Archives

“As granxas europeas perderán competitividade polas restriccións en materia xenética”

Sebastián Demyda-Peirás é un experto no campo das novas técnicas xenéticas aplicadas á produción de leite. Traballa como enxeñeiro zootecnista na Universidade da Prata, en Arxentina, un país que está a apostar aberta e decididamente pola biotecnoloxía en agricultura e gandería. O desenvolvemento destas novas técnicas, como a edición xenética CRISPR ou a produción de gametos a partir de células nai, prognostican un aceleramento da mellora xenética bovina a nivel mundial e a superación dos avances logrados mediante as metodoloxías actuais, como a inseminación artificial, o uso de embrións ou o xenotipado.
Moitas destas novas técnicas desenvolvidas en EEUU están aínda prohibidas na UE
Sebastián visitou Galicia recentemente para participar nas Xornadas Tecnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, nas que defendeu as vantaxes de usar estas biotecnoloxías xenómico-reprodutivas para a mellora do gando vacún. Aproveitamos para repasar con el os últimos avances logrados neste ámbito e para coñecer a súa opinión sobre a prohibición aos transxénicos na Unión Europea. “A regulación europea é restritiva, a uns niveis que non teñen máis explicación que a política. Non é unha discusión técnica. E iso pode facer perder oportunidades de mellora e competitividade ás explotacións agrogandeiras europeas no futuro. E por iso creo que as autoridades comunitarias van ter que acabar pasando polo aro”, considera.
Creo que as autoridades comunitarias van ter que acabar pasando polo aro
Con todo, non se atreve a prognosticar se este cambio de actitude se producirá a curto prazo. “Isto non vai ser pasado mañá seguramente”, opina. Dependerá, afirma, do nivel de avances que se logren noutros países a través destas novas técnicas e doutros factores difíciles de prever nun mundo tan cambiante como o actual. “Hai dous anos todos eramos defensores sen concesións da loita contra o cambio climático e neste momento, por mor da actual crise enerxética, relaxáronse todas as políticas neste ámbito e estamos a volver a queimar carbono ao tolo”, exemplifica. Negarse á evolución Sebastián asegura, en todo caso, que “negarse a este tipo de tecnoloxías é basicamente negarse á evolución”, aínda que recoñece que se trata de metodoloxías que se atopan “en moi poucas mans”. “Sería fantástico que houbese un consorcio internacional público que desenvolvese esta tecnoloxía pero lamentablemente non o hai e está controlada por 4 ou 5 compañías privadas”, admite.
Esta tecnoloxía contrólana soamente catro ou cinco compañías privadas, iso é certo
“A mesma empresa que está aquí vendendo o seme xenómico está a investigar en EEUU con estas técnicas e facendo estes desenvolvementos. Hoxe en EEUU xa hai dispoñibles touros editados xeneticamente. En Brasil xa o aprobaron para un touro angus sen cornos e en Arxentina vaise aprobar tamén porque alí a edición do xenoma non é un tema de discusión como en Europa”, explica. “E o problema non é só para os produtores, senón que na UE tampouco se pode facer investigación, polo que os científicos van quedar atrás ou van ter que marcharse a investigar a outro lado”, di. Acelerar a mellora xenética “As biotecnoloxías reprodutivas non son técnicas de mellora xenética nunha granxa leiteira, pero poden axudar a que esa mellora sexa máis rápida”, afirma Sebastián. “A mellora xenética significa percorrer un camiño, e iso depende do tamaño da roda (presión de selección) e da velocidade á que xira (intervalo xeracional). Hai que buscar un equilibrio entre estas dúas cousas”, defende.
Estas novas metodoloxías cambiarán drasticamente a forma de pensar a mellora xenética das vacas leiteiras
Desde hai anos, os programas de mellora xenética produciron un incremento notable da produtividade dos animais e esta mellora poderá ser acelerada coas novas técnicas, aínda que ese crecemento produtivo ten un límite, polo que a medida que eses avances se van implementando e se conseguen resultados, a capacidade de mellora redúcese. “Con IVB imos chegar en 10 anos ao que con selección xenómica tardariamos 25, pero chegará un momento no que non podamos mellorar máis”, recoñece.
