interese fóra, nótase que a xente ven buscando o Ribeiro. Se hai unha remuda xeracional, que é o problema máis grave que temos, isto pode chegar a moi bo porto, porque o Ribeiro acaba de renacer.
-En que mercados teñen presencia os teus viños? -O noso é un viño que se comercializa para restauración e en tendas gourmet. Vendemos moito en Galicia e en Asturias. Temos moito na Coruña e Lugo e tamén vendo bastante en Ourense, aínda que foi onde máis tarde entrei e onde máis me custou. Fíxeno cun pequeno distribuidor do Porriño que está traballando moi ben, xa que se interesou dende o primeiro día por coñecer o produto. -Interésache o mercado internacional? -Agora estamos moi centrados niso, xa que é onde máis valoran economicamente os viños que facemos. É un xeito de facer viable o proxecto e afianzarse no mercado. Estamos en Holanda, Inglaterra e Canadá. Esta mesma semana cerrei unha venda cuns escoceses ós que lle encantou o noso viño tras estar na adega e probando elaboracións na zona. -Tamén tiveches xa contactos co mercado asiático... -Tiñamos un contrato pechado por 5 anos para comercializar boa parte da produción, pero o Covid-19 atrasouno todo, xa que para eles é un viño novo que aínda teñen que dar a coñecer ó mercado.
“Botamos máis dun ano sen vender unha botella de viño. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo”
-Houbo outros inconvintes polo coronavirus? -O Covid-19 freounos en todo, agás na viña onde tivemos que seguir traballando. Botamos máis dun ano sen vender nin unha botella de viño, ó pecharnos a hostalaría. Ademais, pilloume coa páxina web a medio facer. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo ata quedar sen viño preparado para sacar ó mercado. Non foi só que non se vendese o viño, agora temos dificultades para atopar dende botellas, ata etiquetas ou tapóns. Así teño o viño do 2020 aínda todo en depósito. -Cambiaron tamén as visitas á adega pola pandemia? -O Covid-19 fixo que moita xente se achegase por primeira vez á adega, xa que era unha alternativa de ocio segura. Nós reducimos moito o aforo da visita, cun máximo de seis persoas cando antes chegamos a ter visitas de máis dun cento. O pouco viño que sacamos na pandemia foi así, coas visitas da adega. Axudounos a saír do paso e deunos a oportunidade de ensinarlle o noso traballo e historia a xente que non houbera vido noutras circunstancias. Veu moita xente nova, fixemos cultura do viño, que é un dos retos do sector. Algúns dos premios recibidos nestes anos de traxectoria. -Acabas de recibir o premio Unha vida entre Vides da Consello Regulador da DO Ribeiro. Que significa para ti este galardón? -É o premio que máis ilusión me fixo porque nunca pensei que fora a optar a el. Cando me chamaron por teléfono para dicirmo non llo crin. Comecei a crelo cando o vin publicado nos medios. Non podía crer que me desen un premio desta importancia a min, que teño 53 anos, cando llo levan dado a xente cunha traxectoria moito máis longa ou mesmo xa a título póstumo. Un premio coma este é o máis bonito que che pode pasar cando estás loitando pola túa terra e máis aínda sendo como son crítica co traballo da DO. -Non foi o único premio que recibiches nestes primeiros anos de andaina. Como recibes estes premios?  -Nos últimos tempos xa recibimos unha ducia de medallas de ouro e dous grandes ouros. Os premios son moi importantes para vender o viño, axudan a dalo a coñecer. É un xeito de que lles pique a curiosidade por aproximarse ó teu produto. O que atopen dentro é o que fará despois que repitan ou non, pero os premios axúdannos a que o consumidor se achegue ó noso viño.

Vendima 2021: Galicia prevé unha colleita récord de máis de 73 millóns de quilos de uva

A vendima está case rematada en boa parte das zonas vitícolas de Galicia. Apenas quedan xa algunhas das variedades máis tardías e especiais por recoller nalgunhas adegas. A Ribeira Sacra é a excepción, onde tras rexistrar o pico de recollida nos últimos días, nesta semana aínda teñen unha cantidade importante de uva por recoller. As cifras provisionais manexadas dende os distintos Consellos Reguladores apuntan a que esta vendima deixou importantes producións. Estímase que se recolleron uns 73 millóns de quilos de uva producidas baixo o amparo das cinco Denominacións de Orixe (DO). Isto suporía case un 21% máis que os 60,4 millóns de quilos vendimados o ano pasado en Galicia.  As chuvias marcaron o compás desta vendima facendo que nalgunha zonas os viticultores apuraran a recollida, pero sen chegar a causar grandes incidencias nin a afectar á calidade dos acios, máis ben o verán húmido evitou os episodios de estrés hídrico que viñan sufrindo as cepas nalgunhas DO nos últimos anos.

