Archives

O sector cunícola comeza a utilizar o selo B+

A Interprofesional para impulsar o Sector Cunícola, Intercun, xa comezou a autorizar a entidades de certificación para realizar auditorías de Compromiso Benestar Animal BACI (Benestar Animal Cunícola INTERCUN), o que permitirá o uso do selo B+ nos produtos de carne de coello procedentes de granxas e industrias certificadas. Este é o selo común das seis interprofesionais gandeiro-industriais do sector cárnico, que se uniron para garantir aos consumidores e usuarios un alto nivel de excelencia en canto a benestar animal e trazabilidade nos produtos identificados co B+.

Control en todo o sector

Tal e como explican desde Intercun, a certificación BACI contou para a súa elaboración coa Sociedade Española de Protección e Benestar Animal (SEPROBA), e foi coidadosamente analizada por un comité científico multidisciplinar. “Esta certificación engloba requisitos baseados en criterios científicos e técnicos máis esixentes que os recollidos na normativa europea, así como na nacional”, explican desde Intercun. Ademais, esta certificación contempla todos os elos do proceso de produción de carne de coello. Establece requisitos que afectan ó benestar animal e á rastrexabilidade desde a maternidade ata o cebo ou os centros de sacrificio e controla a cadea de custodia dos produtos no resto de industrias relacionadas coa carne de coello.

Catro Ventos, o paraíso da raza vianesa na Fonsagrada

No máis alto da Fonsagrada, alí onde pegan todos os ventos, atópase un mesón moi singular, vinculado a unha gandería que lle aporta a súa especialidade. No Mesón Catro Ventos, a sete quilómetros da Fonsagrada, no cruzamento da estrada de Grandas de Salime coa que vai a Santa Eulalia de Oscos a protagonista é a vaca vianesa. Ovidio Méndez incorporouse hai 20 anos á explotación de carne familiar. Un ano despois montou un cebadeiro onde chegou a haber 160 becerros de raza rubia galega. "No 2008 montei o mesón e abandonei un pouco a gandería, quedei só con 8 ou 10 limusín pero hai catro anos comecei coa vianesa e foi un acerto, estou contento coa raza", explica. Ovidio argumenta o cambio: "a nosa especialidade no mesón é a carne á grella. O limusín é culón e para a parrilla non me valía. A vianesa pola contra é unha carne cun nivel de engraxamento moi bo e é moi saborosa. En comparación con outras razas como o angus ou o kobe, esta carne ten tanto sabor, só que está sen vender, non ten a mesma fama", di.
"En comparación con outras razas como a angus ou o kobe, esta carne ten tanto sabor, só que a vianesa está sen vender, non ten a mesma fama"
As vacas vianesas coas que comezou Ovidio viñeron doutra explotación de Verín (12 animais) e de Ortigueira (outros 5). Hoxe conta con 29 reprodutoras que están sempre fóra, en extensivo. "É un animal moi duro, non ten problemas coas nevaradas. É unha raza de monte, son máis ariscas que a rubia galega pero se ven a xente a diario fanse mansas. Levo sen atender un parto un montón de meses, non dan ningún problema e para min, ao ter que atender o restaurante, é importante non ter que estar enriba delas", argumenta. 35 hectáreas de pasto en ecolóxico Os becerros cébanse durante 10 meses Os becerros están no prado coas nais desde que nacen até que teñen entre 8 e 10 meses. Logo cébanse, con concentrado a discreción e palla, até os 15 meses no caso das femias e até os 20 os machos. Cando son sacrificados, chegan a alcanzar os 300 quilos/canal. "É moito para unha vianesa", recoñece Ovidio, que se segue considerando gandeiro antes que hostaleiro. Dispón de 35 hectáreas a pasto. "Renovo pouco as pradeiras, porque ao estar en ecolóxico é máis complicado", di. Aínda que a explotación se atopa certificada en ecolóxico, o cebo final faino en convencional. "Tenteino pero é moi difícil. É un animal que infiltra graxa pero iso en ecolóxico non o conseguía", afirma.
"O cebo mellora a carne. Se matas directamente do prado é moi natural, pero menos saborosa"
"O cebo mellora a carne sen ningunha dúbida", asegura Ovidio. "Se matas directamente do prado é moi natural, pero menos saborosa, máis seca e máis dura", argumenta. E canta máis idade máis evidente é a mellora. "Unha vaca vella de 10 ou 12 anos saca un chuletón moi infiltrado e con moito sabor, aí si que xa nos imos a delicatesen", conta. A carne de vianesa é o verdadeiro reclamo do Catro Ventos. Está intermitentemente na carta e Ovidio vai informando no facebook do restaurante das novidades. "É unha carne que se vende moi ben. Nesta zona non se coñecía e a novidade e a curiosidade axudou a probala e a posicionala entre a clientela. Hoxe a xente xa pregunta por ela", asegura. Cecina e carne de boi Ovidio, no restaurante cun chuletón de raza vianesa A venda directa da súa propia carne que Ovidio fai no restaurante non só serve para valorizar a súa explotación, senón que tamén axuda a aportar valor e maior rendibilidade ao traballo de outros gandeiros da zona. Por ejemplo, el Catro Ventos merca directamente a Amaro, un veciño de Corneas, no veciño concello de Baleira, que ten medio cento de nais de raza vianesa. "Foi a el a quen lle vin a raza vianesa por primeira vez", lembra Ovidio. "Á maioría dos xatos que produce Amaro tamén lles damos saída no restaurante e no mes de novembro facemos unhas xornadas gastronómicas de vianesa para promocionar esta raza nas que matamos 4 xatos de cada un", detalla.
A vianesa é unha raza autóctona galega en perigo de extinción que conta cun censo de 2.800 animais repartidos en 79 explotacións
Os dous, Amaro e Ovidio, seguen traballando en conxunto para aumentar as posibilidades desta raza autóctona en perigo de extinción que conta cun censo de 2.758 animais, dos que 1.795 son nais reprodutoras, repartidos en 79 explotacións, 6 delas na provincia de Lugo. "Mandamos cecina a curar, estamos facendo probas para aproveitar deste xeito a parte que no restaurante ten menos valor", explica Ovidio, que tamén vai capar 6 animais para facer carne de boi.

