Archives

Prevención de accidentes no uso do tractor

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está implementando en Galicia o programa 'A túa vida sen voltas', unha iniciativa para potenciar o uso de elementos de seguridade cando se usa un tractor. Búscase reducir ao menor número posible os riscos que pode traer o uso de maquinaria agrícola aplicando as medidas de seguridade aprobadas por diferentes organismos autonómicos, nacionais e da Unión Europea. Esta guía, como o resto da documentación desta campaña, foi deseñada e elaborada polo grupo de traballo do sector agrario da  Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), no que o Issga  participa activamente. O seu obxectivo é remarcar a  importancia da instalación de estruturas de protección e o cinto de seguridade, así como no uso destes elementos. A continuación nomearanse unha serie de puntos clave a seguir.

1-A estabilidade

A estabilidade inclúe os seguintes conceptos: -O centro de gravidade, resultado das forzas aplicadas sobre o tractor (peso, por exemplo). Se o tractor ten dúas rodas motrices o centro de gravidade está entre os dous eixes, máis cerca do traseiro, lixeiramente riba del e no plano transversal medio do tractor. -Zona de estabilidade: é un espazo delimitado polas liñas imaxinarias que unen os puntos onde o pneumático toca co chan. Esta zona está influída pola distancia entre os diferentes puntos. Canto máis distancia entre os eixos e máis ancho de vía da máquina, máis estabilidade e menos risco de envorcamento. O equilibrio será estable cando as forzas actuantes sobre o tractor conflúan no centro de gravidade. O vehículo volve á posición de estabilidade grazas ao seu peso. -Envorco lateral e cara atrás: o primeiro dáse cando o centro de gravidade traspasa as liñas de estabilidade laterais. O segundo cando o punto de gravidade traspasa a liña de estabilidade de atrás. Os tractores con tracción nas catro rodas son máis estables por teren o punto de gravidade máis adiantado que os tractores con tracción en dúas rodas. Por outra parte, aqueles tractores con ancho de vía estreito tampouco son moi estables ao reducir a lonxitude de liñas de estabilidade, ao revés daqueles cun ancho de vía máis aberto. Tampouco ofrecen garantía de estabilidade os tractores altos pois o punto de gravidade tamén está elevado -Forza centrífuga: é a forza coa que o tractor tende a envorcar cando describe un movemento circular. Esta forza (Fcf) é a suma da velocidade coa masa do tractor e a curvatura da traxectoria. Esta forza é directamente proporcional á masa do tractor e inversamente proporcional ao radio da curvatura da traxectoria. A Fcf é maior canto máis pesado é o tractor e máis pechada é a curva. Se o radio da curvatura queda reducido á metade a Fcf é dobre. (A Fcf é igual á velocidade elevada ao cadrado). Se duplicamos a velocidade coa que circulamos a Fcf é 4 veces superior. Se triplicamos a velocidade a Fcf multiplícase por 9. Unha viraxe dun tractor nun terreo horizontal produce unha forza resultante R causada polo peso do vehículo máis a forza centrífuga, con esta manobra elevamos o centro de gravidade. Por iso, virando cara arriba sumando estes factores o risco de dar volta (envorcar) aumenta. Coa Fcf podemos contrarrestar o efecto da pendente. Cando o xiro se fai costa abaixo, a resultante, R, tende a orientarse cara o centro de gravidade.

2-Situacións perigosas e normas de seguridade

-Terreos con desnivel: En terreos con desnivel débese circular afastado de zonas con desnivel. Tamén se debe deixar un espazo moi amplo para facer unha manobra xunto a un desnivel. Se existe o risco de derrube no terreo deberanse tomar distancias de seguridade dependendo de onde estea máis firme o chan. Non é recomendable circular sobre bordos con vexetación pois poden ocultar desniveis ou fochancas. Se se circula entre parcelas que están en diferentes niveis débese tomar o acceso axeitado ou o construído para tal finalidade. Evitar subir e baixar os noiros ou paredes de desnivel. -Xiros, cambios de sentido e circulación en pendentes: A circulación a velocidades elevadas nunha curva pode provocar un envorcamento (o mesmo unha manobra rápida querendo estabilizar o tractor). Se se realizan xiros amplos hai que reducir a velocidade antes dunha curva ou, se se vai por unha pendente ou con equipos pesados, debemos cambiar o sentido da marcha. -Circulando nun plano inclinado: o punto de gravidade queda desprazado cara a liña de estabilidade lateral e a Forza centrífuga pode empurrar o tractor facendo que caia sobre o lado máis inclinado. -Os cambios de sentido na marcha sobre unha pendente deben facerse con manobras lentas para que a parte de diante do tractor quede na zona máis baixa do terreo. Irase marcha atrás para subir. Logo, para baixar, débese ir marcha atrás segundo a dirección de máxima pendente e volver virar o tractor en sentido descendente para seguir en sentido oposto (cola de andoriña). -Evitar subir pendentes acentuadas levando apeiros pesados ou remolques cargados. -Se descendemos con xiro en pendente arrastrando un remolque, débese facer coa marcha máis curta para non perder o control do tractor. -Subir as pendentes marcha atrás e baixar cara adiante. Se levamos equipo enganchado na parte dianteira do tractor débese subir para adiante e baixar marcha atrás. -É moi recomendable usar o ancho de vía máximo do tractor.

3-Irregularidades do terreo

-Non circular sobre obstáculos ou depresións do terreo porque poden ocasionar perdas de equilibrio. A maior velocidade e máis inclinación do terreo o tractor pode envorcar. -Ir a velocidades moderadas e axeitadas ao estado do terreo.

4-Sistemas de freado e aceleracións bruscas

-Durante unha circulación normal nun desprazamento os pedais de freo deben estar axustados cun ferrollo de bloqueo para que as rodas de atrás freando a un tempo. Frear de maneira descompensada pode provocar o envorcado, o mesmo cando frea unha soa roda debido á forza centrífuga. -Os freos asimétricos deben aplicarse só para terreos agrarios e velocidades moi reducidas. -Débese evitar a aceleración e o freado brusco con cambios de velocidade progresiva.

5-Chans esvaradíos

-Ir a alta velocidade por terreos inseguros e esvaradíos pode provocar unha caída. O mesmo se se circula por un desnivel. En ambos os casos recoméndase reducir a velocidade.

6-Bloqueo rodas traseiras, atrancos ou resistencias no terreo

-Non se recomenda usar calzos nas rodas motrices nin acelerar de súpeto. -O envorque para atrás pode producirse cando o eixo de atrás non pode virar, e isto fará que o chasis rote arredor do eixo elevando a parte de diante do tractor. -Sempre se recomenda o uso doutro tractor para liberar o que non se pode mover tirando del marcha atrás. -Durante os traballos no campo co tractor se este queda atrancado non se debe acelerar nin embragar de maneira brusca. Convén usar elementos ou apeiros recomendados para este labor. -Se se eleva a parte de diante do tractor deberase desembragar inmediatamente para que o tractor volva a unha posición segura.

7-Circulación con equipos acoplados

-Usar equipos suspendidos que polo seu peso ou dimensións non fagan envorcar. Lembrar que cando se colocan equipos ao tractor o centro de gravidade trasládase aos límites da zona de estabilidade. Todo dependerá de onde se coloquen e do seu peso. -Os equipos deben ter unhas dimensións e peso óptimos que non ofrezan resistencia ao avance do tractor creando movementos perigosos. -Arando deberase evitar volteo do arado durante o mesmo momento que se vira o tractor durante os cambios de sentido do labor, (voltear sempre antes ou despois do cambio de sentido da marcha). -Cando se opere lateralmente por pendentes, os equipos enganchados deberán estara adaptados á parte superior da pendente achegándose o máximo ao chan. -Non remolcar cargas acopladas no punto máis alto do enganche tripuntal do tractor, isto aumenta o ángulo de tiro e o apancamento da carga. A acción provocará que o centro de gravidade se aproxime á liña de estabilidade traseira. Recoméndase usar unha barra de tiro. -Colocaranse os contrapesos diante se levamos remolque con carga ou equipo suspendido. Isto mellora a estabilidade e mantén o punto de gravidade. -Aumentarase a velocidade de maneira progresiva. -Comprobar que o lastrado é idóneo para cada situación de traballo consultando o manual de instruccións do acoplado.

8-Cargador frontal

-A elevación da pa do cargador frontal despraza o centro de gravidade cara adiante e arriba, reducindo a estabilidade e aumentando o risco de envorco. Para evitar isto, é mellor usar un contrapeso recomendado. -Colocar a carga tan perto do chan como sexa posible antes de iniciar o desprazamento. -Se o tractor levanta de atrás a pa bate ao chan antes de que o tractor envorque. -Verificar a ausencia de obstáculos, depresións, etc. -Os desprazamentos e xiros deberán efectuarse a baixa velocidade e a pa deberá estar baixa antes de xirar. Recoméndase non baixar pendentes coa pa cargada.

9-Estruturas para evitar envorcos

-Uso de ROPS (Roll Over Protective Structure), estruturas que evitan ou limitan riscos ao condutor no caso de perda de punto de gravidade do tractor durante o seu uso habitual. -O ROPS absorbe a enerxía de impacto. -O condutor pode acabar esmagado se non se usan ROPS. -Dun bastidor: leva dous postes. -De dous bastidores: leva catro postes. -Poden ser dous postes colocados diante do condutor ou detrás. -Fixos ou abatibles. Estes últimos deberán estar homologados e cando se usen estarán ben despregados. A instalación de ROPS: Séguese o Anexo I do Real Decreto 1013/2009, páxina 19, onde figuran as datas de entrada para o uso obrigatorio dos ROPS, aínda que son moitos os tractores que non os usan. Ante a falta de ROPS as solucións pasan por mercar un novo tractor que os teña instalados de serie. Isto supón un custo elevado por iso poden colocarse ROPS sobre tractores xa en uso. Os ROPS deberán estar homologados e ensaiados para o modelo de tractor sobre o cal se colocarán (bases na web do MAPA). En caso de non haber ROPS homologados para un modelo determinado poden instalarse conforme ao establecido no Manual de Reformas Vehiculares. Tamén pode seguirse este procedemento para substituír ROPS danados.

10-Cinto de seguridade

O cinto deberá estar dentro da zona de seguridade da ROPS seguindo o Regulamento da UE número 167/2013, que obriga a inclusión do cinto de seguridade na homologación do tractor (agás tractores de categoría T3 e C3 con masa en baleiro a 400 kg). A instalación do cinto seguirá as pautas establecidas no Real Decreto 866/2010. Se non ten puntos de ancoraxe deberanse instalarse uns homologados ou, substituír por un novo asento con puntos de ancoraxe.

Descarga aquí a guía sobre “A túa vida sen voltas”

O revolucionario tractor T6 Methane Power arrinca a súa andaina en España

Desde fai máis de quince anos, New Holland liderou o desenvolvemento de produtos máis sostibles dentro da súa gama de produto grazas á estratexia “Clean Energy Leader”, explorando novos combustibles e sistemas de propulsión. O lanzamento a nivel comercial do novo T6.180 Methane Power, propulsado por gas natural renovable, é un fito dentro da compañía porque representa o primeiro e único tractor destas características que entra en produción a nivel mundial.

Presentación oficial

No marco do Green Gas Mobility Summit, congreso anual celebrado en Madrid o pasado 21 de setembro e no que se expoñen os últimos avances en mobilidade con alternativas máis sostibles, New Holland presentou o T6.180 Methane Power, como a súa punta de lanza dentro da mencionada estratexia “Clean Energy Leader”.
José Llopis, director de márketing de New Holland para España e Portugal, comentou as variables que na actualidade fan deste tractor unha peza clave no quebracabezas mundial dunha industria agrogandeira circular e máis respectuosa coa nosa contorna.