Rías Baixas

En Rías Baixas cumpríronse as previsións e esta é unha das vendimas con maior produción de uva ó amparo da DO. Case finalizada a recollida, atópanse xa nos 43.600.000 quilos de uva - en 2020 a colleita foi de 34,4 millóns de quilos de uva-. “Contamos ter rematada a vendima a finais desta semana”, explica Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador. “Foi unha vendima moi abundante e que nos aguantou ben, pese a que nos inicios o tempo complicou algo os traballos”, recorda.
“Foi unha vendima moi abundante e que nos aguantou ben, pese a que nos inicios o tempo complicou algo os traballos”
As primeiras uvas, destinadas principalmente para escumosos, recolléronse xa a finais de agosto. Mais, a vendima arrancou a comezos de setembro e a segunda quincena dese mes foi onde se concentrou o gran volume de recollidas. “Está todo moi adiantado, xa só queda rematar algunhas parcelas no Rosal e algúns tintos”, explica Lago. Aínda pendentes de como se desenvolva as fermentacións, parece que se están a rexistrar graduacións algo máis baixas do que viña sendo habitual nos últimos anos. “Tivemos un verán máis frescos e iso contribúe a baixar as graduacións, aínda que é certo que estabamos a ter unhas graduacións moi elevadas nas últimas campañas con medias de 13 graos e que probablemente este ano a media estará nos 12 ou 12,5 graos”, apunta Lago. Recollida da uva en parcelas da adega Martín Codax, en Rías Baixas. // Foto Martín Codax.

O Ribeiro

No Ribeiro dan case por rematada a vendima, xa só quedan por recoller mínimas cantidades nalgunha adega. “A colleita da uva levouse a cabo cun bo estado sanitario e con parámetros de calidade excelente”, apunta Juan Casares, presidente do Consello Regulador. As cifras provisionais deixan unha colleita de 9,9 millóns de quilos. “Tal e como previamos, situámonos en cifras semellantes ás do ano pasado, cando acadamos os 9,5 millóns de quilos”, detalla Casares. A diferencia con respecto da colleita anterior veu dada polo estrés hídrico que sufriran as cepas no verán de 2020 o que fixo, segundo apuntaba Casares, que a pesar de ter boa colleita os acios pesaran menos.
“As inclemencias meteorolóxicas supuxeron un sobreesforzo para os viticultores”
Nesta ocasión, as chuvias marcaron a recollida e deixaron rendementos máis altos. “As inclemencias meteorolóxicas supuxeron un sobreesforzo para os viticultores, pero de novo se recolleron as uvas no momento axeitado para elaborar viños que volvan ser campións nos certames”, valora Casares.

Ribeira Sacra

Na Ribeira Sacra aínda queda unha importante cantidade de uva por recoller e agardan que os traballos se prolonguen tamén durante a fin de semana. “O pico forte da campaña produciuse a semana pasada, pero hai bastante uva por recoller”, explica Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador.
“A uva foi entrando dun xeito gradual e pese as chuvias, a vendima levouse a cabo en boas condicións”
O último reconto apuntaba xa a 5,5 millóns de quilos de uva recollida e agardan estar por encima dos 6 millóns, superando os 5,2 do 2020. “Está a ser unha vendima longa, xa que levamos dende o 28 de agosto, cando comenzaron a recollerse as primeiras uvas”, explica Soto. “A uva foi entrando dun xeito gradual e pese as chuvias, a vendima levouse a cabo en boas condicións”, concreta. Coas chuvias chegouse a temer que tamén puidera producirse podredume nos acios, máis as variedades brancas, que maior risco tiñan foron tamén as que primeiro se colleitaron e así evitaron eses incidentes. “Sanitariamente a uva está entrando en moi boas condicións, xa que puido madurar ben e ó estar a ser unha entrada gradual facilita tamén que entre perfecta”, apunta Soto.

Valdeorras

En Valdeorras este ano resultaba máis complicado facer unha estimación da produción debido ás novas plantacións coas que contaban que se foron plantando. Dende o Consello Regulador apuntaban a que se podería situar nos 6,5 millóns, unha cifra que finalmente foi superada, xa que a comezos desta semana estaban xa nos 7.005.933 quilos, bastante por riba dos 5,5 millóns de qulos colleitados o pasado ano.  Non só está a ser unha vendima de boas producións, senón que a uva amosa un gran potencial para elaborar grandes viños. “Os tres primeiros millóns de uva recollidos foron dunha calidade realmente excepcional e o resto é tamén dunha gran calidade”, indica Santiago Pérez, técnico do Consello Regulador. “Os secos viñan xa cargados de mosto e de rendementos altos o que fará viños espectaculares”, detalla. A media dos mostos está en 13 graos e os tintos nos 12,5 graos. “É unha vendima con maior acidez, polo tanto tamén máis aromática e fresca. É unha vendima máis atlántica”, indica o técnico.
“É unha vendima con maior acidez, polo tanto tamén máis aromática e fresca”
Nestas terras a vendima arrancou tamén o 28 de agosto e quedan xa só por recoller as variedades de ciclos máis longos. Tal e como recoñecen dende o Consello Regulador, hai anos que as chuvias non aparecían na vendima, onde os produtores están cada vez máis centrados en afrontar novos retos do quecemento global como o estrés hídrico que moitas veces sofren as cepas. “Este foi unha vendima na que se volveu ter que recoller a uva, como ocorría hai anos, pendentes de sacala antes de que viñesen as chuvias que acompañan ó equinoccio do outono”, apunta Pérez. Cantidade de uva recollida das diferentes variedades en Valdeorras a 6 de outubro, cando aínda permanecían abertas cinco adegas. // Gráfico elaborado polo Consello Regulador.

