Archives

A Xunta defende o baleirado sanitario para facer fronte á tuberculose bovina

A Consellería do Medio Rural defende o recurso ao baleirado sanitario, incluíndo o sacrificio de animais sans, ante a detección de positivos por tuberculose bovina nas explotacións gandeiras.

En concreto, e tras a manifestación de hoxe convocada en Ourense polo Sindicato Labrego Galego en protesta polo baleirado sanitario dunha gandería de Manzadena na que se detectaron positivos de tuberculose, o departamento que dirixe José González fai un chamamento a “non facer demagoxia nin lanzar declaracións irresponsables” e subliña que “dende a Xunta cumprimos escrupulosamente coa normativa para protexer o sector, a sanidade animal e a saúde pública”, lembrando que a tuberculose bovina “é unha enfermidade transmisible ás persoas”.

Neste sentido, dende Medio Rural inciden en que “o sacrificio é obrigatorio, segundo establece a normativa, unha medida de control contemplada no programa nacional de erradicación da tuberculose bovina”, precisando que “traballamos para atallar o foco, ofrecer unha viabilidade futura á explotación e protexer ás restantes libres desta doenza”.

No caso concreto da gandería de Manzaneda, dende Medio Rural aseguran que “os Servizos Veterinarios da Consellería facilitaron ao titular da explotación toda a información sobre o motivo do baleiro sanitario, o proceso para levalo a cabo, o contido da normativa e as liñas de compensación ás que se poderá acoller”.

E no relativo ás compensacións ás ganderías afectadas por un baleiro sanitario por tuberculose bovina, a Xunta recorda que “ademais da indemnización establecida polo Goberno central, en Galicia, financiadas con fondos propios, hai dúas liñas complementarias: para compensar o lucro cesante e para a reposición dos animais sacrificados”.

Ademais, recordan que “os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados, así como os importes dos seguros agrarios subscritos -no caso de que cubran os sacrificios realizados con motivo das campañas de saneamento, tamén subvencionadas polas administracións públicas-. “E a limpeza e desinfección das instalacións é asumida pola Xunta”, engaden.

Concentración en Ourense para esixirlle á Xunta que non sacrifique as vacas sans nas ganderías con positivos por tuberculose

Esta mañá tivo lugar diante ante a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense unha concentración en apoio á granxa de vacún de carne de Manzaneda á que a Xunta obrigou a enviar ao matadoiro 46 animais sans tras detectar un positivo por tuberculose. A concentración, convocada polo Sindicato Labrego Galego, tamén serviu para a protestar polo que consideran “indemnizacións de miseria” ás ganderías afectadas por un baleirado sanitario, unha situación que aseguran está vinculada á declaración de Zona de Prevalencia 0 de Tuberculose no territorio galego . A secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, cualificou de “barbaridade que, dende que no 2021 se declarou a Galicia zona libre de tuberculose, a Xunta para manter este estatus sanitario cando aparece algún positivo nas probas de laboratorio nunha granxa de vacún todos os animais sans tamén obriga a envialos ao matadoiro”. “É unha situación inxusta para as ganderías galegas, porque noutras Comunidades con tasas de tuberculose algo máis elevadas que as de Galicia, se pasara este caso a administración autonómica non realizaría baleirado sanitario, senón que seguiría facendo probas para comprobar que non aparecen máis positivos”, engadiu. Por último, Isabel Vilalba advertiu de que “co baleirado sanitario tampouco se garante que se erradica a enfermidade, pois hai reservorios da enfermidade na fauna silvestre e nada impide que as novas vacas que entren se podan volver contaxiar”.

