Archives

Claves para lograr un bo silo de leguminosas

Pradeira na provincia da Coruña, con dominancia das leguminosas As leguminosas como os trevos, vezas ou alfalfa apenas necesitan de abono nitroxenado xa que elas mesmas obtéñeno do nitróxeno atmosférico. Como o fan? pois a partir dunha simbiose con bacterias formando os rizobios. Estes nódulos son capaces de fixar o nitróxeno para que o aproveite a planta para sintetizar proteína. Así redúcese o uso de abonos nitroxenados que poden actuar como contaminantes atmosféricos e das augas. Esta é a razón pola que a Política Agraria Común (PAC) subvenciona os cultivos de leguminosas. Poden ser puros como a alfalfa ou en combinación con cereais como a veza e avea ou ben gramíneas herbáceas como o raigrases e trevo. Estas últimas mesturas, ás veces tamén coa adición de veza, foron as máis sementadas en Galicia nesta última campaña. Suman moitas hectáreas que renden un ou dous cortes até maio cando se aran as pradarías para sementar o millo. Rizobio en trevo Polo menos na provincia da Coruña puiden observar, ao contrario do habitual, que as leguminosas fixéronse as donas do cultivo. Os raigrases escasean e vese moitísimo trevo. Por que? Desde o outono choveu case sen parar, tampouco fixo demasiado frio e apenas houbo xeadas invernais que sanean de pragas as terras de cultivo. A típula spp e o verme soldado Mythimna unipuncta multiplicáronse moito e devoraron preferentemente as gramíneas. O resultado é que aproveitándose da debilidade das gramíneas, os trevos ocuparon toda a superficie de cultivo. Ás malas condicións meteorolóxicas que adoitan ocorrer durante o primeiro corte, este ano engadirase o problema do mal que ensilan as leguminosas. Por que ensilan tan mal?: Xúntanse dúas razóns: 1 As leguminosas teñen poucos azucres, necesarios para a formación do ácido láctico, imprescindible para a acidificación do silo. Gústame dicir que un silo é como un yogurt de herba pois ambos se conservan grazas a que os azucres se transforman en láctico 2 A riqueza de proteína que fai tan interesante esta familia de pratenses, actúa de alcalinizante dificultando aínda máis a acidificación e por tanto a conservación. As leguminosas teñen outros bufferes naturais: as saponinas e pectinas, beneficiosas como alimento evitando a acidificación do rume, acción non desexable no silo.

Que se recomenda para o seu ensilado para reducir os riscos dunha fermentación butírica (Clostridios) ?

1 Extremar todas as accións para evitar a presenza de contaminantes: terra e xurros: cortar a máis de 7 cm, evitar excesos de estendidos e hilerados, zonas con toupeiras, controlar o tempo entre a aplicación de xurros e o corte etc. 2 É necesario o acondicionado e o presecado para conseguir polo menos un 27% de materia seca. Os silos de herba con produtos químicos pódense salvar con moitísima humidade pero non así as leguminosas. Chegar a esta materia seca nos meses de marzo ou abril cando hai que facer o primeiro corte non é nada fácil en Galicia. 3 intercalar capas de raigrás e alfalfa para achegar azucres, pola mesma razón. Se hai posibilidade, sería interesante engadir melazas. 4 Usar conservantes químicos a base de nitrito sódico e hexamina ( 2 litros/ Tm) ou fórmico (3 L / Tm). A normativa da PAC en teoría está moi ben e ten a finalidade de reducir a contaminación diminuíndo o uso de abonos nitroxenados. Pero a realidade é que en lugares como Galicia onde hai zonas que superan os 2.000 mm anuais de chuvia, as leguminosas complican moitísimo o xa difícil ensilado. Espero que paren as choivas en abril pois un silo en mal estado o mellor que se pode facer é tiralo, pero todos sabemos que ter que tirar o primeiro corte e así ter que comprar forraxe de fóra supón económica e medioambientalmente un custo elevadísimo.

Para máis información:

Teléfono 981 94 17 94 ou escribir a antonio@adial.es

PROTEINMASTER, unha mestura con leguminosas para pradeiras que cumpre coa PAC

A nova PAC, que entrou en vigor o pasado 1 de marzo, esixe levar a cabo unha serie de boas prácticas por parte dos agricultores e gandeiros, entre as que se atopa a rotación de cultivos e a introducción de especies mellorantes nas pradeiras.

O Grupo Soaga ofrece unha ampla gama de solucións para pradeira dentro do seu completo catálogo de sementes pratenses e cultivos de inverno, con diferentes combinacións de raigrases, leguminosas e cereais que se adaptan ás distintas necesidades das explotacións agrogandeiras.

PROTEINMASTER está específicamente deseñada para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC

Algunha destas mesturas está específicamente deseñada para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes, que esixe labrar cando menos o 5% das terras de cultivo da explotación con leguminosas, ben soas ou en combinacións onde estas sementes sexan maioritarias.

En concreto, PROTEINMASTER, elaborada pola cooperativa francesa Cérience, que subministra fórmulas de sementes ao Grupo Soaga, inclúe un 51% de leguminosa (trevo rojo diploide, trevo encarnado e trevo branco xigante) e un 49% de raigrás (híbrido tetraploide e híbrido diploide). A dose recomendada desta mestura é de 35 kg/ha.