Animal de traballo con boa ganancia de peso ao destete

Vaca vianesa na explotación de Ovidio en Barbeitos, na Fonsagrada A raza vianesa é orixinaria da Terra do Bolo, comarca que se sitúa no oriente da provincia de Ourense, e exténdese cara aos montes do Invernadoiro e Serra de Queixa en Chandrexa de Queixa, Manzaneda e A Pobra de Trives, chegando até Vilar de Barrio, Montederramo e Maceda. É unha raza en perigo de extinción integrada na Federación de Razas Autóctonas de Galicia e que conta co distintivo 100% Raza Autóctona outorgado polo Ministerio de Agricultura. Explotada antigamente como animal de traballo polas súas características morfolóxicas, na actualidade a súa utilidade céntrase na produción de carne de calidade cunhas ganancias de peso ao destete, dadas as súas cualidades de boa produtora de leite, de 800 gr/día, aos seis meses de idade do becerro. Noutro tempo en Viana do Bolo, da cal toma o seu nome, e máis en Celeiros e A Veiga, celebrábanse feiras nas que se comerciaban con xugadas de bois, que eran embarcados en ferrocarril desde Monforte de Lemos e A Rúa para seren exportados a outras rexións..
Noutro tempo as xugadas de bois de raza vianesa eran exportados en ferrocarril como forza tractora a outras rexións do estado
As condicións orográficas desta comarca, a máis montañosa da provincia de Ourense, dificultaron a mecanización agrícola e favoreceron os sistemas de explotación tradicionais necesitados de animais cunha forte adaptación ao medio, polo que a raza vianesa, moi valorada pola súa rusticidade e vigorosidade, gozou do mellor censo das Morenas Galegas. Pero a situación rematou a partir da segunda metade do século XX coa evolución industrial e agrícola e o posterior desenvolvemento das vías de comunicación. As vacas e bois vianeses foron substituídos como forza tractora por maquinaria e desde o punto de vista produtivo por outras razas altamente especializadas para alcanzar maiores rendementos leiteiros e cárnicos, aínda que con maiores requerimentos para producilos.

