Archives

“A tracción animal moderna estase a converter nunha ferramenta para a agricultura de precisión”

João Rodrigues, veterinario e presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran), traballando cun burro Coa chegada da mecanización agrícola a utilización de cabalos, burros, mulas ou vacas para tirar do carro ou do arado foi perdendo importancia até terse convertido en residual a día de hoxe na maioría de países desenvolvidos. Pero a recuperación da tracción animal está a rexurdir en Europa para traballos específicos nos ámbitos hortícola, vitivinícola ou forestal. João Rodrigues preside a Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran) e defendeu nunhas xornadas celebradas no Muvicla a utilidade dos animais para a realización de determinadas tarefas agrícolas e mesmo outras labores no ámbito urbano, como a recollida do lixo dentro dos cascos históricos. En determinados contextos, defendeu, o uso de animais é máis eficiente que a utilización de vehículos a motor.   Agricultura respectuosa co solo e o medio ambiente A tracción animal chegou aos nosos días relegada  en moitos casos a traballos a pequena escala no ámbito da agricultura de autoconsumo familiar ou en zonas de difícil acceso e mecanización, como áreas de montaña ou parcelas de pequeno tamaño. Pero a tracción animal está a recuperarse a día de hoxe como unha ferramenta de agricultura de precisión en sectores profesionais como o da horta, explicou João, sobre todo en traballos intermedios (eliminación de herbas, aterrado, etc) que é necesario realizar entre o momento de labrar e o de recoller. Esta tracción animal moderna leva aparellado o desenvolvemento de nova maquinaria específica e adaptada aos traballos a realizar nunha fusión entre nova tecnoloxía nos aperos e sistema de tiro tradicional. En EEUU, por exemplo, onde a comunidade amish segue a empregar exclusivamente tracción animal, adaptaron maquinaria actual como rotoempacadoras ou sementadoras para que funcionen con tracción animal. Valor engadido no mundo do viño En viñedos de zonas como Priorato, Penedés ou Ribera de Duero hai adegas que traballan con animais. Foto: APTRAN En Europa a reintrodución da tracción animal está a avanzar sobre todo no mundo do viñedo, pero tamén na xestión forestal ou noutros ámbitos relacionados co medio ambiente. “Cando hoxe falamos da importancia de conservar a paisaxe en lugares como Portugal ou Galicia, estamos falando dunha configuración agrícola creada pola tracción animal”, evidencia. “Na viticultura está a reintroducirse a tracción animal porque se comezou a dar unha importancia vital ao solo. En Francia xa se deron conta de que traballando o solo con tracción animal mellora”, asegura João. En España, en zonas de Ribera de Duero ou de Cataluña, tamén hai adegas que están a realizar traballos con animais nos viñedos.  
Adegas de Francia, Ribera de Duero ou Cataluña realizan traballos con cabalos nos viñedos
É un xeito de vender unha produción máis natural e sostible, apreciada e demandada polo consumidor, e de poder trasladar este feito diferencial ao prezo dos viños, pero tamén un xeito de evitar problemas de compactación do solo, o que favorece o desenvolvemento da microbiota, algo que acaba sendo beneficioso para as vides. Traballos dentro das masas forestais Traballos forestais na paisaxe protegida do Corno de Bico, en Paredes de Coura. Foto: João Pedro Marnoto/APTRAN En países de Centroeuropa está estendido o uso de cabalos de tiro para a realización de traballos nos montes, sobre todo tarefas de xestión forestal intermedia como podas e clareos onde é difícil poder entrar con outro tipo de maquinaria forestal convencional. “En Bélxica úsase a tracción animal dentro da mancha forestal para retirar a madeira do monte en podas e entresacas até zonas de carga a onde poden chegar os camións a cargar. É un traballo combinado de cabalos para a retirada con maquinaria forestal para o transporte posterior desde a zona exterior do monte”, explica João.
Luxemburgo ten unha lexislación que fomenta que no interior dos montes se empregue tracción animal
Ademais da versatilidade que aportan os animais no monte, neste tipo de actuacións búscase a coherencia. “Non tería lóxica que os traballos de conservación en determinados bosques con valores naturais se fixesen con maquinaria contaminante”, considera. Por iso, a utilización de tracción animal está a gañar terreo nos traballos de recuperación ambiental, como aconteceu na retirada de piñeiros en zonas de turbeira da Serra do Xistral dentro do proxecto Life In Comon Land, nas que se empregaron cabalos para evitar a entrada de maquinaria pesada ao monte. Dificultade para conseguir bos animais para traballar Pero o descenso producido nas últimas décadas en lugares como Galicia no uso de burros, mulas ou cabalos no eido agrícola fai que sexa difícil atopar animais adaptados. “Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había”, recoñece João. “As razas de tiro grandes están en Europa. Alí nunca houbo unha quebra como existiu aquí, por iso somos moi dependentes hoxe da chegada de animais de Europa”, afirma.
Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había
Á hora de introducir animais de tiro nunha explotación, o presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal recomenda analizar primeiro que potencia necesitamos en función do traballo a realizar e adaptar deste xeito o tipo de gando a esas necesidades. Por exemplo, burros para traballo na horta, mulas para traballar en viñedo ou cabalos para arrastre de madeira no monte. É necesario fomentar ao mesmo tempo o coñecemento do manexo do solo e dos animais. “Francia ten unha escola nacional de burros horticultores para formar a novos agricultores”, exemplifica. A tracción animal ábrese paso na axenda europea “Pouco a pouco os équidos de traballo están a entrar na axenda europea. Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e vai gañando terreo o recoñecemento do papel dos pequenos agricultores na soberanía alimentaria”, considera João. Pero ao mesmo tempo que mellora a consideración social cara aos produtores, as opinións animalistas máis radicais, procedentes na maior parte dos casos de entornos urbanos, están en contra do uso de burros, cabalos ou mulas para a tracción agrícola, o que exerce un certo contrapeso e un papel de freo a nivel dos avances na lexislación comunitaria.
Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e gaña terreo o recoñecemento dos pequenos agricultores, pero as opcións animalistas radicais opóñense ao uso de animais na agricultura
Fóra dos ámbitos agrícolas, a tracción animal estase a recuperar para a promoción do turismo (paseos), así como tamén para determinadas labores en entornos urbanos singulares. “En vilas e cidades europeas a recollida do lixo en cascos históricos patrimoniais faise con animais, ao igual que a rega de maceteiros, para o que é máis eficiente un cabalo que parar e arrincar un vehículo a motor cada 20 metros”, razoa o veterinario da Aptran, que asesora tamén a agricultores en España na recuperación da tracción animal.