Esta mestura aporta comodidade á hora de sementar e excelentes resultados á hora de colleitar

Con PROTEINMASTER, ademais de cumprir as esixencias normativas da nova PAC lógrase unha excelente produción forraxeira, tanto en cantidade como en calidade de ensilado, con altas porcentaxes de proteína na ración, o que serve para reducir as necesidades de concentrados e abaratar o custo de alimentación do gando, ao mesmo tempo que se está a mellorar o solo para o cultivo seguinte, ao fixar nitróxeno atmosférico e airear a terra.

Na seguinte ligazón pódese descargar o catálogo completo de sementes pratenses de Cérience que ofrece Soaga, con indicación das doses de sementeira recomendadas.

Outras fórmulas tanto para pasto como para ensilado

O cultivo de inverno con diferentes mesturas de raigrás e leguminosas achega proteína e reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán ao fixar nitróxeno ambiental

O Grupo Soaga traballa a maiores coa empresa de sementes DLF, ofrecendo no seu catálogo distintas mesturas de gramíneas, cereais e leguminosas pensadas tanto para o ensilado como para o pastoreo directo. Conta tamén coa marca propia GRAOS, coa que fai fórmulas e combinacións a medida para os seus clientes.

O departamento técnico de Soaga, formado por enxeñeiros agrónomos, está a disposición dos agricultores e gandeiros para axudarlles a elixir a mestura que mellor se adapta ás súas necesidades, en función de factores como o tipo de chan ou a duración e destino final da pradeira.

Podes contactar co Grupo Soaga no teléfono 986 516 035 ou a través da páxina web www.gruposoaga.com.

“Hai que apostar por cultivos que o gandeiro saiba manexar e sexa capaz de rendibilizar”

Manuel Crespo, membro do equipo técnico de Soaga

Este ano a campaña de sementeira de pradeiras estará condicionada polas novas regras da Política Agraria Común. “Para cumprir co ecorrexime de rotación con mellorantes, unha gandería que bota unha superficie de 100 hectáreas de millo tería que labrar a herba no inverno o 50% das súas terras, é dicir, 50 hectáreas, das que 10 ha terían que levar especies mellorantes e cando menos 5 leguminosas como especie predominante”, explica Manuel Crespo, técnico do Grupo Soaga.

Existe un amplo abano dentro da listaxe de especies mellorantes aceptadas por Bruxelas, pero Manuel Crespo recomenda “labrar cultivos que se saiban manexar e cos que se estea habituado a traballar”. “Se sementas algo para cumprir coa PAC que non coñeces ben e co que non estás familiarizado non serás capaz de rendibilizalo”, asegura.  

Por iso, seguir apostando por fórmulas de raigrás con trevo e outras leguminosas como as que distribúe o Grupo Soaga, que se adaptan á perfección ás condicións edafoclimáticas da comunidade e coas que as explotacións galegas levan moitos anos traballando, supoñen unha garantía á hora de obter bos resultados.

Non sementar pradeiras monofitas

Entre as recomendacións á hora de sementar pradeiras, Manuel Crespo fai fincapé nas vantaxes de incorporar leguminosas. “Se queremos aproveitar un cultivo de inverno rendibilizámolo moito máis coas mesturas de gramíneas e leguminosas que usando unicamente unha soa variedade de gramínea e a vantaxe dos raigrases é que nos permiten facer combinacións para aproveitar as mellores características de cada unha das especies”, explica.

A vantaxe dos raigrases é que nos permiten facer mesturas para aproveitar as mellores características de cada unha das especies

“O raigrás hibrido dá calidade e produción, pero se lle sumamos un raigrás inglés, aumentan os contidos de proteína e os azucres estruturais, o que vai mellorar a calidade dos ensilados”, detalla. As garantías de produción tamén son maiores, porque “se falla unha das especies sempre tes as outras”, evidencia.

Variedades resistentes

Manuel recomenda incluír as leguminosas nas mesturas “non só para cumplir coa PAC senón tamén para mellorar os chans”. “O obxectivo da UE para 2030 é reducir nun 20% de uso de fertilizantes en un 50% a perda de nutrintes do solo sen perder capacidade produtiva. Para iso vai ser fundamental o uso especies mellorantes como son as leguminosas, que fixan nitróxeno atmosférico e descompactan o chan”, lembra.

Pero á hora de decantarse por unha variedade ou outra ou por unha semente ou outra, á parte da capacidade produtiva que poida ter a leguminosa hai que ter en conta tamén outros aspectos, como os que teñen que ver coa sanidade vexetal.

En Galicia hai que sementar raigrases resistentes á rolla e trevos aos que non lles afecte o oídio

“Non debemos usar calquera tipo de trevo, porque os trevos son moi sensibles aos fungos, fundamentalmente ao oídio, por iso en Galicia debemos empregar especies resistentes ao oídio e no caso das gramíneas, é fundamental a resistencia á rolla, unha enfermidade que ataca moito aos raigrases en Galicia”, explica o técnico do Grupo Soaga.

Tipos de solos

Unha das claves para garantir unha boa implantación das pradeiras é a elección das variedades idóneas para cada tipo de solo. “Hai que facer unha boa escolla das fincas e dos tipos de solo onde facer as pradeiras para optimizar ao máximo o rendemento”, defende. “Por exemplo, os cereais son moi sensibles aos encharcamentos, a produción pode reducirse á metade en terreos moi mollados e que encharquen”, indica.