ICL reivindica a importancia dos controis para garantir a calidade dos abonos

A firma ICL Speciality Fertilizers acaba de lanzar unha campaña informativa sobre os controis de seguimento aos que somete os abonos para garantir a súa calidade. Baixo o slogan “A nosa calidade, a túa tranquilidade” reivindica o sistema de trazabilidade que utiliza para todos os procesos produtivos dos seus abonos.

Este seguemento permítelle á firma un control de calidade desde a extracción das materias primas nas minas ata que chegan nas súas diferentes formulacións e envases ao agricultor, viverista ou xardineiro. Ao longo da súa elaboración, a empresa supervisa que os abonos cumpran cos requisitos normativos e que conteñan exactamente o que se reflicte nas etiquetas do produto. “É imprescindible controlar ao máximo todo o proceso”, explican desde a firma.

O control que realizan aos abonos inclúe desde a pureza dos minerais utilizados ós procesos de elaboración de cada tipo de fertilizante ou á correcta proporción de cada formulado. “É a única forma de poder asegurar ao cliente final que o que compra responde ás necesidades nutritivas dos cultivos, segundo o tipo de chan, clima ou tipo de rega”, reivindican desde a firma.

A empresa incorpora ao seu proceso de control de calidade o traballo realizado nos seus Centros de Investigación e Desenvolvemento, a partir do que desenvolve fertilizantes especializados en cada cultivo, programas de nutrición completos, produtos fitosanitarios ou sementes de céspede de alto nivel.

Logo da campaña.

ICL asegura que cos seus abonos “o agricultor profesional pode ter a certeza de que o seu programa de nutrición cumpre todos os requisitos e normativas legais, tanto das diferentes administracións como da distribución do minorista”, indican.

Ademais, a firma tamén dispón dunha rede técnica e profesional que asesora ao cliente final á hora de analizar as necesidades dos seus cultivos e tomar decisións para elaborar o programa nutricional cos correctos aportes de fertilizante para cada cultivo.

A Xunta defende ante o Ministerio que se obrigue á industria a indicar a orixe do leite

A Consellería do Medio Rural trasladaralle ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) un informe do Consello Galego da Competencia que xustifica a necesidade de seguir adiante coa tramitación do real decreto que regula a obriga por parte da industria de identificar a orixe do leite. Outros países do noso entorno, como Francia, Portugal ou Italia xa o fixeron. Sen embargo, esta semana a Comisión Nacional de Competencia, órgano dependente do Ministerio de Economía, emitiu un informe desfavorable ao decreto sobre a identificación da orixe do leite, alegando que poida ter un “efecto proteccionista da industria nacional”, (…) “constituíndo unha restricción á libre circulación de mercancías (entre países)”. A postura de Competencia enfada ó sector gandeiro, que lle pediu ao Ministerio que faga oídos xordos ó informe de Competencia e aprobe a norma, como xa fixo co decreto que obrigou ás industrias a informar ao Ministerio de Agricultura do prezo de venda do seu leite ás cadeas de supermercados. Medio Rural: “O informe de Competencia non é vinculante e a identificación da orixe do leite é un dos compromisos do Acordo Lácteo” Na mesma liña sitúase tamén a Consellería de Medio Rural que “reafirma o seu compromiso coa regulación da identificación da orixe do leite, porque representa un apoio fundamental para os gandeiros galegos e supón tamén unha defensa do dereito dos consumidores a dispoñer de información veraz sobre os produtos que adquiren no mercado”. Medio Rural non comparte o criterio desta Comisión ao respecto e lembra ademais que “o seu ditame non é vinculante”, polo que considera que “existen razóns dabondo para que o Mapama continúe avanzando na mesma dirección, empezando polo establecido, tamén, no Acordo lácteo asinado polos axentes do sector en setembro de 2015”. Neste documento as industrias e a distribución comprometíanse a “promover a identificación da orixe do leite e os produtos lácteos, co fin de mellorar a información que se facilita ao consumidor mediante a inclusión, por parte das empresas, de forma claramente visible, destes datos en folletos de promoción, publicidade, carteis, así como nos propios lineais”. Así, o Goberno galego insiste en que “a medida regulada polo real decreto está plenamente xustificada, pois dar información veraz ao consumidor sobre a orixe dun produto, como o leite e os seus derivados, favorece a propia competencia”. Galega 100% Neste mesmo eido da identificación da orixe, a Xunta recorda tamén que Galicia xa conta cunha ferramenta moi importante, como é a marca “Galega 100%”, que ademais de asegurar a orixe galega do leite garante tamén a súa calidade superior e a súa rastrexabilidade.