Cuestións como o elevado prezo dos combustibles, a contaminación procedente de grandes explotacións gandeiras, ou o cambio climático son agora mesmo de máxima actualidade e as tres poderían ter unha solución común, polo menos parcialmente.

O biometano ou gas natural renovable, pode obterse a través dos refugallos que xeran as granxas ou explotacións agrícolas. Mediante un proceso de fermentación, o gas que se extrae pode utilizarse para xerar electricidade, pero tamén para convertelo en gas natural a través dun sistema de purificación. Desta maneira atopámonos con que, unha explotación agrícola de determinadas dimensións sería capaz de producir o seu propio combustible á vez que procesa residuos que doutra maneira terían un gran poder contaminante.

Pero non só iso, ao mesmo tempo estaría a xerar unha pegada de carbono negativa. Primeiro, porque evita que o metano procedente dos excrementos escápese á atmosfera, e despois porque se ese bioGNC se usase para a frota de tractores ou vehículos de repartición, a súa utilización sitúase moi próxima onde se obtivo o combustible, aforrando unha gran cantidade de CO2 que si se xera na obtención e loxística do diésel, por exemplo.

Características únicas

O T6.180 Methane Power conta con vantaxes adicionais, como explicou Álvaro Almarza, especialista de produto de alta potencia para a zona mediterránea; durante a presentación do tractor, e que o converten en único no mundo.

Ao propulsarse por gas natural (sexa renovable ou non) o seu motor emite moitos menos contaminantes que a súa versión homóloga en diésel de Fase V (a máis limpa que existe hoxe no mercado) e cun sistema de postratamento dos gases de escape, extraordinariamente máis sinxelo. En concreto, este modelo é capaz de emitir un 98% menos de partículas (PM) ou un 62% menos de óxidos de nitróxeno (NOx) coa única presenza dun simple catalizador de tres vías. Con iso evítanse filtros de partículas e as súas rexeneracións, sistemas SCR con AdBlue ou mesmo válvulas EGR.

Todo iso coas mesmas prestacións que a súa versión equivalente diésel en canto a par e potencia, pero cunha rumorosidad moito máis baixa, o que supón unha vantaxe na utilización dentro de espazos públicos.

En canto ao apartado de autonomía, o novo T6.180 Methane Power ten capacidade suficiente para traballar varias xornadas en tarefas liviás sen encher, sempre que se instale o depósito frontal opcional, que engade 270 litros aos 190 que o tractor ten de serie. En tarefas pesadas tampouco haberá problema se o punto de subministración de GNC está preto ou, mellor aínda, se a explotación ten o seu propio punto de subministración de biometano comprimido.

Primeiras probas en España

Un nicho importante de mercado no que o T6.180 Methane Power pode ofrecer un argumento diferencial é o de contratos municipais de mantemento e limpeza, xa habituadas ao uso deste tipo de combustibles na súa frota de camións e moi interesadas en que os numerosos tractores que interveñen no mantemento de estradas ou na limpeza de praias sexan tamén medioambientalmente máis respectuosos.

Dentro desta particularidade, New Holland quixo ir da man dunha das maiores empresas a nivel nacional, FCC Medio Ambiente, empresa que facilitou ao construtor de maquinaria a oportunidade de facer probas de rendemento e autonomía nas praias de Vigo co equipo que se utiliza habitualmente.

FCC Medio Ambiente é a empresa do Grupo FCC que, desde hai máis de 120 anos, leva a cabo a prestación de servizos municipais e xestión integral de residuos, e serve a máis de 60 millóns de persoas en 5.200 municipios. Realiza unha gran variedade de actividades para os cidadáns, como xestión integral de residuos, limpeza viaria e de praias, mantemento de zonas verdes ou servizos de eficiencia enerxética, entre outros.

Os resultados foron excepcionais, conseguindo realizar os traballos de mantemento do mesmo xeito que os seus equivalentes diésel, pero cunha menor rumorosidad e uns niveis de contaminación moi inferiores. Os operarios que habitualmente traballan con estes equipos tamén encomiaron as excepcionais prestacións, que nada teñen que envexar ás versións en diésel que se utilizan hoxe en día.

En definitiva, unha interesante alternativa que coloca a New Holland como pioneiro en alternativas sostibles cunha solución xa en produción e lista para a súa comercialización en Europa.

“Habería que esixir máis formación para conducir un tractor”

Ángel López Álvarez é técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e un dos impulsores a nivel español de “Tu vida sin vueltas”, unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde do Traballo para previr os accidentes por envorco do tractor. Falamos con el destas iniciativa e das claves para mellorar a seguridade no uso do tractor. -Es o responsable de impartir formación no ISSGA para a prevención de accidentes no uso do tractor. Estamos en Galicia en niveis de sinistralidade co tractor moito peor que noutras Comunidades? A que factores cres que se debe? En Galicia a sinistralidade en canto a tractor é baixa se temos en conta o que son os datos de sinistralidade oficial de profesionais do sector agrogandeiro e forestal. De feito, en 2021 houbo uns 82 accidentes laborais relacionados co uso do tractor, dos que 2 foron mortais, 6 graves e 74 leves. Pero o problema que temos en Galicia é que hai moitos accidentes non laborais co tractor. Así, no 2021 houbo polo menos 21 accidentes mortais. Cando me refiro a accidentes non laborais son de persoas non dadas de alta na agraria, coma xubilados ou persoas con outra actividade que fan labores agrícolas ou forestais co tractor a tempo parcial ou no seu tempo libre.
“A sinistralidade co tractor en Galicia é moi alta entre a xente que non é profesional do sector agrogandeiro”.
Outro dato é que desde o 2016 ao 2020 houbo só 3 accidentes laborais mortais co tractor mentres que houbo 90 accidentes mortais non laborais, dos que por envorco foron uns 75. Os datos dos accidentes non laborais poden non ser exactos porque son informacións recollidas de diferentes fontes como a prensa, ao non haber parte de accidente.Con estes datos pódese ver que a maior parte dos accidentes que se producen en Galicia corresponde a persoas que non son profesionais do sector. -Non é casual que Galicia xunto con Andalucía sexa a comunidade con máis tractores antigos.... No ano 2021 compráronse en España uns 11.600 tractores novos, mentres que se adquiriron algo máis de 28000 usados, dos que preto de 16.000 tiñan máis de 20 anos. En Galicia as cifras de que dispoñemos é que se compraron uns 740 tractores novos o pasado ano, pero 5.400 usados, dos que 3.900 tiñan máis de 20 anos. O parque de tractores en Galicia está envellecido e iso non axuda a que se reduzan este tipo de sinistros. -Que destacarías dos resultados da campaña "A túa vida sen voltas"? Que accións consideras que se poderían mellorar ou incorporar? Creo que a campaña é bastante completa porque, por unha banda, trátase de advertir de que moitas persoas das que conducen un tractor non son conscientes da cantidade de accidentes que se producen no uso deste tipo de vehículos. Por outro lado, ofrecemos recomendacións para manexar o tractor de maneira segura, para que coñezan as principais pautas para reducir o risco de accidentes. Unha terceira liña de actuación desta campaña foi crear un simulador virtual, que se pode utilizar no móbil ou no ordenador, para mellorar a condución do tractor, sobre todo nas manobras de xiros e en situacións de desnivel para evitar envorcos, xa que a aplicación permite ver en todo momento onde está o centro de gravidade do tractor e cunha serie de sinais luminosas, verde, amarelo ou vermello, advírtese do risco de envorco. Na campaña tamén se explica polo miúdo cales son as funcións da estrutura de seguridade do tractor, sexa arco ou cabina, e do cinto de seguridade. Con todas estas liñas de actuación creo que é unha iniciativa moi completa para mellorar a seguridade no uso do tractor.
 “A campaña “A túa vida sen voltas” inclúe un simulador de tractor “en liña” moi útil para mellorar o manexo e evitar envorcos”
Esta campaña deseñouse no seo do grupo de traballo do sector agrario da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo á que pertenzo en representación da Xunta de Galicia. En concreto, boa parte do traballo fíxoo o subgrupo de maquinaria agrícola, do que son coordinador. A campaña non só abrangue esta parte de sensibilización, concienciación e formación senón tamén outras actuacións, para intentar que aqueles tractores que cando se comercializaron non tiñan estrutura de protección podan acceder a dispor dela, de forma que haxa fabricantes interesados en fabricar e ofrecer esas estruturas. Non é un camiño fácil e de momento non hai moita oferta deste tipo de elementos de protección. Nós intentamos facilitar que estas estruturas sexan o máis accesibles posibles abaratando o proceso de homologación e de deseño. Por outra parte, e tamén dentro da campaña de sensibilización de “A túa vida sen voltas”, destacaría que non só a levamos aos centros de formación profesional de Galicia vinculados co sector primario, senón que tamén nos cursos de capacitación agraria para incorporarse ao sector agrogandeiro o alumnado fixo tamén o curso de manexo seguro do tractor. -Estase a notar na sinistralidade a proibición de compra-venda de tractores de máis de 40 anos sen cabina homologada? Esa foi unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo pois entendemos que os tractores que son moi antigos non dispoñen de estrutura de protección, polo que con respecto a un tractor moderno teñen moitas menos medidas de seguridade. Polo tanto, temos que tentar que non se perpetúen no tempo, que non cambien de mans. Neste sentido, acordamos co Ministerio de Agricultura que estes tractores de máis de 40 anos sen estruturas de seguridade homologada non podan cambiar de titularidade no ROMA fóra do ámbito das herdanzas familiares. Pódense empregar dentro da explotación agrícola ou transferirse de pais a fillos, pero non se poden vender a un terceiro e volver dalos de alta no ROMA. De forma complementaria, o plan RENOVE do Ministerio de Agricultura incrementou as axudas específicas para a compra de tractores novos. -Non é infrecuente oír que tanto o arco como o cinto non son efectivos nestes sinistros. Por que é falsa esta afirmación? A estrutura de seguridade que ten o tractor crea un espazo seguro arredor do asento. Polo tanto, se envorca o tractor e permanezo no asento sempre vou estar nesa zona se seguridade que crea o arco arredor do asento. Aínda que falamos fundamentalmente do arco de seguridade non esquezamos que tamén temos que falar do cinto. Para estar seguros e fundamental empregar o cinto de seguridade pois do contrario o máis normal é, cando haxa un accidente, non quedar nese espazo de seguridade arredor do asento e acabar esmagado.
“Para que o arco de seguridade ou a cabina protexen ao condutor en caso de envorco do tractor, é imprescindible usar o cinto de seguridade”
Por outra parte, moitos dos arcos de seguridade son abatibles ou retráctiles, polo que para que protexa ao condutor o arco ten que estar en posición de traballo. Por iso tamén tratamos de concienciar de que se nun momento determinado temos que abater o arco para facer unha labor agrícola, no momento que remate esa tarefa é moi importante volver subir o arco para que nos protexa, xa que moitos dos accidentes por envorco prodúcense nos desprazamentos cara as zonas de traballo debido a velocidades inadecuadas, fochancas, desniveis...etc. Por outro lado, hai que lembrar que moitas das cabinas dos tractores máis antigos protexen contra as inclemencias do tempo pero non en caso de envorco, ao non ter estrutura interna de protección, como nos tractores máis actuais. Tamén incidir en que despois dun accidente, unha cabina, do tipo que sexa, defórmase, polo que deberíamos substituíla por outra. -O envorco é unha das principais causas de sinistros mortais co tractor. Cales son as recomendacións clave de manexo do tractor para evitar este tipo de accidentes? Hai dous tipos de envorco: o lateral, que se produce cando se traballa en terreos en desnivel no sentido transversal ao da marcha, ou cando se vai a unha velocidade inadecuada e se fan xiros pechados; e logo o envorco cara atrás que se produce cando se circula por terreos en desnivel no sentido da marcha ou cando se arrastra unha carga enganchada nun punto alto do tractor.
 “Circular a velocidade axeitada, evitar os xiros pechados e vixiar o centro de gravidade do tractor son claves para evitar envorcos”
O que se debe facer é circular a velocidades axeitadas á tarefa que estamos a facer, realizar os xiros a pouca velocidade e cun radio de xiro o máis amplo posible para reducir a forza centrífuga que trata de botar o tractor fóra da traxectoria e que produce o envorco. Tamén debemos gardar as distancias de seguridade respecto a desniveis e saber que se vou cun apeiro ou cun remolque debo coñecer como interesa subir ou baixar as pendentes para evitar os envorcos. -A toma de forza é outra causa frecuente de accidentes. Que medidas básicas debemos ter en conta para traballar con seguridade? Outra causa de accidentes graves son os atrapamentos nas tomas de forza. Neste sentido, as tomas de forza e os eixos cardán deben estar protexidos para evitar atrapamentos mentres están xirando. Debese ter en conta tamén que cando vou facer un enganche cun apeiro á toma de forza debe estar desconectada e o tractor apagado, pois moitos dos accidentes débense a acercarse a tomas de forza que están xirando e non dispoñen de protección. Ademáis, as proteccións das tomas de forza, ou dos eixos cardánicos, que solen ser en forma de copete e extensible, en moitos casos son plásticas e co tempo vanse rompendo e desaparecen. Ao non ter esa protección estamos expostos a un risco elevado de accidentes por enganche da roupa na toma de forza. É importante comprobar que as tomas de forza manteñen todas as súas proteccións en bo estado e verificar que cando vaiamos enganchar un apeiro non haxa ningún elemento xirando. -Unha distribución de pesos non axeitada no tractor tamén nos pode provocar un susto. En que nos debemos fixar á hora de evitar estas situacións? Hai que pensar que o tractor é un vehículo que ten o punto de gravidade mais elevado ca outros vehículos e situado preto das rodas traseiras, polo que debemos procurar levalo co máximo ancho de vía (distancia entre rodas) posible. E por outro lado, se vamos enganchar apeiros traseiros estamos desprazando aínda máis para atrás o centro de gravidade, polo que debemos contrapesalo correctamente na parte dianteira para evitar envorcos cara atrás. -O feito de que un tractor sexa de tracción simple ou de dobre tracción, incide na súa seguridade? O dispor de dobre tracción, sempre que se poda, é positivo. Cos tractores de tracción simple hai que ter mais precaucións. Vai influír moito no encabritamento ou envorco cara atrás. Tamén pode influír na facilidade para que se atúe ou atasque no terreo. Neste caso debemos coñecer a maneira correcta de manobrar cun tractor de tracción simple, que é saír marcha atrás ou coa axuda doutro vehículo.
 “Os tractores de tracción simple teñen máis risco de envorco cara atrás que os de dobre tracción”
A veces tamén nos axuda o feito de os de dobre tracción levan máis peso adiante, polo que o centro de gravidade sitúase máis cara o centro do tractor. Debemos ser conscientes das características do vehículo que levamos: Os tractores non teñen amortecedores e as irregularidades do terreo non as absorben da mesma maneira que un automóbil. -Para conducir un automóbil debemos obrigatoriamente pasar un psicotécnico e levar o vehículo a ITV, pero no caso do tractor parece que hai moita mais lasitude, e non é infrecuente ver a persoas de idade avanzada conducir esta maquinaria, mesmo sen pasar ITV. ¿Considera que falta unha maior control sobre o uso do tractor? ¿Que cambios lexislativos considera que serían necesarios? Deberíase mellorar no sentido de que para conducir un tractor se esixiran uns coñecementos mínimos sobre este tipo de vehículos. Boto de menos que a xente estea máis concienciada dos perigos que implica o manexo do tractor. O Psicotécnico e a ITV axúdannos a constatar tanto o estado do condutor coma do vehículo. Un vehículo non pode circular por unha vía pública sen dispor da ITV en vigor.