Monterrei

Na DO Monterrei agardan dar por finalizada a vendima esta mesma semana e as cifras que manexaban a comezos de mes daban conta xa dunha recollida récord con 5.930.000 quilos, fronte ós 5,6 millóns recollidos no 2020. “Agardamos chegar ós 6 millóns e acadaremos unha produción récord no volume de quilos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Aproximadamente o 70% da uva recollida pertence a variedades brancas, onde predomina o Godello seguido de Treixadura. Mentres, nos tintos boa parte dese 30% de uva é de Mencía, seguida de Arauxo. “Séguese a tendencia dos últimos anos que reflicte a demanda dos mercados”, indican.
“Non foi unha vendima tan sinxela como a do ano pasado, pero a colleita das uvas fíxose no punto óptimo”
Do mesmo xeito que no resto de zonas produtivas, as chuvias foron un condicionante que marcou os tempos de recollida. “O ano pasado tivemos unha recollida excepcional, xa que as condicións meteorolóxicas permitiran unha recollida moi paulatina. Este ano as chuvias aceleraron a recollida dalgunhas variedades e zonas, non foi unha vendima tan sinxela como a do ano pasado, pero a colleita das uvas fíxose no punto óptimo”, explican dende o Consello Regulador. En Monterrei, as primeiras uvas comezaron a recollerse o 6 de setembro, co que a vendima prolóngase pouco máis dun mes.

A uva Albariña, a máis cotizada

Vendimando albariño. Foto: Adega Terra de Asorei Á hora de falar de prezos, en boa parte das DO parece que se están a manter as cifras dos últimos anos. “Polo momento aínda só se pode falar de prezos de referencia, porque ata finais de mes ou mesmo novembro moitos colleiteiros non saberán realmente a canto lle pagaron a uva, xa que aínda que é obrigatorio ter contratos asinados, a realidade é que seguen a asinarse os contratos unha vez finalizada a vendima ou mesmo coa uva no remolque á entrada da adega, o que deixa moi pouca marxe de negociación ós viticultores”, valora Carlos Basalo, responsable de Unións Agrarias no Ribeiro. Este ano destacou a gran demanda que houbo por parte das adegas das Rías Baixas o que levou a un incremento dos prezos da uva Albariña. “Nas Rías Baixas houbo un mercadeo importante. As adegas precisaban uva e mesmo tiñan medo a perder a produción, co que en casos puntuais a uva chegou a pagarse por encima dos 2 euros o quilo”, explica Basalo. Mesmo acadou os 2,30 euros nalgunhas producións puntuais e especiais. “Pese á pandemia, as adegas conseguiron abrir novos mercados e houbo demanda de uva e de media o viño pagouse arredor de 1,60 euros máis IVA”, explica José Manuel Parente, responsable de viticultura no Sindicato Labrego Galego (SLG). No Ribeiro, as uvas de Treixadura sitúanse entre os 1,20 e os 1,40 euros, prezos habituais nos últimos anos. Os prezos poden chegar a oscilar en gran medida en base ás características dos acios e á graduación que se logre. Na Ribeira Sacra, segundo apuntan dende Unións Agrarias, os prezos de Mencía e Godello están entre os 1,10 e os 1,20 euros por quilo. “O Godello está collendo cada vez máis forza e estanse dando casos nos que se chega a pagar a 1,40 euros”, apunta Basalo. Algúns produtores lograron xa acadar os 2 euros con IVA por quilo por colleitas especiais, segundo sinalan no SLG. Tanto en Monterrei coma en Valdeorras as uvas de Godello sitúanse nun prezo medio arredor de 1 euro por quilo. Dende as organizacións agrarias continúan a reclamar maior transparencia na sinatura dos contratos para ofrecer maiores garantías ós viticultores e que estes saiban que prezos van cobrar pola súa uva se acada unhas determinadas condicións. “Non só é preciso asinar os contratos senón que haxa un rexistro público onde quede constancia deles como fan noutras zonas vitivinícolas de España onde xa a comezo da campaña saben cales serán os prezos da tempada”, reivindican dende Unións.

 

 

A Xunta simplifica a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifican anexos, prazos e normas procedimentais do Decreto que regula o potencial de produción vitícola de Galicia. As principais modificacións están orientadas a simplificar a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a denominacións de orixe (DO), ofrecendo a vía electrónica e a intermediación cos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais (OAC). A medida prevé beneficiar os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe do viño galegas, comezando polos 5.000 de Rías Baixas grazas ao proxecto piloto implementado con esta DO para testar este ano o software que facilita a tramitación. En concreto, en virtude da orde que hoxe publica o DOG créase unha disposición adicional cuarta no Decreto que regula a colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva. Así, estas declaracións poderán efectualas directamente ditos consellos reguladores ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), previa autorización dos viticultores implicados. Nestes casos as persoas viticultoras entregarán a súa autorización á bodega ou bodegas que empreguen a súa uva no momento da entrega. As adegas, pola súa banda, deberán remitir ditas autorizacións ao consello regulador correspondente. No caso de que a persoa viticultora se acolla a esta opción, o Consello Regulador en cuestión encargarase de recadar das adegas a información precisa de entregas de uva co obxecto de proceder á remisión e validación da colleita. Os viticultores, pola súa parte, recibirán un borrador desa validación ao que deberán dar conformidade nun prazo máximo de 10 días naturais. Unha vez validada a colleita, os consellos reguladores subministrarán ao Fogga a información relativa á declaración de colleita dos viticultores que prestaran a súa conformidade, como data máxima o día 10 de decembro de cada ano. Así mesmo, porá en coñecemento desta entidade dependente da Consellería do Medio Rural o listado de persoas viticultoras que, de ser o caso, non outorgaron a súa autorización para a transmisión destes datos ou non deron a súa conformidade e as parcelas delas acollidas á súa DO. Cabe engadir que, cada ano, os consellos reguladores das denominacións de orixe que vaian colaborar na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva deberán formalizar previamente un convenio de colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Os novos contratos homologados para a compra-venda de uva: valoracións do sector en Galicia