“Perdeuse moito coñecemento sobre o solo e as técnicas agrícolas a medida que foi aumentando a potencia dos tractores”

Tracción animal con burro nunha zona de agricultura de montaña. Foto: APTRAN A tracción animal perdeu importancia en Europa e en EEUU sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial. “Pero fóra da nosa burbulla do mundo occidental a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación”, lembra João. Segundo os cálculos da FAO, hai 115 millóns de équidos de traballo no mundo, a maior parte deles en países en vías de desenvolvemento.
Fóra da nosa burbulla do mundo occidental, a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación mundial
“Estamos nunha situación enerxética moi complicada porque partimos duns combustibles fósiles que van escasear nun futuro a curto prazo. Se non houbera guerra de Ucraína teriamos o mesmo problema, pero o conflito acelérao todo. Imos ter que facer cambios en todos os sectores, tamén no agrícola”, defende.
A tracción animal é unha enerxía limpa e renovable pero non encaixa no modelo económico actual, porque non se produce, almacena e distribúe
“As máquinas invadírono todo no campo e hoxe hai unha grande animadversión ao traballo manual que fai que teñamos unha esaxeración da maquinaria, porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social. Pero perdeuse moito coñecemento sobre o solo a medida que se aumentou a potencia das máquinas e os agricultores de hoxe son en moitos casos unicamente tractoristas”, argumenta.  
Temos unha esaxeración da maquinaria porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social
Este sobredimensionamento do parque de maquinaria é notable en lugares como Galicia, onde a media resultante entre o número de tractores e a SAU é duns 10 cabalos de potencia por hectárea de terra traballada, cando en países como Francia esta cifra sitúase en 3,5 cabalos por hectárea, case tres veces menos que en Galicia.

Curso sobre frondosas e tracción animal

O GDR Limia - Arnoia, en colaboración coa Asociación Galega de Tracción Animal e Asociación A Monte, organiza a próxima semana un curso semipresencial sobre frondosas e tracción animal que impartirán un total de doce expertos nestas materias. A formación realizarase de forma online os días 23, 24 e 25 de marzo en horario de 18:00 a 20:00 horas e o sábado, 26 de marzo, realizarase de 10:00 a 14:00 horas unha visita ao Centro de Intrepretación de Tracción Animal - Citran -, en Lobios (Ourense). O obxectivo deste curso é dar a coñecer os diferentes aproveitamentos que ofrecen os montes de frondosas, así como a recuperación da tracción animal dende unha perspectiva moderna e acorde ás necesidades actuais. Para iso, contarase coa presenza de expertos como Manuel Marey, do grupo PROEPLA; Francisco Pedras, de A Monte; Davide Outeiro, da Asociación Galega de Tracción Animal; Antonio Pérez, da Gandeiría Balín; David Rodríguez, de Amarelante S.C.G.; Elías Santalices, de Agroforestal Carballeira; Manuel Beiro, de ASEFOR; Marian Ferreira, de ECOAGRASOC e Joao Brandao Rodrigues, de APTRAM. Para a presentación de cada unha das ponencias contarán coa presenza de Xabier Bruña, Fran Pedras e Óscar Pérez García.

Inscricións

Esta é unha actividade formativa gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas nestas materias. Para asistir é necesario enviar previamente un correo electrónico cos datos da persoa (nome, apelidos e un número de teléfono) que participa a info@limia-arnoia.gal