É fundamental coñecer que tipos de fincas tes para decidir que sementar en cada caso; en solos arxilosos que encharquen con facilidade o mellor é non sementar cereais

Por iso, en solos arxilosos que encharquen con facilidade o mellor é non sementar cereais. Ademais, unha boa opción en terreos húmidos é non facer a sementeira das mesturas de cereais de inverno e leguminosas no outono, senón en xaneiro, explica.

Momento da sementeira

Outra das recomendacións ten que ver coa escolla do momento óptimo da sementeira. “As leguminosas necesitan horas de luz (fotoperiodo) para implantarse ben. Canto antes sementemos unha pradeira de leguminosas mellor se implantarán, ao contrario que os cereais de inverno, que necesitan horas de escuridade”, conta Manuel Crespo.

Por iso aconsella sementar antes as pradeiras de raigrás con trevo e deixar para as sementeiras máis tardías as mesturas de cereais de inverno con leguminosas.

Beneficios da introdución de especies mellorantes nas pradeiras

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM O outono é o momento idóneo para sementar novas pradeiras ou renovar as existentes. Ben sexa para pacer ou para ensilar, as leguminosas son unha boa opción. A implantación acostuma ser mellor ca na primavera, ademais de coincidir coa rotación habitual en Galicia co cultivo do millo.  Este ano, despois do ensilado do millo, moitas ganderías terán que variar a súa estratexia para cumprir co esixido na nova PAC, o que supón unha oportunidade para mellorar algunhas prácticas. “Deixar a terra sen cultivar no inverno agronomicamente non é recomendable, polo que hai que sementar un cultivo de inverno cando se colleite o millo. O recomendable é introducir un cultivo rexenerador e mellorante do solo e cando te adicas á gandería o que hai que introducir son leguminosas”, insiste Juan Valladares, investigador do CIAM.
Cando te adicas á gandeiría hai que introducir leguminosas nas pradeiras
No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo levan varios anos estudando distintas alternativas para os cultivos de inverno en Galicia e comparando os resultados das diferentes mesturas de gramíneas e leguminosas. Juan enumera os beneficios de sementar especies mellorantes nas pradeiras desde o punto de vista agronómico (o terreo queda mellor preparado e é máis doado de traballar; saen menos malas herbas, polo que son necesarios menos herbicidas; e lógrase un aporte extra de nitróxeno para o seguinte cultivo, que redunda nunha maior produción); pero tamén desde o punto de vista nutricional, ao lograr maior contido en proteína na ración.
Dos trevos hai moito que estudar aínda e é necesario aprender a traballar con eles
Pero coas leguminosas, di, “é necesario aprender a traballar con elas”. Nos últimos anos o CIAM estivo realizando ensaios con leguminosas anuais en distintas zonas de Galicia, como na finca de Mabegondo ou na do Pazo de Cartelos (Carballedo), pertencente á Fundación José Luis Taboada, onde se probaron distintas mesturas de trevos para comprobar a súa implantación e rendemento: trevo migueliano, tamén chamado balansa; trevo resupinatum (persa); trevo maral (trifoliun suaveolens ou trevo resupinatum de folla grande) e trevo encarnado. “Segundo en que zonas de Galicia, danse mellor uns trevos ca outros. O trevo maral, por exemplo, ten capacidade de rebrote, pero é tardío, polo que se implanta mellor en Mazaricos que en zonas do interior”, asegura Juan. Mesturas de trevos e gramíneas Independentemente da variedade escollida, o trevo funciona mellor mesturado cunha gramínea, que aporta o contido en azucres suficiente para unha boa conservación do silo. “Ademais, nos estudos que fixemos vimos que había que introducir un raigrás porque a implantación dos trevos é lenta; o que mellor funciona é o raigrás híbrido”, explica. “Se despois do millo sementas só trevo, como tarda en implantarse, se veñen chuvias lávase o terreo. Mesturado co raigrás, sen embargo, evítase a escorrentía, porque o raigrás ao mes xa ten o desenvolvemento suficiente para frear o efecto de lavado do solo pola chuvia”, detalla.
Os trevos funcionan mellor mesturados con raigrás híbrido, porque se evita o lavado do solo cando chove
Ademais das diferenzas na implantación, a preparación do terreo debe ser tamén diferente cando se sementan só gramíneas que cando se aportan mesturadas con leguminosas. “O trevo obriga a preparar mellor o terreo para a sementeira e despois pasar sempre un rulo. O raigrás, cando se sementa só, vai creando unha especie de fieltro no chan que impide a contaminación por pedras e cinzas cando ensilas a herba, algo que non acontece no caso do trevo”, indica.   Cereal con leguminosa Mestura de veza, raigrás e avea O CIAM tamén fixo ensaios con veza, unha leguminosa cada vez máis frecuente en Galicia tralo millo en combinación con cereal de inverno. “Probáronse mesturas de veza villosa con trevos e raigrás. A veza villosa é menos dixestible que a sativa, pero a sativa tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada ou avea) como titor”, indica Juan.  
A veza sativa é máis dixerible que a villosa pero tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada, avea) como titor
Xunto coa veza, outra das leguminosas empregadas nas mesturas con cereal é o chícharo. “A clave está na proteína. Póñense estes cultivos porque vas a un só corte e logras un contido proteico máis elevado. No raigrás se vas a dous cortes podes igualar a cantidade de proteína, pero os custos duplícanse”, razoa. Labrar sen abonar De cara á sementeira do cultivo de inverno non é imprescindible abonar as terras. É máis, pode ser mesmo contraproducente. “Nos ensaios que realizamos fixemos laboreo e sementamos sen abonar en fondo, aproveitando unicamente os excedentes da fertilización con xurro no cultivo do millo (entre 50 e 60 metros cúbicos por hectárea). No purín unha cuarta parte do nitróxeno que aporta quedaría para o ano seguinte, porque se corresponde coa mineralización da materia orgánica. Pola composición habitual do xurro en Galicia, uns 25 kg de nitróxeno por hectárea quedan para o seguinte ano, que é o que se necesita para o arranque das leguminosas. E non hai que pasarse de 25 kg/ha de nitróxeno porque senón prexudícase o desenvolvemento do rizobium”, advirte o investigador do CIAM.
O momento de abonar en coberteira está determinado en función da temperatura do chan (entre 8 e 10 grados)