As adegas galegas prepáranse nestes días a marchas forzadas para comezar en breve a vendima. Aínda que algunhas delas xa iniciaron a recollida dalgunhas variedades, serán nestas primeiras semanas de setembro cando se leve a cabo o traballo na maioría. Entre os preparativos para a vendima mírase, como cada ano, ás condicións da compra de uva. Este ano a Interprofesional do Viño puxo a disposición das adegas e viticultores uns contratos tipo homologados tanto para a compra e venda de uva como de viño. Os contratos tipos homologados, que están a disposición a nivel estatal dende hai meses, pretenden ser unha ferramenta que incremente a seguridade das vendas entre as partes, nun sector caracterizado durante anos pola falta de acordos escritos, legais e oficiais. Segundo apuntan organizacións coma Unións Agrarias “aínda é habitual que os contratos se asinen á porta da adega, xa coa uva preparada para a entrega ou que mesmo non se asinen ata que hai unha inspección”. Ambas son prácticas que deixan ó viticultor sen apenas capacidade de negociación dos prezos e axuda a sumar inestabilidade ó sector.
“Asinar un contrato a tres anos proporciona unha maior estabilidade ós viticultores”; Carlos Basalo, Unións Agrarias
Unha das principais vantaxes que ofrecen estes contratos homologados é que poden ter unha vixencia de tres anos, no canto de asinarse só para a campaña actual. “Poder asinar un contrato a tres anos onde se recollen as condicións de entrega e prezo da uva proporciona unha maior estabilidade ós viticultores”, valora Carlos Basalo, responsable de Unións no Ribeiro. Con estes tipo de contratos evitaríase ter que asinar e fixar o prezo no momento da vendima o que permite levar a cabo unha planificación e inversión no viñedo, tal e como indican dende Unións. A alta inestabilidade do sector do viño nos últimos anos en canto a prezos da uva fai que se manteña unha desconfianza entre os produtores e se limiten as inversións no viñedo entre estes profesionais. “O mercado da uva é moi inestable actualmente. Hoxe poden estar pagándose por encima dos 2 euros o quilo de uva en Rías Baixas ou Valdeorras, pero o ano pasado houbo algunha adega que non quería recoller Godello”, explica Basalo. A crise do Covid-19 xogou tamén un papel importante, tanto é así que na vendima do 2020 algunha adega chegou a baixar 10 céntimos no quilo de uva. Outra das vantaxes que poden ter estes contratos é que en caso de controversia, a comisión de seguimento de contratos proporciona asesoramento ás partes implicadas para atopar unha solución favorable para ambos. Ademais, estes contratos son oficiais, voluntarios, gratuítos e confidenciais, ó tempo que cumpren coa normativa vixente e poden axustarse ós parámetros que as partes estipulen á hora de fixar os prezos.
“É unha ferramenta xeral que non se adapta á realidade do sector galego o que tamén condiciona a súa efectividade e implantación”; Bernardo Estévez, Sindicato Labrego
Trátase dun modelo xeral, polo que que se axusta a todo tipo de uva con ou sin denominación de orixe ou indicación de orixe protexida. O feito de ser contratos xerais, sen que se adapten á realidade do sector en Galicia é unha das eivas que apuntan dende o Sindicato Labrego Galego. “É unha ferramenta moi xeral, pensada tanto para a produción de Castela como para os viticultores do Ribeiro, pese ás grandes diferencias que pode haber e que deberían de contemplar para realmente ser de utilidade para o sector galego”, valora Bernardo Estévez, do Sindicato Labrego. Infografía realizada pola Interprofesional do Viño de España sobre os novos contrato tipo homologados e as posibilidades que ofrecen.

Propiciar a implantación destes contratos

Pese a estar operativos xa para esta campaña, en Galicia os novos contratos tipo homologados apenas están a ser utilizados polas adegas segundo coinciden en sinalar tanto dende Unións Agrarias como no Sindicato Labrego. A poucos días para o inicio da vendima, en Denominacións de Orixe como Monterrei, algunhas das adegas destacadas, que levan unha longa traxectoria asinando contratos homologados cos viticultores, aféanlle á Interprofesional do Viño que non proporcionase unha maior difusión destes novos contratos xa que descoñecían o modelo e as posibilidades que lle ofrece. Aínda que polo do momento este tipo de contratos non estean implantados, grupos adegueiros como Vinigalicia, asentada en pleno corazón da Ribeira Sacra, apuntan que levan anos botando man de contratos homologados por distintas institucións pola comodidade que lle proporcionan estes modelos. “A maior parte dos nosos viticultores son produtores cos que levamos máis de 20 anos traballando, pasando a ter unha relación de amizade. Hai unha confianza e aínda que o contrato se asine no inicio da vendima xa se foi mirar a uva e se tratan os prezos con anterioridade”, explica Paula Carballada, directora técnica.
Unións Agrarias pide vincular as axudas públicas do sector do viño á sinatura destes contratos tipo homologados e cunha duración de varias campañas
Para fomentar a implantación destes contratos homologados tipo da Interprofesional, dende Unións reclámanlle á Xunta unha presión más intensa ás adegas. Propoñen vincular as axudas públicas autonómicas coa sinatura destes contratos por varias campañas. “Se a Administración pública vincula as axudas que anunciou no plan de apoio ó sector coa sinatura deste tipo de contratos é unha medida de presión para que se cheguen a implantar e favorecer así a tódolos elos da cadea”, reclaman dende Unións. Sen estas medidas por parte da Administración, dende a organización agraria ven difícil que este tipo de contratos cheguen a utilizarse. “Os viticultores teñen moi difícil por si sós obrigar ás adegas a incorporar estes contratos con esta duración, por iso é fundamental o papel da Consellería de Medio Rural para fomentar a implantación”, sentencia Basalo. Dende Unións destacan a experiencia de contar con contratos homologados asinados por varios anos neste sector. “En Galicia hai 20 anos había xa contratos homologados que mesmo chegaron a asinarse por tres, catro ou cinco campañas. Sabemos que esa ferramenta funciona. Daquela, estes contratos proporcionaron estabilidade, o que propiciou que se fixeran importantes inversións, xa que o viticultor sabía que ía poder vender a súa uva e a canto lla pagarían”, recorda Basalo.

