Archives

Navigator, a alternativa estable e fiable para a xestión do teu terreo forestal

Navigator, unha compañía papeleira con factorías en Portugal e España, acumula 70 anos de experiencia na xestión de terreos forestais. En Galicia, Navigator é desde fai un par de décadas un comprador de referencia de madeira de eucalipto e, desde o 2018, ademais aluga e compra terreos forestais aptos para o cultivo de eucalipto. Na actualidade ten xa uns 80 contratos asinados con propietarios e comunidades de montes galegas e asturianas que, en conxunto, roldan ao redor de 1.600 hectáreas.

O responsable do equipo técnico de Navigator en Galicia e Asturias, Óscar Fernández, destaca a versatilidade dos contratos que a empresa lle ofrece a propietarios particulares e comunidades de montes.

Parcela de Navigator nos primeiros anos da plantación.

Duración dos contratos
“Traballamos con tres períodos de duración estándar, 15, 24 e 30 anos, pero é algo que se pode modificar en función das circunstancias”, sinala.

“Se por exemplo, a parcela que nos ofrece un propietario ten un lote de madeira en metade de quenda, podémonos encargar da xestión da parcela ata fin de quenda e de executar a seguinte plantación”, explica Óscar.

En caso de parcelas con madeira a fin de quenda que acorden un alugueiro posterior á curta, Navigator tamén pode ofrecerlle ao propietario a compra da madeira “a bo prezo”. Normalmente, Navigator compra eucalipto en Galicia só a empresas madeireiras subministradoras, pero en casos de contratos de alugueiro, tamén traballa directamente co propietario.

Parcela con árbores adultas.

Fórmulas de pago
As modalidades de pago son flexibles, adaptándose igualmente ás necesidades do propietario ou comunidade de montes. Pode acordarse desde un pago anual a un pago a fin de quenda ou un pago ao comezo, existindo fórmulas mixtas negociables.

“Dependerá sobre todo das necesidades do propietario. Non é igual o caso dunha persoa xubilada que o dunha persoa nova con fillos ou o dun propietario de mediana idade sen responsabilidades” -sinala Óscar Fernández-. “O importante para o propietario é a fiabilidade do que se asina. Navigator ten 70 anos de experiencia en xestión forestal e nunca deixou de investir no bosque, cumprindo sempre todos os seus compromisos. Nese sentido, podemos falar dos acordos que asinamos como plans de pensións asegurados ou como herdanzas aseguradas”, opina.

Equipo técnico de Navigator para Galicia e Asturias.

Características das parcelas e xestión
As parcelas que Navigator aluga ou compra en Galicia e Asturias teñen que ser aptas a nivel legal para a plantación de eucalipto. A empresa pide unha parcela mínima de 3 hectáreas, aínda que se un propietario alcanza esa superficie coa suma de dúas parcelas próximas, tamén é posible o acordo.

Nestes momentos, Navigator ten uns 80 contratos asinados en Galicia e Asturias, incluíndo os que xa asinou este ano recentemente en Asturias. En conxunto, achéganse a 1.600 hectáreas de terreo. No caso de Galicia, en volume de superficie xestionada, destacan concellos como Cervo, Abadín ou Vilalba, na provincia de Lugo, ou Rois, Vimianzo, As Pontes ou Negreira, na provincia da Coruña.

Antes de facer unha oferta polo alugueiro ou compra da parcela, o equipo técnico de Navigator encárgase de realizar un completo anteproxecto da plantación, que inclúe análise e caracterización de solos e elección das especies máis adecuadas. Navigator traballa cun portfolio de plantas que inclúe clons de eucalipto globulus -que garanten un aumento de rendibilidade de ata un 40% en relación a unha planta de semente non mellorada-, eucalipto nitens e híbridos.

Contamos co mellor material xenético, adaptado a distintos riscos, como fungos, pragas ou temperaturas altas, para que a plantación sexa segura e cos menores riscos”, subliña Óscar Fernández.

Nesa tarefa do proxecto de plantación, Navigator ten a asesoría do Instituto Raíz, o centro de maior prestixio en Europa na mellora xenética do eucalipto.

Tras a plantación, a empresa encárgase da súa xestión durante todo o ciclo. Así, están previstos 1 ou 2 abonados de mantemento -ademais do inicial-, así como periódicas rozas cando é preciso, para garantir a maior produtividade para o cultivo. “O propietario despreocúpase, pois a xestión da plantación faise de forma profesional”, resume Óscar.

O equipo técnico de Navigator en Galicia conta con persoal cualificado con moitos anos de experiencia e integramente galego.

Sobre Navigator

Paquete de folios Navigator.

Navigator é a compañía papeleira líder na Península Ibérica. Conta con cinco factorías, catro delas en Portugal e outra en Zaragoza (España). O seu negocio oriéntase tanto ao papel de impresión e de oficina como ao papel tisú (papel hixiénico e de cociña). En Galicia e no resto de España, a empresa é coñecida sobre todo polo seu popular papel de oficina, pois os paquetes de folios de Navigator forman parte da vida cotiá de varias xeracións.

A mellora xenética do eucalipto en Navigator

RAIZ é un Instituto luso que desenvolve actividades de investigación e presta servizos especializados no campo forestal e de procesos produtivos de celulosa e papel. Actualmente é un centro de excelencia a nivel internacional, recoñecido como entidade do sistema científico e tecnolóxico mundial. RAIZ ten como asociados a The Navigator Company e á Universidade de Aveiro, a Universidade de Coimbra e o Instituto Superior de Agronomía (Universidade de Lisboa).

Na área forestal, RAIZ investiga nas áreas de mellora xenética vexetal, biotecnoloxía, propagación vexetal, solo e nutrición vexetal, silvicultura, protección forestal, cambio climático e uso da auga, tecnoloxías da información e promoción da xestión forestal para terceiros.

Na área industrial, os esforzos de investigación céntranse na química e estrutura da madeira para uso papeleiro, procesos de cocción, branqueo e produción de papel, valorización de residuos, así como novas aplicacións de fibras e compoñentes da biomasa desde a perspectiva da biorrefinería e a economía circular.

Programa de Mellora Xenética

Plantas en viveiro, identificadas e ordenadas para a plantación en ensaios de campo.

A mellora xenética de plantas é unha das áreas de investigación máis antigas de RAIZ, con actividade e coñecemento xerado desde a década de 1980. O seu obxectivo é desenvolver materiais xenéticos, clons e sementes de calidade superior en volume por hectárea, sanidade e madeira, que fagan posible bosques plantados máis produtivos e mellor adaptados, con maior resiliencia a pragas e enfermidades, ou ao cambio climático.