Tracción animal moderna para a conservación de hábitats na Serra do Xistral

Dende o proxecto Europeo Life in Common Land, coordinado pola Deputación de Lugo e coas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña como socios, levouse a cabo un traballo de restauración dun hábitat prioritario para a conservación da natureza a nivel Europeo, como son as turbeiras de cobertor. A restauración consistiu na eliminación da cobertura de piñeiros da turbeira. Para realizar os traballos cun mínimo impacto no hábitat e no solo empregouse tracción animal con cabalos para á reunión das árbores e saca con zorra (trineo) tirada por cable dende un tractor. As turbeiras de cobertor da Serra do Xistral constitúen un hábitat de interese comunitario prioritario. A súa enorme biodiversidade vexetal, unida ao carbono que veñen acumulando no solo dende fai miles de anos, convértenas nun patrimonio natural moi valioso e fundamentais para a mitigación do cambio climático. Sobre todo no verán, tamén proporcionan pasto para o gando vacún e para as bestas do monte, sendo sustento das comunidades rurais que manteñen as actividades gandeiras na zona. Nos anos 60 do pasado século, amplas extensións destas turbeiras foron plantadas con piñeiros. Hoxe, a presenza de piñeiros nas turbeiras considérase negativa para o hábitat e pode influír na diversidade florística e na presenza de especies de interese. Por outra banda, tamén altera os ciclos de nutrientes, afectando á capacidade das turbeiras como sumidoiros de carbono. O proxecto LIFE in Common Land ten como obxectivo a conservación do mosaico de hábitats prioritarios de turbeiras e queirogáis húmidos da Serra do Xistral, integrando o aproveitamento gandeiro e o sistema tradicional de bestas ceibes coa conservación da biodiversidade. É para conservar estes hábitats para o que o proxecto Life in Common Land está a levar a cabo varias accións demostrativas de eliminación de piñeirais para a restauración das turbeiras. As turbeiras, como humidáis, son hábitats moi sensibles e calquera actuación que se realice sobre elas debe deseñarse sen causar dano á vexetación nin ao solo. Imaxes do traballo realizado por Life in Common Land Con estas premisas, o equipo do proxecto Life in Common Land, en colaboración coa Associação Portuguesa de Tracção Animal (APTRAN) e coa empresa SETEGA (de Lugo), deseñou un traballo con mínimo impacto que se levou a cabo a finais de agosto deste ano. Unha actuación exemplar para a restauración de 7 hectáreas de turbeiras de cobertor no Monte Veciñal en Man Común de A Balsa (Muras), nunha zona con fortes pendentes (50-60%) cunha masa de aproximadamente 2.000 piñeiros de baixo porte e moi ramificados. A corta foi manual, con motoserristas contratados na zona. Empregouse tracción animal para reunir as árbores enteiras nuns cordóns dispostos ao longo de 9 vías de saca dispostas en abanico con entre 20-100 metros de separación entre elas. Para este traballo contouse con tres eguas de tiro operadas por profesionais da tracción animal. As eguas arrastraban as árbores enteiras en grupos, ou individualmente cando eran de máis porte, traballando xeralmente en curva de nivel, salvo no fondo da zona de actuación que era preciso salvar uns 20-40 metros en contra da pendente para acercar á vía de saca. Vista xeral da zona de actuación o terceiro día de traballo, onde se ve a disposición de dous dos cordóns de madeira apiados nas vías de saca Para a saca desta madeira apiada en cordóns ata ao cargadeiro a beira da pista, deseñáronse e construíronse dúas zorras de 4 x 2 m con patíns de 10 cm de largo coa idea de que deslizaran por encima da vexetación sen deixar marca no solo e repartindo a presión. O seu funcionamento cumpriu as expectativas. As zorras eran tiradas por medio dun cable de ata 300 m dende un tractor a beira da pista, fora da zona a restaurar. Tres operarios cargaban unha zorra mentres que a outra subía e era descargada, de forma que en cada viaxe se levaban 12-14 m3. Os cabalos tamén axudaron a baixar as zorras (e o cable de tiro dende o tractor) xa que as distancias eran de entre 200 e 350 metros. A orografía da zona de actuación permitiu que o tractor puidera estacionar en dous únicos puntos fixos, tendendo o cable en abanico cara as vías de saca, minimizando desta maneira o pisoteo.
A Comunidade de Montes xestionou o destino da madeira que polas características de escasa altura e elevada ramosidade foi para biomasa
Así, cun deseño ben meditado e unha execución impecable completouse a actuación en 13 xornadas extraendo aproximadamente uns 1.300 m3 de biomasa. Xornada de portas abertas do proxecto Life in Common Land Na primeira semana organizouse unha xornada de portas abertas dirixida a comuneiros dos MVMC participantes no proxecto, a empresas forestais e a asociacións conservacionistas, para mostrar e explicar os traballos e así reforzar orientación demostrativa da acción. Asistiron unhas 45 persoas. Agora, ábrese a porta á realización de actuacións semellantes en zonas de turbeira e noutras áreas sensibles e de elevado valor natural que requiran traballos de conservación, e preséntase a tracción animal moderna, neste caso en combinación coa saca en zorra, como unha alternativa eficaz, rápida e de impacto practicamente nulo no hábitat. Velaquí tedes uns videos para poder apreciar esta orixinal actuación:

Autores deste artigo: 

-Laura Lagos, e Jaime Fagúndez: investigadores no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña -César A. Blanco, Alfonso Laborda, Ramón Díaz-Varela e Emilio Díaz-Varela, investigadores do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC).   -Joâo Brandâo e Alfred Ferris, da Associaçâo Portuguesa de Tracçâo Animal (APTRAN) 

Dos carros ós Barreiros, un percorrido pola historia do agro

O Museo do campo e a mecanización vén de abrir recentemente as súas portas nun dos edificios do recinto feiral da Semana Verde, en Silleda (Pontevedra). En pouco máis de 4.000 metros cadrados, repartidos en 12 salas, ofrece ó visitante un percorrido pola evolución da agricultura e a gandería coa mirada posta en Galicia. “Tentamos reflectir a transformación do agro ó longo das distintas épocas para que o visitante comprenda que o campo non é estático, día a día evoluciona. Pódese ver como se foron dando importantes avances en períodos curtos así como pequenas evolucións en grandes espazos de tempo”, concreta Manuel Iglesias, director do museo e un dos seus impulsores.
“Tentamos reflectir a transformación do agro para que o visitante comprenda que o campo non é estático, día a día evoluciona”, Manuel Iglesias, director do museo
O visitante realiza un percorrido dende a prehistoria ata a mecanización do agro con pezas presentes no campo aínda a finais do século pasado. Reproducións e pezas orixinais amosan a evolución da agricultura deténdose en sectores claves para Galicia como o lácteo ou a viticultura, así como con salas específicas para a maquinaria agrícola, os carros ou os tractores Barreiros. “Contamos tanto con pezas orixinais, chegadas dende distintos puntos de toda Galicia, como con reproducións realizadas expresamente, baseadas na documentación que se ten das distintas épocas”, concreta Iglesias.