Rexistro público

Ademais de reclamar a implantación destes contratos homologados vixentes durante varias campañas, Unións tamén volver retomar a petición de que os contratos da compra e venda de uva sexan públicos, como un garante de que se asinan, ante as prácticas irregulares que constatan e levan anos denunciando. “A día de hoxe os contratos que se fan, por obriga da Lei da Cadea, non hai que depositalo en ningún sitio, co que o viticultor perde a capacidade de negociar e ás veces mesmo quedan sen asinar se non hai unha inspección”, denuncia Basalo. Dar visibilidade ós contratos tamén pode contribuír a lograr prezos máis igualitarios. “Facer públicos os contratos podería ser unha vía para que o mesmo produto teña un prezo semellante sen as diferencias que se están apreciando agora entre adegas”, concretan dende Unións.

Mellora nos prazos de pago

No que se parecen coincidir no sector é na mellora que supuxo a implantación da Lei da Cadea para garantir os prazos de pagos ós viticultores. A Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) tamén constata unha mellora tanto na contratación como nos pagos entre os distintos elos da cadea do sector do viño. Con todo, ante o inicio da vendima, a Aica anima aos operadores que detecten incumprimentos da Lei da Cadea a que poñan as correspondentes denuncias. A Aica, que vela polas relacións comerciais e os intereses dos distintos operadores que interveñen na cadea alimentaria, e controla o cumprimento da lei da cadea, realizou desde 2015 case un milleiro de controis no sector vitivinícola. En concreto, 656 inspeccións a viticultores e ás vendas que realizan aos adegueiros, e outras 275 en adegas para analizar tanto as compras aos seus provedores como as vendas aos seus clientes. “Unha das consecuencias destes controis é o continuo proceso de mellora na contratación, aínda que persisten aínda na cadea vitivinícola certas deficiencias na fixación do prezo dos contratos, especialmente nos momentos iniciais das campañas”, indican dende Aica.
É obrigatorio formalizar un contrato por escrito antes da entrega da uva de vinificación e que o viticultor coñeza previamente o prezo
Ante o inminente inicio da vendima, a Aica fai un chamamento ao sector e lembra que, de acordo á Lei da Cadea Alimentaria, é obrigatorio a formalización dun contrato por escrito antes da entrega da uva de vinificación e que o viticultor coñeza previamente o prezo, que debe ser abonado no prazo máximo dun mes desde a data de entrega. Non formalizar contratos e pagar fóra de prazo supoñen unha infracción grave da Lei da Cadea Alimentaria. Ademais, desde a introdución o ano pasado das medidas de reforma desta norma, os prezos de venda no primeiro elo non poden estar por baixo dos custos de produción.

Máis da metade das adegas da Ribeira Sacra xa remataron a vendima

Ás portas da última fin de semana de setembro, das 93 adegas acollidas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra que vendiman nesta campaña, 58 xa completaron os traballos. Porén, 35 adegas están nestes días vendimando e, a diferenza doutros anos, non queda ningunha adega por comezar. Cómpre recordar que o ano pasado, a 30 de setembro, aínda había adegas pendentes de comezar coa vendima na demarcación. Os datos manexados pola DO esta semana apuntan que xa levan recollidos uns 3.496.411 quilos de uva. Predomina o Mencía, variedade da que colleitaron polo momento uns 2.809.318 quilos. Entre as castes tintas séguelle a Garnacha con 82.783 quilos, o Merenzao con 51.022 quilos. Variedades coma o Caíño contabilizan uns 26.432 quilos, o Brancellao 25.461 quilos e de Araúxo acadáronse xa 19.497 quilos. As variedades máis escasas son Mouratón ( con 3.365 quilos) e Grao Negro, do que se apañaron, polo de agora, 50 quilos. Nas castes brancas, o Godello é a variedade máis popular e xa se levan recollidos 338.708 quilos, séguelle Albariño da que se contabilizan 62.789 quilos e Treixadura con 35.514 quilos. Porén, o resto de variedades brancas non chegan aínda ós 10.000 quilos. Así, de Dona Branca cóntanse 6.653 quilos, de Branco Lexítimo uns 4.272 quilos, de Torrontés 3.060 quilos e de Loureira acadáronse 2.511 quilos polo de agora. Esta campaña, dende o Consello Regulador prevén recoller unha menor cantidade de uva que noutras vendimas, porén a uva presenta un estado sanitario óptimo. Os traballos de recollida estanse desenvolvendo este ano entre as medidas de seguridade necesarias para a prevención do Covid-19.