Protesta o martes en Ourense contra o sacrificio de todos os animais en explotacións con algún caso positivo por tuberculose

Protesta o pasado martes na explotación gandeira de Manzaneda afectada por un caso de baleirado sanitario O vindeiro martes 26 de marzo terá lugar ás 11:30 horas diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense unha concentración de protesta "fronte ao sacrificio obrigatorio de centos de animais e as indemnizacións de miseria vinculadas á declaración de Zona de Prevalencia 0 de Tuberculose no territorio galego". No ano 2021 Galicia foi declarada libre de tuberculose ou zona de Prevalencia 0. Esta clasificación permítelle á Xunta “flexibilizar” as medidas de loita contra esta doenza, por exemplo reducindo o saneamento anual a un saneamento cada tres anos, pero nas granxas implica que cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais (baleirado sanitario).
Cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais da granxa, procedendo ao seu baleirado sanitario
Contraditoriamente, se unha granxa na que se identifican positivos está nunha comunidade que non teña declarada a prevalencia 0, as probas repítense aos 45 días e non matan todos os animais. Por iso, desde o Sindicato Labrego Galego denuncian o carácter "discriminatorio e desproporcionado" destas medidas, que supoñen, din, "unha ruína para as persoas gandeiras que se podan ver afectadas" por elas.
Animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio
"Esta situación é aínda máis inxusta se cabe se termos en conta que, malia a cualificación de prevalencia 0, animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio. Ademais, está cientificamente demostrado que a tuberculose bovina se mantén en reservorios silvestres, como as poboacións de corzos, cérvidos en xeral ou xabarín", argumentan desde o SLG. O caso dunha granxa afectada en Manzaneda Nas últimas semanas o SLG fíxose eco do caso dunha granxa de Manzaneda, á que por tres positivos van proceder a sacrificarlles 40 animais, redundando nunha perda económica superior aos 30.000€, así como en dous anos como mínimo de ausencia de beneficios económicos (o tempo medio estimado de recuperación desta unidade produtiva). "Pero esta situación vense repetindo dende fai tempo: o ano pasado obrigaron a matar 400 animais dunha granxa da Terra Chá", engaden no Sindicato Labrego. "A situación é grave. Foron solicitadas varias xuntanzas urxentes e trasladada unha batería de medidas, máis até o de agora non obtivemos resposta. Consideramos unha absoluta irresponsabilidade que a Consellería do Medio Rural non estea mantendo un diálogo co sector a fin de abordar esta realidade", conclúen. 

Denuncian “a absoluta indefensión” da granxa de Manzaneda á que se lle obrigará a sacrificar 40 vacas sás

Na mañá de hoxe tivo lugar finalmente nunha gandería de vacún de carne de Manzaneda a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia tras a aparición de 3 vacas positivas por tuberculose. A marcaxe foi paralizada o pasado venres grazas ao apoio de arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna; boa parte deles tamén achegáronse esta mañá para dar apoio aos gandeiros afectados. O responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa, presente tamén hoxe durante a intervención do persoal veterinario da Consellaría do Medio Rural, destacou a “dolorosa situación de indefensión na que se atopan estes gandeiros”. “Estes compañeiros están indefensos. Primeiro, porque non se lles permitiron facer probas de contraste. Segundo, porque non lles permitiron diferenciar as unidades de rabaño. Terceiro, porque ven que con este baleirado sanitario van perder máis de 30.000 euros. Cuarto, porque toda a carga emocional a teñen que afrontar solos. Quinto, porque a Xunta de Galicia sÓ se adica a asinar sentenzas e impor sancións, como se non tivera Consellaría do Medio Rural para xestionar situacións deste tipo. Quinto, porque teñen que cargar con todo o traballo de levar os animais ao matadoiro, buscar toda a infraestrutura de transporte, para a fin de contas malvender. Sexto, porque teñen que conseguir nun período curto de tempo novos animais para reposición e logo agardar máis de 2 anos para empezar a producir. E sétimo, porque quedan 4 vacas preñadas, que se lles vai a provocar o parto prematuro e posterior eutanasia para os pobres becerriños. Calquera persoa no seu lugar sentiríase indefensa”, subliñou. Neste sentido, dende o SLG consideran “moi chamativo, se ben non novidoso, que o Conselleiro José González Vázquez estea desaparecido.” “A Consellaría do Medio Rural -lembran- é perfectamente consciente de que a calquera granxa galega lle pode pasar unha situación así e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixienico-sanitarias. De feito, no SLG temos noticia de que están aparecendo positivas en tuberculose en diferentes granxas e os estudos científicos indican que está presente nos reservorios silvestres das poboacións de xabarín e corzo, entre outros”. Ante esta situación, reiteran dende o SLG a “urxencia de manter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural, solicitada a pasada semana mais non atendida até o momento, así como a inmediata abordaxe de cuestións fundamentais en materia de saneamento animal, como a revisión da pervalencia 0 de tuberculose na Galiza, a realización de probas de diagnose que aclaren a verdadeira incidencia da enfermidade e a reactivación dos controis anuais de saneamento , de eficacia demostrada ao longo destes anos, en detrimento de medidas puramente efectistas como sacrificar ducias de vacas sás e provocar abortos pola detección de casos na granxa”. Ademais, lembran que “as vacas marcadas hoxe na granxa de Manzaneda non cumpren os requisitos institucionais para seguir o seu ciclo produtivo na granxa, mais si para ser incorporadas á cadea de alimentación humana como calquera outro animal san, e a única diferenza vai ser o prezo percibido polos gandeiros, xa que os intermediarios aprovéitanse da obrigatoriedade de sacrificar para ofrecer prezos máis baixos que os existentes a día de hoxe no mercado”.

