Archives

Larsa boicotea a Ulega e negocia directamente cos gandeiros a renovación dos contratos do leite

Protesta convocada por UUAA diante da planta de Larsa en Outeiro de Rei o pasado 16 de novembro Non sentou ben a Capsa, dona de Larsa, que o sindicato Unións Agrarias levase a cabo accións de protesta diante da súa planta de Outeiro de Rei o pasado mes de novembro. A empresa, propietaria tamén de Central Lechera Asturiana, está a tomar represalias contra Ulega na actual negociación para a renovación dos contratos de recollida de leite ás granxas, segundo denunciaron este mércores en rolda de prensa Xosé Manuel Liste-Liñares, presidente de Ulega, e Oscar Pose, asesor técnico da organización de produtores vinculada a UUAA. “Levamos varios anos negociando coas empresas lácteas os contratos do leite, pero este ano Larsa está poñendo impedimentos e boicoteando a negociación con Ulega, obrigando aos gandeiros de maneira individual a asinar baixo a ameaza de non recollerlles o leite”, denunciou Xosé Manuel Liste-Liñares.
Con Larsa o ano pasado houbo negociación por parte de Ulega sen chegar a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros presionándoos para que asinen baixo a ameaza de non recollerlles o leite
“Puxemos esta situación en coñecemento do Ministerio, a través da Aica, e da Xunta hai xa dúas semanas para que tomen medidas inmediatas”, explicou Óscar Pose, que reclama “unha actuación inmediata, contundente e exemplarizante ante prácticas que son contrarias ao paquete lácteo”, dixo.
Non recoñecer a unha organización de produtores como interlocutora na negociación dos contratos é un incumprimento do paquete lácteo. Así llo trasladamos hai 2 semanas á Aica e estamos agardando que actúe
“Con Larsa os outros anos estableceuse unha negociación en conxunto sen problema, aínda que non se chegou a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros que pertencen a Ulega. O obxectivo está claro: Capsa non quere negociar con Ulega porque prefire negociar individualmente cos produtores”, denunciou Óscar Pose, que considerou “intolerable a actitude da empresa de non recoñecer a unha organización de produtores legalmente constituída “e máis vindo dun grupo con base cooperativa cuxo máximo responsable é ao mesmo tempo o presidente da Fenil”, lembrou.
Ulega foi a primeira organización de produtores de leite de vaca recoñecida polo Ministerio de Agricultura a nivel estatal, xa no ano 2012, e hoxe reúne a 1.600 gandeiros
Con estas prácticas, “estase presionando ás cerca de 1.000 explotacións ás que recolle en Galicia para que asinen un contrato co que non están de acordo”, asegura UUAA. “Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias”, critican. Mediador público Desde Ulega pediron ao Ministerio “que estableza un mediador público, como existe noutros países, por exemplo en Francia, para resolver o conflito aberto entre a organización de produtores e Capsa e poder axilizar a sinatura dos contratos”, reclamou Xosé Manuel Liste-Liñares. En caso de desacordo entre as partes na negociación, sería ese mediador, escollido pola Administración, o que fixaría as condicións que deben cumprir ambas partes, explicou.

“Os contratos que estean por debaixo de 38 céntimos non cubren os custos de produción”

Oscar Pose xunto ao presidente de Ulega, Xosé Manuel Liste-Liñares, na rolda de prensa deste mércores O sindicato Unións Agrarias aproveitou a rolda de prensa na que denunciou a actitude de Larsa para analizar cal é a situación no mercado lácteo e os cambios que se están producindo nos contratos de cara á súa renovación para a campaña 2022-2023. “Este ano estamos ante unha situación moi difícil para as ganderías polo incremento de custos que se está producindo e as previsións de cara aos vindeiros meses non son alentadoras, posto que non se agarda unha baixada a curto prazo dos custos de alimentación”, indicou Óscar Pose.
Entramos nun momento do ano de grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite
“No sector os produtores entramos ademais neste momento en grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite”, asegurou. Custos de produción entre 38 e 40 céntimos Á vista das ofertas que están a facer as distintas industrias de cara á renovación dos contratos, existen notables diferenzas de prezos. “Entrepinares ou Pascual están a poñer sobre a mesa contratos razoables para os produtores e deben ser o exemplo a seguir. Son ofertas que se moven no entorno dos 38 céntimos máis calidades. Pero hai outras industrias que claramente se quedan por debaixo dos custos de produción, que estarían hoxe entre os 38 e os 40 céntimos, segundo os datos facilitados pola Xunta con medias de datos reais tomados de explotacións galegas” asegurou Óscar Pose. Contratos referenciados á cotización dos produtos industriais No caso de Larsa, fíxase un 70% a prezo fixo de 31,5 céntimos e o 30% restante referenciado a produtos lácteos industriais como a manteiga e o leite en po. A mesma fórmula é a utilizada por outras empresas, como Inleit.
Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias
Nestes casos, denuncian desde UUAA, “os gandeiros quedan a expensas dos prezos dos produtos industriais nos mercados internacionais, sobre os que non pode actuar a propia empresa e moito menos os gandeiros”.
Ulega e UUAA están en desacordo cos modelos de contrato ligados a prezos industriais
“Preocúpanos que ningún destes contratos leven referencia algunha aos custos de produción, porque a suba da manteiga e o leite en po foi do 60% no último ano, e os valores actuais están en máximos históricos, que é o que mantén o prezo alto neses contratos de xeito artificial neste momento, pero se se producira unha caída brusca o prezo do leite tamén caería, no caso de Larsa ata os 31,5 céntimos, que é o solo fixado como límite por abaixo nos contratos, moi lonxe dos custos de produción”, explican. Contratos distribución-industria UUAA está traballando coa distribución para que nos contratos de compra do leite ás industrias se estableza unha cláusula que fixe que o leite que vende esa empresa é mercado aos gandeiros a un prezo que cubre os custos de produción.                 “A distribución e a industria amañaron a súa parte na segunda metade do ano pasado, subindo o prezo no liñal e nos contratos industria-distribución, pero faltan os produtores, que non teñen esa capacidade, polo que se non se revalorizan os contratos en campo estaremos nunha situación límite con perdas nos vindeiros meses”, prognosticou.