O agro en 12 espazos

Os primeiros homínidos son o punto de arranque deste repaso da relación do ser humano coa terra. As salas iniciais confórmanas reproducións de ferramentas rudimentarias empregadas para actividades como a caza durante a prehistoria. Transformacións claves, como o manexo do lume, dan paso ás primeiras mostras de traballo da terra. Aparecen arados, empregados polos humanos e tamén tirados por tracción animal, así como ferramentas que incorporan o ferro para labrar a terra. Unha pequena mostra de moedas dá conta tamén do inicio e a evolución do comercio. A sala de viticultura conta con prensas, alambiques e mesmo un fuso dun antigo lagar. Leite O leite é un dos eixos con entidade propia dentro do museo, cunha sala onde comparten espazo apeiros empregados tanto para a comercialización en épocas pasadas, coas leiteiras; así como para a súa transformación en iogures, manteiga ou queixo.
O museo dispón de salas específicas sobre sectores claves en Galicia como o lácteo ou a viticultura
As muxideiras, símbolo do salto a unha produción máis intensiva no sector lácteo teñen tamén o seu espazo na sala. Precisamente, unha mostra que recompila distintos tipos dunha das pezas das muxidoiras, os pulsados, recorda esa evolución máis disimulada que sufre o campo no día a día. Viticultura A viticultura é outra das salas temáticas do museo que conta con pipos e prensas para elaboración do viño así como alambiques ou partes de antigos lagares. “A nosa intención é continuar incorporando pezas e que o museo siga medrando e evolucionando. Así é que estamos traballando xa na recuperación e restauración doutras pezas así como de representacións a escala dalgunhas das que temos no museo, como o lagar do que forma parte o fuso que temos na sala adicada ó viño, que por espazo era inviable expor aquí”, concreta Iglesias. Apeiros e maquinaria empregada no cultivo de cereais e forraxes. Cereais O cultivo de cereais e forraxes para o gando dá lugar á sala máis ampla do museo, na que se aprecia a evolución dos apeiros empregados para labores como a sementeira, a sega e a colleita do trigo, o centeo ou o millo. Dende angazos de madeira ou fouces ata segadoras tiradas por bestas comparten espazo con algúns dos primeiros modelos das populares segadoras Bertolini ou malladoras do gran, xa con motores. Xunto cos apeiros, un forno, un muíño de auga ou unha mostra de pequenos hórreos das distintas zonas de Galicia complementan o repaso. “Estamos abertos a que estas pezas poidan formar parte tamén de mostras itinerantes que amosen como era o traballo no campo. Buscamos que o museo sexa dinámico e poida chegar ó maior número de persoas”, apuntan dende a dirección. Diversidade de carros Á marxe dos apeiros e maquinaria coa que traballar a terra, o museo reservou un espazo para ó carro. Unha mostra de 20 carros chegados dende distintas zonas de Galicia dan conta da diversidade de modelos e a riqueza patrimonial destas pezas. Así, contan con carros procedentes de Sarria, A Fonsagrada, O Courel, Boimorto, o Deza, Santiago, a montaña ourensá, o Ribeiro ou a zona do Baixo Miño e Salvaterra. O museo conta cunha sala con 20 carros chegados dende toda Galicia. Nesta sala inclúense diferentes modelos construídos só a base de madeira ou combinando esta con ferro, modelos adaptados á distinta orografía ou ós fins para os que se empregaban así como carros tirados por vacas, bois, cabalos ou burros. “Temos carros robustos que se empregaban para o transporte de pedra ou materiais pesados, así como outros máis lixeiros, pensados para as zonas de montaña ou do Ribeiro, ou carros empregados para o transporte de mercadorías”, explica Iglesias. Porén, aínda están a traballar na catalogación destes carros co gaio de ofrecer a maior cantidade de información posible sobre cada un dos modelos, posto que a excepción dun dos carros, que é unha réplica, o resto foron todos utilizados no agro.
Contan con 16 tractores dos modelos fabricados pola firma Barreiros durante os 20 anos que se comercializaron
Un dos espazos singulares do museo é a sala Barreiros, que conta con 16 tractores dos modelos que a firma galega Barreiros comercializou durante 20 anos. Esta mostra, segundo apuntan dende a dirección, fai do museo o único cunha colección destas características en España. Ademais, a totalidade destes tractores foron restaurados e atópanse en perfecto funcionamento. “Estes tractores veñen de estar rodando en distintas rutas clásicas e algúns deles mesmo participaron na homenaxe que se lle fixo a Barreiros este ano no circuíto do Jarama”, concreta o director do museo. A colaboración directa coa familia do ourensán Eduardo Barreiros fixo que a súa filla Mari Luz participara na inauguración do museo o pasado 24 de outubro, precisamente o día no que se cumprían 100 anos do nacemento do fundador da firma. O museo ten 16 tractores Barreiros, que o converte no único de España cunha colección deste tipo. “Quixemos facer un recoñecemento a un dos empresarios que contribuíu ó desenvolvemento do campo galego como foi Eduardo Barreiros e recoller parte do seu legado”, concreta Iglesias moi vinculado á recuperación de boa parte destes tractores. “Nos anos 60 era realmente moi dificultoso poder ter un tractor, e a aparición de Barreiros, primeiro con convenios coa alemán Hanomag e posteriormente con Chrysler, posibilitou ter tractores robustos e asumibles economicamente, que contribuíron á industrialización do campo galego”, detalla Iglesias. O museo conta tamén con dúas salas pensadas para exposicións temporais de firmas que estean relacionadas co campo co obxectivo de dar tamén conta do presente do agro galego. Nestes intres dúas empresas da comarca do Deza, ocupan estes dous espazos: Nutrimentos Deza (Nudesa), especializada na elaboración de pensos para o gando así como na cría de vacún e porcino; e Embutidos Lalinense, centrada na elaboración de produtos cárnicos de porco.

Un traballo intenso en menos de 3 anos

A apertura do museo supuxo a culminación a 3 anos de traballo arredor deste proxecto que xurdira hai xa anos de man de parte dos hoxe patróns da Fundación do Campo Galego. Precisamente a Fundación foi clave para que o museo se materializase e é a ferramenta para seguir traballando na posta en valor do campo galego por medio de diferentes iniciativas de divulgación. A Fundación integra a entidades como o Concello de Silleda, a Fundación Jorge Jove, Abanca ou a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac), colectivo que integra a máis de 90 socios e onde comezou a xestarse a idea do museo.