Centos de persoas impiden o baleirado sanitario dunha granxa de Manzaneda

Arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna xuntáronse este venres nunha concentración de apoio aos gandeiros afectados por un posible baleirado sanitario da súa granxa, ubicada na aldea de Palleirós (Manzaneda), onde estaba prevista a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia. Finalmente a marcaxe foi impedida, adiándoa o servizo veterinario da Xunta de Galicia para o vindeiro martes 19 de marzo. Durante a concentración tamén se aprobou unha batería de medidas urxentes a esixir á Consellaría do Medio Rural.  “Queremos denunciar que se quere sacrificar animais totalmente sans, simplemente por criterios propios dos Servizos Veterinarios Oficiais, simplemente por sospeitas de que poderían conter a enfermidade de tuberculose e sen mais criterios que a sua propia intuición. Pídese dende eiquí e agora a toda Administración que se esgoten todas as medidas previas de análise, estudios, etc.. antes de adoptar unha medida tan gravosa para unha explotación gandeira como é o baleirado sanitario”, demandou o responsábel do Sindicato Labrego Galego na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa. “Malia que a Administración galega ten marxe dentro da legalidade para facer as probas que determinen que animais está contaxiados ou non, malia as reiteradas solicitudes, a Consellaría do Medio Rural nunca quixo acceder a realizar máis análises e estudos que concretasen a existencia de propagación da enfermidade”, explican o representante do SLG. “Por tanto, a día de hoxe -engadiu- non sabemos se está de forma latente na cabana gandeira da propia explotación ou explotación lindeiras, se pode provir doutras especies distintas de vacún ou se está presente na fauna salvaxe, como o xabarín, o corzo, o teixugo, etc.. Denunciamos esta falta de rigor por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais, que semellan preferir adoptar medidas que non impliquen máis esforzo que asinar papeis”. Por outra banda, advertiu Pérez Rúa, “non nos vale a escusa de que teñen que seguir os protocolos que lles impón o Ministerio, porque estes protocolos tamén din que permiten que se esgoten outras vías antes de adoptar medidas tan drásticas como o baleirado sanitario. Ademáis, cómpre tamén sinalar que esta medida enmárcase na catalogación de prevalencia 0 na Galiza, pero, ao contrario do que sería lóxico, se esta granxa estivera noutras zonas do Estado onde si hai declarada prevalencia, só serían sacrificadas as que deron positivo”. “Se esta explotación estivese a uns kilómetros de eiquí, en Zamora por exemplo, tan só se sacrificarían aos animais enfermos e aos animais sans fáiselles un seguimento pormenorizado. Polo tanto non se entende que con mellores niveis sanitarios, teñamos medidas moito máis drásticas e prexudiciais para os intereses das explotación. O lóxico sería que aquelas comunidades que non cumpren coas prevalencias mínimas tivesen medidas máis drásticas para chegar ao baremos medios sanitarios e neste caso ocorre xustamente o contrario. O mundo ó revés. Debemos de ser os tontos da película nas reunións sectoriais co Ministerio”, criticou o representante do SLG. Ademais, lembrou que malia que os propios servizos veterinarios oficiais estiman en 800 euros as perdas por animal sacrificado, estase percibindo unha media de só 600 euros por animal: “No intre de marcar aos animais por motivo dun sacrificio obrigatorio, que se van comercializar para consumo humano, os intermediarios aprovéitanse e vanse malvender”. “De tódolos xeitos, os 500 euros máximo por vaca que subvenciona a Xunta para repoñer a vaca sacrificada por un sacrificio obrigatorio son claramente insuficientes no contexto actual, que para comprar unha vaca os prezos superan os 2.000 euros”, concreta Pérez Rúa. En canto ao lucro cesante, se ben o período medio de inactividade das granxas e de arredor de dous anos, a indemnización da Xunta só cubre 6 meses. Canda o cumprimento das medidas recollidas no acordo asembleario de onte en Palleirós, o representante do SLG-CCLL pechou a súa intervención apelando tamén dun trato máis humán por parte da Consellaría para cas gandeiras e gandeiros cando se decreta un baleirado sanitario: “E por último e non menos importante, pídolle a todos os funcionarios da Administración unha maior sensibilidade, porque en todo este proceso que eu mesmo seguín, notei unha falta de empatía e unha frialdade absoluta con que se lles notifica un proceso tan doloroso tanto económico como emocional como é un vacío sanitario”.