Como serán os tractores do futuro?

Concepto de tractor-escravo de Massey Ferguson Hoxe en día sería impensable a agricultura e a produción de alimentos sen tractores, pero o forte encarecemento dos combustibles fósiles producido nos últimos meses puxo en dúbida o actual modelo de maquinaria agrícola. A procura de novas fontes de enerxía e os avances en automatización marcarán o futuro da tecnoloxía agrícola nos próximos anos. Os tractores agrícolas intelixentes gañan terreo e as máquinas autónomas serán unha realidade en moitos sectores, entre eles o da produción de alimentos.
A procura de novas fontes de enerxía e os avances en automatización marcarán o futuro da tecnoloxía agrícola nos vindeiros anos
Un recente webinar organizado polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas debullou algunhas das apostas que están a facer as principais marcas e os prototipos de deseños futuros de tractor. Motor de hidróxeno Motor Cummins de hidróxeno Os distintos fabricantes están a tratar de atopar alternativas á planta motriz actual do tractor agrícola, monopolizada polo motor de combustión interna con ciclo Diesel, pero no futuro “o máis probable é que convivan varios tipos”, afirma Marcos Vázquez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e impulsor do Museo Vivo Integrado do Campo e a Locomoción Agrícola (Muvicla), situado na casa de labranza familiar en Trasliste (Láncara).
No futuro o máis probable é que existan varios kits de motorización adaptados a cada rexión do planeta
“O motor de hidróxeno pode ser unha excelente solución, aínda que terán que convivir varios kits de motorización, adaptados a cada rexión do planeta”, explica, xa que “hai varias formas de producir hidróxeno: mediante a hidrólise da auga, que consome electricidade; transformando o vapor do gas natural; e a transformación anaeróbica da biomasa, algo que resulta moi atractivo, porque a biomasa pódese producir nas propias granxas”, indica.
Producir hidróxeno mediante a fermentación anaeróbica de biomasa é unha técnica moi tentadora porque podería producirse nas propias granxas
“Producir hidróxeno mediante a fermentación anaeróbica de biomasa é unha técnica moi tentadora porque podería desenvolverse tecnoloxía para que a partir dos residuos que se xeran nas propias granxas se puidese producir o nitróxeno necesario para mover as propias máquinas que hai nas casa”, asegura.
O inconvinte do hidróxeno é que non existe ningún tipo de loxística de distribución nin sistemas avanzados de almacenaxe para poder usalo como facemos hoxe co diesel
Non é ciencia ficción, aclara Marcos, “temos xa neste momento un sistema de New Holland que emprega este combustible, aínda que non é sinxelo, porque require unha dimensión importante da gandería para poder autoabastecer a maquinaria, é dicir, non é posible obter de 50 vacas o nitróxeno suficiente a partir da fosa de xurro para isto”, aclara. Motor eléctrico Tractor eléctrico Farmtrac FT22, con 22 cabalos e 4 horas de autonomía, de fabricación india e comercializado en España por COMECA Outra alternativa sería o motor eléctrico e, de feito, xa se comercializa na actualidade algún modelo de tractor eléctrico. Por exemplo, o fabricante alemán ZF, especializado en caixas de cambio, desenvolveu xa un motor eléctrico do que están entregadas xa bastantes unidades. Outras marcas, como Fendt, no seu modelo E100 Vario, tamén aposta pola tecnoloxía eléctrica, neste caso nun tractor eléctrico de 100 cabalos.
O fabricante alemán ZF xa comercializa motores eléctricos para tractores
“O problema é que as baterías están construídas con elementos finitos da natureza, como é o litio, e pensando en tractores grandes, de máis de 200 cabalos necesitaríanse baterías de 800 voltios, que serían custosas e de gran tamaño”, explica Marcos.
Necesitaríanse baterías de 800 voltios, que serían custosas e moi pesadas, para mover tractores de máis de 200 cabalos
Ademais, para lograr a potencia necesaria habería que asociar moitas celas en serie, coa dificultade que iso conleva á hora do funcionamento, “porque en caso de fallo nunha parte quedaría sen servizo a totalidade do sistema”, indica. A parte positiva dos tractores eléctricos sería, pola contra, que as baterías poderían despois recargarse nas propias granxas, mediante a instalación de sistemas de enerxías renovables (paneis fotovoltaicos ou minixeradores eólicos). Motorización híbrida Tractor híbrido Antonio Carraro HRX O tractor híbrido Antonio Carraro HRX Hybrid, presentado en Bolonia en 2021 e a piques de ser comercializado, é capaz de recuperar a enerxía xerada por algúns dos apeiros, mediante recuperadores tanto nos eixos das rodas como na toma de forza para almacenar despois esa enerxía en baterías coas que facer funcionar algúns elementos eléctricos como o ventilador de refrixeración do motor ou o sistema de climatización da cabina.
Os tractores John Deere da serie Sesam 7.000 E están provistos dunha toma trifásica para realizar operacións en campo de soldadura ou corte cunha serra radial
John Deere no seu momento, hai algúns anos, usou tamén motorización híbrida nos seus tractores da serie Sesam 7.000 E, aínda que actualmente non segue con este sistema. “Hai tractores deses funcionando actualmente, con certo nivel de hibridación, aínda que a empresa non está a apostar agora polos motores híbridos e está a investir moito máis en automatización”, explica Marcos. “O inconvinte máis grande da motorización híbrida é que levas na propia máquina dous mundos: o da combustión interna e o da electricidade, o que supón maior custo de matenimiento e reparación”, considera. Motor endotérmico convertido New Holland Methane Power Trataríase de xerar combustibles sintéticos tolerantes co medio ambiente para poder seguir usando os motores actuais tanto de ciclo Otto como de ciclo Diesel. “É unha tecnoloxía que está en desenvolvemento e parece que Porsche Motors xa ten resultados interesantes, porque quere que os seus clientes de automóbiles, que posúen máquinas desta marca desde hai anos, poidan seguir utilizándoas con combustibles de futuro”, detalla. Outra posibilidade sería transformar o motor endotérmico actual a outros combustibles, como o bioetanol ou o hidróxeno, seguindo o exemplo que fixo na súa época Eduardo Barreiros transformando motores de gasolina a gasóleo. “O que deu máis mostras de atrevemento e saíu ao mercado con tractores movidos con combustibles alternativos é New Holland. Os tractores da súa gama Methane Power están impulsados con metano (na parte dianteira levan un depósito auxiliar de metano para ter maior autonomía) e en Bolonia teñen unha granxa experimental que demostra que cos residuos xerados na propia granxa pódese fornecer a todas as máquinas utilizadas na propia granxa”, conta Marcos.   O tractor autónomo Concepto de tractor-apeiro de John Deere “O tractor autónomo, non é ciencia ficción, é xa unha realidade palpable, polo que se falamos dos tractores do presente e do futuro temos que falar de automatización”, asegura Marcos Vázquez. Existen xa distintos modelos avanzados de tractores autónomos, como o concepto de tractor-apeiro de John Deere, presentado en Agritechnica 2019, onde o apeiro únese directamente a unha cabeza tractora sen cabina, funcionando o conxunto de forma autónoma.
O tractor autónomo, non é ciencia ficción, está completamente desenvolvido e é xa unha realidade palpable
Outra idea neste camiño sería o concepto de tractor-escravo de Massey Ferguson, de maneira que un só maquinista manexa diversas unidades tractoras a través dun sistema de cámaras e sensores no posto de mando da unidade principal. “Sempre que houbo automatización, en calquera sector da economía, houbo unha mellora de rendemento pero ao mesmo tempo unha perda de postos de traballo. É dicir, a máis automatización, mellor economía pero menor emprego”, argumenta. “As máquinas autónomas deseñámolas o humanos pero en certos aspectos, como é a xeración de emprego, xoga na nosa contra e é difícil atopar o punto de equilibrio”, asegura. A fenda tecnolóxica na agricultura Segundo estudos da Oficina de Estatísticas Laborais norteamericana, de cada 10 postos de traballo actuais 6 poderían ser automatizados. Segundo este informe, en Alemaña a destrución de emprego no sector agrícola como consecuencia da automatización sería do 6%.
En Alemaña a destrución de emprego no sector agrícola como consecuencia da automatización sería do 6%
Pero o desenvolvemento da mecanización agrícola non se produciu por igual en todo o mundo e a fenda tecnolóxica é unha realidade evidente tamén no sector da agricultura. “No mundo aínda queda moitísima tracción animal. O 52% da tracción na agricultura nos países en desenvolvemento (479 millóns de hectáreas agrícolas) aínda é tracción animal, fronte a só o 7% nos países desenvolvidos (644 millóns de hectáreas agrícolas). Toma de datos: a quen pertencen? Os tractores intelixentes actuais son caixas cheas de sensores que están constantemente palpando o territorio (cultivos, colleitas, etc). “Pero, de quen son eses datos, do agricultor ou das multinacionais fabricantes de maquinaria agrícola?”, pregúntase Marcos. Ante esta problemática, a Cámara de Representantes de EEUU acaba de lexislar para que os propios agricultores que compran os tractores sexan os propietarios dos datos fronte ás casas fabricantes.
O tractor intelixente e as colleitadoras intelixentes están constantemente tomando datos do territorio
A tecnoloxía move xa tanto diñeiro como a mecánica. Os ingresos de John Deere alcanzaron en 2021 os 44.000 millóns de dólares, máis que nunca na súa historia, grazas á automatización e robotización que está a propoñer para o campo e a mesma estratexia está a ser seguida polo resto dos principais fabricantes mundiais. Custo enerxético de fabricación Desde o punto de vista da sustentabilidade e do consumo de recursos, “é unha barbaridade o que custa, en termos enerxéticos, construír unha máquina pesada”, afirma Marcos. Tomando como base os datos dun estudo elaborado pola Sociedade Española de Historia Agraria, un tractor moderno actual de entre 100 e 120 cabalos, dunhas 4 toneladas de peso, require de 660.000 megajulios de enerxía para a súa construción e tería que traballar 400 horas ao ano durante 8 anos para consumir esa cantidade equivalente de enerxía en combustible.
A media anual de traballo dun tractor nunha explotación en Galicia é de 300 horas, 1.000 en caso de empresas de servizos
Por tanto, argumenta Marcos, “é moi probable que moitos dos tractores que están no despezamento non consumiran a enerxía que custou a súa construción”, polo que avoga por aproveitar a vida útil dos tractores coas reformas necesarias para poñer ao día as súas medidas de seguridade. “Os tractores, adaptándoos ás medidas de seguridade e anticontaminación actuais, son máquinas robustas que poden servir durante moitos anos”, conclúe.