Sería convinte, iso si, aplicar unha fertilización despois en coberteira, duns 50 kg de nitróxeno por hectárea. “Cando o cultivo empeza a desenvolverse sería o momento de aplicar esta fertilización con abono químico convencional ou incluso purín, pero depositado no terreo. A leguminosa tende a medrar cando a temperatura do chan está entre 8 e 10 grados. Segundo as zonas, isto prodúcese a finais do inverno ou comezos da primavera; no interior de Galicia acostuma cadrar a primeiros ou mediados de marzo”, exemplifica. A data de abonado marca tamén o momento de segar, pois habería que cortar dentro dos 40 días posteriores. Sementar en outubro ou en xaneiro? Hai ganderías que optan por retrasar a sementeira do cultivo de inverno ao mes de xaneiro, para evitar a presenza de malas herbas, algo que Juan só recomenda en determinados casos. “A implantación das leguminosas é lenta e iso fai que se temos no chan un banco de malas herbas saian e se desenvolvan antes. Sementando o cultivo de inverno en xaneiro evitariamos esta competencia, pero hai que ter en conta que as leguminosas en xeral son bastantes sensibles ao frío. O chícharo, por exemplo, é sensible á humidade excesiva e ao frío, daí que debamos consideralo”, alerta.
As leguminosas son bastante sensibles ao frío, polo que se na zona hai xiadas é preferible non agardar
Por iso, se na zona hai xeadas en xaneiro e febreiro, recomenda sementar o cultivo antes, no outono, sen agardar aos meses de inverno. “En zonas onde non hai xeadas, podes sementalo máis tarde, pero en zonas onde xea é preferible sementar en outono, para que cando veñan as xeadas xa estea implantado. A leguminosa cando nace é extremadamente sensible, a medida que xa ten 3 follas aguanta mellor as xiadas”, explica.   Un único corte en abril As mesturas con leguminosa tardan máis en desenvolverse que cando se sembra só raigrás. O punto de crecemento márcao a temperatura do chan (por enriba de 8-10 grados), que é cando se activan as bacterias (rizobium) e a planta aproveita o nitróxeno atmosférico e medra máis. “As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Os trevos se hai chuvias, frío ou encharcamento non medran. Co chícharo pasa algo parecido. Son cultivos de implantación lenta e que dependen da temperatura do chan para medrar e desenvolver todo o seu potencial”, indica Juan.
As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Son de implantación lenta e dependen da temperatura do chan para medrar
O ensilado, mediante un só corte, depende da zona e de como viñera o tempo. “O momento de segar é cando comeza a floración das leguminosas, que nun ano normal podería estar en torno ao 15-20 de abril en zonas como Mazaricos, pero en zonas interiores vén un pouco máis tarde”, explica. “Se vén mal tempo e non dá medrado tes que meter nitróxeno extra, mediante abono químico, pero nese caso non estaríamos aproveitando a función das leguminosas como fixadoras de nitróxeno ambiental”, di. Rendementos Nos ensaios realizados en Cartelos no 2021 cunha mestura de raigrás híbrido e tres trevos anuais e unha fertilización de 60 metros cúbicos de xurro por hectárea previos no cultivo do millo máis un abonado en coberteira con tres doses diferentes de abono químico no mes de marzo, lográronse os seguintes rendementos:
  • Sen abonado en coberteira = 4,7 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 50 kg de nitróxeno por hectárea = 5,8 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 100 kg de nitróxeno por hectárea = 6,3 toneladas de materia seca por hectárea
“Canto máis abonas máis se incrementa o rendemento, pero habería que ver se compensa desde o punto de vista económico pasar dunha determinada cantidade, porque con 50 kg de nitróxeno por hectárea temos uns rendementos superiores a se metes 0 kg pero similares estatisticamente a se metes 100”, argumenta Juan.
Introducindo trevo mesturado co raigrás obtés un 40% máis de proteína por hectárea na forraxe e incrementas un 5% a proteína bruta na ración
Pero ademais da cantidade de forraxe obtida, o investigador do CIAM pon o énfase na calidade do ensilado. “Nunha pradeira de raigrás só, cos mesmos 50 kg de nitróxeno por hectárea sacas 400 kg de proteína por hectárea, mentres que coa mestura con leguminosas obtés 577 kg por hectárea de proteína, un 40% máis”, compara. A porcentaxe de incremento depende do nivel de implantación das leguminosas. “Canto mellor se implanten máis proteína vas ter despois no silo, pero hai que ter en conta que o raigrás ten un 6% de proteína fronte ao 11% dos trevos. Se vas a máis dun corte no raigrás incrementaríase a proteína, pero os custos de sega, recollida e ensilaxe tamén son maiores”, razoa. Mellora no seguinte cultivo A vantaxe de introducir unha leguminosa de inverno é que o solo queda máis abonado e en mellores condicións para recibir o seguinte cultivo. “As raíces e a parte aérea non segada quedan no terreo, descompóñense e aportan nitróxeno. A cantidade cuantifícase entre 40-100 kg de nitróxeno por hectárea dependendo da implantación de leguminosa”, explica Juan.
As leguminosas poden chegar a fixar no solo a metade do nitróxeno que precisa o millo
Esa fixación dese nitróxeno supón un aforro considerable en fertilizante, ou ben un extra de colleita, debido ao plus de abonado. “O millo é vicioso en nitróxeno, canto máis lle aportas máis medra, e ter ese nitróxeno almacenado no chan supón unha gran vantaxe a nivel de toma de decisións”, considera. Por iso, en función da estratexia que adopte o gandeiro (aforrar en abono ou recoller máis forraxe) pódese variar ou non a fertilización do millo tralo cultivo de inverno con leguminosa.
Co raigrás só o terreo queda máis compacto e é máis difícil de traballar
Segundo o tipo de terreo, a dispoñibilidade de nitróxeno pode ser maior ou menor, pero a dose recomendada para o millo pode ser establecida en función dos rendementos agardados. “En base ao rendemento (proteína) téñense unhas extraccións de nitróxeno ou outras. Se espero un rendemento para o ciclo que labrei de 15 toneladas de materia seca por hectárea (7% de proteína), as extraccións serán de 170 kg de nitróxeno por hectárea, polo que o nitróxeno dispoñible (no chan máis o aportado) debe ser superior a esa cantidade”, exemplifica Juan. En base a iso, para facer unha correcta fertilización sería preciso coñecer o nitróxeno mineral presente no chan ao inicio do cultivo e o que se xera por mineralización da materia orgánica. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo como abonado en verde. “Ademais, agronomicamente, de cara ao laboreo, ao introducir leguminosas o terreo queda máis mullido, polo que é máis doado de traballar”, conclúe o investigador do CIAM.