Outra cuestión a considerar é que a mellora xenética posibilita aumentar a calidade da materia prima para as fábricas, ao desenvolver plantas con madeira de características tecnolóxicas superiores. A actividade realízase a través dun Programa de Mellora Xenética que explora a variabilidade do xénero Eucalyptus, buscando seleccionar as características das plantas de maior interese. A especie principal é E. globulus, pero tamén inclúe hibridación interespecífica con outras especies máis resistentes ao estrés hídrico e outros factores limitantes.

Un Programa de Mellora Xenético está composto por un conxunto de etapas, que se repiten no tempo e que, no caso do eucalipto en Portugal, poden durar entre 12 e 15 anos. Estes pasos son:

1) Selección: corresponde á elección dos pais do programa. Nunha primeira fase realízase a selección en masa ou elección de árbores plus en bosques comerciais, escollendo as plantas en función do seu fenotipo. En etapas máis avanzadas do programa, os proxenitores pasan a ser individuos coñecidos, xa estudados a través de ensaios de campo, e que se destacan por unha ou máis características avaliadas en ensaios, así como por comparación con outros individuos.

Polinización controlada, con flores de eucalipto globulus polinizadas e protexidas da contaminación por pole exterior.

2) Cruces controlados: consisten en aplicar pole dunha árbore (pai) á flor doutra árbore (nai), co fin de obter unha gran cantidade de semente (descendencia) na que se atope un individuo que combine as mellores calidades de ambos os pais e que sobresaia respecto a outros irmáns.

3) Produción de plantas e ensaios de campo: as sementes xeradas por cruces controlados seméntanse e multiplícanse en viveiro, obtendo plantas copias de cada unha das orixinais. Estes exemplares instálanse en ensaios clonais, repartidos en diversas condicións edafoclimáticas, que permitirán valorar os clons para estes diferentes ambientes.

4) Medición e análise de datos: os ensaios instalados no solo avalíanse para a supervivencia das plantas, o crecemento, a densidade e o rendemento da madeira, así como a resistencia a pragas e enfermidades. A análise de datos permite ordenar individuos, identificando aqueles con calidade superior para cada característica ou para todas elas simultaneamente, agregadas nun índice de selección.

Despois desta secuencia, é posible seleccionar aos individuos que constituirán novos pais dun novo ciclo de mellora.

Posteriormente, o proceso repítese, creando novas xeracións de novos clons, o que fai que o programa evolucione.

Evolución do Programa de Mellora Xenética de RAIZ

Anos 80
As primeiras actividades de selección masiva de E. globulus en Portugal comezaron na década de 1980. Seleccionáronse ao redor de 2.000 árbores de varios bosques cultivados comerciais, mediante unha observación rigorosa do seu fenotipo. Despois do sacrificio, colleitáronse sementes para probar proxenies e pugas (pólas) para realizar os primeiros enxertos.

Os brotes que emerxeron do toco foron levados ao viveiro e sustentaron os primeiros estudos de propagación vexetativa para a clonación de individuos seleccionados, sendo colocados os seus exemplares en probas de campo.

A finais desa década importáronse sementes nativas de E. globulus de diferentes orixes australianas e, xunto cos materiais portugueses, estableceuse a poboación base para o futuro Programa de Mellora Xenética.

Cápsulas de eucalipto globulus listas para a recolección.

Anos 90
A principios da década de 1990 realizáronse as primeiras plantacións clonais de E. globulus (con clons F0, é dicir, clons sen pedigrí coñecido) e iniciáronse as actividades de enxertos e cruces de E. globulus, dando lugar á creación de individuos con pedigrí coñecido (clons F1 e superiores). A finais da década de 1990 obtívose o primeiro clon operativo con polinización controlada, o clon GOES.

Inicios do século XXI
Nesta década introducíronse novas especies de eucalipto, dada a susceptibilidade de E. globulus ao gurgullo do eucalipto (Gonipterus platensis), e no 2009 iniciáronse os clons híbridos, para ser propagados operativamente. O traballo con clons híbridos iniciouse naqueles anos cun primeiro horto sementeiro e no 2018 instalouse un segundo horto sementeiro.

A tolerancia ás secas, no contexto do cambio climático, e a resistencia e a pragas e enfermidades, son os grandes desafíos que encara a mellora xenética

Ao longo dos anos, a liña de traballo con materiais híbridos foi crecendo, fundamentalmente na procura de solucións de tolerancia ao estrés hídrico, no contexto do cambio climático, así como co obxectivo de lograr unha maior resistencia a pragas e enfermidades, en campo e viveiro.

Mostras de madeira para análises de laboratorio sobre o rendemento e calidade de distintos clons.

Desde 1995, utilízanse as técnicas estatísticas máis modernas para a análise de datos, a saber, o software AsReml e a análise BLUP (Best Linear Unbiased Prediction). Desde entón, os modelos fóronse sofisticando cada vez máis, buscando incorporar toda a riqueza de información que pode achegar un pedigrí avanzado (actualmente en 4ª xeración), en paralelo á rede de probas existentes, na procura dunha estimación do verdadeiro valor xenético dos individuos, xa sexa como clon ou como pai.

O programa actualmente administra ao redor de 45.254 pés en 220 ensaios. A avaliación destes lanzou ao redor de 125.000 rexistros de sobrevivencia e 170.000 de altura e Diámetro á altura do peito (cunha idade media de 7.5 anos), producindo por análises BLUP unha estimación da ganancia xenética por volume/hectárea para cada un deses individuos.

As variables de rendemento en monte complétanse coas industriais: densidade (PILODYN) e rendemento de pulpa (NIR), cun total de 56.000 e 7.000 rexistros respectivamente. Así obtéñense as ganancias para densidade e rendemento. Estas ganancias intégranse nun único índice (Rendemento en pulpa/hectárea) que constitúe o criterio final para seleccionar clons e avaliar o éxito do Programa.

Os clons comerciais de Navigator logran unha produción de pasta / hectárea un 40% superior a unha planta de semente non mellorada

Os resultados do programa: plantas comerciais
Actualmente, os viveiros Navigator contan con dez clons (7 de eucalipto globulus e tres deles híbridos), cuxo valor medio en produción de Pasta/hectárea é ao redor dun 40% superior ao obtido por unha planta de semente non mellorada. Nun estudo recente que avaliou o curso do Programa de Mellora Xenético entre 2010 e 2022 con respecto ao conxunto de clons propostos para forestación, observouse unha mellora neste conxunto, tanto en número (de seis a dez clons) como en valor xenético medio global (do 20 % ao 40 %), o que corresponde a un aumento medio anual de 1,6 puntos porcentuais.