Con IVB imos chegar en 10 anos ao que con selección xenómica tardariamos 25, pero chegará un momento no que non podamos mellorar máis
Combinando a selección xenómica, a obtención de células nai, a gametoxénese in vitro e a transferencia embrionaria podería reducirse o intervalo xeracional do gando dos 3-5 anos actuais a menos de 4 meses, multiplicando deste xeito por 10 o progreso xenético dos animais. Animais máis eficientes Con todo, Sebastián explica que “non imos mellorar a produción de leite de forma directa pola vía da edición xenética, porque non hai un xen do leite”. “A produción de leite está controlada por unha chea de xenes, moitos dos cales non sabemos nin cales son. Non hai un xen específico que faga que unha vaca que dá 12.000 litros pase a dar 15.000. E non podemos andar editando 1.000 xenes. Podemos editar un que faga que o pelo sexa curto e por tanto que esas vacas no verán sufran menos estrés por calor ou podemos editar o alelo da proteína e transformar un touro A1A1 nun touro A2A2, por exemplo. Máis que nesas cuestións eu creo que non vai haber un salto importante”, considera.
Hai poucas posibilidades de incidir directamente en produción de leite pola vía da edición xénica
Un dos caracteres que se está avaliando en selección xenómica no últimos tres anos é o ecofeed, é dicir, a eficiencia do consumo, e que está relacionada cunha menor emisión de metano. “Nese campo da selección para emisión de gases de efecto invernadoiro si que hai consorcios de universidades que están a traballar en selección xenómica para reducir a emisión de metano nas vacas financiados por fondos Feder e outros programas europeos”, indica. Está tamén en desenvolvemento, mediante edición xenética, conseguir vacas resistentes a enfermidades como a tuberculose. Ampliar as zonas de produción de leite no mundo Os caracteres morfolóxicos teñen un aspecto xenético importante, pero, en cambio, a produción de leite non é un carácter tan xenético e depende en gran medida do ambiente (alimentación, manexo, instalacións, clima). As novas técnicas de edición xénica poderían facilitar a mellor adaptabilidade dos animais a zonas pouco propensas á produción láctea. “Rexións con condicións de estrés térmico importante poderían empezar a producir leite”, asegura Sebastián.
Rexións tropicais e subtropicales con condicións de estrés térmico importante poderían empezar a producir leite
É o que fixo Brasil, neste caso a través de selección xenética convencional, nos anos 90 creando unha raza propia, a girolando, que é un cruzamento da raza holstein (5/8) coa gyr (3/8). “Son unhas vacas que dan leite, aínda que menos que unha frisoa, pero en lugares tropicais e subtropicales onde unha holstein non pode nin crecer. Isto é o mesmo pero a través da técnica da edición de xenes”, explica. “Iso podería ampliar as zonas do mundo onde actualmente se pode producir leite ou conseguir resistir mellor aos efectos do cambio climático sobre o gando nas zonas de produción actuais”, defende.

 “En Arxentina os cultivos transxénicos fixeron descender un 80% o uso de pesticidas”

Sebastián, durante a súa intervención nas últimas Xornadas Técnicas organizadas por Seragro A diferenza do que ocorre na UE, outros países lanzáronse ao uso de organismos modificados xeneticamente tanto en cultivos agrícolas como en distintas especies de gando. En vacún, os traballos céntranse sobre todo en vacas leiteiras. “O mango da tixola de holstein teno EEUU. Basicamente porque foron os primeiros que empezaron e en 15 anos fixérono funcionar. Hoxe ninguén ten 6 millóns de vacas xenotipadas, nin as vai a ter a curto prazo, porque iso é moito diñeiro. E despois hai outros países que apostan pola biotecnoloxía. O exemplo pode ser Arxentina. Igual que temos soia editada xeneticamente ou millo editado xeneticamente, en canto unha compañía produza seme dun destes touros editados xeneticamente vai entrar porque estamos abertos a estas cuestións”, indica Sebastián.
China ten unha política abertamente pro biotecnoloxía, aínda que o problema é que se sabe moi pouco e non coñecemos que é realmente o que están a facer
“Eu creo que é unha cuestión positiva e o que se logra é importante. Por exemplo, no tema de cultivos resistentes aos insectos a cantidade de pesticidas que se deixaron de usar é incrible. Son cultivos transxénicos, si, pero os pesticidas caeron un 80%. E eu prefiro non contaminar os ríos hoxe aínda que non saiba como será a evolución deses cultivos dentro de 50 anos, aínda que eu creo que non vai pasar nada”, argumenta. Do mesmo xeito que Arxentina, tamén Brasil está a usar xa transxénicos, así como outros países que optaron pola introdución dos OMG. “China ten unha política abertamente pro biotecnoloxía, aínda que o problema é que se sabe moi pouco e non coñecemos que é realmente o que están a editar. Hai anos, de feito, apareceu alí un neno editado xeneticamente”, indica Sebastián.