Rotación con leguminosas nas ganderías: vantaxes e claves para o seu cultivo

A rotación con leguminosas é unha práctica realizada en Galicia por algunhas ganderías e que ofrece múltiples vantaxes, ó poder obter unha forraxe de calidade para o gando, así como polos beneficios que poden achegar estas especies para outras colleitas ou mesmo para a saúde dos solos. O aporte de nitróxeno é unha das principais vantaxes que asegura escoller leguminosas como cultivos forraxeiros, como apuntou o enxeñeiro agrónomo e gandeiro Miguel Fernández Labrada durante a súa participación nunhas xornadas realizadas na Granxa Gayoso, dependente da Deputación de Lugo, e nas que se abordaron alternativas forraxeiras para as ganaderías de vacún de leite. Un dos xeitos nos que proporcionar un aporte de nitróxeno ós solos é empregar as leguminosas como abono verde, é dicir, enterralas unha vez que acada o seu ciclo. “Cultivar unha leguminosa para enterrala vai aportar moito nitróxeno ao seguinte cultivo. Por exemplo o chícharo bravo, tamén coñecido como chícharo tremoceiro, así como a faba poden fixar 100 ou 150 quilos de nitróxeno no solo no período de inverno, de outubro a abril”, explica o enxeñeiro. Á marxe das leguminosas, como abonos verdes tamén se adoitan empregar crucíferas coma os nabos, pola súa acción bactericida; así como gramíneas que permiten enriquecer os solos con materia orgánica.
Optar polas leguminosas permite enriquecer os solos polo aporte de nitróxeno que proporciona e deixa dispoñibles nutrientes para outros cultivos
Por outra banda, a simbiose que logran as leguminosas coas bacterias rhizobium, que están naturalmente no solo, permiten un maior aproveitamento do nitróxeno. Como lembraba Fernández Labrada, o nitróxeno é un dos nutrientes máis importantes para o crecemento das plantas, máis necesario para lograr unha boa produción que outros nutrientes como pode ser o potasio ou o fósforo, presentes ambos nos fertilizantes complexos máis empregados. Nitróxeno fixado no solo e dispoñible en función dos cultivos empregados. Á marxe do aporte de nitróxeno que proporcionan, outra das vantaxes do uso de leguminosas é que son especies con raíces profundas, que adquiren nutrientes das capas máis fondas e achéganos á superficie, de xeito que enriquecen a capa superficial para outros cultivos. Ademais, as leguminosas protexen da erosión hídrica e compiten con outras sementes adventicias e conseguen mellorar a actividade biolóxica do solo. “As leguminosas tamén permiten un aporte de nitróxeno e doutros nutrientes dun xeito máis paulatino que cando se empregan fertilizantes químicos”, destaca.