Evolución do valor xenético da recomendación clonal do Programa de Mellora Xenética RAIZ.

Novos traballos do Programa de Mellora Xenético para o Norte de España

Clons listos para podar e recolectar miniesquexes.

O Programa de Mellora Xenética de RAIZ foi desenvolto con foco na especie E. globulus, non só pola súa boa adaptabilidade ás condicións portuguesas, senón tamén polas características da madeira, que son máis favorables para a industria papeleira. Ao longo dos anos fóronse introducindo novas especies coa expectativa de poder contribuír, especialmente a través da hibridación, a solucionar ou polo menos minimizar problemas que xorden ou se agudizan, como a seca e o gurgullo do eucalipto.

Neste sentido, a especie E. nitens ten unha expresión moito menor en Portugal que en Galicia, polo que está a ser traballado desde hai poucos anos, pero con gran interese.

Con todo, un dos problemas existentes en Galicia (o gurgullo do eucalipto) tamén se deixa sentir nalgunhas zonas de Portugal e, neste caso, o Programa de Mellora Xenética xa desenvolveu un híbrido de E. saligna x E. rudis (H1205) moi pouco susceptible á praga. De feito, en Portugal utilízase para rexións con risco de forte ou moi forte de ataque de gurgullos, substituíndose alí por completo o uso de E. globulus, salvo que exista a posibilidade de utilizar insecticidas como medio de control da praga.

Un híbrido de Eucaliptus saligna x Eucaliptus rudis demostrouse moi pouco susceptible á praga do gorgullo, polo que está a ser empregado en Galicia e en Portugal nas zonas con maiores riscos de ataques

Ademais, están a estudarse e probando outros materiais potencialmente interesantes, como certos híbridos de E. nitens x E. globulus ou clons doutras especies, que a medio prazo poden achegar respostas interesantes para complementar o uso xeneralizado de E. nitens, así como para diversificar as plantacións forestais en termos xenéticos e resiliencia.

Case unha ducia de ensaios ou pequenas plantacións experimentais xa están en marcha en Galicia e Asturias, coa esperanza de identificar outras solucións xenéticas interesantes e operativamente utilizables, aínda que se admite que E. nitens debería ser a especie principal nestes contextos, do mesmo xeito que E. globulus é crave en Portugal.

Coa implantación dunha base forestal Navigator no Norte de España, RAIZ quixo redobrar os seus esforzos para desenvolver materiais xenéticos que fagan fronte ás condicións edafoclimáticas e riscos bióticos da rexión.

As liñas de traballo xa en curso, ou por desenvolver, permitirán obter resultados en diferentes momentos, e son as seguintes:

• Avaliación dos ensaios existentes e selección de clons para a instalación de arboredas demostrativas, que precederán a súa total posta en funcionamento.

• Continuación da instalación de novos ensaios en 2023-2025, con diferentes materiais destinados ao crecemento, resistencia ao gurgullo e exposición a ventos fríos.

• Selección de árbores de E. nitens resistentes á enfermidade da mancha foliar (fungos dos xéneros Teratosphaeria e Mycosphaerella). Unha vez seleccionados, mediante técnicas biotecnolóxicas/marcadores moleculares, confirmarase cal é a súa zona de procedencia australiana, axudando así a identificar unha fonte ideal de semente.

• Adquisición de lotes australianos de E. nitens das mellores orixes en canto a resistencia á mancha foliar e instalación de rodais que se convertan en futuras zonas de semente ou hortos, aumentando a dispoñibilidade de semente de calidade e diversidade xenética plantada no Norte de España.

[/box]

Como funciona o arrendamento de terras de Navigator para plantacións forestais?

Navigator, unha compañía papeleira con catro factorías en Portugal, é desde hai anos un comprador de referencia no mercado galego de madeira de eucalipto. Desde o 2019, a industria está a complementar as súas compras de madeira na comunidade cunha presenza propia no monte galego, onde está arrendando terras para executar ou xestionar plantacións de eucalipto. Explicámosvos como está traballando a empresa, que en Portugal xestiona 110.000 hectáreas de plantacións, 25.000 delas na área norte do país.

Que tipo de fincas busca Navigator?

A empresa está a centrar o seu traballo forestal en parcelas dun mínimo de 3 hectáreas de superficie hábil, se ben, en determinados casos, tamén pode arrendar unha superficie mínima de 3 hectáreas en dúas fincas que estean próximas.

Dado que as fincas se adicarán ó cultivo de eucalipto, a compañía esixe que as parcelas a arrendar sexan aptas para o eucalipto, de acordo coa lexislación vixente en Galicia, que por exemplo impide sustituír bosques de frondosas caducifolias por plantacións de eucalipto. Tampouco é posible a plantación de eucalipto en terras clasificadas como agrarias ou de Rede Natura.

Onde se están facendo os arrendamentos?

Navigator está a priorizar os arrendamentos en máis de 80 concellos do norte das provincias de Coruña e de Lugo, que ten identificados como os máis produtivos e rendibles para a plantación de eucaliptos, sendo tamén aqueles nos que a empresa ten mellores condicións loxísticas para o transporte de madeira.

A compañía descarta arrendamentos en municipios pouco aptos para a plantación de eucalipto, xa que márcase o obxectivo de lograr producións superiores ós 15 metros cúbicos de eucalipto globulus por hectárea e ano nas súas plantacións propias.

Zona norte de Galicia na que actúa Navigator.

Que opcións de contrato lle propón Navigator ós propietarios forestais?

Navigator ofrécelle ós propietarios forestais diversas fórmulas de arrendamento polas súas fincas forestais. O propietario pode optar por un pago fixo anual, que percibe durante todo o periodo de duración do contrato; ou pode optar por recibir unha porcentaxe do valor da madeira no momento da corta. Tamén é posible unha fórmula mixta, na que os propietarios reciben un pago anual e tamén unha parte do valor da madeira cortada.

Francisco Vaz, coordinador das plantacións en Galicia.

“Se se opta por recibir un pago anual, a Navigator é a que asume en exclusiva os riscos da plantación, sen riscos para o propietario. Coa fórmula dun pago en base ó valor da madeira cortada, propietario e empresa comparten os riscos e os benefícios da plantaçión”, explica o coordinador dos arrendamentos de Navigator en Galicia, Francisco Vaz.

“O noso sistema de arrendamentos é vantaxoso para propietarios que carecen da capacidade de xestionar a súa plantación, pois Navigator ocúpase de tódolos traballos e coidados (abonados, rozas, control de pragas), garantindo unha axeitada produtividade do cultivo e un maior rendemento para o propietario, sempre por medio dunha xestión sustentable con certificación forestal”, subliña Francisco Vaz.