“Grazas á mecanización, hoxe cada agricultor pode alimentar a 155 persoas, cando antes só podía dar de comer a 5”

Marcos, xunto a un dos tractores da colección existente no Muvicla No seu relatorio, Marcos Vázquez fixo tamén un repaso retrospectivo polo que supuxo a mecanización na historia da agricultura e a produción de alimentos. “Cando hai século e medio o traballo humano e o traballo animal eran os que primaban, un labrego alimentaba a entre 5 e 10 persoas da súa contorna dependendo da súa habilidade e do punto do planeta no que se atopase; o nacemento do tractor moderno fixo que un agricultor pasase a alimentar a 50 persoas, chegando hoxe a 155”, explicou o responsable do Muvicla. Ao seu xuízo, dous son os fitos fundamentais da mecanización agrícola: o invento do arado de aceiro por parte de John Deere en 1837 e o invento do terceiro punto de enganche por parte de Ferguson en 1933.
O arado de aceiro de John Deere e o enganche a tres puntos de Harry Ferguson son os dous grandes inventos que deron lugar ao nacemento do tractor moderno
“John Deere era ferreiro e descubriu o arado autolimpiable, polo feito de que a vertedeira fose de aceiro no canto de ferro, o que fixo que non se pegase a terra e con iso practicamente conseguiu duplicar a capacidade de traballo dun animal e, consecuentemente, aumentar a produción de alimentos de forma significativa”, indicou. Para Marcos Vázquez o seguinte gran salto produciuse case un século despois, cando o mecánico irlandés Harry Ferguson inventa o enganche a tres puntos, que serviu para reducir a perigosidade da máquina e para democratizar o tractor. “Era un pequeno tractor que ademais era asequible economicamente. Ata entón o tractor estaba reservado a Gobernos ou a persoas moi adiñeiradas”, explicou.
A democratización do tractor prodúcese a partir de 1933, antes estaba reservado só a Gobernos e persoas adiñeiradas
Grazas a ese avance, a capacidade de producir alimentos aumentou exponencialmente. “Entramos nunha nova dinámica, na que un agricultor, coa axuda dun pequeno tractor, xa podía alimentar ata 50 persoas”, precisou. Na actualidade esa cifra incrementouse ata as 155 persoas de media por agricultor no mundo. Dos tractores aos automóbiles de luxo O Muvicla atesoura unha importante colección de tractores de distintas épocas e Marcos quixo lembrar que “as marcas máis glamurosas de automóbiles actuais, como Porsche, Lamborghini, Aston Martin ou Alfa Romeo naceron a partir de fabricar tractores e do diñeiro que os agricultores investiron en compralos”.
As marcas máis glamurosos de automóbiles, como Porsche, Lamborghini, Aston Martin ou Alfa Romeo, naceron de fabricar tractores
“Porsche naceu fabricando tractores e, de feito, entre 1950 a 1964 fabricou 125.000 unidades de tractores e só 77.000 de automóbiles”, indicou como anécdota. Lamborghini aínda continúa fabricando hoxe en día tanto automóbiles como tractores.

Webinar gratuíto o próximo 30 de maio: ‘Tractores e o futuro’

O próximo luns 30 de maio, ás 18:30, terá lugar o webinar gratuíto "Tractores e o futuro", organizado polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España. O responsable do relatorio será un gran experto nesta maquinaria, Marcos Vázquez Marey, presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e xerente e impulsor de o Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (MUVICLA). Durante unha hora debullaranse aspectos importantes da mecanización no campo, centrada nos tractores. Temas a tratar: -Contextualización histórica e situación actual. -Alternativas posibles. -Reflexións sobre enerxía consumida na produción de tractores. -Equilibrio 'terra e xente' ou 'campo e automatización'. -Conclusións e debate. Para inscribirse no webinar gratuíto 'Tractores e o futuro' é necesario realizar completar este formulario online, xa que as prazas están limitadas, por estrita orde de inscrición, con preferencia para Enxeñeiros Técnicos Agrícolas colexiados. As inscricións permanecerán abertas até o domingo 29 de maio.

New Holland logra o premio ó mellor tractor de España de menos de 100 cabalos

O modelo New Holland T5.90 DC recibiu o título Tractor de España 2022 na categoría de Tractores de menos de 100CV durante o evento celebrado na Escola de Agrónomos de Madrid, con motivo dos premios bianuais que este ano celebraron a IV edición do Premio Tractor de España. Nesta ocasión o xurado técnico estivo conformado por expertos do sector e na maquinaria agrícola, así como profesores universitarios titulares vinculados ao mundo agrícola, contando tamén cunha votación popular de agricultores e clientes.

Esta serie de tractores polivalentes destacan polo seu novo motor de 4 cilindros que cumpre a Fase V de emisións coa solución Compact HI- eSCR2, que integra un catalizador de oxidación diésel (DOC), un inxector de AdBlue (DEF) e un sistema de redución catalítica selectiva (SCR) nun único elemento sen mantemento e situado debaixo do capó.

O xurado valorou todos os aspectos e bondades que ofrece este tractor New Holland, sendo a opción ideal para agricultores e gandeiros de explotacións mixtas, que queren un tractor compacto con maniobrabilidade e moi versátil, cun gran confort e alto rendemento. Ademais, combinado coa pa cargadora New Holland, conta cunhas prestacións excepcionais, polo que se converteu no tractor ideal para traballos de manipulación.

A colleitadora TX5.90, de New Holland, elixida Máquina do Ano en Brasil.

Mellor colleitadora de cereal

Doutra banda, New Holland Agriculture foi a gañadora do premio Máquina do Ano coa colleitadora TX5.90, máquina exclusiva para o mercado de Latinoamérica. Este premio foi outorgado durante a 27 edición de Agrishow, en Ribeirão Preto (Brasil), en cuxa entrega estivo presente o Presidente da marca, Carlo Lambro.

Este ano, o premio Máquina do Ano en Brasil tivo 5 categorías de produtos diferentes, 22 empresas rexistradas e 50 máquinas diferentes nomeadas, sendo o modelo TX5.90 de New Holland o máis votado polo xurado técnico e galardoado como a mellor colleitadora de cereal.

Lanzada en 2020, a serie TX parte do ADN da serie de colleitadoras TC, unha das iconas da maquinaria agrícola brasileira pola súa fiabilidade e eficiencia de colleita. Esta máquina é ideal para aqueles clientes que buscan innovación, sen renunciar a unha colleitadora asequible e de baixo mantemento que, ao mesmo tempo, presenta unha alta produtividade e un excelente custo-beneficio.

Curso sobre mantemento e manexo do tractor e dos seus apeiros

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza un curso sobre os aspectos básicos do mantemento e manexo do tractor, así como dos seus apeiros. A formación celebrarase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo en horario de tarde -de 16:00 a 20:00 horas- entre o vindeiro martes 24 e o venres 27 de maio. O obxectivo do curso é aportar coñecementos básicos do funcionamento e manexo do tractor, co fin de que os seus usuarios poidan detectar e reducir as principais avarías. Neste senso, darase unha formación básica sobre operacións de mantemento e sobre o enganche e desenganche de apeiros, para evitar accidentes no manexo destas ferramentas. Tamén se abordarán temas sobre prevención de riscos laborais. Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. A preinscrición deberá descargarse no catálogo de cursos que oferta a Consellería de Medio Rural e remitirse cuberta ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 881 043.

Campaña formativa sobre o uso seguro do tractor nos centros de formación profesional

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias para concienciar sobre o uso seguro do tractor. A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade. O Issga levará as xornadas formativas a dez centros de FP de concellos das catro provincias, tendo xa empezado polo CFEA Alta Montaña de Becerreá (Lugo), o IES de Arzúa (A Coruña), o EAFG Fonteboa de Coristanco (A Coruña) e o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia. Nas próximas semanas a campaña recalará no IES Antón Alonso Riós de Tomiño (Pontevedra) o 21 de marzo; un día despois no CFEA de Sergude en Boqueixón (A Coruña) e na Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro en Ribadavia (Ourense); o 24 de marzo no IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Rei; e os días 28 e 30 de marzo, no CFEA de Monforte de Lemos (Lugo). A última das sesións programadas está prevista o 5 de abril no CIFP A Granxa de Ponteareas (Pontevedra).

En 2021 houbo en Galicia 82 accidentes laborais de tractor

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade. Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais, e a maioría, o 90% de tipo leve. Os sinistros mortais ou con lesións de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas. Porén, se se teñen en conta os accidentes co tractor de carácter non laboral, principalmente de persoas xubiladas, a cifra é moito maior. O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario centra a súa primeira campaña á concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan. A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.