O leite que vén, vacas alimentadas sen soia transxénica

Os sistemas de produción de leite diferenciado continuarán cobrando importancia nos próximos anos. Logo da expansión do leite ecolóxico e do leite producido en base a pastoreo, que continuarán a súa consolidación no mercado, espérase o aumento dunha nova tendencia, o leite de vacas alimentadas sen transxénicos. Esa é a previsión que se recolle no informe de perspectivas do sector lácteo para o 2030 que vén de presentar a Comisión Europea. En países como Austria ou Suecia, o 100% do leite producido obtense sen uso de transxénicos, en tanto en Alemania, o maior produtor da UE, arredor da metade do leite é ‘GM-free’ (libre de transxénicos), unha tendencia que se espera que medre no resto da UE, pois o consumidor asocia estas producións a unha alimentación máis natural e con menor impacto ambiental.
A alternativa á soia pasa por importar máis colza e xirasol e por aumentar a produción de pastos e forraxes
A principal dificultade para que as ganderías evolucionen cara a unha alimentación libre de transxénicos sitúase na soia, que representa un compoñente importante dos pensos en vacún de leite polo seu aporte de proteína. A Comisión Europea calcula que a soia supón un 16% da alimentación animal, pero só un 3% é producida en Europa. Os principais países exportadores, Estados Unidos, Brasil e Arxentina, traballan principalmente con variedades de soia transxénicas. As posibilidades de importar soia non transxénica céntranse en Ucrania, outro dos principais mercados para a UE, e en Brasil, onde parte da produción é ‘GM free’ (libre de transxénicos), se ben desde o ámbito ecoloxista tamén se cuestiona o uso de soia non transxénica do Brasil, pois enténdese que ese consumo pode ter impacto ambiental na deforestación do Amazonas. Que alternativas hai á importanción de soia? A Comisión Europea considera que esa alimentación pode suplirse cun aumento da produción de pastos e forraxes en Europa (+2,8 millóns de hectáreas), considerándose tamén posible aumentar a soia producida en Europa (+ 600.000 hectáreas). Con todo, para cubrir as necesidades de proteína na ración do vacún, sería preciso de xeito paralelo aumentar as importacións de oleaxinosas non transxénicas, por exemplo colza e xirasol.

Tendencias de consumo, limitacións ambientais e mercado mundial

O informe sobre as perspectivas do mercado lácteo para o 2030 que vén de presentar a Comisión Europea analiza as cuestións a ter en conta en torno a produción, consumo e mercado. Resumimos os principais puntos: Produción - A produción de leite na UE continuará aumentando na próxima década (+ 0,6% anual), pero a menor ritmo do que o fixo nos últimos anos , cando se superaba o 1% anual. Os condicionantes ambientais e os requerimentos de sistemas de produción diferenciados (leite ecolóxico, en base a pastos, etc.) restrinxirán o aumento das entregas. - O rendemento leiteiro continuará aumentando e espérase que no 2030 chegue ós 8.300 litros por vaca, fronte ós 7.300 actuais. Iso permitirá reducir a cabana gandeira nun 6% e reducirá as emisións de gases de efecto invernadoiro por litro de leite producido. Limitacións ambientais - A produción leiteira está baixando en Holanda pola obriga de reducir a carga de fosfatos. O debate está tamén moi activo en torno ós nitratos en moitos países da UE.
As industrias lácteas da UE inician plans para reducir a pegada de carbono da produción do leite
- Outra cuestión ambiental a ter en conta é a das emisións de gases de efecto invernadoiro. Hai industrias lácteas na UE que xa anunciaron plans para reducir a súa pegada de carbono. As vías de traballo para lograr iso céntranse en reducir as emisións de metano do gando, mediante cambios de manexo e nutrición, e en mellorar o secuestro de carbono, aumentando os pastos temporais ou o tempo de permanencia dos cultivos tanto como sexa posible. Mercado - Os prezos da manteiga e do leite en po volverán a cifras normais, que no caso da manteiga rondará os 3.600 euros por tonelada e no leite en po os 2.600. Son cifras que se prevé que permitan manter un prezo forte do leite no campo. - A produción leiteira aumentará nos países en vías de desenvolvemento, polo que o aumento das exportacións será menor que na última década. - O queixo continuará aumentando a súa cota de consumo en Europa (+1 kg. por persoa e ano no 2030), en tanto o leite líquido seguirá perdendo peso (-7 litros por persoa e ano no 2030). Iogur e nata experimentarán pequenos aumentos de consumo. - O queixo absorberá tamén máis do 40% do aumento de volume de exportacións previsto na UE na próxima década, seguido dos soros en po (+26%) e da manteiga (+19%).