Demostración sobre o emprego de tracción animal na viticultura

O Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo, Ribadavia (Ourense), acolle mañá sábado unha demostración sobre o emprego de tracción animal moderna e animais na viticultura. Dende a Asociación Galega de Tracción Animal Á Molida, un dos organizadores, reivindican que a recuperación da tracción animal no cultivo das viñas pode ter un papel fundamental para maximizar as vantaxes do ‘terroir’ e preparar mellor os solos dun xeito máis sostible. Estes son os motivos fundamentais polos que estas prácticas se conservan en viñedos de países coma Francia. Así, ó longo da xornada abordarase a recuperación destas prácticas e incluirase unha demostración en viñedos de Leiro. A asistencia á xornada é libre ata completar o aforo. Porén, os organizadores pregan confirmar asistencia no teléfono 988 788 720 ou no enderezo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia(arroba)xunta.gal. Detallamos o programa da xornada: -10.00 horas. Gandería extensiva con raza ovella galega. Bernardino Domínguez Castiñeiras, veterinario responsable do Programa de Recuperación de Razas Autóctonas de Galicia (ovella, cabra e porco celta). Silvia Adán Belmonte, directora Adxunta de Boaga e secretaria executiva de Asovega. -11.30 horas. O Emprego da tracción animal moderna na viticultura. Alfred Ferris García Agricultor ecolóxico adicado ao traballo con animais. Formador en tracción animal polo Lycée Agricole de Montmorillon (Francia). Davide Antón Outeiro Castiñeira, presidente da Asociación Galega de Tracción Animal Á Molida. -15.30 horas. Demostración de tracción animal en viñedos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, en Ponte San Clodio (Leiro). Alfred Ferris García, agricultor ecolóxico adicado ao traballo con animais. Formador en tracción animal polo Lycée Agricole de Montmorillon (Francia).

Curso de emprego de tracción animal na horta

O concello ourensán de Allariz acollerá o curso de tracción animal na horta organizado polo grupo de desenvolvemento rural Limia-Arnoia, xunto coa Asociación Galega de Tracción Animal - Á Molida e Aptran - Associação Portuguesa de Tracção Animal.

A formación que terá lugar entre os días 27 e 30 de xuño desenvolverase na Horta de Mimá na que as persoas participantes asistirán a diferentes conferencias impartidas por profesionais como Miguel de “Mimá”;  João B. Rodrigues, médico veterinario de APTRAN;  Abel Ibañez Marti, albardeiro e podólogo equino; Óscar Antón Pérez García, enxeñeiro técnico agrícola e Ruth Labad, bióloga e produtora de hortalizas.

A actividade formativa tamén terá a súa parte práctica na que se afondará na preparación do solo, traballos intercalares na horta ou manexo e doma de animais para tracción animal, entre outros.

Programa do curso:

Día 1 - 27 de Xuño

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101842" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Mañá:

- Sesión de apertura do curso: Recepción aos participantes e presentación e funcionamento do curso.

- Conferencia: “A horticultura familiar como alternativa de futuro para a agricultura Galega”, por Óscar Antón Pérez García.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101843" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

- Conformación desexada nos animais de traballo (T/P): Morfoloxía xeral; aprumos

- Diferentes sistemas de arreos (P): Arrear / desarrear

- Sistema de condución con rédeas longas (P): 1 animal / pares; diferentes sistemas de transmisión de forzas animal (P)

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101844" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Tarde:

- Preparación do solo: aproveitamento das parcelas e especificidades inherentes ao uso de animais (P)

- Ferramentas utilizadas en tracción animal para preparación do solo (P)

-Implantación de culturas (P)

Día 2 - 28 de Xuño:

Mañá:

- Palestra: “Planificación agrícola. ¿Cómo planificar o que queremos producir durante todo o ano?”, por Ruth Labad;

- Instalación de culturas hortícolas (T/P): Ferramentas utilizadas para instalación de culturas hortícolas (P) e sistemas de regadío (T/P);

Tarde:

- Traballos intercalares en horta (P); - Ferramentas utilizadas para traballos intercalares (P);

Día 3 - 29 Xuño

Mañá:

- Profilaxíaveterinaria ( )T): - Sistemas de manexo aplicados a équidos; - Programas de saúde animal: vacinación e desparasitación; - A prevención é o mellor remedio: como evitar e detectar problemas de saúde nos équidos de traballo.

- Colleitas (T/P): Ferramentas utilizadas no proceso de colleitas (P);

Utilización de vehículos (P): Sistemas de enganche (P); Condución de vehículos (P)

Tarde:

- Tarde aberta para toda a comunidade; - Revisión dos coñecementos adquiridos: Preparación do solo / Instalación de culturas / Traballos intercalares / Colleitas;

Día 4 - 30 de Xuño

Mañá: - Manexo e doma de animais para tracción animal (T/P): - Etoloxía; - Proceso de doma; - Aclaración de dúbidas; -Sesión de peche.

Información e inscricións: http://www.limia-arnoia.gal/traccion-animal-en-horta/

“A tracción animal permíteche chegar onde a máquina é lesiva ou pouco rentable”