A vendima de 2020 en imaxes

As 5 Denominacións de Orixe de Galicia (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) apuran estes días os traballos da recollida da uva. Recompilamos algunhas das imaxes que está a deixar esta vendima atípica de 2020 marcada polas medidas de prevención que obrigou a tomar a pandemia do coronavirus. O bo tempo acompañou durante boa parte da recollida e tamén propiciou que se adiantara o comezo da vendima en case tódalas denominacións con respecto a campañas pasadas. Adegas e consellos reguladores apuntan a que a de 2020 está a ser unha colleita moi boa en canto a calidade e tamén a cantidade de uva.

Vendima-2020-DO-Rias-Baixas-3-

Image 1 of 33

Rías Baixas En Rías Baixas, con datos do 17 de setembro, había 31,8 millóns de quilos vendimados, dos que 31,1 millóns correspondían a albariño. En variedades brancas, destacan tamén Loureira, con 196.000 quilos e treixadura con 190.000. En tintos, encabeza a táboa o Caíño tinto con 32.000. Ribeira Sacra Na Ribeira Sacra, onde a data oficial aconsellada para o inicio da vendima era o 16 de setembro, lévanse recollidos 1,3 millóns de quilos de uva, segundo os datos de onte do Consello Regulador. Desa cantidade, 873.000 quilos corresponden a mencía, 40.000 a merenzao e 25.000 a garnacha, como primeiras variedades tintas. En brancos, destaca o godello, con 265.000 quilos, seguido do albariño (31.000 quilos) e a treixadura, con 22.000. Hai 21 das 95 adegas que xa remataron a colleita, en previsión das choivas desta fin de semana; en tanto 8 aínda non comezaron.

Radiografía da vendima máis atípica

Este ano a campaña de recollida da uva adiantarase en toda Galicia, nun ano no que a pandemia do coronavirus tamén está a marcar a diferenza, coa implantación de novos protocolos e restricións para evitar contaxios entre os temporeiros. O emprego de máscara, a obrigación de respectar a distancia mínima de seguridade entre os traballadores ou a realización de test están a ser algunhas das novas medidas que incorporan este ano ás adegas. Son días de preparativos para o inicio da vendima tanto nas adegas como nos Consellos Reguladores, que apuran as revisións ós viñedos para valorar o inicio da recollida. Prevese unha colleita de moi boa calidade e cantidade, pese a que haberá importantes variacións dunhas zonas a outras dada a incidencia de pragas como o mildio na primavera. Ademais, este 2020 a vendima virá condicionada pola capacidade das adegas para almacenar e procesar a uva en función das reservas de viño que aínda teñan, logo das limitacións para a venda que tiveron por mor da crise sanitaria. Facemos un repaso polas 5 Denominacións de Orixes (DO) de Galicia e falamos tamén con adegas e cooperativas vitivinícolas para coñecer as previsións que teñen para esta vendima:

Valdeorras: “A vendima vén anticipada e cunha calidade de uva extraordinaria”

A adega Godeval, situada no Barco de Valdeorras, foi a primeira en comezar a vendimar en Galicia. Como en anos anteriores, é na Denominación de Orixe de Valdeorras onde arrancaron os traballos de recollida da uva, en concreto nas adegas Godeval e Valdesil, e espérase que nos próximos días se inicien tamén no resto de denominacións galegas. “A vendima este ano vén anticipada e cunha calidade de uva extraordinaria”, ratifica Santiago Pérez, un dos técnicos da DO. Os controis de maduración realizados polo equipo técnico do Consello Regulador indican que as primeiras uvas recollidas contan cunha graduación alcohólica que se sitúa nos 13,5 graos. As noites frescas están favorecendo tamén que as uvas conserven acidez.
Estiman recoller uns 5,5 millóns de quilos, fronte ós 6,5 millóns alcanzados o pasado ano
As previsións apuntan a que haberá unha colleita de gran calidade e, pese a que aínda é cedo para axustar unha cifra, a cantidade de uva podería verse reducida con respecto a outras campañas nas que rondaba os 6,5 millóns de quilos. “Este é un ano atípico no que entran en xogo moitas variables, polo que é máis difícil facer unha estimación, pero cremos que se poden recoller uns 5,5 millóns de quilos”, explican dende o equipo técnico do Consello Regulador. A capacidade de almacenaxe das adegas pode ser un deses condicionantes. Ademais, sinalan que as restricións de mobilidade polo estado de alarma fixeron que algúns tratamentos fitosanitarios se atrasasen, o que pode condicionar a cantidade de uva recollida. A adega Godeval foi a primeira en comezar coa vendima en Galicia. // Foto Godeval. Para a adega Godeval esta foi unha das vendimas máis temperás. “Con respecto ó ano pasado comezamos 10 días antes”, explican dende a adega. Ó longo dos próximos 10 días teñen previsto recoller uns 150.000 quilos de uvas nunhas 24 hectáreas de viñedo propio. “As últimas chuvias melloraron notablemente o proceso de maduración ó evitar o estrés hídrico e favorecer a acumulación de azucre no acio”, comentan dende a adega. Na Cooperativa Jesús Nazareno, situada no Barco, con máis de 300 socios e unhas 250 hectáreas de viñedo, a vendima arrancará a primeira semana de setembro. Os controis no viñedo fan prever unha colleita de moi boa calidade, aínda que estiman recoller unha menor cantidade de uva, arredor dun 30% por debaixo doutros anos. Tamén os prezos están a ser máis baixos que o doutras tempadas. Os protocolos preventivos para evitar os contaxios do coronavirus están á orde do día nas adegas. “Activamos un protocolo na cooperativa para favorecer o distanciamento e tamén estamos a facer test na adega á par que estamos seguindo as recomendacións oficiais para a vendima”, indica Alfredo Vázquez, director comercial da cooperativa. O emprego de máscara, evitar compartir as ferramentas e o distanciamento entre traballadores tanto na recollida da uva como na hora do xantar son algunhas das pautas que marcan a vendima.