“As limitacións da UE aos transxénicos provocan que sexamos cada vez menos competitivos”

José Luís Romeo, presidente da Asociación General de Productores de Maíz de España (AGPME) aborda algúns dos desafíos que se expoñen aos agricultores e gandeiros na produción de millo en España. O uso de variedades transxénicas, os avances tecnolóxicos, o uso de prácticas sustentables ou a competencia con grandes potencias produtoras son algúns dos temas tratados. -Que importancia ten o cultivo de millo en España no sector primario? Nos anos 2014/15 España chegou a contar cunhas 420.000 hectáreas produtivas de millo e agora mesmo estamos nas 320.000. Así, en apenas 5 anos a superficie produtiva diminuíu nunhas 100.000 hectáreas debido aos altos custos que implica a produción de millo, que ademais esixe rega en boa parte de España. A maior parte do millo destínase á fabricación de pensos compostos, para a alimentación do gando, mentres que en zonas como Galicia os gandeiros cultivan o millo para ensilado e lograr forraxes para a alimentación dos seus animais.
“En 5 anos, a superficie produtiva diminuíu nunhas 100.000 hectáreas debido aos altos custos”
-Que porcentaxe desta produción é cultivo ecolóxico? Hai moi pouca superficie dedicada ao millo ecolóxico, é case insignificante. Aínda que hai xente dedicada á produción deste tipo de cultivo, que logo se destina para a fabricación de pensos ecolóxicos, é moi pouca a produción. Doutra banda, aínda que non é produción ecolóxica, unha parte do cultivo de millo tamén se destina ao consumo humano, por exemplo para os flocos de millo. Este tipo de produción tamén ten unhas normas máis estritas en canto a tratamentos fitosanitarios. - En Galicia, a produción deste cereal vincúlase ao millo de secaño, destinado principalmente ás forraxes. ¿Que peso ten este tipo de millo na produción estatal? En verdade, o seu peso é moi pouco no cómputo xeral da produción de millo estatal. Ademais de en Galicia, tamén en León hai unha zona fresca na que tamén se produce este tipo de millo. A diferenza radica en que nestes millos de secaño conséguese unha produción media duns 11.000 quilos por hectárea mentres que na zona do Ebro, no millo do regadío, a produción sitúase nos 15.000 quilos por hectárea e mesmo pode chegar aos 20.000. As zonas máis altas e frescas prodúcense millos de ciclos curtos e nas zonas máis cálidas prodúcese millo de ciclo longo. Mesmo na zona de Aragón e Lérida prodúcense dous cultivos. Antes de sementar o millo, cultívase cebada ou guisante, logo realízase unha sementeira directa de millo e aínda se obteñen preto de 12.000 quilos de millo por hectárea despois de lograr 7.000 quilos de cebada. - Precisamente en Galicia, a incidencia da fauna salvaxe, sobre todo xabaril, está a condicionar que nalgunhas zonas se reducise o cultivo. Como abordaron esta problemática desde a asociación? Ocorre en Galicia, en Aragón ou en Cataluña, está a ocorrer en todos lados. Ademais, non só é preocupante polos estragos que as poboacións de xabaril están a causar no millo senón tamén porque son un foco de contaxio de enfermidades como a peste porcina. En países como Francia, despois de detectarse algún contaxio en Bélxica, xa están a actuar para frear o aumento das poboacións. Aquí, polo momento, pouco está a facerse e vémonos con que é moi difícil atallar os danos nos cultivos, sobre todo en grandes leiras de millo con 20 ou 30 hectáreas, onde é moi complicado sacar ás camadas aínda que se fagan batidas con cans e acabamos tendo importantes danos. - A nivel mundial, que posición ocupa España na produción de millo? A produción mundial de millo sitúase aproximadamente nos 1.000 millóns de toneladas e en España producimos preto de 4 millóns de toneladas, polo que somos ‘insignificantes’. Desta produción mundial, preto dun terzo prodúcese en Estados Unidos, uns 350 millóns de toneladas, e son os que fixan o prezo do mercado posto que son os grandes produtores. Tamén China está a ter unha importante produción do mesmo xeito que Arxentina e Brasil que son outros dous grandes produtores. A nivel europeo, Francia e Romanía son importantes e en Bulgaria tamén se produce, aínda que non na mesma medida. En España temos unha cabana gandeira moi grande que nos obriga a importar millo. Xa en 1992 tiñamos un convenio con EE.UU. para que se trouxesen 2 millóns de toneladas de millo e 600.000 toneladas de sorgo para alimentar a gandaría, pero agora esta cifra incrementouse até o punto de que temos que importar máis do dobre do que producimos para alimentar á nosa cabana gandeira. - Para pornos en perspectiva, como evolucionaron os rendementos medios nas últimas décadas? Os rendementos medios van aumentando. En España temos a media máis alta de produción de Europa. Estamos nunha produción media de 11,5 toneladas por hectárea pero que poden chegar ás 20 toneladas por hectárea e iso non o ten ninguén en Europa. En comparación co resto de Europa, en zonas como o Val do Ebro temos unhas moi boas condicións para producir, o que ocorre é que diminuíu a superficie produtiva, principalmente porque os números non cadran.