Hai pouco máis de dous anos que a Asociación Galega de Tración Animal, Agatran, comezou a funcionar, fondamente vinculada á Asociación Portuguesa de Tracción Animal, Aptran, coa que boa parte dos socios galegos se aproximaron a este modo de traballar e coa que aínda manteñen unha estreita colaboración. Agora este colectivo, que conta con máis de 30 socios e que mantivo neste tempo unha ampla actividade formativa e divulgativa, vén de celebrar o primeiro encontro no Centro de Interpretación da Tracción de Animal de Lobios, Citran, que acaban de rematar e que se converterá na sede do colectivo. Falamos co seu presidente, Davide Outeiro, sobre as posibilidades da tracción animal na actualidade. Que posibilidades ofrece volver á tracción animal? Non se trata de volver, senón máis ben de retomar o uso desta ferramenta. Houbo un corte moi importante, que afectou non só á tracción animal, ó cambiar dun modelo que prácticamente non tiña evoluido dende a Idade Media a un modelo agrícola importado que non se adaptaba nin ás condicións sociais, económicas ou territoriais de Galicia. Nós non queremos volver a nada, nin queremos competir coas máquinas, só pretendemos retomar unha ferramenta máis e verificar en que espazos é viable.
“Os belgas non perderon o seu cabalo Ardenés porque o modelo forestal que tiñan mantivo esa raza viva, ó ser a ferramenta máis rentable”
Para que traballos pode ser entón viable a tracción animal? No ámbito forestal, se o modelo que se segue é similar ó dos belgas, baseado nas entresacas, neses 10 metros de entresacas o cabalo gaña á maquina. Os belgas non perderon o seu cabalo Ardenés porque o modelo forestal que tiñan mantivo esa raza viva, xa que era a ferramenta máis rentable. Nas entresacas empregan o cabalo e cando os fustes están próximos ós camiños xa empregan maquinaria porque é máis rentable. Namentres, aquí cando fan ese tipo de sacas, moitas veces van persoas cos cables, cunha perda moi grande de efectividade. No sector forestal, o nicho no que máis éxito imos ter aquí é nos traballos medioambientais, mentres non haxa un cambio de modelo, ou para temas concretos, como a extracción de fustes singulares. Traballos forestais con cabalos realizados nunha sesión formativa da asociación. Tamén na viticultura ten unha oportunidade clara a tracción animal polo marco de plantación da viña, que permite empregala e ofrece a posibilidade de respectar cepas vellas de elevado valor. Na Rioxa xa foron operarios galegos a traballar con tracción animal, xa que as condicións do viñedo facilitan o uso de cabalos e as melloras que pode aportar na compactación do solo para a viña son indubidables, con altas producións e carácter ecolóxico. Sen dúbida na horta, nunha produción ecolóxica, debe primar a tracción animal a que se empregue o tractor. En Galicia temos exemplos como os de Mimá, produtores de Allariz que levan anos traballando con tracción animal, logo de formarse neste uso nos cursos da Aptran e tamén con sesións promovidas pola asociación. Están producindo dun xeito rentable e cun valor ecolóxico. Se cadra, é máis viable que o emprego dun tractor. Tamén se podería empregar para os servizos urbáns. En Francia é moi común que haxa servizos contratados para facer con cabalos, como limpeza en xardíns, recollida de lixo en cascos históricos ou mesmo transporte escolar. Non se entende meter un microbus nun casco histórico, onde sería mellor empregar unha raza autóctona. Estas opcións non teñen nada que ver con determinados usos turísticos que se están a facer, onde pode haber unha explotación do animal que rexeitamos por completo, xa que sempre priorizamos o benestar dos animais e das persoas.
“Non é só a efectividade, senón tamén o baixo impacto que ten e a gratificación por traballar dun xeito o menos invasor posible”
Como se reciben as propostas da Asociación? Estamos tendo moi boa resposta. Ás veces o que nos falta son apoios para atender esa demanda. A xente ó principio pode pensar que se trata dun retroceso, pero logo cando ven o traballo realizado quedan moi gratamente sorprendidos, como foi o caso da actuación que fixemos na Illa de Cortegada, un dos traballos máis importantes, onde retiramos os eucaliptos da illa con tracción animal. Non é só a efectividade senón tamén o baixo impacto que ten e a gratificación por traballar dun xeito o menos invasor posible. Moitas veces a tracción animal permíteche chegar dunha forma máis precisa onde a máquina é lesiva ou mesmo pouco rentable, case dun modo quirúrxico. Non hai tanta boa acollida dende un punto de vista burocrático, posto que o sinxelo é optar polo que xa está establecido, que é a maquinaria, e os trámites adoitan demorarse moito.
“Na tracción animal moderna a premisa principal sempre é o benestar dos animais e a mellora desas condicións”
Tedes recibidos críticas por defender este tipo de traballo con animais? Moitas veces isto é por descoñecemento. Nós somos os primeiros en defender o benestar dos animais, xa que non se pode traballar dunha forma ética e profesional se non se garante un bo estado para eles e tamén para as persoas. No pouco que levamos de ano, xa xestionamos a adopción de 3 animais que xa estaban “xubilados” e non podían seguir traballando. Na tracción animal moderna, a premisa principal sempre é o benestar dos animais e a mellora desas condicións, regulando as horas ou o tipo de traballo. De feito, nós estamos traballando no asesoramento nese senso porque hai prácticas que non se poden consentir, funcionamos a modo de “sindicato” para os animais. No mundo temos 30 millóns de tractores contra 300 animais de traballo e tentar abolir o traballo con animais sería unha catástrofe, como xa está ocorrendo en África onde se deixan de empregar burros e no canto de traballar con eles, se están sacrificando para o mercado da medicina tradicional en China.
“Calquera animal, dende unha vaca Limiá ata un cabalo Galego, pode ser válido para este xeito de traballar, sempre que se estude cada caso”
Que animais están capacitados para traballar deste xeito? No panorama europero hai exemplos moi variados pero sempre hai que adaptarse ás condicións do terreo e do animal. Non se lle pode pedir a un animal un traballo que non estea adaptado ás súas características. Tampouco se poden facer determinados traballos dependendo do terreo. Aquí pedíronnos que actuásemos en terreos queimados, moi pedregosos e con restos vexetais moi aguzados e nese terreo non se pode entrar cos animais. No resto da península e en Europa o que triunfou foi o cabalo pesado pero hai posibilidades para outros animais, hai que estudar esas posibilidades de cada un e iso é o que pretendemos como asociación, protexendo as razas, máis aló da pura subvención, nun contexto de respecto ó animal e de xustificación científica. Calquera animal pode ser válido sempre que se estude cada caso, dende unha vaca Limiá ata un cabalo Galego. Como conseguir poñer a traballar animais que non están acostumados a labrar a terra ou a cargar con paus? Nós ofrecemos asesoramento e contamos con profesionais que están especializados en ofrecer esa formación. Tanto nas nosas asociacións como no resto de Europa hai un número considerable de xente que se está dedicando a isto profesionalmente. Un dos ámbitos que está a ter máis demanda é o traballo en viñedos. Na zona da Rioxa e da Ribeira do Douro as adegas están a demandalo e tamén convidamos ás adegas galegas a que se poñan en contacto con nós porque a día de hoxe temos persoal, animais e apeiros para comezar a facer probas.
“Na Rioxa e na Ribeira do Douro trabállase con cabalos. Nós temos persoal, animais e apeiros para facer probas nos viñedos galegos”
Segue entón a ser a tracción unha alternativa noutras zonas? Os europeos nunca deixaron de empregar a tracción animal e foi a maneira de que conservaran moitas razas autóctonas sen necesidade de subvencionalas ou rescatalas do abismo xenético. Eles simplemente valorizaron o seu uso. A razas Ardenesa e Bretona, ó igual que moitas outras que podemos atopar no panorama europeo, conserváronse grazas á súa viabilidade económica como forza de traballo. Houbo tamén evolución dos apeiros? Dende logo. Nos países europeos que continuaron empregando este tipo de tracción houbo unha importante evolución dos métodos de uso. Non se está a traballar xa con arados de pau, que poden representar un estrés e malestar tanto para os animais como para as persoas. Nós imos tamén nesa liña e, ademais, estamos abertos a seguir evolucionando e investigando. Hai pouco, a Aptran colaborou con Donkey Sanctuary e o Instituto Politécnico de Bragança nun proxecto para a mellora dos arreos nos burros, xa que adoitaban empregarse arreos de cabalos que non se adaptaban ben ás necesidades destes animais.
Un dos burros zamoranos da asociación.