Que pagos lle oferta Navigator ós propietarios?

Antes de realizar unha oferta de arrendamento por unha parcela, Navigator fai un estudo sobre a finca co apoio do grupo de consultoría do Instituto Raiz.

Os técnicos encárganse de facer un estudo da aptitude forestal da finca, tanto por medio de análises de solo como pola evaluación do seu clima, en base á ubicación e altitude da parcela. Como conclusión, o estudo, no que se valoran tamén riscos como as pragas, determina unha recomendación de planta e de manexo forestal do cultivo, calculando as produtividades esperadas a fin de turno (12 anos).

Sobre esa base, Navigator determina a oferta económica que lle traslada ó propietario.

Que especies de eucalipto está a plantar Navigator en Galicia?

O obxectivo de Navigator é efectuar en Galicia plantacións de eucalipto globulus, que é a especie que lle aporta maior calidade para a produción de papel. En zonas non aptas para globulus, ben polo seu clima, ben polas características do seu solo, Navigator tamén está acometendo plantacións de eucalipto nitens.

Clons de Navigator nunha plantación en Portugal.

O eucalipto globulus que utiliza Navigator é procedente do seu programa de mellora xenética. Son clons que a compañía calcula que ofrecen aumentos de produtividade por riba dun 25%, en comparación coa planta de semente. Para Galicia, a compañía elixiu en principio o uso dos clons G74, G1204 e o G1202. Este último muda a folla adulta máis cedo, o que o fai máis axeitado en caso de risco de ‘Mycosphaerella’.

De cara ó futuro, prevese unha evolución dos clons utilizados, pois Navigator logra clons novos cada ano e é previsible que nuns anos substitúa ós actuais.

O Instituto Raiz, que asesora a Navigator, tamén está a valorar o uso en Galicia do híbrido H1205, un clon no que se cruzan as especies ‘Eucaliptus rudis’ e ‘Eucaliptus saligna’. Esta planta ten a particularidade de que é resistente á praga do gorgullo e logra excelentes crecementos. Ofrece peores rendementos para pasta de papel que o eucalipto globulus, pero mellores que o eucalipto nitens.

Que tipo de cláusulas poden establecer os propietarios nos contratos con Navigator?

Á hora de negociar contratos de arrendamento con Navigator, os propietarios adoitan trasladarlle á empresa inquedanzas e intereses diversos. A compañía está aberta a negociar as distintas cuestións que se lle plantean, debendo estipularse os acordos no contrato de arrendamento.

“Unha cuestión que se nos pregunta en ocasións é se é posible o uso de gando nas zonas que plantamos. Non é posible nos dous ou tres primeiros anos, ata que as árbores logran altura e robustez, pero si despois, baixo control, salvo no caso de cabras, que teñen o acceso vetado”, explica Francisco Vaz.

O estado de devolución do monte ós propietarios tras o remate do contrato, ben con destoconado ou sen el, é outra das cuestións que se adoitan abordar; así coma a distancia das plantacións ós nacentes de augas. “Sempre se respeta a distancia legal ós nacentes de augas -que é de 50 metros-, ou calquera obriga legal, pero pódense acordar compromisos adicionais se así o pactamos”, sinala o coordinador dos arrendamentos de Navigator en Galicia.

A correcta xestión silvícola duplica a produtividade das plantacións de eucalipto

A xestión forestal demóstrase un factor clave no éxito das plantacións de eucalipto, tal e como comprobou unha investigación en Portugal realizada polo Instituto de Investigación da Foresta e do Papel Raiz. En condicións similares de solo e clima, a produtividade dos montes con xestión duplica á dos montes sen xestión, nos que non se fai unha axeitada silvicultura (abonados, rozas, control de pragas, etc.) nin se elixiu planta con mellora xenética. Os estudos do Raiz, un centro impulsado pola Navigator, a principal industria do papel portuguesa, conclúen que os montes sen xestión carecen ó 100% de plantas con mellora xenética e que nun 50% dos casos non se fai control de vexetación competidora. Outro dato que destaca nas parcelas con escaso manexo é que máis de dous terzos das plantacións están na segunda ou terceira rotación, a partir de rebrotes, e que na maioría dos casos non se fixo unha selección de guías neses rebrotes.
A produtividade media dos montes sen xestión achegábase ós 7 metros cúbicos por hectárea e ano, en tanto os montes con xestión rondaban os 16
Os propietarios dos montes sen xestión comparten unha certa cultura de recolección que se traduce nun empeoramento da produtividade das plantacións e en maiores riscos de lumes, ó existir máis mato no sotobosque. Nunha das zonas estudadas, a produtividade media dos montes sen xestión era de preto de 7 metros cúbicos por hectárea e ano, fronte a unha produtividade media dos montes con xestión de arredor de 16 metros cúbicos por hectárea e ano, sempre falando de parcelas de ‘eucaliptus globulus’, o chamado en Galicia ‘eucalipto do país’. Aumentar produción sen expandir superficie Os datos demostran que é posible, como mantén a Navigator, aumentar a produción de eucalipto sen expandir a súa superficie. A compañía lusa, que xestiona arredor de 110.000 hectáreas de patrimonio forestal en Portugal e que está iniciando plantacións en Galicia, enfoca o seu traballo forestal en mellorar a produtividade das plantacións.
Navigator proxecta plantar en Galicia só en parcelas da Coruña e Lugo que produzan un mínimo de 15 metros cúbicos por hectárea e ano
En Galicia, a Navigator está concentrando os seus esforzos de plantación en concellos das provincias da Coruña e Lugo aptos para o eucalipto globulus. Antes de chegar a acordos de arrendamento cos propietarios, o Raiz valora as características de solo e clima de cada monte, a fin de determinar o seu potencial produtivo. Navigator proxecta plantar en Galicia ‘eucalipto globulus’ só en parcelas que produzan mais de 15 metros cúbicos por hectárea e ano. Nas zonas da súa actuación, nas provincias de Lugo e Coruña, a compañía portuguesa tamén proxecta empregar o eucalipto nitens naquelas parcelas non aptas para globulus por cuestións de altitude, pois o globulus empeora rendementos a partir dos 400 metros. O eucalipto nitens ten menor interese para a industria do papel pola menor calidade da súa madeira, pero é unha especie que presenta a vantaxe dunha maior resistencia ó frío e ós problemas de sanidade vexetal que máis preocupan nos últimos anos, a ‘Mycosphaerella’ e o gorgullo (‘Gonipterus platensis’).