O 20% dos consumidores non len a etiquetaxe dos produtos alimentarios que compran

IMOP, unha firma especializada na realización de estudos de opinión, e Berbés Asociados puxeron en marcha un traballo para solicitar a opinión dos españois en referencia a cuestións sobre a etiquetaxe alimentaria cuxa nova lexislación entrou en vigor a finais do pasado ano.

O obxectivo do traballo, feito a través de 754 entrevistas telefónicas, era coñecer se con esta etiquetaxe se cumpren coas esixencias da poboación respecto á información presente na etiquetaxe e tamén saber a que se pon máis atención á hora de comprar produtos alimentarios.

Segundo os resultados obtidos, arredor do 19% da poboación española non le as etiquetas dos alimentos que consumen, sendo a comprendida entre 25 e 34 anos a máis atenta á información da etiqueta (só o 9% non a le) e a poboación de entre 55 e 64 anos a que máis descoida este aspecto (un 25% deles non len as etiquetas).

Non obstante, entre aqueles que si poñen atención ás etiquetas informativas no momento da compra, destacan por enriba do resto os que están de acordo coa vixente etiquetaxe e non botan nada en falta neste, que ascenden a un 28% dos consumidores.

Demandan unha etiquetaxe máis visible e que se informe sobre posibles alérxenos

Respecto ás reclamacións máis pronunciadas polos españois encóntrase unha maior visibilidade da etiquetaxe (14%), elección que se incrementa co aumento da idade dos consumidores. Tamén se demanda unha maior información sobre os posibles alérxenos que conteñan os produtos (9%), opción citada principalmente polas persoas entre 25 e 34 anos, e sendo bastante menor entre os máis maiores.

Unha mellor visibilidade da data de produción e de caducidade (9%), máis información sobre a composición do produto, conservantes e ingredientes (7%) e a orixe deste (7%) son outras das reclamacións principais dos españois na enquisa realizada.

En menor medida, a poboación española seleccionou como aspectos a mellorar na etiquetaxe máis información sobre valores nutricionais (6%) e maior claridade dos contidos (6%). Con porcentaxes máis baixas solicitaron información sobre as graxas trans, sobre os transxénicos e sobre o proceso de fabricación. Ademais, arredor dun 4% dos consumidores sinala outras opcións e outro 4% non sabe ou non quere contestar.