“Queremos que o Citran sexa o lugar de referencia a nivel ibérico en temas de tracción animal, tanto para informarse como para formarse”

Recentemente celebrastes o primeiro encontro da Tracción Animal e inaugurastes tamén o Centro de Interpretación da Tracción Animal, Citran, con que obxectivos xurde este centro? Nestes últimos anos fixemos moitas accións deslocalizadas que supoñen un custo moi elevado, polo transporte dos nosos animais ou o desprazamento de formadores cos seus animais. Foi entón cando empezamos a traballar para contar cun centro que servira para a formación e o destaque. O máis doado foi facer un centro de interpretación. Queremos que o Citran sexa o lugar de referencia a nivel ibérico en temas de tracción animal e que, quen estea interesado na materia e queira saber sobre a tracción animal poida vir aquí para informarse e formarse. Tendo actividade de forma continuada e xestionando o territorio que rodea este centro, queremos poder ofrecer esa formación sobre a xestión con animais en diferentes campos, como pode ser a horticultura, a viticultura ou o forestal. Que superficie manexa o centro? Acabamos de rematalo aínda a finais do 2018, estamos comezando. Agora estamos xestionando os terreos que nos van deixando os veciños. En principio, o simple feito de que pastoreen os animais xa loita contra o abandono. Temos controlado a matogueira en terreos privados só co que pacen os nosos animais, o que, ademais, é un avance no tema de incendios. Os traballos hortícolas polo de agora non van máis alá destas áreas da veciñanza, pero aspiramos a controlar arredor dunhas 15 hectáreas de terreos abandonados. Pretendemos avaliar o grao de abandono que hai agora mesmo e ver como a nosa acción, ó cabo dos anos, pode procurarnos un modelo alternativo de produción. Para esta investigación contamos tamén coa colaboración das universidades galegas de Compostela e A Coruña e a portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, xunto co Instituto Politécnico de Bragança.
"Nesta primavera imos ter tres cabalos pesados (un Bretón, un Ardenés, e un Hispano-bretón) e catro burros Zamorano-leoneses"
Cantos animais tedes agora mesmo e cales son as vosas previsións? Agora temos un cabalo pesado e tres burros zamoranos. Nesta primavera imos ter tres cabalos pesados (un Bretón, un Ardenés, e un Hispano-bretón) e catro burros Zamorano-leoneses para facer tanto as accións propias do Citran como control e mantemento dos terreos abandonados que nos rodean. Que actividades programades dende a asociación a curto prazo no centro? Entre os eventos propios do colectivo galego e portugués, temos unha programación cunha actividade ó mes. Tamén imos participar na asamblea anual da Federación Europea de Cabalo de Tiro, Fectu, en Polonia, e tamén acudiremos á feira bianual que hai en Alemaña, a Pferdestark. Temos un curso de horta, outro de viño e outro de forestal. Tamén participaremos en citas como o Raigame, en Vilanova dos Infantes (Ourense). Por que decidistes situalo Citran en Lobios? O feito de estar na reserva da biosfera do Xurés-Gerés dános ese carácter transfronteirizo e co que podemos abordar conceptos como a conservación do medio, dos solos e a auga, xa que é o sitio ideal para aunar todo iso. Ó mesmo tempo, tamén nos dá unha visión da xestión dun medio rural que, víctima de modelos que non foron acertados levounos á situación que vive hoxe en día o interior de Galicia e Portugal, cunha forte caída da taxa de poboación, unha perda de usos do territorio así como unha desvalorización. Pode ser a tracción animal parte da solución para estes problemas do rural galego? Nós plantexamos a tracción animal e o Citran como unha ferramenta máis. Non aspiramos tampouco a ser a panacea para esta situación do rural galego pero pode ser unha canle para ofrecer un modelo de xestión alternativo con baixo investimento e con alta taxa de retorno, que sexa rentable e sostible dende un punto de vista ambiental e económico.

Xornada de tracción animal este fin de semana en Lobios

A Asociación Galega de Tracción Animal (Agatran) e a Asociación Á Molida organizan para este fin de semana na localidade ourensá de Lobios unha xornada de tracción animal.

A xornada desenvolverase integramente nas instalacións da sede do Parque Natural do Xurés. Contará coa participación de expertos na materia e incluirá demostracións prácticas sobre as múltiples posibilidades que ofrece a tracción animal tanto na agricultura, na explotación forestal ou na gandería.

De feito, dende Agatran destacan que “nos últimos anos ten gañado a tracción animal un papel importante como alternativa complementar á tracción motorizada, co aumento do uso de tal tecnoloxía en pequenas e medias explotacións agrícolas (horticultura, viña, xestión forestal) nos países máis desenvolvidos da Europa como Francia, Alemaña, Reino Unido, Suecia ou Suíza entre outros, onde se comprobou a súa viabilidade económica, aliada a un menor impacto sobre o medio”.

Preténdese dotar participantes de información adecuada que permita recoñecer na tracción animal unha solución moderna, de menor impacto e economicamente viable, competitiva e sustentable, como complemento ou mesmo en alternativa aos modelos convencionais normalmente utilizados.

Contacto: amolida.agatran@gmail.com tlf.- 696532995

Programa das xornadas:

Venres día 10:

17:30 a 18:00 Recepción dos participantes.

18:00 a 19:00 A tracción animal no século XXI. João Brandão Rodrigues.