Proxecto piloto para o tratamento de enfermidades provocadas polo cambio climático no gando vacún

O aumento das condicións extremas dificulta a produción de leite en determinadas zonas. Na imaxe, ventilador instalado en Casa Devesa, una explotación ubicada en Monforte de Lemos. A Unión Leiteira Galega (Ulega) porá en marcha un proxecto piloto para analizar cales son os efectos do cambio climático sobre as vacas de produción de leite e establecer que medidas se poden adoptar nas explotacións para mitigar os seus efectos. O proxecto, financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Fundación Biodiversidade, denomínase VECTOCC, pois céntrase sobre todo naquelas enfermidades transmitidas por vectores dependentes do aumento da temperatura global ou o incremento dos fenómenos meteorolóxicos extremos como consecuencia do cambio climático.
O proxecto VECTOCC prepara novas armas contra as enfermidades do gando derivadas do quecemento global, tales como o incremento de infeccións respiratorias ou mamite
A iniciativa, que consta de dous anos de duración, atópase nunha fase inicial, segundo explica Noelia Gil, de Ulega, na que se trata de identificar as consecuencias do cambio climático sobre a sanidade animal e a produción de leite. Nesta primeira fase participan tanto gandeiros como veterinarios e expertos e investigadores en sanidade animal. "Trátase de analizar e coñecer as evidencias técnicas actuais dos impactos do cambio climático nas enfermidades gandeiras producidas por vectores de transmisión, para o que se instalarán sensores e medidores nas granxas para poder cuantificar como lles afecta o cambio climático e analizar posteriormente se as medidas correctoras aplicadas funcionan e son viables", indica. Ensaios en explotacións VECTOCC conta cunha segunda fase, na que se implementarán en distintas explotacións medidas correctoras para paliar estas consecuencias e analizaranse os seus resultados e eficacia, co obxectivo de establecer pautas de actuación e unha serie de recomendacións testadas coas que se pretenden desenvolver novas estratexias de loita contra aquelas enfermidades do gando vacún que veñen derivadas do cambio climático.
As medidas propostas serán probadas en explotacións de Galicia, Asturias e Cataluña
A innovación que supón este proxecto é que as medidas de adaptación poderanse testar in situ e en tempo real, en explotacións piloto. Isto permitirá a retroalimentación na elaboración da estratexia final. Esta transferencia e validación práctica realizarase en tres gandeirías de Galicia, Asturias e Cataluña. As estratexias para adoptar en cada granxa dependerán das características de cada explotación, das recomendacións personalizadas que para cada unha delas realicen os distintos expertos e das condicións climáticas en cada rexión, pois estas varían, por exemplo, de Cataluña á cornixa cantábrica, segundo explica Noelia. Medidas: desde melloras nas instalacións a cambios no manexo O obxectivo final do proxecto VECTOCC consiste na elaboración dunha guía cunha serie de estratexias de adaptación e mitigación ao cambio climático asociadas a vectores de transmisión de enfermidades do gando vacún. "Publicarase un manual con distintas medidas que estará dispoñible para que os gandeiros poidan implementalas nas súas granxas e desenvolveranse talleres prácticos para explicar como adoptar estes cambios", detalla Noelia, que explica que aínda que o cambio climático afecta a todo tipo de explotacións, tanto de produción de leite como de carne, o proxecto está orientado a gandeirías lácteas porque "son as que máis se ven afectadas tanto en canto a produción como a calidade do leite", explica.
Establecerase unha estratexia de adaptación e mitigación ao cambio climático, vinculada á problemática de enfermidades de transmisión vectorial que afectan o gando
Por iso, VECTOCC tratará de fortalecer e desenvolver capacidades para manexar os riscos sanitarios incrementados polo cambio climático, o cal favorecerá a sanidade e o benestar animal, reducindo a vulnerabilidade das explotacións. As medidas correctoras irán, dependendo de cada caso, desde unha serie de melloras nas instalacións, como introdución de ventiladores ou cumios abertos para facer fronte ao incremento de enfermidades respiratorias e tensións por calor do gando, á introdución de protocolos máis estritos no muxido para facer fronte a problemas de mamite ou cambios de manexo como non amorear aos animais permitindo que dispoñan de máis espazo por cabeza.