A Comisión Europea, a prol de que a orixe na etiqueta sexa voluntaria

A Comisión Europea acaba de publicar dous informes sobre a etiquetaxe de orixe, conforme ao solicitado polo Consello e o Parlamento Europeo no Regulamento sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor (1169/2011). Segundo a Comisión, "en ambos os dous chégase á conclusión de que os beneficios dos novos requisitos obrigatorios de etiquetaxe non compensan claramente os custos e que as normas de etiquetaxe voluntarias parecen ser a solución máis axeitada". Non obstante, unha maioría dos consumidores enquisados si que se mostran a favor de indicar a orixe na etiqueta dos produtos alimentarios. A Comisión posiciónase así a prol dunha normativa menos esixente na información ao consumidor. No primeiro informe analízase a viabilidade das diferentes opcións para a etiquetaxe de orixe obrigatoria respecto dos produtos lácteos e carnes menores, en particular a carne de cabalo, carne de coello e carne de caza e de aves (silvestres ou de granxa), tendo en conta que xa existen normas de etiquetaxe para a carne de vacún, carne de porcino, carne de aves de curral, carne de ovino e de caprino. Tendo en conta a actitude dos consumidores cara á información adicional e os custos suplementarios potenciais, así como os requisitos técnicos e administrativos derivados para as empresas e as autoridades públicas, o informe chega á conclusión de que, no caso dos produtos lácteos, "se produciría un impacto desigual nos produtores, máis gravoso para algúns e menos para outros". "Parece tamén -interpreta a Comisión- que os consumidores non están dispostos a pagar máis pola información adicional". Por conseguinte, o informe suxire que as opcións existentes de etiquetaxe voluntaria poderían responder a algunhas das demandas dos consumidores, mantendo ao mesmo tempo a necesaria flexibilidade para os Estados membros e os operadores do sector alimentario. Para as «carnes menores», o informe tamén chega á conclusión de que a etiquetaxe de orixe obrigatoria implicaría custos operativos que non compensarían os beneficios. Os consumidores prefiren a etiquetaxe da orixe O segundo informe analiza a necesidade de informar os consumidores sobre a orixe dos alimentos non transformados, os produtos cun só ingrediente único e ingredientes que representan máis do 50% dun alimento. Chega á conclusión de que os consumidores están interesados na etiquetaxe da orixe para todas estas categorías de alimentos, pero non así para categorías de alimentos como a carne, os produtos cárnicos e os produtos lácteos. No informe tamén se analizan os custos e beneficios da normativa en materia de etiquetaxe, incluído o impacto no mercado interior e no comercio internacional, e chega á conclusión de que a etiquetaxe da orixe voluntaria, en combinación cos actuais réximes de etiquetaxe de orixe obrigatoria para determinados alimentos ou categorías de alimentos, é o mellor xeito de avanzar.

Entra en vigor a obriga de indicar a orixe da carne na etiqueta

Dende o 1 de abril entraron en vigor na Unión Europea as novas normas de etiquetaxe nas que será obrigatorio indicar a orixe da carne fresca, refrixerada ou conxelada de porcino, ovino, cabrún e aves. En concreto, trátase do Regulamento de Execución (UE) n.º 1337/2013 da Comisión Europea, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) n.º 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire á indicación do país de orixe ou do lugar de procedencia para a carne. Son novas normas de etiquetaxe nas que será obrigatorio indicar a orixe da carne fresca, refrixerada ou conxelada de porcino, ovino, caprino e aves. Queda excluída a carne de vacún Deste sistema de etiquetaxe quedaron descartados os modelos de carne de vacún, que xa contan cunha normativa propia, e a carne picada xunto aos magros. Normas para a carne de porcino No caso da carne de porcino utilizarase a indicación de orixe criada en seguido do nome do país: En que estivese os últimos 4 meses de vida cando o animal sexa sacrificado con 6 ou máis meses de vida e máis de 80 kg de peso vivo En que estivese dende os 30 kg ata o seu sacrificio cando se sacrifique con menos de 6 meses de vida pero con máis de 80 kg de peso vivo. En que estivese se se sacrifica con menos de 80 kg vivo e ten menos de 6 meses. Normas para ovino, cabrún e aves Para a carne de ovino-cabrún débese indicar na etiqueta o Estado membro da Unión Europea ou país terceiro no que foi criado o animal durante os últimos 6 meses de vida, ou de todo o período de cría se é sacrificado con menos de 6 meses. Na carne de aves débese indicar o país onde foron criadas durante o último mes de vida ou de toda se a ave é sacrificada antes dun mes. Outras mencións que deberán incluírse na etiquetaxe son as de sacrificado en co nome do país, sexa da UE ou non, e o código de lote para poder verificar a trazabilidade. O obxectivo desta normativa, segundo a Comisión Europea, é mellorar a trazabilidade da carne, establecendo unha relación entre a carne comercializada e o animal do que procede.