19:00 a 20:00 Documentario.

Sábado día 11:

9:00 a 9:45 Ecoloxía e ordenamento dos espazos forestais. José Castro.

9.45 as 10.30 Xestión forestal e tracción animal. Alfred Ferrís García.
• Xestión forestal sustentable.
• Aplicacións da tracción animal en operacións de xestión forestal: aspectos a
considerar.

10:30 a 11:00 Pausa e desprazamento ao campo de práctica.

11:00 as 13:00 Contidos prácticos. Alfred Ferrís García e Jesús de Gabriel:
• Arreos específicos utilizados no traballo forestal.
• Ferramentas específicas utilizadas no traballo forestal con tracción animal.

13:00 a 14:00 Pausa para xantar.

14:00 a 17:30 Técnicas de traballo no medio forestal. Alfred Ferrís García

17:30 a 18:00 Pausa e volta á Sede do Parque.

18:00 Debate: A tracción animal como alternativa para os montes galegos.

19:00 Final dos traballos

Domingo día 12:

9:00 as 10.30 Horticultura e tracción animal. Viticultura e tracción animal. Alfred Ferrís García.

10.30 as 11:00 Pausa e desprazamento ao campo de práctica.

11:00 as 13.30 Traballos hortícolas con tracción animal. Alfred Ferrís García.

13:30 a 14:30 Pausa para xantar.

14.30 as 17:00 Traballos na viña com tracción animal. Alfred Ferrís García.

17:00 Final dos traballos

Descarga aquí o programa e a folla de inscrición.

Breve Curriculum vitae dos formadores

Alfred Ferris Garcia

Agricultor ecolóxico adicado ao traballo con animais (principalmente eguas e cabalos) dende hai 27 anos. Traballa actualmente como autónomo, realizando traballo para terceiros, principalmente na area da viticultura.

Valenciano de orixe, con formación tradicional hortícola valenciana e autodidacta, vive e traballa actualmente nunha explotación ecolóxica na rexión da Sierra del Segura, en Albacete.

Colabora regularmente como formador con escolas agrícolas, outras institucións de ensino profesional e superior e ONGs, en cursos de formación, palestras e demostracións sobre o uso moderno de tracción animal ao nivel agro-forestal.

É tamén organizador de cursos avanzados de especialización na area da tracción animal, levados a cabo na propiedade na que vive e traballa, principalmente durante o período do verao.

Está acreditado como formador en tracción animal polo Lycee Agricole de Montmorillon (Francia), inserido no programa de formación e calidade Equus-Gaia.

José Castro

Natural de Viana do Castelo, Jose Castro é Enxeñeiro Forestal (UTAD, 1988) e Arquitecto Paisaxista (Universidade do Porto, 2012). É mestre en Ordenamento Rural Centre International de Hautes Etudes Agronomiques Mediterraneennes, 1996) e en Arquitectura Paisaxista (Universidade do Porto, 2012) e Doutor en Ciencias Ambientais (Universidad de Alcalá, 2005).

Despois do seu paso pola industria – SONAE, CELPA – é actualmente profesor Adxunto na Escola Superior Agraria do Instituto Politécnico de Bragança (Departamento de Ambiente e Recursos Naturais), impartindo areas como os Sistemas de Información Xeográfica, Ecoloxía da Paisaxe, Planeamento do Territorio e Turismo e Recreio da Natureza, tanto a nivel de licenciatura como de mestrado.

É actualmente membro do Conselho de Acreditação e Qualificação da Ordem do Engenheiros, tendo sido anteriormente vogal do Colegio Nacional e Coordenador do Colegio Regional do Norte de Engenharia Florestal. E membro fundador a Associação Portuguesa e Tracção Animal, membro da Sociedade Portuguesa de Ecologia, da Sociedade Portuguesa de Ciencias Florestais e da Associação Portuguesa de Ecologia da Paisagem, a cal presidiu entre 2005 e 2008.

João Brandão Rodrigues

Natural de Paredes de Coura, João B. Rodrigues, é licenciado en Medicina Veterinaria pola Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (2007), sendo especialista en “Odontologia e Cirurgía Maxilofacial Veterinarias” pola Universidade Complutense de Madrid (2011) e Doutorado en Ciencias Veterinarias pola Universidade de Tras-osMontes e Alto Douro (2013).

Como profesional, adicouse dende sempre aos equinos de traballo, principalmente aos asnos, participando regularmente en proxectos internacionais directamente relacionados coa saúde e benestar dos equinos de traballo, tanto como consultor externo para as cuestións de saúde e benestar, como instrutor na súa area de especialización.

Participa de forma regular en encontros científicos nacionais e internacionais como orador, sendo tamén autor de diversas publicacións científicas. Actualmente e Profesor Auxiliar na Faculdade de Medicina Veterinaria da Universidade Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

É membro fundador a Associação Portuguesa e Tração Animal, asumindo actualmente as funcións de Presidente, onde ten organizado de forma regular actividades de promoción e formación da tracción animal.

Jesus de Gabriel Pérez

Natural de Toro (Zamora), Jesus de Gabriel Perez licenciouse en Medicina Veterinaria pola Universidade de Córdoba, téndose adicado dende entón ao traballo con grandes animais.

Asume dende hai 16 anos un papel activo na ASZAL – Asociacion Nacional de Criadores de la Raza Asnal Zamorano-Leonesa, onde traballa como médico veterinario especialista en burros, tendo xa asumido o cargo de Presidente, sendo actualmente o Secretario técnico e o Director técnico do libro xenealóxico do Asno Zamorano-Leones.

Colabora regularmente como formador en cursos e obradoiros enfocados na saúde e benestar de equinos, dirixidos a alumnos e profisionais na área da medicina veterinaria, pero tamén a criadores e propietarios de burros.

Nos últimos anos tense adicado tamén a afondar os seus coñecementos en etoloxía e na doma natural de equinos, sendo formador nesta area en varios cursos a nivel ibérico. Criador de varias razas autóctonas, é hoxe un dos máis importantes criadores de Burro Zamorano- Leonés, sendo tamén agricultor ecolóxico de cultivos herbáceos.