Archives

Os viños tostados do Ribeiro apaixonan en Madrid

O C.R.D.O. Ribeiro regresou de Madrid "cunha enorme satisfacción" tras presentar o catro tostados actualmente certificados, no "Salón dos viños xenerosos, doces e fortificados", celebrado no hotel Princesa Plaza de Madrid o pasado luns. Máis de 200 profesionais do sector puideron degustar esta auténtica xoia enolóxica e introducirse un pouco no mundo dos Tostados do Ribeiro, produto descoñecido para moitos deles. O Tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce de longa tradición no D.O. Ribeiro. Para a súa elaboración unicamente utilízase o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas convenientemente pasificadas a cuberto e unicamente con ventilación natural. A súa produción é moi pequena (apenas alcanza o 1% da produción), complexa e laboriosa, resultando unha auténtica xoia da enoloxía de características únicas. As referencias exhibidas neste especializado evento foron viños de catro adegas e colleitas distintas: Alma de Reboreda 2008, Tostado de Costeira 2015, Bico de Leive 2018 e Celme Tostado 2019. Na cata, estes especiais viños móstranse como viños doces intensos, complexos e peculiares. Percíbense neles aromas de froitos secos e confitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confitada. Trátase de viños moi concentrados con bo equilibrio entre acidez e dulzor. Untuosos, aterciopelados e moi persistentes no padal. O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara comenta que "o Tostado do Ribeiro constitúe unha manifestación relevante máis do patrimonio cultural e enolóxico desta enocomarca. É un tipo de viño tradicional que, aínda que con pequenos volumes de produción, adquiriu no século XIX unha gran fama. As mellores uvas de variedades autóctonas sometíanse a un proceso de secado en locais unicamente con ventilación natural até chegar case até a pasificación da uva. Posteriormente, procedíase ao seu prensado e á fermentación. A continuación, o viño maduraba en recipientes de madeira antes do seu consumo".

Sacan ao mercado un tostado do Ribeiro a máis de 50 euros o litro

A adega cooperativa San Roque, de Beade (O Ribeiro), presentou este martes o seu primeiro viño tostado: Terra do Castelo, un auténtico produto gourmet elaborado a partir de uvas pasificadas da variedade treixadura das colleitas dos anos 2009, 2010 e 2011. O viño foi presentado na adega nun acto no que participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez; o presidente da adega, Ramón Álvarez Bueno, e o seu homólogo do consello regulador do Ribeiro, Juan Casares. O prezo, de 50 euros pola botella de 75 centilitros, xustifícase por tratarse dun produto único froito dun longo e esmerado proceso de elaboración. Así, o proceso para elaborar o Terra do Castelo tostado comezou coa vendima selectiva dos mellores acios; logo as uvas foron pasificadas durante 5 meses ao estilo tradicional, colgados os acios nun entorno seco, e posteriormente os bagos foron prensados. Despois da fermentación o viño repousou 6 meses en pipos de carballo galego e americano para logo pasar a botella, onde neste caso envelleceron durante un mínimo de 4 anos (o regulamento do consello regulador do Ribeiro fixa unha crianza mínima en pipa de 6 meses). O presidente da adega, Ramón Álvarez Bueno, amósase orgulloso co resultado, un viño único que xa recibiu a medalla de ouro da Guía dos Viños e Destilados de Galicia que elabora o prestixioso sumiller Luis Paadín. Como mostra da esixencia da súa elaboración, para elaborar 40 litros de tostado cómpren 100 kilos de uva pasificada. Esta primeira edición limitada do Terra do Castelo tostado constará de 560 botellas numeradas de 75 centilitros, que se poderán mercar en establecementos especializados ou directamente na páxina web da adega. Para os que se queden este ano sen a súa botella de Terra do Castelo tostado a adega está criando en barrica as novas edicións correspondentes ás colleitas dos anos 2013, 2014, 2015 e 2016.

Máis información sobre a historia do viño tostado do Ribeiro.