“Os biocombustibles son a única alternativa viable ao diésel para os tractores e maquinaria agrícola”

O científico e divulgador licenciado en Física e Matemáticas, Antonio Turiel, que é tamén doutor en Física Teórica apunta algunhas das claves para entender a situación que estamos a vivir cos combustibles fósiles. Máis aló da subida do prezo do diesel, a crise enerxética está a deixar tamén consecuencias directas no campo, debido ás dificultades que expón para a industria dos fertilizantes a escaseza do gas. Despois de participar o pasado mes de decembro na "Xornada sobre alternativas ao uso do petróleo na agricultura", organizada en Trasliste (Láncara-Lugo) polo  Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria (MUVICLA), abordamos tamén con Antonio Turiel as posibles alternativas enerxéticas para o campo, así como a proliferación de proxectos de parques eólicos no rural galego. -Estamos en plena crise enerxética mundial dos combustibles fósiles? -Os problemas cos combustibles fósiles van ser continuos e recorrentes, o que non quere dicir que vaia a ser tan sinxelo como que os prezos dos combustibles vaian ser sempre elevados. É máis complicado. Estamos nunha situación na que a produción vai ir baixando e haberá xente que deixe de consumir combustibles fósiles, ou ben porque consigan outras alternativas (algo que dubido) ou porque non poidan permitirse este gasto. A cuestión será ver en que grupo está cada un. Esperamos unha situación moi mala pola parte do petróleo, pero hai problemas tamén co carbón, o gas ou o uranio. Todos con moi poucos anos de diferenza están a chegar ou chegaron xa aos seus máximos de produción e iso dificultará moito a situación.
“Hai moitísimo tempo que se prevía que no século XXI se chegaría ao máximo de produción do petróleo, o gas, o carbón e o uranio”
-É unha situación que xa se prevía desde hai anos? -Tanto no caso do petróleo, como no gas, o carbón ou o uranio hai moitísimo tempo que se prevía que se chegaría ao máximo de produción a comezos dos século XXI. Chegouse e foi máis ou menos cando se prevía que pasase. O primeiro que a xente non entende é que o problema coas materias primas non renovables, non chega cando te quedas sen elas, senón cando chegas ao seu máximo de extracción. Hai un punto de máxima extracción e a partir de aí a produción comeza a baixar, por distintos motivos, ben sexa porque resulta máis difícil de sacar, porque se atopa máis disperso... Ademais, hai que ter en conta que son materias enerxéticas, polo que non podes empregar máis enerxía en conseguir ese petróleo ou carbón da que vas poder aproveitar despois. -No caso do petróleo, intentouse poñer parches durante estes últimos anos con derivados? -O problema co petróleo cru anticipouse por primeira vez a principios dos anos 70 e pasou tal como prevían. No 2005, hai 17 anos, chegouse ao máximo de extracción de petróleo cru e para compensar iso introducíronse os chamados petróleos non convencionais: hidrocarburos líquidos que se parecen ao petróleo e cos que tentamos suplir a falta de petróleo. Con estes aguantamos ata 2018, pero aí viuse que non se podía seguir, xa que custa moito diñeiro producilos. Por incrible que pareza as compañías petroleiras estiveron perdendo moito diñeiro e deixaron de realizar investimentos. Repsol reduciu nun 90% o seu investimento na procura de novas zonas de extracción e limítase a manter as que xa ten en marcha. O resto das petroleiras a nivel mundial tomaron decisións similares. É unha situación anticipada, que xa se sabía. Agora estanse comezando a notar os primeiros efectos, pero isto irá a peor. -Cales son las perspectivas para estes combustibles derivados del petróleo? -De todos os combustibles que se extraen do petroleo o que máis comezou a escasear é o diesel, que é fundamental para a maquinaria. Agora mesmo a produción mundial de diesel caeu un 15% con respecto aos máximos históricos e isto provocou que, a pesar de que o prezo do petroleo é similar ao de 2014, o prezo dos combustibles son máis altos. Isto débese ao custo que ten producilos.  -Atopámonos entón ante unha escaseza de diesel que vai facer necesario deixar de utilizalo xa no noso día a día? -A partir de agora cada vez irase reducindo a produción. Haberá anos nos que caia máis e outros menos, pero a produción mundial inevitablemente vai ir descendendo e non se pode evitar. Ademais, as compañías despois de perder tanto diñeiro entre 2005 e 2014 xa non fan esforzos neste sentido e a maioría teñen plans de desinversión, co cal o problema vai ir a máis. Nestes momentos os inventarios dos derivados do petróleo son baixos e a pesar diso non hai ningunha intención de corrixir o rumbo, co cal agora é xa inevitable que teremos consecuencias. Estaba anunciado e non se tomou ningún tipo de medida para facerlle fronte.
"Sempre defendín que se produzan biocombustibles reservados exclusivamente para a actividade agrícola"
-Estamos preparados para substituir o diésel na maquinaria agrícola? -Non. Recentemente participei nas xornadas do Muvicla nas que se abordou precisamente este tema e alí mostráronse alternativas como os biocombustibles, pero hai que ser conscientes de que a cantidade de combustible que se pode xerar a partir de materia vexetal é mínima. Non podemos esperar substituír todo o consumo de petróleo de España con biocombustibles. Eu sempre defendín que se produzan biocombustibles reservados exclusivamente para a actividade agrícola, xa que a conservación da mecanización da actividade agrícola faise fundamental, así como para unha serie de maquinarias moi concretas e indispensables. Hai que ter en conta que non se pode escalar esta produción de biocombustibles. Non se pode producir unha cantidade inxente de materia vexetal como para substituír o consumo de petróleo. Á marxe dos biocombustibles non hai ningunha alternativa dispoñible nestes momentos para a maquinaria agrícola. - Son os biocombustibles a única alternativa real para a maquinaria agrícola?  -Dentro das alternativas que se debuxan coa renovable eléctrica, que é a única opción que se contempla, aínda que sexa un pouco absurdo, é o hidróxeno. Se o hidróxeno se utiliza para queimar tes unhas perdas do 50% na transformación, unha cantidade que aínda podería ser asumible. O problema é que para a súa utilización en motores, as perdas son do 90%. Ademais, necesitaríanse unha chea de materiais que son escasos, co que non sae a conta. A única alternativa que permitiría manter unha certa mecanización do campo, aínda que seguramente se tería que reducir, sería o uso de biocombustibles, empregándoos de maneira moi moderada e con preferencia de uso para determinados labores agrícolas. -Que implantación teñen os biocombustibles en España? -Os biocombustibles xa se consomen en España, pero en cantidades moi pequenas. Hai que pensar que actualmente pouco máis do 10% de todo o aceite vexetal que se produce no mundo destínase a producir biocombustibles. Destinando esa cantidade só estamos a producir o 1,5% de todos os combustibles asociados ao petróleo que consumimos. Dito doutra maneira, para producir o 1,5% do combustible que consumimos temos que gastarnos o 10% de todas as colleitas de cereal e aceite de cereal que se producen. Isto quere dicir que se destinásemos todo o cereal e o aceite de cereal que temos a producir biocombustibles cubririamos só o 15% da demanda do petróleo actual. Cómpre ter presente España consómense ao día 1,3 millóns de barrís de petróleo, o que supón un consumo aproximado duns 200 millóns de litros ao día. -Houbo intentos por fomentar os biocombustibles, que aconteceu para que se frease? -Houbo un mandato de incluír os biocombustibles. Aínda que se mantén o mandato, as subvencións para a súa implantación retiráronse en todo Europa e tamén en España debido a que se descubriu o impacto real dos biocombustibles. Así, se se considera todo o ciclo de vida e toda a enerxía que se gasta, vese que para a produción de biocombustible gástase practicamente a mesma cantidade de combustible que logo proporcionan. Estes motivos fan que tampouco se vexa un futuro cos biocombustibles, senón que aínda que poderán ser unha alternativa para cubrir certa cantidade de mecanización agrícola, non chegará para máis. Pode ter un sentido utilizar os biocombustibles a nivel agrario, pero tamén haberá que pensar nunha certa reconversión da maquinaria agrícola.
“Os tractores eléctricos non son unha opción, xa que a batería sería enorme ou terían moi poucas horas de autonomía”
-Teremos tractores eléctricos nos nosos campos? -Non se poden facer tractores eléctricos porque a batería sería enorme. Fixéronse prototipos, pero deixan de ser tractores competitivos, xa que permiten autonomía para 6 horas, polo que se descartaron. Se se quixese facer un tractor eléctrico as baterías serían tan grandes que consumiría a maior parte da carga do tractor. Estimouse que nun camión eléctrico, a batería ocuparía o 80% da carga do camión. Algo similar ocorrería cos tractores, polo que os tractores eléctricos non son a día de hoxe unha alternativa.

"Pódese producir nitratos a través de nitróxeno verde, o problema é que é moito máis caro"

-A falta de gas está tamén tendo un impacto directo no campo coas limitacións para a fabricación de fertilizantes. A finais do ano pasado en toda Europa algunhas das principais plantas suspendían a fabricación de fertilizantes. Cal é a situación actual en España? -En España Fertiberia pechou durante uns meses as súas plantas de Palos de la Frontera (Huelva) e a de Puertollano (Ciudad Real), esta última era unha parada técnica por mantemento. Con todo, a de Palos de la Frontera debeuse ao alto custo do gas, que lle impedían manter a produción. Xa volveu a abrila hai unhas semanas, pero non está no seu funcionamento habitual e só está a producir baixo contratos pechados cos seus clientes, cun prezo prefixado.
"Os fertilizantes nitroxenados van ser máis caros en España e non vai ser o produto que se producía anteriormente"
-Que perspectivas hai para os fertilizantes a curto prazo en España? -Os fertilizantes nitroxenados van ser máis caros en España e encima non vai ser o produto que se producía anteriormente. A isto hai que engadirlle os paróns que houbo de moitas plantas en todo Europa e que a exportacións de fertilizantes nitroxenados a China nos últimos meses caeron practicamente a cero. China era un exportador moi importante de fertilizantes nitroxenados para países como Arxentina para a produción de soia, que do mesmo xeito que aquí, destínase tamén para alimentación do gando. Xa non é só a situación das plantas españolas ou europeas, senón mundial, xa que hai moitas conexións. De feito a FAO xa está a alertar de que estamos ante unha crise alimentaria polo encarecemento do diesel que repercutirá no prezo dos alimentos. A iso sumarase a escaseza de gran que se prevé nesta primavera. En abril e maio teremos escaseza de gran e non se sabe que podería pasar ante esta situación. -Que alternativas podería haber ao gas na industria de fabricación de fertilizantes? -En verdade o que se fai para a fabricación de fertilizantes nitroxenados é un proceso de síntese no que se colle o metano, a través do gas natural. Pero realmente non se necesita o metano para producilos. De feito, non todo se sintetiza a partir do gas. Actualmente xa se utilizan outros combustibles para eses procesos de sínteses e poderíase facer directamente a través de hidróxeno, por exemplo hidróxeno verde. Pódese producir nitratos a través de nitróxeno verde, o problema é que é moito máis caro, xa que custa máis producilo. Polo que temos non tanto unha situación de escaseza senón de carestía, dun prezo moi caro. -Podería ser unha opción a curto prazo para as plantas españolas? -As plantas terían que adaptarse, xa que actualmente non están preparadas para producir utilizando hidróxeno verde, aínda que non son adaptacións difíciles. De feito, Fertiberia está a investir nunha planta piloto en Suecia para facer esta síntese de nitratos utilizando hidróxeno verde.
"A obtención de biometano nas granxas pode ser unha opción que tivese un impacto positivo localmente nalgunhas comunidades"
-En xaneiro dábase un paso máis no que alternativas ao petróleo se refíre vinculadas ao campo ao aproveitarse o biometano os excrementos de máis de 2.000 vacas en Lleida e abastecer a rede de gas natural en España, Será a tónica a partir de agora? -A partir do biogás que poidas xerar coa descomposición de materia orgánica en descomposición e xurros, producirase metano que se pode aproveitar. A cantidade de metano que se obtén é limitada e proporcional á cantidade de materia orgánica que proceses. Ademais, o uso dun biodixestor é unha moi boa alternativa, xa que separarás o metano (que che servirá como fonte de enerxía) e como residuo sólido quedas con nutrientes que son esenciais para as plantas, como o fósforo ou o potasio e poderás utilizalo como abono. Este tipo de alternativas están ben, o problema é que nunca poderás levalas a gran escala. Pasa o mesmo que cos biocombustibles. Son alternativas que teñen o seu nicho e o seu rango de aplicación. O problema é o volume que podes chegar a xerar. Non nos damos conta de que consumimos unha cantidade inmensa e desproporcionada de combustibles fósiles. Esta pode ser unha vía para aproveitar esa enerxía naquelas zonas que teñan eses recursos, ao contar cunha gran cabana gandeira, pero non poderá ser unha alternativa para substituír aos combustibles fósiles. Localmente, nalgunhas comunidades, esta opción poderá ter un impacto positivo. -Este tipo de plantas nas granxas poderían entón ser parte da solución para afrontar esta dependencia dos combustibles fósiles? -Ao final a solución será unha mestura de pequenas solucións parciais. Será unha colaxe enerxética. Pequenas iniciativas que nos axuden a obter enerxía. Pero non podemos esperar que este tipo de propostas teñan unha implantación masiva ou un maior impacto. Este tipo de solucións se se miran desde un punto de vista do rural cara ao rural permitirán un modelo bastante sostible. O problema vén cando tentas integrar o industrial, porque ao ser tan desmesurado o gasto que se precisa, é completamente imposible de asumir.  -Á hora de avaliar este tipo de aproveitamento para granxas de vacún de leite en Galicia, unha das críticas recorrentes é que deberá achegarse unha gran cantidade de materia orgánica vexetal extra ademais do xurro para chegar a producir metano e que resulte rendible. Vese unha opción máis viable para as granxas de porcino. Que opina ao respecto? -En xeral, nun biodixestor pode procesar o que queiras. Toda materia orgánica, desde os animais mesmo, as plantas ou os excrementos son fundamentalmente unha combinación de carbono, hidróxeno, osíxeno e nitróxeno. É certo que hai materia que é máis fácil de dixerir, como os xurros; por iso é polo que terán un mellor rendemento. A priori tampouco a dificultade de dixerir debera ser un problema, xa que levaría máis tempo, pero o metano iríase acumulando.
Repotenciación do parque eólico de Malpica no ano 2016.