Recomendacións para o cultivo das leguminosas

Algunhas das leguminosas máis empregadas polas ganderías galegas adoitan ser os trevos (branco, violeta, encarnado), a veza, alfalfa, así como os chícharos ou as fabas, entre outras. Unha das primeiras claves a ter en conta para o cultivo destas especies é proporcionar unha fertilización axeitada. “O aporte de nitróxeno non está recomendado para as leguminosas, agás cando non poida obtelo do aire, é dicir nos primeiros días trala sementeira ou logo dunha sega”, especifica Fernández Labrada. Nestes casos, o enxeñeiro agrónomo recomenda unha aplicación de 30 quilos por hectárea. Tamén cómpre ter presente que as leguminosas extraen máis minerais dos solos que o raigrás, especialmente Calcio, Magnesio e Fósforo. Un xeito de proporcionar estes minerais é empregando xurro de vacún de leite. Porén, debe aportarse na presementeira, evitando proporcionar xurro en coberteira, xa que o pisado que se precisa para abonar resulta contraproducente para moitas leguminosas, que logo teñen dificultades para continuar medrando. Ademais a aplicación directa do xurro sobre as leguminosas tampouco é recomendable, polas características destas especies. “O propio xurro pégase máis ás follas, impedindo a fotosíntese e se fai calor e vento pode chegar a crearse un ambiente moi acedo na folla e chegar a queimala”, concreta. Así, de querer aplicar xurro ás leguminosas é recomendable facelo con orballo ou previsión de choivas febles para que a auga o arrastre ata o solo e non quede na planta. Recomendacións de fertilización de leguminosas. Á hora de sementar as leguminosas, débese facer de xeito semellante ós procedementos seguidos con outras especies, aínda que recoméndase enterrar máis aquelas especies que teñan unha semente máis grande. Debe enterrarse sempre 1,5 veces o diámetro da semente. Na sega hai maquinaria que conta xa con rodos pensados para as leguminosas, posto que os acondicionadores de púas en V, pensados para romper os talos das gramíneas como o raigrás, resultan pouco axeitados para as leguminosas. “Usando estas V de ferro podemos chegar a perder case o 7% da biomasa de alfalfa. Por iso, se sementamos leguminosas puras é aconsellable non apertar case o acondicionador ou segar sen el”, explica.

Obter silos de leguminosas de calidade

Para conseguir ensilados de calidade con leguminosas é preciso ter en conta a capacidade tampón destas especies, que adoita ser alta, polo que tende a ser complexo lograr bos ensilados. A capacidade tampón ven determinada polo contido de azucres, polo que a máis azucres maior cantidade de ácidos se producirán. Tamén inflúe a alta cantidade de proteína que teñen as leguminosas, así como de Calcio e Potasio. “Para mellorar o ensilado pódense realizar mesturas con gramíneas e aportar ácidos, con conservantes químicos”, recomenda o enxeñeiro agrónomo. Outro dos aspectos a ter en conta para lograr silo de leguminosas de calidade é o risco de proliferación de clostridios, procedentes da contaminación por terra. Os clostridios consumen o ácido láctico e as proteínas do silo, pero que ademais de empeorar a calidade do ensilado supoñen unha ameaza para a saúde dos animais. “O clostridium crece en forraxes moi húmidos e con pH maiores de 4.2, polo que unha acidificación boa é básica”, concreta Fernández Labrada. Ó ser a presenza de terra un dos contaminantes do clostridios, cómpre traballar con apeiros altos, a máis de 6 centímetro do solo, e contar con prados ben nivelados. Tamén é importante ter as entradas ós silos sen terra.

A rendibilidade económica dos silos de leguminosas

O impacto económico e na alimentación das vacas que proporcionan os silos de herba é un dos factores que determina que sexan unha alternativa pola que apostar nas granxas. Para avalialo é preciso prestar atención a cuestións como a proteína e a enerxía que proporcionan ós animais e o custo que ten o cultivo. A estimación da inxesta de proteína e enerxía calcúlase coa capacidade de inxestión (FND), de xeito que a valores máis alto, a vaca síntese saciada antes e inxire menos quilos de silo ó día, co que a inxesta de nutrientes é menor. Por outra parte, se a forraxe é moi dixestible conséguese unha maior cantidade de nutrientes por cada quilo. Outro dato que será importante ter en conta é a fracción da fibra que a vaca non consegue dixerir (FAD), que debe ser o máis baixa posible. “Con silos con trevo podemos conseguir moi boas calidades e en especial con menor cantidade de fibra, de xeito que se poden aportar máis quilos na ración”, apunta o enxeñeiro agrónomo. Comparativa entre os silos de raigrás e leguminosas coma o trevo anual ou a veza. Compárase a proteína (PF), enerxía (UFL), capacidade de inxestión (FND) e dixestibilidade (FAD). Ademais de no aporte nutricional na ración, os custos de sementeira, fertilización e produción marcan a diferenza entre os silos con leguminosas ou só con raigrás. Un dos gastos máis elevados nos silos de leguminosas é a sementeira, mentres que se reduce de xeito notable o gasto en fertilizantes químicos. Tamén hai que ter presente que cos silos de leguminosas se consegue unha menor produción de materia fresca. “De elixir raigrás a trevo temos unha diferenza de 3.9 toneladas de materia fresca menos. Isto implica que cada tonelada producida custa 16 euros máis”, estima o experto. Así, nunha ración media na que se proporcionen 12 quilos de silo de herba, facelo cun silo de leguminosas suporá 19 céntimos máis por vaca e día. Coa diferenza de calidade que proporcionan as leguminosas o obxectivo sería conseguir un aforro de 435 gramos de penso, é dicir uns 17 euros por tonelada na fórmula ou que a vaca dea 0.2 litros máis, segundo os cálculos do enxeñeiro agrónomo. “Na miña opinión, é bastante fácil conseguir eses obxectivos. Se a FND é menor e a vaca pode comer máis silos, tanto de herba como de millo, e depender menos do penso. A maiores mellórase a dixestibilidade e calidade, polo que tamén pode conseguirse o aumento na produción de leite”, valora Fernández Labrada. Comparativa entre os custos de producir silos de raigrás ou trevo anual.