Ribeiro: “A vendima chega con case 15 días de adianto ó Ribeiro”

Este ano, o consello regulador da DO Ribeiro aprobaba en pleno as normas para a vendima xa o pasado 30 de xullo ante a previsión de que os traballos se adiantasen con respecto doutros anos. Aínda que algunha adega xa comezou a recoller uvas de variedades e zonas que maduran antes, agárdase que o groso da vendima sexa na primeira semana de setembro. “As previsións son de que haxa unha boa colleita, falta por ver as consecuencias que deixan tanto os paróns que tiveron algunhas adegas por mor das limitacións do Covid-19 como por ataques de mildio e botrite que houbo”, explica Juan Casares, presidente do Consello Regulador.
Agárdase que as adegas admitan toda a uva producida ó amparo da DO
Finalmente, e pese ó temor inicial, as adegas recollerán toda a uva producida ó amparo da DO. “Aínda que non se poida garantir por completo, as adegas máis importantes apuntaron o seu compromiso coa recollida, o que dá certa tranquilidade ós viticultores”, indica Casares. Porén, os colleiteiros con viñedos fóra dos terreos da demarcación da DO veranse afectados polas limitacións por hectárea estipuladas no Real Decreto 557/2020 do 9 xuño. “Esta limitación afectará sobre todo a viñedos cun marco de plantación antigo, o que incrementa as producións por hectárea e que dedicaban parte desas uvas ó viño de mesa. Esta medida vai acelerar o ritmo de abandono de terras de viñedo no Ribeiro”, valora Casares, que recorda a importancia de manter a actividade vitivinícola para garantir o futuro socieconómico da comarca.

Rías Baixas: “Prevese chegar ós 37,5 millóns de quilos de uva, un 15% máis que no 2019”

As primeiras estimacións nas Rías Baixas apuntan a un incremento da colleita do 15% con respecto ó ano pasado. As perspectivas son acadar os 37,5 millóns de quilos, segundo informan dende o Consello Regulador. Aínda que se estimaba que os traballos comezasen na primeira quincena de setembro, algunhas adegas prevén iniciar a vendima esta mesma semana. “O aumento da produción débese á elevada taxa de brotación que tivemos este ano, que foi case do 90%, e ó tamaño dos acios, que tamén está a ser maior que outras campañas”, explican. Os viñedos acusan un adianto fenolóxico de entre 10 e 15 días, logo dun inverno e unha primavera cálidos e con abundantes precipitacións. Estas condicións meteorolóxicas tamén deixaron importantes episodios de mildio. Porén, as previsións apuntan a unha colleita abundante e de boa calidade. Estado dos acios en viñedos da DO Rías Baixas en días pasados. // Foto: Consello Regulador Rías Baixas. Na cooperativa Martín Códax, con máis de 300 socios, apuran estes días os preparativos para o comezo da vendima. “Os viticultores están visitando os viñedos para determinar o momento óptimo para comezar os traballos, pero aínda non temos unha data concreta”, explican dende a cooperativa. Porén, agardan que a vendima se adiante e poida comezar xa mesmo na vindeira semana cando, polo xeral, agardaban a mediados do mes de setembro. Tamén están a concretar os protocolos de prevención que levarán a cabo na adega para evitar o contacto directo do persoal e reducir o risco de contaxio de coronavirus. “Estamos traballando para fixar as horas e espazos de recepción da uva para extremar as precaucións”, detallan. A medición regular da temperatura dos traballadores, o emprego de máscaras ou o uso de xeles son algunhas das medidas que incorporarán esta campaña. “Esta será a vendima máis atípica por causa do coronavirus e estamos desenvolvendo tódolos protocolos precisos para extremar as precaucións e garantir a seguridade dos traballadores”, argumentan.

Ribeira Sacra: “Agárdase boa calidade, aínda que a cantidade pode estar condicionada polos ataques de mildio”

Salvo imprevistos, a adega Ronsel do Sil, da subzona Ribeiras do Sil, será a primeira en iniciar este mércores a vendima na DO Ribeira Sacra. Na mentres, esta semana os técnicos do Consello Regulador están a realizar os controis de maduración para fixar unha data de inicio xeral da vendima nesta denominación. Viñedos da Ribeira Sacra. O estado sanitario dos viñedos é óptimo, polo que se agarda unha vendima de calidade. Porén, “a cantidade pode estar condicionada polos ataques de mildio que se sufriron durante a primavera”, valora Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador. Así, as previsións apuntan a que se recollerán uns 6 millóns de quilos de uva, por debaixo dos 7,2 millóns de uva da tempada pasada, sendo unha vendima de récord para esta denominación de orixe. As medidas preventivas polo Covid-19 están marcando tamén os preparativos da vendima, máis aínda cos gromos detectados nos últimos días en poboacións coma Monforte. Dende o Consello Regulador activaron novos protocolos preventivos para extremar as precaucións nas visitas de control ós viñedos e tamén remitiron ás adegas a necesidade de incorporar medidas preventivas.