"Non hai ningún interese por unha transición enerxética, só pretenden embolsarse diñeiro dos fondos europeos construíndo parques"

-Unha preocupación do campo galego é o boom de novos parques eólicos que se está producindo nos últimos meses. Hai quen ve territorios como Galicia como unha despensa enerxética incluso de Europa, ao producir a enerxía, pero sen aproveitar ao máximo a oportunidade Que opina respecto diso? -É unha bobada. O potencial eólico está rexido pola latitude e un efecto da rotación da terra. Nos países máis ao sur fronte ao Ecuador, os ventos sopran máis frouxos que con respecto a países máis ao norte, como Dinamarca. Así, o norte de Europa ten un maior potencial eólico, xa que os ventos son máis fortes. En España hai zonas que son máis propensas a ventos fortes, por exemplo a costa Atlántica de Galicia, así como a Costa Brava (co vento de Tramontana) que tamén se pode aproveitar. As zonas de España onde se están implantando parques eólicos son moi restrinxidas: principalmente Galicia, Navarra, o Val do Ebro, Cádiz e a Costa Brava. -En Galicia estanse examinando tamén parques mariños. Que opción é preferente? -A eólica que dá mellor aproveitamento é a mariña, xa que non hai obstáculos en comparación co que se atopa terra dentro. Desta maneira, os ventos no mar sopran dunha maneira máis fluída, constante e forte. No mar do norte teñen ademais a vantaxe de que o fondo non ten máis de 400 metros de profundidade, o que permite colocar estruturas eólicas semiflotantes, aínda que lixeiramente ancoradas. Porén, en España a plataforma continental é moi estreita, o que obriga a que non se poidan poñer os parques moi lonxe da costa, o que xera un maior impacto ao estar preto e tampouco podes poñer tantos como en Europa. O noso potencial eólico é moito menor que o norte de Europa, cun potencial eólico 10 veces maior que todo o Mediterráneo. O potencial de enerxía renovable de España é a solar. -Serán os parques eólicos ou fotovoltaicos as alternativas para conseguir enerxía? -O propio modelo de xeración enerxética está orientado á produción de bioelectricidade e este modelo ten moitísimos inconvenientes, ata o punto que creo que nin é un modelo viable, pero é o único que se está discutindo. É un modelo que ten moitas limitacións. Dáse por feito que se vai a poder facer todo o que se pretende, pero non vai ser posible. Ademais hai asuntos tecnolóxicos que non está resoltos e que poden ser imposibles de resolver. Non hai ningunha capacidade de autocrítica. O maior problema co que se van a atopar a curto prazo é que non vai haber materiais. Este tipo de instalacións requiren moitos materiais que son escasos no planeta e cando se expoña a transición non se vai a poder facer. Aquí hai varias empresas que queren dar un pelotazo, como no seu día ocorreu co ladrillo. Non hai ningún interese por unha transición enerxética, só pretenden embolsarse diñeiro dos fondos europeos construíndo parques. -Que está a fallar na transición enerxética? -Á marxe de que sexa respectuosa co medio ambiente, que é moi importante, o reto agora mesmo é lograr que sexa posible. Hai formulacións que realmente non son posibles porque non hai materiais ou porque dependen dos combustibles fósiles, e isto non se comenta. Non se viu polo momento ningún parque eólico ou fotovoltaico que no seu ciclo de vida, para todo o proceso non se utilizasen inxentes cantidades de combustibles fósiles e non se sabe facer sen iso. Ademais, os materiais están a encarecerse moito, como ocorre xa coas placas fotovoltaicas, porque se necesita moita enerxía fósil para producilas.
"Estanse a fomentar moitos parques para producir electricidade, sen saber ben para que e que nin sequera cabe na rede eléctrica"
Temos o problema engadido de que todo se orienta á produción de electricidade, pero o consumo de electricidade en España cae. Temos máis que suficiente con todos os sistemas que temos instalados, polo que se debera saber que se vai facer con toda esa electricidade. Aínda que se insiste moito en que a transición enerxética será cara á enerxía eléctrica, en España este tipo de enerxía, do mesmo xeito que acontece no resto do mundo, representa aproximadamente só o 20% de toda a enerxía final que se consome. O 80% de enerxía restante procede doutras fontes e dificilmente poderá ser substituida pola enerxía eléctrica. É máis, hai unha porcentaxe que será imposible de substituir por enerxía eléctrica. Estanse a fomentar moitos parques para producir electricidade, sen saber ben para que e que nin sequera cabe na rede eléctrica, nin cos proxectos de ampliación que ten a Rede Eléctrica Española Para min é moi arriscado. Estase a premiar o cortoplacismo, pero non se está contemplando unha transición enerxética real. -Cara a onde cre que se deberían encamiñar os esforzos para conseguir unha transición enerxética respectuosa co medio ambiente e viable para cubrir as necesidades que temos como sociedade? -O modelo non ten que ver en absoluto co que se está falando. Debe ser un modelo asociado coa reorganización e á produción local de alimentos. Para min esa é a clave. España non ten autosuficiencia alimentaria, só produce o 40% do que consome, cando ten capacidade para producir o 100%. Creo que este debe ser o piar para empezar. A xestión da auga tamén debe de ser unha prioridade, garantindo acceso á auga e ó tratamento das augas. A recolocación sería outra das claves para conseguir un modelo de transición enerxético, ecolóxico, real e serio que realmente fose respectuosa co medio ambiente e factible. O que se está propoñendo en Galicia e en moitas zonas de España é industrializar o campo, fomentando os grandes polígonos industriais con parques eólicos, recubertos dunha imaxe verde e ecolóxica cando o único que prima é conseguir captar fondos europeos. Non se sabe nin que se vai facer con esa enerxía e en moitos casos non saben nin se poderán terminar eses proxectos. Definitivamente non se está expondo o modelo enerxético axeitado.

As vendas de tractores novos subiron un 12,63% en Galicia en 2021

As vendas de tractores novos incrementáronse un 12,63% en Galicia en 2021, até alcanzar as 740 máquinas, 83 máis que en 2020. Así se desprende do informe anual dos Rexistros Oficiais de Maquinaria Agrícola (ROMA) que elabora o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O mercado de tractores novos na comunidade galega evolucionou mellor que na media española, onde o incremento de vendas foi do 9,57%. Porén, no conxunto da maquinaria agrícola as vendas en Galicia caeron un 6,54% o pasado ano, pola importante caída en maquinaria automotriz (motocultores, colleitadoras...) que diminuíu un 24,40%, e pola caída en maquinaria suspendida ou arrastrada (apeiros, cubas de xurro...etc) que baixou un 20,56%. Pola contra, a venda de remolques subiu o pasado ano un 6,99% en Galicia.

Tractores inscritos nas distintas comunidades autónomas por potencia: 

 
<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

McCormick, en sintonía co territorio galego

Nunha rápida ollada da agricultura galega destaca o feito de que o 85% das súas explotacións teñen unha superficie inferior a 5 ha, e apenas chegan ao 2% as que superan as 20 ha, o que indica o alto grao de minifundismo da agricultura galega. Preto do 65% das explotacións dedícanse a producir unha ampla variedade de produtos, o denominado “policultivo”, tanto para o consumo humano como para a alimentación da cabana gandeira. A pesar de que a diversidade da produción é a opción predominante, nos últimos anos téndese a unha maior especialización produtiva que aumenta a calidade e o recoñecemento dos bens producidos. E para iso cada vez é máis necesaria maquinaria específica que permita lograr o máximo rendemento.

O territorio galego ofrece grandes contrastes climáticos e de chans entre o litoral e o interior, con grandes planicies ou lombas suaves e macizos montañosos. Así, o litoral das Rías Altas presenta un mosaico de usos da terra con forte presenza de eucaliptos nos montes e millo e praderías de forraxe en terras de cultivo, que no oeste combinan con cultivos como a pataca. No litoral das Rías Baixas atopamos unha estrutura similar, que inclúe a depresión litoral Santiago-Tui, onde se dá unha maior benignidade climática e os pasteiros e montes ocupan menor superficie relativa, mentres que o millo e praderías de raigrás dominan a superficie cultivada. Nas planicies do interior noroccidental e lucense a vocación é gandeira de vacún, especialmente o leiteiro, caracterizada polos espazos máis extensos tan representativos da agricultura galega. As depresións, sementadas de pataca, cereais (millo, trigo e centeo) ou nabo altérnanse con pradería e pastos, con algunhas zonas de rega.

Máis ao sur, nas depresións ourensás, o clima sub-oceánico favorece o cultivo da vide, en combinación con herbáceos e pastos. Tamén hai presenza de froiteiras e regadíos nas zonas máis baixas. A gandería sen terra complementa a economía agraria da zona. As serras dos bordos prelitorais son especialmente aptas para a silvicultura, mentres que nos macizos montañosos do interior, menos favorecidos climaticamente, concéntrase unha maior gandería extensiva.

Polivalencia agrícola e gandeira

A agricultura de Galicia está claramente orientada cara á alimentación do gando, xa que nas terras cultivadas predominan os cultivos forraxeiros e prados naturais, existindo tamén unha relevante superficie destinada a pasteiros e montes pastoreados. Os últimos datos do MAPA sinalan unha superficie total de 793.875 ha dedicadas a cultivos forraxeiros, cunha produción de 6.620.561 toneladas. Do total da superficie, 513.129 ha corresponden a prados e pastos permanentes e o resto a plantas cultivadas en verde (280.746 ha), aínda que a produción destas últimas (5.793.087 toneladas) supera amplamente ás primeiras.