As leguminosas na nova PAC

A nova PAC tamén terá en conta ás leguminosas, de xeito que no ecoréxime P3, no que se aborda a rotación de cultivos con especies mellorantes, contémplase o pago de ata 85 euros por hectárea por facer rotación de cultivos na metade da superficie, incluír un 10% de especies mellorantes do cal, polo menos o 5% deben ser leguminosas. Ademais disto, o barbeito non pode supoñer máis do 20%. Tampouco será obrigatorio recoller as leguminosas, xa que o uso para abono verde tamén está aceptado. A nova PAC tamén contempla axudas para cultivos proteico (como a alfalfa, veza, avea ou chícharo tremoceiro...). Neste caso o pago é de 60 euros por hectárea, pero non se permite empregalo como abono verde.

O trevo encarnado, un aliado para reducir os custos de alimentación en vacún de leite

Boa parte das ganderías de leite galegas están orientadas a un modelo de produción intensivo, onde o millo é o forraxe principal e o responsable do 42% da produción de leite. É habitual que os produtores opten pola rotación do millo con cultivos de inverno, que ademais de proporcionar un aproveitamento maior da terra, contribúe a reducir a lixiviación de nitratos que se produce se se deixan esas parcelas en barbeito. Pero, cales son as mellores opcións para as pradeiras de inverno en rotación co millo forraxeiro? O máis frecuente nas gandería galegas é o uso de raigrás italiano. “Esta rotación é moi produtiva, de alto valor enerxético, pero de baixo contido proteico, o que obriga ás explotacións a importar materias primas”, detalla Dolores Báez Bernal, investigadora do Centro de Investigacións de Mabegondo (Ciam) que está a traballar nun estudo iniciado no 2011 sobre os cultivos de inverno en rotación co millo forraxeiro e no que tamén participan outros investigadores do Departamento do Pastos e Cultivos do centro.
O uso de leguminosas e gramíneas nas pradeiras de inverno en rotación co millo forraxeiro contribúen a incrementar a proteína e mellorar a fertilización
Unha das estratexias que se propoñen para conseguir un mellor rendemento e aproveitamento dos cultivos de inverno na rotación con millo forraxeiro pasa por sementar especies leguminosas e gramíneas, que contribúen a aumentar a produción de proteína. Ademais ó ser fixadoras de nitróxeno, redúcese a cantidade de nitróxeno procedente de fertilizantes que é preciso aportar, o que contribúe a mellorar os balances de nitróxeno e a sostibilidade das ganderías. Coñecemos en detalle o estudo realizado no Ciam e os resultados que amosan os diferentes cultivos de inverno, non só no seu aporte proteico senón tamén na fertilización da terra, o que influirá na posterior produción do millo. Sementeira de cultivos de inverno en parcelas do CIAM. // Foto CIAM.

Variedades a empregar na pradeira de inverno

O estudo do Ciam incluíu algunhas das especies máis habituais, como o raigrás italiano alternativo, do que sementaron uns 40 quilos por hectárea; así como o trevo encarnado, cunha dose de sementeira de 30 quilos por hectárea. Tamén fixeron probas mesturando ambos (10 quilos de raigrás e 30 de trevo por hectárea). Outro dos cultivos foi a leguminosa triticale, da que sementaron uns 70 quilos por hectárea, combinado co chícharo, do que precisaron unha dose de 125 quilos por hectárea. Nestes campos de ensaio realizaron unha fertilización de fondo de 50 quilos de nitróxeno, 100 quilos de fósforo e outros 100 quilos de potasio por hectárea. A isto engadiron unha fertilización de cuberta nas parcelas de raigrás de 60 quilos de nitróxeno por hectárea. O cultivo de inverno sementárono en outubro, realizaron a fertilización mineral a comezos de abril e colleitárono a finais dese mesmo mes. Ademais, unha vez que sementaban o millo tamén engadiron xurro de porco e vacún, previo á sementeira, e no mes de xullo aportaron unha segunda fertilización mineral.

Resultados dos cultivos de inverno

Con estas variedades e fertilización, e os datos de 8 anos de estudo, os investigadores confirmaron importantes diferencias entre as respostas duns cultivos e outros. O monocultivo de raigrás italiano e a mestura de raigrás italiano e trevo encarnado resultaron, por termo medio, os cultivos de inverno máis produtivos, obtendo unhas cifras de materia seca por hectárea superiores en boa parte das campañas. “Aínda que estas son as variedades con mellores resultados en boa parte dos anos estudados, vimos unha gran variabilidade, xa que inflúen moito as precipitacións ou as temperaturas rexistradas”, explica a experta. As altas temperaturas mesmo propiciaron que o cultivo de triticale e chícharo se perdese un ano, debido a un ataque intenso de ferruxe da cana. Evolución dos cultivos de inverno en canto a materia seca. En detalle, e sen considerar o ano no que faltou o cultivo de triticale-chícharo, comprobaron que o raigrás italiano é o máis produtivo, cunha produción media de 5.650 quilogramos de materia seca por hectárea, mentres que o trevo encarnado sitúase un 13% por debaixo dese valor, acadando 4.900 quilos de materia seca por hectárea. Mentres, a mestura de ambas especies amosa ser un 11% máis produtivo que o cultivo de só raigrás. O caso da mestura de triticale e chícharo resultou un 3% menos produtiva que o raigrás italiano.