Claves para o manexo das plantacións de eucalipto

Plantación clonal de Navigator en Portugal, con control do mato e loita biolóxica contra a praga do gorgullo. A xestión silvícola que practica a Navigator no seu patrimonio forestal conta coa asesoría técnica do Raíz, un instituto de investigación participado polas universidades de Aveiro, Lisboa e Coimbra. O Raíz, ubicado nas proximidades de Aveiro (Portugal) e con 50 investigadores e 30 bolseiros en nómina, ocúpase do I+D (Investigación + Desenvolvemento) da Navigator tanto en materia forestal coma na parte industrial. Falamos co director de Investigación e Consultoría Forestal do Raiz, Nuno Borralho, para que nos detalle as claves do manexo silvícola que fai a Navigator, que se resumen nas seguintes cuestións:

Elección de planta de calidade

A Navigator desenvolve un traballo continuo de mellora xenética por medio da obtención de sementes melloradas e do desenvolvemento de clons. Para as súas plantacións propias, a Navigator utiliza principalmente clons contrastados. Entre os clons proxectados para Galicia, destacan os seguintes, que ofrecen unha mellora de produtividade de entre un 30 e un 45%, se ben hai que ter en conta que esa mellora depende tamén de factores como o lugar de plantación ou o impacto de pragas e enfermidades: - G74 (Eucaliptus globulus): Aumenta o volume de madeira producido por hectárea en comparación cunha planta de globulus non mellorada. Tamén proporciona melloras en densidade da madeira e no seu rendemento en pasta de papel. Destaca polo seu bo sistema radicular. - G1202 (Eucaliptus globulus). Aumenta o volume por hectárea, ten tamén maior rendemento en pasta que unha planta convencional, pero empeora lixeiramente en densidade da madeira. Un dos aspectos positivos a ter en conta deste clon é que muda a folla adulta moi cedo, o que reduce impactos do fungo ‘Mycosphaerella’. - G1204 (Eucaliptus globulus). Destaca por producir máis por hectárea que unha planta non mellorada. Gaña tamén en densidade da madeira, aínda que empeora lixeiramente en rendemento en pasta de papel. - H1205 (Clon híbrido procedente dun cruce de ‘Eucaliptus saligna’ + ‘Eucaliptus rudis’). Aumenta o volume de madeira por hectárea en comparación cunha planta de eucalipto globulus sen mellora xenética e ten tamén unha maior densidade de madeira. Outro punto no que destaca é por ser resistente á praga do gorgullo (‘Gonipterus platensis’) e por tolerar mellor a ‘Mycosphaerella’. O seu punto fraco é o rendemento en pasta de papel, atopándose nunha posición intermedia entre o eucalipto nitens e o globulus. “En comparación co eucalipto nitens, ten a vantaxe de que rebrota, sendo tamén axeitado para áreas de maior altitude que as que admite o globulus”, sinala Nuno Borralho. Ensaios en Galicia Todos estes clons, xa testados en ensaios en Portugal, están empregándose no país veciño tanto nas forestacións da Navigator como en plantacións privadas que adquiren a planta. Na actualidade, estanse realizando ensaios en Galicia, que estarán rematados no prazo duns 3 anos. Para os terreos nos que se opte pola plantación de eucalipto nitens, a Navigator empregará planta mellorada, que poderá ser procedente de sementes importadas ou de viveiros comerciais, pois a empresa non realiza un desenvolvemento propio con esta especie.

Valoración da aptitude forestal dos solos

Tanto en Portugal como nas parcelas que a Navigator vai arrendar en Galicia, o Raiz desenvolve unha valoración da aptitude forestal dos solos, a fin de determinar a súa produtividade e as recomendacións de fertilización. “Moitos dos solos de Portugal son pobres e experimentan deficiencias que impiden maximizar a produtividade se non aportamos nutrintes”, explica Nuno Borralho.

Prácticas silvícolas

En función das características do terreo, o Raíz determina o marco de plantación axeitado, así coma o laboreo preciso para descompactar a terra e reducir a erosión. En Portugal, a compañía está acometendo plantacións en terrazas cando a pendente é superior ó 25%, unha posibilidade aínda sen concretar en Galicia.
Estase investigando nun insecto que diminúe a capacidade de produción de sementes da acacia, unha invasora que preocupa nas plantacións de eucalipto
Outra preocupación importante da compañía sitúase no control da vexetación espontánea, sobre todo daquela que presenta carácter invasor, como as acacias. O Raíz probou distintos sistemas innovadores. Un dos sistemas investigados consiste na loita biolóxica por medio dun insecto que diminúe a capacidade de produción de sementes da acacia, unha cuestión importante, dado que as sementes desta especie teñen capacidade para resistir ata 10-15 anos no solo.

Control de pragas e enfermidades

O Instituto de Investigación da Foresta e do Papel Raíz está a traballar desde o 2008 na identificación de novos parasitoides do gorgullo (‘Gonipterus platensis’), o insecto defoliador dos eucaliptos, que trae de cabeza ó sector forestal. O traballo do Raiz enfocouse a valorar parasitoides de Tasmania, país de Oceanía do que é natural o gorgullo. Na actualidade, tanto en Galicia como en Portugal empregáse para o combate do gorgullo un insecto parasitoide procedente de Australia, o ‘Anaphes nitens’, pero os investigadores cren que poderían ser máis eficaces os parasitoides nativos de Tasmania.
O Instituto Raiz ten depositadas grandes esperanzas nun novo parásito do gorgullo, o 'Anaphes inexpectatus'
En concreto, o Raiz ten depositadas grandes esperanzas no ‘Anaphes inexpectatus’, un parasitoide dos ovos do gorgullo que presenta a vantaxe de ser máis resistente ó frío, co cal a súa supervivencia invernal podería ser superior á do ‘Anaphes nitens’. Tamén se caracteriza por unha alta capacidade de reprodución, pois de cada ovo saen moitos parásitos, pero no lado negativo, ten o problema de que presenta certa dificultade de establecemento en monte. Outra liña de investigación contra o gorgullo céntrase nunha mosca parasitoide das larvas, o que permitiría ampliar a presión sobre a praga. Como última alternativa, a loita biolóxica contra o gorgullo estase complementando nas plantacións da Navigator co uso dun insecticida autorizado, o Epik, que se demostrou eficaz contra a praga e que, a maiores, presenta a vantaxe de non ter efectos letais nas abellas. A compañía decide caso a caso as áreas a tratar con insecticida en función do impacto do Gonipterus o ano anterior e do grao de presenza de parasitoides da mesma . Nas zonas seleccionadas, a aplicación é de baixos volumes, a fin de reducir impactos ambientais colaterais. En materia de sanidade vexetal, o segundo gran foco de preocupación é a ‘Mycosphaerella’, que nalgunhas zonas está afectando de xeito agresivo ás plantacións de globulus e tamén ás de nitens. O sector ten a sospeita de que en Galicia se está desenvolvendo unha nova cepa máis agresiva das coñecidas ata o de agora. É unha cuestión que aínda está en análise, pendente da clasificación taxonómica das cepas do fungo recollidas en Galicia.