“En España temos a media máis alta de produción de Europa pero os prezos de hai 30 anos”
- E se falamos de prezos, que valoración fai da situación actual? Boa parte da culpa da situación que atravesa agora mesmo a produción de millo en España, coa caída da superficie produtiva, débese a que sigamos con prezos de hai 30 anos. Cando entramos na Comunidade Económica Europea, o millo xa estaba en 30 pesetas e agora estamos por baixo dese prezo. Na actualidade está a pagarse a 175 euros por tonelada. Levamos toda a vida co mesmo prezo mentres os custos soben (a semente vale moito diñeiro, requírese moito abonado, ademais do custo da auga e a rega, que tamén suma). - É competitivo o millo español fronte ás importacións de xigantes como Estados Unidos ou Arxentina? Cada vez menos. Nós estamos a importar millo de países que utilizan transxénicos que son moito mellores que o único transxénico autorizado que temos en España desde hai 20 anos. Contar con plantas cunha mellor xenética fai que teñas que utilizar menos abonos, menos fitosanitarios e, en definitiva, poidas ter unhas plantas máis sás e produtivas e que se reduzan os custos de produción. Nós temos que competir directamente con eles pero logo importamos todo o millo de todo tipo que a nós desde a Unión Europea non nos deixan producir. - Temen que lles afecte negativamente o acordo UE-Mercosur e UE-Estados Unidos? Cremos que vai repercutir moito en produtos como o millo ou a soia así como na carne de vacún. Posiblemente outros sectores como o porco terán mellores perspectivas pero a nós creo que nos afectará moito, sobre todo, se se reduce a cabana gandeira, xa que afectará á demanda. Hai que ter en conta, ademais, que en países como Arxentina, cunha crise de devalorización da moeda, estes produtos exportaranse a prezos moi baixos a Europa.
“Un campo de millo absorbe máis CO2 que unha plantación de piñeiros”
-Nun cultivo como o millo, que leva parella unha importante carga de fitosanitarios, ¿como se asume desde o sector o reto de lograr unha produción máis sustentable? Hai xa 5 anos que o 70% dos principios activos que se poden utilizar en herbicidas e en fitosanitarios elimináronse polo que agora cústanos máis loitar contra determinadas herbas ou pragas, como o caso da araña vermella no millo, que agora é máis complicado combatela. Isto estanos producindo problemas ós produtores pero sabemos que é mellor porque eliminamos produtos que se supoñen que eran moi prexudiciais para o campo. Ademais, na zona de Aragón está a optarse moito por sementeira directa para reducir gastos de combustible, de revolver a terra, e ao mesmo tempo ao traballar sobre unha capa de restrollos de cebada conséguese manter máis a humidade no chan. Tamén se está optando pola localización do abono na liña de sementeira para evitar esparexelo por todo o campo, concentrándose no millo. -Cales son os principais retos que se lle presentan ao sector con respecto ao cambio climático? Fronte ao cambio climático a produción de millo é moi importante debido á súa capacidade de absorción do CO2. Un campo de millo absorbe máis CO2 que unha plantación de piñeiros. Isto creo que debería de valorarse en maior medida. En zonas que se pasou de espazos desérticos a contar con plantacións de millo estase transformado un deserto en auténticos sumidoiros de carbono da atmosfera.

“Ao redor do 35% do millo que se sementa no noso país é transxénico”

- A modificación xenética, con variedades máis resistentes, é tamén unha opción que contemplan desde outros sectores produtivos, é o millo transxénico unha opción a ter en conta en España? O millo transxénico en España é moi importante e ao redor do 35% do que se sementa no noso país é millo transxénico. Somos o primeiro país en Europa en superficie deste tipo de millo e é imprescindible para realizar unha dobre colleita porque ao sementar en xuño, nesa época as pragas como o trade do millo xa están moi asentadas no chan e se non utilizas uns transxénicos hai que empregar moitos insecticidas e resulta moi difícil combatela. Contar cos transxénicos é o que posibilita que se poidan realizar dobres colleitas.