O Sindicato Labrego suxire definir alternativas fronte ó baleirado sanitario por tuberculose

En Galicia, a tuberculose bovina considérase controlada, cunha prevalencia do 0,1 %. Pero cando se detecta un caso, declárase o baleirado sanitario da correspondente granxa, unha situación "dura para as ganderías afectadas" -valora o Sindicato Labrego-, que apunta o impacto económico e emocional desta medida, que leva ó sacrificio de todo o rabaño. A organización agraria suxire concretar alternativas para Galicia. Cando se produce un destes casos, algunhas comunidades autónomas adoptaron medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, explica o Sindicato Labrego en nota de prensa. Así, prefiren manter unha cualificación sanitaria inferior para esas granxas e elimínanse tan só os animais afectados, evitando así a morte dos animais sans. Isto provoca unha perda económica menos gravosa. A Xunta de Galicia, pola súa banda, malia ser consciente de que non existe a total eliminación da doenza da tuberculose, ordena un baleirado sanitario”, destacan dende o Sindicato. Granxa de Manzaneda Dende o Sindicato exemplifican cun caso dunha granxa de Manzaneda, que nestes días están a sufrir esta situación. “Toda a ilusión e os aforros dunha vida invertidos nunha explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaécense nun abrir e pechar de ollos”, cuestiona a organización agraria. O cálculo dun baleirado sanitario de toda a explotación supón un prexuízo económico importante, estimándose unhas perdas de 800 euros por cada animal sacrificado. No caso desta granxa de Manzaneda ascenderán a uns 32.000 euros, e as axudas prometidas "non cobren a perda total da explotación" -valora a organización, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. A organización agraria engade que ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento. Este tipo de situacións, subliña o SLG, contribúe a incrementar o abandono da actividade agrogandeira e desalenta o relevo xeracional.