“Galicia precisa dunha xestión forestal activa que organice o territorio”

Navigator, a maior industria portuguesa do papel e da celulosa, está decidida a aumentar a súa presenza en Galicia. A firma lusa merca cada ano máis de 300.000 toneladas de eucalipto na comunidade e ten grandes expectativas no arrendamento de terras en Galicia para plantacións propias. Na actualidade, está a negociar com propietarios particulares e comunidades de montes máis de medio cento de acordos para o aluguer de terras. A iniciativa da compañía na comunidade segue o modelo de plantacións de Navigator en Portugal, onde a empresa xestiona unhas 110.000 hectáreas propias ou en aluguer. Para abordar a actividade de Navigator en Galicia, entrevistamos ó director de abastecemento e loxística da madeira da compañía, Hermano Alves Mendonça, que nos recibe na factoría de Figueira da Foz (Portugal), unha das catro das que dispón a empresa. Abordamos con el cuestións candentes no sector, coma o futuro do eucalipto nitens, os prezos da madeira, os lumes, as plantacións ilegais ou as novas limitacións ó eucalipto en Portugal. - Comecemos falando da vosa actividade en Galicia. Que situación tedes de abastecemento de madeira na comunidade? - En Galicia mercamos por riba das 300.000 toneladas anuais, con perspectivas de crecemento. Galicia ten reservas de madeira moi interesantes que poderán permitir un crecemento sustentable das adquisicións de madeira. Poderemos facelo por dúas vías, pola vía da compra de madeira no mercado e pola vía das plantacións que estamos acometendo en Galicia en terreos arrendados. O aluguer de terras é unha vía importante para medrar sobre a base dunha boa xestión forestal. Na actualidade, estamos en proceso de pechar máis de medio cento de acordos de arrendamento de terras com propietarios forestais e comunidades de montes.
"Se pasamos dunha situación de silvicultura lixeira a unha silvicultura profesional, crearase emprego e riqueza"
- Cal é a motivación do voso plan de aluguer de terras en Galicia? - A idea é garantirnos unha estabilidade no volume de suministro de madeira. Tamén pensamos que o proxecto de aluguer de terras proporcionaralle máis sustentabilidade social ó bosque en Galicia. Se pasamos dunha situación de silvicultura moi lixeira a unha silvicultura profesional, con boa elección de planta, rozas de mato e abonados, asegurando unha xestión certificada, crearase emprego, ó haber máis actividade no campo. Como é lóxico, a nosa compañía privilexia que tódolos traballos forestais sexan feitos por empresas locais. Iso crea riqueza no territorio. Desde a nosa experiencia de décadas de xestión forestal, temos ademais a capacidade de aumentar a produtividade, en comparación con situacións en que un propietario está afastado do seu terreo e non pode facer a silvicultura axeitada. Buscamos en cada caso a ocupación de solo máis correcta. Se por cuestión de boas prácticas, determinadas localizacións dunha propiedade, como poden ser as ribeiras dun río, deben manter unha ocupación de frondosas, conseguirase unha ocupación compartida que sexa ambientalmente correcta. - En Galicia, na última década déronse casos xeralizados de incumprimento da normativa vixente, con plantacións de eucalipto en terras agrarias ou en masas de frondosas caducifolias. Como vedes estas plantacións, que finalmente acaban suministrando de madeira a industrias como a vosa? - A legalidade é algo que ten que ser cumprido. Iso é indiscutible, non hai punto de discusión. Ningunha persoa na cadea pode pensar doutro xeito, mesmo por un tema de certificación forestal. Se unha plantación non é legal, non se pode certificar. Neste negócio non se pode ter só unha simple preocupación de suministro, hai unha preocupación social e ambiental no mercado. Os consumidores demandan a certificación forestal dos selos PEFC ou FSC, que garanten o respeto á normativa vixente, e queren empresas responsables. Todos temos que cumprir coa legalidade forestal, medioambiental e con todas as autorizacións precisas na nosa actividade.
"A legalidade ten que ser cumprida. Iso é indiscutible. Neste negocio, non se pode ter só unha simple preocupación de suministro"
- Cal é a situación de certificación forestal no voso suministro de madeira? - En conxunto, temos un 62% de madeira certificada, entre os selos FSC ou PEFC. O obxectivo é continuar medrando en madeira certificada. Toda a madeira do noso património, así como toda a madeira que mercamos en Latinoamérica é certificada. Galicia ten tamén un volume importante de madeira certificada e temos agora o reto de aumentar a certificación en Portugal, onde está retrasada en comparación con outros mercados, aínda que cunha forte taxa de crecemento nos últimos tres anos. As prácticas aplicadas na xestión forestal merecen toda a nosa atención, pois o consumidor de papel de oficina que está no seu despacho quere que ese papel cumpra cunhas regras fundamentais. Esa preocupación é cada vez maior e ten que estar presente en toda a cadea, desde a orixe no bosque.

Navigator, o maior produtor europeo de papel de impresión e escrita

The Navigator Company, unha compañía nada da fusión das antigas Portucel e Soporcel, é a empresa líder en Europa na produción de papel de impresión e escrita. Produce cada ano 1,6 millóns de toneladas de papel nas súas factorías de Figueira da Foz e de Setúbal. A maiores, a compañía introduciuse no 2015 na produción de tissué -empregado no papel de cociña e hixiénico- coa compra dunha factoría en Vila Velha de Rodao. No 2017, Navigator iniciou a construción dunha segunda factoría de tissue en Aveiro, que entrou en funcionamento no terceiro trimestre do 2018. A empresa produce na actualidade 120.000 toneladas de produto acabado de tissue. Tamén comercializa anualmente máis de 300.000 toneladas de pasta de papel que non emprega nas súas liñas de tissue nin de papel.
- O eucalipto está a xerar unha importante polémica social, ata o punto de que Ence, o principal comprador de eucalipto en Galicia, anunciou que está disposto a incorporar nun futuro o piñeiro como materia prima. Vós vedes posibilidade de empregar o piñeiro ou outras especies, coma o bidueiro? - Déixame explicalo do seguinte xeito. Cada árbore ten un tipo de fibra, propia da especie, que lle permite aportar distintas características ó produto final. Cada fibra ten o seu espazo no mercado. Unha fibra longa, como a de piñeiro, aporta maior resistencia, que é unha característica determinante para produtos como algúns tipos de embalaxe. A cuestión é atopar a correspondencia entre o mercado no que estás presente e o tipo de fibra que vas utilizar. Para papeis de impresión, a fibra longa é menos importante. A fibra curta, como a do eucalipto, aporta boa calidade de impresión e ‘runnability’ nese tipo de papel, en tanto en tissue aporta suavidade. Dito isto, non podemos dicir que nunca imos utilizar fibra de piñeiro. Nós analizamos permanentemente o mercado buscando novas oportunidades.