“En Estados Unidos hai entre 20 ou 25 transxénicos máis fáciles de cultivar e eficientes para o medio ambiente”
Mentres, en países como Estados Unidos hai entre 20 ou 25 transxénicos que son resistentes contra a seca, os vermes do chan ou máis eficientes para o uso do nitróxeno. Isto fai que sexan moito máis fáciles de cultivar e máis eficientes para o medio ambiente, ao reducir a carga de insecticidas e herbicidas precisos e ser máis específicos ao atacar só aos insectos que afectan o millo, en lugar de eliminar todo. Aquí temos o MON810 que se desenvolveu hai máis de 15 anos e só contamos con ese. -Como foi a evolución dos millos modificados xeneticamente (OXM) en España? Desde a UE puxéronse tantas probas específicas para desenvolver os transxénicos, que implican un desembolso económico tan importante, que se freou o seu desenvolvemento. Estivemos vendo como noutros países se desenvolveron estas técnicas e mesmo aproveitaron as nosas investigacións nestes campos. - A nivel de resistencia a enfermidades e de mellora dos rendementos. Cales son os aspectos nos que hai que mellorar máis e que técnicas están a utilizarse con máis éxito?
“Para mellorar os rendementos está a traballarse coa tecnoloxía CRISPR, que tamén nos vetaron dende a UE”
Agora mesmo para mellorar os rendementos está a traballarse coa tecnoloxía CRISPR, pero que tamén nos vetaron dende a UE, xa que consiste nunha modificación no xenoma pero neste caso sen introducir xenes alleos á planta, senón modificando os propios. É un tipo de xenética dirixida que posibilita un avance importante nos cruces aínda que agora mesmo está moi limitada do mesmo xeito que os transxénicos. Nestes momentos está en debate o seu uso, pero inicialmente desde a Unión Europea ten importantes restricións, suxeitas a probas similares ás dos transxénicos, mentres que outros países xa se están aproveitando diso polo que se non se axilizan volveremos quedarmos atrás. Ademais, hai que ter en conta que estes organismos modificados con tecnoloxía CRISPR serán imposibles de diferenciar polo que o control dos que cheguen de fóra será moi difícil. - As casas de sementes están a concentrarse nunhas poucas multinacionais que copan o mercado mundial. Como valora este proceso? Corremos o risco de quedar en España sen obtentores nacionais? Persoalmente prefiro que non se concentre e que haxa varias casas comerciais o que xera competencia entre elas. Neste sentido, a tecnoloxía CRISPR tamén podería ser unha ferramenta para que firmas pequenas desenvolvan sementes que antes só se podían permitirse as grandes multinacionais, xa que se perfila como unha tecnoloxía relativamente alcanzable.
-E se falamos de retos de futuro, afectará a remodelación da PAC á produción de millo? Ao millo probablemente non lle afecte demasiado xa que ao ser un cultivo extensivo seguirá sendo tratado de forma similar. O problema radica na propia concepción da PAC pensada e relacionada inicialmente cos prezos de produción para o que se manexaron pagos fixos compensatorios pero o prezo non se chegou a axustar aos custos de produción e os pagos foronse reducindo, polo que cada vez ao agricultor compénsalle menos e a rendibilidade do campo cada vez é menor, iso provoca tamén o abandono do rural. -Recentemente tamén buscaron sumar esforzos con Portugal. ¿En que liñas se asenta esta colaboración e que obxectivos persegue? Con Portugal temos intereses comúns debido a que temos unha climatoloxía similar, que é moi distinta do resto de Europa, onde os regadíos non lles preocupan demasiado. Ademais, temos en común o problema do despoboamento do campo que tampouco se dá noutros países europeos e aquí é cada vez máis frecuente, parello a un abandono do rural. Así queremos levalos de forma conxunta a Bruxelas para que sexan conscientes das problemáticas que temos aquí.

“España será o laboratorio mundial para ensaiar variedades de cultivos resistentes ao cambio climático”

Por primeira vez en España as principais organizacións agrarias (Upa e Asaja), Cooperativas Agroalimentarias de España e as empresas obtentoras de sementes, agrupadas en Anove, alcanzaron un acordo o pasado 26 de xullo para facer cumprir a normativa europea sobre reemprego de grans para semente de variedades protexidas de cereais. Dita normativa obriga aos agricultores a pagar por reutilizar sementes de cereais e leguminosas durante 25 anos, algo que para a Coag, que se desmarcou do acordo, resulta “abusivo”. Para aclarar o contido deste acordo e coñecer os pasos que están a dar as empresas de sementes para mellorar os cereais e lograr variedades máis adaptadas ao cambio climático, entrevistamos a Antonio Villaroel, secretario xeral Anove. Que importancia ten o acordo alcanzado entre Anove, as cooperativas agrarias e as organizacións sindicais Upa e Asaja o pasado mes de xullo? É un acordo histórico. Na Unión Europea e a nivel internacional a protección das variedades vexetais ten determinadas excepcións, sobre todo no caso dos cereais e da pataca, que permiten aos agricultores estar autorizados a reutilizar a “semente de granxa”, isto é, a que eles mesmos obteñen nas súas explotacións. En concreto, a lexislación da Comisión Europea no ano 1994 empezou a regular este dereito, establecendo que os agricultores deben informar os titulares das variedades para poder reutilizalas e que teñen que pagar unha pequena retribución, da que se exclúe aos pequenos agricultores. A lexislación europea tamén recomenda dar prioridade aos acordos sectoriais sobre a normativa, que se aplicará de forma subsidiaria aos acordos a nivel europeo, nacional e mesmo individual entre agricultor e propietario da semente. A partir desta normativa, os estados membros da UE foron resolvendo este asunto pola vía de acordos nacionais. Así, por exemplo, en Francia os agricultores contribúen con 0,7 euros por tonelada cando entregan a súa colleita, e se o agricultor non usou unha variedade protexida ou é pequeno agricultor devólveselle o diñeiro. No Reino Unido pagan ou ben cando acondicionan o seu gran ou por hectárea. Porén, en España non lograramos chegar a un acordo, o que foi motivo de enfrontamento para facer cumprir unha obriga legal da Unión Europea, como é a de pagar por reempregar como semente o gran que produce o propio agricultor. Si que logramos chegar a un acordo coas cooperativas e coas empresas acondicionadoras de gran para facturarlles por reutilización, en concreto o 50% do royalty máis barato no mercado. Pero faltaba que se unisen os agricultores, a través dos sindicatos.