A FRUGA denuncia falsos positivos na campaña de saneamento da tuberculose bovina

A Federación Rural Galega (FRUGA) considera que "as actuais campañas de saneamento que se están a realizar polo país, están levando consigo un importante número de sacrificios de animais, como consecuencia dunha reacción á proba de tuberculose". "Moitos destes animais, cando acoden ao matadoiro e son analizados a través dunha proba postmorten, confírmase que eran animais sans, que non padecían ningún tipo de patoloxía pola cal deberían ser eliminados", advirten. Neste sentido, a FRUGA denuncia que "se trata dun protocolo moi agresivo cos gandeiros e gandeiras, que impide que se realice unha proba de contraste para saber se as reaccións do animal se deben a outro tipo de enfermidades, como pode ser a gripe aviar".  Por último, reclaman que "se bote man doutro tipo de probas desbotando os criterios iniciais das campañas de saneamento que xustificaban a necesidade da erradicación da tuberculose bovina".

Publicadas as indemnizacións por saneamento gandeiro, que este ano inclúen a EHE

Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde de axudas para a indemnización de animais sacrificados no marco de programas oficiais de saneamento gandeiro, que inclúe desta volta a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2024 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2023, financiaranse con cargo á partida orzamentaria establecida, por un importe total de 975.000 euros. A Xunta opta deste xeito por incluír a EHE como unha enfermidade gandeira máis, sen establecer unha partida específica para ela. Como se esperaba, os pagos pola EHE non inclúen apoios ás explotacións polo lucro cesante causado pola enfermidade en animais que non morran. Era algo que se solicitara á Consellería por parte dos sindicatos agrarios e as distintas asociacións de gandeiros, pero a Xunta xa advertira de que non o faría. As indemnizacións por morte terán en conta a idade do animal e a súa vocación produtiva. Aplicaranse os seguintes criterios para establecer os baremos de indemnización das razas de animais de aptitude mixta (por exemplo, nas razas bovinas Parda alpina, Normanda, Fleckvieh, Montbeliarde, Conxunto mestizo, etc.): 
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de leite, indemnizarase como de aptitude leiteira.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de carne, indemnizarase como de aptitude cárnica.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción mixta, será indemnizado como de aptitude leiteira.
As explotacións que se atopen incluídas nunha Agrupación de Defensa Sanitaria percibirán un incremento do 10% no importe da indemnización e deberán seguir pertencendo a unha ADSG unha vez que a persoa titular da explotación presente a solicitude de indemnización. As ganderías ecolóxicas terán un plus do 5%. O baremo oficial do Ministerio de Agricultura estipula que nas explotacións de carne, o valor dos animais adultos (24-48 meses) é de 707 euros. No caso das granxas de leite, as vacas de 24 a 48 meses teñen un baremo de 907 euros. Eses son os valores máximos por animal e van descendendo tanto en animais de maior idade como en xovencas e becerras. A normativa ministerial establece como estándar que se pague un 85% do baremo, se ben no caso de baleiro sanitario pagaríase o 100% e en casos de decomiso de animais, hai un pago adicional. Enfermidades incluídas O obxecto da orde publicada é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei de Sanidade Animal de 2003.
Inclúense os casos sospeitosos de lingua azul e os focos de peste porcina africana, caso de producirse
Poderán optar ás indemnizacións os titulares de explotacións con animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén no caso de animais sacrificados por motivos de sospeita da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles ou por padecer EHE. No caso das explotacións avícolas, aquelas afectadas pola enfermidade de Newcastle, casos de salmonela ou outro tipo de focos de influenza aviaria. En granxas de porcos, os animais mortos ou sacrificados por mor da declaración dun foco de peste porcina clásica ou africana e en granxas de visións as que sexan sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

Convocadas as axudas por sacrificio obrigatorio do gando 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas de compensacións complementarias e para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. Estas subvencións contan cun orzamento de 125.000 euros.

Así, por unha banda, esta orde regula dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas complementarias (lucro cesante). En primeiro lugar, coas axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período no que non se permite a incorporación de novos animais (período de baleiro). En segundo termo, coas subvencións de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período dende que se autoriza a incorporación de novos animais, ata que esta se fai efectiva (período de postautorización).

O prazo para a presentación de solicitudes será desde este mércores, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, ata o día 30 de novembro de 2022

Por outra banda contémplanse, ademais das axudas para compensación, aquelas destinadas á compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Do mesmo xeito, poderán beneficiarse das achegas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións das devanditas especies nas que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación. 