“Sabemos como incorporar o eucalipto nitens ó noso proceso industrial e temos capacidade para aumentar o seu uso”

- A expansión que experimentou o eucalipto nitens en Galicia na última década xerou debate sobre a súa posibilidade de uso na industria da celulosa e do papel. Que consumo tedes de eucalipto nitens e cales son as perspectivas de futuro? - Empregamos tanto o eucalipto globulus coma o nitens. A realidade é que por posicionamento e por razóns históricas da adecuación do globulus en Portugal temos unha dominancia clara de globulus. É a especie dominante en Portugal e por agora tamén a dominante en Galicia. O globulus, como é sabido, ten un rendemento de produción de pasta máis alto e ten características de calidade moi axeitadas para os produtos que compoñen o noso portfolio. Destaca pola boa calidade de impresión que ofrece e pola boa ‘runnability’ (facilidade coa que o papel pasa a través dunha máquina de impresión), que son características fundamentais no papel de impresión. Rolos de papel na fábrica de Navigator. O globulus ofrece tamén suavidade no papel tissue e permite boa calidade nos segmentos de produto acabado para os que vendemos a celulosa que non transformamos, que representa arredor dun 20% da nosa produción de celulosa total. Dito isto, aprendemos nos últimos anos a traballar co nitens, sobre todo pola vía das crecentes dispoñibilidades en Galicia. Xa sabemos como incorporar o nitens ó noso proceso industrial para manter as características da celulosa e ter a capacidade de medrar con nitens. A tendencia será de crecemento da incorporación de nitens. A industria ten que adaptarse e sacar o mellor que esta fibra pode ter para os produtos acabados. É unha fibra máis próxima ó globulus que outras fibras e é maís fácil facer a mestura. Terá tamén as súas diferenzas, que é importante que coñezamos, para sacarlles o máximo partido. - No Instituto de Investigación da Floresta e do Papel Raiz, impulsado pola Navigator, valoran características do nitens como a súa boa capacidade de absorción, ó presentar unha menor densidade, o que pode facelo axeitado para o papel tissue. Como valorades esa posible utilización? - O nitens pode ter boas características para tissue. O globulus tamén outras importantes. O punto clave é atopar o equilibrio entre os dous, entre absorción e resistencia, xa que tamén son fibras un pouco distintas en dimensións. Sobre a posibilidade de concentrar o nitens en tissue, ten que ser ben analizada. En Aveiro, parte da nosa produción destínase para tissue e outra parte para a venda de celulosa no mercado. Temos que encontrar un mix entre especies que permita un bo funcionamento da celulosa para todos os destinos.
- Un dos factores que está a avivar a polémica sobre o eucalipto é a relación que se lle atribúe cos incendios forestais. Desde a cadea do eucalipto, acostúmase soster que existe unha demonización inxustificada da especie. Explícanos a vosa postura. - Certamente, existe unha demonización da especie, baseada nunha percepción social limitada e parcial. A cuestión, como demostran estudos universitarios independentes, non é que unha especie determinada favoreza que haxa máis incendios ou que estes teñan máis intensidade. O factor máis importante é a xestión forestal. Está claro que se temos dous terreos coa mesma especie e nun faise silvicultura activa e noutro non, o risco de incendios será máis alto no terreo sen silvicultura. Este aspecto é crítico, tanto en Portugal como en Galicia.
"A sociedade ten un desafío. O monte, que hai anos xestionaba unha poboación activa, precisa modelos que permitan reorganizalo e reducir a carga de combustible"
Ligar incendios a unha especie non ten sentido. Cando hai un incendio en zona de eucalipto, piñeiro ou frondosas, o lume propágase se ten combustible. Se a carga de combustible é alta, propagarase máis. Se é baixa, pode parar. Hai incendios que chegaron a eucaliptais do patrimonio da empresa e que pararon na fronteira da nosa propiedade, que estaba xestionada cun control do mato. A sociedade ten un desafio. O monte, que hai anos xestionaba unha poboación que vivía do gando e do bosque, precisa modelos que permitan reorganizalo e reducir a carga de combustible. E aí, unha vez máis, teño que destacar as vantaxes do proxecto de arrendamento de terras que desenvolvemos en Galicia. Se hai un actor no terreo con silvicultura activa, o monte estará máis limpo. Pode ser un actor como Navigator ou calquera outro operador que teña como obxectivo a produción doutras especies. Non é cuestión do eucalipto ou doutra especie. É estar no terreo cunha xestión forestal activa que permita organizar o territorio.

“É falso que haxa un monopolio no eucalipto, o mercado galego ten unha competencia moi alta”

