Archives

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (VII): o triticale

Requirimentos edafoclimáticos e de fertilización

É unha planta bastante rústica, que tolera mellor as xeadas e a seca que o trigo. Adáptase ben a solos ácidos e pobres, aínda que responde moi ben en terreos produtivos. Ten uns requirimentos de solo e de fertilización só lixeiramente superiores aos do centeo, aínda que é algo menos precoz que este. A temperatura óptima de crecemento é de 10 a 24 graos. A efectos de cálculos de fertilización, as producións medias de gran de triticale están comprendidas entre 6 e 8 toneladas por hectárea. Para un solo con niveis medios de fósforo e potasio e para unha produción estimada de 6 tn/ha de triticale recoméndase un abonado de 180 kg de nitróxeno, 84 kg de fósforo e 150 de potasio. O abonado de fondo incluirá todo o fósforo e o potasio e un 25 a 30% do nitróxeno. O resto aplícase entre o afillado e o encanado. Se a finalidade é obter forraxe, para unha produción de 5 toneladas de materia seca por hectárea de forraxe ao inicio do espigado, a recomendación é aplicar 100 kg de N, 60 Kg de fosforo e 130 kg de potasio. O abonado nitroxenado repartirase nun 30% na sementeira e un 70% na saída do inverno. Co respecto á acidez do solo, recoméndase ter un solo con menos dun 10% de aluminio. Para as doses de encalado, consultar o díptico “A fertilización dos cultivos”.

Época de sementeira

Variedades:

Débese ter en conta a precocidade, xa que as variedades máis tardías son as máis adecuadas para o aproveitamento forraxeiro, xa que desenvolven unha maior biomasa e permanecen máis tempo en estado vexetativo para que poidan ser pastoreados. Débense elixir variedades que se adapten ben ás condicións agroclimáticas da zona de sementeira e a data de aproveitamento que desexamos realizar.

Sementeira e preparación do solo:

O laboreo tradicional consta cunha labor profunda, a 20-30 centímetros, para alzar a terra, enterrando os resíduos do cultivo anterior, e unha labra superficial cunha fresa, un cultivador ou unha grade de discos en pase cruzado, para enterrar os fertilizantes e obter unha cama de sementeira axeitada. Para obter unha boa nacenza precísase sementar nun leito fino e húmido. A preparación do terreo será máis coidadosa canto máis tarde se realice a sementeira. As sementeiras débense adiantar canta máis altitude teña a zona, xa que se alonga o ciclo. O momento da sementeira é esencial para alcanzar unha boa produción. Por tanto, se recomenda en altitudes baixar realizar a sementeira entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, xa que as sementeiras máis tardías poderían minguar os rendementos ao producirse danos por xeadas en estado de plántula. As sementeiras débense adiantar canta máis altitude teña a zona, xa que se alonga o ciclo. Gran de triticale A maquinaria que se debe utilizar é unha sementadora de liñas, con separación de entre 12 e 17 centímetros, e profundidade de sementeira de 2 a 4 centímetros. A dose de sementeira recomendada é de 400 sementes por metro cadrado. Esta dose pode variar segundo o tipo de solo, climatoloxía da zona e tipo da variedade elixida, así como do momento da sementeira, que afectará ao nivel de afillado da variedade. As doses de sementeiras temperás sempre serán menores que as tardías. Se a sementeira se realiza a voleo, a dose terá que incrementarse nun 25-30%. Herbicidas recomendados: Débese utilizar un herbicida específico para triticale. Segundo as malas herbas presentes no cultivo, pódense aplicar os seguintes: para folla estreita, clodinafop propagil+cloquintocet mexil, tralkoxidim, fenoxaprop-p-etil. Para as de folla ancha: carfenrazona etil, tribenuron, bromoxiniol+ioxinil+MCPP, tifensulfuron metil 50+tribenuron metil 25. É importante eliminar a competencia das malas herbas nos primeiros meses.

Manexo fitosanitario: enfermidades e pragas

Unha característica importante do triticale é a súa elevada resistencia ás pragas e enfermidades. Aínda que pode presentar as mesmas enfermidades que o trigo (septoria, roia amarela, roia parda, oídio, helmintosporium), é moito máis resistente que este. As materias activas autorizadas como funxicidas son: carbendazima, clortalonil, metiltiofanato, procloraz, tetraconazol e femproniprof. Respecto ás pragas, son pouco importantes. A máis común soe ser o ataque de pulgóns, que se pode controlar coas materias autorizadas: esfenvalerato 5% ou lambda cihalotrin 10%.

Colleita, rendemento e valor nutritivo

O triticale pode utilizarse para gran, forraxe e como dobre aptitude. Para forraxe ten unha produción máis alta e de mellor calidade que o centeo. O triticale produce máis biomasa que o trigo, polo que é máis interesante para aptitude forraxeira, xa que ten unha altura de 0,9 a 1,5 metros.
Presenta as vantaxes do trigo e do centeo e ten máis valor nutritivo que a cebada
Presente características intermedias entre o trigo e o centeo, reunindo as vantaxes de ambas: igual que o centeo, presenta un bo crecemento en outono-inverno, pero a súa produción primaveral e a súa capacidade de rebrote son maiores. A súa palatabilidade e o seu valor nutritivo son elevados, similares aos da avea e superiores aos da cebada. Se o aproveitamento é para sega para verde ou ensilado, o momento idóneo é entre o inicio da floración e o estado de gran pastoso. O triticale para gran debe colleitarse no estado de madurez de colleita (13% de humidade do grao), estando as producións medias comprendidas entre as 6 e as 8 toneladas por hectárea. No caso de aproveitamento dobre, o triticale pastoréase en outono-inverno, antes de que encane, para non reducir o rendemento en gran, e despois recóllese para gran seco non verán. Na seguinte táboa amósanse os parámetros de produción e valor nutritivo observados nun ensaio levado a cabo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), nos cales a forraxe de triticale colleitouse para ensilar en datas na que o estado fenolóxico da planta foi dende inicio de espigado ata gran en estado pastoso, nunha sementeira a finais de novembro con 300 sementes por metro cadrado, e cunha dose de fertilización de 400 kg por hectárea de 9-18-27.

Descarga aquí a guía de cultiva do triticale elaborada polo CIAM.