Galicia, declarada zona libre de tuberculose bovina

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, valorou a importancia da declaración do estatuto libre de enfermidade de tuberculose bovina de Galicia e Asturias, cuxo regulamento de execución publicou estes días o Boletín Oficial da Unión Europea (DOUE), "porque pon de manifesto os avances que nos últimos anos deu España en materia de sanidade animal". Desde o Ministerio destacou que se trata de "un paso adiante moi relevante e que é froito dun gran traballo de estreita colaboración" realizado durante anos entre os sectores produtivos e as administracións públicas. As declaracións de rexións libres de enfermidades afianzan o gran esforzo que vén realizando España coas campañas de saneamento gandeiro para combater e erradicar epidemias.
No caso do complexo Micobacterium tuberculose, o programa de erradicación nacional implantouse a principios dos anos noventa
No caso de Galicia e Asturias, o estatuto libre de tuberculose bovina é especialmente relevante, xa que en ambas as concéntrase a quinta parte (19,5%) da cabana española de gando vacún (941.692 cabezas en Galicia e 386.385 en Asturias). "O estatuto libre de tuberculose supón un incentivo tanto para as administracións públicas como para os sectores produtivos porque significa a posibilidade de flexibilización algunhas medidas", explican fontes do Ministerio de Agricultura. Estes resultados marcan o camiño a seguir por outras rexións, algunhas das cales están xa en disposición de cumprir as condicións para ser declaradas como tales nun futuro próximo. Estas declaracións engádense ás efectuadas nos anos anteriores para a comunidade autónoma de Canarias e a provincia de Pontevedra, que con este novo regulamento de estatuto de libre amplíase a toda a comunidade autónoma galega.

Galicia solicita a declaración como zona libre de tuberculose bovina para todo o seu territorio

O Consello da Xunta examinou este xoves o informe da Consellería do Medio Rural polo cal se solicita a declaración de Galicia como zona oficialmente libre de tuberculose bovina para a totalidade do seu territorio, ao cumprir os requisitos establecidos para tal fin pola normativa europea de referencia. Este recoñecemento pídese para as provincias da Coruña, Lugo e Ourense, xa que no ano 2019 a provincia de Pontevedra foi declarada libre desta enfermidade bovina e foi a primeira provincia española non insular en acadar o estatuto de “provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina”. Neste senso, cabe sinalar que no ano 1990, cando se comezou co Programa nacional de erradicación acelerada en España, a Comunidade galega partía dunha prevalencia de tuberculose de rabaño bovino superior ao 11,79 % (case 12 rabaños infectados por cada 100 revisados), sendo do 0,03% en 2020 (0,03% de rabaños infectados por cada 100 revisados). Estes datos dan proba de que Galicia traballou intensamente na erradicación desta enfermidade cumprindo sempre cos obxectivos epidemiolóxicos marcados pola Comisión Europea.
A prevalencia doutras rexións do centro-sur de España é aínda oitenta veces superior á existente en Galicia
Na actualidade, a prevalencia doutras rexións do centro-sur do país é aínda similar á que existía en Galicia en 1990 e en 2020 a media nacional da prevalencia de rabaño foi do 1,61%, é dicir, oitenta veces superior á existente en Galicia ese mesmo ano. A consecución do estatuto de Galicia como oficialmente indemne á tuberculose bovina suporá a identificación da nosa comunidade como rexión do Estado, non só co maior censo de explotacións bovinas e líder no sector lácteo, senón tamén co maior estatuto sanitario en relación coas enfermidades suxeitas a programas oficiais de erradicación. Isto tradúcese nunha posición de clara vantaxe comercial nacional e internacional tanto no comercio de animais bovinos vivos coma dos seus produtos. Ademais, se temos en conta a alta calidade produtiva e xenética dos animais bovinos galegos, coa consecución deste estatuto sanitario podemos afirmar que a cabana bovina galega está no primeiro posto no podio estatal, referente xa no mercado nacional. Libre tamén de brucelose Respecto ás outras enfermidades animais graves, obxecto de programas nacionais de erradicación cofinanciados pola Unión Europea, no ano 2013 Galicia cumpriu os obxectivos epidemiolóxicos requiridos e foi declarada tamén “rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa”. O resto dos territorios do Estado foron adquirindo paulatinamente este estatuto, de xeito que, recentemente, en marzo de 2021 (oito anos máis tarde que Galicia), a totalidade dos territorios do Estado acadaron ese estatuto. En 2017, Galicia acadou tamén o estatuto de “rexión oficialmente indemne de brucelose bovina”. De igual modo que aconteceu coa brucelose ovina e cabrúa, o resto de territorios do Estado foron obtendo paulatinamente este estatuto en brucelose bovina, na data actual unicamente unha provincia española está pendente de conseguilo.