- Os prezos do eucalipto atópanse na actualidade nunha situación de máximos históricos pola boa cotización internacional da pasta de papel. Que perspectivas hai no futuro para os propietarios? - O futuro é un escenario difícil de analizar. O que podemos dicir é que o mercado galego é moi competitivo, con moita liquidez, con moitos operadores, tanto industriais como intermediarios, que teñen unha intensidade de actividade variable. Todo iso vai influír na evolución dos prezos. Para nós é complicado falar en concreto da valorización da madeira no monte para o propietario, xa que adquirímoslle a madeira a empresas forestais nos nosos puntos loxísticos. Desde o propietario ata os nosos puntos loxísticos (Santiago, A Coruña e Ferrol), a madeira ten custos variables. Transportar 10 quilómetros non é o mesmo que 50 e é distinto facer explotacións en pendentes fortes ou con poucos metros cúbicos que en terreos planos e con moitos metros cúbicos por hectárea. É complicado falar de prezos, pero a miña lectura principal do mercado galego é que é supercompetitivo. - Os propietarios forestais teñen unha visión distinta. Falan dun mercado monopolista, cun comprador de referencia (Ence) e outros dous ou tres grandes compradores que mantedes unha sintonía na oferta de prezos. - É unha queixa que non ten sentido. O mercado galego é dos máis líquidos que existen. É un mercado amplo no que tes moitos operadores, tanto desde o punto de vista dos intermediarios como industrial, sexa para Portugal, para España ou para exportación a outros países. - Na actualidade estades mercando madeira en tres puntos loxísticos da provincia da Coruña. Tedes previsto retornar á Mariña lucense, que deixastes hai uns anos? - A situación de Galicia para nós ten algúns desafios desde o punto de vista loxístico. A madeira viaxa mal e o tema da loxística é unha parte crítica do custo. Se comparas o prezo ó propietario da madeira en pé co noso custo da madeira en fábrica, falamos de cifras moi distintas. Por tanto, non é casualidade que esteamos en tres puntos loxísticos concretos, ten que ver coa eficiencia da cadea loxística.
"A Mariña lucense ten o problema do ferrocarril, xa que a liña estreita non nos permite actuar. Transportar madeira por navío é menos eficiente"
Calquera dos tres puntos (Santiago, A Coruña e Ferrol) ten ferrocarril. A grúa saca a madeira do parque, colócaa no tren e a madeira chega directamente a nosa fábrica, onde se saca do vagón e entra na liña de produción. É un sistema de transporte menos ineficiente que outros. A Mariña lucense ten o desafío do ferrocarril. Ten liña estreita, que non nos permite actuar. Transportar a madeira por navío non ten a mesma eficiencia. Recibes o camión no porto, descargas a madeira no solo e despois tela que embarcar. Xa son dúas veces que tocaches a madeira. A continuación tes que descargar no porto de destino e cargar de novo para a fábrica. É un conxunto de operacións que restan eficiencia. - Haberá quen diga que, desde o punto de vista de proximidade, tería incluso máis sentido loxístico que actuarades na provincia de Pontevedra. - Podería telo, dependendo da eficiencia loxística da operación, que non é resultado só da distancia de desprazamento. - A cuestión é que desde as asociacións de propietarios pénsase que hai un reparto do mercado no que lle deixades a Ence as áreas próximas as súas factorías de Navia e Pontevedra. - Iso non ten ningún sentido.
Plantación de eucaliptos de Navigator en Portugal. - A polémica sobre o eucalipto levou a que en Portugal se lexislase a prohibición de aumentar a súa superficie de cultivo. Como vos afecta esa normativa? - É un tema lexislativo recente, con aspectos aínda pendentes de concretar, que crea unha nova situación de mercado. Podemos falar de superficie da especie, pero tamén de produtividade. A nosa actuación no mercado estase orientando moito a melloras de produtividade, a promover mellores prácticas que permitan producir máis madeira na mesma superficie. Nesa liña, a asociación do sector, a Celpa, está promovendo iniciativas como ‘Limpa e Aduba (Limpa e Abona),que basicamente consiste en convidar ós propietarios forestais a facer o seguinte. Se limpan os seus terreos, nós ímoslles regalar o fertilizante para abonar. Iso ten un dobre efecto. Permite a limpeza do terreo, o que reduce os riscos de posibles incendios, e ó mesmo tempo promoves unha maior produtividade. - En Galicia, debatiuse nos últimos meses se prohibir o eucalipto na provincia de Ourense e no interior e sur de Lugo. Finalmente, é un tema que queda pendente para os futuros Plans de Ordenación por Distrito Forestal. Como valorades as posibles limitacións en Galicia? - O punto clave, tanto en Galicia como en Portugal, é ter un emprego máis racional do solo. Ter unha actitude fundamentalista de si a todo ou non a todo non vai promover a racionalidade no uso do solo. Hai áreas que seguro que están ben adaptadas desde un punto de vista técnico á plantación de eucalipto, igual que hai outras en que ten sentido a plantación de piñeiros ou de frondosas.
"Ter unha actitude fundamentalista non promoverá a racionalidade no uso do solo. O que ten sentido é crear mosaicos no monte de distintas especies"
O punto clave é atopar un equilibrio de convivencia entre especies que permita promover a biodiversidade. Facer unha plantación de calquera especie sen ordenación ou sen pensar no medioambiente non ten sentido. O que ten sentido é crear no territorio mosaicos de diferentes especies que permitan ter producións diversificadas cun valor engadido de protección ambiental, de xeito que se promova a biodiversidade e a protección, por exemplo, dos cursos de auga. - A cuestión é que se nas zonas aptas para o eucalipto, unha gran maioría de propietarios aposta polo eucalipto, como está a suceder, máis que mosaico, haberá un monocultivo. - Galicia ten ese desafio que Portugal tamén ten na súa zona centro norte, que é a estrutura da propiedade minifundista, que dificulta a organización do mosaico. Pero non significa que sexa imposible facelo. Hai que buscar os medios de conseguir ese mosaico. Hai proxectos como as concentracións parcelarias de monte, que son difíciles de implementar, ou iniciativas como a nosa de arrendamento de terras, que poden axudar. Nós cando negociamos cun monte veciñal ou cun grupo de propietarios, non pretendemos utilizar todo o seu terreo para unha única especie. Teñen marxe para traballar con outras especies que sexan axeitadas ás características do terreo.
Interior dunha das factorías de produción de papel de Navigator.

“Os produtos baseados na celulosa terán un ‘boom’ forte na sustitución dos plásticos”

- Fálase moito nos últimos anos dunha era da bioeconomía que terá á madeira como protagonista, con posibilidades como a elaboración de bioplásticos ou fibras textiles. Que perspectivas hai para novos produtos industriais baseados no eucalipto? - Estamos analizando oportunidades varias co apoio do instituto de investigación Raiz. Hai distintas opcións e creo que estamos nunha fase na que o desenvolvemento de produtos baseados na celulosa terá un ‘boom’ forte. Creouse un rexeitamento ós produtos do plástico e unha das alternativas naturais é a celulosa. As bolsas de plástico serán sustituídas por bolsas de papel en base a celulosa, un campo no que xa contamos cun produto lanzado no mercado, e hai moitas outras opcións de futuro. Temos tamén un proxecto de produción de aceites esenciais con follas de eucalipto, que é un proxecto xa cun grao de madurez, pero a maioría de desenvolvementos de mercado precisan aínda de analizar moitas cuestións. - Sodes tamén en Portugal un produtor importante de enerxía eléctrica a partir de biomasa, acadando o 4% do total da produción eléctrica do país. Cales son as vosas fontes de suministro de materia prima? - A enerxía que producimos é con sobrantes do noso proceso industrial e forestal. Non temos cultivos enerxéticos para producir electricidade. Sempre hai sobrantes para a produción de enerxía. A casca da madeira é un bo exemplo. Toda a madeira con casca que mercamos, descascámola para producir enerxía. Se destoconas o terreo para plantar de novo, tamén tes que facer algo con esa materia. Empregamos ademais os restos de corta. Eses restos déixanse no terreo ás veces porque son fundamentais para abonar, pero noutras situacións de solo, iso pode ser menos necesario.