 “O canon por reemprego de semente oscilará entre 1 e 3 euros por hectárea”
Finalmente, hai dous anos, en 2015, houbo unha decisión do Tribunal Europeo de Xustiza da Unión Europea, que estableceu a obriga para os agricultores de que sexan eles os que teñan a responsabilidade de pagar este canon por reemprego, cun prazo de ata o 30 de xuño da campaña seguinte á que usaron o material. En caso contrario, estarían a cometer unha infracción, introducindo así unha gran conflitividade no campo. Finalmente, chegamos a un acordo entre a maioría das partes implicadas para aplicar a normativa de forma sinxela e práctica, cedendo todas as partes un pouco. Así, unificamos o royalty cun canon medio de 12 euros por tonelada de gran reempregado, en caso de acondicionar o cereal para sementeira. E os agricultores que non acondicionen o cereal pagan por hectárea sementada, un pago que se modula en función dos rendementos, oscilando entre os 1 euros por hectárea en zonas de rendementos baixos, a un máximo de 3 para zonas de regadío e 2 euros para zonas de rendementos medios. Cando podería un agricultor volver sementar un cereal certificado sen pagar canon por reutilización? A lexislación europea establece un límite máximo de 25 anos para especies herbáceas e de 30 para as leñosas. Optamos por establecer un límite de 25 anos desde o seu rexistro, e ao final dese período esas variedades rexistradas pasan ao dominio público e os agricultores pódenas utilizar sen limitación. En todo caso, hai que lembrar que a lexislación europea estableceu que, por razóns fitosanitarias, o comercio de sementes só poden realizalo produtores rexistrados e dados de alta para elaborar semente ou pataca de sementeira certificada. Que responden as críticas de COAG de que establecer un prazo de 25 anos é abusivo e de que nese acordo primou o afán de lucro das empresas de sementes? Do que se recade con este acordo a metade irá para sufragar programas de mellora xenética e a outra metade a actividades de interese xeral, como son formación e investigación.
 “En Europa as empresas non investiron en mellora de cereais porque non lles é rendible”
Por suposto, respectamos todas as posicións, pero senón investimos en desenvolvemento de variedades melloradas de cereais vai ser moi difícil resolver os problemas que temos agora co cambio climático, e as empresas de sementes, como en calquera outra actividade empresarial, só invisten en investigación se lle ven un retorno económico. Hai que destacar que actualmente só se cobra en España por reemprego de sementes de cereais uns 1,5 millóns de euros cada ano, con facturas para os agricultores de 20 ou 30 euros ao ano; é dicir, algo insignificante nos seus custos de produción. En Europa hoxe temos un gran problema de que non se estivo investigando en mellora de cereal porque a moitas grandes empresas non lles é rendible. Os datos da FAO son elocuentes: hoxe no mundo seméntanse uns 225 millóns de hectáreas de trigo fronte a uns 160 millóns de hectáreas de millo. Sn embargo, o que se gasta en investigación e en mellora das variedades de trigo son 735 millóns de dólares fronte a uns 5.100 millóns en millo. É dicir, agora mesmo o investimento en I+D en millo é 10 veces superior á do trigo (32 dólares por hectárea en millo fronte a 3,3 en trigo). O resultado é que nas boas explotacións están a alcanzarse rendementos de 20.000 kg de gran de millo por hectárea, mentres que en trigo os rendementos máximos son de 7.000 kg. Hai correlación entre investigación e resultados que é imprescindible incentivar. A proba que moitas empresas deixaron de investir na mellora de cereal e centran case todos os seus esforzos no millo e outros cultivos máis rendibles.