Monterrei: “As chuvias foron no momento axeitado e agárdase que o bo tempo favoreza a maduración da uva”

Na DO Monterrei a previsión inicial era que a vendima comezara xa nestes últimos días do mes de agosto, pero logo das últimas choivas, a maioría das adegas atrasarana ata comezos de setembro. As precipitacións foron tamén moi ben recibidas nestes viñedos, que xa acusaban un importante estrés hídrico. “As temperaturas tan elevadas deste verán fixeron que as plantas, que xa levaban un adianto fenolóxico de case 10 días con respecto do ano pasado, sufriran un importante estrés hídrico que estaba a frear a maduración”, explica Luis Miguel López, director técnico do Consello Regulador. Logo das precipitacións, as previsións de bo tempo para esta semana son unha boa nova para os vitivinicultores. “As chuvias viñeron no momento axeitado e agora coa previsión de que o anticiclón das Azores volva tocar Galicia agárdase que as uvas poidan acadar a maduración óptima”, apunta López.
“Pese a ataques puntuais de mildio, o estado sanitario da uva é excelente”
Todo apunta a que a deste ano será unha boa colleita. “Pese a ataques puntuais de mildio, o estado sanitario da uva é excelente”, informa o técnico. Porén, dende o Consello Regulador desbotan facer unha estimación, polo momento, dado que aínda restan días para entrar en plena campaña e a meteoroloxía pode tirar polo chan as previsións. A primeira adega que ten previsto iniciar a vendima é Pazo das Tapias (Verín), que comezará este xoves, segundo as previsións. Con todo, a maioría das adegas opta por agardar uns días máis. Na adega Daniel Fernández, situada en Verín, agardan comezar a vendima a mediados do mes de setembro, unha semana antes do habitual. “Polo de agora, vai todo moi ben encamiñado e parece que imos ter unha moi boa colleita, sobre todo en canto a calidade, en especial nas cepas de Godello”, explica Alberto Fernández, responsable da adega. Nestes días previos, na adega están comezando a contratación de persoal e a valorar os protocolos sanitarios que deberán seguir os temporeiros para evitar os contaxios. Tamén dende o Consello Regulador están informando ás adegas para que extremen as precaucións e as medidas sanitarias, ó tempo que os propios técnicos e persoal do órgano regulador están incorporando protocolos axeitados.

Medidas preventivas fronte ó Covid-19 na vendima

Ante o inicio da vendima, a Federación Rural Galega (Fruga) reclámalle tanto á Consellería de Sanidade como á de Medio Rural un catálogo de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte ó Covid-19. A organización agraria reitera en nota de prensa esta petición, centrada agora no sector vitivinícola, logo de non ter recibido contestación á solicitude realizada xa no mes de xullo que reclamaba estas indicacións para os sectores agropecuario e forestal. A Fruga incide na necesidade de contar con estas ferramentas sobre todo para aquelas adegas de menor tamaño e familiares que non teñen capacidade para desenvolver uns protocolos. Apuntan que a solicitude de facer test ós temporeiros contratados, realizada pola Consellería de Sanidade, para o cribado dos gromos que poidan producirse na vendima, non abonda para afrontar a situación actual, dada a escalada de contaxios rexistrados nos últimos días en Galicia.

A DO Rías Baixas prevé vendimar ata un 15% máis que o ano pasado

A Denominación de Orixe Rías Baixas estima que esta vendima se recollan 37,5 millóns de quilos de uvas, o que suporía un incremento do 15% con respecto á colleita do 2019. Esas son as cifras que manexa o Consello Regulador no Informe de Estimación de Colleita 2020, que presentou no pleno celebrado a finais de xullo. Tamén estiman que a vendima comece a primeira quincena de setembro, aínda que esta previsión está condicionada á evolución meteorolóxica do mes de agosto. Así, cada adega valorará o momento óptimo para o comezo dos traballos en función dos controis de maduración que realicen nos seus viñedos. As estimacións foron realizadas polo Departamento Técnico do Consello Regulador en base á información recollida no 49% das 4.064 hectáreas de superficie produtiva da denominación. Realizouse unha enquisa ós técnicos de campo durante a primeira semana do mes de xullo, unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola. Ditos datos foron logo ponderados estadisticamente co obxectivo de unificar criterios. O aumento da produción débese, segundo indican dende o Consello Regulador, a unha elevada taxa de brotación, arredor dun 90%, e uns acios maiores que outros anos. As minguas durante o período de brotación, cuxa media é dun 12%, atribúenas, sobre todo, a problemas xeralizados de fungos, en especial ó mildio, que resultaron máis problemáticas naqueles viñedos sen un axeitado asesoramento técnico.

Adianto da vendima

O informe elaborado por persoal do Consello Regulador apunta a que o ciclo da colleita 2020 está a presentar un adianto fenolóxico duns 10 -15 días, polo que se prevé un inicio da vendima para a primeira quincena de setembro. “A esta situación chégase tras un inverno e unha primavera moi cálidos, con abundantes precipitacións e, en ocasións, días tormentosos. De feito, a brotación comezou moi cedo, concretamente o 10 de marzo”, detallan os técnicos. O feito de que a segunda quincena de xullo resultase moi seca, con altas temperaturas e nalgunhas xornadas con ventos do norte e do nordés, demorou o desenvolvemento do ciclo da vide. "Se se mantivese esta meteoroloxía, podería supor algunha mingua na produción durante a vendima por deshidratación da uva", indican dende o Consello Regulador.