Probas diagnósticas de balde para os gandeiros, algo que non ocorre no resto de España e da UE

En todas as explotacións bovinas de reprodución (de aptitude cárnica, leiteira ou mixta) realízase un diagnóstico anual específico (intradermotuberculinización) a todos os bovinos maiores de 6 semanas, así como aos cabrúns que convivan con eles, se for o caso. En Galicia, este diagnóstico corre a cargo de persoal veterinario acreditado e supervisado polos servizos veterinarios oficiais, de balde para o sector gandeiro, o que non ocorre actualmente noutras comunidades autónomas ou países da Unión Europea, onde este gasto é compartido. De feito, desde o ano 2015, a Consellería leva investido preto de 52 millóns de euros nos programas de sanidade e produción animal, onde está incluído o Plan de erradicación da tuberculose bovina, entre outros.
Galicia destinou desde o ano 2015 preto de 52 millóns de euros nas actuacións correspondentes aos programas de sanidade e produción animal, onde está incluído o Plan de erradicación da tuberculose bovina
En caso dunha granxa onde existan animais sospeitosos, realízase un estudo epidemiolóxico individualizado, co obxecto de decidir o destino dos animais sospeitosos e as restricións a que deben ser sometidos os establecementos. No caso de baleiro sanitario, é dicir, o sacrificio de todas as reses da explotación, os gandeiros son indemnizados cunha axuda cofinanciada pola Unión Europea conforme o baremo que establece o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) na normativa estatal de referencia.
En caso de baleiro sanitario a Xunta sufraga con fondos propios unha liña de axudas complementarias de máis dun millón de euros ao ano para a reposición de animais sacrificados obrigatoriamente
Ademais, cómpre salientar que, nestes casos, Galicia sufraga con fondos propios unha liña de axudas complementarias para a reposición de animais sacrificados obrigatoriamente e para compensar o lucro cesante naquelas explotacións sometidas ao baleiro sanitario. Así, a comunidade galega foi pioneira na implantación destas axudas complementarias, e é case a única comunidade que as estableceu, e nelas radica un dos éxitos do programa de Galicia, xa que, de xeito xeral, as persoas gandeiras vían compensadas as perdas ocasionadas polos sacrificios obrigatorios dos animais. Neste senso, cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural leva destinado nas últimas sete convocatorias anuais algo máis de 8 millóns de euros en axudas complementarias.

Galicia solicitará a comezos do próximo ano ser declarada libre de tuberculose bovina

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, adiantou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento que Galicia solicitará, no primeiro trimestre do ano 2021, o estatuto de rexión oficialmente indemne de tuberculose bovina. Neste senso, o director xeral aclarou que a provincia de Pontevedra xa está declarada indemne de tuberculose bovina desde o ano 2019, logrando ser a primeira provincia peninsular española en acadar este estatuto. Deste xeito, procúrase que Galicia acade este estatuto ao longo do ano 2021 ao cumprir os requisitos establecidos para tal fin, que pasan por ter unha prevalencia de rabaño inferior ao 0,1% (Galicia está no 0,03%) nos últimos seis anos, entre outras cuestións. Ademais, José Balseiros lembrou que acomunidade xa está libre de brucelose bovina, ovina e cabrúa, ademais de leucose enzoótica bovina e perineumonía contaxiosa bovina. Todas elas, enfermidades que seguen sometidas a programas nacionais de erradicación para que Galicia siga tendo estes bos datos en canto á sanidade animal.