“O investimento en I+D en millo é 10 veces superior á que se fai en trigo”
Sacar unha nova variedade de cereal ao mercado custa uns 10 ou 13 anos de traballo e entre 1,5 e 2 millóns de euros, e en Europa ese investimento fano sobre todo cooperativas e pequenas e medianas empresas, ás que temos que apoiar decididamente. Desde organizacións de redes de intercambio de sementes acúsase ao Seprona de sancionar a agricultores por resementar sementes con patente, cando en realidade son sementes tradicionais que experimentaron polinizacións cruzadas de campos próximos. Que opina? Non temos coñecemento de ningún caso así en España. En todo caso, a polinización cruzada en cereal podería darse pero afectaría a menos de 1 de cada 10.000 plantas. En Anove non facemos nunca un control de campo no que vaiamos perseguir a un agricultor porque teña trazas dunha variedade protexida. O que si nos preocupa é o mercado ilegal, no que operadores están a vender de forma clandestina cereal ou pataca de semente de variedades protexidas. E que ademais esa semente non ten garantías sanitarias nin de trazabilidade. Por tanto, as nosas accións van contra operadores e comerciantes que están a operar con semente pirata. En que aspectos se centrará a mellora xenética dos cultivos en xeral, e dos cereais particular, nos próximos anos? Estamos trabando en mellorar a produtividade, porque é clave para o agricultor e para mellorar rendementos, ademais de en variedades máis adaptables. Isto pasa principalmente en cereais e en forraxeiras, porque son cultivos perennes. O cambio climático é xa unha realidade en España, e de feito dise que o noso país será o laboratorio para desenvolver novas variedades resistentes ao cambio climático, pola súa ampla variación entre territorios, o que obriga a adaptar as variedades a cada zona. Neste sentido, os novos cereais e plantas forraxeiras teñen que ser tolerantes ao estrés por seca e tamén por humidade, porque o mesmo veñen invernos secos que primaveras moi chuviosas. E tamén é clave desenvolver novas variedades resistentes a enfermidades. O consumidor está a esixirnos residuos químicos 0 no produto final. Está a notarse un gran incremento da agricultura integrada e ecolóxica e eses produtores necesitan variedades que sexan naturalmente resistentes. Por último, a sociedade pídenos produtos cun maior valor nutricional e propiedades organolépticas que os fagan máis atractivos. Así, por exemplo, están a desenvolverse novas variedades de pataca con alto contido en amidón, ou cereais con maior valor nutritivo. Isto tamén se traslada ás plantas forraxeiras para alimentación animal, xa que un aumento do 1% na dixestibilidade dunha forraxe pode aumentar un 5% a produción de leite.
“Un aumento nun 1% na dixestibilidade dun cultivo forraxeiro pode aumentar un 5% a produción de leite”
Pero os resultados da mellora nas variedades vexetais xa están a notarse. Así, soamente nestes 15 anos grazas ao que se mellorou en canto a rendemento de variedades conseguimos aforrar no conxunto da UE unha superficie de cultivo equivalente á de Dinamarca. Nas próximas décadas imos ter que producir un 70% máis de alimentos para dar para comer á poboación mundial, e para iso non podemos sacrificar os espazos naturais e a biodiversidade, senón que temos que ir a unha produción agrícola intensiva pero sustentable. E que opina das sementes transxénicas: acabarán sendo autorizadas na Unión Europea? A nosa posición é que cientificamente non se demostrou ningún caso que confirme as supostas regas dos OXM. En Estados Unidos, Canadá ou Sudamérica cultívanse OXM en máis de 180 millóns de hectáreas desde fai case vinte anos, e non se rexistrou ningún caso que confirme os supostos riscos para a saúde humana e do medioambiente.
 “Xa hai tecnoloxías que nos permiten editar o xenoma das plantas sen a necesidade de recorrer a transxénicos”
En España realizáronse importantes avances, en concreto o CSIC desenvolveu unha variedade de trigo OXM que non ten glute, e por tanto apta para celíacos. Por outra banda, considero que o debate que houbo entre mellora tradicional das sementes -a base de cruzar e seleccionar- e OXM está superado. Temos ferramentas neste momento máis precisas porque coñecemos moito mellor a xenómica das plantas, e xa hai tecnoloxías que nos permiten expresar ou silenciar xenes das plantas, segundo benefícienvos ou non, sen necesidade de introducir xenes doutras especies. Por exemplo, a tecnoloxía CRISPR que permite editar o xenoma vai permitir curar enfermidades e mellorar plantas sen necesidade de ser OXM.