Dentro dos cultivos forraxeiros destacan as praderías polifitas, con 204.139 ha e 3.743.915 t de produción, seguidas do millo forraxeiro, que no total da comunidade alcanza as 70.430 ha que producen 1.978.181 toneladas e dos cultivos de leguminosas para colleita en verde con preto de 2.500 ha.

Todo iso para alimentar a unha cabana gandeira de gran importancia, sobre todo en canto a produción leiteira, que xera o 1,5% do PIB da comunidade e supón o 24% da produción final agraria. A finais de 2019 había 7.142 explotacións leiteiras en Galicia, cunha produción de 2,8 millóns de toneladas de leite (38,6% da produción nacional), o que sitúa a Galicia entre as 10 primeiras rexións produtoras de Europa.

Galicia produce cada ano máis de 90 millóns de quilos de carne bovina, un produto especialmente valorado no mercado que ten na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega o seu buque insignia, con máis de 21.600 millóns de kg. Tamén destaca polo número de granxas porcinas e avícolas.

Tractores polivalentes para ambos mundos

As actividades forraxeiras e gandeiras están intimamente ligadas no territorio galego, e para lograr os mellores resultados en ámbalas dúas son necesarios equipos capaces de atender as demandas procedentes de ámbolos dous mundos. E que mellor que a Serie X6.4 VT- DRIVE de McCormick, tractores sempre dispostos e sumamente polivalentes para atender as dúas necesidades.

O tractor X6.4 VT- DRIVE capta inmediatamente a atención polo estilo moderno e agresivo dos modelos McCormick de última xeración, un deseño estudado para conferir ao vehículo un aspecto compacto e poderoso. A nova cabina de catro montantes está deseñada para ofrecer unha visibilidade inigualable e un confort superior. A Serie componse de tres modelos con transmisión VT- Drive, todos eles equipados con motores Betapower con sistema Power Plus que desenvolven potencias máximas de entre 121 e 140 CV. Os tractores X6.4 VT- DRIVE contan cun elevador electrónico traseiro que proporciona unha capacidade de elevación de ata 5400 kg, unha toma de forza de catro velocidades e un circuíto hidráulico de centro pechado que proporciona un caudal máximo de 110 l/ min. O elevador e a toma de forza dianteiros converten ao McCormick X6.4 VT- DRIVE nun tractor extremadamente polivalente e versátil. A cabina equipa unha suspensión mecánica que se integra co sistema de suspensión da ponte dianteira mellorando o confort de condución durante as operacións de transporte e os desprazamentos por estrada. Cunha relación peso-potencia de 37 kg/ CV, o X6.4 está listo para demostrar a súa valía nas explotacións mixtas galegas.

Un tractor de calidade para producir un viño de calidade

Entre as producións agrícolas galegas tamén destacan, como non, os seus excelentes viños. Na comunidade galega hai un total de 24.098 ha de viñedo, con especial importancia na provincia de Pontevedra, con 11.749 ha, seguida de Ourense (8.174 ha), A Coruña (2.302 ha) e finalmente Lugo, con 1.873 ha. Trátase dun produto de recoñecido prestixio, do que dan mostra as cinco denominacións de orixe que atopamos ao longo da comunidade: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

A diversidade característica de toda a comunidade galega tamén afecta as súas vides, o que se traduce en moi variadas formas e técnicas de produción. Entre elas, dentro da D.O. Rías Baixas, onde a choiva e a humidade do chan é máis notable, as vides condúcense en emparrados, mellorando o seu estado sanitario pero facendo preciso o uso de tractores de baixa altura para a súa manexo. Máis no interior, a espaldeira faise cada vez máis frecuente, mentres que nas zonas con maior influencia do clima mediterráneo practícase a poda en vaso, con cepas moi preto do chan.

Unha práctica habitual nos viñedos das ladeiras dos vales e montañas galegos é a construción de bancais que permiten salvar as acusadas pendentes, especialmente na DO Ribeiro, onde reciben o nome de socalcos ou bocarribeiras, e na DO Ribeira Sacra, onde se denominan muras, muros, paredós ou calzadas.

Sen esquecer o policultivo, con alta presenza de hortas familiares para abastecerse de produtos de primeira necesidade ou con pouca extensión de terreo, unha mostra máis do minifundismo galego.

O traballo neste tipo de condicións é cousa de auténticos especialistas, como o son os McCormick X4 F e X2. A innovadora Serie X4 F de McCormick establece unha nova referencia no mercado dos tractores para cultivo en ringleiras. A Serie comprende cinco modelos adaptados a diferentes necesidades de aplicación: o modelo F, tractor estreito ideal para traballar en fileiras estreitas; o modelo N para cultivos de fileiras estreitas conducidas en vaso, ten o mesmo ancho de vía do modelo F e a cabina estreita do modelo V para emparrados; o modelo XL é un froiteiro ancho para traballar en fileiras anchas e en campo aberto.

A Serie X4 F ofrécese en versión plataforma para os modelos F, N, GE, GB e XL. A gama contempla varias opcións de transmisión e de eixo dianteiro e traseiro con diferentes distancias entre eixos, alturas e anchos de vías. Entre os modelos destaca o modelo GE para pasar por baixo de ponlas baixas e GB, ultra baixo para traballar en cultivos emparrados.

A Serie X2 dispón de dúas configuracións: Standard, dispoñible nas versións con plataforma ou cabina e GE (Ground Effect) só en versión plataforma, que, mediante un axuste “baixo” –que se obtén grazas a redutores traseiros e eixos dianteiros especiais–, reduce aínda máis a altura total desde o chan do capó e guardabarros, de maneira que resulta perfecto para traballos baixo cuberta ou toldos. Grazas aos motores de 1,9 litros Turbo Aftercooled, os dous modelos da gama, o X2.055 e o X2.060, alcanzan potencias máximas de 49 e 57 CV (ISO) respectivamente, con pares máximos de 180 e 200 Nm xa dispoñibles a 1200 revolucións por minuto. Entre as novidades máis importantes, destaca a dispoñibilidade do mando Engine Memo Switch que permite memorizar as revolucións do motor e recuperalas rapidamente grazas a un cómodo interruptor na consola dereita.

Máxima potencia para producir o cereal galego

A produción de cereal, aínda que non é maioritaria, si está a tomar cada vez maior importancia. En Galicia dedícanse unhas 34.700 ha ao cultivo de cereais en gran, cunha produción de 148.614 toneladas. Ourense, con case 15.000 ha, é a principal provincia produtora, seguida da Coruña con algo máis de 8.500 ha.

É clara tendencia nos últimos anos a de recuperar as variedades autóctonas, como o trigo do país, clave para a produción da nova Indicación Xeográfica Protexida de Pan Galego.

Doutra banda, do mesmo xeito que no resto do territorio nacional, o envellecemento da poboación rural e a desaparición de explotacións familiares levou á aparición cada vez máis relevante de empresas de servizos. Estas empresas, así como as extensións cerealistas, demandan equipos máis potentes e tecnolóxicos, unha demanda para a que tamén ten resposta McCormick cos seus tractores das Series X7 e X8.

Grazas ao motor montado en chasis e ao robusto eixo dianteiro con suspensión independente, o McCormick X7 é o tractor que transmite máis potencia ao chan na súa clase. Para o X7.6, os terreos accidentados ou empinados tan típicos da orografía galega non representan un obstáculo, senón un reto cotidianamente superado. Grazas á robusta ponte dianteira con suspensión independente e á ponte traseira con freos multidiscos en baño de aceite, o X7.6 ofrece unha combinación perfecta de tracción e manobrabilidade grazas ás súas dúas transmisións dispoñibles, P6- DRIVE, con 6 velocidades baixo carga e 5 grupos completamente robotizados, e VT- DRIVE, transmisión continua que proporciona un número infinito de velocidades.

A Serie X8 é a máis potente de McCormick e componse de tres modelos con potencias de 264, 286 e 310 CV. Todos equipan motores Betapower Fuel Efficiency de 6 cilindros. A transmisión VT- Drive é unha transmisión variable continua que proporciona un número infinito de velocidades desde 0 km/ h ata o límite máximo permitido no país de circulación do vehículo (40km/ h, 50km/ h ou 60km/ h). A transmisión VT- Drive conta con catro gamas de velocidades que permiten utilizar apeiros específicos en diferentes rangos de velocidade programables polo operador.

E isto é tan só un exemplo de todo o que McCormick pode ofrecer aos profesionais do campo galego. Unha agricultura con tantos matices necesita dunha marca tan versátil como McCormick para atender todas as necesidades dunha terra tan rica en variedade como en calidade.

01-MC_RS14_X2_Field_002

Image 1 of 20

A marca austríaca Steyr remata a súa xira de demostración en España

O ‘Demo Tour’ de Steyr chegou a España na súa derradeira etapa, logo de pasar por outros países de Europa. A súa función fundamental foi a presentación e formación acerca dos vehículos da marca para dar a coñecer os últimos desenvolvementos de produto, e así mesmo darse visibilidade nun mercado recente como o español.

Este percorrido realizouse en catro etapas, acompañadas en todo momento por un camión con aula de formación no que se presentaban as novidosas propostas da marca, así como por unha flota de tractores que Steyr puña a disposición dos agricultores para realizar probas no campo. Dentro da súa xira, a marca pasou por Ordes (A Coruña) e puxo o broche final en Villamartín de Campos (Palencia).

O seu principal colaborador e distribuidor en España é ‘Farming Agrícola’. Esta empresa facilitou que estes eventos se moveran en zonas nas que xa tiñan presencia a nivel de distribución e servicio, achegando a unha gran cantidade de profesionais do sector a funcionalidade que os tractores e maquinaria Steyr poden ter para o seu negocio.

Dentro da cita, a marca destacou o seu modelo ‘Steyr Terrus CVT’, cun novo deseño da cabina, un estilo actualizado e a tecnoloxía de conectividade máis avanzada. Entre o máis rechamante das súas características estaba a súa potencia: unha nova gama con 250-300cv. A operatividade deste tipo de vehículos tradúcese en que o traballo no campo sexa máis fácil, eficiente e produtivo, ademais de deixar a un lado as esperas no taller gracias ao ‘S-Fleet’, unha tecnoloxía que conecta directamente o tractor co taller en caso de avaría.