"Existe risco de aparición de doenzas en latitudes moito máis ao norte do habitual"

O episodio de calor inusual vivido no pasado mes de febreiro, con temperaturas máis propias da primavera ou do verán que do inverno, deixou ao descuberto unha vez máis os efectos do cambio climático, unhas modificacións ambientais que están a introducir doenzas en latitudes moito máis ao norte dos lugares onde son endémicas. "O cambio climático trae como consecuencia un incremento dos picos de fenómenos meteorolóxicos extremos aos que a vaca non está afeita, uns cambios bruscos e rápidos aos que ao organismo non lle dá tempo a adaptarse", indica Noelia, que explica que o obxectivo do proxecto VECTOCC é precisamente mellorar o estado sanitario dos animais vacúns nas explotacións, grazas á aplicación de medidas de adaptación e mitigación, para controlar os vectores de transmisión vinculados ao cambio climático.
Ulega, a organización de produtores lácteos promovida por UUAA, foi creada no ano 2011 e conta na actualidade con 2.300 gandeiros adscritos negociando en conxunto un volume de 700 millóns de litros de leite
Estas alteracións poden incluír a aparición de novas síndromes e un cambio na prevalencia de enfermidades existentes, especialmente as que se transmiten por vectores. "Os vectores poden alcanzar novas áreas xeográficas estendéndose a áreas non inmunes. Ademais poden aumentar o seu período de actividade e/ou o seu período de transmisión, aumentando así o risco de aparición de enfermidades en latitudes moito máis ao norte do que se coñece actualmente", explica esta técnico integrante do persoal de Ulega, a organización de produtores lácteos promovida no seu día polo sindicato Unións Agrarias (UUAA), que foi creada no ano 2011 e que conta na actualidade con 2.300 gandeiros adscritos negociando en conxunto un volume de 700 millóns de litros de leite.
Constatouse un lixeiro aumento da lingua azul que estaría relacionado co cambio climático pero non sabemos en que porcentaxe estaría motivado por este feito porque é algo que non está cuantificado
"A gandeiría está a sufrir moitas perdas por enfermidades transmitidas por vectores dependentes do cambio climático, por exemplo a lingua azul, pero tamén polo aumento das enfermidades respiratorias ou infecciosas e por afectacións como a mamite", indica. "Constatouse un lixeiro aumento da lingua azul que estaría relacionado co cambio climático pero non sabemos en que porcentaxe estaría motivado por este feito porque é algo que non está cuantificado, do mesmo xeito que o incremento de temperatura afecta á calidade do aire e á cantidade de partículas en suspensión, motivando maiores afeccións respiratorias, así como maiores niveis de estrés por calor do animal, o que afecta á produción e á calidade do leite", detalla Noelia, constatando que "antes estas diminucións na produción dábanse só no verán, pero agora xa está a haber picos de calor noutras épocas do ano, como na primavera ou no outono", asegura.
O aumento de temperatura afecta á calidade do aire incrementando as enfermidades respiratorias do gando e a variación brusca dos niveis de humidade condiciona as características das camas provocando mamite
Do mesmo xeito que a calidade do aire vese comprometida polo aumento de temperatura, as condicións de confort do gando tamén varían en función de que o fagan tamén as condicións atmosféricas. Así, as variacións de humidade provocan cambios nas condicións das camas das vacas, favorecendo a aparicion de mamite. "Os cambios meteorolóxicos bruscos cambian as condicións ambientais da granxa e modifican a calidade das camas das vacas, dado que a alta humidade sumada á temperatura favorece a proliferación de patóxenos", explica Noelia Gil. A cantidade e calidade da produción gandeira verase afectada, debido á convalecencia do gando, o seu sacrificio ou o seu illamento por medicación, comprometendo deste xeito a rendibilidade económica das explotacións e o benestar animal. As respostas a estes desafíos requiren desenvolver estratexias para fomentar a capacidade adaptativa, non só dos profesionais gandeiros, senón tamén dos servizos veterinarios.