A xestión do nitróxeno

Á marxe da produtividade dos cultivos de inverno, outro dos puntos claves deste estudo baseouse en coñecer a capacidade de produción de nitróxeno polos cultivos, é dicir, de proteína bruta. “A excepción do primeiro ano e o quinto, cando non houbo diferenzas estatísticas, o resto dos anos vimos como o cultivo de raigrás sempre foi menos extractor de nitróxeno que o trevo encarnado”, detalla a experta. Deste xeito, e de novo considerando os valores medios do estudo sen considerar o quinto ano, mentres que o raigrás italiano resulta máis produtivo, o trevo amósase como unha opción máis extractora de nitróxeno, chegando a ser un 72% máis que o raigrás, polo que acada valores próximos ós 115 quilos de nitróxeno por hectárea. Evolución dos cultivos de inverno en canto a extracción de Nitróxeno. A mestura de ambas herbas, ó igual que cando se observa só a produtividade, tamén ofreceu resultados favorables, sendo un 19% máis extractora de nitróxeno que o raigrás. A combinación de triticale e chícharo consegue unha extracción dun 15% superior á lograda co raigrás, próxima ós 80 quilos de nitróxeno por hectárea. Extracción de Nitróxeno por hectárea nos distintos cultivos e nos diferentes anos. Así, en base a iso, tamén o trevo resulta unha opción a valorar para a elección das pradeiras de inverno. “Se se ten en conta que na mestura de raigrás italiano e trevo encarnado só hai un corte e non se realiza aporte de fertilizante nitroxenado, esta é máis vantaxosa polo aforro de fertilizantes e a redución de custes de mecanización que proporciona”, detalla Báez.

Os efectos sobre o millo

Os estudos do Ciam tamén abordaron os efectos do tipo de cultivo de inverno no cultivo posterior de verán, o millo, para comprobar a relación que existe entre ambos e ata que punto inflúe optar por unha sementeira ou outra tendo en conta a rotación completa. Así, nas mesmas parcelas sementouse millo sen ningún tipo de fertilización mineral extra e outras cun aporte de 160 quilos de nitróxeno por hectárea. Nas parcelas sen fertilización mineral lograron producións de entre 6 e as case 10 toneladas de materia seca por hectárea que se acadaron naqueles predios onde se sementara o trevo encarnado. No caso desta variedade, cando se aplica o nitróxeno lógrase de media unhas 12 toneladas de materia seca por hectárea. “Observamos que, de media tanto o trevo encarnado como a mestura de triticale e o chícharo conseguen incrementar a produción un 59% sen ningún tipo de fertilización. Se se engade nitróxeno, esta diferenza no incremento na produción aínda que se atenúa, segue sendo dun 17% superior con respecto doutros cultivos”, detalla Báez.
“Tanto o trevo encarnado como a mestura de triticale-chícharo conseguen incrementar a produción nun 59% cando o millo non recibe ningún tipo de fertilización mineral”
Á hora de observar a extracción de nitróxeno, comprobaron que se conseguían resultados semellantes, sendo tanto o trevo encarnado como a mestura de triticale e chícharo a opción máis beneficiosa e que permitía unha extracción de nitróxeno do 64%. Cando se aportou fertilización no cultivo do millo, reduciuse a un 22% a extracción destes dous cultivos, que seguiron sendo os máis beneficiosos. Resultados da produción de millo trala rotaciónde cultivos de inverno. Observar os datos conxuntos tanto do cultivo de inverno como do millo tamén permite extraer interesantes conclusión sobre a elección dun cultivo ou outro para a rotación. Así, se se opta por trevo encarnado conséguese unha produción de proteína bruta superior tanto no cultivo da herba coma na colleita de millo, se se compara cos rendementos do raigrás italiano e sen ningún tipo de fertilización mineral extra. “A proteína bruta por hectárea na rotación típica de raigrás-millo pode incrementarse se se substitúe o raigrás por trevo ou a mestura de triticale e chícharo”, concreta a investigadora. Os resultados que ofrece o trevo encarnado son mesmo superiores ós logrados cando se sementou raigrás italiano e foron fertilizadas con 160 quilos de nitróxeno por hectárea. Así é que, o cultivo de trevo encarnado permite prescindir do abonado do 160 quilos de nitróxeno aplicado ó millo, sen reducir a produción de proteína. “Os resultados coa mestura de raigrás e trevo foron variables entre os anos estudados, pero apréciase un lixeiro incremento da produción de proteína da rotación típica e ten o beneficio de que tamén se aforra o abonado durante o inverno”, ratifica a investigadora. Resultados da rotación de cultivos de inverno na produción de millo. Porén, Báez tamén insiste en que cómpre ter presente que, aínda que as variacións inter-anuais son grandes co trevo os efectos mantéñense co paso do tempo e no caso da mestura de chícharo e triticale limítase máis aos primeiros anos do establecemento da rotación debido á pouca presenza de chícharo cando se cultiva ano tras ano no mesmo lugar. O ensaio sobre estes cultivos de inverno foi parcialmente financiado pola Xunta de Galicia, o INIA-Ministerio de Economía, Industria e Competitividade cofinanciado con fondos Feder e campos de ensaio da Consellería de Medio Rural.