Ebro, Lanz, Barreiros, John Deere ou Renault, a historia dos tractores fabricados en España

Á hora de abordar a historia da fabricación e distribución de tractores agrícolas en territorio español é preciso entender o contexto histórico no que se sitúa a instalación das primeiras fábricas de tractores agrícolas en España e os obxectivos da Ditadura naquela época. Entre outros, figura o obxectivo de instalar industrias en zonas urbanas, aumentando as rendas urbanas e atraendo man de obras dos espazos rurais. Trátase dunha idea que buscaba modernizar a agricultura a toda costa a través da moto-mecanización. É importante sinalar que, cando se instalan as dúas primeiras fábricas de tractores (Ebro en Barcelona en 1955 e Lanz Ibérica en Xetafe en 1956), a Ditadura franquista estaba inmersa nun programa de axudas, créditos e grandes transferencias tecnolóxicas que recibían fundamentalmente dos Estados Unidos. Estas aportacións económicas, que comezaran en 1950, xogaban un papel esencial na recuperación da economía española, aínda non recuperada dos efectos da Guerra Civil provocada polo golpe de Estado de 1936. Aparte diso, tamén había que destacar a precaria situación económica da Ditadura, illada política e economicamente dende 1945, polo que esas axudas económicas xogaban agora un papel moi importante para normalizar a Ditadura no contexto da Europa democrática.
En Galicia, empresas como Auto Avión, na Coruña, e Díaz y Prieto en Lugo, foron imprescindibles para a distribución de tractores
Os anos 50 aparecen entón como unha década clave, recuperándose as importacións de tractores dende 1950 e a fabricación a partir de 1955. Moitas das empresas distribuidoras de tractores que tiñan sobrevivido o crítico período de 1936-1949, recuperáronse a partir de 1950, grazas ás importacións pagadas polas axudas e os créditos norteamericanos. Entre outras, empresas de distribución como a barcelonesa Parés Hermanos S.A., ou a madrileña Finanzauto S.A. Para Galiza, empresas como Auto Avión S.A., fundada na Coruña en 1953, ou Díaz y Prieto S.A., fundada en Lugo en 1959, ocuparían anos máis tarde unha posición central na difusión de tractores. A instalación das fábricas de tractores foi considerada pola Ditadura como un éxito, aínda que parcialmente, dado que a intención do goberno franquista era acadar un control total da fabricación de tractores, un obxectivo que ía acorde coa liña da política económica autárquica da Ditadura dende 1939. Porén, os altos requirimentos económicos e científico-técnicos necesarios para fabricar con éxito tractores agrícolas baratos e adaptables impedían á Ditadura, a través das empresas do Instituto Nacional de Industria (INI), fabricar en serie tractores agrícolas. Entre os intentos fracasados que tiñan colleitado naqueles anos, destacaban algunhas empresas como a sevillana Saca. Finalmente, foron as multinacionais Ford, Lanz e John Deere, as que lograron controlar unha parte importante do proceso da fabricación de tractores agrícolas, acadando así unha situación de privilexio nun mercado que se abría.
Ata os anos 60 a compra de tractores só se podía realizar se se dispoñía dunha superficie mínima de máis de 50 hectáreas ou cultivos de cereais, oliva ou arroz
O comezo da fabricación de tractores agrícolas en 1955 e 1956 non foi, con todo, unha cuestión inmediata. Practicamente ata 1960 non se logrou producir grandes liñas de tractores para abastecer á demanda existente. Un síntoma claro desta incapacidade era o funcionamento do Programa Oficial de Adxudicación de Tractores (Poat), un programa que regulaba, ata a súa desaparición en 1960, o acceso á compra de tractores en función duns criterios necesarios para solicitalos. Entre outros, superficies mínimas en propiedade que adoitaban ser de máis de 50 ou incluso 100 hectáreas, ou tamén o cultivo de cereais, oliva ou arroz. Na práctica e, como é lóxico segundo os criterios sinalados, o Poat funcionou ata a súa desaparición como un limitador ou disuasor da demanda de tractores en agriculturas de pequena propiedade e gandeiras como a galega.
Fábrica dos tractores Barreiros (Villaverde-Madrid). Revista Rural. Outra característica da industria española de tractores é que estivo durante toda a Ditadura e parte da democracia moi protexida ante as importacións. Chegouse incluso ata unha situación de mercado cautivo do que se beneficiaron fabricantes como Ebro, John Deere ou Barreiros. O resultado dese proteccionismo, pola contra, foi que se pagaron polo xeral uns prezos polos tractores máis elevados dos que obterían nun mercado completamente liberado.

A distribución dos tratores en España

Mais, ¿como se difundiron os tractores? Os canais de difusión estiveron controlados polas propias empresas fabricantes ou distribuidoras nas décadas centrais da súa introdución no campo, nos anos 60 e 70 do século XX. Esta situación contrastou coas primeiras décadas dos anos 40 e 50, onde os canais de difusión estaban controlados polo Estado, a través dos concursos anuais de adxudicación do POAT. A partir dos anos 60, será o Servicio de Extensión Agraria (SEA) o que colabore a nivel local cos axentes de ventas, empresas e distribuidoras, para informar sobre os futuros propietarios. Nesta función difusora tamén participarán os monitores dos cursos de formación de tractoristas que se levaban a cabo a través da Promoción Profesional Obrera (PPO), así como tamén dos técnicos do Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario (Iryda). Todos eles acompañaron o proceso de difusión, facilitándolle ás empresas fabricantes e tamén ás distribuidoras a información necesaria para adaptar a oferta á demanda. Por outra banda, algo que prexudicou probablemente os intereses das comunidades labregas e, pola contra, beneficiou os intereses das empresas fabricantes e distribuidoras, foi a debilidade do sistema de difusión pública de tractores, préstamos de maquinaria ou experimentación. Esta era unha eiva destacada en España, sobre todo en comparación con outros países como Francia, cunha forte rede de centros locais de préstamos e experimentación que servían de servizo, a prezos económicos, para que os labregos e labregas se acostumasen ó manexo do tractor, o seu mantemento, etc. Esta situación era outro resultado directo das políticas da Ditadura, quen profesaba unha profunda desconfianza ás fórmulas cooperativas de uso e compra de maquinaria agrícola.
A Ditadura apostou pola figura do 'propietario rico-innovador', que servía de referencia e de exemplo para o resto dos veciños na compra de tractores
Sen fórmulas cooperativas de éxito para amortizar en sociedade os altos custos da compra de tractores, sen campos de demostración públicos locais e cos canais de difusión controlados polas propias empresas, a Ditadura apostou pola figura do 'propietario rico-innovador', que servía de referencia e de exemplo para o resto dos veciños na compra de tractores. Deste xeito, pretendíase que eses propietarios serviran de exemplo para as súas aldeas, prestándolles servizos de mecanización baixo arrendo ata que mercaran o propio tractor da casa. Todo isto, en definitiva, axudou a converter a difusión de tractores agrícolas nun proceso extremadamente individualizado. Unha situación que redundaba máis aínda nos intereses dos fabricantes e distribuidores de tractores, que vían como aumentaba de forma extraordinaria a demanda. Cadea de montaxe de tractores Ebro en Barcelona. Memoria Motor Ibérica S.A. 1969. Biblioteca Nacional de España. Cómpre destacar o alto grao de dependencia tecnolóxica exterior que prevaleceu tanto no sector da fabricación como na dependencia que os distribuidores tiveron das grandes multinacionais. O resultado disto foi que, para cando se completou o cambio tecnolóxico e a demanda española de tractores desapareceu, as multinacionais desmantelaron as fábricas en España, retirándolle o apoio tamén a determinados grupos distribuidores para adaptarse ás novas realidades da fabricación de tractores a nivel europeo e internacional. Deste xeito, fábricas e distribuidoras españolas sucumbiron mentres as multinacionais continuaron a súa andaina nunha situación de oligopolio repartido entre John Deere, Massey Ferguson e New Holland, este último grupo como resultado da fusión da marca italiana Fiat e da norteamericana Ford nos anos oitenta. O final da fabricación española de tractores chegou nos anos 90. No caso de John Deere Ibérica S.A., presente en España dende 1963, pondo punto final á fabricación de tractores en 1994 e concentrando a fabricación en Europa nas fábricas que mantiñan en Francia e Alemaña. Do mesmo xeito procedeuse coa fábrica de tractores da antiga Ebro en Barcelona. O grupo fabricante chamado Motor Ibérica S.A., entrara nun lento devalo a partir dos anos 80, debido á caída da demanda de tractores e a problemas estruturais do grupo. Xa en 1986 a fábrica de tractores fora vendida ó grupo xaponés Nissan, o cal vendía á súa vez a fábrica ó grupo, tamén xaponés, Kubota. Porén, os problemas económicos persistirían e a fábrica poría o seu peche en 1994, no medio de grandes perdas económicas e despidos de traballadores.

-Consulta aquí máis información sobre a historia do tractor en Galicia.

 

Claves para previr accidentes co tractor

Ensilando en GANXABAR (Mazaricos)

Os accidentes no tractor son unha das principais causas de mortalidade no agro. O numeroso parque móbil e a elevada idade dalgúns dos conductores son algúns dos factores que incrementan os riscos de sinistralidade.

Ante esta problemática, a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), ten a disposición do sector unha completa guía de prevención de accientes no tractor, con información técnica en catro ámbitos, que son os que se consideran máis relevantes na prevención de riscos neste ámbito: a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixe cardánico, a protección do tractor fronte a envorcaduras e as medidas a tomar en caso de que se produza este feito.

Catro claves para previr os accidentes no tractor:

1) Protección da toma de forza (TDF) e do eixo cardánico:

-Dispoñer dos elementos de protección (protector da TDF, protector do eixe cardánico e protector das xuntas cardán) en bo estado e colocados axeitadamente.

-Enganchar o eixe cardánico coa TDF desconectada, o motor apagado e a chave de arrinque de tractor sacada.

-Non levar roupa frouxa nin o pelo solto, non permanecer próximo á toma de forza e ao eixe cardán en movemento.

-Non subir ao tractor apoiándose na coiraza protectora nin ir subido nela co tractor en marcha.

-Antes de baixar do tractor, desacoplar a TDF, poñer o tractor no punto morto, accionar o freo de estacionamento, apagar o motor e retirar a chave do contacto, sempre que sexa posible.

Como se pode producir o atrapamento?

Sempre que a toma de forza estea accionada:

-Ao subir e baixar do tractor pola parte traseira
-Ao pasar por encima de elementos da toma de forza
-Nos labores de mantemento da toma de forza
-Noutras operacións que se realicen próximas á toma de forza

Elementos de proteccións dos que se debe dispoñer:

2) Proteccións do tractor fronte á envorcadura:

-Dispoñer de estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou bastidor).
-Empregar o cinto de seguridade cando o tractor dispoña de estrutura homologada de protección.
-Realizar un mantemento axeitado das proteccións.

Medidas fronte á envorcadura:

-Circular a velocidade axeitada.

-En pendente e camiños en mal estado extremar as precaucións.

-Non efectuar viraxes bruscas, principalmente se se vai cun apeiro arrastrado (remolque, cisterna de xurro etc.)

-Non forzar se existe resistencia ao avance.

-Non retirar o parafuso fusible dos arados, e se é necesario retiralo, introducir outro de iguais características.

-Abater as estructuras de protección (exemplo: pórtico) só nos casos imprescindibles (invernadoiros, baixo árbores etc.) e sempre cun manexo adecuado e seguro.

-Seleccionar adecuadamente os apeiros que se vaian enganchar ao tractor.

-Empregar o peche do bloqueo dos freos en circulación e transporte co fin de pisar os freos simultaneamente.

-Se se produce unha envorcadura, o condutor permanecerá dentro do tractor e agarrarase fortemente ao volante ou a algunha asa. Nunca saltar cara ao exterior.

3) Seguridade viaria:

-Os vehículos agrícolas que circulen polas vías públicas estarán homologados e matriculados.

-Permiso de conducir:
– Xeral: permiso clase B.
– Licenza de condución (idade mínima 16 anos) cando: a masa ou as dimensións dos vehículos agrícolas non excedan as máximas autorizadas; e a velocidade máxima por construción non exceda 45km/h

-ITV: exento os 8 primeiros anos, bienal de 8-16 anos, e anual a partir dos 16 anos. Excepto motocultores, motoaixadas etc. que non é obrigatoria a ITV.

-Cumprir as normas de circulación: velocidade axeitada, sinalización da maquinaria diurna e nocturna etc.

-Respectar o número máximo de pasaxeiros do vehículo indicado polo fabricante.

-Dispoñer dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e en bo estado: espello retrovisor esquerdo, sinalización luminosa: xirafo (v-2) e limitación de velocidade (V-4) etc.

-Na vía pública, de ser o caso, levar a máquina en posición de transporte.

Descaga aquí a guía completa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) sobre medidas para previr os accidentes co tractor