O Goberno reforza o control sobre a poboación de xabarín para previr a tuberculose

O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se establece a normativa básica en materia de actuacións sanitarias en especies cinexéticas como o xabaril (Sus scrofa), o cervo (Cervus elaphus) e o gamo (Dama dama) en relación coa tuberculose. A tuberculose é unha das enfermidades compartidas entre o gando e a fauna silvestre, na que nos últimos anos evidenciouse o importante papel que na transmisión e mantemento da enfermidade están a xogar certos reservorios silvestres, como os xabaríns, que dificultan a erradicación da enfermidade no gando doméstico en determinadas zonas do país. O novo Real Decreto establece medidas para loitar contra esta grave enfermidade non só no gando doméstico, senón tamén nas especies cinexéticas que actúan como propagadoras ou mantedoras da enfermidade, pondo en marcha actuacións sanitarias que deben aplicarse de forma homoxénea en todo o territorio nacional. As medidas contempladas parten dun sistema de zonificación do territorio español, fundamentado no risco e nas características dos espazos cinexéticos, establecendo o grao de medidas a aplicar de control, prevención e loita contra a enfermidade. Regúlanse tamén os traslados de animais entre espazos cinexéticos como medida básica de minimización do risco destes movementos, complementando as condicións existentes para asemellalas, coas súas peculiaridades, aos requisitos das granxas gandeiras. Aínda que grazas ás medidas de control e erradicación establecidas na cabana gandeira e ás normas de hixiene dos produtos alimenticios e dos produtos de orixe animal, logrouse conter a importancia zoonósica da tuberculose que xa non é tan elevada no país, a nova norma reforza estas medidas para diminuír o contaxio da enfermidade entre as distintas especies susceptibles de animais domésticos e silvestres ou cinexéticos.

Indemnizacións 2020 por sacrificio obrigatorio de animais

Medio Rural publica hoxe a orde de axudas que regula as indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais, no marco dos programas oficiais de control e enfermidades de saneamento gandeiro. A convocatoria deste ano está dotada de 935.000 euros e o prazo de solicitude prolongarase desde mañá ata o 30 de novembro. Tramitaranse tamén as indemnizacións que quedaran pendentes do pasado exercicio.

As indemnizacións pagaranse de acordo co baremo establecido polo Ministerio de Agricultura. Ese baremo está en fase de actualización e prevese que se aumenten as cuantías no gando de recría en relación ó que se viña pagando o pasado ano. En consecuencia, en animais de recría de carne de menos dun mes, pagaríase 196 euros por baixa (fronte ós 147 euros do 2019); en tanto o gando de carne de entre 1 e 3 meses quedaría en 307 euros por cabeza (polos 209 actuais).

En leite, o gando de 1 a 3 meses pasaría de 209 a 284 euros; en tanto o de menos dun mes quédase en 147 euros.

As maiores indemnizacións pagaranse polas vacas que están en plena idade produtiva, entre 24 e 48 meses de vida. No caso das granxas de leite, abónanse a 907 euros e en carne a 707 euros.

Poderán beneficiarse destas achegas os titulares con gando vacún, ovino ou cabrún que morra ou deba sacrificarse por padecer ou convivir con reses afectadas pola tuberculose, brucelose, leucose ou língua azul. Tamén os que teñan animais sacrificados, mortos ou destruídos por encefalopatías esponxiformes transmisibles e aves sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela, por un foco de influenza aviaria ou por enfermidade de Newcastle.

A maiores, poderá indemnizarse a morte ou sacrificio de animais como consecuencia dunha resolución ou de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, así como por tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico.